miércoles, 17 de octubre de 2012

XO, CABALO -I-



¡XO, CABALO; XO!






Xosé María Gómez Vilabella

¡Xo, cabalo!




Por terra, mar e aire, voando vai o meu cabalo.
Por terra, mar e aire escápanseme as verbas,
solas,
 coma un cabalo sen freos,
coma un cabalo sen solta.

¿De que fuxo?
¡Aí é nada!
Fuxo das verbas prosaicas
e dos pensamentos aquilatados,
pois,
estou soltando a imaxinación,
e buscando liberdade.

Quero dicir o que penso,
¡que vai sendo hora!
Quero soltar a imaxinación
para dicir o que creo,
e non o que me fixeron crer
aqueles fascistas,
adestrado coma un loro
desde o meu amencer!

Quero ser eu, eu mesmo,
pois agora, de xubilado,
outras atumes non teño!

É boa desgraza ter que levar o rego
para comer,
pero aínda é peor non poder traballar
por culpa deses que racionan o traballo
politiqueando.

¡Agora son libre,
tanto,
que ata podo falar só
desde a miña trona, desde a miña cadeira!

¡Deus cánto me vou divertir
neste baile das verbas,
e para iso sen ter que usar ese móbil dos rapaces!
Comezarei polo verbo amar:
Eu amo…, a quen me pete, a quen mo mereza.
Tu amas…, se es capaz de facelo.
El ama…, e se non o fai, peor para el,
que se vai caer
do cabalo do seu orgullo.
¡Daquela dará co cu no chan,
que é de onde nunca se levantan os egoístas,
sexan españois ou estranxeiros,
nativos ou forasteiros!

Mentres todo iso pasa,
se os cans do meu pobo ladran,
¡eu cabalgo
no meu cabalo!
-.-


¡Señor, un aniño máis,
pero con esta xentiña,
sa e santiña!




Que de favor cho pido,
¡outro, un aniño máis!
E non me leves no outono
que xa abonda coa caída das follas.
Quero, que aínda non foi abondo,
ve-los nenos xogar,
medrar,
razoar,
¡tan ben que o fan!
Quero ver, outra vez,
outra máis,
a natureza brotar,
aínda que iso me supoña,
outra vez,
as silvas rozar.
Quero extasiarme co cheiro das rosas
¡tantas que lles concedes ás miñas roseiras;
tantas, que xa emocionan á miña Estrela!



Quero ver se o mundo mellora,
quero ve-la xente libre e farturenta,
quero velos traballar,
que me crispan os contos deses toureiros,
deses administradores,
que tourean tan mal o touro peninsular.


-.-



¡Pobres palabras!



¡Pobres palabras, que mal vos tratamos,
que nin que fósedes quintos lexionarios:
Dereita, ar;
Esquerda, ar;
Media volta, ar!
E total, para que;
para o tempo matar?

Temos esa manía, a de cuadricula-lo todo,
a de someter sen someternos,
que incluso o fan os poetas forzando a rima,
poñendo firmes as verbas
aínda que así esmaguen os conceptos!

A palabra é un privilexio divino,
comunicativo,
que nos distingue dos outros animais;
por iso debemos reverencialas,
entronizalas, respectalas,
dándolles un uso sacro
e falando de vagar, con solemnidade,
cousa que só facemos os vellos,
cando nos cansamos de
bradar!
-.-

Palabras guapas

Palabras guapas
son as enxebres,
esas que uso coa miña muller,
pois doutro xeito non se lle fala
a esa Estrela
que arroubou o meu querer!

Sorte tiven en casar,
que así teño de mestra unha Mestra,
normalizada na Normal.
Sorte tiven que me gustasen as mulleres,
¡co ben que cheiran!
¿A quen non lle gustan as rosas,
por espiñas que teñan?

Aos cabalos gústanlles as eguas,
por vellos que sexan;
¿e a min?
¡Para min iso é pretérito,
e pídolle a Deus que no Ceo
non teña que volver a escoller,
pois acertar dúas veces
sería moito merecer!
-.-


Que se teño instintos?

¡Claro que os teño,
ou non sería un ser vivo!
A diferenza co meu cabalo
está en que o freo póñoo eu...,
¡cando me atrevo!

O meu cabalo corre, salta e patea;
¡eu tamén!
O meu cabalo protesta rinchando;
¡eu calo, aguántoas todas,
tódalas que me fan os demais
pois os meus desmandos
só teñen reconvención cando durmo,
e para iso non sempre
pois a imaxinación tamén traballa
con pesadelos ferentes.
¡O día que aprenda a frearme
deixarei de ser cabalo!
-.-

O cabalo da envexa, é bo?


 Non é malo se acertamos a compatibilizar
o freo coas esporas!
Concentrarse no estudio e no traballo,
que sempre podemos facer algo máis,
máis e mellor.
¡Que volo digo eu,
que máis puiden deixar feito,
e xa non digamos mellor!

Comézase na escola,
¡a Deus grazas!
¿Só a Deus?
¡E aos compañeiros, tamén,
que se non os tivésemos mellores cá nós,
cativa sería a rasa,
o listón!

Por iso, ser o primeiro da escola
pode ser bo para os demais,
para todos menos para nós,
pois,
se nos durmimos nos loureiros,
daquela,
cando espertemos,
¡estará fría a cea!

Entón,
¡bendita envexa!,
mais, para tela,
 é preciso ollar cara arriba,
e comer cos ollos as estrelas!
-.-

Saulo, eu tamén...




Quero caer do meu cabalo,
deste que me leva aos trotes malos;
quero quedar cego aos vicios,
e tamén aos erros do paganismo;
¡eu tamén!

Dime, Saulo:
¿Onde están eses apóstolos
aos que te encomendou Deus
apeándote do teu cabalo,
para que, a min tamén,
tamén a min,
me ensinen ese Camiño,
o Camiño dereito,
o de ir, con eles, ao Ceo?
-.-

Grazas, Saulo.




Grazas,
por prestarme o teu cabalo,
a montura da túa conversión.
¡Que sorte apearse en marcha,
antes de que o diabro nos leve
para a cova infernal!

O caso é que debo ter nela,
xulgando polas trazas,
medio cento de amigos,
daqueles da alma,
que tanto gozaban empuxando a miña
aos precipicios da súa perdición
letal.

¿Salvaríanse?
¡E ata se salvarían, sendo Deus quen é,
que non lle importou que crucificasen
ao seu Fillo
no medio de dous ladróns;
e para máis
INRI
ata perdoou a un deles,
que do outro non se sabe;
se cadra tamén o fixo, tamén, que Deus é así,
un cacho de pan,
que por algo se quedou escondido
na fariña da Última Cea,
e para iso, asma!
-.-


Noso Pai


¡Albízaras, que volvemos á casa;
á grande, á eterna, á celestial!

¿Como foi...,
iso; de perdido aquel paraíso?

Deus xerou un fillo,
nunha virxe,
que foi a forma de redimir aos daquela Eva,
tan soberbia e tan ambiciosa,
de paso que lle levaba a contraria
a Lucifer.
Quixo demostrarnos que só Deus
é Deus,
e como tal, paternal!

O Fillo de Deus,
para maior claridade,
para maior caridade,
¡explicounos, nunha parábola, o caso do fillo pródigo!

¿Pródigo?
¡Iso tamén o somos nós,
que malversamos un paraíso,
téndoo prohibido!

A humanidade
botaba de falta a Eternidade,
a casa paterna,
e Xesús pagou a entrada por nosoutros,
ao prezo da nosa Redención:
¡Morrendo no Calvario!
¿Polos malos?
¡Tamén,
tamén polos malos!
pois,
¡xa fai falta bondade,
que outro tanto
non o faría ningún humano!
-.-


Que estás no Ceo

Obviamente,
¿onde, se non?,
pois nese sitio,
 ao que esperamos viaxar definitivamente,
te-lo teu trono, o celestial,
cousa que non se contradí
con que vixíes de cerca,
noite e día,
a túa terra,
esta finca na que xeraches ao teu Fillo,
segunda persoa trinitaria.

O Ceo é dos espíritos,
e a terra dos corpos;
daquela,
¡que felicidade poder emigrar,
definitivamente,
á Corte Celestial,
sen os achaques deste corpo
caído do Paraíso
en pecado mortal!
-.-

Santificado sexa o teu Nome.

¡Que menos que santificar,
que loar,
ao Santo dos Santos,
tan santo
que foi capaz de facerse home,
de encarnarse,
de cargar coa cruz,
coa nosa,
merecida por nós;
si, por nós,
pois,
ademais do barro,
pecadores!

Santificalo consiste en non esquecelo,
en recoñecer a santidade absoluta,
levando o seu nome,
no fardelo
do noso corazón.

¿Como se fai, como se logra?
De mil maneiras,
pero a mellor predicación
é a que se fai coa nosa exemplaridade
séxase,
imitando ao Xesús de Nazaret!
-.-

Veña a nós o teu Reino.

¡Claro, que veña o que pode vir,
pois nós,
como moito,
o que podemos facer
é servirte,
así na terra coma no Ceo!

Neste mundo do egoísmo,
daquela Eva herdado,
máis ben adoitamos pedir
que veña a nós,
non o teu Reino senón o noso,
ignorando,
querendo ignorar,
que a riqueza es Ti,
Rei de Reis,
Señor dos Señores,
bondade Infinita!
-.-

Fágase a túa vontade...,
¿así na terra coma no Ceo?

¡No Ceo, alá Ti, pero,
o que é na terra?
Aconsellados por Lucifer,
inimigo teu, e noso
tamén,
quixemos roubarte, que non imitarte,
igualarnos co que non era noso,
soberbia chamada!
¡Pois vaia animalada,
pretensión infernal,
aquela de roubar os poderes celestiais!
As consecuencias foron definitivas:
¡Pasámonos ao inimigo,
 a cambio dunha folla de parra!  


-.-


Danos hoxe o noso pan de cada día

Coa nosa insubordinación
o que merecemos foi
pasar do Paraíso ás cavernas,
pero Ti, Señor,
Señor, tamén, da Misericordia,
tiveches dó de nós
e invitáchesnos á túa mesa,
Pan sacramental,
Corpo e Sangue
do propio fillo de Deus.

A todo isto só che podemos dicir:
¡Grazas, Señor,
pero,
antes,
perdóanos,
para que podamos recibirte,
con limpeza e con amor,
bautizados de novo;
bautizados!
-.-

Non nos deixes caer na tentación.


Non, Señor,
que chegou coa de Eva:
Insatisfeita do Paraíso
acadou un inferno.
¡A culpa foi de Lucifer!
¡Si, pero compartida con aquela muller,
coa infiel;
do demo namorada,
que cambiou un Paraíso doado
por unha folla de parra!

Se xa temos, se nos dás,
máis do merecido,
soberbia e desagradecemento
luciferinos
será pedirche
que trotemos
máis có cabalo do diabro!
-.-


¿Líbranos do mal?

De xeonllos cho pedimos,
¡do mal e do maligno!,
e para iso,
abaixados estamos á humildade,
pois para soberbia
chegounos
aquilo de pretender unha igualdade
roubada.

Líbranos do mal,
do mal dese maligno
que goza tentándonos.
Desde que nos redimiches,
o diabro cada día está máis cabreado;
contigo,
e de paso, con nós,
por cambiar de bando.
Contigo non puido
por culpa de túa Nai,
unha Virxe que lle pisou a cabeza,
redimíndonos da tentación daquela Eva,
así que agora,
máis condenado cá nunca,
empúxanos ao seu abismo,
ao abismo da deshonra!
-.-



Señor, esa coroa,
é miña!




