domingo, 4 de enero de 2009

O CARNAVAL E MAILA PASCUA



TEATRO PARA AFECCIONADOS


O CARNAVAL E MAILA PASCUA

Xosé María Gómez Vilabella
-.-


O Carnaval e maila Pascua

Xoguete traxi-cómico
para representar en Castroverde, no Campo da Feira.




Chegan dous peregrinos ao Campo da Feira: Manuel, de machista, dacabalo dun burro; e Dolores a pé, tirando do ramal.

Dolores:
¡Ai, Manuel, cómame nunca o diabro,
que desta tés razón:
tanta xente ao fino, nestes días miserentos;
ou aquí é Castroverde,
ou estamos no Ceo entrando!

Manuel:
¡Ai, Dolores, con este cheiro ao polbo e ás filloas…,
mellor sitio para descasar, e para descansar,
imposible,
agora que iso está de moda!
Quédome coas de Castroverde,
e ti segue para Santiago,
no burro,
que estas si que menean a tixola,
e coa tixola…, o dengue!
Repara que todas, ¡todas!, parecen estar…,
de leite,
cousa que xa é milagre nos tempos que corren!

Achégaselles un Garda Municipal, chamado Xavier, para saudalos, e dárlle-la ben vida.

Xavier:
¿Vostedes, disfrazados de peregrinos,
aínda que non os vexo ben avidos…,
que venden, ou que predican,
que se lles perde no Campo da Feira,
desviados do noso Camiño,
do Antigo?

Manuel, sen apearse, agachase para darlle a man ao Garda:
Sómoslle os Predicadores da Boa Vida,
que volvemos a estar de moda nestes tempos de crise;
predicamos o que nos vén en gana
xa que en España o único que hai é liberdade de expresión.
¿Non sabe que o sono, o sono e mailos risos,
matan a fame?
¡Pois iso queremos facer nós,
rirnos de nós,
de  nós mesmos, antes de que o fagan outros!

Xavier:
Sen chanzas, prégolles,
que en Castroverde somos xente formal,
e aquí só nos rimos dos políticos marfalleiros,
maiormente deses que se disfrazan de peregrinos
Camiño de Santiago,
pero…,
a Santiago van, iso é verdade, arreXuntados,
mais non á Catedral!
Vostedes, con esta pinta de esfameados,
se é que andan aos votos chegan tarde,
pois aló van, na furna metidos;
por certo, tan metidos que agora mandan os do outro partido!
O mundo élles así,
que por algo di o refrán que nesta vida sacarás…
o que metas, máis nada!

Manuel, apeándose da burra:
Iso de meter créollo ben…,
coa verdura que vexo ao meu redor,
que ata poucas haberá senlleiras!
Mire, señor, ao que chegamos, que de tanto crer na televisión,
¡España va bien!,
a min esfarrapoume esta Pascua, e á Dolores chingouna o Carnaval,
pois do Carnaval á Pascua
quedamos desamparados, séxase, no paro,
ámbolos dous!

Dolores:
Este home ten un pico de ouro pero exprésase mal,
do peor:
Trátase dun divorcio ou separación…,
¡aínda que pouco nos queda que separar
que xa non durmimos xuntos!,
pero o problema está no burro,
que el non quere vendelo e darme a metade…,
por non apearse!

Xavier:
Logo o que predican é a desunión,
como se tentou facer daquela, no Trinta e seis,
coa Unión de Montecubeiro…;
¡pero, agora, aquí van de cu,
que nunca máis avidos estivemos!

Dolores:
Co abuso da democracia
caemos en libertinos,
así que a tal momento pedimos xustiza,
de Castroverde no seu Tribunal.
Con este macho atusmándolles ás núas da Tele,
eu,
para darlle celos, namoreime dun galo,
o máis galeador da Fonsagrada!
Miren se é perdulario este home que me acompaña
que con só poñerse a garabata dáse de persoeiro ilustrado
esquecéndose de que para iso hai que ser honrado!
Seguindo coa moda, co que el chama poñerse ao día,
botou nunha trondea serodia,
e ata lle puxo un piso na Rúa Nova
pagado dos fondos reservados,
dos meus,
que el aínda non ten herdado!

Manuel:
De homes ben plantados é cousa natural…,
¡dous diarios!
Pero desviación sexual, estando servida,
é deixarse galear…,
polo galo doutro curral!

Fan que se pegan e sepáraos Xavier:
Polo que indican…,
¿queren ou vanse divorciar?
Daquela vou reuni-lo Xulgado,
pois en Castroverde queremos a paz,
maiormente a conxugal!

Diríxese ao público, buscando aos do Xurado:
Vide, rapaces, reúnase o Xurado,
e que presida o máis vello deste lugar.

Vanse achegando os aludidos. El advírteos:

Quérovos imparciais,
que imos deixar estes Predicadores
da pé ou dacabalo,
que ámbolos dous iguais,
de burros, iguais,
e non como chegaron!

Mentres retiran o burro, acomódanse os Sete Magníficos. Fala o Presidente deles:
No nome de Deus e da Santa Compaña,
ábrese a sesión desta Corte Popular,
para xulgar
ao Manuel e á Dolores,
ámbolos dous con indicios de pecado,
cada quen co seu apaño!

Que fale primeiro a señora, esa Dolores,
pois,
aínda que leva pantalón,
a xulgar polo que lle avultan as mamarias
debe ser unha dama!

Dolores:
A miña vida élles longa de contar:
Meu pai foi un señorito daqueles que viñan ás feiras
de Castroverde...,
para baila-las mozas,
que non é o mesmo que bailar coas mozas!
Ela, de preñada, emigrou,
e na Arxentina deixoume coas monxas
facéndome estudar.

Alí ensináronme que as mulleres somos iguais cós homes,
e por iso, cando este farfallán botou nunha trondea,
¡eu pagueille coa mesma torpeza,
coa infidelidade!
Tiroliro chámase o meu mozo,
¡un galo da Fonsagrada!

Manuel braceando, escandalizándose:
¡Tiroliro é a miña gaita,
e ten máis fol cá dese galo pillabán!
O mal desta rapaza está niso da igualdade:
¡Púxose de calzón…, por riba das bragas!
É certo que lle amoblei un piso á moza,
pero foi por unha crise moral…,
para abaixala;
para abaixa-la crise, digo!
En cambio, esta Dolores…,
¡faino co vicio, tendo de todo na casa,
e de todo a sobrar!

Dolores, lagrimexando:
¡Eu non din que falar;
nada fixen e nada dixen ata que souben o desa trondea…,
pola caridade das miñas veciñas,
que mo contaron!
Mentres este Manuel se extasiaba coas mozas da tele,
¿que me quedaba, a min, na miña soidade,
senón era buscar un galo
no curral do veciño!

Manuel:
Sempre fuches escasa comigo,
que por iso te ameacei con irme de Pascuas…,
tra-la túa Coresma,
por suposto:
¡Corenta días sen bula, e sen proba-la carne,
non hai mozo que o aguante…,
salvo que sexa frade!

Pregunta un do Tribunal:
Tanto falar desa trondea da Pascua…,
e nós sen coñecela!
Estaría ben tomarlle declaración…,
¡non si?
¿Don Manuel, quere darnos o enderezo da súa amante;
nada máis co enderezo, pois do demais…,
xa decidiremos cando a vexamos!

O interesado:
Naceu en Xerbolés, nun taller pirotécnico…,
¡aquel dos irmáns Otero!

O anterior:
¡Vostede está de coña!
Aquelas madamas da Pascua eran de pólvora…;
pólvora de queimar, pura, así que…,
pecados supostos, e non probados, absolución de cura!

Manuel:
En calquera caso, se quixesen tomarlle declaración
comprobarían
que non me dou de fanfarrón!

Traen unha moneca de pólvora, e detrás dela, ás súas costas, séntase discretamente unha rapaza, que é a que fala pola moneca.



A trondea da Pascua:
Aquí estou, pouco menos que resucitada,
pois esta xentiña tíñame esquecida;
agora todo é, todo o fan, co Carnaval;
despois diso nin se confesan por Pascua Florida!
O de “Trondea” púxomo aquel Gómez de Berlán,
aquel mestre que redactaba os contos das Corridas…,
pero eu corrida non son, que só fago caridades aos homes
para os seus alivios petrinais,
quere dicirse, aos que non teñen onde baleirar…,
repochos seminais!

Outro do Tribunal:
-¡Tal é o caso deste Manuel! ¿Si, ou non si?

Pascua:
Tal, si señor. Este home oíu esa propaganda do
“Pónselo, póntelo”,
e daquela veu por xunto de min para que lle ensinase a poñelo,
por se esta Dolores lle daba dores…,
deses da SIDA, que seica pican,
 e son mortais!

Dolores, aludida:
Comigo non lle facía falta ese luxo, e de plástico, menos,
tendo tripas de porco…;
e logo que son unha muller boa:
sa, menopáusica, e limpa,
das que cambian as bragas acotío...,
como pouco, dúas ao día!

Outro do Tribunal:
¿Daquela, como se explica esa infidelidade?


Dolores:
Os homes, de tanta tele que televén
imaxínanse milagres, extasíanse de lonxe,
e fan o que non lles convén!

Manuel
¡Ai, si; os deberes…?
¿E logo, ti, co teu Tiroliro…, un paso para adiante e dous para atrás!
¡Coma se eu non tivese gaita,
sempre con ritmo, e coa música ao teu dispor!

Dolores
O meu Tiroliro é un galo, que me galea cantando,
pero sen tocarme!
¡Nunca me saltou na pluma, nin o deixo saltar!
En cambio, o teu apaño é…,¡unha fulana con pins no nariz,
como se lles facía ás cochas da ceba
para que non fozasen na súa cama,
no estrume,
pero estas póñenos precisamente para iso,
para fozar,
sexa na cama ou por tras do palleiro!
¡Non son das de matar senón que matan elas…,
os matrimonios ben feitos!

Manuel
Para sabelo de certo, e que o Xurado non se chame a engano,
esixo que comparezan, e que declaren,
os nosos rivais,
ámbolos dous sen caretas,
dicindo a verdade,
a cal máis!

Dolores:
Neste caso agarden para que lles dea o enderezo
desas granxas das Ribeiras do Lea…,
que é onde veranean!


Saca un papel do peto, e dállelo:
Vaian cara ao Norte, pois os galos do Sur,
os de Chamoso,
como é mellor clima, igual están saídos
e cacarexan o que non ten amaño,
o que lles diga o diaño, que é outro malnacido!

Aos poucos traen un galo nun cesto dos da feira; a Pascua segue na súa peaña,
coa apuntadora detrás.

Dolores:
Mira, Manuel, aquí o tes,
¡aquí está o teu rival!
E xa que de min dubidaches vou esclarecer a verdade:
Cando che notaba demoras,
eu demoraba máis aínda dicíndoche,
para que non che dese vergoña,
que xa me galeara o señor Tiroliro, aquela noite coma todas!
Fíxeno por caridade, e tamén algo por coqueta,
pois a min os galos, nada, por moito que cacarexen,
nin sequera co pico,
que eu son do teu poleiro…,
por mal que cacarexes!
Como ves, inocencia absoluta;
o que se di, impoluta, nin po nin palla!

Manuel, dirixíndose ao Tribunal:
Polo si ou polo non,
esixo unha Sentenza firme para este galo presumido,
aínda que so sexa por presumir…,
do que nunca fixo!
¡Colgado dunha corda,
que é como deben acabar aqueles que presumen de montar
en besta allea...,
aínda que non o fagan!

No Xurado fan que discuten, e despois o seu Portavoz anuncia que:
Condenamos ao galo, sexa ou non inocente,
pois este é de curral,
e como está de moda abusar do rural…,
de nada lle val,
por máis que apele!

Preséntase un Notario para le-lo Testamento do Galo:

Notario:
Ben mantido e ben cebado si que foi este Galo,
e ten por único pecado
o de presumir que se amancebaba coa Dolores,
outra presumida!
Escoitáballe os seus pesares, desde o serán á madrugada.
E logo que sempre cantou para esperta-lo amo,
pero o conainas do Manuel coma se nada,
que nin de esperto a abrazaba!

Vai morrer de morte matada…, só por asumir culpas alleas,
e de paso, para que as tripas deste Xurado estean cheas!
Como últimas vontades, isto é o que vos manda:
O seu pico,
¡Pico de Ouro, que así lle chamaba Dolores!,
quédavos no museo de Bolaño…,
para que o lembredes de hoxe nun ano
que volve a ser Pascua,
outra Pascua sen foleadas!
A súa crista vailles ben aos descerebrados,
a eses que falan mal das súas mulleres
cando outros homes están diante,
esquecéndose de que as tiveron na cama!

Coas uñas que fagan caldo cando lles afrouxen
a pensión!
Nunca para que se poñan de uñas
se perden as eleccións!

O meu Quiquiriquí quédalles aos músicos
do Zuncurrundullo,
para que fagan pasarrúas, alboradas e muiñeiras…,
tan ben que o saben facer!

De todo o antedito, eu, como Notario, dou fe.

Meten ao galo nunha pota grande, destapada por suposto, e fan que o levan para a cociña. Seguidamente adiantan a moneca da Pascua; fala por ela a rapaza que está ás súas costas:

Trondea:
Este home, nos seus soños de concupiscencia,
lembrouse de min,
desairado e desencantado da propia muller!
E como esas da Tele non se poden apalpar,
¡de lonxe se entende!,
el deu en matinar, en soñar, en imaxinar…
Daquela levoume a un piso,
¡iso é certo!,
e poñíase diante de min facendo o simulacro dun parrafeo.
Eu non lle podía contestar cos meus beizos de cartón,
pero el xa estaba afeito,
que tampouco lle contestaba a súa propia muller.
Cando a consorte se lle poñía de morros
el ía morrear comigo, cubríndome de bicos,
que por algo son a súa moneca,
¿ou é que as monecas son unicamente para as nenas?
Daquela falábame dos seus quereres malogrados,
das lembranzas, dos desenganos…;
en definitiva, do seu desespero porque eu non fose de carne
para comerme,
aínda que só fose a bicos!

Señores do Xurado,
todo isto son amores platónicos,
pois o que é outra cousa, cunha moneca, por pintada que estea,
por feita que sexa…,
secura absoluta;
¡nin gota!
Isto é o que lles pasa aos homes
desairados das súas mulleres, casadas ou solteiras:
¡Que se namoran das ficcións,
das monecas,
así sexan de cartón, así sexan de pedra;
¡de pedra ou de pólvora!
Veñen a nós coma quen vai a unha gueixa…,
para contarnos as súas penas!
¿Daquela, onde está o pecado,
onde pequei,
acaso por consolar ao desconsolado…,
ou tan só por ter os labios pintados!

Os do Xurado, varios, ao unísono:
O pecado está nos pensamentos…,
e Manuel matinaba en ti coma quen fala cun espello,
morriñoso,
lembrando as que deixou pasar diante súa
para caer nas tentacións da súa Eva,
da súa Dolores…,
que ben llos deu, máis dores que praceres!

Como non está ben iso de hipnotiza-los homes,
e coas da Tele non podemos,
¡imos queimarte, aquí mesmo, en público,
neste Campo da Feira,
aínda que só sexa para facer un escarmento!

Trondea
Reparen os señores deste Xurado,
que por certo non é válido sen mulleres,
por machista,
que a pena de morte está abolida,
¡na propia Constitución!

Xurado
¿Que non hai mulleres…?
¿E logo, que somos, se cada tres homes fan unha muller,
e aquí estamos sete,
que equivalen, que valemos, por un home e dúas mulleres?
En canto a iso da pena de morte…,
aboliuse a das persoas,
pero nada nos impide queima-la beleza,
e máxime se é causa de tentación,
dentro ou fora da Constitución!
¡Que faga Testamento das súas virtudes…,
se algunha lle queda!

Notario:
Estas son as mandas da vosa Pascua…,
xa que vos empeñades en queimala,
volvendo á Inquisición!

De primeiras, amar á propia muller,
e á viceversa,
pois do resto, todo pasa,
todo é fume de carozos!

(Nun aparte: Por algo non se casan os arrexuntados, pois, ao non ter intención de cumprir co sagrado, nin cumprilo xuran, pero niso son máis leais cós malcasados)

Falando de xurar:
Non xurar en falso, e menos aínda coas promesas matrimoniais.
Santifica-las festas, sexan ou non de gardar,
mándeas o Cura ou o Sancristán…,
particularmente os sabadetes, que son días de descanso…,
segundo para que!

Honra-las mulleres do próximo…,
desde lonxe,
contentándose con bicárlle-la man!

Non mata-las ilusións,
que xa adoitan morrer elas,
de seu,
particularmente se non se regan acotío,
maiormente con bicos e apertas.

Os actos impuros tórnanse puros
cando se fan na casiña de cada quen;
¡sempre que sexa despois da bendición sacerdotal,
por suposto,
pois o Cura é o único que está autorizado para bendicir
aquilo que lle está negado probar,
pois agora,
nin prima noctis, nin méscaras!

Non furta-los amores do próximo,
¡que mulleres sobran, e homes case tamén!

Mentiras de amor,
¡nin antes nin despois!

Os malos pensamentos axean os amores.
¡Son malos para a pel, que se volve dura,
e para o corazón, tamén!

Cobizar o cónxuxe alleo é un atraso,
¡pois chega con soportar o propio,
 medio século,
ou se cadra máis, salvo que veña o cancro,
ou non haxa médico
no rueiro!

Estes dez péchanse en dous,
pois os pecados do Carnaval púrganse coas virtudes da Pascua,
se a queremos celebrar!

Xa que non me indultan,
-di esta rapaza, pois, aínda que é de papel, de pólvora ígnea,
fala!-,
morro por face-las paces deste Manuel
e da súa desposada,
dous cretinos,
¡pero iso non é novidade, tantos que hai,
que de tan namorados buscan rifallos…,
para diverti-la xente do arredor, e dar que falar!

En definitiva,
non lles fagan caso a estes Predicadores,
que predican o que non fan,
e déanlles de condena volver para as súas casas
ás catro patas,
imitando aos burros,
¡por escandalizar,
por desagradecidos con Deus,
que iso é o que son, pois iso é o que fan!

Saben, agora, señores do público, por que se di iso de,
facerlle a un as Pascuas?
¡Fíxense nesta parella e tiren dela as súas, propias, conclusións!
Nunca esquezan, señores do Xurado,
que as cabras, co vicio, dan cos cornos no cu!
Este é o caso de tódolos malcasados,
tantos que hai,
lamentablemente,
e non só en Castroverde!

¡Dixen!
-.-



Xavier volve co burro, pero quítalle a albarda, dicíndolles:
Váianse os dous, pero a pé,
axiña,
que non hai dereito para que uns burros cabalguen encima doutros;
polo menos aquí en Castroverde non se estila,
aínda!



-.-


Xosé María Gómez Vilabella

-.-
O Autor non terá inconveniente en permitir que se represente calquera destas obras sempre e cando se faga co seu consentimento previo, del ou dos seus herdeiros, e, por suposto, con un mínimo de dignidade escénica. Se para entón estou reunido con San Pedro, que ninguén me interrompa; nese caso, falen cos meus herdeiros, que de seguro respectarán estas instrucións.





Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: