miércoles, 2 de julio de 2008

CASTROVERDE na Historia e no presente -IV-



.../...

As feiras de Castroverde



O recinto feiral, despois dunha magnífica restauración das súas monumentais reas de pendellos, foi inaugurado o día 27 de agosto do ano 2006, sendo alcalde D. José María Arias Fernández. Esta fotografía foi tomada precisamente ese día, medio a medio da feira.

Feirar: comprar e vender. Feirear: observar e ser observado (na feira). Feiranta: muller que se deixa ver moito, coqueta. Feiras e mercados: alcuma que se lles aplicaba ás mozas que se facían ver en todas partes, aínda que nada se lles perdese.

Unha feira, a de Castroverde incluída, non pode ter monumento, nin monumento nin escultura, porque non teñen forma, nin case definición, pois nunca houbo dúas iguais. En todo caso o que si pode afirmarse é que o século das feiras foi o XX, pois as de hoxe son un mix, que incluso se engalanan de: Feira do Queixo; Feira da Construción; Feira do Caldo de Ósos; e mil apelidos máis, mesturando o clásico co expositivo e/ou co divertimento..., ¡para ver de salvalas!


O "paseo" nas feiras era o complemento xuvenil das mesmas.
¡Outra exposición de produtos do país!


Actualmente, polo XXI arriba, todo é feira; ¡estamos ante a feira global! Todo se compra e todo se vende, ata as imaxes publicitarias. Antes sabíamos, máis ou menos, de onde viñan as cousas que mercabamos; e tamén para onde ían as que se vendían. Pero inventamos un vocábulo antes de tempo: ¡os comercios de ultramarinos! Daquela, de ultramarino, practicamente nada; ¡hoxe, todo! O señor da furgoneta que lle vende o leite en tetrabriks ao propio gandeiro, ¿non pode darse o caso de que lle estea servindo a mesma materia, facturada, nun tanque frigorífico, por el mesmo, tres días antes, e que non cobrará ata fin de mes, como pouco? ¡Acaso pagándoa antes de cobrala! De paso, lévanos o pan, dunha fariña que igual vén de Ucraína; e uns peixes conxelados que igual poden vir das Malvinas como do Gran Sol! Nesta globalización, ¿que queda das nosas feiras? ¡O pracer de saudar catro amigos, catar o polbo e mercar catro argalladas made in China ou no Japan!

Pero o noso, de metidos no campo histórico, será máis ben refrescar a memoria, facer memoria daquelas feiras..., ¡das que si que o eran!

En Castroverde entrábase ao souto feiral por unha angostura, por unha especie de "porta da caridade", que tiña de marco un botolito de pedra gra, apenas practicable para aqueles autobuses mixtos, que levaban o rótulo de "Ferias y Mercados". Naquela estreitura situábanse os mendigos, que tamén os haberá que citar pois historia son, retrato tétrico dunha época crítica:

Nunha táboa, con catro rodiñas da mesma madeira, e sentado nunha pelica de cabra, entre outros miserables, en espera de misericordia, aquel heroe das Filipinas, que lle tallaran ámbalas pernas aqueles tagalos, fartos de España e dos españois. Aquel home, ¡o que quedaba daquel home, medio século de Historia!, recollía os cobres nun cazoliño esportelado, que tamén lle servía para mexar dándose media volta na súa táboa de rodas.

Tres puntos, tres pasos, despois daquel filipino, tiñamos ao leproso. Un rapaz, un mozo en idade; pero no resto, un vello podre. A voz mesmo lle saía de ultratumba: pola benditas ánimas dos seus defuntos..., ¡unha cadeliña!

Outro pouco máis e dábamos de bruzos cunha mociña morena, ¡ou sucia! Sen prato, coa man estirada. Nai de tres neniños que non se levaban máis dun ano entre si. Un inmoral, ou dous, ou tres..., que abusaran daquela indefensa, deixándoa naquel purgatorio, ¡por culpa dos pecados alleos!

Daquela miseria pasábase á riqueza: ¡ao que entón tiñamos por riqueza! As piteiras, que enganaban á paisanas poñéndose en confabulación para fixa-los prezos das pitas, dos ovos, da manteiga, dos queixos; os chourizos, o unto, os touciños... Os artesáns estaban, ¡estabamos, eu con eles, cos outros!, pola parte central, ao remate dos pendellos. As ovellas e mailas cabras, aló arriba, nas abas da Lomba; e o gando maior, xatos, vacas, burros, cabalos..., máis diante e máis abaixo, debaixo das árbores máis grandes, xa cerca do regato. Nos pendellos, os tendeiros, vidos Deus sabe de onde, da Maragatería incluso.

Polbeiras e rosquilleiras daban a nota de cor; de cor e de sabor para os poucos que podían permitirse aquel dispendio. Outro luxo era o retratista, aquel señor que tiña un paxariño na gaiola, e que metía a súa chola por unha manga anchísima para dicirlle ao paporroibo que saíse de cando en vez polo buratiño do obxectivo..., para saudar ao retratado! Naquelas fotos pouco sorriso había, que se facían máis ben para mandárllelas aos ausentes, fosen soldados ou emigrantes.

Os cartos do gando ían, xeralmente, ao peto dos homes; os das miudezas, á faldriqueira das donas, onde paraba pouco, que desaparecía, ¡e máis que tivesen!, na compra de catro paxelos..., ¡e unha libra de chiculate, para levarlla á parida, que sempre había algunha, fose na familia ou na veciñanza! Os tratantes do gando, case sempre foráneos, viñan principalmente polo mular: ¡motores para Castela! Os carneiros ían para Madrid, e tamén para Barcelona, vía Zaragoza. O Exército, en tempos, foi un bo cliente do noso cabalar, pero era temido, e iso que viñan de paisano, porque tiraban os prezos, do cen ao cincuenta, pois o resto gardábao o capitán, ¡para nutrimentos da Caixa B!

Nas feiras antigas era preciso inscribirse con antelación, evitando así a competencia cos vendedores clandestinos; quere dicirse, non pertencentes ao gremio respectivo.

As actividades mercantís non desapareceron na Idade Media, a pesar daqueles trastornos que nos levaron ao feudalismo. Polos séculos VIII e IX a economía agraria predominou radicalmente en todo o occidente de Europa, particularmente por esta parte, na Iberia húmida, que así se foron xerando estes mercados de tipo local, en datas preestablecidas, ou referenciadas, ¡que non era cousa de estorbarlles aos outros señoríos!, onde se mercaban e vendían os aveños e mailos trebellos das actividades entón coñecidas.

Aqueles mercados, aquelas feiras da bisbarra, realizábanse baixo a protección da autoridade pública, feudal por suposto, que garantía a seguridade das persoas e das transaccións nun ámbito local, territorial, reducido, mediante a chamada "paz do mercado", que viña a ser unha custodia xurídica rigorosa, que foi asumida paulatinamente polos reis baixo a súa potestade de mando e de castigo (bannus, cautum, coto rexio, etc.) No caso concreto de Castroverde aquí teríamos dúas concorrencias xurídicas, a paz mercantil e maila paz do noso Camiño, especialmente aforado e atendido.

As mercancía foráneas víñannos, xeralmente, da man dos maragatos, ¡polo Camiño Ancho de Castela! Obtiveran a exención de pago de portazgo para tódalas cidades e vilas do Reino de Galicia, asinada en Astorga por Henrique II o 20 de febreiro do ano 1367.


¿Ves ou quédaste?
¡Vou, se me levas no carro!


En canto ao que hoxe chamaríamos "tráfico interior", coido que se pode simbolizar ou sintetizar con esta fotografía: están de zocas, pero xa coa vestimenta de ir á feira. A muller, de mantelo, porque non era cousa de ensucia-la roupa. As vacas están xunguidas, pero antes de poñelas ao carro o matrimonio ten que facer dúas ou tres cousas: colocar os adrás, ou adrails, para suxeitar a mercadoría, baixar do hórreo o que fosen levar, e acaso discutir entre eles o cómo, o cánto, e o para qué daquel transporte feirado. Nótase que era a finais do XX, á parte dos atondos, porque xa decaera o afán de ter as paredes a punto, monumentais; e logo que na casa abriran outra porta, obviamente para non quita-lo esterco pola principal, reforzando e retocando con formigón a fachada alterada. O hórreo, ao escasear a palla e mailos enveadores desta, pasara a ter unha cubrición de lousa... ¡Debe ser certo iso de que unha imaxe vale por mil palabras!

A chegada do tres a Lugo facilitou as entregas do gando, circunstancia multiplicativa para a cabana de Castroverde. O que máis impresionaba aos cativos nestas feiras do gando eran aqueles xuramentos dos tratantes e maila súa sonora palmada (palmata), que foi inicialmente un xuramento sacro, unha promesa de tradición arcaica inviolable, un compromiso de fidelidade, isto é, unha fides pacta.

Os pícaros, os trapalleiros... Nas feiras sempre os houbo; non obstante, a xente de Castroverde era tida por seria porque cultivaba as previsións, ¡por se acaso! As arras (arrhas), o sistema wadia (alienación en oferta pública), os fermes (testemuñas), etc. Perfeccionábanse estes contratos da feira, calquera que fose o sistema wadiado destes, cunha roboratio ou robra, palabra que aínda conservamos nesta comarca, manifestada formalmente nun convite, ou banquete, que tamén se lle chamou alboroc, xantar ou comida de robra. En todo isto, ademais da influenza perdurable do dereito romano, por aquí arraigaron visiblemente as fórmulas suevas, unha proba máis dos seus asentamentos nas terras circundantes.

¿As feiras actuais? Paseos e vaseos, saúdos aos amigos, ir ao súper..., ¡e pouco máis! ¡Quédanos o polbo, o pulpo, que mentres exista, feira teremos! Outra cousa: Lémbrese que as de Castroverde son quincenais, alternando con Meira, ¡que niso sempre foi a nosa rival!




A terra, por arriba e por abaixo.
Relevo. Clima. Flora e fauna. Caza e pesca.


Esta é unha síntese de canto os científicos levan estudado e divulgado con respecto a esta terra esplendorosa. Para ampliación, coma no resto, véxase o capítulo da bibliografía consultada.



Fotografía outonal da zona de Barredo,
tomada por M. Muñiz desde as Penas Brancas.
¿Hai alguén que siga dubidando
que isto é un retaco do paraíso terreal?


Relevo

Coa serra (Pradairo, A vacariza, Puñago...) ao nordés, que lle dá o dorso ao Eo, estas terras absolutamente miñotas, aínda que diverxentes por culpa da orografía do monte Cubeiro, que manda ao Azúmara, ao alto Miño, unha chea de augas, fresquiñas, saltareiras, de pura montaña; máis ben ferroso-férricas, que por algo derivan da vertente oeste das penas da Ferradura. A erosión milenaria foi xenerosa con estas terras, producindo uns vales que non adoitan pasar dos 500 m de altitude. ¡Puro fondal!

En canto á litoloxía, este concello correspóndese, en gran parte, co predominio de cándama. O rexistro estratigráfico máis antigo data do cámbrico (cándama inferior), período no que se depositaron cuarcitas que seguen os depósitos de lousas e xistos de cándama superior con reducidas intercalacións calcarias. As cuarcitas forman unha franxa de dirección N-S (o Miradoiro e maila Vacariza), materiais que se deformaron durante a oroxénese herciniana, dando lugar a estruturas de grandes pregamentos deitados, como botólitos graníticos, no sector sudoccidental do territorio.

Predominan os solos de tipo ránker, no sector oriental; e cambisol gleico, no occidental. O primeiro ten un só horizonte, e é rico en materia orgánica; de pouco fondo e relativamente fértil; localízase máis ben nas áreas de pendente. O cambisol gleico caracterízase por conter auga no fondo; é un tipo de solo rico en materia orgánica, propio do fondo dos vales, das depresións ou das zonas arxilosas.


Clima

Condicionado, obviamente, polos factores xeográficos e físicos anteditos. Hai que definilo como de transición do oceánico-continental ao oceánico de montaña debido ao aumento considerable de altitude, que modifica sensiblemente os carácteres oceánicos continentais, cunha suave diminución das temperaturas e un pequeno incremento das precipitacións. Un punto notable para apreciar estas variacións, estancamento de néboas, orientación das xeadas, etc., témolo en Cobula (Montecubeiro), alí por xunto da cruz das Louseiras, horizonte que tamén serve para despedirse da silueta do castelo de Castroverde.

As estatísticas térmicas dannos unha media anual de 11/12 graos, situándose os valores máis baixos por xaneiro, nos que a media descende dos 6º grados centígrados, incluso en zonas sollías, e de 2º se subimos ao Miradoiro. En agosto, cunha media de 18º, por aquí estase na gloria, maiormente debaixo das frondosas.

En canto ás precipitacións anuais, nin son tan escasas que periguen os prados, nin tan alta que se rompan os paraugas: andan polos 1.000 milímetros de media, que para Galicia é un óptimo.


Flora

A localización xeográfica deste concello, ¡de bendita edafoloxía!, ao participar equilibradamente, harmoniosamente, e case habería que dicir ¡artisticamente!, de planicies e de montañas, con terras fondas de aluvión, e cun sistema freático óptimo polos numerosos afloramentos que nos proporcionan as serras do Pradairo, Puñago, Bidueiros, Monciro..., unha especie de corazón, con ventrículos e aurículas, que tal parece que palpitasen para emitirnos esa abundancia de mananciais, en tódalas súas vertentes, xera e fomenta unha vexetación tan exuberante que non é doada de resumir.

A matogueira herbácea localízase nas zonas de maior altitude, bordeando o concello, agás no límite occidental. Alterna cos terreos destinados a prado, coas terras de cultivo, ¡coas poucas que quedan en labor!, e coa matogueira arborada. O substrato inferior está cuberto por gramíneas.

A vexetación clímax está representada polas frondosas (castiñeiro, carballo, bidueiro...), que aínda se conserva nunha extensión considerable. Pódese atopar mesturada co bosque de colonización ou formando pequenas masas puras; e localízase, preferentemente, preto das marxes dos ríos e nas zonas máis afundidas. O bosque alóctono está representado basicamente polo piñeiro. Igual que o bosque clímax, distribúese por todo o concello, aínda que as masas máis puras localízanse nas zonas altas.

Á media ladeira, particularmente nas vagas, dominan e reinan os carballos (Quercus robur), cos seus primos os rebolos ou cerquiños (Quercus pyrenaica), alternando cos castiros (Castanea sativa), un tanto máis delicados, pero pagan o seu alterne en ¡marrón glacé!, que se está poñendo de moda. Ademais da súa policromía, cálida no outono, esta beleza e variedade de formas, en movemento continuo, como corresponde ás caducifolias, que non teñen dous días iguais ao longo do ano, dan unha paisaxe esplendorosa, acolledora e inesquecible. E logo que debaixo das caducas dáse a herba, ¡aínda que a pise o cabalo de Atila!

Os bidueiros, ou abidueiras (Betula celtibérica), soben algo máis arriba, para coincidir, compatibles, coas xestas (Retamas, Genesta, Cytisus scoparius...), e tamén cos codesos e cos piornos (Genesta florida, outros Cytisus, etc.) Nesta veciñanza andan os toxais, chorando en amarelo (chorimas), magnífica, quilométrica alfombra, espesa e nodosa, ensortelladas, a matas, que padecen o mal nome de aular-aulaga (Ulex europaeus).

En boa, pero espiñosa, convivencia cos toxais, ¡non había rosas sen espiñas, pero agora si, que se clonan!, alternan as queirugas (Calluna vulgaris), as carqueixas (Chamaespartium) e mailas uces, que tamén son ericas. Esta alfombra vexetal, na que predominan as chorimas (branquiñas ou amarelas, segundo a variedade do toxo ou da xesta), órnanse cos tons violáceos das ericáceas, para que nada nos faltase, para completa-lo iris campestre. O perfume que resulta deste mix é..., ¡de narices, de narices exquisitos!

Tamén temos abelás (Corylus avellana), tan estiradas como tímidas, que por iso quedan abaixo, entornando valados e humedéns. Non adoitamos comercializar o seu froito. En familia, na proximidade das abelás, danse os salgueiros (Salix), os amieiros (Betuláceas) e mailos freixos (Fraxinus excelsior). Espazados, pero aínda queda algún teixo (Taxus), algún chopo (Populos nigra), e uns cantos sanguiños (Frangula alnus). A ameaza invasora témola nos eucaliptos..., ¡pois hai que proporcionarlles pasta para papel aos países que renegan deles!

Acevros ou acivros, acevedos ou xardóns, que todos estes nomes lles damos aos Ilex aquifolium, danse por entre da matogueira, pero escasos. Non poden quedar no tinteiro histórico aquelas especies que tanto se usaron como ornato, fose sacro ou profano: nos Maios, no Domingo de Ramos, polo San Xoán, nos campos do liño... A saber: as acacias mimosas (Acacia dealbata), os loureiros (Laurus nobilis), os tróqueles ou estalotes (Digitalis purpúrea), o bieiteiro ou sabugueiro (Sambucus nigra), etc., que tantas ledicias proporcionaron aos nosos vellos. En canto ás silvas..., ¡haberá que ir cambiando de opinión con respecto a elas, porque xa se están usando as súas amoras para compota!

O que sorprende aos visitantes é que tendo unha serra "do Pradairo" (tamén chamada da Ferradura, Miradoiro, Vacariza, Puñago..., por tramos), escaseen hoxe en día aqueles Acer pseudoplatanus. Son fáciles de distinguir polos seus froitos: de dous en dous, formando disámaras.

De praderías, sexan naturais, artificiais, de regadío ou de secaño, saben máis os nosos labregos que o propio Linneo.


Fauna


Castiñeiro de Bolaño,
no que adoitan descansar as choias do castelo
cando volven da súa rolda periférica.


Vense poucos animais..., ¡porque se esconden! Nun recente Estudio de Impacto Ambiental del Parque Eólico Puñago, os biólogos que o redactaron deron por certo que no municipio de Castroverde temos:

- 72 clases de aves, das 152 que se coñecen en todo Galicia.
- 38 das 60 especies de mamíferos rexistradas.
- 12 especies de anfibios, dun total coñecido de 15.
- 10 especies de réptiles, sobre un total de 24.
- En peixes de río..., ¡non se mollaron!

Sexa certo ou non, eu, ¡relata refero! Subliñemos algunhas curiosidades:

O lobo (Canis lupus) si que se deixa ver de cando en vez. Hai quen di que desde que o reproducen nos zoos para soltalos despois, perdeulle o medo ao Homo sapiens, cando antes era ao revés. En calquera caso, de atoparse nun carreiro, tanto co lobo coma co xabaril (Suscrofa), é de cortesía cederlles o paso.

O zorro (Vulpes vulpes), desde que demos en engaiola-las pitas, seica anda fraco, pero non desapareceu.

De caza menor, o coello de monte (Oryctolagus cuniculus) e maila lebre (Lepus capensis) reséntense da insistencia dos cazadores, que nin os deixan criar, e iso que ben prolíficos son. A perdiz xa non se sobe ás árbores porque, ao faltarlle as gramíneas, emigrou para Castela; outro tanto pasa co paspallás.

Polo que respecta ao corzo (Capreolus capreolus), logo andan tan mestos coma os merlos; o peor é o dano irreparable que lle fan ao noso plantío desprotexido.

Seguen abondando as andoriñas, lavercas, cotovía, merlos, paporroibos, rulas, pombos, arceas, mouchos, curuxas... ¡Tantos, que se volvemos ter outro diluvio non haberá arca que chegue!

Animais míticos. En paralelo coa fauna real tivemos a imaxinaria, tema socorrido nas ruadas invernais, que se celebraban xeralmente na casa grande de cada lugar, fose cos señores ou cos caseiros, ocasións nas que era un pracer "meter palla en albarda", e non só aos cativos, senón ás mozas, particularmente ás costureiras, para que non se afixesen a andar soas de noite. Desta "natureza" eran os lagartos faldreiros, que lles subían polas pernas ás mulleres, buscando quentura. Os curas falaban do orco, un animal tragacativos, para asustar aos que faltasen ao catecismo. As nais chamaban aos corcóns, pero sen especifica-la forma do bicho, para incitar aos rapaces a comer, ¡a comer ben, de todo! A raposa das morgazas, que botaba lume polos ollos, tanto, que por veces ocasionaba incendios no monte. A cadela da morte, que tomaba esa forma para ladrarlles aos pecadores, avisándoos da inminencia da súa viaxe...




Instantáneas de Castroverde




Un ángulo da Praza do "Rollo", actualmente

No 1850, pero en castelán, o Diccionario geográfico dirixido por Pascual Madoz, con datos subministrados desde cada lugar, -¡é unha referencia notable, pero non o Credo, por suposto!, dicíanos de Castroverde o seguinte:

"Tiene la feligresía de Santiago, o Villarino, de Castroverde, unas 74 casas, distribuídas en la villa de Castroverde y en los lugares o caseríos de Codesal, Frontoy, Tarrío e Villabad.

"La villa de Castroverde, o Villarino, cuenta con unas 50 casas, y la tiene para el Ayuntamiento y cárcel, en la plaza donde existió el rollo... (columna en pedra, ou en madeira, ordinariamente rematada en cruz, que ademais de heraldo de xurisdición empregábase como picota para a execución da xustiza, ou simplemente para exposición do acusado á vergoña pública)... signo jurisdiccional de la casa de Altamira, que fue derribado en 1814.

"En este sitio se conservan las murallas de la antigua casa-castillo árabe, (¿?), de cuyo edificio, de planta majestuosa y esbelta, restauración hecha por los condes de Altamira, construido de mampostería y piedra granito, con almacenes y elevados torreones, sólo quedan las murallas de la fortaleza y la torre del homenaje. Tiene una ermita (la Concepción), una cisterna y varios acueductos subterráneos cubiertos de maleza y escombros.

"Hay escuela temporal". (Debe entenderse, nos invernos, sostida polos pais dos nenos, con profesor particular).

"La iglesia parroquial, Santiago de Villarino, es aneja de Santa Eulalia de Bolaño.

"Los lugares o caseríos de Codesal, Marquesado y Villabad se hallan situados en la parte Este de la capitalidad, y en la última población se encuentra una capilla, perteneciente a la casa matriz del señor Páramo, magnífica fundación hecha por un Obispo, en cuya tribuna existe un archivo público, en el que se custodian los protocolos de varios escribanos fallecidos y varios documentos de interés, cerrados en arcas y estantes de tres llaves, que obran en poder del alcalde, del escribano y del procurador general, si bien aquellos documentos están próximos a desaparecer por la humedad del local y el poco celo de los claveros...

(Desafortunadamente así sucedeu, aínda que non foi polo pouco celo dos "claveros", como lle profetizaron a Madoz. Estes documentos pasaron, á desmembración do citado señorío dos Páramo, aos arquivos da casa do Concello, para desaparecer despois dun incendio, que se supón accidental, no ano 1872, privándonos destas insubstituíbles fontes históricas; así que, entre isto e mailo desvalixamento recente, xa mencionado..., ¡apagaron as mellores velas!

"Pasa por la villa el camino de Lugo a Fuensagrada y el del Ribero de Monforte a Mondoñedo (¡as antigas vías romans!), con los que enlazan los de las feligresías de este territorio; todos ellos se hallan en menos de mediano estado". (¡Isto é seguro!).

"Hay estafetilla de correos dependiente de la administración de Lugo, y que se reparte a las demás feligresías. Llega la correspondencia los miércoles y sábados y sale los martes y viernes, por conducto del balijero de Fuensagrada.

"El comercio principal el que proporcionan las ferias quincenales, concurridas por arrieros y maragatos que acuden con sus recuas a vender artículos de primera necesidad, toda clase de comestibles, utensilios de madera, cobre, hierro, etc., para los labradores; clavos y demás herrajes, quincallería y telas del país, así como a la compraventa de ganado y exportaciones de la comarca.

"El capital de producción o conjunto de propiedades del distrito, está valorado en dos millones ochocientos sesenta mil quinientos treinta y cinco reales, y el capital líquido imponible, trescientos cincuenta y tres mil ciento noventa y seis reales.

"El presupuesto municipal se cubre por reparto entre los vecinos".


En 1950. Un século despois de Madoz, o Anuario general de España brindounos estoutra instantánea:

"Es Castroverde un Ayuntamiento de primera categoría para efectos judiciales y administrativos.

"Consta el distrito de 9.017 habitantes de hecho, y de 10.095 de derecho. Está situado a 22 kilómetros de la capitalidad de provincia, Lugo, cuya estación de ferrocarril es la más próxima, y a la que está unida por diversas vías de comunicación, principalmente la carretera de Lugo a Fonsagrada, que le atraviesa, estando en construcción otra que desde la villa de Castroverde, y pasando por Bolaño, Montecubeiro y Caraño, se dirige a Meira. Se estudia y trabaja también para construir unha red de caminos vecinales aptos para tránsito de vehículos a motor, que partiendo de la capitalidad del distrito una a las diversas y diseminadas feligresías de que se compone el término municipal.

"Celebra ferias en domingos alternos en relación a las de Meira y Cádavo, que fomentan su comercio, industria y producción agropecuaria, al mismo tiempo que facilitan la adquisición de manufacturas importadas, material agrícola y cuantos productos necesita el ambiente y consumo rural de la comarca.

"El distrito jurisdiccional produce en sus zonas, muy poco dispares agrícolamente, centeno, trigo, castañas, manzanas, pastos, patatas, maíz, judías y hortalizas. Cría ganado vacuno, lanar, caballar y de cerda. Maderas de castaño, roble, abedul y nogal, principalmente. Hay algo de caza mayor, mucha menor, y también algo de pesca fluvial de truchas y anguilas.

"Tiene estafeta de Correos con giro postal hasta el límite de mil pesetas, centralita de teléfonos y telégrafos.

"Además del Ayuntamiento de primera categoría y Juzgado de Paz y Comarcal, hay los Organismos oficiales de Delegación de Sindicatos, dos escuelas nacionales, puesto de la Guardia Civil, con un sargento de ésta, comandante en jefe, y un brigada, con cargo de jefe de linea; archivo lírico-dramático, con representante de la Sociedad de Autores; cura ecónomo, Delegación de Falange Española Tradicionalista y de las JONS, etc.

"Establecimientos o industrias de producción: tres fábricas de aserrar maderas, dos empresas de automóviles, canteras de cal, piedra granito y pizarrosa, mármol (que no se explota como tal, sinó como piedra de uso vulgar), minas de antimonio (actualmente sin actividad) y dos carpinterías.

"Productos del país o importados para el consumo: carnecería del municipio, cuatro almacenes de cereales, seis de comestibles, tres de frutos del país, tres almacenes de sal y varios almacenes de vinos.

"Profesiones diversas. De carrera: dos médicos, notario, abogado, dos veterinarios, farmacéutico, cura ecónomo y dos maestros nacionales. Oficios y artesanía: herrerías, hojalatería, peluquería de señoras y dos de caballeros, relojería, tres zapaterías, cuatro serrerías, tres modistas, dos carpinterías y varios ebanistas. Otros establecimientos: cuatro cafés, dos fondas, diez tabernas, tres cordelerías, dos estancos, farmacia y droguería, tres ferreterías, tres funerarias, trers comercios de loza y porcelanas, establecimientos varios de material de escritorio, tres posadas, radiotelefonía, aparatos y material eléctrico.

"Suministran el fluido eléctrico las Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad y la General Gallega".

"Hay también dos corresponsalías de Bancos y una de Prensa".




Evolución socioeconómica

Castroverde estreou o século XXI máis ou menos con estas cualificacións económico-sociais, ao meu criterio: En cultura, un 10, grazas, en gran medida, ao equipo do seu centro escolar. en gandería, outro 10, ben cabal por certo. En forestais (repoboación, selección de especies apropiadas e rendibles, separacións axeitadas que faciliten a limpeza con medios mecánicos, precaucións contra incendios, etc.), un aprobado indulxente. ¿As hortas? ¡A folgado, de vacacións! En artesanía, cooperativismo e industrias de transformación, todo iso do valor engadido, ¡para setembro! ¿Esaxero? ¡Coido que non!

Sabemos por propia experiencia como foi, como está sendo, no económico, a nosa entrada no XXI, somerxidos nunha globalización total, mundial, e cunha moeda forte, supranacional, que aínda nos desorienta pois tiramos dela con certa alegría, sen decatarnos, entre outras circunstancias, de que os axustes e mailos redondeos significan pesos e non pesetas. O que, afortunadamente, xa é historia son aquelas penurias coas que os nosos avós despediron o XIX e se atreveron co XX, que, ben mirado, moito esforzo e moita coraxe lle botaron. Superficialmente, así por encima:

Os foros, fosen en favor do propietario do dominio directo ou do intermediario (subforos).

Dos rateos e dos laudemios xa non me lembro. Rateo era paga-los gastos dos apeos, e laudemios, os dereitos do propietario do dominio directo sobre toda transacción. Aquí por Castroverde chegouse a pagar, por este concepto, ata un 40 %. Era algo así como os dereitos do dono nos traspasos mercantís actuais.

Os censos. O préstamo (para merca-la vaca, comprar unha terra, pagarlles aos fillos a pasaxe para América, un enterro, etc.), adoitaba asegurarse mediante a hipoteca dunha leira, fixándose un cobro en especie ata a cancelación da débeda, en tantos ferrados de trigo, centeo, millo, etc. Estes eran os censos frumentarios, tamén chamados rendas en saco.

Pensións e cargas perpetuas. Pensións para pagar misas, cabodanos, etc., indefinidas, ás que se sometía un terreo.

Gando de cabana. Vacas postas, xeralmente coas crías a medias. Nesta bisbarra esta modalidade extinguiuse polos anos 40, pois aqueles que non tiñan para mercar gando de seu, aínda que posuísen algún terreo, optaron por entrar de caseiros aproveitando o absentismo das familias máis acomodadas, ou máis inquedas, que se establecían xeralmente en Lugo capital, aínda que tamén houbo emigración para América por familias completas. A demanda de caseiros superou a oferta local, así que viñeron familias forasteiras, algunha de Pol, onde abundaban os caseteiros, e tamén da Valeira, pero principalmente da Fonsagrada.

Décimos. Non me lembro deles na parte de Castroverde, pero si que os houbo na veciña Luaces, que llos pagaban ao Bispado de Lugo polos montes da Capela (Capela dos Penallos). Cando veu a República declaráronse en folga de pago, e deron en considerar aquelas terras como montes comunais. O das primicias xa quedara abolido moito antes.

Unha das causas máis frecuentes do recurso aos prestamistas era o pago das contribucións, en particular aquela tan arbitraria, ¡e tan perigosa!, do Consumo. Para estes efectos había un problema específico que consistía na flutuación do prezo do gran, nun mercado dominado polos rendeiros, ¡e como nunca sobraba...!

Os empréstitos usurarios chegaron en Castroverde ao 30 %, ¡onte mesmo, a comezos do XX! Os préstamos miúdos, a curto, abundaron nos anos 40 (posguerra), e consistían nun pago, ¡con xuros mensuais!, dando en fianza deles as cartillas do Racionamento. ¡Si, de verdade!

Consecuencia directa destas limitacións foi que a Lei de redencións do ano 1873 practicamente non nos afectou porque o campesiñado desta comarca non tiña medios, nin garantías, para acudir a elas. Paralelamente, tampouco puidemos participar como asalariados daquela burguesía compradora porque non avanzou a súa infraestrutura industrial, en parte por culpa desas detraccións de fondos para o que eles mercaron. En todo o século XIX, atidos primordialmente ás rendas, fóra da salgadura case non houbo emprendedores en Galicia. O dito: Os burgueses de medio pelo acudiron ás amortizacións, á especulación no rústico, e non na industria, así que para os nosos labregos todo foi cambiar de muiñeiro, ¡pero non de ladrón!

Castroverde, que sempre tivo vocación madeireira, ¡así fose nos valados!, empezou o XX cos beneficios que lle chegaban da exportación masiva de madeira galega para as minas de Cardiff, a prezos satisfactorios, que oscilaban entre 40 e 45 pesetas por tonelada; pero daquela os asturianos, aos que lles viña a xeito tirar da nosa madeira, queixáronse en Madrid, e obtiveron unha RO, do 5 de agosto de 1920, que impuxo unha taxa de exportación de 20 Ptas/Tm. En consecuencia, os asturianos baixaron a Tm a 15 pesetas. Como a súa necesidade era moita, levaron de por aquí o que precisaban do pouco que a nosoutros nos quedaba.

O acceso do campesiñado á propiedade da terra tivo dúas épocas: Ata o ano 1926, que estivemos saturados de caseiros e de caseteiros, pois, aínda que se esforzasen para iso, para acadar ou ampliar, non había mercado porque os traballadores da terra atopábanse cunha forte resistencia á venda por parte dos grandes propietarios. A partir daquela Lei de redención foral de Primo de Rivera, do citado 1926, coincidente cunha boa etapa de remesas dos emigrantes, a cousa cambiou.


A GANDERÍA. Nisto, tratándose de Castroverde, hai que poñer maiúsculas. Que nesta bisbarra mandan as vacas sábeno ata en Madrid, co pouco que coñecen a súa periferia nutricia. ¡O deles, os touros! Temos un microclima suave, especial, axeitado, de transición entre a Terra Chá e as montañas ástur-leonesas. Terras fondas, de aluvión, cun solo esponxoso que zurricha auga con só pisalo, con dous montes nutricios que soltan auga por mil fontes, a serra do Pradairo-Puñago e mailo Monciro. Porén, a filtración/evaporación aquí é considerable, así que as estiaxes teñen a súa importancia, atenuándose para a gandería grazas aos sistemas de ensilado.

A dimensión dos nosos terreos herbáceos, malia non ser pequena de media con respecto aos outros concellos de Galicia, aínda pode incrementarse, máxime agora que tanto o reclaman as manobras da maquinaria agro-pratense. Un sucedáneo de agrupación (concentración pública ou privada) estase dando nos terreos lindeiros, de propietarios ausentes ou en situación improdutiva, e ademais, caídos como están os chantos e mailas paredes, tenden a confundirse os predios, de facto a fusionarse.

Duns anos a esta parte, principalmente nas grandes explotacións, apréciase un avance na especialización: leite, carne, engorde..., así como un novo e imparable chamado ao millo forraxeiro, que resucitou grazas ao veleno de certos pensos..., excesivamente pensados!

Todo Lugo é gandeiro por excelencia, e neste marco, Castroverde sempre foi á cabeza, metendo tracción nesta provincia. Por pór un exemplo; no ano 2003 os datos foron os seguintes:

Explotacións de vacún..... 425
Ídem con vacas.................. 422
Vacas de leite..................... 7228
Ídem de carne.................... 1657
Vacas por explotación 21,1, cando a media de Galicia era de 11,8 vacas.

O porcino e mailo ovino-cabrún parecen amosar cifras crecentes coa entrada do novo século, pero aínda son pouco significativas como para indicar tendencia.

Coxeamos noutras actividades, particularmente niso dos recursos ociosos, e a estas alturas, metidos na competencia da UE para máis esixencia, é un pecado capital, aínda que só sexa por omisión.

Tras da forte emigración, tanto interior como exterior, das últimas décadas do XX, a diminución da natalidade, o transvasamento de estudantes, principalmente para o sector terciario, para os servizos da capital, a relación terra / habitantes quedou equilibrada; aparentemente, só aparentemente, por culpa do incremento dos baldíos. Estes baldíos, xeralmente en mans mortas, como antes se dicía, que aquí e agora non están mortas pero si algo adurmiñadas, adurmiñadas e/ou ausentes, tiñan que ser integrados, en boa continuidade, nas explotacións activas do lugar; ou, do contrario, plantados con especies nobres, ou sexa, de futuro, de alto valor económico. É certo que algo se fixo, pero case sempre buscando unha rendibilidade precaria, a prazo curto, xeralmente para beneficio directo, persoal, inmediato, cun certo esquecemento das xeracións futuras.

Aquel autoodio que nos puido quedar do noso secular illamento conduce, ou pode conducir, a despreza-lo futuro, a evitarnos esas molestias, esa insatisfacción, do beneficio afastado, pero os fillos existen, e algún neto, tamén. Nós xa gozamos, de presente, do esforzo, da suor, das xeracións precedentes, e por tanto témo-la obriga de seguir adiante co facho. En verbas de Valentín Arias, que neste caso fago miñas: "¿Haberá xustificación para que unha persoa prive aos seus descendentes daqueles dons que recibiu dos seus ascendentes?".

Tamén está o caso dos subsidios, que por veces esfúmanse na esterilidade do consumo, con omisión duns investimentos nos que deberan participar, xa que, en definitiva, son rendas diferidas.

Un bo industrial, que tal é o agrario, que tal é ou debera ser, precisa, como todos sabemos, innovar e amortizar. Nesta bisbarra, sen chegar a dicir que sexamos insolidarios, non floreceron debidamente as economías de escala; de feito, aínda nos custa asociarnos, no réxime que sexa, xa sexa para o traballo ou para a reposición de maquinaria, que acaba enferruxada por inactiva, nunha alta porcentaxe. Entre a brutal obsolescencia que produce esta progresiva especialización / mecanización, e maila ferruxe aludida, aló se vai a metade da nosa produtividade.

Só por poñer un exemplo: Témo-lo caso das concentracións parcelarias de carácter privado, acollidas aos mesmos beneficios da outra, da oficial, que por aquí seguen sendo rara avis. Entendo que, dadas as características do noso chan e das nosas casarías, a privada é boa, ou máis exactamente, a mellor, tanto para o contento da xente como para as relacións veciñais, e incluso para a ecoloxía, que se pode compatibilizar tradición con produtividade. O caso pragmático é que se prefire manterse na indeterminación por dez ou quince anos, que é o que adoitan tardar as concentracións oficiais, e para iso resultan, a miúdo, insatisfactorias en múltiples aspectos ou imperfeccións.

Non estou dando consellos, que ningún plumífero sabe abondo como para dirixi-lo veciño, pero si podemos, e debemos, exhortar, predicar, para que se preste a maior atención posible aos instrumentos formativos, divulgativos. Se a Unamuno lle doía España, ¿por qué non nos vai doer o, relativo, estancamento destas terras potencialmente tan fecundas, que así o demostran as fieiteiras e mailas ortigas daquelas que están esquecidas, menosprezadas, aínda que non no seu prezo de mercado, o que non deixa de ser outra contradición.

Quen se pare nalgunhas referencias documentais deste libriño estará disposto a pensar que unha certa mediocridade na nosa evolución socioeconómica débese ao arramplamento foral, especialmente da Igrexa. Pois ben, sen entrar a discutilo, que diso tamén houbo, de sobra, é igualmente certo que lle debemos á Igrexa un especial labor cultivador que nos situou, paradoxal e culturalmente, alén doutras comarcas galegas, acaso porque o noso clero saíu da propia veciñanza, maiormente das casas máis avanzadas, máis cultivadas. Con iso e con todo, coa bagaxe desa ilustración, se non fose polas sucesivas emigracións, primeiro de América, e despois a europea, o noso despegar ía ser rasante, precario. Ora ben, aquilatando: os nosos emigrantes triunfaron en América porque levaron consigo, aínda que fose en maletas de madeira, unha preparación cultural sobresaínte con respecto ao medio atopado; ían dun país rico de xente pobre e penetraron nas posibilidades doutros países aínda máis ricos pero coa xente aínda máis pobre. En América case todo estaba sen facer, e as moedas eran fortes..., ¡así que a nosa xente, en termos xerais, fixo as Américas! Distinta foi a nosa héxira europea, xeneralizada na segunda metade do século XX, pois agora os bárbaros xa non eran do Norte, senón ao revés: aquí fomos meros asalariados, con destino aos traballos que eles, en posesión dunha tecnoloxía avanzada, desprezaban e nos deixaban. O cambio das divisas tamén nos favoreceu, iso si, pero os galegos, con elas na man, non fundamos empresas, que por Europa arriba xa estaban en órbita; en América algunha si que asentamos, e ben riqueza que produciron

Concretamente, en agricultura, que en definitiva sempre foi a actividade predominante nesta bisbarra, polas circunstancias xa expostas, pasamos do século XVIII ao XX moi paseniño, sen cambios bruscos ou espectaculares: Difundiuse a pataca e mailo millo, produtos americanos. Privatizáronse uns cantos montes e baldíos, empresa ardua para o labrego porque aos montes chamábanse os restos da fidalguía e algún que outro cacique adventicio, que incluso valaron grandes extensións que consideraron como propias, ante a impotencia dos veciños. Á forza de meterlles gando e roturas, pasouse á fase de comunais, e por último, onde houbo entendementos veciñais, algún destes baldíos foi partido e marcado. A presión demográfica, a multiplicación das bocas ao minorarse a mortaldade infantil, coa arela de nutrirse algo mellor, motivou a paulatina eliminación de case tódolos barbeitos e folgados, subindo co arado aos terreos máis abruptos, ¡e menos mal que as vacas, a diferenza dos tractores, non envorcaban! As plantas forraxeiras e as pratenses ata o XX estiveron pouco difundidas.

Principalmente no XVIII, media Galicia padeceu a deforestación das carballeiras por culpa da construción naval; cada navío de 70 canóns devastaba unhas 25 Has de carballeira de boa cerna. A sorte de Castroverde foi estarmos no interior, lonxe dos estaleiros e mal comunicados. No XIX, o policultivo, nestas terras húmidas, ácidas, requiría un notable incremento da fertilización, que só foi posible grazas ás inmensas toxeiras dos nosos montes. Os incultos pasaron a ser soporte dos cultos, dos cultivados. No XX os propietarios dos montes e dos bosques foron manexados, desnortados, habilmente, pola política estatal: Entre 1920 e 1940 empeza a funcionar a repoboación pública, cos piñeiros como árbores clave. En 1941 constituíuse o Patrimonio Forestal do Estado; a ditadura refugou no sucesivo as madeiras autóctonas, as de gran calidade, e favoreceu as de crecemento rápido, sen importarlle os prexuízos, a descapitalización futura, e todo iso para lograr espectacularidade e para favorecer a industria celulósica, para daquela xa desbotada en media Europa. Esta política, e maila inercia subseguinte, foron posibles grazas á circunstancia de que os importadores de madeira atopáronas boas, abundantes e baratas, na África subsahariana, e tamén en América, en países de gobernos caóticos e irresponsables; pero esta situación está evolucionando, máis por esgotamento das existencias que por rectificacións gobernativas.

Segundo os informes das Xuntas Consultivas Agronómicas, rematouse o XIX cunha produción agrícola circunscrita, nesta zona, e por esta orde, ao millo, ao centeo, ao trigo e aos feixóns, pero sempre con baixos rendementos polas carencias da época, que non pola mala calidade das terras: Aradas superficiais, co romano, que por carecer de vesos nin enterraba ben o esterco nin sostiñas as terras no seu lugar, de maneira que se formaban socalcos. Fertilizantes minerais practicamente descoñecidos, ou prohibitivos. Produtos fitosanitarios inexistentes. E logo estaban os factores estruturais: a) Minifundismo, tanto por ser as leiras cativeiras canto pola suma destas, pois aínda andaba a media por explotación familiar nas 2,4 ha. b) O sistema foral, os impostos, a usura, e outras rendas ou sometementos. Calcúlase que á altura de 1850 pagaban foro o 88 % dos veciños deste concello.

Non podemos deixar no tinteiro daquela lacra, ou salvación, segundo o ángulo, dos nosos emigrantiños, chamándollelo afectuosamente, pois ben merecen esta cordialidade afectiva. Referireime á transoceánica, pois a europea, de hoxe mesmo, sen deixar de ser crúa é menos historiable.

A feracidade, a produtividade natural das terras de Castroverde ao longo dos séculos XVIII e XIX, e incluso en boa parte do XX, non foron suficientes para nutrir cantas bocas se ían abrindo, coma pitiños, en demanda de substancia alimenticia. E se cadra foi precisamente por iso, por ser boa, e como tal, cobizada, pois nin os páramos nin as montañas, ou os areais, chegan/chegaban a saturarse, porque, de sempre, repeleron o seu poboamento, polo menos neste grao de saturación depauperada.

Nestas circunstancias, con iso dos pagos enfitéuticos, o imposto do Consumo e demais gabelas, a única válvula de escape posible, accesible, era o "correo" de América. Xa vimos que o primeiro foi aquel Muñiz de Carvajal, pero aquilo foi máis ben por aventura, que os últimos, os recentes, fóronse por pura necesidade, que non somos precisamente cu de mal asento, como de nós se ten dito. Fóronse coma os chourizos, uns atados aos outros, precisamente porque así llelo esixían as tripas, que non, nunca, a cabeza, e menos o corazón. ¿Para onde? A verdade, pero non sei moi ben a causa, é que Cuba sempre tivo imán para os de Castroverde; para os de Castroverde e para os ástures, ¡acaso afinidades da nosa idiosincrasia!, que chegaron a ser maioría. Máis tardío, aínda que tamén considerable, foi o éxodo arxentino. Por último, e xa na posguerra, a chamada veu do Brasil e de Venezuela. O caso lamentable, sangrante, é que non só Castroverde senón toda Galicia, principalmente ao longo do último século, serviu de criadeiro e de reserva de man de obra case cualificada, e non só para o estranxeiro senón, e tamén, para Madrid, Vascongadas, Cataluña... Fóra a alma, aquí pasounos coma cos xatiños, que se xeraron e criaron no país para remata-lo seu engorde, e co engorde o gozo económico, noutras latitudes.

Tampouco podemos esquece-los nosos emigrantes forzosos, aqueles sorchis..., que en Castroverde pouca cota se pagou. Da guerra de Filipinas, dos últimos se entende, só retornou san e sen feridas, sen mutilación, que eu saiba, Manuel Rielo Otero (fillo dun Rielo de Rois e dunha Otero de Paderne). En Cuba, salvo os de última hora, adoitaban quedarse no país unha vez licenciados, no que se lles presentase, que adoitaba ser na corta da cana, naqueles ingenios dos cataláns, e a continuación, carta, carta de chamada, non sempre escrita de puño e letra do remitente, tirando dos irmáns, dos amigos, dos veciños... Das irmás poucas veces, que non lles gustaba levalas..., en vista do visto! Outra emigración forzosa, e non sempre con retorno, foron aquelas levas marroquís, aqueles desastres rifeños...

Certo é que a primeira experiencia cubana de "escravos brancos" se levou a cabo a mediados do XIX, con cataláns, pero estes, acaso porque se atoparon con mellores tempos, con boas oportunidades, sen perder de vista a súa formación artesanal, mediterránea, que lles viña de vello, conseguiron abandonar paulatinamente, non aquel traballo, senón aqueles traballos, converténdose en autónomos ou en agricultores por conta propia. Precisamente foron aqueles cataláns os que lles venderon os ingenios azucreiros, e outras industrias complementarias, previamente dimensionadas, aos americanos, facilitándolles así aos gringos a súa penetración capitalista, un control económico da illa caribeña que culminou co seu apoio á independencia desta. En paralelo, aqueles dólares, aquel maquinismo, transplantado a Barcelona, e de rebote tamén algo para Vigo, promovendo a industria conserveira catalá, tivo moito que ver co despegamento industrial dos paysos e dos paysáns de Cataluña.


A crise finisecular. Chamémoslle así, finisecular, simplemente porque comezou a producirse, caeu, coincidiu, ocorreu, nos anos noventa, pero as súas causas traen as raizames de múltiples factores que non é do caso analizar aquí xa que non foron específicas desta bisbarra, pero si que nos afectaron. Aínda que interactiva, esta crise foi, está sendo, ¡e o que lle falta!, máis grave no seu aspecto social que no económico, por máis que iso sexa menos perceptible para o gran público. Aquí temos unha evidencia, precisamente nun artigo de Manuel Darriba, (El Progreso, 28-12-1999), ¡e non precisamente por caer en Día de Inocentes!, ilustrado co caos que presupón esta fotografía. A súa titulación coido que fai honor á circunstancia: "As casas do silencio".


¡Darío, sempre Darío; pobre Darío!



Literatura, festas e tradicións


Segundo Felipe Arias Vilas, ese gran conservador do Patrimonio, o noso castro, o Verde, como tantos outros, ten, ¡tiña!, unha boa colección de lendas, pero hoxe, co racionalismo e co positivismo imperantes, dando por trasnoitado e inoperante aquel romanticismo imaxinativo dos avós, que foi substituído, en parte, polos debuxos animados da "tele", esas lendas, eses contos tan xeitosos, e incluso formativos, que axudaban a madurar a imaxinación, foron esquecidos, ou case. Entre outras, localizou a seguinte:

"Hai unha raíña, loura coma as espigas do trigo, (¡penso se non se trataría da raíña de Chamoso!), que a soterraron viva, coa coroa de ouro e mailas xoias postas...!" ¿Non sería cousa daqueles romanos para quedarse co seu trigo? ¡É o que penso eu! E tamén coido que anda por aí, resucitada, ou salvada por algún dos seus pretendentes, pois, cando vou ás feiras a Castroverde..., ¡as mozas que vexo, ou son suevas, ou son fillas daquela raíña, cada cal máis loura! Díxoseme que agora hai dúas ou tres perruquerías, e que tinguen... ¡En definitiva, que non sei a qué carta quedarme!

Outra lenda seica di que fuxiu de Córdoba a muller dun califa, celosa das outras hurís, súas colegas, e que mandou facer este castelo para resgardarse nel..., ¡pagándoo co ouro que lle raspiñou ao seu home! Os mouros dos castros, supoñíase, sempre viviron debaixo da terra, e sempre saían e traballaban de noite, ¡que por iso eran, estaban, mouros coma a mesma noite!, pero levábanse ben cos cristiáns, ¡sempre que non lles preguntasen polas súas mozas! Eran tan contraditorios que ata comían carne de porco, jalufo, e bebían viño cando saían das covas, disfrazados coa roupa dos propios veciños, que llela furtaban.

Nisto das covas de Castroverde a imaxinación partía de feitos reais, empíricos, por observación das grutas que presentan as calcarias.

Un conservador-fomentador de lendas foi Benito Vicetto: Autor dunha das primeiras Historias de Galicia, foi un novelista romántico, ao estilo de sir Walter Scott. Publicou, previamente á súa máis coñecida obra Los hidalgos de Monforte, unha novela histórica, que titulou El caballero verde (Madrid, 1844), reeditada en 1863 co nome de El caballero de Calatrava, na que a acción, encantado da súa visita ao noso castelo, aquí a sitúa, na propia fortaleza do Castro Verde.

"... Al Este de la ciudad de Lugo, y sobre una pequeña colina que besaba el anchuroso Outeiro, elevábanse en aquel tiempo las altas y oscuras torres del Castro Verde, de cuya fortaleza existen aún en día sus arruinados paredones. Fundada por un agareno que, adjurando de su religión en el Reinado de D. Alonso El Casto..."

Máis adiante describe:

"... Era de forma rectangular, y en cada uno de sus ángulos se elevaba un torreón cilíndrico con sus almenas correpsondientes, descollando unas cinco varas sobre las cortinas o lienzo de la muralla que de torreón a torreón había y cuya altura sería de veinte. Además, tenía otro mucho más elevado que los demás y de mayor cuerpo construído sobre el portón. Un poco más abajo de la línea de los matacanes de esta torre cuadrilonga, saltan rectos y paralelos el uno al otro, dos maderos o tenedores en cuyos extremos colgaban unas roldanas por las que pasaban las cadenas de bajar y levantar el puente levadizo. Su foso era bastante ancho y muy profundo, de poca agua y mucho lodo rodeándole como una culebra cuando se enrosca al pié de un árbol, impidiendo toda entrada en la fortaleza, no siendo a merced del puente, que por lo regular siempre se hallaba alzado en aquellos tiempos de disensiones feudales..."


Lois González López, coñecido en Montecubeiro como Lois do Cando, débelle a súa resurrección principalmente a D. Ricardo Carballo Calero, que o situou nada menos que na súa Historia da literatura galega contemporánea. Na parroquia ben que copiaron, á man por suposto, naquelas escolas "de a ferrado", os versos do seu poema, ¡do seu himno!, "A víspera de San Xoán en Montecubeiro", pero o que é metelo no prelo, acordarse deste poeta do XIX, entre o orixinal, -seguido dunhas breves recensións de Francisco Fernández, Alfredo Brañas, Salinas e Carré-, e Carballo Calero, ninguén o fixera.

Naceu en Madrid no ano 1866, para onde emigraran seus pais, pero el sempre se sentiu de Montecubeiro. A nai seica era de Pumarín, e o pai da casa do Cando, de Vilar. Viñéronse para a aldea por contratempos laborais, no ano 1869, e por aquí estiveron, ata o 1878, ao parecer de caseiros, primeiro en Montecubeiro e despois en Neira de Rei. Estas datas evidencian que a cultura de Lois do Cando, as primeiras letras, foron frailunas, quere dicirse, daquelas escolas "de a ferrado", derivadas da escolarización que lle deran os dominicos á parroquia. En 1878 esta familia volveuse para Madrid; e polo San Froilán de 1891 premiáronlle en Lugo o poema antedito, resultante dunhas vivencias infantís para el inesquecibles, asentadas no fondo da súa alma castroverdense.

Tal composición mandouna ao Concurso Literario de san Froilán, celebrado en Lugo o 6 de outubro de 1891, baixo o seguinte lema: "¡Ouh, Lugo! Non me morrín. ¡Chamácheme, e respondín! Aquel certame estaba patrocinado pola Asociación de escritores y Artistas de Lugo. El Regional, na primeira plana do seu número 2.666, correspondente ao día 7 de outubro, daba conta dos laureados: "Con el premio de honor D. Aureliano J. Pereira, por su poesía ¡Terra, a miña! Accésit, al Sr. D. Luís González López, de Madrid, (¡de Montecubeiro!), por su composición: A víspora de San Xoán, en Montecubeiro". Editadas ambas creacións, conxuntamente, (están na BN, Madrid, coa referencia R. 757963), pola patrocinadora Asociación de Escritores e A. de Lugo. Sen que sexa un demérito para D. Aureliano, a verdade é que o xurado xurou en favor do grande, que non do mellor. O mesmo, ou parecido, opinaba Carballo Calero, que deixou dito da obra do noso paisano que "... presenta cun realismo ameno e ponderado un anaco da vida aldeá, e ten o valor do directamente coñecido, exposto con simpatía e fluidez".

Tamén son da autoría de Lois do Cando A miña sorte, O Bico, Parrafeo con San Pedro, etc., pero son dificilmente localizables xa que na BN confundíronas coas obras do seu contemporáneo homónimo, outro Luís González López, pero de Xaén.


Alfonso Gómez Arce, máis coñecido por Alfonso da Cancela de Pena, en amigable competencia con Antonio Cordeiro Rodríguez, de Bolaño, dirixiron cadansúa banda de música, propulsoras do ritmo bailable nun raio amplo, alén dos termos municipais. E para iso, sempre co instrumental ao lombo, fose un día antes ou despois da sega, da gadaña, dos terróns, da malla... ¡Iso é terlle amor á arte!

A banda de Pena parou de tocar conxuntada, quere dicirse, en público, ás alturas do ano 1949, época na que empezou, volveu, o éxodo rural. Pero non se apagaron, en absoluto: foron dispersados polos ventos, xordos pero estarrecedores, da emigración, interna e externa, que sempre e de sempre se levou os mellores, precisamente despois de escolarizados, de instruídos, para máis inri!


As foliadas. Non, unha foliada non era só música, música e baile, que aquí en Castroverde tiñan a súa motivación, o seu ritual, amén doutros complementos.


Rúas, ou ruadas, eran os faladoiros das longas invernías, xeralmente na Casa Grande do lugar. Na "Grande", ou na máis "grande" das cativas. Sempre, invariablemente, despois da cea e de pensa-lo gando, rosario incluído, por suposto, sen esquece-los defuntos da familia, un por un, que por estes lares adoitaba dirixilo o patrucio da casa. Os traballos internos quedaban feitos, previamente e con dilixencia, sempre, pois á rúa só levaban as rocas, o calceto (medias ou xerseis), e mailas ganas de xoga-la brisca e de falar, asemade. Fachuzo de pallas ou un tizón, para saír da casa..., ¡e a ruar!

O meu grande amigo, e de paso gran artista, Augusto Trillo, despois de contarlle como eran aquelas ruadas de orixe medieval, imaxinou así as da casa dos Gómez de Neira, meus devanceiros:


Despois da paréntese da guerra recuperáronse, progresivamente, as cantigas, sinaladamente as de Reis, con algunha copla mercada na feira; e tamén as adiviñas e mailos xogos, tanto os da baralla como certas composicións elementais: O xogo do que mercou unha vaca que daba máis patadas que leite. O das prendas, con castigos enxeñosos, e incluso pícaros. O dos parrafeos, a ver quen o facía mellor. O do chufón, que pedía as mozas..., ¡a cambio dun galano importante se lograba apalabra-lo casoiro! Os arremedos da xente doutras parroquias... Rematando, invariablemente, cunha regueifa de contos específicos de lareira, de tódalas cores..., salvo que houbese "roupa tendida", quere dicirse, menores!


En canto ás adiviñas, foron o xadrez desta bisbarra, un bo estimulante para exercita-la mente nun tempo en que as ruadas oficiaban de escola. Para mostra deste enxeño, unha moi socorrida: Alto, alto cabaleiro, / dálle a risa / e cáelle o diñeiro. (O ourizo, ao abrirse, que solta a castaña).


Onde conservaban algún fonógrafo, ou gramófono, que adoitaban traelos de América, catro discos non viñan mal, sobre todo se coincidían coas costureiras, que nunca faltaba quen as bailase, ademais do consabido galanteo.


Estas eran as ruadas caseiras, pero tamén as había externas, concretamente as de casoiro, nas que os trouleiros esperaban con alborozo, e tamén con alboroto, despois dos fogos, se os permitía a Garda Civil, que saísen os noivos, e con eles os padriños e demais cortexo, para repartir tabaco, viño e roscas. Os máis pillos, ou máis audaces, adoitaban levar varios disfraces, anteollos, etc., que deste xeito recollían tantos cupos, tantos convites, como carautas presentaban.


As foleadas empezaron como un complemento lúdico ou celebración final das labores comunais, tal que as fías do liño, operación que duraba ata altas horas da noite, cabo da lareira, e que reunía, de casa en casa, a tódalas mozas do lugar, e por veces, as dos próximos. As mozas atraían aos mozos, e de xuntos, en público, o único que se podía facer era bailar, bailar e cantar, así que..., ¡foliada!

As outras, as diúrnas, sempre foron en días festivos, ou no adro ou na eira de mallar máis axeitada. ¿Traballar nos festivos, especialmente en labores cooperativos? ¡Ca, así tronase, pois iso era tanto como expoñerse a que o cura da parroquia pasase aviso ao cuartel de Castroverde, e daquela... "con la Iglesia hemos topado, amigo Sancho!", que diría o noso paisano, aquel escritor que descendía dos Saavedra, dos da Casa Vella.

Un tipo especial de foleada ou foliada -humor, sátira, espectáculo-, foron as corridas do galo e maila queima da Pascua, celebracións de Carnaval e de Pascua, xeralmente chamadas sentenzas.

¿Quen dixo que en Castroverde rematara o humor daquela da guerra? ¡Diso, nada, que aquí tedes unha proba do seu rescaldo finisecular! Trátase da copla, anónima por suposto, extensa, dunhas eleccións recentes; aquela que remataba dicindo: Pra cumprir a palabra / rematar, como ves, / dicindo que foi feita en maio / do ano oitenta e tres.

Nesta composición, entre outras pullas sen piedade, facían diana coa das promesas electorais. Literalmente, un fragmento da mesma; e se alguén a quere enteira que a busque, que algún paisano as conservará todas, todas e completas, aínda que só sexa para mostrárllelas aos netos:

.../...
Din que lles prometeu
ós da Frairía e Peredo
facerlles na Vacariza
un gran invernadero.
Na Vila de Castroverde,
¡e como recordatorio!,
íase facer moi pronto
un xigantesco sanatorio.
Habería transporte urbano;
funcionaría o alumbrado;
ían restaurar o castillo,
á Lomba facerlle un aplanado.
En Pena unha autopista;
e pra Montecubeiro
pedirían un aeroporto
a construir no Cruceiro.
De Bolaño a Pereiroá
un teleférico grande;
circo permanente en Goi;
unha fábrica en Espasande.
En Serés sala de festas;
piscifactoría en San Miguel;
en Rebordaos un parque público,
en Mirandela un hotel.
Un túnel en San Julián,
que comunique coa feira;
e no monte de Vilalle
faríase unha gran leira.
Na Meda un repetidor;
en Barredo un zoológico;
en San Paio unha urbanización;
en Moreira un gran negocio.
De Paderne a Miranda e Páramo,
e en Vilabade, con ramales,
unha praia artificial
cos cartos municipais.
Como estou moi ledo,
como estou de trangallada,
non sei se me quedaría
algunha parroquia olvidada.
.../...


Pasa a CASTROVERDE -V-

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: