domingo, 26 de enero de 2014

PROFESIÓN DE FE

PROFESIÓN DE FE



Pía bautismal de Santa María de Uriz

Xosé María Gómez Vilabella




Santa María de Uriz (Castroverde). Pía bautismal de cando se bautizaba de pé, por inmersión. ¡Unha caixa de caudais, esa igrexa, pois conserva, entre outros valores, esta pía, única por estes lares, pura ourivería, en pedra, que se chegan a tela en Roma seguro que cobraban por ensinala!


Xesús, no Xordán

O bautismo por inmersión. A partir do Concilio de Nicea (325, d. C.), a cerimonia (acto) da inmersión ou ablución é obrigatoriamente tripla, e o rito (verbas) do bautismo propiamente dito, céntrase na invocación da Trindade sobre a persoa (candidato ou bautizando), con variantes segundo o rito de cada Igrexa.
O Código de Dereito Canónico de 1983 indica que o bautismo celebrarase por inmersión ou por infusión, de acordo coas normas establecidas por cada Conferencia episcopal. Calquera persoa pode acceder ao bautismo; en caso de ser un adulto, este debe manifestar o seu desexo de recibir o bautismo, e de que está instruído, previamente, acerca da fe cristiá e das obrigas que contrae, mediante un período de catecumenado.


Da carta de Paulo aos romanos. (6, 3-11). “¿Ignorades que a cantos nos bautizaron para Cristo Xesús, bautizáronos para unirnos á súa morte? Enterrámonos, logo, con El, polo bautismo, para a morte, para que, como Cristo foi resucitado dos mortos pola gloria do Pai, así tamén nós camiñemos nunha vida nova. Pois se fomos enxertados nel pola semellanza dunha morte coma a del, seguro que tamén o seremos por unha resurrección semellante. Tendo en conta isto, o noso home vello foi crucificado, para que fose destruído o corpo pecador, a fin de non servirmos máis ó pecado. Porque o que morre queda liberado do pecado.
“Se xa morremos con Cristo, cremos que tamén viviremos con El; e ben sabemos que Cristo, resucitando dos mortos, xa non morre máis, a morte xa non pode nada contra El. Porque o seu morrer foi un morrer ó pecado, para sempre, mais o seu vivir é un vivir para Deus. Así tamén, vós tédevos por mortos ó pecado, pero vivide para Deus en Cristo Xesús.
“Que non domine o pecado o voso corpo mortal, para obedecérde-las súas cobizas. Nin ofrezáde-los vosos membros como armas da inxustiza ó servizo do pecado. Máis ben poñédevos á disposición de Deus, como mortos que volvestes á vida. E ofrecede os vosos membros como armas da xustiza ó servicio de Deus. Porque o pecado non vos dominará, que non estades xa debaixo da Lei, senón debaixo da gracia”.
-.-


Etimoloxía. A verba bautismo deriva da grega bapto ou baptizo, lavar ou somerxer. De aí que “lavar” é a idea esencial do Sacramento. A Escritura utiliza o termo “bautizar” tanto literal como figurativamente. Emprégase en sentido metafórico en Feitos, I, 5, onde significa a abundancia da gracia do Espírito Santo;, e tamén en Lucas XII, 50, onde o termo refírese aos sufrimentos de Cristo na súa Paixón.
A definición do Catecismo Romano suma as definicións física e metafísica do bautismo. “O sacramento da rexeneración é a esencia metafísica do sacramento, mentres que a esencia física exprésase na segunda parte da definición, séxase, no lavado con auga (materia), acompañado pola invocación da Santísima Trindade (forma). O bautismo é, pois, o sacramento polo cal nacemos de novo, da auga e do Espírito Santo, polo que recibimos unha vida nova, espiritual, a dignidade de ser adoptados como fillos de Deus e herdeiros do reino de Deus”.
-.-


Pía vella da igrexa de Montecubeiro, na que fun bautizado. ¡Deulles noxo, e trouxeron unha nova; sería porque cheiraba de tantos pecados que nela se tiñan lavado, entre outros, os meus?

Bautizo de Emerxencia. Polo perigo de que morresen ao nacer, ou pronto, ausencia do sacerdote, ou emerxencia similar, o usual era bautiza-los nenos con auga de socorro; así: “Con intención de bautizarte, eu te bautizo (nome). No nome do Pai, do Fillo, e do Espírito Santo”. O que non se dicía era “Amén”, (Así sexa), porque non se trata dun desexo, senón dunha decisión terminante. Á Parroquia comunícaselle o antes posible, pero realizar na mesma o sacramento definitivo.
Co neno en perigo de morte pódese bautizar licitamente, aínda que se faga contra a vontade dos pais, sexan estes católicos ou non (Can. 868,2). Faise por precepto de caridade, procurando non incitar ou promover odio contra a nosa Igrexa.
-.-



Despois do bautizo veu o adoutrinamento, que llo debo a tanta xente que non son capaz de enumerala, pero si de recoñecer o agradecemento que lles debo. Como arestora están no Ceo, e teño fe neles, que ninguén me decepcionou, pídolles, xa que non leccións, que as declaro recibidas, e boas por certo, que me vaian preparando a recepción; de ser posible con pouquiño purgatorio... ¡Ah, si, os meus pecados! Foron cousa miña, a pesar do seu bo exemplo, pero como estou arrepentido, e teño propósito de emenda, pídolles un novo favor: ¡Que pidan por min ao Deus da bondade, ao Deus da misericordia, unha amnistía, un perdón xeral e definitivo, que o sangue de Cristo non sexa, non fose, derramado inutilmente por min. ¡Señor, non son digno de que entres na miña casa, así que, para que eu poida ir a ti, de favor che pido que me bautices outra vez, a definitiva; para iso, Señor, dáme penitencia en vida, e na morte salvación, que se morro esta noite, me sirva de confesión!

Ademais do Credo católico, ese símbolo ou resume da miña fe, confeso que me criei na miña aldeíña, tan tradicional que é, ¡ou era, que xa non o sei!, con un credo especial, amoroso, que o teño inscrito na introdución do meu “Historias Intra da Bisbarra Castroverde, Pol e Baleira”, que, se mo aguantades, reproducireino aquí; así teño dúas confirmacións: a relixiosa e maila persoal:

“CREO na  INTRAHISTORIA dos lugares, das bisbarras; CREO na IDIOSINCRASIA da xente singular que, para ben ou para mal, influíron, e inflúen, no ser e no actuar dos seus coetáneos.

“ARRENEGO da Historia que foi escrita se reflexa-los contextos e mailas circunstancias nas que tivemos os grandes percances, os aconteceres salientables.

“CREO no humor galego, na sutileza galega, e na prudencia galega; o que non quere dicir que aquí non se críen tolos a esgalla. Coido que todas estas virtudes, ou polo menos os seus principais ingredientes, véñennos xa dos Oestrimnios, máis aló dos Celtas, e que foron saturadas co sangue Suevo.

“Aparte de como fose o carácter, a idiosincrasia, daqueles castrexos, ¿de que outro xeito podían reaccionar naquel ámbito lugareño, de rueiro, fronte ás avalanchas multitudinarias, xeométricas, uniformes, dos romanos? Pois téñoo claro, salvadas as distancias: ¡Caracoleando, enterrando o pico, profundando, que dixo alguén; facéndose gallaécicos de adopción, pero cada vez máis oestrimnios de concentración, de filosofía! ¡Nada, que aqueles entregos coceron nunha ola de alta presión, e así saíron!

 “Despois, xa incardinados na cultura romana no aspecto externo, no da historia oficial, aló a principios do século V, viñeron os Suevos; ¡e non por casualidade! Viñeron, e arraigaron, por culpa da nosa fisterra verde e húmida, unha fisterra parsimoniosa, acolledora. Nas súas exploracións, ¿ou é que non tiñan espreitóns?, descubriron que estas terras coincidían, na facies, coas que tiñan que abandonar por presións de mala veciñanza, aló por Europa arriba; e que a xente de por aquí, refundida, mestiza, pero singulares, tamén coincidían, e moito, coa súa filosofía pastoril, coa súa cultura; cultura, maiormente, do vacún.

“CREO, pois, nun pobo que, no intra, é de tan pura raza que non se parece, ou pouco, ó circundante, poñendo o circundante moi cerca polo Este e moi lonxe polo Sur.

“¿Que é ese INTRA? ¡Nin cho sei! Quen o sabía ben era Xosé Ramón Fernández Oxea, Ben-Cho-Shey. ¡El afirmouno, e demostrouno, pero, daquela..., daquela tiña unha sobriña tan guapa que non estiven atento ao vello! Por consecuencia, quédame o da Cega. ¡cheiralo! 


A sobriña de Ben Cho Shey, moitos anos despois.

“Só sei dese “intra” que ten dúas manifestacións singulares:

“CARA A DENTRO, a saudade; que é esa cousa tan sutil, tan íntima, que apenas logrou aprehendela Piñeiro naquela concentración súa insuperable, tan eremítica da mesa camilla; e cando quixo expresala, despois de inxentes esforzos de reflexión metódica, escribir escribíuna; escribiu encol dela, con certa aproximación, pero iso é tan inaprehendible que, de tanto palillar, quedáronlle os dedos facendo mímica, ¡para tentar dicir todo aquilo que as verbas non expresan!

“CARA A FÓRA, está o noso especial humor; un humor tan noso, tan..., singular, que Celestino Fernández de la Vega tamén as tivo difíciles para explicalo; ¡e iso que se concentraba paseando polas ourelas do suxerente Miño!

“Nin Piñeiro, acobado na súa nesa, nin Fernández de la Vega, peripateando na veiga do Miño, foron capaces de facer outra cousa que a elemental de dicirnos, “¡Irmáns, isto hai, isto temos; seguide profundando!”.

“En definitiva, CREO, pois, nesas pequenas cousas que pasaron, ou que sería guapo que pasasen, e que nos foron conformando, así de complexos, así de profundos; cunha moral, pícara de forma pero excelente de fondo, ¡que xa quixésemos saber transmitila ós herdeiros!

“ABORREZO dese humor que andou por aí, e que se cadra aínda perdura, cultivado por señoritos que fixeron, ou fan, contos graciosos, ¡en galego!, ríndose, ben claramente, do galego e mais dos galegos. Non o sei explicar mellor, que eu tamén, coma a Cega, ¡non o vexo, pero, chéiroo! Simplemente iso.

“CREO, pois, nunha Galicia que pervivíu gracias ós rueiros. CREO nunha suma, nunha polifonía e nunha policromía, tan grandes, tan polinómicas e tan polifórmicas, que coido estamos maduros para entrar no Vinte e ún, con tódolos honores, por moi informático que se presente o século vindeiro.

“¿Deste libriño, que? ¡Ah, si; esquecíaseme explicalo! Non vos é un libro, polo menos deses de ler liña a liña, que este haberá que lelo máis ben entre liñas; vén a ser unha fiestra que mira ó Norte, ó Norte de miña vida, ó Norte do meu país. ¡Ten frescura por iso, porque mira ó Norte!”.
-.-


¿Que se entende por fe desde que sabemos ler?

A fe, no cristianismo, basease na obra e nas ensinanzas de Xesús de Nazaret.


O Trunfo da Fe sobre a Idolatría. Jean-Baptiste Théodon (1646–1713)

O cristianismo declara que non se caracteriza pola fe, senón polo obxectivo da fe. En lugar de ser pasiva, a fe conduce a unha vida activa aliñada cos ideais e co exemplo de vida Xesús. É, pois, a fe a certeza do que se espera, a convicción do que non se ve, pero que o temos demostrado, evidenciado, sen contradicións, na vida, nas ensinanzas, nos milagres, na paixón, na morte e na resurrección de Xesús. A fe dos cristiáns, desde que sabemos ler, é notoria, visible, palpable, indiscutible; aínda que sigamos chamándolle fe, cadraríalle mellor o termo de, EVIDENCIA.

Evidencia = Certeza clara, manifesta e tan perceptible dunha cousa, que ninguén pode, racionalmente, dubidar dela.

Desde que sabemos ler, desde que nos deixan ler a Biblia, case diría que a fe é un luxo: ¡Témolo todo na Biblia, con catro evanxelistas que nos abriron as ventás da fe para velo todo, de antemán, todo ou case todo canto dixo e fixo o Mestre, así que estou por dicir que iso da fe cega era..., antes!
-.-


Opcións na batalla da vida

Na batalla do Ceo perdeu Satanás, pero, na nosa, na cotiá, ¿de que parte nos poñemos? ¡Este é o gran dilema da vida terreal!

Apocalipse 12, 7-9. “E produciuse unha guerra no Ceo; Miguel e os seus anxos combateron contra o dragón. O dragón combatía cos seus anxos, pero non lles puido; e para eles xa non houbo lugar no Ceo. Deus botou do Ceo ó gran dragón, serpe antiga, chamado Satán e Satanás, o que fai descarreirar a tódolos homes: botouno á terra; e ós seus anxos con el”

Mateo 4, 10-11. “Entón replicoulle Xesús: -Arreda, Satanás, porque está escrito: “Só ó Señor, o teu Deus, adorarás, e só a El darás culto”. Deixouno Satán, e achegáronse os anxos para o serviren”.
Señor, na tribulación desta batalla mundana, que humildemente cho pido, mándame algún dos meus entregos, deses que nomeaches santos, para que reforcen a garda do meu anxo, pois os de Satanás abundan, seguen por aquí abaixo! Dadas as aparencias, de entrados neste século, no XXI, a menos non foron!

Ti, Señor, sacáchesme con ben de dúas guerras, da incivil por pasiva, e da de Ifni por activa; agora, nesta que libramos contra os diabros, non me deixes caer na tentación, que o diabro, ¡os diabros!, son especialistas en poñer as cousas malas, as prohibidas, da cor das rosas, como fixo coa nosa Eva, naquela batalla perdida, ¡e grazas a Ti, señor, que ofrendaches ao teu propio Fillo, Xesús, na ara da cruz! 

La sede de Satanás es la tierra. Odia a los seres humanos e intenta hacerle daño a Dios al destruirlo a usted.

La sede de Satanás es la tierra. Odia a los seres humanos e intenta hacerle daño a Dios al destruirlo a usted.

Señor, Señor da Bondade, quero estar da túa parte, nas filas do Exército bo, nas triunfantes, nas túas, nas do Ceo, onde, con toda seguridade dadas as súas obras, teño aos meus entregos. ¡Cando me chames, permítelles que me esperen nas mesmísimas portas do Ceo, para con eles servirte e adorarte! ¡Amén!


-.-


A fe, move montañas?
Móveas soamente cando é, cando tes, verdadeira fe; soamente cando estás plenamente convencido. Cando pos fe nunha cousa, quere dicir que centras nela toda a túa enerxía, toda a túa motivación: ilusións, ideas, proxectos, decisións...

“Unha fe: Eis aquí o máis necesario para o home. Desgraciado aquel que non cre en nada”. Victor Hugo.

A fe é unha ferramenta moi importante, unha ferramenta mental, de suxestión. Predisponnos cara a unha meta, cara a un obxectivo, co convencemento deque terá un bo resultado; por algo se di que a fe “move montañas”.

“O que ten fe en si mesmo non precisa que os demais crean nel”. Miguel de Unamuno.


O neto de Unamuno (Médico), Miguel Quiroga de Unamuno, coa súa dona, comendo na miña/vosa casa, coa miña familia.

Non nos debemos deixar inundar polo medo, senón pola fe, crendo nas nosas posibilidades, na nosa experiencia, na nosa capacidade, e na vida mesma. Lembremos, tamén, aquilo de que, Se a montaña non baixa a Mahoma, Mahoma debe subir á montaña. De postos a soñar nunha cousa, sigamos, porque, ¡a fe move montañas!

“Non se vive sen a fe. A fe é o coñecemento do significado da vida humana. A fe é a forza da vida. Se o home vive é porque cre en algo”. León Tolstoi.

A miña fe nos homes é relativa..., despois de certas experiencias que levo tidas, pero, ¿en Deus? ¡En Deus, absoluta; na Trindade, voluntario absoluto, e definitivo, do seu Exército! Pasada a agonía, desprendido desta carne, maliciosa e maliciada, quero sen anxo...; aínda que sexa dos da terceira, pero, Anxo! Da miña montaña, do meu monte, do meu Montecubeiro, deixadas alí as cinsas, ¡upa, Arriba, axudádeme a subir!
-.-



A obriga de propagar a nosa fe

Os laicos tamén debemos propagar e defender a fe católica pois sen ela é imposible agradar a Deus. “Sen a fe é imposible que un lle agrade a Deus, pois quen quere achegarse a Deus precisa crer que El existe e que recompensa ós que o buscan”. Carta aos Hebreos, 11:6.

Algunhas fontes, que as temos infinitas:

“Non resistir o erro, é aprobalo; non defender a verdade é afogala”. San Félix III, Papa.

De León XIII: “... é preciso que cada un entre en si mesmo, procurando con exquisita vixilancia conservar fondamente arraigada no seu corazón a fe, precavéndose dos perigos, e sinaladamente sempre ben armado contra os sofismas enganosos... Pois a fe é necesaria para a salvación”

En Romanos 10. 8:9. “Esta é a palabra da fe que anunciamos. Porque, se confesas coa túa boca que Xesús é Señor e cres de corazón que Deus o resucitou dos mortos, serás salvo”.

Condenación da desidia. Que non opoña ninguén que Xesús Cristo, conservador e defensor da Igrexa, de ningún modo precisa do auxilio humano; porque, non pola falta de forza, senón pola grandeza da súa vontade, quere que poñamos algunha cooperación para obter e acadar os froitos da salvación que El mesmo nos granxeou.

Da Encíclica de León XIII, Sapientiae Christianae, Acerca das obrigas dos cristiáns. Do 10-1-1890. 

O deber da profesión e propagación da doutrina católica. ¿Como crerán nel, se de El non teñen oído falar?

“O primeiro que nos impón ese deber é profesar aberta e constantemente a doutrina católica, e propagala, cada quen segundo as súas forzas. Porque, como repetidas veces se ten dito, e con toda verdade, nada dana tanto á doutrina cristiá como o non ser coñecida; pois, sendo ben entendida, bástase ela soa para refusar tódolos erros, e adherirse a ela. Ora ben: a virtude da fe é un gran do da gracia e da bondade divinas. ¿Como crerán nel, se de El nunca oíron falar? ¿E como oirán falar se non se lles predica?”.

Decreto Ad Gentes (Sobre a actividade misioneira da Igrexa), firmado por Pablo VI o 7 de decembro do ano1965, no marco do Concilio Vaticano II, onde se di:

“... A razón desta actividade misional baséase na vontade de Deus, que quere que tódolos homes sexan salvos e veñan ao coñecemento da verdade, porque un é Deus, un tamén o mediador entre Deus e os homes, o Home Cristo Xesús, que se entregou a si mesmo para a redención de todos. É necesario, pois, que todos se convertan a El e á Igrexa, que é o seu Corpo; que se incorporen polo bautismo”.

Padre Alberione, fundador da familia paulina: 

“Hai que achegar o evanxeo aos homes de hoxe, cos medios de hoxe en día”.
A Igrexa non parou de repetilo, de recordárnolo, desde os Apóstolos; eu só fago, e só teño, que telo presente!
-.-

Profesión de fe


Cando a miña rapaza
aínda me era descoñecida,
eu,
de lonxe, xa a oía,
e bailaba ao seu son
coa emoción de presentir
que aquela alma sensible
íase axustar coa miña,
e que das dúas nacerían
dúas criaturas,
tanto dela coma miñas!
¡Bendita guitarra que tan ben soaba
que a oín
desde as roseiras
que plantaba a tal momento,
para ofrecerlle unha rosa á outra,
á outra rosa,
miña tamén, para sempre miña.
Daquela, desde aquel intre,
dinlle a chave do meu corazón,
e ela respondeu, nas ondas do vento,
resgando na súa guitarra:
¡Amén!
Grazas, Xosefiña,
pois,
aínda que me volva xordo
na miña vellez,
conservarei a túa música,
sempre,
aló por dentro,
nese sitio onde se gardan as lembranzas
gratas.

Xosé María

No hay comentarios: