sábado, 5 de julio de 2008

CASTROVERDE na Historia e no presente -IX-



.../...

Santiago de Vilariño

A vila de Castroverde vista desde Vilabade.
¡Ao fondo, as brumas de Lugo!

(Santiago, nome creado na Idade Media a partir do latín Sancte Jacobe. Os guerreiros do século XIII aínda berraban, impetrando a súa axuda: "¡Ou, San Xacobe!". Iago ou Xaime). Arc. de Bolaño e Bisp. de Lugo. Practicamente un só lugar, o burgo da capitalidade, Castroverde, que conserva un barrio, ao sopé da fortaleza, no alfoz desta, con formas medievais. Casas brasonadas. Parte da pedra destas construcións déixase ver que procede da desfeita do castelo, dalgunha das súas murallas e demais dependencias.

Houbo algunha vacilación con este nome: Madoz, no seu Diccionario Geográfico, publicado en 1850, rexistra esta freguesía como Vilariño; pero Amor Meilán (GPL 235), arredor do ano 1928, absórbea en "Santiago de Castroverde". Este burgo desenvolveuse, xerou, os seguintes barrios: Codesal (a codeseira), o Marquesado, e Tarrío.

CP 27120. Situada nunha extensa planicie e cruzada pola C-630, Lugo-Fonsagrada, que nos deixa a 22 km de Lugo. O outro acceso, máis recente, é pola DP 1611, de Circunvalación de Lugo, que aproveitou gran parte do antigo Camiño Ancho de Castela. O emprazamento desta vila está flanqueado por dous outeiros, o da Fortaleza (o castro), e maila Lomba. Terra ondulada, fértil, de pradería e cun arboredo considerable.

A vila de Castroverde hoxe ten casas de dúas e de tres plantas, e non precisamente harmónicas, parte delas. As máis antigas de boa pedra de granito, e as modernas..., ¡as modernas tenden a ir mellorando, iso tamén é certo! Lugar e xente activa e acolledora. Ao N, no cume do antigo castro, témo-la torre da homenaxe e mailas ruínas do recinto amurallado da fortaleza. A mediados do século XVIII esta freguesía aínda era señorío do conde de Altamira, pagándolle, entre tódolos veciños do estado raso, 15 reás de vellón, en concepto de vasalaxe.

Ten por lindes: Bolaño, que lle quita o N., ¡e xa non veñan de Bolaño as súas orixes, concretamente do seu Val Verde! O sol recíbeo de Vilabade e de Vilalle, pasando a San Miguel do Camiño despois de face-lo Mediodía con Covelas. Eixes: De N a S, cousa dun cuarto de legua; e de circunferencia, legua e media, calculándose que farían falta dúas horas de bo camiñar para circunvalar os seus termos. A súa demarcación podémola comezar no Marco da Pena Parda, sinalándose, entre outros puntos de referencia, a medorra da Valiña, San Miguel da Cubela, os Picos Monteiros, e maila Pena Cabalgada. En dereito séguese á capela de San Lázaro, hoxe desaparecida, que a divide de San Miguel do Camiño, marco de Riazor, rego das Forxas e Chao da Serra. Dentro da freguesía está o lugar notable do Marquesado, que así aparece no Catastro de Ensenada, ano 1753. Prados do Marquesado, agro do Marquesado, etc.

Augas: Mal que lles pese aos taberneiros, a elección non é doada. Vexan, vexan: As fontes da Veiga do Olmo, nas inmediacións do campo da feira, área turística en formación, piscinas incluídas. A da Pena, de par da Casanova, ou das Señoritas. A do Trabao, na estrada que vai á Fonsagrada, por xunto da casa de Bonifacio. A de Andrea, na rúa Nova (inmediacións do campo da feira). A do Marquesado, que fornecía as casas deste alfoz. A do Mesón, no Codesal, camiño de Pereiroá. A do Estancón, polo Camiño cara a San Miguel. A da Virtú, nunha cova discretiña, ¡que por algo a taparon! Se lles parecen poucas poden visitar a do Chuqueiro, riseira coma a que máis. O regato de Riazor (¡pero xa non hai daquelas azores das cazatas daqueles señoritangos!), que marca as distancias con Bolaño. ¡Hoxe por hoxe, pero algún día Vilariño, Vilabade e Bolaño serán todo un! Ao pé da estrada de Rodinso témolo regato do Codesal; e logo está o de Tarrío, que se usaba como lavadoiro, verdadeiro nacemento do río Tórdea.

De Castroverde o mellor é explicar pouco, que pode resultar máis grato, máis elocuente, e por suposto máis sorpresivo, visitalo de propia iniciativa, tal que peregrinando polo Camiño Primitivo, ou facendo sendeirismo a partir da vila, ¡que por onde, e para onde, hai! O problema será decidir a ruta. Se non lles chega con subir ao castelo, daquela pasen ao campo da feira, e desde alí suban á Lomba, ¡cargadiños de aparatos ópticos, por suposto!


Os adros das nosas igrexas sempre foron un ágora social

A igrexa, que é de principios do XX, non é gran cousa, ¡e ben que o sentimos, pero, en compensación, teñen, e temos, a catedral de Vilabade! Recoñezan que se trata da igrexa dos viláns, que os señores do castelo tíñana de seu, arriba; e logo que estes vilegos compartían, e comparte, cadora máis, a de Vilabade. As partes nobres son de boa cantería, e o resto do cerramento está revocado en cal. Localizada en ángulo coa nova consistorial, cunha praciña ao seu redor. Nave ás dúas augas, con cuberta de lousa sobre armadura de madeira, e co teito entaboado en tres planos. Dúas capelas laterais con acceso desde a parte superior da nave, con arcos esveltos de medio punto. Frontispicio con portada de arco. Presbiterio na mesma liña e no mesmo plano que a nave, algo máis baixo, con tres augas e bóveda de canón. A sancristía está no lateral norte.

Retablos e imaxes: O maior é amplo, cubrindo todo o testeiro do presbiterio; neoclásico, de relativo interese. Imaxes en escaiola. Capelas: lateral dereito, retablo barroco, con catro columnas salomónicas no primeiro dos corpos, lisas, e dúas columnas cativeiras, tamén salomónicas, no ático, con acios. San Roque, de 0,70 m. Lateral esquerdo, retablo barroco, catro columnas salomónicas con acios saíntes, de boas proporcións; procede da capela do castelo. Pegada á pilastra do dereito do arco triunfal, sobre unha peaña de pedra gra imitando un castelo, está a Virxe do Camiño, tamén chamada do Castelo pola súa procedencia; é de pedra, do primeiro terzo do século XVII; foi restaurada no ano 1955. Na sancristía un Cristo de 0,70 m; dúas cruces parroquiais, de metal; unha delas provén do castelo. Dous cálices, de 0,25; un deles moderno, dourado. O retablo barroco, da Concepción, tamén procede da capela da Fortaleza.

A imaxe do patrón, Santiago, describiuna así o escultor castroverdense Paco Pestana: "... Siempre a los piés de Santiago y de su caballito, absorto y pendiente del guerrero que estaba a punto de rebañarle la media luna y el gañote al moro yacente, un mohamed malencarado y cejijunto, con poca cara de víctima..."

No A. Réxime foi SS e XO dos condes de Altamira. ¡Como non, xerada, ancorada, nos propios alicerces do seu castelo! En canto aos condes referidos, aquí foron máis coñecidos de nome que de cara pois, como é sabido, nas longas ausencias, habituais, destes señores, as súas residencias feudais estaban a cargo do alcaide, con homes de armas ás súas ordes. ¡Os permanentes, os apegados á terra, eran os seus paganos; servidores e pagantes, de todo, por todo, e para todo, ata a súa extenuación!

Escudos heráldicos brasonando edificacións próximas ao castelo: Unha casa na praza da Constitución, anteriormente "do Rollo", que ten nunha das súas frontes a cabeza dun lobo sangrante, dos Moscosos. A de Pandelo, que ostenta un escudo con coroa marquesal; nun dos seus cuarteis tamén figura a cabeza do lobo; e no outro, cinco flores de lis. Na dos Bouzas, dous escudos, finamente labrados, en pedra calcaria, coas armas de D. Baltasar Santiso Osorio Rancaño Herbón e Moreda, e da súa muller, Dª. María Pedrosa Maldonado Andrade e Moreda, segundo as inscricións.

Por ter, dous hospitais tivemos: O de San Lázaro e mailo de San Bartolomé. A súa administración corría de orde da S.M., percibindo o primeiro deles unha renda de 493 reás de vellón, e o segundo 100. Non tiñan capítulo de gastos para a asistencia e manutención dos enfermos, que eran por conta de cada quén. Un administrador do que quedou constancia foi D. Juán José Osorio y Omaña, veciño de Santa María Madalena da Pena. Nunha das xambas da casa chamada do Tear, na praza da Constitución, queda un fragmento de lápida que fai referencia a un destes hospitais. Da súa inscrición, incompleta, líase a última liña, co nome de Felipe V. Na mesma porta, ao lado dereito, outro fragmento de inscrición, no que se lía o nome do xa citado D. Juán José Osorio. Un destes hospitais foi derribado en 1814, á vez que demoleron aquel fronteiro e ignominioso "rollo".




Castroverde, ¿ten irmáns?


De facto, témolos, e de iure, case, pois nas datas en que isto se escribe estanse tramitando as pertinentes Cartas de Fraternidade, cousa ben honrosa por certo, sequera sexa para efectos de relación cultural.


En Galicia


Un lugarciño que non chega aos 100 habitantes, integrado na parroquia de San Salvador de Noalla, concello de SAN CIBRAO DAS VIÑAS (Ourense). Foi señoreado polo Cabido de Ourense. Ten de analoxía co noso a circunstancia de que abeiraba outra vía romana, neste caso a que ía, ou viña, de Braccara.



A néboa logo é peor cá distancia


En Valladolid


Estoutro Castroverde apelídase de Cerrato, e ten categoría de Ayuntamiento. As raizames deste topónimo están nun diploma de Ordoño II, "...in campis Gotorum... Castrum viride...". Parece demostrado que estivo habitado desde tempos moi remotos.

A vila está situada nunha altitude de 780 m., e conta hoxe en día con 279 habitantes.

A comarca de Cerrato está formada por varios poboados que levan este apelido de "Cerrato": Alba de Cerrato, Castroverde de Cerrato, etc. Viven fundamentalmente da agricultura, gando lanar, cereais, algo de remolacha, viñedos para consumo, etc. Aquí temos os nosos "embaixadores" presentando as súas "cartas credenciais".





En Zamora



Castroverde de Campos. Comarca da Terra de Campos, a 16 km. ao norte de Villalpando. 435 habitantes.

Aquí os nosos "embaixadores" tamén foron amablemente recibidos.


Historia: No ano 1201 El Rei Afonso IX e a súa muller, Berenguela de Castela, outorgaron unha carta de "Fueros" ao concello deste Castroverde. Foi reguenga e de señorío desde o reinado de Afonso XI. Tivo catro igrexas, das que só está aberta ao culto unha; hai un convento de franciscanos.

Asociación cultural: Castrum Viride.




En Portugal


¡Que lle vou facer: o meu predilecto é o de Portugal! Non é que teña nada en contra dos outros Castros, pero este de Portugal, Castro Verde, coñecino tan de mozo, visiteino tantas veces, e téñolles tanta simpatía aos portugueses, que lle vou testar dous terzos dos meus afectos.

Cae no distrito de Beja, e son 750 km2, achegándose aos dez mil habitantes, en 5 freguesías. A capitalidade anda polos 4.000 habitantes. Asentada nun terreo chan, cerca do río Cobres.

No ano 1991, na miña enésima viaxe a Portugal, con calma, aproveitando que xa estaba xubilado, e que tamén desexaba coñecer Grándola, aquela "... Vila morena", de Xeca Afonso, aló me presentei, no veciño Castro Verde, disposto a fraternizar con aquel irmán ata entón, para min, só coñecido de nome. Non a comparar, pois as comparacións sempre son odiosas, odiosas e viciosas, que por algo fixo Deus un mundo tan variado e tan cambiante. A miña primeira impresión recolleuna El Progreso, no exemplar do día 27-10-1991. Pero non parou aí a cousa porque lle escribín ao entón Presidente da súa Cámara Municipal, en agradecemento, e facéndolle algunhas propostas de relación fraterna e cultural; aquí vai a súa contestación, cuxo orixinal fixen seguir de inmediato ao Concello do noso Castroverde, acompañado de material informativo. Daquela carta nunca máis se soubo, pero aquí está a copia da por min recibida, da "portuguesa", que a considero documento histórico:


O Alcalde de entón non me fixo caso, pero a Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, si, e aquí a nosa "toma de posesión", acompañados do noso Concelleiro Sr. Parajuá.



Escudo de Castro Verde


Brazâo de armas: Castelo de verde, que simboliza a própria povoaçao. Os escudetes com as cinco quinas referem-se a D. Afonso Henriques e ao milagre da batalha de Ourique. A cruz de Santiago alude á importante comenda da ordem de que foi Castro Verde.

A agro-pecuaria, -e nos últimos anos a mina de cobres-, constitui a principal actividade económica de Castro Verde. Para além dela haverá a destacar o sector da construçao civil e obras públicas, cujo incremento registado nos últimos anos se deve fundamentalmente á acçâo da autarquía e em certa medida aos investimentos realizados pelos emigrantes, e aínda o do comercio, administraçao pública e serviços de saúde e ensino.

Vai en portugués para afacernos a convivir, a coñecer e a respectar, sen por iso deixar de intercambiar, de admirar e de comprender.


Actas do Irmandamento






Pasa a
CASTROVERDE -X-

No hay comentarios: