lunes, 28 de julio de 2008

A XENEROSIDADE NA NOSA CONTRIBUCIÓN..., TEN PREMIO! -I-




A XENEROSIDADE NA NOSA CONTRIBUCIÓN…,
TEN PREMIO!



Xosé María Gómez Vilabella         


Dedicado ao meu Párroco actual,
D. Amador Martínez Santos,
que me fai gozar oíndo e vendo o ben que ensina Catecismo aos nenos.
Xosé María Gómez Vilabella


Contribución.- A nivel xeral, unha contribución é un aporte, sexa voluntario ou forzoso, sexa a unha persoa, unha campaña, unha organización, etc.

Cando falamos de “contribución”, este termo tráenos á memoria os pagos que, directa ou indirectamente, lle facemos ao Estado, ao Erario Público... ¿E logo, as outras, as outras contribucións; as persoais, as que lle debemos ao próximo, estea próximo ou lonxe? De estoutras fálase, e faise, pouco, pero tamén son obrigatorias, máxime para os bautizados.

Aquela parábola do samaritano bo? ¡Foi outra lección maxistral, das do Mestre, así que convén lembrala, tela presente!

Lucas 10: 29-37.  “Pero o xurista, querendo xustificarse, preguntoulle a Xesús: -¿E quen é o meu próximo? Xesús replicou: -Unha vez un home baixaba de Xerusalén a Xericó, e asaltárono uns bandidos, que, despois de roubalo e de bourar nel, deixárono medio morto. Cadrou a baixar polo mesmo camiño un sacerdote, que, ó velo, deu un rodeo e pasou de largo. Igual fixo un clérigo, que tamén pasaba por alí. Pero un samaritano, que ía de camiño polo mesmo lugar, ó velo, sentiu mágoa; e achegándose a el, curoulle as feridas con aceite e viño, e vendoullas. Logo, montouno na súa cabalgadura, levouno a unha pousada e coidouno. Ó outro día colleu dous denarios, deullos ó pousadeiro, e díxolle: “Coida del, e cando eu volva xa che pagarei o que gastes de máis”. -¿Quen dos tres che parece que foi próximo do que caeu nas mans dos bandidos? El respondeu: O que practicou a misericordia con el. Díxolle Xesús: -Pois ti vai e fai outro tanto!”.

Rotundo e claro, non si? Daquela, a cumprir!

Paulo. Carta aos romanos. (15: 25-27). “Arestora vou ir a Xerusalén para facer un servicio ós irmáns, pois Macedonia e Acaia quixeron facer unha colecta a prol dos pobres que hai entre os santos de Xerusalén. Así o quixeron, e con razón, posto que están en débeda con eles. Porque, se os xentís tiveron parte nos seus bens espirituais, deben tamén á súa vez partillar con eles os materiais”. ¡Ademais de predicar, dar trigo! ¿E nós, que, que facemos, que xa temos recibido vinte séculos de apostolado; para cando o noso aprobado, a nosa Licenciatura?
-.-

Os cestos comézanse polo fondo: ¡É de ben nacidos ser agradecidos! ¿Ai, si? Daquela:

Señor, Creador Omnipotente, douche as máis expresivas gracias..., por tantas cousas! Unha das principais é, foi, que me permitises nacer nesta terra de privilexio, neste Edén galaico, precisamente no seo do catolicismo, cousa, privilexio, nunca bastante recoñecida; nin recoñecida, nin agradecida. Por se antes non o fixen, agora, si: ¡Douche as gracias; de corazón; e perdoa a demora, se é que a houbo!

Señor, vou facer unha mención sucinta, que tamén quero ser dos agradecidos. Voume lembrar de todos aqueles, ¡dalgún, xa que foron moitos!, dos que te valiches para quitarme do barro, para criarme, para educarme, para ensinarme a distinguir o ben do mal. Nisto último aínda estou verde, ¡e cos meus anos!, pois o teu, ¡o noso, xa que é común!, inimigo, Satanás, desde aquilo da Eva non se cansa de intrigar, así que temos un problema de discernimento que nos dá que tecer, ¡e non para! Xa sei que o teu Fillo, o Ben Amado, na súa oración ensinounos, ¡recomendounos!, pedir iso tan profundo, ¡tan necesario!, de que, “... líbranos do mal”, que ben traducido, do arameo, da lingua na que falaba o Mestre, significa “líbranos do maligno”, pero ese cabrón é tan cabrón que non acougará ata que ti, Señor do Ceo, o peches no inferno, definitivamente, ¡pero con sete chaves!

Cronoloxicamente, o meu, ¡o noso!, agradecemento, o inicial, o primordial, debe ser para esa parella que nos xerou. ¿Si? ¡Si, e non! Si, por criarnos, por nutrirnos, por educarnos, por instruírnos, por levarnos da man, afectuosamente, en tantas cousas! O que resulta máis escuro foi o de xerarnos, pois..., de postos a brincar, igual non pensaron nas consecuencias, na responsabilidade do seu brinquete!

Grandísimo, e seguramente que xa lles pagaches, Ti, por nós, o seu apostolado, foi o daqueles padriños bautismais, padriño e madriña, madriña e padriño, un par de apóstolos. Case nada: ¡lavarnos do pecado orixinal, precisamente coa receita que lle deu o noso Salvador, Xesús, ao seu primo, ao Xoán!

Isto  último faime pensar: ¿Os de antes, que? Deus, na súa bondade infinita, cando nos redimiu fíxoo para todos, naqueles tres días que estivo cos defuntos, axudándolles a entrar no Ceo. Hoxe, coa nosa tecnoloxía, diríamos que estivo dándolle ao ascensor da gracia, subíndoos ao Ceo; de paso, deixou as portas abertas para os que viñésemos detrás, particularmente os bautizados. ¡Que día tan grande aquel do teu Nacemento; que regalo nos fixo teu Pai, que lección de humildade..., naquelas pallas!

Nunhas pallas, ¡tiven o honor desa equiparación!, tamén miña nai, asistida pola señora  Josefa do Rego. Seica era costume poñe-las nais nunha saba de liño, enriba dun brazado de palla e cerca da lareira, ¡para que non se arrefriase a cría ao saír dun lugar quente para entrar na friaxe da terra! ¡Señor, outro privilexio que agradecerche; a Ti, e por ti, á señora Manuela do Rego!

De bautizados pásase á confirmación. Este sacramento débollo, no meu caso, ao bispo de Lugo, alí en Luaces... Os rapazolos do meu lugar, pícaros eles, gastáronme o bromazo de que o bispo me ía dar..., ¡unha hostia! Deuma, si, pero, consagrada! De paso, alistoume nas filas do exército do Espírito Santo; pero non para unha guerra, senón para a paz, para esa paz impartida na terra polo propio Xesús Cristo. A única guerra que temos, que debemos cumprir, ¡obrigatoriamente ademais!, é esa que ten Deus cos anxos rebeldes. ¡Pobre daquel que deserte, do que se pase ás filas do inimigo, ás do diabro! Xa llo dixo o Mesías cando se atreveu a tentalo: “¡Vade retro, Satana!”.

Outra obriga teño coas persoas que me protexeron, coas que me consellaron: ¡Moitísimas! Tamén as houbo que, co seu mal exemplo, invitáronme a desertar, mais, para esas, como tamén nos ensinou o Mestre, “... así como nós perdoamos aos que nos ofenden...” Díxoo, mandouno o Mestre, así que, por min, ¡fágase a túa vontade, señor!

Xa o teño dito noutras ocasións: Débolles máis, moitísimo máis, aos inimigos que aos amigos, pois os malos puxéronme en garda, estimuláronme para reflexionar, para coñecerme mellor, para distinguir no seu espello o cariz e mailas consecuencias das súas malicias.

Confeso que levo recibido moito, pero, ¿pagueille ao próximo con igual moeda? Prégolles aos meus avogados que, nese xuízo da Porta de San Pedro, aleguen que vontade non me faltou, pero..., a carne, desde aquel tropezo do Paraíso, é débil, que xa o ten recoñecido o Mestre desde aquel día da oliveira! (Mateo 26,41).
-.-   

... así como nosoutros perdoamos aos que nos ofenden...  2844 La oración cristiana llega hasta el perdón de los enemigos (cf Mt 5, 43-44). Transfigura al discípulo configurándolo con su Maestro. El perdón es cumbre de la oración cristiana; el don de la oración no puede recibirse más que en un corazón acorde con la compasión divina. Además, el perdón da testimonio de que, en nuestro mundo, el amor es más fuerte que el pecado. Los mártires de ayer y de hoy dan este testimonio de Jesús. El perdón es la condición fundamental de la reconciliación (cf 2 Co 5, 18-21) de los hijos de Dios con su Padre y de los hombres entre sí (cf Juan Pablo II, Cart. Enc. DM 14).”

Facémola boa, ¡facémola mala!, se non perdoamos, así que, como lles dicía Millán Astray aos seus lexionarios:”¡Oído al parche!”. ¡Atentos á orde!

A nosa obriga está en devolver ben por mal. ¿Que é difícil? ¡E logo, en que se diferencia un cristián dun pagán? Neste mundo os cargos, as categorías, teñen o seu aquel de vantaxes; en contrapartida, obrigas! A meirande das categorías é, está, en ser cristián; por conseguinte, aí está a nosa responsabilidade; apostólica, nada menos!

Os que teñen condecoracións ben se xactan delas levándoas, exhibíndoas, por riba da súa roupa; e os militares van de uniforme; ¿en canto á cruz de Cristo, que? ¡Fora dos cregos e das monxas, se a levamos é ben escondida, debaixo da garabata! Tampouco é de regulamento porque a nosa credencial, a suprema, está nos feitos; en facelos ben feitos, que non en presumir deles.

Dicía o vello Astete: “¿Es cristián? r/ Si, pola gracia de Deus!”. ¡Pois, xa que temos esa gracia, honrémola, fagamos un bo uso dela; que se vexa, que se note, que se transmita con e na exemplaridade!

Cantos máis periódicos lemos, máis radio oímos, e máis tele vemos, máis medran as catástrofes, as malicias, as traizóns... ¿Será que antes tamén as había, pero que nos pasaban desapercibidas por carencia de mass media? En todo caso, que Deus nos ampare, pois boa falta temos diso. ¿De quen é a culpa? En boa parte, dos cristiáns, porque nos comportamos como renegados. ¡Señor, se ti foses ministro de Hacienda xa nos tiñas subido as contribucións, pero, es tan misericordioso! Ao que se ve, déixanos a iniciativa, así que, ¡arriba coas contribucións, que as temos baixas, cutres que somos! Compre dar exemplo, compre revisar as nosas conductas; ¡acudamos aos Evanxeos, e se non oímos ben, poñámonos audífonos para escoitar as homilías!

¿Os que  non van á Misa, que? ¡Pois será cousa de que o Papa outorgue indulxencias aos que van..., en vista de que agora  todo o facemos por intereses, por recadar en vez de contribuír!

¿Volver á Inquisición? ¡Nunca; en absoluto; iso gustaríalle a Satanás! A nosa Inquisición ten que ser, debe ser, individual: Facer exame de conciencia, xulgarnos a nós mesmos, impoñernos restitucións, saír da nosa pasividade contributiva, predicar co exemplo, imitando ao samaritano, que niso está a solución. Cal fillo pródigo, volver á casa paterna, á Igrexa!


Temas para reflexionar



¡Que ben o dixo o que isto dixo! Quen tamén o dixo superior foi San Paulo na súa Carta aos Gálatas (Gal 6, 7-10): “Non vos levedes a engano, que de Deus non hai quen faga riso. Conforme sementes, recollerás. O que semente baixos instintos, dos baixos instintos recollerá podremia; pero o que semente no Espírito, do Espírito recollerá Vida eterna. Non cansemos de face-lo ben, que, como esmorecer non esmorecemos, cumprido o tempo habemos ter boa colleita. Polo tanto, fagamos ben a todos, mentres temos tempo, maiormente ós nosos irmáns na Fe”. Daquela, ¿a que esperamos, por que esperamos?

Os romanos, ¡pagáns, si, pero “cobráns” máis aínda!, ben dicían, e ben practicaban, o seu: “Do ut des”, Douche para que me deas! Pois os cristiáns aínda somos, aínda debemos ser, más prácticos cá eles pois contamos co compromiso bíblico de que Deus paga..., ¡o cento por un! ¿Un cento? ¡Máis aínda, pois a Gloria Eterna non é avaliable coas matemáticas fenicias: é infinita! ¿Sabendo isto, e somos cutres co próximo? ¡Merecemos que os burros nos chamen “burros”, pois nós tamén levamos a carga..., sen sentila!

Dar é bo, pero, quitar? ¡Nalgún caso, si! Estou pensado, e voume referir, a unha media hora de televisión, pois, se lla restamos para dedicala á meditación nocturna, iso é valiosísimo: ¡Media hora de meditación, na cama, como complemento doutras piedades, é gloria pura, gloria anticipada! Nas grandes empresas, tal que nos Bancos, levan un balance diario, cotián; daquela, para nós, hai empresa meirande cá da nosa salvación? Coas reflexións nocturnas apreciaremos as perdas, pero tamén as ganancias; de onde vimos e para onde vamos. En definitiva, trátase de poñer a traballar a conciencia, que é, ou debe ser, o noso contable.

¿A conciencia? ¡Non hai esmeril máis duro, así que, para que nos pula hai que comezar por pulila; si, a ela! Todo o día, cada día, pero dun xeito especial na quietude da cama.

O hábito non fai ao monxe..., pero axúdalle! Desde que se colle o hábito de examinar a conciencia polas noites, de día en día ímonos facendo máis frades, máis relixiosos. Se fósemos perfectos, tal que os anxos, e para iso algún deles tamén pecou, abusando dese libre albedrío que dá Deus ás súas criaturas, non precisaríamos limar asperezas, pero somos como somos, fillos de Eva, así que levamos ao lombo esa herdanza, e non queda outra máis cá de retornar á limpeza do bautismo, ¡tantas veces cantas sexan necesarias! ¿Como? ¡Lavando os hábitos, os malos hábitos; castigando a conciencia cando esta se nos desmande; amansándoa, coma quen amansa unha fera!

Seica foi o arcebispo Fulton Sheen o que dixo que “o exame de conciencia, en lugar de inducir tristeza convértese nunha ocasión de ledicias”. ¡Tivo razón! Claro que dá tristeza rememorar os pecados, pero co arrepentimento, de confesados, a alma medra, goza coa ledicia do propósito da emenda.

A confesión empeza por min mesmo, en min mesmo, traendo á memoria os deslices, para renegar deles; o burro sentirá máis ou menos a carga que leve, pero, unha vez descargado, séntese outro!

Pecar, xa o sabemos, é desertar das milicias de Cristo, pero no arrepentimento está a amnistía, o retorno a casa do Pai. ¡Ben nolo explicou o Mestre explicándonos, aplicándonos, a parábola do fillo pródigo!

Os cinco pasos que recomendaba San Ignacio de Loyola:
1.- Poñerse, situarse, (despois de persignado, claro), na presenza de Deus, agradecéndolle que nos dese a ocasión do arrepentimento.
2.- Pedirlle, agradecerlle, esa gracia que actúa, tan reiteradamente, “non unha vez, nin sete, senón setenta veces sete”, na nosa vida.
3.- Agradecerlle que sigamos tendo memoria; unha memoria reflexiva, crítica.
4.- Reflexionar, comparando días: ¿Imos a mellor; imos a peor?
5.- Mirar ao mañá; facer plans de mellora; ¡facelos, e cumprilos!

Os atletas adéstranse acotío; non si? ¿E os cristiáns?

É moi doado separarse, illarse da Igrexa, desertar, así que, en evitación dese perigo recorramos diariamente, noite si e noite tamén, á bandeira de Cristo, ese Cristo que se deixou crucificar para redimirnos, ¡por iso e só por iso, na súa paixón, voluntariamente aceptada!

A miña dona e mais eu, que non nos dá vergoña poñelo por escrito, ¡todo o contrario!, antes de darnos o bico nocturno, “Ata mañá, amor; se Deus quere!”, rezamos, ao unísono: “Con Deus me deito e con Deus quero levantarme; que a Virxe María me cubra co seu manto, nesta cama e sempre; e ti, Señor, dáme penitencia en vida, e na morte salvación, que se morro esta noite me sirva de confesión. Amén”.

Santa Teresa de Avila, esa Santa que tanto admira a miña dona, na que tanto se inspira, ¡ambas admiten, e confesan, que Deus tamén anda entre os pucheiros!, dicía, afirmaba: “Unha das principais razóns do pecado, ¡das sen razóns!, está en non darse conta da presencia permanente de Deus”. Claro que Deus está connosco, desde sempre e sempre, pero se nos durmimos sen lembralo, é tanto como darlle as costas; negarlle, e negarnos, as boas noites, e coas noites, os días.
-.-

Contribucións: Positivas e negativas.

Dar, a virtude de dar, sempre é positiva; a de recibir, en certas ocasións é negativa. O que dá da porque llo pide o corazón, a súa bondade, a súa xenerosidade; para o que recibe, tratándose dun folgazán, dun folgazán en boa idade e con boa saúde, aproveitarse das doazóns é un vicio, un fomento dos seus vicios.

Boa parte dos crimes xeráronse na pasividade dos seus feitores, na súa vagancia, na súa..., na súa inmoralidade! Xa sabemos que non abunda o traballo, o traballo xusto, rendible, pero, así sexa sachando nos hortos, ou coidando vellos e/ou impedidos, a comida gánase sempre; ¡iso, gánase, merécese! Darlles a eses malandríns é tanto como axudarlles a cultivar os seus vicios, pois, empézase folgando, e acábase roubando, ou incluso matando. ¡A ociosidade é a nai de tódolos vicios, de tódalas deformacións! Así, cando se nos presente unha dúbida razoable, acudamos ao cepillo de Cáritas, ou doutras institucións similares, pois nelas hai distribuidores que coñecen a parroquia, que saben, bastante ben, a quen dar e como dar.

O Mestre multiplicou os pans e mailos peixes, pero..., ¡para favorecer aos que o seguían, e tamén para evidenciarlles a súa divindade! Non llos multiplicou a San Xosé, pois colaborando no seu banco de carpinteiro gañaron, gañaban, o pan de cada día coa suor propia, da súa fronte, e non coa suor do de enfronte. ¡Tomemos, diso, boa nota, que non é para menos!

É necesario, é prudente, e por veces o necesario está en esforzarse niso, en distinguir ao verdadeiramente necesitado da nosa axuda dos encordiantes finxidos. A mendicidade con falsidade separa, illa do mundo produtivo, a seres capaces, pero pasotas; delincuentes por oficio e por natureza, constitúen un obstáculo, tanto para a orde pública como para a prosperidade do país; con isto, e con todo, hai que aplicar criterios selectivos fundados, misericordiosos, para non caer en extremismos, como pasou, por poñer un exemplo, en España, coa Ley de vagos y maleantes, do 4 de agosto do ano 1934 (Tratamiento de vagabundos, nómadas, proxenetas y otros comportamentos antisociales), que, na súa aplicación práctica, esaxerada, exhaustiva, converteu España nun campo de concentración exasperante.
-.-

¡Que bela é a sinceridade! Se fósemos algo máis sinceros, canto sentido non tería esta familia de verbas: amor, paz, confianza... Pero a sinceridade ten que, debe, comezar por min mesmo, pois, se me empeño en enganarme tamén acabarei collendo o hábito de enganar aos demais.

¿Gústanos a xente directa, franca (con minúsculas), aberta; esa que mira de fronte? ¿Verdade que si? ¡Pois ao próximo tamén lle gustaremos nós se optamos pola verdade e pola sinceridade! A maiores tamén está, nun sentido práctico, que para ser mentireiro precísase unha memoria de elefante; xa se di que, “antes cae un mentiroso que un coxo!”

A sinceridade fórxase no crisol da intimidade familiar, pois unha educación sen o sal da sinceridade é unha comedia, un ensaio de comediantes, unha..., ¡o dito, unha farsa!

Pero a sinceridade tamén hai que administrala, porque se dan ocasións nas que pode resultar ferinte. ¡O de sempre: hai que saber ser, e saber estar; e xa que temos dous verbos para auxiliarnos, utilizalos!

¡Iso, aprender; aprender, prender, frear a lingua, a lingua e mailos feitos, pois os  cabalos desbocados non dan resultado!

¿Entendido? ¡Para algo nos deu Deus a intelixencia, para entender, pero..., tamén hai que cultivala, desenrolala, aplicala!

Francisco de Quevedo á raíña Isabel de Borbón (primeira esposa de Felipe IV), para dicirllo nunha aposta, sen que se ofendese, colleu dúas flores, e ofreceullas: “Entre el clavel blanco y la rosa roja, su majestad es-coja...” Quevedo mentiu? Fíxoo con mentira piadosa, neste caso por unha broma? ¡A veces hai que ser un Quevedo para dicir unha verdade seria, sen ofender e sen mentir, cousa que require enxeño.

Tamén existe, tamén se dá, o “sincericidio”, que é unha especie de sinceridade sen prudencia; é a expresión dunha realidade obxectiva, pero sen bondade, sen beleza e sen unidade. Non se trata de mentir senón de escoller con prudencia a forma de presentar respostas para preguntas inoportunas; ¡séxase, un malabarismo dialéctico!

Os filósofos din que, por veces, requírese valor para falar o necesario no momento axeitado, pero tamén para calar cando así se deba facer; daquela, ser sincero é, por veces, ser valente.

De Descartes: É prudente non fiarse moito de quen nos teña enganado algunha vez.

Mark Twain: Hai tres clases de mentiras: as mentiras propiamente ditas, as malditas mentiras, e, por veces, as estatísticas.

De Forges

Jacinto Benavente: Non está mal unha mala mentira cando defendemos con ela unha boa verdade. ¡Que pícaro; autor teatral tiña que ser!

¿Queremos contribuír na feitura dun mundo limpo, xeneroso, pacífico, sen traizóns? Daquela aprendamos a ser sinceros, pois é unha virtude do máis benéfico.
-.-

O que levamos recibido ao longo da nosa vida, por curta que sexa, é inconmensurable, infinito; pola contra, ¿que levamos dado, que podemos incorporar á civilización, e tamén ao benestar, do noso mundo, do circundante? Esta é unha das preguntas que nos poden facer no tribunal do Ceo, cando nos chamen a declarar, cando depoñamos sobre o noso balance. Non é para asustarse, pero si para precaverse; ¡por se acaso, aprovisionemos as alforxas!

Un dos meus avós máis remotos supoño que foi aquel cavernícola da Cova da Valiña, no Vallis de Castrum Viridis, ¡que a saber como se chamaba daquela! El criouse cos rinocerontes, e eu cos porcos, que xa hai distancias. ¡Canto choveu desde aquela, e cantas herdanzas se foron transmitindo! O dito: A contribución recibida é inmensa, desde a caverna a este piso con ascensor no que vivo agora. Habitacións, moblaxe, alimentos, vestimenta, medios de transporte..., e sobre todo, ideas. Como tardou en haber un pobo, unha raza, capaces de entender a mensaxe divina, o neno Xesús demorou a súa visita, ¡non o ían entender, e aínda así, daquela, grazas aos seus milagres e a intervención do Espírito Santo! Veu, explicouse, fixo milagres, resucitou de entre os mortos..., e con iso e con todo levamos vinte séculos nebulosos, cunha boa parte da humanidade vivindo nas seitas e no paganismo. ¡Que horrible, e que fonda, foi a caída do pecado orixinal, aquela soberbia inspirada por Satanás! Pero vai sendo hora de que nos esforcemos por abri-los ollos, por contribuír a abrirllos ao noso próximo..., xa que nos temos por cristiáns!

Moito admiro, e moito me lembro do parente da miña dona, (que é neta de José Rielo Sanjurjo), aquel dominico, San José María Díaz Sanjurjo, (que foi canonizado no 1988), vítima do Tu-Duc, aló no Vietnam, quen, estando tan cómodo de bispo e de profesor, en Manila, lanzouse a predicarlles aos veciños infieis. Se abundase en nós, nos que nos chamamos seguidores de Cristo, esa valentía, ese apostolado, esa entrega, esa contribución, arestora xa sería coñecido e adorado o Calvario, desde onde sae o sol ata o seu ocaso.





Casa troncal dos Sanxurxo, de Mondriz. Estado actual.
Non é doado convivir coa parenta dun mártir..., que non perdoan nin os veniais! Díaz Sanjurjo, sendo bispo de Manila tivo dó dos infieis de Tonkin, e aló se foi, para evanxelizalos, pero tan valente e tan vehemente debeu ser que aquel Mandamáis, un tal Tu Duc, vietnamita, poñéndose de parte do diabro mandou que lle cortasen o garneato. Ten moito mérito ser mártir, ¡o máximo!, pero tamén é boa a prudencia, a sutileza, para coller indefenso ao diabro!
Con ese parentesco séntese obrigada a ser perfecta, ¡ela tamén!, así que, ¡imaxinarvos o que é convivir cunha santa, pois ademais de selo son esixentes! A maiores, foi adestrada na Normal de Lugo... ¡Bromas á parte: que Deus lle premie, e lle pague, o que leva educado, primeiro en min, e tamén nos nosos fillos! O malo do caso estará en que Deus, cando me pida conta dos talentos, incluirá a exemplaridade da cónxuxe, así que..., outra débeda, a maiores!
¡Sangue de mártires, semente de cristiáns!, que así o dixo, e así o escribiu, Tertuliano, no ano 197 d. de C.

Os mártires axúdannos a descubrir o gran valor do testemuño dado a Cristo ao doarlle por completo a vida. É un don que lles pode ser pedido a algúns nun momento dado, pero que se nos pide a todos día tras día, hora tras hora. San Ambrosio: “¡Cantos aínda hoxe son mártires en secreto, e dan testemuño ao Señor Xesús!”. Neste mundo ególatra, neste XXI, dubido que queden moitos desa xenerosidade; en todo caso, sempre serán poucos! (Eu, sendo civil, teño medallas militares, pero, ¿ir predicar ao Vietnam? ¡Non sei se me atrevería, aínda que mo pedise o espírito, pero a carne..., a carne é débil!).

Por pedir, pedimos que veña a nós o teu Reino...; ¡iso, recibir, pero non esquezamos que a recepción implica agradecemento, contrapartida!
-.-

As obras de misericordia

O Papa Francisco: “As obras de misericordia espertan en nós a esixencia e maila capacidade de facer viva e operante a fe coa caridade. Estou convencido de que a través destes simples xestos cotiáns podemos cumprir unha verdadeira revolución cultural, tal e como foi no pasado”.

José María Castillo: “Encontramos a Deus na medida en que nos facemos profundamente humanos; só así poderemos ser autenticamente “divinos”.

 Pero volvamos á fonte primixenia, aos Evanxeos:

Anuncio da verdadeira dita (Mc 9, 50, Lc 6, 20-23; 14, 34-35). Comezando por Mateo 5: “Vendo Xesús a multitude, subiu ó monte e sentouse. Achegáronselle os seus discípulos, e el, tomando a palabra, ensinábaos, ¡ensinábaos!, dicindo:
-Ditosos os que teñen espírito de pobres, porque deles é o Reino do Ceo.
-Ditosos os que choran, porque eles serán consolados.
-Ditosos os non violentos, porque eles herdarán a terra.
-Ditosos os famentos e sedentos de xustiza, porque eles ficarán fartos.
-Ditosos os misericordiosos, porque eles serán tratados con misericordia.
-Ditosos os de corazón limpo, porque eles verán a Deus.
-Ditosos os que traballan pola paz, porque eles serán chamados fillos de Deus.
-Ditosos os perseguidos por causa da xustiza, porque deles é o Reino do Ceo.


¡Todo un programa! Abrangue:
-O espírito que debe animar aos fillos do Reino.
-Como debía entenderse o cumprimento das leis xudías.
-O desprendemento das riquezas.
-As relacións co próximo.
-Que pertencer ao Reino supoñía, ¡supón!, unha praxe divina, salvadora.

Por máis que estea claro, superlativamente claro, dados os malos entenderes que temos ao noso redor, algo compre dicir, algo compre lembrar, para explicárllelo aos incrédulos:

Xesús non maldixo as riquezas, xa que de Deus veñen. ¿Veñen? ¡Todas, non, pois algunhas, moitas, son elaboración, ofrecementos de Satán para tentarnos! O fondo da cuestión está no bo uso que fagamos delas, como as administre o noso espírito, e que as enfoquemos para o ben, en boa conciencia.

Os perigos e mailas insatisfaccións da riqueza. A riqueza ten  moito de incubadora: Incuba soberbia, e ben sabemos que a caída daqueles avós estivo na soberbia que lles infundiu Satán invitándoos a ser coma Deus.

Un sudafricano, rico e famoso, Elon Musk, seica dixo, seica opinou, que a felicidade dos ricos pode chegar a ser relativa porque o materialismo provoca que, ao comprar algo, gocen diso inicialmente, pero que deseguida queiran mellorar. Tamén opina que, se es de clase media, xa tes un gran número de oportunidades para facer o que desexes coa túa vida, así que, se non es feliz, non será por causa do diñeiro. “Non está permitido que te queixes de nada, nunca. E como a maioría da xente se imaxina que ser rico é o nirvana, non che está permitido mostrar en público ningunha necesidade ou frustración. Es un ser humano, pero a maioría da xente non te trata como tal”. ¡Que pobriños son os ricos, e nós, os pobres, sen sabelo!

Outros din que as riquezas son unha fonte, un manancial de goces e de tranquilidades, PERO, ISO SI, se somos prudentes, se nos capacitamos para satisfacer as nosas necesidades, para compracer os nosos gustos; se aforramos para as emerxencias, e tamén para a xubilación... ¡Ah, que me quedaba: E tamén para dar con xenerosidade na Igrexa, para facer obras de caridade...; cousas así, obras de misericordia! Estes positivismos linllos a George Paul Wood. Dareille a razón, pois parecen atinados.

Pero volvamos ao Evanxeo, por se acaso nos desviamos. Lucas 12: 15. “E logo díxolle á xente: -Atención: gardádevos da cobiza, que por moito que un teña non por iso a súa vida depende dos seus bens”.

¿A cobiza? ¡Máis ou menos témola todos, desde Adán; que non se nos esqueza! Por cobiza matou Caín a seu irmán Abel. ¡Terrible!
-.-

A egolatría. ¡Todos, pero todos, cristiáns incluídos, levamos, conservamos, na ara do noso cerebro, unha deusa omnipresente, a que chaman, vulgarmente, Egolatría, pero eu prefiro chamarlle Soberbia..., porque a entronizamos co pecado orixinal, daquela que..., daquela que nos sublevamos, capitaneados por..., por ese diabro, que non quero nin nomealo!


¡Somos uns gatiños pero témonos por leóns!

Bertrand Regader dixo que iso do “ego” (eu), e “latría” (culto, admiración), é propio de certas persoas, dalgúns... Xa sei que é moi ousado corrixir aos sabios, mais para min teño que a egolatría, máis ou menos visible, máis ou menos educada, ou disimulada, témola todos: ¡Quedounos, conservámola, herdámola! Tamén sei, ¡e non teño dúbidas!, que o bautismo indúltanos, bórranos o pecado orixinal; iso na alma, pero o noso corpo vén daqueles avós, así que teño claro que conservamos a egolatría no propio ADN.

¿Auto admiración, culto idolátrico? ¡Lamentablemente, si; a humildade serve para disfrazalo, pero..., aló por dentro? Se repasamos os Evanxeos observaremos a insistencia do Mestre en recomendarnos humildade; tanta insistencia era, foi, porque, supremo coñecedor da humanidade, ben sabía El, ben coñecía os nosos defectos, as nosas carencias, así que se esforzou en cambiarnos de espello. ¿Agradecémosllo? ¡Nisto, como en tantas cousas, uns desagradecidos!

Moito levamos inventado, ideado, en materia de disfraces, pero a egolatría é tan poderosa, tan deusa, que nos custa disimular: Eu son bo, listo, misericordioso, xeneroso, traballador... ¡Non tanto, amigo, pois, quen máis quen menos, levamos tido as nosas omisións, os nosos pecados! Había un refrán que..., pero xa non o escoito: Dime de que presumes, que eu che direi do que careces! Neste XXI somos, ou témonos, por tan sabios que xa aborrecemos a experiencia dos vellos; estamos endeusados cos adiantos da tecnoloxía, tanto, que xa nos parangonamos co Creador.

O señor Bertrand Regader, ao que antes me referín, fixo unha lista das actitudes e das conductas dos ególatras, que me permito reproducir aquí polo que podan ter de boas orientacións e de bos consellos:
-Os ególatras teñen unha percepción esaxerada sobre os seus atributos e calidades.
-Confiren gran importancia ao diñeiro, e tamén ao poder, ás influencias persoais.
-Teñen sentimentos de grandeza pois están seguros de que na súa vida lograrán grandes metas, obxectivos brillantes.
-Aínda que podan gozar de habilidades sociais máis que suficientes, adoitan ser individuos solitarios; e iso pode deberse, polo menos en parte, a que xeran certo refugue social cando os outros se decatan da súa (especial) egolatría.
-Mostran un gran apego por tódolos aspectos que reforcen a súa imaxe de persoas con éxito..
-Gústalles, gozan de xerar envexa e celos nos demais.
-Poden tender á superficialidade labrando amizades instrumentais, ¡iso, instrumentais!, que lles permitan ou axuden a acadar certos propósitos; séxase, a ganar status.
-Distorsionan a realidade, e nalgún caso poden ter dificultades para levar a cabo un análise racional sobre a súa valía persoal.
-Nalgún caso poden ser persoas con pouca empatía, pouco dispostos a ofrecer axuda e soporte ás outras persoas.
-Non soportan recibir críticas, tomándoas como algo persoal.
-Poden tender a compararse constantemente cos demais, enfadándose se consideran que alguén ao que supoñen de valía inferior cá eles está nun posto de traballo mellor, ou ten unha vida máis acomodada.
-En certos casos percíbeselles unha tendencia ao exhibicionismo, tal que facendo alarde de logros materiais e económicos, como forma de reforzar a súa auto-percepción de persoas de gran valía e status social.
...

Non sigo, pois con isto xa temos en que pensar. ¿Encaixamos nalgún dos tipos, nalgún dos casos? ¡Daquela poñámonos a puír a nosa conciencia, con lixa que sexa! ¡Deus, que satánica, que velenosa, é a egolatría, e nós, torpes de nós, cultivándoa, adorando nela!
-.- 

 Ditosos os que choran... ¡Isto, como todo, hai que entendelo no seu contexto! Claro que os choros piden, necesitan, consolo, pero iso son os sinceros, pois tamén hai bágoas de crocodilo! ¡Si; como é iso? Os bichos fano para manter hidratados os seus ollos; pero os “malos bichos”, ou “bichos malos”, adoitan/adoitamos facelo para presentar, con disimulo, os arrepentimentos finxidos, hipócritas; choran/choramos, fan que choran, coa finalidade de acadar algo vantaxoso, séxase, ilícito. Entendeuno ben Bartholomaeus de Glanville, aquel que dixo: “O crocodilo chora sobre a súa presa, de morta, e despois diso, con iso, cómea!”.

¿A que se refería Xesús cando afirmou “felices os que choran, porque serán consolados? Non, non se refería aos crocodilos, nin a aqueles que os imitasen; en absoluto; referíase aos que tiñan dor, pena, fose polos seus pecados, fose por sufrimentos físicos e/ou morais, sempre que os levasen con fe e con resignación, séxase, redentores. Precisamente os seus sufrimentos do Calvario déronnos a felicidade eterna, a Redención.

No Calvario tamén chorou a Virxe, súa Nai, nosa nai; seguro que moitísimo, e non precisamente por falta de fe, senón por abundancia dela. Como Nai do Fillo de Deus ben sabía a transcendencia daquel padecemento: Choraba polo que facían sufrir ao seu fillo, naturalmente, pero tamén, todo xunto, pola pena que sentía de que aqueles matóns, fosen xudeus ou romanos, estivesen participando, caendo, nun deicidio. Igualmente choraba por nós, polos incrédulos futuros, dorida de que sangue de tanto valor fose derramada “inutilmente por moitos e para moitos”. Xesús díxolle, daquela, ao discípulo amado: “-Velaí a túa nai”. Tamén falou con súa Nai, nos mesmos termos, “Muller, velaí o teu fillo”, pero fíxoo por Xoán, directamente para Xoán, pois a Santísima Virxe, concibida sen pecado orixinal, ¡Deus non ía xerar o seu Unixénito nunha pecadora!, ben sabía, tíñao no seu corazón, que, ao ser Nai de quen se daba por irmán noso, nai nosa era, asemade!

Os humanos choramos de dúas maneiras: por dentro, e para dentro; por fóra, e para fóra. Non fai falta explicalo, que ben o sabemos, todos, sen excepción. Sáennos as bágoas nas desgrazas, na perda dos seres amados, na perda dos bens materiais, etc., e daquela choramos con ganas, coa dor verdadeira. O material sempre afecta ás glándulas, pero tamén abunda, lamentablemente, o ficticio, iso das “lágrimas” de crocodilo. No inmaterial, tal que nos nosos arrepentimentos, sexan do mal que fixemos, ou do ben que, podendo,  non fixemos, choramos por dentro, a soas, sendo nesas ocasións, -penso eu-, cando Deus máis disposto está a consolarnos. ¿Como? ¡Obviamente subíndonos a nota no balance que leva de cada ánima, de cada un de nós!

¿Cando empeza o consolo, a consolación de Deus? ¡As “recomendacións” de Deus, en Deus, sempre son instantáneas, inmediatas! Producen efecto desde o intre en que maduramos o noso arrepentimento; pode ocorrer que non o sintamos no noso intelecto, pero está aí, asegúranolo a fe, a fe evanxélica, tan asentada e demostrada que está nos Evanxeos.

Pouco prezo é unha bágoa, aínda que sexa das boas, das de agradecemento, se a cambio recibimos ¡unha eternidade! Amén.

No profano: Na nosa Galicia, nesta “Terra rica de xente pobre”, que dixo Castelao, afeitos como viñamos a chorar, a pedir abaixando a testa, moito uso fixemos daquel dito que era, “O que non chora non mama”.
-.-

Ditosos os non violentos (os mansos) porque eles herdarán a terra. ¿Que é máis difícil de amansar, un home ou unha muller, un cabalo ou unha egua?

Amansar, tranquilizar, aplacar...; no presente de indicativo dáse a cousa por feita: Eu amanso, ti amansas, el amansa... ¡Xa; en teoría, pero na práctica non é tan doado; mira que hai séculos que saímos das cavernas e aínda gozamos coas corridas dos touros..., polo que nos gusta amansar..., ao próximo!

De Garcilaso de la Vega: “Aunque harto sabía don Diego que era irrevocable toda resolución que tomaba su prima, y que su carácter era más firme que la roca en que descansaba el castillo al que ella había dado su nombre, todavía don Diego hubiera querido contestar a aquel discurso y procurar amansar a la dama; pero ella lo estorbó retirándose de súbito a su habitación más reservada, cerrando la puerta de golpe”. ¡Onte coma hoxe; e se cadra, mañá peor!

¿Como son os mansos do Evanxeo, os mansos amansados pola relixión? ¡Uiiih, cústanos
traballo entrar polo aro, e iso que nolo recomendou o Mestre! O Mestre, que nolo recordou Mateo no seu 11, 29), ben que nos dixo: “Cargade co meu xugo e aprendede min, que son bo e humilde de corazón, e atoparades acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é levadeiro, e a miña carga leve”. As benaventuranzas, para entendelas, para acatar con plenitude o seu espírito, hai que repasalas, asimilalas no seu conxunto, sen illar ningunha, que así teremos unha idea das riqueza orixinaria dos termos evanxélicos. ¿Aceptado? ¡Pois, como din os mariños: “Avante toda!”.

Posuír a terra non é dominala senón estar por riba do terráqueo, encamiñándonos ao Ceo. Itero e reitero: As benaventuranzas son o auto retrato de Xesús; El é o verdadeiro pobre, o manso, o puro de corazón, o perseguido pola ¿xustiza?... ¡Mestre en todo, e por todo!

Gandhi estaba tan namorado, tan asombrado do sermón da montaña, que chegou a dicir: “Non me importaría se alguén demostrara, (¡unha hipótese, claro!), que o home Xesús en realidade nunca viviu, nunca existiu, e que canto se le nos Evanxeos é soamente froito da imaxinación dun autor..., porque o Sermón da Montaña permanecería, ¡sempre!, verdadeiro ante os meus ollos”. Témo-los Evanxeos, doutrina perfecta; temos os seus milagres; paixón, morte e Resurrección, e aínda así, ¡bravos! Se non fose unha fanfurriñada, eu diría que, ¡nin Deus nos amansa! Este bravío tamén serve para evidenciar o grave que foi aquela soberbia do Paraíso Terreal.

A proba máxima, excelsa, da mansedume de Cristo, no seu dobre aspecto de humildade e de paciencia, témola na súa paixón: ningún xesto de ira, ningunha ameaza, sendo, como era, Deus, Segunda Persoa Trinitaria. “Insultado, non respondía con insultos; ao padecer, non ameazaba” (1 P 2,23).

A promesa, ligada á benaventuranza dos mansos , “posuirán a terra”, realízase en diversos planos, ata a terra definitiva que é a vida eterna, -reflexións do P. Raniero Cantalamessa-, pero certamente un dos planos é o humano: a terra son os corazóns dos homes. Os mansos conquistan a confianza, atraen as almas. O santo por excelencia da mansedume e da dozura, San Francisco de Sales, tiña o costume de dicir: “Sede o máis doces que podades, e recordade que se atrapan máis moscas cunha gota de mel que cun barril de vinagre”. 
-.-

Ditosos os famentos e sedentos de xustiza, porque eles ficarán fartos. Cando Xesús Cristo di isto é porque se refire a aqueles que claman por unha xustiza divina, que non se gana con un traballo duro, ou por diñeiro ou sacrificio, e moito menos por conflitos penosos, porque é concedida gratuitamente por Deus!
Para os teólogos, nosos mestres acuais, a xustiza divina lógrase, merécese, aceptando con fe a Cristo, séxase, cumprindo a vontade da plabra de Deus. Neste sentido, unha persoa acada a xustiza espiritual se obra con bondade, se vive na verdade e se practica a mansedume.
Ao vivir dun xeito correcto, conforme co propósito, cos mandamentos de Deus, deseitando o odio, a condena, o rancor, e todos aqueles males que nos alonxan do bo camiño, ábrese autenticamente, directamente, a ruta que conduce ás gratificacións espirituais, séxase que, “benaventurados, etc.”. Os famentos e sedentos atopan aplacar a súa necesidade de xustiza en Xesús Cristo, xa que El como fillo de Deus posee tódolos elementos para saciar as almas coa dita de obter a paz espiritual co perdón dos seus pecados, e por conseguinte, coa vida eterna que só Deus outorga.
Da loita grande e estrutural dixo o noso Francisco: Bienaventurados los que tienen hambre y sed de la justicia» es otra gran afirmación de Jesús dirigida a quienes «luchan por la justicia, para que haya justicia en el mundo». La realidad nos muestra, cuán fácil es «entrar en las patotas (panda de amigos, xeralmente mozos) de la corrupción», formar parte de «esa política cotidiana del doy para que me des» donde «todo es negocio». «Cuánta gente sufre por estas injusticias». Precisamente ante esto «Jesús dice: son bienaventurados los que luchan contra estas injusticias». Lo que hay que saber es que esto de desear justicia «es una doctrina a contracorriente» respecto a «lo que el mundo nos dice» (Misa en Santa Marta 9 de junio de 2014).
O P. Luis Serentha expresouno así: “Ben aventurados os que teñen fame e sede de facer a vontade de Deus, séxase, os que así se expresan: o meu alimento, o alimento co que fago medrar a miña vida, así como o corpo medra co pan e coa auga, non é a miña vontade senón a vontade de Deus. Eu teño fame de Deus, teño sede de El; El é o meu gozo, o que El me revela cómoo e béboo coa mesma avidez coa que o sedento e mailo famento toman a auga e comen o pan”.
¡Teñamos, pois, fame e sede de meditación, pois sen meditación a alma pasa sede e fame, moitísima!
-.-

Ditosos os misericordiosos, porque eles serán tratados con misericordia.


¡Mans que non dades, que esperades! Unha das cousas que máis transgride o ser humano é a misericordia, sendo moi comúns os casos de relacións tensas ou rotas por motivacións coma a envexa, chismes, rancores..., que por veces terminan, ou poden acabar, en consecuencias fatais.
“... como nós perdoamos aos que nos ofenden...” Se non somos misericordiosos, para que lle rezamos ao noso Pai? Con Deus non hai bromas: Ou se está con El, ou contra El. E se estamos con El temos que imitar as súas bondades..., para recibir a súa, que ben nos dixo que será, que é, infinita.
“... El mensaje de la Divina Misericordia constituye un programa de vida muy concreto y exigente, pues implica el obrar. Una de las obras de misericordia más evidente, pero quizás más difícil de poner en práctica, es la de perdonar a quien te ha ofendido, a quien te ha hecho daño, a quien consideramos un enemigo. ¡Cómo es de difícil muchas veces perdonar! Y, sin embargo, el perdón es el instrumento puesto en nuestras frágiles manos para alcanzar la serenidad del corazón. Dejar caer el rencor, la rabia, la violencia y la venganza son condiciones necesarias para vivir felices» (Misericordiae vultus, 9)…Da mensaxe do Papa Francisco para a XXXI Xornada Mundial da Xuventude 2016. Como esta mensaxe non se pode mellorar, e nin sequera igualar, poñamos aquí un punto e á parte.
-.-


Ditosos os de corazón limpo, porque eles verán a Deus. ¡Nada desexo máis, pero..., co natural egoísmo de que esa vista sexa permanente, eterna, e non só para min senón para todos aqueles que veñan detrás de min, para cantos de min descendan ou dependan, pois a miña gloria, se chego a acadala, sería menor, cativeira, se por culpa miña, se polo meu mal exemplo, ou por deficiente educación, por racanería nas miñas contribucións, non deixase aos meus ben instruídos na doutrina cristiá!
Carta de Paulo e de Timoteo aos filipenses (3: 20,21): “Pero a nosa patria está no Ceo, onde nos agarda un Salvador, Xesús Cristo, o Señor. El ha transforma-lo noso pobre corpo, reproducindo en nós a gloria do seu propio corpo con ese poder que lle permite someter incluso o mesmo universo”. No 4: 1, din: “Por tanto, meus irmáns tan queridos e que tanto me faltades (boto en falta), miña alegría e coroa, ¡seguide así, firmes no Señor, queridiños!”
¿Firmes, no Señor? ¡Pois claro; ou non somos soldados de Cristo, seguidores do Noso Capitán, do mesmísimo Rei da Gloria?
O Catecismo da Igrexa Católica fai este resume dunhas expresións de San Agustín: “Alí descansaremos e veremos; amaremos e loaremos. Isto é o que acontecerá no fin sen fin; ¿e que outro fin temos senón chegar ao Reino que non terá fin?”


-.-


Ditosos os que traballan pola paz, porque serán chamados fillos de Deus. Serán “chamados” porque o serán efectivamente, serán os seus predilectos.
“Si vis pacem, para bellum”. Se queres a paz prepárate para a guerra. Isto dicían, querían e facían, os romanos, pero só é válido para os países belicosos, non para os cristiáns.
Para nós a paz vennos de Cristo Xesús, que ben nos dixo, e así o recolleu Juan (14: 27) “Déixovo-la paz, dóuvo-la miña paz: eu non vola dou como o mundo a dá. Non vos agoniedes, nin teñades medo”. Xesús é o “príncipe da paz” (cf Is 9, 5-6), e por iso nos deixa a paz, unha paz distinta da que promete o mundo. Xesús non nos evita as tribulacións (16,33), pero ao final participaremos da vitoria de Cristo sobre o espírito mundano: a paz de Cristo, en definitiva, refírese á salvación.
A paz, ademais de don, é tamén unha tarefa, unha tarefa ineludible.  A condición para ser canais da paz é permanecer unidos ás fontes, á vontade de Deus. Dante fíxolle dicir a un alma do purgatorio: “Na súa vontade está a nosa paz”. ¡Que ben dito, séxase, bendito!
O secreto da paz interior está no abandono total, pero sempre renovado, á vontade de Deus; axuda a conservar e a reencontrar esa paz do corazón repetir, con Santa Teresa de Avila, “Que nada me turbe, que nada me espante, pois todo pasa, pero Deus non se muda. Daquela a paciencia acádao todo, pois o que ten a Deus, nada lle falta; só Deus chega e basta”.
O noso Patrón (Santiago), sempre práctico, na súa carta (3, 16-18), recoméndonos: “ Pois onde hai celos e liortas, alí dáse, tamén, o descontento, e toda clase de ruindades. Pola contra, a sabedoría que vén do Ceo é, primeiramente, pura, e despois, pacífica, sinxela, acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento. O froito da xustiza seméntana coa paz os que van facendo a paz”.
Daquela, a paz, faise? ¡Faise, PERO, se as dúas partes se aveñen a razoar, pois unilateralmente, por moito que se desexe...! Tamén por iso ten tanto mérito; tamén por iso..., polo difícil que é de lograr en moitas ocasións! A propósito, unha suxestión: Na igrexa, ao darnos a paz, a esas persoas que só che alargan a punta dos dedos, non estaría de máis apertárllelos ben, para que noten os latexos do noso corazón. Os que estivemos nalgunha guerra, das armadas, quero dicir, ben sabemos que as defensas adoitan ser inevitables, e diso vén o dito de que, a mellor defensa é un bo ataque. ¡En todo caso, sen pasarnos, sen asañamento!
¿Estamos atentos á Misa, na Misa? Daquela non nos pasará desapercibido, por mal que funcionen os altofalantes, a impetración do Celebrante: “Señor Xesús Cristo, que dixeches aos teus Apóstolos ´a paz vós deixo, a paz vós dou´, non mires os nosos pecados senón a fe da Igrexa, e conforme á túa palabra concédelle a paz e mala unidade”. De seguido, estendendo as mans, nun sino de xeral bendición: “A paz do Señor sexa sempre con vosoutros”. ¿Que paz nos dá, oficiando como Ministro do Señor? ¡A auténtica, a desinteresada, a de Deus!
Este tema é infinito, mais, de momento, cerrémolo coa Carta de Paulo aos Efesios (2: 13-19). “ Pero vós, que antes estabades lonxe, agora, gracias a Cristo Xesús, estades cerca, no sangue de Cristo. El é a nosa paz: o que dos dous pobos fixo un só, derrubando a medianeira divisoria -a inimizade-, e abolindo na súa carne aquela lei de mandamentos e normas, para crear en si mesmo cos dous unha nova humanidade, facendo a paz; e reconciliando con Deus ós dous nun único corpo por medio da cruz, matando nel mesmo a inimizade. El veu e anunciou a paz: paz para vós -os de lonxe-, e paz para os que estaban cerca: porque por El temos uns e outros acceso ó Pai, nun mesmo Espírito”.  ¡Ai Pauliño, Paulo, que ben che pintou que Deus te tombase do teu cabalo da soberbia e da ignorancia; pide por min: o meu non é un cabalo, pero é un burro!


-.-


Ditosos os perseguidos por causa da xustiza, porque deles é o Reino do Ceo. Hai que entendelo ao dereito: Refírese aos que proclamaron a xustiza de Cristo, e por iso chocaron co mundo, e foron perseguidos física ou verbalmente.
Ser perseguido é un indicativo de que se transita polo camiño correcto, abrazados a Deus. Daquela o perseguido sentirá a compañía de Xesús nas súas accións; pero o premio para o perseguido polos seus actos será glorioso; por iso, Ben aventurados os perseguidos por causa da xustiza porque deles é o Reino celestial.
Facer o que é xusto non é un camiño de paz e de tranquilidade; é un camiño de persecución, de incomprensión, de refuse; o que é xusto, a vontade de Deus, pode significar para moitos o desmonte de grandes imperios, o recoñecemento de estruturas de pecado, e de exclusión, ou a aceptación de que se está oprimindo ao propio irmán. A recompensa, pois, será o resultado de facer o que é xusto; o reino dos ceos non chegará, non culminará, mentres prevaleza a inxustiza institucionalizada.
-.-

Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: Alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa no Ceo; do mesmo xeito perseguiron ós profetas anteriores a vós.

As persecucións sempre foron semente de cristiáns; aí temos, por poñer un exemplo, o caso da China onde os cristiáns están aumentando de día en día, mentres Europa se materializa, tamén de día en día. ¡Deus se apiade de nós!

¡Señor, perdón; e de perdoado súbeme ao Ceo, para loarte e bendicirte con todos aqueles que me ensinaron a ser cristián!
-.-
Pasa a
A XENEROSIDADE NA NOSA CONTRIBUCIÓN..., TEN PREMIO!
-II-
Xosé María Gómez Vilabella