miércoles, 17 de octubre de 2012

XO, CABALO -II-

.../...


Domingo de Ramos



Xa non lle teño que pedir ramos
a Brais,
que tamén plantei, e teño, unha oliveira…,
a Deus grazas!

Cando emprenda a viaxe definitiva,
desde a miña finca,
o único que non terei será unha burra,
e para ir ao Ceo os cabalos non serven
porque son orgullosos,
 tanto os cabalos coma os cabaleiros!

O caso é que eu tamén quero asistir
á procesión dos ramos…,
aínda que sexa a pé,
tan afeito que estou de subir andando
ao convento da miña parroquia,
en San Cibrao.

¿Qué deixo atrás?

¡Señor, algo de todo,
carballos e roseiras, fillos e libros,
pero tamén unha silveira plantada cos meus pecados,
que foron moitos,
de toda clase,
así que,
de corazón cho pido,
que só me imiten no positivo!
-.-

A hora, polo sol!



Sempre me caeron ben os de Guitiriz,
e non só pola torta,
de maíz!,
pero desde que lles vin o reloxo analemático,
téñolles envexa.
¡Se llelo puidese roubar, igual caía na tentación!

Atragoóuseme a hora oficial;
nunca puiden dixerila,
tendo, como temos,
ese amigo que nos visita a diario,
que se anuncia e se despide
con agarimos de luz;
¡lémbrame á miña dona, que tamén o fai a bicos!

¿É, ou non é, para terlles cariño?

Os meus
nunca me chaman ata as dúas para xantar,
e teñen razón,
pois,
posto de pés na leira,
daquela maldito sombra fago.
¡Teñen razón, digo, pois ás doce é hora de comer,
algo,
por máis que, agora, as doce son as dez polo sol,
polo reloxo verdadeiro,
polo bo!
-.-


¡Moitos cabalos, demasiados!


Tantos cabalos ao freo
son irrefreables,
e grazas que o combustible está caro,
pois,
do que non,
iríamos a mil por hora…,
ata a primeira curva, que dela pasaríamos ao Ceo,
directamente,
se nos deixan entrar,
pois levando coche igual cobran peaxe!

Cando levábamos un,
só un,
¡e para iso non sempre!,
os cruceiros non pasaban desapercibidos,
que incluso lles limpabamos a maleza,
ademais dun Noso Pai
pedindo por aqueles defuntos que fixeron
o mesmo camiño…,
en angarelas!

Dada a súa sobranza
non faltará quen os leve para adorna-la palleira,
cousa boa, por outra parte,
pois alí,
a Deus grazas, Cristo non terá rezos,
pero estará abeirado,
limpo de fentos!
-.-

Todo por culpa do mesmo cabalo,
meu Afonso Henriqves.


Aquelas partillas..,
déronche casa, pero desfixeches a miña,
acurtaches o reino da nosa Galicia!

Ten de bo, de positivo,
que agora somos irmáns de igual credo,
ambos tutelados por Santiago,
aquel cacique
que no mesmo cabalo,
no branco,
che deu a vitoria de Ourique!

Por algo te armaches cabaleiro en Tui,
por algo,
para ter de padriño ao noso común
Santiago!

¡Estes galaicos,
de sempre apegados á terra,
pero sen recomendación non somos nada,
do Miño para arriba
nin do Miño para abaixo,
que todo o temos prestado!
-.-

Quo vadis, Domine?



¡Xa o vedes, volvemos á emigración,
á crucifixión,
imitando aos nosos pais,
igual que eles o fixeron con respecto aos seus!

¡É a desgraza de ter nado
nun país rico,
pero mal administrado!

¿E logo, xa non hai conseguidores?

¡Si que os hai, pero do deles, do propio!
Non quixeron, ou non puideron, ou non souberon
frear o cabalo da especulación,
así que agora só lles queda aos gobernantes
invitarnos á emigración,
tal e como fixo don Hermenegildo,
que a estaba desexando pero ordenáballes aos bancos que
declarasen as cesións das divisas recibidas
como turismo,
da vergoña que lle daba
que se soubese a nosa exportación
miserenta,
tal que andoriñas no inverno da vida!

¿E logo, non vos daba alpiste?

¡¡Si que o facía, que Franco era un portento,
pero de pan balorento!!
-.-


Acelera, piloto, que volvo a Galicia!


Montado nun DC catro,
volvo na primeira colonial,
e volvo coas as,
pero tamén cos brazos abertos;
volvo a ti, Galicia,
aínda que non sei se abrirás os teus
para recibirme.

Miña nai querida:
Paríchesme no verde, para vivir no verde,
pero os teus administradores
obrigáronme a emigrar,
así que me fun,
forzado,
á terra dos cactos!

A emigración só ten unha cousa de bo,
que desfai ese dito estúpido
de que, lonxe da vista, do corazón, tamén.

¡Non hai falacia peor!
¿Il non será que a inventaron os morgados?
-.-



¡Veño de xudeus!


Miña avoa,
unha Lombardero San Miguel,
daqueles San Miguel
que colleron apelidos deste tipo ao pasar a conversos,
e eu,
que de zoqueiro pasei a bancario,
directamente,
non terei unha propensión monetaria
herdada?

¡Pois que se acabe en min,
que quero aos netos enxeñeiros,
que lle fan máis falta a este país
cós banqueiros!

Pídolle a Deus que inventen
outro tipo de cabalos,
do que sexa,
pero que non proporcionen gases contaminantes,
nin sexan careiros,
¡co difícil que está iso de facerse con diñeiro honrado!
-.-


Rosa negra


As miñas, predilectas, tratándose de rosas,
sempre foron as negras.
Abundan pouco, pero hainas,
que eu téñoas.

¿Qué non son rotundamente negras?
¡Pois, claro,
que mouras, mouras, só as penas!

Dacabalo non se cheiran as rosas,
nin se apertan as mulleres,
ademais de que iso de levalas ás ancas non se estila,
nin elas o queren!

¿As rosas, coma as mulleres, detrás de min?
¡Non é de cabaleiros!

Rosas e mulleres son as flores da creación divina;
¡divindades!
Rosas e mulleres, tratalas con coidado,
¡para non espiñarse!

Rosas e mulleres,
na miña vida,
daquelas, cen, e destas, unha,
pero,
escollida!
-.-


Os vellos non deben namorarse?




Se a raíz non lles vén de vello, non!
¿Iso, por qué, amigo Castelao,
que o deixaches a medio explicar,
pero vouno facer eu,
eu mesmo,
coa experiencia de sesenta
aguantando na vella!

Se o amor fose igualdade,
monotonía sería;
tampouco pode ser disparidade absoluta,
ou teríamos perrenchas
cada día.
Disto séguese que o amor é…,
¡complementariedade!
¡Do ut des!
¡Douche para que me deas,
para que poñas da túa parte
o que a min me falta,
e a todos nos falta tanto,
tanto,
que sen amor non valemos nada,
nin servimos para nada!
-.-

Os netos xa comungan!


Miguel


Andrés


Paula Meng


Vade retro, Satana;
xo, cabalo do orgullo,
deixádemos seguir
na súa inocencia de anxos!
Deixádeos para sempre así,
na súa santidade!
-.-


A xuventude

Non frees, non te deteñas,
pois o teu é distinto:
¡é o cabalo da elocuencia!

Se non caes, se non decaes,
se non te deixas contaxiar
deste mundo preguiceiro,
a non tardar verémoste,
desde Arriba, claro, desde o Ceo,
predicarlles aos infieis.

Non preguntes a cales,
pois,
co listos que sodes,
ben sabedes que me estou referindo aos…,
españois!
-.-




¿Le Penseur?

¡Si: Xosé Chao Rego!

O teu bidueiro medra…
¡Que non medrará de tantas cousas,
e todas boas,
como levas feito!

Pero quédache unha sen facer:
Volver ao Pedregal,
e plantar…,

un carballo, dedicado ao noso común amigo
Prisciliano,
aquel que nos ensinou aos galegos
a meditar
convertendo en altares
as nosas carballeiras!
-.-



Cetrería

Veño do Vallis Viridis,
séxase do Valverde de Castroverde,
in Bolannio sito;
pasei cos meus cabalos cheirentos,
desbocados, a cen,
pola estrada de Riazor,
onde só queda un rego,
un rego e mailos castiros.



Señor Conde, Condes da Altamira,
xa non queda condado,
nin lebres nin azores;
só uns cantos castiros,
coma vosoutros altivos,
plantados polos vosos vasalos
daquela cando mandabades
en todo e por todo,
Luaces incluído.
¡O que é os nomes das cousas,
a toponimia dos lugares,
que pasan os homes,
incluídos aqueles cabaleiros de título,
aqueles que cazaban desde o alto
dos seus cabalos;
pasan os coellos, as lebres, os azores,
e veñen os xabarís e mailos corzos;
todo pasa e todo cambia
menos os nomes dos lugares
famosos!
-.-


O cabalo de San Martiño


Nunca houbo un cabalo
tan gozoso do seu amo
coma o de San Martiño
cando lle viu repartir a capa.

Cabaleiro non é aquel que monta
un cabalo;
cabaleiro é aquel
que comparte o seu manto,
e co manto,
a humildade de sentirse humano.

Con esta experiencia,
propoño que, de hoxe en diante,
San Martiño sexa o patrón dos
Homes de Estado,
¡ou que deixen de selo,
que se apeen do seu cabalo!
-.-



Que nos metrallan…!

Oito da mañá;
Na casa, lámpadas, e fóra tamén;
comeza a clarexar.
Eu, o habitual, no ordenador,
desordenando palabras;
e a dona,
¡outra Marta!,
preparando o almorzo.
Soa a campaíña da cociña,
sinal que me invita
a mata-lo xaxún.
¡Aló vou!
Nisto,
xa co vaso da limoada na man,
¡Oh Alá, que están aquí,
na Coruña nada menos;
volveron tras de nós,
pola ruta do Al Mansur!
¡Agáchate,
que tamén o fago eu!
Tan á presa o fixen,
meténdome debaixo da mesa,
que se envorcou o vaso
mollándome a cabeza.
Pero a muller,
¡nin caso!,
como adoitan facer:
en vez de facerme caso apagou a radio,
e coa radio foise o seu
¡rataplam, rataplam, pum, pam…!
¡Oh Alá, con isto non contaba:
Unha emisora que lanza metralla,
verbas entre si tan pegadas
que non hai orellas
capaces de captalas, de asimilalas!
¿Cando será o día no que aprendan
a falar…,
coma a xente normal!
-.-




Dúas murallas?

Foi Mercurio!,
diso non teño dúbidas,
o deus das comunicacións,
que nos colleu a palabra
de tanto presumir das nosas murallas.
Así, murallas, en plural,
que sempre dixemos así,
¡dúas!,
cando a Roma os lugueses só lle fixemos unha,
iso si, de pedra, de Labio, da boa.

De castigo, por suposto,
agora si que temos dúas,
a de pedra e maila de merda,
a das sobras do que nos deixaron
aqueles romanos!
¡Lixo, pois o ouro, levárono,
e a prata, tamén,
por arrobas;
agora será cousa de pedirlles que volvan
a Lugo…,
polas sobras!
-.-


Xo, roulotte!



¿A onde diabros vas,
turista da casa ao lombo,
se nin Galicia coñeces,
nin galego falas?
¿Non será mellor comezar pola
propia casa,
pola propia xente, pola propia lingua,
tacos incluídos;
polas nosas praias, polas nosas rías,
polas nolas montañas,
polas fontes do Miño,
que é o teu río?

Por bencina que gastes,
por penso que lles deas aos teus cabalos,
nunca chegarás a ver nunha viaxe
o que verías
apoltronado nunha poltrona,
cun televexo por diante!

¿A onde vas,
se nin galego sabes falar?
-.-





Selene

Se venden solares.
Razón: Los Gallegos.
¿Solares, na lúa?
¡Ata sería boa cousa…,
se puidésemos trasladar
os rañaceos que sobran aquí abaixo,
por culpa dunha política especulativa,
desbocada,
tal que nun foguete espacial!
Estar na lúa
sempre significou…,
iso,
estar na lúa,
pero que encima nos atribúan aos galegos
a venda de solares
nas terras de Selene
xa pasa de ser unha coña migratoria!
Supónsenos imaxinación
pero hai quen nos gaña,
ríndose de nós!
-.-

Cabalos de Vigo



Fixéstelo adrede, non si,
encabuxados
nun desafío competitivo cos rañaceos
de Vigo?
Daquela fágovos saber,
que xa foi, que pasou, aquilo de que,
Vigo traballa,
Santiago reza,
e a Coruña pasea!
Ao de hoxe folgan os tres:
Pisos baleiros,
mendigos nas beirarrúas,
e a imaxinación dos gobernantes
posta na lúa, que a teñen
por
paraíso fiscal,
o único que lles queda
sen visitar!
-.-

Crentes, si, crédulos, non



Era máis doado subir
ao castelo de Sarria
a pé,
que ao Santo Cristo de Goián
dacabalo.



¡Non obstante, de ofrecidos ían,
subían!

Menos o burro do señor Afonso da Cordeira,
que, de chegado á castiñeira…,
cansou!
Diante ía, no seu cabalo branco,
que nin que fose Santiago,
o seu veciño,
Celestino:
Afonso, dálle a volta,
e pono de cu para as eguas,
pois así é como se lles fai aos burros:
levarlles a contraria…,
para espelilos!
A receita resultou,
pois daquela mesmo,
o cabalo branco,
cabreado de que un simple asnal lle dese a traseira,
levantouse das ancas
obsequiando ao burro do Afonso
con senllas patadas,
una por cada ferradura.
¡Boa a fixo Celestino,
que tivo que compartir
a sela co seu veciño no resto do camiño!
O burro, se estamagado ía,
peor quedou,
que se espatarrañou ao abeiro dunha castiñeira.
¡Darlles patadas aos burros,
meus pobres,
é o peor que se pode facer nesta vida!
¿Qué diría dos seus devotos
o Ecce Homo de Goián?
¡Non me atrevo a pensalo…,
e menos a referilo,
aínda que me teñades por burro!
-.-

Xo, cabalo,
que está Enriqueta dándonos o alto!


Coa Otero non hai bromas,
que igual fala que dispara,
con tal de matar, con tal de reprimir
abusos sociais!

Enriqueta,
un ser completo, corazón de monxa
e armas de guerreiro.
Enriqueta,
a incomprendida,
que por iso che tiñan medo
os animais
do pobo ibérico,
pero retratáronte mal
pois a arma
máis efectiva
non estaba nas túas mans
senón na túa lingua
de fiscal




Miña Enriqueta,
¿sabes qué estou pensando a tal momento?
¡Pois que aí, na túa Miranda,
ollando desde o Alto,
envoltiña naquela tricolor,
os peíños deixarían de doerche,
curados daqueles balazos
inhumanos,
que chos lanzaron,
desde lonxe, claro,
aqueles
¿cabaleiros?
de Lugo,
para despois levarte,
sen sequera vendarte,
sen curas nin Curas,
ao cárcere da Coruña,
mais agora,
no Ceo,
pasadas as de Caín,
pasada a porta de Alcalá e maila de San Pedro,
seguro que lles berras
con unha voz que chegue ao inferno:
¡Animais, aprendede,
e que vos sirva para sempre,
se non a vosoutros si aos vosos netos:
Que ri mellor o que ri de últimas,
tal que eu!
-.-

O cabalo da estrela branca…




O cabalo da estrela branca
pensativo vai,
e non é para menos xa que vai de ramal!
Non te preocupes, rapaz,
que non hai agravio comparativo,
que así andamos,
de sempre,
eles na sela e nós da pé,
media humanidade,
concretamente tódolos fillos de Abel!
-.-




Antes do nome,
e incluso dos cabalos,
os amerindios tiveron hamacas
que as facían coa lá das súas
alpacas.

¿Para qué?
¡Para abanicarse,
que é propio do ser humano,
copiado dos monos
nosos irmáns,
mais para monadas
estes cinco rapaces,
¿ou non se lles nota na cara?
O que máis neles resalta
é a súa felicidade,
que lles prego a conserven,
con ou sen hamaca,
pois,
para infelices,
chega e sobra con estes españois
da crise,
cabalgando, sempre cabalgando,
no cabalo do noso orgullo,
sen ter quen nolo pare!
 -.-


Breda caeu…


Breda caeu,
pero o cabalo español
segue inquedo
porque…,

porque ben sabe,
e por iso estaba inquedo,
que se non fose polo despilfarro
da conta B,
a vitoria sería pronta,
e máis gloriosa.

¡Claro,
disparaban con pólvora do Rei!

Polo menos,
para salva-la honra,
¿cando volveremos a ter un Spínola
que impida
a humillación dos vencidos,
a dos Contribuíntes?
-.-


¡Xo, noivo, xo!

Cóntovolo, por entregas,
pero
sub conditione
de que me ides crer,
pois
do que non,
sigo gardando o meu segredo!

De xuño trece e martes,
¡por poderes,
que me obrigaron no Banco a ir solteiro
por culpa dunha peste bubónica,
ifneña,
que metía medo;
a min, non, posto que aceptei!




Sidi Ifni



Por cortesía,
máis que por ganas,
invitei a estes mangantes de diante miña




a comer no Casino de Oficiais,
o Palas de daquela,
e tanto,
que ata nos puxeron unha mesa
no patio!




Despois do Champagne,
auténtico, francés,
canso de parolas retireime ao meu hotel,
que aquí o tedes, só que repintado,
¡e menos mal que segue
co mesmo nome,
que xa é algo!




O casoiro prestárame,
tan ben que non espertei
ata
as dúas da madrugada.
¿A cea?
¡Unha sorte, que así tocaron a máis
en Suerte Loca!

Quince día despois,
da Iberia e por Iberia,
chegou aquela noiva tan amada…,
e tan esperada!
¡E tanto que a esperei,
xa desesperado,
que así baixei polas escalinatas,
a cen,
co siroco zumbando
nas miñas orellas,
disposto a darlle o primeiro dos abrazos
de casado,
Máis o diabro fixo
outro tanto,
que de parte súa detívome un Garda:
¡Prohibido achegarse!
¿Por?
Ordes da Súa Excelencia,
que aí arriba o ten!
¡Precaución, seguridades…,
militares!



¡Porca mentira,
pois,
 nada máis saír da igrexa,




onde fomos de contado
para referendar
en sagrado o santo matrimonio,
ao ir para o Casino,
esta vez sós,
e collidos da man,
como está mandado,
¡Oh Deus, que nos esperaba o gran señor…;
despois de Deus, o Xeneral Tutor!
Amablemente,
iso si,
pediunos desculpas
pola súa orde…,
intempestiva:
Mandei que lle desen o Alto,
de parte
daquelas tan aseñoradas,
esas damas do Casino,
que arriba, nas gradas…,
agardaban impacientes
que subise a noiva…,
para ver como se bicaban
dous namorados…,
se é que o estaban!



Coas “Damas” do Casino

¿Consecuencias dun casoiro
accidentado?
¡Pois,
aínda así,
volvería a facelo, doce veces ao ano,
tantas como meses, tantas como treces!

Se non me credes,
preguntádelle á miña muller,
tan normal que ata pasou pola Normal,
de Lugo nada menos
-.-


Á forza de frealo...

Á forza de frealo,
o meu cabalo foi parando,
e xa non brinca a miña imaxinación,
nin me apetece o pecado.

Para domalo
tres bridas usei:
Fe, Esperanza e Caridade,
xuntas as tres.

A Fe tireina da Biblia,
Antigo e Novo Testamento,
todo ben explicado,
corroborado que foi
cos Feitos dos Apóstolos,
pois non se volveron atrás en nada,
nin sequera ao martirizalos.
Eles viron,
e comprobaron,
tanto e tan ben,
que ata palparon
as feridas do Resucitado.
¡É a única Historia
sen trampa!

Da Fe sae a Esperanza,
que só ten cambiado o nome,
pois,
máis que esperanza,
a Historia Sagrada
o que nos dá
é
Seguranza!

Neste herdo
da herdanza celestial,
non caben preitos
senón
Caridade.
¿Como imos preitear
se todo o recibimos prestado,
compartido cos nosos irmáns,
compañeiros da viaxe,
coma min
meros administradores,
que traballamos,
que todo o facemos
para o Ceo gañar?
-.-

 


O deber cumprido anticipa os goces do Ceo.

Cando a alma está en graza de Deus,
agradecida de Deus,
¡que felicidade tan grande,
anticipada:
é un aperitivo,
é un anticipo
da Gloria prometida,
da Gloria anunciada!
-.-


Xosé María Gómez Vilabella



No hay comentarios: