sábado, 5 de julio de 2008

CASTROVERDE na Historia e no presente -V-




.../...

Corridas do galo. Tradición moi antiga que consistía, basicamente, en atribuírlle ao galo, ao ditador do galiñeiro, cacique sempiterno, unha serie de falcatruadas machistas dignas dunha punición exemplar e pública. Por outra parte, a Queima da Pascua din que lla debemos á clerecía, curas e frades, emperrados en botarlle a Eva toda clase de culpas e intrigas. Queimando unha moneca pirotécnica, previa Sentenza, con testemuñas, avogados, e todo iso, substituíanse os efectos depurativos, correctivos, da extinta, pero non esquecida, Inquisición.

A última "Sentenza" de categoría, nesta bisbarra, tivo lugar na Meda, o Domingo de Resurrección do ano 1948. Foi a primeira vez que falei en público, e aquí me tedes, na Tribuna, entre meu pai e José Manuel Miranda Fernández. Deuse a particularidade de que meu pai redactara os predicamentos en galego, delito que lle pasou desapercibido á Garda Civil, e iso que estivo en todo momento ao pé do "Tribunal". (Supoño que dirían: Isto son parvadas de catro rústicos, e por tanto non implica unha resurrección galeguista!).


Festas de gardar e/ou de celebrar. Cando o home se sente ledo, iso é festa, sexa íntima, sexa de gardar (as relixiosas), ou de celebrar, exteriorizando, compartindo, esa ledicia con outras persoas, con tódalas do círculo afectado, sen xenofobias.

As festas rurais teñen, tiveron sempre, unha afirmación, unha consolidación, da solemnidade espontánea da propia comunidade. As urbanas, as institucionalizadas, carecen dese frescor, desa apertura veciñal, entrañable, que se aprecia nas merendas, nas comidas de campo festeiras, nas que ninguén se achegaba, amigo ou simple coñecido, que non fose brindado, xenerosa e cordialmente, coa cata do melloriño, fose comida ou bebida.

Esta comunicación festeira na bisbarra de Castroverde só se truncaba cando concorría unha destas circunstancias: Un mozo desairado porque entendese que certa rapaza daba preferencia, "una palabra" a destempo, a un suposto rival. Ou, en conxunto, toda a mocidade dun lugar, ou dunha parroquia, por sentirse preteridos ou inxuriados dalgún donxoán foráneo, desconsiderado e/ou cazadores. Isto de pretender fóra da parroquia era unha cuestión delicada, que tiña o seu protocolo, o seu savoir faire, hipersensibilizados como estaban na cuestión dotal: "¡É un ladrón; quitounos a mellor, e por riba, capital na man!".

Aquilo da endogamia non foi ningunha rareza do noso país senón acomodacións, esixencias da precariedade rural que se padeceu na Galicia preindustrial. Viña de lonxe, das tribos e dos castros, pasando por un medievo no que o señor feudal, e con eles a Igrexa, casaban a quen querían, cando querían, e con quen lles petaba. ¿O escravo? ¡Dez, que dez era preciso ter para independizarse unha parroquia, daquela do Fuero Juzgo! Dez escravos devidos en servos, e estes en criaçóns, en criados sen paga, que non tiñan máis vontade que a imposta, día a día e de ocasión en ocasión. Xa non falemos de dereitos de pernada, primae noctis, a cousa máis humillante do feudalismo, por esquecida que a teñamos, que isto si que non foi unha lenda.

Do feudal pasouse ao patrucial, á esculca, de onte mesmo, nunha escolma ambiental, conculcada; xeralmente máis por necesidades de supervivencia que por abuso da autoridade paterna. O primeiro dos consellos, ou un dos primeiros, que recibían os primoxénitos, os morgados, máis sabido có Noso Pai, era aquilo de que O que lonxe vai casar, tacha leva ou a vai buscar.

A oposición á endogamia xerouse, ou afianzouse, coa chegada do voto universal, feminino, e coa emigración, pero tamén cos saberes sexuais pois a veciñanza, o coñecemento e maila confianza, desde a caneta, ocasionou unha alta porcentaxe de embarazos prematuros, non diría se desexados ou non, acaso do veciño da porta, que tiraron da mocidade local cara ao altar; supoñemos que proporcionándolles aos patrucios respectivos unha felicidade circunstancial. O de asegura-lo dote nas cortiñas contiguas, ou levar terras como anticipo da lexítima, amén da hucha e da cómoda, cumpríase perfectamente nestes casoiros de inmediatez.


As feiras, como complementariedade da súa función de mercado, festas eran; festas en tanto en canto proporcionaban descanso, exhibición e relación social.


Festas completas, cheas, de bo vestir, de competir, ineludibles nesta bisbarra, eran as relixiosas, sinaladamente as patronais. Daquela acondicionábase a mellor estancia do sobrado; sacrificábanse reses, polo pouco, gando menor; íase á tenda; solicitábase a concorrencia de parentes, amigos e compadres... ¡A casa pola ventá!


O patrón / patroa de cada parroquia esixía a súa celebración; como mínimo, un día feirado; afeitados e sen xungui-las vacas. Despois, en segunda categoría, estaban: o Aninovo, canta-los Reis, o Carnaval, a Pascua, garda-lo San Sidro, enramallar as casas e mailos hortos por San Xoán, o San Froilán (os patrucios a vende-la mula, e os mozos de troula, no seu domingo); promesas, ofertas aos santuarios... Máis ou menos como se fai agora, pero cun acentuado espírito relixioso, sacramental, con consciencia de pecado, fose por acción ou por omisión.

Aninovo. A verdade é que nestas parroquias de Castroverde, polo menos ata que entraron aqueles aparellos de radio que pesaban un quintal, salvo para quen viaxase anteriormente, aquilo das doce badaladas soaba pouco; ¡non se oían! A Noite Vella era o San Silvestre, un nome relativamente abondoso. Do demais, mexar e á cama, que para o día seguinte era o santo do Manuel, dos Manolos, ¿e qué familia non tiña dous ou tres, entre varóns e mulleres? O máis característico do San Manuel, que se repetía no San Xosé, e con algún máis dos máis nomeados, era tirar de copas, unha botella de "país" e outra de anís (esta para as mulleres), casa por casa, todo o lugar, por grande que fose. O queixo, con pan, para que o alcol non fose ás veas, poñíano as casas visitadas. A últimos do XX chegaron as galletas, as pastas...

O de canta-los Reis si que era de precepto, ensaiando a cotío, xa desde o Nadal. Íase incluso a lonxe, fóra do lugar, pero nunca, ou raramente, ás outras parroquias. Non localicei composicións made in Castroverde, e iso que preguntei en varias parroquias aos vellos do lugar. As que me recitaron coincidían coas que me dixeran no Corgo, en Pol, ou no Val, Tras da Serra; se acaso con pequenas variantes por deformacións lingüísticas. Todo apunta a que as divulgaron, en castelán por certo, os sacerdotes, en particular os frades.

Para ve-lo Nacemento, desde varias parroquias temos ido a Millares, á casa de Dª. Emilia de Brañas; e cando esta señora se foi para Lugo, a Lugo se foi, que daquela aínda non nacera ese "nacemento" mecánico de Begonte.

¿Que traían os Reis? Case sempre, unha boa xeada; e do que non, un diluvio, co paraugas roto e o paraugueiro ben abeirado, no seu Ourense, ¡que sempre viñan desde que non facían falta!


Do Carnaval, ¡moito! Xices e cirichóns, con émbolo de estopas na punta da baqueta, para que fixese presión. As "carnavaladas", iso de "meter palla en albarda", foi tremendo, un auténtico abuso dos inocentes, que as pasaban negras. As feiras de Carnaval, xunto coa cachucha, eran un pracer completo. Na euforia dos anos vinte deuse en ir a Lugo, onde xa abundaban as carautas, amén doutros divertimentos. Unha especie de segundo San Froilán. Nunha daquelas, ao Carballeiro de Serés, que o pobre tiña máis cosidos que pelos na súa cabeza, dos paus que lle devolveran, apeteceulle entrar no Café Mercantil (en Santo Domingo, esquina a San Marcos), e sentouse, co cafeíño diante. Nisto que a cantante-bailarina de quenda saíu á palestra levantando a saia, pícara, airosamente, de paso que gaceaba, "¡Ei, Carballeira, árdeche o eixe?". Boa foi, boa a fixo, pois o noso veciño deuse por aludido e, poñéndose en pé, entusiasmouse: "¡Aínda non me esqueciches, condenada!". Seica foi a mellor anécdota daquel ano.

Oficialmente, as festas do Carnaval estiveron suprimidas por unha Orde do 3-2-1937, que o gobernador civil se encargaba de recordar anualmente, pero en Castroverde nunca se cumpriu, disfrazándoas de simples foliadas, bailes con gaiteiro e tambor, ao son do cal algo máis se troulaba.

Fóra do nome e da pura tradición, os carnavais cos que estreamos o século XXI difiren bastante daqueles de comezos do XX, incluso nesta bisbarra que sempre foi conservadora en canto a usos e costumes. Seguen tendo un moito de rebeldía, pero esta é doutra natureza. Algúns aspectos:

. Aínda que se facían caretas, rudimentarias, con tea ou recortando cartóns, era só para non ser recoñecido; non había esa vontade actual de asumir outros roles, de suplantar, de imitar, de ridiculizar.

. O home só se vestía de muller para encarna-lo papel de compañeira do predicador, e aínda así facíano porque as rapazas non se atrevían a falar en público máis alá do rezo do rosario.

. Co fácil que lles era embutirse no pelello dun animal, fose de caza ou doméstico, daquela que tanto se apreciaban e utilizaban as peles, pero nin así, que un home era un home, e desa dignidade non había Entroido que o apease.

. Chistes do cura e da súa criada, na intimidade cantos se quixesen, pero diso a proferir en público o menor desacato, ¡xamais!

. A Coresma cumpríase con tódolos xaxúns e abstinencias preceptivas, pero a súa aceptación era o suplicio de Tántalo. De aí a fartura previa, en particular a do Martes de Entroido, Introitus: ¡Mañá non me deixarás, pero o que é hoxe..., para un mes! Non era só iso, que tamén concorría a circunstancia de que o despezamento do porco ameazaba con esgotarse, que os touciños, ata que se empezase a cavar no monte, colgarían dos tornos, e daquela..., ¡alforxas, que imos de viaxe!

. De aludir, amentar ou escarnecer aos caciquiños da localidade, nin se lles pasaba pola cabeza, que non se atrevían; se alguén se queixaba do Goberno era en alusión ao altísimo, ao de Madrid.

. A celebración externa, con bromas, cirichóns de auga, marcas de xiz, coplas, urros, cancións, bailes, etc., por aquí sempre foi morixerada; de alegría sa, comunicativa, participativa; decorosa e comedida, sen caer nas esaxeracións actuais, predominantes precisamente nas vilas que máis presumen de manter unha tradición carnavalesca, que a están sufocando, repugnando, ao pasar dos nosos típicos e divertidos apropósitos a unha serie de despropósitos un tanto irracionais.


Quedou o dito, "A Pascua coas túas mulleres, e o Carnaval por onde puideres". O que si era fácil de levar era a Coresma, incluso sen bula, pois en xaxún case todos estaban / estabamos adestrados, pero a Pascua esixía a morte dunha ovella ou carneiro, o retorno aos chourizos, ás filloas... ¡Demasiado para aqueles estómagos encollidos!


As misións da Coresma. Abundaron despois da guerra, ¡había que misiona-los rojos! Adoitaban ser interparroquiais, pouco menos cás feiras. Como mínimo, un triduo; e como máximo, un novenario. Os predicadores viñan de fóra, e os curas de cada parroquia, tanto para isto como para as confirmacións, tiñan o maior empeño en presentar, en acudir, coas súas procesións, particularmente para o día da clausura. Íase cos santos engalanados, nunha especie de procesión, entoando motetes previamente ensaiados en cada parroquia. Foron os primeiros actos nos que se utilizaron altofalantes, traídos nin sei de onde.


O "sermón" do Entroido, que aquel si que era pagán, acaso un arremedo de tantos que recibían, e mal entendían, dos clérigos, tan latineiros daquela, ao longo do ano, particularmente na Coresma, segundo queda dito, era parte esencial nos ritos do Carnaval galego. Un relaxo, un berro de rebeldía. Un urro proferido, acaso, desde o carrus navalis (barco con rodas), séxase, a carroza triunfal do Entroido. As licencias de ocasión daban lugar e acomodo para saírse de madre sen que a un lle amentasen a nai; bula absoluta, da carne e dos falares. A sátira ía, pois, ata onde chegase o enxeño do autor, presentando e recollendo, coma un feixe, tódolos gallos do toxo, desde as flores, desde as chorimas, á espiña: Feitos sobresaíntes, episodios hilarantes, arremedos, incidencias veciñais, malos tempos, traballo, ¡traballos!, ruindades, abusos caciquís, reprimendas do confesionario...

En Castroverde debémoslle a Vicente Risco que nos pasase á historia de Galicia este retallo dun "sermón", ben típico por certo, botado na Meda nos Carnavais do ano 1928:

.../...
Non extrañedes, rapaces, - que anque son vello e mal feito,
queira poñer en compase - o que hoxe me sinte o peito.
Obrigado a decir algo - nesta festa feiticeira,
pareceume moi do caso - contar cousas da lareira.
Pra espircarvos, pois, en prata - i entendais o que vos digo,
vinde conmigo á cociña -i escoitai polo postigo
dunha casa das da aldea - anque sea a do tío Mingos.
Escoitái de boa gana - e mirái polo zorrollo
cómo canta a tía Froilana - moitas cousas do mal de ollo.
Mais Mingos non lle fai caso, - que está tirando a caldeira,
e de veces, entre tanto, - chámalle faranduleira.
Mais ven logo a tía Xuana, - pra facer algo de cena,
i enseguida irse á cama - en areglando a facenda.
Chega Farruco do monte, -empeza a baragundiar,
bota os cachelos na fonte: -"Caramba, quero cenar".
Sae Mingos: "Ai, Farruco, - eu de ti non cho creía
que tomases tan a pulso - o quedar sin a morcilla.
Has de saber meu Farruco -que mentres un beba e viva
non faltará nesta casa - bon chourizo e boa morcilla.
Porque na nosa pobreza, - que non fago ben dicilo,
nunca nos faltou na mesa - caldo bon, pan e touciño.
E xa nos meus antepasados - nesta casa así viviron,
ben fartos e ben honrados, - respetados dos veciños.
Desde Xan hasta o tío Mingos, - e si non foran as pagas,
tantos dotes i as manuicas, - esta casa iría arriba,
desempeñada de trampas". - Está Xuana ben sentada
tras do lume, nun mesote, - facendo grandes novelos
pra unha saia de picote. - Sempre foi ideia dela
marmular de todo o mundo, - pero agora que vai vella,
non deixa de man o fuso. - Moito fía, moito fala,
moito reñe cos pequenos, - que se toman a porfía
de marmular dos temperos. - Non marmula a condenada
cando rezan o rosario, - pro sempre está topeneando,
sentada xunta o andámeo. - Pero é tan aforradora
que alabala non é moito, - pois sempre lle chega a carne
desde a matanza hasta o entroido. - Pasemos a outra cousa,
xa é tempo de acabar, - porque o tío Mingos relouca
i o rosario vai rezar. - Pro como está costipado
limpa os mocos ó saleiro - e logo que está ben sonado,
bota mau ó tabaqueiro. - Funga ben, funga, tu Roque,
todos debemos fungar, - porque o rapé pola noite
eche manteiga de azar. - Ponse mentres ca rodilla
arrimada ó trafugueiro, - pra sacar pronto da almilla
o rosario e o mecheiro. - Rezan todos o rosario,
unhos mal e outros de gana, - i enseguida que se reza,
vaise todo o mundo á cama.
.../...


Tradición gozosa tamén foi a do San Xoán, enramalla-las casas, lavarse con auga de rosas...


Desde as rogas de cavar, pasando polas herbas, a sega, as mallas...; o mellor banquete estaba neses traballos colectivos, de cooperación veciñal; ¡festas, en definitiva!


A feira do San Froilán era a grande, a meirande, a das colleitas recollidas, a de vende-la mula, a de ve-lo nunca visto, aínda que por veces decepcionasen aquelas aglomeracións, aqueles desequilibrios co cotián, co habitual de cadaquén, como lle pasou á Figenia (Ifigenia) das Cavozas, que a levaron a Lugo para que os mozos se animasen, para que visen "que tiña mundo". Regresou tristeira e desacougada: -¿E logo, Figenia...? -¡Boh, tanto Lugo, tanto Lugo, e resulta que nin teñen un palleiro para abriga-los cans!

Isto das festas especializadas, gastronómicas, -metade festa, metade feira-, vén de onte mesmo, de últimos dos XX, que de aí para atrás gastronómicas eran todas, que calquera cousa sabía a gloria, e co racionamento, que tantos anos durou, ¡cada cupón, o seu festón!

Cada parroquia tiña o seu chiste, a súa anécdota ou particularidade, pero a festa do Santo, en Montecubeiro, tiña dous: Que durmir no Campo (no adro), en cama de palla, da dos veciños de San Cibrao, custaba un real, ¡por persoa! E logo que os sobresaíntes, estivesen ou non bébedos, pasaban, facíanos pasar, a unha corte, enreixada, na casa do médico Reigosa, e de alí non saían, non lles abrían, ata que rematase a festa, ou pagasen outro real, ¡co que se lles ía a borracheira!

Nesta parte do país o campo das festas non era precisamente, especificamente, un escenario de parrafeos, de "ligamentos", senón máis ben un lugar de diversión e de coñecemento, de quedar para... Os parrafeos, as conquistas definitivas, tiñan lugar os domingos, cabe da fonte do lugar, coa sella da auga por pretexto e por testemuña, unha especie de cuño das promesas. Xa o dicían os nosos conselleiros: "Non busques moza nas festas de gardar; búscaa de mantelo, coa sella na cabeza, e que che sirva o xantar".




Fonte dos Namoros, na Meda.
Estado actual.


Para efectos do turismo gastronómico hai que ter presente que hoxe en día tan só o caldo adoita ser doméstico, colleita propia, con produtos do país; ¡o resto, da tenda! Pasa o mesmo en todas partes, maiormente desde que nos especializamos en vacas, en árbores e nos subsidios da vellez. O que hai que buscar, sempre, con bisbarras, zonas, localidades, de terra xenerosa, pois eses tales están afeitos á boa vida, ao bo comer, á limpeza exquisita..., ¡simplemente porque teñen ese atavismo, que así se comportan, para propios e para alleos! "A danza sae da panza, amigo Sancho".


Os enterros. Despois de tanto falar dos gozos, isto parece un sacrilexio, pero aí están, na historia, monumentais, tanto que en moitas parroquias logo non deixan entrada dispoñible para acceder á igrexa respectiva; o da monumentalidade é típico en toda Galicia, pero nesta zona non estamos por debaixo da media: ¡Unha competición marmórea! En certo enterro gastoume unha broma un retornado da Arxentina: -¡Chico, nin que todos viñésemos de Bos Aires! -¿E logo...? -¡O que ves, pois este luxo..., nin aló, e iso que os italianos, para cousas fúnebres..., así non lles quede para spaghettis!

O mellor libro de historia local está nas laudas: ¡O noso Castroverde é..., porque foi! Iso está aí, iso é inmutable: Somos o que somos, e tal como somos, porque así nos foi modelando a terra, e coa terra, a súa historia, a historia dos nosos devanceiros. Tódolos pobos honraron aos seus entregos, por salvaxes que fosen, ou incultos que nos parecesen. Para nós esta esixencia é altísima porque altísimos, sobresaíntes, foron os merecementos dunha xente ¡que nunca deu que dicir! Esta é a mellor definición sociolóxica que pode merecer, sexa dunha familia, dun lugar ou dun concello.

¡A xente de Castroverde nunca deu que dicir! Iso implica que foi tradicionalmente respectuosa, morixerada, laboriosa; de boa convivencia, en definitiva. Á historia non lle importan os indignos, sempre que sexan, sempre que fosen, casos illados e intranscendentes. A historia nútrese de balances, de resultados finais; ¡é unha suma alxébrica!; e neste suposto ninguén lle pode dar un suspenso á xente do noso concello, nin á pasada nin á presente.

A asistencia e mailo silencio, o comedimento, da xente que concorre aos nosos enterros, evidencia dúas cousas: agradecemento e participación, ou o que é igual, excelente disposición para efectuar o relevo do facho, para seguir adiante. Como dicía Enriqueta Otero: "Moito temos recibido, así que moito temos que devolver, que transmitir!". ¿A quen? ¡Para empezar, ao próximo, aos que veñan tras nosa!


¡O feudalismo convertémolo en danza!




Foros, doazóns e preitos.
Documentación

Lamentablemente, pouco é o que temos, ou o que está localizado, pois pouca documentación conservaron os nosos patrucios, máis preocupados por pasárlle-las terras aos seus morgados que por espalla-la historia herdada, que sempre é, debe ser, un ben colectivo, de dereito natural, universal. Ser herdeiro implicaba, transmitía, o privilexio de cobrárlle-las rendas aos segundos, aos que cavaran, sementaran e segaran, mentres aqueles primi inter pares botaban a sesta á sombra, cos pergameos herdados por almofada, circunstancia, tradición, que contribuíu á dexeneración racial, ao parasitismo conxénito, e que se lles subise o balor á cabeza; ¡o balor, que non o valor!

Se algo quedou, e para iso hai que buscalo en Madrid, no AHN, foi grazas á Igrexa, aqueles curas e aqueles frades miméticos dos irmáns maiores, ou sexa, da nobreza, fose alta ou baixa. Con algunha excepción, que algún sobriño ten vendido arrobas deses pergameos aos trapeiros..., ¡para reciclar papel! Por iso, por esa excepcionalidade, damos a estes catro documentos o mérito que teñen, que algo nos din, algo aluman nesta cova lóbrega da investigación imposible, ¡case que estéril!

Foro de constitución do convento de Monte Cubeiro. Data do ano 1472, e está escrito nun pergameo sumamente borroso pola acción do tempo e polo mal coido de que debeu ser obxecto ata que pasou ao Archivo de Hacienda de Lugo, e deste, ao Histórico Nacional. Ao dorso do mesmo, con carácteres máis lexibles, pode lerse: "Hízose este foro a Lopo Afonso, Capelán, y el que se pasó ante Gonzalo Dourado en 3 de junio de 1472".

O texto, aínda que borroso, ofrece algún fragmento de relativa claridade; dun deles pode sacarse o importe en renda que pagaría polo privilexio de erección o convento de Monte Cubeiro ao da mesma orde, de San Domingos de Lugo, aforador das propiedades que o cenobio ía posuír: "... seis fanegas (en cada ano) de pan, limpio de polvo y paja, por la medida citada (?), pago en todo el mes de septiembre..." Noutro fragmento vemos, tamén con bastante claridade, o nome do prior que, en virtude deste contrato de foro, pasaría a selo do novo convento dominico: "... Benedicto Lopo Afonso, que presente está..." Termina este contrato con estas verbas: "... el dicho Presidente me mandó firmar". Firma del escribano y rúbrica.

¿Como se concertou esta operación? Obviamente, segundo era uso e costume daquela: ¡tanxendo a campá! Pero non as actuais, pois a torre de San Cibrao aínda non estaría alzada; ¡máis ben serían as de Lugo! Cláusula ou fórmula, costume conventual, de face-los pactos, que requirían o consentimento de tódolos frades da mesma orde e convento.

Memorial de gra que levou o convento de San Domingos de Lugo ao extinguirse a comunidade de Montecubeiro para anotación de rendas e contribuíntes que pertencían ao extinto, e que pasaron ao de Lugo. Na sección de Clero, documentos do Mosteiro de San Ciprián. Comprende ata o ano 1889, con anotacións periódicas, pero tamén irregulares. Trátase dun manuscrito compendioso, forrado en pergameo e feito cun feixe de pregos de papel de barba, así rotulado: "Memorial de granos, foros, réditos de censos y servicios pertenecientes al Priorato de san Ciprián de Montecubeyro. Que pasó del convento de Santo Domingo a los archivos de Hacienda de Lugo, y de estos al Archivo Histórico Nacional".

O "Memorial" que se localizou foi o de foros pagables en centeo, aludindo e remitindo nalgunha das partidas a outro "Memorial de trigo", que non localicei. Do último decenio, 1880-1889, no que se pagou centeo, resultan estas anualidades polo que respecta á freguesía de Montecubeiro:

Lugares

Albaredo, 3 contribuíntes, 9 fanegas, 2 ferrados e 1 tego.
Barreiro, 8, 7, 4, e 1, respectivamente.
Bascuas, 3, 15, 3, 0, "
Berducedo, 8, 9, 0, e 1, "
Berlán, 6, 25, 1, e 1, "
Cabozas, 2, 9, 0, e 1, "
Campo, 2, 9, 0, e 1, "
Castelo, 3, 8, 4 e 0, "
Cogula, 6, 8, 0, e 1, "
Escouredo, 4, 14, 1, e 0, "
Fato, 3, 13, 0, e 1, "
Fojos, 2, 12, 3, e 1, "
Graña, 3, 12, 0, e 0, "
Gruñedo, 2, 1, 4, e 0, "
Insua, 2, 10, 5, e 0, "
Maceda, 7, 20, 2, e 0, "
Magide, 7, 37, 4, e 1, "
Pombal, 1, 7, 0, e 0, "
Podriqueiro, 2, 8, 3, e 0, "
Pumarín, 6, 11, 5, e 0, "
Ramalledo, 1, 5, 0, e 0, "
Sagaruje, 2, 10, 0, e 1, "
San Ciprián, 5, 17, 5, e 1, "
Sarceda, 9, 32, 0, e 0, "
Teixeda, 3, 7, 5, e 0, "
Valiña, 2, 5, 0, e 0, "
Veiga, 10, 21, 1, e 1, "
Vilar, 9, 25, 0, e 0, "
Villarín, 6, 9, 4, e 0, "

Este "Memorial" tamén recolle, e nunca mellor dito iso de "recoller", as renda satisfeitas polas seguintes localidades, afectas igualmente aos foros do precitado cenobio de Montecubeiro. ¡Polo ferrado de Lugo, que era o grande!

Freguesías de:

Albaredo, 3 contribuíntes, 9 fanegas, 2 ferrados, e 1 tego.
Espasande, 2, 6, 0, e 0, respectivamente.
Pandelo, 2, 6, 0, e 0, "
Gondel, 7, 11, 4, e 0, "
Luaces, 7, 33, 3, e 0, "
Mosteiro, 1, 2, 3, e 0, "
Serés, 10, 26, 0, e 1, "
Camino, 2, 0, 3, e 0, "
Recesende, 1, 10, 2, e 0, "
Suegos, 5, 14, 4, e 1, "
Librán, 3, 0, 2, e 1, "
Millares, 2, 10, 2, e 1, "
Fonteo, 2, 12, 5, e 0, "
Valpedroso, 4, 5, 0, e 1, 2
Silva, 3, 8, 0, e 1, "
Vilalle, 1, 1, 3, e 0, "
San Fitorio, 3, 16, 1, e 0, "
Naveda, 3, 1, 4, e 1, "
Bolaños, 10, 31, 1, e 1, "
Masoucos, 3, 4, 5, e 1, "
Mirandela, 7, 16, 1, e 1, "
Villacote e Riomol, 15, 27, 1, e 0, "
San Cosme, 3, 4, 0, e 1, "
Caraño, 16, 43, 3, e 0, "
Fagilde, 5, 25, 3, e 0, "
Oriz, 1, 8, 0, e 1, "
Pena, 14, 83, 3, e 0, "

O igrexario de Pena satisfacía, como tal, á parte do achegado por eses 14 veciños, 20 fanegas de centeo. En Suegos, como renda para investimento en obras pías, a viúva de Rafael Fouce pagaba unha fanega de centeo, que se destinaba para culto e conservación da capela de Fojos (Foxos). Non contaba boa señora co final que chegaría a ter este templo da súa especial devoción, que o padexaron a últimos do XX, ao parecer coa anuencia do párroco de Montecubeiro, porque algún veciño do lugar non quixo cede-los terreos contiguos para a pista de acceso ás casas do lugar.

Coido que chega cunha ponderación superficial dos datos que anteceden para decatarse de que, entre outras consideracións: O convento incrementou, progresiva e considerablemente, a súa riqueza, e de paso a súa influencia, fose por doazóns ou por compra de pertenzas doutros señoríos, que de todo habería. A venda desta inxente cantidade de cereal, amén do recadado noutros lugares, dáballes os dominicos de Lugo un gran potencial económico, para distintas aplicacións, entre elas a redistributiva (esmolas, obras pías, ensino, achegas para outros centros da propia Orde, obras de arte, edificacións, etc.). Por contra, aqueles labregos, soportando esta e outras cargas paralelas, simultáneas, por moito que vesasen..., ¡anemia xeral! Nesta bisbarra a supervivencia, a nutrición, estivo asegurada máis ben coas castañas, que de secas no caínzo aguantaban varios meses. ¡Verzas e castañas, castañas e verzas! Así se produciron aquelas migracións masivas, interoceánicas, dos séculos XIX e XX, sen as cales non serían posibles as redencións forais, absolutamente vitais para a modernización deste país, para soerguerse ante os señoríos.

O convento - granxa de San Cibrao, que nunca foi numeroso en frades, tivo que dispoñer dun número considerable de criados - recadadores, seguramente con recuas de mulas, pois os carros do país entrollaríanse nas corredoiras. Desta recadación apenas se beneficiou a parroquia, salvo acaso para a restauración da igrexa, no ano 1787, e iso que daquela habería abondosa prestación persoal. O conventiño, en pedra do país, se tivo restauracións foron mínimas e pobres, pois así o evidencian as súas ruínas, ¡puro cascallo!

A magnitude acadada polo sistema foral nesta zona de Castroverde merece un inciso reflexivo: Nos primeiros tempos que seguiron á Reconquista, ou máis concretamente durante o maior apoxeo do feudalismo, os servos traballaban a terra do señor, sometidos por enteiro á súa xurisdición e á súa vontade; de aí saíu, paulatinamente, o apoxeo da burguesía artesanal, paralela, único camiño que gozaba de certas liberdades. Xa no XIII avanzouse algo, e con notables consecuencias económicas, pero aínda coas liberdades restrinxidas, e cuns tributos que satisfacer polas propiedades cedidas a labor, de cantidades fixas e periódicas no seu cobro, que por outra parte foron eliminando aqueles tributos vexatorios e imprecisos, incalculables, precedentes. Os reis puxeron grande interese nesta evolución, instrumentalizando aos labregos, valéndose deles, sempre atentos a restarlle potencia e rivalidade ao feudalismo, para converte-la nobreza, progresivamente, en catacaldos palacianos, en cortesáns rendeiros, unha especie de criados autopagados, ou pagados á conta de terceiros, xeralmente por vía punitiva. ¡Se non te portas ben, o teu pásollo a Fulano, que por algo me adula e me serve! O novo sistema recibiu a denominación de rendas forais, ou en saco.


Foro, equivalente ao concepto castelán de fuero, era o canon, ou pensión, que se pagaba en virtude deste contrato, á vez que privilexio ou exención que se concedía a unha provincia, vila, concello, familia ou persoa. Na Idade Media, lei ou códigos dados para un concello. A primeira lei, limitativa, que fala directamente dos foros españois é unha real cédula do 27 de abril do ano 1744 pola que se prohibe aforar bens pertencentes a igrexas, mosteiros e señoríos, por máis tempo de nove anos, pero con liberdade de prórroga, estendéndose en investigacións xerais da propiedade e en comiso da non documentada, que o estaba en gran parte. Produciuse un clamor xeral contra esta lei, e en 1759 elevouse a El Rei, por medio dos deputados galegos, unha solicitude de perpetuidade dos foros, figurando como partes no expediente, sobre a súa renovación, o marqués de Bosque Florido, deputado xeral; as ordes de San Bernardo e de San Bento, principalmente; e tamén o marqués de Astorga, conde de Altamira, dono directo duns territorios moi extensos, como ben sabemos, e padecimos, aquí por Castroverde. Esta solicitude foi aprobada e tida en conta para os seguintes decretos desta índole.

Os primeiros traballos e normas para a redención foral parten da Pragmática do Consehjo de Castilla de 1763, evolucionando paulatinamente en canto á forma, canalización e solución do antigo problema territorial ata o Decreto do 20 de febreiro de 1874, que lle deu forma e adaptación máis ampla e xeral. As leis da novísima recompilación e maila de señoríos de 1823 autorizaban xa a redención por partes, por metades ou terzos, contrapeso dos tipos sinalados; iso si, onerosos para os redimentes.

O 1 de maio de 1855 foron declarados en estado de venda os pertencentes ao Estado, clero, ordes militares, confrarías, santuarios, beneficencia, etc., así que, a partir desta data, perde actualidade o problema foral, subsistindo os de particulares, aínda que poucos, e algún que outro pertencente ás citadas institucións, que tardaron varios anos en realizarse. Esta RO prescribía que os foros non redimidos no prazo de seis meses seguintes á súa promulgación serían vendidos por poxa, e que o Estado empregaría estas percepcións en cubri-los déficits dos presupostos, para amortización da débeda, e para obras públicas de interese. A existencia de foros desta índole nos anos posteriores á citada disposición demostra que esta non se cumpriu nos termos sinalados. Esta lei perdoaba aos redimentes os atrasos habidos, razón pola que aparecen no Memorial de gra de Montecubeiro partidas sen saldar e que continuaron nese estado ata o peche das anotacións.

A lei de 1873 tamén permitía a redención fraccionada do canon; por tanto, gravosa para o dereito dos propietarios, suscitándose protestas destes, ¡que algunha vez lles tiña que tocar perder!

O problema dos foros acabou de extinguirse a partir do proxecto-lei de censos, presentado polo xurisconsulto galego Montero Ríos, sendo ministro de Fomento. Aprobado este proxecto, saíu a Lei do 3 de xullo de 1886 que, para dar novas facilidades á redención, eximiu de pago de dereitos reais aplicable aos contratos de foros redimibles, igual que o fixera a novísima recompilación.

Así temos nos redimidos que se acolleron ás sucesivas disposicións os primeiros propietarios emancipados de todo señorío, que pasaron a posuí-los seus casais en plenitude.


Outros documentos:

Donación de propiedades hechas por Frey Rodrigo de San Finz de Serés al convento de Santo domingo de Lugo. Pergamiño da colección de San Domingos, Sección Clero, atado 742. É unha doazón feita ao convento dominico de Lugo, a cuxa comunidade pertencía, das súas herdades en Serés. Este documento ten escrito ao dorso, como explicación do seu contido: "En esta carta están apeadas las herdades que mandó Frai Rodrigo de San Finz, fraile de esta casa a la misma casa. Está cosida con esta y es la primera hoja de este protocolo".

Neste senso, enténdese por "apeo" o deslinde ou demarcación de terreo ou terreos afectados ao pago dunha pensión foral. Ten aplicación soamente en Galicia e en Asturias.

En realidade, o pergameo conservado no Arquivo Nacional é tan só a carta de doazón, pois o prego que contiña o apeo indicado no pergameo xa non existe; polo menos, non está unido á doazón, que é do ano 1478. ¡Aínda non se descubrira América!


Allanamiento o acuerdo entre el convento y los vecinos de Villacote. Tamén obra no AHN, sección de Clero, atado 3.434. é unha escritura do ano 1819, coa seguinte nota marxinal que aclara o seu contido: "Contiene el allanamiento que hicieron los de Vilacote de la paga de los ocho reales de vellón, cada uno de los seis caseríos, por un cerdo cebado". Os veciños deste lugar decláranse ante o convento contribuíntes, desde unha data inmemorial, do foro aludido. Os datos principais que achega a escritura mencionada son: "En el lugar, feligresía y coto de San Ciprián de Monte Cubeyro, a 16 de julio de 1819..., delante de mi, escribano de Su Magestad, comparecen, R. P. Presidente y Cura Párroco del convento de este coto Fr. Vicente Rodriguez, y de la otra... (os veciños de Riomol e de Vilacote). Se hallan poseedores a continuación de sus antecesores, de seis caseríos, y del dominio directo del citado convento, anexo al de Santo Domingo de la ciudad de Lugo..." Fírmano o escribán Manuel María Díaz e mailos outorgantes.

a continuación da precitada escritura de allanamiento (de recoñecemento de foro), no mesmo atado, vén o


Apeo de Riomol. Este apeo, unido á escritura anterior, por demostración de foros existentes, é do ano 1664. O 16 de febreiro de 1664 é formulada polo presidente de Montecubeiro esta solicitude de deslinde, dirixida á Audiencia Territorial, para fines de percibo de foros dos lugares contribuíntes. Di a solicitude deste apeo:

"Fray Fernando de Miranda, Presidente del Convento de San Ciprián de Monte Cubeyro, anejo al de Santo Domingo de la Ciudad de Lugo, por lo que me toca y en nombre de dicho convento, Prior y Frailes dél, digo exerciendo el derecho de dicho mi presidentado, conviene apear y deslindar las pensiones y rentas, tierras y propiedades dél, sobre que se pagan en el coto de Riomol por los vecinos y moradores dél, a Su Merced llame las tales personas y recíbales sus dichos y declaraciones para que declaren clara y distintamente lo que cada uno paga y por qué causa y razón, citándoles para justificación y compulsa de papeles y títulos de dicho convento, y para lo más que se requiera; y lo mismo para apear y deslindar las pensiones que se pagan en el lugar de San Cosme de Masoucos y su contorno, y más bienes del convento, mi parte, que es de justicia que pido lo necesario y para ello.- Fray Fernando".- Seguen os trámites legais para a realización do apeo referido.


Auto de Miranda, Mirandela, Riomol e outros lugares afectados por este auto. Atado Sección Clero, número 3.434, do AHN.- Está unido ao documento de Vilacote e de Riomol. Reséñase aquí como patrón das demais escrituras desta índole relacionadas co mosteiro de San Cibrao, extractando, por brevidade, o motivo principal. Di así:

"Por presentada la petición y vista por Su Merced Esteban Méndez Moscoso, teniente de juez por Su Magestad, en dicho coto de Mirandela, a diez y seis días del mes de febrero de mil y seiscientos y sesenta y quatro años, digo que mediante las aceptaciones hechas en virtud de la Real Provisión conque he sido requerido, y más diligencias que menciona la petición. Y ansí lo preveio, mando y firmo.- Esteban Méndez Moscoso.- Ante mi, Diego Ares de Rois.- En el coto de Mirandela a 18 días del mes de febrero de 1664 años, yo el escribano, notifiqué el auto que antecede a ..." (Relaciona os contribuíntes presentados, e a continuación vén o xuramento de ritual e mailo testemuño destes, declarándose pagadores desde tempo inmemorial ao convento de Lugo, e en representación deste, ao de "Monte Cubeyro", dos froitos e do diñeiro que se especifica).

Despois das cláusulas anteditas e das declaracións das testemuñas, continúa: "Petición.- Fray Fernando de Miranda, Presidente del Convento de San Ciprián de Monte Cubeyro, por lo que me toca y en nombre del Convento de Santo Domingo de la ciudad de Lugo, presente delante Su Merced, jura esta información y apeo, hecho con citación de partes, a Su Merced suplico lo haga por presentado y mande interponer a su autoridad y decreto judicial para que haga fe en juicio y fuera de él, pido justicia y juro lo necesario.- Fray Fernando de Miranda".

"Auto. Por presentada con el apeo y traslado a las partes a que toca para que teniendo alguna cosa que decir o alegar o justificar, parezcan dentro de seis días que serán oídos y su justicia guardada teniéndola, y siendo necesario se les dará tiempo competente, y lo preveio Su Merced Esteban Méndez de Moscoso, teniente de Juez de Riberas de Anllo, en el lugar de Riomol, a 18 días del mes de febrero e 1664 años.- Esteban Méndez Moscoso.- Ante mi Diego Ares de Rois.- Este día, mes y año y lugar de atrás.- Yo escribano notifiqué el auto de arriba a Rodrigo Fernández, antonio Ares, Alonso Gil, Benito Fernández, Pedro do Outeiro, Ignés des Couredo, viuda de Simón Pérez, Pedro de Neira y Matheo Prieto, y de ello doy fe. Ante mi Diego Ares de Rois.- Se halla por testimonio dada por dicho escribano Ares de Rois a pedimento del convento en los 6 de abril del año pasado 1668, expresando quedar en su poder y oficio para registro los originales".


Censo de Mirandela. Allanamiento. Obra no mesmo mazo que o de Riomol. a súa redacción é parecida ao outro, especificándose na súa tramitación as rendas por foro que desde tempo inmemorial pagaban certos veciños deste lugar ao convento de San Domingos de Lugo, recadadas na súa representación polo de Montecubeiro. Os veciños decláranse debedores das rendas ao convento, "... para si y por sus sucesores..." Solicita esta renovación do censo, o 20 de decembro do ano 1820, "... D. Vicente Méndez, Presidente, Cura y Administrador de las rentas pertenecientes al Monasterio de San Ciprián".


Lugar de Bascuas. No atado 3.434, da Sección Clero, do AHN.- Novo arrendamento deste lugar acasarado, sito no couto de San Ciprián de Montecubeiro. En virtude deste documento, Fr. Francisco Bernárdez, presidente do mosteiro de Montecubeiro, arrenda, o 1º de maio de 1758, a Fernando e Juan Barreira, pai e fillo, o lugar de Bascuas, especificando as terras e mailos prados que este comprendía.


Foro de Espasande. AHN. Atado 3.434. Sección Clero.- O convento de San Domingos de Lugo, e no seu nome e representación frei Miguel de Aguiar, presidente e administrador da casa e mosteiro de San Ciprián, concede este foro ao lugar de Espasande e achegados. Consta de 125 folios, con voltos e cuberta. Moi deteriorado. sinala as propiedades aforadas e as rendas que este lugar se compromete a pagar. Ten data do 2 de xullo do ano 1637.


Apeo de Duarría. No mesmo atado, da Sección Clero, que o anterior. É un deslinde das propiedades aforadas e das rendas que as gravaban no ano 1668. Este lugar pagaba daquela ao convento de Montecubeiro, en representación do de San Domingos de Lugo, "... dos fanegas de centeno".


Preito de Vilar e de Cabanela. Ambos na freguesía de Montecubeiro. Resolto pola Real Audiencia da Coruña e relativo ás rendas que por foro e sobre os seus bens pagaban ao convento de Montecubeiro os veciños destes lugares. Ten data do 7 de agosto de 1664, e trata dos atrasos no pago de rendas foribles. AHN. Mazo 3.434.


Foro a José Ferreyro. Veciño de Montecubeiro. No mesmo atado 3.434. Está outorgado o 5 de marzo de 1825 polo R. P. D. Fr. Vicente Rodríguez, en representación do convento de Lugo, dándolle en virtude deste contrato de foro certas propiedades que salienta, para face-la súa facenda.


Allanamiento de Luaces. Sección Clero. Atado 3.434.- Feito o 9 de marzo de 1811 por Francisco Tellado, de Luaces, recoñecéndose contribuínte de varias rendas polas súas propiedades no termo antedito, ao convento de Montecubeiro.


Cepomundín. Lugar da freguesía de Montecubeiro. Sección Clero. Atado 3.434. Recoñecemento de foro feito por don Domingo Cayetano Domínguez, vecino de Cepomundín, o 3 de agosto de 1825, ante Pedro José de Neira, escribán de Castroverde, a requirimento do Prior de Montecubeiro, R.P.Fr. Vicente Rodríguez.


Sarceda. Sección Clero. AHN. Atado 3.434. 28 de xuño de 1825. Escritura pola que se recoñecen atrasos de rendas e se obriga a pagalas Juan López de Sarceda, a requirimentos do convento de Montecubeiro.


San Jorge de Rebordaos. Voluminosa escritura na mesma sección e atado da de Sarceda.- Fundación de misas.- Foi feita ao convento de Montecubeiro en representación do de Santo Domingo de Lugo, e trata da entrega dun casarío sobre o que se gravaron oito fanegas de centeo de foro, por dona Jacinta Ana de Cadórniga y Sotomayor, viúva de don Froilán de Ulloa y Cedrón, pola ánima do seu defunto esposo e da súa sogra dona Inés de Villamarín, señora que foi da casa e couto da Pena. Ten data do 18 de xullo de 1689. Os frades terían que dicirlle no convento de Lugo, segundo este convenio, un aniversario perpetuo de misas, catro rezadas e dúas cantadas, nas datas anuais que concertaron. Á súa morte tamén se aplicarían por ela mesma, e desde a data indicada polo seu home e pola sogra, defuntos. Fai un deslinde dos terreos que gravará esta renda, e tamén unha ampla expresión dos requisitos que deberán reunir a celebración das misas e mailos cultos anteditos.


Santa María Madalena de Pena. Preito de foros. Sección Clero do AHN. Preito sobre as rendas que pagaba ao convento de Santo Domingo de Lugo, e en representación deste, á súa filial de Montecubeiro. Finou a súa tramitación na Real Audiencia da Coruña o 12 de marzo de 1633. É un expediente voluminoso formado por escrituras de foro, aplanamentos, relacións de propiedades, deslinde de terras e autos e resolucións da Real Audiencia.


Vilabade. Fundación de misas. Sección Clero do AHN. Atado 3.452.- Misas por don Pedro Baamonde. Fundación do 7 de marzo de 1668. Por levar bens afectados a esta fundación, "Paga cada año Zaquiel Díaz Servián, escribano de Villabad (Castroverde), y su sobrino Francisco de la Vega, y por ellos sus herederos, 24 reales de seis misas rezadas", segundo indica a nota marxinal deste protocolo, ao convento de San Domingos de Lugo. Continuou pagando este gravame dona María Baamonde y Montenegro, filla do fundador e viúva de Ezequiel Díaz.


Meda. Atado núm. 3.453 da Sección Clero, do mesmo AHN. Escritura de venda dun prado ao convento de Santo Domingo de Lugo, sito na Meda, nas inmediacións da agra chamada do Rial. Fai esta venda en 16 de agosto de 1633 don Francisco López Rábade, ao citado convento, ante o escribán don Pedro Fole.


Beneficio de Mirandela. No atado 3.452, escritura núm. 26 da Sección Clero, do AHN. En Begonte, Outeiro de Rei, o 28 de maio de 1509, don Fernán Pérez Parragués, nobre e destacado cabaleiro da vila antedita, fai entrega ao prior do mosteiro de San Domingos de Lugo, frei Gil de Freijo, mediante escritura, de... "sus derechos en el señorío de Mirandela, para fundación de un aniversario de misas y para dote de su hija doña Mayor...", se profesaba no convento de Santa María a Nova, comprometéndose o referido prior a respectar e continua-los privilexios que posuía no citado lugar.


Propiedades do mosteiro de San Domingos de Lugo no ano 1688, cuxas rendas eran recadadas polo da mesma Orde de San Ciprián de Montecubeiro, en virtude de poder delegatorio. Obra este documento no atado 3.452, escritura núm. 23, da Sección Clero, AHN. Titúlase, segundo nota marxinal, "Memoria del pan (centeo), trigo y capones que el convento de Santo Domingo de Lugo tiene en el coto de san Ciprián de Montecubeyro, en sus contornos, y en el coto de Mirandela y Riomol, así pan como lechones, capones y carneros de servicio que paga en cada un año".

Este inventario de rendas cita as aboadas polos lugares e casarías de: "Albaredo, Ameixeira de Abajo, Ameixeira de Arriba, Barreyro, Cabozas, Campo, Cando, Carballal, Castelo, Cogula, Cordeiros, Cepomundín, Cernada, Chao, Iladrán, Escouredo, Fato, Foxos, Graña, Gruñedo, Insua, Sarceda, Magide, Maceda, Paciegas, Pombal, Pumarín, Podriqueyro, Ramalledo, Sagaruje, Santo Adrao, Tamaredo, Teixeda, Bale, Baliña, Balinquente, Bascuas, Beiga, Berlán, Vila, Villar, Villarín, Villares, Bitureyro".

Todo isto nos termos de Montecubeiro; fóra do couto contribuían:

"Caraño, Castroverde, Calbos, Cirio, Gondel, Luaces, Pena, Recesende, Suegos, Baleira, Pandelo, Mosteiro, Pozos, Rebordaos, Balpedroso, Bilalle, Bolaño, Pereiruá, Mundriz, Mirandela, Villacote, Riomol, Masoucos, Baldefrancos, Ameygide y Barredo".

En total, dentro e fóra do seu couto, atidos a este ano de 1688, a recadación totalizáballes 640 fanegas de cereais, case todo centeo.

Ten un apéndice rotulado así: "Relación de censos a metálico en varios pueblos", que ascende a 460 reás de vellón, ¡que xa era diñeiro no referido 1688! Segue: "Vasallaje. Mirandela paga cada año, en concepto de vasallaje, y por cotización de productos, 68 reales". No mesmo documento: "Memorial de capones, carnero, lino y cabritos, que recibe el citado convento de diversos contribuyentes". Suman este produtos de foros, en moeda da época, un total de "262 reales". Por último, presenta unha relación de débedas e atrasos debidos ao convento por diversas causas, que fan un importe total, na data indicada, de "10.645 reales de vellón".



Isto é o que queda da potencia do convento de
San Cibrao.
No que foi claustro das huchas
hoxe danse as ortigas e mailas loureiras,
¡a ceo aberto!





A procesión vai por parroquias



Algunhas non teñen Cura de seu, pero o que é monumentos...! Nas páxinas seguintes terán unha descrición de síntese, de iniciación, de aproximación, de primeiros contactos coa identidade destas freguesías (algo da súa xeografía, da súa historia, dos seus monumentos, etc.), pero non se conformen con isto, con esta introdución: visítenas, gocen do que vexan, ¡que é moito! Tiren fotos, pregunten (preferiblemente aos vellos de cada lugar..., onde queden!), anoten..., ¡e volvan, pois nun país de tal acollemento as segundas partes nunca foron malas!

O só concepto de parroquia xa é un ben patrimonial. De presente poden non ter Cura, pero teñen Historia. Historia propia, de seu, comunal, así que non deixan de ser freguesías aínda que os veciños vaian en coche á misa, igual que en Lugo!

Dos castros, como sabemos, saíron as vilas, e destas, as parroquias. Nesta parte do país tomaron forma xurídica no ano 569, no que o rei galaico-suevo Teodomiro sancionou a Parochiale Suevum, instrumento no que se recoñecen as parroquias maiores. As outras foron xurdindo coma os fungos no outono, da noite para a mañá: Un sacerdote, fose cura ou frade; unha construción e unha campá. Á campá sempre se lle deu moita importancia, e tíñaa. Os fregueses convocábanse por campá tanguida: a vésperas, a defunto, ás doce polo sol, a rebato (incendios e outras catástrofes), para avisar da misa... A "nosa" campá soa mellor cá "vosa". Pero o son da nosa vai lonxe, traspasa as parroquias veciñas..." ¡Ata se acuñou un termo definidor: Facer política de campanario..., que era preterir aos das outras parroquias!

Cada igrexa é un testamento aberto: Filiación, casamentos, enterros, que os antigos foron inhumados no seu interior. E logo os esforzos contributivos, as emulacións; pazos fermosísimos, feitos de milagre por unha xente misérrima, de coresma perpetua. Incluso as doazóns non foron rigorosamente tales xa que o señorío utilizaba os vasalos para darlle ao calo, desde a canteira ao cumial. Por tantas cousas, hai que descubrirse diante delas, incluso antes de pasar ao interior, ao sagrado, ao sagrario.

As entidades parroquiais en moitos aspectos funcionaron como cooperativas perfectas de produción e de consumo, pero tamén de asistencia social; sen estatutos, pero cunha forza vinculante rotunda, que para si a quixesen as actuais, as de documentación xurídica.

Tantas parroquias, herdanza dos castros, dun ou de varios, -cada castro súa familia, un clan-, se xeraron nesta bisbarra, e paceron deste verde, que se non chega a ser por ese invento das agrupacións escolares, daquela non sería doado que se coñecesen entre si tódolos rapaces castroverdenses; a pesar de que foron / fomos a menos, ou se cadra por iso, que antes acudíase á feira quincenal facendo o camiño..., por parroquias! ¡Despois da misa, por suposto!

En verdadeiras caravanas de xente verdadeira, comunicativa, natural, ¡e tanto que o eran!, daquela a tribo facíase presente nestas celebracións periódicas. Todos xuntos; a pé ou dacabalo, pero xuntos, sen cápsulas illantes, sexan reas motorizadas, sen adiantamentos inxustificados. Algo así como un ágora ambulante, unha asemblea xeral, cordial, en permanente democracia. De cando en vez había paus nas feiras, pero iso era..., ¡unha competición, un concurso moceiro!

Castroverde ten unha débeda, polo menos de gratitude, con Nicandro Ares Vázquez, que se molestou en estudar a fondo, afondando no remoto, para presentarnos a súa interesantísima "Toponimia do Concello de Castroverde". (Lvcensia, 18, vol. IX, Lugo 1999). A propósito: Deixou dito outro gran estudoso desta materia, Nicanor Rielo Carballo, a quen, xunto con Elías Valiña, man a man, cada un cadansúa, lle debemos o mellor estudo monumental-artístico que se coñece de todas e de cada unha das igrexas deste concello, que: "... máis có estudio dos topónimos en si, a misión dos filólogos entretennos e móvenos a simple recolleita e as características que os definen e os rodean no intre en que nós os coñecemos. Sen embargo gústanos incidir na súa nacenza, real ou aparente, e no entorno que os fixo arraigar, co desexo de desfosiliza-la cortiza da súa antigüidade". ¿Isto é unha auténtica multi paucis, non si?

Polo que fai ao Nomenclátor da Provincia de Lugo, este foi aprobado por un Decreto da Xunta do día 7-1-2000. Segundo é sabido, a Lei de normalización lingüística dispón que os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega. A isto nos atemos, pois, así que contade e repasade, que logo veredes canto por aquí temos de bo, canto de bo herdamos, e sen necesidade de partillas, ¡que nisto de coñece-la Historia non hai morgados!

¿Que concello coñecedes que conte con 37 parroquias? A saber:

Santa María de Agustín
San Paio de Arcos
San Xoán de Barredo
Santo André de Barredo
San Cosme de Barreiros
Santa Baia de Bolaño
San Salvador de Cellán de Calvos
San Pedro de Cellán de Mosteiro
San Miguel de Covelas
Santiago de Espasande
Santa María da Frairía
Santo Estevo de Furís
Santa María Madalena de Goi
Santiago de Masoucos
Santiago da Meda
Santiago de Miranda
Santo André de Mirandela
Santa María de Monte
San Cibrao de Montecubeiro
Santa María de Moreira
Santo Estevo de Paderne
San Miguel do Páramo
Santa María Madalena da Pena
San Xulián de Pereiramá
Santa Mariña da Pumarega
San Xurxo de Rebordaos
San Cibrao de Recesende
San Pedro de Riomol
San Miguel do Camiño
San Pedro de Serés
Santo Tomé de Souto das Torres
San Salvador de Soutomerille
San Tomé de Tórdea
Santa María de Uriz
Santa María de Vilabade
San Pedro de Vilalle
e Santiago de Vilariño.




Santa María de Agustín


Diminutivo de Augustus é Augustinus, cognome latino. Trataríase, pois, dunha villa, dunha hereditas, de Augustini. ¿Unha granxa adxudicada, acaso, a un centurión, por graza de Augusto? Adoitaban pagarlles o retiro en terras..., ¡en terras expropiadas ou abandonadas! Tamén se pode indagar partindo de Agsotem, Goestei...

É unha freguesía relativamente pequena en superficie, dun só lugar, o propio Agustín, augas abaixo do Páramo e a 2 km de Miranda, pero excelente na calidade das súas terras. Filial do Páramo. CP 27143. Altitude media, 600 m. O monte Xamboubo (de San Bobo?) anda polos 700 m. Outro lugar notable é o seu Muín.

Accesos: Vindo da parte de Sobrado, no pk 10,5, talmente despois de San Martiño da Folgosa, que é unha freguesía do Corgo avanzada ao NO. Dista de Lugo uns 22 km, e 8 de Castroverde. O seu termo confina con Santo André de Mirandela, Santo Estevo de Furís, San Martín de Folgosa e Santiago de Miranda.

Augas: Os regos do Pontigo, ou Pontixo, ou Pontello, e mailo Agustín, que baixan de ganchete en busca do Uriz para irse de troula conxunta, ¡tordeando co Tórdea! É importante a fonte de Abaixo, ¡unha frescachoa!

A igrexa queda a un costado do lugar, coroando un outeiro castrexo, co seu cemiterio ao redor. Ampla, de cruz latina, formada por dúas capelas laterais. A nave, cuberta ás dúas augas, con lousa sobre madeira. Unha porta a cada costado. a cornixa esténdese, no mesmo nivel, ás capelas laterais. O frontispicio é de cantería. Porta en lintel. Frontón formado pola prolongación da cornixa da nave. Rosetón estrelado e espadana de dous vans, cunha campá. As capelas laterais teñen arcos de medio punto sobre pilastras con impostas de molduras xeométricas. O presbiterio rexe ás catro augas, na mesma liña da nave, pero máis alto. Arcos triunfal de medio punto, sobre pilastras, con impostas saíntes. Bóveda de canón, con grandes peitiñas formando unhas arestas saíntes, unidas en rosetón.

Retablos e imaxes. O maior, barroco, dourado, de dous corpos, con catro columnas salomónicas en cada corpo. Sagrario co Cristo resucitado, 027 x 0,27. Expositor con catro columnas barrocas. Camarín da Virxe con ornato vexetal; obra do século XVIII. No presbiterio, nos laterais, baixo arcos formeiros, dous retablos sinxelos. O esquerdo, deteriorado, sen imaxes. O dereito, con san Roque, 0,57; Virxe, 0,60, co Neno, e unha peaña de tres anxos. Capelas laterais con retablos barrocos; na dereita, retablo de dúas columnas salomónicas, con acios, medallón e rocallas, santo Anxo, de 0,75, co Neno e cunha cabeza de dragón na peaña. O retablo lateral esquerdo, barroco e sinxelo: Santo, de 0,80, colgándolle un corazón e tamén un rosario.

A sancristía ocupa a parte posterior do presbiterio. Cáliz e portaviáticos de prata; sinxelos. Busto do Pai Eterno, de 0,30; restos dun capitel de madeira, con tres anxos. A pía bautismal ten 0,80 m.

Foi señorío e xurisdición dos condes de Altamira.


San Paio de Arcos.


Arcos, terra de arcanos, orlada de cruceiros.

(Paio, ou Pelaxio, ou Pelaio). Vén do grego: Mariño, pertencente ao mar. Deu lugar ao patronímico Paz). Este nome, "Arcos", moi repetido en Galicia, parece facer alusión á preexistencia de edificacións relixiosas, seguramente funerarias. O topónimo "Arcos" está expandido por toda a península, e incluso pasou a América e ás Filipinas. Concretamente en Galicia existen doce parroquias con esta denominación: unha na provincia da Coruña, cinco na de Lugo, tres na de Ourense, e outras tres na de Pontevedra. Elixio Rivas na súa Onomástica Persoal do Noroeste Hispano (Lugo, 1991), fálanos dun xentilicio ástur-galaico derivado dunha deidade céltica co tronco no tema Ark. A nosa pertence ao Arc. de Maestrescolía, e ao Bisp. de Lugo.

CP 27142. Accesos: Pola estrada Lugo-Fonsagrada, no pk 16. Altitude media, 500 m. confina con Santa María de Moreira e co seu anexo de Souto das Torres, con Monte e con Queizán, con Piñeiro e con Paderne.

Foi unha freguesía notable no comercio dos séculos XVIII e XIX pola súa arrieiría. Naqueles tempos nos que era costume andar, celebra-los viacrucis, no exterior, por fóra das igrexas, esta parroquial contaba con 14 cruceiros, ¡de pedra labrada! O que dá á estrada ten os extremos da cruz abertos en flor; calcúlase que é do século XVI.

Lugares: Gracián (do cognome latino Gratianus: grato, agradable). Neste lugar atópase esta magnífica capela dedicada á Inmaculada.



Outros lugares: Santa Xiana, San Paio e mailo casarío de Fraiás; (¿dos frades, fraters?) No Chamoso, os Muíños e mailo Mazo.

Augas: O Sampaio, que empeza a recollelas en Castedo. Conta coa fonte do Cano, encanada por unha condución de seixos.

A igrexa, co atrio-cemiterio ao redor, domina a beira da estrada C-630, dando un bo miradoiro. Cuberta dun esmo plano para a nave e mailo presbiterio; ás dúas augas, cunha terceira por sobre da sancristía, que queda na parte posterior. Na nave amárrase a cuberta, de lousa sobre madeira, con dous tirantes de ferro e unha viga de madeira. Unha cornixa corrida ao longo da nave e do presbiterio. Porta no costado sur. Na fachada, porta con lintel, óculo e espadana de dous vans, de boa cantería. Coro alto aos pés. O presbiterio presenta un teito de madeira, en tres planos. Arco triunfal de granito, en aresta, sobre pilastras de medio punto. A sancristía, que está na parte posterior, ten dous accesos laterais, formando parte exterior do presbiterio.

Retablos: O maior é barroco-rococó, de boa factura; un corpo e un ático; catro columnas e unha forneliña central, con abondosa ornamentación. Inmaculada, de 0,80; san Xulián (Xián), de 0,65; e san Ramón, de 0,50. Policromados, en fornelas. San Roque, de 0,65, no ático; con columnas de estípites. Nos laterais e por sobre das portas da sancristía, dúas peañas con templetes de columnas de estípites que soportan dous anxos, de 0,62. Bo conxunto, de finais do século XVIII, dourado e repintado. As portas da sancristía son de cuarteiróns. O retablo lateral norte é de estípites, rococó. Virxe do Carme, de 0,80, policromada, sobre peaña de tres anxos; san Domingos, de 0,56; dous releves de santos dominicos, de 0,42; ático, cun rosetón coroado e dous anxos laterais; forman un bo conxunto, dourado e pintado, do século XVIII. Retablo lateral sur, sinxelo; columnas lisas con relevos de rocallas. Santa Xiana, de 0,80, cun dragón alado; san Francisco, de 0,70; san Brais, de 0,68; ático cun relevo da Virxe entregando un rosario a san Domingos, e anxelotes. Século XVIII. Conxunto dourado e pintado. Na sancristía consérvase un sagrario retirado, co Agnus Dei e unhas rocallas; cáliz e copón de prata.

Houbo unha capela en Santa Xiana, hoxe en ruínas.

Arcos, con Cellán, Espasande, Miranda, Paderne e Souto das Torres, no A R foi da xurisdición de Adai, controlada daquela polos conde de Lemos. A excepción foi Soutomerille, onde comandaban as familias de D. Juán de Neira e de D. Manuel Pallín.




San Xoán de Barredo



Se cadra o adxectivo que mellor lle cadra a esta igrexa é o de "pulcra", porque, ¡hai que ver cómo a teñen de coidada!

Barredo leva o sufixo edo etum en latín, que complementa a prerromana barro, indicativa da abundancia disto. Arredor do ano 1160 os cóengos de Lugo xa rexistran a ecclesiam Sancti Johannis de Barredo (BCML IX 313/199c). Arc. de Maestrescolía e Bisp. de Lugo. Esta freguesía tamén é coñecida como Francelos.

CP 27127. Accesos: Pola estrada que vai da C-630 a Lea. No seu vértice topográfico, ao NO de Francelos, acada unha altitude de 640 m; e no Castro, ao N de Francelos de Abaixo, 610 m.

Os "Barredos" (San Xoán e Santo André) confinan: Ao N coa Meda e con Serés; polo E, Serés e Rebordaos; ao S con Moreira-Soutomerille; e polo O coas parroquias de Lugo, Labio e Gondar.

A súa relativa proximidade a Lugo-capital proporcionoulle a esta comarca, aos dous "Barredos", e tamén á Meda, un auxe económico considerable, maiormente ao longo dos séculos XIX e parte do XX, levando ao mercado central os seus excedentes agrogandeiros. De modo especial, na Meda incrementábase este tráfico cos carretos de cal vivo para a construción lucense. Na Carboíña obtíñase abundante carbón vexetal para as fraguas desta bisbarra.

Lugares: Castedo (casteo, ou castelo, que algúns din que vén de que por alí houbo unha castra, un campamento, daquela ou despois do Medullius; tampouco falta quen opine que ese topónimo puido deberse a unha parada de sementais, quere dicirse, a un lugar ou establecemento para castear. Don Nicandro opta polo -edo, das castaneas, souto). ¿Un Francelos habitado coa condición fiscal de "francos", obviamente en recoñecemento por servizos pretados a El Rei; ou poboado por "francos", da Galia, vidos polo Camiño Primitivo, polo de Santiago? No lugar de Vilafrío (... quod vulgo Villarfrigidum nuncupatur...), casas do Pacio e do Fidalgo, que se explican de seu. En Castedo, o seu rego dos Pelamios consérvanos a memoria do seu notable artesanado de curtidos.

Augas: Regas de Vilafrío e das Presas. Coas fontes de Castedo, do Sidaio (do latín Sidonius?), do Alongo e da Chaucha, ¡que por algo se chamará así! Os regatos principais, serpenteando por uns lugares moi fragosos, son: o de Ferradás (que se non fose por ese til que deron en poñerlle igual significaba "sellas" ou "ferradas"); o do Augueiro, o de Pacios e mailo de Vilafrío.

A igrexa de San Xoán de Barredo xa se menciona nun documento da catedral de Lugo do ano 1133. Exercía o dereito de presentación o herdeiro de D. Diego Cabarcos y Oxea, veciño de Soutomerille, como dono e señor deste lugar e deste couto. Unha escritura do conde D. Gutierre Bermúdez recorda a doazón que no seu favor lle fixera do mosteiro de San Salvador de Vilafrío D. Afonso o Emperador. Os veciños deste lugar de Vilafrío afirman que o cenobio estivo xunto da capela actual, onde apareceron enterramentos de probada antigüidade. No 1800 D. Francisco José Julián Muñiz de Carvajales, dono da casa do Fidalgo de Vilafrío, obtivo a carta executoria da súa fidalguía.

Igrexa parroquial, recentemente restaurada: Nave cuberta de madeira ás dúas augas, co frontal barroco e unha espadana de dous vans. Capela maior ás catro vertentes, con arcos de ingreso, semicirculares. Na cabeceira, a sancristía, a unha soa vertente. Fachada de cantería; muros de pedra caleados e tellado de lousa. É unha obra do século XVIII. Escultura do Carme, 1,07, século XVIII, que pertenceu a un dos retablos laterais, hoxe inexistentes. Un cruceiro liso xunto do templo parroquial, no atrio.



Capela de Vilafrío,
baixo a advocación de Santa Mariña.


Un edificio rectangular, de 9,03 x 4,90. Pavimento de laxes, muros de pedra e tellado anovado. Parece obra do século XVIII, aínda que reformada posteriormente. Conserva como pía da auga bendita un capitel do primitivo románico, coa correspondente basa, procedente sen dúbida do antigo mosteiro. Retablo popular moderno, coa escultura da titular, Santa Mariña, de 0,55 m; século XVIII. Polo ano 1755 "Santa Mariña de Vilafrío" era parroquia anexa de "San Juán de Barredo" (EL 770).

No A R señoreábana o conde de Altamira e mailo Cabildo de Lugo.




Santo André de Barredo



Agora que non se levan zocas, cómo ían bailar nun barredo?
¡Por iso acudiron ao formigón!


(André. Grego: viril). CP 27127. Altitude media 734 m. O Castro está nos 568 m. Barredo, segundo queda dito, vén do prerromano barro, lama. Presupón a existencia de centros antigos de cerámica popular. Nos lindes con Lugo teñen o monte Salto do Can, que non é ningunha broma, ¡pois indica unha fronteira! Arc. de Maestrescolía, e Bisp. de Lugo.

Lugares: Barredo, Vilar dos Naraos (os do lugar opinan que lles vén este nome do latín gnarus, hábiles, versados, listos). Ares Vázquez localizouno escrito como Villar dos Naraes nun documento de 1334 (LF 303). ¡E menos mal que non lles deu por escribir Nares! Vilaxurxo (vila dun possessor Georgius, Xorxe). O lugar de Barredo aséntase nun outeiro, cota de 533 m, con tódalas trazas de que fose un castro no pasado.

É tradición entre os veciños que as igrexas do Santo André e maila de San Xoán de Barredo constituíron unha soa freguesía, co templo comunal no sitio que conserva o topónimo de San Xoán Vello, entre ambas parroquias.

Pertenceu ao decanato da montaña, do Ob. Mindoniense, e é matriz de Santiago da Meda. Correspondíalle o seu padroado ao mosteiro de Meira, nunha sexta parte; en igual proporción ao convento de San Domingos de Lugo; polas restantes interviña o maestrante Rivera, veciño de Vilaesteva de Láncara.

A igrexa parroquial foi reformada hai pouco. A parte máis antiga do edificio procede do século XVIII. Ademais do retablo maior, tivo dous laterais. Cáliz de prata, liso; punzón, ANDRES/MUDARRA.

Augas: O Recamonde, ou Racamonde, (nome suevo), o Rade (ou Rande, tamén de raíz sueva), e mailo rego de Pontide.


Aínda que Barredo non tivese casas, que as ten, e boas,
rexas e confortables, con estes monumentos
que lle deparou a natureza xa sería unha parroquia
de interese turístico.

-.-

Sigue en CASTROVERDE -VI-

Xosé María Gómez Vilabella




No hay comentarios: