sábado, 5 de julio de 2008

CASTROVERDE na historia e no presente -VII-



.../...

San Cibrán de Montecubeiro



Meu cardeal Gil, de quen se dixo que fuches
"O mellor teólogo do mundo",
¡desculpa esta restauración chafalleira
do portón do teu convento!



CP 27128. Accesos: tanto desde Mosteiro (Pol) como desde Castroverde, pola DP 1611, con desvíos.

Cibrán ou Cibrao. Do latín: quere dicir, home ou habitante de Chipre. San Ciprián foi bispo en Cartago, África; esclarecido en santidade e en doutrina, decapitado cerca da propia Cartago, xunta ao mar, no ano 295, imperando Valeriano e Galieno. Darlle culto en Montecubeiro a un santo tan remoto, en tódolos aspectos, implica, evidencia, que tamén son remotas as igrexas (parroquias) que o teñen por patrón.

"Mártires" tamén os tivemos aquí, en 1937, pero tiveron que pasar 70 anos para que nos decatásemos diso:


Co da toponimia, aquí non pode haber dúbidas: Todo é monte, un mosaico de montes, ou máis exactamente "cubos" montañosos que parten, colgados, da serra do Pradairo; formas de cuba, de cupa, ou copa. Veigas e cubeiros sementados de mámoas..., ¡que así estaban ata que viñeron as padeadoras para face-lo pasteiros! A mediados do século XIX aínda se vacilaba no nome, véndose moitos documentos coa forma separada: Monte Cubeyro.

O que dá que pensar é, ¿foi Deus, ou o diabro, quen lles dixo deste sitio aos frades, aos primeiros, anteriores aos dominicos? ¿Nesta campa, alta, aberta ao norte, fríxida e solitaria, na que erixiron o seu cenobio? ¿Serían priscilianistas...? Lembremos que os seguidores de Prisciliano foron acusados de retirarse aos montes para rezar máis preto de Deus, lonxe das grandes comunidades de poboación, lonxe do ruxido mundanal, e iso que daquela tiña poucos decibelios! Acaso veña de aí, diso, que aparecesen os primeiros anacoretas, ou cenobitas, tan afastados, nas fragas máis mestas ou nos riscos máis escarpados de Galicia, tal que pasou con Caaveiro, San Pedro das Rochas, San Cibrao de Montecubeiro..., ¡e tantos outros! Por aquí tivemos ermitáns xa nos séculos V / VI. Os vellos da parroquia, ¡naqueles tempos das lareiras, libros abertos da Historia local!, contaban que sempre se lles dixera que a primeira comunidade de Montecubeiro tivo a súa ermida na Valga do Santo Estevo. ¿Onde estaba iso? ¡Pregúntenlles aos da Concentración Parcelaria, por se gardaron os planos antigos! Pero vóullelo dicir eu mesmo, que ben veces teño bebido naquela fonte santa: Ese santuario, ese lugar santo, agora profanado, soterrado, estaba mesmo da parte de arriba da acea da Laxe, máis ou menos por onde pasa agora a pista que vai de Veiga á Graña. Sabido é que os eremitas mantiñan unha certa relación entre si, formando pequenas comunidades asistenciais, ou mosteiros, rexidos por un dos membros máis destacados, que recibía o tratamento de Abade (de aba = pai).

Azúmara abaixo, a media legua desta Valga, houbo outra capela, ou ermida, máis recente, a dos Penallos. A xulgar pola toponimia debeu estar nas inmediacións do mazo de Bascuas, ao sopé do "monte da Capela", onde aínda se pagaban décimos das cavadas aos Bispado de Lugo a comezos dos anos 30 do século XX. ¡Este Azúmara, ademais de aurífero, foi unha auténtica Ribeira Sacra! Entre outros, por aquí cerca floreceron os cenobios de Mosteiro e de Arcos dos Frades, a capela de Trasín, etc.

Aqueles anacoretas do Monte Cubeiro, priscilianistas ou non, obviamente subiron da Terra Chá, atidos ás troitas do Azúmara, para seguidamente, paulatinamente, decruar, monte arriba, todo o decruable, convertendo en couto estas bocarribeiras. ¡Terras de Berg Land, Berlán, que así lles chamaron os suevos, atentos á paisaxe como bos xermánicos; unha paisaxe evocadora da que viñan de abandonar eles, eles mesmos..., ¡á forza!

Arc. de Bolaño, do Bisp. de Lugo.

Altitudes. Á parte da mole do Miradoiro, -hoxe custodiada por unha pléiade de 47 xigantes, vulgo muíños eólicos-, que funciona de vértice topográfico, acadando os 1.029 m., punto espectacular polas vistas a distancia, en tódalas direccións, Lugo incluído; temos: a pena do Carril, con 922 m; a Corredoira Vella (lugar de paso, porto da corredoira, que subían da parte da costa lucense para ir en busca do Camiño Ancho, que foi a embocadura de Castela ata que se fixo a N-VI), na que se acadan os 891 m. No castro da Graña, un dos custodios da embocadura da Terra Chá, xa se pasa dos 600 m. No castro de Maxide, 639 m. No castro de Sarceda, 696 m. Xa no interior da parroquia, arriba de Cepomundín, témolo cono de Cuturelos, que é outro "miradoiro" de certa categoría, con 892 m. O lugar do Gruñedo anda polos 820 m, superándoo Teixeda, onde se acadan os 840 m.

Augas: Asentados aos pés do Miradoiro, esa bomba aspirante-impelente que é a serra do Pradairo ten a forza, a presión suficiente, para inundarnos de H2O por tódalas inguas dos seus cubeiros. A lomba que vai desde Cobula, pasando pola Cruz das Louseiras, ata Cuturelos, fai derrego destas augas, mandándoas, por terzos, ao Azúmara (A Zúmara, que zumega; tanto que este río nace, ¡nacía!, nun trollo, nas fontes de igual nome, en Sarceda, hoxe atascado, reducido o seu caudal por culpa do entullo que lle meteron ao construír a DP 1611, aforrando así unha ponte ou unha desviación). Ao Chamoso, e ao Tórdea, dous xemelgos que se van formando con ducias de fontes e de regos concorrentes, que reciben nomes moi diversos, tendo de común que, na súa nacenza, abrazan Vilariño de Castroverde, para irse paseniños en busca das terras do Corgo, e de estas, dereitiños ao Miño. (Corgo = corrugo, canles de auga; é un concepto moi amplo: balsas, lameiras, pozas, regatos, etc). No tema das augas é arriscado, despois da Concentración Parcelaria que vén de gozar / ou de padecer, segundo se mire, presentar un inventario das fontes desta parroquia: como as fontes xeralmente estaban na beira dos camiños, e como trazaron as pistas evidentemente sen ou con pouca labor de campo, sobre os planos dos camiños vellos, resultaron cubertas de entullo, soterradas, desviadas as augas das máis delas. Coa maquinaria e coas técnicas actuais, ¿non sería posible construír sen destruír?

Empezando polo Barreiro, que mal pode haber cerámica sen auga: A fonte da Santa Petronila, da que sempre se dixo que se andaba escasa de auga era por culpa dos taberneiros de San Cibrao, ¡que lle baleiraban o penico! Todo consistía en mollarlle os pés á imaxe da santa, ¡que daquela, en dous días...! ¡Se non chovía en dous días, máis de sete, nunca, que por algo estamos nas terras verdes do Castro Verde!

Fonte dos Encantos, en Cepomundín. Cando pasen por alí, escoiten, que se o fan con atención oirano todo, ¡incluso a música da orquestra dos seus ananos!

Fonte de Matahomes. Non anden por cerca dela sen saberse de memoria aquilo da batalla do rei Silo no Monte Cupario. Búsquena na Granda, indo para Cepomundín, no circundo dunha desas pistas da concentración, que, afortunadamente, neste caso, pasa lonxe; ¡se cadra librouse porque non a viron por culpa das silvas!

Fonte de María Grosa. ¡Esta si que é gorda, pero de augas finas! Atendan: Era setembro, o peor mes do ano para as fontes; e logo que estaban en vésperas da festa do Santo... ¡Dos santos, que Montecubeiro ten dúas celebracións tradicionais: San Ciprián e mailo Ecce Homo! Os veciños do Barreiro, do Fato, e do Campo, coidaban que en tal ocasión había que ablucionarse, previamente, perifericamente, de arriba para abaixo e de abaixo para arriba. María a Grosa, tivese ou non pauto co diabro, que iso discutíase, arengou aos veciños: "Cavade aquí, aquí mesmo, todo por aquí, pero fondo, que eu cheiro humidade". ¿Non será que cheiras ti, ti mesma, por culpa das túas humidades..., mensuais?, seica lle dixo un castizo, un deses graciosos que nunca faltaron en Montecubeiro, pero a tal María tirou de aixada, ela mesma, igual cós homes, e de paso soltou tres peidos diabólicos para celebralo. ¡Tanta auga manou que se lavaron todos, cans e gatos incluídos, e desde aquela nunca máis secou o rego do Fato!

En Berlán hai varias, incluso unha de augas ferruxinosas, ¡había!, pero mellor será non dicir onde estaban para non avergoña-los especialistas da Concentración; a eles, e aos que llelo permitiron!

A fonte de Fonsentes segue no monte de Cabanela. A de Sagaruxe, que tamén lle foi a menos o seu ruxido por culpa do entullo doutra pista. A de Fernandares, que deron en dicirlle de Fernadares por ignorancia de que o tal Fernán d´Ares foi un veciño do lugar, de moita categoría.

O Rego dos Ósos hai que escribilo con acento gráfico, grazas ao Silo, que non aos osos. Nos prados da Casa Vella incorpórase ao Ribón, o río de máis fervenzas desta bisbarra, que empeza a correr no Gruñedo, ao sopé do propio Miradoiro. Por aí andan mapas nos que trocaron, e/ou esqueceron, varios nomes de interese toponímico, entre eles, os que lle poñen "Azúmara" ao Ribón. ¡Pobre Azúmara, natural de Sarceda, nas fontes de igual nome, polas Veigas dos Feás, do feo, que encima do entullo trucáronlle o nome!

No Escouredo (¡Vivan eses topógrafos, eses "documentados" que lle puxeron "Escoitadora" nalgún mapa recente, e que Deus lles dea saúde para "escoitar" con atención!) non todo é escouras, pois teñen / tiñan a Fontiña, na pista que vai a Vilarín; a propia do Escouredo, no camiño de Berlán, tamén soterrada e desviada; e maila da Cruz. Con iso das traídas, xa non usan sellas; ¡co donairosas que estaban aquelas mozas, tan preocupadas sempre por abrillantar aqueles aros dourados das súas sellas!

En Santadrao un non sabe a cal achegarse: a do Mulo, a da Fame, a propia de Santadrao, a da Rabaza, a do muíño do Outeiro...

Maxide, máis que fontes ten pozos, ¡nos mesmísimos currais! O de Pérez fíxose famoso, dramaticamente, a principios do XX, porque nel tirou un dos irmáns Pérez ao outro irmán, ¡simplemente por concorrencia de namoros! O fratricida fuxiu para Buenos Aires, así que a moza, de ter dous, pasou a ter ningún! En Maxide quédanlles próximas as fontes das Regueiras, a do Penedo, a Fontiña, a do Prado Grande e maila da Graña. Un pouco máis ao N, a de Lodeiro, da que se fornecían in illo tempore aqueles devanceiros do castro da Graña, un monumento vilmente atravesado por unha desas pistas da Concentración; houbo protestas, e fixeron unha desviación, disimulando a corte perpetrado.

Pola parte de Insua, ademais dunha groba onde lavaban as areas auríferas os romanos, están, ou máis ben estaban, a do Podriqueiro e maila propia de Insua.

Abaixo de Veiga, a do Pereiro, da que bebían os torreiros da súa torre. A de Bascuas, a da Capela...; e máis arriba, o rego da Valiña e mailo da Fonte da Noira, que así lle chamaban; ¿non será da noiva, ou do noiro, que é unha ribada, ribazo ou barranco? Subindo desde Veiga a Maxide está, ¡estaba!, a fonte da Valga do Santo Estevo, aquel eremitorio ancestral...

Encamiñándonos cara á serra, Lugares de Vilar e de Vilarín, con varias. Foi notable a Da Taberna porque alí houbo, efectivamente, unha taberna, residuo dunha pousada das do Camiño Ancho de Mondoñedo; e tamén a Das Augas (ferruxinosas), tamén achaiada. A da Augueira, a das Barreiras, a de Maceda..., ¡e iso sen contar as cativeiras!

Baixando ao Vitureiro atópanse a da Bica, a do Chopo, a da Rampla, a do Val, a das Eiras... Da parte da serra, a da Rabaza e maila de Nabeda, que baixa ao regato do Real. Tirando cara a Pena está o rego dos Lagartos, que ademais de lagartos ten a lenda do pai de todos eles.

Esta freguesía ten máis superficie e máis lugares do que moitos concellos de Galicia:

O Alvaredo. Alvarizas, lugares zarrados, neste caso para protexe-las colmeas dos frades, particularmente do oso, que en tempos baixaban da parte de Asturias; pero tamén pode significar albareda, alameda, terra de álamos brancos, chamados lamigueiros. Lembremos que nesta parte da parroquia os froitos, por obra e graza da súa orientación ao mediodía, maduran de cedo, temperán, así que poderíamos pensar niso, nun albarón xenérico, porque, o que é terra albeira -mala, lixeira-, iso non é o caso. Con este topónimo hai seis lugares na provincia de Lugo, e un na de Ourense.

O Barreiro. Pola constitución do seu terreo.

Bascuas. Toponimia acaso xermánica, sueva, de significado aínda discutible; algúns opinan que viñeron uns bascóns, polo Camiño Primitivo, e que se quedaron, de mozas, fundando cadanseu "Bascuas"; ou que eran canteiros, e daquela fixeron a torre de Bascuas, ou do Pereiro, defensa que lles serviu aos Castro, e despois aos de Altamira, para controla-lo paso da xente e das mercadorías polo val do Azúmara.

Berlán. Aquí non busquemos possessores raros, pois tódalas probabilidades descansan no suevo Berg-land, que na súa lingua (xermánica) quere dicir terra, prominencia, dominante e montañosa, concretamente sobre o val do Azúmara. Ten a localización que lle cadra a esa expresión: Sito precisamente na boca-ribeira onde remata a Terra Chá e empeza a terra, o land, dos montes, dos berg. Único lugar con este nome en toda Galicia. Segundo é sabido, os suevos ocuparon, para cubri-lo terzo que lles adxudicara Roma, as terras abandonadas, e nese caso, todo por aquí, despois do holocausto do Medullius, precisamente no contorno da Vía Ástur, terras abandonadas debía haber a esgalla, así que, ¡estamos nunha suevia!

A Cabanela. Cabanas, chozas, particularmente para recolle-lo gando. Trátase dun topónimo abundante, tanto en Lugo como na Coruña.

As Cavozas. Cavorcos, barrancos, cárcavas, covos; todo iso na depresión onde conflúen os ríos Ribón e Azúmara. Tamén puido ser un lugar onde había "cabazos", que por aquí, para facelos, vimbios había, ¡e froitos para gardar neles, tamén! Neste segundo suposto, tales alpendres corresponderían ao lugar, ás casas primitivas do Escouredo, pois antigamente estiveron abaixo, precisamente nas inmediacións do que agora se di "As Cabozas, ou Cavozas", nunhas leiras coñecidas, ata que as achaiou a repetida Concentración, como "os leiros das Casiñas". Non hai outro "Cavozas" en todo Galicia, nin con "b" nin con "v".

O Campo. O campo, ou circundo, do convento.

Castelo. Este débese ao fortín que fixeron os romanos cando o cerco do Medullius, apoiándose no castro de Sarceda. Hai "Castelos", dunha ou doutra orixe, por todo Galicia, menos en Ourense, o que non deixa de ter un amplo significado histórico.

Cepomundín. Algo así coma o eixe do couto; ou acaso por estar nas súas inmediacións o cepo de inmobiliza-los presos do cárcere do Barreiro para expoñelos ao público repudio. Ten o seu aquel xa que en toda Galicia non hai outro lugar de igual nome.

A Cernada. Cerca do muíño dos frades. Pode provir de cerno = cerner; ou de cinerata, do latín cinis, terra que se queima para subseguinte laboreo. "Cernadas" haina por toda Galicia.

Cubula. Un dos "cubos" de Montecubeiro. A aba na que se asenta, vista de lonxe, talmente parece unha cugula, túnica con capuz. Existe unha "Cogula" en Monterroso, pero, desoutro, nada, nin "o" nin con "v".

O Escouredo. De escouras, o escorial das ferreñas; e Ferreñas chamábanse as súas leiras antes de que a c. parcelaria pasase os seus "ferros" por estas terras. Nas súas inmediacións estaba o predio do "Casarón", así como "As casiñas", baixando cara ao Ribón. Non deixa de ser curioso, aínda que natural, que haxa outro "Escouredo" en Sober, e un máis en M. de Lemos, en zonas dedicadas á obtención de ferro na Idade Media.

O Fato. Que era onde tiñan, e gardaban, os frades, os seus fatos ou rabaños. Non se repite este nome en ningún lugar de Galicia.

Foxos. Dos foxos que se facían para trampear, para captura-los lobos. Non os hai en Ourense, pero si en Lugo, que ten 5; e despois 2 na Coruña, e igual número en Pontevedra.

A Graña. Explícase por si mesma: de granum, celeiro; abundan, maiormente na provincia de Lugo.

O Gruñedo. Das agruñeiras, agruños; con este nome, tres máis en Lugo.

Insua. Coroando un monte illado. Con este nome, moitos, excepto en Ourense.

A Laxe. Configuración da rocha.

Maceda. Pomarada. Ningún en Pontevedra.

Maxide. De etimoloxía xermánica, que pode derivar de "a meixide", horto ou plantación de ameixas, ciroleiras, que ata se dá a coincidencia de que aquí dábanse ben. Parecidos, si, pero iguais só temos un, en Lousame, Coruña.

O Pereiro. No noso caso deriva dun rochedo que había nese sitio, no que se alzou a torre de Bascuas; a pedra, torre incluída, utilizárona para face-las casas e mailos cerrumes das leiras. Hainos nas catro provincias.

O Podriqueiro. Eran dúas casas. Non pensen mal, que podricos son os cañotos dos castiñeiros vellos, a podre que lles asoma por dentro. Único deste nome.

O Pombal. Pombal dos frades, que, como tódolos señoríos, tiñan por luxo engulir pombiños asados.

Pumarín. Pumarciño ou pumariño. Abundan en Asturias, o que non deixa de ser unha vinculación etimolóxica da antiga Gallaecia.

O Ramalledo. Que sempre foi iso, bosque pecho; unha ramalleira.

Sagaruxe. Outro xermánico. Único en Galicia.

San Cibrao. Ciprián, que tamén se lle chamou Zipriano. (Á entrada de San Cibrao un entendido puxo na estrada o cartel de "Montecubeiro", nome da parroquia, e non do lugar).

Santadrao. Ou Santo Adrao, Adrián.

Sarceda. Sarcide, variedade de pedra cor carne. Raíz grega: sarx, sarkos, sarkitis; raíz latina: sarcites; ou de sarxa (Salvia officinalis), que se emprega como especia, na cociña, pero tamén en infusión para os nervios, e no externo, para cura-las amatas). Sources, fontes. Abunda como apelido pero non como nome de lugar concreto, poboado.

Soutullo. Pexorativo de souto.

Teixeda. Onde abundan ou se dan ben os teixos. Hai outro no Valadouro.

A Valiña. Val cativeiro.

A Veiga. A veiga do Azúmara.

Verduceo. De verde + cedo, verdecente. Outros dous, un en Ourense e outro en Pontevedra. Con "b" , en Galicia, ningún; en Asturias, si.

Vilar, os Vilares, e Vilarín. De orixe romana, villaes.

O Vitureiro. Vila, granxa, dun Vito, ou Vital. É único en Galicia.

Vestixios históricos: Cantidade deles, pero non se fixo ningunha prospección axeitada e meticulosa previa aos achaios da Concentración. Minas de ferro en varios lugares, particularmente no monte de Ferreira, arriba de Berlán; nos Campos da Eiladrán, e especialmente na serra da Ferradura. Medorras, ou mámoas, por xunto da Cruz das Louseiras, nos Campos da Eiladrán, en Santadrao, en Insua... Croas de Teixeda, con lendas. A Grova de Insua. Castros de Sarceda, de Maxide, e da Graña.

Lugares con nome evocador: Leiros da Ermida, a Graña, a Picota, o Pombal dos Frades, o Campo dos Frades, o muíño dos Frades, Cepomundín, o monte de Ferreira, o Escouredo, o campo de Ares de Maxide...

Fonte de Matahomes e rego dos Ósos, episodio xa tratado.

Na Idade Media asentouse no Monte Cubeiro unha, ¡ou varias! comunidades relixiosas. Se cadra, como apunta Nicanor Rielo Carballo, por vontade ou concesión real; ou por simple evolución dos eremitorios preexistentes. Hóuboos na Valga do Santo Estevo, en Santo Adrao, en Foxos, no Barreiro, etc. Furgando no pasado, na escuridade dos tempos, temos a tradición que di que o cemiterio civil do Zarro Novo de Sagaruxe (axustizados, abortos, suicidas, etc.) foi unha carballeira de rito druída.

A primeira noticia histórica, concreta, documentada, dos nosos frades bieitos, témola nun litixio que xurdiu na comunidade pola deposición do seu abade Iolino, coa subseguinte elección de Martín, un monxe traído do convento de Ribas de Sil. Por este motivo o papa Inocencio IV mandou abrir un expediente de información. Isto sucedía no ano 1249, resultado así evidente que o cenobio beneditino viña de vello.

O convento, como edificio, en pedra do país, principalmente xisto. Nunca debeu ser grande, nin grande nin importante, como demostra a súa continua dependencia doutros mosteiros, e tamén o reducido das terras que lle pertencían dun xeito directo xa que no mesmo Montecubeiro tiña propiedades o bispo lucense, segundo consta dun documento da catedral de Lugo. Pero en contraposición cobraban rendas en vinte parroquias, próximas ou non tanto, ¡que non era pouco! Tratábase, nos últimos tempos, dun cenobio-granxa, ou sexa, frumentario, que recadaba para os dominicos de Lugo, aos que estaba unido, como mínimo, desde o século XVI. En 1225 un bispo de Lugo concedeulles a Paio Pérez e a outros veciños a metade de todo o vilar de Verducedo, coa contraprestación, coa pensión, de catro soldos anuais e varios semoventes.

Igrexa parroquial. ¡Que foi convento de frades cando a fixeron de nova!, que así se di, que así se canta, no Himno de Montecubeiro, na "Véspera do San Xoán", do poeta Lois do Cando. Reconstruída en 1787, conserva a ousa románica, do século XII, ou principios-mediados do XIII. Esta ábsida é máis reducida cá nave; de planta rectangular, bóveda de canón en pedra de rachola e canzorros xeométricos e zoomorfos no beiril. En reformas posteriores tapiouse a ventá do testeiro e abriuse outra polo costado dereito; refíxose a bóveda e renovouse o arco triunfal, que quedou de medio punto cunha imposta sinxela.

O tellado é de lousa. O pórtico, situado diante da frontis, comprende todo o ancho da fachada e é bastante amplo. Polo costado dereito, aos pés, está a torre das campás, cadrada, de tres corpos e coroación. Esta coroación era de lousa, como tódalas construcións desta parte do país, pero alguén... Alguén, non, que foi o cura don Benito Castro Piñeira, o mesmo que estaba tan feliz coa imaxe do noso Santiago Matamouros, que entre el e mailo albanel, ao parecer para non ter que subir nunca máis a relousar, déronlle á torre un remate de formigón formando unha cupuliña de auténtico morabito musulmán, que moito intriga aos turistas; en favor deles vaia esta aclaración.

Á torre tamén se accede desde o coro. Ten un soto, hoxe en desuso, para onde se recollían os restos óseos cada vez que se reutilizaban as sepulturas do interior do templo. Das súas campás -segundo o citado Lois do Cando: "¡Qu´alegres n´as procesións! ¡Como repenican a groria! ¡Que ben esconxuran o trono / ca súa lengua maxestuosa! ¡E qué triste tocan a morto / cand´hai morto na parroquia!"-, sabemos que nunha podremia do seu xugo polas deficiencias do lousado, ¡sempre ese lousado!, soltouse a grande, ¡e fendeu! Cos anacos desta, e coa prata, engadida, do tesouro dos frades, un campaneiro de Mondoñedo fixo a nova, a actual, que quedou de pequena porque coas sobras da fusión fixéronse sinos para as capeliñas da parroquia. ¡En días calmos óese por toda a Terra Chá!

Nave espazosa, e bastante alta, co teito de madeira, ás dúas vertentes. Pavimento de laxes, que son as tapadeiras das sepulturas antigas. No lintel da porta principal figura esta inscrición: HIZOSE EL AÑO DE 1787. Refírese, por suposto, á última das reformas ou restauracións importantes. Encima deste letreiro hai un relevo da Nosa Señora do Rosario con san Domingos e maila santa Catarina, con esta inscrición: ESTA LAMINA DIO FO. Y/NACIO RODRIGUEZ, ANO DE 1793. O coro tamén é de madeira, por sobre da porta de entrada, e ábrese á torre do campanario. Por dentro da igrexa comunica co vello claustro do convento; son as "encuastras", que é como lles chaman no lugar. Cabido diante do frontispicio, no que se conserva unha pía bautismal, primitiva, e un pío que procede da vella sancristía.

Ao fondo da ábsida está o altar maior, de 2,85; de pedra, co seu correspondente retablo, que é de columnas salomónicas. O corpo principal é de tres furnas, e no remate, dunha soa, rectangular, cun frontón provisto de tondo; do primeiro terzo do século XVII. Dúas columnas salomónicas, núas, adornan o sagrario, e nas enxoitas do remate aparecen dous espellos redondeados onde seguramente se pintou a inscrición referida á época, autor e promotor da obra. Nos encadramentos consérvanse dúas tallas barrocas: de san Ciprián, de 0,87, repintada; e de san Ramón Nonnato, de 0,82. Tamén unha Virxe Milagrosa, que foi doada no ano 1962 polo matrimonio Gómez Vilabella-Rielo Castiñeira. Talla do Ecce Homo, de 1,11, repintada; probablemente do século XIX.

O da dereita, neoclásico, con tres ocos na planta baixa e un no ático; capiteis de orde corintia e columnas xaspeadas; do primeiro terzo do XIX. Nosa Señora do Rosario, de media talla, con coroa de prata, século XVIII. San Miguel Arcanxo, de 1,00, de finais do século XVIII. Unha talla de Santiago, a cabalo, da segunda metade do XIX, que estivo inicialmente na capela de Foxos.

Pola parte esquerda do hastial da nave aséntase outro retablo, de 2,60 m, que é o máis importante do templo. Barroco; corpo principal con tres furnas e remate dun oco, terminado por un frontón lobulado, flanqueada a furna por dous relevos que representan o san Brais e a santa Lucía, nos flancos, cos seus emblemas característicos. Da primeira metade do século XVIII. Tanto as pilastras coma o resto dos espazos abundan nunha profusa decoración de ramas colgantes e de follas ampulosas e retorcidas. Son barrocas e de corte popular as tallas que contén. Esculturas do Neno Xesús, de 0,62; san Roque, de 0,76; san Caitán, de 0,77; e do santo Antón de Padua, de 0,78, da mesma época.

Outro retablo, lateral, de 1,58 m, neoclásico; ocupa un van do arco aberto no muro frontal dereito da nave, cunha furna no corpo baixo e remate redondeado con outra, dun par de columnas corintias, xaspeado, cunha imaxe moderna da Inmaculada e maila dun santo cun libro aberto e unha pluma, de 0,60, século XVIII, seguramente san Xoán Bautista. en dúas peañas colocadas fóra do retablo están as tallas de san Pedro Mártir, co machete cravado na cabeza, de 1,05 m, e de san Domingos de Guzmán, coa cruz e mailo libro, de 0,88 m; da primeira metade do século XIX.

En cadanseu camaríns de castaño: A Dolorosa e Xesús coa cruz ao lombo; da primeira metade do século XX, doazón de Francisco Sarille. Estas camariñas fixéronas entre Manuel Reigosa Vilabella, de Vilar, e Manuel Piñeira, da casa da Ponte.

As imaxes modernas, coa excepción da Milagrosa, foron doazóns do citado Paco Sarille, ao que tamén se deben as lámpadas e outros obxectos de culto, que hoxe non están á vista. Os candeeiros de prata foron doados por Xosefina Gómez, do Cando, que residía daquela en Madrid.

Sancristía no corpo do edificio conventual. Cruz parroquial de prata, 0,83 x 0,49; alma de madeira, cun relevo do Rosario no reverso e un nó redondo; do último terzo do século XVIII, ou comezos do XIX.

Edificio conventual. (Logo Reitoral). As dependencias, amplas, pero hoxe arruinadas, deste cenobio dominicano non ofrecen especial interese artístico. Un claustro sinxelo, pegado ao templo polo norte, mostra unha estrutura exterior derrubada. Unha artística aldraba de ferro, cun martelo en forma de can, e maila cruz dominicana, no portalón. Pasador de artesanía, coa Cruz da Orde.

No atrio un cruceiro granítico, trasladado de lugar e deformado por aplicación de formigón; tiña unhas efixies e maila inscrición: ESTE CRUZIER/O HIZO JOSEPH/ULLOA AÑO DE 1778. Outros cruceiros de encrucillada: o das Cavozas, o da Granda, o do Campo de Ares, a Cruz das Louseiras, a Cruz de Tamaredo...

A pupilaxe que exercían outros mosteiros sobre o de Montecubeiro colíxese do nomeamento de frei Lope Arias, monxe deste cenobio, para o cargo de abade de Lourenzá, casa que tiña carta de irmandade co de Monte Cubeiro, que se chama, nela, de San Martín, seguramente o seu primeiro titular, acaso da época do San Martín in Volanio, do que dependese inicialmente. A súa posterior anexión ao convento de dominicos de Lugo foi confirmada por bula do papa León X. Na parroquia consérvase a tradición de que foi ao Barreiro a primeira instalación monacal, e alí restaurouse a capela de Santa Petronila. Isto ten a súa verosimilitude xa que na parte de arriba da capela antedita estivo o cárcere xurisdicional; e á parte de abaixo, a picota, que quedaron na toponimia local.

O mosteiro de San Cibrao tiña xurisdición temporal e espiritual, segundo consta dos apeos que posúe o convento de Lugo, malia que non usaba da espiritual para evitar preitos e contendas coa dignidade episcopal. Na xurisdición de Montecubeiro, no AR, entraba Mirandela, con S E e X.O do convento de san Domingos de Lugo.

Capelas. A de Santadrao; hai que utilizar unha fouce para achegarse a ela. A da casa de Luna, que é particular. A do Barreiro, ou de Santa Petronila: Edificio rectangular, de 9,96 x 6,34, ben orientado, con cabido á entrada, teito de madeira ás dúas vertentes, pavimento de laxes e tellado de lousa. Foi restaurada a comezos do presente século. Retablo salomónico, de 1,80 m., dunha forneliña, e frontón bilobulado, procedente do templo parroquial; de finais do XVII. Escultura de Santa Petronila, de 0,59 m, con veste romana, repintada, séculos XVI/XVII. O titular primitivo era san Domingo Soriano. En canto á ermida de Foxos, que a derrubaron para non desviar uns metros a pista do lugar, era de planta rectangular, de 12,60 x 5,30, con muros de pedra lousenta, pavimento terreo e cabido á entrada, cunha porta a lintel. Estivo dedicada a Santiago o Maior, imaxe que pasou á igrexa parroquial. Nunha leira inmediata a esta capela apareceron unhas sepulturas soterradas, moitas, que aparentaban ter gran antigüidade, segundo referiron os veciños.


Neve no contorno da escola de Maxide,
¡pero xa non hai nenos que se acarroulen nela,
nin a convertan en bonecos!





Santa María de Moreira.




Os turistas non se cansan de preguntar por qué deixaron de plantar moreiras, ¡pero os do país responden que xa non está de moda a seda!

Mor, pedra; pero é máis probable que se refira á existencia de moreiras, moreira negra ou morus nigra. É anexa de Paderne. Hoxe engloba Soutomerille. O padroado da súa igrexa pertenceu ao convento-priorado de Meira.

CP 27142. Comprende os lugares de Casas do Monte, Moreira, Nadela (o nome de Nadela abunda moito por Lugo, tanto en topónimos como en apelidos), e Vilar, onde teñen outra igrexa, que é a seguinte:


Augas: O Augueiro e o San Paio. O regato da Auga, que está nun prado. E logo as fontes de Carada, da Fontiña, de Moreira, de Pipí, da Ponte, Trigueira, e da Zarza. En Vilar están a das Cambas, a de Riba, a de Baixo, a da Pita, a do Pozo do Sabugueiro, a das Quenturas, o cano de Lodeiro, o do Cancelo, o da Rega, na Agra do Albarín. Por se isto fose pouco, aínda cabe menciona-los regos de Nadela, que nacen en Castedo, ¡e mailo Douro! (¿Estará ben bautizado, ou chámanlle así como atracción turística?).

Montes: Singularmente o Das Presas, que acada os 583 m.

O templo de Moreira é unha modesta peza rural, de planta rectangular. Nave de 5,80 x 10,80; presbiterio de 5,75 x 6,70, Frontispicio esvelto, en cantería de granito; porta a lintel; espadana con dúas troneiras, e unha terceira no cimacio, decorada con pináculos e volutas. Presbiterio algo máis reducido cá nave, ás catro augas. Arco triunfal de medio punto, con impostas saíntes, decoradas con liñas xeométricas. Coro aos pés. Pía bautismal cadrada, de 0,70 x 0,70 m.

Retablo de pouco valor. Cristo, de 0,80 m; unha santa, de 0,75 m; Inmaculada, de 0,50 m; santa, de o,15 m. Cáliz sinxelo, de 0,21; e copón de 0,15, semiplano.




Santo Estevo de Paderne



En Paderne repolaron o castiñeiro para que non lles tapase a vista da igrexa, pero non repararon en dúas cousas: que esta árbore tamén é un monumento, e que o mellor do templo téñeno no seu interior.

(Estevo, do grego: coroado de loureiro, vitorioso. Paderne, de Paterni, xenitivo de Paternus).

Freguesía anexa de Moreira; Arc. Cd., Maestrescolía; Dioc. de Lugo.

CP 27146. Accesos: Na C-630, km. 14. Altitude media, 508 m. Lugares: A Ferreira (topónimo evocador dun beneficio de ferro), e Paderne. Bos edificios en granito; casas paceñas. Excelente en arboredo, particularmente froiteiras. Bebe da fonte das Cortiñas, e tamén da dos Requeixos ou das Quenturas. Fluxos: Augueiro, San Paio, e Romeán.

Templo parroquial do século XV, restaurado; cativo de volume. Un pouco illado do lugar de Paderne, ao noroeste, coroando un outeiro, no lugar de Ferreiro, con dúas casarías ao lado. Nave rectangular, de 5,14 x 8,20; muros revocados de cal; cuberta de lousa, amparada por dúas trabes tirantes. Frontispicio con grandes pezas de gra na porta, en arco, sen impostas. Muros en cantería. Espadana dun van, con cruz e dous pináculos. O máis importante son as pinturas á tempera, que seguramente cubrirían a totalidade dos paramentos interiores, dos que só se conserva un fragmento no muro dereito por xunto do arco triunfal. Representa un bispo revestido de pontifical, en actitude de dirixirse aos fieis, sobre un fondo salpicado de lises con catro pétalos. Enmarca o conxunto unha orla de cuadrifolias punteadas que se enlazan con dous trazos paralelos. Nun dos ángulos superiores figura a inscrición: "Esta obra fixo faser (Fer) nando Alfonso clérigo de Paderne en era de mil et quingentos et tres annos". Desenvólvese o cromatismo en ocres e azuis, cun perfilado en negro que acentúa o expresionismo do rostro. Presbiterio de 5,85 x 5,60, na mesma liña e á mesma altura da nave, cunha terceira auga na parte posterior; presenta indicios de que foi máis baixo cá nave, segundo evidencia unha cornixa interior que aínda se conserva, pero nas obras recentes elevouse a altura da nave. Arco triunfal de medio punto. Retablo sinxelo: a Virxe, de 0,80 m; santo, cunha palma, de 0,90 m; santo monxe, de 0,60; santo, cos brazos abertos, de 0,60. Tallas mediocres. Pía bautismal, de 0,80 m, cun anel exterior. Cáliz de prata, cicelada, 024, sinxelo, e no pé esta inscrición: "Siendo cura y provisor Dr. D. José Ramos Novoa. Año D 1832". Unha inscrición borrosa referente á erección do templo, de 1503. No lateral norte consérvanse uns signos doutro gran mural, con escenas da Paixón, deteriorado.



No AHN gárdase un foro de Paderne, de 1550. Prehistoria: O castro de Paderne, sen explorar.




San Miguel do Páramo



Cando os turistas chegan ao Páramo sempre se preguntan,
¿Onde está o páramo?


Da voz prerromana, páramo, lugar alto e árido, ¡pero non é tanto! Ma estrema sur do municipio, na aba da Serra do Páramo.

CP 27166. Accesos: inmediatos entrando pola N-VI, ou pola autovía A-6. Pasaba por esta freguesía o camiño real que ía de Valdeorras a Ribadeo. Lugares: Arrubial, A Eirexe, A Lagoa, Páramo e Porcín.

Augas: o Pontixo. Fontes, a escoller: En Porcín, a deste nome, que é o río das Veigas; a do Currelo e maila do Caxigal. No Arrubial, ou A Rubial, a fonte do mesmo nome (arrubial, ferro), e tamén a da Vella, igualmente coñecida como fonte de Bustíns. Na Lagoa témo-la fonte da Laga do Cura (aquí alagábase o liño para maceralo). No Páramo do Medio, a do Canal, a da Paleira, a da Pía, e a de Tirlán. Con tantas fontes, de páramo só ten o nome. Montes: Castro de Arrubial (775 m), e a costa de Buxán (711 m).

Templo de poucas pretensións, pero interesante. De nave rectangular cuberta ás dúas augas sobre vigas tirantes. Frontal con espadana de dúas troneiras e dúas campás, ¡que soan de marabilla! Un contraforte, robusto, no lateral norte, e unha escalinata exterior que dá acceso ás campás. A portada está protexida por un cabido cerrado, ás tres augas, cunha trabe tirante. Pía bautismal, acampanada, no lateral norte da nave, de 1,00 m. Á dereita, pía da auga bendita, de 0,40 m, e cinco chanzos de acceso ao coro. Pisado con taboleiros de castaño.

Presbiterio semicircular, cunha pilastra exterior, no medio, facendo de contraforte. Arco triunfal de medio punto, en aresta, sobre pilastras. Sancristía no lateral norte. Retablo maior de estípites. Un corpo con tres furnas e ático. San Miguel, de 0,83, co demo aos pés; titular. San Roque, de 0,85, co Neno. No ático, relevo, de 0,60 x 0,25, de San Xosé, co Neno e maila pomba. Rocallas laterais como ornamento. Retablo lateral norte, neoclásico. Santa Lucía, de 0,66; santo Anxo, de 0,75, coa man dereita por riba da cabeza dun neno e un diabro aos pés; boa peza, popular. Lateral sur, cun mural representando a Cristo que abraza a san Francisco de Asís; pintura popular; do século XVII. Outras pezas: Santo Antón, de 0,46. Retiradas dúas tallas deterioradas, de sabor románico, e unha terceira, mutilada. Populares. Cáliz de prata cicelada, de 0,23 m. Cemiterio xunto da igrexa.

No AHN consérvase documentación do ano 1748. No A R o Páramo foi S. S. e XO dos condes de Altamira.




Santa María Madalena de Pena



Certo é que hai ocasións nas que as árbores
non deixan ve-lo bosque,
pero aquí o que non deixan é ve-las penas...,
as emblemáticas, que das outras non teñen,
unha parroquia con moita filosofía!


Arc. de Bolaño e Bisp. de Lugo. CP 27129. Accesos: pola estrada DP 1611, apartando no rego dos Lagartos. O seu nome venlle dun promontorio rochoso, ¡o que queda del!, antigo fortín e permanente atalaia, que sinala o centro xeográfico da parroquia.

Lugares acasarados: Carballedo, Granxas, Pena, Piñeiro, Pozos, Toldaos, Valiño e maila casa da Veiga. Esta toponimia non precisa explicación, salvo se acaso o lugar de Toldaos, que por outra parte é un xentilicio claro, unha fundación de toledáns aquí chegados, probablemente xudeus, que fuxiron daquela Isabel mal chamada a "Católica".

É unha parroquia fermosa e famosa, que o foi singularmente pola súa Banda de Música de Pena, na que destacou Afonso da Cancela. Polos anos 70 do pasado século aínda conservaba certo renome e sonoridade, ¡sen altofalantes! O seu raio de acción levounos a puntos tan afastados como era/estaba daquela Navia de Luarca, por sinalar un deles. Ten contado o cóengo, nativo de Pena, Indalecio Gómez Varela, que sempre se dixo dos seus veciños "que a súa palabra era unha escritura". ¡E menos mal, pois a letra que mellor se lles daba era a das partituras musicais! A este propósito hai que reservarlles aquí a súa lexítima ao mestre Muíña, e á súa filla Ignacia, que puxaron o seu para elevar esta xente de Pena desde aquela endogamia tradicional a unhas xeracións de mundo, de mundo adiante, coa máis alta porcentaxe de universitarios de toda a bisbarra!

Augas. Varias fontes, entre as que se podería destacar a de Moreira, ou Mureira. O regato da Regueira, que chegou a ter troitas, pero foi antes de inventarse o zurro! O rego da Balsa, que se xera nos outeiros do Couto e de Piolo, ou Pioute. O Augueiro e maila Lago Grande. Montes interesantes, a cal máis: a subida á Cruz das Louseiras, camiño de San Cibrao, e maila subida ao Mons Ciro. Estas ascensións é recomedable facelas a contrasol: pola mañá, á Cruz, e pola tarde, a Monciro.

Foi señorío das casas de Osorio e de Pardo, coa liñaxe dos condes de Altamira; entre eles nomeaban xuíz ordinario; despois exercérono as casas de Mondriz e de Carballedo, ademais do convento de dominicos de San Ciprián de Montecubeiro. Polos de Lugo, despois da desamortización, actuaron os donos da Torre de Arriba, de Soutomerille.

Tiveron unha capelanía dedicada á Nosa Señora do Rosario, presentación do herdeiro de Francisco Nadela, desta mesma freguesía, cunha renda anual de corenta ducados.

O templo está situado ao abeiro da pena que lle dá sona. Sinxelo, neoclásico, cunha nave cuberta ás dúas augas, de lousa sobre armazón de madeira; cun falso teito, entaboado, no interior. Muros caleados, exterior e interiormente. Na nave, por cerca do arco triunfal, ábrese en cada lateral un arco formeiro, de aresta, sobre impostas rectangulares e pilastras que dan acceso ás capelas de planta cadrada, cubertas ás tres augas, á mesma altura da nave e do presbiterio. Frontal cunha porta de lintel; ventá cadrada e unha albardiña tonda, que volta nunha espiral con acrotios sinxelos. Accédese ao presbiterio cun arco triunfal de medio punto, similar ao das capelas. Cuberto a tres augas. Unha porta lateral norte dá acceso á sancristía.

O retablo maior é neoclásico; dun corpo e ático. Unha fornela central con dúas columnas por cada lado, lisas, de capiteis corintios. Ático con dúas edículas pequenas en cada lateral para recibir cadros, coroado por un símbolo trinitario radial. Sen tallas. Retablo lateral sur neoclásico, con vestixios de decoración rococó, espellos, rocallas, etc.; sinxelo. Un corpo e un ático. Unha forneliña central co santo Antón, que leva o Neno sobre un libro na man esquerda e unha espada na dereita. Dúas forneliñas laterais sen tallas. Un entaboamento dobre e un ático cunha edícula que flanquean dúas columnas cativeiras, no que aparece o relevo do santo Antón. Na capela lateral norte gárdase una boa talla de santa María Madalena, titular, barroca, que descansa nunha pena, portando a cruz de Cristo, en clara evocación de cando acudiu en Xerusalén ao sepulcro labrado nunha rocha, e o atopou baleiro.

O cemiterio desprazárono de xunto da igrexa.




San Xulián de Pereiramá



A pereira sería má, pero as casarías son paceñas, ¡a feito!

(Xulián. Latín: Xentilicio da familia Iulia, dedicado a Xúpiter). ¿Pereira + má? ¿Enferma, podre, estéril...? ¡Non, non é posible! Freguesía anexa a San Miguel de Covelas.

CP 27143. Accesos: polo Bidueiros pasa o Camiño Ancho, hoxe convertido en estrada DP 1611. Altitude máxima, 570 m. Un só lugar, o deste nome. Terra chá, e con bos accesos. A 4 km de Castroverde, ao sur; uns 20 veciños. Froiteiras, carballos, piñeiros e algún castaño. As casas, sólidas, con boas paredes en cantería.

Augas: O Pumarín. A fonte do Curral, ou do Igrexario, ten un caudal tan constante, verán-inverno, que habería que pensar que aló embaixo, alguén, acaso un gnomo, manexa un regulador electrónico.

O templo parroquial é de factura románica pero situado en época renacentista. ¿Restauración? A nave cóbrese ás dúas augas, con catro vigas tirantes. Oito modillóns e unha seteira en cada lateral. O frontispicio con porta alintelada. Espadana dunha troneira. A cornixa da nave esténdese ao longo do frontis formando un notorio frontón renacentista. Protexe a portada un bo cabido, ás tres vertentes, sobre columnas. A ábsida é máis baixa e reducida cá nave; ás tres augas; cinco modillóns no lateral sur, un de rolo, e unha ventá rectangular. Na lateral norte desapareceron os canciños polas obras posteriores da sancristía. Arco triunfal de medio punto, dobrado na parte exterior. Consérvanse vestixios de pinturas detrás do retablo, cubertas de cal.

Retablos. O maior, barroco, do século XVIII. Un corpo e mailo ático. Catro columnas decoradas con relevos de rocallas e acios. Semidourado. O san Xulián, de 0,93 m; san Roque, de 0,65; a Inmaculada, de 0,62. Pezas da época do retablo. No ático, san Mateo, de 0,60, popular, século XV, e dúas columnas de estípites. No lateral norte, dúas columnas salomónicas, de acios; no ático, unha talla cativa de santo, de feitura románica. No lateral sur, que é similar ao anterior, un santo Antón, de 0,65; no ático, unha santa coas mans xuntas, popular, do século XVI.

A Croa é un castro con recinto, en forma de cono truncado, máis baixa na parte central. Quedan vestixios de hórreos de palla. Un cruceiro sinxelo.

Tamén foi señoreada polos condes de Altamira.




Santa Mariña da Pumarega



(Mariña. Uns din que procede do latino Marinus, derivado de Marius; e outros que vén, que saíu, do mar. O caso é que en Galicia veneramos a santa Mariña das Augas Santas, ¡en 97 parroquias!). Arc. de Bolaño, do Bisp. de Lugo.

CP 27124. Accesos: Desde Castroverde ou desde Vilalle; e tamén pola estrada que empalma Sobrado con Souto de Torres.

Lugares: Casullao (á parte e ademais de tódolos derivados e afíns de casulla, témo-lo latín, casula, cabana, ¡a escoller!). Faxilde (o nome de Faxildo, eminentemente suevo, que por iso só apareceu en Galicia e no norte de Portugal, deu os topónimos Faxilde, Faxil e Faílde). Feirobal (se Queirogal é un sitio de queirugas, ¿Feirobal pode ser unha terra, un lugar, de feilas, ou de feitelas...? En canto ao lugar da Pumarega o erro pode estar en cortalas, que non en planta-las pomas. Amais dos pomares, foi unha gran produtora de liño.

Augas: O Uriz. O rego Traveso, que nace na Veiga dos Ramos e rega prados da propia Pumarega e de Cellán. Por aquí témo-la fonte da Moraina, que hai quen di que se chamou da Moraima por culpa dunha moura con cabelos de acibeche, que a trouxo un fidalgo que estivo nas guerras da mourería.

Altitude máxima: 570 m. Terra bastante cha, con pradería abondosa e moito arboredo. A 500 m da igrexa, un outeiro coroado por un gran castro. Casa fidalga, orixinaria, dos Llamas.

A igrexa. Románica; presenta carácteres moi similares á de Pereiramá. a nave cóbrese ás dúas augas, en parhilera amarrada por tres vigas tirantes. Doce lisos e robustos modillóns, en cada lateral, soportan unha forte cornixa sobre a que descansa a cuberta. Cada lenzo lateral résgase na parte superior por unha prolongada seteira. Muros caleados. O frontispicio presenta unha porta con arco de medio punto, dunha soa arquivolta a pano co muro; impostas lisas. Tímpano en lintel, sen ornatos. Seteira sobre da porta. Espadana pequeneira, dun van, que parece ser da época do frontal, sen calear, con boas canterías. Presbiterio máis amplo e elevado, ás catro augas, coa cornixa de granito. Arco triunfal de medio punto, en aresta. A nave e mailo presbiterio, aínda que son de estilos diferentes, parecen factura da mesma época. A porta principal, o arco triunfal e mailos dous arcos formeiros que acollen os altares laterais da nave presentan unha semellanza notoria. É un exemplar da transición románico-renacentista, frecuente na provincia de Lugo.

Retablos: O maior é neoclásico, co frontón partido. Santa Mariña, de 1,05 m, titular; san Xoán, de 0,90; san Xosé, de 0,90. No ático, unha pomba simbólica, cun nimbo solar e dous anxos adoradores, de 0,70 m. O retablo lateral dereito é de 1,35 x 1,80; dúas columnas salomónicas bulbosas, con ornatos de acios, nun encabalgamento. Santo Antón Abade, de 0,68 m. Ático semicircular cun medallón. Boa peza barroca, do século XVIII. O retablo lateral esquerdo é idéntico do anterior, pero cunha Virxe do Carme, de 0,62 m. Sancristía na parte posterior. Cáliz de prata, de 0,22, sinxelo, do século XIX. Custodia co pé de prata cicelada, de 0,39.

No AHN consérvase documentación que vai de 1711 a 1772. A Pumarega tamén foi do conde de Altamira.




San Xurxo de Rebordaos



Nesta parroquia todo o fixeron ao grande:
a igrexa, o pombal, a cheminea do pazo dos Villarino...



Arc. de Bolaño, do Bisp. de Lugo. Que empecen pola raíz Rebor- temos en Galicia unha infinidade de lugares, ríos, montes, etc. ¡A importancia do rebolo, que é unha variedade de carballo, Quercus pyrenaica!

CP 27127. Accesos: Ir a pé a Rebordaos, por travesío, desde a capitalidade, Castroverde, é unha gozada. ¡Non deixen de facer este sendeirismo! (Seino ben, que de mozo acompañei unha rapaza por este camiño, e non se me esquece: ¡non se me esquece o camiño pois o que é aquela moza..., acabou plantándome; igual foi porque atendín máis á paisaxe que a ela!). Indo da C-630 apártase na ponte de Recesende, no km. 18,5, e pásase por Penalonga. Lugares: Fontao (que non require explicación), e Rebordaos. Uns 30 veciños en total.

Altitude máxima, no Couto, 634 m. Dispón das fontes do Choqueiro, da Pedreda e da Bica; por parte, están os regatos das fontes da Pedreda e da Carballa.



Templo parroquial. Nave rectangular, cuberta ás dúas augas sobre armadura de madeira con dúas trabes tirantes. Coro alto aos pés. Pavimento de terrazo. Polo interior, muros caleados. Un arco en cada lateral que acollía cadanseu retablo. Frontispicio cunha porta en lintel; unha fiestra rectangular e unha espadana de dous vans, cun terceiro no cimacio. Presbiterio máis amplo e elevado cá nave; cadrado, cuberto ás catro augas sobre armadura de madeira. Sancristía na parte posterior, máis baixa có resto do templo, ás tres augas, con dous accesos desde o presbiterio. Esta igrexa reformouse en data recente, ocasión na que se retiraron os retablos laterais. Conserva as tallas de san Xurxo, ecuestre, titular, de 0,90 m, século XIX; Neno Deus, de 0,65; santo Antón Abade, de 0,65, do século XVI, popular; santo Anxo, de 0,65, cunha ánima da man esquerda e un diabro alado aos pés. Cáliz de prata cicelada, sinxelo, de 0,24.

No AHN consérvase documentación do ano 1214. Tamén foi señorío do conde de Altamira.




San Cibrao de Recesende



Pequena freguesía, anexa de Santa María de Monte. Nunha altura, na aba do monte do seu termo, que a domina polo E. ¡Para que logo digan que os suevos non viñeron, desde Francia, desde Irún, pola plataforma cantábrica, concretamente polo Camiño das Asturias, pola repetida, e sempre pateada, a pé ou dacabalo, Vía Lucus Augusti-Gigia, que tanto daría que facer e que falar! Os suevos foron deixando xente, xente e gando, pressuras lles chamarían despois, asentamentos gandeiros, á dereita e á esquerda, que aí están, de testemuñas, amais da toponimia menor, que tamén é abondosa: Vilauriz, Landriz, Frontoi, Bergland, Recesende, Quetesende, Gondel, Rois, Mondriz, Suegos...

CP 27146. A só 3 km. de Castroverde. Accesos: Desde a inmediata C-630. Na súa ponte seica as houbo bravas cun destacamento francés, daquela da guerra de Independencia. Cóntase que só lle perdoaron a vida a un tal "Boudón", un oficial, por estar malferido, así que, para que non quedase rastro da dellada, enterraron os mortos nas inmediacións, e con sellas de auga, desde o río, lavaron as pegadas dos feitos; ao Boudón levárono para a Meda, apartándoo do Camiño, así que, cando deu curado, ¡onde ían os seus! Casou co morgada que o atendeu, e non se sabe se en galego, en castelán, ou en francés, pero o caso é que na Meda se quedou, deixando abundante prole. Os do país deron en chamarlle ao pé da letra, Boudón, que non Budón.

Lugares: O Curral, o Mesón da Cabra, a Penalonga, Recesende e Santa Eufemia. Unha fonte, en cantería; e logo, o Outeiro. Elevacións: Monte Roxo, de 603 m.

O bispo lucense Pelaio fíxolle a esta igrexa unha copiosa doazón, no ano 998. Naquelas dádivas ían, na propia vila de Recesende, unhas propiedades pertencentes a Gotina e á súa irmá, fillas de Fernando Bermúdez.



No lugar de Outeirín, nun terreo lindeiro co cemiterio e co adro da igrexa, descubríronse en 1920 tres sepulcros (sartegos) recubertos con laxes perfectamente axustadas, recheos de terra, pero, ¡sen restos humanos! Nun deles había dúas machetas de cuarzo cristalizado.

Templo sinxelo, xunto dunha magnífica casaría, coroando un outeiro. Nave rectangular, de 5,20 x 9,20. Porta principal e unha no lateral sur con lintel. Campanil dun van cunha campá. Cuberta ás dúas augas, con lousa sobre madeira; dúas trabes tirantes. Presbiterio de 5,60 x 5,65, máis amplo e elevado cá nave, ás catro augas, cun arco triunfal de medio punto. Piso de pezas de granito. Sancristía na parte posterior, de 2,75 x 5,45; máis baixa e reducida; ás tres augas. O retablo maior é sinxelo, século XVIII, de dous corpos con catro columnas lisas cada un. Imaxes: O san Cibrao, titular, de 1,15 m; san Roque, de 1,00; santa Bárbara, 0,80; santo Antón, de 0,65; san Francisco de Asís, de 0,60 m. Tódalas tallas mediocres. Por sobre das portas da sancristía, dous relevos heráldicos da casa limítrofe, familia de Teixeiro. Un retablo no lateral esquerdo, sen valor, cun relevo da degolación de san Xoán Bautista, de 0,85; Inmaculada, de 1,05 m. Cáliz de prata, 0,23, liso; cruz parroquial de metal.

A orixe deste templo parece que foi unha capeliña da casa de Teixeiro, que abarca a nave actual, na que se conserva unha lápida sepulcral con esta inscrición: "Sepultura de Fernando Sanjurjo de rubinos, fundador de la casa", e no centro, aos pés do escudo: "Dejo de aniversario dos misas cantadas cada mes Año 1637".

O outeiro no que se erixiu esta igrexa é coñecido polo topónimo de Outeirín; terra granítica na que se descubriron os sartegos arriba mencionados.

No AHN aparece documentación deste Recesende mesturada coa do Recesende de Baralla; desde o 1386 ao século XVIII. Estivo baixo a xurisdición dos condes de Altamira.




San Pedro de Riomol



En Riomol todo é grato, suave, empezando polo río! Aquí o problema é outro: ¿Que foto seleccionamos, do interior ou do exterior? Ante a dúbida:


Arc. de Bolaño, Bisp. de Lugo. CP 27124. Ao SE. da capitalidade. Polo seu topónimo non fai falta preguntar, que chega con asomarse ao río; ¡se acaso o que había que preguntar é se emigraron tódolos seus albaneis!

Lugares: Foguentelle, Riomol e Vilacote. Augas: Riomol, Masoucos e Caxás. Montes: Devesa, con 798 m. Ten dúas fontes públicas, a de Cuasto e maila de Pausín, nomes ben enigmáticos por certo, pero o interesante é o que regan, entre Riomol e Furís. A fonte do Arroxo, que é cativa e privada. Para non omitila está a de Foguentelle, que é o contrario do fogo, ¡xeo puro!

A parroquial está no lugar de Riomol, un pouco illada. De boas proporcións, e con características especiais. Estrutura de cruz latina. A nave cóbrese ás dúas vertentes sobre seis trabes tirantes, con boa armadura de madeira. Frontispicio elegante, coas partes máis nobres en granito, e o resto caleado. Porta con lintel; espadana con dúas troneiras. Unha inscrición dá testemuño da súa restauración (se ben no exterior xa pide outra): "20-5-1911".

No ángulo esquerdo da porta de acceso está a pía bautismal, unha boa peza, de 1,05 m, co bordo anelado, campo liso; dous aneis paralelos coroan a parte inferior, decorada de galóns; pé cilíndrico, basto, de 0,18; baseamento semirrectangular, decorado con altos relevos de dúas figuras humanas que elevan as mans á altura da cabeza; un dragón no medio. Á dereita, na mesma liña da porta, parten tres chanzos de acceso ao coro; aos seus pés, unha pía de auga bendita, de 0,70 m.

O lenzo lateral norte da nave está protexido por un "soportal", con acceso á nave, cerrado por unha repisa de pedra sobre a que se elevan dúas columnas que soportan unha viga corrida, na que descansa a cuberta, prolongación do teito da nave. No mesmo lateral levantouse a sancristía, ao parecer na mesma data do frontispicio.

Ábsida e capelas. A cruz latina fórmase coa parte primitiva do templo, semicirculares, de tipo románico. A ábsida e maila capela norte conservan cornixa e canzorros bastos, decorados con cruces, estrelas, bustos de animais, etc. Arco triunfal algo apuntado, dobrado, en aresta, sobre pilastras pegadas, con impostas biseladas que se estenden ao longo da ábsida, cuberto con bóveda de canón e media laranxa. Conservan unha estrutura similar as capelas laterais; con todo, é peculiar na parte norte do segundo corpo, con columnas semiarrimadas, bases con garras, capiteis bastos con colariño e impostas de simple moldura bocelada. Na ábsida, detrás do altar maior, percíbense signos de pinturas, e tamén no arco triunfal. Os muros laterais da nave, na parte superior, decóranse con pinturas de cortinaxe.

Retablos: O maior, do século XIX, con vestixios de dourado. Tres encabalgamentos: San Pedro, titular, de 1,05 m, con tiara, chaves e báculo, do ano 1835; santo Antón, de 0,80; e unha Virxe, de vestir. Capela lateral norte: Retablo barroco, do século XVIII. Dúas columnas salomónicas decoradas con motivos da vide; tres encadramentos, coroados cun medallón. Virxe, de 0,85 m, pintada, que ofrece o peito ao Fillo, modais sobrios, ambos coa vista elevada e posta ao lonxe; coroa de madeira; conxunto dunha soa peza, século, boa. Santa Catarina, de 0,70, con vestixios de policromía, a roda, espada sobre cabeza humana; boa, do século XVIII. Sancristía: Un grupo escultórico de santa Ana, a Virxe e mailo Neno, de 0,65, pintado, bo, do século XVI. Cristo estilizado, de 0,60 m. Dous cálices de prata, século XVIII, cicelados. Un moble bo, de 2,10 m de largo, 1,00 de ancho, e 1,00 de alto; don dous caixóns na parte superior, decorados con discos; outros dous caixóns horizontais, na parte inferior.

De Riomol tivo a xurisdición dona Joaquina de Oca.




San Miguel do Camiño



Debémoslle a este arcanxo unha toponimia histórica,
que todas o son,
pero neste caso contribuíu especialmente
a mante-la evocación do Camiño Primitivo!


(Miguel, do hebreo: ¿Quen coma Deus...? Ou tamén, ¡Deus é xusto!) Neste caso o alcatrán é coma un estoxo que garda, conserva e protexe as pegadas dos nosos devanceiros: celtiñas, romanos, suevos, peregrinos de toda Europa...

Na aba dos montes Bidueiros, Trashorras e do Couto, formada polos lugares ou aldeas de San Miguel e Trashorras (orras ou horras, horrea, hórreos, depósitos de víveres: ¿tras..., deles?) CP 27127. Accesos: Na estrada 630, Lugo-Fonsagrada. Freguesía anexa de Covelas. Veiga fértil e frondosa. Confina con Rebordaos, Vilariño de Castroverde, Recesende e Souto das Torres.

A igrexa está un pouco illada das casarías, ou sexa, do Camiño Primitivo, nun lugar chamado A Pena, que é un outeiriño que preside as praderías. Praderías que non podían faltar dada a auga que por alí teñen. Fontes: Da Insua, dos canos do Rei, dos Pacios, a Bica Ferreira, a do Fidalgo, a de Pestana, a do Ferreiro, a do Souto Vello (nas beiras do Camiño), a do Penedo (aquí pregunten pola súa lenda da "peseta"), a da Bouciña, a das Bouzas... Todo iso amén dos regatos seguintes: o da Ponte, que o cruza a C-630; o do Souto Vello, o da Pena do Raposo, o da Bica Ferreira, o de Pacios..., ¡culminando no Chamoso!

Templo sinxelo: Unha nave; presbiterio máis amplo e elevado, ás catro augas; arco triunfal de medio punto. Sancristía no lateral norte. O ceo da nave e do presbiterio recóbrese cun taboado feble. Retablo neogótico, con imaxes de escaiola. Cruz parroquial de madeira, dun metro. Cáliz de prata, século XVII, de 0,20. Incensario gótico, de metal. Lámpada de metal branco.

Os propietarios da vila de San Miguel do Camiño recoñeceron o señorío da casa de San Marcos de León, da Orde de Santiago, a cuxo dominio pertencía. E non soamente este lugar senón varios outros do distrito, que hoxe descoñecemos, o 15 de agosto de 1187. Fixaron as obrigas que adquirían por este concepto: vasalaxe e tributo, en cantidade e especie que tamén descoñecemos por non constar no documento orixinal, que obra no AHN. Confírmao D. Fernando Roderici, en nome da citada vila. Este documento-foro foi publicado nunha colección de documentos para a historia das institucións de León e de Castela dos séculos X a XIII, por Eduardo de Hinojosa.

.../...
Continúa en
CASTROVERDE -VIII-

Xosé María Gómez Vilabella



No hay comentarios: