martes, 26 de marzo de 2013

CULTURA HERDADA



CULTURA HERDADA
            EVOCACIÓN DAS ESCOLAS DOS VOSOS AVÓS


Antiga escola de Maxide, (Montecubeiro),
co seu emblema enriba da porta, no alto das escaleiras.


Xosé María Gómez Vilabella


No concepto “instrución popular” metíase a lectura, escritura á man, e mailas catro regras aritméticas. ¡Non era moito, pero era o básico, que menos houbo no XIX, particularmente para as nosas avoas, aquelas que firmaban co polgar tinguido! ¿Esa bula das nenas? ¡Librábanas daquelas escolas de a ferrado considerando “que non tiñan que ir polo mundo”, nin servir “ao Rei”, nin enfrontarse aos documentos habituais: obrigas, permutas, dotes, ventas con ou sen “pacto de retro”, partillas, etcétera! ¿Favor que lles facían? ¡Miñas pobres, que nin voto tiveron ata o ano 1931, e para iso, grazas a quen, grazas ao dúo Campoamor-Cordero Pérez!


Clara Campoamor. Frases súas que deberan aprenderse nas escolas:

Defendí en Cortes Constituyentes los derechos femeninos. Deber indeclinable de mujer que no puede traicionar a su sexo.
La libertad se aprende ejerciéndola.
Resolved lo que queráis, pero afrontando la responsabilidad de dar entrada a esa mitad de género humano en política, para que la política sea cosa de dos, porque solo hay una cosa que hace un sexo solo: alumbrar; las demás las hacemos todos en común, y no podéis venir aquí vosotros a legislar, a votar impuestos, a dictar deberes, a legislar sobre la raza humana, sobre la mujer y sobre el hijo, aislados, fuera de nosotras.
Estoy tan alejada del fascismo como del comunismo, soy liberal.
El feminismo es una protesta valerosa de todo un sexo contra la positiva disminución de su personalidad.
Ante todo soy humanista.
La victoria total, completa, aplastante de un bando sobre el otro, cargará al vencedor con la responsabilidad de todos los errores cometidos y proporcionará al vencido la base de la futura propaganda, tanto dentro como fuera de nuestras fronteras.


Manuel Cordero Pérez, natural de Riomol (Castroverde). Isto é o que dixo nas Cortes apoiando a petición de voto femenino presentada por Clara Campoamor:
“Hay una tierra -¡que bella es!, Galicia, en donde la mujer rinde a la familia y a la sociedad más esfuerzo que el hombre. Éste, sugestionado por la leyenda del bienestar de América, unas veces, impulsado por la necesidad siempre, vino emigrando, dejando a la mujer al frente de la hacienda y de la familia. Y cumplía su cometido con tal heroísmo que bien merece nuestra admiración…”
Se non fose por esta colaboración, a Campoamor non conseguía os votos para que as Constituíntes do 31 lle concedesen o voto á muller…, porque os seus, os propios socialistas, temían que, no confesionario, lles torcesen o voto ás mulleres!
-.-

Pero tampouco folgaban, uns e outros, pois o neno rural saturábase, mañá por noite, desde a caneta, particularmente con seus avó, dos saberes infindos do seu medio. Para empezar, un vocabulario extensísimo, pragmático, medio recollido, recollido a medias nos dicionarios actuais, que ía desde a flora á anatomía dos animais sacrificados. Por exemplo, da “Lección de Anatomía”, de Rembrandt (do Dr. Deyman), aínda que non ardese parcialmente o cadro, pouca lección podía deducir un rapaz, pero poñámolo diante de seu avó naquelas meticulosas, comentadas, aperturas en canal dun porco... ¡Como para aprobar nunha Facultade de Medicina!

A enciclopedia das tradicións orais, se a houbese, non tería índice, pois, de tantas que tivemos, resultaríannos de difícil clasificación. Unha aproximación, unha mera aproximación, podería ser esta:

-Crenzas, positivas e negativas, chamándolles así aos saberes diabólicos, ás supersticións; en definitiva, aos pousos do noso paganismo, tan presentes, aínda, a mediados do XX. Para evoca-los principais, só da nosa bisbarra, habería que montar outra enciclopedia. Para as positivas tiñamos a Catequese parroquial.

-A ética, dimanada dos comentarios moralizadores xurdidos, analíticos de mil casos coñecidos. ¿Que neno de hoxe en día se forma con mil biografías de tipos populares, uns imitables, estimulantes, e outros repudiables, todos eles preceptivos e informativos en boa pedagoxía?

-Os alcumes, sempre definidores, que tanto axudaban a coñece-la xente, a fomenta-la observación psicolóxica.

-A toponimia menor, esa historia permanente do máis importante para a vida lugareña, verdadeiras decantacións.

-Os refráns, unha experiencia milenaria, sopesada, contrastada, que tanto nos levaba, ou podía levar, da man titora que os aportaba, que nolos explicaba.

-As feiras, media carreira de Economía para quen lles prestase atención.

-Os oficios, mil artes, ou mil mañas, segundo os contemplásemos ou participásemos activamente neles.

-¿En Arquitectura? Unha casa rural, das ben feitas, -casa, hórreo e demais alpendres-, amén da capela e/ou da igrexa parroquial, dan para tres anos de carreira especializada a pouco que consideremos a elementalidade das ferramentas utilizadas.

Un etcétera interminable que, xa que vai por vía de exemplo, pararémolo aquí.

Hoxe fálase moito de reciclamentos, de formación permanente... Un labrego – labrego, daqueles, que iso de gandeiro é unha abreviación nosa, contemporánea, desde o arado (para os días de sol) ao seu taller artesán (na palleira, para os días malos e/ou de vagar), se hoxe o convertésemos en carreira universitaria, co preguiceiros que nos volve iso que chamamos ilustración, sería unha carreira longa, pero deserta, porque ninguén se atrevería con ela.

Épocas

Cando falemos da Galicia rural, particularmente dos séculos XIX – XX, hai que esquecerse das calendas xulianas e traducir por:

Verán. A Sega e mais Agosto (herbas, segas, mallas, etcétera). Non apetecía o sol da praia xa que se tiña, abundante, na porta da casa. O que apetecía era a sombra; e na sombra, a sesta.

Outono. Que finalizaba polo San Froilán, unha festa máis que patronal, colleiteira. ¡aquí empezaba o inverno agrícola! Despois do San Froilán pouco se necesitaba dos nenos, eran prescindibles, así que adoitaban mandalos á escola. O Mestre, fose a ferrados ou en cartos, xa se contratara, previsoramente, entre a Sega e o Outono, cando máis tardar, que para despois só quedaban libres os novatos ou os segundóns.

A primavera proclamábase, propiamente, o Domingo de Ramos, ¡árbores máis que ramos!, caese cando caese, que daquela comezaba a labor dos hortos, as patacas, etcétera, así que facían falta os nenos, a súa colaboración, maiormente se a casa tiña un certo potencial agrícola; de non telo, os rapaces xa non irían á escola.


Domingo de Ramos: a Parroquia ao completo.

¿Local da escola? Nas privadas, xeralmente o cuarto do “corredor”, cuarto-comedor das festas. As casas pobres nunca deron local para esas escolas de temporada, e nas ricas sempre houbo un sobrado axeitado, máis ou menos luminoso, pero relativamente digno.

¿O catecismo? O catecismo arrimáronllo os curas ás escolas nacionais, maiormente porque as controlaban eles, incluso en períodos esquerdosos. Lembremos aquí a disputa que se atribúe a Palmeiro de Luaces co seu cura, ao que lle argumentou que o seu eran as matemáticas, e que o especialista en relixión era, debía ser, o crego; ¡así foi fusilado, seica, na horta do Seminario de Lugo, pois o seu cadáver nunca se localizou! Os pais do rural, en familias dun mínimo cultural, sempre ensinaron o catecismo en por eles, e máis ben os avós. A Doutrina era unha disciplina oral, memorística, que xa se practicaba antes de que o neno / a coñecese as vogais. ¡A boa hora ían pagar unha escola para recitar, día tras día, aqueles rezos, aquelas ladaíñas da lareira! Coñecín moitos analfabetos, das letras, da lectura e da caligrafía, pero, ¿analfabetos en relixión...? ¡Nin os máis curtos!

O de contar sempre se ensinou nas casas, empezando polos dedos das mans. A etapa seguinte, co gando: as vacas, que eran pouquiñas; e despois, as ovellas; por aí adiante. O debuxo dos números adoitaba ser, igualmente, caseiro; nas pizarras de lousa, co pizarrín. Sumar e restar era ben doado cos múltiples exemplos da vida cotiá; algo máis complexas eran as operacións de multiplicar e dividir, que esas si que se cantaban (a táboa respectiva) na escola. Os bos mestres esixían un dominio absoluto das táboas, a tal punto que a “tomaban” do dereito, do revés, e salteada. Coñecín infinidade de labregos que, p. e. nas feiras, efectuaban operacións complexas, mentalmente e con abraiante exactitude, dándolles que facer aos tratantes.

Para falar de difusión no ensino hai que comezar polos conventuais, e non só en Montecubeiro; tamén algo, pero pouco, moito menos, polo clero parroquial. Os mestres foron máis ben transmisores, difusores, engadindo algo por si mesmos, de xeración en xeración, pero tampouco un milagre; considerados en bloque, quere dicirse, como clase.

En canto á circulación fiduciaria, moi escasa aínda que relativamente pois os vinculeiros sempre tiveron algún diñeiro; o que pasaba era que llelo facilitaba o patrucio subrepticiamente, e atesorábano para merca-las lexítimas aos irmáns, ou para proporcionarlles a dote ás mozas casadeiras. Nunca houbo segredo mellor gardado, obviamente para iso e para pintarlles a miseria aos minorazos, para que devolvesen a “pasaxe” desde América, para que axudasen ás casas.

No século XIX, para non remontarnos máis atrás, as feiras inxectaron moito diñeiro neste país: vendíase pouco, é certo, pero mercábase aínda menos, que todo era da casa, da casa ou do país, fosen mobles, ferramentas, alimentos, calzado e vestidos. Ese conto de “paga-los foros” tivo algo de  conto, pois en xeral eran baratos, e logo que se pagaron máis ben coas aportacións dos emigrantes, coas “letras” dos emigrantes. Iso dos foros foi, en parte, un instrumento político, unha falacia tardía, dos demagogos do 30. O caso é que no ano 1926, Lei de Redención de Foros de Primo de Rivera, segundo os Rexistradores da Propiedade na provincia de Lugo só quedaban unhas rendas censadas por debaixo dos dous millóns de pesetas; das de daquela, por suposto, pero aínda así representa pouco endebedamento para unha provincia eminentemente rural.

O fondo da cuestión era que o Mestre non procedía de casa rica, que nese suposto bo coidado tería de non ilustrar aos seus veciños; nin precisaba paga de ningún tipo, pois o cacicato habitual, tradicional, das familias fidalgas proporcionaríalles mellores rendementos. Os mestres sempre eran de casa media, tirando a pobre: non lles sobraba o froito, e logo que, ao facerse medio señoritos, non adoitaban facer grandes cavadas. Por outra banda, pagar en especie, aínda que logo a revendesen, era o máis normal, incluso nas obras dos rendistas, pazos, mosteiros, etcétera. Os señores podían taxar en moedas, pero á hora de pagar, facíase o troco a cereal, madeiras, gando, etcétera.

Non eran os mestres trapeiros de polas portas. Non é así; non había tal oferta, como podía ser o das cuadrillas de segadores: O mestre pescudábase, inveteradamente, de cerca ou de lonxe, despois dunhas concienciudas referencias. De ser escola colectiva ían para falar con el, a tempo, unha comisión, dous ou tres pais de familia, encabezados por aquel ou aqueles que puxesen os locais.

Aquí ao lado, en Asturias, circulaba máis diñeiro debido, principalmente, á súa emigración global, xeneralizada, anterior á de Galicia, destacando tamén o seu artesanado. De aí que as melloras aos vinculeiros nunca foron tan absolutas como en Galicia.

Deixando as comparacións de zona: Aquí o mestre era moi solicitado, totalmente rifado, pois os de prestixio escaseaban; e logo que as escolas públicas estaban sostidas polos municipios, e máis tarde, polo Estado. Os veciños que construíron locais ad hoc para escolas certo é que lle cobraban unha miseria de aluguer ao Concello respectivo, pero fixéronas no seu papel de elite socio-económica, ¡para beneficiar aos seus fillos, por suposto!

Falouse de mestres clandestinos, pero non había tal. Iso, en todo caso, dicíano os Nacionais, amolados por unha competencia que os desprestixiaba, culpa principalmente do seu absentismo: ¡Mañá é feira; tedes punto! E por aí adiante. Os Inspectores, se cumprisen coa súa obriga, se non encubrisen aos Nacionais, decataríanse do problema e deixaríanse de elucubracións torpes e insidiosas. ¿Uns inspectores que avisaban aos mestres con quince días de anticipación? ¡Vaia inspección!

A escola oficial, “Nacional”, foi concibida desde a Capital, con programas totalmente en castelán, adaptados máis ben para formar, para darlles base aos potenciais alumnos dos ciclos superiores; en definitiva, para señoritos da capital. Os nenos da aldea precisaban outro pan, cousa que nunca se preveu desde arriba. Por outra parte, a escola particular, rural, era unha auténtica formación profesional, cousa, distinción, que veu precisamente, oficialmente, desde que a aldea desaparecera como tal, desde que se globalizou coa capital. Considero digna dun profundo estudio esa pugna, esa competencia, entre os mestres nacionais e mailos particulares.

Para os que tiñan por ensino rutineiro aquelas escoliñas do ferrado direilles, coa miña experiencia de ambas, que rutina era mete-los nenos da aldea nunha burbulla oficial para así inxectarlles uns coñecementos traducidos, que en xeral non lles eran útiles, nin doadamente asimilables.



A escola de Doloriñas, de Julia Minguillón, á que admiro, outro tanto como me decepcionou o seu marido, Francisco Leal Ínsua, que me aconsellou destruír o meu primeiro libro de versos. Aquilo tamén foi un impacto deses que padecíamos os nenos da aldea ao relacionarnos cos ¿xenios? da cidade.

Contexto oficial:

1753. O Concordato, xestado con toda clase de intrigas por ambas partes, significou a submisión do Episcopado á Coroa, por se xa o estivese pouco en Galicia con respecto ás institucións castelás. Neste punto de inflexión, o rural, que viña sendo promocionado pola Igrexa local, séntese desprotexido e inicia a súa autosuficiencia laical. De aquí arrincan os mestres rurais, que o serán todo para os seus conveciños menos catequistas, función caseira en primeira instancia, e parroquial por elevación.

En certo sentido, o mestre rural foi a antítese da clerecía. Certo é que procedía dela, dos seus saberes, da súa ilustración, pero cultivaron a rebeldía dos seus coñecementos, dos propios, dos impartidos, fronte á oposición caciquil, piramidal, da xerarquía eclesiástica conivente cos mandos gobernativos. Aquí empezou, ou máis exactamente agravouse a situación, tendo o seu ápice no 1936, particularmente naquelas instrucións do arcebispo de Santiago ordenando aos párrocos que se abstivesen de estender certificados de boa conducta aos fregueses que estivesen afiliados ou simpatizasen con sociedades marxistas ou similares. Pero a cousa non se quedou niso dos certificados senón que a clerecía rural, mangoneouna de seu, procedente moita e dela da pequena burguesía, pois os fidalgos xa ían extinguidos, que viña sendo freada pola culturización progresiva dos mestres, lanzouse ás denuncias, ás delacións xeneralizadas, unha verdadeira cruzada inquisitorial, ou peor aínda, xa que nin simulacro de xuízo se lles facía aos acusados. ¿Marxistas? ¿Marxista un galego daqueles do rural, idólatra da súa vaquiña e da súa leira? Á parte de que no 36 tanto os marxistas comas os falanxistas eran tan escasos coma os trigos de dúas espigas.

A “Pepa”, Constitución do ano 1812, preconizaba no seu artigo 366: “En todos los pueblos de la Monarquía se establecerán escuelas de primeras letras...” ¡Xa! Nesa Constitución tamén se estableceron as gradacións de primaria, secundaria e superior, pero todo iso foi utopía ata o ano 1857 no que a Lei Moyano retomou o tema..., ¡para Castela! En Galicia non tiñamos apenas núcleos de máis de 500 habitantes, ¡que eran os dotables con aquelas escolas chamadas “completas”!

No 1860 as Juntas Locales de Galicia, ben seguro que por iniciativa das sociedades económicas, fixeron un censo ilustrativo, resultando que para 3.289 parroquias, coas cidades incluídas, só funcionaban 1.457 escolas, ¡e para iso a maior parte delas rurais, privadas, temporais!

Gracias, fundamentalmente, ás Escolas de Ferrado, que seguían chamándose así aínda que xa se pagasen en cartos, no Mapa do Alfabetismo de España do ano 1920 saímos do mellor, ¡para a época! Algo por detrás de León, que roldaba o 30 % de analfabetos; Asturias outro 30 %; ¡pero Ourense e Coruña ían despois de Lugo, con máis do 50 %!

Cando se fale de “analfabetos” en Galicia non hai que tomalo literalmente, definíndose como tales aqueles que “non sabían ler nin escribir”. Un analfabeto dos de principios do XX aquí en Galicia adoitaba ter unha cultura de transmisión oral fantástica; persoas coñecín nesta bisbarra, nados a comezos do século, de tan amena e variada conversación, particularmente mulleres, que eran precisamente as menos escolarizadas, que, de telas gravadas, hoxe asombraríannos.  

No 1931 creáronse por Decreto as Misións Pedagóxicas, que foi un fito para o medio rural.

Naqueles anos da Guerra un dos nosos Mestres viña percibindo de 2.000/3.000 pesetas anuais, fronte a un Garda, Civil ou de Asalto, que andaban entre 3.000/4.000. Con estes estímulos negativos, a escola pública..., ¡para as Mestras! E se pillaba lonxe, ou de mal servizo..., ¡para os substitutos/as!

Material escolar.- Compre subliñar a carencia de medios, máis grave do que fosen as limitación culturais do ensinante. Deste xeito o ensino foi memorístico, de repetición oral, pero tivo a vantaxe de que o ensinado cultivou de tal xeito e a tal nivel a súa retentiva que aínda hoxe nos asombran as lembranzas e mailos coñecementos dos nosos avós, que incluso lembraban os nomes dos comercios das vilas e cidades nas que fixeran o seu servizo militar, por máis que nada ou pouco comprasen neles. Hoxe en día, polo XXI arriba, coa disciplina memorística un tanto relaxada, é practicamente inútil preguntarlle a un rapaz, da idade  e do nivel escolar que sexa, por unha determinada tenda, ou por un centro oficial sito na rúa paralela da súa vivenda, e xa non digamos do seu descoñecemento nominal das rúas circundantes.

Agora sabemos moito, ¡saben!, é verdade, pero dun xeito lineal, estritamente da materia ou da ferramenta que nos toque manexar, ¡e para iso non sempre, que enseguida imos consultar, sexa aos papeis ou ao ordenador! A cultura de tradición oral dos nosos campesiños da primeira metade do XX era circular, que ata habería que dicir, esférica, global. De postos nunha balanza, máis peso específico en saberes concretos, acogulados? Ponderando os medios dispoñibles en cada caso, por suposto. Non é que todo tempo pasado fose mellor, que tampouco é iso, senón que a densidade foise gasificando, perdeu coa difusión, coa globalización dos saberes. En definitiva, que a especialización é un xeito acomodaticio de incultura.

Coido que tamén importa subliñar, recordar, que a emigración triunfante, ¡a triunfante!, a que retornou polos anos 1925 / 35, pois a fracasada xa non volveu, que daquela non había repatriación avalada, nin por conta do Estado, acadou, en xeral, ideas, e algún diñeiro; acaso máis ideas que diñeiro, porque xa saíra de aquí, do seu rueiro, licenciada, formada, relativamente ben formada, quere dicirse, educada e madura, do ambiente familiar, e moi especialmente daquelas deostadas escolas do ferrado.

Aqueles emigrantes, concretamente e con preferencia na provincia de Lugo, fixeron milagres en proporción aos medios entón dispoñibles: déronlle un tirón socio-económico, estimulante, contaxioso, que fixo historia, por máis que pouco se lles teña recoñecido e agradecido. A provincia de Lugo nunca foi mitineira, non é, ou non era, o seu, en parte acaso pola nosa saiba acomodaticia, suevo-bretona en definitiva, pero tamén pola súa conformación, que seguiu sendo castrexa, quere dicirse, lugareña, focalizada na dispersión e na gravitación parroquial, pero non fixeron falta grandes conmocións espectaculares para que xerminase o ideario progresista, incubado, requentado, fornecido, polos nosos emigrantes, pola súa exemplaridade. Coruña, provincia de pazos e de caseiros, tiña os portos de mar de man; por contraste, os lugueses tardaban unha semana en acadar os peiraos, pero aínda así pasáronlles diante, xa nas primeiras emigracións. Os caseiros da provincia da Coruña, en xeral, agardaron á corrente venezolana, xa na posguerra. Para probar todo isto, a falta de estatísticas concretas, específicas, abonda con apelar ás lembranzas dos nosos vellos, e de xeito ben elocuente á circunstancia de que a maior parte dos lugueses perseguidos nos anos 36/37 pasaran por Buenos Aires.

A cultura, vítima, no 36. ¿Quen lles estorbaba ás forzas reaccionarias, caciquís, do chamado Movimiento Nacional? ¿Quen nutriu a proliferación partidaria, política, innovadora, progresista, do decenio 1925 / 35? Está doado de probar: Os mestres e mailos emigrantes, ou máis exactamente, os mestres emigrantes, particularmente os porteños, que se prata non trouxeron, si que fundaron unha pléiade de escolas e de agrupacións ou sociedades, incluso cooperativas de consumo. De Cuba veu moito diñeiro, moitísimo, pero pouco ideario, que iso cultivábase máis en Bos Aires; o seu ambiente, nas Antillas, o xeneralizado, era máis materialista que intelectual, ¡cuestión de clima!, con honrosas excepcións, por suposto.

Sería unha redución imperdoable constrinxir, reducir, o noso mestre rural ao ensino das catro regras. ¿Quen foi, quen fixo de “home bo” na nosa bisbarra? ¡O mestre, e só o mestre, que arranxou litixios enconados, frustracións xudiciais; fixo partillas, que por algo e para algo sabía descompoñe-las figuras irregulares en triangulacións aproximadas; redactou escrituras de todo tipo, formulou instancias...

O espelido de cada rueiro fixera a “mili”, ben na escola de analfabetos do Rexemento, ou nas oficinas de Maioría, ou na botica de primeiros auxilios do cuartel. De volta, constituíanse en factotums do lugar: facían curas de urxencia, inoculaban aquelas vacinas da varíola, inxectaron todo tipo de inxectables, con ou sen receita, etcétera., á vez que convencían aos seus veciños de que o arado de ferro era máis útil có de madeira, particularmente nos terreos costudos, erosionables. Predicaron a oposición ao reparto inicuo do imposto de Consumos, a insubmisión ao Secretario e demais caciques do Municipio...

Lémbrese que o Perito Agrícola, o Médico e mailo escribán, fóra de Lugo-capital eran raras avis, unha especie de bispos que só baixaban ao rural nas concentracións electorais, ou nas festas parroquiais, ou nas vodas dos seus parroquianos.
-.-

Traumas dos transplantes, ou cambios, de residencia.




Hoxe non é onte; os campesiños, como tales, desapareceron, engulidos polas cidades. As sacudidas do século XX foron atroces, desgarrantes. Da Moderna pasouse á Ultramoderna, e agora si que estamos na Contemporánea, na Nova Contemporánea, aínda que con máis propiedade debemos chamarlle, Virtual, Idade Virtual (que non virtuosa).

¡Dramas aqueles, aquelas mudanzas; como para tronza-la psique do máis temperado! Comezabamos coa primeira viaxe dos nenos á capital; no meu caso, a Lugo. Non se me esquece que me levaron meus pais, ao saír do médico, ao Parque de Rosalía, e alí dixéronme que ollase para o Miño, que era o río principal de Galicia. ¡Non foi posible; non fun capaz de velo coa cegueira que tiñan os meus ollos a tal momento, escurecidos con tantas cousas, e todas incribles; debeu ser algo así como pasar da terra ao Ceo! ¿Sen agonía? ¡Non; cunha agonía atroz, que comezou no coche da Liña de Mosteiro, daquela movidos por gasóxenos..., e nas costas empurrados, reforzados, polos propios viaxeiros!





Os da, chamareille “Xeración da Guerra”, ademais de guerra tivemos un traslado planetario; pasamos da terra ao sol: veu o racionamento, as radios, as vacinas, a instrución premilitar nas escolas...; o castelán traspasou a Bercía, así que houbo que aprendelo! Entre o castelán da escola e mailo latín da igrexa..., toda a Historia de España, pero de Galicia, toxos e flores! Nas casas ricas líanse os periódicos, e nas pobres escoitabamos ao Avó; ¡e menos mal cando se tiña! Os fidalguiños pasaron ao Instituto, pero os pobres, o de sempre: primeiro, garda-las ovellas; e de mociños, a decruar na chousa! A fase seguinte era o servicio militar; outra evolución, pois deixouse de dicir, “Servi-lo Rei”!

Da emigración, desde que se renovou, desde que se abriron as fronteiras, só se libraban os morgados; e tamén algunha que outra das rapazas.

Quitaron os gasóxenos e viñeron as Vespas. O “Marqués da Vespa” era aquel xenro de don Hermenegildo, que seica tivo o monopolio da súa importación. ¡Claro, era o importante! Tras da Vespa, o Seat 600, e mailo Deux Chevaux,



que serviron para adiviñar que, dentro deles, ou ía o Cura ou a Mestra!

A todo isto oíase a Pirenaica, enfrontada ao No-Do dos cines. Os ricos, ¡sempre os ricos!, deron chegado ao televexo, que así lle chamou Manuel María. E despois os ordenadores. Cansados do Cara al Sol, a vellez, que non outra cousa, tróuxonos a Democracia; ¡e niso estamos, aprendendo a ser demócratas!
-.-

Hoxe en día, comezos do XXI, nesta Galicia dos nosos pecados pode afirmarse que a ruralidade desapareceu: As escoliñas pasaron a ser Grupos Escolares sitos nas vilas, ¡e con transporte escolar! ¿Quen se lembra daquelas corredoiras invernías, enlamadas ou nevadas, e os nenos con zocas de empeña, de media caña? ¡Mellor así, esquecelo! A tele e mailos periódicos, que entraron en tódolos fogares. As viaxes fixéronse, e son, tan rutinarias, que xa se pode dicir que emigramos de día para durmir de noite nas nosas camiñas, nas de diario. ¿Camiñas? ¡Adeus aqueles xergóns de follas de millo, cheirando a millo, que foron substituídos polos de resortes bicónicos! ¿Agora é más doado soñar cos anxos? Esta pregunta non hai a quen facerlla pois os nenos de daquela fóronse, e os de agora xa nin oíron falar daqueles xergóns dos seus ancestros.

A mediados do XX, ¡onte!, saír da casa, tal que para ir casar á parroquia veciña, xa se podía chamar migración pois era tal a nosa endogamia que, de freguesía a freguesía xa existía unha fronteira costumista, e en gran medida, léxica; se aquí se dicía “bros”, aí abaixo dicían “macheta”.

A migración  era, ¡é, e seguirá séndoo!, unha complexa adaptación, unha integración, unha apropiación da cultura allea, e, sobre todo, unha nostalxia atroz, morriñosa. Había, ¡hai!, que respectar as regras locais que presidisen a vida social de adopción, incluíndo falares, vestimenta, alimentación e demais circunstancias participativas. ¡Como me cheiraba aquela carne dos camelos en Ifni, pero..., era o que había no zoco!

Antes diso pasei por Madrid. Renunciada a beca que tiven en Lugo porque meus pais, polas súas circunstancias, non podían complementala, aprendín o oficio de zoqueiro e vendía nas feiras, din escola das chamadas do ferrado, fun labrego e gandeiro ata a saciedade, pero aos 18, ¡desertor do arado! Firmei por tres aniños de nada para o Batallón do Ministerio do Ejército, onde, como sabía darlle á maquina de escribir, e nada menos que coa recomendación do entón Comandante Lombardero, Ayudante do General Martínez Campos (neto daquel de Sagunto), destináronme ao Consejo Supremo de Justicia Militar, Fortuny, 4. A anécdota, mellor dito, as dúas ou tres anécdotas da incorporación poden ter o seu chiste. Aí van:

Quedara coa Guillermina do Ramalledo de acompañala na festa de Gondel, pero chegou un telegrama do Ministerio... ¡Primeiro o Ejército cás rapazas, así que lle din o plantón correspondente!

Collido o tren correo en Lugo, nada máis pasar a Ponte da Chancha, ¡cataplás!, a locomotora e uns cantos vagóns deitáronse ao abrigo daqueles valados da gabia. ¿Dixeron? ¡As mentiras de daquela: que se soltaran uns parafusos da vía, e que tiñan que vir locomotoras de Monforte para endereza-lo convoi! Tardei anos en saber que fora unha sabotaxe dos fuxidos, e sóubeno precisamente no Supremo, onde vin o expediente, que afrouxaran os parafusos, ¡adrede! Adrede, si, pero con humanidade, pois fixérono nun sitio onde o tren todo o máis que podía facer era deitarse contra dos valados da gabia.

Vinte e tantas horas despois..., ¡estación do Príncipe Pío, onde me agardaban meus primos! Antes de entrar en Madrid xa me asombrei de ver unha infinidade de xente que tiraba paquetes polas ventanillas. ¿Estaban tolos? ¡Estaban cordísimos, que o facían porque tiñan parentes ou amigos ao pé da vía, para que lles recollesen aquelas provisións que non podían entrar en Madrid, ou que o farían pagando uns arbitrios arbitrarios! As miserias, as necesidades, as requisas..., ¡canto espilen na xente! De apeado, con meus primos collemos o “metro”, en dirección ao Banco de España, onde meu tío era Conserxe. Ía tan abarrotado que o torpe do aldeaniño non deu saído, non mazou cos cóbados aos dianteiros, así que..., ¡cerráronse as portas, e os primos deron en berrar: “Pepito, Pepito, que se va perder”! O maquinista oíu, e freou; volvéronse a abrir as portas, e daquela saíu o..., ¡o mozo! A xente, tanto a de fora como a de dentro, desafogou: ¡Así que este era el niño! A vergoña que pasei non é descritible, non me saen verbas axeitadas para expresalo!

Como os emigrantes, supoño que é pola vergoña que lles dá, non adoitan referir os seus ridículos, pídolle ao lector que acepte os meus, expostos a título de testemuño de que son certas as penalidades ás que veño referíndome.



Non atopei ningunha imaxe que defina mellor o século XX cá esta.

O XX foi un século acelerado, particularmente no mundo occidental: Rebentámonos a traballar, a estudiar, a discorrer, a dominar...; pero desa ambición de dominio, en particular no colonial, xurdiron soberbias que terminaron en guerras tráxicas que moito deron que chorar. Entre outras desgrazas, esa febre de mando, de mangoneo, alzou aos dirixentes, aos políticos, á nube do orgullo, da ambición e da egolatría, particularmente aos incapaces de administrar, pois administrar para a comunidade require ter un espírito xenerosos, precisamente o contrario do que se daba neles, así que os upamos, ¡upáronse!, ao trono da tiranía, e desde alí cuspíronlle ao pobo raso.

-.-

        
¿Como se presenta o XXI?




Esta defíneo bastante ben: Por unha parte, os fillos dos capitalistas, que se senten señores feudais, daqueles da idade Media. Enfronte os descamisados, que prefiren pedir a traballar. ¿Traballar? ¡Xa non queda en que! Por suposto que si: arrinca-los eucaliptos, e volver as hortas..., para comer con dignidade! Antes ca iso, emigramos..., como fixeron os nosos avós! Si, si, e daquela poñedes as vosas carreiras ao servizo dos estranxeiros... ¡Pois mira que sodes cacholáns, saír de Matamala para caer en Matapeor!

Coido que sería unha boa idea fundar unha Escola de Políticos Competentes e Honrados..., que polo menos aprendesen a canalizar iniciativas de auténtica democracia, capacitando, de paso, exportadores, exportadores de mercadorías e non de Licenciados, pero..., ¿terían alumnos; non pasaría igual que nos seminarios, pois, con iso de que os curas non casan, o Seminario baléirase!

-.-


Unhas cativas matinacións sobre os pros e mailos contras, tanto das migracións como das emigracións, da nosa Galicia.




¿Estación de Cornavin, en Xenebra? Isto será hoxe, pois daquela, no segundo terzo do XX, era máis ben unha feira de mercadoría humana: Mercar e vender postos de traballo, intercambiar nostalxias, buscar coñecidos...

Os emigrantes, antes xa de bicar a terra que lles prometía acollida, apegamento, o primeiro que bicaban, que apertaban, era ás persoas que agardaban por eles, aqueles pioneiros que os reclamaran, que os ían protexer, e que, á vez, simbolizaban as terras, e coas terras as familias, agora lonxanas, abandonadas, e por veces, definitivamente.

Recoñezo e comprendo que os emigrantes apenas falen disto, e de escribir, menos aínda; pertence ao máis fondo, ao máis entrañable da súa intimidade.

Para o emigrante, desembarcar, ou pisar unha nova terra, é algo así como volver á escola, ¡en primaria! Teñen que aprendelo todo, e menos mal que en case toda América lles servía o castelán; con algún xiro local, pero, parecido.

A inserción dos emigrantes ten dous planos ou procesos paralelos, simultáneos: Un deles, a chamada a participar na vida social, económica e política, local, onde terá, ou polo menos deberá, aceptar as súas regras para lograr os seus obxectivos, para mellorar as súas condicións de vida, para ser medianamente aceptado. O outro, aínda que sexa inconsciente e involuntario, é o que nos leva a adoptar un modo de ser e de facer que irá modificando o noso comportamento, tanto no espazo público como no familiar.

O traballo atopado non adoita ser, ¡sería un milagre que fose!, mellor có desprezado na terra de procedencia. Por formación que leven, sempre terán que afrontar novidades, engados; e logo que os nativos, afianzados no seu país, non vas a ser tan xenerosos que se despracen a peor para deixarlles o mellor aos novatos, aos intrusos. Tiven ocasión de velo, de comprobalo, persoalmente, en varios puntos de Suíza, cando, na década dos 70, o Banco me enviou para propoñer correspondentes..., ¡que zugasen os aforros dos nosos emigrantes! Deprimíame comprobar como, artesáns e labregos, que deixan aquí, no seu berce, unha posición laboral e social de certa altura, alí subían..., ¡aos tellados, ás chemineas, ás estadas; a todo aquilo que temían, ou repudiaban, os nativos!

¿Asentamentos, hospedaxes? Disto falei, entre outros, coas limpadoras dun hotel, oriúndas de Vaille; pregunteilles se había algún paisano noso parando no hotel. ¡Ai, si; vaiche  boa! Adoitan alugar os pisos nos barrios pobres, e para iso asociándose tres ou catro familiares para comparti-la cociña; ¡e xa non o fagan nos dormitorios! Ríronse para dicirmo, pero eu, que miro para os ollos dos interlocutores, ben apreciei que aló por dentro choraban da pena que lles daba aquilo, aquela constatación, aquel..., ¡descubrimento! ¡Igual era tamén o caso delas!

¿Que fixo Galicia cos cartos de Suíza? Como aquí sempre houbo pouca unión, non se constituíron empresas, desas que engaden valor, así que, os sobrantes, tódolos Bancos os transferían para Cataluña, a cambio duns réditos. ¿Algunha excepción? ¡Si, a do Banco de Siero, do que dicían as malas linguas que se quedaba coas remesas dos emigrantes, sen  declararllas ao Instituto Español de Moneda Extranjera, e con esas divisas abría contas alí, en Suíza, de contrapartida..., para que certos españois incorresen en evasión fiscal, por chamarlle só así! Está claro que os pícaros do XXI foron ás escolas do XX; ¡non hai cousa que non teña unha causa remota!
-.-


Como dicía a nosa paisana, a nosa ¡Mestra!, Enriqueta Otero, “É moito o que temos herdado, así que compre agradecelo e melloralo; de mellorado, transmitilo!”. ¡Amén!




Xosé María Gómez Vilabella