miércoles, 25 de marzo de 2009

MEDULLIUS




MEDULLIUS


Monciro = Mons Ciro

Esta coroa de néboa
cíngueo precisamente polo val onde os circundaron con estacas.

Xosé María Gómez Vilabella


Lagoa grande de Monciro, xeada.
Fotografía de G. Fórneas.


Un pouco de lóxica militar

ANTECEDENTES OU FONTES HISTÓRICAS

Estrabón, que nos chama “Gallaice famae majores populi”. (Como no conto do Carballeira de Serés e maila bailarina do café Mercantil: ¡Ai Carballeira, árdeche o eixo? E Carballeira berroulle desde abaixo: ¡Pronto me viches, condenada!). Igualiño pasou con Estrabón, que nos viu, que nos cualificou a distancia; pero aos romanos, ademais da nosa “fama” persoal tamén lles chegou a dos nosos aurifes, a daqueles torques e fibelas que levaban os Oestrimnios, os Saefes...; os celtas, en xeral!

Floro e Orosio, por novas que recibiran de Tito Livio:

Floro, L. A. (Rerum Romanorun Epítome, II, 33,50). “En último lugar o asedio do Monte Medulio, ao que rodeaba un foxo de XV millas sen interrupción vixiado constantemente pola presenza dos soldados romanos. Cando os “bárbaros” se decataron da súa situación extrema, a porfía apresuráronse a busca-la morte no medio de banquetes, polo fogo, o ferro, e mailo veleno, que alí se obtiña das árbores chamadas teixos; así, a maior parte libráronse dunha servidume que se consideraba peor cá morte para aqueles indómitos loitadores”.




Os teixos (Taxus) son un xénero de árbores, coníferas, da familia Taxaceae, propios de zonas montañosas con ambientes frescos e húmidos; prefiren terreos calcarios. ¿Onde está unha das principais vetas calcarias de Galicia? Pois, nada máis e nada menos que, partindo de Castroverde, polos actuais Bolaño (a Croa de Xivil), Serés, a Meda, Córneas, Suegos…; exactamente o cinto xeolóxico do Mons Ciro, que só abandona o cal pola parte das Veigas dos Feás. Por se faltaban probas, esta é a terra dos teixos, abranguendo o monte do holocausto! Incluso hai un lugar acasarado, Teixeda (de Montecubeiro). Coa auto destrución, coa súa inmolación, aqueles celtiñas libráronse, entre outras servidumes, da escravitude de arrincar e carretar pedras para a futura muralla no bosque dedicado a Lugh, auténtica “caixa forte” dos romanos.

Orosio (Historiarum VII, 21, 7-9). “Ademais as partes ulteriores de Galicia… (¡Logo non son As Médulas, pois esas están na parte interior, de par de Ponferrada!), que abundantes en montañas e selvas (referíase ás carballeiras e aos bosques de bidueiros, claro está) chegan ata o Océano, conquistáronas os legados Antistio e Furnio, despois de grandes e duros combates (¡Castro a castro, ben-sei-ora!). Asediaron o monte Medullius, que se ergue xunto ao Miño (visto polas lexións andaregas, o Medulio, logo Mons Ciro, ben preto está do Miño!) no que se tiñan refuxiado gran multitude de homes; escavando un foxo de XV millas (dato que concorda co dito por Floro) en derredor, completaron o cerco”. (XV millas ven a ser o circundo de Monciro trazado polos vales que forman as súas abas. ¡Recórrano, bordéeno e comproben, que doado é, e accesible, tamén!).




Segue Orosio: “Cando aquela turba de homes vigorosos e feros se decatou de que non podían aguantar o asedio, nin competir na loita pola súa, evidente, inferioridade, decidíronse polo suicidio voluntario, por medo á escravitude. Así, todos á porfía, déronse morte polo fogo, o ferro e mailo veleno”.

Octavio (que aínda non era “Augustus”), tiña experiencia dabondo para saber que os inimigos non se deben ter ás cotas, así que despachou para acó, dez, novas cohortes, para sumalas coas vinte que andaban por Levante e polo Sur, capitaneadas polos xenerais Carisio, Antistio e Firmio. Pero, “oído ao parche”, que dicía Queipo de Llano, porque temos que leva-lo paso, xa que houbo dous tipos de guerras:



Monumento a Viriathus, en Viseu

A primeira, uns cen anos antes do Medulio, a de Viriato, en Portugal, entre Viseu e o Douro, ¡D´ouro!, que foi unha colisión co groso dos aliados, -lusitanos e galegos fronteirizos-, concentrados para facerlle fronte a un formigueiro de romanos procedentes da parte de Mérida, que ameazaban aos lusitanos fronteirizos coa Gallaecia, e por tanto, tamén a estes. Alí pasou…, “o que pasou”, dito nesta frase tan galaica que fixo súa Iglesias Corral. Di Orosio que alí (o 9 de xuño do ano 137 a. de C.) morreron 50.000, entre lusitanos e norteños. Escravizaron a 6.000, e fuxíronlles uns 4.000. (Que repasarían o Douro probablemente por onde ten agora Sandemán os seus viñedos). A “laureada” para Décimo Junio Bruto (“bruto” si que o foi, con semellante matanza!), consistiu en que Roma lle dese o cognome de “Galáico”. (“Matagaláicos” lle habería que chamar!).

¿Que fixeron os romanos a continuación? Non fai falta que o diga expresamente a Historia, pois é doado de colixir: Os poucos que quedaron vivos… (Isto hai que entendelo: romanos vivos quedaron moitos porque as vangardas enfrontadas aos luso-galáicos serían, como de costume, os terzos de estranxeiros, que sempre formaban as vangardas), ao mando de milites profesionais, e con algún reforzo restado á retagarda, non se detiveron, por suposto que non, que sempre foi de elemental estratexia explotar a moral da vitoria. Iso de arrefriar un exército vitorioso, como inexplicablemente fixo Napoleón en Moscova, trae malas consecuencias. Así que, obviamente, galláronse en dúas columnas para abranguer máis terreo; o mesmo que se fosen turistas pois a partires daquel nove de xuño o resto, franqueadas as portas da Gallaecia Sur, sería un paseo militar.

Unha columna iría bañarse á Costa da Prata, e a outra, seguramente a dos estranxeiros, ou con predominio deles, refugaron os montes da Bragança, adiantándose polas chairas de Chaves, onde se detiveron para facer unha ponte, e logo tiraron cara a Verín, pero baixando ao Lima; máis ou menos pola lagoa de Antela, onde tamén se bañaron, que boa falta lles faría, de suados que ían, por xullo arriba. De cansos, entre que se lles pasara a fogaxe da vitoria, e co sol enriba, non é de estrañar que se rebelasen ao cruzar o “río do Olvido, do Esquecemento”, precisamente ese, o Lima, que para nós é o Limia. ¡E tan Limia, xa que fixo de limiar, de preliminar do seu achegamento!



Miliarios romanos. Lobios. Serra do Xurés.

Sobre do ano 60 (a. de C.), xa nos tempos do primeiro triunvirato, viñeron, mandaron, aos legados Caio Antistio Vetus e Caio Furnio. Como era lóxico en tales circunstancias, apresuraron os adestramentos, pediron navíos a Roma para que lles gardasen as costas occidentais, e requisaron cabalos, ademais do condumio correspondente; ¡toda unha loxística! Daquela o formigueiro estaba, bulía, entre Braga (Braccara) e mailo Miño (Minius); namentres, os celtas do Norte asubiaban na coroza dos seus castros, ou detrás das ovellas no seu minifundio, na súas castras, na súa independencia castrexa. ¡A forza vén da unión, e á debilidade vaise polo individualismo, polo illamento social! Os celtas terían algún mensaxeiro, algún “corre, vai e dilles”, pero o seu sistema de poboados non era propicio para comunicarse as novas de interese xeral, e menos para organizarse, para globalizar etnias nos preparativos dunha defensa común fronte a un inimigo da potencialidade de Roma.

¿Que plans, que estratexia, traerían, e seguirían, sucesivamente, os romanos? ¿Reiniciar as operacións na Limia, achegarse a Ourense e rubir desde os Peares á dereita, polas estreituras do Sil, onde os nativos os podían abater naquelas angosturas con só roular pedras monte abaixo, e para iso por ambas orelas? ¡Isto non se lle ocorrería nin ao que asou a manteiga! O traballo que lles faltaba para atenazar esta península tiña que ser unha especie de blitz krieg, que diríamos hoxe. O Leste e mailo Sur xa eran deles, e ben sabían, ben se terían informado de que índose ao interior poderían acabar bloqueados e inmobilizados nos nós montañosos.

¿Que podían estar informados das riquezas auríferas do Sil? ¡Admitido, pero iso non urxía, que primeiro conviña cercarnos, que foi o que sempre fixeron, por tradicional estratéxica, en cantos territorios cobizaron! Tamén cumpría facer escravos con antelación, pois eles viñan a conquistar e non a cavar, que esa función reservárona, sempre, en todo tempo, en todo lugar, para os nativos, para os sometidos. Por outra parte, xa os mercadores das zonas costeiras lles terían informado de que ouro, e moito gando, tamén o había relativamente cerca da costa, en terreos máis accesibles, particularmente nas beiras do Azúmara.

É obvio que optaron por orellar o Miño, sen descartar que pola costa subise, asemade, un exército menor, comerciando, informándose, e copando os castros costeiros, que tamén tiñan a súa importancia estratéxica. A ruta para os barcos tíñana ben sabida e ben experimentada, dos fenicios e dos gregos, polo menos ata Noia. Por certo, que de Medulio no Aloia, en absoluto: nin os nativos tiñan alí ningún desespero, nin podían ser moitos; nin os romanos precisaban subir ao monte para pasar á Gallaecia Norte, que a tiñan aínda sen a súa “pax romana”; en cambio, pola parte da Ponte do Lima, e logo por Monçao, tiraban cara a Ourense con toda facilidade; mentres, en paralelo, os seus barquiños irían subindo, costeando, máis ben de noite. ¡Ninguén forza as portas tendo a chave delas!

As forzas de terra, as lexións, foron subindo, pois, cara ao Norte, en manobras envolventes, e sen saírse dos vales, tanto pola facilidade dos aprovisionamentos, esenciais e variados, das terras chas, feraces, pródigas en carnes, e tamén en froitos, como polo seu clásico orde de formacións para a marcha. Disto poderíase falar, poderíase escribir, moitísimo, pero estamos en plan de entendelo con un cómodo laconismo. O “varrido” sistemático de celtas, sen deterse moito na súa escravización pois un número excesivo de escravos ocasionáballes, ademais dun incremento en manutención, unha asignación de gardiáns, cando o seu plan, e co plan o éxito, estaba en someter a base de asaltos masivos os castros da terra cobizada. Tamén hai que ponderar que os celtas fuxidos, aqueles castrexos evacuados, irían diante dos romanos, buscando o abeiro dos bosques norteños, os bosques do Lugh, así que cadora os romanos, ao cubrir máis espazo, se sentirían máis diminuídos de forzas atacantes. ¿Escravos? ¡Xa os farían máis arriba, máis adiante, cando tivesen dominados os puntos clave da xeografía galaica!



En canto ás tropas, embarcadas tiñan que cubrir moito terreo, pero non parece probable que fixen grandes detencións ata chegar ao seo brigantino. Desde as Mariñas de Betanzos subirían algúns infantes en descuberta, que tamén era preciso cerrar o copo, así que os máis mariñeiros irían ao Cantábrico, á parte da Veiga do Eo, ou incluso ata o confín, ata o castro de Coaña, para internarse Navia arriba, pois máis aló o terreo era difícil en grado sumo.  Coas súas barquiñas máis non puideron facer, e se deron chegado ao Navia xa foi esforzo, xa. Unha estratexia para a infantería clásica, sexa por terra ou por mar, non se pode realizar só a base de ocupar puntos neurálxicos; iso veu co paracaidismo. ¿As guerras cántabras? ¡Iso despois, máis tarde, con ataques polo interior!

Pero deixemos por un momento os mapas coas frechas das columnas de penetración, cerco e ocupación, e apuntemos unhas nocións de intendencia e de armamento e construción:

Temos aos nativos da Gallaecia, aos aborixes, pegadiños ás augas correntes, ás fontes e aos bosques, que eran as súas divindades, e de paso, o seu sustento. ¿Onde estaba o terreo ideal, de arraigo; as fontes e mailos prados, as zonas de caza abundante e fácil? Pois, primordialmente, onde era fácil producir e cazar cos medios de daquela, na chaira de Lugo e nas bocarribeiras que apuntan contra o Castro Verde de Bolannio, no curso alto do Miño e dos seus primeiros afluentes da esquerda, terras feraces, de aluvión. Por outra parte, ¿cantos nativos, cantos habitantes habería daquela nestas terras de fácil e abundante produción natural? Segundo Plinio, a Gallaecia tiña uns 280.000 homes, de 24 etnias, na bracarense, que xa foran sometidos na primeira das expedicións, e quedaban libres, insubmisos, uns 160.000, ao Norte, en 16 etnias ou pobos, que eran moitísimo inimigo como para esquecerse deles e dirixirse primeiro Sil arriba, para abrir o Monte Furado e criba-lo seu ouro, á parte e ademais das dificultades orográficas xa apuntadas. Ouro tamén había noutras partes máis accesibles, como demostran os achados posteriores; por certo, que destes uns foron aos museos, e outros que…, ¡que hai que oír falar deles aos dos Filipes, (Arias e Senén), e un faise cruces!

¿Gandería? Moitas cabras, coma sempre ata o XX, nas bocarribeiras; e logo o clásico, tamén de sempre por aquí, o que mellor se deu nos prados chairegos, nestes vales abertos de media montaña, de Lugo: ovellas, vacas, cochos, cabalos… ¡Abundante e fácil despensa para aqueles invasores!

¿Alimentación, pois? Ademais das carnes e de algunha hortaliza, que nos castros atopáronse fouciños e aixadas, esperábanos os trigais de Flammoso (Flamma = chama, que tal lles pareceron de mexidos pola airexa; Chamoso = Castroverde + Corgo); e despois as castañas, ¡que non as trouxeron eles, que xa as había no país!, as landras, o millo pequeno… (O “maíz” e a pataca viñeron séculos despois, concretamente de América).



Trigales de Flammoso. (Pero agora con eucaliptos de fondo).

Explotacións mineiras? Coñecemos a súa referencia ao traveso de Plinio e de Estrabón, así como, fisicamente, por restos e pezas atopadas nas escavacións castrexas: estaño, ferro, ouro… En canto a luxos: fíbulas, torques, etcétera; traballos primorosos. A obtención do ferro incrementouse notablemente durante a dominación romana, pero máis aínda cos suevos.

¿Armas? A primeira, o “aturuxo”: forte, enérxico, sonoro, que xa define unha bravura. E logo os escudos dos nativos, “caetra”, pequerrechos e redondos, feitos de nervios de animais, trenzados; cota de liño entretecido; espadas curtas e puñais envaiñados en coiro ou en madeira, segundo os casos. Xente de a pé, infantería castrexa, e por tanto de pequenas unidades; máis ben autodefensa circular e familiar, como indican os castros; neles, as súas salas, tamén circulares, de consello. Non eran os nosos celtas xente de agruparse en columnas: eran defensivos pero non conquistadores, como foi o caso dos atacantes, das lexións romanas. O de Viriato é á parte, distinto: xente sureña, con outras circunstancias; aló abaixo foi unha especie de cruzada, seguramente predicada polos druídas. Quebradas daquela –no 137 a. de C.- as portas da Gallaecia, o resto, ata o 26, tamén a. de C., foi unha defensa domiciliaria; e domiciliaria a conquista, por conseguinte.

Con esta información , sucinta e previa, do inimigo que ían bater aqueles romanos, volvamos aos mapas do seu “Estado Maior”, ás frechas das súas columnas:

.           Braga-Barcelos, Valença-Tui, Monçao-Salvaterra,… Dúas bifurcacións de orixe: Pola beira do Miño ata pasar as angosturas de Portomarín; e pola costa, ocupando paulatina e sucesivamente as Rías Baixas. Desembarco, ou costeira, no seo de Brigantium; un faro e todo iso; outro desembarco polas Rías Altas. Pouco despois as columnas enlazarían así:

.           As que avanzaron polo Miño arriba foron dominando as cuncas do Neira, do Tórdea e do Chamoso. O Tórdea e mailo Chamoso nacen en Castroverde, nas inmediacións do Monciro; e o Neira un pouco máis arriba. Plantan campamentos: no Castro do Valverde, en Romeán, na Meda… (Meda, o Lugo antigo, o inicial, tradición que conservaron os vellos deste lugar; Medulla = médula, meollo, tuétano; o máis interior, as entrañas, dun corpo ou dun territorio. ¡Medullius, en definitiva!).

.           As forzas procedentes das rías brigantinas, de superadas as actuais Pontes de García Rodríguez, ocupan a Terra Chá, e reúnense coas tropas que seguisen Miño arriba; repoñen forzas coa carne dos rabaños dos castros, hoxe Castro das Ribeiras do Lea, Castro do Rei, etcétera. Seguramente levaron a peor parte na loita: unha, porque naqueles barquiños moitos non puideron vir; e logo que este internamento fíxose por unha zona abundantísima en castros, ademais dos xa citados; por conseguinte, moito tiveron que rezarlle a Marte. Montaron un campamento no actual Andión (e puxéronlle Andelón), para desde alí facerse coa liña deles que leva ao Mons Ciro, (Medullius): Rois, Trasín, a Graña, Maxide, Sarceda… Con isto cerraron, e fixeron evacuar, as bocarribeiras do Noroeste.

.           Se alguén veu polas vagadas dos ríos Eo e Navia, chegarían ás abas do Mons Ciro con poucos feridos de guerra pero cansos de rubir polos desfiladeiros montañosos da zona. Neste suposto o campamento poderían establecelo no castro da Pereira (Librán), punto estratéxico para corta-la retirada dos celtas que fuxisen do Alto Miño buscando a protección, o abeiro, das montañas norteñas.

A estas alturas da “blitz krieg”, dito en parámetros da época, claro está, ¿onde témo-los celtas? Pois, por pura lóxica, por imperativo xeográfico, upados, arredados nese monte que os romanos nomearon co do seu conquistador en xefe, ¡Ciro! ¡¡Mons Ciro!! E por engado, ao tal Ciro Roma premiouno dándolle as terras contiguas, ¡xubilación anticipada!, que, por suposto, colleron o seu nome, o nome dun mataceltas: ¡A actual parroquia de Cirio! (Co tempo, co cristianismo, os de Ciro coidaron que lles viña o topónimo dunha vela de cera, dun cirio, esquecéndose do seu matón fundador).

Pero aínda non describimos o célebre Mons Ciro, o mons do holocausto. Aquí volo presento, na súa aba nordesía, pero esta vez abranguido pola néboa, e non por aquel vallum, por unha cerca de estacas; para maior simbolismo, nesta fotografía aparece cuberto, cruzado, por unhas cantas estelas de condensación dos avións madrugueiros.

Para os fuxidos, para os perseguidos, este monte prometía converterse na súa última esperanza, con lagoas nos chans do cume, ¡que en ningún outro alto as tiñan!, pero non contaron con que os romanos os pecharían con aquel vallum circundante das XV millas.

Este monte, tomado en conxunto, semella un sombreiro alongado, coa curota afundida, que é precisamente onde se atopan as lagoas. Fácil de subir, aínda que sexa con feridos e con gando. Os vales dos costeiros requirían pouca trincheira e moitas estacas, doadas de obter nos bosques circundantes. Cun foxo de seu natural formado polos vales costeiros: a depresión natural de Pena e das Veigas dos Feás; un rastriño natural, no Poste de Folgueiras; outras depresións pola Agra das Sete Cancelas, Rebordaos e Serés; e tamén unha ladeira, axeitada para ser vixiada polos romanos, pola parte da Meda, Vilafrío e Córneas.

Este monte, que ignoramos como lle chamaban aqueles celtas, posteriormente Mons Ciro, ¡precisamente en honra daquel matón!, era talmente o que cadraba co sistema defensivo castrexo ao que estaban acostumados: un castro máximo, un ara grandiosa para aqueles xigantes do valor e do desespero, roídos pola impotencia fronte a un inimigo envolvente, que os atacaba, castro a castro, en sintagmas de orde cerrado, e ben escudados. Os nativos non estaban adestrados nin organizados en agrupamentos axeitados para enfrontarse a unha guerra xeométrica, de orden pechado, de filas pretas en cada sintagma de 16 por 16, encabezadas por aqueles “hastati” que alanceaban de lonxe. A valentía dos celtas, a súa guerra, estaba no corpo a corpo.



Mais, ¿quen escavou o foxo circundante naqueles puntos en que lles fose imprescindible aos seus fin de cerco? A historia triunfal escribírona os romanos, por suposto, pero, as escavacións? ¡Tanto estas coma a muralla de Lugo, os escravos, por suposto, aínda que no Medullius tiñan poucos; aínda, aínda! Para asegura-lo cerco, a gabia faríana ao seu estilo, máis ou menos coma a de Julio César ante Alesia: un foxo, co seu “agger” elevado coa mesma terra, e un valado ou “vallum”. Despois diso, esperar vixiando!

AUTORES E UBICACIÓNS PROPOSTAS

Houbo varias, porque o feito do Medulio merece “litis”, pero teño para min, con tódolos respectos ás autoridades que trataron este tema, que o fixeron na tona, sen descender a análises militares, xeo-estratéxicos, por meras corazonadas ou filias localistas, o que se di, varrendo para a súa casa, para o seu pobo, para o seu lugar dilecto.

Amor Meilán, con Vázquez Seijas, inclináronse por Castro do Rei. Ferreras, quizais por aquilo das Médulas, explotación que foi posterior, tira por León. Flórez e Macías, tamén se inclinan pola sonoridade das Médulas. Huerta pensou no Medelo, na Limia. A Schulten impresionouno o Monte Aloia, que non é mal sitio para morrer, pero aquela era só unha atalaia dos celtas; o groso da poboación lindaba as cabras aquí polo interior de Lugo, que en definitiva foi onde se fortificaron os romanos, experimentados do que aquí lles pasara, e do que aquí recadaban! De Orosio xa falei: Minio flumini inminenten. ¡Máis “inminente” có Monciro, na principal cunca do Miño, imposible!

Coido que hoxe en día algún destes estudosos, con estradas e con coches, cambiaría de opinión: o camiño faise andando, estudando as características do terreo, usos, armas, estratexia militar, pretensións, móbiles…, e non só cun mapa esquemático sobre da mesa!

A maiores, por se o antedito lles parece pouco indiciario, ¿Que me din da fundación de Lugo, no bosque de Lugh; do seu “Oppidum”? É unha constante histórica que as defensas, as fortificacións, construíronse, sempre, como caixas de seguridade para os tesouros circundantes, alí onde houbo grandes feitos de armas, grandes perigos, grandes riquezas para apropiar e para custodiar; poderosos ou temibles inimigos aos que vixiar…, de cerca! Pero esta mesma constante histórica, este encastelarse, tamén nos demostra que, á larga, non serviron para nada, ou para pouco; é sinxelo: os tempos, a xente, as armas, os transportes, as situacións en definitiva, cambian de século en século, e todo aquel esforzo, aquel previr subxectivo devén estéril…, salvo, se acaso, para incentiva-lo turismo!

Só algún exemplo, aínda que os temos dabondo; é unha constante, repito:

.           A muralla da China, despois das primeiras invasións mongólicas.

.           Esta de Lugo, feita con milleiros de canteiros celtas, que xa estaban adestrados das canteiras dos castros. Celtas sometidos na recente campaña; abatidos co desespero do Medulio, do Mons Ciro, que quedaron tan submisos como, por poñer un exemplo, os republicanos baixo a férula franquista. ¿Lograríase esa mole indescritible da nosa muralla sen unha previa “castración e doma” dos nativos? ¡Nin Isabel, nin dez Césares! Abatidos os celtas, por suposto, pero os romanos tamén tiveron as súas pois quedaron horrorizados da coraxe dos nativos, e non se sentían seguros con só os valados de Andión, de Romeán e da Meda. No bosque do Lugh, agora talado por mínimos de seguridade persoal, tiñan augas termais…; e quedáballes céntrico para vixiar o nutricio Flammoso, amén das chairas inmediatas. Coas chairas, co altiplano dominado, xa podían dedicarse a busca-lo ouro, a facelo buscar, fose no Azúmara ou máis ao interior, no Sil e nas Médulas. No inmediato Arcos de Frades aínda neste século, no XXI, se presentaron denuncias para buscar ouro…, por se quedaba algo! Lembremos aquela cifra de Plinio, de que, un ano con outro, da Gallaecia mandábanlle á Roma Cesárea, 7.000…, ¡sete mil, libras de prata, ao ano! O trigo de Chamoso, o viño de Amandi…, e se cadra, algunha galeguiña, esgotadas as sabinas!

            Outros casos:

.           As Torres do Oeste, de Xelmírez, desde que pasaran as incursións vikingas…, ¡por se volvían!

.           O Castelo de San Antón, na Coruña, despois do desembarco de Drake.

.           A Líña Maginot, por onde nunca volverían os alemáns xa que para avanzar cos tanques acaíanselles mellor as planicies norteñas.

.           E aínda onte: Os fortíns españois de Ifni (trincheiras, campos de minas, niños de metralladora, canóns, morteiros…), desde que pasara aquel ataque sorpresa de novembro do ano 1957, que nos colleu tomando whisky  e xogando ao póker no Casino Militar. Cando se fixeron, e fixaron, aquelas “posicións”, xa pasara o conflito ás canles diplomáticas.

Non me digan, tampouco, que esperaron para face-las murallas de Lugo ata os séculos II e III: ¡ampliáronas, melloráronas, ensancharon o perímetro, iso si!

.           Os romanos, xente práctica en tódolos ordes, que ben demostrado está, e non simples pensadores como os seus mestres gregos, non deixaban arrefriar unhas lexións mercenarias, nin asentarse os escravos obtidos, e menos pasarse dous séculos matinando se sería bo protexerse dos nativos, dos que quedasen sans e fortes, ¡tanta coraxe demostrada no próximo, inmediato, Mons Ciro, fronte ao Ciro!, e logo que podían refacerse demograficamente pois ben sabían eles que en tempos de guerra é cando máis se prolifera, en particular os vencidos, sexa entre eles ou por violación das nativas. Deseguida mandaron, esixiron, buscar metais, e custodialos con 2.120 metros de parede. Comparemos tamén o grosor e a altura das murallas de Lugo cos “valadiños” de Astorga, e decatarémonos do medo que tiñan en Lugo, e tamén da fondura “medulliense”, recente, deste medo.

.           Tales obras non se fan nunha xeración, e tampouco nun século habida conta do instrumental e dos carretos da época: cimentacións, achaiamentos, arrinca-la pedra, traela, subila, paredar, etcétera; iso ademais dos proxectos, interrupcións, reformas, e demais avatares propios da época, do mando a distancia, da atención a outros mesteres, etcétera.

Así, pois, aínda que non tivésemos as razóns xeo-estratéxicas arriba expostas, só con matinar na causa fundacional das murallas de Lugo teríamos indicios abondosos, exhaustivos, para crer que os fantasmas do Medullius están por aquí cerca. Pero temos máis: ¿Por que tanta toponimia sueva, tanto rastro dos suevos nesta zona de Castroverde? Tamén é lóxico: porque co abatemento dos que se refuxiaran no Medulio, no seu monte central, no Mons Ciro, estes vales herbosos quedaron sen gando e sen xente. ¡Formaban parte do terzo libre, do asignado por Roma aos suevos! Os repoboamentos antigos facíanse precisamente onde a terra era abondosa e produtiva, onde non había que desprazar nin contender cos nativos porque xa estivesen desertizados, daquela, tantos castros como había nesta contorna. Un só exemplo: Rois (do inmediato Pol) tiña, e consérvase regular, un castro; non obstante, este fermoso sitio, esta “Xunqueira”, que é o que significa “Rois” nas linguas xermánicas, suevas, colleu a toponimia que lle deron os novos ocupantes; e así, noutros lugares abandonados, inexplicablemente abandonados se non fose por efectos dunha contenda histórica, da contorna. Tamén Suegos, nas mesmas abas do Monciro, etcétera, etcétera.


Igrexa da parroquia de Cirio (Ciro), coa inscrición mutilada. ¡Deformado o nome, e deformado o seu historial!

Heroes do noso Medullius, ¡Réquiem aetérnam dona eis, Dómine: et lux perpétua lúceat eis! ¡Eu, polo menos eu, non vos esquezo, e iso que teño un patronímico suevo, ou precisamente por iso, que así serei neutral!

Xosé María Gómez Vilabella



No hay comentarios: