.
Van Camiño de Xerusalén.
¿E nós, qué?
Xosé María Gómez Vilabella
VOLVENDO AO REGO, VOLVENDO
AO CAMIÑO.
Cando nos poñemos a andar, cando facemos Camiño, tal que
cara a Compostela, mesmo cando pasamos por Castroverde, os ollos, obviamente,
van cara a diante; ¡impórtanos ir, impórtanos chegar! Pero pode ocorrer que nos
esquezamos de que o Camiño que estamos facendo non é precisamente o da ida
senón o da volta.
¿Da volta? ¡Si, da volta, tal que desde Zaragoza!
Lembremos que o señor Santiago, Sancti Jacobi, arraigou na Gallaecia despois, e
grazas, ao seu retorno. De aquí foise decepcionado. Non aguantou aquilo de “Xa
veremos”, “Teño que consultalo coa ama”, “Agarde que o pense”, “Mañá
falaremos!, “¡Vaia un Deus que se deixou crucificar polos romanos; sequera
aquí, no Medullius, envelenámonos antes que entregarnos!”. Aqueles celtiñas,
escarmentados dos romanos, perderan a fe no descoñecido.
O Fillo do Trono non era o axeitado para a Gallaecia:
Impulsivo, urxente..., Fillo do Trono! ¿Ou si? ¡Por algo San Pedro o mandara á
Finis Terrae: Facía falta un Jacobi para atreverse co ignoto, co remoto, tan
recentes que estaban aquelas, belicosas, conquistas. Non é posible que se
asustase, pero si que se desanimase á vista do trasacordo galaico. Un bo día,
¡si, si, un bo día!, pola vía romana do Norte, co seu cabalo branco, ¿sempre o
tivo así?, púxose en ruta para Tarraco; en Tarraco embarcaría, retornado, para
Roma...
¡Ah, pero saíulle ao Camiño nada menos que María, upada
nunha columna daquela Seo en construción, na Caesar augusta!
-Santiaguiño, parece mentira en ti, tan bos que son eses
galaicos; ¡desanda o Camiño, que vale a pena!
¡E desandouno! Así que agora, cando imos, cando van, a
Santiago, non van, non vamos: Volven, volvemos! Pasa moito na vida, que por
veces andamos, facemos, camiño, e noutras desandámolo.
Xosé
María Gómez Vilabella
-.-
No cruceiro da Vacariza
Xa
que falei de Santiago e aludín ao camiño Castroverde, invítovos a que tamén leades
isto que dixen diante do cruceiro da Vacariza, axudando, colaborando, na
restauración do Camiño Antigo:
O
día 20.06.1993
agardando
pola comitiva – representación
de
Afonso II
Ben queridos
amigos, coido que sobra comentar este acto, non só preñado de simbolismo senón,
e tamén, de realidades, pero os organizadores dixéronme que vos dea, que nos
deamos, os bos días neste punto, como preludio da representación que teremos aí
abaixo, en Vilabade, así que, aquí estou, feito un Pedro Madruga pois da Coruña
veño.
Aquí, neste paso
da Vacariza, neste paso de vacar, de repousar, de repoñer monturas, tantas
cousas pasaron que non habería longametraxe que as recollese en película. Pero
da man dos historiadores é doado remontarnos ao celtismo, que por aquí, mesmo
onde nós estamos, camiño natural onde os haxa, camiñaron e camiñaron aqueles celtas que, desde o
Briteiros de Portugal, polo menos desde Briteiros, intercambiaban cultura e
tradicións cos seus parentes do castro de Coaña, nese casarío de Xarrius,
arriba da Navia de Luarca; desde aquí onde estamos a tal momento, chegaron ao
Navia, ao río, e pola súa marxe esquerda baixaban ata os confíns das terras
ástures. Non é que non houbese celtiñas máis aló, máis contra o Oriente, pero a
súa concentración poboacional, como é sabido, estaba desta parte.
Chegaron aqueles
romanos do saco, ¡do saco ao lombo dos escravos!, que viñeran loitar cos
púnicos, pola parte de Levante, pero tanto levantaron que, de postos no terreo
ibérico, dixéronse: ¡Oes, e se nos désemos unha voltiña pola Gallaecia, que
todo por alí seica hai riquezas, o demo delas, e como temos tantos parasitos en
Roma, non estaría mal levarlles, nestes sacos, canto de bo, canto reluza, ouro
incluído, do que teñen eses fisterráns! Dito e feito, pero custoulles caro xa que
por aquí estaban, entre outros, os da Meda, aqueles do Medullius, que preferiron morrer envelenados co zume dos seus
teixos antes que rendérselles. Tanto medo lles colleron aquelas lexións aos
nativos destas terras, que se pecharon aí no Lukus, arrodeando o campamento con
esa muralla que custou milleiros de vidas, vidas de escravos, por suposto, para
darlle remate. ¿Non vos fixades que propensa é a caerse esa muralla de Lugo?
Débese ás pedras, que llas asentaron en falso aqueles escravos, deixando dentro
os seus propios cadáveres, pois de non ser así, cos bos canteiros que sempre
tivemos neste país, ¡esa obra ía para un millón de anos!
Despois viñeron os
suevos, no 409. Estendéronse todo por aquí, por esta terra de pastos. Xa
sabedes que aquela xente era pacífica, e que nos trouxeron as vacas teixas.
Tiveron a sorte de que os do “Club de Roma” non lles puxeron Cota láctea, así
que se dedicaron a fundar lugares, un terzo dos terreos desocupados, ademais de
criar marelas e cabalos.
Cando, un pouco
despois, polo 712 máis ou menos, irromperon os mouros, coas cimitarras, daquela
moitos dos nosos fuxiron, bispos incluídos. ¿Para onde? ¡Témolo claro: fóronse
pola vía romana adiante, pola que pasa exactamente por aquí, por onde estamos pisando,
para acollerse ás montañas ástures! A Historia afirmou, -escrita despois, moito
despois, por aqueles aos que lles conviña proclamarse sucesores legais do trono
visigótico-, que don Pelaio era descendente daqueles Reis visigodos de Toletum,
cando que non, que parece máis certo, e desde logo máis realista, pensar que o
tal Paio, ou Pelayo, como se lle queira chamar, era realmente o Conde de
Flammoso, o noso condado, o condado dos trigos flamexantes. Da súa fracción, do
que hoxe chamamos Corgo, xa sabemos que é un topónimo derivado dos seus corgos
ou torrenteiras.
Vindo máis ao
presente, atopámonos coas liortas dos nobres da Gallaecia occidental, que non
quixeron aceptar as levas, nin as gabelas, do Rei Silo, das Asturias. Esta é
outra proba de que por aquí non se admitían as morgadías de Cangas de Onís,
máis tarde Ovetun, Oviedo, pois a casa matriz da reconquista éramos nós, os desta
parte do país.
Aí adiante, nese
Campo da Matanza, quedaron aqueles cadáveres, tan mouros, tan esturruxados, que
por mouros os apuntou a tradición local, e así o estivo crendo a xente da
Valeira. O feito, a pobre estratexia militar de entón, parece estar clara: Os
de país, os de por acó, queimaron esas toxeiras do Cádavo, (cádavo = toxo
queimado), para poñérllelo difícil aos ástures. Pelexando e pelexando, a última
resistencia foi en Montecubeiro, ¡de sempre, país de resistentes! Aló na Fonte
de Matahomes, da que baixa o rego dos ósos, xunto ao actual Cepomundín, Silo
venceu, afianzándose a supremacía, a coroa ovetense.
Aínda estaban
frescos aqueles ósos da nosa xente cando ao Rei Afonso II lle deu por honra-lo
Santiago, no seu Campus Stellae, e de paso facerse cunha bandeira, outra: Na
vangarda, para insuflar ánimos aos combatentes; e na retagarda, para ter
controlados aos galegos, que daquela non éramos tan mansiños coma hoxe, que
ningún caudillo se aventura en loitas sen atenazar primeiro a súa retagarda.
Estes feitos son históricos, á marxe da súa piedade relixiosa, que non hai por
que negarlla.
Púxose aquel Afonso
de camiño, polo Camiño Santo, por este, pola Vía Romana, facendo a primeira das
peregrinaxes da nosa Historia, a máis primitiva destas características. Así que
en Oviedo mandou carga-las az-zémilas con todo o preciso para unha viaxe tan
longa. Entón púxose a face-lo seu “planing”, que diríamos hoxe. ¿Por onde?
Descartemos as feas: Por León nadiña, que a primeiros do IX aínda estaban os
mouros do outro lado do Pajares, na terra da palla. ¡Que máis quixesen aquel
mouros que interceptar a comitiva real, cargada de tesouros para a nova igrexa
do Campus Stellae! Pola costa...; ben mirado, non, que entre outros obstáculos
había que pasar coas cabalgaduras polos tremedais do Eo, alí nas Veigas. ¿Subir
de par do Eo, pola súa marxe dereita? ¡Descartado: Peor sitio, e moito rodeo!
Como a viaxe había que facela directamente a Lugo, que era onde estaba a gran
urbe histórica, fortificada, digna dun Rei, a cousa era indiscutible: ¡Segui-la
Vía trillada e ben coñecida, a que pasaba todo por aquí, desde Lucus Augusti á
Gigia romana! Neste caso, á viceversa.
Con estas
lembranzas chegamos, podemos chegar, a estas reflexións: Todos recordamos que
se nos dixo, naqueles tempos da escola, que os pobos que esquecen a súa historia
están obrigados a revivila, a refacela. ¿Está claro? Todo por aquí fomos caendo
no esquecemento desa Historia, da propia, e agora, ás portas do século XXI,
axuntámonos nesta peregrinaxe para repasa-lo noso Camiño! ¿E, como se fan os
camiños? ¡Ben sabedes que só hai un xeito de facelos: camiñando!
Non podo terminar
estas verbas sen facerme portavoz de todos vosoutros e pedirvos unha aclamación
para todos aqueles, persoas e asociacións, que fixeron posible esta
resurrección do Camiño Vello. Uns máis e outros menos, pero incluso os que nada
fixeron ata hoxe, con só que estean receptivos desta recreación, algo fan,
¡ademais de gozar da paisaxe! Por eles, polos ausentes e polos presentes, un
ufido, ben forte; tan forte coma os daqueles que loitaron contra do usurpador
Silo. Agora temos que loitar contra os que esquecen a nosa Historia, a coa
Historia, a nosa Relixión..., ¡para traelos ao rego, para traelos, para
atraelos ao Camiño! ¡Veña, ufemos; forte!
Xosé María
Gómez Vilabella
-.-
Uns fan o Camiño escoitando a radio, pero eu prefiro facelo lendo, repasando,
a Biblia.
“Chegaron
onda el uns fariseos (¡puñeteiros, sempre encordiando!) e preguntáronlle para
poñelo a proba: -¿É lícito repudia-la muller por un motivo calquera? El
respondeu: -¿Seica non sabedes que o Creador os fixo varón e femia desde o
principio, e que dixo: “Por iso deixará o home a seu pai e mais a súa nai,
unirase coa súa muller, e serán os dous unha soa carne? De xeito que xa non son
dous, senón unha soa carne. Polo tanto, o que Deus xuntou, que non o separe o
home”... “Asegúrovos que quen repudia a súa muller (sacado que estean
malvivindo) e casa con outra, comete adulterio”.
¿Receita?
¡Escoller con tino, de parte a parte, e a partires diso, ir limando, pois ata o
ferro admite as limas!
-.-
Insiste
no dos nenos: “Deixade que os nenos se acheguen a min, non llelo privedes,
porque deles é o Reino do Ceo”. ¡Xa, pero, como non podemos volvernos nenos,
polo menos imitalos!
-.-
O
perigo das riquezas, ¡o fume delas! “Entón díxolles Xesús ós seus discípulos:
-Asegúrovos que lles vai ser difícil ós ricos entrar no Reino do Ceo”. Difícil
non é igual que imposible, pero teñen que aprender a facer un bo uso das súas
riquezas, e a xulgar polo comportamento duns cantos que eu coñezo, ¡meus
pobres!, fáiselles costa arriba.
-.-
Tres
veces lles anunciou o seu transo, pero eles, ao positivo, veña pedirlle
enchufes para cando gañase as eleccións; así, meu Santiago, vosa nai, e cal
non? “Entón achegóuselle a nai dos fillos do Zebedeo cos seus fillos,
prostrándose como para pedirlle algo. El preguntoulle: -¿Que queres? Respondeu:
Manda que estes dous fillos meus senten un á túa dereita e o outro á túa
esquerda, no teu Reino. Respondeulle Xesús: -Non sabéde-lo que pedides.
¿Poderedes beber o cáliz que eu teño que beber? Respondéronlle: -Podemos. Xesús
replicou: -O meu cáliz beberédelo; pero o de sentar á miña dereita ou á miña
esquerda, iso non depende de min concedelo: é para quen meu Pai o ten
preparado”. Como se celaron os outros dez, Xesús, sempre disposto a poñe-las
cousas, ¡as cousas e mailas persoas!, no seu sitio, advertiulles: “Quen queira
ser importante, que sirva ós demais, e quen queira se-lo primeiro, que sexa o
máis servizal, porque o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e
a entrega-la súa vida en rescate por todos”.
(Será
mellor que non lean isto os políticos de hoxe en día porque..., porque lles
caería a cara de vergoña!).
-.-
Despois
de curar dous cegos... ¿E a min, que, que tamén desexo distinguir entre
verdades e mentiras, entre virtudes e vicios, que andan por aí medio a escuras,
confundidas?... despois de cura-los cegos, o Humilde, aquel Xesús do Gran
Poder, entrou triunfal en Xerusalén..., nunha burra! ¡Os cabalos tíñaos,
usábaos, Poncio Pilato!
¡Que
grande é a grandeza de Deus,
co
seu Fillo dacabalo dun burro,
e
eu, que pretendo entrar no Ceo
dacabalo
dos meus pecados,
feito
un emperador!
“Trouxeron
a burra e mailo burriño, botáronlle enriba os mantos, e Xesús montou. Moita
xente estendeu os mantos no Camiño; outros cortaron polas das árbores, e
estendéronas tamén no Camiño. E a xente que ía diante e mailos que o seguían
gritaban: -¡Hosanna ó fillo de David! ¡Bendito o que vén no nome do Señor!
¡Hosanna no Ceo!”
Meu
Deus, Ti, que por mediación do teu Fillo tantos milagres fixeches naquel tempo,
se non é moito pedir, pídoche que me aceptes un ramo dos loureiros da miña
finquiña..., pois quero participar activamente nesas loanzas..., agora que vén
o Domingo de Ramos! Se me arrepinto, ¿verdade que aceptas o meu ramo, e co
ramo, un Hosanna?
-.-
Da Paixón,
¡voluntariamente aceptada!,
non
vou dicir nada, que non me atrevo nin a comentala; tan só invitarvos a este Vía
Crucis, Calvario, lles chamaba meu pai, que os andaba el, en Montecubeiro, tres
ou catro, ¡de memoria!, e aínda así perseguírono por “rojo”! ¡Foi a súa cruz,
levada con tal resignación que nunca lle oín unha palabra que significase
vinganza! ¡Deus, canto me obriga ser fillo seu! Este atopeino nun Misal, e
téñolle especial devoción porque coincide rigorosamente con un dos del!
Por la señal de la Santa Cruz...
Señor mío Jesucristo, que a todos los que queremos seguirte nos invitas a tomar cada uno la
cruz que tu providencia nos destina en esta vida, y a llevarla con ánimo y
abnegación detrás de ti, oh buen Maestro, que para darnos ejemplo tomas tú la
más pesada de todas las cruces, y caminando delante de todos, nos incitaste a
seguirte con nuestras cruces: danos tu luz y tu gracia, al meditar en este Vía
Crucis tus pasos, para saber y querer seguirte. Y vos, oh Madre de los Dolores,
inspíranos los sentimientos de amor con que acompañaste
en este Camino de amargura a vuestro divino Hijo.
I Estación. Jesús es condenado a muerte. –Señor mío Jesucristo, que
quisiste ser condenado a muerte por mis pecados, para que yo fuese perdonado de
ellos: te suplico que me perdones en vida mis culpas, y en el día del juicio me
absuelvas de las penas eternas.
II Estación. Jesús toma la cruz. –Señor mío Jesucristo, que con tanto
ánimo tomaste en tus hombros la cruz de mis pecados: te suplico me concedas
resignación y ánimo para llevar por tu amor la merecida cruz de mis trabajos.
III Estación. Jesús cae por primera vez. –Señor mío Jesucristo, cuando
yo caiga desfallecido y sin ánimos para cumplir con mi deber, te suplico me
levantes y reanimes con tu gracia para seguir con mi cruz, cumpliendo hasta
morir tu santa voluntad.
IV Estación. Jesús se encuentra con su Santísima Madre. –Señor mío
Jesucristo, no sólo a ti, sino también a tu Madre, fui causa de dolor. En la calle de la amargura de mi vida,
envíame el consuelo de encontrar a tu Madre; que con su presencia tendré más
ánimo. Y vos, oh Virgen Dolorosa, Madre mía, perdonadme y no os apartéis jamás
de mí.
V Estación. Jesús es ayudado por el Cirineo. –Señor mío Jesucristo, te
suplico me des la gracia de que yo sea
tu Cirineo, cooperando a la salvación de los hombres; que yo sea el Cirineo
de los afligidos, pobres y necesitados, aliviando sus penas, y que tu seas
nuestro Cirineo, para que perseveremos hasta el fin.
VI Estación. Jesús encuentra a la Verónica. –Señor mío Jesucristo, te
suplico que grabes en mi corazón aquella imagen que dejaste a la Verónica en el
lienzo con que enjugó tu rostro, para que, teniendo presente lo que sufriste
por mí, me anime a sufrir por ti.
VII Estación. Jesús cae por segunda vez. –Señor mío Jesucristo, te
suplico que, aunque yo caiga segunda vez, y muchas más
en mi Camino, no me dejes, no me abandones caído. Ten paciencia conmigo;
levántame, anímame, ayúdame, para que siga adelante, y con tu cruz, a tu lado.
VIII Estación. Jesús habla a las hijas de Jerusalén. –Señor mío
Jesucristo, que a pesar de ser árbol florido y fructuoso, tan duramente fuiste
castigado por mis culpas: dame
tu santo amor, temor y humilde resignación para que, pues soy tronco árido y
leño seco, acepte gustoso lo que tu providencia me envía, que es mucho menos de
lo que merezco, sin comparación menos de lo que padeciste Tu por mí.
IX Estación. Jesús cae por tercera vez. –Señor mío Jesucristo, yo te
suplico que, si es posible, me libres de las grandes tribulaciones y cruces,
como la que te hizo caer tres veces; pero si tu voluntad me las da y mis pecados las exigen, auxíliame con tu gracia, y
levántame en mis desmayos con tu amor.
X Estación. Jesús es despojado de sus vestidos. –Señor mío Jesucristo, te suplico me concedas gran conformidad
con la pobreza, y profundo desprecio de los bienes de esta vida, de modo que,
así como dejaste tus vestidos por mí, así yo me despoje al menos de lo superfluo y lujoso, por ti y por los pobres.
XI Estación. Jesús es crucificado. -Señor mío Jesucristo, aunque estás
en la cruz humillado, ajusticiado, deshecho, eres mi Dios, mi Rey y mi
Redentor. Como a mi Dios, te adoro con viva fe; como a mi Rey, te saludo y
ofrezco cuanto poseo; como a mi Redentor, te amo con toda mi alma y te consagro
todo mi corazón.
XII Estación. Jesús muere en la cruz. -Señor mío Jesucristo, que en la
cruz mueres por mí: más me amaste a mí que yo a
ti, pues quisiste morir por mí. Concédeme vivir y morir por ti como tú viviste y
moriste por mí. Dame una buena muerte: morir en tu gracia, morir en tu
amor, morir en tu voluntad, morir en tu cruz contigo.
XIII Estación. Jesús es bajado de la cruz. –Señor mío Jesucristo,
muerto y deshecho por mí: yo venero tu santísimo y
divino cuerpo reclinado en los brazos de tu piadosísima madre, y te suplico me
concedas un vivo dolor de tanto como a ti y a tu madre os hice padecer por mis
pecados, y gracia para enmendarme de todos ellos.
XIV Estación. Jesús es sepultado. –Señor mío Jesucristo, te suplico me
concedas la gracia de morir de tal manera, que por haber participado de tu
Pasión pueda al expirar participar de tu gloria y, en el día del juicio, de tu
resurrección. Que tu cruz gobierne mi
vida, y cobije mi muerte en el sepulcro.
-.-
Resucitou!
Despois destas reflexións trepidantes, volvo
contigo, querido Mateo. “Pasado o sábado, (¡os tres días anunciados!), na alborada, María
Magdalena e maila outra María foron visita-lo sepulcro. (¡As mulleres, sempre
en vangarda apostólica, e nin así as deixan subir ao presbiterio!). Entón
produciuse un gran terremoto, xa que o anxo do Señor, baixando do Ceo, removeu
a lousa e sentouse enriba dela. Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era
branco coma a neve. Os gardas tremeron co medo, ficando coma mortos. Mais o
anxo díxolles ás mulleres: (¡Ás mulleres, señores cardeais, ás mulleres!) Non
teñades medo, que ben sei que buscades a Xesús o crucificado. Non está aquí,
que resucitou tal e como dixera. Vinde ve-lo sitio onde estaba. E ide axiña
dicirlles ós seus discípulos: (¡Aos varóns, aos da segunda Compañía, esa de
Destinos, esa da retagarda!) Resucitou de entre os mortos, e vai diante de vos
para Galilea; alí o veredes”.
As tres Marías diante do sepulcro
baleiro.
Se con Él morremos,
con Él vivimos,
e con Él cantamos:
aleluia.
-.-
Querido Mateo, despois de darche as
grazas polo moito que nos ensinaches,
e aínda que me queda moito sen ler,
déixame pasar a Marcos,
outro cronista fiel:
Case
o principio, ti tamén citas a curación da sogra de Pedro... ¡Fai o favor, baixa
un momentiño, e repítelle-lo aos cardeais, pois teño a impresión de que o teñen
esquecido; claro, natural, coas engurras, aos vellos encóllesenos a memoria!
-.-
Querido
Marcos, non o tomes a mal, pero, en realidade de verdade, despois de
lido Mateo sobrades ti, Lucas e Xoán. ¿Que por que? De ben situados na
Historia, sen a menor dúbida da santidade absoluta de Cristo, palabras e
milagres, todo clariño e perfecto, indubidable, certo, e por engado,
marabilloso, alén das forzas humanas, quen pode vacilar en relixión, pero, de
máis a máis, vosoutros tres, referendando, dando testemuño, etcétera, etcétera,
ben incrédulo, ben animal diría eu, é aquel que non cre nas verdades reveladas
e transmitidas coa memoria, coa presenza, do Espírito Santo!
Meu
venerado Marcos, outro si che digo: ¡Que teño a impresión de que fuches o
Secretario de San Pedro, pois as túas actas non deixan episodio ou milagre que
non recollan, que non confirmen! Estoume fixando nas firmas: “Estes foron os
doce que designou: Simón, a quen lle puxo de nome Pedro; Santiago, o fillo de
Zebedeo e mailo seu irmán Xoán, ós que lles puxo de sobrenome Boanerxes, que
quere dicir, fillos do Trebón; Andrés e Felipe; Bartolomeu e Mateo, Tomé e
Santiago, o fillo de Alfeo, Tadeo e Simón o Zelota, e Xudas Iscariote, o
traidor”.
-.-
¡Pero
que letrados, ou máis ben, que iletrados, aqueles falsarios que, para non crer,
para resistirse á graza, para levar a contraria, atribuían a Belcebú os
milagres do Fillo do Home! Pero Xesús, sempre oportuno, sempre ocorrente,
fíxolles tragar a blasfemia: “Tende por seguro que todo se lles perdoará ós
homes, os pecados e cantas blasfemias digan, pero a quen blasfeme contra o
Espírito Santo, nunca se lle perdoará, e cargará eternamente co seu pecado”.
-.-
Para
non ser reiterativo, sáltome as parábolas e mailas curacións, coincidentes coas
que cita o teu colega, Mateo, pero algunha hai que me chama especialmente a
atención polo seu simbolismo, tales que:
A
semente.- “... outra caeu en boa terra; naceu, creceu e chegou a dar froitos...
Quen teña oídos para oír, que escoite”. ¡Outra verdade inconmensurable, que non
todos, nin sempre, temos oídos para iso, para oír; orellas si, que tamén as
teñen os burros, e por iso entenden o que lles convén! Daquela oíron, e agora
lemos, lemos o que vosoutros os seus discípulos oístes, e oístelo porque
estivestes atentos, todos, menos se acaso aquel Xudas, ¡meu pobre! ¡Que
oportunidade perdeu! Pedro tirou de espada, e Xudas..., arrepentido, vomitou os
trinta denarios! Algo é algo, que así, o Mestre, sempre sobrado de bondade,
igual lle perdoou. ¡A min gustaríame que si, que todo se arranxase con uns
aniños de purgatorio, precisamente por iso, porque sen un arrepentimento atroz
aquel materialista nin tolo se suicidaría!
-.-
Sementar
sementarei,
loguiño de clarear,
en tanto no pobo medre
un meniño, un vello e un cantar,
loguiño de clarear,
en tanto no pobo medre
un meniño, un vello e un cantar,
que tamén o di a
nosa cantiga. O sementador sementa a Palabra. Os do camiño son aqueles nos que
se sementa a palabra, pero cando a escoitan
vén Satanás e arrepúñallela. (Son os do camiño equivocado, o “camiño” con
minúsculas). Da mesma maneira son aqueles que de seguida reciben a semente con
alegría, pero pásalle-lo mesmo do que á sementada entre pedras: por non teren
raíces e seren inconstantes, mal veñen as dificultades ou a persecución por
causa da Palabra, de seguida abandonan. A outros pásalles coma á semente caída
entre as silvas: si escoitan a Palabra, pero moi axiña as preocupacións do
mundo, o engano das riquezas e mailas ambicións, asolágana, afógana, e queda
sen froito. Pero os que son coma a boa terra, escóitana, acóllena e dan moito
froito”.
¿Que mestre dos nosos, nos nosos días,
sería capaz de explicalo mellor? ¡Non coñezo a ningún, e fun a non sei cantas
escolas, e non só á primaria! O problema debe estar na miña silveira...
-.-
¡E volve a sementar; non se cansa!
“-¿Con que compararemos o Reino de Deus? É coma o gran de mostaza, que cando se
sementa na terra é a máis miúda de tódalas sementes. Pero despois de sementala,
medra ata se-la maior de tódalas hortalizas, chegando a botar unhas polas tan
grandes que na súa sombra poden vir aniñar os paxaros”. ¡Os que logo nos
cansamos de oír somos os cristiáns, que adoitamos saír da igrexa a cen, antes
incluso de que se retire o Celebrante..., non sexa o diabro que se acabe o viño
da taberna!
-.-
“... Cando chegou o sábado, empezou
a ensinalos na sinagoga. E moita da xente que o escoitaba dicía abraiada: -¿De
onde lle veñen a este todas esas cousas? ¿Que sabedoría é esa que lle
ensinaron, e como pode facer tantos milagres pola súa man? ¿Non é este o
carpinteiro, fillo de María e irmán de Santiago, Xosé, Xudas e mais Simón, e as
súas irmás non viven aquí connosco?”
Hai que insistir,
para os retorcidos: Naquela época o concepto de fraternidade abarcaba aos
parentes máis próximos, tal que aos primos, e non no sentido estrito e
limitativo actual; pero aínda hoxe se segue nas Ordes Relixiosas, frei, frai,
irmá, etc.
“Estaban realmente escandalizados.
Pero Xesús díxolles: -Non hai profeta máis desprezado que na súa terra, na súa
casa, ou entre os seus parentes”. ¡Outra verdade, que aínda se cumpre hoxe, e
van XX séculos de escola!
-.-
A transfiguración. Todo o Evanxeo,
os catro, a pouco que reflexionemos en cada un dos seus cadros, é unha
revolución, o nunca visto; esperado, si, xa que o Mesías estaba anunciado, pero
non resultou segundo imaxinaban, ¡unha especie de Emperador! O que lles veu / o
que nos veu foi..., o propio Deus, desdobrado! É ben propia de Pedro aquela
capitanía: “-¡Mestre, que ben estamos aquí! (É non ían estar: entraran no Ceo
sen saír da terra!). “Imos facer tres tendas...” Non llo aceptaron, obviamente
porque, “Tan asustado, (tan impresionado), estaba, que non sabía o que dicía. E
unha nube cubriunos coa súa sombra, mentres saía dela unha voz: (¡Outra vez,
coma no Bautizo!). –Este é o meu Fillo ben querido, escoitádeo!”.
¡Aí estaba o detalle, que o
escoitaban pouco; a súa admiración era superficial: curaba enfermos, abría
ollos, filosofaba coma ningún grego, pero..., nin con esas! Calquera de nós,
incluso os de mellor vontade, ante tantas ofensas e tanta indiferenza dos
homes, mulleres incluídas, houbese desequilibrado a terra para que chocase
contra o sol, a ver se así deixaban / deixabamos de amolar, de ofender, de
teimar. ¡A paciencia de Deus, como todo nel, é admirable!
-.-
Na entrada de Xerusalén
aproximáronse, pero só iso: “¡Hosanna! (Iavé salva) ¡Bendito o que vén no nome
do Señor!” ¡Cerca, cerca, pero só iso: Non veu no nome do Señor, non era un
apoderado ao uso, senón o propio Deus, a Segunda Persoa da Santísima Trindade, encarnada
nunha Virxe! Se cadra algún daqueles xa berraba ao día seguinte: ¡Crucifícale,
crucifícale! ¡Somos así, unha raza de traidores, co noso e polo noso libre
albedrío, na nosa soberbia adictos a Lucifer, ao Gran Traidor; así que lle
damos que tecer ao propio Deus!
-.-
Os tendeiros do templo. Sempre os houbo, pero os posteriores
non o foron por culpa da Igrexa senón por algún que outro explotador dela; hoxe
os controis sociais fano máis difícil. “Chegaron a Xerusalén, e, entrando no
templo, empezou a botar de alí os tendeiros e compradores (¡ollo, que non só
botou aos tendeiros!) derrubando as mesas dos cambistas e os postos dos
vendedores de pombas. E non permitía que ninguén pasase polo templo carrexando
cousas. Púxose a ensinar, dicindo: -¿Non está escrito: “a miña casa será casa
de oración para tódolos pobos” Pois vós convertédela en cova de bandidos. Ó que
o souberon, os sumos sacerdotes e mailos letrados, buscaban o xeito de acabar
con el, pois tíñanlle moito medo, porque todo o mundo estaba admirado de canto
ensinaba. E á tardiña saíu da cidade”.
¡Aínda non chegara o momento de entregarse, de deixarse
entregar, pero a revolución estaba en marcha. Faltaba o principal: instituír a Eucaristía!
Lembremos: A purificación do templo esperábase que a fixese
o Mesías. Xesús dá cumprimento pleno, como en tantas outras cousas, aos
anuncios proféticos; neste caso Zac. 14,
20-21.
-.-
Capítulo impresionante, nos tres, nos sinópticos, ¿e cal,
non?, tamén foi este no que tratan da autoridade de Xesús:
“Chegaron de novo a Xerusalén, e mentres andaba polo templo,
foron onda el os sumos sacerdotes, letrados e senadores, e preguntáronlle: ¿Con
que autoridade fas estas cousas? ¿Quen che deu tal autoridade? Xesús
respondeulles: Vouvos facer unha pregunta nada máis; respondédema e logo
dígovos eu con que autoridade fago estas cousas. O Bautismo de Xoán, ¿era cousa
de Deus ou dos homes? Veña, ide respondendo. Eles razoaban entre si, dicindo:
“Se respondemos ´de Deus´, vainos preguntar: ´e daquela ¿por que non crestes no
que dicía?´ ¿Responderemos entón: “dos homes”?”. Pero tiñan que andar con moito
tino co pobo, que consideraba profeta a Xoán! (¡Pillados nas súas picardías,
pois na “oposición” só tiñan un, pero..., nada menos que o Fillo de Deus! Así,
pillados en renuncio, contestáronlle a Xesús, evasivamente: “-Non sabemos”.
Xesús devolveulles a pelota: “-Pois eu tampouco vos vou dicir con que
autoridade fago estas cousas”. (Se puidésemos entrar na súa sabedoría, quizás
descubriríamos que, en verbas de hoxe en día, o que lles estaba dicindo é que,
que se fosen á porra, que non merecían o seu ensino!).
-.-
A parábola da viña
é excelente; como todas, por suposto; pero esta ten un algo que nos vén como
anel ao dedo, así que non vou ser tan egoísta como para sobala: Íde
directamente a Marcos, 12, 1-12; ou
a Mateo, 21, 23-46; ou a Lucas, 20, 9-19; e botádelle o seu tempo, pois
convén lela, relela, e meditala.
-.-
Igrexa / Estado. ¡Que pillines aqueles fariseos, e con eles
os herodianos, pero non sabían con quen se metían, que lles daba leccións en
todo, incluso en cidadanía! ¡E logo hai quen ousa dicir que Xesús debera vir
antes! ¡Ai si, ho, cando o pobo elixido, preparado polos Profetas, aínda estaba
así de verde, que se podía mellorar anticipándose? ¡Sería como ensinar a ler a
un neno de teta; primeiro de palabra, e despois por escrito..., cando a
escritura permitiu deixar constancia para a posterioridade, e aínda así, nin apalpando
as verdades aramos dereito!
“Mandáronlle algúns fariseos e herodianos, para pillalo
nalgunha pregunta. Ó que chegaron onda el, preguntáronlle: -Mestre, sabemos que
es sincero, e non andas con miramentos, porque ti non te deixas levar polos
respectos humanos, senón que ensina-lo verdadeiro camiño de Deus. ¿Está
permitido pagarlle a contribución ó César, ou non? ¿Pagámoslla, ou non lla
pagamos? Xesús, decatándose da súa hipocrisía, contestoulles: -¿Por que me
queredes comprometer? A ver, traédeme un denario para que o vexa. E leváronllo,
e el preguntoulles: -¿De quen é esta imaxe e de quen fala esta inscrición?
Contestáronlle: -É do César. Xesús replicoulles: -Pois logo dádelle ó César o
do César, e a Deus o de Deus. Ficaron pasmados”.
Agora pregunto eu: ¿Deus, como poderá haber xente, pobos
enteiros, que, despois de coñecido e divulgado o cristianismo sigan aferrados a
unha serie de absurdos e de contradicións; de boa fe, si, douno por suposto,
pero, aferrados, asidos con ferros? ¡A culpa é nosa por non ter explicado,
explicado e aplicado, con xeito, o Evanxeo de Cristo! ¡Tal parece que nos
apetece reter a exclusiva da verdade; pois non, que ese non é o Camiño, afellas
que non; verdade que non, meu Señor Santiago? Agora que o digo, un comentario: ¡Ai
que ver o ben que se leva o clero de Santiago con eses césares da Xunta!
-.-
¿O principal mandamento? ¡Esta si que é a pregunta do
millón! “Un letrado, ..., (letrado, reviravoltas tiña que ser!), preguntoulle:
¿Cal é o máis importante de tódolos mandamentos? Xesús respondeulle: -O
primeiro é: “Escoita, Israel: o Señor é o noso Deus, o Señor é único, e amarás
ó Señor, ó teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o
teu entendemento e con tódalas túas forzas. O segundo é, Amarás ó teu próximo
coma a ti mesmo”. Non hai mandamentos máis importantes cá estes”. ¡Está claro,
pois os outros son desenrolo, consecuencia, destes dous! Pero non remata aquí a
escena pois o letrado (¡mal letrado é o que non duplica ou replica!), insistiu:
“Moi ben, Mestre, estás no certo cando dis que é único e non hai outro fóra
del; e que amalo con todo o corazón, con todo o entendemento e con tódalas
forzas, e ó próximo coma un mesmo, é máis importante do que tódolos sacrificios
e holocaustos. Xesús, vendo que respondera con moito tino, díxolle: -Non estás
lonxe do Reino de Deus. E ninguén se atreveu a facerlle máis preguntas”. ¿Para
que, digo eu, pois naquela resposta ían tódalas preguntas e tódalas respostas
do cristianismo; o saber non ocupa lugar, pero saber e non facer iso é mortal,
sacrílego!
-.-
Os letrados ou escribas eran moi reverenciados polo pobo, e
tiñan dereito ós postos de honor, pero esa superioridade tamén os inducía á
picaresca. (¡Xa daquela!). “El seguía ensinando (ensinando e aconsellando,
diría eu, aprendiz de teólogo!). “¡Coidado cos letrados! Gustan moito de
pasearse con vestidos fachendosos (e menos mal que daquela no había
Rolls-Royce!), e que lles fagan reverencias polas rúas; buscan os primeiros
postos nas sinagogas e mais nos banquetes. E acábanlles cos bens ás viúvas,
facéndose os piadosos. Pero serán xulgados como lles cómpre”. (Aí e nada: polo
Supremo!).
-.-
Os sufrimentos. ¡Alerta, que xa veñen; veñen e
van, porque son inevitables; croios do Camiño! “Estando outra vez sentado no
Monte das Oliveiras, enfronte do templo, preguntáronlle á parte Pedro,
Santiago, Xoán e Andrés: -Anda, dinos cando van pasar esas cousas, e como imos
saber nós que todo isto vai acabar. Xesús empezoulles a dicir: -Estade atentos,
para que ninguén vos extravíe. Moitos virán dicindo: “son eu”, e extraviarán a
moita xente. Cando oiades falar de guerra, ou de rumores de guerra, non vos
alarmedes; teñen que vir, pero aínda non será a fin. Erguerase pobo contra
pobo, reino contra reino; haberá terremotos e fame en diversos lugares; será o
comezo de grandes sufrimentos. Vós tede moito coidado, porque vos entregarán ós
tribunais e máis ás sinagogas; zorregaranvos duro e hanvos levar ante reis e
gobernadores pola miña causa; así
daredes testemuño ante eles; De por parte cómpre que a Boa Nova se anuncie
por todas partes. E cando vos leven para vos entregaren, non andedes agoniados
polo que ides dicir; falade como vos veña a idea no momento, porque non
seredes vós, senón o Espírito Santo quen fale. Haberá irmáns que entreguen aos
seus irmáns á morte; pais, que entreguen aos seus fillos; fillos, que denuncien
aos seus pais, ata os faceren matar. Pola miña causa seredes aborrecidos por
todos, pero o que persevere ata o final,
ese hase salvar!”.
Señor, polo que a nin respecta,
agora que estou de Camiño, préstame o teu báculo!
-.-
A muller, “báculo da Igrexa”, e os homes facendo por
arredala, pero tempos virán, volverán...! “Estando Xesús en Betania, na casa de
Simón o Gafo, recostado na mesa (costume naqueles tempos) chegou unha muller
con un frasco de alabastro cheo de perfume de nardo puro, moi caro; rompeu o frasco
(debe estar mal traducido: será que o destapou) e unxiulle a cabeza. Algúns dos
convidados comentaban indignados: -¿Pero a que vén este estrago de perfume?
Podíase vender en trescentos denarios, e repartírllelos os pobres. E
alporizábanse contra ela. (¡Coido que non era precisamente polos pobres, senón
porque o xesto, aquela adoración, viña dunha muller, que se metía onde non a
chamaban, miña pobre!) Pero Xesús dixo: -Deixádea, ¿por que a molestades? Ben
está o que fixo comigo. Ós pobres tédelos sempre entre vós, e podédelos axudar
cando queirades; pero a min non me ides ter sempre. Ela fixo o que puido.
Adiantouse a unxi-lo meu corpo para o enterro. Asegúrovos que onde queira que
se anuncie a Boa Nova, polo mundo enteiro, falarase, para honra dela, do que
acaba de facer”.
¡Falar, falouse, e nos Evanxeos quedou, pero eses
Cardeais..., acaso por vellos, esquécense de que son fillos dunha muller, dunha
muller que os unxiu, nada menos que nove meses, co seu líquido amniótico!
-.-
¡Vaia desgraza, que nunca falta un Xudas, e xa non sexa un
cento deles! “Xudas Iscariote, un dos
Doce, foi onda os sumos sacerdotes, para lles entregar a Xesús. Eles
alegráronse moito do que lles propoñía, e prometéronlle cartos. Andaba buscando
o momento axeitado para entregalo...” Non podo evitalo: Dáme pena de Xudas, de
tódolos xudas, que boa desgraza teñen con selo! ¿Que sería del? ¡É unha
curiosidade, das importantes, que a levo na maleta!
-.-
Nos cadros da Última Cea non pintan ás mulleres; ¿estaban na
cociña, ou na casa do lado? Na miña parroquia, en Montecubeiro, os homes
tiñamos bancos, á esquerda, ¡para sentarnos!, e as mulleres cadeiras, á
dereita, ¡para axeonllarse! ¡Obvio, os catedráticos, as da cadeira, eran elas!
Isto tiña que teclealo de xeonllos, pero o ordenador non
entende de xenuflexións. “Mentres estaban comendo, Xesús colleu pan, deu
gracias, partiuno e déullelo, dicindo: -Tomade, isto é o meu corpo. E collendo unha copa, dando gracias tamén,
pasóullela, e todos beberon dela. Díxolles: Isto é o meu sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos”.
¡Agora tócame dicilo: Señor, eu
non son digno..., PERO QUERO RECIBIRTE, EN MEMORIA TÚA! Hoxe, baixo as especies
sacramentais, e no seu día recíbeme Ti, presentado por Xosé e por María, que así me bautizaron!
-.-
“Despois de cantaren os Salmos... (Non só bendiciron a Mesa
senón que cantaron os Salmos, e nós, a imitación súa, que? Nesta vosa casa
sempre a bendicimos..., nas grandes ocasións!), saíron para o Monte das
Oliveiras. Díxolles Xesús: Todos ides tropezar na vosa fe, como está escrito:
Ferirei ó pastor e espallaranse as ovellas. Pero cando resucite, irei diante de
vós a Galilea. Replicoulle Pedro: Anque tropecen todos, en non caerei. Xesús
respondeulle: Ten por seguro que esta mesma noite, antes de que o galo cante
dúas veces, ti hasme negar tres”.
¡Oh, incomparable Pedro, meu admirado Pedro, que só o
negaches tres veces; agora ponte deste lado, do meu...! A outra diferencia é
que ti choraches; pídelle ao Mestre, de parte miña, que me inunde en bágoas...,
das miñas!
-.-
“-Simón, ¿dormes? ¿Seica non podedes velar unha hora tan
sequera? Estade atentos e rogade, para que non se vos someta a tentación. O
espírito está disposto, pero a carne é débil”.
¡E tanto que o é; por min opino; que aínda non espertei! A
ver se con esta visita a Santiago, con tanto apostolado como alí se respira...
-.-
Xesús, na finca chamada Xetsemaní, nesta ocasión, para que
se cumprisen as Escrituras, obrando como home, na mentalidade do home, do
propio Fillo de Deus sufrinte, sacrificado por toda a humanidade, en redención
dela, tremeu, ¡como non, infinito pois infinitas eran as culpas alleas, a
redimir na súa persoa! “Abba, meu Pai, ti pódelo todo, arreda de min este
cáliz. Pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti”. Non é que non
estivese disposto, xenerosamente disposto, senón que, en canto home, todo
aquilo que se lle viña encima era abafante, desgarrado, terrible, indicible.
¡Meu Deus, e todo iso, gran parte diso, mea culpa! Para que nós volvésemos ao Paraíso
Ti coa cruz, na cruz! Porque iso foi a
Redención: ¡Retornarnos ao Paraíso; puros, non; purificados, si!
-.-
“Tamén había mulleres mirando desde lonxe; (¡Porque non as
deixaban achegarse aqueles machistas, obviamente, pois o que é por elas..., tan
de cerca coma a Verónica); entre elas (¿Elas? Logo eran varias, máis que as
citadas), María Magdalena, María a nai de Santiago o Menor e de Xosé, e mais
Salomé, que o seguían e servían cando estaba en Galilea; e moitas outras (¡Iso:
moitas!), que subiran con el a Xerusalén”.
-.-
Nota histórica
Tendo como fonte os Evanxeos, confirmados por traballos
arqueolóxicos, a tumba estaba situada nun xardín próximo á rocha (montaña, ou
montículo). Os Evanxeos din, lugar, -onde foi a crucifixión, chamado
orixinalmente Gólgota, e despois Calvario (lat. Calvaria, calavera), ou en
grego kranion (cráneo). Este lugar estaba próximo á muralla herodiana da cidade
de Xerusalén, e incluso comunicado con ela por unha rúa, pero extramuros, xa
que as normas xudías prohibían os enterramentos intramuros, salvo para o caso
dos Reis.
-.-
Os
discípulos, -dedúcese-, seguían aterrados, fuxidos ou fuxidíos, loxicamente por
medo as represalias, pero as mulleres, ¡o afecto e maila tenrura femininas, que
as afoutaban!, tiveron azos, así que, “Pasado o sábado, María Magdalena, María
de Santiago, e mais Salomé, mercaron perfumes para iren embalsamalo. E moi
cedo, no primeiro día da semana, despois da alborada, foron ó sepulcro. Ían
comentando entre elas: -¿Quen nos vai arreda-la lousa da entrada do sepulcro?
Pero, erguendo a vista, descubriron que a lousa estaba arredada, e iso que era
moi grande. Entrando no sepulcro viron un mozo vestido de branco, sentado no
lado dereito, e quedaron espantadas. Pero el díxolles: -Non vos espantedes.
¿Buscades a Xesús Nazareno, o crucificado? Non está aquí. Resucitou. Mirade o
lugar onde o puxeron. Agora ídelles dicir ós discípulos (¡elas; elas a eles!) e mais a Pedro que El vai diante de vós a
Galilea; alí o veredes, como vos ten
dito”. Elas saíron fuxindo do sepulcro, pasmadas e tremendo; e non lle
contaron nada a ninguén, do medo que tiñan”. (O evanxelista di “medo”
seguramente porque non atopou outra verba máis axeitada, máis descritiva, pero
eu, e Deus me libre de corrixirlle a plana, coa linguaxe actual máis ben diría
que, atónitas!
-.-
Aínda
queda moito de Marcos, moito e importante, pero teño a Lucas, outro dos grandes, agardando pola súa quenlla; ademais de
evanxelista, séxase, testemuña fiel, patrón de Médicos e de Artistas.
O
profundo senso social que anima o Evanxeo de Lucas agroma por todas partes,
tanto falando dos deberes chamados de estado como dos comportamentos sociais en
xeral. Por algo lle chaman, o Evanxeo dos pobres, porque aparecen sempre como
amigos preferidos de Xesús.
-.-
Comeza
deténdose en particularizar o nacemento do Bautista, colaborador e parente de
Xesús, (súas nais eran primas), para achegarse logo a Belén, de onde arranca a
cristoloxía: “Ós seis meses (do milagre de Isabel) Deus mandou ó anxo Gabriel a
unha vila chamada Nazaret, onda unha mociña prometida (só prometida) a un home
da casa (da descendencia) de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era
María. Entrando onde estaba ela, díxolle: Alégrate, chea de gracia, o Señor
está contigo. ... María contestou: -Velaquí a escrava do Señor: cúmprase en min
o que dixeches. E o anxo marchou de onda ela”.
¡Xa
temos Avogada, xa temos protectora, xa temos Nai; de Xesús, Fillo de Deus, e
como tal, igualmente Deus, segunda persoa da Santísima Trindade, pero, á vez,
por aquel designio do Calvario, Nai adoptiva de toda a humanidade! ¡Oh, María,
sen pecado concibida, rogade por nós, que recorremos a vós!
¡Creu, e admitiu!
¡Raíña, non houbo coroación máis excelsa cá túa;
desde aquel intre, Raíña do mundo,
xeración tras xeración!
-.-
“Envolveuno
nuns capizos e deitouno nunha manxadoira, na corte das bestas, porque dentro da
pousada non había lugar para eles”.
¡Sublime
lección de humildade, no propio Fillo de Deus; cabe lección máis conmovedora?
Pero..., nin con esas, tal é a nosa soberbia; luciferina, por suposto!
-.-
¡Máis
humildade, máis: foron os pastores levarlle o cesto á Virxe! “Había naquela
comarca uns pastores que pasaban a noite ó descuberto, vixiando o seu rabaño.
Presentóuselles un anxo do Señor, e a gloria do Señor rodeounos co seu
resplandor. Eles levaron un gran susto, pero o Anxo díxolles: -Non vos
asustedes, que vos veño anunciar unha boa nova: vai haber unha gran alegría
para todo o pobo. Hoxe, na vila de David, naceuvos un Salvador, o Mesías,
Señor. Este é o sinal: atoparedes unha criatura envurullada e deitada nunha
manxadoira, nunha corte. E, de súpeto, arredor do anxo apareceu unha multitude
do exército celestial, que louvaba a Deus dicindo:
¡Gloria a Deus no Ceo
e na terra paz ós homes
que gozan do seu amor!
Cando os anxos se retiraron
marchándose ó Ceo, comentaban os pastores entre eles: Vaiamos a Belén ve-lo que
sucedeu, o que o Señor nos manifestou. Foron ás carreiras e atoparon a María e
mais a Xosé, e á criatura deitada na manxadoira. Ó que o viron, contaron todo o
que lles dixeran do meniño, deixando pasmados a cantos escoitaban o que tal
dicían os pastores. María, pola súa parte, conservaba todas estas cousas no seu
corazón. Os pastores regresaron glorificando e louvando a Deus por canto viran
e oíran, tal como lles fora anunciado”.
Aquí, Señor, diante deste ordenador,
onde vou reproducir unha lembranza do Nacemento, acepta a miña adoración,
reproducindo aquel da señora Emilia de Brañas, de Millares, que tanto me
emocionou!
-.-
Simeón. “Vivía naquel tempo en Xerusalén un home xusto e piadoso, chamado
Simeón, que agardaba a restauración de Israel. O Espírito Santo, que estaba con
el, tíñalle prometido que non había morrer sen ve-lo unxido do Señor. Movido
polo Espírito, foi ó templo, e, cando entraban os pais do neno Xesús para
cumpriren o mandado pola Lei do Señor, el, colléndoo nos brazos, louvou a Deus
dicindo: -Agora podes, Señor, segundo a túa promesa, despedir en paz ó teu
servo, porque xa os meus ollos viron o teu Salvador, o que preparaches para
tódolos pobos: luz de revelación para os xentís e gloria do teu pobo
Israel”.
Simeón viuno antes de morrer, pero eu, á distancia, pido, suplícolle ao
Neno, que me deixe entrar no templo definitivo, no do Ceo. ¡Amén!
-.-
Falando do templo, volvamos ao templo buscando o seu abeiro, a súa luz, o
seu ensino: “... E resulta que, ó cabo de tres días, atopárono no templo,
sentado no medio dos doutores e dialogando con eles. Tódolos que o escoitaban
estaban asombrados do seu talento e das súas contestacións. Ó velo, ficaron moi
impresionados, e súa nai preguntoulle: -¡Meu fillo! ¿Como te portaches así
connosco? Mira que teu pai (por Xosé) e mais eu andamos cheos de angustia en
busca túa. El respondeu: -¿E logo por que me buscades? ¿Seica non sabiades que
teño que estar na casa de meu Pai? ... Xesús medraba en estatura, en sabedoría
e en gracia diante de Deus e mais dos homes”.
Axudaba na carpintería, por suposto, pero o seu Oficio era Divino; tíñanse
que ir afacendo a considerar que El viña de Doutor dos doutores, de Mestre
absoluto.
-.-
O capítulo das tentación é para ler e reler, pois só así nos decataremos da
importancia que ten encomendarse a Deus cando nos tenta a soberbia e demais
vicios. Nas tentacións opera a nosa liberdade, así que, se a usamos para mal,
pecando estamos. Señor, non nos deixes caer na tentación, e líbranos do mal...,
do mal e do maligno, pois del nos veu o mal!
-.-
Chegou a Nazaret, onde se criara, e o sábado entrou, como estaba afeito, na
sinagoga. Ergueuse para face-la lectura, e déronlle o libro do profeta Isaías.
Abriuno e atopou unha pasaxe que dicía:
O espírito do señor está sobre min,
porque El foi quen me unxiu
para proclamarlles a Boa Nova ós pobres.
Mandoume para a anunciarlles a liberación
ós secuestrados,
e a vista ós cegos,
para darlles liberdade ós asoballados,
e proclamar o ano de gracia do Señor.
“... Hoxe cúmprese diante de vós
esta pasaxe da Escritura”, etc., etc. ¡Aínda non chegara á idade da súa vida
pública, pero non acougaba sen predicar, consciente da falta que lles facía
oílo, así que a sona de Xesús foise estendendo por tódolos lugares daquela
terra! ¡Era o natural: Coñecíano, pero custáballes entendelo!
-.-
Aprendamos, aprendamos, que sempre nos queda moito que aprender. “E
púxolles unha comparanza: -¿Acaso poderá un cego guiar a outro cego? ¿Non
caerán os dous na fochanca? Non está o discípulo por riba do mestre, anque todo
discípulo que chegue a prepararse ben, será coma o seu mestre. ¿Por que reparas
no lixo que hai no ollo de teu irmán, e non te decatas da trabe que está no teu
propio ollo?”
¡Que humano, que frecuente, iso de non ver a nosa propia trabe, e sentímonos
mestres sen pasar de alumnos! ¡Maldita soberbia!
-.-
A fe do Centurión, e iso que era pagán. “Abonda cunha palabra túa, e o meu
criado quedará curado”. ¿Por que será que adoita entrarnos o sono cando
escoitamos as homilías? ¡É a palabra de Deus, pero, resistímonos, e iso que
temos enfermos na casa, comezando por nós mesmos!
-.-
Cantas máis mulleres atopo nos Evanxeos máis me pregunto por que tardamos
tanto tempo en recoñecerlles a súa función apostólica, evanxélica. Eu mesmo
abrín os ollos dun palmo, que ata me esvararon as gafas, cando vin, aquí na
miña igrexa de San Pablo, que o Párroco as autorizaba para repartir a eucaristía.
“Despois disto púxose a percorrer vilas e aldeas, predicando e anunciando a
Boa Nova do Reino de Deus. Ían con el os doce e mais algunhas mulleres que el
curara de doenzas e de malos espíritos: María, chamada Magdalena, Xoana, a
muller de Cusa, administrador de Herodes, Susana, e outras moitas que o servían
cos seus bens”.
¿De Amas de Cura, si, pero de Curas, non? ¡Ai, mulleres, mulleres, que
dóciles sodes, pois eu, na vosa fangela, tede por seguro que me ía a Roma, cos
Evanxeos na man, e alí comportaríame dun
xeito parecido a como fixo Moisés coas táboas nas que levaba escrita a Lei!
-.-
Nunca sobra repetir, aclarar, esta pasaxe, xa que tanto sorprende aquel
xeito, medio infantil, de explicarse con contos, con parábolas: “A vós
concedéusevos coñece-los misterios do Reino do Ceo, pero ós outros unicamente
en parábolas, de xeito que, vendo, non ven, e escoitando, non entenden”. A
Lucas faltoulle engadir (para nós): ¡Nin así fan por entender! Realmente era un
xeito moi persoal de axudarlles a entendelo, unha bondade máis, pero, nin con
esas..., coas orellas do revés!
-.-
CAMIÑO DE XERUSALÉN
Se agora dicimos que tódolos Camiños levan a Roma, a Roma ou a Santiago,
daquela tiñan a Xerusalén de cabeceira: Alí estaba o templo, alí matarían nada
menos que ao Fillo de Deus, e alí, alí mesmo, faríase visible a Resurrección de
Cristo.
Cando ordenou aos setenta e dous, “... e mandounos de dous en dous por
diante del a tódalas vilas e aldeas onde tiña pensado ir. Díxolles: ... Ide e
sabede que vos mando como años entre lobos...” Como años entre lobos andarán
sempre os Apóstolos, os predicadores da Boa Nova, porque..., están na terra
deles, na terra dos rebeldes, e non somos doados de domar! ¡Seino por min
mesmo, tantos predicadores que levo tido, e aínda así...!
-.-
Marta e María; coma quen di, a leiga e maila monxa, que as dúas eran / e
son necesarias, útiles. “Cando ían de Camiño, entrou en certa aldea, e unha
muller chamada Marta acolleuno na súa casa. Esta tiña unha irmá chamada María,
que sentada ós pés do Señor, escoitaba as súas palabras. Marta, en troques,
estaba moi apurada co labor da casa; e achegándose a el, díxolle: -Señor, non
che importa que miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha
man. Pero o Señor respondeulle: Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con
tantas cousas, pero soamente unha é a necesaria. María escolleu a mellor parte,
e esa nunca se lle vai quitar”.
A prevalencia da oración, por suposto, fronte aos
outros afáns. ¿Non vemos nesta María un anticipo da muller sacerdote? ¡Eu véxoa
así, pero..., tempos traen tempos!
-.-
Os dilectos, os nenos, pola súa inocencia, claro! “E levábanlle tamén os
meniños para que os tocase. Pero os discípulos, (tomándoo a molestia),
rifábanlles. Entón Xesús chamounos e dixo: -Deixade que os nenos se acheguen a
min: non llelo privedes, porque dos que son coma eles é o Reino de Deus.
Asegúrovos que aquel que non reciba como un neno, o Reino de Deus non entrará
nel”.
-.-
O perigo das riquezas, presente nos Evanxeos.- “Tende por seguro que
ninguén que deixa casa, ou muller, ou irmáns, ou pais, ou fillos, polo Reino de
Deus, non pasará sen recibir agora cen veces máis, e no futuro a vida eterna”.
A isto se veñen acollendo os Curas, pero mal interpretado, pois deixar de
ter familia, deixar de ter fillos para ter “sobriños”, non é ningún gaño senón
unha falsidade. ¡Hai que aprender a ler!
-.-
¡Señor, eu tamén, que tamén vou de Camiño,
tamén quero ir, contigo, por días de vida! Contóunolo Lucas con todo detalle,
así que o vou ler, tres ou catro veces, para que nunca máis volva a levar
comigo a Xesús de Nazaret, resucitado, explicándome os Evanxeos, e eu sen
sabelo, sen decatarme!
“Aquel mesmo día dous deles ían camiño de Emaús, unha aldea que está a uns
dez quilómetros de Xerusalén. Ían falando de canto pasara. E resulta que
mentres parolaban e discutían, Xesús en persoa, achegouse, e camiñaba canda
eles. Pero os seus ollos estaban incapacitados para recoñecelo. Entón
preguntoulles: -¿De quen ides falando polo camiño? Eles pararon cun aspecto moi
tristeiro, e Cleofás, un deles, respondeulle: -¿Seica es ti o único forasteiro
en Xerusalén, que non sabe nada do que pasou alí durante estes días? El
preguntou: -¿De que, logo? Eles contestaron: -Do asunto de Xesús o Nazareno,
que foi un profeta poderoso en obras e palabras, ante Deus e ante o pobo todo;
de como os nosos sumos sacerdotes e demais xefes o condenaron á morte e o
crucificaron. Nós esperabamos que el fose quen liberase a Israel; pero xa van
alá tres días desde que pasaron estas cousas. Claro que algunhas mulleres das
nosas déronnos un susto, porque foron ó risca-lo día ó sepulcro. E, ó non
atoparen o corpo, volveron falando dunha visión de anxos, que lles aseguraron
que el vive. E algúns dos nosos alá foron ó sepulcro, atopando todo como as
mulleres dixeran; (¡quen lles ía crer sendo mulleres!); pero a El non o
viron. Entón díxolles: -¡Que parvos e lentos sodes para crer todo o que
anunciaron os profetas! E logo, ¿non cumpría que o Cristo padecese todo isto,
antes de entrar na súa gloria? Comezando por Moisés, e con tódolos profetas,
foilles interpretando o que as Escrituras falaban del. Ó entraren na aldea onde
ían fixo coma quen quería seguir para adiante, pero eles porfiáronlle, dicindo:
Quédate connosco, porque se fai tarde, e a noite bótase enriba”.
¡Deus, que se nos bota a noite enriba, a noite da
morte, e nós, uns cantos, eu entre eles, aínda con dúbidas! Por favor, acende a
túa lámpada, iso, antes da noite irremisible!
“Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendíxoo,
partiuno e déullelo. (¡Comungaron!). Entón abríronselles os ollos e recoñecérono,
pero El desapareceu. Dixeron: ¿Non ardía o noso corazón cando nos falaba polo
Camiño, interpretándono-las Escrituras? E levantándose no intre, volveron a
Xerusalén. (¡Coa noite pecha, que non lles importou!). Alí atoparon ós Once
reunidos cos seus acompañantes, que dicían: -É certo, o Señor resucitou e
aparecéuselle a Simón. Eles tamén contaron o que lles pasara polo camiño, e
como o recoñeceran no parti-lo pan”.
¡Todo está no pan..., xa que no pan se quedou, no da Eucaristía!
-.-
A aparición / as aparicións aos Apóstolos tamén é un relato denso.
Edificante e denso. Como di o meu cura pola Folla parroquial: ¡Convén levalo
para a casa, e lelo amodo!
-oOo-
Quédanos Xoán, un de tantos Xoán, que, por
certos indicios, os teólogos pensan que foi aquel rapaciño ao que lle deu
Xesús, xa na cruz, a María por nai, en plena adopción. Se foi aquel, que tal
parece, aquí, e así, o representamos:
Sexa quen fose, e
como fose, o que está claro é que as preocupacións deste Evanxelista e a súa
finalidade son máis ben de tipo teolóxico. Sen embargo, non por isto descoida
os datos históricos.
Apuntes: A Lei
deuse por medio de Moisés; a gracia e a verdade realizáronse por Xesús Cristo.
A Deus ninguén o viu; o Unixénito, que está no seo do Pai, foi quen nolo revelou.
Xesús posúe o
Espírito en plenitude, como estaba anunciado no A.T. Por iso pódeo comunicar
aos outros. Esta comunicación faina polo Bautismo co Espírito Santo. Deste
bautismo faláralle Xesús a Nicodemo, e inaugurarao o mesmo Xesús o día de
Pentecostes, e administrárano os Apóstolos a partir dese día. Estes son os
pasos do Camiño.
-.-
“Ó terceiro día
(despois de escollidos os discípulos, os “ministros”) houbo un casamento en
Caná de Galilea, (¡decatádesvos, renegados do matrimonio, que o propio Fillo de
Deus iniciou os seus milagres bendicindo o viño dunha voda, pois iso foi aquela
multiplicación!), e estaba alí a nai de Xesús. Tamén foi convidado Xesús e
mailos seus discípulos ó casamento. Chegou a falta-lo viño e a nai de Xesús
díxolle: -Non teñen viño. (¡Non aguantaba sen pedirlle milagres; que conste, e
que nos conste!). Replicoulle Xesús: -Muller, ¿que ten que ver iso comigo e
contigo? Aínda non chegou a miña hora. Súa nai (¡que ben sabía a quen tiña na
casa!), díxolles entón ós servidores: -Facede o que el vos diga. ... Foi así
como fixo Xesús o primeiro dos signos en Caná de Galilea; manifestou a súa
gloria, e creron nel os seus discípulos”. ¡Viño de celebración, viño de
premonición!
-.-
Fe imperfecta,
entre outras a miña, que tantos dentes de serra leva tido: “Estando Xesús en
Xerusalén pola Pascua, no día de festa, moitos creron nel, vendo os signos que
facía. Pero, pola súa parte, Xesús non se fiaba deles, porque os coñecía a
todos. Non precisaba que ninguén lle dese información de ninguén, que ben coñecía el o que había no home”. (Vén a ser coma o que ten un terra mala, e en
vez de deixala a silvas, abona e abona, esperanzado en facela boa!).
-.-
¡Atención vellos,
que vai por nós: “Replicoulle Nicodemo: ¿Como pode un home nacer, sendo vello?
¿Pode entrar outra vez no seo da nai e nacer? Respondeulle Xesús: -Con toda
verdade cho aseguro: como un no renaza pola auga e o Espírito, non pode entrar
no reino de Deus. O que naceu da carne, é carne; e o que naceu do Espírito, é
espírito”.
¡No comment, que non fai
falta!
-.-
Pero hai máis, que
máis remacha na ocasión seguinte, completando a predicación simultánea de Xoán:
“Quen vén de arriba, está por riba de todos; quen é da terra, á terra pertence
e da terra fala. O que vén do Ceo, está por riba de todos; do que viu e oíu,
disto dá testemuño; pero ninguén acepta o seu testemuño. Quen acepta o seu
testemuño, confirma que Deus é verdadeiro. Porque aquel a quen Deus mandou,
fala as palabras de Deus, que non dá o Espírito cunha medida limitada. O Pai
ama ó Fillo e púxolle tódalas cousas nas súas mans. Quen cre no Fillo, ten vida
eterna; pero quen non obedece ó Fillo non verá a vida, que a ira de Deus pesa
enriba del”. (Obviamente é unha forma de falar para estimularnos, pois Deus non
é irado, ¡nin quere, nin pode, xa que é verdade, verdade amorosa, e como tal
verdade, xustiza, xusticeiro; ecuánime pero xusticeiro!).
-.-
O encontro coa
Samaritana é de película. ¡Un dicir, pois os feitos históricos, pola súa
natureza e importancia, son irrepetibles; nada tan ridículo como asumir as
personalidades históricas, de seu inimitables, e menos a distancia, por un
simple actor, por moi de carácter que sexa!
“Necesitaba pasar
pola Samaria. Chegou, logo, a unha cidade da Samaria chamada Sicar, preto do
terreo que lle deixara Xacob ó seu fillo Xosé. Estaba alí o pozo de Xacob. E
Xesús, canso do camiño, (¡dos Camiños, de tanto predicar para xordos, coma
aquel frade de quen se dixo: Predícame frade, que por un oído me entra e por
outro me sae!), sentou onda o pozo. Era ó pé do mediodía. Chegou unha muller de
Samaria sacar auga. E Xesús díxolle: Dáme de beber. Os seus discípulos foran á
vila, mercar comida. Preguntoulle entón a muller samaritana: -¿Como é que ti,
sendo xudeu, me pides a min, muller samaritana, que che dea de beber? (Porque
os xudeus non se levaban ben cos samaritanos). Respondeulle Xesús: -Se
coñecése-lo don de Deus e quen é o que che di “dáme de beber”, ti mesma lle
pedirías a el e el daríache auga viva”.
¿Auga viva? ¡E
tanto! Xesús volvería a falar diso, dese símil, na Festa das Tendas.
“Replicoulle a
muller: -Señor, se ti nin sequera tes caldeiro e o pozo é fondo. ¿De onde
pensas quitar esa auga viva? ¿Seica es ti máis có noso pai Xacob, quen nos deu
este pozo, do que beberon el, seus fillos, e mailo seu gando? Xesús
contestoulle: Todo o que bebe auga desta, terá sede outra vez, pero o que beba
da auga que eu lle darei, nunca máis terá sede: a auga que eu lle darei
converterase dentro del nunha fonte que saltará ata a vida eterna. A muller
suplicou: -Señor, dáme, logo, desa auga para non ter sede, nin ter que vir aquí
por ela. Díxolle Xesús: -Vai chamar polo teu home e volve aquí. A muller
contestou: -Non teño marido. Xesús díxolle: -Falaches ben, dicindo “non teño
marido”; tiveches cinco homes e o que tes agora non é o teu marido. A muller
respondeu: -Señor, vexo que ti es profeta. Os nosos pais adoraron neste monde e
vós dicides que é en Xerusalén onde hai que adorar. Xesús díxolle: -Faime caso,
muller: chega a hora en que nin neste monte nin en Xerusalén adoredes ó Pai.
Vós adorades o que non coñecedes; nós adorámo-lo que coñecemos, pois a
salvación vén dos xudeus. Pero chega a hora, xa é agora, en que os verdadeiros
adoradores adorarán ó Pai en espírito e verdade, pois eses son os adoradores
que procura o Pai. Deus é espírito e compre que os que o adoran, o adoren en
espírito e verdade”.
¡Que ledicia e que
sorte a daquela pecadora falando co Fillo de Deus, pero non o facía a
distancia, pois a fe falaba nela, por ela! Nesa fe,
“Respondeu a
muller: -Sei que está para vi-lo Mesías, o chamado Cristo. Cando el veña hanos
anunciar tódalas cousas. Díxolle Xesús: Son eu, o que está falando contigo.
Nisto chegaron os seus discípulos e chamóulle-la atención que falase cunha
muller. Pero ningún lle preguntou: “Que pretendes?”, ou “De que falas con
esa?”. Entón, deixando a muller o seu cántaro, foi á vila e díxolles ós
veciños: -Vinde ver un home que me dixo todo canto eu fixen. ¿Non será el o
Mesías? ... Moitos samaritanos daquela vila creron nel, pola palabra da muller,
(¡outro apóstolo, esta vez feminino!), que declaraba: “díxome todo canto eu
fixen. Por iso os samaritanos chegados onda el, rogábanlle que se quedase con
eles; e quedou alí dous días. E creron aínda moitos máis polo que el lles dixo”.
¡Deus, que gloria,
e que sorte, ver ao teu Fillo predicándolles aos pecadores; está visto que, na
túa bondade desbordante, acodes a onde máis te necesitamos, así sexa en terra
inimiga, hostil!
-.-
Testemuños:
“Eu teño un
testemuño máis importante có de Xoán, pois as obras que o Pai me encargou de
levar a cabo, esas obras que eu fago, dan fe de que eu son un mandado do Pai. E
o Pai, que me mandou, dá testemuño en favor de min. Pero vós non oístes nunca a
súa voz, nin víste-lo seu rostro e tampouco conserváde-la súa mensaxe entre
vós, porque non credes naquel que el mandou. Estudiáde-las Escrituras coidando
que nelas tendes vida eterna: pois esas son as que testemuñan a favor miña e
vós non queredes vir a min, e así ter vida. Mais se non fiades nos seus
escritos, ¿como ides crer nas miñas palabras?”.
Señor, eu quero
crer, ¡vaia se o quero!, o que pasa é que os quereres terreos tiran tan forte
de min que..., que me torzo por veces! Dáme, préstame, o teu báculo da verdade
para seguir polo Camiño correcto,
sen retrocesos, sen caídas, sen erros, sen desviacións!
-.-
O discurso do pan
da vida: Xesús, que utiliza unha vez máis a fórmula divina, identifícase co pan
do Ceo, que dá o Pai e que lles convén a eles. Anuncia así a Eucaristía:
“Díxolles entón Xesús: Con toda verdade volo aseguro: se non coméde-la carne do
Fillo do Home e non bebéde-lo seu sangue, non teredes vida en vós. Quen come a
miña carne e bebe o meu sangue, ten vida eterna e eu resucitareino no
derradeiro día. Pois a miña carne é verdadeira comida e o meu sangue é
verdadeira bebida. Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, permanece en min
e eu nel. Así como o Pai, que me mandou, vive e eu vivo polo Pai, así tamén
quen me coma vivirá por min. Este é o pan que baixou do Ceo”.
Meditemos e
comunguemos, PERO..., en graza de Deus, arrepentidos, que outra forma non hai
de recibir ao Redentor. ¡Iso, de recibir
ao Redentor, pois, para ir xunto del, primeiro visítanos a nós, e co indignos
que somos!
-.-
“Entón eles preguntáronlle:
-¿Onde está teu Pai? Xesús respondeulles: -Nin me coñecedes a min, nin a meu
Pai; se me coñecésedes a min, coñeceriades tamén a meu Pai”.
Señor, ben sabes
que as tebras do mundo, deste mundo que se fixo tenebroso pola herdanza do
pecado, por veces escurécenme o Camiño. Segundo no coche teño faros, pídoche
de xeonllos que non se apague en min aquela candea que acenderon meus
padriños, no me bautizo, na igrexa de Montecubeiro. Se me salvo, algún día
poderei presentarme ante eles, que seguro os tes no Ceo, para darlles as grazas
polo inestimable obsequio de acristianarme!
-.-
Curación dun cego
de nacemento. Era crenza común entre os xudeus que todo mal é consecuencia dun
pecado. Xesús vailles dicir que, se é
verdade que o mal está no mundo polo pecado, non o é que todo mal físico
veña dun pecado. “Ó pasar, viu a un cego de nacemento. Entón preguntáronlle os
seus discípulos: -Mestre, ¿quen pecou, para que nacese cego: el ou seus pais?
Xesús respondeu: -Nin pecou el nin os seus pais, senón que está cego para que
se mostren nel as obras de Deus. Precisamos face-las obras do que me mandou
mentres é día; está a chega-la noite, e daquela ninguén pode traballar. Mentres
eu estou no mundo, son a luz do mundo. Dito isto, cuspiu na terra e fixo lama
co cuspe, e untouna polos ollos do cego, Etcétera.” ... Oíu Xesús que o botaran
fóra, buscouno e preguntoulle:-¿Cres ti no Fillo do Home? El respondeulle: -¿E
quen é, Señor, para que crea nel? Díxolle Xesús: Éche o mesmo que estás vendo e
que está a falar contigo”.
Deus, eu vexo,
pero máis ben cos ollos da carne, con gafas; por iso douche as grazas, que peor
podía estar, pero tamén preciso abrir os ollos da alma; e de abertos, ensinar a
andar aos cegos, a eses cegos que palpan, coma min, os teus milagres, pero, nin
con esas...!
-.-
Lázaro. “Díxolle
Xesús:-Eu son a resurrección e a vida. Quen cree en min, aínda que morra,
vivirá; e todo o que vive e cre en min, non morrerá endexamais. (Non morrerá,
non se perderá definitivamente). ¿Cres ti isto? Ela respondeu: Si, Señor: eu
creo que ti e-lo Cristo, o Fillo de Deus, que había de vir ó mundo”.
¡Pero como somos
de cerrados, como nos adurmiñou aquel pecado, o orixinal, que necesitamos
ducias de milagres para decatarnos de que Xesús viña de onde viña, e era quen
realmente dicía ser!
-.-
Retorcidos aqueles
xudeus..., e nós tamén! “Pero algúns dixeron: “E logo este, que deu vista ós
ollos dun cego, ¿non podía facer que non morrese?” ¡Ben lles aguantou Xesús,
ben, ata o incrible!
-.-
¡Tres anos de
milagres continuos, e de explicacións baixo tódalas fórmulas da didáctica máis
perfecta, e aínda seguían verdes aqueles fariseos! “Xesús gritou (Se non fose
quen era, cabía pensar que foi un verro de desesperación pola esterilidade da
súa predicación): -Quen cre en min, realmente non cre en min, senón naquel que
me mandou. Eu son luz que veu ó mundo para que todo o que cre en min non
permaneza nas tebras. Se alguén escoita as miñas palabras e non as garda, eu non o xulgo, pois non vin
para xulga-lo mundo, senón para o salvar.
Quen me despreza e non recibe as miñas palabras, ten quen o xulgue: a palabra
que eu falei hao xulgar no derradeiro día. Porque eu non falei pola miña conta,
senón que o mesmo Pai, que me mandou, deume a encomenda do que debo dicir e de
como debo falar. Por iso, as cousas que eu falo, fáloas como mas dixo o Pai”.
Reflexión: A
misión de Cristo é salvadora, pois é a mesma misión do Pai. Pero o home pode
aceptar ou non a palabra de Xesús. Se a acepta será un fillo da luz, e a salvación de Cristo farase realidade nel; pola
contra, se non a acepta, será un fillo da tebra, e a palabra rexeitada será un argumento contra el. ¡Quedamos
advertidos!
-.-
“Comprendéde-lo que fixen convosco?”. ¡Eu
dubídoo, pois, se atinásemos a comprender este signo de humildade, sería a
mellor vacina contra este mal infernal da soberbia! ¡O pelo váisenos, pero a
soberbia queda, herdámola!
-.-
O mandamento novo,
que por certo xa o temos medio esquecido: “Cando saíu, dixo Xesús: Agora queda
glorificado o Fillo do Home e Deus queda glorificado nel. Se Deus queda
glorificado nel, tamén Deus o glorificará a el e hao glorificar axiña. Meus
fillos: só un pouquiño estarei convosco. Habédesme buscar, pero, como lles
dixen ós xudeus, dígovolo a vós agora: “onde vou eu, vós non podedes vir”. Douvos un mandamento novo: amádevos uns
a outros; como eu vos amei, amádevos tamén entre vós. Nisto coñecerán todos que
sóde-los meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros”.
-.-
Xesús, Camiño cara
ao Pai. “Xesús respondeulle (a Tomé): Eu son o Camiño, a Verdade e a Vida;
ninguén chega onda o Pai mais que por min. Se me coñecésedes, coñeceriades
tamén a meu Pai; anque xa desde agora o coñecedes e o tedes visto”
Neste pasaxe,
Xesús preséntase como o Camiño, a Verdade e a Vida. É o Camiño, como é a porta, porque non se pode chegar ao Pai
prescindindo de Xesús. É Verdade
porque nos revela fielmente ao Pai. Xesús é a Vida porque pode dá-la súa e recollela, dar vida eterna a quen
quere, e porque quixo o Pai que teña vida pola súa conta.
-.-
A promesa do Espírito.
“Díxenvos estas
cousas mentres estaba convosco, pero o Paracleto, o Espírito Santo que meu Pai
mandará no meu nome, ese havos ensinar todo, e traeravos á lembranza canto
eu vos dixen. Déixovo-la paz, dóuvo-la miña paz: eu non vola dou como o
mundo a dá. Non vos agoniedes, nin teñades medo”.
Así se explica que
os Evanxeos sexan un milagre memorístico!
CONCLUSIÓNS
DE SAN XOÁN
“Este é o
discípulo que dá testemuño desas cousas e o que as escribiu; sabemos que o seu
testemuño é verdadeiro. Hai aínda moitas máis cousas que fixo Xesús, que, se
se escriben unha por unha, coido que o propio mundo non podería conte-lo libros
que se habían escribir”.
Pola miña parte,
perdóame Xoán, e contigo Mateo, Marcos e Lucas, por este extracto tan mínimo
que acabo de facer dos vosos escritos, das vosas referencias; o completo deles
déixolle-los aos Curas, que, como non teñen fillos, están máis abondosos de
tempo. Isto meu foron unhas simples reflexións persoais, coa simple intención
de contribuír un chisco a esa labor apostólica que nos incumbe a tódolos
cristiáns, pois para isto non hai xubilación. ¡Antes ao contrario!
-oOo-
¿Que foi daqueles apóstolos, que fixeron..., ao quedar
orfos, sen o seu Mestre?
¡Tranquilos, que
tamén aquí vou ser breve, ou máis que breve, lacónico. Comezarei así: A Igrexa
en Xerusalén. Primeiro pasos. Con Xesús
resucitado: “... elevouse á vista deles e unha nube quitóullelo da súa vista.
Estando eles fitando para o Ceo mentres El marchaba, presentáronselles dous
homes con vestidos brancos, que dixeron: -Galileos, ¿que facedes ollando para o
Ceo? Este Xesús que vos foi levado de entre vós ó Ceo, ha de volver do mesmo
xeito que o vistes ir”.
“Entón volveron
para Xerusalén desde o monte das oliveiras, que está cerca de Xerusalén:
distante o camiño que se pode facer en sábado. Logo que chegaron, subiron ó
cuarto de arriba, onde residían Pedro, Xoán, Santiago, Andrés, Felipe, Tomé,
Bartolomeo, Mateo, Santiago o de Alfeo, Simón o Zelota e Xudas o de Santiago.
Todos eles dedicábanse conxuntamente á oración, coas mulleres e mais María a
nai de Xesús e cos seus irmáns”.
Pero, somos once!
Así que..., “sortearon, e (a vacante) correspondeulle a Matías, que formou
grupo cos once apóstolos”.
-.-
“Cando se
cumpriron os días de Pentecostes, estaban todos xuntos no mesmo sitio. De
súpeto, veu do ceo un ruído como dun forte golpe, que encheu toda a casa onde
estaban; e apareceron talmente como linguas de lume, que, repartidas, foron
pousándose unha sobre cada un deles. Quedaron
cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, conforme lles
concedía o Espírito”.
Pedro, encabezando
o apostolado, e todos eles asistidos, ¡transformados!, polo Espírito Santo,
comezou a súa homilía. ¡Aquela si que foi Misa maior! “Israelitas, escoitade:
fálovos de Xesús de Nazaret, home acreditado por Deus ante vós por milagres,
marabillas e sinais que Deus fixo por El entre vós, como vós mesmos sabedes; a
este, entregado conforme ó plan establecido e á previsión de Deus, matástelo
crucificándoo por man de impíos. Pero Deus resucitouno, librándoo das
dores da morte, pois non era posible que ficase baixo o seu dominio”.
A Igrexa avanzaba...!
Comezan a bautizar.
Pedro concluíu: “Saiba, logo, con certeza toda a casa de Israel que Deus fixo
Señor e Mesías a este Xesús a quen vós crucificastes. Ó sentiren isto, quedaron
moi impresionados (¡sería cousa de velos, con aquel deicidio sobre as súas
conciencias, uns por activa e outros por pasiva!) e dixéronlle a Pedro e ós
outros apóstolos: -Irmáns, ¿que debemos facer? Pedro respondeulles:
Arrepentídevos e cambiade, que cada un de vós se faga bautizar no nome de Xesús
para o perdón dos seus pecados, e recibiréde-lo don do Espírito Santo. Porque a
promesa é para vós e mais para os vosos fillos e para tódolos que están lonxe,
tantos como queira chamar o Señor noso Deus”.
-.-
Cos sermóns viñeron os milagres e mailas conversións.
Os martirios, que comezaron con Estevo. A conversión de Saulo (Pablo),
etcétera, etcétera, e así ata hoxe. Pero o que non me pode quedar no tinteiro,
nin extractarse, é a carta de Santiago, que dá para meditar, tamén hoxe. ¿De
cal Santiago, do noso, ou do outro, do Maior ou do Menor? Que o discutan os
teólogos, pero eu estou tentado de chamarlle a esta epístola, “Consellos para
Gallaécicos”, así, por cousas, pois de Galilea a Galicia carácter, materia
común, temos!
Santiago, o servidor de
Deus e do Señor Xesús Cristo, saúda ás doce tribos que están na emigración...
As tentacións.-
Cando vos vexades envoltos en diferentes tentacións, meus irmáns, tédevos por moi
ditosos, porque xa sabedes que aquilo que somete a proba á vosa fe xera
paciencia. Pero compre que a paciencia vaia acompañada de boas obras, de xeito
que sexades perfectos e completos sen fallardes en cousa ningunha.
Se alguén de vós
está necesitado de sabedoría, que lla pida a Deus, que llela dá a todos
abondosamente e sen roñar; e a ese tal tamén lla ha dar. Pero cómpre que pida
con fe e sen dubidar para nada, pois quen dubida é coma as ondas do mar, que o
vento abala e leva de aquí para acolá. Un home así non pense recibir cousa
ningunha do Señor: é un indeciso, un inconstante en tódolos seus camiños.
Que o irmán de
condición humilde se glorie da súa gran dignidade; e o rico, da súa
humillación, porque pasará coma a flor da herba: soérguese o sol coa súa fogaxe
e queima a herba, cáelle a flor e pérdese a súa fermosa aparencia; pois así
mesmiño murchará o rico nas súas empresas.
Benia o home que
resiste na tentación, porque, como a supere, recibirá o premio da vida, que
Deus prometeu ós que o aman. Que ninguén diga ó se ver tentado: “Deus é quen me
tenta”, porque nin o mal tenta a Deus nin Deus tenta a ninguén. A cadaquén
téntao a súa cobiza cando o arrastra e engaiola: despois a cobiza concibe e
pare o pecado; e o pecado, en consumándose, xera morte. Non vos trabuquedes,
irmáns queridiños. Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai
dos luceiros en quen nin hai cambios nin tempos de sombras. Pola súa vontade
tróuxonos á vida coa palabra da verdade, para que fósemos como as primicias das
súas criaturas.
Escoita-la palabra e cumprila.- Xa
o sabedes, meus irmáns benqueridos: que todo home sexa espelido para escoitar,
calmo para falar e calmo tamén para o asaño, porque o asaño do home non leva á
conducta que Deus pide.
Polo tanto,
rexeitando calquera lixume ou resto de ruindade, acollede docilmente a Palabra
enxerta en vós, que pode salva-las vosas vidas. Sede cumpridores da Palabra e
non vos contentedes con escoitala xustificándovos con razóns enganosas. Porque
quen escoita a Palabra e non a pon en práctica é coma o home que se puxo a
olla-la súa propia cara nun espello; mirouse ben nel pero, ó que deu media
volta, esquecéuselle como era. En cambio, quen afonda no coñecemento da lei
perfecta, a que dá a liberdade, e quen se mantén nela, non para a escoitar e a
esquecer deseguida, senón para a poñer por obra, ese será feliz na súa
actuación.
Se alguén se tiver
por home relixioso sendo un badueiro que engana ó seu propio corazón, a súa
relixiosidade sería baleira. A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos de
Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da
contaminación deste mundo.
Distingos nas comunidades. Meus
irmáns, a fe que temos no noso Señor Xesús Cristo, o glorioso, non cadra ben
con certos distingos entre persoas. Entra na vosa asemblea -é un supoñer- un
home cun anel de ouro, vestido con moita galanura, e entra tamén un pobre
vestido con farrapos; se vos fixades no que vai ben vestido, e lle dicides: “ti
acomódate ben aquí”, e ó pobre “ti queda de pé aí”, ou “senta no chan ós meus o
pés”, ¿non estades facendo distincións entre vós mesmos, converténdovos en
xuíces de criterios inicuos?
Escoitádeme ben,
meus irmáns queridiños: ¿seica non escolleu Deus ós pobres deste mundo para
seren ricos na fe e herdeiros do Reino que Deus prometeu ós que o aman? Vós, en
troques, abafáste-lo pobre. ¿Seica non son os ricos os que vos asoballan e os
que vos levan a xuízo? ¿Non son eles tamén os que aldraxan o fermoso nome que
se invocou sobre vós? Facedes moi ben se, con todo, cumprides á perfección a
lei rexia da Escritura que di: “Amarás ó teu próximo como a ti mesmo”.
Pero se andades con favoritismos, pecades, e a lei havos acusar de
transgresores. Porque quen garda toda a lei, aínda que só quebrante un mandato,
ten que responder de todos, pois o que dixo: “non fagas adulterio”, tamén dixo;
“non mates”.
E, se non
adulteras pero matas, xa non compres coa lei. Falade e facede as cousas como
acae a quen a lei da liberdade vai xulgar, pois terá un xuízo sen misericordia
o que non foi misericordioso; a misericordia está por riba do xuízo.
A fe móstrase nos feitos. Irmáns benqueridos, ¿que proveito lle trae a
un dicir que ten fe, se non ten feitos? ¿Acaso o poderá salvar esa fe? Se un
irmán ou unha irmá andan espidos e necesitados de pan de cada día, e vai un de
vós e dilles: “ídevos en paz, quentádevos e fartádevos”, pero non lles dá
aquilo que lle cómpre ó seu corpo, ¿que proveito levan? Pois o mesmo pasa coa
fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne.
Pode dicir alguén:
“ti te-la fe, eu teño os feitos”.- Móstrame a túa fe sen feitos que eu polos
feitos heiche de mostra-la miña fe.
¿Ti cres que só
hai un Deus? –Fas ben, pero iso tamén o cren os demos e mais tremen.
¿Queres entender
dunha vez, parvo, que a fe sen feitos está morta? Os feitos xustificaron ó noso
pai Abraham, cando ofreceu o seu fillo enriba do altar, ¿non si? ¿Fíxaste como
a fe colabora cos seus feitos e como polos feitos a fe chegou á súa madurez?
Así se cumpriu a Escritura que di: “Abraham tivo fe en Deus e iso valeulle a
xustificación”, de xeito que mesmo se lle chamou amigo de Deus. Xa vos
decatades de como son os feitos os que xustifican o home e non só a fe. O mesmo
podemos dicir da prostituta Rahab: ¿seica non a xustificaron os feitos, cando
recibiu os mensaxeiros e os encamiñou logo por outros carreiros? O mesmo que un
corpo sen alento está morto, así tamén a fe sen feitos morta está.
A verdadeira sabedoría.
Meus irmáns, que non haxa moitos de vós que se poñan de mestres; xa sabedes que
ós mestres os han xulgar con maior severidade, porque todos pecamos moitas
veces. Se hai alguén que non falte no falar, ese é un home perfecto, que pode
refrea-lo seu corpo enteiro. Ollade: ós cavalos poñémoslles un freo na boca
para que nos obedezan e así controlámo-lo seu corpo. E o mesmo os barcos: con
seren tan grandes e ir empurrados por ventos tan fortes, gobérnanse cun temón
pequeno cara a onde o temoeiro os quere levar.
Pois outro tanto
pasa coa lingua: ser é un membro ben pequerrecho, pero pode gabarse de grandes
cousas. Aí o tedes: ¡cunha fogueiriña cantas fragas poden arder! E a lingua é
un lume, un mundo de ruindade. A lingua é unha parte dos nosos membros que
contamina o corpo enteiro e, por estar inflamada polo inferno, fai arder ela
tamén, pola súa banda, toda a nosa vida desde os comezos.
Calquera caste de
bestas ou paxaros ou cóbregas ou peixes pode domeala o home e, de feito,
doméaa; a lingua, en troques, ninguén a dá domeado: é un mal sen acougo, cheo
de solimán de morte. Con ela bendicimos a Deus, o noso Pai; e con ela
maldicimos ós homes, creados semellantes a Deus. Dos mesmos beizos saen a
bendición e maila maldición. E isto, irmáns, non debía ser así. ¿É que hai
fonte que polo mesmo picho bote auga doce e auga amarga? Meus irmáns, ¿é que
pode dar olivas a figueira ou figos a videira? E tampouco unha fontela salgada
pode dar auga doce.
¿Quen de vós ten
bo xuízo e experiencia? Pois quen o teña que manifeste coa súa boa conducta as
obras feitas con xuiciosa mansedume. Pero, se téde-lo corazón cheo de celos
acedos e de liortas, deixádevos de fachendas e non andedes mentindo contra a
verdade; esta sabedoría non vén de arriba senón que é da terra, animal,
endiañada. Pois onde hai celos e liortas, dáse tamén alí o descontento e toda
clase de ruindades.
Pola contra, a
sabedoría que vén do Ceo é primeiramente pura e despois pacífica, sinxela,
acolledora, chea de misericordia e de bos froitos, imparcial, sen finximento. O
froito da xustiza seméntana coa paz os que van facendo a paz.
As cobizas fan as divisións.
¿De onde veñen esas guerras, esas
liortas que se dan entre vós? ¿Non será das vosas cobizas, que loitan no
voso interior? Degoirades e non tedes; enrabechádesvos e andades cheo de envexa
e non logrades cousa; combatédesvos e facédesvo-la guerra e non conseguides
porque non o pedides e, se pedides, non recibides, porque pedides só co devezo
de satisfacérde-las vosas cobizas.
¡Desleigados!
¿Seica non sabedes que a amizade con este mundo é inimiga de Deus? E así quen
quere ser amigo deste mundo faise inimigo de Deus. ¿Ou é que coidades que a
Escritura di sen razón aquilo de que “o Espírito que puxo en nós ten arelas
fortes”? Pero meirande é a gracia que nel concede. E por isto di: “Deus
arrepónselles ós soberbios, pero ós humildes dálle-la súa gracia”.
Sédelle, logo, ben
mandados a Deus; facédelle fronte a Satán e arredarase de vós. Achegádevos a
Deus e El achegarase a vós. Lavade as mans, pecadentos, limpade os corazóns,
homes falsos. Apalpade as vosas miserias, poñede o loito e chorade; que o voso
riso se converta en pranto; e a vosa alegría en tristura. Abaixádevos no
acatamento do Señor, que El vos ha soerguer. Non andedes falando mal uns dos
outros, irmáns. Quen fala mal de seu irmán ou xulga a seu irmán, fala mal da
Lei e xulga a Lei; e, se xúlga-la Lei, xa non es cumpridor da Lei, senón o seu
xuíz. Só un é lexislador e xuíz: o que pode salvar e perder. Pero, ¿quen es ti
para xulgares ó próximo?
¡Pobres dos comerciantes e dos ricos!
Reparade agora no que dicides: “hoxe ou mañá imos ir para esta ou aquela cidade,
botaremos alí o ano, negociaremos e teremos beneficio”. Pero, ¡se non sabéde-lo
que vai ser de vós mañá! Porque, ¿que é a vosa vida? Unha fumaradiña que
aparece e desaparece no mesmo intre. En vez diso debiades dicir: “se Deus quere
e chegamos alá, imos facer isto e aquilo”. Pero vexo que vos sodes uns
farfalláns, e semellante fachenda é mala. O que coñece ben que ten que facer e non o fai, comete pecado.
E vós, os ricos,
chorade e berrade polas desgracias que van vir enriba de vós. A vosa riqueza
está podrecida; a vosa roupa chea de couza; o voso ouro e a vosa prata,
enferruxados; e a mesma ferruxe será testemuño en contra vosa e, coma se for
lume, comerá as vosas carnes. ¡Estades atesourando na fin dos tempos!
¡Atención! O xornal que non lles pagastes ós obreiros que vos fixeron a seitura
está clamando e o seu berro chega ós oídos do Señor dos exércitos. Vivistes na
terra cheos de fartura e cebáste-los voos corazóns nos praceres para o día da
matanza. Condenáste-lo xusto e matástelo sen que el vos fixese fronte.
Saber agardar.
Tede, logo, paciencia, irmáns, deica a volta
do Señor. Reparade en como o labrego coa esperanza posta nos preciosos
froitos da terra agarda con paciencia as augas temperás e as serodias. Tede
tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará. Non vos
queixedes, irmáns, uns dos outros, para que non vos sentencien; mirade que o
xuíz está xa á porta. No sufrimento e na paciencia, irmáns, seguide o exemplo
dos profetas que falaron no nome do Señor. Mirade que agora nós chamámoslles
benaventurados ós que aturaron todo. Tedes oído falar da paciencia de Job e xa
véde-la fin que lle concedeu o Señor, porque o Señor é compasivo e
misericordioso.
Sobre todo,
irmáns, non xuredes: nin polo Ceo nin pola terra, nin por cousa ningunha; que o
voso si sexa si e que o voso non sexa non, para que non vos sometan a xuízo.
A oración. ¿Anda magoado
algún de vós? Que rece. ¿Séntese alegre? Que cante salmos. ¿Algún de vós ten
unha doenza? Faga traer ós anciáns da comunidade, para que recen por el,
unxíndoo (extrema unción) con aceite no nome do Señor. E a oración feita na fe
salvará ó enfermo; o Señor fará que se erga e, se tiver pecados,
perdoaránselle. Así que confesádevos mutuamente os voso pecados e rezade uns
polos outros para que teñades saúde. Moito pode a oración teimosa do xusto.
Elías era un home coma calquera de nós; pediu afervoadamente que non chovese e
non choveu nada en tres anos e medio; volveu a pedir, e o ceo mandou auga e a
terra deu os seus froitos.
Meus
irmáns, se algún de vós se arreda da verdade e outro o trae ó bo Camiño, tede
seguro que quen fai que un pecador volva dos seus camiños trabucados, salvará a
súa alma da morte e soterrará unha chea de pecados.
¡Amén!
Semana Santa 1948 en Montecubeiro
Despois destas
reflexións, carguemos coa nosa cruz, e que Deus nos colla confesados. ¡Amén!
Xosé María Gómez Vilabella
-.-
No hay comentarios:
Publicar un comentario