domingo, 4 de enero de 2009

APUNTES DE ECONOMÍA-ENGADIRLLES VALOR ÁS COUSAS

   

APUNTES DE ECONOMÍA

ENGADIRLLES VALOR ÁS COUSAS


Xosé María Gómez Vilabella

¡As crises económicas son coma as eguas:
se lles quitas a solta, se non as controlas, voan, por terra, mar e aire!

-.-

Mellor vacinarse que curarse. As crises, todas, as de tódolos tipos, veñen sen buscalas, ou porque non amansamos os nosos "cabalos", en particular o do orgullo, ese instinto maligno que nos leva a pensar que seremos coma Deus se comemos da froita prohibida, da velenosa, ou porque, de amansados, non sabemos cabalgar, nin lles apertamos a cincha, -aforros, previsións, unha economía prudente-, nin utilizamos o freo das especulacións ponderadas e controladas, sexan propias ou do noso entorno.

Guerras, pandemias sanitarias, catástrofes xeolóxicas, edáficas e/ou climáticas, erros dos nosos gobernantes..., as causas poden ser múltiples pois aínda había que engadir os efectos e mailas consecuencias desta globalización socio-cultural e económica que se está xeneralizando, así que, na complexidade dos tempos actuais, e nas perspectivas que asoman, doulle toda a razón ao Director deste CIP de Castroverde, D. Eduardo Carreira González, que, preocupado polo porvir dos seus alumnos, encargoume, pediume, que, de cando en vez, aproveitando os meus desprazamentos á miña finca, e avisando con antelación para anuncialo, veña aquí, ao voso colexio, para charlar de temas económicos cos máis adiantados, cos que queiran asistir, a título privado por suposto. Quero e debo deixar constancia do interese que pon Carreira en estimular e ampliar no posible a vosa preparación, a formación dos seus dirixidos, en aras do voso provir. ¡Rapaces, sobra dicirvos que isto é moito de agradecer, así que, comecemos cunha aclamación sincera e gratificante para o señor Carreira!

-.-


Esta é unha recompilación, unha síntese, das nocións que, en materia de Economía, lles fun desenrolando e ampliando naquelas charlas, naquelas visitas. A idea central que me/que lles propuxen foi a de,

Engadirlles valor ás cousas

 


 

Curso 1992 / 1993, sendo director do seu Colexio
Eduardo Carreira González,

un auténtico Führer (Condutor)

da xuventude de Castroverde.


De presente, ordenando papeis, volvín a lelos,
e coido,
en vista do sucedido nestes últimos meses,
que hoxe,
salvando o contexto de cada época,
non lle quitaría nin engadiría
unha simple coma.

Titulei así estes apuntes:

O ÚNICO VALOR CO FUTURO ASEGURADO:
ENGADIRLLES VALOR ÁS COUSAS

 


A posta de largo, tamén chamada presentación en sociedade, era un rito das familias distinguidas, que se foi apagando desde a guerra para acó; pois agora a xuventude tedes outra presentación, a de iniciarvos nos coñecementos que vos distingan das persoas incultas ou pouco cultivadas. Así que, nestas circunstancias, e con esta mentalidade, aquí pretendemos ter unha iniciación desas, comezando polo campo das especializacións, tal que nesta agra da Economía, que por moito que aremos nela, tal e como van os tempos, neste clima da globalización, nunca araremos, nunca aprenderemos de máis, que todo será bo e útil. Xa que de economía vai, aquí e agora, nestas charlas iniciáticas, economicemos o tempo sentando as bases, a labor, para que, cando comecedes a exercela, na súa práctica, teñades frescas as ideas de partida, de arranque, de introdución, ou, como dicides agora, de posta en valor.

Partindo da nosa emigración e da base cultural coa que entramos neste século XX,  ¿que se fixo, que fixemos, que se puido facer? ¿Onde estamos? (Daquela) ¿Cal é o noso futuro, o previsible, en presenza da UE (Unión Europea), e do GATT (Rolda Uruguay - libre comercio mundial)? As tensións duais na actual crise. (Na que tiñamos entón). Receita básica: Engadir valores que teñan aceptación de mercado, reducindo ao máximo os custes dos procesos produtivos; engadirlles atractivo ás cousas, dentro dun código deontolóxico, por suposto. E todo isto na feroz competencia na que nos tocou vivir. ¿Como se presenta, como se anuncia, o século XXI? Previsións de orde cultural e socio-económico.

 

Rapaces, os comentarios que vos vou facer nestas charlas versarán sobre un tema importante, así que ímolo tomar en serio, con atención e seriedade, tentando desenrolalo con paciencia, nesta sesión ou en varias; así que pido escusas, de antemán, se vos  resulto pesado por tratar temas que se saen dos vosos programas oficiais; e por favor, interrompédeme con toda confianza a cada palabra ou concepto que vos resulte escuro, contraditorio, ou descoñecido.


Para te-las ideas claras, diáfanas, para entende-los conceptos que vou manexar, fixádevos nesta sinxela definición: VALOR ENGADIDO É O VALOR QUE UNHA UNIDADE ECONÓMICA, INDIVIDUAL OU COLECTIVA, ENGADE Á PRODUCIÓN DUN BEN OU DUN SERVIZO POR MEDIO DA APLICACIÓN, DA DEDICACIÓN, DUN TRABALLO, SEXA DIRECTAMENTE, CON MEROS ESFORZOS PERSOAIS, E SE O CASO O REQUIRE, ENSUMINDO CAPITAIS.


Tedes que ter claro que ensumir é distinto, oposto, a consumir; por exemplo, se compramos pensos para mante-lo gando, iso será un ENSUMO, un ensumo positivo sempre e cando o incremento do produto que se obteña resulte de maior valor, sempre que teñamos, ou esperemos ter, unha recuperación normalmente superior ao custe dos ensumos aplicados nese proceso produtivo.


Compre lembrar, tamén, que PRODUTIVIDADE é a relación, o ratio, por cociente, entre o valor dunha produción e o custe dos medios que interveñan nela. Para aumentar resultados, como sabedes, ou incrementamos o N (numerador), ou diminuímos o D (denominador), que neste caso refírese aos custes do proceso.


Para entrar en materia direivos algo que sabedes de sobra, pero que igualmente vén ao caso: A ECONOMÍA MODERNA caracterízase pola especialización e pola división do traballo; cada un fai unha fase de cada proceso, que así elévase a PRODUTIVIDADE, pero, e subliño este pero, Á COSTA DE ACENTUAR A NOSA INTERDEPENDENCIA. Isto da interdependencia, da evolución da interdependencia, saír dunha economía individualista, precapitalista, egocéntrica, autárquica e protexida, é unha sinatura que se nos atragoou aos galegos, acaso como consecuencia daquela romanización que tanto nos usurpou, que tanto nos avasalou; coido que niso temos parte do enraizamento dos nosos males, e de paso, de moitas, ou, polo menos, dalgunhas contradicións.


Xa sabedes, tamén, de antemán, que CRISE, esa verba que tanto resoa ultimamente, na acepción que aquí nos importa significa, MUTACIÓN GRAVE NO DESENVOLVEMENTO DE CALQUERA PROCESO FÍSICO OU HISTÓRICO. Pois ben, DAS CRISES DERIVAN AS CONVALECENCIAS. Diso, pouco a pouco, vólvese, volvemos, ao rigor, ao vigor, a recupera-las forzas, PERO, cos tratamentos axeitados. Primeiro xurde a enfermidade, neste caso o desequilibrio económico que non se soubo ou non se puido evitar; despois, os entendidos, ou que por tales se teñen, fan as receitas, que non soen ser gratas. Tras de todo iso, ¡outra vez á Escola, séxase, a producir! Nesta crise actual, socio-económica, da nosa arribada ao Mercado Común, na que tanto os valores morais coma os materiais voan tocados da ala, sodes vosoutros, estas promesas da XERACIÓN DO MILENIO, os que teredes que aprender dos nosos erros, do noso atraso, do noso pasotismo, para reface-lo voso mundo, para remonta-lo voo, para darlle outro empuxón á Historia de Galicia, e coa de Galicia, á de España.


A tal momento estamos no noso Castroverde, que pode parecervos pouca cousa, pero no que, como en tódolos lugares civilizados, tivemos un pretérito conformador importante, unhas raiceiras nutrientes, e tamén un presente circunstancial no que, pouco ou moito, algo estamos interaccionando, todos e cada un de nós. Á vez, e se cadra fixámonos pouco nisto, estamos conformando un futuro que nolo dan case enmarcado, pero con iso e con todo algunha cor de cadro socio económico dependerá da nosa arte, da nosa mestría en combina-los cromatismos que seleccionemos a estes efectos.

 

De fondo, de reserva, temos a riqueza natural desta Galicia, coas súas posibilidades, que son óptimas, sexa na agricultura ou na pesca, e cando evolucionemos cunha velocidade meirande, tamén na industria, así que, de ben organizada e de ben instruída, o provir desta rexión pode ser esplendoroso.

 

Hai un proverbio escocés moi pegadizo, e coido que pedagóxico:

 

Moitas cousas pequenas
en moitos lugares pequenos
feitas por moita xente pequena
poden transforma-lo mundo!

 

Daquela imos falar da nosa cativeza. Neste intre, en cada intre, ao de hoxe, somos a resultante de axusta-los puntos, a laboriosidade e maila sorte, que circundaron o berce de cada quen, trazada coa nosa vida, coas nosas circunstancias, próximas ou non tanto, do noso camiñar, do noso rompe-las augas para enfrontarnos ao mundo circundante, nunha liña que non é, nin pode ser, recta, senón ondulada, pero cunha tendencia definida, da que algún control se ten, ou adoita terse, a pouco que usemos da nosa preparación cultural; e tamén, por suposto, da nosa intelixencia. En definitiva, que temos bases para asentar un bo porvir, se o controlamos, se nos responsabilizamos.


Estades estudiando, ou estudiaredes, algo de física, e tamén química, así que vou usar deses coñecementos, desa ferramenta, para non perdernos nas elucubracións da ciencia económica estrita, que está pragada de conceptos abstrusos; e por se fose pouco, expresados maiormente en inglés xa que foron os americanos, principalmente os estudosos do Massachusetts Institute of Tecnology (MIT), os que afondaron nesta rama dos saberes pragmáticos. Entendo que sería prematuro abusar con vosoutros destes tecnicismos, maiormente para estas charlas coloquiais, iniciáticas.

 



Apoiados nestas ciencias, iso si, e mesturándoas un pouquiño, podemos expresar que A CULTURA non é un gas expansivo de seu que tenda a abarcar uniformemente todo o espazo dispoñible; a cultura, coma a luz, onde atopa obstáculos, reflíctese; pero ilumina por onde pasa, ou mellor dito, por onde a deixan pasar. Por outra banda, e sen saírnos destas leis elementais, tamén sabemos que a potencia e maila resistencia entran nunha relación de equilibrio con respecto ao punto de apoio; iso en función dos seus respectivos momentos.


Isto lévanos a entender, con estes exemplos coido que claramente, que onde hai resistencia precisaremos aplicar, tamén relativamente, ou moita potencia ou moita paciencia. ¿Nunca oístes dicir que o que non ten cabeza é o que máis patea? Daquela, neste caso, canta máis cabeza poñamos nas decisións, nas proposicións, nas programacións, nas vacinas, menos pés e menos brazos nos custará efectua-los desprazamentos nas subseguintes tarefas da vida cotián. Pois ben, deste símil, aquí mesmo, fagamos punto de apoio para anosar a historia cultural desta bisbarra.

 


Dáse o caso de que a bondade destes vales tirou dos sucesivos poboamentos desde a máis remota antigüidade, desde a mesmísima cova da Valiña, pero non me vou parar en consideracións minuciosas, historicistas, que iso podemos deixalo para outra ocasión.

Baste con lembrar que na Idade Media estivo por aquí o Rei Afonso VIII, e precisamente no noso Castrum de Vallis Viridis (Castro do Val Verde) fixo, asentou, Cortes, detívose por algún tempo, probablemente moito, pois aquí, con esta paisaxe, con estes alimentos, con este clima suaviño, temperado, sempre se estivo a gusto, do mellor; daquela firmou aquí, datou, documentos de gran transcendencia, que por aí andan nos arquivos históricos. Esta circunstancia, anecdótica pero significativa, evidencia de seu que a nosa bisbarra, incluso na Idade Media, xa tivo un relevo socio cultural importantísimo, que nos honra.

 

Boas terras e, sucesivamente, boas comunicacións: a Vía romana, que enlazaba aos Lucus (Lugo de Llanera e Lugo, ou, como daquela dicían, Lucus Asturum e Lucus Augusti), séxase, o Camiño antigo de Santiago, (o inicial non, pois o inicial, o primitivo, foi o marítimo, pasando polas Baleares, para vir, para chegar evanxelizando ao Finis Terrae), na proximidade do noso Lugo, etcétera, cousas, circunstancias, todas positivas para un desenrolo sostible. Pero tampouco podemos esquecer que onde é doado vivir, á larga resulta nefasto se nos vence a preguiza. De durmidos entramos noutra lei física, na da inercia, iso de que os corpos que se moven uniformemente tratan de mante-lo seu movemento, e polo contrario, os corpos en repouso resístense a ser postos en movemento. Por iso son tan danosas as somnolencias, as inercias culturais, pois, cando se adurmiña un pobo, mentres leveda a súa masa poboacional non hai revolucionario que sexa capaz de poñelo en movemento activo.


Por paradoxal que pareza, aqueles navíos cargados de prata que lle viñeron a España nos primeiros séculos despois do Descubrimento acabaron pagando inercias, guerras, mercenarios e mercadorías importadas, en particular dos Países Baixos, de tal forma que eles aprenderon a engadir valor ás súas materias primas; en moitas cousas, tal que a facer panos, e nós, os españois, entre as compras, as guerras, e mailos vicios, quedámonos atrás, detrás. ¡É o que ten a prosperidade mal entendida e peor dirixida!

 


A torre do Ouro. ¡A torre dos “roubos”! 

Levando, traendo, a auga ao noso muíño: Aquí en Castroverde tivemos a comodidade e maila oportunidade de venderlles, moito e bo, aos de Lugo capital: produtos agro gandeiros, obxectos de fabricación artesanal, elaboracións en liño, e tamén en lá, etcétera, que se viñan levando, século a século, principalmente ás feiras do San Froilán. Incluso extraccións mineiro-minerais: Antimonio e cal obtido das canteiras de Xivil, lousa da Mouriña e de Veiga Seca, etcétera. Precisamente en Xivil unha canteira caliza estivo a punto de deixarnos sen coñecer aqueles restos do rinoceronte, nesta cova da Valiña:

 


Pero iso foi unha vantaxe temporal e circunstancial, válida mentres a eles lles foi difícil ou imposible acudir a outros mercados, a outros abastecedores. Coa chegada do tren a Lugo e coa xeneralización dos transportes por estrada, a substitución do noso cal polo cemento, etcétera, descendemos nós, ipso facto, os da bisbarra inmediata, da contigua, adurmiñados que estivemos pola falta, aquí, dunha competencia estimulante. Polo contrario, esas mesmas comunicacións metéronos nunha serie de ofertas mercantís que nos eran interesantes, e incluso necesarias, pero cos nosos ratios de baixa produtividade non estabamos, daquela, en condicións de adquirir, así que a forza resultante foi unha fuxida de capitais, sumándose aos nosos cobres aquelas remesas dos primeiros emigrantes, maiormente desde que nos fomos librando dos aforamentos.


Por certo, falando do tren, que non é moi sabido, ou máis ben témolo esquecido: a gran oportunidade desta bisbarra de Castroverde pasounos pola porta no ano 1852, fai século e medio, pois cando xa estaba aprobado e delineado o trazado dunha vía que baixaría a Ribadeo partindo de Monforte, que ía tronza-lo antigo condado de Chamoso, Corgo e Castroverde, cortando a serra da Ferradura en dirección a Caraño e Meira, que así estaba aprobado pola Raíña Isabel II, reuníronse en Lugo as "forzas vivas" da capitalidade, esas que ás veces fan, e facían, coma o can do hortelán, que nin comía nin deixaba comer, e acordaron mandarlle un escrito ao Goberno da Súa Maxestade no que lle propoñían, ou máis ben esixían, estúpida e inoportunamente, ADIA-LO FERROCARRIL,
"... para cuando el país esté cruzado y cubierto de una vez de otras comunicaciones preliminares; y cuando llegada la hora de la ´ferrada´ se medite bien y procure que pase por el Centro gallego". Tiña tan pouco sentido aquela alegación que tal parece que lle chamasen "Centro gallego" á muralla de Lugo; así que aqueles envexosos, aqueles centralistas capitalinos, quedáronse sen o diñeiro asignado para a provincia; ¡de momento, sen diñeiro e sen tren! Está claro que o querían para eles, para eles ou para ninguén, e non tiveron a paciencia, nin a paciencia nin a vista, de que para Lugo, de chegada a vía ao Corgo, era obrigado e doado facerlles un empalme.


Tempo adiante chegoulles o tren a Lugo, pero, ¡desde Coruña!, co subseguinte empalme a Monforte.


Aínda houbo outra oportunidade cando se pensou nun proxecto transversal, que iría desde o Cádavo ata Ourense, pero, ¡ámbalas dúas nolas torceron!


Sen facer futuribles, está clariño que, naqueles tempos nos que Madrid, Barcelona, Bilbao, etcétera, empezaban a despegar, e por tanto, a consumir, para a nosa bisbarra aquelas liñas ferroviarias serían, comportarían, aportarían, un beneficio incalculable, e non só para Castroverde.


Como imos vendo, a proximidade de Lugo, e quen di de Lugo, de calquera centro que sexa excesiva e egoistamente polarizante, tivo e ten os seus efectos negativos. Entre outras interaccións duais: Facilitounos unha case inmediata receptividade aos sinais socio económicos exteriores, pero tamén succionou recursos e oportunidades que, a sensu contrario, arraigaron nas bisbarras illadas, poño por caso a evolución da vila da Fonsagrada, estando eles nun contexto bastante inferior, costos do transporte á capitalidade desde Burón, etcétera. Aquí, na nosa bisbarra, neste alfoz de Lugo, sóubose antes doutros porvires, pero tamén se foron os nosos emigrantes, mesmo na peor época de Cuba, a últimos do XIX, pois, recén abolida a escravitude no Caribe, pasaron os nosos segadores a cortarlles a cana, e mil e outros traballos de especial penosidade, precisamente na época belicosa, aquela na que as Antillas entraran nunha decadencia conflitiva. ¡Tarde para oportunidades, e cedo para penalidades!


Esta proximidade a un centro importante de consumo, concorrendo un substrato cultural fértil, feito, maduro, noso, ao longo dos séculos, fíxonos aceptar con precocidade o potencial modernista que nos viña de Lugo, ou ao traveso de Lugo, sen resistencia apreciable pois aquí a distancia, o brazo de panca, seguindo co símil da física, funcionou en sentido inverso, producindo un efecto multiplicador positivo, ¡pero...! O pero estivo precisamente niso: que os maduros, os economicamente fortes, tal que os fidalgos, os cultos e mailos inquedos, fóronse de aquí, a toda velocidade, deixando aos seus próximos nunha escuridade cultural.


Se vos fixades na configuración humana desta capital da nosa bisbarra, aínda hoxe se percibe que houbo un importante desprazamento de xente das parroquias circundantes para establecerse nese baleiro da Vila-Capital de Castroverde, ao sopé deste Castro do Val Verde, ocupando oficios, negocios e casas, en substitución daqueles fidalgos, daqueles vilegos, que se foron, paulatina pero ininterrompidamente, para Lugo, Madrid, Coruña, etcétera. Todo isto é, foi, supuxo, unha fuga de recursos humanos, ademais dunha descapitalización considerable. E cando se ausentan os ricos, ou os máis cultos dun lugar, iso minora, empobrece, a tódolos demais, por paradoxal que pareza; de moitas maneiras e por varios conceptos, segundo se estudia en Socioloxía.

¿Ides vendo o que pasa cando, nun certo lugar, non se pode, non se sabe, ou non se quere engadir valor ás cousas in situ? ¿Ides vendo que o que necesitabamos, e seguimos necesitando, na nosa terra, precisamente na nosa, tan rica en recursos naturais, son industrias racionais, culturais, cultas, que transformen, que sitúen nos mercados máis esixentes unha serie de produtos elaborados, transformados, conservables e útiles para as outras latitudes, que leven consigo un valor engadido, apreciable, desexable e práctico, que é do que realmente vos veño falando, aínda que o faga alumando estas nocións da Economía Xeral coas luces da nosa Historia particular? Se aquí se dese un mínimo desenrolo técnico non teríamos este salto mortal, actual, do sector primario ao terciario, do rural á urbe, que estamos padecendo, en detrimento dun proceso técnico gradual, satisfactorio e sostible.


Para evidencia do pouco que fomos capaces de engadir aos nosos produtos naturais, á riqueza primaria e natural desta bisbarra, abonda con deterse nas estatísticas deste século (Falabamos no XX e do XX), con caídas atroces desde os anos cincuenta. Ninguén se alonga das súas raiceiras, e ninguén, ou case ninguén, se ausenta do seu entorno familiar salvo para mellorar considerablemente de oportunidades, ¡ou iso espera! Isto é a mellor evidencia de que aquí non as houbo, non as tiveron, non as viron, ou faltáronnos orientacións.


(Mostrarlles aos rapaces as curvas de poboación do concello, descendentes nos últimos anos)


Isto da caída en picado da poboación rural só lles gusta aos teóricos que viven nas cidades e queren ter nelas servidores baratos; ou aos labregos veciños, aos envexosos que esperan e cobizan que eses lugares abandonados, desprezados, pasen ás súas mans por catro cadelas. Uns e outros están, estiveron, errados con ese espellismo: as cidades están deixando de ser acolledoras, humanas; comezan a ter morriña dos lugares de procedencia, dos espazos amplos, abertos, saudables; e os terratenentes que non sexan capaces de atende-las propiedades acumuladas acabarán vendéndollelas aos burgueses do século XXI para levantar segundas vivendas, séxase, vivendas axardinadas, que son algo así coma o retorno do Fillo Pródigo..., empobrecido do espírito e saciado do asfalto! Se aquí lles dan colocación in situ aos seus fillos será de milagre pois ese autoodio campesiño só pode rematar nunha invasión de man de obra barata procedente do terceiro mundo. (¡E chegou, sen tardar, que xa a temos desembarcando!). Só hai unha saída razoable, que consiste no incremento das vilas cabeceira de bisbarra, creando nelas unha infraestrutura axeitada para que medre a industria auxiliar, complementaria, transformadora; en definitiva, unha industria que xere novos recursos, perfeccionando os existentes, engadíndolles valor, co cal xurdirán novos empregos satisfactorios, dunha relativa tecnoloxía.


Mirémonos un pouco no espello das nosas circunstancias: Un colectivo que ten materia prima abondosa, que se liberou dos foros, e que recibiu cantidades inxentes de diñeiro, das dúas emigracións, primeiro da americana, e seguidamente da europea; amén dos propios ingresos, nos que incluirei o fluxo das pensións; unha bisbarra que goza dunha cultura ancestral, de sobresaínte relevo, e que era capaz, que puido ser capaz, de manter, de fixar, un poboamento, polo menos sostido, creando postos de traballo na mesma proporción en que a agricultura deixaba de precisalos pola súa mecanización e/ou especialización, fainos pensar, a fuer de sinceros, que temos algunha sarcoma nalgunha parte, que nos fallaron os mandos, os organizadores dos sistemas produtivos; pero tamén algo, bastante, os de dentro, nós mesmos, que ben pode ser que discorrésemos menos do necesario, menos do esixible en cada conxuntura económica.


Iniciativas si, por suposto, que iso é básico, primordial, imprescindible para vence-las inercias seculares, pero tamén concorre que as iniciativas carentes dunha preparación individual, persoal, axeitada a cada emprendemento, levan en si mesmas o froito da perdición. Teñen que ir acompañadas da suficiente preparación, da suficiente vontade, do necesario esforzo. Polo que respecta ao Estado, cantas veces teredes oído iso tan común de, ¡Ai, se me axudase o Estado...! Pois ben, o Estado, cando axuda, que non sempre pode, e noutras non debe, axúdalles aos que máis producen, aos que máis pesan nos lobbys políticos.


Circunscribíndonos ao local: A proximidade de Lugo foi boa nalgún aspecto, pero nefasta noutros. E de postos a facer un balance histórico, poderíamos dicir que ninguén nos tratou mellor cá Igrexa local pois, se ben é certo que non nos perdoaron décimos e primicias, ou foros, ou beixamáns, tamén lles debemos unha culturización xeneralizada; sen ela, sen os frades e mailo clero secular, carentes de ensino público, oficial, todo por aquí sería unha graña, estaría a monte, incluso a xente! Daquela, ¿onde fallamos, sendo rica e tan ben situada a nosa terra, e tan cultos os nosos antepasados? Rapaces, ¡hai que admitilo! Fallamos na forma de ser; en ser conformistas, en conformarnos co que íamos recibindo, cando o pragmático é descorrer, engadir valores, completa-los procesos, asociarse para as actividades produtivas que o requiran ou aconsellen, ¡pero, a priori!, pois é lamentable que desconfiemos do veciño, toda unha vida, e despois que nos vistamos de loito para irlle ao enterro, poño por caso.

 

A revolución industrial, que espertou a comezos do pasado, do XIX, concentrou a súa vitalidade nos núcleos urbanos, dándolle, de paso, o golpe de gracia á ¿aristocracia? rural, que convivía no fundo soarego cos aldeáns, que afondaron na súa escuridade ao deixar de participar nas ledicias e nos traballos, nas prosperidades, aínda que tamén nos infortunios daqueles veciños sobresaíntes.

 

Traio aquí apuntado, que non o vou traducir porque as traducións, como dixo outro, en certos temas convértense en falsificacións, que,

 

 “Pocas generaciones bastaron para que se considerasen extraños los que antes se tenían por afines. Hoy el señorito se encuentra en la aldea como sepultado en una mansión de horror; y el paisano ve en el dueño un testigo incómodo de sus desidias y de sus rutinas. Al uno le expulsa el tedio de la granja heredada; el otro se torna más huraño en la soledad de su labor; y en este alejamiento mutuo se fomenta el antagonismo natural de las respectivas condiciones porque el vínculo común de amor a la tierra, tan fuerte en Galicia, pierde toda espiritualidad para convertirse en fría subordinación de la clase explotada a la clase explotadora. ¿Qué han hecho las clases directivas para atraerse al campesino, para dulcificar sus costumbres, para curarle de sus resabios? ¿Qué elemento de bienestar  llevaron a su vida, que luz de cultura a su mente, que ejemplo en sus relaciones? Les dejaron abandonados a sí mismos, y cuando a ellos se llegan los encuentran toscos, desconfiados, burlones, tal y como les hizo la soledad, el abandono y el despego con que fueron tratados”.

 

Iso foi onte, e dese ambiente aínda queda algo, pero, rapaces, acordádevos disto, que chegaredes a velo: as cidades estanse convertendo en rañaceos, en torres de Babel, así que chegará un día no que os urbanícolas se pirrarán por ter unha casiña na aldea, unha carballeira que os abeire, un aire puro, depurado, que lles limpe os pulmóns e os aquiete das febres laborais da cidade.

 

Volvendo á Historia, ou seguindo nela: O Alzamento militar, fascista, frustrou aquelas asociacións, fundadas, patrocinadas, estimuladas, máis ben polos nosos emigrantes, tales que a Sociedade de Mosteiro, da que moito se beneficiou Montecubeiro, ou a Unión de San Cibrao, ¡con biblioteca pública, circulante, nos anos 30 deste, do XX!, que, entre outros gremios e asociacións locais, foron iniciativas que resultarían milagrosas para a prosperidade local se non as abortasen aqueles sublevados..., ao servicio do caciquismo local, que se resistía a morrer, a desaparecer!

 


Unión de Montecubeiro. Documento fundacional.

 

Centrándonos no pragmatismo: Algún de vosoutros estudará Económicas; ou Empresariais, que vén a se-la aplicación práctica e inmediata dos principios económicos; iso como especialización, ou se o preferimos, como alta especialización; pero xa vos aviso que nesas Facultades non ides descubrir nada novo; se acaso, ampliar, posto que nunha empresa, nunha empresa de certa categoría, xa nacestes, nacestes e vos criastes. ¿Que é unha explotación agro gandeira senón unha empresa, acaso cativa de patrimonio, pero complexa no seu desenrolo, na que cada día se aprenden e practican novas técnicas, sen dar chegado, nunca, ao remate desa disciplina.


Cando vos poñades a estudiar as grandes teorías, eses conceptos milagreiros, eses librotes, e incluso cando ampliedes estudios, decatarédesvos de que os nosos libros están saturados de americanismos, de termos anglos, pero en definitiva esas filosofías só veñen a explicar o mesmo que xa sabedes, o mesmo que tedes, que ten, entre mans, calquera dos nosos labregos. Cun libro diante, sexa de Galbraith, de Henderson, de Lancaster, de Lipsey, de Samuelson, ou Schneider, entre a infinidade de anglos; ou quedándose cos españois, Arnaiz, Castañeda, Gámir, Tamames, etcétera, que tan só vos cito uns cantos dos que se me veñen á memoria, e que pasarán á vosa cando os teñades que estudiar e consultar, daquela darédesme a razón de que, en esencia, todo iso xa o tiñades ao redor voso; ¡o que vos faltaba era sabelo entender e sabelo expresar!


Para que isto non resulte espeso, vouvos referir a daquel emigrante que invitou ao seu xefe a visitar Montecubeiro. Cando chegaron, de madrugada, á Cruz das Louseiras, desviáronse por arriba de Cobula para que o invitado apreciase a grandeza da nosa paisaxe. E de chegados a un punto despexado, o meu veciño díxolle ao xefe: -¿Non dicía vostede, Mein Herr, que os galegos non temos fábricas? ¡Pois aí as ten, diante dos seus ollos, e ben que fumean! O alemán tivo que admitirllo, pero como son grandes preguntóns, díxolle ao seu empregado e amigo: -¡Ai, ho, é certo que fumean, que moita contaminación tedes...! ¿Que fundides nelas, tantas chemineas simultáneas? ¡Isto é un minifundismo, outro, cunhas construcións cativeiras...; en definitiva, que ignorades as economías de escala!

 

O noso paisano viuse apurado para seguir chufando: -¿Que lle parece que se vai fundir; algo moi importante, o caldo do almorzo, que xa o cheiro desde aquí!

 

Bromas á parte, agora, neste monocultivo da vaca, que se está implantando, abarcamos menos, pero cando a agricultura era agricultura, por aquel entón non había laboratorio experimental nin fábrica tan complexa coma a da nosa labranza.

 

Todo isto lévanos a concluír que, aínda que sexa a escala reducida, elemental, non merece ser empresario aquel que non trate de administra-los bens escasos, tanto no campo coma na cidade, no entendido de que administrar é algo máis, moito máis, que a mera conservación. O mantemento sen máis, produce desgastes, erosións, así que non hai nin sequera estabilidade de valor se non engadimos valores, continuamente; PERO VALORES POSITIVOS, REAIS, e non meramente especulativos, que é o que parece poñerse de moda, e non soamente no noso entorno, usando e abusando do speculor, que non é máis que UNHA ESPECIALIZACIÓN EN AXEXAR, EN ESPIAR, PARA VER SE ENGANAMOS AO SEGUINTE..., se se deixa!


CONCLUSIÓN: a única receita válida, tanto na vida pragmática como na ética, entendo que é a que dá título a estas charlas: ENGADIRLLES VALOR AOS NOSOS VALORES. Se estudiamos moito, estudiar máis; se traballamos, traballar máis, pero, sobre todo, TRABALLAR MELLOR, con máis preparación e con máis reflexión, CON MELLORES TÉCNICAS. Se fabricamos algo, facelo mellor cós de igual gremio doutras latitudes.


O caso é engadir algo, pero dun xeito que se sosteña por si mesmo, que sexa sostible per se; mellorar tódalas cousas nas que poñamos a nosa vontade e maila intelixencia que Deus nos dese. E logo, como receita persoal, mellor facelo ben que con présas. ¡As présas deixárllelas aos especuladores! Dicíanos en Madrid un profesor que tiven no Centro de Estudios Mercantiles y Económicos, onde gocei dunha beca de Acción Católica que me serviu para prepara-las oposicións do Banco Exterior de España, que se apelidaba Gallego e mais xa non era galego, invitándonos a profundar nos temas que nos propoñía, para entendelos, e non só memorizalos, que, "La tortuga, por despacio que camine, siempre pasa por delante de las estatuas".


¿Tédelo claro? ¡Correr é especular, e ben sabedes que as grandes caídas danse nas grandes carreiras! Pero profundar é afianzar, darlles consistencia ás cousas, aos coñecementos. ¡Para pasotismo chega coas estatuas!

 

¡Non abonda con producir; hai que mellorar!

 

Esa mellora témola que facer nós, cada un de nós, no noso oficio, profesión ou empresa, pero a valoración ten que ser obxectiva, ten que ser valorada, admitida, por aquel ou aqueles que a van utilizar, por aqueles que nos van utilizar como servidores seus. Teñamos presente que dependemos de moitos, en moitas cousas e en moitos aspectos; ¿que sería de nós, por citar só un caso, sen médicos, sen a competencia, sen a preparación e actualización dos médicos? ¡Ah, pero os demais tamén dependen de nós, incluso en cousas que non lles vendamos, como por exemplo, nas opinións útiles que emitamos!

 

Ese valor engadido, ese valor que aportemos, a veces terá que ser explicitado pois non sempre son visibles para o adquirente as calidades incorporadas; explicitar, pero non chufar pois a chufa pode conlevar a engano, a estafa. Vouvos contar aquel conto que se dixo do Parañolo de Veiga: Tiña unha vaca de pouco rendemento, e para vendela mellor na nosa feira, nesta de Castroverde, non a muxiu na semana anterior, así que levaban unha ubre de concurso. Un comprador preguntoulle: ¿Xusto, esta vaca é tan de leite como aparenta? Xusto, que era moi listo, pero tamén moi pillo, respondeulle: ¡Ai, ho, se cho digo non me crees! Así que o comprador comprou de boa fe, pero..., enganado!

 

Pero houbo outro caso, e neste participei como oínte: O correo en Montecubeiro recibiámolo no portal do señor Celestino, aos domingos, despois da Misa. Lendo as cartas, chegaron a un paquete “contra reembolso” que viña destinado ao fillo do Pedáneo, que era o Otero da Cernada. O interesado dixo que se trataba dunha máquina de escribir baratísima, que a vira anunciada nos periódicos. Pagou e abriu o paquete, con toda impaciencia, diante de media parroquia. ¡A máquina, recibida e pagada, era de madeira! Avergoñado polo timo, díxolle á Manoliña, á filla do Celestino, que a metese no lume, pero eu anticipeime e pedinlle que ma dese a min, que lla ía dar a meu irmán, como xoguete, que lle gustaban moito os instrumentos de madeira. Vender, anunciar con picardía, é un delito de estafa; consultade o Código Penal, pero o actual, que seica se está preparando a súa renovación actualizada.

 

A idea básica no mercado é facer, pero máis que facer merecer, que o potencial cliente elixa o noso produto e non o da competencia. Para iso, nun leal marketeo, temos que demostrar, explicar, evidenciar, a discrepancia que existe cos produtos doutros servidores, así que non só temos que coñecer a nosa mercadoría senón, e tamén, a que ofertan os nosos competidores. Non chegar con ir á escola na infancia pois, por moito e ben que nos ensinen os nosos profesores, as esixencias da vida obrígannos a estar ollo avizor, nunha aprendizaxe polifacética e constante.

 

O punto de partida sempre foi, e sempre será: ¿Das cousas que sei facer, ou das que podo experimentar, das mañas ou coñecementos que teño, que aspecto interesa hoxe en día, ou nun mañá próximo, no meu entorno, ou naquel mercado que me sexa accesible? Todo isto require atención, conversación, lecturas, e incluso viaxes; quietiños na taberna só se aprende a distinguir se lle botaron auga ao viño, moita ou pouca.

 

Limitándonos á produción agrícola tamén temos moitas posibilidades de engadir valor pois cada día aparecen  no mercado abonos axeitados, métodos máis eficaces de cultivo, manufacturas obtidas por transformación ou perfeccionamento, conservación, presentación, etc., tales como a frutuosa, cereais para o almorzo, alcohol, bioplásticos, e  mil cousas máis. A produción agrícola estase caracterizando, pois, por unha alta eficiencia produtiva, sobre todo na agricultura extensiva, sustentada pola xeración e pola aplicación de moi alta tecnoloxía, como, por exemplo, semente directa e con melloras xenéticas, agricultura de precisión e/ou de abrigo, de aclimatación, melloras de mil tipos, almacenaxe e conservación de graos, etc. Só temos que entrar nun super para comprobar a razón que tiña aquel actor que dicía no seu teatro: “Las ciencias avanzan que es una barbaridad”. ¡Pois na agricultura, tamén!

 

O primeiro dos pasos no agregado de valor é, está, estriba, en obter materia prima con calidade, e despois un manexo axeitado dos ensumos, controlar perdas ou descoidos, coidado ambiental, presentación, etc., coidándose moito de estar asistidos por un persoal competente na materia que lle teñamos encargada. Estoume lembrando dun administrador, xefe da delegación, aí en Lugo, dunha importante empresa, que lles dicía aos seus superiores que tiraba cantidade de aparellos que lle chegaban avariados ou defectuosos, que así os daba de baixa nos inventarios, pero cando se lle descubriu que os aparatos eran bos pero que non os vendía senón que os regalaba para conseguir favores, o deteriorado foi el, que o despediron!

 

Co que avanzaron as técnicas, nos países máis e mellor industrializados, as industrias secundarias son as que dan o meirande grado de transformación, o agregado de valor meirande. 

 

A Economía ten de parecido coa Astronomía en que ambas ciencias se desenrolan ollando ao lonxe, cos aparellos, cos coñecementos, que teñamos dispoñibles. O de cerca xa está visto e coñecido, así que compre, e apetece, alongar a vista, facer descubrimentos; e coa velocidade que vai, que leva, a globalización, o que hoxe nos parece adiantos mañá, mañá mesmo, serán atrasos, produción obsoleta.

 

Das feiras estamos pasando aos produtos envasados, almacenados, dos super; os autos utilizámolos para facer turismo, para coñece-los veciños, as súas paisaxes, a súa monumentalidade, o seu modus  vivendi, porque os subministres xa non hai que ir a buscalos, que se piden por teléfono, e os provedores lévannos a comanda á casa, precisamente nese tipo de vehículos que utilizaban os portugueses para levar aos mercados a súa produción, fose agrícola ou artesanal. Os catálogos vense, explícanse, en pantallas, coas pantallas; e por teléfono ou e-mail faranse os pedidos, moitos e deles. En resumen, que imos tan á présa que teremos que ollarnos máis no espello para non esquecer quen somos e como somos, de cambiantes e de cambiados que estamos. As ovellas que se durman, paparaas o lobo, o lobo do anquilosamento.

 

No sociolóxico, a muller, as rapazas do rural, especialmente estas, tamén teñen que espelirse pois o futuro daralles oportunidades uniformes, esas que levan séculos apetecendo, e que están en vésperas de lograr; salvo nos oficios que esixan un vigor físico meirande, estanse acabando os coutos vedades do machismo, así que xa poden apresurarse na súa capacitación, pois nun futuro próximo as que nos sexan iguais, paralelas, na súa preparación, ¡miñas pobres!, nin para modistas as quererán; e digo isto observando que tamén as modas se están masculinizando.

 

Na zona marítima tamén se aprecia esta evolución valorativa da muller; e tanto, que eu aínda lembro aqueles anos nos que a muller era utilizada principalmente nas fábricas de conservas, nas que moito traballo se facía á man, e para iso nun ambiente cheirento que só elas eran capaces de resistir.

 

Concretándonos ao agro galego, esta desgracia do noso minifundio, que tanto nos ata e limita, está clamando por unha concentración parcelaria ben fundada e ben executada, pois a oficial é lentísima, e os seus técnicos máis que prácticos, máis que peritos, adoitan ser lectores de libros de matemáticas.

 

Nos casos, nos lugares, que eu coñezo, en particular pola Limia, a concentración foi tan lenta que máis ben serviu para que moitos labregos se cansasen de esperar pola súa utilización, e cambiasen de profesión. Outra é que, perdido o cariño das súas leiras, as novas, as recibidas, prostituíronas vendéndose ás madeireiras do eucalipto. Pero na lexislación actual temos a posibilidade de optar por concentracións privadas, protexidas polo Estado, pero desprezadas polos labregos, que non concitan acordos veciñais. Véxase a Ley 10/1985, do 14 de agosto; e con respecto ás Concentracións de carácter privado están ben claros os seus artigos 57 e seguintes: “Cuando dos o más propietarios titulares de predios integrados en explotación independientes, etc”.

 

En particular nalgunhas zonas de Ourense teño visto leiriñas tan exiguas que, cerradas con unhas paredes monumentais, hoxe en día custaría máis pagar esas paredes do que ningún veciño daría por adquirir a finca. Este minifundio causárono as sucesivas partillas naqueles anos de prole numerosa, e daquela foron necesarias, pero hoxe están estrangulando a evolución da nosa agricultura.  

 

 

Virtudes e defectos, capacidade volitiva que aprecio en nós mesmos, nos galegos, comezando por Castroverde.

 

Volición. Xa sabedes, que volo terán dito, que “volición” é o acto da vontade polo cal o individuo determina a execución dalgunha cousa; pois ben, este acto é o que se encara para superar, ou mellor dito, para tentar de superar, as resistencias que se nos opoñen para acadar o cumprimento dos nosos desexos, das nosas pretensións.

 

Daquela, algo que se pregunta moita xente observando aos nosos veciños, ou máis exactamente, aos nosos ex-veciños: ¿O galego cambia coa emigración, na emigración, a súa forma de ser, de ser e de obrar? Certo é que o ambiente inflúe, incluso nos animais, pero non é que cambiemos, ¡é que espertamos! Coa emigración, na emigración, saímos do noso letargo ambiental, secular; espértanos a nosa capacidade volitiva, pero tamén a cognitiva; ponnos a funcionar, pon en acción a nosa capacidade intelectiva, pois a tranquilidade, a monotonía das nosas aldeíñas tíñanos, non amodorrados pero si un tanto anestesiados: ¡non podía apetecernos nada máis porque o noso entorno tiña, e aínda ten, as súas limitacións, así que sobraban, non operaban, as apetencias do inalcanzable, que nin sequera o imaxinabamos.

 

Os galegos sempre nos referimos “á nosa terra”, pero de feito son dúas, pois a mentalidade, usos e costumes, dos que viven na costa, ou cerca dela, difire moito dos do interior.

 

Ollando, revisando un pouco, o pasado recente desta bisbarra: Houbo un tempo no que Montecubeiro comungaba pouco co resto do municipio, e á viceversa ídem de lenzo. Podémolo tomar como exemplo das limitacións e/ou variacións territoriais. As trafulcas na feira tiñan de raíz que Montecubeiro fora casula, couto daqueles frades que recadaban en boa parte do municipio, así que niso, e con iso, xa había un distanciamento, un illamento. Incluso, ao eliminarse aquel poderío conventual, pasou de parroquia a municipio, independencia exigua, que só durou uns meses, agregándose enseguida ao Concello de Castroverde. O couto tiña atribucións de total independencia pois incluso houbo unha “picota”, alí arriba de San Cibrao, topónimo que se conserva dando nome a unhas caserías; e no lugar do Barreiro estivo o cárcere da xurisdición.

 

Relatou Lois do Cando que os mozos de Montecubeiro eran mal recibidos nas feiras de Castroverde, e así ocorreu que, en previsión das feridas daqueles ¿paus?, os rapaces adoitaban dobrar as puntas dos seus moqueiros para poñelos na cabeza, que así librábanse dos posibles e probables goteos sanguentos; de aí lles veu, nos veu, aquel alcume de “puchos”. Á parte destas anécdotas, a nosa idiosincrasia era, e segue sendo, bastante xeral e afín co resto da bisbarra.

 

Ata que se xeneralizaron as escolas públicas, que foi o principal factor de homoxeneidade, de fusión, as nosas bisbarras foron auténticos reinos de taifas, ¡reinos caciquís!, maiormente no cultural. A ilustración, ¡por séculos!, debeuse maiormente aos conventos, e por ende, como herdeiros culturais, aos mestres “de a ferrado”, emanados, instruídos, na docencia igrexal, ancestral. Só como mostra daquelas limitacións: Á “bros” de Montecubeiro chamábanlle “machada” en Luaces; o hórreo asturiano remataba en Castroverde, pois na Terra Chá xa dominaban os espigueiros; as segas dos trigais nas terras de Chamoso (Corgo) facíanse con rogas dos municipios circundantes. A tradición na parroquia de Pena, de casar coas veciñas, que así facilitaban as partillas, e de paso librábanse de preitos civís pois os veciños, parentes entre si, non lles valían para declarar, nin a favor nin en contra. E non sigo, porque sería saírnos do tema.

 

Dicía Ortega y Gasset, nun dos seus acertos, que o home non ten natureza senón historia. Así, pois, os límites culturais, históricos, tan varios e tan cambiantes de aldea en aldea, diferenciaron máis que a propia natureza das súas terras, do seu clima. Tamén se lle atribúe o dito de que, querer é poder, pero nisto disinto: O querer ten que apoiarse nas circunstancias, e as circunstancias históricas de Galicia foron, ¡sempre!, moi precarias ao longo da Historia. Pero este é outro tema que dá moito de si, así que ímolo admitir sen entrar en detalles.

 

Sempre afirmarei, pois aínda non atopei quen me demostrase o contrario, que lles debemos moito, moitísimo, aos suevos: Non eran agresivos, que por iso foron dominados polos godos; o terzo que lles concedeu Roma foi, estaba, nas terras abandonadas, séxase, máis ben nas praderías, que así se especializaron en coidar das súas vacas, concretamente ou maiormente esas que agora chamamos “rubia galega”. Coa aproximación dos mouros, os nosos xefes víronse obrigados a formar liñas de contención, de combate, que trouxeron como consecuencia o seu asentamento cara ao interior, primeiro en Asturias, despois en León, e máis tarde por Castela adiante. Aquí deixaron a súa lingua, que daquela xa estaba na fase da escrita, acolléndose ás variantes centralistas, como o demostra o feito de que a literatura castelá é moi tardía con respecto á nosa, á orixinal, á galaico-portuguesa. Na Reconquista os adaíles utilizáronnos aos galegos, tan prolíficos nós que había xente para todo, para alancear na vangarda, para o máis perigoso.

 

Este trastoco levounos á fobia que nos colleu aquela raíña castelá, aquela que montaba tanto coma o seu Fernando, pois os galego-galegos fomos partidarios da herdeira, que se non era natural legal si, pero venceunos a outra, aquela que lle ordenou ao seu sátrapa, “no cejeis en la castra y doma de Galicia”. Aquela impetuosidade do centralismo aínda a coñecín eu pois a mediados desde século en Madrid conservaban aqueles desafíos de, “Gallego si no lo haces”, “No seas gallego”, etcétera, etcétera. E se eu lles dicía, en pleno apoxeo ditatorial, que Franco tamén era galego, respondíanme invariablemente, “Franco no es gallego; es franco!”.

 

Unhas veces de motu proprio, e outras á forza, fomos madurando, e por tanto, formándonos; máis á defensiva que á ofensiva.

 

Aquela situación despectiva arraigou en Castela porque estaban afeitos a ver que os galegos nos últimos séculos, desde que xa tomáramos Granada, onde por certo nos pagaron cunhas ladeiras montañosas, alí polas Alpujarras, fomos utilizados para faenas e traballos que pouco distaban da escravitude, tales como: Segarlles o trigo, aleitarlles os nenos, particularmente en Madrid, deixándolles os propios aos avós, e con avós á vaca marela; enfermeiros, porteiros dos palacios, vixiantes nocturnos, picadores das minas...; isto na península, pois cando se levantou en América a escravitude, ben se deitou dos galegos para corta-la cana do azucre, garda-las vacas nos campos da Pampa, etc. E vou deixar, por decoro, certas funcións ás que someteron na Habana ás mulleres galegas, en servicio complementario, coas mulatas, daqueles golfos ricachóns da América do Norte, que iso ben que se ocultou, pero, existiu! 

 

A todo isto, a estas alturas da Historia, ¿que nos sobra, ou que nos falta? Primeiro, máis preparación xeral; e a continuación, especialización. Tamén algo máis de espírito asociativo, que disto, como bancario xubilado podo dar fe de que nos Bancos, por falta de vocación asociativa, o diñeiro sobrante das emigracións, ¡moitísimo!, fómolo remesando para os grandes centros industriais de Barcelona, Madrid, Bilbao, etcétera, precisamente para utilizalo na produción de artigos que lles fomos comprando os galegos a prezos escandalosos, ridículos, tales, que aínda están levando pedra de Parga para o seu templo da Sagrada Familia. A propósito: contoume un chofer da Empresa Montaña que, despois da guerra, ao non valerlles as moedas da República, os cataláns pagábanlle a Montaña, polos víveres..., en xoias! ¡Logo é que as tiñan, en abundancia! Con algo máis de unión, pero tamén de preparación, aquí igual construiríamos menos pisos, pero máis fábricas.

 

O tradicionalismo, a identidade galega.

 

A parte positiva do noso inmobilismo estivo en que un galego do século XX, á parte da roupa, é, somos, un vivo retrato daqueles avós do XIX. Conservamos o esencial, a sinxeleza do noso carácter e do noso actuar, que iso tamén é mérito, pero puidemos avanzar noutros aspectos, tamén sen cambiar de espello, sen cambiar de fotografía mental e moral.

 

O labrego da nosa bisbarra segue cultivando dúas virtudes moi meritorias: a humildade e maila meticulosidade. No da humildade coido que intervén, moito, a nosa relixiosidade, da que non teño que falar pois ben á vista está, en todo tempo e lugar. En canto á nosa meticulosidade, ben veces me teño lembrado dela ao contemplar usos e costumes doutras latitudes: en todo amodo, pero ben feito; ¡artistas namorados da terra, pois en definitiva o seu cultivo é a meirande das obras de arte.

 

O galego ten, ¡temos!, moi desenrolado o sentimento da propiedade. Amamos o pouco que posuímos, o noso campo, as chousas e mailas leiriñas, as vacas, a casa, o hórreo..., o cemiterio onde nos esperan os nosos entregos..., cun apego que nos acreditou como cutres, cando en realidade da verdade é apremo da miseria, que o toman moitos como encollemento da avaricia. Instintivamente respectamos o alleo para defende-lo propio.

 

A Igrexa, nas súas relacións cos campesiños, foi branda e paternal; en cambio a nobreza, en particular a moderna, a que recibiu en encomenda terras monacais, pero tamén aquela que constituíu o seu fundo por mercés reais ou por esforzo persoal, deixou sentir sobre os traballadores dos seus dominios todo o peso da súa cobiza bandoleira. Contra eses nobres dirixiuse especialmente o alzamento dos Irmandiños. A Igrexa, en cambio, permitiu aos seus foreiros enriquecerse subaforando o dominio útil, que os converteu de labregos en rendeiros.

 

A parcería de ganados, que aínda existía nos anos da miña crianza, foi o gran recurso dos labregos do noso Noroeste. O propietario poñía o capital, o campesiño o traballo, e as ganancias repartíanse a partes iguais.

 

Simboloxía e utilidade  do hórreo en Castroverde.

 

 


Castroverde, cara ao Occidente, remata onde comezan os espigueiros, os cabazos. Nós tivemos o hórreo como caixa forte da nosa economía ancestral; o hórreo era o celeiro da granxa. Dicía moito da importancia do casarío pois só o tiñan as casas podentes, en presente ou en pasado. Só a presencia, a existencia do hórreo, xa valía de escudo familiar pregoando o benestar da herdanza na que se levantaba.

 

A capacidade produtiva de cada terra.

 

En Economía, como en toda actividade humana, hai dous elementos concorrentes, o motor e mailo combustible, o home, coa súa iniciativa e preparación, asistido polos medios que lle son acadables. 

 

A capacidade produtiva de cada terra, de cada país, inflúe dun xeito determinante na capacidade creativa da súa xente, dos seus poboadores. Isto que vos vou dicir comprobeino eu, persoalmente, en países que visitei e que coñezo a fondo. Así, no Magreb, fan artesanía de calquera cousa, botándolle arte e paciencia infinitas; para mostra, esta mesa:

 


 

En Suíza, maiormente o relacionado coa xoiería e cos aparatos de precisión. En Francia toda clase de arte. En Portugal, artesanía práctica. E concretando no seu estilo de vida: Vencer en Marruecos a pereza ocasionada pola pesadez do seu clima xa require un esforzo adicional. En Suíza déitanse cedo, coma as pitas, e levántanse antes de que cante o galo. En Francia danlle moita importancia ao estudio. Para dicirvos como son os portugueses, nosos irmáns do Sul, basta con saber que mentres en España ata os pobres comprabamos “haigas”, eles mercaban furgonetas..., que lles servían para levar os seus produtos ás feiras!

 

Non se nos di, non se recoñece nos libros de texto, pero o feito é que ten moito de verídico esa lenda de que Noé baixouse da arca en Noia, e con iso fundou a Gallaecia: unha terra feita, feita e ben feita, porque a nosa humidade, o noso clima, axudou a esmendrellar as rochas, mesturándoas  e converténdoas en substancia propicia e apropiada para unha variedade de plantas útiles, como non teñen noutros países. As nosas rías, cos seus entrantes, fan que teñamos tanta mar como media Europa. E logo que, no mapa, para o comercio exterior temos unha situación tamén inigualable con respecto aos países máis avanzados da terra. ¿Que nos falta? Acaso algo máis de iniciativa, saír desta comodidade que nos dan as comodidades do país no que nos asentou a Natureza; e tamén precisaríamos algo máis de agresividade, no senso comercial quero dicir, para facernos respectar por ese mundo tan agresivo que nos vén dominando..., e surtindo, provendo!

 

¿Quen nos ten culpa do noso esparexemento poboacional, ao que moitos atribúen o, suposto, individualismo galaico? ¡Aínda non sei de ninguén que o dixese, pois non o lin nunca, en ningunha parte; nin o lin, nin o teño oído! A causa da nosa diseminación, dese esparexemento, ou individualismo, se así se prefire, está na abundancia de fontes coas que Deus nos obsequiou, millares e millares delas, nas catro provincias, que ata habería que dicir nas cinco, pois o Bierzo Galicia é. ¿Coñecedes algún lugar, algún poboado que non teña, polo menos, unha fonte? ¡Pois iso tamén foi cousa dos suevos, ao asentarse, que ben toponimia nos quedou deles! Eu dou fe de dúas moi atinadas: Berlán, o antigo Bergland, terra montañosa; e Rois, de Pol, que en alemán, suevo por tanto, quere dicir xunqueira. Daquela, ¡canto influíron as fontes na nosa convivencia, na nosa forma de ser!

 

Estes mananciais provocaron, asemade, a nosa diversidade agraria, tanto física como de produción, de posesión e aplicación da terra, explotación de prados, ladeiras e montes; incluso na tipoloxía familiar, á que xa aludín poñendo o caso de Pena como ilustrativo.

 

Incluso as pequenas cidades galegas estiveron, e aínda están, influídas decisivamente pola súa relación co mundo agrario, tanto no aspecto persoal como no económico, e tamén no cultural.

 

A nosa explosión expansiva culminou no pasado século, no XIX, coa evolución dos transportes cara ao interior, mercadorías e persoas; para América, os mozos, os máis fortes e decididos. Pero non só se baleiraron as casas, esgotándose as decrúas, e tamén os teares; o liño permutouse pola pana. En paralelo, entrou a frouxidade do dominio eclesial secular, que presidira e controlara as nosas actividades nos séculos anteriores, mosteiros, mitras, cabidos e igrexas parroquiais, que viñan sendo os receptores das dúas terceiras partes diso que algúns economistas chamaban, e chaman, excedente agrario galego, pero eu, de positivo, no material, ao poder eclesiástico, ao seu dominio territorial, só lle vexo a súa animación cultural, clave e apoio, iso si, do noso florecemento económico.

 

Nesta evolución, a lingua, que parte tomou, favoreceunos ou prexudicounos? Cara á Castela, a nosa lingua foinos conservando as raiceiras, o moito de positivo que tiñan as nosas tradicións, así como a fraternidade de seguir vinculados coas relacións e coas virtudes herdadas, unha especie de cordón umbilical que seguía uníndonos despois da nosa separación, nutríndonos despois do parto, despois dos desencontros, das ausencias. Con respecto a emigración, a nosa lingua fixo milagres diplomáticos, como o demostran os brillantes centros galegos que fomos, ¡que foron!, creando en tódalas cidades importantes. A lingua, neste aspecto, foi un pasaporte, unha acreditación, que nos facilitou, que nos proporcionou, ademais doutros beneficios positivos, importantes transferencias e retornos sanitarios para a morriña que comporta o noso illamento da terra nai, da terriña que nos pariu.

 

 

Do pasado xa falamos..., así que agora toca analizar o presente, ou dito doutra forma, atrevernos co presente, desafia-lo presente!

 

Non é cousa de renderse pois hoxe temos, ¡tedes!, mellores armas: Gozades dunha preparación cultural aberta, expansiva, comunicativa; as cicatrices da nosa guerra, refírome á incivil, van cauterizadas; estamos entrando nunha globalización comercial que se ve avanzar nestes anos de relativa pacificación universal, nos que se están facendo odiosas as limitacións aduaneiras. España estase democratizando, nunha fase que eu chamaría, reinventando a democracia. Etcétera, etcétera. ¡Todo un panorama positivo que vos colle na idade construtiva, na de facer efectivas as ideas persoais, nun ambiente moi permisivo, iso que chamaban antes, liberal. Daquela, como din os mariñeiros, ¡Avante, toda!

 

 


La Liberté guidant le peuple, de Delacroix. Iso, avante, aproveitando esta calma que seguiu ás guerras; cansados de guerrear, agora paz, paz e produtividade, séxase, iniciativa empresarial. E como o concepto de “empresa” vai máis alá do galego, comezarei pola definición que nos dá o dicionario da Real Academia de la Lengua Española, xa que o Código de Comercio en castelán está: “Empresa. Acción ardua y dificultosa que valerosamente se comienza. Intento o designio de hacer una cosa”. Na súa acepción comercial: “Entidad integrada por el capital y el trabajo, como factores de la producción y dedicada a actividades industriales, mercantiles o de prestación de servicios con fines lucrativos y con la consiguiente responsabilidad”.

 

Isto último, o da “responsabilidade mercantil” aínda está moi verde, así que tamén temos que contribuír á súa ética, que xa pasaron os tempos do estraperlo. No resto: Ter ideas innovadoras, capacitarse, mellorar os procesos produtivos, e tamén os puramente comerciais; desenrolar todo iso e crear empresas, fomentar explotacións agrícolas e pergueñar industrias, idealizalas, que son os pasos, ou mellor dito, as zancadas que debe propiciar todo aquel que se sinta actual, séxase, emprendedor. ¿Que se require para iso? ¡Xa o vimos dicindo: Ser creativo, te-las ideas claras, entender o noso entorno, gozar dunha independencia económica axeitada, ter unha certa aptitude de lider, e capacidade de decisión; tamén, ser innovador, que é o contrario de pasota; ser flexible, séxase, adaptable; e como volición, ser valente, estar dispostos a asumir os riscos da actividade acometida ou decidida. Como complemento: Temos que potenciar as nosas relacións sociais, afacernos a traballar en equipo, ¡isto xa o iniciamos coa escola moderna!, e tamén desenrolar a nosa intelixencia racional, pois o mundo dos emprendedores non é, non pode ser, unha burbulla momentánea, senón algo ríxido, consistente e perdurable.

 

Para a nosa orientación observemos, sopesemos, e non esquezamos, esta observación: que unha gran parte do PIB (Produto Interior Bruto) xérase pola riqueza que producen unha infinidade de empresas máis ben pequenas, ou como moito, medianas. Xurdiron como iniciativas persoais, primeiro as individuais e despois as colectivas, que na súa evolución chegaron a ser, e son, o motor da economía mundial.

 

Estas iniciativas, no seu desenrolo, tamén xeran unha riqueza xeneralizada creando empregos, aportando impostos ao sistema público, e cotizacións sociais que son os apoios sanitarios; con eles, as xubilacións xubilosas, etcétera. En definitiva, que o pasotismo, moralmente, é un crime de Estado!

 

No campo da ética: Estoume lembrando daquela sentencia, laboral e filosófica, que lle escoitei, e non só unha vez, á nosa Enriqueta Otero: “É moito o que fixeron, e por ende o que temos recibido dos nosos entregos; agora está nas nosas mans, e cómprenos, melloralo para transmitilo ás sucesivas xeracións”. ¡Pobre muller, que moral tiña, con tódalas humillacións que recibiu; un valor así ten que estar no Ceo, e ademais, condecorada”.

 

A iniciativa empresarial non é, non pode ser, a daqueles mercanchifles que expulsou Xesús do templo de Xerusalén; non estamos para explotar aos benditos senón para sementar iniciativas construtivas, que ben nolo predicaron aqueles frades de San Cibrao, “Ora et labora”, que niso está a perfección humana. Cambiemos, pois, todo o que teñamos desfasado, co egoísmo de mellorar, pero todos, nunha humanidade máis liberal, e por tanto máis fraterna, máis humana. ¿Como? Identificando oportunidades e creando outras, pero que sexan de interese humanitario, non bélico. Unha empresa que queira significarse polo seu espírito creativo fará melloras; como ben dicía Enriqueta, mellorará sen retrocesos, con espírito e con iniciativa empresarial, amoldándose, e amoldando, as novas tendencias, estudiando e realizando os cambios que para iso sexan factibles e oportunos. Non perdamos de vista, non nos esquezamos, de que estamos, de que participamos, nun país en desenrolo, rodeados de competidores expertos, con “x”, e por tanto, tamén espertos, con “s” .

 

A estes efectos, a responsabilidade non é só individual senón, e tamén, dos colectivos dirixentes, gobernativos, aos que lles incumbe, e temos o dereito de esixírllelo:

-Que non desmerezan a iniciativa persoal, pois os autónomos tamén son empresa, aínda que o sexan a título individual, que estas pezas son imprescindibles na maquinaria industrial.

-Que promovan, que auspicien, isto que vén chamándose desenrolo das calidades persoais que sexan básicas, tales como a creatividade, a responsabilidade, iniciativa, asunción de risco, etc.

-Facilitar nos Plans de estudio o coñecemento do mundo empresarial; que non sexa unicamente aportación dos especialistas.

 


-



Pasado, presente e futuro de Castroverde.


Xa que a cousa vai de Historia, hoxe comezarei cun refrán periclitado, historicamente periclitado: aquel de que non poden empezarse as casas polo tellado. Pero se algún día foi certo, hoxe, non. En arquitectura, por exemplo, mal se pode planificar unha casa, un edificio, sen coñecer de antemán as alturas que queremos ou nos permiten darlle, para seguidamente obrar en consecuencia. Nos deportes de competición, cómpre coñecer de antemán a meta, o fin proposto. E xa non digamos en economía, onde pouco podemos lograr se non temos claro o cume proposto; cuestión á parte será o estudo dos medios e das circunstancias concorrentes, estean ao noso dispor ou que séxamos capaces de acadar e de formatear.

 

Na actualidade, e nunca falarei de presente no senso clásico xa que iso, historicamente, non existe, pois tan pronto como pronunciemos unha verba esta quedará incorporada ao pasado, instantaneamente, con tódalas súas consecuencias, nesta actualidade que estamos vivindo, cunha crise socio económica tal da que só se pode saír collendo folgos, acumulando enerxías, reestruturando, para enfrontarnos á xeira seguinte. Unha meta que están albiscando os nosos administradores é a de ir á refundición, por fusión, de tódolos concellos que se vexan en apuros económicos para soste-la súa burocracia operativa; ou iso, ou distribuí-las funcións das Deputacións. Este problema aféctanos dun xeito grave aos galegos dada a nosa multiplicidade, o noso minifundismo poboacional, agravado polas inevitables e imparables caídas do censo na maioría dos concellos.


Isto é unha hipótese de traballo, ou se o preferides, unha intuición, pero non miña xa que o veñen meditando, e incluso dicindo, a media voz, políticos de tódalas ideoloxías. Se lembramos que o noso Castroverde foi a cabeceira dun daqueles once condados suevos, concretamente o das terras de Chamoso, Flammoso para os romanos, nada tería de particular que algún destes rapaces se vexa algún día elixido Alcalde, xa que non Conde, da nova xurisdición. Lembremos que este concello non sempre tivo as mesmas parroquias, que as foi agregando e disgregando no século XIX por sucesivas disposicións; unha das últimas incorporadas foi o couto de Montecubeiro, que non resistiu a súa independencia despois da desamortización foral. E se alguén pensa que invento cousas, aos arquivos me remito, pois aínda que se eliminaron moitos neste Castroverde dos individualismos, algún queda, os suficientes para esta demostración.

 
Veña o que veña, é imprescindible ollar para atrás, olla-lo noso pasado, aínda que só sexa para ponderar os medios de que dispuxemos neste século XX, onte mesmo, así como a utilización que deles se fixo, para situarnos, para adestrarnos, para non incorrer en novas molicies, en novas imprevisións, en novos desacertos.


Non é este o sitio nin o tempo para poñernos con estudos económicos minuciosos, pero si para tentar imbuír ánimos e azos, pois todo fará falta xa que a panorámica que vos deixamos aos rapaces non é precisamente un camiño de rosas. Certo é que fixemos moito, pero máis se puido facer cos medios ao noso alcance se houbésemos tido uns quilates de sentido cooperativista, se nos axudásemos recíproca e mancomunadamente a construír, se fósemos tan bos veciños no obrar, no vivir comunitario, como o vimos sendo, por poñer un exemplo, para acudir aos enterros.


Castroverde, a nosa bisbarra, tivo, e segue tendo, aínda que con outras circunstancias, un potencial económico superior á media da Galicia rural. Para comezar temos o dobre de superficie cultivable que a media dos concellos de Galicia. ¿Daquela, onde fallamos? Neste potencial hai que meter, tamén, o noso look turístico, que é singular. Permitídeme mencionar a José Ramón Ónega, que na Voz de Galicia, nunha referencia que fixo do meu último libro, afirma de Castroverde, rotundamente, que é, “el pueblo de más hermoso nombre del mundo”. Non o digo eu, que o dixo o Director da Casa de Galicia en Madrid. Pola miña parte engadiría que non só de nome, senón de terras, de paisaxe.

 

As terras boas, obviamente, foron as primeiras ocupadas, poboadas, e nós temos, por se quedase xente con autoodio, unha boa demostración nesa cova do paleolítico superior, aquí en Bolaño, en pleno Val Verde. De seguido, están os castros, e tras deles, a ocupación romana, o noso trigo flameante, flammoso, os topónimos suevos, os eremitas, as igrexas monumentais, os conventos, unha fortaleza inxente… Todo isto tiña por base a nosa produción, a riqueza e maila beleza do noso chan!


Os nosos entregos víronse derreados de foros e demais gavelas; ata onte mesmo, pois as últimas rendas forais redimíronse despois da guerra civil, e puidemos con todo! ¿Que os entregos terminaron de levantar cabeza cos cartos da emigración americana? ¡Si, é certo! Pero non o é menos que, tardarían algo máis, pero sen aquelas divisas da emigración tamén se houbesen upado, e iso por dous motivos concorrentes: pola produción das terras, asemade coa produtividade e mailo esforzo da nosa xente.


Aínda que non se conservasen outras fontes históricas, aí están, aí temos, esas igrexas, os pazos, e as mesmas casas de labranza, en xeral de excelente fábrica, que falan elocuentemente do poderío económico desta bisbarra, asentado, como digo, na bondade da terra e na labor da xente. Daquela teño que volver atrás: ¿onde fallamos?


En mil cousas e por mil causas, errores e sometementos que cómpre refusar, allear:


. Os señoríos foron impepinables: séculos de tiranía, de vasalaxe ante as armas, ante a presión caciquil dos poderosos.


. Pero cando veu a desamortización, catro burgueses e catro galos dos do país fixéronse coas rendas. Os cregos ameazaron, incluso, coa excomuñón para quen acudise ás poxas, que máis ben foron clandestinas. ¿Quen acudiu? En moitos casos, os propios irmáns daqueles predicadores, os morgados, seguramente avisados e apoiados de mil maneiras polos propios anatematizantes.

 

. Foise saíndo de todo iso, pero entronizamos a clase caciquil, a dos conseguidores, don Fulano de Tal y compañía: usureiros e abusóns, aos que se lles traballaba de balde porque poñían vacas de cabana, mediaban no Imposto dos Consumos, ou simplemente mandaban, abusando de quen viña afeito a poñérselles de xeonllos, a eles e á súa familia.

 

. Co franquismo, o medo; o medo ás camisas azuis, que por algo levaban unha pistola á vista; ¡iso ademais da deles, se é que a tiñan, que nunca matón houbo que non fose un dexenerado!


. ¡Por fin, volveu a democracia! Pero tan desafeitos nos colleu, que nin tiñamos azos para saber escoller; nin para escoller, nin despois diso, para esixir e controlar.


O único consolo é que, coma nós, pasoulles a moitas bisbarras, pero cada quen colleita segundo sementa.


De América veu moito diñeiro para esta zona, como poden testemuñar os vellos de cada lugar, e daquela serviu, ante todo, para devolve-las pasaxes, e despois para casa-las irmás e para estuda-los sobriños, que non había becas. Poucos reclamaron o seu herdo, e a algún incluso se lle negou, así que todo foron incrementos patrimoniais. Con ser todo isto importante, aqueles retornados aportaron ideas, un concepto novo da cultura e do asociacionismo. Por poñer un só exemplo, a sociedade agraria e maila biblioteca circulante de Montecubeiro, ¡no primeiro quinquenio dos anos 30, que foi un milagre, se ben malogrado por causas alleas! Por certo, que vai sendo hora de honrar esa memoria, da que pouco se leva dito, e escrito, menos aínda.

 


A emigración europea foi diametralmente oposta: Nesta participaron incluso os morgados, moitos deles deixando os nenos ao cargo dos avós. Do seu diñeiro unha parte empregouse en cuadras e maquinaria, pero moito na Bolsa e na especulación inmobiliaria. Aquí si que houbo fallos, pero a principal responsabilidade hai que atribuírllela aos mandos políticos, que non se preocuparon de fomentar un cooperativismo agrícola efectivo, axeitado, nin un sector secundario que asentase na propia bisbarra aos remesantes das divisas. Máis é, que os Bancos tiñan, tivemos, a consigna confidencial, verbal, de darlles entrada ás remesas, estatisticamente, como turismo, na falaz pretensión de fomentalo, de atribuírlle un engrandecemento de signo imperialista, e iso incluso na Transición.


Hai que subliñar, entre outras graves omisións dos nosos dirixentes, que as autoridades non se molestaron en explicar á xente do rural que saíu unha Ley de Concentración Parcelaria Privada, concretamente a núm. 14 do 28 de Decembro do ano 1992, que era, e que segue sendo, un choio para os lugares e para as casarías que a merecesen, incomparable coa oficial, pois aí temos de exemplo negativo a de Montecubeiro, que vai por vinte anos e aínda non deron as escrituras, ademais doutros atrancos e imperfeccións. Se tivésemos nestes últimos anos o espírito asociativo daqueles retornados de América, habería, entre outras imperfeccións eliminadas, menos maquinaria agrícola infrautilizada, que é igual que dicir, recursos ociosos. ¿Que hoxe en día abundan as Asociacións: só en Lugo capital unhas 350? ¡Si, pero no plano económico, non; no empresarial, non; no rendible, no sostible, non!


Aquí pode haber alguén que me oíse dicir, para estimular aos rapaces, para inicialos un pouco nos principios da Economía e do Dereito, que o único valor co futuro asegurado é engadirlles valor ás cousas. Ese foi o gran fallo das últimas décadas: ¡Que pasamos, colectivamente, do sector primario ao terciario, séxase, ao dos servizos, levados por esa febre especuladora, que non especulativa! Poño por caso, na Coruña, que o alcalde non se cansa de repetir, como slogan, “Coruña, ciudad de servicios”; ¡e tan de servicios, todo bares, pese a que tendo unha refinería de petróleo non contamos, non contan, cunha soa industria que se dedique e obter produtos químicos derivados dese petróleo; unha vergoña da nosa política económica!


Por suposto que, individualmente, pouco se pode facer para cambia-las cousas nesta fervenza da globalización, do todo vale; pero podemos, e debemos, concienciarnos, máxime nesta crise xeral que nos invita á reflexión, pois cómpre axeitar os nosos medios, os nosos coñecementos, cara a sistemas de seu máis pragmáticos, volvendo, como pouco, a aquela cooperación veciñal que tan de manifesto se poñía na construción das casas e nos traballos de temporada desta zona, que niso tamén fomos singulares.

 

Queixámonos, e con razón, dos intermediarios, dos oportunistas solapados, pero tampouco se vén facendo gran cousa para facelos evitables, e iso que non sería difícil perfeccionar, conservar, presentar, e poñer en xeito e forma os nosos produtos, sexan naturais ou elaborados, presentándollos ao consumidor en bandexa, por dicilo dun xeito gráfico. Castroverde, tan cerca da gran urbe provincial, logo está, dela, tan accesible coma un almacén da súa periferia industrial.

 
Todo isto, este propósito da emenda, esta mentalización, esta planificación, non se fai nin á présa nin con medios de carácter individual, mais será inevitable poñerse, polo menos, nese estado de ánimo para enfronta-la competencia que nos agarda. Hoxe en día temos unha base cultural aceptable, pero afixémonos á boa vida, e desde as nosas alturas pode pasarnos desapercibido que estamos sendo invadidos por un aluvión de inmigrantes que tampouco son torpes, e que se contentan con menos. ¡Por se tiñamos pouca competencia na casa, volven os mouros, e cos mouros, os outros; de momento, a pé, pero non tardarán en desaloxarnos dos empregos a pouco que nos durmamos nos loureiros!


Isto dos recursos ociosos hai que entendelo ao dereito, quere dicirse, non meter tódolos ovos nun cesto, pois é axiomático que unha estrutura moi especializada e moi específica é tamén unha estrutura ríxida, pouco adaptable á evolución conxuntural que se vaia presentando. Xa sabemos que os monocultivos, as explotacións moi especializadas, resultan máis cómodas, e incluso, por veces, máis rendibles, pero os seus riscos nesta globalización do mercado son grandes, e por veces, definitivos. Neste aspecto a nosa edafoloxía é un tesouro porque nos permite distintos enfoques, a medio e a longo prazo; ora ben, no campo non se pode andar con golpes de temón, ora a babor, ora a estribor, o que nos leva ao inevitable dunha programación un tanto diversificada, séxase, elástica.


Falando de edafoloxía: Pénsese que, entre outros factores, ese pasotismo mundial con respecto ao cambio climático, á imparable desertización, en Castroverde, pola composición da terra, microclima, etcétera, constitúenos nunha reserva produtiva, variada e de alto rendemento. Daquela estamos subidos nun carro de ouro, pero o quid estará en sabelo conducir, en sabernos conducir. Neste aspecto deteñámonos un pouco para traer ao presente unhas cantas experiencias do pasado; son infinitas as que poderiamos citar:


A firma individual máis poderosa de Galicia é, como sabedes, a cadea Zara. Pois ben, comezou fabricando en serie o que as nosas costureiras non se aviñan a facer: mantelos e batas, que eu coñecinos así; algo demandable, que requiría pouca materia prima, pero había que engadirlle o valor de facelo en serie.


Polos anos 70 comezamos a devecer polos turismos de segunda man; pois, simultaneamente, no veciño Portugal, que sempre o tivemos por atrasado, mercaban furgonetas, que lles servían para todo, maiormente para poñer en mercado os produtos por eles elaborados en días intempestivos, particularmente ebanistería tallada artesanal, á que pronto incorporaron máquinas alemás, con programas informáticos.


Pero o caso máis notable, de sona mundial, foi Suíza, que se especializou en elaborar produtos e vender paisaxes nada mellores cós nosos, coa mínima materia prima, pero cunha presentación e cunha efectividade atractiva, excelente. Nisto tamén hai que recoñecer que os países pobres, como lles ocorre por veces ás casas, son os que máis tiran, porque a necesidade fai de esporas.

 

Hoxe mesmo, Marrocos, que só ten de terra boa e ben regada a comarca do Lucus, ¡outro Lugo!, estanos vendendo froitas e produtos de horta. ¿Que é máis doado, plantar leitugas, tal que nun invernadoiro, ou ir por elas a Marrocos?


En definitiva, hai que deixar atrás a economía minifundista e xuntar forzas, discorrer e cooperar, á vez que se lles esixe aos de arriba que melloren, que actualicen, os plans educativos, formativos, pois o rural precisa documentarse algo máis en normativas da Unión Europea, en nocións de economía e de dereito, en transformación das materias primas, e un longo etcétera. Sexamos conscientes de que materia prima a secas, o que se di a secas, con isto da globalización apórtana, e barata, os países do Terceiro Mundo, que así están eles de paupérrimos, mentres os adiantados se enriquecen coa súa presentación e acondicionamento. Tamén hai que mentalizarse en que periclitou aquilo de que facer un mal Bacharelato xa daba o tratamento de “don”, e con ese título, ¡veña dar ordes para que traballasen os outros, fosen veciños ou non! De presente, e cadora máis, o estudo, a formación continuada e sostible, os másters, teñen que ser o noso pan de cada día, o noso afán indemorable, que se ti non o fas, farao o veciño da porta. Acabáronse as especulacións crúas, o éxito dos lanzados, pois está ben ás claras que comezan os tempos dos preparados, dos mellor preparados, en preparacións constante, sen altibaixos.


Rematarei, como tantas veces levo feito, coa evocación da nosa Enriqueta Otero, ¡e iso que a tiñan por chalada! É moito o que herdamos; daquela a nosa obriga está en perfeccionalo e transmitilo. Fagámoslle caso, aínda que sexa a título póstumo. Así, pois, o noso lema, ten que ser, debe ser, deixar pegadas, deixar rastro, pero nunca cicatrices. E con isto, moi agradecido a todos pola vosa paciencia.

-.-

 

 

 


 

-¡Sentinela, alerta! -¡Alerta está!

 

A don Hermenegildo alporizábano as caretas de Carnaval, do medo que lles tiña aos encapuchados, e non era sen motivo, pois, ¡non as fagas, non as temas! Nestes tempos, críticos, máis que de crise, pois as crises son puntos de inflexión, e por tanto, curtos, pero o que nos trae este XXI, que ten as raiceiras na soberbia do XX, é un estado crítico, enorme, que xa se parece ás sequoias…, ¡por aquilo de sempervirens! O temible son as caretas coresmais, esas dos falsos penitentes.

 

Non estou falando en metáforas, pero como non hai unha casuística concreta senón un estado de putrefacción xeneralizada, é inevitable xeneralizar, e cada quen que poña os seus cinco sentidos para cheirar por onde corren os ventos. Facíannos falta seis, un máis, o da percepción extrasensorial, para ir localizando eses tiradores que nos teñen, que nos poñen, no seu punto de mira.

 

Nestes últimos anos de pura especulación, como xa estabamos afeitos á mesma, non era difícil cheira-las añagazas, pero hoxe, con tantos disfraces de bos e de arrepentidos, nesta Coresma, que tódalas lebres se acazapan e disfrazan, de arriba para abaixo e de abaixo para arriba, pois dá igual baixar desde o poder, pola escaleira dos caciques-conseguidores, para rematar no sufrido votante - contribuínte, como comezar por este último, e alza-los ollos ao poder…, en súplica de mercés!

 

Miserias e necesidades sempre as tivemos, exactamente desde a perda daquel Paraíso Terreal, que de aí vén a adoración do carneiro de ouro, do intermediario, do conseguidor. Máis adiante, cando lle deu ao noso paisano, a don Cristovo, por ir en busca de especias ao Cipango, navegando tras do sol, un bo día / un mal día, ¡desgraciado el, arroubado que foi, pois nin o seu nome lle deron ao seu Novo Mundo!, atopouse / descubriu…, ¡un mundo de caciques! Precisamente viñeron / trouxeron, naquela Pinta do pinta Pinzón, na que arribou a Baiona, uns cantos daqueles caciques “taínos”, en pelota picada, sen máscara nin disfraces, para que a raíña Isabel apreciase os seus atributos, e…, ¡inzaron, particularmente, maiormente, neste clima dos finisterrae!

 

Bromas á parte, no noso caciquismo non todo foi negativo pois os nosos paisaniños sen aquel tipo de “conseguidores” mal acadarían certas cousas que lles eran vitais. Hoxe, no noso nivel cultural, para conseguir cousas e causas xustas o que temos que facer é petar con enerxía, nós mesmos, sen xamóns nin outros cazos, simplemente coa razón do razoable, nas ventás correspondentes, para esperta-los funcionarios…, ¡e que funcionen! Isto de cara arriba, pero tamén cómpre vixia-los amañadores das crebas fraudulentas, que proliferaron neste último terzo do XX, e de presente hai indicios de que volven a renacer; ¡resucitan, coma as ortigas, precisamente, maiormente, na mellor das terras, nas inocentes! ¡Axudemos todos, pero todos, a afianza-la democracia!

 

Habería moito que dicir desta epidemia de corvos á calaza dos malos tempos, pero, se tocamos a campá, aínda que non entremos na igrexa, coido que xa é axudar á Misa! ¡Sentinela, alerta, pois as crises económico – sociais son o mellor dos abeiros para o tentador, para o inimigo malo!

-.-


Re-flexión

 


 

Non corrixir, que está ben escrito: Re-flexión, volver a flexionar, recapacitar, reconducir. ¡Enderezar rumbos! Se o queredes dun xeito máis científico: Reflexión = Cambio de dirección dun corpo ou dunha onda ao chocaren cun obxecto opaco ou superficie reflectora.

 


 

Iso fixeron aqueles economistas do New Deal, baixo a batuta de Franklin Delano Roosevelt, cando se viron metidos na do 29, pero cun acerto relativo, en moitos aspectos negativo, cunha re-flexión un tanto soberbia, dirixista, de ordeno e mando, porque lles faltou humildade, humildade e sabenza, xa que volveron a caer, a recaer (crise do ano 1937). ¡É o que teñen as curas en falso, que se pode re-caer! Menos mal que detrás veu Keynes, Keynes e mailos seus seguidores, todos eles menos drásticos, e fixéronlles caso! Pero isto é moi complexo para unha simple reflexión sobre o tema.

 

Na nosa bisbarra, e as demais polo estilo, faltounos gravar en letras indelebles aquela sentenza de Paco Sarille, (súa irmá Celsa, agora en Castroverde, coa súa boa memoria, seguro que aínda se lembra diso), cando chegou á casa patrucial e atopou a seu pai gozando dos roxóns, e animando aos invitados: "¡Comede e bebede, que un día é un día!". Nisto, a solemne imprecación de seu fillo, do Paco, desde a porta da cociña: "¡Ay, Sarille, acuérdate que hay mañana!".

 

Iso, ese esquecemento, non foi só en Galicia, senón, e tamén, en España; e con España, en medio mundo, particularmente no occidental. A euforia do consumo, a competencia no gastar e no lucir, este salto mortal desde o sector primario ao terciario, esquecéndonos de elaborar, de producir, ¡esquecéndonos de engadir valor ás cousas!


Iso de que nada se crea nin se destrúe está ben; é certo na física e na química, pero en economía, non! En ECONOMÍA imos mal se non creamos superávits, reservas, perfeccionamentos, melloras...; se non afianzamos o mañá, se damos preferencia ao consumo sobre a inversión. Tamén compre lembrar que a produción non pode ignorar estas premisas á hora de poñernos en marcha: que, como, cando, e para quen. En definitiva, se non lle facemos caso a Paco Sarille, que en paz estea, pero non lla supoño absoluta porque estará lembrándose no seu Alén da nosa, maldita, imprevisión. Un dito frecuente naquelas mesas misérrimas da posguerra era iso de, ¡Hai que comer para vivir, pero non vivir para comer! Cómese, consúmese, de moitos xeitos: Pola boca, polos ollos, coa envexa ao veciño que se permite certos luxos...


Cando eu era rapaz, nunha parroquia limítrofe había un pai que tiña sona de acabador porque vendía leiras para enxaldar as fillas, para presentalas, digamos que, ¡en sociedade! Pois non, non era certo, pois aquel pai o que facía era, ¡inverter! E fíxoo con tanto acerto e previsión que hoxe andan por aí os seus netos feitos uns potentados. (É certo, pero non vou dicir quen).


As crises, á larga, son boas. Fan corrixi-lo rumbo, discernir entre actividades básicas, de futuro, e consumos estériles. Pero tampouco é cousa de aperta-lo cinto, pois hai uns mínimos vitais; uns mínimos cadora máis altos porque así o esixe a nosa sanidade, e coa sanidade a cultura.

 

Coido que estou falando con sinxeleza, e fágoo adrede pois algo máis teño a obriga de saber, tanto polos meus estudios tardíos como pola miña experiencia profesional, na Banca, pero a miña intención, aquí e agora, é defender o noso patrimonio, ensinar a quen saiba pouco, ¡se é que queda algún deses, algún necesitado!


Dixen, PATRIMONIO, e deste concepto non quero saír: Patrimonio é toda construción, moral e material, que teña por alicerces os bens herdados, sexa dos pais ou do colectivo circundante; global, diríamos agora. A propósito: Sempre me emocionaron aquelas escolas edificadas, sostidas, polos nosos emigrantes, Deus sabe a costa de cantas privacións, dedicadas precisamente á xeración seguinte. ¿Para que, por vangloria? ¡Rotundamente, para que non tivesen que emigrar os seus principais inimigos, os fillos dos morgados; e de facelo, saísen, polo menos, coas catro regras!


No día en que anotei isto vimos na "galega" que en Vigo estaban poñendo cadeados aos estantes dos super..., ¡porque a xente, por necesidade ou por vicio, deu en roubar alimentos! ¡Aí o temos: a comida, común denominador de tódalas crises! Pero dáse a circunstancia de que as mellores hortas de Galicia plantámolas a eucaliptos... ¡Deus nos perdoe, aínda que non o merecemos!

 

Non teño a menor dúbida de que as nosas autoridades, do partido que sexan, fan, e farán, un esforzo imaxinativo para que este punto de inflexión da nosa economía sexa breve e soportable, sen traumas ou coas menos posibles, pero..., ¡cada quen, nestas encrucilladas, é CO-responsable! Como dicía aquel..., aquel imnomeable, aquel que incluso emitía moedas, "... ante Dios y la Historia".


Tampouco quero chorar nin apesarar, senón facer, aquí e agora, neste punto de inflexión da curva económica, unha reflexión colectiva: Deteñámonos, antes de seguir dando paus de cego, e comprobemos se o camiño estaba equivocado, fose por culpa nosa ou dos nosos dirixentes, e por tanto, busquemos, ENTRE TODOS, unha brea (verea) máis segura, máis..., estable! ¡Dixen! Dixen pouco para o que habería que dicir, pero dixen o que tiña no peito..., no meu peito de bo veciño, que por tal me teño!

-.-

 

Xullo = Mes da Sega

 

 


 

Houbo un ano no que esta identidade foi plena: 1936. En todo España, pero eu só podo/puiden abarcar o sucedido nunha bisbarra, nesta, na miña. ¡1936, unha sega con fouciños, pero tamén con escopetas, pistolas e fusís! A min pilloume/circundoume con só seis anos, pero como tiñamos lareira, e un avó emperrado en abrirme os ollos, algo daquela crise souben, algo vivín e padecín.

 

Aquela Guerra, incivil, contra natura, aquel Levantamento, ¡todo con maiúsculas!, tivo efectos socioeconómicos, ¡atroces!, e diso pouco se leva falado; escrito, menos aínda. Boto en falta testemuñas presenciais, pero os que viviron e sufriron aquela "sega" fóronse, case todos, de viaxe, levando consigo eses arcanos; e coa censura de prensa que padecíamos daquela, por décadas, ¿quen ousaba rememorar? Iso sen mencionar o complexo de Estocolmo, colectivo, xeneralizado, que seguiu á Guerra.


Para facer un esquema igual serve este: perplexidade, retención en filas, chamamentos acelerados, pánico, pánico, pánico... E de par diso, fame, moita! Os das vilas sempre dixeron que nese tema nós, os do rural, con iso de ter horta... ¡Xa! Esquécense de que os mozos foron "levados", e que, tras dese baleiro, viñeron as requisas, a caída da produción, as mulleres atendendo aos nenos, aos vellos, ¡e de paso, ao arado! Vénse celebrando o "Día da muller traballadora", e nese saco vai todo, pero entendo que aquelas mulleres que apandaron coa economía, forzada, da nosa Guerra, ¡da deles!, que aquela si que foi crise, merecen unha mención especial: ¡Vaia por Deus..., e por elas!

 



En Galicia non houbo guerra... Iso din os do resto desta pel de touro bravo á que vimos  chamando España. ¡Guerra, non, pero guerras, si! O seu financiamento hoxe en día está estudado e bastante ben sabido, ata os máis mínimos detalles, tanto desde aquí coma cos cartos daquela depositados no estranxeiro, (don Juán, os Luca de Tena...), pero, ¿o manducatorum? Iso sen contar os fusileiros, xa que, lexión e mouros á parte, a carne de canón, inicialmente en Asturias fronte aos seus dinamiteiros, ¡que casualmente tamén eran galegos pois os nativos mandaban, e se algún baixaba ao pozo, ás galerías, era para picar, que a TNT cedíanllela aos primos, -léase- aos galegos!, o noso führer (líder, guía) preferiu utilizar, ¡case non tiña outros!, aos que chamaba "paisanos", ¡unha mentira, outra, pois el de galego nin o nome tiña!


A morte viña pintándose cunha gadaña ao lombo, pero polo 17/18 de Xullo do 36 a herba xa estaba no pendello; andábase na sega, concretamente na do centeo, que os trigos de daquela ata principios de agosto aínda estaban en flor; andábase..., ¡co fouciño! Uns, poucos, deixaron de lado esa ferramenta para acollerse á escopeta, á pistola, á carabina..., que eran os que a tiñan porque só os burgueses, os señoritos, adoitaban cazar; e logo que algún deles, tal que Dom Mauro, estaban previdos. Pero o común dos labregos, por máis que lles tremesen as pernas, afeitos ao "Si bwana", na súa inmensa maioría cadráronse: ¡Ás súas ordes, meu Cabo! Daquela a orde foi: ¡De frente, ar; para Asturias, mouros incluídos!

 

O mouros, ao seu paso por Castroverde, avanzando cara ás Asturias.


Por Montecubeiro apareceron, deseguida, as sobriñas de certo Cura, con aqueles cestos da feira, cos de merca-lo chocolate... Estamos recollendo o "aguinaldo" do soldado, así que, se non queren que os apuntemos como "rojos", fagan o favor de baleirar esa hucha: cartos, prata, as leontinas que lles trouxeran os fillos, os de América; toda clase de valutas e de xoias... As malas linguas, ¡que sempre as houbo!, dixeron, pero non daquela senón máis tarde, que desa..., ¿sega?, desa recollida, como pesaba moito, a Lugo só chegou unha mostra, pois, tempo adiante, algunha daquelas xoias viuse..., ¡onde non debía estar!


Coa escaseza, de par súa, ¡coma fungos!, xurdiron os estraperlistas. Un nome estraño, pois nada tiñan que ver con aquel Strauss e con aquel Perlo, con aqueles do xogo da ruleta... As cartillas do racionamento, aquel "Plato único y día sin postre", aqueles requisadores do gando, dominando e controlando as feiras, para despois, algún deles, vender en Lugo e/ou na Coruña os filetes das xatiñas máis tenras, precisamente aquelas que deberan ser vendidas/mercadas para conservar e mellorar a, nosa, raza rubia.


Chegou Xullo e veu a sega... Pero a Parca trouxo fouciños, ademais das gadañas habituais. Os homes morreron de morte matada, e algunha das mulleres, tamén. As mulleres, a maiores, tiveron outro calvario: ¡o de viúvas de vivos, e algún deles, xa non! Tiveran abondo coa emigración dos seus homes, fillos, esposos..., pero veu Marte e castrounas! A todo isto estoume decatando de que é comprensible que se falase tan pouco daqueles dramas socioeconómicos pois estas lembranzas poñen os pelos como escarpas. Incluso os dedos engarabúllanse nas teclas do ordenador, resistíndose a ordena-las memorias da meirande desorde deste país desde a invasión romana, pois os bárbaros, aínda que así lles chamasen, ¡meus pobres!, viñeron en son de paz, cun foedus, cun pacto, na man; ¡en definitiva, outros emigrantes! E dos mouros xa non digamos pois eses empezaron a vir no 711, pero pouquiños; con mando en praza só tivemos aquel Capitán Xeneral de Galicia, Mizzián, que chegou a mandar no propio Santiago! Agora, si, entrando no XXI, segundo estatísticas recentes, xa temos en Galicia 10.000 fillos de Agar! ¿Que serán os netos dos nosos netos, musulmáns ou cristiáns?


Vou parar, pois, como estamos en vésperas de Carnaval, igual se toman a mal estes des-velos, este quitarnos a careta... O pasado, pasado está, é certo, pero tamén serve para darnos alento, pois, se de tamaña crise saíron nosos avós, nós, que nos temos por máis listos, ¿imos tremer? ¡Adiante toda, como din os nautas! E máxime agora, que estamos na era dos astronautas, eses xenios que son capaces de lanzar ao espazo uns vehículos que ¿nunca? chocan entre si. Iso sen contar coa opinión destes heroes do botellón, que logo din, "¡Menos batallas, avó, que vos estivo ben empregado..., por face-la guerra e non o amor!". ¡Que se lle vai facer, agora xa foi, pero os daquela xeración seguimos sendo platónicos: Amicus Plato, sed magis amica veritas! A verdade, en Historia, por dolorosa que sexa, é o único amigo fiel, pois os outros..., ¡os outros son/eran estraperlistas!

-.-

Datos e pensamentos acerca da nosa emigración, fose interior ou exterior.

 



 

O despoboamento do medio rural, ou o que é igual, a permuta de homes por eucaliptos, para min é, debera ter sido, o contrario do que se ten dito nalgunha literatura oficialista dos últimos anos. Non foi o custe do desenrolo económico industrial senón, e máis ben, o custe dos erros das sucesivas planificacións, que as quixeron facer, que as fixeron, dándolle lume ao forno por arriba, coa soleira en frío. Non, non señor, que non se aprende todo nos libros de Política Económica, escritos xeralmente por eses teóricos de calefacción no despacho. Non se pode, non se debe, en ningunha circunstancia, pasar a salto de mata do sector primario ao terciario: cómpre instruír, para seguidamente producir; e producir para vender. Noutras verbas, fabricar, perfeccionar, engadirlles valor ás cousas. Máis insumos e menos consumos, máis exportación e menos importación. ¡Levar á feira, para traer dela o menos posible, e nunca, ou por excepción, o superfluo!


O primeiro de todo, en particular para Galicia, daquela da posguerra, era facer estudios de campo, fondos, por pequenas bisbarras, acoutando zonas segundo as súas particularidades; e unha vez analizada obxectivamente a súa particularidade e maila súa capacidade produtiva, crea-la infraestrutura ad hoc, con pragmatismo e sen farois imperialistas, xeneralizados. Non tódalas terras eran, son, boas para pasteiros, que tamén as temos óptimas para hortalizas, froiteiras, madeira..., así que merecían aplicacións técnicas evolucionadas, pero flexibles, que tampouco cabe o dirixismo económico hermético, axeitadas e axustadas ás sucesivas e progresivas esixencias do mercado potencial en cada época. Como mínimo, isto debeuse facer polos sesenta, se non antes, fomentando de paso unha concentración parcelaria privada, urxente, en paralelo ás posibilidades emerxentes da mecanización agrícola. Iso si, asistida tecnicamente, oficialmente, co cal teríamos unha loxística básica para o paso seguinte, para a industrialización xeneralizada.


Que gañou este país cos seus transvases prematuros, incorporando, de súpeto, man de obra non cualificada, que ían de soprarlle ao lume das lareiras? Aquela improvisación foi cuarteleira. ¡Claro, España estaba dirixida desde os cuarteis! Así ocorreu que, con malos principios, e por engado, poucos medios, a nosa evolución foi de tartaruga. ¿Que facía falta un mecanógrafo que soubese redactar oficios, como facía eu no Consejo Supremo de Justicia Militar, ou un chofer de coche oficial? ¡A ver, quinto, ti, o dos ollos azuis, suave e suevo, submiso, que te conformas co terzo baldío e que fuches sancristán na túa parroquia..., funciona!


Unha vez evolucionado o sector primario, alcanzadas as posibles cotas do seu desenrolo potencial, era o momento de que os fillos, paulatina e cientificamente preparados, se incorporasen aos restantes sectores da actividade económica, pero transitando de realidades a realidades, e non de realidades a utopías. Deste xeito:


Iríanse do campo os excedentes, por suposto, pero faríano por pura vocación, ou por imantación urbana. Desprazaríanse os realmente excedentes, aqueles que non tivesen, ou non puidesen, ou non quixesen, labra-las terras, coida-lo gando, planta-las árbores. En definitiva, con vocación e competencia; ¡nunca por autoodio!


O campo houbese chegado ao cume da súa produtividade sen abandonos prematuros; sen traumas nin retardos.


A industria nacería, evolucionaría, con diversidade e con capacidade de produción e de xestión. En consecuencia, arraigarían as industrias capaces de competir en mercados abertos, globalizados. A especulación quedaría limitada aos malabaristas do xogo.


A propia evolución natural do campesiñado xeraría unha industria transformadora local asentada nun cooperativismo ou nun accionariado solventes, que lle houbese evitado ao país esas especulacións dos axentes financeiros, alleos á tradición agro-gandeira, á vez que se asentaban no país as remesas dos emigrantes.


Esta análise sucinta, superficial, coloquial, trata de algo irrecuperable, ¡como dicía o xitano, "Desde que a burra vai no pó, xó, burra, xó"!, pero explica, pretende explicar, a loita estéril, o esforzo baldío, contra vento e marea, dos nosos labregos, xoguetes daqueles experimentos pseudo desenrolistas, de salón, de cómodo sitial, que vimos de padecer. Aqueles erros, aquelas superficialidades, aquelas incompetencias, ¡zapateiro aos teus zapatos!, e non se tome en mal sentido, leváronos a un monocultivo tardío e xeneralizado que, como ben sabe o lector, sexa este da urbe ou do campo, chegou á súa mocidade castrado polos acordos duns erurócratas poderosos, e por tanto unidos, pero fronte ao débil, ao incompetente.


Tampouco podemos ignorar, ¡ao César o que é de César!, ese gran esforzo de adaptación dos técnicos agrícolas, moitos deles foráneos. Algún andaluz coñecín que pasou directamente das olivas aos castiñeiros. ¡Meu pobre!


Non me estraña que esteamos cansos de traballar para o vento mareado. Só unhas anotacións, para non causar fatiga: Tense recoñecido pouco, e para iso tardío, o soporte loxístico de Galicia, non só nos tres anos de guerra senón na súa interminable post. As colleitas do 36 mantiveron a fronte de Asturias, e máis aló tamén; pero, entre o desacougo de moitos e maila ausencia dos primeiros chamamentos a filas, e a pesares das axudas e das colaboracións inter veciñais, naquel outono, e tamén nos seguintes, quedaron as terras a folgado; moitas pataqueiras sen a subseguinte semente de cereais. O gando non se podía sacar á feira porque o requisaban, a prezos arbitrarios, irrisorios, aqueles tratantes, mal falados, e mal chamados, "Abastecedores del Exército".


Chegou a primavera do 37 e as cavas do monte, imprescindibles naquel tipo de explotación que gravitaba máis sobre a semente que sobre a gandería, quedaron, seguiron, a toxos, coa consecuencia de que, ao non rozar, tampouco se fixo o esterco de costume, imprescindible en terras ácidas, carentes de abonos minerais. As mulleres e mailos vellos botaron man do arado, incluso do de ferro, que xa abundaban daquela, por riba das súas forzas, e así, mal que ben, a pataqueira foise conservando, ¡ata o punto de engadirlles patacas cocidas ás bolas!


Con iso tamén viñeron os incendios da post: En parte para facer decruables, cavables, os montes ao irse licenciando aqueles que non pasaran á escala da "cuchara", ou non ingresaran de gardas, ou non emigraran á División Azul, a única emigración posible pois América tivémola pechada, nalgúns países por largo tempo. Outros incultos arderon por medo, en virtude do chisqueiro de certos veciños aos que aterrorizaba que se encovasen neles aqueles fuxidos... Iso amén de catro vinganzas persoais, pois naquelas circunstancias os odios e mailos motivos sobraban.


Ídesme permitir unha cita de Castelao, algo que escribiu en 1935, desterrado daquela en Badajoz: "A miña terra é un país de minifundios, poboado por xente algo rica e por xente bastante pobre, ou pobres de todo. Os ricos comen e beben dabondo para morreren de apoplexía. Os pobres comen o que teñen e do que teñen". Faltoulle precisar: ¡Comen todo o que teñen! Non o dixo así, pero sobreenténdese. Significa isto que sen excedentes mal se podía progresar.


Pasando polo cribo:


A dieta alimenticia nesta parte do país era basta antes da guerra, e escasa despois dela.


É difícil atopar na Historia unha sociedade que satisfixese aos mozos. Daquela os nosos, tan pronto puideron, e carecendo de comprensión e de canles evolutivos no propio país, tan pronto lles deixaron..., emigraron!

 

Entroulles un desacougo con respecto ás limitacións de seus pais. O Cid, e tamén Hamlet, sen buscar outros, en vez de vingarse deles, vingáronos. Pero aquí o terror franquista foi superior, puido, coa insatisfacción social das novas xeracións, así que non cristalizaron en movementos revolucionarios como ten ocorrido noutras terras e noutros tempos. Saint Just era un adolescente, e ningún dos seus compañeiros tiña máis de 30 anos. As revolucións de 1830, de 1848, e de 1871, en Francia; a rusa, de 1917; o outubro polaco; a revolución húngara de 1956; o Maio francés; a caída do muro de Berlín, etcétera, foron cousa de rapaces insatisfeitos. Os nosos tiveran abondo coa Guerra Incivil, incivilizada, ¡se é que hai algunha que sexa civil, civilizada!, así que, provistos dunha maletiña de madeira, a mesma ou parecida á que levaran seus pais ao cuartel, emigraron!

 

Ata o desastre de 1898, Coruña e Vigo foron as cidades preferidas polos indianos para o seu asentamento definitivo; o deles, e con eles, o do seu peto, canalizándose así o fluxo monetario, as economías, nuns casos cara ao Papel do Estado, e noutros, cara ás cidades ou zonas de despegue industrial. A partires de entón xa non viñeron grandes fortunas senón grandes economizadores do pouco, que se radicaron no propio rueiro ou nas vilas de cabeceira, dedicándose preferentemente a promove-la construción, en particular os que estiveran en Venezuela, servíndolles de testaferro aos estraperlistas da etapa anterior. Os asentados no interior convertéronse, de sempre, en filántropos, pero non sempre por pura xenerosidade, senón, en moitos casos, por vinganza persoal, tal e como pasou cos seus "haigas", dándolles así, pretendendo darlles, un galletazo moral ao cacique, ao usureiro que lles arruinara a casa, á noiva que optara por un Garda, ou por un morgado. Sei dun retornado que o primeiro que fixo ao volver de Cuba foi matarlle os cans a un veciño xactancioso, precisamente ao dono da Casa Grande, que os tiña de "Garda de Corps"! Aqueles ¿indianos? distinguíanse, ademais dos falares e das afectacións asimiladas, pola súa leontina de ouro para o reloxo de ídem, o sombreiro "Panamá", e bastón de cana, a man no chaleco, etc...


A prensa de América e maila Sociedade de Fillos de Tal Parte formaron un embigo espiritual, pero ao seu retorno poucos lograron asociarse, fose cós de aquí ou cos colegas. Sementaron este país, iso si, de cruceiros, de locais para escolas, feixes de libros que lían pero non entendían, a nova campá, o cemiterio, os candeeiros de prata para a súa devoción preferida, o manto da Virxe... Boas intencións e bo exemplo, pero cunha semente que non caeu en terra fértil. Porén, a súa influencia resultou integradora, reformista, estimulante, pero as circunstancias locais eran superiores á súa preparación, á súa organización, e á súa fortaleza ou ascendente local.


A emigración europea discorreu dun xeito moi diferente: Non se fixo para encher, senón para transportar, estuda-los fillos, chegar ao piso, ao tractor, aos "establos", ao coche..., e sempre coa intención de volver canto antes!

 

Entre unhas cousas e outras, o noso campo estase baleirando; o agro agoniza, e iso que era o mellor que tiñamos, ¡o mellor de españa!

 

 


Aí a tedes, agora no interior doutra casa,

en Riomol,

a ventá pola que tantas veces albiscou o amencer Manuel Cordero Pérez,

ese gran home ao que lle debe a muller española o seu amencer político.


A todo isto, a muller do rural, como ben expuxo Manuel Cordero Pérez cando insistiu en pedir o voto para elas, secundando a Clara Campoamor, nas Constituíntes de 1931:
"Hay una tierra -¡que bella es!-, Galicia, en donde la mujer rinde a la familia y a la sociedad más esfuerzo que el hombre...". A muller do rural, digo eu tamén, viviu polo traballo e para o traballo, insaciable del. Faenas agrícolas, ama de casa, cociñeira sen medios, educadora, enfermeira, parteira... Case non saía da casa, agás para ir á horta e demais faenas agrícolas. Misiña, rosario, novena, feira... Os seus parladoiros eran as fontes e mailos lavadoiros comunitarios; na pía tiña a súa radio, o seu televexo, a revista dos chismes, o casino..., ¡e incluso a esculca, o "casting"! Por engado, limitadas no Código Civil e agravadas no Penal, en mil maneiras; unha vergoña para os políticos do Réxime, ¡se a tivesen!


Volvendo ao rego: Os xiros de América, aquelas "letras", foron o gota a gota dun país que estivo cen anos na UCI, particularmente co agoiro da redención dos foros. Un retornado de Cuba, Waldo A. Insua, na Voz de Galicia do 24-1-1900, alertaba aos seus paisanos acerca do risco que lles tiña emigrar para aló no entanto,
"...no se efectúe sino en condiciones ventajosas para los llamados a realizarla, de modo que al abandonar su patria tengan una relativa seguridad de hallar en el que ya para ellos es un país extranjero un poco de respeto para sus menguadas vidas y la debida retribución a la ardua, penosa y casi siempre mortal labor que tendrán que desempeñar". Pésimas foron as circunstancias despois da nosa derrota fronte aos Estados Unidos, iso é certo, pero, como dixo o Cordobés en certa ocasión, "más cornás dá el hambre", así que os nosos paisanos, entre que non lían periódicos, e aínda que os lesen, peor era o ruxir das súas tripas, cadora se foron máis a face-las Américas, aquelas expectativas que lles abrira, co seu descubrimento, aquel Colón, aquel, suposto ou certo, fillo do bispo de Mondoñedo... ¡A facer as Américas, desde que outros as desfixeran!


O Profesor Bustelo calculou que no século XIX emigraron, entre legais e clandestinos, uns 900.000 galegos. Isto trouxo, entre outras consecuencias, que, a comezos do século XX, segundo estudos de Vicenti, ampliados por Villares Paz, entraban en Galicia, remesadas polos emigrantes de América, uns 50 millóns de pesetas, ¡das de daquela!, ao ano. Esta cantidade era suficiente para redimi-los nosos foros, todiños, en 3 anos, pero, esfumados, emigrados, aqueles cartos, de mil maneiras que sería longo analizar aquí, tardamos niso, na redención... ¡30 anos!


Como vedes, doutras saímos, así que en tempos de crise, ¡economía e produtividade, que imos cara ao verán, e no verán adoitan vir as colleitas! ¿Onde quedou aquilo dun, "…mañana, que nos promete paz, justicia y pan"? Ben-Cho-Shey, ben, que diría José Ramón e Fernández-Oxea. ¡Foi por culpa da "pertinaz sequía", pero... a nosa "sequía" foi..., de cerebros reitores!

 

A iniciativa en Economía.

 

Temos que aternos ao artigo 38 da nosa Constitución, que di: Se reconoce la libertad de empresa en el marco de la economía de mercado. Los poderes públicos garantizan y protegen su ejercicio y la defensa de la productividad, de acuerdo con las exigencias de la economía general y, en su caso, de la planificación”.

 

Pero, de aquí en diante, co ingreso de España nas Comunidades Europeas de 1986 e coa posterior evolución destas cara á Unión Europea, tamén temos que estar atentos ás súas normativas, a estas evolucións.

-.-

 

 

VOLVAMOS AO CATECISMO DO LABREGO

 

Don Valentín, coa venia. (Valentín Lamas Carvajal, fillo do ourensán José Francisco Lamas, e da luguesa María Manuela Carvajales). Coa venia, meu Profeta, e de paso,
pídoche, humildemente, benevolencia e comprensión polo sacrilexio de
reinterpretar, de actualizar, o teu Catecismo. ¡Xa sabes, a Lei do Péndulo, que
desta vez está devolvendo aos eidos a estes desertores do arado do século XX,
que se creron amparados pola prosperidade urbanícola! Menos mal que na túa terra, ben querido Frei Marcos da Portela, nunca faltaron Redentores, tal que aquel ilustre mariño do Ferrol, don Hermenegildo, noso insigne benfeitor:

 

. Retirou as mulas de Castela, poñéndoas a arrastrar canóns en vez de arados, ¡para que así os seus paisanos non tivesen que segarlles o trigo aos casteláns!

. Ocasionou a morte duns cantos milleiros de rapaces para que así abundasen as mulleres, e competisen cos homes, tal que facendo traballos variles, ¡que xa estaba ben de telas coa ”pata quebrada e na casa”!

. Aos mutilados mandounos para a capital cunha pensión, ¡que así podían vivir, e casar, de man branca!

. Aos forzudos librounos de cavar na touza, ¡dándolles praza no Exército, na Garda Civil e na Policía Armada!

. Para que as mulleres non malvendesen as leiras, ¡prohibiulles adir as herdanzas sen permiso expreso dos maridos ou do xuíz!

. A todo isto, un racionamento xeral, ¡para que as labregas non se puxesen fofas, pois para fofa chegaba a súa asturiana, dona Colares!

. Por se fose pouca menciña o racionamento, requisas de froitos e gando, a tutiplén, ¡para soste-los mouros, os de Marrocos e mailos do Pardo, os da súa escolta, que ben o merecían polos servizos prestados en Covadonga!

 

Así comezou a súa labor protectora do agro galego, pero como tales medidas resultaron exiguas en vista de que os nosos labreguiños mataban a fame estomacal cultivando a testicular, abriulles a emigración, en particular para Cuba, que era un sitio quente…, ¡do clima, pero tamén das mulatas!

 

Detrás de San Hermenegildo, que ben se lle premiou o patriarcado coa medalla de ídem, ademais dunha laureada, ¡un millón de mortos, que nunca houbo unha condecoración tan merecida!, veu o demo e tróuxonos de graza dunha cracia! Aqueles caciques de uniforme foron morrendo, pero os fillos disfrazáronse, uns de sociais e outros de populares, levándose da aldea para a capital o pouco que nelas quedaba…, ¡coas honras de facernos lacaios seus! ¡Deu-lle-lo pague. Amén!

 

Don Valentín, como cambiou o noso agro, este agro actual, ornado de silvas. Aquela escravitude da nosa labranza, ¡por fin!, acabouse, que non facía falta para nada pois as patacas impórtanse de Exipto, as fabas de Agadir, o trigo de Ucrania, as teas da China…, así que as nosas mulleres xa non fían nin cardan, e en vez de zocas, levan zapatos de tacón!  ¡De paso, o teu Catecismo quedou obsoleto!

 

Isto foi o pasado, pero, ¿de presente? Os pisos, hipotecados; os mozos, no paro; e as hortas, a eucaliptos! ¿Que nos queda, meu profeta Lamas senón volver á lama, ás corredoiras, aos hortos dos nosos avós? En definitiva, comezar de novo, aínda que cunha diferenza: que agora temos tractores no sitio das picañas…, mentres a España lle fíen o petróleo!

 

¿Que máis queres saber deste presente? Déronos becas para estuda-los fillos, a troche moche, pero non encarreiraron as carreiras, pois o que máis necesitaba este país eran técnicos, ¡un en cada casa! Técnicos do que fose, pero…, técnicos! E paralelamente estimular a produción de artigos exportables para que, cando deixasen de entrar as divisas dos nosos emigrantes, compensásemos coas plusvalías dunha exportación abondosa, ¡que é o que fan, o que sempre fixeron, os países civilizados!

 

Ninguén nos ensinou a distinguir entre insumos e consumos, máis ben ao contrario, tal que aquel Alcalde da Coruña que nos predicaba: “La Coruña, ciudad de servicios”. ¡Servizos son consumos! Aquel nunca vira un mapa; polas trazas, non: A Coruña é fisterrá, porto de saída, óptimo, para Europa occidental, América, África… O elemental, o prudente, o humano, era substituír a exportación de emigrantes pola de produtos elaborados, perfeccionados, apetecibles, ¡que eses si que son servizos, e non os outros!

 

Nas conferencias dos…, ¿intelectuais?, predicábase que sobraba xente no campo; ¡daquela, xubilacións anticipadas, con primas polo cese da actividade agraria! ¡Xa! E no sucesivo, ¡importación, que é o que fan os importantes, importar! As papeleiras deron en regalar plantóns de eucaliptos…, ¡para adorna-lo prado da herba verde! E tiñan razón, pois as vacas, mentres estaban cordas, podían alimentarse con ósos da calaza, e despois, de tolas, incineralas…!

 

¿Como facemos, agora, para volver á horta? Non é doado: As leiras que non están a eucaliptos dan silvas, ¡e son tan ricas as amoras!


Concentracións parcelarias de carácter privado non fixemos, e as da Xunta…, poucas, tardías, e mal arrexuntadas! As ferramentas enferruxadas, o tractor malvendido, as nosas cortes parécense ás de Madrid: moito cemento e pouca riqueza!


¿Quédanos a casiña, ou tampouco? ¡Na casiña, por non lousala, podreceron as vigas! Daquela, ¿onde estamos, acaso nunha crise, noutra? ¡Aínda o preguntas, catecúmeno inocente: quédannos uns panteóns soberbios, marmóreos, pero o caso é que tamén escasean os Curas, así que, moito panteón e poucos responsos!

 

Falando de responsar, meu admirado don Valentín, aí van os meus:  É necesario e urxente coñecer as posibilidades das terras de cada quen para, a partires diso, producir nelas aquilo que vaia dar mellor froito, pois o presente, se algo é, ben o sabemos, un sopro. Xa chegamos, xa estamos, nun nivel formativo e técnico considerable, pero iso non é, non debe ser, unha meta senón o punto de partida para as novas sabenzas.

 

Producir + producir + producir = igual a pouco, pois a produción é unha carreira de obstáculos, de velocidades, e daquela a terceira aínda é unha marcha curta. Ou avanzar ou recuar, que non hai termo medio, pois se chegan todos diante nosa, nesta feira global, ¡daquela só teremos as sobras, os refugallos da economía.

 

Redimirnos de nós mesmos. Aquela redención dos foros, que tanto preocupaba a don Valentín, xa a lograron os avós, entre os morgados e mailos minorazos emigrados, así que á nova xeración, liberada, instruída por nós mesmos, polos nosos cartiños, cos nosos cartiños, tócalle un novo tipo de aforro: redimirnos da nosa incompetencia, do noso atraso, daquilo que nos foi inacadable. ¡Xa descansaredes de vellos…, se a polución vos deixa chegar!

Taxas de produción por debaixo das que se acadan por Europa arriba equivalen a miseria, pura escravitude.

 

A boas horas mangas verdes, que di o refrán. Se non levámo-lo paso, no torreiro dos intercambios mundiais só bailarán connosco as feas, o Terceiro Mundo. Cada ocasión perdida…, ¡fentos ao pote! Idiota o último, nesta carreira de obstáculos. Aviso: ¡Xa empezou! Onte coma onte, e hoxe coma hoxe; emparzáronos con eses veciños da Europa central e da norteña, bastante traballadores e ben preparados por certo, con séculos de avantaxe, así que, ou rebentamos ou levámo-lo rengue.


Nunca é tarde para aprender; nin cedo para levantarse. ¡Upa Galicia! O que sinto é que os meus cadrís non me permiten acompañarvos nesta brega…, para saír desta maldita crise! Certo é que a fixeron, que a causaron, uns, e que lles toca tirar do temón aos outros, pero…, ¡que se lle vai facer, as benaventuranzas sempre son as que din a última verba!

 

Da “guerra” económica, pois a Economía tamén é guerra, pero con outras armas, a fronte que máis me preocupa é a turística. ¡Téñolle medo pola súa evidente desviación pois do turismo cultural estamos descendendo, caendo, no turismo noctívago, nocturno, tan propicio para vagos e maleantes! ¡Non ocupan, desocupan! Unha experiencia que nos é ben coñecida aos galegos foi aquel turismo norteamericano en Cuba, que a levou a unha corrupción impresionante, contra a que se caeu noutra corrupción desastrosa, a revolución comunista.

 

Como final destas charlas, voulles referir a estes rapaces da miña bisbarra unha anécdota persoal, que tivo como escenario estas feiras de Castroverde. Eu puxen escola particular, desde os dezaseis anos, nos invernos, primeiro no Corgo, Santa María de Piñeiro, e despois en Librán. Como os alumnos de daquela se incorporaban á labranza na primavera, o seu mestriño volvía ao ripeiro, para vende-las miñas zocas en Castroverde. Dábase o casual de que a miña pedra estaba de par da do Pintor de Luaces, que acudía tódalas feiras co triple, ou cuádruple, da miña produción. Eu viña observando que as miñas eran máis anatómicas cás do Pintor, así que lle preguntei cantos pares facía ao día, en promedio; díxome que de catro non baixaba, ¡pero eu non pasaba de tres! Meu pai insistira moito en ensinarme anatomía rigorosa, de tódalas idades, varóns e femias, así que, por dentro, as miñas, con moito legre, suaviñas e axeitadas ao pé, en tódalas medidas, e por fóra, ¡artísticas!, como o vedes nestas, que foron as últimas que fixen, na véspera de marchar para Madrid, para o Batallón do Ministerio, coa finalidade de poder estudiar algo, colocarme, etc. Aquelas zocas leveinas comigo, e comigo andaron sempre, de destino en destino.

 

 

Rara era a feira na que non as vendese todas, pero se algunha sobraba gardábanmas na taberna do Escardel para a feira seguinte. Ben distinto coas do Pintor, pois aquel vendía poucas, e iso que as daba máis baratas; os seus sobrantes, dúas ou tres sacadas, tamén quedaban no Escardel, pero coa diferencia de que as recollería para levalas á Fonsagrada, desde aquí, da de Castroverde á  outra feira.

 

Comentando este caso, esta contradición, con meu pai, abriume os ollos, que me explicou que o prezo das cousas non era óbice considerable cando a calidade e maila utilidade das mesmas resultaba axeitada coa preparación e co poder adquisitivo do adquirente. Cando suba ao Ceo, se me deixan entrar, teño que darlle as grazas polo que me ensinou, pois del, outro zoqueiro, outro mestre “de a ferrado”, aprendín cousas de tan alto nivel coma as que logo me ensinaron polos distintos Centros onde me examinei, UNED incluída.

-.-

 

 

 Non sei se aqueles rapaces daqueles cursos tirarían ensinanzas da miña parolada, pero o que si sei é que, daquela coma hoxe, COS TIXOLOS DA MERA ESPECULACIÓN NON SE LEVANTAN PIRÁMIDES, MONUMENTOS REXOS E ASENTADOS!

 

 


 

C.P.I. de Castroverde

 

Xosé María Gómez Vilabella.

-.-

 

ADDENDA INFORMATIVA

-Para os que queiran iniciarse en Economía:

. Suxírolles que lean a Ramón Tamames nalgún dos seus libros, de redacción sinxela pero profunda e atinada; fáciles de entender.

. Recente é un libro, do ano 88, do meu antigo xefe no Banco Exterior de España, o famoso economista José Luis Sampedro, que o titula ,”Las fuerzas económicas de nuestro tiempo”. Está escrito ao estilo dunha novela histórica, así que resulta moi ameno. Fíxolle o prólogo José Luis Abellán, que é moi ilustrativo deste o seu comezo: “La economía es una disciplina omnipresente en nuestra época; basta abrir las páginas de cualquier periódico para comprobarlo..., Etc.”

. A bibliografía sobre técnicas de produción, e de produtos, xa é moi abundante; así que, ¡a buscar, nas librerías, pero tamén nas bibliotecas!

. Ley, vixente, de Concentración Parcelaria.

. Ley de Patentes, e mailo seu Reglamento.

. As que, en relación coa actividade agrícola, vaia publicando a Xunta de Galicia.

. Outras leis civís: Teño referencias de que un grupo de xuristas están preparando un libro, agora que temos autonomía, sobre Dereito Civil Galego; compre estar pendentes da súa saída.

. Coñecemento de idiomas. No aspecto comercial o inglés segue sendo o de máis interese xeral pois, ademais doutras vantaxes nas que apoiaremos as nosas exportacións, as instrucións de aparellos importados, calquera que sexa o país da súa procedencia, adoitan vir en inglés, ou tamén en inglés. 

-Termos que non podemos descoñecer, e por tanto, esquecer:

Inmigrantes. Tamén nós o fomos, primeiro para América e despois por Europa arriba, pero, con tódolos respectos para o seu carácter humanitario, aquí está chegando xente que, ademais de non entendernos, ou pouco, traen tan pouca preparación que o seu proveito neto é, nalgún caso, negativo. 

Insumos. (Para nós, ensumos, ou subministracións). Bens empregados na elaboración doutros bens. O valor dos insumos depende da súa especificidade: Se un insumo é xenérico e pode utilizarse en distintos procesos produtivos, normalmente o seu valor, o seu custe, é baixo; a súa relación coa valoración do traballo engadido pode ser moi variable, así que importa moito buscar procedementos ou maquinaria que simplifiquen e perfeccionen o seu engado.

Importacións. O ideal en Economía é prescindir delas o máis posible, sobrepoñendo as nosas exportacións, pero tratándose de materias primas non sempre será posible, telas, ou atopalas, ou mercalas, no país.

Exportacións. O turismo tamén é unha exportación de produtos, pero con moitos inconvenientes e pouca estabilidade pois, ademais da súa temporalidade climática, son moitos os factores que o poden restrinxir; tamén é de resaltar que introduce toda clase de vicios, desviándonos do exercicio de profesións máis estables, e incluso máis lucrativas.

Marketing. Eu diplomeime en Marketing y Administración, na Escuela Superior disto, pero non penso falarvos das picardías que ten a Mercadotecnia; ou si, que igual debera facelo para poñervos en guardia, porque esas técnicas, as súas picardías, están avanzando moito..., e van gañar esta guerra mercantil! (Marketing: Conxunto de técnicas e de estudos que teñen como obxecto mellorar a comercialización dun produto. Os entendidos din que os estudos de marketing son fundamentais para o lanzamento dun produto).

-oOo-

 

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: