lunes, 31 de agosto de 2020

PREPARANDO A VIAXE -I-

 

 

PREPARANDO A VIAXE

De equipaxe, os remorsos.

 

XOSÉ MARÍA GOMEZ VILABELLA

 

Señor, que xa estivo ben, que hoxe cumpro 90 anos, e moita paciencia tiveches comigo, que moitos desvaríos me aguantaches, pero de aquí en diante vou falar contigo a soas, neste meu último libro, pois pretendo imitar a San Agostiño naquilo das súas “Confesións”.

Pedíalle Agostiño a Deus perdón dos seus pecados:

 

5. ¡Oh, Señor, quen puidera descansar en Vos! ¿Cando terei a dicha de que veñas ao meu corazón e o posúas enteiramente, e mo embriagues do voso espírito, para que esqueza os meus males, e me abrace e una estreitamente con Vos, que sodes o meu único e verdadeiro ben? Decídeme Vos, Deus meu, ¿que é o que sodes para min? Usade comigo esta misericordia, para que eu o poda dicir coa vosa gracia.

 

Pero ¿quen son eu para Vos, que me mandades que vos ame, e se eu non o executo, anoxádesvos comigo e ameazádesme co castigo da meirande infelicidade? ¿É por ventura unha pequena infelicidade deixar de amarvos? ¡Ai de min, se tal fixera!

 

Decídeme, pois, meu Deus e Señor, pola vosa infinita misericordia, o que sodes para min. Respondede dicíndolle á miña alma: Eu son a túa saúde eterna. Pero dillo de tal modo que o oia ben e que o entenda. Aquí, Señor, diante de Vos, os oídos do meu corazón abrídeos Vos e decídelle á miña alma: Eu son a túa saúde. Que ao oír esta voz, eu correrei seguíndoa, e abrazareime con Vos. Non me ocultedes a fermosura do voso rostro. Morra eu para velo, e non morrerei deixando de ver.

 

6. Estreita é, Señor, a casa da miña alma, para que veñas a ela; pois ensanchádea Vos, Señor. Está para caerse e ameaza ruína; pois reparádea Vos e fortalecédea. Ten varias cousas que desagradan aos vosos ollos: ben o coñezo e confeso; pero ¿quen senón Vos pode limpala?, ¿ou a quen senón a Vos hei de clamar dicindo: Limpádeme, Señor, das ocultas manchas das miñas culpas, e non imputedes ao voso servo as alleas!

 

Eu creo e teño fe, que por iso falo e me explico deste modo: ben o sabedes Vos, Señor. ¿Non é verdade, meu Deus, que téndovos confesado as miñas culpas e acusándome a min mesmo, Vos xa tedes perdoado as impiedades do meu corazón? Non alego isto con ánimo de entrar a xuízo con Vos, que sodes a suma Verdade; pois non quero enganarme a min mesmo afagándome de ser xusto; non sexa que entón se verifique en min que a miña propia iniquidade mentiu e se enganou a si mesma. Non quero, pois, entrar en xuízo con Vos; porque se Vos, Señor, atendedes todas as nosas culpas, ¿quen poderá comparecer na vosa presencia?

-.-

 



Escaleira do Ceo.

Señor, aquí me tes, ofrecéndoche esta longa vida, de Ti recibida, e á vez que che dou as grazas, tamén prego que llas fagas seguir a todos aqueles, amigos ou inimigos, dos que aprendín o pouco que sei. Dese pouco, dos meus desacertos e das miñas ingratitudes, Señor, perdón!



¡Laus Tibi Christe!

-.-


 

 

O COFRE DO CID, que se garda, colgado, nunha parede da Capela do Corpus Christi, na Catedral de Burgos. Segundo a tradición, é unha das arcas supostamente chea de moedas, ¡pero do que estaba era de area e de pedras! O Cid necesitaba diñeiro para manter a súa mesnada, e pediullo prestado aos xudeus burgaleses Raquel e Vidas, ao saír de Burgos camiño do desterro. Parece ser que puxeron este cofre na Catedral como Catecismo, como alerta do castigo que merece a cobiza desmesurada. ¡Pois eu, ao de hoxe, só cobizo o Ceo!

-.-

 

Da terra ao Ceo,

¡un sopro!

 



 

A primeira maleta que tiven, a primeira que utilicei, fíxoma un carpinteiro do Escouredo, Balbino de Mirón, un Balbus que non era tatexo, a pesares do seu nome; algo xordo, si, por culpa dos estoupidos da guerra. De boa madeira, el e maila maleta, lixeiriña, ¡que tamén era lixeiro o contido que lle puxen! A última, a definitiva, encárgolla, desde xa, ao Patrón do Carpinteiros, que ademais son afillado seu, ¡funo desde o bautismo!, San Xosé!

 



 

A miña dona sempre opinou que eu facía ben as maletas, con orde e con previsión, pero a última, a desta viaxe sen retorno, require unha atención escrupulosa, ¡que por algo lla encomendo ao meu Santo!

 

Meu querido San Xosé, ando escaso de madeira, que non sempre abracei con gusto a miña cruz…; pero contigo teño recomendación, pois, ademais do nome, fun zoqueiro, ¡que tamén é/foi, un oficio da madeira! Ese fillo de Deus que axudaches a criar, ¡Ese!, cargou coa cruz por min, ¡por min, á vez que por todo o xénero humano! Daquela, xa que a miña madeira é frouxa, de parte miña pídelle a Xesús unha táboa da súa cruz, para que resulte satisfactorio o meu encargo.

 



¡Pobriño, que se criou descalzo, e eu, un egoísta, levando tódalas zocas á feira, así que nin lle ofrecín un par! ¡Xesús, acéptamas hoxe, con efectos retroactivos, que chas brindo de corazón, con toda a miña alma! Das zocas pasei aos zapatos, pero moito me temo que non mellorasen os meus pasos. Das corredoiras pasei ao asfalto, pero ese adestramento, sen máis, non sirve para ingresar no taller de San Xosé! Na vida hai que camiñar sementando, sementando obras, para que resalte o Camiño, para non desviarnos da ruta celestial. Que podo facer, en presente, para mellorar este recorrido? ¡Por de pronto, rezar; arrepentirme e rezar! ¿Que é rezar? ¡Ante todo, agradecer, pero moito me temo que levo pedido máis que agradecido! Daquela, Señor, agradézoche que non metas na miña maleta os erros; ¡non quero viaxar con cargas nefastas! ¿Ves como sigo pedindo? ¡É innato nos humanos!

 

Cando máis temos, cando máis nos dás, Señor, máis ocupados andamos, e menos tempo che dedicamos; esa teoría das oito horas di que chegan para traballar, e o resto, descansar… ¿Para rezar, cando, como, e onde? Se volvese a empezar, xúroche que pasaría a vida rezando, pois, traballar con ansias de perfeccionamento, rezar é; no descanso só deixaría descansar o corpo, procurando ter a alma en danza, danzando cos anxos en honor Teu. Nestes medios, nesta viaxe terráquea, unha obriga ineludible é ensinar aos fillos a rezar, e tras dos fillos aos netos; ¡se algún se cansa de facelo, alá el!

 

¿Só aos descendentes? ¡Quen ensina aos fillos, de paso tamén o fai cos veciños, sexan fieis ou infieis, pois non hai mellor evanxelización cá do exemplo! ¿Verdade, querido San Xosé, que se os cristiáns désemos bo exemplo, todos, absolutamente todos, xa non habería, non quedarían, inimigos da cruz? Outra cousa: ¿sabes que posto me gustaría, Aí Arriba, con vosoutros? ¡Ser anxo da garda dun neno! Non, non mo digas, que xa o sei: Para iso hai que ser perfecto, para iso hai que ser anxo! Daquela cambio de petición: ¡Pídelle ao teu Xesús por min, pídelle que me deixe entrar no Ceo, na aula dos anxos, como oínte…; xa que non ingresei nos Franciscanos de Herbón, que me serva para acadar a perfección que non logrei aquí abaixo!

-.-

 

Agora que se puxo de moda preparar os exames por apuntes, e non só de papel senón, e tamén, por Internet, aí vai a miña instancia:

 

In nómine Patris,

et Fílii,

et Spíritus Sancti.

Introíbo ad altáre Dei…

 

Xen 1, 27. E creou Deus ao home á súa imaxe, creouno á imaxe de Deus, creounos varón e femia.- ¡Así que á imaxe de Deus, eh? Daquela eu non son unha cousa calquera: ¡teño a quen imitar; debo facelo, debo cumprir as obrigas que impoña o meu cargo, o noso, o da especie humana, xa que fomos creados cunha dignidade especial; especial, pero tamén espacial! Isto era o primeiro dos homes, a primeira das mulleres, que despois veu a caída, ¡coa soberbia!; esfarelóusenos a imaxe, pero o propio Fillo de Deus, alzado nunha cruz, alzounos, amnistiounos. Despois diso, con esta experiencia, fai falta ser burro, burro e desagradecido, para optar pola materialidade do chan, para arrastrarnos pola lama, coma as serpes. ¡Señor, non me deixes caer na tentación! ¡Amén!

 

Xen 3, 23.- E botou ao home do xardín de Edén, para que cultivase a terra da que fora tirado.- ¡Agora entendo por que aborrecemos tanto a terra, o seu cultivo, pero, non hai remedio, xa que dela comemos! En tempos foi maldición, pero hoxe en día, cos adiantos que Deus nos permitiu, ten máis de premio que de castigo, e sen comer mal se pode rezar! Señor, xa sei que a terra é un medio para lograr un fin: ¡Coas táboas das súas árbores facemos, preparamos, a maleta da viaxe eterna! Creados á imaxe de Deus, é obvio que o noso destino está, estará, de novo, na participación gloriosa; ¡de redimidos, volvemos a ser Corte Anxélica, Celestial!

 

¡Que fermoso debía ser o Paraíso cando aínda o é esta Galicia, este retaco, este retallo! Agora que o penso: Deus mandou para aquí a Noé (a Noia) como premio da súa fidelidade, así que non anegou este curruncho para que o tivésemos en lembranza do grande, do perdido, do eliminado. ¡Grazas, Señor, pola parte que me tocou nesta adición!

 



 

Xen 4, 4.- O Señor miraba con bos ollos para Abel e para a súa ofrenda.- Está claro, nítido: O bo produce, e ofrenda, boas obras; está en graza de Deus, pero, ¡é tan difícil ser bo neste ambiente das malicias terreais! Aí está o mérito, aí, e de manchado, de contaminado, arrepentirse, lavarse, confesarse. ¿Que é unha vergoña confesarse con un cura, que en definitiva é outro home? ¡Si, pero non, pois no confesionario está revestido daquela delegación do propio Xesús: Aos que lles perdoedes, quedarán perdoados! Peor vai ser, máis difícil, máis vergoñento para os varóns confesarse con unha muller o día que lles dean Ordes Maiores; ¡ou igual non, pois elas, acordándose de Eva, tamén se sentirán pecadoras!

 

Xen. 6, 8.- Pero Noé achou o favor do Señor.- ¿Védelo? ¡Non hai nada como ser xusto para recibir xustiza; xustiza de Deus, por suposto, pois a outra…, a outra é humana! Con tódalas advertencias que temos na Biblia diferenciando premios e castigos, ¿seremos tan burros como para provocar, para merecer, sancións divinas? Enténdase ben: A penitencia sempre vai no pecado; non se trata de que Deus castigue: ¡somos nós, nós mesmos, os nosos feitos, os que comportan consecuencias, illamentos; en definitiva, perdas!

 

Teño entendido que na entrada do Ceo, precisamente alí onde temos a San Pedro oficiando de Craveiro Maior,



 

séxase dando o alto ás visitas, hai unhas nubes etéreas que ofician de espellos para as almas, así que, ¡miúda aduana! Tan reflectantes son que non valen disimulos nin ocultacións: ¡O que non vai limpo, non pasa! O caso é que para calquera viaxe, das de aquí abaixo, sempre, ou case sempre, tomamos precaucións, incluso cambiando de camisa, máis para o grande, para o definitivo, que?, e iso que ben nos teñen advertido aqueles que se nos anticiparon, tantos predicadores que levo escoitado; mellor dito, oído, que non é igual!

 

Xen. 19,26.- A muller de Lot mirou para atrás, e trocouse en estatua de sal.- ¿Vedes as consecuencias de mirar para atrás, de volver ao pecado, ou aos lugares pecaminosos, botalos en falta? A mala vida pasada é o que ten: ten, e tivo, atractivo, moito, pero, falaz; de estragado o olfacto, confundimos a merda coas rosas. Por algo se nos esixe, para validez da confesión, que fagamos propósito de emenda. ¡Normal! O resto do Xénese abunda no mesmo: As consecuencias, o paralelo, entre mirar para adiante ou facelo para atrás. ¡Atrás quedáballes a caída, pero adiante tiñan á esperanza dun Redentor, unha Redención!



 

Eu gánolle a Lot en que a miña, a miña muller, sempre mirou para adiante; ¡e sorte que tiven pois, con tanto mirar ao Ceo, pasáronlle desapercibidas as miñas fealdades! Debín imitala, pero, ¿quen é capaz de imitar unha muller excelsa? ¡Grazas, querida; en particular porque sempre rezaches, anticipándote: Con Deus me deito e con Deus quero levantarme; que a Virxe María me cubra co seu manto, nesta cama e sempre; e ti, Señor, dáme penitencia en vida, e na morte salvación, que se morro esta noite me sirva de confesión! ¡Que obriga tan grande a que temos con aqueles que nos dan, ou deron, un bo exemplo!

-.-

 

 



 

Ex. 13, 3.- Moisés díxolle ao pobo: -Lembrade este día en que saístes de Exipto, da casa da servidume, cando con man rexa vos sacou de alí o Señor.- Non, non foi en Exipto, só de Exipto, pois Deus sacounos, sácanos, a eles, pero tamén a nós, dos desterros actuais, das opresións actuais, das situacións pecaminosas, de mil perigos, fosen do corpo ou da alma, e aínda así, ¡eu polo menos!, sigo descontento, exposto a recaer na escravitude das miñas debilidades. ¡Deus, axúdame, que desta vez propóñome botarlle peito á vida, pasar o Mar Rojo, non volver a vista atrás!

 

Houbo uns levantiscos, precisamente na miña España, que cantaban ¡Cara al sol...! Pero meu pai, e iso que foi perseguido polos do sol na porta e a auga na horta, cando rezaba o rosario, que o fixo por días de vida, pedía: ¡Cara a ti, Señor, sempre; e comigo esta familia que teño prestada, para que imitemos aquela de Belén..., aquel José...!

 

 

Ex. 15, 2.- O Señor é a miña forza, a razón do meu canto; el é a miña salvación.- ¡Que razón tiñas, Moisés, e que agradecido te mostraches! ¡Este canto é a versión lírica do Éxodo! ¿Eu, nós, agora, que? Señor, cantar non podo, que non sei, que nunca tiven bo oído e non se me pegan as notas, pero sei rezar, que moitos foron a ensinarme. ¡Que de Gloria gocen, eles; e que me axuden, de paso, a compartila…, xa que comigo compartiron o seu Credo! ¿Aprenderei a cantar no Ceo? ¡Espero que si, pois estas orellas, as defectuosas, deixareinas na terra, permutándoas polas de Arriba, que esas son, coma o resto, anxélicas!

 

Xa que non sei cantar panexíricos, Señor, move os meus dedos para que atinen neste piano do ordenador, para que saian ben ditos, ¡iso, benditos!, para que outros escarmenten na miña cabeza, para que atine a inculcar boas ideas..., tanta falta que delas hai, con tanto estrondo que temos, maiormente nas cidades!

 

Ex. 17, 6.- Eu presentareime diante túa alá no Horeb, onda o penedo. Ti bateralo, e sairá auga para que o pobo beba.- ¡Señor, Señor, que idea tan boa me deches! Pídoche encarecidamente que, cada vez que me dea golpes de peito pedindo perdón e clemencia, fagas manar ideas na miña cabeza de penedo…, que me sirvan para beber, e de paso, para comunicalas ao meu próximo, por se tamén teñen sede, sede de altos ideais! Lémbrate que teño un pozo na miña finca das “Andoriñas”…, pero fáltame o mellor, o das ideas claras!



 

As mazás do meu Paraíso; ¡do Teu, Señor!

 

Debaixo destas árbores adoito rezar, pero tamén sería necesario regalas con bágoas, para que nunca cheguen a secar; coas bagoas do arrepentimento, que é como mellor florecen as virtudes!

 

Ex. 20, 3.- Non terás xunto comigo outros deuses.- ¡Pero, Señor, como se che ocorre que vaia comparar a Deus cos deuses pagáns? ¡Ah, si, perdoa, que se me esquecía, que xa o teño feito: aló atrás adorei a peseta, e despois paseime ao euro, pero…, agora comprendo que, con moedas, non se pode comprar a entrada do Ceo, que é gratis, pero non de balde: hai que merecela! Aquilo do Olimpo…; ¡xa, tampouco, pois eran deuses literarios, adornos para as narracións, aínda que o sinto pois aquela Venus resultábame guapa, espléndida! ¡Outra cegueira das miñas; comparada coa Estrela Xosefina que me asignaches por días de vida…, unha ficción, un engana bobos! De propósito: Xa que nos xuntaches aquí abaixo, na terra, non permitas que nada, ¡pero nada!, nos separe Aí Arriba, pois teño experimentado que, cando rezamos xuntos, facémolo con máis devoción! ¡Ti ben sabes que é unha santiña!

 

Para min, ademais de Ti, Señor, no meu Olimpo só teño a familia, comezando polos que aquí che presento: ¡Leveinos / levámolos á igrexa de San Cibrao, aló en Montecubeiro, e alí mesmo, naquelas vodas de ouro, dinte da nosa Virxe Milagrosa, pedinche que nos apuntes para outra celebración, a que teñamos o día en que, todos, pero todos, volvamos a celebrar, máis Arriba, no Ceo, a nosa consolidación espiritual! ¡Por favor, Señor, que de corazón cho pido: que non falte ningún para esa reunión, futura e definitiva, Arriba, no Altar do Ceo, eternamente xuntos!

 



 

 

Ex. 23, 1.- Non propagarás rumores mentireiros. Non te xuntarás con un malvado para dar testemuño a favor da inxustiza.- ¡Así que…, xa os había daquela? ¡Pois si que vén de lonxe esa couza, ese verme! Os meus vellos dicían que, Antes cae un mentiriro que un coxo, pero non debe ser certo pois mira que anda xente por estas rúas da Coruña, e só vin caer, de vellos, aos vellos! Tamén é certo que os medios de comunicación son un invento recente, inmaturo, así que aínda nos lles debeu chegar a idade da formalidade. Doutra parte, o veleno non está nos medios senón nos mediadores, en quen os financia. ¡Por máis que o pense non acerto coa menciña para estes males; hai que pedirlla a Deus, tamén no Noso Pai, que a necesitamos tanto ou máis có pan de cada día!

 



 

Campo de malvas

Iso de, malvados, non sei de onde ben, pois aquí temos as malvas, que mas presentou meu avó, o albeite, e ben suaviñas que son; xa se di, “Ese home / esa muller e/son tenros coma unha malva”. Diso deduzo que ser un malvado significa, rotundamente, ser inimigo das malvas... ¡Pois eu, non, que sempre me levei ben con elas, desde a miña crianza, tantas que había no meu Bergland!

 

Lev. 19, 17.- Non terás odio no teu corazón ao teu irmán; e serás valente reprendendo ao teu próximo, para non cargar co seu pecado.- A Biblia está saturada de mandatos: códigos por todas partes, e aínda así…! O caso é que, se enchemos o país, cada país, de xuíces e de gardas, quen vixiará aos xuíces, e aos gardas? O que non atopo no Levítico son mandatos en contra dos tiralevitas; ¿será que non os había daquela?

 

Núm. 6, 22-26.- O Señor faloulle a Moisés: -Dilles a Aharón e aos seus fillos: Desta maneira tedes de bendicir aos fillos de Israel: Que o señor te bendiga e te garde. Que o Señor faga brillar para ti o seu rostro e se compadeza de ti. Que o Señor che mostre o seu rostro e che conceda a paz. –¡Uih, que lonxe queda iso, pois agora, de esquecida a recomendación, o mandato, ou non lle dicimos nada ou mandamos ao próximo a facer puñetes! ¿Puñetes, para que, e para quen, se nin nos xuíces cremos! As boas maneiras, os bos desexos, non son só cortesía, senón, e ante todo, mandatos, mandatos divinos, leis da irmandade humana. Se non fose porque a verdade, máis ou menos metaforicamente, pero toda, está na Biblia, ¡absolutamente toda!, darían ganas de tirala ao lixo por…, por obsoleta, pasada de moda!

 

¿O medo a deixar ler a Biblia? Na igrexa católica foi razoable dada a incultura común, xenérica, así como as desviacións que se viñeran producindo, pero o Concilio Vaticano II aclarou definitivamente este punto na súa Constitución Dei Verbum, publicada no ano 1965: “Se exhorta especialmente a todos los cristianos a que aprendan el sublime conocimiento de Jesucristo con la lectura frecuente de las Divinas Escrituras. Ignorar las Escrituras es ignorar a Cristo. Acérquense gustosamente al sagrado texto (...) para que los hijos de la Iglesia se familiaricen sin peligro y fructuosamente con las Sagradas Escrituras y se compenetren de su espíritu".

 

Núm. 30, 2.- Moisés faloulles tamén aos xefes das tribos israelitas, dicindo: -Isto é o que mandou o Señor: Se un home fai un voto ao Señor ou se compromete baixo xuramento, uníndose por unha obrigación, non faltará á súa palabra; obrará conforme a todo o que prometeu”.- ¿A que me soa isto? ¡Xa o teño: As promesas dos nosos políticos, dos nosos delegados…! ¡Cómaos nunca o demo, que as van ter gordas con Deus cando rendan contas, Arriba, xa que abaixo non o fan! Por se acaso, eu pídolle a San Pedro que non me abra a porta detrás dalgún dos nosos políticos, pois o máis probable é que aínda estea cabreado, e daquela non será benévolo comigo! San Pedro bendito, que ben sabes a alta estima en que te teño, que por algo lle din o teu nome ao meu fillo, pídoche, en reciprocidade, que me pases detrás dun santo e diante dun político, pois así non estarás de mal xenio, nin tirarás de espada contra min…, se é que conservas aquela coa que feriches ao Malco, ao criado do sumo sacerdote!

 

O de faltar á palabra tamén o teño en contra, pois aquela promesa feita no meu nome polos padriños do meu bautizo...; ¡padriños, perdón, que vos deixei en mal lugar, nin sei cantas veces, coas miñas faltas, coas miñas vacilacións! O caso é que nunca faltei á miña palabra con ningún humano, pero, a Deus? ¡Se me examino con detalle, algunha falta terei, así que, perdóame, Señor; perdóame!

 



 

Mentres Xudas (¡eu!) bica a Xesús,

Pedro desenvaiñaba.

 

Deu. 19, 14.- Respecta-los marcos que puxeron os devanceiros.- Non retirarás para atrás os marcos do teu próximo que puxeron os devanceiros na túa herdanza, a que ti vas herdar no país que o Señor, o teu Deus, che vai dar en posesión.- Señor, este pecado non é meu, ¡que ata será o único que non teño no meu historial!, pero si me acuso de non lles ter advertido aos Curas de Galicia que predicasen sobre o tema, pois estamos nunha terra cobizada, acaso máis, bastante máis, que se discutísemos por un anaco de Ceo! Non teño acordanza de térllelo oído, ¡nunca! ¿Non será que a Igrexa galega estea detida na época dos señoríos? Hai marcos de moitos tipos, e non só nas leiras, pois toda propiedade, material ou non, é unha herdanza, e por ende, persoal, sacra. Polo si, ou polo non, pídoche, Señor, que deixes tolleitas aquelas mans que tal fagan, pois, correr os marcos tamén é falta. ¡Ah, perdón, que xa esquecera que a Lei do Talión está en desuso; iso tamén!

 

En canto ao bico de Xudas... Diso igual levamos unha sorpresa pois, se o xuízo fose aquí abaixo, na terra, nun Tribunal dos nosos, teríanse en conta dúas ou tres atenuantes:

 

. Arrepentiuse; de mala maneira, pois o de quitarse a vida é outro pecado, pero iso tamén proba que o seu arrepentimento foi completo, absoluto.

 

. Xesús déralle a comuñón. Sabedor do que ía pasar, deulla. ¿Non sería que aquela delación era o procedemento providencial para a nosa Redención, e que Deus fixo uso da fraqueza de Xudas como colaborador necesario?

 

Isto é tan grave, tan sobrenatural, que llo deixamos á prudencia divina; non hai teólogo que se atreva co tema. Aló Arriba xa nos informarán, se o teñen a ben! 

 

Deu. 22, 6.- Se atopas un niño de paxaros diante de ti no camiño, en calquera árbore ou no chan, con paxariños ou con ovos, e a nai está agochada sobre os paxariños ou sobre os ovos, non collera-la nai que está sobre os seus fillos.- ¡Aí vai, nesta si que estou pillado, tantos ovos de carrizo que teño fritido! Aquí presento, como atenuante, que nunca os collín en presenza da nai, pero, era tanta a fame deste país daquela da guerra, daquela da miña crianza! Señor, en compensación plantei cerdeiras, cantas puiden, para que teñan froita abondosa os paxariños da miña bisbarra, pois dáse o casual de que veñen a maduro exactamente na época dos niños! ¿Señor, dásme por válida esta penitencia, acéptaseme esta fórmula modestiña de restitución?

 

 



 

¡Aquí as tes, Señor; por favor, acéptame a restitución!

 

Deu 25, 13,- Non terás no teu saco dúas pesas de pedra distintas: unha máis grande e outra máis pequena. Non terás na túa casa dous ferrados distintos: un grande e outro pequeno.- Señor, comerciante non fun, pero bancario, si, e daquela carguei intereses e comisións pola tega vella! Aquí alego como atenuante que aqueles baremos non os inventei eu, que me viñan impostos desde Madrid; ¡e aquí, nesta España dos nosos pecados, as leis de Madrid obrigan pouco menos cás túas, pois Ti perdoas os incumprimentos, pero, estoutros…? ¡Os de Madrid sonche a rehostia! ¿Por que digo isto? Estoume acordando que alí en Madrid había este dito: Os palios inventáronse para sacar en procesión a Santa Hostia…, e tamén os utiliza Franco porque el é…, a rehostia! Franco residía en Madrid, así que, contaminación ambiental!

 

Mestre “de a ferrado” fun, pero a min pagáronme en pesetiñas, demasiado ben para o que merecía daquela!

 

Xos 13, 1.- Xosué ía xa vello, eivado cos anos, e díxolle o Señor: -Ti volvícheste vello, entrado en anos, e queda aínda moita terra por conquistar.- ¡Señor, iso é certo; no meu caso, tamén, pois resulta que axudei pouco, principalmente por dous motivos: o primeiro, que meu pai non me deixou ir cos frades de Herbón porque me quería de morgado, e como os frades non casan…; e segundo que, aínda que pasei dez anos en terra musulmá, pouco ou nada fixen para comportarme con exemplaridade, ¡que é distinto de heroísmo! Teño para min que dos seus erros nestorianos aos musulmáns só os pode apear unha exemplaridade perfecta dos católicos. E agora, que? ¿Que podo facer, nesta tarde eivada? ¿Escribir? ¡Daquela iso farei, así que, Señor, inspírame para que o faga con xeito e con eficacia, séxase, con exemplaridade!

 

¿Exemplaridade? ¡Non é tan doado de facer como de dicir! A humanidade sempre se resistiu a imita-los vellos; e de novos, de mozos, poucos hai que merezan ser imitados, cadora menos! Se cadra casando os cregos...

 

Xuí 10, 6.- E volveron os fillos de Israel face-lo mal diante do Señor, e serviron aos baales e ás axtartés, e aos deuses de Siria, aos deuses de Sidón, aos deuses de Moab, aos deuses dos fillos de Amón, e aos deuses dos filisteos; abandonaron ao Señor e xa non o servían. Nisto, alporizouse a ira do Señor… .- ¡Xa os había desagradecidos daquela, con tanto que Deus, o auténtico, o de maiúsculas, os levaba axudado, predicado, dirixido! Comezamos coa soberbia, co desacato, no Edén, para seguir co desagradecemento. Algún día saberei por que non os tiraches, ¡a todos, pero a todos, todos xuntos!, ao fondo dun barranco, tal que no mar Rojo, para que se tinguise, máis aínda, o roxo das oucas co do sangue humano, fatado de desagradecidos! ¿Verdade que mo dirás, ou é que se perde a curiosidade na subida, na fronteira do Ceo? Nin Torres Queiruga me soubo explicar satisfactoriamente a motivación e/ou o alcance da túa paciencia, Señor; el explícase ben, pero eu recibo mal, con torpeza. Isto da paciencia do Creador tenme asombrado; e por outra banda, Ti, o Perfecto, non fas cousas imperfectas…; daquela, onde estivo o fallo, a causa das causas? ¡Paciencia, Xosé María, -díxome o teólogo-, que xa chegará o día en que descubras o por que da paciencia divina, que, como tal, tamén é infinita! Só temos que darlle un repasiño á Biblia para asegurarnos diso; e xa que es tan paciente, Señor, ¿importaríache aguantarme un pouco máis, darme catro días máis de vida para purgar aquí abaixo os meus pecados, que así subirei algo máis presentable? Por favor, non te alporices comigo; comigo non, tampouco, pois vontade non me falta, pero, as debilidades…!

 

Agora que me decato, que nas miñas confesións non fixen o inventario: ¿a cantos deuses falsos levo adorado? ¡Coido que a todos, menos, se acaso, ao diñeiro, pois febre del nunca tiven! ¿Dos outros? ¡Dos outros..., a tódolos que tiñamos de costume nesta España das fantasías! Os avós dicían que España era a terra de María Santísima... ¡Que inocentes!

 

Rut 2,2. – E dixo Rut, a moabita, a Noemí: -Déixame ir ao campo, apaña-las espigas detrás daquel en quen hei de atopar benquerencia.- ¡Señor, que bo exemplo para min, tantas espigas que levo apañadas das que lles caían aos segadores, e tamén facía con elas os meus mañuzos, que así aprendín a aproveitar as cousas! Pero algún descoido tiven, pois, de tanto trigo, de tanto bo exemplo como Ti sementaches ao meu redor, ¡infinitos dons, xenerosidade pola tega vella!, algo recollín, pero moito me temo que foi máis palla que espigas, así que, agora, agora que chegou a hora de mallarme, de cribarme, pídoche que te esquezas da palla, e me premies polas espigas, só polas espigas!

 



 

Espigando

¡Ai, Deus, se me houbese agachado outro tanto ante o meu Redentor, arestora tería a maleta chea de virtudes, que é o mellor dos pasaportes para entrar no Ceo sen pasar polo Purgatorio!

 

Sam. 2, 2-3.- ¡Non hai santo coma o Señor! ¡Non hai rocha coma o noso Deus! Non botedes discursos altivos, non saia arrogancia da vosa boca. O Señor é un Deus ben sabedor, El é quen pesa as accións.- Estou contigo, quero estar contigo, querida Ana, esposa de Elcanah, pois no teu canto paréceste á miña dona, ¡ou ela a ti!, ambas submisas e agradecidas a Deus, e logo que as dúas quixestes ofrecer ao Señor o froito das vosas entrañas, pedíndolle polos fillos. ¡As nais sempre souberon ser nais, e quen o dubide, sexa anatema! Se algunha non o fai, ou está tola ou foi enganada, anestesiada.

 

¡Canta pena me deron, sempre, as nais involuntarias, comezando por miña tía María; esas que o foron por culpa do macho caprino, quere dicirse, dos homes desconsiderados! Señor, se algo me deixas pedir no Ceo, apúntome para pedirche que castres a todos aqueles que o fan fora do matrimonio; ¡só Ti sabes o dano que fan, o dano que se evitaría!

 

Sam. 7, 28-29.- Agora, Señor Iavé, ti que es Deus, ti que tes palabras verdadeiras, e que lle fixeches ao teu servo este ben, dígnate, logo, bendici-la familia do teu servo, e que permaneza por sempre na túa presenza. Xa que Ti, meu Señor Iavé, o prometiches, que, pola túa bendición, sexa bendita para sempre a familia do teu servo.- Grazas, David, pola túa oración, que a fago miña, desde xa, tan instrutiva, tan exemplar que é! Hainos que rouban para engrandecer a súa familia, ¡para engrandecerse eles, en definitiva!, pero que poucos vemos ofrecendo a Deus as súas leccións, transmitindo sabedoría en vez de maldades! Iavé, apártame deses, ponme en garda para non caer nesa contaminación, pois quero para os meus o mesmo que David: ¡Que permanezan para sempre na túa presenza!

 



 

Rei. 3, 8-10.- O teu servo atópase no medio deste pobo escollido por ti, un pobo grande e numeroso, que non se pode contar nin estimar. Concédelle, pois, ao teu servo un corazón escoitador, que saiba gobernar o teu pobo e distingui-lo ben do mal. ¿Quen, se non, podería gobernar este pobo tan grande?.- Ao Señor pareceulle ben que Salomón pedise aquilo, e díxolle: -Xa que pediches isto e non pediches para ti mesmo vida longa, nin riquezas, nin a vida dos teus inimigos, senón que pediches acerto para ben gobernar, vouche conceder o que pediches.- ¿Acerto? ¡Pois claro, que iso é o que máis necesitamos, dende o Rei ao Contribuínte, dende o pai ao fillo, dende o profesor ao alumno, pero…, a moitos só nos priva o mando: mandar, mandar e ser obedecidos, ao prezo que sexa! ¿Que están as leis…? ¡Xa, pero son porosas, tanto as persoais como as sociais! As humanas teñen máis poros que unha esponxa, e con tal de ter malicia…, ¡cousa da que non carecemos!, chupan, e chupan, e chupan…, desde o chupatintas ao Rei! ¿Remedios? ¡Está na Biblia: imitar a Salomón, que, á cabeza dun imperio, canto pedía era sabedoría, e só sabedoría! Pero, ollo, que sabedoría non é aprobar, sexan sinaturas ou eleccións; sabedoría é comportamento, cos de abaixo, cos de arriba, cos iguais, ¿non si, sabio Salomón? ¿Sabio? ¡Non tanto, pois comezaches ben e acabaches mal! Daquela, niso, non quero imitarte, senón ao contrario, pois eu, que comecei mal, quero rematar ben: ¡Xuro por Iavé, camiño de Iavé, que quero rematar ben!

 

Rei. 23, 24.- Ioxías acabou cos nigromantes e cos agoireiros, e igualmente cos ídolos, cos fetiches, e con tódalas cousas abominables que se vían en Xudá e en Xerusalén, para cumpri-las palabras da Lei, escritas no libro…”.- ¡Señor, mándanos outro Ioxías, un Ioxías capaz de abolir as cousas abominables, que volveron a infectarnos, maiormente neste século agoireiro e materialista, no XXI! ¿Que xa o temos, que nos mandaches ao Papa Francisco? ¡Xa o sei, xa, pero precisará das forzas daquel Ioxías, así que, por favor, non o desampares…, que necesitamos moito, del, e por ende, da súa forza!

 



 

¡Papa Francisco, ese retrato teu, coa pomba da paz, é perfecto;

recemos para que se cumpra!

 

Cro. 36, 15,16.- (Sedecías de Xudá) - O Señor, Deus de seus pais, mandáballes continuamente mensaxeiros porque sentía magoa do seu pobo e da súa morada, pero eles burlábanse dos mensaxeiros de Deus, ríanse das súas palabras e mofábanse dos profetas, ata que a ira do Señor se acendeu sen remedio contra o seu pobo.- Segue enviando mensaxeiros, entre eles, á cabeza deles, Francisco, pero Satanás tamén ten os seus, os seus embaixadores, así que…, volvemos a ter guerra, Guerra Santa! En tempos eu mesmo tiven que defenderme, e axudar a defender o Banco no que traballaba, pistola en man, pero esta guerra é distinta, así que terei que volver á mellor das armas…, ao rosario! A miña muller, máis práctica e máis previsora, nunca deixou de rezalo; ¡será cousa de imitala!

 

Esd. 5, 13.- Sen embargo, no seu primeiro ano, Ciro, rei de Babilonia, deu a orde de volver a levantar esta casa de Deus.- ¡E iso que era de Babilonia! Hai ocasións nas que nos dan leccións os xentís; ¡aproveitémolas para reconstruír, para reconstruírnos!

-.-

 

 

Neh. 9, 13.- Baixaches ao monte Sinaí, e falácheslles desde o alto dos ceos; décheslles os teus mandamentos, que son leis xustas, normas verdadeiras, estatutos e preceptos excelentes.- Si, Señor, que todo iso é certo, e eu recoñézoo con Nehemías, pero…, se cacholáns eran daquela, cacholáns somos hoxe, que adoramos aos que nos impoñen leis inxustas e non cumprimos as túas! Incluso enviaches ao teu Unixénito, Xesús, que nos predicou con parábolas para ver se así o entendíamos, se o recoñecíamos, pero tan só o escoitaron aqueles doce, isto de homes, pois as mulleres fóronlle máis fieis, que así llelo recoñeceu aparecéndose primeiro a elas, de resucitado. Dos homes, algún falloulle, pero, das mulleres? ¡Xa non eran fillas de Eva; eran netas!

 



 

Tob. 14, 13.- Colmou de atencións aos seus sogros na súa vellez.- Tobías, eu non puiden facelo, cos meus, porque me atopaba lonxe, deles, e tamén de meus pais, pero ben que lles quixen, ¡aos catro! Cando suba, cando me suban, pídolle a Deus que me permita abrazalos, tamén aos catro, en sinal de agradecemento, pois esa sorte tiven, a de ter uns pais e uns sogros excelentes, así que lles pido, a eles, tamén a eles, desde aquí, que me leven da man para atinar cos meus fillos a ser tan bo pai como eles me ensinaron, me demostraron. Se algún erro tiveron, ¡tamén eran humanos!, ben sei, ben comprendo, que foron as circunstancias, as súas e mailas miñas.

 

Xudit.- Ensináronme os teólogos que, desde o punto de vista cristián, o teu libro presenta unha grave dificultade moral, pois non se pode facer o que está mal para acada-los bens; pero teño en conta, -que tamén iso me recomendan os de Sept-, que os xéneros literarios do midrax haggádico e do apocalipse non pretenden dar leccións de tipo moral senón teolóxico. Como doutores ten a Igrexa, eu, con eles, receptivo deles! A gran lección que o midrax quere ofrecer é a do valor salvífico e liberador que ten a fe e a confianza en Deus, o mesmo có valor da oración do pobo de Deus. Por outra parte, esta salvación xa non é algo exclusivo do pobo xudeu, senón que abrangue aos pagáns que confían no Deus de Israel, coma o amonita Ahior ou Ahicar.

 

Ester = Estrella. ¡Por algo lle puxemos o nome da miña dona á nosa filla: Con dúas estrelas síntome Tenente! Foi valente, foi intelixente, calidades que tamén son útiles para defenderse neste mundo das víboras. ¿Non si, avoa Eva, que para torpe e covarde chegaches ti: se fose hoxe, de posta en calzóns, miúda patada lle ías dar a Lucifer, verdade que si?

 

Mac. 2, 35.- Morramos todos aínda sendo inocentes, e que o ceo e maila terra sexan testemuñas de que nos matades inxustamente.- Se, por veces, en ocasións, somos heroes, ou nos portamos como tales en cousas mundanas, de menor contía, por que non aceptar o martirio relixioso, se en tal compromiso nos vemos? Xesús, e máis era Fillo de Deus, tamén o fixo, someténdose a unha paixón voluntariamente aceptada! ¿Decatádesvos de que o fixo por vontade súa, por pura bondade, para así redimirnos? ¡O amo déixase matar polos criados, polos servos, e nós escondémonos, negámolo? ¡Pedro, Pedro, ensíname a chorar para que me sexan perdoadas as miñas covardías, meirandes cás túas, sen dúbida! E menos mal que houbo un valente na familia, aquel mártir, Díaz Sanjurjo, que viña a ser curmán do avó da miña dona, José Rielo Sanjurjo.

 

 

 

 

 



Xob 42, 1-6.- Falou Xob e respondeulle a Iavé: -Confeso que Ti o podes todo e non hai designio que che sexa imposible. ¿Quen se arrisca a embazar un plan por ignorancia? ¡Por iso falaba eu sen tino de prodixios que non coñecía! Escoita o que che vou dicir, preguntareiche para que ti me ensines. Coñecíate de oídas, mais agora contémplante os meus ollos, que por iso retiro o dito e arrepíntome no po e na cinsa.- Señor, eu tamén avancei no teu coñecemento, ¡no pouco que aínda teño!, grazas aos meus traballos, en particular aos meus inimigos, pois por eles aprendín que eu son pouca cousa, que son vulnerable en mil aspectos…, se me falta a túa fortaleza, a que me dá a fe! Tamén tiven chagas, tamén; unhas, propias, e outras ocasionadas, pero, sen elas, ¿cal sería o meu calvario? Xesús tivo a axuda do Cireneo, pouca e á forza, forzado por aqueles matóns, para que chegase vivo á cruz, ao Gólgota. Ese mesmo Xesús, teu Fillo trinitario, foi, é, segue sendo, o meu Cireneo, pero cunha diferenza: El faino, fíxoo comigo, voluntariamente, atido ao seu amor que non aos meus méritos, pois…, sigo sen telos! De aquí en diante, darasme ocasión de facer algo, algún mérito, para que poda acompañarte na Resurrección?

 

¡Que fáciles son os méritos terreos, iso de colgarse medallas, tantas veces por méritos alleos, roubadas, pero cando chegue a hora da..., da depuración, ai daquela!

 

Sal. 1, 1.- Benaventurado aquel que non se guía polo consello dos malvados, nin se detén no camiño dos pecadores… -¡Señor, se aprendo este salmo xa estou salvo! ¿Verdade que si? En definitiva, os teus mandamentos encérranse en dous: Amar a Deus sobre tódalas cousas, e ao próximo por Deus, coma a min mesmo, en boa irmandade! ¡Cousa máis sinxela, e á vez máis grandiosa, definitiva! ¡Que sorte tan grande, e á vez que responsabilidade, ter nado en terra de cristiáns!

 

Pro. 1, 8-10.- Filliño, escoita a instrución de teu pai e non refúgue-lo ensino de túa nai; serán unha graciosa diadema na túa cabeza e un colar no teu pescozo. Meu fillo, se os pecadores tencionan enganarte non llelo consintas.- ¿Unha diadema, na cabeza? ¡Máis, moito máis: unha coroa de estrelas, pois a Virxe María estará disposta a compartir comigo a súa se lle respecto o Fillo; e San Xosé, sempre respectuoso con María, aplaudirá a decisión! Daquela, tranquilo, que só teño que imitalos, o máis posible, e non só no nome, que iso xa o teño! ¿Imitalos? ¡Imitalos é difícil, pero seguilos, respectalos, sempre é posible!

 

¿Que os pecadores tencionan, tentan, enganarnos? ¡Obvio: esa guerra comezou con Lucifer, e nin co paso dos séculos escarmentamos! Aínda hoxe non somos conscientes do grave que foi aquel consello endiabrado! ¡Maldita soberbia, que nin sabendo que está prohibida e maldita a quitamos de encima!

 

Ecl. 1, 1-3.- ¿Que proveito tira o home de tódalas angueiras polas que traballa baixo o sol?.- ¡Seino; pero que o aproveite é outro cantar! As angueiras ofrecidas no altar de Deus dannos acceso ao Sol Infinito, Eterno e Creador, Vivificador! O segredo está en levalas con dignidade, e tamén en ofrecelas con amor, como constatación de que cremos no Credo. Parece sinxelo, mais…, hai que pedirlle ao Deus que nos deu o traballo, ao Amo, que nos facilite as ferramentas axeitadas para merecer o seu xornal!

 

Meditando e meditando, lendo e relendo, cheguei ao Cantar dos Cantares, pero…, ¡non sei cantar! Porén, direi co salmista, agradecéndolle á miña noiva, á miña dona, canto me leva axudado a camiñar polo camiño do Ceo: ¡Que belos os teus amores, cariño, miña noiva! ¡Canto mellores có viño son os teus amores, e a túa fragrancia cá tódolos amores! ¡Un favo a destilar son os teus labios, noiva! ¡Mel e mais leite hai baixo a túa lingua! ¡O recendo da túa túnica é recendo do Líbano!.- Can. 4, 10-11.-  Teño a impresión, por experiencia propia, de que a muller cristiá devece por predicar o Evanxeo…, e iso que Roma sigue sen darlles Ordes! As nais, educando nos fillos, xa evanxelizan; ¿hai alguén que o dubide? ¡Coido que só o farán os mal educados!

 

Sab. 1, 3-4.- Argumentos revirados son os que afastan de Deus, mais o seu poder, posto á proba, acusa aos insensatos, pois non entra a Sabedoría nunha alma retorcida nin mora nun corpo suxeito ao pecado.- ¿Argumentos revirados? ¡Anda que non se leva argumentado en contra de Cristo e da súa Igrexa, pero xa caerán, xa, pois as mentiras son coxas, sempre e de sempre! Neste intre estoume lembrando de Nestorio e dos seus seguidores: ¡Canto me tarda a súa conversión; esa obsesión, esa obcecación contra toda lóxica, pois seguen crendo, opinando, que Xesús foi creado e non xerado! Se fose cuestión de gafas, regaláballes as miñas, pero o segredo é outro: Convenlles un ¿Profeta? en vez dun Mesías, que así escaquéanse de respectalo como Deus, como Fillo Único de Deus!

 

Ecl.1, 28-30.- Non andes con retrancas perante o temor do Señor, nin te achegues a El con un corazón dobre. Non fagas o hipócrita diante da xente, e pon tino nos teus labios. Non te exaltes, non sexa que caias e atráia-la infamia; pois o Señor descubrirá os teus segredos e botaríate por terra no medio da asemblea por te achegares ao temor do Señor levando o corazón cheo de engano.- ¡Pobre de min, que non dou asimilado os preceptos bíblicos, por moita vida que me quede! Nesta previsión, agora que nos permiten aos segrares lela, xa digo, desde o Vaticano II, prégolles aos rapaces que lle resten unha hora ao botellón, pois a mellor bebida é a divina; ¡que volo digo eu, que son pecador pero de cando en vez tamén teño sede, sede espiritual!

 

Ecl. 27, 30, e 28, 1-7.-Xenreira e asañamento son de aborrecer; pecador é o que os posúe.- Quen fai vinganza atoparase coa vinganza do Señor, pediralle razón estreita dos seus pecados. Perdóalle a inxuria ao teu próximo e entón ao pregares seranche perdoados os teus pecados. Home (e quen di home, inclúe á muller) que lle garda a outro xenreira, ¿como lle vai pedir ao señor que o cure? De alguén que é coma el non se apiada, ¿e vai rogar polos seus pecados? Se el, que é carne, mantén a ira, ¿quen lle vai expiar as súas culpas? Pensa na fin e deixa de asañarte; recorda a corrupción e a morte e cumpre os mandamentos. Lembra os mandamentos e non rifes co próximo, recorda a alianza co Altísimo e non deas valor á falta.- ¡Vaia reprimenda, e iso que aínda estamos no antigo Testamento, que vén a ser un ensaio, unha aproximación, un adestramento para o segundo, para o Novo, para o definitivo! Cando tanto se nos insiste, ¡de parte de Deus, nada menos!, é que estas faltas, estas infraccións da Lei Divina son gravísimas, e nós, estes do XX/XXI, tan felices, botando a lingua a pacer, a lingua e tamén a pluma, sen reparar en que, facendo dano ao próximo, o meirande é para nós! Tiñamos esquecidas, non unha, senón varias leccións dos nosos vellos: Quen cuspe ao ceo, na cara lle cae; O que tira pedras ao veciño, de paso constrúe o seu cárcere; Botar a lingua a pacer...,  para que coma ortigas?; Auga que non vas beber, déixaa correr. Xesús tamén dixo: Non veño para abolir a Lei senón para cumprila. ¿Quedan dúbidas de que sigue en vigor todo isto? ¡Daquela, a persignarse, e…, obedece-la Lei!

 

Proceso de revisión da fidelidade de Xudá.- ¿E da miña, que?.- Isa. 1, 2-5.- ¡Escoita, Ceo! ¡Oe, terra! Ollade, que fala o Señor: Engrandecín fillos, si, fíxenos grandes, pero eles rebeláronse contra min. Coñece o boi ao seu novo dono; e o burro, o cortello do seu amo: Israel non me coñece, o meu pobo non ten xuízo. ¡Ai, xente pecadenta, pobo cangado de iniquidade, semente de pervertedores, fillos de corrompidos! Deixaron ao Señor, refugaron ao Santo de Israel, volvéronlle as costas. Aínda que sempre se vos estivese castigando, aumentáde-la vosa rebeldía. ¡Toda a cabeza é unha enfermidade; agoniza de todo o corazón!.- ¡Aí va, e nós tamén, gravísimos, e sen acudir a ese médico chamado Igrexa! ¡Nin á igrexa, para canto máis á Igrexa! ¿Que é civilización, acaso darlle as costa ao Señor dos señores? Púxose de moda enxalzar aos pecadores, aos predicadores mitineiros, e nós…, a copiar! ¡Coa falta que temos de predicadores de Igrexa, outros Isaías, e tanta xente no paro! Igual se corrixía esta falta, esta carencia de segadores, deixando que os curas se casen… ¿Non se dixo Deus, daquela da Creación, que non era bo que o home estivese sen muller? Entón que alguén me diga onde están os inconvenientes, pois as vantaxes saltan á vista, polo menos á miña!

 

Isa. 3, 16-17.- O Señor di: Xa que se ensoberbecen as fillas de Sión, e camiñan co pescozo arrichado e ollos pintados de rubio, xa que camiñan a pasiños miúdos, e nos tobelos levan ariños, o Señor halles de apega-la sarna á súa cabeza; Iavé halles descubri-la súa fronte.- ¡Agora me explico a forma de ser, de andar e de comportarse da miña dona, adestrada, educada, por aquelas beatas da Normal de Lugo! Cando lle preguntei por que non levaba tacóns, na súa humildade nada me dixo daqueles preceptos de Isaías. ¿Que me dixo, logo? ¡Vouno revelar: Díxome que, a muller e maila sardiña, canto máis pequeniña! ¿Pícara, ou piadosa? ¡Se cadra, ambas, ambas cousas! Agora, que a Normal xa non é normal, como andarán por Lugo, seguirán así de recatadas? ¡Supoño que si, pola conta que lles ten, pois, do que non, eses romanos de Lugo igual veñen á Coruña en busca de “sabinas”!

 

¡Do profeta Isaías tiña que ser, en todo exemplar! Isa. 12, 1-5.- O día aquel dirás: Douche as grazas, Señor. Estabas anoxado comigo, pero calmouse a túa ira, e consoláchesme. Velaí, Deus é a miña salvación; terei confianza e non medo. El é a miña forza, e por isto loareino. Si, o Señor é a miña salvación. Sacaredes auga con gozo das fontes de salvación. O día aquel diredes: “Dádelle grazas ao Señor, invocade o seu nome. Dade a coñecer entre os pobos os seus feitos; facédelle a lembranza de que é grande o seu Nome. Cantádelle ao Señor. De verdade fixo cousas magníficas, que serán coñecidas en toda a terra.- Benquerido Isaías, agora en serio, moito: Veu o propio Fillo dese Deus e predicou a Boa Nova, fai disto vinte séculos, pero, ¡nin así!, pois aínda non é coñecido en tódalas terras, en tódolos países; ¡aínda non! ¿Culpa de quen? Nese fallo tamén teño parte, pois andei, e vivín, entre musulmáns, ¡dez anos!, e teño falado con eles de moitos negocios, pero do Gran Negocio da Salvación, que me lembre, ¡nunca! Señor, perdóame, e prométoche escribir de Ti, ¡xa que antes non falei!, coa esperanza que de que, algún día, me lea algún deses nestorianos; me lea e me crea!

 

Agora vou con Xeremías, outro profeta exemplar, que aínda non sei o por que, aquí en Galicia, chamamos “xeremiadas” aos ditos dos queixóns, cando debía ser ao contrario pois o seu propio nome, “Xeremías”, seica vén do hebreo “Irmeiahu”, significando Iavé exalta, ou Iavé ergue! Daquela invocarei algo que xa teño referido nalgún dos meus libros: Xer. 2, 2.- Así mo ten dito o Señor: Quero recordarche o agarimo da túa xuventude, o amor do teu namoro, o teu camiñar tras de min polo deserto, por terras sen sementeira.- Pois si, así foi, que polo deserto andei, xa digo, dez anos, e sementeira non houbo, non houbo nin a fixemos, salvo aqueles franciscanos de Sidi Ifni, que aqueles si que predicaban: Na igrexa, aos españois, supostamente cristiáns; e na rúa, co seu exemplo, ca súa humildade, aos islamitas. Máis foi, que por obedecer ao bispo Pildaín negáronlle a comuñón á unha cuñada do entón Secretario Xeneral, recibindo, en premio, a súa expulsión da África Occidental Española. ¡Claro, chamándolle “Española” non podía ser doutra maneira!

 

Lam. 4, 1.- ¡Ah, como se enferruxou o ouro, como escureceu o ouro máis fino! ¡As pedras do templo están esparexidas na cabeceira das rúas!.- Estas si que son xeremiadas, ¡as pedras do templo, no Santísimo, douradas, pintadas! Pero non tanto pois o ouro tamén está pasando agora, con esta crise socio-económica que nos leva a vender, ¡a malvender!, o ouro das nosas xoias, alianzas incluías. En definitiva, ¿para que queremos o ouro nunha xeración de ouropeis, de falsificacións, que ata falsificamos, ou nos falsificaron, os ideais? ¡Hai que volver á cinsa penitencial, a do mércores, que sempre segue ao carnaval, a tódolos carnavais!

 



 

Xeremías e Baruc

Bar. 2, 9.- O Señor é xusto en tódalas accións que nos mandou cumprir, pero nós non lle fixemos caso á súa voz para que camiñásemos conforme aos preceptos que o (propio) Señor puxo ante a nosa presenza.- ¡Que certo é: Deus é o xusto, é a Xustiza suma, pero nós, eu en concreto, andamos tordeando, con un pé na Lei e outro…, por onde cadra! ¿Como non vai estar enfadado? ¡Estao, que por iso dixo, en boca do noso Curros: ¡Se este é o mundo que eu fixen, que o demo me leve!

 

O mundo fíxoo Deus, pero veu o demo e deformouno; tanto esfargallou, que incluso nos fixo crer que o propio Curros era unha mala persoa..., por censurar as maldades!

 

Eze. 7, 1,4.- Veume a palabra do Señor nestes termos: -Oe ti, fillo de Adam: Así lle fala o Señor, Iavé, á terra de Israel: ¡A fin! ¡Chega a fin polas catro esquinas do país! Agora chega a fin para ti, pois mandarei a miña ira contra ti e xulgareite conforme ao teu comportamento comigo, e cargareite coas túas abominacións. Os meus ollos non terán piedade de ti, nin me compadecerei de ti, senón que te cargarei co teu mesmo comportamento, e as túas abominacións estarán diante de ti. Entón recoñeceredes que eu son o Señor.- ¡Dura cerviz a dos israelitas, pero tamén a miña, polo pouco caso que lles facemos, que lles fixen, aos nosos profetas, aos nosos predicadores, desde os apóstolos aos papas, pasando por esa pléiade de mártires que leva tido a Igrexa, entre eles o xa citado, aquel parente da miña dona, Díaz Sanjurjo! Aí temos o caso da nación israelita, tan castigada que foi, e aínda segue con dificultades para reconstruírse en país, despois de tantos séculos. Como a caridade ben entendida seica empeza por un mesmo, ¡que pouco fago por rexenerarme, e que pouco me quero, a min mesmo, que xa é o colmo da estupidez! Egoísmo é outra cousa; aquí trátase da auto rexeneración.

 

 



 

¡Daniel, eu tamén, tamén eu, só que os meus leóns son menos nobres cos teus, e teñen distinta raza: ambiente materialista, pecadento; malos exemplos, igrexas baleiras…! Por iso che pido a túa intercesión, para min e para os meus, para que os leóns que nos contemplen se arreden, se arrepintan, se ausenten; para que se depure este país calamitoso no que nos tocou vivir!.- Dan. 1, 8.- Daniel propúxose non contaminarse compartindo a comida do rei e mailo viño da súa mesa, e suplicoulle ao xefe dos oficiais que non o obrigase a contaminarse.- ¡Pois eu suplícolle a Deus o mesmo, ou parecido: que non me contaminen, ou por mellor dicir, que me descontaminen estes que se teñen por reis da terra, aínda que me chamen bobo por non participar nas súas egolatrías!

 

Ose. 4, 1-3.- Escoitade a palabra do Señor, fillos de Israel. Velaí o preito do Señor cos que mandan no país. Os perxurios, a mentira, o asasinato, o roubo e o adulterio están difundíndose, e imaxes de ídolos están tropezando con imaxes de ídolos. Por isto reseca o país e morre de sede todo o que vive nel, o mesmo os animais salvaxes cós paxaros do ceo, e ata os peixes do mar desaparecen.- Segundo os biblistas, a actividade de Oseas tivo lugar entre o ano 750 e o 722 (a. C.), ¿e non será que se reencarnou, e viva actualmente, de novo, pois a súa profecía segue de actualidade: é contemporánea!

 

Xoel, seica escribiches en arameo, pero o que dis neste punto, para os meus coetáneos é coma se estivese en latín: a penitencia só a dominan, só a practican, os cregos, algún! Xoe. 2, 15-17.- Tocade o corno en Sión, dedicádelle un tempo sagrado ao xaxún, convocade a asemblea. Xuntade o pobo, consagrade a asemblea, reunide aos anciáns, xuntade aos rapaces, e tamén aos neniños de peito. Que saia o marido do seu cuarto e a muller da súa alcoba.- Agora celebramos o carnaval para estar fartos na coresma. ¡Ata nos disfrazamos, e total, para que, para que outra máscara se disfrazados xa andamos, todo o ano? Na próxima coresma, se aló me deixas chegar, Señor, mentres outros se visten de tolos en penso desprenderme da miña aparencia de boa persoa…, e facer penitencia, de morado, que seica é a cor do arrepentimento, para selo de verdade, e non de aparencia!

 

Amo. 6, 12.- ¿Galopan os cabalos por penedos, ou árase con bois o mar? Pois vós trocáde-lo dereito en pezoña, e o froito da xustiza en asentes.- ¿En asentes, con propiedades tónicas? ¡Ai, Deus, que non sei se estará errada esta verba, que igual dixeches “ausentes”, e trabucouse o tradutor! Ausentes si que estamos, pois, dun xeito ou doutro, todos administramos xustiza; ou máis exactamente, debéramos exercitala. ¿Somos xustos có próximo? ¡Pero se nin o somos con nós mesmos, con nosoutros, que non nos castigamos, que non nos flaxelamos…, ¡descantiá!, por graves que sexan as nosas culpas. O problema está en que nese días irae, daquela si que abriremos os ollos, xulgarémonos a nós mesmos, e…, non quero nin pensalo! ¡Señor, ábreme os ollos agora, de antemán, con anticipación, para chegar arrepentido ao meu propio xuízo!

 

Xa estou en Abdías…, e pouco levo adiantado. ¡En lecturas, si; en cumprimento delas, algo menos! Abd. 1, 12.- Non olles con agrado para o día de tu irmán, para o día da súa desgraza.- ¡Abdías, Abdías, qué ben coñecías as fraquezas, as desavinzas humanas! Hoxe mesmo, moito chamarnos irmáns, moito darnos a paz, e sabes como a damos? ¡Cantidade de veces, coa punta dos dedos, en vez de abrir a man, que ata dan ganas de dicirlle ao veciño/á veciña de banco: Se non lle apetece, non o faga, que eu doulle a paz co corazón, así que non precisa manchar a súa man coa miña, nin sequera os dedos!

 

Xon. 2, 3.- Desde a miña angustia chamei ao Señor e escoitoume.- ¡Claro que nos escoita; ademais de oírnos, escóitanos, mais o problema está en que, atordados polos decibelios das nosas troulas, nin nos apetece lanzarlle un “S.O.S.”, así que nos afundimos co barco, no barco das diabruras, aínda que sexa a sabendas do seu destino: O porto de Xuncras!

 

Miq. 18, 19.- ¿Que Deus hai coma ti, que quita a iniquidade, e lle pasa por alto o pecado ao resto da súa herdanza, que non se obstina para sempre na ira, senón que lle ten amor á misericordia? Cambiará de actitude, terá compaixón de nós, esmagará as nosas iniquidades. ¡Si, Ti botarás no fondo do mar tódolos nosos pecados! –Miqueas, agora que estás Arriba, que tamén te resucitou Xesús daquela que baixou…, ¿a onde?, supoño que a esa sala de espera onde estabades os xustos esperando pola paixón do Redentor, vouche preguntar: ¿En que te baseabas para dicir que Iavé non se obstinaba na ira, ou é que lle chamabas “ira” á súa xusta reprimenda co home sublevado? Coido que foi así pois o Deus do amor carece de ira; ¡é do único que carece, pois a ira inventouna Lucifer, cabreado porque lle saíu mal a súa sublevación, e como é tan “xeneroso”, compártea cos humanos; fainos cómplices, fainos diabros, e nós, outros soberbios, aceptámoslle esa doazón envelenada! No que creo, no que estou conforme, é niso de que Deus botará ao fondo do mar os nosos pecados, pois, do contrario, non sería Deus, o Único Deus verdadeiro, o Deus do Perdón. ¿Que como o sei? ¿E logo, aquilo de Xesús, na hora suprema do Calvario: Pai, perdóalles porque non saben o que fan! Nesa fe, nesa esperanza, comungo, e menos mal, pois, de non ser así, ai de min, pecador!

 

Nah. 3, 1.- ¡Ai da cidade asasina! Toda ela é un grande engano; está chea de botíns, non para de rapinar.- ¡Nahúm, profeta Nahúm, se vivises hoxe, nin con tódolos eucaliptos de Galicia, e mira que os hai, se daría fabricado papel para anunciar as Nínives actuais, tantas que temos neste mundo global, idéntico, uniforme! Se así eran, e o seguen sendo, as cidades pecadentas, é que pecadentos somos, un por un, os seus habitantes, non si? A señora Efigenia das Cavozas dixo, naquela ocasión en que a levaron a Lugo os seus sobriños, ás feiras-festas do San Froilán, e lle preguntaron á volta os veciños: -¿Efigenia, que tal por Lugo?, ao que contestou a ¿infeliz? -¡Boh, tanto Lugo, tanto Lugo, e non teñen un palleiro que abrigue un can! Pois, señora, as cidades actuais tampouco teñen palleiros, pero si cabarés, entre outros antros, así que, ¿onde nos abeiramos os pecadores? ¿Nos confesionarios…? ¡Tampouco…, que están baleiros, por dentro e por fóra!

 

Hab. 2, 4.- Velaí: O temerario faise forte, o seu alento camiña con el, pero o xusto vivirá pola súa fe.- ¿Vivir pola fe? ¡Que gran verdade, pois a vida sen fe non é vida, é caída no abismo! Señor, moi xusto non son, pero, pídocho encarecidamente, auméntame a fe para comezar a ser xusto, a ser verdadeiro; en definitiva, a ser!

 

¡Que veña outro Sofonías, así sexa de Marte, pois precisamos, agora tamén, tamén agora, un profeta, outro, que predique rexeneración! Sof. 3, 1-3.- ¡Ai da cidade opresora! É rebelde e está manchada. Non fai caso da chamada, non aprende a lección co castigo. Non ten confianza no Señor, non se arrima ao seu Deus. Os seus xefes no medio dela son leóns que berran. Os seus xuíces son lobos do serán que nin deixan os ósos para a mañá.- Xefes, xuíces…, amén dun pobo que danza ao seu son? Señor, aínda que estou afeito a dicir ¡Amén!, cando chegue a hora dos votos permíteme dar unha patada no chan, a estilo Galileo, “Eppur si muove”! ¿Que por que? É simple: Se estamos mal mandados, mal mandados e mal xulgados, acabaremos imitándoos, porque…, aínda temos moito de mono!

 

Axeo, que seica significas “Nado un día de festa, de romaría”. Axe. 2, 20-22.- A palabra do Señor veulle por segunda vez a Axeo, nestes termos: Fálalle así a Zerubabel, gobernador de Xudá: Vou conmove-lo ceo e maila terra; botarei abaixo os tronos dos reinos, e acabarei co poder dos reinos nos pobos; vou derrubar os carros que os conducen, e baixarán os cabaleiros dos seus cabalos…- ¡Miúda xeada, querido Axeo, pero iso foi daquela, pois hoxe temos unha cracia do demo, mal feita, e, ¿quen os apea, pois os seus autos non son dun cabalo senón de centos deles, e ademais, blindados! Pídelle a Deus un milagre, outro, pois, hoxe en día, non é doado ser santo no medio de tantos tiranos, de tantos pecadores! ¡Contaxio, sabes?

 

Zac. 9, 9.- Así anunciaches a chegada do Mesías, Rei humilde e pacificador: Relouca, filla de Sión, grita de ledicia, filla de Xerusalén. Velaí chega o teu Rei: é xusto e protexido do Señor (¡é Fillo do Señor, e por tanto, un Señor Trinitario!), humilde e montado nun  burro; si nun burriño, fillo dunha burra.- ¡Teño que regar e abonar en condicións a miña oliveira para ter ramos cando volva ese domingo…; cando volva a mostrárseme o Mesías dacabalo da súa burriña! ¡Ah, e tamén teño que aprender a ser humilde, co seu exemplo!

 

Mal. 3, 17-19.- Serán para min propiedade persoal no día en que eu actúe, porque lles perdoarei o mesmo que un home perdoa ao fillo obediente. Entón veredes de novo a diferenza entre o xusto e o malvado, entre quen serve ao Señor e quen no o serve.- Meu Deus, eu, que fun voluntario para o Ministerio do Exército, non vou alistarme para o Exército do Xefe Supremo, do Xefe Eterno? ¡Non permitas, Señor, que me manden ao pelotón dos torpes; déixame desfilar contigo, para ti, aínda que me poñas de último, pero…, nas túas filas!

-oOo-

 

Pasa a

PREPARANDO A VIAXE

-II-

 

Xosé María Gómez Vilabella