lunes, 3 de noviembre de 2008

OS NETOS DO MALVADO CARAVEL


 


TEATRO PARA AFECCIONADOS


OS NETOS DO MALVADO CARAVEL

Xosé María Gómez Vilabella


Os netos do malvado Caravel



¡Quen lle ía dicir ao noso esquecido Wenceslao Fernández Flórez
que neste século,
no XXI,
controlarían a situación os netos do seu "Carabel"!



Querido e admirado Wenceslao,
o teu erro, o de teu padriño,
estivo en non chamarte Darío,
pois,
daquela..., serías outro!
Xa me entendes, así que...,
¡avante toda!
-.-


Entidade: Un Banco calquera, nesta ocasión o da esquina Norte.

Época: Superada a crise do 29 (ano 1929), en España estamos noutra, na do 2008, ¡meirande e máis xeral cá primeira!
-.-

Acto primeiro

Escena única



Mesa do Parachoques

Empresario. (Ben vestido, co mellor que tiña na casa, e por suposto, de gravata)
-¡Boas! Eu son...

Caraveliño. (Que lle alarga a man, pero maquinalmente, sen apenas ollalo, sen levanta-la vista dos papeis que ten sobre da mesa)
-Non fai falta que se presente, pois, segundo me anunciaron a súa visita, pedín o seu informe, os seus antecedentes..., e neles estou!

Empresario:
-¿Daquela, xa sabe a que veño?

Caravel:
-¡E non hei...! ¿Ou pensa que neste confesionario recibimos sen un exame de conciencia concienciudo, meticuloso, exhaustivo..., previo a toda petición de indulto? Pero, agarde un pouco, que aquí pon...; aquí pon que vostede é reincidente, que xa veu máis veces, e foise posuído de tódolos diaños...; para máis agravante, acaba de formular outro "ere"! Eu, aquí onde me ve, represento ao Supremo, ao Presidente desta Entidade; son o seu parachoques; por ende, infalible!

Empresario:
-Por algo me instruíu o meu Asesor financeiro para que viñese ben acreditado, cos balances, co presuposto do exercicio entrante, coas fotos da nave, co listado de clientes e de provedores...; tamén coas escrituras das miñas propiedades, que aquí o traio, todo, ou case todo, nesta maleta. De iniciativa propia, por se isto fose pouco, e de paso, apañei as escrituras das miñas propiedades, as da herdanza da miña muller, o barco de meu sogro, as do pazo de miña sogra, as de meu cuñado..., e incluso as do noso padriño de vodas! Pero non sei se me equivocaría de mesa, que me dixeron aí abaixo, na Caixa, que preguntase polo señor Caravel, un señor moi amable; ¿serao vostede...?

Caravel:
-Isto de Caravel..., meu avó escribíao con "b" de burro, pero como eu son máis veraz, ¡máis veraz e máis veloz!, paseime ao uve de versátil. Pero non se confunda, que nós somos de Lugo, e non da Coruña, así que nada teño que ver con aquel fulano da novela do señor Wenceslao... ¡Simple coincidencia, de nome e de profesión! Tamén está que non son malvado motu proprio, limitándome ao acatamento das instrucións emanadas da cadea orgánica, piramidal, do mando financeiro, quere dicirse, de Wall Street para abaixo!

Empresario:
-Señor..., señor bancario..., pois banqueiro é outra cousa, outro concepto, fágame o favor, e deixe de ollar papeis, que xa sabe que os papeis teñen conta do que lles poñen! A verdade está nos meus ollos, e tamén nos meus beizos, nas miñas verbas, que eu son de fiar, pois, se tal non fose, non chegaría ao que cheguei!

Caravel:
-¡Xa! ¡A verse polas portas, ou case! A diferenza entre vostedes os empresarios coas entidades financeiras está en que no seu negocio viñeron fiándose de todo deus, e nós só nos fiamos..., dos fiadores! Por certo, ¿cantos trae? ¿Relación das propiedades respectivas...? ¿Certificación do Rexistro, actualizada, acreditando que seguen libres de cargas?

Como contestación, o empresario entrégalle un feixe de escrituras, que as leva na maleta, de considerables dimensións. Nisto aparece outro empregado do Banco que, sen miramentos, bisba algo na orella do seu colega.

Caravel. (Despedíndoo)
-Grazas, Gabriel, pero diso xa estaba advertido. (Agora diríxese ao cliente). A competencia acaba de pasarnos unha mensaxe na que afirman que eles non o puideron atender, simplemente porque están escasos de tesourería, cousa que lamentan, pois vostede, vello cliente seu, é un home de honor, de probada solvencia...

Empresario:
-¡Que Deus llelo pague! Xa me dixeran que ían falar con vostedes, a ver se o meu Plan de Inversións entraba nas súas reservas crediticias, para que non me tomen por un rebotado, dada a miña fidelidade a ese Banco... ¿Ve a importancia que ten estar acreditado de bo pagador?

Caravel:
-Señor, xa non estamos no século XX, no da inxenuidade; e logo que eu, servidor, aínda que me chame Caravel, non son ningún maldito, ningún paspán! Pero indo ao gran: De presente, aquí como na clínica de meu tío: ¡análise do sangue e dos ouriños; unha radiografía de tórax para saber se é un home de peito, audaz e sen escrúpulos, capaz de sobrevivir á crise actual. Ademais, Rexistro de Aceptacións Impagadas, vulgo R.A.I.; informe dun Psicólogo acreditativo de que non o acometen depresións conducentes ao suicidio...; etcétera. Despois diso, o dito, avais!

Empresario. (Treméndolle a voz)
-Prégolle que non demore a miña operación, señor..., señor doutor, que me vai a vida nisto, neste proxecto de futuro! ¡A miña, e coa miña, a dos meus, incluídos eses catro empregados que me quedan, que por nada deste mundo os quixese despedir, que traballan a razón de doce horas, seguidas, coas semanas sen fin, e logo que están recomendados..., pouco menos que polo Altísimo!

Caravel:
-¿Polo Altísimo, polo bispo de Lugo?

Empresario:
-Un respecto, señor, que por riba dos bispos están os políticos..., de momento!

Caravel:
-Daquela suxírolle que teña coidado co que di, e tamén coa forma de dicilo, que non é recomendable pedir créditos baixo presións anímicas! ¿Aínda non sabe que os Bancos estamos para prestar, para ofrecer diñeiro aos que non o precisan? Se vostede non é un deses, colla os seus papeis e pásese por Cáritas, que eu son un bo samaritano, e xa lles farei unha chamada, diso, de recomendación, pois nós non somos o Banco de marras!

Empresario. (Que non pode máis, e tárdalle por largarse, canso de pasar o pano pola súa fronte)
-Mire, como vexo que estuda as cousas a fondo, e con estes papeis, dada a súa meticulosidade, leva para largo, aquí llos deixo, que xa volverei...; ¿cando?

Caravel:
-¡Pregúntelle a Larra!

Empresario:
-¿Quen é ese Larra; cal é a súa mesa?

Caravel:
-Voulle evitar esa molestia... ¡Veña mañá, máis ben de tarde, que nos levará un día someter estes papeis ao noso polígrafo, ao noso detector caligráfico! ¡Temos tantos, e os seus veñen tan amañados...!



Empresario:
-Quédese con este habano, que é de Vuelta Abajo; acábanmos de regalar, e como non fumo, que nin ese vicio teño...

Caravel:
-Grazas, pero non admito subornos. Pódello dar da miña parte ao seu Asesor..., para que deixe de asesoralo, que con iso non fará mal negocio!

Empresario:
-¡Daquela, ata mañá..., xefe!

Caravel:
-¡Ata mañá, e no entre tanto, despida outros catro..., dos seus..., para aliviar gastos!

Empresario:
-Grazas polo consello, pero eu teño corazón!

Caravel. (Coma sempre, despectivo)
-¿Si? ¡Pois vaia poñéndolle un marcapasos!
-.-

Acto segundo

Escena I

Outra mesa do mesmo Banco.

Caravel:
-Señor Subdirector, aquí lle traio o meu Informe sobre a entrevista, e maila proposta crediticia, do último cliente que nos visitou. Estes documentos foron vistos polo Apoderado de Créditos, polo Interventor, e tamén polo Analista de Proxectos, que me dixeron que llos subise a vostede, en persoa, para explicarlle a miña análise.

Subdirector:
-Déixeme quedar..., todo isto para que repousen mentres vou tomar café; e avise aos da Comisión, que vaian pasando...

Sae o Subdirector e entran os aludidos, que os chama Caravel por teléfono.

Interventor:
-Se foses muller, casaba contigo polo ben que o fas. ¡Vaia tipo dicindo que si pero non! Calquera día danche unha..., sen consagrar!

Caravel:
-¿Daquela a que esperades para propoñerlle á Directora que me ascenda..., polo menos, a Xefe de Área!

Apoderado:
-¿De área ou de area? ¡Vaite, que temos que deliberar; e se cadra tamén o facemos diso que nos pediches, señor auto promovido!

Vaise Caravel.
-.-

Escena II

Interventor:
-A verdade é que fixen unha auditoría a fondo, que este fulano trouxo todo en regra, ¡como poucos! Xustificantes de todas e cada unha das partidas importantes, fotocopias de contratos, títulos de propiedade... ¡Unha morea, que pasei dúas horas na súa análise!

Apoderado:
-¿E...?

Interventor:
-Se este quebra, será por causas alleas á súa organización, que a dou por perfecta, tanto, que logo parece a contabilidade dun Banco.

Apoderado:
-A min o que me ten mosca é que nolo cedese a competencia...

Interventor:
-Iso pode interpretarse como que eles estean baixos de liquidez. ¡Sería cousa de advertirllo ao noso Xefe de Produción...!

Apoderado:
-Ipso facto, amigo. (Colle o teléfono e dá instrucións). -Blas, sabes algo de como lles vai aos compadres da outra esquina? ... ¿E logo, se o sabes, a que esperas para corre-la bola? Temos unha boa ocasión de quitarlles a metade dos clientes, e ti de anxo da súa garda! ... ¡Pois adiante, e a ver se o notamos deseguida! (Colga e diríxese ao Interventor) -¿Estás seguro de que ese tío non nos meteu unha Contabilidade amañada, tantos especialistas que está habendo ultimamente? ¡Mira que se ti es listo, eses amañadores das crebas fraudulentas non se quedan atrás!

Interventor:
-Coñezo a praza coma a palma da miña man, e máis ou menos sei de que pé coxean, tanto os rendeiros, eses dos que se dicía que vivían do cupón, ou dos extratipos, como os empresarios, sexan do novo ou do cuño vello. Ademais, hai unhas regras que non fallan nesta terra dos listiños...

Apoderado:
-¿Vas ter segredos cos teus compañeiros?

Interventor:
-Iso era antes, cando entrei neste Banco, que os xefes, coma as costureiras, escondían os seus trucos para que non lles pasásemos diante. Os meus son secretos a voces para quen vexa por diante do seu fociño. A saber: Sociedades de máis de dous, aquí en Galicia..., dous anos! Pais pobres, fillos ricos, e netos perdularios! Muller traballadora, home con braga! Compra a quen herdou, pero nunca a quen o gañou! Aventureiro nos negocios, montaña rusa! Para socios..., xente lista..., con tal de que abras os ollos e péche-lo cu! Empresario sen raíces..., pólvora mollada!


Apoderado:
-Para con iso, que non dou apuntado. Deixa algo para mañá, e volvamos ao cliente. O que non me entra polo ollo é a finalidade deste crédito... Será cousa de chamar ao Analista de Proxectos... ¿Pasácheslle estes documentos?

Interventor:
-¿Cando deixei de facelo?

Apoderado:
-Daquela, chámao.

Tocan un timbre e vén a Secretaria.
-.-

Escena III

Interventor, ao Botones, que entra:
-Dille ao Analista que o estamos esperando...

O aludido non se fai esperar.

Analista:
-Estaba pendente da vosa chamada, e xa me tardaba, que me ten preocupado este Proxecto. ¿Restaurar o pazo da súa sogra, especializándose en vodas..., agora que se divorciou miña propia nai?

Apoderado:
-Os casoiros non duran, pero vodas segue habendo...

Analista:
-¡Xa! ¡Pero de cen invitados, como máximo! E logo que este señor inclúe no seu proxecto unha viaxe nupcial á Lúa, quero dicir, a San Martiño de Lúa, que seica pertence a Pol; ou do que non, se é verán, á Fonsagrada, onde vai poñer uns apartamentos con música ambiental, e espellos no teito, para que se vexan elas, precisamente elas, de abaixo para arriba! No inverno, unha piscina climatizada, na praia de Gandarío...

Apoderado:
-¿Esquécese de que hai outono, e tamén primavera?

Analista:
-¡Non tal! Na primavera pensa levalos a coller flores nuns prados del, que de paso, písanllos; e no outono ábrelles un souto onde poden apañar castañas, e asalas, e comelas con mel..., que por algo se trata de lúas de ídem!

Interventor:
-Pola miña parte non o vexo tan desacertado, e de paso aproveita para darlles traballo aos seus albaneis..., agora que decaeu a construción! Con isto visto e sabido, ¿que informe lle damos ao Subdirector? ¿Algún voto persoal? ¡Ti, que tes poderes, defínete!


Apoderado:
-Xa que todo o vedes ben, eu, antes de votar, voulle botar unha ollada á filla dese empresario, pois, de tal pau tal estela!

Analista:
-Fai o que queiras, que por algo te puxeron onde estás, pero co meu regalo non contes, que se casas con esa moza, a voda sáeche de balde!

Neste intre volve o Subdirector, pero non sabemos en que quedou a cousa porque o pano vai caendo, pouco a pouco.
-.-


     
Acto terceiro

     Escena I
No despacho da Directora

Directora. (Ao Secretario):
-Avise que temos Comité de Operacións...

Secretario:
-Xa o fixen..., ¿ou pensa que por ser home non son eficiente? Na época das Secretarias, sendo eu Director..., antes de que me degradasen alegando que abría a man nos créditos..., para facer Comité tiña que chamar eu, pois a elas..., casualmente..., naquel intre tocáballes retocar a súa toilette!

Directora:
-¡Non sexa resentido, que calquera día, coa súa experiencia, propóñoo para Xefe de Produción, que eses teñen facultades para ofrecer, aínda que non para dar!

Entran os Xefes.

Escena II

Un dos que non vimos antes, chamado Próspero:
-¡Por fin chegou o meu desquite! Todos veña chamarme Próspero cando era un simple asalariado, unha especie de Caravel..., e agora, que estamos en crise, sigo sendo Próspero, o único!

Directora:
-¿Caravel...? ¡Claro; Caravel é o axeitado para darnos unha impresión persoal deste cliente... (Dá unha puñada a mesa, no montón dos papeis que están considerando). -Secretario, ¿a que espera?

Secretario:
-Señor Caravel, á escena!

Escena III

Caravel. (Que aparece cun caravel na lapela):
-¿Que, xa me ascenderon...?

Directora. (Que denega coa cabeza):
-Aínda non, pero todo se andará se segues funcionando de parachoques..., pois é o traballo máis meritorio en Banca! Fálanos dese señor do pazo... ¿Que che pareceu?

Caravel:
-Non me gustou que trouxese habanos, cohibas, de Vuelta Abajo. ¡Ese é un adepto da familia Castro!

Directora:
-En tempos difíciles convén ser eclécticos..., pois estamos pendentes de que caia ese pseudocomunismo para abrir unha sucursal en Cuba, concretamente na Habana, que nos facilitará o control das súas minas de cobre. Daquela heite propoñer para Director da mesma..., sempre que aprendas a fumar habanos!

Caravel engurra o fociño, e en vista de que non lle seguen preguntando, vaise.

Directora:
-Díxome un paxariño que temos un Xudas nesta mesa..., así que non é neutral aquel que pretenda casar coa filla do Empresario! Información privilexiada, mentres eu sexa Directora, nones!

O Apoderado aludido vaise.

Outro Apoderado:

-¿Que vos pareceu o último gol do Deportivo? ¡Así, de cabeza, que nin o noso Caravel cando xogaba no Racing!

Subdirector:
-¡Bravo, compadre, que en tempos de crise, coa depresión que temos enriba, nada como entusiasmarse co deporte! Por certo, Directora, xa fai tempo que non lle vemos as pernas no tenis...

Directora:
-¡Nin no tenis, nin no demais, pois, por solteira que estea, o meu cargo esíxeme austeridade e compostura!

Subdirector:
-Non quixen ofender, señora; tan só me refería a que sempre leva calzón...

Apoderado. (Para cambiar de tema):
-Tiñamos que ir facendo a lista das vacacións..., ¡que logo se van esgotar as prazas na Residencia do Banco!

Unha Apoderada:
-¿Xa non fas turismo erótico..., aquel das Antillas?

Apoderado:
-Iso era antes, de mozo, que agora, coa crise e coa vellez, hai que dar exemplo de austeridade..., tal e como fan os Pais da Patria!

Apoderada:
-¿Así que es pai? ¡Daquela, parabéns!

Apoderado:
-Refírome aos políticos, muller. Nas casas adoitan mandar os pais, ¿non si? ¡Pois no país, os mesmos, os da Patria!

Directora. (Chamando á orde):
-Estámonos desmandando..., ¡e os papeis sen resolver! Quero opinións...

Interventor:
-Non vin irregularidades na documentación aportada, pero..., ¡se volvemos a abri-la man, igual caemos en bancarrota!

Apoderada:
-O meu voto é positivo, que ese señor, ao promover vodas, está facendo Patria; máis cós políticos!

Directora:
-¿Votos negativos? ... ¿Ningún? ¡Daquela, aprobado por unanimidade!

Firman ao pé da Acta de concesión.

Interventor:
-Eu, cando a nomearon, señora Directora, tiven o meu receo, que iso de ser dirixidos por unha muller, despois daquel escarmento do Paraíso Terreal..., pero con vostede hai que devolverlles a honra. ¡Viva a nai que a pariu!

Directora:
-E de paso, o pai que me fixo, pois, con tal de que mandemos as mulleres, aos homes non hai por que desprezalos!

Inclínanse todos ante a Directora, e apláudena, submisos.

Sobe a música e cae o pano.
-.-


¿Que, amigo Carabel, vello colega? ¡Moito se espeliron os teus netos, estes yuppies (Young Urban Professional) de agora, non si? ¿Que che parecen as súas ridiculeces, o seu triunfalismo, a súa superioridade, esa sabenza de oído, que non de reflexión, e por tanto, mal dixerida? ¡E menos mal que aquí falaron pouco, pois os seus infinitivos e mailos seus adxectivos substantivados, lanzados ao espazo da idiotez sen orde nin concerto, están envelenando este país, este recuncho da sinxeleza e do enxebrismo! ¿Non si?

Xosé María Gómez Vilabella
-.-

O Autor non terá inconveniente en permitir que se represente calquera destas obras sempre e cando se faga co seu consentimento previo, del ou dos seus herdeiros, e, por suposto, con un mínimo de dignidade escénica. Se para entón estou reunido con San Pedro, que ninguén me interrompa; nese caso, falen cos meus herdeiros, que de seguro respectarán estas instrucións.





Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: