viernes, 20 de septiembre de 2013

CAMPO VERSUS CIDADE -I-




CAMPO VERSUS CIDADE


O cabalo, pero tamén o cabaleiro, reflexionan.

XOSÉ MARÍA GÓMEZ VILABELLA



¿Onde está a xente,
que só vexo autos?

Ela vai ao seu encontro, que xa o viu, no xardín!




Falando a soas

Isto é o que ía facendo aquel vello que pasou por diante da miña ventá: falando só, escandalizado de que estes coches do século XXI estean robotizados, que anden sen chofer ao voante. ¿Que foi da xente; estarán traballando? ¿Pero, en que, se non hai traballo, e os bares escasean…? ¡Xa o sei, -díxose, -están tronzando eucaliptais para tornalos en hortas, algo así como fixeron cos carballos os nosos avós, pois, ao diminuír a mortaldade infantil, daquela dedicáronse a pinchar árbores para decrua-los montes, para facer searas, e iso que tiñan que pagar foros e décimos!

Agora que me fixo: Non é un vello, que son dous, home e muller; iso si, por beirarrúas diferentes! ¿Atoparanse nalgún sitio, tal que nun paso de cebra? Dubídoo, porque van en direccións opostas, pero, de atoparse, deixarán de falar para si mesmos, saudaranse para reactivar lembranzas antigas? ¡Dubídoo pois os de antes somos/éramos algo vergoñosos, e sen presentación previa…! Por se acaso, vou axustar os audiófonos …

¡Pois si, que a muller, ao ver aquel home, aquel rara avis, deu media volta…; obviamente para facerse a encontradiza, segundo lle viña de costume da súa xeración! ¡Daquela, atentos!

-¡Ai, rapaza, que ledicia sinto ao ter con quen falar! (1) ¡Grazas a Deus que te atopei, que máis difícil non o tivo Adán, daquela do Paraíso, e menos mal que deu cunha Eva, que ata debía ser a única femia do xardín! ¡Oes, agora que me decato: tamén estamos nun xardín, noutro, pois aquí houbo reconstrución, imitacións!

-Eu tamén, que gozo con atoparte, por Adán que sexas, que mellor será falar con un vello que facelo cun móbil…, e iso que están de moda! Polo que fai ao xardín, a Mesopotamia daquel Paraíso queda lonxe; estas palmeiras sonche importadas!

-Muller, de moda, eses móbiles…? ¿E quen os usa, para que, se neste país non hai máis que autos, autos sen chofer? ¿Non será que emigraron os seus propietarios, os seus titulares?

Sentáronse nun banco do xardín, que así podían seguir parolando sen que os molestase o bruído dos autos no caso, improbable, de que retornase algún chofer. O que non lles oín, adiviñeino:

-¡Ai, muller, que estás ben engurrada…! ¿Debes ir para os cen…?

-Non quedan lonxe, non, pero é de mal gusto preguntarlle a idade a unha rapaza, nin sequera con indirectas; anos teño…, a metade dos que represento, pois a idade vai por dentro! Ponme á proba e xa verás que teño máis conversa que esas rapazas da última xeración; esas non rompen a falar se non teñen á man un cigarro, ou unha botella!

-Non pretendín compararte, que xa vexo que es incomparable!

-¿Un piropo? ¡Ai, Deus, que os tiña por desaparecidos, maiormente desde que enviuvei! ¿E ti, ti tamén? ¡Vexo que levas dúas alianzas…; ou é que te aliaches contigo mesmo!

-¡Fóiseme; por mellor dicir, levouna Deus…, para que descansase do seu cociñar! Agora cociño, e tamén frego, eu, só para min, pero como non aprendín, nin colaborei, paso o día con ovos fritos; ¡ovos, patacas, e latas de conserva! Ben se dicía que no pecado ía a penitencia, e aquí me tes, purgando en vida, pois a pensión non me chega para ter criada, e menos para comer fóra!
-¡Abusastes das mulleres…, e así vos vai! ¿Ves a miña chepa? Saíume de carrexar feixes, pois o meu home, cando estabamos na aldea, por non molestarse en xunguir as vacas, tíñame de portadora…, con dez vacas na corte!

A conversa gustoume, que o tema era apaixonante, e como nas librerías non vexo historias de vellos… ¡Sería cousa de seguir espreitando!

Ata aquí estiveron sentados un de par do outro, mirándose máis ben de esguello, como se tivesen vergoña de facelo de fronte, pero a muller, ¡sempre foron máis comunicativas!, rompeu o xeo:

-¡Pobriño, có delicado que é o estómago dun home, que non hai un que non sexa comellón, e ti, dixerindo esas magalladas! ¿Por que non te vas cos fillos?

-¿Fillos? ¡Deus negoumos, pero mandoume sobriños!

-Niso estás errado, que non foi Deus, ¿ou xa non lembras aquel refrán dos nosos vellos: A quen Deus non lle dá fillos, vén o diabro e aparéllalle sobriños! Pero non teño dereito a preguntar sen primeiro informar: ¡Eu tamén fun estéril, e a maiores teño o pecado de que llo ocultei ao meu home, ao noivo, que lle dixen, precisamente no altar, que fixera esa análise da fertilidade, e el, que tanta fe tiña en min, entendeu que dera favorable, así que non estivo receoso na súa promesa nupcial. En reparación, para o sucesivo, para o que me quede, xúrolle a Deus que xamais volverei a enganar un varón, por Eva que me chame!

-¿Así que te chamas Eva? ¡Ten graza; pois mira por onde Deus resucitouche un fillo…, aínda que non os tiveses, pois eu, servidor, chámome Abel, que así está nos meus papeis…; mira, mira aquí; olla o meu DNI!

Neste intre puxéronse de cara, ollándose reciprocamente:

-Querido Abel, dadas as circunstancias, vouche facer unha proposta honesta, pero primeiro tes que dicirme se tes dúas camas no teu piso.

-Teño, muller; a que compartía coa miña dona, e na habitación contigua a dos invitados, que llela cedo aos sobriños cada vez que veñen a visitarme; mellor dito, cando me visitaban, en pretérito, pois agora téñenme medo, medo a que lles pida que me coiden!

-Claro, claro, e como se consideran herdeiros forzosos, para que complicarse a vida? Pero  vouche abrir o peito…

-¡Non, muller, non fagas iso, que xa noto que levas sostén, e a min, a estas alturas…, nin con xustillo nin sen el!

-¡Mira que es mal pensado…! Abrir o peito ten outro significado, máis…, máis decente: significa non gardar segredos innecesarios, innecesarios ou contraproducentes! Aí detrás temos unha igrexa, esa de San Pablo, e se entramos nela, e me xuras diante do Sagrario que serás casto, comigo, e que me cederás esa habitación dos invitados, eu prométoche, ¡ou xúroche, segundo prefiras!, que serei a túa cociñeira, por días de vida. ¿Vale?

-¡Caramba, esta si que é boa; por unha vez tocoume a lotería, sen xogar, simplemente con mirarche aos ollos! ¿Podo saber o por que da cousa, por que me pos esa condición tan…, xenerosa?

-Home…! Fun virxe ao matrimonio, con unha mentira pero virxe, e pura quero entrar no Ceo, onde me espera o meu home, co que quero volver…, iso, inmaculada! Ademais, aos nosos anos, vencer as tentacións é doado; ¿non cho parece?

Non lle replicou, así que tiven que deducir, que lembrar, que o que cala, outorga. Collidos da man entraron na igrexa, e collidos saíron. ¡Non tiven dúbidas de dúas cousas: Que selaran aquel pacto convivencial, e que se ían, directos, á casa do patrucio: el, con cociñeira, e ela sen pagar aluguer!

(1) Segundo un estudio duns psicólogos das universidades estadounidenses de Wisconsin-Madison e Pensylvania, falar en voz alta con un mesmo estimula o cerebro á hora de levar a cabo unha tarefa, e contribúe a reactivar a información visual, algo que nos permitiría encontrar unha solución máis rápida aos nosos problemas. Os expertos queren dar un paso máis e profundar na investigación, utilizando “scanners” para observar as rexións do cerebro que se estimulan mentres falamos para dentro.
-.-

Tres son as miñas ventás predilectas: Ao levantarme abro o ordenador, a do ordenador, comezando polos correos recibidos; ¡resucitou Quevedo, reencarnado nun milleiro de periodistas, así que, unhas veces ríome, pero outras choro, polas traxicomedias que me fan ver, ver e ler! A seguinte non é unha que son cincuenta, ou máis: ¡tantas como canais de televisión deixo entrar na casa!, así que, ata cansarme, vou de canal en canal…, coas ganas de abrir en canal a quen tantas parvadas grava! ¡Moi burros debemos ser para que tantas albardas nos regalen! A terceira, e definitiva, é a do noso dormitorio, que a abro de par en par…, para que entre aire fresco, cousa que só ocorre cando os autos están quietos, hibernados!

Hoxe, lembrándome da quietude antes mencionada, asomei de novo, e vin…, ¡oh Ceos! ¡Collidos da man, agora si, e avanzando pola beirarrúa, cara á igrexa, aqueles vetustos de onte! Viñan dicindo:

-Imos entrar, que é moito o que temos que agradecer, pero a min non me enganes, como fixeches co outro, facéndolle concibir que eras capaz de concibir!

-Contigo só presumín de cociñar, e cumprino, non si? ¿Á que che gustou a ensalada rusa, esa que che fixen coas patacas e cos ovos que tiñas na casa, engadindo o que levei do súper, maionesa e todo iso? Pero onte quedounos unha condición sen pactar: a de cociñarche o que portes da tenda, só iso, que tiven dabondo con aqueles feixes do noso prado da Fouciña!

-¡Muller…! Agora que só nos oe o Deus do Ceo…

-¿É que na terra hai deuses?

-¡Pois claro, e ti es un deles, a deusa máis guapa de todas, Venus incluída!

-¡Es un poeta; afellas que si!

-¡Muller, a miña, que en gloria estea, nunca tal me dixo; máis ben me tiña por pailán!

Ela parouse, e deulle un bico; iso si, lateral, xesto confirmativo de que estaban vivindo en castidade, ao estilo de Afonso II, que estaba casado e mais chamábanlle “O Casto”.

-Miña Estrela, vén, vén rápido! –Chamei pola miña. –Aqueles vellos de onte…; aí os tes, en plena lúa de mel, e sen saír da Coruña!
-¿Non me digas que aínda non se divorciaron? ¿Seguen xuntos?

-Si, muller; xuntos e felices, que nin que fosen de Teruel! Acaban de saír da igrexa…, que estiveron dentro para darlle grazas ao casamenteiro, aquel das vodas de Canaán, xa sabes! E agora están paseando, collidos da man, que ata deberon copiar de nós, e iso que de abaixo arriba eles non nos ven!

-¡Deu-los bendiga, amén, que ía sendo hora de ver parellas ben avidas! O malo é que estes non sairán na televisión, pois o amor puro e limpo nesta España actual non é espectáculo; está demodé!

Como a miña dona non leva audiófonos, ¡aínda non!, fun eu o intermediario:

-¡Vouche repetir o que están dicindo, e mais non saen nas revistas de cor rosa! Escoita:


-Meu ceíño, ¿por que sería que Deus non nos permitiu coñecernos de solteiros? ¡Fíxonos unha faena!

-Muller, é que antes de subir ao Ceo hai que pasar polo Purgatorio…, que por veces é necesario! Sen o noso adestramento, coidas que daríamos valor ao presente? Repara neses vasos de papel…, aí, no céspede, restos das litronas! ¡Tantos químicos que hai agora, que todo é química, e ninguén se molesta en dicirlles que o amor non se fai, non se elabora, pois a felicidade está en ollar ao compañeiro, ou á compañeira, con bos ollos, e de ser posible, riseiros, coma os teus!

-¿Volves aos piropos? ¡Ai, ho, se de min dependese, poríate na Xunta, de profesor de Xuntanzas, complementando eses cursiños prenupciais que dan os cregos…, aos que se casan pola igrexa, claro, que agora son os menos!

-Rapaza, ¿ti sabes o que custa un velo de tule ilusión? ¡Co que lles custaría un traxe de organdí, ou similar, quitan billete, e vanse de lúa á Lúa!

-¡Claro, comprendo: a crise…!


Nisto pasou o camión do lixo, e co seu bruído cortounos a comunicación. ¡Maldito país, que todo é lixo, tanto, que nin se dá recollido! ¡A ver se volven mañá!
-.-

Os coches seguen aí, ancorados no mesmo espazo; os autos, pero os vellos, non! Igual se foron de lúa de mel, tal que aos baños de Arteixo… ¡Que va; estes son máis modernos, que xa os localicei: están no bar da esquina, no Uni-2, de botellón!

Enfadóuseme a muller, sempre tan estrita, tan puritana:

-Maridiño, non sexas mal pensado, pois a estas horas, á media mañá, nun bar…, o que están é tomando o aperitivo!

-¡Xa, xa; un aperitivo; un aperitivo de mans inquedas! O que están é de caricias, coas mans xuntas, e os dedos ensortellados, igual, igualiño, cá onte! ¡Como se nota que son dos nosos, unha parella do século XX! Pero cala un pouco, non me fales para que os poda escoitar. El estalle dicindo, pouco menos que en verso:


-¿Será faltar á castidade prometida, xurada, se che digo que contigo vexo as estrelas, ao traveso deses olliños, que para min son un telescopio, un telescopio de largo alcance? ¡Pero teño que parar de mirarte de fronte, pois, aínda que non sexa pecado, a miña alma derrétese con esta paixón platónica que me ten extasiado! ¡Oh luz dos teus ollos, meigallo encantador, que me transformas, que me elevas…; no mellor dos sentidos, claro, máis ou menos como lle pasaba a Unamuno co ceo de Castela!

-Querido, non te eleves tanto, que aínda estamos na terra, concretamente nesta Praza dos Cans, que xa empezan a baixar as viúvas do barrio coas mascotas…

-¡Viúvos tamén somos nós, pero uns viúvos reencarnados en senllos rapaces; se acaso coa única diferenza de que ti chámaste Eva, en lugar de Xulieta! Mais dunha cousa teño que previrte: Que se chego a verte morta, eu tamén, nos teus brazos, e sen droga ningunha, que me chegará co perfume do teu Rêve d´Or!

Ela, con un sorriso que lle ía de orella a orella, de feliz que se sentía, polo menos naquel intre:

-¡Mira que es encantador…; e menos mal que eu non son a serpe do Paraíso! Non uso perfumes, nin Rêve d´Or, nin Soños dourados; o que cheiras en min, ademais de bondade, ¡se é que o mundo me deixou algo da miña inocencia prístina!, é simple e chá, un agradecemento duplo: A Deus, por darnos estas beirarrúas, nas que non só se pode falar sos, senón, e tamén, conversar, darse a coñecer, co solitario de enfronte; e o segundo, complementario do primeiro, agradecerche, a ti, precisamente a ti, que reparases no meu contoneos, que, segundo ti mesmo, aínda conservo, a pesares do que me enzubrigaron aqueles feixes da herba…!

-Encanto, eu, pola miña parte, a tal momento, a única inquietude que teño, é que, de tanto ollar para ti, de tanto cheirar os teus encantos, pódese enfadar, celar, a ánima do teu ausente, e deixarme cego…, para que non poda seguir ollando nesta Venus herculina!


Ela deulle un bico, que supoño é de agradecemento pola súa idolatría. Pero…, ¡oi, o que lle responde!

-Como se lle ocorra baixar do Ceo, vainas ter comigo: ¡A ver como se explica que, sendo a mesma, a mesma daquel altar, el só me bicase de lado, e iso que o autorizou o Cura, e ti, agora de vella, e sen un ramo de azar nas mans, me trates con esta dozura, tanta, que estou arroubada!

-¡Muller, arroubada, non, que nada che arroubei, que estás comigo en plena liberdade, sen sacramento nin unción!

-¡Ah, que razón tés; nisto tamén! O caso é que, aínda que non nos casemos, de matrimonio tamén cómpre falar, antes de que os casoiros desaparezan do noso mundo. Daquela…, daquela cando enganei ao meu home, ¡o propio dunha Eva, non si?, o crego dixérame que a verba matrimonio vén de dúas latinas: “matris” e “munio”, que significan, xustapostas, defensa matricial; e mira ti por onde, pequei! Xa o primeiro día, no propio altar, propiciándolle ao meu home unha desilusión…; pero a verdade tamén é que, no sucesivo, tratei de redimirme portándome con el de marabilla, o mellor que souben e puiden, así que, agora que está Arriba, ben informado, ¿coidas que me perdoará, que tolerará este idilio, o noso, tan casto e tan puro?

-¡Rapaciña, que cousas tés! Non sexas timorata, non sexas infantil, ¿ou non ves que Aló Arriba só perdoan aos que saben perdoar? ¡Se el non che perdoou, tampouco lle perdoarían as del, e non hai Adán que non sexa de barro!

-¿Ti cres? ¡Daquela, felices…; aínda que non comamos perdices! Por certo, que hoxe merquei dúas, na praza de Lugo, precisamente pensando en ti, en facerte feliz! ¿Gustaranche?

-Muller, vindo de ti…; ¡vindo de ti o único que me desagradaría sería que me comparases co tu home, que por culpa miña postergases as túas lembranzas, pois el foi…, esposo, esposo desposado, e eu, modestamente, só pretendo ser o teu adorador, un devoto adorador, un admirador das túas virtudes!

-¿Virtudes? ¡Pero se me chamo Eva, igual cá do Xénese! De todos modos, temos que ir calando, que deixei as perdices en mollo, e vai sendo hora de volver á túa casa…

-¡Dirás, á nosa; ou é que non durmiches a gusto, nesa cama dos invitados?

-Meu ceíño, tan a gusto, que xa me vin no Ceo, e ti, de San Pedro, coas chaves na man, abríndome as portas!

-¡Pois non chas volvo a abrir, que encarguei este xogo para ti, para que te sintas na túa casa, na propia, que así debe ser!

-¡Encanto; agora si, agora entendo o motivo de que se deixase enganar aquela tocaia: a serpe debía chamarse Abel, seguro, que por algo lle puxo ese nome ao seu fillo, e mais saíu bo, perfecto! 

-¿Non dicías que tes que asar esas perdices…?

-¡Ai, é verdade; daquela, ímonos, que se me fora o santo ao Ceo!

O santo iríase ao Ceo, como ela dixo, pero na miña apreciación, e niso a miña dona estivo conforme, esa parella…, ¿de anxos?, ou moi hipócritas son, ámbolos dous, ou están platonicamente namorados, coma dúas rulas, ¿ou eran perdices?
-.-

Como sobran ocupacións, por xubilado que esteas, deixamos de espiar aos nosos vellos, e recollémonos no interior da vivenda, esquecéndonos deles, pero mira ti por onde a miña rapaza tivo a ocorrencia de asomarse á ventá, á media tarde, que é cando as súas amigas adoitan sacar o canciño de paseo, despois de sestear, por suposto, por se vía a unha veciña, que outra lle dixera que collera unha insolación na praia, de tanto expoñe-las tetiñas ao sol, que seica é moda, incluso para as vellas. ¡Non creo que o sol llelas estire, pero…, a cirurxía estética anda cara, e a crise é xeral, sobre todo para a clase media, que son os que pasean persoalmente as súas mascotas!

-Vén á ventá, que para ver a Romeu e Xulieta no cine hai que pagar a entrada, e estes móstranse gratis! ¡A pena é que non sexas un Shakespeare, pois con estes tiñas un argumento divertido!

-Muller, o daqueles de Verona foi traxedia…

-¿Coidas que non o sei? ¡Pero ás mulleres, os amores alleos sempre nos parecen divertidos, teñan ou non peripecias, ou por que se venden tantas revistas desas, desas do corazón?

-Escoitareinos, pero, se me denuncian por plaxio, por plaxiarlles os coloquios, daquela iremos a medias na multa; si, ou non si?

Deume un bico e díxome:

-Con isto quedas pagado, de antemán, que así aforro de comprar unha revista, que maldito unha hai que traia historias platónicas de vellos, e os fíltreos desta xuventude xa me teñen farta! Ata penso que se casan, e descasan, tan pronto se lles esgotan os cartos que reciben desas revistas…, para cobrar de novo!

-Daquela escoitarei; ¡e que todo sexa por compracerte, pero primeiro déixame renovar as pilas destes aparellos, que xa pitan anunciando esgotamento! Para comezar: A ver se te pos ao loro, que agora din, ligar; agora que andamos sen ligas, ligan; tanto as mulleres coma os homes, que ata será por iso!

Tardei un pouco en recompoñer os aparellos, pero non había présa, pois os rolos debían ter as cachas pegadas ao banco, que nel seguían; ¡no mesmo! Isto é o que lles oín nesta ocasión:


-¡Mira como cambiaron os tempos, que aínda non morreaches comigo, e eses dous rapaces…; aí adiante, nesa terraza do café…; pero olla con discreción, para que non se sintan espreitados…; eses, eses; tal parece que se lles escapa a lingua pola boca do outro! ¡Ai, Deus, que a van morder, e despois a ver como se apañan para manxar! ¡E xa non lles sangre…!

-Ti, que te criaches na aldea, que iso me dixeches, daquela dos feixes…, non te lembras que a idade do gando compróbase na boca? ¡Igual lles dá vergoña preguntarse, e por iso analizan a dentame respectiva!

-¡Pero que pícaro es! O que me fai cavilar é que, sendo tan pícaro, como aguantaches tantos anos de viuvez?

-¡Muller, gato escaldado, fuxe da auga fría! No Bacharelato pregunteille ao profesor de Física se había unha máquina para medir o cariño…, que sería bo usala antes do casamento…, como se fai con outras cousas, outras análises…, do tipo das túas, pero aquel home, e iso que o tiñamos por sabio, díxome que o cariño é flutuante, flutuante pero acelerante, coma…, coma as partículas atómicas…, e que resulta volitivo temperalo! ¡É o que teñen os sabios, que nin Deus os entende, canto máis os alumnos!

-¿Sabes que che digo, meu sol, e non te ofendas: que ti non tes un pelo de sabio, pois eu enténdote, todo, á primeira das verbas! De premio vouche dar outro bico, e tamén vai de parafuso…, agora que está baleiro o xardín!

-¿Sabes, sabes facelo?

-¡Home, co que lles vimos a eses rapaces, aos da terraza…! Pero ti tranquilo, que non penso morderte, aínda que…, polas ganas…!


Neste intre soou o noso teléfono, e a miña moza, que o colleu, indicoume que preguntaban por min. ¡Malditos teléfonos, sempre inoportunos! Por culpa do teléfono quedei sen saber ata que punto era platónica a relación desa parella de vellos. ¿De vellos verdes? ¡Terei que seguir espreitando, pois, iso, sigo sen sabelo!
-.-

Seguindo o meu costume, que xa o teño arraigado, primeiro, ordenador, ¡para ordenar os pensamentos cos que espertei! … ¿Quen dixo que o cerebro non traballa mentres se durme? ¡O meu, si; que o faga ben, ou mal, depende dos pensamentos, das ledicias ou das preocupacións coas que me deite, así que nunca me vou á cama sen unha ducha tirando a fría, pois como o cerebro non se pode lavar por dentro, polo menos a súa caixa! ¿Que non é bo bañarse encima da comida? ¡Pero é que eu non ceno, ou case: Almorzo pantagruélico, estilo inglés, iso si. Froita á media mañá. E o xantar, magnífico! (A miña cociñeira négase a publicar as súas receitas, a pretexto de que son ofrendas familiares, no altar da familia, da que sempre foi devota, con sublime devoción, e por tanto sacras, íntimas). Á posta do sol, ¡non teño reloxo de sol, e ben que os boto en falta pois ese absurdo da hora oficial nunca o entendín, así que ollo pola ventá, que casualmente dá a Poñente!, e daquela prepárome a cea; mellor dito, prepárama o frigorífico, que é unha especie de cociñeira muda e xélida. Deste xeito non teño problemas coa alcachofa regulable, e…, lavadiño, lavadiño de corpo e de alma, que tamén lavo a alma, trato de lavala, con aquelas oracións que me ensinaron os avós: Con Deus me deito, e con Deus quero levantarme; que a Virxe María me cubra co seu manto, tanto que me leva abrigado!

Como ía dicindo, primeiro ordenar, desenmarañar, as ideas matutinas; despois o almorzo; e a continuación cambiar o pixama pola camisa, ¡que só a cambio unha vez ao día, e non coma eses políticos do meu país, que ata deben ter un camerino nos seus autos, escuros, blindados, pois cada vez que os vemos saen diferentes, outros! Así me explico que teñan, que necesiten, tantos ingresos, tantos como personalidades representan; ¡infinitas! ¡Meus pobres, que papelón o seu, pois supéranlle á Santísima Trindade, que Deus, o Fundador, o Creador, é máis humilde: confórmase con tres papeis, só tres, e aínda así cústanos entendelos!

Con esta liturxia persoal, o paso seguinte, desde que nesta, vosa, casa vivo… ¿Por que será que ninguén se cansa de ofrecer a súa casa, miña/vosa, aos amigos, e nunca o facemos con eses mendigos que piden, e dormen, aí mesmo, na beirarrúa, nuns cartóns, que por veces nin manta teñen? ¿É que os mendigos non son amigos? ¡Ah, si; xa o teño: estamos en España, e non en Samaria, que queda lonxe; aquí non hai fondas para encargarlles que coiden ao peregrino, ao desvalido! Levitas, si, pero eses teñen abondo con cargar coa levita: pasan levitando! O seguinte, digo, é baixar ao quiosco, onde teñen de costume reservarme El Progreso. ¡El Progreso, nada menos, pois para retroceso, con ver tele…! Cando estaba subscrito traíamo á caixa o carteiro, pero, ¿sábados e domingos? ¡Estes “mercurios” actuais non teñen ás nos pés, así que necesitan descansar, que abondo traballan os cinco días, co que pesan as facturas; tantos sobres, e todos cheos de xustificantes inxustificados, que se aínda fose diñeiro…! Pero eses envelopes, os do diñeiro invisible, danse en man, a quen teña a man larga…, que non é o meu caso! ¡Mellor así, que menos purgatorio terei, e os fillos, se Deus lles dá saúde, xa o irán gañando, coa suor da súa fronte, que é máis digno que facelo coa do próximo, coa de enfronte!
Díxome o quiosqueiro:

-Se eu mandase, mandaría, prohibiría, ter periódicos nos bares, que non deixa de ser un estraperlo; mire aí enfronte, nese bar Castilla, cada cliente con seu periódico na man, e para iso só pagan un cafeíño, e por veces, sen sequera unha “nube” de leite! ¡Mal para o quiosqueiro, e nada mellor para o barman, que lle ocupan un espazo, media hora ou máis, polo equivalente ao custe dun periódico! ¿É, ou non é, estraperlo?

Vireime, e vin…, o que despois direi!

-Rapaz, déixame aquí El Progreso, pois, agora que o dis, tamén desexo un cafeíño deses, e á volta retiro o meu periódico, que eu pago; xa che paguei, non si?

Decidido, entrei no Castilla, que a tal momento máis merecía o nome de ¡Castelo!, pois neste castelo, un de cada lado, coma dous duques no seu adarve, precisamente por xunto da cristaleira, estaban…, os “duques” de marras! Cada un con cadanseu periódico. Ela dixo:


-De ti, meu querido Abel, namoreime… ¿Como se di? ¡Platonicamente, non si? Pero vouche confesar que teño outro amor, tamén secreto, íntimo: ¡e chámase Francisco, que é o único que che quero dicir, pois o resto é…, da miña intimidade!

O vello verde, que a estas alturas xa o teño por verde, ou, polo menos, reverdecido:

-Seguro que me estás falando do Papa, que neste periódico, no que estou lendo, tamén o cita; con moito encomio, por certo. ¡A verdade é que caeu ben, un guante branco!


Eu, a tal momento, púxenme a matinar: ¿Por que lle dará á xente por expresarse así, dicindo a cada paso, “a verdade!, “se che digo a verdade”, “a verdade sexa dita”, etcétera, un longo etcétera? ¡Con esas expresións están declarando que non sempre son verdadeiros; que só falan, que só se expresan con verdade cando tal invocación fan! Tomei nota, que teño que escribir algo, moito, deste “tema”, que é como tamén se di, veña ou non a conto. Aínda non acabara de apuntar isto cando a nosa Eva lle respondeu ao seu Abel:


-¡Ata aquí non caera na conta do por que a Igrexa non deixa casar aos Curas: hainos tan simpáticos que non terían unha, senón un harén, e daquela, os demais, os vulgares, que? ¡Nese caso, maldito un varón entraría nas igrexas, polo menos nas católicas!

-¿Os outros? ¡Ata terás razón; pero non sigas por ese camiño, pois, se me pos celoso, vouche retirar a chave, e con iso tereite secuestrada na túa habitación…; na habitación, non, na casa, porque terás que seguir cociñando, e de bicos, cero!

-¡Xa! E ti, no súper, de parrafeo coas caixeiras? ¡Sigamos como estamos, pois o politeísmo é caro, que tes abondo con pagar tres euros por dous cafés, e menos mal que non cobran os periódicos! ¡Ao que chegamos, pero estívonos ben empregado, tan aburridos que nos tiñan aquelas desvalorizacións da nosa pesetiña!


Paguei e larguei, pois, para falar de economía chegoume co Banco, coa Escola de Comercio, e coa UNED. ¡Estudei ata os sesenta anos, que xa é calvario! Aínda así teño periódicos, e programas de radio, da radio e da tele… ¡Nada, que non me gusta o masoquismo, así que vin de volta, a toda présa, para facer os encrucillados, pois estes, polo menos estes, teñen solución, solución demostrada, demostrada e demostrable, indiscutible! ¡Como na cidade non hai, non temos, montañas para escalar, escalamos nos encrucillados, arriba e abaixo!
-.-


Praia de Riazor, saturada de folgazáns.

¡Pero esta parella, que nin que fosen os nosos dobres, topándonos con eles a cada intre: primeiro, na Praza, e agora, en Riazor! Desde que baixou o sol un pouquiño, pois eu téñome, e témonos, por incompatibles, que abondo papamos na nosa estadía sahariana, a miña Estrela díxome:

-Agora que tomei o Sintrom, apetéceme saír de paseo, tal que polo miradoiro da praia…

¿Desde cando foron ordes os desexos dunha muller? ¡Desde Eva, por suposto, aínda que Adán tivo unha atenuante, que se lle quedou a mazá no nó da gorxa, un arrepentimento tardío! E mira ti por onde, arrimados ao enreixado da Coiraza…, Eva, Eva co seu Abel! Persigneime, e a miña rapaza, abraiada:

-¿Viches o diabro, ou escandalízaste por esas miñaxoias tan arruinadas, tanto, que xa non teñen para mercar xustillos? ¡Pois non é a primeira vez que vés á praia!

É de mala educación sinalar co dedo, pero eu fíxeno, porque só fun capaz de articular:

-¡Aí, aquí abaixo!

Agora foi ela a que se fixo de cruces; eu seguín:

-¡Isto é un meigallo, e resulta que temos a Rouco Varela en Madrid, que aínda o vimos onte na tele, que ata sería cousa de telefonarlle para que nos mande un dos seus exorcistas!

-Nela cúmprese aquel chiste do Pepiño de Paraxes, cando dixo que as mulleres, antes, gardaban o cu nas bragas, e agora o que gardan é a braga no cu! Pois esta Eva, tal cal! A do Paraíso tiña parras, e as parras teñen follas, pero desde que mercamos nos chinos, co aforrallóns que son, nin do tamaño dunha folla!

-Estasme dando a razón, ou non te lembras que che dixen que os tiña por dous vellos verdes? Verde el, pero ela nada menos, que se pon Cara al Sol, e sen camisa! ¿Que digo sen camisa, sen sostén, sen vetillos! Mais, de ben pensado, para que? ¡Co pouco que lle queda, para que escondelo?

A miña, que as capta voando:

-¡Mira que es atusmón! A Venus de Milo tampouco usaba bikini, e nin con esas escandaliza! Presumes de saber moito, pero aínda non sabes que Deus criounos nus, e se aqueles avós acudiron ás follas da parra foi…, porque aínda non había esas tendas dos chinos!

Estaban alí abaixo, tan cerca que, a pouco que nos estirásemos, dariámonos a man; por esa prudencia disimulamos a risa que nos tentaba, aos dous!

-Xa non che interesa o que se din? ¡Podo retransmitircho, pero poñámonos de costas á praia, que igual nos recoñecen, de tanto vernos, nunha reciprocidade sospeitosa! ¡Atende!

Ela, a tal momento, dicía:

-A primeira vez que unha praia vin, foi en Foz, que me invitou miña madriña, unha irmá de meu pai, e desde aquela nunca tiven pracer meirande que o de ver as olas bicando na area. ¡Como se queren, e co distinta que é a auga e mailo areal!

Abel:

-Muller, quérense por iso, precisamente por iso, porque son…, complementarios! Se non mo tomas a mal, tal que ti e mais eu, e iso que non nos complementamos…, por aquela esixencia que debo cumprir, aquilo das dúas habitacións!

-O de bicarse non entrou no trato, que xa o fixemos…; con castidade, iso si!

-De Foz, ademais das olas, que lembranzas conservas? ¡Eu tamén coñezo esa praia, que acompañei á miña avoa, que de gloria goce!

-¿Lembranzas? Agora que o dis…; o que nunca esquecín, nin entendín nin esquecín, é que alí, uns da fonda, se empeñasen en chamarlle Catarina á tía Manuela, pero non me atrevín a pedirlle explicacións por si…, por se dera o nome cambiado…, para que non soubesen que, fóra de Foz, era Sor Manuela!

El, Abel, aclarou (Xa eu viñera observando que sempre tiña argumentos con aquela Eva, con aquela neta da outra Eva):

-Muller, aquilo era un xenérico, que lles dicían así ás vellas porque…, porque non lle consentían á auga que lles pasase dos xeonllos, fosen, ou non, monxas! A virtude, daquela, era tan longa coma as súas saias, que lles baixaban, polo menos, aos xeonllos, e para iso ás desinhibidas, que as outras…, as outras ata os xeonllos!

-¡Ai, Deus, que me dis! ¿Así que era por unha cuestión moral? Deste pecado, mañá mesmo me confeso…

-¿De que, de ter un noivo platónico?

-¡Non es tan listo como te fas! ¿De que vai ser, de que estiven nesta praia, xunto coas pecadoras, ensinando os dons que Deus me deu?

-Querida Eva, non me dixeras que aquela análise che deu…, estéril? ¡Daquela as túas mamilas son beatíficas, tanto coma o brazo de Santa Teresa, aquel que levaba Franco consigo, sempre, no coche, para que non lle saíse a Santa Compaña dos que morreran por culpa súa! Como Teresa lle propuxera a seu irmán pasarse á terra dos mouros, dos islamitas, para ascender a mártires, aquel Franco, o dos mouros, fiábase máis da reliquia que dos propios da súa escolta! Neste caso, ti, con unhas mamilas tan puras como poda ser o brazo da Santa…, o que temos que facer contigo é adorarchas!

-¡Pillabán, que tes saída para todo!

-Falando de saír, irémonos, que xa se está indo a xente do noso redor, e só quedo eu para admirarte…, para adorarche esas cousiñas!


Puxéronse enriba a roupa que se quitaran, e para nós foi coma se baixasen o pano dun teatro, que nos quedamos sen espectáculo!

-¿Nós, que?

-Maridiño, agarda un pouco, ata telos lonxe, para que non nos descubran, que así podemos seguir de espreita, que estes por aquí deben vivir, xa que tantas veces coincidimos.

-Nós, a próxima, a Foz? Entroume a curiosidade de comprobar, in situ, se quedan Catarinas…

-Para Catarina a túa muller, aquí presente, que nin á area baixou!

-Pero foi porque traías zapatos…; ¿si, ou non?

-En zapatos vin, pero a próxima, en sandalias, que vou baixar, e facerme amiga desa muller tan virtuosa, que non o son todas, hoxe en día!

-¿Virtuosa, e quítase o vetillo?

-Pero faino na praia, porque…, porque lle lembra o Paraíso; ¡a culpa é de súa madriña, por poñerlle Eva!

Nada se me ocorreu para replicarlle, así que tamén fixemos mutis, camiño da nosa casiña, pero con unha particularidade: que, aínda que foi por poderes, nós estamos casados!


Os poderes casáronnos, e Iberia uníunos.
-.-

Como chove miudiño, como miudiño chove; como chove miudiño pola banda de Laíño, pola banda de Lestrove. Miña Rosalía, iso sería nos teus días, pois agora, concretamente desde que teño acordanza, que é igual a dicir, desde que don Hermenegildo retornou os mouros a Covadonga, levándolle a contraria a don Pelaio, o Fillo do Trono, que igual o fai de cabreado, en honor ao seu prestixio, día arriba ou día abaixo, estanos mandando unhas treboadas de moito raio! En vista diso, nin fomos a Compostela nin abrimos a ventá, atidos aos festexos televisados; e como tamén coincidiu o Papa en Sao Paulo, entre Paulo e Santiago, festa caseira!

¿Que sería da Eva e do seu Abel? ¡Nin deles nos acordamos! No tempo sobrante dinlle un repasiño ao Quijote, que boa falta nos fan as súas leccións neste tempo tan pouco cabaleiresco…, para coller moral! ¡Ai se tivésemos un Sancho Panza, outro, para rexer esta illa Barataria chamada España, doutro nome, Hesperia, que seica significaba “Terra de coellos”. ¿Ou sería, “de raposos”? Pensándoo un pouco, ¿a quen se lle ocorrería iso de compararnos coa pel dun touro posta a secar, colgada dos Perineos? ¡Talmente! Dos Perineos para aló, euros; e deles para abaixo, ecos, resonancias, tauromaquia… Pero non é sa matinar niso, así que, aguantemos a chuvia en silencio, que nunca choveu que non escampase!

O que fixen foi abrir correo, a lot of: ¡Deus, canta imaxinación lle botan algúns, e logo están esas filmacións turísticas, que dan ganas de irse ao Ceo para ollar desde arriba! Nun deles ata me cabreei, que botaron unhas vistas de Navarra, cos pobres cabalos do monte a galope, asustados polo bruído do helicóptero das filmacións. O dito, non temos remedio: No Sur, tauromaquia; e no Norte, maltratando aos cabalos. Menos mal que o de Santiago, o branco, despois de cerrar España acolleuse a Galicia; sería para estar cerca do seu Patrón!

Co noso Santiago teño unha pregunta pendente, que xa lla fixen en Compostela, diante dos seus restos, pero non tivo a ben contestarme. Dela non se libra, pois, cando suba, coa venia de San Pedro voulle preguntar de novo: ¿Como se explica que aquí en Galicia tivésemos igrexas, parroquias, co Matamouros de patrón, antes do século IX, antes de coñecerse as stellas do seu Campo? Para min, salvo proba en contrario, iso evidencia que somos xente agradecida, que esquecéramos o seu sepulcro pero non as prédicas. ¡Ah, e tamén lle quero preguntar que tal se leva, no Ceo, con Prisciliano! ¡A min gustaríame que fosen amigos, máxime polo que ambos lle querían á nosa Galicia!
-.-

Aos  vellos que non teñan tema para falar sos, ¡que todo fai falta, pois, sen ideas, non hai, non pode haber, falas, nin sos nin acompañados!, recoméndolles a lectura dun “catecismo cívico” de fai agora un século, escrito e publicado polo mestre valenciano Pablo Solano Viton, ¡e non se me diga que só me ocupo dos ilustres galegos, séxase, dos galegos ilustres!, do que tratarei de traducir, sintetizando, algunha das súas recomendacións. ¿Fan rir, fan chorar? Do que estou seguro é de que aos vellos faranos falar, por días de vida!

O título da obra é “Urbanidad”, ¡vaia, “Código da Urbe”, pero entendo que tamén vale para o mundo rural, se é que de rural se pode falar neste, no XXI, pero aquí só vou extractar un capítulo da súa segunda lección, ou programa: “Modo de comportarse el niño con sus semejantes, y especialmente con los padres, maestros y superiores”.

Daquela, imos aló:

-¿Como nos temos que comportar cos nosos semellantes? –Con respecto, amabilidade e dozura; tendo presente que todos os homes somos irmáns.

Mal empezamos: ¿Respecto, amabilidade, dozura…? ¿En que museo se garda iso? ¿E, de existir, cobran a entrada; non será perigoso, tamén, asumir ese credo nesta xincana actual? Por se fose pouco atrevemento, parece unha afirmación demodé: ¿Somos irmáns, quedan irmáns, entregos, fraternos, fora do primeiro grado, quere dicirse, na veciñanza, aínda que non vaiamos máis aló? Irmáns é como se din, como se comportan, os frades,  uns aos outros, pero iso é…, nos conventos!

Despois vén:

-A quen debemos ter máis cariño e respecto? –Aos nosos pais, aos nosos mestres, e aos superiores en idade, saber e goberno.

¡Xa; pero…, concretamente os gobernantes, non son elixidos polo pobo? ¡Daquela non son os nosos superiores senón os nosos empregados, coa encomenda, temporal, dunha reciprocidade empresarial; un pacto é, como dixo o romano: Pacta sunt servanda! ¿Cobran? ¡Pagámoslles, así que teñen que render: contas, produtividade, exemplaridade…!

Outra:

-Por que os pais son os primeiros a quen debemos amar? E a resposta que dá o propio Solano é esta, ben rotunda por certo: -Porque despois de Deus, son os que nos deron o ser, os que nos crían, coidan e educan.

¡Hai casos, hai casos, que non é prudente, nin xusto, xeneralizar; algo queda, algo diso se conserva, pero as tormentas sociais deste, do XXI, neste cambio climático, están poñendo en perigo as colleitas. ¡Igual cómpre sementar de novo!

Solano remacha os seus cravos:

-Como podemos pagarlles o moito que sofren por nós? –Profesándolles o amor máis constante, o respecto máis profundo e a submisión máis cega.

Comezarei pola pregunta: ¿Sufrir? Non, señor Mestre, aí si que non: O sufrimento dos pais é impagable porque…, porque non existe! Amar non é sufrir, e cando se ama aos fillos, sexan eles, ou non, como Deus manda, ese sufrimento é doutro tipo: é amor, e por tanto, entrega, entrega absoluta, xenerosa, incluso heroica se tal fixese falta, así que eses sacrificios non doen, que sempre é un gozo facer os posibles polos fillos; os posibles, pero tamén os imposibles, por pesada que sexa a carga! 

En canto ao da submisión…, tamén con reservas! Submisión, non; acatamento, si! Diálogo, sempre diálogo, razoamentos, comunicación absoluta…; ¡En definitiva: reciprocidade!

Aquí paro, pois, para predicar xa están os frades, e a min, de solteiro, non me deixaron ir, e agora, de casado, non me queren, e menos en Herbón, co papistas que son, tanto ou máis cós xesuítas!
-.-

-Aí os temos, outra vez; ¡fan coma as gaivotas, que para de chover, e volven! Igual que as gaivotas do Partido Popular, relevándose no poder coas rosas! No mesmo banco, que nin que o tivesen alugado!

-Estou depilando o bigote, e tan pronto termine de aviarme, baixamos, como de paseo polo xardín adiante… Esa parella tenme intrigada, e non a deixo escapar sen facerlles a filiación!

-Pero, muller, miña periodista frustrada, ¿queres que lle pregunte ao teu, antigo, veciño, López García, se te admite en Vigo, polo menos de oínte, na súa Facultade de Ciencias de la Comunicación? ¡Mira que aínda estás a tempo, e non te quero frustrada!

-¡Xa; e despois cociña Eva, para os dous.., para os tres!

-Antes non lle prestabas atención ao teu bigote…

-Iso foi antes…, porque me conviña! ¿Non sabes que, muller con bigote, non precisa dote? ¡O meu bigote foille útil a meu pai, mais agora non ten función!


-Perdoen, pero estamos cansos de pasear… (¡íamos da casa!)…, e como nesoutros bancos bate máis o vento, ¿non lles importaría compartilo con nós?

Arrastraron os traseiros para unha cabeceira, así que nos deixaron sitio, de sobra. Foi ela a que lle contestou á miña:

-Nisto dos bancos hai que saber elixir, que non todos son solventes!

Eu, que cando quero tamén son petulante:

-Iso será nos financeiros, pero estes son de madeira, e logo que están pintados de verde. ¿O verde é a color da esperanza, non si?

O patrucio:

-Ata terá razón, que nós coñecémonos precisamente aquí, neste parque, e puxémonos a descansar das nosas andainas respectivas precisamente neste, que por iso nos paramos no mesmo, sempre, do afecto que lle collemos. Por outra banda, diso que di a súa señora do vento…, niso non reparáramos, pero, ata terá razón, que aquí abríganos esta palmeira!

Daquela atrevinme a abrir conversa:

-¡Das palmeiras sei moito…, algo; é do único que sei, que pasamos dez anos no país delas, aló en África! E vostedes, así polo acento, parecen coruñeses de sempre, deste barrio da Praza dos Touros, Leirón do Casino, e todo iso, que é onde arraigou á elite desta cidade!


O Leirón do Casino e maila Artística;
a Praza de Touros estaba á dereita.

O vello:

-Elite, ou non elite, certo é que me criei neste barrio de Garax, así chamado porque era aquí onte tiñan a súa garaxe aqueles tranvías, os antigos… En canto á miña…, quero dicir á miña compañeira, que aínda non casamos…, non hai máis que verlle as cores para comprobar que naceu onde sempre nos nace o sol aos coruñeses, ao Nacente, en Lugo!

Ela sentiuse afagada e non tivo inconveniente en sorrirnos con complicidade, chorreando simpatía:

-Como dicía meu pai, que en paz estea: Soy de Lujo, y no lo niejo; tengo un hijo en Santiajo estudiando para crejo! ¡Era meu irmán, que ese si que está no Ceo, que morreu dunha malaria, que a colleu non sei onde, de capelán da Mariña! Con isto xa sabe algo de nós, e vostedes, vostedes que fan por aquí?

Mentinlle, algo, pouco, soamente para despistar:

-Vimos a esta praza con frecuencia porque…, porque aquí sentímonos en lúa de mel, unha lúa de mel perpetua!

A miña, con ganas de afondar no coñecemento:

-O peor que ten esta praza, o único malo, é que veñen moito a pasea-los cans, as mascotas, ¿saben?, e por máis que recollan, o pis deles por aí queda!

Ela:

-Xa me decatei diso, xa, pero os canciños tamén teñen dereito a marcar o seu territorio, de paso que conversan coas cadeliñas… Isto vén a ser coma ese vis-a-vis dos cárceres, pois, sen solta-la cadea, espráianse!

Despois mirou o reloxo de puño:

-¡Ai, Deus, que tarde é, e a miña, quero dicir, a nosa cociña, apagada! ¡Ai, Abeliño, que nos perdoen estes señores, pero fáísenos tarde! Se volven por aquí seguiremos falando, que para nós, este banco, xa é da familia.

Saúdos moi atentos, e todo iso, aínda que a miña dona reprochoume non darlles unha tarxeta:

-¿Para que, muller, que estes non entran en Internet!

De momento, así acabou o conto; para o sucesivo, veremos; veremos se volvemos a vernos!
-.-



Tamén é negro, ¡era, pois igual xa non vive!, pero infinitamente máis cativo, menos que un gato! A gata, digo, a señora, que esa si que tiña pintas de gata, ¡de gata brava!, pasounos diante pola rúa Ferrol abaixo, aquí na Coruña, mesmo á altura do Palacio de Justicia. No pouco que lle vin a cara, e para iso tiven que acelerar, pero axudoume o semáforo da Praza de Galicia, andará polos sesenta: regordeta, pero áxil, pelo negro, tanto ou máis có do seu canciño, e vestida de gran señora, que se non é marquesa igual pensa que si!

Nunca tanto sentín non levar a cámara comigo, de verdade! Xa que non puiden retratalos, nin á vítima nin ao verdugo, captei este retrato alleo, prestado, para facerme entender, pero, non vos preocupedes, pois nunca un can prenderei, nin este nin outro, salvo que eu perda os tóteles!

Daquela escapóuseme un, “¡Bruxa!”, tan alto que, se non fose polo bruído dos autos que pasaban, ben me tería oído a Tal; a que me oíu, e me calmou, ou polo menos, tentouno, foi a miña dona, de par miña, ¡coma sempre, que nunca un cadeliño levou, nin levará, polo menos mentres teña cónxuxe, un cónxuxe andante! Pero aínda non o dixen… ¡É que me dá cambras teclear este caso!

O cadeliño, negro e minúsculo; a correa de dobre lazo, do estilo dos peitorais dunha besta, reata polo peito e reata por tras das patas dianteiras, cruzándose no alto do lombo. A…, ¿señora?, de uniforme non ía pero levaba paso de lexionario. ¡Algo así! Por cada paso dos seus, as patas do cadeliño, de tan minúsculas, tiñan que dar catro ou cinco, e como o pobre animal se cansou do aceleramento, aos poucos de pasarnos optou por deixar quietiños os remos, así que, ata o mesmísimo semáforo, foi a rastras, e a marquesa sen decatarse, tira que te tirarás do ramal, coa esquerda, pois na dereita levaba un bolso de…, vouno dicir, a xogo, pois era de pel de crocodilo!

Se chego a levar encima mil euros, mil euros lle ía ofrecer, naquela parada do semáforo…, para redimir ao pobre can! Debe ser a primeira vez que me sentín Redentorista; sen hábito, pero, frade! ¿Que faría despois, eu? ¡Non tiven, nin teño, dúbidas: levarllo a un dos meus amigos veterinarios, para que llo regalasen a quen sexa persoa, pois algunha queda, a Deus grazas! A alguén que evidenciase ser persoa, digo, ¡e que viva no rural! Si, no rural, no campo, para que o pobre cadeliño fose libre, e incluso chegase a casar, se é que as hai neste país, da súa raza quero dicir, que ata me parece imposible encontrar miniaturas nesta terra dos cans de palleiro. ¡A saber de onde o trouxeron, á forza por suposto, e encima, arrástrano!
-.-

¿Onde está a xente, hoxe? ¡Por excepción, na praia, non, que tocaron a defunto, así que están dentro, todos, o barrio enteiro! ¿Iso…?


¡A traxedia de Santiago, no xeográfico; a traxedia de España, no campo das responsabilidades! ¿Como? Simplemente, polo noso afán de chupar cámara: Obras mal planificadas e mal adxudicadas; présas en inaugurar; febres de inauguración; ¡febres, en definitiva! ¿Que a obra custaba algo máis sen esa curva? ¡Coa curva custou, entre mortos e mutilados, entre mortos e lesionados a perpetuis, un cento, un cento de vidas, un cento de españois! ¿Que era máis barato? ¡Sen dúbidas botar, botar con “b” aos causantes da causa remota, pois, habendo causas remotas, prístinas, o pecado grave sempre foi o orixinal, por impune que quede o pecador/os pecadores! ¿Agora, que? ¡Agora, rezar, pois o de escarmentar…, o de escarmentar, acaso, na próxima xeración, na obra seguinte!
-.-

Dentro están/estaban, ¡como non!, a Eva, co seu Abel; ¡sempre Eva, e sempre Abel! ¿Dúas persoas? ¡Si, pero máis ben dous símbolos desta humanidade retrógrada, que se compadece do burro..., desde que vai no po! ¿Non quedou ninguén fóra; todos dentro, de xeonllos? ¡Fóra quedaron os cans, admirados de tanta estulticia, de tanta burremia, de tanta imprevisión, de tanta superficialidade! Tan escandalizados estaban, que alzaron os ollos; ao ceo, non; ao Ceo!



Volvéronse, os tres, para ve-la xente que entraba na igrexa, á vez que se dicían; no seu idioma, claro:

-¡Estes humanos, que nos teñan por cans, e fan o que non faría ningún de nós: presumir, presumir de ideas, presumir de feitos, presumir de avances científicos…!

O máis novo, o fillo do can e da cadela, atreveuse a comentar:

-¿Por que será que sempre andan dicindo panxuminadas coma estas: ¡Que perra vida! ¡Que vida tan perra! ¡Que perra é esta vida que nos tocou vivir?

A cadeliña, tan prudente, educando prudentemente no seu gromo:

-¡Non lles fagas caso, nin te doas deles, que sempre recollen o que sementan, esquecéndose de que no pecado vai a penitencia! ¡Non che son da nosa raza, senón dunha inferior, concretamente da canis lupus! O que temos que facer, nós, para que non nos confundan con eses detritus, é portarnos ben, non ladrarlle ao próximo; esixirlle, si, pero ladrarlle, non! Insisto nesta lección: No pecado sempre vai a penitencia, así que, non as fagas, non as temas! Cando se fan  ben as cousas..., ¡esa curva de tren, pero xa lle botarán a culpa ao maquinista, xa!, se hai accidentes, serán poucos, serán menos, serán cativos nas súas consecuencias.

-Daquela, mamiña, os cans non erramos?

-Os cans temos un olfacto magnífico, e chéirannos de lonxe as consecuencias; o home tamén ten nafres, e ollos, e din que incluso intelixencia, pero…, adora un ídolo falso, que o leva ao barranco!

-¿Un ídolo falso, e mais entran nas igrexas? ¿Como lle chaman, como é…, para non caer nesa idolatría!

-Nós, non, que non o temos, nin o fabricamos, nin o gañamos, e menos adoralo: ese ídolo é pecuniario, séxase, animal, e chámanlle, de mal nome, diñeiro!

O cadeliño, convencido:

-¡Me cago no diñeiro, e de paso, no seu inventor!

-Non filliño, pois o diñeiro, en si, non é malo; o malo é a avaricia, esa febre dos humanos, que o cobizan con loucura, sexa, ou non, ben gañado!

Non quixen oír máis, que me sentín avergoñado, e xurei que nunca, nunca mais, volverei a queixarme desta vida perra…, tan merecida que a temos!
.../...

Pasa a
CAMPO VERSUS CIDADE
-II-