¡Si, miña, merecida polos meus pecados,
que pagaches Ti por min!
Encima diso,
cando me vén algunha molestia,
protesto.
A tal momento
árdeme a cara de vergoña
por ter ofendido
a quen tanto sufriu;
¡si, por min, pola miña culpa,
e tamén
pola dos meus antepasados,
de Eva para acó!
Neste sufrimento participou
a Nosa Señora das Dores,
¡pobriña,
pois tamén cargou coa cruz
dos pecados alleos,
e ben que padeceu vendo ao Fillo de Deus
cargando co madeiro;
encima diso,
ferido e maltreito!

Xa que non me podo librar
da miña complicidade,
pídoche, Señor, paciencia,
para soporta-las miñas espiñas,
que máis ben son figurativas
 comparadas coas do nazareno.
-.-

O apostolado negativo.

¡A Xesús, non; solta a Barrabás!
Isto é o que facemos
cando damos mal exemplo;
e con iso logramos
que o cristianismo
vaia atrasado!

De Cristo para acó
se imitásemos a Paulo,
caído do seu cabalo,
non habería pagáns,
senón santos,
desde onde sae o sol
ao ocaso!
-.-

Catequese cotiá:

O apostolado consiste en actuar, e sempre en ben; en privado, pero tamén en público; convencer aos demais do camiño a seguir, pero camiñando eu o primeiro, por diante. Ao verme feliz e realizado, os demais desexarán seguirme, imitaranme.

O apostolado da palabra consiste en falar do que ti descubriches. Podes realizalo escribindo libros, dando conferencias ou en conversas informais, durante un rato de convivencia ou na comida, onde compartas cos demais as túas experiencias e os teus coñecementos sobre o camiño que leva á felicidade eterna, á definitiva, á do Ceo.

O apostolado da acción consiste en organizar, dirixir ou colaborar nalgunha obra ou acción específica de axuda aos demais. Isto pódese realizar a través das accións sociais, misións, ou calquera outra acción que dea a coñecer a Deus aos demais, e máis concretamente ao noso próximo, a todos aqueles cos que teñamos algunha relación ou empatía.

O apostolado da oración e mailo sacrificio consiste en orar, en rezar e sacrificarse polos demais. Moitas veces cruzarémonos con persoas ás que é imposible convencer mediante verbas ou testemuños; con elas necesitaremos máis que nunca o poder de Deus, recorrer a El e pedirlle que nos axude na nosa catequese, especialmente pulindo e clarificando a nosa exemplaridade.
-.-


“Mirade como se aman…”


¡Xa; pero non durou;
non durou por culpa do denario, que era de prata!

Daquela, ganaron os fariseos?
¡E non ían ganar,
co dominio que teñen da linguaxe oral!
Mirade se lle deron a volta
á tortilla,
que na súa tixola chámanlle face-lo amor
ao que comezou como fornicación.
Lutero protestou porque non lle deixaban ter queridas,
Muhammad inventouse un Ceo con sete hurís,
e Berlusconi enfadouse co Papa
porque non lle permite casarse con sete...,
fulanas!
¡Con este machismo, Señor,
con estes cabalos da parada,
as fillas de Eva non chegan para nada,
nin sequera para empezar!
Xa sei, xa, que isto de agora non é amar;
xa sei, xa, que con tantos fornicadores,
con tantos hipócritas,
o teu Catolicismo non pode avanzar!
¡Xa o sei, xa,
pero,
qué lle vas facer
se ata os predicadores
o fan de pena,
que non explican as causas do mal;
non saben, ou non se atreven…,
polo que deles dirán!
-.-


Vén da auga



¡Claro que vén dela;
vimos todos, ou non se di, “Romper augas”?
Pero neste caso o neno avanza na terra,
sobre da terra, encima dela,
con paso firme e decidido,
que non todos o fan!

Vimos da limpeza,
no corpo e na alma,
pero…,
nesta terra, máis adiante,
están as deposicións do home caído, maliciado,
contaxiosas per se!

¡Ai daquel que escandalice a un destes cativos,
que máis lle vale atarse unha pedra de muíño ao pescozo,
e tirarse ao río!
¡Que non o faga no Miño,
que non o faga no Pedregal,
pois,
ao de hoxe,
aínda nace limpo
-.-


¿Profecía?



¡Todo parece indicar que si;
e para iso desde o noventa e dous,
hai vinte anos,
cando a crise socio-económica
aínda estaba en período
invernal!
 
Nunca eu tal fixese, nunca tal dixese,
pois agora, polo XXI arriba,
vanme tomar por meigo,
augur das desgrazas.

¿Vedes as consecuencias que ten
falar de máis,
esporear no cabalo desde que está canso,
e total para que ninguén me fixese caso,
para que ninguén lles parase os pés
a eses mangantes que se chaman...,
mandantes?

¡Listas abertas, ar!
(A ver se destas o fan)
-.-

¡Xa está ben de tiros!



¡Chegoume con aqueles de Ifni
sen agora, de vello,
ter que aturar películas agresivas!
¡Que mellor arma que a palabra ben dita;
iso bendita;
que mellor solución para os preitos
cá dialéctica dos razoamentos razoados!
¡Tantas verbas cultivadas naquela Torre de Babel,
tantos tradutores no paro,
tantas linguas falando á présa,
tal que metralladoras,
e non somos capaces de poñelas en produción!
“Ao comezo existía a Palabra,
e a Palabra estaba onda Deus,
era Deus.
Xa estaba ao comezo onda Deus,
todo foi feito por ela,
e sen ela non se fixo nada do que foi feito!”
¿Se Deus nos fixo coa palabra, e a compartiu connosco,
por que facemos ese mal uso
dela,
por que utilizamos a ánima das armas
en lugar da espiritual?
¡Animais!
¡Si, animais, que iso somos, niso nos volvemos,
e non porque Deus así nos fixese,
non;
somos animais porque nos fixemos nós,
nós mesmos,
reconverténdonos en tales, desde o Paraíso,
a imitación da serpe!
-.-

¡Ai, Deus, que retrocedemos!




¡Deus, que sono tan horrible,
que aínda non  sei se espertei!
Soñei que regresara a España,
¡á miña España, mestra de pobos,
emperatriz excelsa!,
pero,
¡o que alí atopei!
Os homes perderan a vergoña,
que nin follas de parra levaban;
iso si, unha cultura sobranceira de pins,
ferros por todas partes,
incluso nas pudendas,
nas que deixaron de selo!

Meu padriño anelaba nas cochas..,
para que non lle fozasen o esterco,
mais agora, que só teñen purín,
como non hai esterco para fozar
aqueles arames póñennos no nariz,
no das persoas,
que así convértense en museos viventes.
¡Cultura que teñen!

Por outra banda,
como tampouco hai pizarras de lousa
nas que debuxar,
agora fano nos propios corpos,
desde a fronte ás uñas dos pés.

En vista do visto, négome a durmir
pois así líbrome de soñar!
-.-

Ruínas sacras


Ruínas do mazo de Bascuas.
Ben visible a árbore que ía ao rodicio.
(Entullouno a Deputación de Lugo, sen necesidade,
ao construír a estrada 16-11)

¿É que non é sacro o ferro
traballado á man?

Se o vehículo corre moito,
ou se o cabalo se desboca,
nin da paisaxe gozamos,
sendo como é o mellor
todo o de arredor!

Esta présa témola, e poñémola,
por apreixar o futuro.
¿Para qué?
Para apropiarnos do que aínda non é noso,
así que, pola contra, esquecémonos do pasado,
que iso si que é,
noso,
herdado,
¡Deus sabe á conta de cantos traballos!

Para chegar á maquinaria do XXI
por estas houbo que pasar:
mouci-lo ferro, batanar no liño, e sementa-lo trigo!

Aqueles do Paraíso quixeron subirse ao Olimpo,
¡e nós tamén,
pois estamos repetindo a fantasía
de Babel!

¿Todo iso por que, a que vén esta présa
por acada-los goces divinos?
¡De paso cometemos un desagradecemento,
manifesto,
ao despreza-los bens recibidos!
-.-

¿A terra é do vento?


Siroco, pluma de Regueiro.

Si, de verdade;
é do vento,
é;
aínda que teño para min que aquel que o dixo,
aquel que tal afirmou,
atinou sen querer, sen saber o que dicía,
pois,
non hai cabalo máis espantadizo có vento:
Con tal de que faga frío,
corre a quentarse na lareira dos trópicos;
e despois, de quente, estoupa en tormentas.
¡É un inestable!
Faille caso ao sol, pero tamén á lúa;
maréase co mar, e marea ao mar;
pola noite arrefría na terra,
e de día non deixa traballar;
recolle tódalas porcalladas dos homes
cargándose de monóxido de carbono;
e menos mal que as follas das árbores,
xenerosas que son,
lle devolven o osíxeno
 purificado.
¿Cómo lles paga ese ingrato?
¡Arrincándoas con furor tan pronto deixan de terlle utilidade!

¿É, ou non é, o amo da terra?
¡Eu tillaríao de tirano!
-.-


¿Reinou onte, ou foi antonte?



Era feminina e graciosa,
doada de gañar;
levábase ben con Cervantes,
e non estes euros,
que só saben bailar ao son que lles toca
unha tal Merkel;
con música de Mendelssohn,
iso si!

Cando as cousas ían mal,
engurrábase discretamente
acurtando nas saias cunha simple desvalorización;
en cambio,
este euro fantoche encóllenos as carnes
cada vez que baixa a Bolsa,
e con iso sóbranos o calzón,
e a petrina
tamén!
-.-

Querubíns


Sendo, como somos, anxélicos,
¿por que nos matan,
por que nos abortan?
Iso de que se lles desboca o cabalo
non é un pretexto válido:
¡daquela que lle poñan un freo,
así sexa de latex,
e do que non, que nos deixen aflorar,
que nos deixen nacer!

O caso é que, sendo cousa de dous,
máis doado teñen o razoar,
pero…, razoan?
¡Todo parece indicar que non,
e iso que se teñen por seres racionais;
sequera ben doado é
iso de pensar,
iso de lembrar
que seus pais os deixaron nacer,
nacer e criar!

Querubes do Ceo,
verdade que sodes bastantes;
non será hora de pecha-la fábrica
aínda que para iso se teña que castrar e domar
media humanidade?
Señor:
¡Como pode avanzar este mundo,
e os teus mandamentos gardar,
 habendo tanto crime,
e tanto criminal,
neste desenfreo secular!
-.-


Pantocrátor da catedral de Lugo



¿Por que non facemos a Deus patrón dos políticos,
xa que tanto o imitan:
Crean, predican, absolven ou condenan,
sóbense ao Ceo, por si mesmos,
e para máis imitación, nin sudarios precisan,
que lles chega cos votos das furnas
para cubrir as súas
loucuras.

Cando vexa ao Bispo de Lugo
heille propoñer
que confese aos políticos
fóra,
tal que nas escaleiras do seu pazo episcopal,
¡non sexa que se solte o Pantocrátor,
e lles fenda a cabeza
ao pasar!
-.-

¡Foime imposible!


-Quero unha careta axeitada
para disfrazarme de home bo.

-Vostede, de que manicomio fuxiu?
¡Iso xa non estila,
e se o di por aí vano prender…,
por sospeitoso!

-¿E logo…?

-O careto de home bo
é o que se leva a diario,
¡para que a cara deixe de ser espello da alma!
No Carnaval
o usual
é disfrazarse de home mundano,
malo e perverso,
que así a veciñanza tómanos
por honrados,
pero,
disfrazados!

-¿Daquela parecerán o demo?

-¡E sono,
por dentro e por fóra,
mais,
 como estamos agardando pola coresma,
a xente pensa que o fan de penitencia
sacando para fóra
o peor que levan dentro!

-¡Ah!
Foi a miña resposta,
e sego coa miña cara, coa propia,
xa que é moda disfrazarse,
 a diario,
de boa persoa!


Pasa a
XO, CABALO
-II-
Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: