miércoles, 19 de agosto de 2020

PREPARANDO A VIAXE -II-

 

Paso ao Novo Testamento

 

 

Historiadores do XXI, non teñades reparo en chamarnos cabróns pois pasamos todo o XX subíndonos ás paredes, igual que fan as cabras, que desprezan a herba para ramear nas silvas. ¿Fallaron os pastores? ¡Máis ben foron incapaces de tornar da grea, de levarnos polo bo camiño! De subidos á parede, entronizámonos.

 

Daquela, o que compre é apearnos, abaixarnos, volver ao Camiño e deixar o carreiro, ¡os carreiros! O XX foi un século idólatra, o home deu en adorar no home considerándonos principio e fin, cousa que non somos, en absoluto. Os adiantos científicos… ¡Si, follas da silveira! Deus sempre quixo os avances, a recuperación da nosa sabedoría, da que perdemos na Gran Caída, pero non que volvamos á soberbia, ao endeusamento. ¡Por algo naceu nun presebe, por algo, pero a humildade é cousa das herbas, ou iso cremos, así que, nós, arriba, polas paredes arriba, como fan as silvas! ¿Antídoto? ¡Témolo: Os Evanxeos! ¡Non hai outro!

 

¡Pero que paciencia, que amor o de Deus, pois en vista de que o Antigo Testamento se incumpría, xerou un Fillo para simplificalo, e de paso, para abrirnos a porta do Ceo, da que o home perdera a chave! Segundo di S. Agostiño, no Antigo latexa o Novo, e no Novo faise patente o Antigo! Daquela, Laus tibi, Christi!

 

Mat, 1, 20-21.- Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida; que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo, e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará ao seu pobo de tódolos seus pecados.- O pobo de Deus é a Humanidade…; daquela iso tamén vai por min! ¡Deo gratias, Señor, e prométoche deixar a silveira para seguir polo bo Camiño; iso si, coa túa axuda, e de parte túa coa dos teus pastores! Nunca me cansarei de ler este pasaxe evanxélico, tan grato, tan esperanzador; pero non só lelo, senón, e tamén, divulgalo, que esa obriga teño, pois queda xente que nunca o oíu, ou que, de oído, esqueceuno! E por hoxe máis nada, que me compre repetir o Credo, afianzarme no Credo, nas nosas crenzas, ¡miñas, absolutamente miñas, pois son herdanza recibida, recibida pero non sempre agradecida!

 

Credo in unum Deum,

Patrem omnipoténtem,

factórem caeli et terrae,

visibílium óminum et invisíbilium.

Et in unum Dóminum Iesum Chrustum

Filium Dei unigénitum.

Et ex Patre natum ante ómnia saécula.

Deum de Deo, lumen de lúmine,

Deum verum de Deo vero.

Géntium, non factum, consubtantialem Patri:

per quem ómnia facta sunt.

Qui propter nos hómines

et propter nostram salútem descéndit de caelis

Et incarnatus est de Spíritu Sancto

ex María Vírgine et homo factus est.

Crucifixus étiam pro nobis:

sub Póntio Piláto passus et sepúltus est.

Et resurréxit tértia die, secúndum scripturas.

Et ascédit in caelum: sedet ad déxtram Patris.

Et íterum ventúrus est cum glória

inducáre vivos et mortuos:

cuius regni non erit finis.

Et in Spíritum Sanctum,

Dóminum et vivificántem:

qui ex Patre et Filióque prócedit.

Qui cum Patre et Filio

simul adorátur et conglorificátur;

qui locútus est per Prophétas.

Et unam sanctam catholicam

et apostólicam Ecclésiam.

Confíteor unum baptisma

in remissiónem peccatórum.

Et exspécto resurrectiónem mortuórum.

Et venturi saéculi. Amén

 

Mat. 3, 1-3.- Naqueles días apareceu Xoán Bautista no deserto, proclamando: -Convertédevos, que xa chega o reino do Ceo. El é de quen dixo o profeta Isaías: Unha voz clama no deserto: Preparade o camiño do Señor (¡o Camiño do Señor!), endereitade os seus vieiros.- Mira ti por onde eu tamén andei polo deserto, ¡dez anos en África Occidental!, e nunca se me ocorreu predicarlles aos agarenos. Xa sei que o facía admirablemente, co seu exemplo seráfico, desde Tánger, o noso ilustre paisano Monseñor Dorrego Aldegunde (do Corgo, que tamén é Flammoso), pero a min, e iso que eu era compadre do seu sobriño, do Comandante Capelán Sánchez Pumariño, que me apadriñara o fillo varón, nin se me pasou pola cabeza! Sírvame como atenuante que bastante tiven con defenderme das picardías diabólicas, detrás do mostrador daquel Banco…, pero algo máis sempre se pode facer! ¿Que traducín o Al Qurán ao galego? ¡Si, é certo, pero non o publiquei porque aquí non lle interesa a ninguén; non lles interesou aos nosos gobernadores, que colonizaban sen coñecer nin entender aos nativos, así que, por aquí, menos! O caso é que o gran problema do cristianismo, a gran fronteira, está precisamente nos musulmáns, que son moitos, inzan moito, e teñen petróleo, case todos, pero, como eles din, Séntate na porta da casa e verás pasar o cadáver do teu inimigo. Eles caerán na conta por si sos, coa axuda de Deus, pois, entre o que lles diga o noso, a eles e ao seu Allah, e a liberación das súas mulleres, que algún día destaparán a cara para dicirlles que, ¡Adeus machismo!, eses erros nestorianos esfumaranse. ¡Deus, que gran día vai ser ese!

 

Mat. 2, 11.- E cando entraron na casa atoparon ao Neno con María, súa nai. Prostráronse e rendéronlle homenaxe.- ¡Exactamente, iso é o que teño que facer! Se fago memoria, igual teño feitas máis aclamacións, máis xenuflexións, aos deuses da miña xeración que ao Neno Deus, e iso é imperdoable; imperdoable se non pido perdón, con propósito de emenda! Inconmensurable que Deus, o Omnipotente, se fixese neno, e xurdise nun portal; ¡non hai forma de medilo nin de comparalo con magnitudes humanas! Señor meu, meu Deus, eu tamén nacín nunhas pallas, segundo me teñen contado, e sobre das pallas unha saba de liño, da tea, da casa, na propia cociña, diante do vertedoiro, para ter auga limpa e quente á man.

 


 

A falta de Reis, quen me upou nos seus brazos foi a señora Manuela do Rego, aquela parteira meritísima! Se Ti naciches nunhas pallas, eu non merecía nacer nin na corte das vacas, pero…, déchesme a dignidade de imitarte! ¿Como teño que pagarche? ¡Xa o sei: lavándome, pero non con auga da nosa cociña senón coa da pía, coa bendita! Agora, por Nadal, poñemos figuras, e alumámosche…; pero falta algo: poñernos de xeonllos, e adorarte, adorarte como Salvador, como Redentor!

 



 

Santa Emilia, grazas.

Isto foi en Lugo, pero a min explicáchesme o teu “Nacemento”

anos antes, no teu Millares da Valeira.

¡Foi o primeiro que vin!

 

Mat. 2, 16.- Daquela Herodes, decatándose de que fora burlado polos magos, incomodouse, moito.- ¡Bravo, bravo, bravo! ¡Tres urros, un para cada Mago! Queridos Reis, desta vez non vos pido para o meu corpo senón para a miña alma; pídovos habilidade e fortaleza para fuxir, para enganar, para despistar ao meu tentador. Daquela o diabro actuou baixo a capa de Herodes, mais agora, de experimentado, utiliza mil capas, mil formas, e todas impresionantes, subxugantes. O éxito está na escolleita do bo camiño, aquel que nos aparte da morte dos inocentes. ¿Dos inocentes? ¡Inocentes éramos todos…, antes de caer, antes de sucumbir nas tentacións!

 

Mat. 2, 19-20.- En morrendo Herodes, o anxo do Señor aparecéuselle en soños a Xosé en Exipto e díxolle: Érguete, colle o neno e maila nai e volve para a terra de Israel, que xa morreron os que querían acabar co neno.- ¡Morreran aqueles, pero detrás viñeron outros, outros Herodes, todos aqueles que se valeron de Xudas! ¿Foi o último…? ¡Lamentablemente, non; Xudas hai, Xudas quedaron, que a gozan tentando acabar co cristianismo, pero lévana cadrada, pois acabarán aforcándose a si mesmos, senón o seu corpo si a súa alma! San Xosé bendito, meu Santo, que me deches o teu nome, e por tanto son, quero ser, da túa familia, ti, que te erguiches para retornar a onde nunca de alí deberas ter que saír, devólveme, a min, si, a este afillado teu, exactamente ao punto de partida, que ti xa me entendes: ¡Devólveme á inocencia conseguida con aquel bautismo!

 

Falando de retorno á terra natal: Xa che teño dito que quero volver á miña, no seu día, para agardar alí, alí mesmo, pola miña resurrección, que tamén a terei, que nola prometeu, que nola asegurou, o propio Xesús! ¡Amén!

 

Mat. 3, 1-2.- Naqueles días apareceu Xoán Bautista no deserto, proclamando: -Convertédevos, que xa chega o Reino do Ceo.- ¡Eu tamén, Xoán, eu tamén, que tamén quero converterme, mellorar, enderezarme…, enderezar a miña alma, pois o corpo dos vellos é natural que se volva chepudo! Onde non quero curvas, xa che digo, é na alma, así que, insisto, Santos do Ceo, volvédeme ao bautizo, poñédeme en camiño, limpo, converso, renacido! ¡E grazas, de antemán!

 

Mat. 3, 15-17.- Xoán accedeu. Tan pronto como foi bautizado, Xesús saíu da auga. E velaí que se abriron os ceos, e viu ao Espírito de Deus baixar coma unha pomba ata pousarse en riba del. E oíuse desde o ceo unha voz que dicía: -Este é o meu fillo benquerido, o predilecto.- ¿Quen viu o Espírito Santo, só Xesús? Segundo Lucas e Xoán, se cadra máis explícitos, tamén o viu o Bautista, e a min paréceme lóxico que así fose. Un apóstolo pode ser esquemático pero nunca mentireiros pois escribiron ao ditado, ¡o ditado do propio Espírito Santo! ¡Deron a súa vida precisamente por defender a verdade, toda a verdade, e nada máis cá verdade! O Bautista, naquel “evento”, como agora se di, representaba á humanidade caída, e nese papel deulle a benvida a Xesús, ao Fillo de Deus; segundo o Cardeal Cisneros mostrou os seus canóns, ¡os seus poderes!, aos seus inimigos, Deus íalle gardar segredos dos seus poderes trinitarios ao Bautista, ao primeiro dos sacerdotes, que, nas augas do Xordán, ía mostrarnos, ¡por fin!, a “aquel a quen non era digno de desatar as correas do seu calzado”? Teño para min que os teólogos páranse pouco en explicar o por que do bautismo de Xesús, así que eu, catecúmeno de terceira, Deus me libre de opinar do que non sei, pero si me atrevo a dicir o dito, engadindo que os non cristiáns de seguro están desexando se lles diga que ao Ceo tamén irán os non bautizados, ¿ou non son fillos de Deus, criaturas de Deus?, só que os cristianizados, ¡antes dicíase así!, levamos unha credencial, imos máis lixeiros sen a carga do pecado orixinal, pero tamén é certo, coido que o será, que os cristianizados, os iniciados, temos menos desculpa se erramos, se nos desviamos. Ben se di na miña terra que, O que ten padriño, bautízase. ¿Que é isto, este dito, senón un recoñecemento do interesante que é bautizarse?

 

O bautismo non libra das tentacións. O mesmo Mat. 4, 8-11.- Pero aínda o levou Satán a un monte moi alto, (¿non sería ao Miradoiro de Montecubeiro?), e, mostrándolle os reinos todos do mundo enteiro, cheos de esplendor, díxolle: -Heiche dar todo isto se te postras e me adoras. Entón replicoulle Xesús: Arreda, Satanás, porque está escrito: “Só ao Señor, ó teu Deus, adorarás, e só a El darás culto”. Deixouno Satán (¡fuxiu, que así fai o diabro cando o mandamos á porra!), e achegáronse os anxos para o serviren.- ¡Ai, Deus, que a miña imaxinación lévame a unha comparanza secular: Se nós, cando nos presentan listas cerradas, co conto de que nos darán o mundo enteiro se lles votamos, lles dixésemos: Listas abertas, ou nada, seguro que daquela baixarían os anxos, de parte dese mesmo Xesús, para servirnos como Deus manda! Perdón, Señor, que estou mesturando o divino co humano, aínda que é tan diferente!

 

Mat. 4, 19-20.- Díxolles: -Vinde comigo, e fareivos pescadores de homes. Eles deixaron de contado o aparello, e seguírono.- Tamén a min me chamaches, pero…, aquilo que xa teño referido, aquilo da morgadía, iso de que o irmán maior… En todo caso apostolado tamén se fai, tamén se pode facer, tamén hai a obriga de facelo, na vida segrar. Dous irmáns de meu bisavó, que xa o teño referido, foron dominicos en Montecubeiro, pero o morgado, o máis vello deles, quedouse na casa, de “ingre”, como se dicía daquela. Eu, de pescador, algo tiven, que ben troitas levo pilladas no Azúmara, ¡á man! Pero iso de pescador de homes…; o único que pesquei foi á miña dona, á miña Estrela, ¡que nome tan axeitado!, aínda que é máis exacto dicir que me pescou ela! Se fose mellor alumno, dada a súa exemplaridade seguro que me faría chegar a santo. Agora que me lembro: ¡Pedro tiña sogra! Eu tamén a tiven, pero descargo aquí, quero facelo, o pecado de omisión porque nunca lle din as grazas por haber criado para min unha rapaza tan boa, tan educada. Isto réstame méritos, pois, con tales vimbios o meu cesto debera ser mellor, moito mellor, tendendo a perfecto.

 

Mat. 4, 23-24.- Xesús percorría a Galilea enteira ensinando nas sinagogas e anunciando a Boa Nova do Reino, curando canta doenza padecía o pobo. Falábase del en toda Siria e traíanlle enfermos con toda clase de doenzas e de padecementos, endemoñados, epilépticos, tolleitos; e a todos curaba.- ¿Mestre, ves as consecuencias? ¡No 36 tamén perseguiron a meu pai precisamente por algo así, por ensinar, por curar as chagas da burremia, tan útiles que lles eran aos caciques da miña bisbarra! Isto demostra que, aquí abaixo, canto máis ben fas, máis inimigos na túa veciñanza, pero aí está o mérito pois, canto máis sufrimento, cantas máis inxustizas che fan, máis se baleira a maleta dos pecados e máis se enche a das virtudes. ¡Igual que no Exército: sen heroísmo non hai medallas! ¿Ou si? Aquí abaixo non sempre llas dan a quen as merece, pero iso é outro mérito para quen padece unha discriminación. No Ceo nunca se equivocan, así que, valentía, que xa chegará o momento dos laudos. Teño loureiros na finca…, pero os laurus nobilis só serven para as coroas térreas, tales que aquelas dos romanos. ¡Señor, ofrézoche os meus loureiros…, a cambio dun feixe de virtudes! ¿Admítesme o troco?

 

Mat. 5, 1-11.- Vendo Xesús a multitude, subiu ao monte e sentouse. (Xesús, eu, que son do Monte, da parroquia de Montecubeiro, súbeme a esoutro, ao das benaventuranzas, pois no meu…, no meu predominan os toxos!).- Achegáronselle os seus discípulos, e el, tomando a palabra, ensinábaos dicindo:

 

-Ditosos os que teñen espírito de pobres, porque deles é o Reino do Ceo.- ¡Ai, Deus, que difícil é iso de ter espírito de pobre; non pobreza, pois pobreza é outra cousa! Neste tempo do hedonismo, que ata se anuncian, tanto os golfos coma as golfas, só conta o vicio, e como para ser vicioso fai falta diñeiro, aí está o segredo da avaricia!

 

-Ditosos os que choran, porque eles serán consolados.- Señor, eu, pecador, que tanto teño por que chorar, dáme bágoas abundantes para lavarme con elas, para lavar os meus pecados, que para iso é o único deterxente válido. O consolo virame despois, ¡xa o sei! O consolo desexable, o único perfecto, o único que me apetece a tal momento, é o teu perdón, e como a fe me inspira a seguranza de que non me fallarás, Señor, xa son feliz, de antemán!

 

-Ditosos os non violentos, porque eles herdarán a terra.- ¡Menos mal que teño esta táboa á que acollerme, pois o que é violencia…, salvo se acaso aqueles anos nos que tiven que andar coa pistola no sobrazo, aló en Ifni, rodeado de musulmáns aos que lles estorbaba; eu, non, o Banco!, no resto coido que fun máis ovella que cabra. ¡Non me quites esta táboa Señor, que boa falta me fará para chegar a porto…, pois no demais, nádoche mal, e iso que pasei a meirande parte da miña vida en portos de mar! Bromas á parte, teño que recoñecer que esta circunstancia dos portos de mar ten os seus perigos. Permíteme, Señor, lembrar aquela ocasión, alí en Sidi Ifni, que uns cantos contratamos un mariño para que nos dese clase de inglés, e ben sabes o que pasou: ¡Que tivemos que despedilo porque descubrimos…, descubrimos…, terei que dicilo: que nos ensinaba un inglés de porto de mar, pragado de obscenidades! 

 

-Ditosos os famentos e sedentos de xustiza, porque eles ficarán fartos.- Se fose por fame corporal, ben dela pasei daquela que, por asistir ás clases do Centro de Estudios Mercantiles y Económicos, Calle de la Bola, 8, Madrid, tan a miúdo me quedei sen cea, que non me daba tempo a chegar en hora ao comedor do Batallón do Ministerio do Exército, na calle Prim, pero…, xa o sei, xa: ¡Trátase de fame, de fame e de sede, de xustiza, e non da outra! Desta, carencias tamén tiven, mais puideron ser peores! A propósito da xustiza: Desde este intre nomeo Defensores aos meus Santos patróns, Xosé e María, que boa falta me fará o seu valemento, pois…, se Deus aplica a balanza dos xuíces terráqueos…, a de purgatorio que me espera!

 

-Ditosos os misericordiosos, porque eles serán tratados con misericordia.- ¡Está claro: Trata como queiras ser tratado! Se esta recomendación vale para a terra, para o noso circundo, ¿que non será para o Ceo? Afirmouno o propio Xesús, así que, daquela, punto redondo! Non é doado de cumprir neste mundo aristarco, no que aínda se segue criticando, e incluso matando, comezando polos nasciturus, que se lles colle xenreira xa antes de nacer; non é doado, pero é imprescindible…, se queremos ser tratados con misericordia na hora do transo, que é a importante, a definitiva!

 

-Ditosos os de corazón limpo, porque eles verán a Deus.- ¡Iso é precisamente o que lle veño pedindo a Deus, a ese Xesús que non tivo inconveniente en lavarlles os pés aos seus discípulos!

 



 

¡Señor, lávame, de arriba abaixo: O corazón, para que me aumente o amor, o amor ao próximo; e o cerebro, para aborrecer, para eliminar a roña que me deixaron os malos pensamentos! ¿Quen non quere ver a Deus, ao seu Creador, ao seu Salvador? ¡Pois, por estraño que resulte, deses, haber hainos!

 

-Ditosos os que traballan pola paz porque eles serán chamados fillos de Deus.- ¡Señor, aínda que non me chamen así aquí abaixo, chámame Ti, que es o único importante! ¿Traballar pola paz? Vouno dicir, que agora non ten importancia posto que xa Ti o xulgaches: En certa ocasión que lle pedín a un Cura que mediase nunhas disensións familiares, ¿sabedes que me contestou? ¡Exactamente isto, que gardo a súa carta: Entre hermanos no metas las manos! ¡Pobre señor, un cura que non facía por curar, por mediar, por axudar a curar, evidenciaba que o aprobaron no seminario…, sen coñecer as Obras de Misericordia! Perdóolle, pero, de paso, pídolles aos profesores dos seminarios que non permitan aos seus educandos aprender refráns estúpidos!

 

-Ditosos os perseguidos por causa da xustiza, porque deles é o Reino do Ceo.- Entendo que isto hai que explicalo, amplialo, un pouquiño, para os que somos de mente cerrada: ¡Trátase dos perseguidos sen causa, sen razón, sen Xustiza, sexan ou non xuíces tales xulgadores, pois de ser xulgado polo seu próximo ninguén se libra; o problema está en cabrearse por iso!

 

-Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa: alegrádevos e reloucade, porque grande será a vosa recompensa no Ceo; do mesmo xeito perseguiron aos profetas anteriores a vós.- Fixémonos nisto: Nada máis comezar a súa predicación, unha das primeiras advertencias de Xesús aos seus discípulos foi previlos para o martirio que lles agardaba cando difundisen a Boa Nova. ¡Que ben foi, pois así cremos nos Evanxeos: deron a vida pola verdade, polo único que vale a pena expoñerse a morrer!

 

Mat. 6, 24.- Ninguén pode servir a dous amos, porque ou lle ten lei a un e xenreira ao outro, ou ben atende a un e menospreza ao outro. Non podedes servir a Deus e mais ao diñeiro.- Oíno predicar cen veces, pero ben exposto, poucas; daquela, os tépedos din: ¿E logo como é que a Igrexa atesourou máis que tódolos xudeus xuntos, que ata se dixo que impuxeron o celibato para que non herdasen os fillos dos cregos? Amodo, rapaces: O diñeiro ben suado e ben gañado é sacrosanto pois dimana das privacións e dos esforzos de cada quen, constituíndo unha reserva, unha vacina, para desgrazas e outros imprevistos, tanto da propia familia coma do próximo, ¡se estamos dispostos a compartir, a solucionar! O Samaritano puido ser caritativo porque tiña con que pagar, estancias e curacións. Outro tema, outra interpretación, é a que lle dan os avaros, comezando polo seu mal adquirir.

 

Mat. 7, 3.- ¿Por que reparas no lixo que hai no ollo de teu irmán e non te decatas da trabe que hai no teu?.- As persoas, coma os coches, necesitamos retrovisores. ¡Retrovisores e introvisores! ¡E logo hai quen di que os ollos son espellos da alma! ¡Diso, nada; que levo coñecido moi bos actores, homes e mulleres, que interpretan as mil marabillas os papeis que lles conveñen! Estaba ben aquilo dos emperadores, que, cando volvían vitoriosos, entraban en Roma precedidos por un ¿asesor? que lles ía repetindo, “¡Cave ne cadas!”. ¡Ten coidado, non caias en soberbia! A todos nos facía falta, pero…, ¡os amigos non nos critican, e os inimigos fano do revés!

Mat. 7, 7-8.- Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes, petade e abrirásevos. Pois quen pide, recibe; quen busca, atopa; e a quen pete, abriráselle.- ¡Aquel si que foi un mitin electoral, unhas promesas feitas polo mellor entre os mellores; promesas para ser cumpridas, e non outras que me sei, e que, por discreción, calo! ¿Como hai que chamarlle ao home/á muller que, ante un candidato desta magnitude, se equivoca de papeleta, ou vota en branco? ¡Non está no dicionario, pois a verba, o concepto, “cretino”, quédase curto! Por partes: Tampouco é cousa de pedir a troche moche pois a pedichóns non nos ganan nin as crías dos paxariños. Pidamos, pois, acollidos ao criterio de quen sabe o que nos convén; máis ou menos así: Eu, pecador, que aspiro a salvarme, a Ti clamo, Señor: dáme billetes que me leven á Gloria, e como teño máis de fardo que de santo, sérveme un mercancías, así teña que ir de pé; iso si, co pé dereito por diante…, para non caer na tentación de apearme co tren en marcha! ¿Buscade? ¡Pouco temos que buscar, que nolo deron feito: só temos que ler os Testamentos, pois o herdo está ben claro: Aquí na terra, as ensinanzas recibidas; e na viaxe, levar tan só a roupa limpa…, pois imos invitados, nada máis e nada menos, que á Cea celestial. A última de Xesús foi un ensaio, un ensaio co que temos que comungar, para dicirnos que todo El é noso, que estamos invitados á Suprema. Só puxo unha condición, que El mesmo iniciou: lavarnos os pés, para iso, para entrar, para subir, co pé dereito, en auténtica fraternidade. Máis que pedir nós, é o propio Deus quen nos ofrece, quen nos dá: ¿A cambio de que? ¡Pouca cousa: que miremos para Arriba, que confiemos e agardemos polo noso Provedor, dun xeito parecido a como os paxariños agardan pola pitanza de seus pais! Díxonos que petemos, pero foi un símil, pois, de feito, o propio Xesús nos abriu a porta, de antemán. ¡Abríunola desde a cruz!

 

Mat. 7, 13-14.- Entrade pola porta estreita. Porque ancha é a porta e espazoso o camiño que leva á perdición, e son moitos os que entran por el. Pero, ¡que estreita é a porta e que apertado o camiño que levan á vida, e que poucos dan con eles!.- Coido que foi outra das súas parábolas, para que o noso curto entendemento entendese: A porta do Ceo non é estreita senón que así se nos representa; a outra, a ancha, é esa á que nesta Galicia dos meus pecados lle chamamos “Vaicheboa”! Igual que no tren: Se abrimos os raís, descarrilamos. Se o noso raíl vai paralelo co segundo, co próximo, non hai dúbidas de que chegaremos á estación correcta. ¿Que nos parece estreita? ¡É cuestión de miopía: ollando os carrís, ao lonxe, que vemos? ¿Que se xuntan, que desaparecen, non si? ¡Efecto óptico! Esta miopía cúrase coa fe: ¡con fe no noso Condutor!

 

Mat. 7, 15-20.- ¡Ai se eu, que fun medio mestre, dos de minúsculas, daqueles de “a ferrado”, fose capaz de ensinar aos meus netos coa brillantez que o fixo Xesús…! Pero non podo pedir tanto, pois El era Fillo de Deus, e eu son, simplemente, un fillo daquel Xosé María de Bergland, pero o que si podo pedir, e debo facelo, é invocar a Santísima Trindade para que poña neste teclado do meu ordenador verbas axeitadas, que me sirvan para ensinarlles a distinguir as árbores do Paraíso, as mazás doces das agres! Quero dicir, que saiban distinguilas cos ollos da fe, antes de probalas, pois ben vedes, queridos netos, aquilo que lle pasou á Eva: Que comeu aparencias, enganos, froita velenosa, e deixou na árbore a boa! -¡Gardádevos dos falsos profetas que veñen onda vós con aparencia de ovelliñas, pero no fondo non son máis que lobos raspiñeiros! Polos seus froitos coñecerédelos. ¿Ou é que se recollen uvas dos espiños, ou figos dos abrollos? Así, toda árbore de boa caste produce froitos xeitosos, e toda árbore de mala caste produce froitos ruíns. Non pode unha árbore boa producir froitos ruíns, nin unha árbore ruín producir froitos de calidade. Toda árbore que non produce froitos bos, córtase e bótase ao lume. Así que, polos seus froitos é como os coñeceredes. -¡E quen di ás árbores, ás persoas tamén! Queridos meus, meus netiños: déixovos unha biblioteca de libros de Botánica,



 

pero tamén vos deixo a Biblia; ¡dúas, unha en castelán e outra en galego!, pero ambas son a mesma cousa. Aplicádevos nas dúas materias, pois afellas que teñen moito en común: ¡Ensinan a distinguir!

 

¡Uih, que longa é a Biblia!, diredes. ¡Xa; pero a nosa vida, tamén, así que, dedicándolle ao día máis ou menos o tempo que dedicamos a ver programas nocivos de tele…, todos doutores, todos teólogos de Concilio!

-.-




 

Señor, asentada na rocha está, que a fixen nunha pedreira,

precisamente naquela onde se escondeu meu pai,

no 36,

para salvarse dos seus inimigos.

 

Mat. 7, 24-29.- Así pois, todo aquel que escoita as miñas palabras e as pon en práctica será coma o home asisado que edificou  a súa casa sobre rocha.- Señor, en canto á casa, así o fixen, ¡nunha pedreira!, pero, da miña alma, que? ¡A rocha es ti, Señor, así que non permitas que me derruben as tentacións luciferinas, tanto que se prodigan neste século, no XXI! ¡Señor, ensíname a aprender, ensíname a construír o meu porvir, que o quero Arriba, en sitio seguro, na rocha do Ceo!

 

Mat. 8, 5-13.- Ao entrar en Cafarnaúm achegóuselle un centurión que lle suplicou dicindo: -Señor, o meu criado xace tolleito na casa e padece moito. Díxolle Xesús: -Eu irei e curareino. Replicoulle o centurión: -Señor, non son merecente de que entres baixo o meu teito; abonda con unha palabra túa para que o meu criado cure… A Xesús chamoulle moito a atención oír aquilo, e díxolles aos que o seguían: -Asegúrovos que non atopei a ninguén con unha fe tan grande en todo Israel… Ao centurión díxolle: -Vaite, que se cumpra segundo a túa fe. E naquela hora curou o criado.- Señor, que non son digno véñoo dicindo en cada Misa, pero, dígoo de corazón? Se así non é, pídoche que me aumentes a dose, que me aumentes a fe, que tamén teño moito que curar, moito de que sandar; máis che pido: que cando estea na convalecencia, non permitas a miña recaída, que sempre se dixo que as recaídas son peores cá enfermidade, e ata será certo porque nos pillan débiles, decaídos, recaídos!

 

Mat. 8, 14-15.- En chegando Xesús á casa de Pedro atopou á sogra deste deitada e con febre. Tocoulle na man e fóiselle a febre. Ela ergueuse e púxose a servilo.- ¡Caramba coa sogra, que amable, que agradecida, pero aínda debera facer máis: Dicirlle á filla que se fose co seu home ás clases do Mestre, que iso sería un agradecemento perfecto. ¡E se cadra, xa o fixo, pero Mateo esqueceuse de dicírnolo! Por outro lado, igual se quedou na casa porque, ¡aínda onte!, as mulleres non adoitaban ir á escola.

 

Mat. 8, 18-19.- Vendo Xesús que o rodeaba un mundo de xente, ordenou pasar para a outra banda. E achegándose a El un letrado díxolle: -Mestre, seguireite vaias a onde vaias.- ¡Mestre, eu, servidor, que de letrado pouco teño pero si algo de escribidor, tamén quero ir contigo, aprender, memorizar, as túas leccións; non me deixes na inopia, que preciso saber para poder ensinar; lémbrate que teño netos…!

 

Mat. 9, 1-2.- ¡Perdoaba os pecados; pois iso si que é grande: aproveitémonos dese indulto xeral!.- Subiu a unha barca, cruzou para a outra banda e chegou á súa vila. Nisto trouxéronlle nun leito un tolleito. Vendo a fe que tiñan, díxolle ao tolleito: -¡Ánimo, meu fillo! Quédanche perdoados os teus pecados.- ¡Isto si que é grandeza; isto é ser Señor, o único señor con maiúsculas! Eu mesmo, que me sinto tolleito dos meus, moitos ou poucos, pero algún si, prostrado ante ti, Señor, pídoche o mesmo: ¡Perdón, que tamén pequei, pola miña culpa, pola miña grandísima culpa…, pero se grande é (a miña culpa), meirande é a túa xenerosidade; a cambio prométoche non volver a caer, contando coa túa caiada, iso si!

 

Mat. 9, 8-13.- ¡Ler a Mateo, aprenderse as súas Crónicas salvíficas, é unha carreira! Din que ser galego xa é unha carreira, pero asistir as clases de Mateo é…, carreira cum laude! –Cando tal viron os fariseos, dixéronlles aos discípulos del: -¿Como é que o voso Mestre está comendo con recadadores e pecadores? El oínos, e dixo: -Non son os sans senón os enfermos os que precisan de médico. Ide, pois, aprender o que significa aquilo de “Misericordia quero e non sacrificios”. Porque non vin chamar polos xustos, senón polos pecadores.- ¡Aí vai, que iso tamén ía por min, que estou no pelotón dos torpes, na reata dos pecadores! ¡Señor, chámame, chámame ao confesionario, e desde que sexa xusto, desde que me volva xusto, sentareime a esperar dignamente pola túa chamada, pois  daquela non lle terei medo ao meu xuízo!

 

Mat. 9, 37-38.- Entón díxolles aos discípulos: A anada é ben boa, pero os xornaleiros son poucos; así que rogádelle ao dono da sega que mande xornaleiros á súa ceifa.- ¿Óelo, Papa Francisco? Temos un gran problema niso, seguimos téndoo. Eu, desde este aparello ao que chaman ordenador, ¡e que oxalá ordene as miñas, pobres, ideas!, vou pedir por ti, que Deus che dea forzas para rozar o camiño que te leve/que nos leve a un equilibrio axeitado de mestres-alumnos. Tanta xente no paro, homes e mulleres, e tan poucos segadores, a que se debe? Tira de fouciño e sega ese xoio que medrou entre o trigo; aparta aos que mal te aconsellen: ¡Aconséllate con Xesús, só con Xesús, pois é o único que ten as receitas boas, todas, absolutamente todas!

 

Falando de predicadores Mat. 10, 16-18.- ¡Vede que vos mando coma ovellas entre lobos! Así que sede prudentes coma as serpes e sinxelos coma as pombas. Tede coidado coa xente porque entregaranvos aos tribunais e hanvos azoutar nas sinagogas. E pola miña causa hanvos levar ante gobernadores e reis, que así daredes testemuño de min diante deles e dos pagáns.- ¡Ás túas ordes, Xefe! Eu, que algo sei de táctica militar, coido que entendo bastante ben a túa estratexia: Con prudencia, si, pero, adiante! Con sinxeleza, si, pero hai que cantarlle as corenta ao inimigo! ¿Que nos levan aos tribunais? ¡A min xa me teñen levado, e por culpa doutros, sen causa nin motivo da miña parte! Desgusteime, iso si, pero o de acovardarme, aínda non, pois, pecador, si, pero sempre confiei en que me axudarías a proclama-la verdade! En definitiva, Señor, que clase de soldados, de seguidores, de predicadores, somos se nos acovardamos, se nos avergoñamos de levar a túa bandeira, a túa cruz, visible, ben alta? ¿Que a colleita está en sazón? ¡Daquela, a segar, a predicar, polo menos co exemplo!

 

Mat. 11, 2-6.- Xoán, oíndo falar na cadea (no cárcere onde o tiñan) das obras de Cristo, mandou os seus discípulos a preguntarlle: -¿Es ti o que ten que vir, ou esperamos a outro? Respondeulles Xesús: -Ide e contádelle a Xoán o que estades oíndo e vendo: Os cegos ven e os coxos andan, os leprosos fican limpos e os xordos oen, os mortos resucitan e aos pobres estáselles anunciando a Boa Nova. ¡É ditoso quen non se escandalice de min! - ¡Este si que é, este si que foi, un autorretrato, válido para o Bautista, e tamén para nós, século a século! ¿Que máis necesitamos para crer que Xesús era realmente o Fillo de Deus, triunviro co Pai e co Espírito Santo? ¿Un home…? ¡Si, e non: o propio Deus feito home, non para achegarse a nós, que non lle era preciso, senón para tirar de nós, para dignificarnos, para facilitarnos a salvación…, a pesar do pecado, dos pecados! Fíxose home para falar cos homes, de ti por ti, e aínda así queríamos máis? ¿Máis, que? ¡Señor, ti que curaches aos cegos, cúrame a min, cúrame a miopía, a da alma, para que poda verte, para que poda entenderte con algo máis de claridade; xa sei que Ti es a luz, e que reduciches os voltios para que te puidésemos ver, entender e ver, en corpo presente, pero…, sómosche tan cegaratos, eu polo menos!

 

Meu Deus, meu Señor, permíteme unha pregunta, pois non acabo de atopar, aquí abaixo, quen me dea unha definición satisfactoria, definitiva: ¿Por que, con todo o que amas ás túas criaturas, tanto que levas feito por nós, tantos milagres, tantos mártires que deron a vida por Ti, comezando polos apóstolos, esa enormidade de ensinanzas e de consellos que é a Biblia, e seguimos tendo pereza para ir á Misa, que é tanto como negarnos ou recear en agradecerche nada menos que a nosa salvación, a nosa reconciliación? Ti non fas trapalladas, non fas cousas a medias, ou mal feitas, así que, pídoche humildemente que nos mandes, que suscites teólogos inspirados que tiren de nós para a Igrexa, e de paso que nos expliquen aquilo do pecado orixinal, pois iso das mazás, verdes ou maduras, xa sei que foi un símil, unha explicación infantil para unha xeración que, por algo que non acabo de imaxinarme, pasou do Paraíso ás cavernas. ¿É que aínda non estamos preparados para entender ese misterio? ¡Monstruoso debeu ser aquel pecado para que tales consecuencias xeracionais lle trouxese á especie humana! De ben pensado, ou de moito pensalo, coido que o Adán e maila Eva xeraron os fillos despois do seu pecado de soberbia, e como a semente, soporte das almas sucesivas, ía sucia...,  pois iso, transmisión contaminada!

 

¿Consecuencias do pecado? ¡Pero se aínda as hai, aínda as producen, os pequeniños, os actuais, e non só para o propio pecador! Algunhas desas consecuencias coñecémolas, divúlganse, pero outras pasan desapercibidas, o que non significa que non existisen. Un caso anecdótico, persoal meu, pero que pode valer como demostración, como evidencia do que afirmo:

 

Anunciouse unha praza estupenda, de superior categoría, para Sidi Ifni, casualmente cando se divulgou que alí estaba habendo unha epidemia de peste bubónica. Os veteranos retiraron as súas instancias, ipso facto, pero este servidor, este novato, díxose: “Eu son do monte, do Montecubeiro, así que…, resístoas todas!”. ¡Déronme a praza, e vinte días para dispoñerme á viaxe, coa condición de ir solteiro! Aquel mesmo día collín o tren e fun ao meu Montecubeiro: -Don Benito, déame os papeis, sen amoestacións, que me caso coa Josefiña de Rois! –Ben, vale, pero tes que traerme un certificado da túa parroquia, de Madrid… -Pero, señor Cura, en Madrid hai vinte igrexas… -¡Da túa, do barrio onde vives…

 

Para non perder tempo, de San Cibrao a Lugo no taxi de Bonifacio de Castroverde, tren Correo, etcétera. Mais o diabro, que non adoita estar quedo, ocasionou que miña tía Ermitas falase co Secretario do Xefe de Persoal do Banco, e díxolle que eu volvía a estar en Madrid, en busca do certificado… Ao Secretario faltoulle tempo para acusarme de…, ¡de desobediencia, ao Xefe!, así que me obrigaron a renunciar ao casoiro. Falei coa rapaza, e ela, ¡miña santa!, accedeu a casarse meses despois…, ¡por correo, por poderes!, con tal de que non perdese o meu ascenso. ¡Grazas, Santa Esposa! ¿Que pasara? ¡Un simple pecado, un pecado alleo! Unha freguesa enganara a Don Benito dicíndolle que o seu pretendente, un daqueles fuxidos, era solteiro, así que o crego, ¡inocente el!, casouna con un…, bígamo! Soubo iso o bispo de Lugo e botoulle unha filípica de cen estalos, que por iso me fixo volver a Madrid, por un certificado de solteiría. ¿Teñen, ou non teñen consecuencias os pecados, incluso os do próximo, ou os dun próximo pouco próximo? A min perdooume o Banco aquel intento de desobediencia, pero aquilo non foi nada comparado co agravio, coa insubordinación que lle fixo a Avoa ao propio Deus..., que acababa de regalarlles un Paraíso!

 

 Mat. 11, 16-19.- ¿Con quen compararía esta xeración? Aseméllase a eses rapaciños que, sentados no rueiro, rifan entre si dicindo: “Tocámo-la frauta, e non bailastes; fixémo-lo pranto, e non chorastes”. Porque apareceu Xoán, que nin comía nin bebía, e din: “ten o demo no corpo”; apareceu o Fillo do Home, que come e bebe, e din: “que larpeiro, que bebedor e que amigo de recadadores e de pecadores”. Con todo, a sabedoría quedou acreditada polas súas obras. - ¡Vaia se quedou, pero, aínda así, danos pereza seguirte, cumprir cos dez, e iso malia que os simplificaches en dous: Amar a Deus sobre tódalas cousas, e ao próximo por Deus!  Volvo ao de antes; e como din os nenos: ¿Po que, Señor? ¡Se non mo queres dicir, vale, pois comprendo que, se calas neste punto, é que terás as túas razóns! Un teólogo díxome: -“O ambiente de expectación mesiánica era distinto. Todos esperaban un Mesías fantástico, política e relixiosamente falando. Xesús resultou segui-lo camiño do Servo de Iavé, é dicir, o da cruz. Isto foi o gran escándalo”. ¡Claro, aínda falamos outra lingua, a do pecado orixinal; acaso por iso nos custa tanto anosar a linguaxe divina?

 

¿Estará aquí a explicación que veño buscando? Mat. 11, 25-29.- Naquel tempo dixo Xesús: -Bendito sexas, meu Pai, Señor do Ceo e tamén da terra, porque lles escondiches estas cousas aos sabios e aos prudentes e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume tódalas cousas e ninguén coñece ao Fillo agás o Pai, e ninguén coñece ao Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo llo queira revelar. Achegádevos a min tódolos que estades cansos e oprimidos, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é levadeiro e a miña carga liviá.- ¡Perdóame, Señor, por querer saber máis do preciso; se algunhas cousas non mas revelas será porque, como Ti mesmo dixeches, hai que ser humilde para que nos sexan reveladas! Daquela, conforme, Señor, que xa me levas dado máis, moito máis, do que che teño merecido; e no de ensinado, tamén, de máis, pero…, non é doado saír do pelotón dos torpes, que tampouco o era no Exército, con todo ser cousa de homes! Por outra banda, é cuestión de ter paciencia pois ben sei, ben nos tes dito, que Aí Arriba non hai escuridades, que todo é luz, Luz Celestial!

-.-

Veño da Misa, veño da Eucaristía; veño, Señor, da túa Cea! ¿Pasaron vinte séculos? ¡Que va: Para min foi hoxe, unha vez máis, e nesta, igual que aquela na que tivestes de fotógrafo a

 



 

Juán de Juanes, hai un Xudas, que se distingue neste cadro porque lle falta a coroa apostólica. ¿Quen estivo na de hoxe, cal foi? ¡Señor, que non sexa eu, pídocho encarecidamente, pero a experiencia dime que nunca falta un falsario…, entre tanta xente! ¿Perdoácheslle? ¡Contra a crenza xeral, estou en que si, pois, sen Xudas, mal podía haber redención pola cruz! ¿Que o puideches facer doutra maneira, de mil maneiras? ¡Coido que si, pero esta foi dramática, e precisou dun traidor! Ao meu entender, perdoácheslle por dous motivos: Ante todo, pola túa bondade infinita; e despois, porque se arrepentiu. Claro que en vez de tirarlles as moedas, e de subirse á figueira, mellor faría, como Pedro, desenvaiñando contra o centurión, e dicíndolles, equivoqueime!

 

Juanes, no seu século, no XVI, aínda estaba imbuído de machismo, así que omitiu presentarnos as mulleres invitadas á Santa Cea. Penso que estaban do outro lado da Mesa, tradición, costume, discriminación, que chegou aos meus días pois na igrexa do meu Montecubeiro asistíamos á Misa separados, os homes nos bancos da esquerda, e as mulleres nas selas, nos reclinatorios, á dereita. ¡Nós podíamos sentarnos; elas, non! Porén, daquela, coma hoxe, foron comungar máis mulleres que homes, infinitamente máis! Non as pintaron na Cea, pero…, estiveron, vaia se estiveron!

-.-

Volvendo aos evanxelistas:

 

Mat. 12, 31-32.- Quen non está comigo está contra min; e o que non recolle comigo, derrama. Por iso vos aseguro que aos homes háselles perdoar calquera pecado e blasfemia, pero o pecado contra o Espírito non terá perdón. E a quen fale contra o Fillo do Home poderáselle perdoar, pero a quen fale en contra do Espírito non se lle perdoará, nin neste mundo nin no vindeiro.- ¡Xa vexo, xa, que hai pecados e pecados, pero negar a Deus, un e trino, é máis que de salvaxes! ¿Que non o entendemos? ¡Aquí abaixo hai tantas cousas que non entendemos e mais crémolas! Díxonolo o Mesías, así que, punto redondo! Témolo claro: Pecado contra o Espírito é negarse a recoñecer a acción salvadora de Deus en Xesús. ¿Vale?

 

Non hai desperdicio en ningunha das referencias que nos dá Mateo, pero o que é neste punto…! ¡Como para levalo na carteira, apuntado nun papeliño, e lelo tódalas mañás! Mat. 12, 33-37.- Se unha árbore é boa, dará froito bo; e se é mala, o seu froito será malo. Porque a árbore, (¡o home!), coñécese polo froito. ¡Raza de víboras! ¿Como ides falar ben sendo vós malos? Pois do que reborda o corazón, fala a boca. O home bo saca boas cousas do tesouro da súa bondade, pero o home ruín saca cousas ruíns, pozo da súa maldade. Asegúrovos que toda palabra falsa que digan os homes háselles ter en conta no día do Xuízo. Pois polas túas palabras declararante xusto e polas túas palabras condenarante.- ¡Por algo quero listas abertas, Señor, coñecer a quen elixo, saber algo del, que me fale, que me mire de fronte, analizar as súas olladas, analizar se hai sinceridade na expresión do seu rostro e no acento da súa voz…, Amén! Xesús escolleu aos seus apóstolos; nas empresas, por cativas que sexan, seleccionan o seu persoal; e nesta Gran Empresa que é o Estado…, que? ¡Mirade se é perfecta a Biblia que incluso nos ensina a ser prácticos na vida!

 

A nai e mailos irmáns de Xesús.- En Mat. 12, 46-50.- ¿Quen dixo que Xesús non  tivo irmáns? ¡Irmáns de seu, como agora dicimos e entendemos, non; carnais, non; nin os tivo nin podía telos, pero dos outros, si! Naqueles tempos dicíaselles “irmáns” aos parentes próximos, pero Xesús ampliou o termo: ¡Irmáns seus, todos, adoptivos; todo o xénero humano! A iso chámolle eu, “Adopción plena”. –E sinalando coa man aos seus discípulos (¡a todos!), dixo: -Velaí a miña nai e mailos meus irmáns. O que cumpre a vontade do meu Pai Celestial, ese é o meu irmán, a miña irmá, e maila miña nai. - ¡Bendito parentesco, bendita adopción…, e sen facer partillas, que hai para todos, en auténtica cooperativa!

 

O motivo das parábolas. Que eu lembre, nunca se nos explicou na Misa; debe ser que os cregos coidan que somos listos coma eles…! Aínda que o saibamos, non sobra lembralo para mellor interpretar as lecturas. A propósito: Nalgunha igrexa os que soben a facelas inclínanse ante o sacerdote como pedíndolle permiso. Non o entendo así: Por encima do altar e do cura está o Sagrario, ¡está Deus!, pois a ara é simplemente a mesa da Última Cea, e o cura un Oficiante, un Delegado, revestido, con maiúsculas, pero non é xefe cando está presente o Xefe; segundo o meu protocolo, manda na tropa do desfile, pero non Preside; rende honores, e ten poderes para leva-la bandeira, para izala, pero non é a bandeira; así que eu, cando don Manuel me indica que lea, a xenuflexión fágolla ao Sagrario. ¡E nunca me dixo que estivese mal feito!

 

Mat. 13, 10-16.- Achegándoselle os discípulos dixéronlle: -¿Por que lles falas en parábolas? El respondeulles: -Porque a vós concedéusevos coñece-los misterios do Reino do Ceo, pero a eles non. Pois a quen ten daráselle ata sobrarlle; pero a quen non ten, aínda o que ten se lle quitará. (A quen ten…, é dicir, o que recibiu o Reino de Deus. A quen non ten…, ou sexa: ao que rexeita o Reino aínda se lle quitará, como no caso de Israel a súa condición de pobo escollido.- ¡Grazas a quen mo aclarou!). –Por iso lles falo en parábolas, porque, mirando, non ven, e escoitando, non oen nin entenden. Cómprese así neles o que profetizara Isaías dicindo: Oír, oiredes, pero non entenderedes; ollar, ollaredes, pero non veredes. Porque o corazón deste pobo está insensibilizado: endureceron os seus oídos e pecharon os seus ollos, para non ver cos ollos nin oíren cos oídos, nin entenderen co seu corazón, nin se converteron para que eu os cure. –Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven; e mailos vosos oídos, porque oen! Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos arelaron ve-lo que vós vedes, e non o viron; oí-lo que vos oídes, e non o oíron. -¡Ai se só estivese insensibilizado o pobo de Israel, que daquela serían poucos, pero o caso é que tamén está o meu, e eu, nel, con el! Señor, abre os meus ollos, e mantenmos abertos, ben abertos, ata o día en que non precise estes do corpo; quero dicir, ata que poda verte espiritualmente, coa miña alma!

 

Mat. 13, 28-30.- Os criados preguntáronlle (ao dono da colleita): -¿Queres que o vaiamos arrincar? El respondeulles: -Non, non sexa que ao collérde-lo xoio arrinquedes tamén o trigo. Deixádeos medrar xuntos deica a sega, pois no tempo dela heilles dicir aos segadores: Apañade primeiro o xoio, e atádeo en mollos para queimalo; e o trigo recollédeo na miña arca.


¡Caramba; así que foi por iso que eu, sendo xoio, medrase entre os bos e xenerosos! Pois, daquela, Señor, pídoche, con verdadeira contrición, que me transformes en trigo, ¡desde xa!, que ben sei que fas milagres, incluso desde lonxe! Díxolle a Xesús o bo ladrón, ¡e iso que fora ladrón! –Acórdate de min cando esteas no teu Reino! Eu, que fun algo de todo, de todo menos ladrón, iso si que non, pois o único que roubei, á parte daquelas castañas, foi o corazón da miña dona, tamén che pido que te lembres de min, e máxime agora que xa estás no teu Reino! ¿O da miña dona? ¡Ela perdooume, a cambio do meu, por suposto, e eu fíxena, iso, Dona, Ama! ¡Señor, que ela, sendo boa, Ti aínda es mellor, o Xusto, o Perfecto, o Misericordioso, ten misericordia deste pecador, e lávame, non só os pés, como lles fixeches aos teus discípulos, senón a alma; iso, a alma!

 

Mat. 13, 53-58.- E resulta que cando Xesús acabou de expoñer estas parábolas marchouse, indo para a súa terra. Alí con tal xeito lles ensinaba na sinagoga que dicían abraiados: -¿De onde lle veñen a este esa sabedoría e eses milagres? ¿Non é o fillo do carpinteiro? ¿Non se chama María súa nai; e seus irmáns (seus parentes, seus discípulos, irmáns en Cristo!), Santiago, Xosé, Simón e Xudas? E súas irmás (as parentes), ¿non viven connosco? Entón, ¿de onde lle vén todo isto? Estaban realmente escandalizados por causa del, pero Xesús díxolles: A un profeta só o aceptan mal na súa terra e na súa casa. Alí non fixo moitos milagres pola falta de fe daquela xente.- Daquela, se eu fose profeta…, igual me pasaba algo parecido coa miña, coa miña xente! Pero non hai caso, pois de bobo teño moitos pelos pero o que é de profeta, ningún! Se nalgunha ocasión, alguén, me tratou mal nesas esferas seguro que foi por bobo, por ovella, e xa se sabe que as ovellas chéiranlle ao lobo, xa de lonxe! De tódolos xeitos, sempre preferín ser ovella e non lobo. En todo caso, o que é predicar tamén lles predicou; pero se lles fixo milagres, que algún lles faría, o máis seguro, o máis probable, é que non llos entenderon, non foron capaces de verllos. ¡Señor, dáme algunha capacidade para predicar, aínda que só sexa co exemplo, aínda que non me fagan caso, aínda que me tiren pedras, aínda que me boten do lugar, pero, que por min no quede!

-.-

 

 

Paso a Marcos, que aínda me queda moito Camiño sen andar, e acaso pouco tempo para facelo:

 



 

Mar. 1, 14-15.- Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anuncia-la Boa Nova de Deus, dicindo: -O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova.- Eu, esta cousiña de home, que fun pregoeiro nalgún evento, entendo ben o alcance de anunciar un acontecemento, pero unha cousa é entendelo, e outra integrarse nel, explicalo e aplicalo. ¡Hai que comezar por crer, e para crer nada mellor que fiarse de quen conviviu co propio Xesús, con aquelas testemuñas tan minuciosas e tan leais á verdade que deron a súa vida sen vacilación nin contradición! Con testemuñas así non hai, non pode haber, erros xudiciais; ¡que fácil é ser cura, que doado predicar cando se está seguro dos asertos, con probas irrefutables, e aínda así erramos, tantas veces, tan a miúdo, nas explicacións, pero tamén nas aplicacións!

 

Mar. 2, 27.- E concluíu: O sábado fíxose para o servizo do home, e non o home para o servizo do sábado. Así que o Fillo do Home é Señor incluso do sábado.- O comentario é, pode ser: Como o sábado era día de absoluto descanso, “facer ben ou facer mal” equivalía a dicir: ¿Non se pode facer absolutamente nada? Nisto, con tódolos respectos para o sábado, como agora se di, hai cousas e causas: Estoume lembrando daquel domingo de verán, na miña parroquia, que ameazaba o trono, e por iso en Maceda puxéronse a mallar, a toda présa, para que non lles pillase a tormenta coa meda aberta. O párroco, que oíu os motores, aparellou a egua e botouse para Castroverde…, ¡avisa-los Gardas, porque estaban mallando en domingo! Os Gardas, obedientes, foron e pararon a malla. Días despois o mesmo crego mandou ao sancristán, con besta e albarda, casa por casa, para recoller o cereal dos seus esconxuros. Na de marras dixéronlle: -Pase este recado ao señor Cura: ¡Anticipouse o trono, e levou a parte súa, así que xa está servido! ¡Nunca aquel crego volveu a interferir nos casos de necesidade! Eu tamén aprendín, daquela, e iso que era ben cativo, que non hai, que non pode haber, festivos para as cousas boas! ¿Aprendino, si, de verdade? ¡Máis ou menos, pois algunha cousa mala teño feito en domingos, que son os días máis propicios para cultiva-los vicios…, por iso de que non se traballa!

 

Mar. 3, 13.- E subindo ao monte, chamou aos que El quixo, e xuntáronse con El. Logo designou doce para que o acompañasen e para envialos a predicar. -¿Por que doce, e non trece, poño por caso? En Israel viña a tradición daquelas doce tribos… Nisto eu non son supersticioso, nunca o fun, xa que me casei en martes e trece, por poderes, que xa é o colmo! Peor que ser o discípulo trece foi ser o doce, tal que aquel Xudas Iscariote… ¿As mulleres? ¡As mulleres daquela non contaban nas contas dos homes, pero si que foron alumnas, que por algo se enfadou Marta con súa irmá María, por atender ás explicacións do Mestre! Señor, a min o número ordinal dáme igual…, con tal de que me teñas presente na túa lista, así sexa un múltiplo de trece!

 

Mar. 6, 25-29.- E volvendo axiña onda o rei, díxolle: -Quero que me deas de contado, nunha bandexa, a cabeza de Xoán Bautista. O rei púxose triste, pero, polos xuramentos e tamén polos convidados, non quería defraudala. De seguida mandou a un verdugo trae-la cabeza de Xoán; de cortada, tróuxoa nunha bandexa para darlla á rapaza, que non tardou en levarlla á súa nai. Cando os seus discípulos o souberon, recolleron o cadáver e fórono enterrar.- Segundo Flavio Xosefo, que engade unha apreciación de tipo secular, aquilo do Bautista non tivo por móbil só o adulterio, senón que o tal Herodes temía unha sublevación inducida por Xoán. ¡É o que lles pasa aos criminais, que vén perigos por todas partes, incluso nos santos! Meu avó, daquela das persecucións de Montecubeiro, recomendaba: ¡Oír, ver, e…, calar! Nas cousas da política pode facerse, pero na política de Deus isto é inadmisible, pois hai que denunciar o pecado, ao prezo que sexa! ¡Quen cala, outorga!

 



 

Mar. 8, 29-32.- El preguntoulles: -¿E vós, quen dicides que son? Respondeu Simón Pedro (¡O Francisco daqueles tempos!) –Ti é-lo Mesías. Prohibiulles diciren nada a ninguén. (Aquí o tradutor equivocouse, pois o Mestre o que ordenou foi “non dicir algo”, sexa, calar; se teño prohibido “dicir nada” é que me mandan dicir algo!). Entón, con toda claridade, empezou a adoutrinalos acerca de que era preciso que o Fillo do Home padecese moito, e que o rexeitasen os senadores, os sumos sacerdotes e mailos letrados; que o ían matar, e que aos tres días había resucitar. Explicoulles isto con toda claridade.- Eles, os primeiros, necesitaban que Xesús lles explicase as cousas con todo detalle, pero, nós, con vinte séculos de evanxelización, de explicación, e aínda seguimos incrédulos? ¡Isto, para min, só ten unha interpretación: Que Lucifer anda por detrás da cruz, coa súa voz en off, invitándonos a imitalo, a imitar ao gran pecador! ¡Burros, estúpidos, desagradecidos!

 

Pecador, axeónllate para ler o que sigue, que se trata dunha lección estremecedora, perfectamente detallada por Marcos, no seu 8, 34-38.- E chamando á xente onda os seus discípulos, díxolles a todos: (¡Óelo cristián, a todos!). –Se alguén quere vir comigo, que renuncie a si mesmo, cargue coa súa cruz, e que me siga. Pois o que queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen perda a súa vida pola miña causa e pola do Evanxeo, ese poñeraa a salvo. Pois, ¿de que lle serve ao home gaña-lo mundo enteiro, se perde a súa vida? E, ¿que pode dar un home para recobra-la súa vida? Porque quen se avergoñe de min e das miñas palabras, nesta xeración idólatra e pecadora, tamén o Fillo do Home se avergonzará del cando veña na gloria de seu Pai entre os santos anxos. -¡Ás túas ordes, Xefe, que deixaches ben claro que o perigo, o risco de morte, de morte absoluta, onde está é precisamente na retagarda, na deserción! Teño escoitado arengas militares, algunha delas ben fervorosa, pero esta, a do Xefe da Milicia Celestial é que queima, fainos arder de valentía! ¿Que a cruz é pesada? ¡Pero se Deus nos puxo de Cireneo nada menos que ao seu propio Fillo! Aquí estoume lembrando daquel soldado ao que lle recriminou Napoleón a súa covardía: -Estou tremendo, meu Xeneral, iso é verdade, pero estou no meu posto, que outros…, outros desertaron das túas filas! Tépedo, si, pero aquí estou, Señor, nas túas filas, pronto a respectar os teus mandamentos…, pero no meu caso por contrición, non polos arrestos, non por atrición! ¡Dáme valentía para seguir adiante, para recuperar as posicións perdidas, aquelas que herdei, aquelas que acadei no bautismo, co bautismo!

 

Mar. 9, 2-10.- Seis días despois colleu Xesús a Pedro, Santiago e Xoán, e subiu con eles sos ao couto dun monte. (¡Teño claro, cadora máis, que as cousas boas están, vense, desde o alto dos montes! ¡Señor, eu, que nacín no Montecubeiro, xunto do convento daqueles dominicos tan sabios e tan santos, apártame as néboas do entendemento para que poda verte con claridade!). Alí transfigurouse na súa presenza. Os seus vestidos viráronse resplandecentes, brancos coma ningún bataneiro do mundo os podía branquexar. Nisto apareceron Elías e mais Moisés, e estaban a falar con Xesús. Entón, Pedro, tomando a palabra, díxolle a Xesús: -¡Mestre, que ben estamos aquí! Imos facer tres tendas: unha para ti, outra para Elías e a outra para Moisés. Tan asustado estaba… (Claro, pola impresión de pasar instantaneamente da Terra ao Ceo; ¿será por iso que nos asusta tanto a morte?)… que non sabía o que dicía. E unha nube cubriunos coa súa sombra, mentres saía dela unha voz: -Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo. De súpeto, mirando arredor, xa non viron a ninguén, fóra de Xesús. Cando baixaban do monte, Xesús encargoulles que non contasen nada ata que o Fillo do Home resucitase de entre os mortos. Eles colleron ben o aviso, pero empezáronse a preguntar uns a outros que quería dicir aquilo de “cando resucite de entre os mortos”.- Na miña terra, cando lle daban a un unha boa nova, ou unha concesión importante, sempre se dixo, Daquela vin o Ceo aberto! Agora, avanzando no XXI, xa non se di…, porque nos cremos con dereito a todo, tanto se o merecemos coma se non! Quedaron pasmados, e non era para menos, porque aqueles tres si que viron o Ceo, o auténtico, aberto por quen tiña o poder de abrilo, e non ese fantasmal sétimo das hurís prometidas aos crédulos de Muhammad! ¿Por que se nos fai tan difícil crer no auténtico, no demostrado, mentres aceptamos a ollos pechos certas fantasías de seres fantásticos, que nos enchen a cabeza de antollos irreais? ¡Temos que ir máis á escola do Mestre Xesús, e deixar o aquelarre para as meigas, para elas e para o seu cabrón, ese que ten tantos nomes: Satán, Xuncras, Lucifer…!

 

Mar. 9, 30-32.- Marcharon de alí, atravesando a Galilea sen enredar nela, porque non quería que o soubese ninguén; porque ía informando aos discípulos dicíndolles: -Ao Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán, pero, despois de morto, pasados tres días, ha resucitar. Eles non entendían o que lles dicía, pero non se atrevían a facerlle preguntas.- ¡Non me estraña que non se atrevesen, pois daquela aínda non tiveran o seu Pentecoste; estaban verdes!

 



 

Pentecostés. El Greco.

 

Señor, eu tamén estou verde, e ademais, son de Castroverde; pero atrevido tamén, que me atrevo a atuar a Deus; nesta confianza, Señor, contéstame, inspírame a mellor forma de comunicar ao meu próximo o pouco que de Ti sei, para cumprir aquel mandato de, Ide, e predicade o Evanxeo a toda criatura! Ben sabía El o ignorantes, e tamén o covardes, que eran, así que ben lles insistiu en anticiparlles a nova do seu drama, do seu drama Salvador! Tamén se me dixo, tamén me explicaron, cen veces, con documentos históricos irrefutables, aquel drama do Calvario, pero, Señor, eu tamén che son de mente cerrada; aínda así, quero ser apóstolo, dos de terceira…, se é que non os hai de cuarta!

 

¿Quen é o máis importante? ¡Que ben o sabe este Papa, Francisco; que ben anosou a Mateo, a Lucas, a Marcos, a Xoán…! Deus lle conserve a vida, pois necesitamos das súas leccións, da súa exemplaridade. En Marcos, 9, 35, leu o seguinte: O que queira ser o primeiro, que sexa o derradeiro e o servidor de todos…, tal que un neno! Papa Francisco, mereces un sobresaínte, cum laude! ¡Amén! ¿Saberei, aprenderei a imitarme? ¡Vouno intentar!

 

Non me cansarei de repetir esta lección, para tela ben apresa, pois mal se pode ensinar o mal apreso: Mar. 10, 13-16.- Leváronlle uns nenos para que os tocase, pero os discípulos rifábanlles. Mais a Xesús non lle gustou aquilo e dixo: -Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo impidades, porque deles é o Reino do Ceo. Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus, non entrará nel. Abrazounos, bendiciunos e impúxolle-las mans. - ¡Tamén a min, Señor, tamén a min me bendiciches, e me impuxeches as mans, que o fixo un sacerdote en nome teu, daquela do meu bautizo, pero…, deixei de ser neno, deixei de ser inocente! ¡Tórname, Señor, á inocencia, que che prometo facer penitencia, ofrecerche os meus padecementos para así purificarme, para volver á limpeza bautismal…; contando coa Túa axuda, por suposto! Meus padriños, San Xosé e a Virxe María, a vosoutros tamén vos suplico: ¡Volvédeme á pía bautismal, e comigo a toda a miña descendencia, tanto que lles quero, pois hoxe son bos, pero, e se os tenta o diabro, e non se atreven a pecharlle a porta das súas vidas?

 

Señor, repara en que os “tendeiros”, sen deixar de estar no “templo”, ¡algúns!, agora tamén os temos no Pazo das Cortes; si, nese da Carrera de San Jerónimo. Ti multiplicaches os pans e mailos peces, e nós, co noso voto, multiplicamos os políticos, que veñen a ser os tendeiros actuais! ¿Que mercadoría nos venden, estes, os de agora? ¡Circo, Señor; peor cós romanos, pois aqueles tiranos dábanlle á plebe Panem et circenses, mentres que os de agora comen eles o pan, ¡pan e pasteis!, e a nós, aos cidadáns de a pé, canto nos dan é…, fútbol! Estou tentado a poñerme nesa porta dos leóns con un cartel que diga: Mar. 11, 15-18.- Chegaron a Xerusalén, e, entrando no templo, empezou a botar de alí os tendeiros e compradores (¡hoxe serían compradores de mercedes, en Mercedes!, derrubando as mesas dos cambistas e os postos dos vendedores de pombas. (Non pensedes mal, que non eran as pombas de Picasso!).

 



 

E non permitía que ninguén pasase polo templo carrexando cousas. (¡Daquela eran cousas, só cousas, que aínda non se puxeran de  moda os sobres!). E púxose a ensinar, dicindo: -¿Non está escrito: “a miña casa será a casa de oración para tódolos pobos”? Pois vós convertéstela en cova de bandidos. (Aqueles eran simplemente “bandidos”, que aínda non aprenderan a defraudar!). Ao que o souberon, os sumos sacerdotes e mailos letrados buscaban o xeito de acabar con el, pois tíñanlle moito medo, porque todo o mundo estaba admirado de canto ensinaba.  -¡Non era para menos! Señor, dános mestres que nos ensinen a depurar o teu templo, e de paso a depurarnos a nós mesmos xa que somos, ou debéramos ser, por obra e graza túa, templos do Espírito Santo!

 

Mar. 11, 27-33.- Chegaron de novo a Xerusalén, e mentres andaba polo templo foron onda el os sumos sacerdotes, letrados e senadores, e preguntáronlle: -¿Con que autoridade fas esas cousas? ¿Quen che deu tal autoridade?Despois contestáronlle a Xesús: -Iso que preguntas (con referencia ao bautismo de Xoán), non o sabemos. Xesús, entón, replicou: -Pois eu tampouco vos vou dicir con que autoridade fago estas cousas.- ¡Ben feito, Mestre, ben feito, pois, A palabras necias, oídos xordos, que dicía meu avó! Tanto nos ensinaches, que incluso nos ensinaches a ser cautos cos teus inimigos, pois, séndoo teus, dalgún xeito tamén o son nosos, con nós mesmos!

 

Señor, no Ceo das Estrelas eu quero seguir coa miña pois non admito que nos separe a morte; ¿poderías facer unha excepción comigo, se non é moito pedir? Mar. 12, 24-27.- Xesús contestoulles: -¿Non será que andades descamiñados precisamente porque non comprendedes nin a Escritura nin o poder de Deus? Pois cando resuciten nin casarán eles nin elas, porque serán coma anxos do Ceo. E volvendo á resurrección dos mortos, ¿non tedes lido no libro de Moisés, no episodio da silveira, como lle falou Deus dicindo: “Eu son o Deus de Abraham, o Deus de Isaac e o Deus de Xacob? Ben, pois El non é Deus de mortos, senón dos vivos. Así que ides moi descamiñados. –Señor, insisto, pois eu, aínda que foi por correo, aqueles poderes tiñan a miña firma, e nunca faltei, nin á miña palabra, nin á miña firma, que veñen a ser a mesma cousa. Ti mesmo dixeches, en certa ocasión, ¡que aí están os Evanxeos, outros poderes, da túa firma, xa que se escribiron de parte túa!, “O que Deus xuntou, que non o separe o home!”. ¿O home, non, e Ti, si? Unha cousa é non casar de novo, Aí Arriba, e outra descasar, separar, aos que ti xuntaches. ¡Se ten que ser así, no meu caso, que de favor cho pido, fai unha excepción; decátate que se vou ao Ceo, ante todo será por Ti, pero…, axudado pola miña moza, que moito leva estimulado na miña relixiosidade! Ben viches canto me ten roñado naquelas ocasións en que, de cansado, me daba pereza acompañala á Misa; vas separar de min a quen tanto fixo por achegarme a Ti? ¡Non o creo, así que me inclino a pensar que este pasaxe evanxélico quedou algo escuro..., para as mentes actuais, se entende!

 



 

Xesús denunciou aos letrados…; ¿e aos politicastros, que, pois moitos e deles letrados son, por máis que, ás veces, se comporten como iletrados? Mar. 12, 38-40.- El seguía ensinando: -¡Coidado cos letrados! Gustan moito de pasearse con vestidos fachendosos, e que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros postos nas sinagogas e mais nos banquetes. E acábanlles cos bens ás viúvas, facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles compre.- ¡Que razón tes, pois os letrados non sachan na horta; nin sachan, nin a entenden! ¡Grazas, Señor, por parirme na aldea, e perdón por desertar do arado: quería ser letrado, pero iso foi daquela, cando nos lían o Evanxeo en latín; e a maiores, explicábano en castelán!

 

Mar. 14, 10-11.- Xudas Iscariote, un dos Doce, foi onda os sumos sacerdote para lles entregar a Xesús. Eles alegráronse, moito, do que lles propoñía, e prometéronlle cartos. Andaba buscando o momento axeitado para entregalo.- Párate a meditar, rapaz, pois aquel suceso, aquela traizón, segue vixente, e sen saírse dun mesmo: Cada vez que peco, cada vez que desobedezo un mandamento, estou vendendo a Cristo, prexudicando e retardando a súa obra; para máis agravante, non hai pecados gratuítos, pois, a diferenza de Xudas, nosoutros pagamos, ¡non cobramos, pagamos!, para satisfacer os nosos vicios, as nosas desviacións, as nosas malicias. ¡No pecado sempre foi, e sempre irá, a penitencia! ¿Como é iso? ¡Témolo claro con só dedicarlle un segundo á meditación: Se peco, á parte e ademais doutras consecuencias, estou dando mal exemplo; e se dou mal exemplo, en lugar de facer apostolado estou esparexendo, desviando, inducindo a outros a pecar, a imitarme. ¡Non hai cousas sen causa, nin causa sen consecuencias! ¿Que, estou, ou non estou, vendendo a Cristo, por enésima vez? ¡Frea, rapaz, pois está clarísimo que o pecado é unha aceleración cara ao abismo, e comigo tiro daqueles que me acompañen, daqueles que me imiten!

 

Mar 14, 26-28.- Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das Oliveiras. Díxolles Xesús: -Todos ides tropezar na vosa fe, como está escrito: Ferirei ao Pastor e espallaranse as ovellas. Pero cando resucite, irei diante de vós a Galilea.- ¡Poñámonos de loito, que estamos na Paixón! ¡Que ben os coñecía, que ben entendía as súas / as nosas, fraquezas! ¡Claro, aínda non tiveran o seu Pentecoste! Por algo os Papas son, ou deben ser, humildes, xa que viron, aprenderon, en Pedro, que, de momento, son humanos, tan febles e tan de carne coma o seu próximo, pero é igualmente certo que Xesús lles prometeu, e non só a Pedro, ir diante deles a Galilea, o que é igual a dicirlles / a dicirnos, que, con tal de que haxa arrepentimento, levaranos á gloria, ao reencontro! Daquela non esperemos ao amencer para arrepentírmonos; eu, polo que a min respecta, fago promesa de non esquecer, e incluso transmitila, reiterala, aquela oración que me ensinou miña madriña, sentada xunto a min naquel colchón de follas de millo, que tanto renxía: -Con Deus me deito, e con Deus quero levantarme; que a Virxe María me cubra co seu manto. E ti, Señor, dáme penitencia en vida, e na morte, salvación, que se morro esta noite, me sirva de confesión! ¡Grazas, madriña, que por algo te chamabas Xosefa, que coidabas deste neno a imitación de San Xosé, que o levou a Exipto fuxindo de Herodes; ti fixeches os posibles para vacinarme contra os Herodes, contra os Herodes e mailos Xudas, do século XX! ¡Grazas, grazas, grazas!

 

Mar. 15, 46-47.- El (Xosé de Arimatea), mercando unha saba, baixouno, envolveuno nela, e acomodouno nun sepulcro escavado na rocha; logo fixo roular unha lousa sobre a entrada. María Magdalena e mais María de Xosé enxergaban para ver onde o poñía.- ¿E os outros, mentres, que? ¡Fuxidos, encovados, coma coellos! ¡A min non me veñan dicindo que as mulleres no poden acceder ao presbiterio; pero se elas, xunto co de Arimatea por suposto, foron as que estiveron máis preto de Xesús: Verónica, xa na Vía Sacra; despois, xunto da cruz, e por último, no propio sepulcro, que é igual a dicir, preto do sagrario! ¡Deixémonos de machismo, e recoñezamos as verdades evanxélicas, ou é que non sabemos ler?

De raza le viene al galgo, é un refrán de Castela, ben elocuente por certo. Mar. 16, 15.- E díxolles: Ide polo mundo enteiro, anunciando a Boa Nova a toda a creación.- E claro, Tung-King (actual Vietnam), tamén é deste mundo. O que non se me pasou pola chencha, daquela, daquela que me casaron…, (non me casei, casáronme, pois este bancario, servidor, aquel día estaba contando billetes a dous mil quilómetros, en liña recta), foi que eu, eu mesmo, ía ser o Tu-Duc daquela mociña, daquela Estrela, daquela neta de Xosé Rielo Sanjurjo, aqueles Sanxurxo de Mondriz…

 

Nada máis apearse daquel DC-3 de Iberia, inmediatamente despois do bico, a primeira das súas ordes: -De aquí directamente á Misión Católica, para que eses franciscanos nos poñan o xugo, o manteo! –Muller, pero, non sería cousa de levar as túas maletas ao hotel, de primeiras? –Nin hotel, nin porras: que nolas garde o taxista mentres estamos na igrexa! A Igrexa era a de Santa Cruz de Ifni… O Párroco, P. Santiago Uberuaga, do Bierzo, séxase, outro, cuasi, galego!

 

¡Víñalle de raza, de raza de predicadores, así que, se me salvo, igual llo debo á miña dona! ¿Mártir, ela? ¡Que va, pois sempre a adorei! O que, se acaso, me falta por facer, é agradecerlle toda unha vida de prédicas! Desde aquel día na igrexa de Santa Cruz de Ifni, ás nosas vodas de platino… ¡Cumpridas seis décadas, ata o incrédulo Tu-Duc houbese claudicado, así que, se a estas alturas non estou evanxelizado é que son máis duro de molleira que aquel vietnamita!

 

Grazas, Estrelliña, pois por algo che puxeron así, xa de primeiras, e co meu tocaio, con San Xosé de segunda…, por se che fallaba o brillo! ¡Estes “Sanxurxo”, que se non predican, co exemplo ademais da verba, non son felices! En Mondriz, na casa troncal, teñen, conservan, un escudo de armas, pero non lles facía falta, pois o deles é a cruz, levada polo mundo adiante, chámese Ifni ou Tung-King! 

-.-

 

Luc. 1, 46-56.- O Magníficat. Entón María exclamou (¡que non era para menos!): A miña alma proclama a grandeza do Señor, e alégrase o meu espírito en Deus, o meu Salvador, porque reparou na súa humilde escrava. Velaí: desde agora tódalas xeracións me van felicitar. ¡Marabillas o poderoso fixo en min! O seu nome é Santo; a súa misericordia chega xeración tras xeración a tódolos que o temen. Manifesta o poder do seu brazo, desbaratando os plans dos soberbios. Derruba do seu trono aos poderosos, e fai subir aos humildes; aos famentos éncheos de bens e aos ricos despídeos baleiros. Ampara a Israel, o seu Servidor, lembrándose da súa misericordia, conforme prometera aos nosos pais, a favor de Abraham e da súa descendencia para sempre. –María permaneceu con ela (con súa prima Isabel) tres meses, e logo volveuse para a súa casa.- ¿Magnífico, non si? ¡Dá para meditar…; eu que sei, toda unha vida, pois aquí están retratadas as perfeccións da Virxe María, con sinxeleza e por si mesma, como ningún eséxeta sería capaz de facelo!

 

A súa alma plenamente entregada, dedicada, ao seu Creador, ao noso Creador. ¡Levaba no seo, por obra e graza do propio Espírito Santo, nada máis e nada menos que á Segunda persoa da Santísima Trindade, e nós, os cristiáns, pasamos séculos sen entronizarlle, sen definir, unhas cantas das súas, infinitas, virtudes!

 

¿Que se alegrou o seu espírito…? ¡Ela, si, e Deus, tamén, que por fin atopaba unha muller, unha virxe, merecedora de confiarlle a crianza do Mesías! Estou seguro de que Eva, estivese onde estivese a súa ánima, naquel intre tamén saltou de gozo ao saber que ía ser redimida, e con ela, toda a súa descendencia. Calquera nai faría outro tanto ao coñecer que unha descendente súa ía liberar a toda a familia da escravitude daquel pecado orixinal, familiar, fose cal fose!

 

¿Proclámase escrava a muller máis importante de tódalas nacidas neste mundo? ¡Isto, máis que humildade é, sublimación, sublime vocación de servizo a Deus, o nunca visto!

 

¿Que te imos felicitar? ¡Pois aínda os hai que vacilan no teu recoñecemento! ¡Perdóalles, e perdóanos, miña Raíña do Ceo, porque somos terráqueos, miopes, así que, volve a nós os teus ollos misericordiosos, que boa falta nos fai!

 

¿Marabillas? ¡E tanto, tan esperadas, tan necesarias, pero o Creador non podía facelas de calquera dos xeitos, non procedía facer Inmaculadas ata que os tempos axeitados, propicios, fosen chegados! Eu tamén estou marabillado, por todo iso, pero máis o estaría se me aumentases a fe. Naíciña do Ceo, intercede por min, para que me aproxime, para que a imite, á túa prima Isabel, que ela si que foi capaz, inspirada por suposto, de calibrar a túa plenitude, a túa perfección.

 

¡Claro que o seu nome é Santo! ¡E nós, uns testáns, que máis que de barro parecemos de pedra, asustados da responsabilidade de ser santos, co doado de levar que é ese cargo!

 

Aquí vou parar con este tema, pois, co precedente, ¡miúdos apuntes para rexenerar esta carreira da vida!

 

Luc. 2, 44-47.- Coidando que iría na comitiva, fixeron unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos. Pero como non deron con el, volveron a Xerusalén para buscalo, e resulta que, ao cabo de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. Tódolos que o escoitaban estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. –Señor, cada vez que peco, pérdote, e o caso é que non adoito ir ao templo para o noso reencontro; ¿onde ías estar, se non? Xa sei que estás en todas partes, pero iso é agora, despois da túa Resurrección, mais o teu salón, o Salón do Trono, onde recibes se te recibimos, é o Sagrario. Por se fixeras poucos milagres, daquela, na Terra Santa, fixeches o máis importante de todos: quedarte, vir, ás especies consagradas! ¿Dialogando con eles? ¡Aquí paréceme que Lucas se quedou curto: De diálogo, pouco, pois o Neno foi, era, o Mestre, e os doutores da Lei Antiga, uns alumnos, uns burricáns, que non fai falta botarlle imaxinación para imaxinarnos as súas caras de asombro. ¡Alí lle empezaron as malquerenzas, como adoita suceder cando o alumno supera ao profesor, que neste caso era como descender de infinito a cero! ¿Asombrados? ¡Pampos, diríamos, co vocabulario actual!

 

Luc. 4, 38-39.- Curación da sogra de Pedro e doutros enfermos.- Mira ti que este episodio tamén o temos en Mat. 8, 14-17; e en Mar. 1, 29-34, pero, nin con esas! Na Biblia de Roma debe estar con letras miúdas, e como os cardeais van velliños, non acaban de documentarse: ¡seguen ignorando que San Pedro, o primeiro dos Papas, elixido polo propio Xesús, tiña sogra!

 

Sigo con Lucas: Luc. 6, 27-38.- Con referirnos este capítulo, xa era un catecismo; ¡de ben apreso, de ben cumprido, un seguro, un seguro de vida eterna, e sen pólizas, sen pagar primas! Pero, cumprilo? ¡Cumprilo é de santos! –Pero a vós, que me escoitades, dígovos: Amade aos vosos inimigos, facédelles ben aos que vos odian, bendicide aos que vos maldín, e rogade polos que vos calumnian; ao que che zoupe nunha meixela, preséntalle a outra; e ao que che leve o manto, non lle prives de levar tamén a túnica. Ao que che pida, dálle; e ao que che leve o teu, non lle reclames nada. Así que tratade á xente tal e como queredes que vos traten a vós. Se amades aos que vos aman, ¿que facedes de máis? Os pecadores tamén aman aos que os aman a eles. E se lles facedes ben aos que vos fan ben, ¿que mérito tedes? Os pecadores fan outro tanto. E, se non emprestades máis que cando esperades cobrar, ¡poucas grazas! (Lucas, isto ía por nós, polos bancarios, non si? ¡Que bo católico debía ser aquel Inspector do Exterior, que, á vista do expediente dun crédito, díxome: En casos dubidosos, non te ateñas soamente aos balances…; asegúrate de que sigue vivindo coa súa  muller, que neste caso concreto, teño referencias de que non é así; vaite preparando para pasalo a morosos, e de morosos a incobrables!). Os pecadores tamén se emprestan entre eles para cobraren despois outro tanto. (Lucas, non sei se che quedaría algo no tinteiro, neste punto, pois os pecadores prestan, ¡sempre o fan!, con usura, así que, iso de, “outro tanto”, é excesivamente benévolo!). Vosoutros, non; -segue Lucas-; vós amade aos vosos inimigos, facede o ben e emprestade sen esperardes nada a cambio, que así teredes unha gran recompensa e seredes fillos do altísimo, pois el é bo cos malos e desagradecidos. Sede compasivos como o voso Pai é compasivo. Non xulguedes, e non vos xulgarán; perdoade, e hanvos perdoar. Dade, e darásevos a vós: unha boa medida –acugulada, rebordada, apertada- seravos botada no voso regazo; pois coa medida que midades hanvos medir a vós.- Querido Lucas, querido Doutor, a menciña é perfecta, transcrita literalmente daquilo que vos ensinou o Sumo Reitor da túa/da nosa universidade, pero, tragala? ¡Hai que intentalo, só perigo de gangrena, non si? ¿Sabes que estou matinando a tal momento? ¡Que ardua faena teñen os anxos da garda niso de gardarnos das ocasións pecaminosas; meus pobres, e menos mal que teñen plenos poderes para actuar nestes preitos; mais, aínda así, defender a tramposos nunca foi tarefa fácil, aquí na terra, e no Ceo coido que tampouco! Polo que a min atinxe, que sempre fun bo pagador Aquí Abaixo, non permitas, Señor, que me porte mal co meu anxo, non permitas que o decepcione! Déchesme o libre albedrío, ¡xa o sei!, pero, a maiores, pídoche freos para controlar os meus lanzamentos irreflexivos.

 

Luc. 8, 1-3.- Despois disto púxose a percorrer vilas e aldeas, predicando e anunciando a Boa Nova do Reino de Deus. Ían con el os Doce e mais algunhas mulleres que el curara de doenzas e de malos espíritos: María, chamada Magdalena, curada de sete demos; Xoana, a muller de Cusa, administrador de Herodes; e outras moitas que o servían cos seus bens.- Grazas, Lucas, por acordarte das mulleres, pois os Papas, xeralmente, só as tiveron presentes para que servisen, ¡cos seus bens!, á Igrexa: doazóns, limpeza dos templos, asistir aos pobres… ¡Pois non, non señor, que elas, aínda que non estivesen, digamos, matriculadas como apóstolos, si asistían ás clases como oíntes, e como tales tamén hai que aprobalas; digo eu! Agora xa sei por que dicían no meu lugar: ¡Teño unha febre de sete diaños! Os homes sempre lle chamamos “pecadora” á Magdalena, pero facémolo ignorando, ou querendo ignorar, que, se había, e se hai, pecadoras é simplemente porque hai pecadores, diabros, sexan sete, ou setenta, ou…, setecentos millóns, pois, se fósemos virtuosos, elas tamén o serían; ¡en definitiva, abusos, machismo!

 

Luc. 11, 1-4.- Unha vez, despois de estar orando en certo lugar, un dos discípulos pediulle: -Mestre, apréndenos a rezar, como lles aprendeu Xoán aos seus discípulos. Respondeulles: -Cando recedes, dicide: Pai, ¡sexa santificado o teu nome! Pai, ¡veña o teu Reino! Dános cada día o noso pan. E perdoa os nosos pecados, como tamén perdoamos nós a todo o que nos debe; e non nos sometas á tentación. -¡Vaia lección: Maxistral, como que foi o propio Mestre quen a ditou! O que sinto é que Lucas non dese o nome do preguntón, que ben merecía renderlle honores pola súa humildade, pola súa ocorrencia, e pola súa oportunidade. Fose quen fose, toda a cristiandade lle debemos un agradecemento, aínda que tamén é verdade que, máis tarde ou máis cedo, o Mestre daría a súa lección maxistral, que non ía pechar a súa escola sen poñela no encerado, séxase, nos Evanxeos! O Noso Pai vén a ser a xura da bandeira de todo cristián, ¡a xura permanente! Pero hai un puntiño…, unha orde que non é doada de cumprir; unha conditio sine qua non, que se nos atravesa aos débiles, aos tépedos: “… como tamén perdoamos nós…” ¿E logo, que queríamos: perdóanos todo un Deus, o único Deus, válido, real, e nós, uns miserables pecadores, non íamos facer outro tanto co noso próximo? ¡Sería fraude de lei, e por tanto, inadmisible!

 

¡Isto de perdoar…! Luc. 17, 1-4.- Díxolles aos seus discípulos: -É irremediable que haxa escándalos; pero, ¡ai de quen os provoque! Máis lle valía que lle colgasen unha pedra de muíño no pescozo e que o largasen ao mar antes que escandalizar a un destes pequeniños. Andade con coidado. Se teu irmán che fai mal, repréndeo; se se arrepinte, perdóao. E se te ofende sete veces no día e sete veces volve a ti dicindo: “Síntoo moito”, perdóao. - ¡Señor, xa sabemos que é unha orde, unha correspondencia contigo, pero…, fáisenos tan difícil! Ao irmán cústalle confesar unha falta, para canto máis sete; e a nós, iso de perdoar sete veces...! ¡Cústanos, pero, hai que facelo; como dicían os xuristas latinos, sine qua non!

-.-



 

Como dixo o Mestre, Coñecerédelos polos seus froitos; así eu coñezo aos de Melide polos seus melindres, e tamén por esta interpretación do intrépido San Lucas, que a teñen na ábsida da súa igrexa de Santa María. Atendámoslle a Lucas, que foi un astro, un as, ademais de médico:

 

Luc. 18, 13-14. –O recadador, en troques, manténdose a distancia, non se atrevía nin a levanta-los ollos ao ceo, senón que, petando no peito, dicía: “Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador”. Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa; en cambio, o outro, non. Porque todo o que se teña por moito rebaixarano, e a todo o que se rebaixe enaltecerano. -¡Este é o “Cave ne cadas” do cristianismo! Atidos a esta seguranza, que gran Papa temos, que exemplo de humildade, que ben merece representar a Cristo na terra! ¿E nós, eu en concreto, que? ¡Pois que viña presumindo de zoqueiro, mais, atido a Lucas, iso igual é soberbia…, posto que non fun o único!

 

Luc. 19, 35-40.- Naceu nun presebe, cabalgou nun burriño…; ¿que máis exemplaridade queremos para desapegarnos das grandezas fofas, fuleiras? –Levárono onda Xesús, botaron os mantos sobre do burriño e axudárono a montar. E ao pasar el, a xente estendía os mantos polo camiño. Cando se aproximaban á baixada do Monte das Oliveiras, a multitude de discípulos, cheos de alegría, comezaron a loar a Deus con grandes gritos, por tódalas marabillas que tiñan visto. Dicían: ¡Benia o que vén, coma rei, no nome do Señor. Paz no Ceo, e gloria no máis alto!”. Algúns dos fariseos que estaban entre a xente, dixéronlle: -Mestre, reprende a eses teus discípulos. Pero el respondeulles: Asegúrovos que se estes calan, falarán as pedras. –Mestre, que a miña voz, desde aquí abaixo, desde este despachiño, desde o meu ordenador, tamén proclame a túa gloria, a túa entrada triunfal en Xerusalén, e non só en  Xerusalén, senón en todo o orbe, séxase, urbi et orbe! Ben sabes que, a imitación daqueles xudeus, tamén plantei unha oliveira, e ben que a coido, Señor, en honor teu; ¡que menos podía facer para imitar aos teus primeiros proclamadores!

 

 Amigo Lucas, aquilo dos letrados, isto do teu 20, 45-47,  xa o lin en Mat. 23, 1-36; e tamén en Mar. 12, 38-40; pero non sobra lembrar a súa fatuidade, ¡tanto a daqueles coma a de hoxe en día! Por se alguén non o sabe: Daquela, naqueles tempos, cando pasaba un letrado (escriba) tíñanse que erguer e reverencialo os que non estivesen traballando. Ademais, tiñan un posto de preferencia nos actos públicos. ¡Vaia, ho, que peor é agora, pois hai que deixar o traballo, non cando pasan, senón cando son incapaces de encamiñar a produción do país; e de preferencia nos actos públicos, nada, pois a de agora é absoluta: presiden eles! Nas próximas eleccións, se Deus me deixa chegar a elas, en vez dunha papeleta o que lles vou meter na urna será un exemplar dos Santos Evanxeos…, por se non os leron!

 

Luc. 22, 14-23. –Isto debérao escribir, transcribir, de xeonllos, pero, como non se me axeita, teclearei tan só o esencial: -Este é o meu corpo, que se entrega por vós; facede isto en lembranza miña. E despois de cear, fixo o mesmo coa copa, dicindo: -Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós. -¡Por eles, por nós, por min; tamén por min! Se fósemos algo máis sensibles, ao momento de alzar a Eucaristía, un Cristo elevado nunha cruz de malfeitores, sentenciado e cravado por unha sentencia que é nosa, e por tanto, miña, a que nos correspondía a nós, a min tamén, era, tiña que ser, como para desmaiarnos de dor: ¡unha paixón terrible, terrorífica, voluntariamente aceptada, precisamente por min, e para min! ¿Non nos dan calafríos con só evocala, con só rememorala? ¡Señor, dáme a fe suficiente para que me treman as pernas só con mira-la cruz, só con mira-la eucaristía! ¿Quen é capaz de facer outro tanto por min? ¡Ninguén, que eu tampouco o faría, covarde que son, egoísta que son!

 

Luc. 24, 50-53.- Despois levounos para fóra, a un lugar preto de Betania, e alí, erguendo as mans, bendíxoos. Mentres os bendicía, foise separando deles, e elevándose ao ceo. Eles, despois de prostrarse ante El, volveron para Xerusalén cheos de alegría. E seguían, decote, no templo, bendicindo a Deus”. Punto final. –Punto final do relato de Lucas, pero, punto inicial da miña conversión, pois non será plena se non son digno de participar naquela bendición, naquel…, ¡Deica logo! ¿Foi un milagre? ¡Non, propiamente non, pois milagres son experiencias inesperadas, e aquí o Fillo de Deus fixo o que lle era natural: volver con seu Pai, integrarse na Santísima Trindade! ¿Os apóstolos, cheos de alegría? ¡Natural, pois, índose, quedou, con eles e con todo o xénero humano, repetindo a Cea, repetindo, perpetuando, a súa entrega! ¿Que máis se lle pode pedir? ¡Só unha cousa: que nos faga dignos de subir, que nos invite a subir; a nós tamén!

-.-

 

 



 

Meu San Xoán, eu, servidor, que como galego pertenzo ao partido de teu irmán Santiago, pido a túa recomendación para sacarlle froito ao teu Evanxeo. ¡Tanto que te quixo Xesús, quéireme un pouquiño, que por pouco que sexa a túa lectura hame prestar, hame beneficiar! Para máis recomendación, teño un amigo, sacerdote, que non vai para Santo, ¡xa o é!, que moito leva feito de guía espiritual meu, e tamén se chama Xoán, Xoán Carlos, gran afeccionado ao deporte, Capelán do CD Lugo, etc., que se parece moito a ti, nos dicires, no predicar, no seu vivir exemplar, así que, entre os dous, seguro que me ides levar por bo camiño!

 

Xoán 2, 1-2.- Ao terceiro día houbo un casamento en Caná de Galilea, e estaba alí a nai de Xesús. Tamén foi convidado Xesús e mailos seus discípulos ao casamento. -¿Quen dixo que as vodas son un contrato e non un sacramento? ¡Mirade se foi sacramento que, o primeiro dos milagres de Xesús, foi facerlles un regalo aos contraentes! Se non estivese disposto a santificar as vodas, loxicamente non faría o que fixo. ¿Están, ou non están benditas as vodas, as de home con muller, se entende, pois esoutro non é voda, non é nin sequera animalada, pois os propios animais nunca se aparean cos seus iguais! Eu, que nacín no campo, seino.

 

Xoán 3, 35-36.- O Pai ama ao Fillo, e púxolle tódalas cousas nas súas mans. Quen cre no Fillo, ten vida eterna; pero quen non obedece ao Fillo non verá a vida, pois a ira de Deus pesa enriba del. –Non dubido de que Xesús empregase aquí o termo “ira”, pero tivo que ser no senso parabólico das súas expresións, para que aqueles xudeus testáns se impresionasen un pouco; se fose hoxe, algo máis letrados que estamos, en vez de “ira” seguramente dixese “xustiza”, pois o de ira xa se entende mal nun Deus misericordioso; claro que, aos efectos, dá igual, pois o problema subsiste: ¡Deus non se esconde dos seus inimigos; somos nós os que nos escondemos del, e de chegar ao último día cos ollos nubrados é comprensible que non sexamos capaces de ver, de ver e de gozar, da súa gloria!

 

Xoán 4, 13-14.- Xesús (á samaritana): Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez; pero o que beba da auga que eu lle darei, converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna.- ¡Deus, o noso Mesías non só falaba en parábolas senón que facía versos, poesías, imaxes transcendentes, das de abri-los ollos para ver o Alén, o Ceo prometido! ¿Hoxe daríanlle o Premio Nobel de Filosofía? ¡Que va, pois tanto hoxe coma onte cegaríanos a súa luz! ¿E, que se fai coa luz cando nos molesta? ¡Apagala; que por iso o crucificaron! Os malfeitores preferimos a noite, a ignorancia…; pero a luz sempre trunfa, que ata resgou os panos do templo…, para iluminalo!

 

Xoán 8, 31-38. -¡Liberdade, liberdade, esa verba que tanto lles gusta aos libertinos; onde está a verdadeira liberdade? –Aos xudeus que creran nel dicíalles Xesús: -Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus; e coñeceréde-la verdade, e a verdade faravos libres. Eles respondéronlle: -Somos semente de Abraham e endexamais fomos escravos de ninguén; ¿como, logo, dis ti “seredes libres”? Respondeulles Xesús:  -Con toda verdade volo aseguro: quen comete pecado é escravo. E o escravo non queda para sempre na casa; o fillo queda para sempre. Logo, se o Fillo vos libera, seredes libres de verdade. Ben sei que sodes semente de Abraham, pero tratades de matarme porque a miña palabra non prende en vós. Eu falo do que vin onda o Pai; e vós facedes o que oístes de voso pai” (Do “pai” con minúsculas, do de aquí abaixo). -¿Queríano matar? ¡Claro, facíanlle caso ao refrán que di, Predícame frade, que por un oído me entra, e polo outro me sae! ¡Ai, Señor, Señor, que este Xoán váleme ben máis que estes audífonos que levo nas orellas, pois o teu evanxelista transmitiunos as túas palabras, palabras de vida eterna, mentres estes aparellos que colgan das miñas orellas só me serven para escoitar, pola radio ou pola tele, as simplezas dos meus colegas, dos simples, dos escravos deste mundo!

 

Xoán 10, 14-18.- Eu son o Bo Pastor: coñezo as miñas e as miñas coñécenme a min. Igual que o Pai me coñece a min, eu coñezo ao Pai. E dou a miña vida polas ovellas. Teño ademais outras que non son deste redil (deste curro): tamén a esas as teño que guiar, e escoitarán a miña voz, e farase un único rabaño e un único pastor. Por iso ámame o Pai: porque dou a miña vida, para tomala de novo. Ninguén ma quita; non, eu douna voluntariamente. Teño poder para dala e teño poder para tomala de novo. Este mandato recibino de meu Pai. –Aquí non sei se tremer ou aledarme: tremo non ser capaz de deixarme guiar ao redil; pero alédome pola promesa, ¡pola promesa, non, polo feito!, de que o Bo Pastor dá, ¡deu!, a vida por min. Este cristián de terceira tamén foi pastor, na miña infancia, aló en Montecubeiro, un pastor de terceira, e daquela ben apreciei a diferenza entre as ovellas e as cabras: as ovellas ían para onde as guiaba; mentres, as cabras estaban, sempre, emperradas en subirse aos valados, ás dificultades. Estas circunstancias axúdanme agora a comprender esta enésima lección maxistral do Gran Mestre, do Bo Pastor. Grazas, Señor, por vir de onde veño, xa que aquela pobreza ensinoume a ser…, ¡ou polo menos a querer ser!, manso e humilde, agradecido de quen por min se preocupaba, en particular do meu Pastor! Por veces fun algo cabra, ¡lamentablemente, si!, pero quero volver ao curro, ao redil definitivo, ao do meu Redentor, ao do meu Pastor!

 

Xoán 11, 39-44.- Xesús ordenou: arredade a pedra. Marta, a irmá do finado, díxolle: -Señor, xa cheira, que leva catro días. Xesús contestoulle: ¿Non che dixen que se cres verás a gloria de Deus? Arredaron entón a pedra. Xesús ergueu os ollos e dixo: -Meu Pai, douche grazas porque me escoitaches. Eu ben sabía que ti sempre me escoitas, pero díxeno pola xente que está aquí, para que crean que ti me mandaches. Dito isto, berrou con voz forte: -¡Lázaro, vén para fóra! Saíu o morto; tiña os pés e as mans atado con vendas e a cara envolta nun sudario. Xesús ordenoulles: -Desenleádeo e deixádeo ir.- … -Señor, aquí tomeime unha boa ración de puntos suspensivos…, porque teño a mente en suspenso, asombrada, pasmada do teu poder. ¡Xa o sabía, xa mo dixeran, verbalmente e por escrito, pero, aínda así, a significación deste milagre é abraiante, conmove as pedras. ¿Conmove as pedras, e a min, non? ¡Daquela moi pétreo debo ser! Pétreo e todo, Señor, pídoche encarecidamente que, cando me chegue a hora, non me resucites para a terra senón para o Ceo, e de ser posible, con pouco purgatorio, que lles temo ás súas cheirumes pois non só cheiran os cadáveres senón, infinitamente máis, os pecados dos defuntos!

 

Xoán 12, 23-28.- Xesús respondeulles: Chegou a hora de que se manifeste a gloria do Fillo do Home. É ben certo: se o grao de trigo cae na terra pero non morre, dará froito abondoso. Quen ama a súa vida, pérdea; máis quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna. Se alguén quere servirme, que me siga; e alí onde estou eu, estará tamén o meu servidor. Se alguén me serve, honrarao o Pai. Agora o meu espírito está turbado. ¿E que hei de dicir: Pai, sálvame desta hora? ¡Pero se para iso cheguei a esta hora! Pai, glorifica o teu Nome.- Xoán, querido Xoán, axúdame a entender iso do “aborrecemento” pois estou seguro de que non o dixeches, non o transmitiches, no senso que agora lle damos, que ben sabes que as traducións son traizóns: aborrecer a vida temos que entendelo como non cifrar as nosas esperanzas dun xeito radical no material, no corpóreo, ignorando, querendo ignorar, que o home tamén é espírito, alma; ¡un alma chamada a vivir indefinidamente, no eterno, na Eternidade! Tamén  eu, tamén; tamén eu quero ser gran de trigo, en particular para a miña xente: que o meu paso pola terra non sexa estéril, que dea froitos, froitos de utilidade; non para que me igualen, senón para que, a partir de min, melloren, e melloren tanto que todos acaben en santos. ¡Todos, sen excepción! ¡Amén!

 

Xoán 19, 25-27.- Ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e mais a María Magdalena. Xesús vendo a súa nai e, onda ela, o discípulo amado (especialmente amado, interpreto eu), díxolle á nai: -Muller, velaí o teu fillo. E despois díxolle ao discípulo: -Velaí a túa nai. Desde aquela hora o discípulo acolleuna con el. –Señor, que en Xoán, a través de Xoán, nos deches esa filiación santificante, compartindo connosco a túa Santa Nai, non permitas que me solte da súa man, que a preciso tanto ou máis có discípulo amado; non ves que aínda son unha criatura? ¡Inocente, non, pero, cativo, criatura, si! ¡Esta si que é, esta si que foi, unha adopción en toda regra, unha adopción divina! Acollido a esa adopción, Mamaíña do Ceo, lévame da túa man; ou, por mellor dicir, segue levándome, que ben sei, e ben recoñezo, que xa o fixeches desde o día en que nacín, ou máis exactamente desde que, no bautizo, a ti, ao teu nome, me encomendaron meus pais e meus padriños! ¡Grazas, grazas infinitas, Virxe, Sagrada, María, sen pecado concibida, prega por min, que xa ves que acudo a Ti; pecador, si, pero, contrito!

 

Xoán 20, 1-18.- O día primeiro da semana María a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, cando aínda era escuro, e viu que a pedra do sepulcro estaba quitada. Botou a correr e, chegando onda Simón Pedro e onda o outro discípulo a quen amaba Xesús, díxolles: -Colleron do sepulcro ó Señor, e non sabemos onde o puxeron. Pedro e mailo outro discípulo saíron correndo cara ó sepulcro. Corrían os dous á par. Pero o outro discípulo correu máis lixeiro cá Pedro, e chegou primeiro ó sepulcro. Abaixándose, viu que estaban os lenzos, pero non entrou. Entón chegou tamén Simón Pedro, que o seguía, e entrou no sepulcro. Viu os lenzos pousados alí. Pero o sudario que envolvía a súa cabeza non estaba cos panos, senón á parte, enrolado noutro lugar. Entón entrou tamén o outro discípulo, que chegara primeiro, ó sepulcro viu, e creu. (Pois aínda non entenderan que, conforme á Escritura, era preciso que resucitase de entre os mortos). Entón os discípulos volvéronse para a casa.

Mentres tanto, María quedárase ó pé do sepulcro, na parte de fóra, chorando. Sen deixar de chorar, abaixouse a ollar no sepulcro. Viu dous anxos de branco, sentados, un á cabeceira e outro ós pés do sitio onde xacera o corpo de Xesús.

 



 

Eles preguntáronlle: -Muller, ¿por que choras? Ela respondeulles: -Porque colleron ó meu Señor e non sei onde o puxeron. Dito isto, virouse cara atrás e viu a Xesús, alí, de pé, pero sen se decatar de que era Xesús. Xesús preguntoulle: -Muller, ¿por que choras? ¿A quen buscas? Ela, coidando que era o xardineiro, díxolle: -Señor, se o levaches ti, dime onde o puxeches, que eu o collerei. Xesús díxolle:-¡María! Ela, virándose, exclamou en hebreo: -“¡Rabbuni!” (que quere dicir “Mestre”). Xesús díxolle: -Sóltame, que aínda non subín onda o Pai; máis ben, vai onda os meus irmáns e dilles: “Subo onda meu Pai e voso Pai, o meu Deus e o voso Deus”. María Magdalena foilles contar ós discípulos que vira ó señor (¡resucitado!, e que lle dixera estas cousas. .¡Meu Deus, e Deus meu: Que máis necesitarei para afirmar a miña fe, así demostrada, testificada, a túa resurrección; non permitas, Señor, que se me borre dos ollos esta imaxe!

 

-.-

 

Feitos dos Apóstolos.



 

 

Dos que só coñecemos unhas pequenas referencias, pois, co Espírito Santo daquel Pentecoste nas súas cabezas, que de milagres non farían! Voume deter nos seguintes, porque, se dalgún xeito os imito, o meu Fin de Carreira está asegurado! (Fixádevos no da bulsa, nesta Última Cea: tena de man, non a solta! A ese, non; a ese non quero parecerme, e iso que tamén fun bancario!)

 

1.- Aos mesmos que tamén se lles amosara vivo, con moitas probas despois da súa paixón, aparecéuselles durante corenta días, e faláballes das cousas referentes ao Reino de Deus… -Recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós, e seredes as miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría, e ata os confíns da terra. –Señor, con tanta xente que aínda te descoñece polo teu Santo Nome, que gran pecado de omisión temos aqueles bautizados que tan pouco fixemos por esparexer a túa Santa Doutrina! Viñemos comportándonos coma eses ricos que esconden o tesouro, que non o comparten, para ter pobres ao redor, para ter escravos que os sirvan a cambio de nada, ou de pouco. ¡Iso chámase egoísmo! Sequera co exemplo, Señor, sequera co exemplo…; así que, de corazón che pido que me fagas, se non exemplar si imitador dos exemplares, ¡dos 12, con Matías incluído!, para axudar a distribuír cirios pascuais.

 

2.- Cando se cumpriron os días de Pentecoste, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De súpeto, veu do ceo un ruído como dun forte golpe de vento, que encheu toda a casa onde estaban; e apareceron talmente como linguas de lume, que, repartidas, foron pousándose unha sobre cada un deles. Quedaron cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles concedía o Espírito.- ¿Deles? ¡Deles, e, por suposto, tamén delas, pois o xenérico tamén as inclúe, que Deus non as ía deixar fóra da casa! Se as Santas, Aí Arriba, no Ceo, non dominan idiomas, ¿para que nos molestamos en rezar ás doutras rexións? ¡Claro que estaban, polo menos tódalas que se citan nos Evanxeos, así que, quen se atreve a dicir que as mulleres non foron, non son, Apóstolos? ¡Eu, desde logo, non; Deus me libre de tal, pois, burro son, pero, non tanto!

 

3. Pedro, de pé cos Once, (xa optaran por Matías), levantou a voz e díxolles: -Arrepentídevos e cambiade; que cada un de vós se faga bautizar no nome de Xesús para o perdón dos seus pecados, e recibiréde-lo don do Espírito Santo, porque a promesa é para vós e mais para os vosos fillos, e para tódolos que están lonxe, tantos como queira chamar o Señor noso Deus. -Señor, eu, que ingresei voluntario no Ejército español, ¿non vou alistarme no Teu, no Celestial? Daquela xurei a  nosa bandeira, mais agora bico a túa cruz, así que, condecórame con ela, que penso lucila no meu peito, por días de vida. ¡Por días de vida, señor!

 

4. A comunidade dos crentes tiña un só corazón e unha soa alma, e ninguén consideraba como seu o que posuía senón que tódalas cousas eran comúns. Os apóstolos, con gran poder, daban testemuño da resurrección do Señor Xesús, e todos eran ben considerados. Non había entre eles ningún necesitado porque tódolos que tiñan bens ou casas vendíanos, levaban os cartos e depositábanos aos pés dos apóstolos, que repartían a cada quen segundo precisaba. -Señor, aquela perfección era de santos, pero o de hoxe en día é de diabros, un aquelarre de ladróns, así que che pido, por min e polos outros, que nos abrandes un pouquiño para que reflexionemos naquela perfección, e tratemos de imitar aos primeiros cristiáns, aínda que só sexa un pouquiño, unha imitación. Frea, Señor, os nosos egoísmos, pois imos en camiño de volver ás mazás podres, que tal era aquela que lle deu Lucifer á nosa avoa!

 

5. Érguese o fariseo Gamaliel (que non todos actuaban como tais), e díxolles: Desentendédevos deses homes, deixádeos estar, que, se esta empresa ou esta obra é cousa de homes, desfarase por si mesma; pero, se é de Deus, non a poderedes desfacer. ¡Non vaia ser, mesmo, que vos encontredes loitando contra Deus! -¡Nin a Maquiavelo se lle houbese ocorrido outro tanto, pero tiña razón, non estaba equivocado, que ben se viu ao longo dos séculos: con algunha que outra freada, e con menos velocidade da que sería desexable, pero o cristianismo demostrou que era, que é, sempre e por sempre…, obra de Deus!

 

 

6. Os diáconos.  ... elixiron a Estevo, home cheo de fe e do Espírito Santo, a Felipe e Prócoro, Nicanor, Timón, Pármenas e Nicolás, prosélito de Antioquía; presentáronllelos ós apóstolos, e despois de orar, impuxéronlle-las mans. -¡Aí, aí é onde está o meu sitio; xa que non cheguei a Cura, Señor, faime Diácono; pero primeiro faime un bo cristián, para merece-lo ascenso!

...

 

7. Apedraban a Estevo, que invocaba así: “¡Señor Xesús, recibe o meu espírito!”. E posto de xeonllos, berrou con voz forte: “¡Señor, non lles teñas en conta este pecado!”. Dito isto, adormeceu para sempre. ¡Ai, Estevo, Estevo, que na miña parroquia tamén che tiramos pedras, a toneladas, con aquelas palas da Concentración Parcelaria, pois con elas achaiamos, tupimos, a fonte e maila Valga do teu nome, ese lugar sacro de Montecubeiro onde estiveron os primeiros, ou dos primeiros, eremitas da bisbarra; non quedou, non deixaron, nin un mal cartel co teu topónimo, en lembranza túa e tamén dos ermitáns que alí te veneraron! Con ese pecado enriba, pídoche, humildemente, que repitas por nós o teu prego: ¡Señor, non lles teñas en conta este pecado!

 



 

Valga do Santo Estevo. Aquí houbo unha ermida, pero achaiárono todo coas palas da Concentración Parcelaria, regato incluído.

 

8. Vendo Simón, (un tal Simón, que facía que facía meiguerías), que pola imposición das mans dos apóstolos se daba o Espírito, ofreceulles cartos, dicindo: -Dádeme a min tamén ese poder para que aquel a quen lle impoña as mans, reciba o Espírito Santo. Mais Pedro respondeulle: -¡Así rebentes ti e mailo teu diñeiro! ¿Ti coidas que o don de Deus se pode adquirir con cartos? Non tes parte nin sorte nesta palabra, porque o teu corazón non é recto diante de Deus. Arrepíntete desa malicia, e pídelle ó Señor, a ver se che perdoa o sentir do teu corazón, pois vexo que estás destinado á amargura do fel e ás cadeas dos malvados.- Desta pasaxe derívase a verba simonía (compra ou venda de bens espirituais), pecado que nunca pode pasar de intento, pois o don de Deus é libre e só o concede a quen El quere.

...

 

9. De camiño, cerca xa de Damasco, aconteceu que, de súpeto, unha luz do ceo o envolveu co seu fulgor. Caeu no chan e sentiu unha voz que lle dicía: -Xaúl, Xaúl, ¿por que me persegues? El preguntou: -¿Quen es ti, Señor? Contestoulle: Eu son Xesús a quen ti persegues. Pero érguete, entra na cidade, e xa se che dirá o que tes que facer. -Meu Paulo, ti, que primeiro fuches Xaúl, séxase, Saulo, de Tarso, teño para ti dúas cartas de recomendación: A primeira, que lle puxen o teu nome, xunto co de Pedro, ao meu fillo; e a segunda, que a Providencia tamén me tirou do cabalo, traéndome para xunto desta igrexa de San Pablo, na Coruña. Como non é o caso de ofrecerche xamóns, nin xamóns nin sobres dos de a 500 euros, un agasallo si que mo permitirás: ¡Que me tires do meu cabalo do orgullo, e despois diso dime o que teño que facer, que tamén a ti cho dixo Xesús, o propio Xesús! ¿Que quero un ascenso? ¡Por suposto: que me axudes a subir ao Ceo, pois de Aí nunca se cae; as ánimas, de salvadas, non se expulsan!

-.-

 

 

Da Carta aos romanos. A xustificación só vén pola fe, pois na presente etapa histórica da salvación definitiva, inaugurada por Cristo, á Lei e á ira séguenas a misericordia e o perdón. “Mais agora, con total independencia da Lei, manifestouse a xustiza de Deus; a que atestaran a Lei e mailos profetas. Esta é a xustiza de Deus por medio da fe en Xesús Cristo, para tódolos que cren. Porque non hai distinción ningunha: todos pecaron, e carecen da gloria de Deus. Pero todos quedan xustificados, sen o mereceren, pola súa graza, mediante a redención que se realizou en Cristo Xesús”.

 

¡Oh, que alivio, que simplificación: que nos salvamos pola fe, pola fe en Cristo, sen outras complicacións! Iso si, a fe ten que ser limpa, baseada nas Sagradas Escrituras, convalidado o Testamento Antigo por obra e graza do Novo, do definitivo! Xesús non cambiou a Lei antiga: fíxonola fácil, fácil e comprensible. ¡Grazas, Señor, grazas polo teu indulto, que foi gracial para nós, pero non para Ti, pois, para darnos vida, vida eterna, sufriches morte, precisamente por nós; unha morte ignominiosa, morte de cruz, a mesma que lles aplicaban aos ladróns, alí, no Calvario! ¿A Ti, Señor, Fillo de Deus, Deus igual có Pai, Santo Espírito, tres persoas distintas, pero un só Deus verdadeiro? ¡Encima do pecado orixinal, aquel deicidio; non escarmentamos!

 

Paulo, ¡que ben se nota pola túas cartas que chas escribiu, que chas ditou, o propio Xesús, precisamente Aquel a quen perseguiches nos teus tempos de ignorancia! Son tantas e de tanto contido que estou decidido a lelas para min, en voz baixa, para non cansarme, nin cansar, na súa lectura. Tamén che pido que intercedas para que non me falte a vista antes de acabalas, antes de comprendelas. ¡Grazas, grazas por facernos partícipes das ensinanzas que recibiches de Xesús, do Mestre dos Mestres, pois con estas lecturas, xunto coas outras epístolas, coas seguranzas que nos dás, que nos dades, da misericordia divina, estou aliviando a maleta dos meus pecados, tan pesada que me resultaba!

-.-

 

A UNCIÓN DO ENFERMOS

 



 

¡Que non nos falte un Samaritano!

 

Esta parábola narrouna o propio Xesús (Lucas, 10; 25 a 37) para advertirnos que a caridade e maila misericordia son as virtudes que nos guiarán á piedade e á santidade. Tamén ensina que cumprir co espírito da lei, o amor, é moito máis importante que cumprir a letra da mesma. Serviulle para redefinir o concepto de próximo, tal e como se entendía daquela. Xesús válese dun personaxe depreciado para mostrarlles os seus erros aos líderes relixiosos de entón.

-.-

Apocalipse

 



 

Sen aínda dixerir satisfactoriamente os preceptos epistolares, ¡tantos e tan profundos!, atrévome a abri-lo Apocalipse, esta cortina, esta revelación, tan tremenda que é, e tan difícil que me resulta a súa interpretación.

 

Comezarei polo seu ofertorio: A aquel que nos ama, que nos liberou dos nosos pecados co seu sangue, e que nos converteu nun reino, en sacerdotes para o seu Deus e Pai: a El a gloria e mailo poder polos séculos dos séculos. Amén.

 

Señor, por lei natural, aos meus anos seguro que teño cerca o alzamento do pano escénico, así que insistirei no que che veño pedindo: Ábreme os ollos; non permitas que as árbores do inmediato, do cotián, me impidan ver o bosque, o bosque inmenso da túa misericordia; que nesta fe acade unha certa plenitude, e a ser posible, con pouco purgatorio, que non o desexo nin para os meus inimigos, se é que os teño!

 

Señor, estoume decatando que non podo seguir, pois o Apocalipse é difícil de entender para un lego, e agora, de casado, xa non me admiten no Seminario. Perdóame esta enésima omisión, pero non quero falar do que non entendo, e doutores tés, como dicía o Astete, que nolo explicarán, do dereito e con xeito. Se non me deixas caer na tentación, coido que, co que teño lido, lido e meditado, se non fixen méritos para entrar no Ceo pola Porta Grande, Señor, déixame ir pola pequena, que tamén pasa en Lugo, que pola cativa, pola mal chamada “Porta Falsa”, non se pode entrar en coche, pero a pé, si; ¡daquela, que sexa algo parecido! ¡Amén!

-.-

 


Virxe, Sagrada, María,

que tantas veces te sacamos,

a miña dona e mais eu,

en procesión parroquial,

agora,

coas maletas preparadas,

humilde e devotamente che pedimos

que nos guíes

polo Camiño do Ceo.

¡Amén!

 

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: