lunes, 23 de junio de 2008

CASTROVERDE na Historia e no presente -I-





Xosé María Gómez Vilabella



Querido fillo
(Pedro Paulo Gómez Rielo)
ben sei que arestora nada che podo ensinar,
que de todo sabes máis cá min,
incluso do noso
Castroverde,
pero si che podo ofrecer o esforzo,
a dedicación,
desta compilación de datos
obtidos ao longo de tres cuartos de século
de amor pola terra nai,
por esta terra que tanto queres,
tamén,
¡e iso que non naciches nela!

Xosé María



In Castrum de vallis viridis...,
que así datou, aquí mesmo, El Rei Afonsus III
importantes privilexios.
Aquí está o castro, no medio deste val,
que xa era verde,
daquela,
no Paleolítico,
¡cando os nosos antepasados vivían na Cova da Valiña!
Pasen; entren; vexan e gocen,
castelo incluído, sen cadeado nin grillóns,
que os mandamos para Lugo,
¡descantiá!
Cabeceira do Condado de Flammoso,
vía romana,
camiño primitivo,
parada e fonda.
C-630
DP-1611
CP-1201
¡E tres accesos desde a A-06!
En definitiva:
HISTORIA, PAISAXE, MONUMENTOS...




INFORMACIÓN DE INTERESE XERAL

Teléfonos:
Concello: 982 312 080
Centro de Saúde: 982 312 310

Feiras: Domingos alternos coa de Meira
Festas na Vila: Santiago, 3 días


¡Aquí Castroverde, diga!

¿Que se lle ofrece? ¿Quere coñecernos, non si? ¿Vai vir...? ¿En cal das estacións...?
...

¡Dános igual, pois aquí trátase de darlle información axeitada, oportuna! Non o dubide, que tódalas estacións teñen o seu glamour particular, ¡a elixir! Mire, se o fai na primavera, e se quere catalogar a nosa flora, saiba que desde que se van as xeadas, cambiamos de alfombra...; ¡si, a cotío!
...

¡Non, non é así! Aquí non se trata de euros senón de variedades, de especies florais; ¡temos tódalas cores do arco da vella! Iso si, multiplicadas, mesturadas, abrillantadas...; ¡un dispendio da nai natureza, que tanto nos quere que así nolo demostra!

Se veñen no verán non traian paraugas, que non o precisan, porque, se algunha molleira se atrasa, ou se anticipa, para iso, para o seu abeiro, temos castiñeiros, carballos, bidueiros, salgueiros, amieiros... ¡E por parte, as froiteiras! Daquela, nos días grandes e claros, para mellor ventearse, para asollarse, ou para escribir poesía..., aquí témo-las alturas axeitadas, tal que o Miradoiro, cos seus 1029 m! Iso sen menciona-los ríos, os regatos e mailas fontes..., que son moitas, frescas e potables. ¡Auga de montaña, que se di! Pero tamén están as tabernas, a restauración... Que lle conste que ofrecemos unha gastronomía sa e barata..., ¡de momento! Por parte, estámonos iniciando no turismo rural...; ¡unha gozada, outra!
...

Se prefiren o outono, amais da cámara traian pinceis; e pintura a esgalla, por quilos, que moita mestura precisarán se queren recoller, transferir, a policromía outonal destes bosques infindos, principalmente de caducifolias!
...

Tampouco nos asusta falar do inverno; se a auga, en Compostela, é poesía, aquí talmente consola:
¡Fai medrar as ideas! E logo están as neves da Serra, esa especie de Kilimanjaro, pero..., ¡ao que se pode subir andando, ou nun jeep, xa que temos varios e cómodos ascensos! ¡En burro, non, que diso non hai; non quedan!
...

Non é certo que o diluvio universal, ese da Biblia, borrase da face da Terra a beleza, aqueles verdores, aquelas exuberancias, do paraíso terreal. ¡Quedou un oasis: Castroverde!

Pero tampouco imos xactarnos de ser únicos, pois na Península temos algún que outro irmán, ¡verdes e vetustos!, que son outros indicativos de canto lles agradaba o verde aos celtiñas. Os do norte estamos, todos, nos termos da antiga Gallaecia, pero tamén hai un Castro Verde, moi importante por certo, nas chairas estremeiras, na Lusitania, de par do lendario Ourique. ¡Xa falaremos deles, polo libro adiante!
...

¿Que onde estamos, e cómo hai que facer para atoparse connosco? É doado, non ten perda; abra un mapa e sinale:

Na casa do concello temos: latitude, 43º 01´ 50´´ N; e de lonxitude, -7º, 19´30´´

Observarán que limitamos polo N. cos concellos de Castro de Rei e de Pol. Ao E. con Baleira (Valeira, Terra dos Vales). Ao S. temos Baralla e mailo Corgo. Polo O. escápasenos o sol case que por encima de Lugo. Más datos: O noso código postal, na capitalidade, é o 27120. En canto ao INE, este dános como referencia estatística o número 27011. Por se queren pedir un mapa topográfico nacional, tal que o de escala 1/50.000, atoparán o noso distrito nas follas 73 e 98.

De estradas, cantas queiran; empezando porque temos tres saídas, ¡ou entradas!, desde a A-6. Córtannos, e precisamente polo medio, a LU-630 e maila DP1611. Para utilizar a nosa rede municipal, interparroquial, non terán problemas xa que non hai casaría á que non se chegue por unha, ou por varias, pistas, segundo de onde procedan..., ¡e para iso, mellor ou peor, pero todas están alcatranadas!

Non obstante, a nosa vía principal, a sacra, témola ben sinalada e ben definida no Camiño Primitivo de Santiago. Cando El Rei Afonso II, o Casto (¡casto si, pero casou!), se desprazou desde Ovetum para apearse ante o sepulcro do Campo das Estrelas, sacralizando así a súa Reconquista, de paso que pasaba renovou esta ruta, aquela vía dos romanos, aquel camiño dos celtas..., que enlazaba Lucus Augusti coa Gigia, ou Xixia, ástur (actual Xixón). Era a vía dos Lucus, pois nas Asturias temos outro, cousa que se adoita esquecer: ¡Lugo de Llanera!

A propósito desta vía, da súa antigüidade e dos seus servizos: por aquí consérvase a tradición de que un tal Pelaio, ou Paio -que polas trazas era o propio conde destas terras de Chamoso (Flammoso, polas flamas, ou que tal parecían, dos cereais, acesos, ondeados polo vento desta bisbarra tan cerealista, que en tempos foi un dos celeiros de Roma)-, ao correrse a voz de que algúns mouros, traspasado o Porto dos Pallares, ou Pajares, baixaran ás praias dos ástures, que eran nosos curmáns, moradores da parte leste da mesma Gallaecia -¡máis de rapina que de baños pois o que é para aqueles aventureiros das razzias, o Cantábrico resultaríalles excesivamente frío, á parte e ademais de que, vencidos e desarmados os visigodos, non tiñan, non podían encontrar, resistencia en ningunha parte da Meseta!-, convocou aos seus vasalos, e aló que se foi con eles, no seu auxilio, con cantas armas tiñan, así fosen aveños da labranza, disposto a botarlles unha man aos parentes ástures.

En todo caso, a alguén deixaría por aquí, na súa fortaleza, loxicamente da súa confianza ou parentela, coidándolle os estados desta herdanza, deste Flammoso. O tal conde, de afeito ás abelás e ás mazás da Cova d´Onga (Cangas de Onís), e tamén para consolidar aquelas conquistas/reonquistas, por aló se quedou, que aló morreu. Pero antes de irse ao Ceo da Santina, enterrou un fillo, aquel Fafila, ou Favila, que non puideron con el os mouros, pero si os osos. O que non se chegou a saber é se aquel oso asasino era branco ou pardo, que por entón, nesas montañas, habíaos das dúas razas, das dúas pelames.

O señor Paio, ou Pelaio, levara consigo o bispo dos bretóns, que de aí vén a circunstancia de que moitas das igrexas do leste lugués pasasen á nova sede, á ovetense, á do Salvador...; ¡máis ou menos igual que lle arrimaron, algún tempo despois, unhas cantas reliquias subidas, ou baixadas, desde o Toletum visigótico!

Aqueles feudais, dándose de reis, ¡tiñan por trono a sela do seu cabalo!, proclamaron como sucesor a un tal Silo, sen consultar cos seus parentes de Lucus Augusti..., que lles quedaban lonxe! Aquel Silo cabreouse de mala maneira porque os nosos tomáronlle a mal o mangoneo susodito, negándolle o acatamento de primus inter pares, ¡e co acatamento, os tributos! Tan mal lle caeu ao Silo verse refusado dos nosos, dos Flammosos, dos seus mellores contribuíntes, que montou nun asturcón, e..., ¡vía! A galope polo Camiño Vello, pola Vía romana, tras do sol, que se lle ía, que podía poñerse, independizarse, que a Gallaecia era moi grande como para controlala desde un extremo arriondado, arrinconado nun labirinto de montañas para máis gaiola. A desigualdade de forzas era obvia, non obstante: Silo tiña as súas mesnadas ben armadas e adestradas daquelas loitas cos mouros, Pajares arriba. Por parte, os nosos, todos eles, ou a maioría, labregos e gandeiros pacíficos, pacíficos hispano-suevos, daquela estarían de fouciños, ¡de fouciños da sega, Chamoso puro!

Así que aquel Silo veuse por arriba, pola Fons Sacra, onde non consta que atopase resistencia. ¡Natural, que tamén estarían segando, aló abaixo, nas terras feraces, agrícolas, de Burón, no burato! Pero aí arriba, arriba do Cádavo... ¡Que tal sería aquel enfrontamento que aínda hoxe conserva o seu nome tráxico: Campo da Matanza! Da matanza, e acaso do lume, pois ese topónimo do Cádavo (cádavo = toxo que aínda se conserva de pé despois dunha queima) ten tódalas trazas de que os de Silo acurralaron aos do país para o medio da toxeira, e con iso, ¡ferro ao seixo, que era a forma que tiñan, daquela, de prende-lo lume! Os da Baleira (Valeira), a últimos do XX, cambiaron o seu escudo municipal porque non lles facía graza que alguén pensase que aquilo fora unha matanza..., de mouros! ¡De negros, máis ben, que así quedarían os nosos por culpa daquela chamusca do tal Silo!

Os superviventes recuaron cara á Vacariza, que non "Vaqueriza", ¿vaquería, naqueles tempos, nesas alturas...?, pois ese nome lle quedara de cando os romanos tiñan alí unha unha posta de recambios, onde vacaban, onde alindaban os cabalos, ou os renovaban, e de paso, cazaban, pois esa era a súa loxística, a principal dieta. De subidos á Vacariza tiraron para onde lles pareceu máis seguro, máis resgardado, ¡para os montes do actual Montecubeiro! Meus pobres, que alí tampouco tiveron sorte, pois, en caso de conflito, a fortuna axuda aos máis, ¡sobre todo se son máis fortes, máis adestrados e con mellores armas! Aquí tamén deixaron o seu topónimo, pero logo o esquecerá a xente habida conta dos aplanamentos da concentración parcelaria: fonte de Matahomes, de par de Cepomundín; e rego dos Ósos, que non dos osos, precisamente o que baixa pola vaganta da fonte.

Quedounos na escrita un retallo das crónicas ástures, aquelas que se montaron, ou redactaron, para facer ver, para facer crer, que aqueles ¿reis? procedían da propia rama, do trono, visigótico..., ¡despois da súa desfeita, despois de vencidos, aló abaixo, na lagoa da Janda! No Cronicón, que non crónica, de Afonso III, onde referiron aquelas peripecias do rei Silo, lese: Populus Gallaetiae contra se rebellantes in Monte Cuperio... ¿Populus Gallaetiae? ¿E logo, qué eran aqueles ¿cabaleiros? que se quedaron por Ovetum máis que unha parte deste mesmo populus, unha Gallaecia que chegada aínda máis aló, mesmo á actual Palencia?

¡Aquí nos tedes, pois, neste paraíso do Castro Verde, nas abas deste monte Cuperio, descendentes daqueles sobreviventes daquelas delladas familiares! Este paraíso ten a súa parte negativa, pois onde hai pobreza mellora a dilixencia; pero onde hai riqueza, adurmíñanos a natureza! Por outra parte, os señoríos, fosen clérigos ou segrares, ao longo da historia, veña muxir das nosas vacas, e os pobres, en paralelo, veña inzar, que era a única satisfacción que lles quedaba, o único goce que lles permitía o seu Señor, ¡e para iso, despois da prima noctis, século a século! Menos mal que tivemos dúas saídas: os señoritos, procurándose calidade de vida, ¡necios eles!, fóronse para as cidades, ¡e malvenderon canto tiñan! ¿Como, ou de quen, cobraron? ¡Das privacións e da emigración dos seus, antigos, vasalos, por suposto!

Tal foi a chamada, a héxira migratoria, pois incluso se dá a curiosa anécdota, ou mellor dito, a desgraza, de que o primeiro dos emigrantes galegos que partiron para as Américas, ¡desde Sevilla, por suposto, que de nós só se acordaron cando precisaron carballos para remocicar a frota de Indias!, foi un tal Pedro Muñiz de Carbajal, fillo bravo dunha tal Ana Muñiz, nado nestes termos, concretamente en San Ciprián de Montecubeiro. Embarcou con destino ao Perú no ano 1560, en calidade de criado do licenciado Briviesca de Muñatones. Para quen o dubide, consérvanse estes datos na Casa da Contratación de Sevilla, Arquivo de Indias.

Claro que tamén emigraron os próceres, os ilustres fillos de ilustres, tal que o bispo Diego Osorio de Escobar, pero estes ían de mandantes, que non de mandados. ¡Merece, e terá, a súa biografía na sección correspondente aos homes de pro!

Un capítulo moi especial haberá que dedicarllo ao holocausto medulliense; e ás carlistadas, e á guerra de 1936, etc. ¡A ver se chega o papel, pois a historia de Castroverde, por máis que se resuma, ocupa moito espazo! E menos mal que alguén queimou uns arquivos existentes na nosa consistorial..., ou os levaron para onde non fosen habidos!

Pero veñan con calma, pois a pesar destas lagoas históricas aquí hai de todo, e para todo: ¡para ver, para comer..., e para referir!

Deica logo, pois, pero non se fagan esperar. Veña/veñan antes de que este turismo actual, insaciable e trangalleiro, nos esfargalle, a uns e aos outros, tantas e tales comenencias, estes goces exquisitos dos que ata aquí só puidemos ofrecerlles unha mostra, o que se di un entrante!

P. S./ Non se esquezan de traer a cámara fotográfica, ¡con pilas de recarga!


O concello de Castroverde

Resulta de asumir, de conxuntar, as antigas xurisdicións de Castroverde, Picato e Montecubeiro. Na primeira exercía o señorío o conde de Altamira, aínda que en Barredo era partícipe o Cabido de Lugo. En Pena, os Osorio e mailos Pardo, que nomeaban xuíz ordinario. A parte procedente da xurisdición de Picato dependía do marqués de Castelar. Montecubeiro correspondíalle ao convento de San Domingos, pero, extinto este, pasou á xurisdición de Lea. Inmediatamente antes de incorporarse a Castroverde, desagregado de Lea, Montecubeiro foi concello, situación na que só estivo uns meses, menos dun ano.

Con respecto á xurisdición de Castroverde temos a testemuña de Madoz, que menciona que o edificio do cárcere, de comezos do século XIX, estaba na mesma praza onde os Altamira tiveran o seu "rollo" xurisdicional, derribado en 1814. Aquel edificio carcerario era pobre e lóbrego, ostentando na fachada esta inscrición: Esta carcel y escudo es del exim. señor conde de Altamyra. Ano de 1700. (Ou 1790?, xa que estaba borrosa esta cifra).

Do castelo baixaron para ese cárcere as cadeas e mailos grillóns. Consérvanse dous cadeados no Museo de Lugo, cos seus grillóns, utilizados para colocar os pés dos presos; o cativo pesa 6,6 quilos, e o grande 12,5. Tamén se gardou en Lugo un cepo que se usaba nesta prisión, formado por dúas táboas, de 3,28 m de longo, con entallas para suxeitar as pernas de catro persoas á vez. Nun dos extremos tiña a bisagra abrideira; e no outro, rastros do pasador de pecha-lo cepo. Da mesma procedencia leváronse para o museo dous tramos, de varios elos cada un, dunha forte cadea que se supón procedía da ponte levadiza do noso castelo.

Ao crearse os concellos constitucionais figuraban adscritos ao partido xudicial da Fonsagrada os dous básicos, Castroverde e Monte Cubeiro, mentres que Riomol aparecía adscrito a Lugo.

A comezos do ano 1822, dividida Galicia nas catro provincias actuais, a Deputación de Lugo procedeu a repartir a contribución territorial segundo este cadro: Castroverde, con 21.290 Rs., Monte Cubeiro, con 7.963 Rs., e Riomol, con 7.885 Rs.

O Real decreto de constitución dos concellos, do 23-07-1835, que se puxo en execución nesta provincia de Lugo ese mesmo ano, só lle asignaba a Castroverde 25 parroquias. Destas, dúas pasaron a Baleira. Tamén quedaban fóra do distrito actual, concretamente no de Neira de Rei, as freguesías de Furís, Frairía e Masoucos. A reforma de 1840 elevou a 36 as parroquias do noso concello, adscrición que se confirmou no BOPLU número 25, do 28 de febreiro de 1845. A parroquia de Vilabade inserírona, naquela ocasión, na de Vilalle.

En canto á parroquia capitalina, Santiago, aparece como Vilariño no nomenclátor do ano 1891. En canto aos dous Cellán, pasan a figurar como Cellán de Calvos, O Salvador, e Cellán de Mosteiro; este último baixo a advocación de San Pedro.

Os termos actuais comprenden unha superficie de 173,2 quilómetros cadrados, bastante superior á media dos concellos de Galicia, que é de 93,97.


Límites

Castroverde limita cos termos municipais de Castro de Rei, Pol, Baleira (Valeira), Baralla, O Corgo e Lugo. No mapa comarcal (Lei 7/1996) quedou incorporado á zona de Lugo, en xusta e predominante relación.

Isto dos límites ten a súa importancia xa que é unha resultante de varios, ¡de moitos!, condicionamentos históricos; e logo que os concellos limítrofes en algo inflúen, pois en algo se teñen que parecer ao noso, e viceversa. Trátase dun parentesco múltiple, de aires e de terras, pero, máis que nada, de cultura, de tradicións. Prodúcese unha relación bastante complexa. Esquematicamente:

Ao N, con Pol, a afinidade fluvial e orográfica é considerable pois Castroverde entrégalle a maior parte das escorras, coa única, discutible, excepción do Lea, pois tamén recolle augas do Monciro castroverdense. Suegos participa dese Mons Ciro; e Gondel, Caraño e Milleirós apóianse na Ferradura (serra do Pradairo). Unha gran parte de Montecubeiro, que se define dicindo que é "da campá para abaixo", subminístrase habitualmente de Mosteiro. A relación parental de Montecubeiro con Pol é pouco menos que exclusiva, o que xera moitas afinidades culturais.

Ao S, con Baralla e mailo Corgo; en canto a augas, salvo a cunca do Neira, tamén as reciben de Castroverde, en ríos xa formados e de certa importancia. Os actuais accesos desde a A-6 facilitaron as comunicacións pero subsisten algunhas diferenzas culturais e costumistas, malia que formaron en tempos un condado único.

Ao E, témola serra do Miradoiro-Puñago, que separa moito menos do que puidera parecer a simple vista, xa que para Baleira, en gran parte polo feito de que necesitaban cruzarnos para achegarse a Lugo capital, Castroverde era o seu principal foco de relación e de abastecementos. Agora, neste XXI, co gran despegue que tivo O Cádavo, estanse emancipando en varios aspectos.

Polo O, temos o tirón da capital da provincia, que gravita visiblemente nas parroquias da raia. Castro de Rei non queda á man, e se acaso é a vila de Castro de Ribeiras do Lea a que proporciona algún tipo de relación.

Estas delimitacións, estas raias oficiais, non sempre foron ben acollidas, que aí temos o caso, anecdótico pero histórico, un retrato sociolóxico, do mal que lles sentou aos do couto do Monte Cubeiro subsumirse, administrativamente, en Castroverde. Ata mediados do pasado século rara foi a feira de Castroverde na que non houbese liortas cos de Montecubeiro; estes, afeitos a dalas, pero tamén a recibilas, anoaban o pano das mans na súa cabeza para estiña-lo sangue, e coa mesma podían seguir loitando, coma se nada! De aí lles quedou o alcume de "Puchos", que por certo téñeno a moita honra.


Adscricións

O que é o actual termo municipal de Castroverde en tempos do A R (Antigo Réxime) xa pertencía á provincia de Lugo, unha das sete do Reino. Lugo-cidade estaba rexida por un "alcalde ordinario", elixido polo seu bispo, como señor xurisdicional, pero a proposta do Concello. Á fronte do resto das xurisdicións atopábanse xuíces particulares nomeados polos bispos, ou por varios grandes, nobres, e por cabaleiros particulares, así como por algunhas comunidades.

Ao promulgarse a Constitución de 1812 Castroverde considerouse integrado na provincia única de Galicia, pero na división posterior, Decreto de Cortes do 27-01-1822, e despois polo R D do 30-11-1833, nas dúas veces, pasou a formar parte da provincia actual, Lugo. Aquí non coincide plenamente o bispado co partido xudicial, pois A Meda e Barredo aínda están adscritas ao arciprestado da Terra Chá, diocese de Mondoñedo.


Evolución poboacional

Anos Habitantes
________________________________________________________

1842 - 5.910
1850 Dic. Madoz - 4.800 distrito, e 190 a capitalidade
1860 - 7.254
1870 N. M. Serrano - 5.600 distrito, e 270 a capitalidade
1877 - 5.535
1887 - 5.754
1891 Dic. R. Academia - 5.919 distrito, e 320 a capitalidade
1900 - 6.189
1910 Censo da Provincia - 6.934 distrito, e 353 a capitalidade
1920 -7.276
1930 Concello - 7.376 distrito, e 331 a capitalidade
1940 - 9.017 (¡Claro, non había emigración...!)
1950 Anuario de Estatística - 8.122 distrito, e 525 a capitalidade
1960 - 8.054
1970 Censo - 5.373
1975 - 4.774
1980 - 4.548
1987 Censo - 4.617
1991 Censo - 3.797
1996 INE - 3.650 distrito, e 429 a capitalidade
1998 INE - 3.612
2002 Padrón - 3.418
2003 Padrón - 3.372
2004 - 3.286
2006 - 3.187

Sóbese ata o ano 1940 por varias circunstancias, primordialmente polos efectos da hixiene e da nutrición na infancia, amén dunha certa prosperidade coa saída dos excedentes a bastante bo prezo, que se incrementou na década dos vinte favorecida por motivos de índole económica, que sería longo de comentar.

A todo isto, no ano 1936 veu a guerra, que de grande e de absurda que foi habería que darlle maiúsculas, sequera sexa para non esquecela, así que, entre os que se quedaron por aló, uns desangrados, e outros colocados como gardas, suboficiais do Exército vencedor, artesáns, etcétera, e os casoiros, que foron a menos, a natalidade, obviamente, decreceu.

Sobre o 1950, América, en particular Venezuela, Brasil, Cuba e Arxentina, abríronnos as portas, quere dicirse, os portos, e para aló se foron centos, ¡miles!, de castroverdenses. Despois daquel andazo, concretamente dos anos sesenta aos setenta, Europa precisou brazos; fortes e con espírito, decididos e intelixentes, artesáns capaces de asar polos a dobre xornada, ou subir aos tellados; e como para valentes e audaces..., ¡xa se entende!, os nosos paisanos deron en cruza-los Perineos coa bravura de quen sobe á Vacariza dun tirón!

¿Onde teremos o punto de inflexión desta curva? Todo depende de nós: Uns, co seu esforzo; e outros, con ideas, achegando capitais e creando, ou recreando, un espírito cooperativista e innovador. Logo están as mozas casadeiras, que miran demasiado para a tele, acaso aos futbolistas, pero, o que é por aquí, mentres o noso Castroverde nos ascenda á Primeira...!


O ensino

No dicionario xeográfico de Madoz infórmase que daquela, hai disto século e medio, tódalas escolas deste municipio eran temporais; temporais e non dotadas: Barredo, Santo André; Barredo, San Xoán; Serés; Cubelas; Furís; Meda; Monte e Montecubeiro. Na República creáronse, aínda que non se dotaron tódalas creadas, a maior parte das escolas nacionais que funcionaron na segunda metade do século XX. Destas pasouse á agrupación escolar, que vén rendendo á enteira satisfacción das súas APA.


A casa do concello

Xa que de historia vai, a que máis nos interesa é a consistorial antiga, co seu cárcere correspondente. Está na mesma praza onde fora chantado aquel "rollo" da casa-xurisdición dos Altamira, ignominia, símbolo ominoso, que foi derrubado onte mesmo, concretamente no ano 1814; quere dicirse, días despois de que parisen a Pepa aquelas Constituíntes de Cádiz. A nova consistorial foi inaugurada no ano 1951, sendo alcalde José Fernández Díaz. Asistiu á cerimonia o xeneral Villalba, gobernador militar, así como o presidente da Deputación, Antonio Rosón Pérez. Entre as obras do edificio, un remodelado da praciña da igrexa e algún arranxo do Campo da Feira, a factura total, global, foi de 345.211 pesetas. Restaurouse e redistribuíuse no bienio 2006/2007. Precisamente a seguinte fotografía, do 20-7-2007, recolle o intre no que o alcalde actual recibe a primeira chamada que lle fan ao seu novo despacho.




O alcalde ten tratamento de Señoría, segundo dispón o artigo 33 do R O F, (R D 2568, do 28-11-1986).


Alcaldes nos últimos 60 anos foron:

1946 D. José Quiroga Díaz
1949 D. José Fernández Díaz
1958 D. Manuel Penado Ares
1961 D. Jesús Quintela Torrón
1966 D. Sabino Abraira Fernández
1970 D. Eduardo Carreira González
1975 D. David González García
1987 D. Daniel Graña Rico
1991 D. David González García
1995 D. Miguel Roberto Rodríguez Fernández
1997 D. José María Arias Fernández


Escudo

Foi aprobado no pleno do 25-03-1992. O primeiro dos cuarteis, en campo de sinople, verde, un castelo de prata, mazonado de sabre e aclarado de goles. No segundo, en campo de goles, vermello, un cordeiro de prata, deitado, acompañado, no cantón sinistro do xefe, dun bolo de ouro. Timbrado coa coroa real.
Motivacións: que se recolla a nosa fortaleza no escudo da consistorial non require explicacións. En canto ao roxelo de prata, co bolo de ouro, proclama a tradición, sexa ou non lenda, da fazaña máis soada dos tempos antigos, á vez que se tributa un recoñecemento á parroquia de Bolaño, que ademais da súa antigüidade, de sempre foi unha das máis nutricias deste concello.


Patrimonio histórico - artístico

Isto non significa que non teñamos algo máis, incluso moito máis, pero o que figura no DOG número 133, do 12-07-1991, limítase ao seguinte:


En arqueoloxía

As medorras de Eiladrán, en Montecubeiro.


Castrexo

Castros de Barredo; de Cellán e do Vilar; castro de Espasande; croa da Casiña, en Furís; o que serve de asentamento á igrexa de Goi; castro da Croa, na Meda; de Sarceda e de Maxide, en Montecubeiro; así como o da Graña, coa fonte de Lodeiro ao seu sopé, que está ben visible, pero non o inventariaron daquela, en 1991. (Este da Graña téñoo recollido no meu libro Castroverde, Edic. AJA, 1951, pero nin así o viron os técnicos da Concentración Parcelaria, que lle romperon as murallas meténdolle unha pista agrícola). Castro da Croa, en Pereiramá. Outro castro na Pumarega, e mailo de Soutomerille.


Arquitectura relixiosa

Igrexas parroquiais de Agustín, de Arcos, de Barredo e de Francelos (o outro Barredo). Capela de Vilafrío. Parroquiais de Barreiros, Bolaño, Camiño, Castroverde, Cellán de Calvos, Cellán de Mosteiro, Covelas, Espasande, A Frairía, Furís, Goi, Masoucos, e maila da Meda. Capela de Córneas (Meda). Mirandela, Monte e Montecubeiro. Edificio conventual, ruinoso, en San Cibrao (Montecubeiro). Capela do Barreiro, tamén en Montecubeiro. Ermida de Foxos, igualmente en Montecubeiro, que seica lles estorbaba aos fautores dunha pista, e daquela pasárona á historia das desfeitas, como entullo para ese camiño. As restantes igrexas parroquiais, a cal mellor, están en: Moreira, Paderne, Páramo, Pena, Pereiramá, A Pumarega, Rebordaos, Recesende, Riomol, Serés. Souto das Torres, Soutomerille (solitaria e pouco menos que agónica), Tórdea, Uriz, Vilabade e Vilalle. Todas elas moi dignas, a cal mellor, sexa por arquitectura e/ou por historia, do máis detido dos exames, elementos turísticos de primeira magnitude.


Casas e pazos

Rexistradas como arquitectura civil: casoa de Mirandela; casa de Osorio, en Bolaño; pazo de Cellán, en Cellán; na Frairía o pazo de Folgueira, ou dos Pardo Reguera; casa dos Lúas, á Cernada - Montecubeiro; casa de Pillado, no Verducedo, tamén de Montecubeiro; o pazo de Pena (pazo de Carballedo); casa dos Lamas, na Pumarega, hoxe propiedade da familia "Fornos"; pazo do Bispo-Vicerrei Osorio, propiedade actualmente da familia Abraira-Arana, en Vilabade.


Arquitectura militar

Ademais dos pazos e doutras casas grandes -que tiveron unha orixe eminentemente defensiva, como se evidencia coas seteiras de moitas delas-, están, ou estaban, as Torres de Arriba e de Abaixo, en Soutomerille. a propia Torre de Bascuas, no Pereiro-Montecubeiro, transformada hoxe en día en casa de labranza; etc. E para cumio delas, a nosa fortaleza!


Carácter ou idiosincrasia

Non me sinto preparado para facer esta análise, así que lle cedo esta suxestión a quen veña detrás, psicólogos, sociólogos... Apuntarei tan só unhas apreciacións persoais: En Montecubeiro, sen deixar de ser Galicia, comeza Asturias. Dito doutro xeito, acaso máis científico e máis histórico: aquí empeza a Gallaecia ástur. Ata aquí chegou o hórreo cadrado, e aquí rematan as igrexas de pórtico cuberto e cerrado. Dicimos bros, pero non brosa nin macheta. E cen matices máis que sería prolixo traer a colación: percorran con certo detemento as Asturias de Luarca, e daquela apreciarano nidiamente. Moito tivo que haber de común na antigüidade para que tantas cousas botasen tales raizames. Báixase, por exemplo, a Luaces, que xa é de Pol, que tira á Terra Chá, e logo parece que son doutro país; nin mellores nin peores, pero, distintos. Pola parte do Corgo, entre algún pouso que lles deixou a influencia cultural daqueles xudeus fuxidos, expulsados, de Castela, e maila súa propensión a imitar aos lucenses, tamén se estableceron notables diferenzas.


Etnografía

Cruceiros e petos de ánimas. Lamentablemente están indo a menos, ou en visible deterioro ou descolocación, por..., ¡mellor no comment, a ver se toman conciencia diso os veciños de cada lugar! Un cruceiro preto de Córneas (A Meda). O Calvario de Sampaio de Arcos. O de Furís, que é todo un monumento, co seu pousadoiro. En Montecubeiro, os seguintes: O do adro, ben trasladado pero mal restaurado; o das Louseiras da Mouriña; o de Tamaredo; o da Granda; o do Campo de Ares de Maxide; o Santo Cristo das Cavozas, na confluencia dos ríos Azúmara e Ribón, que seica estorbaba para abrir unha calzada, e aínda non houbo quen o resituase. Nas Veigas dos Feás estaba o cruceiro de Moreira, que sinalaba o límite da antiga xurisdición de Lea. Tamén hai un cruceiro, bo exemplar por certo, en Pereiramá. Como indiciaria do porvir e do respecto a estes monumentos populares, vexan esta elocuente fotografía. ¿Si, ou non si? ¡Miúdo contraste!





Turismo

Castroverde, ao de hoxe, non precisa promoción turística, polo menos tal e como a entenden eses afeccionados á mercadotecnia turística. a súa situación xeográfica, ideal en varios aspectos, unha zona de transición entre a Terra Cha e as montañas, que participa das dúas vantaxes, dálle a esta bisbarra uns alicientes e un atractivo especial, incluso de grande interese cromático.

De fácil acceso, particularmente pola A-6. Cerquiña de Lugo: a tan só 22 km da capitalidade, pola C-630. Transversal temos a DP-1611, que aproveita, e segue en parte, o vello camiño ancho, Camiño Real de Castela, aquela vía que, traspasando a Ferradura, descansando en Castroverde e subindo aos Bidueiros, permitiulles aos vallibrienses uparse ata Castela, á vez que lles facilitaba aos subministradores astorganos achegarnos as súas mercadorías. En definitiva, que pouco custa chegar, e de chegados ás terras do Verde Castro acóugase, refocílase o gusto, que dixo aquel Sancho Panza.

Hai moito que ver, como reza a nosa web, evidentemente, pero, máis que ver o que cómpre é mirar, ollar, sentir, gozar, extasiarse, afundirse na paz estimulante, que non excitante; grata; case podería dicirse, bucólica, da nosa paisaxe, pero tamén do noso acervo histórico-cultural:

Un castelo periclitado, pero restaurable, sequera sexa parcialmente. Adaptable. E logo que xa non infunde temores nin resentimentos; que máis ben segue en pé, a pesar da pedra que lle levan quitado, ou iso parece, para dar testemuña do boas, do produtivas, que foron, que son, estas terras, motivadoras da cobiza dos romanos; e despois, dos señoríos, do feudalismo, pois os suevos, polas trazas, contentáronse con iniciarnos niso das vacarías, fosen teixas ou pintas. Os feudais, aqueles señores de forca e coitelo, necesitaban meterse, encovarse, na cuncha das súas torres para facerse obedecer, ou máis ben, temer, que así puideron abusar impunemente dunha vasalaxe breada de tanta xenuflexión e de tanta garatuxa; por engado, esmagados de tanto darlle ao sacho, a todas horas, en tódalas estacións, desde o horto ás estivadas.

Un Camiño con maiúscula, continuador dunha importante vía romana, que de Primitivo só ten o nome, pois segue sendo mozo, en crecente actualidade xa que funciona como rexenerador para o espírito, en retorno á natureza, tal e como nos pide hoxe en día esta saturación urbanícola que nos aplana, que nos tolea, entre o CO2, os bits e mailos decibelios. No seu percorrido, con tanta beleza diante dos ollos, ninguén se para a discutir se nos move, ou nos conduce, o Sancte Jacobe ou Prisciliano. Atentos aos sinais, aos radios das cunchas, iso si, que se nos perdemos igual nos fichan de rancheiros, de cow-boys, para as explotacións lácteas de Castroverde, que é do que máis temos. Isto non quere dicir que reneguemos da industrialización, en absoluto, que ben desexable é, pero cómpre naturalizala, facela compatible cunha ecoloxía de fortaleza de espírito, de testas ergueitas e de corazóns sensibles, indefectiblemente humanos.

Unha paisaxe sedante, que non é igual que sedente, pois, para sentarnos, vale un cómaro, á sombra dunha árbore calquera, empezando pola área recreativa da Veiga do Olmo, que ten de todo, ¡salvo piscinas, pois a tal momento aínda están en obras! Se o posible lector se toma a molestia de darse unha volta polo Campo da Feira, seguro que xa as atopa rematadas. ¡Vaivéns políticos, que así lles chaman a certos eclipses do entendemento!

En Castroverde é imposible recomendar rutas de sendeirismo, simplemente porque valen todas, e logo que se contan por centos, tantas como corredoiras, camiños e carreiros.

Os cazadores, co seu invento dos "tecores", por aquí teñen fartura, maiormente de corzos e algún xabaril, malia que aínda non se volveu aos rinocerontes, que xa os houbo, que aí están, ¡estaban!, os seus restos. ¿Onde? ¡En Bolaño, na Cova da Valiña! Polos achados desta non pregunten no "Museo" de Castroverde, pois leváronos para Lugo e para Santiago; ¡e incluso para Vilalba, que xa é o colmo!

Polo contrario, os troiteiros, ¡pobriños eles se son de casa pobre e non teñen para mercar troitas nas piscifactorías! Os nosos ríos son moitos, pero de escaso caudal, ¡ata que volva outra glaciación...! E logo que lles botan desa colonia chamada purín, ¡que de tan pura que é non lles dá por enterrala! Din que din que algún día porá remedio a Confederación Hidrográfica, pero, hoxe por hoxe, segue en Oviedo, e descoñecen o camiño...; ¡nada, que non saben vir para Santiago, e polo Primitivo menos aínda! Se viñesen, se partillasen os territorios, facéndoo con criterio, con competencias, daquela tiraríamos foguetes, e aledaríanse as propias troitas, pero máis aínda as grallas, as choias, da nosa torre da homenaxe, que tamén lles gustaba o peixe, ¡cando o había! A fame dos troiteiros é sa, que ten de bo iso de abrir o apetito á forza de camiñar, ¡aquí lanzo, aquí retiro! Se abundasen, como antano, as Salmo trutta fario, daquela demorarían connosco, non darían un paso, fose en firme ou en falso!

Para as lúas de mel, aquí non se precisa pasalas ao sereno, pois o mel dámosllelo catado. ¿Onde? Depende: se son sibaritas, nestes pazos do turismo rural. Os outros que pregunten, que rótulos hai; ¡o que xa non se estila é poñer ramallos de loureiro no lintel das tabernas!

En canto aos nenos das excursións escolares, entre o que atopen eles mesmos, por si mesmos, e mailo que pregunten...! A maiores da flora e da fauna, que adoita ser unha disciplina pouco cultivada, está o resto: castros, muíños, batáns, mazos de zoupar o ferro... E tamén as lendas de cada lugar, de cada fonte, de cada cruceiro... O aconsellable sempre é preguntarlles aos vellos do lugar, ¡mentres queden daqueles que aprenderon as tradicións e mailos saberes populares á calor das súas lareiras!

Para arte, ou para estímulo dela, temos, maiormente, as construcións relixiosas, empezando polos cruceiros. Teñan coidado con eles, con cruceiros, coas lendas que deles circulan, pois din que por tras dos cruceiros sempre andou o diabro, ¡e co diabro, as súas queridas, as meigas! Tamén temos as capelas, cantidade, algunha incrustada entre toxos e xestas; hainas privadas, pero aínda non se me deu o caso de que se negasen os donos a mostrarme ningunha delas; por suposto que pedíndoo con corrección, e tratándoas con veneración. En canto ás nosas igrexas, que non en todas partes poden presumir doutras semellantes, a súa inmensa maioría é espectacular, e non me cansarei de insistir en que resulta asombroso que, cos medios e coas ferramentas da época respectiva, se chegasen a facer semellantes marabillas: extracción, transporte e labrado das canterías; formas; elevación destas sen guindastre, etc., etc. En particular a de Vilabade, talmente parece que baixaron os anxos para darlle forma, e non só ao edificio senón, e tamén, aos seus altares e á súa imaxinería.

En cantos aos de por aquí, meus paisanos, prégolles que teñan coidado coa vista, que se fixen no seu contorno, non vaia se-lo diabro que lles pase coma ao inglés de Chesterton, que percorreu o mundo, do Vello para o Novo, e viceversa, buscando un país de jauja, utópico, perfecto, pero ata que se viu derreado, baldado, sen forzas para subi-las pasarelas do Queen Mary non se decatou de que o tal era o seu, o propio, aquel no que nacera, o dos seus antepasados, ¡aquel que mellor coñecía!

Castroverde figura en Monumentos Histórico-Artísticos Declarados coa igrexa parroquial de Vilabade, feita (a declaración) polo D. do 16-11-1979, número 3021 (BOE do 10-01-1980).




En Castroverde dáse ben toda clase de árbores. Esta da fotografía é un liquidámbar.


Elección locais 2007

Resultados:

PSOE.............. 1.364 votos
PP................... 719 "
BNG............... 269 "

En consecuencia, resultaron elixidos:

PSOE (7)
Xosé María Arias Fernández
Fernando Pillado Millares
Manuel Parajuá Ferreiro
José Luís Orosa Toirán
Jesús Fouz Ulloa
Eduardo Álvarez López
Mónica Díaz Cordero

PP (3)
Manuel Penado Arrojo
José M. Fernández Núñez
Jorge Veiga Carballedo

BNG (1)
Pablo R. Ferreiro Tallón

Por tanto, continúa de alcalde D. José María Arias Fernández



A (nosa) fortaleza

O castelo de Castroverde, ou máis exactamente, a fortaleza, que é como adoitan chamarlle os veciños da vila, está situada nunha eminencia que lle deu este nome á bisbarra, Castrum de Vallis Viridis. Castrum porque o era; e Vallis Viridis que tamén eran, ¡son!, os que rodean a fortaleza susodita. Este círculo de vales, labranzas e veigas, ao irse parcelando as terras, asimilou ou recolleu diversos topónimos diferenciais, pero o xeneral da zona, iso de Valverde, aínda se conserva como propio pola parte de Bolaño.

Se para os ingleses "My home is my castle", A miña casa é o meu castelo, para os de Castroverde o noso implica moito: nada menos que a memoria histórica dunha vitoria paulatina, secular, esforzada, primeiro burguesa e despois popular, que nos permitiu aos veciños deste condado pasar de vasalos, de foreiros, de caseteiros, a donos da propia casa, unhas casas confortables nas que tamén somos señores, ¡señores de nós mesmos!




O segundo pola esquerda é o meu fillo, Pedro Paulo

Non é certo que a Idade Media descoñecese o militarismo, e que todo quedase reducido a un feudalismo bravú. Antes ao contrario, pois o vasalo quedaba militarizado desde a súa adolescencia; acuartelado no castelo do seu señor, ou máis exactamente, nos seus alpendres; armado, desprazábase / desprazábano, por veces sen máis intendencia que a da propia caza, en cantas ocasións ao seu indómito castelán se lle antollaban os bens, e por veces, a muller, do próximo, ¡ou non tan próximo! Todo iso para rematar, se cadra con máis frecuencia da que hoxe estimamos probable, con feridas peores cás mortais porque, para elas, para as mutilacións, non había desinfectantes, nin calmantes, nin vendas..., ¡e xa os recollesen nunhas angarellas!

Nas inmediacións do castelo, por acumulación de varias fontes (suores da serra, de tanto que a patean as eguas, que así lles chamaba meu avó ás emanacións do Pradairo, tantas e en tantas direccións), vaise formando o río Chamoso, moi importante historicamente xa que rega as chairas de Flammosos, que así lle puxeron os romanos á bisbarra dos actuais Castroverde e Corgo, territorio bastante afín que chegou a constituír un dos once condados daquela división da sede metropolitana establecida no Concilio de Lugo do ano 569.

De aí, diso, vén o condado de Flammoso, con capitalidade no Castro, no Verde, lugar, localización, alicerces, onde se chegou, con sucesivas construcións e aditamentos, ¡pero tamén derrubamentos!, á situación actual. O de Flammosos = de flamma, chama, lume, ondas de chamas, etcétera, tirárono os romanos do efecto que lles produciu ve-los trigais desta comarca, flamantes, espigados e mexidos polo vento. Nos Peares, tempo adiante, aqueles fillos da loba capitolina xuntaban os foles de trigo do noso Flammoso, transportado polo Miño abaixo desde o seu / desde o noso Lucus Augusti, coas ánforas de viño de Amandi, e de alí, xa en barcazas de certo calado, ¡tira millas!, cara a Roma, ¡para nutri-los netos das sabinas!

Quince millas son as que separan, ou unen, a muralla de Lugo coa "fortaleza" de Castroverde, medidas pola vía do Lucus Augusti - Gigia, Xixia, Xixón). Para aquelas cuadrigas, militares por suposto, dos romanos, era un agradable paseo; e para estes bólidos de hoxe en día, dos de cen HP, ¡ou más!, que parecen fuxir de alguén ou de algo, pola C-630 adiante, é un simple acelerón, que nin case tempo dá para gozar da paisaxe. O perfecto é ir / vir a pé, polo Camiño Primitivo, polo de ir a Santiago, por aquel que tanto lle gustou a aquel namorado da natureza que foi san Francisco de Asís, segundo a tradición, fundador do vello mosteiro de Vilabade, ¡precisamente no seu retorno de Compostela!

Esta fortaleza, ¡o que dela nos queda despois de quitarlle a pedra coa que fixeron a metades das casas de Castroverde!, soérguese no mesmo castro, máis ou menos, apreciándose a simple vista que se aproveitaron como defensas naturais os contrafortes das primitivas construcións. Nunha primeira ollada atopámonos, de presente, coa torre da homenaxe, medio afundida no entullo circundante; algo de murallas, paramentos do patio de armas, a cisterna, o lugar da capela e do cemiterio, precisamente onde teñen aparecido restos óseos ao labrar unha leira intramuros, etc.

Caso similar témolo na cabeceira doutro daqueles condados, precisamente lindeiro, o se Superata, hoxe Sobrada, do concello de Outeiro de Rei, onde se conserva outro castelo; ou mellor dito, os restos da súa torre, e para iso, dominados pola hedra. Nin se pode afirmar do castelo de Sobrada que o fixese, que o mandase construír, no século XV, Fernán Pérez de Ribadeneira, nin do noso que llelo debamos por enteiro aos condes de Lemos. A Historia non vai a saltos; non xorden as cousas sen alicerces, sen precedentes, sen motivos. Hoxe en día, no artificio da vida urbana, no urbanizable, podemos erixir unha casa, ou incluso un rañaceos, en cuestión de dous ou tres anos, onde e como nos pete, onde poidamos ou queiramos adquirir un terreo, pero isto é un xoguete en comparanza con aqueles centros de poder, ofensivo-defensivos; en definitiva, opresores do contorno, erixidos pola fortaleza dos feudais, e non só para defenderse, senón, e máis ben, para demostrar que a tiñan, iso, fortaleza.

Empezando na era romana, as villae xa eran núcleos do poder agrícola, naqueles latifundios traballados polos servos, pola servidume, pola xente semilibre, ou libre / escrava, dun terratenente, xeralmente recibidas como premio de xubilación ou de mutilación aos milites importantes. Tras dos romanos, cos suevos, pasou o mesmo; máis que copiado, ampliado. Dos mouros nin falemos, que se ao noso castro subiron, daquela foi simplemente de razzia, acaso para souta-las nosas castañas, para comelas, asadas ou con leite, pois eles tiñan, e teñen, prohibido non só o jalufo, senón e tamén a carne sacrificada por infieis, que sempre e de sempre foi outra das nosas riquezas. Pouco máis farían que rapinar, neste país e con este clima, que non se lles deixou, nin eles o pretendían, calzados con babuchas. Había esa lenda de que os mouros, ao non poder entrar en Lugo, alzaron o castelo de Castroverde, como un desafío..., pero iso non ten forza histórica, que non tiveron tempo, nin tranquilidade, para semellante obra, pois as súas forzas, máis limitadas do que por aquí se cre, quedarían / permanecerían ao sur, en territorio próximo e propicio, concentrados no que chamaron Sbania, que era, en definitiva, a súa "España", aquela que lles arrebataron aos visigodos. Segundo autores marroquís, e outra xente ilustrada coa que teño falado deste tema, precisamente en Marrocos, o estreito, ao mando de Tarik e de Muza, pasárono uns dez mil agarenos, todos ou case todos con cabalos bérberes, rifeños, que tan só os mandos eran árabes, así que, obviamente, e eles mesmos o recoñecen, co seu poder limitado, a súa influencia, unha vez derrotados, eliminados, os mandos visigodos, confraternizaron cos nativos, e do Douro para arriba só pasaron algunhas bandas, concretamente para facer razzias, por sorpresa, mesmo de ida por volta.

Daquela, por aquí arriba, coma no resto da zona norte, cunha soberanía diluída ao producirse o decaemento, o descontrol romano, evolucionou, acrecentouse, o dominio dos terratenentes; un poderío emerxente, autónomo, disputado, que fixo necesaria, ou conveniente, a fortificación persoal, o refuxio, tanto do señor coma dos seus gardacostas, dos seus lanceiros-lategueiros..., fronte aos poderes veciñais, rivais.

Ao sopé dos castelo de Castroverde, mesmo na aba sur, co tempo foise situando o Castro Verde vello, o burgo medieval, hoxe en razoable bo estado de conservación grazas ás restauracións. Está afastado, rampla en medio, do crecemento moderno da vila, que se organiza basicamente no eixo das estradas C-630 e DP-1611. As vertentes norte e oeste do promontorio están cubertas por unha fraga mesta, integramente constituída por arboredo autóctono, pero non sempre foi así pois os castelos, tal que pasou cos talaiots de Mallorca, precisaban dun terreo contiguo amplo e rozado, aínda que só fose para atalaiar, para impedirlle ao inimigo unha aproximación raposeira, por sorpresa.

Frontal, e a poucos metros do castro-castelo, tempos a lomba, outro pináculo relativamente alto, co acceso principal desde o Campo da Feira; nesta lomba remataba, segundo a lenda, un túnel de fuxida procedente do castelo. ¡Excesiva distancia para semellante escavación, á man! Esta "lomba" constitúe / constituirá un excelente miradoiro, ¡cando estea desbravada e con accesos accesibles!

Este castro, que pasou a fortín, e de fortín a fortaleza, con fases intermedias, por suposto, de certas adaptacións, reparacións, ampliacións..., flanqueaba a tan repetida Vía Lucus Augusti - Lucus Asturum - Gigia, que saíndo de Lugo polo que é hoxe Porta de San Pedro, ou Toledana, cruzaba o Rato, e despois subía a Castelo, seguindo por Fazai e Bascuas a Romeán. En Romeán dáse por seguro que existiu un campamento romano, utilizado, conxuntamente coa Meda, ¡co Lugo antigo!, en tanto en canto os nosos canteiros, baixo a férula romana, non remataron (xa no século III), a coroa pétrea do seu Lucus, do novo Lugo, para o que tiraron por dúas circunstancias: as augas termais e mailo Miño. ¿A cal destes factores deron máis importancia? Xa sabemos que as termas, bañarse en auga quente, era a súa debilidade. Seguidamente, ao Castro Verde, ou máis exactamente, ao Val Verde. A continuación subían, fose pola parte de Bolaño ou por Vilalle, á Vacariza, que se considera un posto de vacatio, de descanso: despexado, tranquilo, con bos pastos, óptimo para a caza..., que alí faría o refresco, ou a permuta, dos cabalos.

O feito de que esa vía deviñese en Camiño de Santiago, Oviedo-Compostela, mantívolle, conservoulle, unha considerable importancia estratéxica ao noso castelo, ademais da que xa tivese per se como centro de poderío rural, territorial. Cando as liortas da nobreza galega co rei Silo, o castro-castelo seguro que estaba ocupado, incluso exercendo señorío, como parece deducirse da circunstancia de que nesta bisbarra se librasen cruentas e definitivas batallas (Campo da Matanza, no Cádavo; fonte de Matahomes e rego dos Ósos, no Monte Cubeiro). Nesta hipótese, ¿por qué non esperaron ao Silo na "fortaleza" de Castro Verde? Obvio: as murallas e maila torre da homenaxe daquela non existían, e logo que era máis exposto agardar por un cerco que saírlles ao camiño, canto máis lonxe, mellor.

Polo ano 890, Afonso III




subscribiu uns documentos datados no mencionado "Castrum de Vallis Viridis". No 897 este mesmo rei cita o mosteiro de San Martiño de Bolaño como dotado de hospital de peregrinos do Camiño de Santiago (de San Salvador de Oviedo a Santiago de Compostela).

As fotografías seguintes (ruínas de San Martiño) fan certo aquel dito de que a natureza ten horror ao baleiro. Así temos hoxe en día, repoboados polas árbores, polas silvas e polas ortigas, os interiores / exteriores da capela e demais instalacións monásticas e hospitalarias, así como a calzada da que foi vía romana:




O seguinte "curro"ten tódolos indicios de que foi unha forneliña da capela:



Este recodo do camiño vello, que os vellos do lugar lembran como empedrado, ¿son os restos, os vestixios, da calzada romana? ¡Sería interesante escavalo, saír de dúbidas, e para iso o custo é insignificante!





No 910 o conde de Castro Verde (Chamoso) consta entre os que acudiron á defensa da cidade de Lugo, asediada daquela polos musulmáns nunha das súas razzias.

No século XI o conde D. Vela Ovéquiz aparece como parte nun preito sentenciado polo Cid Campeador, D. Ruy Díaz de Vivar. Ovéquiz foi cesado por Afonso VI e substituído polo asturiano Pedro Peláez, que á súa vez foi substituído polo anterior, polo susodito Vela Ovéquiz.

No ano 1115 temos a Rodrigo Velaz como conde, nun concilio celebrado en Oviedo.

Parece ser que Fernando III, o Santo, que reinou do 1230 ao 1252, lle cedeu Castroverde ao cabaleiro D. Gutierre da Olga (Caraño), en mérito da axuda que lle prestou para reconquistar Sevilla. Neste caso concreto, o que foi a Sevilla si que gañou unha silla.

En 1267 o Rei Afonso enviou un escrito, desde Sevilla, a "...los alcaides y merinos de Monforte, de Sarria, de Castroverde, e de las otras poblaciones del Obispado de Lugo...". ¡Só estas tres poboacións mereceron mención expresa!

Polo 1320 Castroverde xa debía ter a súa categoría toda vez que se aloxou aquí, nesta fortaleza, nada menos que o adiantado maior da fronteira, D. Juán, alférez, fillo do infante D. Juán, quen, desde aquí mesmo, concretamente o 6 de abril daquel ano, librou unha carta de protección en favor do convento de Meira: "... por ffacer bien e merced al abate del convento de ssanta María de Meyra...".

No 1328 D. Pedro Fernández de Castro, señor de Castro Verde, chamado "o da guerra", recibiu do bispo de Lugo D. Joam a encomenda da súa cidade "para que lla defendese".

A familia dos Castro, da que se conserva o seu escudo nobiliario na torre da homenaxe, pero sen signo de dignidade condal, que non foi usual indicalo ata o século XV, parece ser a construtora, ou máis exactamente, a reconstrutora, da fortaleza, ou sexa, da obra moderna do castelo.

Os Castro chegarían a ser señores de Monforte de Lemos, Sarria e Castroverde, así como pertegueiros maiores da Terra de Santiago. Os pertegueiros debían defender as persoas e cousas da Igrexa, e administraban xustiza; ¡coa pértega, como pouco! Xeralmente en materia de crimes. Noméanse condes de Lemos desde o ano 1366. Membros sobranceiros desta familia foron: D. Fernando Pérez de Castro, (aquel da lápida: Aquí yace toda la lealtad de España), mordomo maior do rei D. Pedro de Castela, e defensor da cidade de Lugo. D. Álvaro Pérez de Castro, primeiro dos condestables de Portugal e tronco dos condes de Monsanto. Dona Xoana de Castro, raíña de Castela, ¡durante unha noite de verán! E dona Inés de Castro, raíña de Portugal, ¡despois de morta!

Hai documentación que acredita como posuidores da nosa fortaleza aos Castro, da liñaxe dos Lemos, segundo queda dito. Desta familia o que primeiro aparece é D. Pedro Fernández de Castro, "o da guerra", ao que lle concedeu o bispo de Lugo D. Juán a encomenda antedita. Sucedeuno un fillo seu, D. Fernando Pérez de Castro, arriba citado, que se intitulou, igual que seu pai, señor de Lemos, Sarria e Castroverde. Á morte deste Pérez de Castro o señorío de Castroverde vémolo en poder de seu tío, D. Álvaro Pérez de Castro Valladares, que estivo ausente debido ás liortas feudais daqueles tempos: pasou a Portugal, obtendo no reino veciño, co que tan vinculados estiveron os Castro, postos e grandezas de primeira magnitude, mesmo emparentando coa nobreza. Este D. Álvaro casou, de primeiras, con Dª. María Ponce de León, e despois con Dª. Beatriz de Gerica, ostentando daquela o señorío de Castroverde o fillo segundo da primeira muller. De todo isto séguese que a principios do século XIV xa estaba implantado estoutro señorío no noso Castroverde.

Con ocasión dunha estancia do rei D. Pedro na Coruña, o prelado lucense, Fr. Pedro López de Aguiar (aquel das liortas con María Castaña), pediulle ao monarca que dese a súa Real Licenza para conferirlle a encomenda de Lugo a D. Fernando P. de Castro, Señor de Castroverde et de Luaces. Don Enrique (Henrique II) dirixiuse entón a Lugo, e asediouno, pero non puido tomalo ante a resistencia das tropas acaudilladas polo de Castroverde; despois de dous meses de loita estableceuse unha capitulación. Daquela, a xurisdición do castelo e terras de Castroverde foille confiscada aos Castro por Henrique II, como castigo polo seu apoio ao rei D. Pedro I, doándolle estas propiedades a D. Álvaro Pérez Osorio, duque de Aguiar e conde de Villalobos, seu capitán xeral na fronteira andaluza. Os Osorio chegarían a ser condes de Trastámara e marqueses de Astorga, acabando por emparentar cos Castro. De aí pode vir a non substitución, na torre, do brasón dos Castro polo dos Osorio.

Nun bulario da Orde Militar de Alcántara insírese un albará e maila súa confirmación, mediante carta de privilexio rodado, dados por D. Juán II de Castela, que levan datas do 22 de xullo e 31 de agosto do ano 1429. Entre os corroborantes figura Per (Pedro) Álvarez Osorio, señor de Villalobos e de Castroverde; e noutra, do 1430, aparece o mesmo D. Pedro corroborando cos mesmos títulos.

En 1469 Pedro Álvarez Osorio, señor de Navia e de Burón, foi un dos xefes do movemento dos Irmandiños, derrotado cos seus 10.000 homes nos arredores de Santiago polo arcebispo Fonseca e mailos grandes señores feudais. Isto seguramente explique o motivo polo que Castroverde foi un dos poucos castelos galegos que se salvaron da demolición irmandiña (Castroverde, Pambre e Vilaxoán).

D. Pedro Sánchez da Ulloa, conde de Monterrei, apoderouse violentamente da nosa fortaleza no ano 1471, aproveitando o momento da morte do seu propietario, Álvaro de Castro. Puido ser que, durante a ocupación deste conde de Monterrei, moi relacionado con Castela, se erguese a barbacá con garitas, xa que estes elementos eran característicos e peculiares das construcións castelás da época. Esta ocupación, esta retención, durou varios anos, malia que o de Monterrei amosou arrepentimento, e daquela mandou, no primeiro dos seus testamentos -outorgado no castelo de Pambre o 24 de abril de 1480-, que se lle restituíse a Dª. Isabel, coas terras inherentes a este dominio, que tamén lle foran rapinadas:

"Item mando a mi primo Alvaro Gómez de Rivadeneira que entregue la casa de Castroberde con todos los vasallos e de ella e de Luaces a mi prima Dª Isabel de Castro muger de Pedro niño por la que el me tiene fecho pleito omenage de me la dar e entregar a quien yo mandare segun fuero e costumbre de España que yo lo tengo fecho a la dha mi prima Dª Isabel = por ende ruego y mando al dho mi primo Alvaro Gz. so cargo e obligacion de dho pleito omenage que asi me tiene fecho que le entregue e de poder en lo alto e vajo de ella a la dha mi prima Dª Isabel oa quien u poder bastante pª. la recibir tragere e asi le pidan perdon del tiempo que yo se la tube ocupada e por las rentas e imposiciones que de sus vasallos recibi contra razon e justicia. Que por la pasion de Jesucristo me lo quiera perdonar por que el asi mismo perdonea ella sus yerros".

García Teijeiro deixou dito que na súa casa de Lois (Asturias) se conservaban documentos nos que constaba que polo menos ata 1503 estiveron os Osorio "posesionados" de Castroverde. Ao respecto, transcribe un testemuño de arrendamento no que firma D. Pedro Álvarez Osorio, marqués de Astorga, conde de Trastámara e de Villalobos, señor das vilas de Castroverde e de Valderas, etc.

D. Alonso Niño, sendo daquela meiriño maior de Valladolid, vendeu a vila e mailo castelo, con outras xurisdicións, a D. Lope Osorio de Moscoso, II conde de Altamira. Pola circunstancia de que entón aínda era menor de idade D. Lope, fíxose cargo destas propiedades seu tío, Fr. Álvaro Osorio de Moscoso, ilustre galego, que tomou o hábito relixioso no convento do Santo Estevo de Salamanca, da Orde de San Domingos. Pola súa acreditada competencia, o rei D. Fernando, o Católico, encomendoulle, en 1505, a educación do seu neto, do príncipe D. Fernando. Foi nomeado bispo de Astorga en 1515. Fíxose a venda referida na cantidade de 5.500.000 marabedís. Para seguridade da paga e cumprimento do estipulado hipotecáronse os bens e mailas rendas dos morgados de D. Lope, incluíndo a mesma vila, fortaleza e terras de Castroverde, previa Real Licenza dada por D. Juán, en Valladolid, o 8-10-1514. A copia literal deste documento publicouna D. César Vaamonde Lores, no Boletín da Real Academia Galega, tomo IX, p. 86.

No 1603, D. Luís Carrillo de Toledo, conde de Caracena, gobernador e capitán xeral do Reino de Galicia, se cadra non tanto en favor dos presos como para abaixar o poderío e maila independencia dos Grandes, estende unha orde para que no prazo de catro meses, "... cieguen los calaboços, mazmorras y cuebas y aljibes que tienen debajo de tierra de que usan para prisión y hagan carçeles en las partes y lugares donde suelen y acostumbran hazer audiencias públicas de ordinario, decentes y seguras, con que no sea dentro de sus fortaleças para que los presos puedan seguir mejor sus causas y comunicar a quien ubieren menester y pidir limosna..."

A conseguinte inspección verificadora atinxiu a Castroverde, debendo construír o conde de Altamira un seu cárcere ao pé do castelo, que o fixo precisamente na Praza do Rolo, ou da Picota. Este "rolo" xurisdicional da casa de Altamira foi derrubado en 1814. O cárcere foino bastantes anos despois; na súa fachada ostentaba esta inscrición: "Esta cárcel y escudo es del Exim. Señor Conde de Altamira, año de 1700". Procedentes deste edificio consérvanse, no Museo Provincial de Lugo, dous grandes candeados de ferro. Suxeitan estes, pola súa anela superior, grillón dos utilizados nos pés dos presos. O máis pequeno pesa 6,6 kg., e o meirande 12,5. Garda tamén o museo un cepo, de igual procedencia e destino, formado por dous taboleiros de madeira, de 0,19 m de ancho por 3,28 de longo, con entalles para suxeitar as pernas de catro persoas. Ten nun dos seus estremos a bisagra que permite abrilo, e no outro, as pegadas do pasador que o fechaba. Tamén se conservan, no mesmo Museo, dous anacos de cadea de grosos elos de ferro, que talvez serviran para pendura-la ponte levadiza do castelo.

No catastro do Marqués da Ensenada, do ano 1753, aparece a torre e maila fortaleza como pertencentes ao conde de Altamira, arruinadas que non habitadas. Existindo, por outra parte, dous hospitais xunto da fortaleza, o de San Lázaro e mailo de San Bartolomeu, dos que se conservan canterías utilizadas en edificios próximos, con inscricións referentes ao rei Filipe V, e a un tal Juán José Osorio Omaña, administrador destes.

D. Ángel del Castillo, no ano 1912, Boletín da Real Academia Gallega, tomo VI, describiu o estado da fortaleza naquel tempo, con este detalle, que o inserimos aquí para seguimento da evolución do seu deterioro paulatino:

"Afectaba a forma de polígono irregular, do que faltan dous ángulos, o NE e mailo SO, que probablemente estarían defendidos por torreóns de base circular, tal e como está o lado NO; pero donde acaso no houbese é no do SE, debido a que a proximidade da torre da homenaxe facíao innecesario. O muro que o limita, cun grosor de 1,5 m, ten hoxe (¡daquela!) unha altura sobre da praza de 4 m, pero tivo máis en tempos. Corría por el un camiño de rolda que poñía en comunicación os torreóns saíntes que defendían os vans, protexido por unha ameaxe que o coroaba, resgardando o mellor amparo da fortaleza; ascendíase desde a praza por escaleiras acaroadas. De treito en treito, o muro está rachado por seteiras.

"Dentro do recinto, concéntrico cos muros N e O, e a 3,50 m destes, está o patio de honra en forma de rectángulo, que mide 24 metros por 21, co que se comunicaba a torre da homenaxe, principal obra da fortaleza. Esta torre é de planta rectangular, como case que tódalas torres de homenaxe; mide no eixe maior 10,80 m, e 9,70 no menor, cun groso nos seus muros de 1,80, e unha altura aproximada de pouco máis de 2o m, na actualidade (dicía daquela D. Ángel), que máis mediu antiguamente pois o empedrado do patio de honra está bastante máis baixo que o nivel actual, formado por terras e por cascallos. É de aparello, en fiadas algo irregulares, de perpiaños mal unidos e peor escuadrados, conservándose case que íntegra pois apenas lle faltan algúns perpiaños do ameado voadizo que a coroa. Tivo cinco pisos, sen conta-la praza superior: cego o primeiro; con dúas portas, o segundo; unha latrina, o terceiro; unha fiestra con mainel, no cuarto; e unha seteira no quinto.

"Non pode darse nada máis sombrío para os seus moradores, incluso naqueles días nos que o sol douraba os campos e animaba as chouzas dos humildes (comentaba D. Ángel del Castillo, evidentemente impresionado por aquel habitáculo tan tétrico). Das dúas portas que lle daban ingreso, unha comunicaba co patio de honra; non mide de ancho máis que 0,80 m; e está a 5 m sobre da praza, pero debeu estar a uns 8 m; é de arco semicircular; ten un tímpano esculpido cunha figura, e está sobre ménsulas con lixeiros relevos. A outra porta, máis reducida aínda que a anterior, comunicaba co patio das armas; ten un arco de descarga semicircular, abeirando un tímpano con seis roeis por armas.

"Rodeando os muros N e O da cerca, hai un foxo de 3,50 m de ancho, limitado por outra cerca; non é posible, pola súa ruína, segui-las obras que parten do muro S; entre as que se conservan muros ameados cunha garita voada nun dos ángulos".

Segue comentando D. Ángel que non era fácil descubri-los subterráneos deste tipo de fortalezas, e pasa a describi-la cisterna. As lendas din que o castelo tiña dous pasadizos de longura enorme: un, que baixaba en dirección a Bolaño, fose para augar en Riazor, ou como porta ou saída falsa. E outro, que baixaba ao S, tanto para recolle-la auga da fonte como para subir á lomba, onde seica tiñan de continuo unha sentinela alertada para vixiar o camiño de Asturias, cruzando fogos se preciso fose. En canto á cisterna, descríbea así: "Cuberta con bóveda de canón de directriz semicircular, con entrada por arriba". A este espazo subterráneo asígnalle: 7 m de longo por 3,70 de ancho e 5 de altura. Daquela, que no fondo non había cascallos. Sitúaa a 200 m da torre.

A criterio de García Teijeiro, -que ademais de escritor, avogado, fidalgo e rico propietario, foi alcalde de Castroverde-, o reduto fortificado, fortes e contrafortes, debeu ocupar unha superficie, polo menos, de 2 ha, comprendéndose na sección amurallada dúas prazas: a de servizo e maila de armas, cunha extensión esta última de 37 m de ancho por 45 de longo. Opina tamén -daquela estaría en mellores condicións de relevo-, que a figura que contén o lintel da porta de acceso á sala principal da torre é a dun guerreiro tocado de morrión e "cinguido" de cota, que na sinistra embraza un broquel, e na destra brande unha especie de maza de armas. Os da vila rinse disto, e afirman que se trata dun gaiteiro do país pagándolles os tributos aos señores..., ¡en música!

Chanzas á parte, da importancia defensiva que puido ter esta fortaleza xa dan idea os restos da súa torre e mailas ruínas do amurallamento, formadas con espesas paredes de cachote de granito e pedra de lousa, así como as bocas das súas seteiras verticais, chamadas de cruz, con derramo suficiente cara a dentro para poder disparar en varias direccións; están embocadas en pedra gra, cun lintel interno arqueado, do mesmo material.

Os restos das murallas, daquela cando o Sr. García Teijeiro andou por Castroverde, alcanzaban de tres a catro metros de altura con respecto ao chan de entón, e aínda se podían observar uns cimentos soterrados, e en parte a flor de terra, así como restos doutra torre que se erguía no recinto murado, se ben de menos elevación e de máis escasas proporcións que a de honra. A garita de asexo do ángulo NO estaba disposta en saedizo, carecendo da parte superior onde tería as bocas de fogo, e supoñéndose coroada dun teito cónico, que era o máis usual en construcións análogas. Estaba formada de grandes bloques de granito labrado, descansando sobre unha base ou repisa de nove fiadas, de perfil semicircular, que ían diminuíndo sucesivamente ata rematar en punta. Houbo acuedutos subterráneos.

A ermida dos castelo estaba baixo a advocación da Virxe do Camiño, tamén coñecida como A Virxe do Castelo, tallada en pedra gra, que pasou á igrexa parroquial, Vilariño.

.../....

Continúa en

CASTROVERDE na historia e no presente
-II-

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: