DATOS BIOGRÁFICOS
Os meus...
(A foto está
torcida pero a igrexa, non)
Como neste mundo un non pode fiarse de nada,
nin sequera do que poñen por escrito,
que ás probas me remito, pois aí está a igrexa da miña parroquia, precisamente na que fun bautizado, que lle puxeron como data da mesma o ano 1787 cando en realidade de verdade esa data corresponde á súa restauración, por iso decidín deixarvos aquí os meus datos, se non de puño e letra, si dactilográficos, dixitais, por se alguén, algún día, ten o mal gusto de mergullar na miña irrelevante biografía. Son os seguintes:
Crieime na
época dos "fuxidos", así que, fuxido, fuxido e fuxidío tiña que saír.
Para empezar, fuxín das calores daquel verán do ano 1930, e iso que estaba
acazapado na frescura do líquido amniótico. Resistín na barriguiña de miña nai
ata o 26 de agosto, pero no Rexistro de Castroverde non me puxeron ata o día
28, ¡porque primeiro era sega-lo trigo! Isto agradézollo a meu pai, ¡como
tantas outras cousas!, porque así teño de idade dous días máis do que a xente
me atribúe, e logo que ninguén me molesta no meu verdadeiro aniversario, que o
veño celebrando á miña maneira. A verdade, enteira e verdadeira, tamén foi que
nin con esas demoras nacín forte, que precisaba algo máis de lévedo, de
incubación, pois nacín máis desgairado que un pito serodio.
A miña
sorte vital estivo no leite manteigoso da Teixa, ¡que Deus a teña no Ceo! Non é
que miña nai tivese culpa diso, que ben o fixo para ser primeiriza, pero eu
tampouco, afellas que non, pois da teta foi do único que non fuxín, que se
cambiei teta por teto ben a contragusto foi. Porén, seica cheguei a collerlle
tanto cariño á mamadeira, e despois á cunca do pan con leite, aquelas rafas
leitosas, que me entrou na tripa unha invasión de lombrigas das que custou Deus
e axuda librarme. A axuda foron certas papeletas dun po amarelo que sabía a
codesos, pero, iso si, tan ben dobradas, en forma de petaca, que moito lle
chamaban a atención ao neno, sendo posible que de aí me veña a afección aos
papeis, aos libros en definitiva.
Nin podo,
nin debo, seguir adiante sen unha descrición meticulosa da miña ama de cría, da
miña leiteira, da miña Teixa. Sería un desagradecemento cando, de feito, nesta
vida, a miña principal virtude, se algunha tiven e practiquei, foi a de ser
agradecido; se cadra en demasía, pouco pragmático, co cal paseime das virtudes
e caín no vicio dos seguros servidores.
Aquela
Teixa, segundo souben máis adiante por meu padriño, tiña por único pedigree ser
filla, criada na casa, doutra Teixa, natural de Vilabade, que lla mercara meu
avó, ¡outro San Xosé!, a un sobriño de súa nai Concordia, coñecido na bisbarra
como "Marzo" de Vilabade. Iso de "Marzo", iso de Marte,
nunca souben de onde traía causa e orixe; só sei que nos venderon aquela
xovenca por ser vós quen sodes, pois se boa era a Teixa nai, peor non foi a
Teixa filla, miña ama.
Onde se
acabou a raza foi coa Marxa, neta da primeira Teixa, que non sei que touro a
fixo pois saíu marimacho, así que acabou nas libras, por certo que mal vendida
por culpa dun xateiro da veciñanza a quen nunca lle perdoei o feito: foilla
mercar a meu avó, a prezo de saldo, e marcouna, cando estaba co gando na chousa
do Escouredo; cando soubo meu pai daquel engano a un veciño, a un vello que xa
non ía ás feiras por culpa da súa coxeira reumática, arramalou na vaca
senlleira e aló que se foi a Mosteiro, para face-la súa entrega, pero con
manifestación expresa, iso si, de que na nosa casa non volvería a desenfundar
aquelas tesoiras de marcar indebidamente; o fulano quedouse tan fresco, incluso
irónico, e só pagou a cantidade que lle ofertara a meu avó. ¡Aquel respecto de
meu pai si que era respecto á palabra dos vellos, incluso á dun vello estafado,
como foi o caso!
A Teixa
sempre me miraba con ollos tristeiros; non sei se con ollos de vaca triste, ou
apesarada por verme tan desgalichado a pesares das súas suculentas muxidas.
Os mus matutinos da Teixa, que casualmente tiña a súa corte
debaixo do sobrado onde instalaran o meu barrelo, foron o primeiro dos meus
espertadores, ¡e soaba tan ben! Moi cedo, cada día, avisaba do seu repocho,
para min e para a súa Marxa, media irmá miña por aquel parentesco da nutrición,
que iso non é pouca parentela en materia tan vital.
A tristura
da Teixa tornábase ledicia cando albiscaba un xugo. Non é que tivese complexo
de escrava senón que así podía fuxir dos cheiros da corte, e tamén da praga das
moscas merdentas.
A todo
isto, así, pouco a pouco, xa teño dito que me nutriu de primeiras, e a quen
imitei nas fuxidas preferindo meterme en tódolos xugos da vida antes que levar
unha vida escura, de corte, sen máis perspectiva que contempla-las loureiras do
Ferreiro pola ventá pequeneira do meu cuarto, do cuarto vello pois a balconada
asignáranlla á tía María para que desde ela contemplase, ¡oh masoquismo!, a
casa grande do lugar, precisamente a do pai do seu fillo bravo. ¡Grazas, Teixa!
De momento, grazas, que no Ceo dareiche unha aperta, pois se Deus non te salva,
que fuches máis persoa que moitas vacas, entón é certo que algún cristián, no
Alén, nin a ser vaca chega.
Naceu tan
crequenas e tan esmirrado aquel aediño que deseguida miña avoa, a da casa
paterna, colleu rodela e sella e aló se foi, á fonte grande, pois aínda que lle
pillaba lonxe, manaba unha auga máis quente que aquela da fontiña do valado da
nogueira. Volveu, -que a estou vendo sen habela visto-, coas mans nas cadeiras,
e máis colorada que nunca, que xa é dicir, pola présa e pola emoción da súa
responsabilidade. Daquela mesmo subiu ao cuarto vello, que era o máis quentiño,
e con meus pais e meu avó de testemuñas, colleu ao cativo na man esquerda,
balanceándome entre o brazo e mailo corazón, coa ferrada da auga na dereita, e
nos beizos esta pregaria:
"No
nome do Pai, e do Fillo, e do Espírito Santo, presentes San Xosé e maila Virxe
María, que viñeron como bos amigos que son desta casa, con intención de
bautizarte pola Igrexa, máis adiante, se segues con vida, eu e mais teu padriño
facémoste cristián..., con esta auga de socorro, con esta auga limpa, traída da
fonte grande deste lugar de Berlán. Deste xeito, pola graza de Deus, deixámoste
sen pecado, e dámosche por santos padriños a San Xosé e tamén á Virxe María,
ámbolos dous, para que a Sagrada Familia te críe na terra, e despois, cando
Deus dispoña, che abran as portas do Ceo".
Como vedes,
deste xeito quedei feito un Xosé María, ¡de por vida! Na igrexa parroquial, na
conventual, á semana seguinte o Párroco, pois San Xoán Bautista delega nos
curas, fíxome o cerimonial completo.
Non sei se
daquela, na auga de socorro, baixaron os anxos para testemuña-lo bautizo, pero
tampouco facían falta pois miña avoa xa era arcanxo; analfabeta en letras pero
licenciada de corazón, que é a mellor biblioteca das verbas cálidas, sabias e
santas.
Na miña
casa, ¡naquela casa da que un mal día sería expulsado!, xa tiñan un neno
cristián, bo cristián e ben lavado, pero a Patria aínda non me tiña de soldado
en listas, que me tivo dous días despois, concretamente o vinte e oito de
agosto do ano Trinta, segundo dito queda, reinando un señor de mal número, ¡que
por algo me casei, afortunadamente, aos vinte e tres, nun trece e martes!
Daquela demorei en ser cidadán, pero non me librei da Partida, pois, de nado o
neno, e de segado o pouco trigo da nosa cavada, aló se foi meu pai, ao Rexistro
de Castroverde, cabalgando na Torda:
-¿Cando
naceu? -Preguntoulle o apuntador.
-Hoxe
mesmo, señor; pero moito me temo que non sirva para Gastador do Exército, pois
é algo pequeneiro.
-En
calquera caso tamén se precisan cabaleiros minguados, de pouco peso, para a
cabalería de Marrocos, pois “gastadores” xa temos neste país, de sobra!
Meu pai oíu
e calou, polo visto, que por esta vez, e sen que servise de precedente, estivo
conforme con aqueles caciques, chupatintas e chupa xamóns, do noso Concello.
Días
despois, pasados aqueles apuros da colleita, confirmaron o meu bautismo ante o
párroco de Montecubeiro, que o pasarei á mesma historia cativa en sutil
vinganza polo pouco sal que me botou. Daquela terei que referir este episodio:
Meu avó, para levarme, aparellou a besta torda, e púxoa de gala, cunha manta
zamorana e todo iso. Pola súa parte, miña madriña estreou, cos meus mexos,
aquela pelica feita con catro peles duns años branquísimos, que os mataran o
ano anterior para as tornavodas de meus pais, ben asados daquela, ou iso me
dixeron, pois eu aínda non baixara da torre Eiffel. Aquelas peles, de curtidas,
arrexuntáranas coa máquina de coser zapatos, coa "Singer" do Manuel
do Ferreiro; e así, nelas, subíronme polas costas de Pumarín, chamándome, Xosé
María, meu avó, e "Pepiño" a tenra avoíña, toda ela, coma sempre,
puro corazón.
Esta pía, que agora está no pórtico, cambiouna un indiano por unha que trouxo de Lugo; ¡claro, viña de Lugo, e por iso era..., máis lucida!
De volta da igrexa chamáronme igual, pero, iso si, xa co puñadiño de sal na cabeza, con aquelas catro areas mal contadas por aquel cura rañas, ¡que non o foi para cobra-los seus estipendios!
Tan pronto
se soubo por toda a bisbarra que o mestre Xosé María tivera un fillo de igual
nome, bautizado polo avó, polo de igual nome, que o outro, o materno, era
Antón, obrigada que lle estaba a xente por aquilo do seu ensino invernal,
empezaron a chegar cos cestos: bolos de pantrigo, balugas de manteiga,
chocolate, pitas poñedeiras para a substancia da parida... Grazas por todo, comadres,
pois aquela costume era boa, e nunca debera desaparecer; e grazas tamén polo
pouco caso que lle fixeron ao neno, pois con aquilo de que me vían esmirrado,
pouco se podía esperar dun pito de tan poucos esporóns, que se cadra nin ao
poleiro subía. Grazas, repito, polo pouco caso que lle fixeron ao moneco, que
así só teño que falar ben da Teixa, aforrando liñas.
¡Ah, con
unha excepción: a de miña tía Mercedes, que máis adiante, collida en Madrid
pola guerra incivil, morreu de parto deixando un setemesiño! Un setemesiño que,
grazas á incubadora dos pitos, chegou a ser un alto empregado de Iberia, tan
alto coma un dos seus avións..., a pesares diso, e de chamarse Lino! Tía
Mercedes seica foi a persoa que asumiu a tarefa de darme aire co seu abano, ben
guapo por certo, que llo trouxera da Habana súa irmá Ermitas; de paso abanaba
nas moscas, que daquela, ao remate do verán, estaban pesadas, de ben mantidas,
e querían, de sobremesa, chupa-las nádegas, tenriñas, do "Pepiño".
Rematado o
boureo das comadres, coas mallas chegou outro. Aquel ano mallouse coa máquina
de leña dos de Gondel; ¡moito fume e pouca degrañadora! A min tivéronme nunha
cesta, debaixo do pexegueiro do horto; demasiado arriba, naquel valado, así que
desde esa altura non lles puiden axexar as pernas ás espalladoras, e iso que
daquela había boas mozas no lugar: as do Roxo, a Xosefa do Ferreiro, as de
Mariano do Escouredo, a criada de Brais, e outras, das que lembro a súa cara
pero non o nome. O que non se me esqueceu foi que todas me bicaron con
exquisita dozura..., ¡porque era un neno, pois, de ser mozo...!
Perdín a
festa de Luaces daquel ano, porque aínda estaba no claustro materno; fora o
primeiro dos domingos despois do 15 de agosto, pero na parroquial, na do noso
Santo, farteime de mamar, que para daquela o de nai xa non lle competía á Teixa
en exclusiva, así que entre as dúas puiden desfacerme daquela cariña de lá coa
que nacín. O que si me chegou tarde, e a pouco, foi o calcio, pois de tan
aberta que tiña a fontanela nunca ben se me cerrou. Iso tivo a súa parte boa, pois
dese xeito nunca fun duro de molleira.
Fuxido
daquel verán fuxidío, a seguinte aventura foi que me levaron nunha cesta, con
pallas, cando quitaron as patacas da leira da Aira. ¡Malditas carricantas e
malditos grilos, que moito me fixeron sufrir! Pero vou poñer punto final...,
¡para non cansa-lo lector, que terá cousas máis importantes que facer, pois
nesta vida sobra quen nos conte a súa, por vulgar que sexa!
A escola de Maxide
¡Pobriña! Mirade como está hoxe, máis inculta cós incultos de daquela!
Téñolle cariño, e mais tiña que terlle rabia pois aos meus compañeiros/as, aos máis estudosos..., leváronos para Lugo, ao Instituto!
Eu tamén fun, pero...! Das seis becas daquel ano, só aprobamos 3, servidor e mailas dúas irmás Hermida López. Como daquela as becas non servían para pobres, por mesquiñas, que os cartos do Estado precisábanse para pagar a División Azul, ¡mandáronme ao ripeiro, a facer zocas, que as fun alternando coas escolas de “a ferrado”,
ata que, o mesmo día que cumprín os 18, botei instancia para o Ministerio, por tres anos, que así tería fonda para ¡volver! a estudiar.
Á vez que mecanografaba no Consejo Supremo de Justicia Militar, ¡15 mecanógrafos e 22 generales!, preparei as oposicións para o Banco Exterior de España, en tres cursos, no Centro de Estudios Mercantiles y Económicos, cunha beca que me concedeu
Acción Católica.
¿Quen se atreve a chamarme vago?
Xosé María
-oOo-
AS NOSAS PEGADAS EN IFNI
Semanario A.O.E.
-.-
Núm. 406, do 15-3-1953
Viajeros
De Madrid, en Iberia, el R. P. Sinforiano Lucas Rojo y D. José Gómez Vilabella. Fun solteiro porque daquela en Ifni había unha pandemia de peste bubónica, e o Banco non admitía casados, así que a miña foi a única solicitude aceptada, decisión que me proporcionou un ascenso de 18 anos, ¡nun día! ¿Fun valente, ou temerario? (Eu díxenme: Son de Montecubeiro, e por tanto, montaraz; non hai peste que me domine!).
-.-
Primeira das colaboracións de Xosefina neste Semanario:
Saíu publicada o día 13-06-1954, exactamente no cumpre da nosa voda, ¡aquel trece, martes, e por poderes...! A “noiva”, de casada, atreveuse a viaxar, ao mes seguinte da voda. Daquela díxenlle, por carta, que xa non había viúvas..
22-04-1956
Natalicio
“El pasado día 16, en la clínica de maternidad del Hospital Central, dio a luz un niño, primer fruto de su matrimonio, la esposa de don José Gómez Vilabella, funcionario del Banco Exterior de España en esta ciudad, de soltera Josefina Rielo Castiñeira. Al recién nacido se le impuso en la pila bautismal el nombre de Pedro Pablo. Tanto la madre como el recién nacido se encuentran en perfecto estado. Nuestra enhorabuena a los venturosos padres”.
-.-
No semanario do 23-09-1956.
JUVENTUD BANCARIA
“Hemos recibido un ejemplar del libro recientemente publicado “Juventud Bancaria” del que es autor don José Gómez Vilabella, empleado de la Sucursal del Banco Exterior de España en nuestra ciudad. Le felicitamos sinceramente y le estimulamos a que siga por el camino de sus aficiones literarias, para las que siente auténtica vocación de escritor, como así hemos podido comprobar en este primer libro que con amenidad y acierto nos ha presentado”.
-.-
Maio do ano 1957
Merquei este coche, a un francés que se ía para o seu país ao darlles Francia a Independencia aos magrebís.
Aos poucos días, despois de pasarlle a matrícula a IF-: Nada nos advertiron as nosas autoridades, nin en Ifni nin ao pasar a fronteira, en Tabelcut, así que nos puxemos de viaxe colonial, todos eufóricos, pola estrada de Marrocos. Pero... ¡Chegando a Safí, no máis recto e ancho da estrada, un camión de ¡vociferantes! do Istiqlal, que coñeceron o coche, e por tanto, ao “bancario”, (nada lles estorbaba tanto coma o Banco Exterior de España, pagador da guarnición española de Ifni), deron un volantazo ben calculado, e o De Soto, ¡tres ou catro voltas de campá! Eu, ileso; o neno, tamén, pero na cuneta; e Xosefina debaixo dunha roda, sangrando a chorro por oito ou dez feridas. Nisto a Virxe Milagrosa completou o seu milagre: pasou enseguida un matrimonio de franceses, que nos recolleu e levou ao hospital. Eu coñecía ao franciscano P. Gonzalo, así que acudín á Misión, etc., etc. ¿Reparación do coche? ¡125.000 pesetas, das de daquela, que mas mandou, vía París, ou meu parente de Lugo, Dr. Vilabella!
¡Quince días despois do atentado!
Este foi o drama, pero o chiste foi á volta, en Ifni, que me chamou o Gobernador para dicirme: “¡De parte de Su Excelencia, que le llegó la noticia al Pardo, que no se te ocurra decir que lo vuestro fue un atentado: fue un accidente! ¡Si os vais de la lengua, atentos a las consecuencias!”.
-.-
23-11-1957
A altas horas da noite, os marroquís atacaron, e nós, avisados por un chivato, ao que lle deu o Gobernador un cheque dun millón de pesetas, que llo pagaron no BEE das Palmas. ¡A defendernos; e Franco, ao enterarse de que os madrileños se preparaban para apedrarlle a Guardia Mora, levounos en camións a Barajas..., despedidos, pero nos periódicos, chitón; só falou diso a Pirenaica!! Por certo que o primeiro dos feridos, morto aos dous días, foi este soldadiño, ao que lle neguei un vaso de auga, no hospital, por prohibirmo o cirurxián, e iso que mo pedira “Polos seus defuntiños!”. (Teño que confesalo).
-.-
¡Ás armas, que a defensa non é pecado!
-.-
E cando fun Director da Sucursal de Sidi Ifni fixen canto me foi posible para animar aos combatentes “a sufrir con paciencia las adversidades y flaquezas españolas”.
Na guerra, á forza; e na paz…, ¡colaborando!
-.-
A.O.E. 29 de Mayo de 1960
-.-
18-02-1962
-.-
No El Progreso, 14. V. 1962
-.-
Estudios
-En Lugo: No ano 1948, (cos cartos que gañei poñendo escola), na Academia E.R.T., un curso de mecanografía e taquigrafía, que despois me valeu para ser destinado ao Consejo Supremo de Justicia Militar.
-En Sidi Ifni: Clases particulares de árabe, de francés e de inglés.
-Xa na Península, a partir dos 32 anos. (Pedín o traslado, con descenso de categoría no Banco, precisamente para poder estudiar oficialmente) :
Bachillerato Elemental, por nocturno; eu ao nocturno, e o eu fillo ao diúrno, no mesmo Instituto. O Superior, por libre.
Inglés e alemán, na Cámara de Comercio de Gijón.
Unha profesora, por libre, para preparar temas que me interesaban, de distintas carreiras.
Perito Mercantil, e seguidamente Profesor Mercantil.
Graduado Social, que non acabei; interrompín ao vir para Coruña; o Xefe daqueles estudios era José Manuel Vilabella, desde Oviedo.
Portugués, na Escuela de Comercio da Coruña.
Marketing, Técnico Superior en Estudios Fiscales. (Escuela superior de marketing y admistración), desde a Cámara de Comercio, en Coruña.
Clases de varias materias na academia de Juán Flórez, Coruña.
Empresariales. (Coruña). Convalidacións e algunha sinatura.
Facultad de Derecho, UNED. Iniciada a carreira no curso 1986/87; ao xubilarme no Banco cansei, parei!
Ciencias Sociales, por libre, que só as iniciei
Honores:
O primeiro de todos, ser católico; e proceder das familias Gómez e Vilabella; despois diso, ou precisamente por iso, ter nado en Bergland, lugarciño de fundación sueva.
A nosa relación coa familia Salmerón, a través de nosa tía Ramona Hortensia Lombardero San Miguel, nora do ex-presidente da I República Nicolás Salmerón y Alonso, aquel que deixou o poder por negase a firmar sentenzas de morte.
Din clases, a nenos e adultos, en Santa María de Piñeiro (Corgo), aos 16 anos; e aos 17 en Librán (Baleira). Ademais diso, exercín de zoqueiro; vendía as zocas nas feiras de Castroverde. Aquí vos presento, no seu “altar”, as últimas que fixen, que as conservo coma se fosen unha condecoración.
Na corrida do galo, na Meda, ano 1948, falei por primeira vez en público, dando o pregón sobre, “Folclore tradicional nesta bisbarra”.
Ex-combatente de España, con: Certificado acreditativo; medalla da Campaña Ifni-Sáhara; medalla de la Paz de Franco; membro activo do Somatén, de Ifni (Segundo certificado do General Gomez-Zamalloa: “... habiendo prestado con carácter voluntario cuantos servicios de armas se le encomendaron, con independencia de los trabajos habituales propios de su profesión...”;
No ano 1987 iniciei os contactos coa Presidencia da Cámara do Castro Verde de Portugal, que remataría, anos despois, nun irmandamento dos dous concellos.
-.-
1-11-1991. Idea inicial da creación da Asociación de Xubilados de Pol. Organizando as nosas excursións, en Mallorca, tivemos a idea de facelas formais, oficiais, ao noso regreso. Aquí tedes a proba:
-.-
En prol do Camiño Vello de Santiago. (Primitivo é o marítimo, polas illas Baleares, que o percorreu o propio Santiago, primeiro de vivo, e despois, de morto, para quedarse definitivamente en Compostela). Véxase o meu libro “Non só se fai Camiño andando”.
Servidor, na escalinata, interpretando ao señor feudal de Castroverde, que discute co Rei Alfonso II.
-.-
2007 Cincuentenario da Guerra de Ifni. Celebracións nas Palmas: Un dos actos foi esta homenaxe do Capitán General de Canarias á miña dona, “reconociéndole y agradeciéndole los servicios sociales prestados en Ifni...”
-Deputy, member of the Assembly, do Parlamento Mondiale per la sicurezza e la pace.
-Spathaire, (chevalier), ordre chevaleresque de Saint Eugene de Trebizonde.
-Acordo, por unanimidade, do Ayuntamiento de Castroverde, do 8 de agosto de 1970, pendente de execución.
-.-
Rutas vitais:
¡Grazas, compañeira, por axudarme a levar esta peregrinación!
De Montecubeiro a Madrid, de Madrid a Ifni, de Ifni ao Aaiún, do Aaiún a Xixón, de Xixón á Coruña, e de Coruña…, ao Ceo, se Deus mo concede!
Xosé María Gómez Vilabella