miércoles, 25 de marzo de 2009

CONTOS DO AVÓ




CONTOS
DO
AVÓ



No oitenta aniversario da avoa.
Para Miguel, Andrés e Paula.


Xosé María Gómez Vilabella
1                    Un neno que se parecía aos meus netos
2                    O neno que lle tiña medo ao encerado
3                    O que me pasou co mapa de España
4                    Os nomes
5                    As andoriñas
6                    O galo que cantaba cando estaba triste
7                    Aquel corzo que lle falou ao avó de meu avó
8                    O galo, a vaca e mailo esquío
9                    Unha gota de auga
10                A egua de Rois
11                De cando os de Montecubeiro se botaron ao monte
12                Unha visita á Cova da Valiña (Bolaño)
13                O afiador que afiaba as verbas
14                As verdades parécense ás ovellas
15                Carnaval: despedida das enchentes
16                A labazada patriótica
17                ¿Facemos un troco?
18                O moro Hamed
      19                Unha shériff que se rendeu
 
-1-

Un neno que se parecía aos meus netos

Érase unha vez un neno que se parecía aos meus netos pois quería chegar a saber tanto ou máis que seus pais para, de mozo, ser unha persoa importante, que non se dixese que a familia ía a menos. Eran tan traballador e tan aplicado que non lle chegaba con ler e con ir ao Colexio, que sempre estaba preguntando o por que das cousas, e cando non tiña aos pais cerca, daquela preguntáballes aos avós.
A súa teima era entender a mecánica das letras, iso de formar palabras con letras, pero non ao tun-tun, senón sabendo o significado e maila ortografía das mesmas. Como en lectura, e tamén en escritura, xa ía adiantado, sen por iso deixar de xogar, pois o tempo, de ben administrado, dá para todo, pensou en ensinarlle a numeración ao seu irmán, que casualmente tamén se chamaba Andrés.
Empezou dicíndolle que aquilo dos números tiña a súa maxia, pois, con só dez algarismos, con só dez figuras, podíase representar unha cantidade calquera, por grande, ou por mínima, que fose. ¡Todo dependía de como se colocasen as cifras!
Así foi como llo explicou Miguel a seu irmán Andrés:
-Esta cousa dos números, tal e como hoxe entendemos a Matemática, seica a inventou un árabe, un mozo de Arabia, que se casou coa filla dun pastor que tiña moitas cabras. Daquela, o pai da rapaza díxolle que lles daría das súas cabras, "Rapaz, dareivos tantas cantas sexas capaz de contar polos teus dedos".
O mozo quedouse pensativo, matinando, matinando, como tería que facer, pois, con cinco dedos en cada man, só sumaría..., ¡a ver…!
5 dedos desta, máis outros 5 da outra... = 10
-¡Tan só 10, 10 cabras! ¡Moitas non son...!
Pero daquela acordouse de que tamén tiña dedos (dedas) nos pes!
5 dunha man, e 5 da outra, con outras cinco do pé dereito, e 5 máis que teño no pé esquerdo, son... = 20!
-¡Vinte cabras! ¡Isto empeza a ser un rabaño! -Exclamou o mozo. Pero el, que era cobizoso, non se deu por satisfeito; quería máis, e máis, e máis...! Nisto que lle dixo a súa rapaza, que tampouco era torpe:
-Imos facer con estas cabras como se fose un Exército, unha desas Falanxes dos romanos: ¡Ordenalas por columnas e por fileiras..., a ver que pasa! De momento, 10 por cada lado!
Fixérono daquela maneira, e o resultado vese aquí mesmo:

  1 2 3 4 5 6 7 8 9 10
11 12 13 14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27 28 29 30
31 32 33 34 35 36 37 38 39 40
41 42 43 44 45 46 47 48 49 50
51 52 53 54 55 56 57 58 59 60
61 62 63 64 65 66 67 68 69 70
71 72 73 74 75 76 77 78 79 80
81 82 83 84 85 86 87 88 89 90
91             92             93             94             95            96             97             98            99         100!

¿Que? ¿Verdade que se poden facer marabillas cos números?
-.-

Outro día, aquel mesmo neno, aquel que se parecía ao noso Andrés, e que tantas ganas tiñas de aprender as cousas das persoas maiores, como xa descansara dos números, decidiuse a preguntar como era aquilo das letras, iso de que houbese vogais e consonantes, maiúsculas e minúsculas. Como os pais viñan cansos do seu traballo, preguntoulle ao avó, que lle deu estas explicacións:


-Mira, neno, coas letras pasa algo parecido á esa cousa das cifras, que son moitos os sons, quere dicirse, o nome das cousas que queremos representar, e para logralo hai que combina-las letras, e incluso observarás que hai que poñer acentos, un til, que son unhas raíñas cativeiras e inclinadas que se poñen encima dalgunha vogal. Por exemplo, se escribimos Xose, así, sen acento, lese Xose, cando o correcto sería pronunciar Xosé, con acento no “é”, que así resulta, Xosé.
As vogais son poucas, tan só 5, que xa as coñeces:
a   e   i   o   u
pero se as combinamos coas consonantes vai pasar coma no conto das cabras, que saen moitos sons, moitos:
ba   be   bi   bo   bu
ca   ce   ci  co  cu
da   de   di   do   du
etcétera.
A cousa de usar maiúsculas, que xa o di a palabra, pois maiúsculo quere dicir GRANDE, é máis ben para darlles importancia aos nomes propios, como é o caso das persoas, que por iso levan en maiúscula a primeira das letras. Exemplos:
Abel   Adela   Andrés   Miguel   Ricardo   Estrela   Laura   Paula   Pedro   Xosefina
Tamén se usa letra maiúscula cando hai un punto, ou cando se comeza un parágrafo.
O neno deulle a seu avó as grazas máis sinceras, ¡porque xa sabía, xa aprendera, unha cousa máis!
-.-

-2-
O neno que lle tiña medo ao encerado

Como xa pasaron moitos anos, a verdade é que se me esqueceu o seu nome, pero voulle chamar o Neno da Graña, para entendernos.
No seu pupitre, nunha pizarra de lousa, que eran as que se usaban daquela, aquel Neno escribía perfectamente co seu pizarriño, incluso con letra inglesa, que é esa de trazos longos, tanto para arriba como para abaixo. Así, desta maneira:
Aa Bb Cc Dd Ee Ff Gg Hh Ii Jj Kk Ll LLll Mm Nn Ññ Oo Pp Qq Rr Ss Tt Uu Vv Xx Yy Zz

-¿Por que non queres saír á pizarra, ao encerado? ¿Dáche vergoña? -Díxolle o Mestre.
-Si, señor. Mire, é que se trata de que teño estes calzóns rotos, por aquí, pola parte traseira...
-¿E logo, como fixeches...?
-Foi de sentarme aí fóra, nesas lastras das escaleiras do Colexio; e cando cheguei á miña casa, miña nai púxolles un mendo, ¿sabe? Aquí, ve, nesta cacha, e se me levanto para poñerme de cara ao encerado, daquela estes compañeiros vanme ver toda a cueira do calzón remontada, remendada, e vanse rir de min!
O Mestre quedou pensando o que ía dicir, e pediunos que estivésemos atentos ás súas verbas, para non esquecelas:
-Mira, neno, ninguén ten dereito a rirse doutras persoas, nin na escola ni fóra dela! Se aquí este neno, este compañeiro, César, -agora, ao escribilo, acordeime que se chamaba César-, vén hoxe co seu calzón remendado, ¿non sería peor que o trouxese roto, que súa nai non puidese, ou non quixese, ou non soubese, arranxarllo, e daquela que lle vísemos o calzón pequeno, o interior? El fixo ben en dicirllo á súa nai, e ela tamén se portou dándolle ese cosido, o mellor que soubo e puido! Se nesta vida todo fose novo, daquela non existiría a vida, pois a vida é precisamente iso, ¡durar, durar máis ou menos tempo, segundo sexa a natureza de cada cousa! E logo está que a timidez esaxerada non é cousa boa: tedes que ser resoltos, decididos, pero con moderación; ¡todo con prudencia e coa mesura que sexan pertinentes en cada caso! ¿Quedamos niso?
Aplaudimos todos, que nos aconsellou ben, e a partires de tal incidente o tal César non tivo reparos en saír ao encerado, con mendos ou sen eles na roupa, que así demostrounos a súa naturalidade, a súa decisión de non facerlles caso ás risas da xente presumida; ¡e de paso demostrounos o ben que escribía!
Isto de saír ao encerado, e tamén o de contestar con franqueza, se se sabe, para demostralo, e se o ignoramos para que nolo diga o Mestre, ten moita importancia. Lembrade que, tarde ou cedo, todos teremos ocasión, sexa nun exame ou en calquera outro tipo de exteriorización, de falar en público, que neste mundo, o que se di en solitario non se pode vivir, que todos dependemos uns dos outros, pois a vida humana é, ante todo, convivencia, axuda recíproca.

Aquí tedes ao Avó, falando en público,
por primeira vez.
Foi na Pascua do ano 1948

Os que se engurran diante da xente, sexan ou non coñecidos aqueles cos que falemos, eses si que fan o ridículo. Na vida hai que falar con apromo, con sinceridade, con cordialidade, que todos somos persoas, fillos de Deus, que ninguén é deus: ¡Só hai un Deus; tres persoas distintas, que forman a Santísima Trindade, pero un só Deus! ¡Os outros son, somos, irmáns, irmáns en Cristo Xesús!
-.-
-3-
O que me pasou co mapa de España

Tería eu cousa de cinco anos cando aquel Mestre da escola de Maxide me sacou para xunto da parede onde colgaba un mapa de España, (que estaba en inglés porque o trouxera, porque o doara, un emigrante que estivera en Cuba, daquela que tanto mandaban, mandaban e mangoneaban, os norteamericanos nesa illa, impoñéndolles a súa cultura), e deu en preguntarme:
-A ver, Xosé María, para empezar, ¿en que se diferenza unha illa dunha península? Tes que explicalo sinalando con este punteiro.
O punteiro era unha variña de salgueiro, limpa, sen cortiza, que a utilizabamos para sinalar, fose no mapa ou no encerado. Naquel intre, ao meu lado, no mesmo pupitre, que eran de dúas prazas, estaba unha nena que ía bastante adiantada porque o Mestre dáballe clases na cociña da casa dela despois de saír todos do local da escola, que era contiguo da vivenda, e díxome en voz baixa, con picardía, para que non se decatase o Profesor:
-¡Vaia apuro en que te ves, que ti non sabes iso, pero eu si!
Saín do pupitre, apartándome dela para que non fosen pensar aqueles compañeiros que me estaba apuntando a resposta. O caso era que eu tamén o sabía, que meu avó tivera bo coidado de levarme un día aos prados de xunta o río, e poñendo unha pedra grande no vieiro da auga, explicoume que as illas chámanse así porque están illadas das outras partes da terra. Despois diso puxo unhas pedriñas formando unha rea que chegaba ata a beira do río, e tamén mo explicou, que aquilo era distinto, que xa non era unha illa porque as pedriñas, e quen di pedriñas di montañas, así colocadas, formaban unha especie de ponte, de continuidade, o que se chama en Xeografía un istmo.
Quedei mirando para o noso Profesor e díxenlle, tranquiliño de todo, que é como se debe falar, sen nervios, con serenidade, e con seguridade no que se di:
-España é unha península porque está unida a Francia por unhas montañas, aquí, nesta parte do Norte, ás que chamamos Perineos. Unha illa é todo o contrario, algo así como unha cativa que de tanto presumir que sabe moito, vaise quedar soa no medio da clase, e despois diso, se segue con esa actitude, non vai ter amigos, amigos verdadeiros!
O Mestre felicitoume cun aplauso, e a cativa quedouse colorada, por dous motivos: Un deles, porque eu tamén tiña Mestre na casa, sen título pero mestre, xa que meu avó, e tamén meu pai, facían de tal; e outro, porque se decatou de que está mal ser vaidoso, ou vaidosa, pois, se algo sabemos, tamén o poden saber os outros compañeiros, e cando non o saiban, a obriga de cada quen é participa-los seus coñecementos aos demais, ensinar ao que non sabe, que iso é unha obra de misericordia, unha das mellores xa que é preferible ensinar a pescar antes que regalar un peixe!
-.-

-4-
Os nomes
Sábese de certo, polo Xéneses, que Adán decatouse de que era o Administrador Xeral do Paraíso terráqueo cando Deus lle ensinou a nomea-las cousas. ¡As cousas innominadas, aínda que se podan tocar, para o entendemento non existen!

Isto mesmo lles dixo un vello da miña parroquia aos Técnicos da Concentración Parcelaria, pero eles, sapientes que son, ¡ou se fan!, replicáronlle:

-¡Paisano: Para algo están os GPS, as coordenadas dos entronques, os vértices xeodésicos...; e todo iso, controlable Vía Satélite...!

Non mo creredes, pero o certo é que aquel vello non volveu a durmir na súa casa. ¡Morreu de nadismo, por caída libre, no baleiro! Tamén é certo que o médico, en vista de que non latía, nin latía nin espertaba, certificou algo así como Mortis causa: fallo cordial.

¡Si, si; cordial! ¡E tanto que o foi, que lle estoupou o corazón doído pola morte das súas leiras, todas á vez: o Carballo do Val, o Castiñeiro, a Cortiña, a Grandiña, a Pataqueira da Faladoira, a Leira, o Leiro Longo, a Penela, a Pumarega, a Regueira, o horto de Tras da Caseta, os Pacios, o Fondal...! Se chega a ser militar poríanlle na lauda que, "¡Morreu pola Patria!", e tamén sería certo.

Cando deu chegado ao Ceo aquel patrucio, despois de examinado, de sopesado o seu balanzo de virtudes e de pecados, ¡que fixera, que non fixera, que respostas dera nas diversas circunstancias da súa vida...!, todo iso, o primeiro que se lle ocorreu seica foi preguntar por aquel señor que dixera non sei que do asombro de Deus ante os avances pseudoculturais dos terráqueos, un tal Curros Enríquez, do que tan mal lle falara o crego da súa parroquia.

-¿Oes, ti, Curros, que seica tes confianza co Creador suposto que viaxaches con El daquela que asomou polos nubeiros..., eses Técnicos da Parcelaria..., son planetas ou satélites? Vin para aquí coa dúbida porque me falaron dun compañeiro seu, un tal GPS, que é satélite, ou cousa parecida. Levan planos..., ¡logo son planetas! Pero iso do satélite... ¿Ti, que es un veterano, aquí, neste cuartel do Ceo, poderías preguntarlle ao noso Supremo..., para saír de dúbidas?

Nin que dicir ten que se escachizou de risa o tal Curros Enríquez. Deulle unha aperta e díxolle:

-¡Que ben fixeches con virte ao Mundo da Sabedoría Absoluta, pois o que é aló abaixo, na Terra, quedaras obsoleto! É verdade que Deus lle prometeu ao Pai Adán posuí-la terra, traballala, suala..., mais naquela avinza nada se falou de medir, que iso éche un invento de certos funcionarios..., ¡que mandan máis cá Deus! Pero non te preocupes, que cando veñan ao Ceo, e pasen pola Porta da Balanza, o seu GPS vailles servir de pouco, pois ese aparello non ten homologación celestial.

O señor Toño, que non era rancoroso, deulle palabra ao Curros de non presentar querela por aquel atentado á saúde pública que viña de padecer, e coa mesma pediu un dicionario de galego para poñerse ao día..., ¡antes de que desaparecese de Galicia iso dos topónimos, iso dos nomes das fincas!
-.-

-5-

As andoriñas
É ben sabido que as andoriñas pasan o inverno en África porque nese Continente a temperatura é máis alta, pero como os veráns son tórridos, cando se acerca a Primavera sempre voan, sempre retornan, cara ao Norte.
De chegadas ao lugar por elas escollido, que adoita ser o mesmo onde naceron, dedícanse a face-lo seu niño, ou a reparar o vello se o atopan estragado, para poñer os seus oviños, pois daqueles ovos nacerán outras andoriñas, e así sucesivamente, que sempre foi así desde o instante da Creación, séxase, desde o Paraíso Terreal.
Estando unha bandada delas aló en Exipto, no país das pirámides, un criado do Faraón, que así lles chamaban os Reis dese país, chegou coa boa nova de que nacera o Neno Xesús, pero lonxe, en Belén, e que era nada menos que fillo de Deus, o único fillo que tiña Deus. ¡Xerado, que non creado! Explicou que viña, que nacera, para ensinarlle á xente a comportarse para merecer o Ceo, que é onde están os anxos, e cos anxos, os arcanxos, que se chaman, estes últimos, os tres que deles coñecemos, Miguel, Gabriel e Rafael.
O marido dunha parella daquelas andoriñas, que casualmente estaban por alí cerca, ás miñocas, e de paso, bebendo auga do Nilo, preguntoulle ao fámulo:
-¿E logo, xa que ese neno é fillo de Deus, nacería nun palacio tan bo, ou mellor, có do voso Faraón?

-¡Que va! -Contestoulle aquel emisario.- Precisamente por ser Fillo de Deus, que é a única cousa perfecta de cantas existen, naceu nun portal do gando, pobriño de todo.
-¡Oh! ¿Daquela, como foi iso?
-Fíxoo adrede para darnos exemplo de humildade, que non hai que ser soberbios, nin presumir de ricos aínda que o sexamos, pois canto temos é porque Deus nolo concede. Digamos, para entendelo, que as nosas riquezas son unha especie de préstamo que Deus nos fai, xeralmente por días de vida, que nalgún caso, certas cousas, nin iso duran. ¡Nin máis, nin menos!
As andoriñas quedáronse cavilando, que lles parecía que os ricos debían ter boas casas, e vivir nelas, ¡como facía o Faraón! Nisto a andoriña femia díxolle ao compañeiro:
-¿Que che parece se lle pedimos ao Faraón que nos regale unha das súas alfombras, que ata lle sobran, e daquela levámoslla ao Neno Deus, xa que ten a súa caneta nun presebe, tan só de palla, e con algunha folla, desas que caen no outono...? ¡Isto é o que refire este emisario!


Estiveron de acordo, que para as cousas boas sempre se debe estar así, conformes, todos, e coa mesma, recibida aquela alfombra, levantaron o voo. A andoriña macho ía diante, tirando da alfombra cun fío de seda, que o levaba no pico, moi forte pero delgadiño, que por iso non se vía no aire, e así se presentaron en Belén, en cuestión dunha semana, cruzando por riba do Mar Roxo, ou Rojo, que é como lle chaman a ese mar que ten Exipto pola parte que dá á Terra Santa. Recibe ese nome debido a certas algas ou argazos que abundan na súa superficie e que lle dan esa cor aparente.
Nin que dicir ten que o Neno Xesús bendiciu ás andoriñas, moi agradecido por certo, e prometeulles que de alí en diante as aves desa especie serían consideradas como anxos; quere dicirse, como amigos perpetuos da Sagrada Familia, ou sexa, de Xesús, da Virxe María e de San Xosé. Este caso, este feito, serviu para recordarnos que Deus é amor, e como tal, bendí e agradece as cousas feitas con amor, con bondade!
-.-
-6-

O galo que cantaba cando estaba triste
Tiña miña avoa, alí en Bergland, un galo que adoitaba cantar cando estaba triste, ou iso pensabamos tódolos da casa. Aproximadamente unha hora ante do amencer xa entoaba o seu Quiquiriquí!

A avoa, cando tal oía desde a súa cama, que estaba enfronte da miña, dicíame, coma se fose nun cuartel, pero cariñosamente, moito, pois era unha santa:
-¡Quinto, levanta, tira da manta, que están tocando diana! Desperézate e lávate, deixa as lagañas na almofía; e non poñas os calzóns do revés, que xa non é a primeira, que ti, co sono, non ves. Calza as zoquiñas, que imos para a cociña, e nun tris fágoche as papas...
-Madriña, -que tamén o era-, de papas estou farto..., ¡e de lavarme, tamén, pois arestora a auga está fría!
-Meu neno, cando cozamos xa cha quentarei no forno; e se non che gustan as papas, xa sabes: ¡en vez dunha cunca, dúas! ¿Ou prefires caldo de verzas, dese que sobrou onte?
Eu, co mal xenio daquel espertar madrugueiro, repliqueille:
-Madriña, ¿cando vas desplumar ese galo? ¡Canto máis vello sexa, máis difícil che será arrincarlle as plumas! E logo que estará boísimo asado nas brasas!
Meu avó, e tamén padriño, que tal cousa oíu, saíu en defensa do galo:
-Rapaz, para non comezar o día con xenreira, o mellor é persignarse..., ¡cada vez que canta o galo, ao seu compás! Reflexiona: Contra pereza, dilixencia; e logo que iso de botarlle as culpas ao galo non está ben en terra de cristiáns..., encima de que fai de reloxo para que non chegues tarde á escola! Enfadarse co xefe das pitas, en ti, que tanto che gustan os ovos, é un desagradecemento!

-Avoíño, tampouco é así, pois a madriña di que este galo só canta cando está triste.
-¡Tamén o sei! Está triste porque é un comellón, e tárdalle o amencer, que veña a luz do día, que de noite non ve o millo na súa maseira, e dá picotazos ao tun-tun, nas táboas. ¡Un guloso, un egoísta!

-Avoíño, deixando de lado iso do reloxo...; ¿por que a xente só canta cando está leda?
-Mira, rapaz, aquel que canta, seus males espanta. Non é que canten por estar ledos: Fano para estar ledos, que non é o mesmo! Cantar, estar ledo, é unha cousa boa, tanto coma o sorrir, que así levántase o ánimo, e con iso as penas vanse de paseo. ¡Non sei para onde, pero vanse, lonxe de nós!
-¿Avoíño, non haberá unha medicina para esa enfermidade do galo, para que non nos esperte tan cedo, tanto se está triste coma se está ledo?
O avó quedouse matinando na miña proposta, ¡e deu coa receita! Aquela noite, antes de deitarnos, púxolle ao galo un tego de millo, e de par, nun prato, para que non houbese perigo de incendio, unha palmatoria cunha vela de cera, acesa. Deste xeito, cando o espertou o seu estómago, aquel tragaldrabas, como aínda tiña a vela acesa, deu en picar no millo, ¡e trasfegou o tego, enteiriño! Daquela acordouse do seu costume de cantar a tal hora, pero como tiña o papo cheo de gran, feito un bolo alimenticio, non lle saíu o seu quiquiriquí, así que, en lugar diso, berrou: ¡Ca, ca, ca...; caca; que non quero tanto millo, que me volvo..., caca!
Pola miña parte, como aquel día non funcionou aquel espertador que era o galo, laveime tarde, tarde e mal, e non din chegado ao colexio con puntualidade. Cando lles deu as queixas aos meus, da miña tardanza, aquel don Jesús, que era o mestre de Maxide, o que lle contestou meu avó foi:
-¡Non se enfade co rapaz, que a culpa tívoa o millo...!
Don Jesús despediuse e foise, sen mediar máis palabras, pero tempo adiante souben que lle dixera á señora Rosa, que eran os donos do edificio do colexio: "Está mal da cabeza o señor Xosé de Gómez; meu pobre, co intelixente que era, e agora confunde a puntualidade co millo!"
-.-

-7-


Aquel corzo que lle falou ao avó de meu avó

Isto é un conto vello porque trata dun suceso que ocorreu no século XVIII, cando aínda tiñamos frades no convento de Dominicos de San Cibrao de Montecubeiro. ¡Onde vai iso! Ía o señor Mingos para a Misa de cedo, apoiándose cando na dereita, cando na esquerda, cando na súa caxata, pois era algo coxo por culpa da reuma. O pobre señor alancaba canto podía, que non quería chegar tarde ao Convento, do que era frade seu irmán Bertomeu, Bertomeu Gómez, e por iso, tamén por iso, cumpría dar exemplo de puntualidade!
Ao pasar polo lugar coñecido como Rego de Berglánd, que son as augas que baixan da Fontiña do Carballo do Val, non sei como mirou para o bosque da esquerda, decatándose de que estaba por alí cerca, quedo, parado na beira do camiño, un corzo enorme, de gran cornamenta, que o fitaba con atención.
O bo do patrucio quedouse sorprendido pola ollada daquel animalciño do bosque, tan intensa e tan fixa que mesmo parecía quererlle falar. Coa propia caxata, o señor Mingos deulle á pucha para atrás, para ver mellor aquela expresión, aquela intromisión no seu camiño, á vez que se refregou co paniño das mans por se aínda levaba lagañas nos ollos, cousa improbable xa que sempre se lavaba con auga limpa, da sella, procedente da Fonte Grande do lugar.
Non, non era un engano dos seus ollos, que lle oíu dicir ao corzo, alto e claro:
-Señor Mingos, non se asuste, que estou aquí en son de paz; ¡precisamente cunha mensaxe de paz!

-¿A ti, querido animal, que se che ofrece; que é o que podo facer por ti?
O corzo deu ás cornas por toda contestación, así que o patrucio seguiu coa enquisa:
-¡Logo é que tes fame! ¿Queres vir comigo á miña casa, que está aí abaixo, no fondo do lugar, e daquela douche un feixe de herba...? ¡Herba seca ou herba verde, a escoller, pois eu, neste caso, se é por una boa causa, tamén podo ir á segunda Misa, á das doce...!
-Grazas, señor, pero non se trata diso. O importante é que baixei do Ceo porque me dixeron que a auga deste lugar é boísima, a mellor do mundo! Ocorre que acaba de nacer a Neno Deus... A verdade é que fai séculos que naceu, pero, daquela, fíxoo en Belén, en Belén de Judá, que é unha terra de pastores con pouco pasto; unha terra seca, moi diferente desta, da súa. Para relembrar aquel Nadal, dándolle as grazas ao Señor polo ben que se vive aquí, neste Bergland de Galicia, tódalas criaturas, e non só as persoas, eu quería levarlle un grolo desta auga, que así facíalle unha ofrenda, en propio nome pero tamén no seu, señor Mingos. ¡Iso se lle parece ben, pois Deus, o que é á forza non quere ter amigos!
-¡Bendito sexa Deus! Colle a que queiras, que nestes mananciais o que é auga non falta.
-Resulta que ningún dos seus veciños, aqueles que pasaron diante súa, me deron unha botella, unha simple botella, para levar a auga, tal que desas que veñen coa augardente, que todos me dixeron que custan cartos, e que por iso non mas regalan!
-¡Ai, ho, tratándose de augardente…; eu non a bebo, que son abstemio, pero..., se che dá igual, teño unha cantimplora, que é unha especie de botella de aluminio atada cunha correa, que ma trouxo meu pai, un tal Gómez de Neira, de aló de África, dun sitio ao que chaman Septa, ou Sebta, ou Ceuta, que todos eses nomes lle dan, onde estivo de Alcaide da súa fortaleza...! Se che colgo esa cantimplora dunha das túas cornas, daquela aínda a levas con máis comodidade, pois as botellas de vidro poden esvarar..., así as collas coas pezoñas!
Cando volveu ao Rego o bo do señor, co seu galano da cantimplora, para encherlla de auga, aquel corzo das cornas xa se fora, así que Mingos (Mingos = Domingos) refregou outra vez os ollos: ¿Sería certo, ou é que soñara..., esperto?
Estando nestas cavilacións oíu unha voz que parecía baixar do Ceo:
-¡Mingos, acabas de ganar a Eternidade, a entrada, definitiva, na Gloria, con esta obra de caridade! Cando subas para Arriba, connosco, daquela irá por ti unha cuadriga, catro corzos celestiais, para traer a túa alma nun carriño, pois as vacas para iso son algo lentas, e ti mereces gozar da túa santidade con urxencia, sen demoras, polo ben que te portas, acotío!
Nin que dicir ten que aquel patrucio está no Ceo, ¡descantiá! O día da súa morte, seus fillos e mailos netos escoitaron algo así como unha bérrea suave, alegre, acompasada, desas que fan os corzos cando están ledos. Tratábase de que aqueles emisarios, mandados polo propio Xesús, puxéranlle ao señor Mingos un carro especial, unha especie de carroza de estrelas, para o seu transo feliz, sen pasar polo Purgatorio, directamente da terra ao Ceo..., en premio pola súa xenerosidade habitual!
-.-

-8-

O galo, a vaca e mailo esquío
En Montecubeiro, daquela da miña crianza, había moitas labranzas e pouco bosque, pero os prados sempre abundaron, que se precisan para mante-lo vacún, pois as vacas son terriblemente comellonas, maiormente de herba, verde ou seca. As vacas e mailas galiñas durmían a cuberto, baixo tellado, pero os esquíos sempre andaron soltos, libres, polo bosque adiante, alimentándose de toda clase de froitas, tales como landras, e castañas, pero a súa preferencia son as noces.

Unha mañá de moito nevarío, que non se podía atrochar polas corredoiras para ir á escola de Maxide, pedinlle ao meu avó que me explicase se os animaliños tiñan sentimentos como temos as persoas. O avó fíxome sentar cabe del, por xunto da lareira, e á vez que atizaba ao lume para que eu non tivese frío, meténdolle unhas estelas de carballo, ben sequiñas por certo, faloume desta maneira:

-Tes que saber, meu neno, tes que saber e apreciar, que os animaliños tamén son criaturas de Deus; non tan perfectos como poda ser o home, as persoas, pero hai casos en que case, case, nos dan leccións. Teñen os seus defectos, non hai dúbida diso, pero a xente tamén pode errar; ¡e malo do que erra e non se arrepinte, pois ese tal resulta ser máis animal cós animais! Vouche contar unha conversa que lles oín, precisamente aí fóra, na nosa eira, a unha vaca, a un galo, e tamén a aquel esquío que adoitaba roubarnos as noces da nosa nogueira.

Dicía o galo, sempre presumido, upado nese cepo de face-las estelas:

-O ser máis querido de Deus son eu, que me conferiu a virtude de espertar ao amencer, antes incluso de saír o sol, e daquela teño o privilexio de canta-la alba, de anuncia-lo día.

A vaca, que son seres máis humildes cós galos, respondeulle tal e como se merecía:

-Ti non es nada burro, máis ben un listorro, pero a farfallán non hai quen che gane. Mira, ho, os teus cantares da aurora son unha picardía que lles fas aos teus amos para que se levanten cedo e che dean eses graos de millo que tanto lles custa recoller..., ¡e danchos de recollidos! Pero o traballo do campo éche duro de verdade. En cambio, eu, cando estou na corte, ¡como están as raíñas!, estou queda, ¡coma as raíñas, que non adoitan darlle un pau á auga!, pero eu non molesto a ninguén.

-Claro, -repúxolle o galo-, ti es un ruminante, así que quitas a comida dun dos teus estómagos, e despois de remoída pásala ao outro, ao outro estómago, ¡e con iso divírteste!

-Non é así, que o meu é un estómago agradecido, que lle agradezo a comida a quen ma dá, aos señores desta casa!
A todo isto a ardilla, séxase, o esquío, que por algo son listas coma o diaño, argumentou:
-Ten razón a vaca, que é humilde e traballadora, e tira do carro, ou do arado, e á vez dá leite para as súas crías. Co que lle sobra diso, comen os homes e mailas mulleres, maiormente os nenos... ¿Ti, polo contrario, que fas? ¡Cantaruxas desaforadamente, espertando á xente do lugar, que está cansadiña de tanto que traballa!
O galo:
-Nunca coñecín un esquío que fose servizal, pois o que podías facer non o fas, que sería avisarnos cando estás no alto das árbores e ves vir o zorro a procura das galiñas..., ¡para que así, de avisados, podamos fuxir a tempo!
O esquío quedouse pensativo, e daquela entráronlle remorsos:
-É certo que vos debía avisar, e fareino de aquí en diante..., pero primeiro terei que ensinarlle ao raposo a comer froitas do bosque, como fago eu, pois, se non vai ás pitas, nin come froitas, nin pace herba desa das vacas..., ¡vai morrer de fame, e iso tampouco o quere o noso Creador!
-Avó, -interrompino, un tanto incrédulo-, ¿estás certo de que lles oíches eses razoamentos aos teus animais?
Atrevinme a expoñerlle aquelas dúbidas, pero o avó, que non sabía mentir, foi humilde e díxome:

-Rapaciño, se este conto non é certo, a verdade é que debería ser verdade, pois a cousa tenche o seu aquel...; os animais, uns máis e outros menos, torpes non son, e de postos a razoar, igual o fan tan ao dereito coma algunhas persoas!
Despois disto dinlle unha aperta para expresarlle as miñas grazas, e funme á eira, que estaba alí o galo, para preguntarlle se seguía sendo tan fachendoso como dicía o avó. A resposta que me deu foi esta, nin máis nin menos:
-¡Ca, ca, cacaracá!
¡Nada; está visto que non entendo aos animais; ou é que eles non me entenden a min!
-.-

-9-

Unha gota de auga
Érase unha vez unha Gota de Auga, unha gotiña que quería volver ao mar, precisamente ao Océano Atlántico, de onde fuxira pola vía da evaporación.

Eu ben a vin, daquela, daquela que saltou do meu vaso, un vaso cheo de auga, de auga fría e limpa, da do noso pozo das Andoriñas, pero..., ¡como nada me dixo, nada lle dixen!

Decateime diso un pouco despois, que mo referiu un paxariño, un paporroibo, que se pousou na miña fonte observando aquela fervenza de auga, da auga que caeu nunha herba, nunha herba briza, tan brillante que logo parecía unha copa de cristal posta do revés.

-¿Paxariño, que, que tal, que me contas? Se queres beber con máis comodidade, daquela póñoche de prato a cunca da miña man!

O que me contestou foi isto:

-Non, ho, que aínda non teño sede. O que pasa é que me pillaches mirando para esa gotiña que saltou do teu vaso, e do vaso á herba, e da herba ao chan! ¿Sabes a súa historia?

Non, non a sabía, pero o paxariño, -tan observadores son que non ocorre nada sobre da terra que lles pase desapercibido-, referiume aquel caso polo miúdo, e eu, naquel intre, púxeno por escrito nun caderno de apuntes, a bolígrafo, para que non se me esquecese ningunha verba das da súa explicación:

-Esa gota, pura e cristalina, -que tal me dixo o paporroibo-, estaba no mar, que é a súa casa natal, a Casa Grande da Auga. ¿Sabíalo? O mar é un almacén de augas, máis ou menos salgadas. Estaba con súas irmáns, xogando aos bambáns do vento, de arriba para abaixo, e de abaixo para arriba, salta que te saltarás, vaga vai e vaga ben. Nisto apareceu no horizonte unha cousa moura, viscosa, xigantesca, case grotesca, que levaba un letreiro que dicía Prestige, pero ese nome estaba errado porque en lugar dun prestixio era un desprestixio! De improviso, aquel xigante deu en cuspir un líquido graxento, mouro, que fedía igual ou peor có diabro..., así que esta gotiña de auga da que estamos falando alporizouse de mala maneira; e daquela, coa carraxe que lle entrou, pegou un salto, un chou, e upouse nos brazos do vento, evaporándose de tal xeito que, nun tris, pasou do estado líquido ao gasoso. O vento, coa friaxe daquel día, transformou a nube na que viaxaba a nosa gotiña nunha cousa agrisada: ¡deu en chover!

De caída ao chan, a gotiña entrou na terra, por un dos seus poros abaixo, así que, baixa que te baixarás, e anda que te andarás polos acuíferos da terra, deu chegado ao pozo desta finca, medio a medio desta carballeira. Nin que dicir ten que despois deses recorridos saíu para arriba, ao exterior, succionada, atraída, polo émbolo da bomba deste pozo. Da bomba pasou á billa, e da billa ao vaso. Ao caer foise escorrendo polo prado abaixo, de herba en herba, para ir a engrosar no río Azúmara, ese que pasa polo fondo deste val de Bergland... ¿Longa peregrinación, non si?

Entusiasmado co seu relato, e desexando saber o desenlace do mesmo, propúxenlle ao paxariño:

-Baixa ao río, que o fas cun simple aletexo das túas as, e alí falas cunha desas gotiñas para saber se están contentas no Azúmara, pois, como corre tan á présa, o río, non sexa o diaño que se vaian marear!

Aos poucos retornou aquel emisario, aquel paxariño, que por certo viña moi ledo, pía que te piarás:

-Señor Xosé María, perda coidado polas súas gotiñas, que xa van lonxe, coas outras do río, engarzadas nun barullo permanente. Tan ledas e tan rápidas, que ata me preguntaron se van ir directamente ao mar, que lles urxe sabelo porque non queren moratorias, pois arden en desexos de saber que lles pasou ás súas irmás, ás do océano, con aquela vaga de chapapote daquel barco tan feo e tan funesto..., aquel do nome equivocado!

-¿E ti, que lles dixeches?

-¡Pois..., a verdade! Que vaian tranquilas, que o Azúmara reverte no Miño; e que en cuestión de días chegarán a Tui, entre Galicia e Portugal, co cal, outra vez no mar! Nesa parte do país non hai marea negra, ¡ningunha!, así que lles espera un retorno feliz ao seu océano, ao de procedencia.

O paxariño despediuse de min cun sonoro, ¡Chiu, chiu!, que é a súa forma de dar bicos, e sen máis foise cara ao río, disposto a bañarse nesas augas límpidas do Azúmara, que é un torrente caudaloso e cantareiro, amigo de cantar e de contar contos bonitos.

Pola miña parte, servidor, de volta á Coruña, pasei estes apuntes ao ordenador, e aquí llelos deixo aos meus queridos netos, para que non se esquezan do caso; ¡nin do caso, nin do Azúmara, ni de seu avó!
-.-

-10-
A egua de Rois
Cando viñemos de África para Asturias, -¡mirade se fai tempo diso que Estela, vosa nai, aínda non andaba, e Pedro Paulo só tiña, daquela, seis anos!-, pasamos un día de vacacións en Rois, na casa onde naceu vosa avoa, que é ese sitio no que hai, á beira da estrada, unha fonte moi caudalosa, de tres canos.


O pai da avoa, meu sogro, e por tanto voso bisavó, coñecido en toda a bisbarra polo nome da súa casa, Casanova de Rois, era moi coidadoso co seu gando, que lle gustaba ter reses boas, grandes e ben mantidas, pero os seus preferidos non eran os porcos, nin os coellos, nin as pitas; e nin sequera as vacas, con todo telas boísimas, de raza teixa, (rubia galega), que esas son as que dan leite da mellor calidade, manteigoso. Os seus preferidos eran os cabalos, así que, cando non tiña cabalos, eguas sempre as tivo, adoitando criar mulas para vendérllelas aos casteláns nas feiras de Adai ou de Lugo, polo San Froilán, pois, antes de vir os tractores, usábanas para arar con elas as grandes searas da meseta.

Ao cabalar dáballe de comer canto querían, maiormente herba, fose seca ou verde, segundo a estación; e tamén palla de centeo, toxo tenriño, "da Mariña", ben picado para que non se lles encetase a boca...; pero as súas lambetadas eran as verzas, as verzas do horto de tras da casa, as mesmas de face-lo caldo da xente.

Aquel día facía un sol esplendoroso, primaveral, deses que anuncian o verán. Na Leira lucían as papoulas, cos seus pétalos coloradiños; e no Prado da Fonte os trevos apartábanse, acurrunchábanse, como para deixar sitio para que medrasen as lilas, para que mostrasen as súas cores nidias, que ían do branco ao marelo. Do outro lado da estrada de Lugo, aló arriba, na chousa do Canaveiro, as xestas amarelaban que daba xenio, cubertas por acios de chorimas, en competencia coa flor do toxo, que son parecidas.

En vista daquela alegría primaveral, pedinlle permiso a meu sogro, quere dicirse, ao voso bisavó, (q.e.p.d.), para ir aló arriba, á chousa, e trae-la súa egua, que a tal momento pastaba á sombra, pola parte do rego, debaixo dun castiñeiro.

Deume o permiso pero non me advertiu, esqueceuse de dicirme, que a Torda, que así lle chamabamos, só deixaba poñe-la súa cabezada, o seu ramal, se a invitaban primeiro con dúas ou tres verzas daquelas do horto. ¡Nada, que non se deixou arramalar, por máis que a acariñei!

Volvín á casa e contei o que me pasara. Desta vez foi comigo o bisavó, levando aquelas verzas, por suposto, así que a Torda, papando as súas lambetadas, xa estivo mansiña. Baixamos con ela do ramal ata a eira de mallar, por diante da casa, e alí puxémoslle a sela de montar, os estribos e mailo freo.

Despois diso, e xa dacabalo, saín á estrada de Lugo, enderezando a besta en dirección a Mosteiro, que era a onde quería ir para darme un paseo, e á vez mercar pan, na panadería, que se nos acabara o que coceran na casa. Todo ía ben ata que se presentou un auto, que viña da parte de Mosteiro, correndo e ruxindo moitísimo, demasiado. A nosa egua, aquela Torda, que tal oíu e viu, enfadouse moito, e dando un brinco, tiroume da sela, ¡cataplás! Caín de cu na propia cuneta, do lado dereito, e ben que me manquei!

Como puiden, recollín as bridas e arrimei a egua contra a parede dos leiros de Xerbolés, volvendo a montar; pero no sucesivo, de alí en diante, leveina co freo ben tirante, por se me lanzaba ao chan de segundas!

De volta na casa, en Rois, referinlle o caso a meu sogro, e sabedes que me dixo?

-Esta egua é moi lista, e ten o presentimento de que antes de que finalice o século no que estamos, quere dicirse, o XX, abundarán os coches e escasearán as cabalerías. Para entón a xente, en vez de darlles verzas ás bestas, o que fará será botarlles gasolina, ou gasóleo, aos autos, pero disto dos cabalos, no futuro, nin caso!

Meus queridos netos, que listo era o bisavó, o bisavó e maila súa egua, pois ámbolos dous adiviñaron o porvir!
-.-

-11-
De cando os de Montecubeiro se botaron ao monte,
perseguidos polos franquistas.
(Á esquerda, Migueliño con súa nai)

As andoriñas aínda estaban no niño, aprendendo a voar. Eu, pola miña parte, refreguei os ollos, ben amolado por aquelas raiolas, tan penetrantes que incluso parecían agrandar os buratos do meu cubículo, quero dicir, os buratos das contras do meu cuarto, do vello, formando un arco, que se fose de auga sería iris, pero como as partículas eran de po, do emanado daquelas táboas que nos separaban da corte das vacas, aquilo resultaba, parecía, unha danza de estrelas, ou un baile de ananos... ¡Calquera cousa, ollando cun pouco de fantasía!

Miña madriña xa se levantara, sempre disposta para acender o lume cediño, para cociñar, que sen papas no pote, naquelas miserias da guerra, as tripas volvíanse tolas, e daquela oíanse bramar, tanto ou máis cás vacas que tiñamos debaixo. Pola súa parte, meu padriño precisaba auga, auga quente para amolentar as súas barbas, ¡e iso que dispoñía dunha boa navalla, unha Solinger ben aceirada, que lla trouxera miña tía Ermitas cando veu de Cuba!

Por certo, lembrando aos meus vellos: ¿Quen estará máis a gusto no Ceo, meus avós cos anxos, ou os anxos con eles, de tan bos e tan simpáticos que eran, xa daquela, para canto máis agora?

Aqueles calzóns de pana, gorda, basta, fixéranmos para as medras, así que tiven que estalicarme naquel xergón. (A tal hora non me lembro se estaba recheo de palla de trigo, ou de follas de millo, que das dúas tiñamos). O caso é que, de posto en pé, eu pisaba nas perneiras, e con iso caíame ao piso, que era de táboas de castiñeiro.

Entón reparei que me saltara un dos botóns dianteiros, pero iso non retrasou a miña saída do niño pois, de medio deitado aínda, pasei aquel tirante único para o lado oposto, cruzando os ollais daquela camisa tan rascoa, ¡como que era de liño do tear! A verdade é que aquel invento de cruza-los tirantes non se podía rexistrar ao meu nome, que sería plaxio por culpa do antecedente de que xa llo vira ao avó do meu amigo e compañeiro de escola, Antonio da Graña, naquela ocasión en que meu pai lles redactara a escritura de compra dun prado, aló na Veiga da Silva, xa nos termos de Sarille.

Pero aquí e agora de quen vos quero falar é precisamente de meu pai, así que retomo o fío deste relato: Cando din chegado á cociña, arrastrando naquelas zoquiñas que xa pouco daban que arrastrar de gastadas que as tiña, e logo que me estalaran de tanto arrimalas ao lume, custoume traballo dar creto aos meus ollos lagañosos: Miña avoa estaba retirando, con esforzo pero tamén con urxencia, a tranca da porta daquel postigo mouro, tinguido de sarrio por culpa do fume que se escapaba da lareira ao formarse correntes de aire, para que entrase meu pai, ¡que estaba chamando da parte de fóra! Entrou sen ter saído, así que, ¡non durmira na casa!

-¿De onde ves..., tan cedo?

-¡Tan tarde, meu neno, que aínda non durmín..., pois estiven..., zoqueando! -Foi a súa resposta, a súa evasiva. ¡Sen lúa mal podía zoquear!

Aquela mentira era algo insólito nel, pois, con meu avó, foron os homes máis verdadeiros e sinceros que coñecín. Mentira piadosa, si, pero inquietante, tamén. Tardaron en dicirme a verdade por culpa de que eu, xa entón, era moi falador, (falangueiro é outra cousa, outro concepto), e como tamén ía para sincero podía disparárseme a lingua, pialas coma unha andoriña, que adoitan ser comunicativas, e por veces, imprudentes, ¡demasiado!

Segundo souben, pero tempo adiante, meu pai durmira, ou por mellor dicir, velara, agochado e coas orellas para adiante, escoitando por se había perigo, ¡que realmente o había, e ben grave!, aló arriba, arriba da Aira, na nosa carballeira, nun foxo que pasara de pedreira a serradoiro, un serradoiro daqueles das serras de aire. En tal ocasión, por obra e grazas das circunstancias, o serradoiro funcionou de refuxio, un refuxio silveiro!

Cando chegou a hora da miña segunda emigración, da africana, que a primeira foi para Madrid..., ¡Velaí! ¡Tal que as andoriñas! Cando aquela hora chegou, digo, que para min foi unha maioría de idade efectiva, en tódolos aspectos, asomado polo ventanuco daquel avionciño, un DC-4 que se bandeaba máis cás propias andoriñas, volvín os ollos para atrás, a ceacú, xa sen lagañas, ben lavadiños en Madrid con auga do Lozoya, e con esas, con esas nostalxias ao lombo, cos tirantes no seu sitio, ¡agora, si!, pero negro de todo, salvo a camisa e aquel traxiño branco, de futuro africanista, díxenlle ao mar, aquel mar separador, ese de Xibraltar:

-Que este avión me sirva de pluma para escribir nesta plana do aire, por riba do mar, un xuramento moi grave, moito: Se volvo a Galicia, cando chegue a miña primavera, tamén farei un niño, pero o meu será de formigón, de xeito que non o podan atravesar os tiros, sexan de cazador ou dos traidores. Fareino na propia carballeira de meu pai, naquela foxa do noso serradoiro, e rozarei de propia man aquela silveira que lle fixo sangrar as del naquel verán dos perseguidos..., ¡que o foron precisamente por ser boa xente, pois os malos, hoxe sabémolo ben, eran os sublevados, os de Franco, que lles estorbaba a honradez e maila cultura!



A promesa cumprina, que o demostro con esta foto, pero..., ¡faltábame transmitir este relato aos netos, esta especie de conto que non o é! Aquí vos queda, indeleble, cerca do mar pero en papel, en papel ou en bits, para lembranza e para lección, asemade.

Desde aquela experiencia do Calvario, cando as andoriñas lle sacaron a Xesús aquelas espiñas que lle puxeran na cabeza outros malos, outros fariseos, sábese, sabémolo uns cantos, que con espiñas e terra, todo amasado, fanse os mellores niños, ¡tan bos e tan firmes que son indestrutibles! (Pero digámolo baixiño para que non se decaten os corvos, eses bichos que son mouros todo ao redor, alma incluída, pois eses están ben onde están, chuspíndolle á lúa, que aprenderon dos lobos a facelo así)
-.-
-12-

Unha visita á Cova da Valiña (Bolaño)
Estes que aquí vedes, meus rapaces, son os investigadores que, no ano 1965, lle deron un repaso á nosa Cova da Valiña (Bolaño-Castroverde). Está esnafrada porque a dinamita esforecou nela, ¡coma no resto de Xivil!, para abastecer de pedra aos fornos do cal; ¡e menos mal que o dono, Darío Trasorras, ou Trashorras, tivo a xenerosidade de comunicarlle o achado ao Museo de Lugo! Desta cova, do Paleolítico Superior, xa falei por extenso no meu libro “Castroverde, na historia e no presente”.

Precisamente cando estaba preparando o meu libro fíxenlle unha visita devota, ad limina, á cova, tomándoa polo que é, un templo, sacro, dos nosos entregos:

-Sacra cova, fogar dos meu entregos, aquí me tedes, de visita histórica, para invocarvos, pois, na vosa presenza, acolléndome á comuñón dos Santos, abáixome da miña soberbia, de nivel século XXI, para poñerme en comunicación directa, intelixente, co voso paleolítico. É moito o que teño que dicirvos acerca do presente, pero vosoutros, testemuñas, desde o Alto, e desde a Prehistoria, moito máis podedes ilustrarme, así que, nesta espera estou!

Quedeime calado, moito tempo, nin sei canto, e como as ánimas dos entregos non se decidían a contestarme, ¡non se decidían ou non lles daban permiso!, aventureime a seguir coa miña evocación:

-Vosoutros tivestes a mala sorte de vivir en tempos de penuria, pero compadeceuse Deus e mandouvos o seu fillo, Xesús, nado da Virxe María por obra e graza do Espírito Santo... Daquela que asumiu a carga dos pecados herdados, nosos, morto e crucificado, ¡con paixón voluntariamente aceptada!, baixou ao Seno de Abraham, onde estabades desterrados. Co seu poder infinito librouvos daquel desterro, resucitándovos á vez que o facía consigo mesmo, como Deus e home, que era. Agora, de presente, xa sei que estades agardando, ¡eu tamén!, pola resurrección definitiva, pola recuperación dos vosos corpos, pero en forma gloriosa; coa diferencia de que eu aínda teño que pasar pola morte...

Neste punto, una voz grata, familiar incluso, faloume, pero..., ¡ás miñas costas, e non como a esperaba!

-Xosé María, vai calando; non esperes que che contesten porque están enfadados coa nosa xeración..., por esta desfeita de desfacerlles a súa caverna histórica!

Confeso que me volvín asustado pola sorpresa; pero, ao mesmo tempo, incriblemente satisfeito de ter parentes diante, pero tamén detrás: ¡Falábame, in person, miña prima Esther, a filla de Daniel de Carballedo!

-¿Estherciña, ti, aquí...? ¡Alédome de verte..., despois de oírte, pois talmente se me figura que vés de parte destes entregos, tan remisos de mostrarse, eles..., eles mesmos!

Despois dunha aperta entrañable, contestoume:

-Debeu ser cousa da telepatía, pois eu tamén sentín a chamada destes vellos..., tan soíños que están, aquí, medio a medio desta silveira!

-¡Tes razón! En vista diso, se che parece, voulles rezar un Nosopai, e ti contestas, para que saiban que os lembramos con afecto; con afecto, respecto e veneración!

Así o fixemos, con seguridade, coa fe de que, cando subamos nós, tamén eles nos acollerán con afecto e con simpatía.
-.-
-13-
O afiador que afiaba as verbas



Afiador -cerralleiro.
A súa lingua (esotérica ou críptica; xerga, ou xiria)
era o barallete.

Un domingo de feira en Castroverde. Meu pai, bisavó voso, axudárame a levar, para vendelas, as zocas que fixera nas dúas semanas anteriores. Non eran moitas, pero estaban ben feitas, feo que me estea dicilo, así que as vendemos deseguida.

Cando nos levaron as últimas meu pai lembroume que, ao entrar no campo da feira, lle deixáramos dúas tesoiras ao afiador de Ramuín, co encargo de que as puxese a punto, que se achegaba o tempo de rapar as ovellas, para recollelas á tardiña.

-¡Fixémola boa, que tardamos en vir, e o Ramuín xa vai en Ourense! –Exclamou meu pai ao non atopalo no seu sitio de costume.

Pero preguntamos nos postos do arredor, aos artesáns que seguían neles, e dixéronos que viñera outro colega, tamén coa roda pero sen burro, que falaran no seu “idioma” e que se marcharan, co burro e coas rodas, cara ás casetas do polbo. Así que, alá nos fomos. Estaban de parola pero...,  na súa xerga!

-Perdoen a interrupción, que vimos polas tesoiras, pero teño que pedirllas en galego pois eu, fora do latín e do castelán, outras linguas non as coñezo.

En vez de levantarse para retirar as tesoiras da carga do burro, e dárnolas, o “Ramuín” foi tan amable que nos invitou a sentar e a participar do seu pulpo.

-As tesoiras poden esperar, pero este pulpo arrefría. En canto aos nosos segredos, vounos destapar: Estabamos comentando que a xente tennos por afiadores de coitelas, que é o noso oficio declarado, pero tamén é certo que, á forza de darlle á roda, leguas e leguas, deste país e doutros, o que tamén facemos é afiar nas verbas, recollendo as que nos parecen máis axeitadas, pois, dunha parroquia a outra, xa cambian algunhas cousas.

Meu pai:
-Eu, que levo posto escola en varias, xa o sabía, que, por exemplo, na miña, aló en Montecubeiro dicimos bros, pero baixando a Luaces din, macheta. ¡Casos destes, a montóns!

O afiador:

-Xa que é mestre, apunte o que lle vou dicir, unha profecía que lle fago: Días virán nos que os estudantes da lingua se poñan a afiala, como facemos nós, e para iso non hai outra máis que darlle á roda, recorrer todo Galicia, de parroquia en parroquia, para ir seleccionando as verbas enxebres, as propias, as limpas, de paso que lle negan ao dicionario os castrapismos, as deformacións.

Meu pai prometeulle apuntalo, e aquí estou eu, para dar fe de que así foi, de que así se cumpriu, en poucos anos!
-.-

-14-

As verdades parécense ás ovellas, 



e as mentiras ás cabras.



Seino eu ben, que tanto gardei cabras como ovellas. As ovellas van amodo, e non deixan ocos; chéirano todo, compróbano todo; parecidas só son as vacas. As cabras, polo contrario: comen máis ben do que sobresae, e para iso, salteado; cando se lles entoxa algo, cando van en busca de emocións, ¡de caprichos! (Capri-caprichos-capruno-cabrio), dan saltos, lánzanse, sen comprobar posibilidades nin exactitudes, ¡así rematen no falso, no baleiro, no imposible!

Fixándome nas ovellas cheguei á conclusión de que as verdades transmítense, andan, pero non saltan; teñen a súa lóxica, os seus puntos de apoio, que permiten comprobarlles a realidade. As verdades, por crúas que sexan, teñen o seu fundamento: ¡está aí, diante dos nosos ollos! Pacémolas, ¡en paz!; aceptámolas, ou non, pero aí están, e non é cousa de saltar por riba delas.

As mentiras tenden a expandirse..., porque a natureza humana, coma a das cabras, é tentadora; así se di que, A cabra, co vicio, dá cos cornos no cu! ¡É cornuda; imaxe diabólica! Gústalle comer das alturas, así que todo parece indicar que a cabra tamén comeu daquelas mazás, das altas, das prohibidas.

Copiando das ovellas convén andar sobre seguro, meditando ben, elixindo ben, comprobando, asegurándose, verificando, antes de decidir, antes de aceptar por bo aquilo que poda atraernos ou tentarnos. Para non esvarar, pisar terra firme: ¡Aprendino gardando nas ovellas!
-.-

-15-
Carnaval: despedida das enchentes

Carnaval, Entroido.- Isto é unha mudanza camiño da Coresma. A Coresma, segundo sabedes, son corenta días de penitencia reflexiva, de moderación, de siso e de temperanza.
Despedímonos das enchentes practicando a tolemia dunha enchente, ¡outra!, tal que de lacón con grelos, que así son de atroces as festas profanas. E tapamos a cara coas caretas máis feas, para disimular a vergoña que nos dá portarnos mal..., ¡en Carnaval!
Dóenos deixar as barrabasadas, que por iso lle damos á graxa mentres chegan eses corenta días de temperanza, co xaxún ao traspaso, agardando pola Pascua.
O que ten de bo o Carnaval non é a lacoada; o que ten de bo, que volo digo eu, é que o celebramos sen egoísmo, coa familia enteiriña participando da mesma lacoada. Tan só unha recomendación, de seu preceptiva: Como dixo Paco Sarille cando entrou na súa cociña e atopou a seu pai de francachela cos amigos, "¡Ai Sarille, acuérdate que hai mañana, que después de la ceniza renace la esperanza, pues con los Ramos siempre viene la Pascua!" ¡Pois eu fago miña aquela filosofía tan atinada do Paco, e iso que o tiñan por un extravagante!
-.-

-16-

A labazada patriótica
Pero digo mal, que non foi por patriota senón por inxenuo. O meu Mestre, en Maxide, don Jesús Rojo López, librouse da guerra, ou a guerra librouse del, porque tiña deforme a man esquerda, sempre escondida nun guante.
O franquismo obrigáballes a leva-la escola ao estilo dos cuarteis: fotografías de Franco e de José Antonio, himnos patrióticos, facer instrución estilo militar, e cousas así. Eu, que viña de familia republicana, trilaba de rabia cando nos facía cantar o Cara al Sol, ¡á sombra, na propia escola!
Un día inxenuo, un día de inxenuidade, lembreime de que tiñamos na casa uns paniños de seda, orlados coa bandeira da República, e tamén cunha foto do sogro de miña tía Ramona, Ramona Lombardero San Miguel. De miña tía lembrábame que veraneou connosco, xa viúva, no verán do ano 1935; eu era moi cativo, pero a súa imaxe tíñaa ben gravada nas miñas lembranzas. Tamén sabía, que se falara na casa, que estaba soterrada en Madrid, no Cemiterio Civil, neste panteón do sogro, Don Nicolás Salmerón y Alonso, nos nichos que ten debaixo, pola escaleira da esquerda.
Aquel día de..., ¡do episodio!, metín no peto un daqueles paniños das mans, e marchei para Maxide, á escola. Acabada a clase, ¡o ritual: Cara al Sol con la camisa nueva...! A miña, a miña camisa era vella, pero o pano..., de seda! Quiteino con parsimonia e soneime con frescura! Don Jesús seguiu dándolle ao himno, coma se nada vira, pero, ¡vaia se viu, que ao saír púxose na porta e mandou saír..., ¡a todos, menos ao rebelde, que me deixou quedar dentro, pechado, e sen comer, ata a tarde!
Xa a soas, asomei polas ventás que daban ao horto do señor Evaristo, e como vin que non eran moi altas, ¡tireime ao horto! E do horto para a casa. Como cheguei tarde, interrogoume meu pai. A súa sentenza foi unha labazada, ¡a única que me deu en toda a miña crianza!, con esta advertencia: -¡Para que aprendas a ser discreto, pois as valentías inoportunas só serven para lograr derrotas!
No comment!
-.-

-17-

¿Facemos un troco?
Eu, que vivín catro anos en Madrid, fronte a fronte coa Cibeles, precisamente nese pavillón de xunto da bandeira, coas ventás dando ao paseo do Prado, -¡non podía ser doutro xeito: xa que viña do prado, tocoume vivir no Prado!-, cóntolle a historia desta deusa a quen me ensine a falar coas sereas da Coruña. ¡Un de sereas, eh, que de meigas xa os sei, todos, ou case todos!



O que é en pedra, en imaxe física, agora está presidindo a fonte do mesmo nome, alí diante do Banco de España, do Axuntamento, etcétera, pero isto da Cibeles vén de lonxe, da noite dos tempos, ou sexa, da imaxinación dos antigos. Os gregos chamáronlle, Rea. E despois, os romanos, Cibeles.
Segundo os gregos, que eran moi imaxinativos, da unión do Ceo coa Terra saíron os titáns, que eran grandísimos, fortes; non sempre bos. O maior deles chamábase Cronos, ou Khrónos, e para os romanos, Saturno. Este último deu en imaxinar que o ían destronar os propios fillos, del e da deusa Rea, que era unha irmá do propio Cronos. Aqueles deuses eran tan brutiños que de deuses pouco tiñan, así que caeron no incesto, e tamén noutras aberracións igualmente repugnantes.

Con este medo a perde-la súa tiranía, papaba aos propios fillos, talmente segundo nacían! Rea, desesperada, cando lle naceu o sexto, que foi Zeus, non tivo mellor ocorrencia que darlle ao brutiño de Cronos un seixo, unha pedra branca, grandísima, envolta nos lenzos dun neno. Aquel tragaldrabas papou o croio, ¡enteiro!, que o puxo á morte, pero desfíxoo no estómago cos seus xugos gástricos.
Cando Zeus foi grande, desde que medrou deulle a seu pai, ao tragón, unha apócema fortísima, un vomitivo, que lle fixo devolver os outros rapaces, tal e como os tragara, enteiriños, vivos e pateando.

Á Cibeles, antes chamada Rea, os romanos representábana rodeada de auga, presidindo as fontes, para significar que sen auga non hai fertilidade posible, e non se poderían multiplicar as especies. Sendo así, a min paréceme que, aínda que esa Cibeles está en Madrid ben asentada, coa auga que temos aquí en Galicia coido que lle gustaría virse a vivir connosco, definitivamente!

Mentres esperamos que se decida, ¿que vos parece se lle mandamos os nosos saúdos máis afectuosos? ¿Vale? ¡Pola miña parte, encantado, que xa vos dixen que é unha vella, vella amiga!
-.-

-18-


O Moro Hamed
Había en Sidi Ifni, que daquela era a capital do Territorio Español de Ifni, provincia que foi de España, destas a número 51, aló abaixo, moi abaixo, mesmo enfronte das Canarias, un cociñeiro, que tamén facía de camareiro, e que se chamaba Alí Ben Hamed. (No árabe pronúnciase o H como se fose unha iota castelá; e logo está que iso de "Ben" quere dicir "Fillo de Tal: A Ben B Ben C", que outros apelidos non usan, tan só o nome do pai seguido do de seu avó paterno). Ao tal Alí moito o enfadaba que os hóspedes do hotel non lle comésemos da comida que lle gustaba a el, a que nos podía facer cos medios daquel tempo.

O hotel no que traballaba chamábase Suerte Loca, que lle puxeron así pola cantidade de xente, de clientela, que tiveron nada máis abrir. A dona e mailas súas fillas eran xente amable; e para darnos a comida tiñan de cociñeiro - camareiro ao precitado Alí, que, no de amable, ou era así, xa de nacemento, ou moito aprendera coas señoras, coas amas.

Un día que me puxo arroz cocido, con tomate e un ovo frito enriba, pedinlle se mo podía cambiar por outra cousa, que estaba farto de tantos ovos e de tanto arroz. Quedouse mirando para min, fixamente, e díxome:

-Sidi Xosé María, faga o favor de saír á rúa, e cando volva tráiame un rapazolo, un guaje deses que teñen fame, que pronto o encontrará pois a maior parte deles, nas súas casas, comen bastante peor que aquí no Suerte Loca. Traia consigo ao neno, e desde que ese famento teña comido este arroz con este ovo, daquela, despois diso, e só despois, dareille un filete de vitela, fritido e con patacas. ¡Se non lle chega, preparareille dous! ¿Estamos?

Quedei mirando para o cociñeiro - camareiro se entender ben o motivo daquel recado que me pedía que fixese, aquilo de saír á rúa para buscar un neno, un mouriño que tivese apetito..., que o tiñan todos!

-Mire, señor, -engadiu en vista de que eu non saía á rúa segundo me indicara-, a comida é un ben escaso, e por tanto non se pode desprezar, nin tirala ao cubo do lixo, así que..., ¡ou o fai así, tal e como lle dixen, ou se queda sen comer, que xa lle digo que tirar a comida é un pecado, tanto para o seu Deus como para o noso Alá!

Desde aquel día, impresionado pola verdade esgrevia e pola conciencia do tal Alí Ben Hamed, nunca lle volvín a dicir que non estaba conforme coa comida, fose do que fose, e estivese cociñada de calquera dos xeitos.

Un bo consello, dadas as circunstancias do caso, é moi importante: ¡é facernos un favor, por moito que nos desagrade oílo! ¿Non si?

-.-

-19-

Unha shériff que se rendeu ao móvil
Pero non foi de verdade: simplemente accedeu a depoñe-las armas mentres lle facían unha entrevista…, na que relatou as súas proezas!
¿Proezas? ¡Un milleiro! Pero aquel día ao Periodista entrevistador só lle contou unha, que se cadra foi a última na que participou.
Encomendáranlle no seu colexio facer unha demostración de como as autoridades tiñan que poñer orde para que o país fose a mellor, acabando dunha vez para sempre cos abusos, coas propelías, cos autos acelerados, cos “botellóns” desaforados, eses cruzamentos das rúas sen aterse aos semáforos, etcétera, etcétera.
A shériff Paula tomou a palabra, pois a pistola os gardas só a deben utilizar en casos extremos, cando corra perigo a súa propia vida, e para iso poñendo previamente tódolos medios ao seu alcance para convencer ao delincuente de que non vai gañar cousa algunha opoñéndose ás leis do civismo. Dixo:
Queridos civis, pois un xendarme non é inimigo de ninguén, nin sequera dos seus propios inimigos, aquí me tedes en plan cordial, para impartir regras de convivencia pacífica. ¡Pacífica, e por tanto, pacificadora!
Se a xente estivese, fose, educada, daquela non se precisarían gardas, chámesenos así, ou tamén shériff, que é como lles din aos nosos colegas en certos países. Se non fixesen falta gardas, nós, os gardas, dedicariámonos, por exemplo, a dar clases, pero dentro, nas aulas, sen armas. Esta pistola que levo a tal momento non me fai graza, ningunha, pero en vista da maldade dos malvados non podo evitar levala comigo, nesta funda. Iso si, pídolle ao meu anxo da garda que me garde de tal xeito que nunca precise usala, e menos sen un motivo fundado.
Que a xente non estea educada débese a circunstancias moi diversas. Só por citar algunha: Aqueles que de cativos non tiveron uns pais ou uns mestres que lles esixisen formalidade, que lles axudasen a formar criterio; os malos amigos, os malos compañeiros, co seu mal exemplo, tamén incitan a facer trasnadas e indecencias, pero nestes casos non só non debemos permitirlles que nos manexen senón que, de inmediato, debemos aconsellarlles para que depoñan e esquezan as súas burremias, as súas desviacións, volvendo de inmediato á rectitude, ao bo camiño.
Con aquel discurso, -dixo Paula-, teño a seguridade de que fixen moito ben a tódolos condiscípulos que me escoitaron, ¡e o mestre púxome un dez en Comportamento! Pídolle a Deus a todas horas, particularmente no Nosopai, que non me deixe caer nas tentacións, pois haber hainas, pero o mérito está en apartarse delas!
Aquel periodista, o que lle fixo a entrevista, felicitouna polos seus razoamentos, e auguroulle unha vida feliz, exemplar e feliz. Así que, colorín colorado, este conto está terminado, e eu feliz, eu tamén, de poder contalo!
-.-

Cando vos cansedes dos meus contos, que volos conte esta serea da Coruña,
pois,
de tanto viaxar polos sete mares,
de porto en porto,
seguro que sabe máis cá min.

O avó,
que vos entrega este libriño coma quen entrega un trofeo, outro.



Xosé María Gómez Vilabella