Os suevos de Bergland
Vista parcial do outro Bergland, do
inicial, en Sölden, Austria,
terra de orixe do nosos suevos.
Xosé María Gómez Vilabella
O
novo Bergland dos suevos, retratado antes de que a Concentración Parcelaria
atentase contra a súa Historia.
-I-
Tamén, ¡tamén!,
lles pasou aos nosos aventureiros, aos nosos descubridores, aos nosos
conquistadores, que ao pisar terras do continente novo, ¡novo para eles!,
invadidos, ¡eles!, pola morriña e polas lembranzas das terras ausentes, ¡pero
non esquecidas!, o primeiro que fixeron foi..., ¡bautizalas! Repetir nelas os
nomes daqueles lugares dos que desertaran en busca de aventuras..., ¡e de algo
de ouro, tamén!
Os avós,
bautizando nos netos, nese relevo xeracional que lles fai revivir a crianza dos
seus fillos, unha especie de reencarnación sucesiva, ininterrompida, tamén lle
dan as grazas a Deus, que ben o demostran co encanto, co pracer, de darlles ás
criaturas precisa e preferentemente aqueles nomes que eles mesmos levan
desgastado, de tanto usalos, de tanto que llelos levan usado.
¿Aquilo do Gurugú?
¡Si, tamén vale de exemplo! Seica o trouxeron de Marruecos aqueles heroes,
aqueles resucitados da batalla do Gurugú. ¡Alí volveron a nacer, e como ninguén
lles cría os seus dramas, pretenderon que, polo menos, se conservase o nome do
episodio, así que llo aplicaron á nova terra, ¡á vella nova terra: ese monte do
Saviñao (Lugo)! Isto, uns, pero, outros, que eran da Coruña, acordáronse do
Gurugú nun barrio da Herculina, ao que antes chamaban Falperra. ¡Perra vida,
vida fatal, pero..., houbo resurrección!
Mais vaiamos ao
Xénese da miña historia. ¡Da historia, non; da Historia, si, que Austria, cos
medios de hoxe, non queda tan lonxe; daquela, si! ¡Meus pobres, e menos mal que
os romanos fixeran vías, uns camiños empedrados, pero, o de afalarllas ás
teixas, co lentas que son estas vaquiñas, e tantas como nos trouxeron!
Dun xeito parecido
a como se descubriu América seguindo o camiño do sol, os nosos suevos, desde
Austria, fixeron o mesmo: ¡Tentaron descubrir onde, de verdade, se poñía, onde
se apoñía!
Suevos abríndose paso
Aqueles
emigrantes, fillos, ou máis ben netos, dos de Austria, desde o monte de Cobula
berraron: ¡Xa o temos, e co río Azúmara ao fondo, que, aínda que pequeno,
parécese ao noso Rin, pero este ten por afluente un... un Río Bon!
Miniatura medieval do primeiro concilio de Braga, que mostra ao rei suevo Ariamiro (dereita) cos bispos Lucrecio, Andrés e Martín de Dumio. Século X Codex Vigilanus.
Bergland es
una localidad del distrito de Melk,
en el estado de Baja Austria, Austria,
con una población estimada a principio del año 2018
de 1909 habitantes.
Se encuentra ubicada al oeste del
estado, a poca distancia de la orilla del río
Danubio, al oeste de Viena y
al este de la frontera con el estado de Alta
Austria.
Atoparon os
montes, os cubeiros, desérticos, abandonados, ¡Monte Cubeiro!, pero o que más
lles gustou, o que máis lles lembraba a terra do seu orixe foi..., ¡Bergland,
claro está; vivo retrato da súa terra, da súa procedencia, meus suevos, meus
emigrantiños; e logo que, por estar abandonado, entraba no terzo que lles
asignara Roma!
Fagámoslle caso a
MUNDIARIO que ten afirmado, publicado:
“Luego llegan los
Suevos. En el siglo V a la caída del Imperio Romano llegan a Galicia los
Suevos. Con un acuerdo, ”Foedus”, con el emperador romano Honorio forman el
Reino Suevo de Galicia, considerado el primer estado de Europa. Los
primeros Reyes de Galicia son los Suevos:
1º
Hermerico (417-438), luchas con los bárbaros asdingios. Ocupa toda Galicia,
reino en Braga.
2º
Requila (438-448). Conquista Mérida.
3º
Requiario (448-456), luchas con los visigodos. Se convierte al catolicismo.
Acuña moneda.
4º
Maldrás (456-460). División del Reino Suevo de Galicia, reina en el Sur.
5º
Frantanes(459-459). División del Reino Suevo de Galicia, reina en el Norte.
6º
Frumario (460-464).
7º
Remismundo (464-500), profesa el priscilianismo.
8ºTeodomundo
(500-550).
9º
Carriarico (550-559). Conversión al catolicismo.
10ºTeodomiro
(559-570). Todo el reino es cristiano. I Concilio de Braga. Capital en Orense.
11ºMiro
(570-583). II Concilio de Braga. I Concilio de Lugo.
12º
Eborico (583-584). Luchas civiles.
13ºAudeca
(584-585). Los visigodos anexionan el reino”.
¡Un
hurra polos suevos, fundadores do meu Bergland; e agradecido, tamén, polas
teixas que nos trouxeron, que esas si que son de leite, todo manteiga!
-.-
-II-
O que queda da torre de Burón
O Burón daquela
era, e chamábase, Burg, que así lle puxeron aqueles suevos designando unha
torre, por entón abandonada, que a fixeran os romanos para protexer a súa Vía,
aquela que unía o Lucus Augusti coa Gigia asturicense, pasando polo Llugo (Lugo
de Lanera). Romanos naquela contorna só quedaba un vilar deles aló arriba, de
par da Fons Sacrata; os da mesma, ignorando o xermano daqueles suevos, non
entenderon iso de Burg, castelo, fortaleza, así que lles pareceu que, por
asentarse aqueles suevos aló abaixo, nunha especie de buraco, o tal “Burg”
debía traducirse por Burón. ¡Son as consecuencias da confusión das linguas, xa
iniciada na torre de Babel!
O anführer (caudillo,
condutor) daqueles suevos que se detiveron no Burón chamábase, e era, Eberardo,
ebar + hard, Príncipe Duro, Valente. Eberardo chegara ao Burg da Fons Sacrata
no ano 410, polo calendario daqueles romanos, que para entón xa estaban adscritos
ao cristianismo dun tal Sanct Iago. Eberardo asentouse naquel lugar co seu
gando, atido ao foedus que pactaran
suevos e romanos: ¡Un terzo da Gallaecia, pero limitándose ás terras
despoboadas, ou abandonadas! Tiña de prole os seguintes: Andulfo, o Lobo, que
era un gran cazador, e de casado quedouse no burg de seu pai, como tal
primoxénito. Despois viña Pin, seguido de Gome, de Severo, e de Hildebrando (loitador,
un atleta ao que aínda lle estaba saíndo a barba), ademais dunhas cantas
fillas, tan machotas elas que ningún suevo as quixo por esposas, pero fóronlle
de gran utilidade ao Andulfo, ao irmán da casa, encargándoselle da facenda
miúda, que non só a gardaban, a paus cos lobos, e cando se ía a neve
tosquiábanas, para fiárlle-la lá.
Chegada a
primavera, a früling, Eberardo reuniu a familia, para encomendarlles o
futuro:
-Queridos fillos,
chegamos a ter unha terra boa, ¡outra!, que a maiores está encabezada por esa fonte
que os romanos tiñan por sagrada, por sacra, pero, sen moito andar, teño
referencias de que no entorno desta vía romana hai outras terras abandonadas,
boísimas, así que será cousa de pensar nunha ocupación urxente..., para o seu ackerland,
para poñelas en labranza, antes de que
nolas pisen os visigodos!
Pin levantou a
man:
-Despois do
morgado, o segundo son eu, así que tomo a palabra: ¡Aufmerksamkeit! Pido
e propoño repartir as teixas, e con elas por diante seguir, en exploración; seguir
a ruta da Vía Lucus Augusti-Gigia, pero en sentido inverso. Onde vexamos
oportunidades, o primeiro en escoller serei eu; o segundo, Gome; o terceiro,
Severo, e o cuarto, Hildebrando, que por este orde nos pariu nosa nai. En canto
ao gando e demais pertenzas, irémolas repartindo segundo nos despidamos uns dos
outros.
Houbo übereinstimmung,
conformidade, así que decidiron poñerse en camiño na próxima lúa chea, para mellor aproveitar o tempo. Así
o acordaron e así o xuraron, polo deus Tyr, que era o seu deus xurista, o que
daba validez aos seus contratos.
No alto da
Vacariza víronse rodeados de cabalar, pero o Pin, que ía ben informado,
explicoulles que se trataba de que nese punto da ruta ástur os romanos
cambiaban de cabalería, utilizando as de refresco; as abandonadas deron en
inzar, así que os suevos recolléronas para formar cabalgata, diante das súas teixas,
que eran máis lentas, e así foron baixando ata chegar ao Castrum do Vallis
Viridis, onde se atoparon cun pastor de lanar e cabrún; máis ben con acenos,
déronlle a entender que buscaban terreos fértiles pero abandonados. O pastor
estirou o brazo en dirección aos bolaños do Norte, así que nesa dirección
seguiron.
En Sarceda non se
cansaban de beber augas saborosísimas das fontes do Azúmara, augurio de que
seguindo aquela canle a peor non irían. Aos poucos, Pin deu un berro:
-¡Bergland! ¡Eis
aí o noso Bergland; o mesmísimo; tal cal; cravado; reproducido para nós, e para
máis primor, co Rin ao fondo!
No medio da
ladeira buscaron unha fonte, co seu rego, e mesmo ao lado puxéronse a construír
unha casiña, que como non tiñan nada mellor bautizárona como “O Pazo”, “A Casa
do Pacio”. Pin, que trouxera desde o Burón unha planta de piñeiro, plantouna
alí mesmo, diante da casa. Todo emocionado polo achado, díxolles aos parentes:
-O plantador deste
pino, eu, de hoxe en diante, chamarase Piñeira, que así tedes que nomearme;
Gome, Severo e Hildebrando, que sigan polo Azúmara abaixo, pois este país é tan
bo, ou mellor, co noso Sölden, aló na Austria Baixa. ¡Para iso collede a vosa
parte, tanto nas vacas coma neste cabalar que trouxemos da Vacariza!
Así foi como o
Gome chegou ao lugar da Olga, no que fora Caranicum romano; e dun xeito
parecido a como fixera o Piñeira, plantou un castiñeiro; despois diso non se
cansaba de fornicar coas escravas que abandonaran os romanos, para repoboar o
Caranicum, tan despoboado que quedara ao irse para o Lucus os vellos
poboadores..., segundo lle dixeron, ¡para bañarse en augas quentes, que ese era
o vicio, o luxo, dos de Lugo! Os poucos nativos que atopou dixéronlle que iso
de Lugo viña de Lug, un claro do bosque, pero Gome sempre entendeu, e sempre
pensou, que aquel nome víñalles..., do luxo, do luxo que tiñan en Lugo, así que
ordenou á súa xente que lles chamasen lucenses, séxase, lucidos, viciosos do
luxo!
¡Ó que chegou a Casa da Olga!
En canto ao
terceiro, cuarto fillo varón daquel Eberardo do Burón, Severo de nome, entre el
e mailo seu fillo, nomeado Severino, deron principio á que logo se chamaría
Casa do Fidalgo de Rois. Rois, en suevo, xa sabemos que quere dicir Xunqueira,
así que non era mala terra para pastos e para hortas. ¿Tamén tiña fonte? ¡Pois
claro; os suevos, sen fontes, secaban, eles e mailo seu gando, aquelas
teixas...!
Fonte de Rois, na actualidade.
Aquela fonte
deulle envexa ao quinto, ao Hildebrando (loitador, de nome e de feitos), así
que dixo:
-Eu non me
conformo con ser criado de meu irmán, así que vou ao Lucus por unha rapaza,
¡aínda que sexa unha escrava, pero que sexa guapa, guapa e lista!, e de casados
faremos unha xira por tras do Mons Ciro, que esas terras baixan húmidas, así
que por aí ten que haber algún vale con fontes, pero abandonado. ¡Eu tamén teño
dereito a montar..., a montar unha tribo!
Así o fixo, e de
casado con Hermelinda, ¡a cabalo, en busca de terras feraces, feraces e libres!
Primeiro chegaron a un lugarciño onde dous veciños, dous nativos, se estaban
peleando, ¡a paus! Hildebrando díxolle á Hermelinda:
-A este lugar imos
poñerlle..., ¡a fonte da Lea!, así que nós, de fronte, ar!
Máis adiante, unha
fonte fermosísima, rodeada de cardos e de fentos, dunha vara de alto, nun val
plantado a nabos, pero abandonado. Decatáronse de que os nativos colleran medo
coa proximidade dos suevos, ¡e largáranse para o Lucus!
-Hermelinda: Á
fonte, chámalle “Fonte do Cardal”, e ao nabal, o Nabal de Vaílle, que quere
dicir, un val bo pero cativo.
-Querido esposo:
¿E o resto, esas terras de por aí arriba, que tanto se parecen ás do Bergland
de teu irmán?
-A esas
chamarémoslles...; ¡xa o teño: Suegos, terra de suevos, posto e suposto que ata
elas chegaron, chegamos, os da miña raza!
-.-
-III-
¡A de voltas que
dá o mundo!
¡Como que a terra
é redonda, así que xira, e xira, sen parar! Pasaran moitos anos, ¡séculos!,
cando un Gómez da Olga, nunha feira de Mosteiro, coñeceu unha descendente do
Piñeira de Bergland, e..., ¡casaron!
Naqueles séculos,
naquel interregno, houbo cousas moi interesantes, que cheguei a sabelas grazas
ao conservadorismo dos meus entregos. Algunha daquelas anécdotas:
Ausentes os fillos,
emigrados, ¡Aufwiedersehen!, pero non houbo volta, pois os catro estiveron
moi atarefados en labrarse o porvir, ¡o porvir e mais aquelas terras abandonadas
polos romanos…!, así que a glaucoma do Eberardo, á forza de chorar polos fillos
ausentes, agravouse, tanto, que non só os perdeu de vista, a eles, senón e
tamén á fonte sacra, que non a volveu a ver. ¡Do branco da neve pasou ao negro
da escuridade!
En canto ao Gome,
á terra dos caranicum deu en chamarlle Caraño, e alí se asentou, comezando a
proliferar coa súa meirega, Adelheid, á que hoxe chamaríamos Adelaida, querendo
significar que era de condición, de condición e de aspecto ou familia, nobre. Primeiro
xeraron unha auténtica valquiria, que se parecía un montón ás tías, maiormente
no de atravesada, pero deu cun submiso e houbo casoiro; esta filla, chamada Olga,
que vén a ser o contrario de “folga”, polo seu dinamismo, que xa saíu da matriz
de súa nai berrando e pateando, foi a führer da casa paterna, a condutora, a
mandona, a responsable, así que se quedou nela de morgada, e de paso dándolle
nome, desprazando aos seguintes, que tiveron que busca-la vida por onde
puideron, por onde atoparon baleiros para o seu asentamento.
Á segunda puxéronlle
Cadegunda, que vén a significar que se parecía á primeira, pero resultou algo
máis pacífica. Casou cun mozo que fora encargado dunha villae romana, e por tanto sabía dirixi-las labranzas. Decruaron un
bo cacho do Val do Eo, e dedicáronse a sementar millo para mellor alimentar o
seu gando; de aí que lle puxeran Milleirós ao seu territorio. ¡Todo a millo,
millo miúdo, que daquela non se coñecía o outro, o americano!
O terceiro, ¡por
fin!, saíu varón, pero a morgadía xa estaba outorgada, así que tivo que
buscarse os pastos por onde Deus lle deu a entender. Aquel Gómez casou coa filla
dun tal Hermunde, doutra caravana sueva, un home pío, un auténtico druída, con
capela e todo.
O vello Gómez co fillo e coa nora e
mailo neto.
En canto ao
Severo, o varón cuarto do vello Eberardo, este desecou naquelas xunqueiras
abandonadas, que tiñan de cabeceira un castro e non quedaban lonxe da Vila de
Cirio. Ciro fora o conquistador do Mons
Medullius, e Roma asignáralle as terras da súa aba, que por deformación
fonética, ¡ou por consello do crego!, a xente chegou a confundir o seu nome co
que se lle daban a unha vela grande, cerimonial, das de cera das abellas.
O Severo, máis que
por Severo resultou coñecido polo feito da gran casa que construíu naquela
xunqueira, -unha xunqueira para os suevos era un Rois, segundo queda dito-, así
que o nomearon Neuhaussen, ¡o da Casa Nova! Este home casou cunha meirega, do
lugar de Rielo, de par de Meira, e tanto lles gustaba aos seus fillos aquel nome
que o tomaron por apelido, e así lles quedou, definitivo.
En canto ao fillo
menor do Severo, que colleu o nome xentilicio de Severino, cando oíu falar do
San Martiño de Braga encamiñouse á clerecía; ¡deixara atrás a Odín, e tamén a
Arrio, pois iso de “Braga”, cheiráballe mellor. Martiño mandoulle un exemplar
do seu “De correctione rusticorum”, para que lle servise de catecismo, así que,
para poñelo en práctica, foise para a Pedrafita do Cebreiro, ¡a predicar!
Polo que fai ao
primoxénito do Neuhaussen, Josef, seu pai houbese querido que fose sacerdote de
Odín, pero aquel rapaz saíu un mozo vergalludo, que non parou ata casar cunha
tal Estrela, Stella en latín, que era
filla dun que fora centurión do Castrum de Vallis Viridis, en Bolannio, unha
fortaleza que tiveran os romanos para protexe-la Vía das Asturias. Aquel
Centurión, como bo romano, era máis rastreiro cás cobras, así que lle propuxo
ao Josef facilitarlle dez escravos se decidía casarse ca súa Stella e asentarse
no Monte dos Cubeiros, daquela Mons Cuperyo.
-¿Ursache, mein
Schwiegervater?
Pero o outro, que
non tiña, ou non atopaba unha contestación axeitada aos seus plans, quedouse
calado, petrificado. Josef insistiulle:
-¿Por que, por que
o dis, querido ogro, digo, querido sogro? ¡Non pretendo que sexas tan franco
coma os francos, pero si algo máis explícito cós kalaicoes, vulgo ostrymnios!
-Rapaz, xa que
insistes… Ese lugar, esa bocarribeira, ese acceso noroeste da serra do Pradairo,
arriba do Bergland de teu tío, é un gran miradoiro, e está libre en canto terra
agrícola, así que encerra todo un potencial gandeiro e forestal. Para iso che proporciono
dez escravos, pero…, ¡alí hai anacoretas, e teredes que convivir con eles!
-¿Druídas, quedan
druídas…?
-¡Non exactamente!
Son cristiáns evanxelizados por aquel Iacobus, pero con tendencias panteístas,
inspirados nas doutrinas dun tal Prisciliano. Sosteñen que, suposto que Deus é
o fautor do mundo, das cousas deste mundo, montes e ríos, animais e árbores,
ceo e terra, todas esas cousas son de Deus, parte esencial de Deus, prolongación
súa, e xa que El as criou, xa que as animou, vere dignum et iustum est, equum et salutáre, adoralas! Así,
entregados á natureza, esquécense da súa, da propia, tal e tanto que nin se
casan, mais, ¡per Iupiter!, que temo un desbordamento da súa vitalidade; e que
tódolos deuses nos libren de que lles dea por vir aos meus dominios en busca de
sabinas para o seu desafogue, pois en tal caso a súa proliferación, a súa
mestizaxe, vai ser de antoloxía, que ata teremos que evacuar medio Lucus para
deixárlle-lo sitio! ¿Faste cargo?
-Fago, meu caro Schwiegervater,
que así, se a túa filla e mais eu repoboamos ese Mons Cuperyo, os anacoretas
dese territorio irán a polas túas netas, pero non polas túas mulleres!
¡Daquela, grazas, amigo!
O suevo non estaba
conforme, pero a filla do Centurión, si, e como daquela xa mandaban as
mulleres, acabou cedendo, claudicando, tanto ou máis có Claudio romano! Colleu
a súa herdanza, e botou man do cabalo para ir diante, para enfrontarse aos
eremitas no caso de presentarse problemas ocupacionais. Pero non os houbo. De chegado
á Valga do Santo Estevo,
Valga do Santo Estevo. Xa non se ve a
fonte nin o seu rego, que os achaiaron as palas da Concentración Parcelaria, así
que nada queda dos restos da súa ermida.
polas praderías do
Azúmara arriba, conferenciou co Vigairo dos eremitas chegando á conclusión de
que era unha boa simbiose: Os anacoretas orarían, e os suevos laborarían. ¡Ora et labora!, sería o lábaro da
nova comunidade. Pero faltaba un detalle, o nome daquel couto, pois os ermitáns
non llo deran, ¡que era tanto como darlle un nome ao Señor, ao Señor de Tódolos
Nomes!
Ermitáns da Valga do Santo Estevo
Díxolles Josef:
-Queridos irmáns:
Isto, esta bocarribeira, é a entrada aos cubos do monte…, coa particularidade
de que aí arriba, onde faga o meu asentamento, esas terras medio montesías,
aínda que suaves, daranme a mellor vista desta Veiga do Azúmara, pero terei que
subir ben arriba pois estas ladeiras xa son duns parentes meus, dos fillos do
Piñeira de Bergland.
-Por nós,
admitido, -contestoulle o Vigairo-, pero non te fagas ilusións pois o mundo
romanizado tende á simplificación, e chegará o día en que abreviarán iso,
quedándose en “Berlán”, que tampouco soa mal, pero perderase a nosa Memoria.
Con esta decisión,
a xente do Josef poboou as terras do couto, as de arriba de todo, quere
dicirse, arriba de Bergland. Pero volvamos ca xente do Piñeira, para saber como
lles foi na súa media ladeira:
-.-
-IV-
Para o Piñeira,
que era un pragmático, e con el os seus fillos e mailos netos, a beleza do seu berg, con aquelas pastadeiras baixando
ao Azúmara, que non as había mellores nas veigas do Rhin, era o mesmísimo ceo. Alí,
no novo Bergland, dedicáronse a decrua-las terras inherentes, comezando por
elevarlles os correspondentes paredóns das sellas ás tres fontes do seu
asentamento: a Fontiña, cabe da que plantaron unha nogueira; a Fonte Grande, e
mailo Rego de Bergland, pois nunca suevo houbo que non comezase por adora-las
fontes. Isto dos mananciais foi o seu tesouro máis prezado, que sen fontes, por
moito que lles regalasen un terzo do país, nunca houbesen repoboado aquela
Gallaecia anárquica dos romanos, da que o único que lles importaba era a súa
requisa dos minerais, do trigo e do viño, desprezando o resto da xente e da
campía. Mais, como no pecado sempre vai a penitencia, ¡sempre!, agora, polo
século XXI arriba, esa muralla que nos obrigaron a facer no seu Lucus para
acubilla-las rapinas, sérvenos de caldo de cultivo para que nos visiten os
turistas, entre outros, os propios descendentes da loba capitolina.
Así
comezou a historia do noso Bergland, que non se perdeu de todo pois
pasou das lareiras aos ordenadores, instrumentándome a min, que fago de ponte,
e a moita honra! ¡Pola Patria fago o que sexa, que xa estou afeito!
Mentres construían
a súa casiña, ¡o Pacio!, de pedra da canteira do Carballo do Val, e de lousa da
Mouriña, con vigas da Regueira, os suevos de Bergland, cos seus parentes e
demais servidores, montaron unhas tendas de peles na Carballeira Grande. Non
eran moi confortables que digamos, pero aqueles carballos abeiraban do Norte,
que xa é moito. Collámolos nunha das súas conversas da lareira, onde unha das
noras lle dicía ao seu marido:
-¡Que leda me tés,
querido esposo, por traerme ao teu Bergland! Se algo queda daquel paraíso do
que nos fala a Biblia, este é o lugar, o seu emprazamento.
-¿Gústache olla-lo
río, o Azúmara, o noso Azúmara dos Muíños? Daquela, cando chegue o verán, voute
levar para que te deas un baño a corpo enteiro, como facía a vosa Venus, que
seica se lavaba de arriba para abaixo e de abaixo para arriba, incluído o seu
monte, pero…, ¿e se te ven os anacoretas desa Valga do Santo Estevo? Teu pai
díxome que non hai anacoreta que non sexa tentado da carne, maiormente da
carne!
-Meu pai é romano,
e por tanto, un inquisidor. ¡Contigo ao meu lado, nada vou temer! Pero, por se
lles tes medo, podemos levar connosco esta ducia de escravos…
-¡Non tal, que
sería peor o remedio cá enfermidade! O que levarei será un toldo de peles, e
póñoas en catro varas polo lado da Valga do Santo Estevo…, para evitar que se…,
que se alporicen!
-¡Estás en todo,
meu ceo!
-O meu ceo só ten
unha estrela, ti, e cómpreme evitar o teu eclipse. ¡Deus, como brillas na miña
noite montesía, canto de feliz me fas! O malo é que fuches remisa en parir…
-Xa che din dous,
e agora secáronseme as regras.
-Eu quería doce…; para
fundar doce tribos, igual que fixo aquel Patriarca, o Israel.
-¡Xa! ¡E se non
tes para darlles, que emigren! Os tempos aínda non son chegados, que me dixo
meu pai que os trirremes romanos non se atreveron a pasar da Fisterra. Din os
augures que, andando os séculos, xurdirá un galego, ¡outro aventureiro!, capaz
de colarse, de reencontrarse con aqueles irmáns separados pola fractura da
Atlántida; pero, iso, para cando? No ínterim temos que conformarnos co mundo
romano, e xa non é pouco que vos concedesen un terzo, que non todos teñen, nin
terán, outra tanta herdanza!
Nunca roñaban, e
iso que eran de dúas razas; o de tronzarse os matrimonios foi un invento das
xeracións posteriores, das cómodas, das acomodadas. Comezaba a primavera, e coa
primavera todo renace, todo empeza. Pero había que darse présa coas decrúas,
paralizando incluso as obras do fogar, pois a natureza non agarda pola xente, e
as estacións son curtas, maiormente para poñer en produción aquelas superficies
que tantos anos levaban dedicadas ao deus Silvano. Os herbívoros estaban ledos:
aínda quedaban hedras nos carballos, pero xa medraba a herba tenriña nos claros
do bosque; e logo que se aproximaba a época do apareamento de moitas especies.
O malo, o penoso, era para os humanos, que tiñan que traballar desde o orto ao
ocaso, tronzando con aquelas serras de aire que tanto aire precisaban para
darlles o recorrido necesario, arrincando seguidamente as raíces da árbore
caída cunhas petas de ferro herdadas dos romanos, que as facían tan pesadas
porque eles non as utilizaban, e os escravos…, ¡para iso eran escravos, pois
canto máis derreados menos protestaban! Coa cerna daquelas árbores os artesáns
ían elaborar arados de madeira, coa punta de ferro, outro invento daqueles
romanos, tan inventeiros que todo o discorrían con tal de que lles fixesen o
traballo ao seu xeito. Pero os suevos, que viñan afeitos a sacarlle rendemento
ao gando, que non ao persoal, pola súa parte inventaran o xugo e mailas loras, así
que era cousa de manter ben as vacas para arar con elas os campos despexados.
Un xugo de museo, pero sóbranlle as
campaíñas.
Aínda sen lousar, sen
rematar, tanto a casa coma os seus alpendres, pero coas cortiñas aradas e
gradadas, o Piñeira foise co carro á de seu pai para proverse de coles,
repolos, cenorias, allos, cebolas e demais verduras de horta. Desde que
remataron aquel plantío convocou na súa carballeira a tódolos seus servidores,
parentes e escravos, homes e mulleres, e díxolles:
-Vouvos comunicar
a gran decisión da miña vida: Convenceume o vigairo deses eremitas da Valga do
Santo Estevo para que me bautice, para que deixe o arrianismo e me incorpore á
Igrexa de Cristo, á verdadeira, así que estades invitados á cerimonia, que terá
lugar mañá mesmo, aquí mesmo, na Fonte Grande deste lugar de Bergland. Daquela,
como cristián auténtico, nin podo nin debo admitir a escravitude, así que,
¡atendede!
Vou delimitar con
estacas os termos, as lindes, das terras que me reservo, ¡por suposto as
mellores!, e co resto farei grandes parcelas para todo aquel que as queira
traballar. O noso limes só terá por confíns as terras que estean ocupadas polos
romanos. Pero, calade, que non estou aquí para recibir os vosos aplausos, senón
para agradar ao Señor Xesús. Daquela, prosigo:
Aquel que se
queira quedar comigo, á miña sombra, ao meu amparo, ese tal, sen prexuízo de
recibir o seu lote de terras, considerareino criado, e terá a súa recompensa,
sexa en denarios ou en especie. ¿Non hai preguntas?
Si que as houbo,
sendo o primeiro en falar un tal Adrao:
-Vostede, polo que
entendo, está creando a freguesía do Monte Cuperyo, do Monte dos Cubos, ¿non
si?
-¡Efectivamente! E
ti quedas proclamado Comendador dos eremitas. Estableceremos un conventus nun punto central, con
xurisdición propia, cárcere, picota, e todo iso. A única conditio sine qua non que me impuxeron eses frailucos da Valga é a
de que se reservan o dereito de pernada, séxase, a prima noctis das vosas
mozas. ¡Con todo ser moito, coido que peor será continuar de escravos!
¿Aceptades?
As que menos aplaudiron
foron as mozas, precisamente elas, que xa lles tiñan posto o ollo aos eremitas,
uns homes barís e ben mantidos. ¡Así
naceu Bergland, e a partir de Bergland, a parroquia do actual Montecubeiro!
¿Que como o sei? ¡Vantaxes de ter avós!
No
centro, a torre da igrexa. Aprécianse os cubeiros.
-.-
-V-
Reunidos na Fonte
Grande, o patriarca Gomez, que procedía da Olga e casara cunha tataraneta do
Piñeira, no seu rol de Xefe, de Führer da tribo, despois de bautizado, e de
cambiado o nome, que lle puxeron Xosé María, así que viña a ser Xosé María
Gómez, séxase un novo Gome, subíndose a un penedo que había daquela por tras da
fonte, tomou a palabra e díxolle á súa xente:
-Querida familia,
xa que, como fillos de Deus, criaturas de Deus, non pode haber exclusión nin
racismos entre nós, que así vos recoñezo, como familia directa, desde este
intre, e ata onde chegue o meu mando, acabouse a escravitude. ¡En fe diso,
abrazádevos, reconciliádevos!
Así o fixeron, sen
excepción, uns por convencemento, e outros por acatamento ao novo Xefe, ao novo
Führer, transformado en Xosé María por obra e graza das augas bautismais. A
troula que alí se armou foi indescritible, e por iso o único que podo facer, o
único que podo comentar, é pedirlle ao lector que lle bote imaxinación para
decatarse, sequera un pouco, do que alí pasou.
O vello Gómez
Medio calmada a
audiencia, Xosé María volveu á falar:
-Queridos civis, queridos civilizados, pois, aínda
que Roma nos chame Bárbaros, iso, Bárbaros do Norte, eu declaro que os bárbaros
son eles, por varias razóns:
Cultivan o
centralismo, que por iso arramplan con todo o que sexa transportable, en
particular o ouro, a prata, e demais tributos, construíndo grandes murallas
para o seu almacenamento; despois, desde esas grañas, desde eses depósitos,
previos e transitorios, ¡veña carretar para Roma! Burros, bárbaros que son,
pois esa economía non é sostible, tende a esgotarse. Por iso nos concederon
este terzo da súa Gallaecia, do que, pouco a pouco, pasaremos aos tres terzos,
por abandono seu e por usucapión nosa. Pero hai que ser precavidos, temos que
estar alerta, e non só dos romanos, senón, e tamén, dos godos, ¡outros centralistas!
Nós temos o permanente, os prados e mailos castiros, así que o noso arraigo
neste paraíso vai para largo, que precisamente por iso suscitaremos a envexa
dos susoditos. ¡Coidado co centralismo, co presente pero tamén co futuro!
Un rapsodo alí
presente, ao oír esta advertencia, botou man da gaita e deu en tocar o himno de
guerra dos suevos. Xosé María fíxolle acenos para que arrebolase coa gaita,
para que a tirase na fonte:
O
rapsoda tocando a gaita galega
-¡De guerras,
nada, que iso é cousa dos bárbaros! Nós, os suevos, demostraremos a nosa
suavidade, a nosa astucia, co noso silencio: utilizar dos romanos só, e tan só,
aquilo que resulte pragmático, e no demais discorrer coa nosa cabeza. ¡Iso é
cousa dos romanos, pero tamén dos francos! Mal führer é aquel que leva ao seu
pobo a unha guerra, do tipo que sexa; deixádeo para os do século XX, pois para
daquela, Deus mediante, eu xa terei saído do purgatorio! Pero seguide atentos,
que aínda me queda moito que adoutrinar en vosoutros.
A partires deste
momento nace o Couto do Monte Cuperyo…, e nós darémoslle a cada fonte, tantas
que temos nesta contorna, un casal, o fundacional. A esta fin dispoño que a
mocidade, todos aqueles que estean en idade de procrear, que elixan parella;
pero facédeo con xeito, con sentidiño, sen endogamias, porque non admitirei
divorcios! Despois de comer volveremos a reunirnos, aquí mesmo, por xunto da
Fonte Grande, que seguirei dando instrucións.
O xantar foi de
órdago, pero como daquela non se sabía qué era iso do órdago, chamáronlle “de
Carnaval”, pola abundancia da carne: ¡Un xato á brasa, nada menos!
Desde que fixeron
a dixestión, que xa logo anoitecía, o Führer de Bergland ordenoulle ao rapsodo
que tocase retreta, xuntanza, reunión, ao redor da fonte.
-Este foi o último
xato que permitirei sacrificar…, en dez anos! De animais domésticos non
volveremos a probar en dous quinquenios…
Interrompeuno o
asnal da tribo, que os hai en todas:
-¿E iso por que,
Xefe?
-¡Deus te ampare,
que es ben burro! Dez anos é o tempo que calculo para multiplicar por cen a
nosa gandería, pitas incluídas. Mentres non enchamos as cortes, as que temos
agora e mailas que se fagan nos novos casais, só comeremos caza, caza e
froitas! ¿Estamos?
Non lles gustou a
idea, pero como un führer é un führer, acatárono. El seguiu:
-A ver, que se
poña diante de todos a parella máis moza das que formastes. ¿Vosoutros? ¡Vale,
vale! Pois, co novos que sodes, cabe esperar que cheguedes a ter dez fillos…
Por esta razón asígnovos as terras do Norte, aí onde tiñan a graña dos cereais
aqueles romanos…, para que non vos falte pan, que esas agras son boísimas para
o centeo! En canto a ti, rapaza, como tes o nariz algo fino e afiado, vouche
chamar Aquilina, así que de ti, de vosoutros, sairá a raza dos Aquilinos da
Graña!
-¿E teremos fonte,
cerquiña de onde fagamos a casa, pois a min dóeme o pescozo se carreto sellas?
–Inquiriu a rapaciña.
-¡Teredes! Ao lado
de abaixo, polo camiño que vai ás ameixeiras: a do Penedo; algo máis aló está a
do Lodeiro. A do Penedo compartirédela cos de Maxide, que así lle chamaremos ao
segundo lugar, baseándonos en que é terra de ameixeiras. Os da Graña tedes un
castro, arestora abandonado dos romanos, pero advírtovos que os castros nunca
serán de propiedade privada, quedando como fortíns..., por se algún día temos
que defendernos dos godos! A segunda parella…, ¿quen?
-¡Xefe, nós, nos
mesmos, que somos os seguintes en idade!
-Vosoutros
procrearedes en Maxide, e tamén teredes un castro, pero, igual cós da Graña,
coa obriga de coidalo en beneficio da colectividade. Como é sitio frío, teño a
esperanza de que vos abriguedes mutuamente, así que, ¡prole segura! Por certo,
como ti, rapaza, es tan esvelta coma unha palmeira, aos teus descendentes
chamareilles os Palmeiros de Maxide…, ¡se non che parece mal!
Ao comprobar que
aceptaban, pasou aos terceiros, e saíron para diante os dous máis roibos da
reunión; ela en particular parecía máis sueca que sueva.
-Mira ti por onde
esta rapaza, de tan roiba, xa é albina; daquela farei con vosoutros dúas
cousas: Á rapaza chamareille Albina, e tendo en conta o roiba que saíches,
encomendareivos os prados da Veiga do Azúmara…, para que os enchades de teixas!
Con ese talle cimbrante, baterás na manteiga que será un pracer verte, así que
felicito, desde xa, ao mozo que escolliches.
-¡Escolleume el!
–Puntualizou, coqueta.
-¡Tanto me dá, pois
a listos, tal para cal! ¿Seguintes?
-A vosoutros, a
vosoutros…, co altos que sodes, e de subidos a un pereiro aínda máis, douvos
para facer a torre do Pereiro, que ademais tedes unha fonte ben cerca. ¡O que
vos encomendo é que vixiedes que os da Terra Cha non suban polo val do Azúmara,
tal que para roubarnos as castañas deste Bergland!
Os seguintes en
idade eran dous mozos, mozo e moza, a cal máis forte:
-Vosoutros tedes
forza como para domea-lo ferro, así que, ¡ao Escouredo, ás ferreiras, para que
actualicedes esas que deixaron a medio facer aqueles romanos! ¿Rapaz, que tanto
miras para min, ou é que non che agrada a encomenda?
-Agrada, si señor,
que ata a teño por honra, pero…, ¡é que estou preocupado pola miña dona, por se
lembra iso da canción: Non te casas cun ferreiro..., por mor das muxicas!
-Pero mira que es
mirado, mirado e considerado! Daquela vouche poñer, Mirón, que significa, igual
que Miro, “o que máis, o que é máis grande, famoso e poderoso”. ¿Váleche?
-Señor, entre os
romanos, aquel que recibía honores agachábase, para demostrar que seguía
considerándose por debaixo da Autoridade; daquela, eu, que teño que facer?
-¿Non quedamos en
que somos iguais ante Deus? ¡Só te agacharás ante Deus…, e se o caso o precisa,
ante a túa muller, á que chamarei…, iso, Esperanza, a esperanza que poño nesas
ferreiras do Escouredo! En canto ás fontes, como tedes que temperar o ferro,
cando as esgotedes baixade a Ribón, que por algo é o Río Bon! Agora, como se
fixo de noite, e quedan tantas parellas como lugares sen asignar, ¡tantas
fontes que ten este Couto!, mañá continuaremos coas denominacións, se Deus quer.
No entre tanto, estas parellas cumprirán as sete noites de Tobías; quere
dicirse, que durmiredes xuntos, pero un de cu para o outro, pois no sétimo
levareivos á Valga do Santo Estevo para que un daqueles anacoretas vos bendiga,
dando así por ultimado o voso casoiro. Para o mes que vén, aquelas rapazas que
sigan tendo a regra, meteranse monxas, e frades os seus cónxuxes, pois, para
esterilidade, os desertos, e como aquí non os hai, nin os quero, outras parellas
ocuparán o voso lugar, o voso casal!
Cun ufido do
patriarca, deuse por levantada a sesión, que así quedaron establecidos os foros
de Bergland, polos séculos dos séculos, amén.
-.-
Este relato non mo
agradezades a min, senón ás lareiras, que eran os mellores, por non dicir, os
únicos libros da Historia Local, coa particularidade de que os nosos vellos
tiñan un sentido crítico, e sabían distinguir entre historia e lendas, que
agora, como todo está nos libros, ¡nos libros de cada réxime!, e ninguén os
discute, só os intelixentes saben distinguir entre verdades e camelos; isto
último é tan grave que ata non sei se valerá a pena dedicarlle toda unha vida á
investigación histórica rigorosa pois, de cando en vez, sae un listiño, deses
criados a base de mentiras, que toma por lenda o que foi certo, e á viceversa.
Para os listos de verdade aínda temos unha terceira vía, que é a novela
histórica.
Escenas
suevas
Xosé María
Gómez Vilabella
-.-
¿Por onde
baixaron? ¡Ah, iso é obvio! Os romanos, sempre con escravos, encheran o seu
mapa de vías, de camiños empedrados..., tanto para mobilizar as lexións como
para transportar as rendas obtidas nos lugares conquistados. Así que, aí os
tedes, aí os temos, os suaves suevos afalándolles ás teixas, cara ao Süden...,
a suar!
Comezaron a
baixar, pasaron os Perineos, no 409, e no 411, asentados na Gallaecia, xa tiñan
Rei: ¡Hermerico! Así eran os suevos de ordenados..., e para iso os romanos
chamáronlles..., ¡bárbaros! ¿Por que lles gustou a Gallaecia? ¡Evidente: Polas
nosas suavidades, pero tamén polos pastos vaqueiros!
Cunha
excepción: Bretoña quitáronllela os bretóns aos suevos.
Xa o di Ferrín
(Méndez Ferrín, Xosé Luis), que, “co reino suevo salvouse, en primeiro lugar, o
nome de Gallaecia, que sobrevive nos nosos días, en canto os das restantes
provincias romanas, nas que non houbo etnoxéneses, se extinguían”. ¡Tivemos
identidade galega, unha identidade ben formada, mesturada con xeito, máis
xermánica que romana!
De Coimbra para
abaixo xa ten outra mestura; parentes, si, pero só parentes.
¿Dos godos, que?
¡Por algo en Canarias nos chaman “godos” a tódolos peninsulares! Eses
parentes... No ano 585 o reino suevo deixou de existir ao ser conquistados polo
rei visigodo, ¡máis que godo!, Leovigildo, incorporándonos a Toledo. ¡Fixádevos
en que, xa daquela, comezou o centralismo!
Outro visi, un tal
Braulio, de Zaragoza, ¡seguían sendo romanos!, dixo de nós que, “En el lejano
oeste hay un estado analfabeto donde no se siente nada salvo los vientos de
tormenta”. ¡Agora xa sei de onde tirou “La Codorniz”, aquel parte meteorolóxico
do franquismo, que lle custou o peche dun mes: “En España reina un fresco
general procedente del Noroeste”. ¿Era General? ¡Si! ¿Era un fresco? ¡Si; máis
que fresco, un matón! ¡É un fado, que teñen contra nós, contra a terra dos
fados!
Os romanos, do seu
campamento de Andión (Andelón), pero tamén do de Romeán, mentres non
descubriron as termas de Lugo, pasaron á Meda, ¡que estaba no medio, igual que
os “medos”! Pero deseguida, unha vez amurallados, ¡tranquilos!, fóronse para
Lugo, deixando as boas terras..., para os caseiros: Bergland (vulgarizado
Berlán), Gondel, Suegos, Rois, Maxide, Gondar, Recesende, Belesende,
Quetesende... ¡Loado sexa Deus, que despois de Santiago concedeunos, ¿sería
pola mediación de Santiago?, a suavidade dos suevos! Contaxióusenos algo do
arrianismo, pero durou pouco, que deseguida volvemos ao rego. ¡Foi cousa de Santiago,
que volveu a interceder polos galaicos!
San Martiño de Dume (Braga),
que veu predicar a
Bolaño, daquela coñecido como Bolannius. (Bolaños = Bólas de pedra empregadas
nas máquinas de guerra antes da introdución
dos proxectís de metal).
A actividade do
Martín de Braga, apoiada polo rei, centrouse na cristianización dos sectores
rurais, ¡daquela eran os importantes!, que estaban influídos polas crenzas
pagás, pero tamén pola herexía priscilianista. Isto dedúcese do seu tratado
pastoral, que titulou De correctione
rusticorum. Pero tamén influíu na reorganización da igrexa do reino para
convertela nunha auténtica igrexa “nacional”.
Baixo a
supervisión de Martín, que xa ocupaba daquela a sede metropolitana de Braga, a
antiga Bracara Augusta, foi
transformada a organización eclesiástica tradicional, herdada do Baixo Imperio
romano, coa división do reino en 13 dioceses, que quedaron agrupadas en dous
grandes distritos ou “provincias eclesiásticas”: unha meridional, coa sede
metropolitana en Braga; e outra setentrional, con Lugo como nova sede
metropolitana.
Os trece bispados
da reorganizada Igrexa católica sueva foron: Britonia, Lucus Augusti,
Laniobrense, Iria Flavia, Tudae, Auriensis, Astúrica Augusta, Dumiun, Portucale,
Lamecum, Viseum, Conimbriga e Egitania.
Para conseguir os
obxectivos de Martín (Martinho) foron fundamentais o Primeiro concilio de Braga
e o Segundo concilio de Braga, celebrados en maio do ano 561 e en xuño do 572,
respectivamente. No primeiro deles, convocado baixo os auspicios do rei
Ariamiro, (558/559-561), sucesor de Chariarico, tratouse a cuestión
priscilianista e mailos problemas internos da Igrexa. No segundo, convocado
durante o reinado do rei Miro, (570-583), fillo de Teodomiro (561-570), sucesor
á súa vez de Ariamiro, completouse a creación da Igrexa “nacional” sueva ao
dotala do seu propio dereito canónico, tomado dos principais concilios da
igrexa grega.
Martinho de Braga
era un eclesiástico da Panonia, que foi abade de Dume, e despois bispo de
Braga.
¡O que queira
saber algo máis, que estudie latín e que pregunte en Roma!
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario