.../...
Xefe, teño un problemiña, digamos que,
didáctico, e o caso é que non sei a onde acudir. Trátase de que preciso un
libro, ou un teólogo, que me explique, que me ensinen a ver, a distinguir, a
interacción existente entre o libre albedrío da persoa e os teus sopros
correctores, tutelares, milagreiros. Eu creo no libre albedrío, cousa certa
pois, de non existir, ti non nos deixarías escoitar a voz, o tirón, do Maligno;
é igualmente certo que, sexa directamente, por imperio da propia Divindade, ou
por delegación, facultades e atribucións, que lles concedes á Virxe María, e
tamén aos Santos, de cando en vez sentimos, palpamos, uns golpes de temón que
nos permiten saír con ben dos tornados deste mar das bágoas.
Todo isto aceptado, demostrable e demostrado, pois tamén creo naquel dito dos vellos teólogos de que ti, Señor, sempre aras dereito aínda que a nosa miopía nos faga ver as liñas como tortas, desviadas. A propósito: ¡Mira que che gustan as curvas pois nada encontrei rectilíneo na Natureza, coa excepción, se acaso, dalgunhas figuras da cristalografía, e para iso trátase máis ben dun efecto óptico que non dunha realidade molecular.
Aceptadas as curvas, en particular as das mulleres... ¡Señor, verdade que as fixeches imitando, pero superando, aos anxos, que che serviron de ensaio previo para modular aquela Eva do Paraíso? ¡Demasiado guapa, que así caeu en soberbia!
Pero deixo as curvas e volvo á interacción, que esa si que é curva, un labirinto delas: Se un pai, por Adán que sexa, non solta da man aos seus cativos, ti, Señor, señor e pai de tódolos pais, íasnos deixar da túa, da túa man? ¡Dubidalo sería tanto como dubidar da túa existencia! Daquela, ¿como se compatibiliza o que antes dixen, como terei que predicarlle a ese próximo, individualista, medio ateo e teimudo, que o de portarse ben para eles é só unha cuestión de comenencia? Tiven un xefe, un de minúsculas, que pola miña parte prefiro que o teñas onde non fagan falta xefes, que dicía a miúdo que ser honrado era o mellor dos negocios. ¿Ve-lo caso? ¡Aquel traficaba coa honradez, seguro que por herdanza ou a imitación dos mercadores do templo de Xerusalén!
A miña, longa, mundana, experiencia, tamén me di que é máis raro que dun bo pai saia un mal fillo que o contrario, un bo fillo dun mal pai. Neste caso, coido que unha das mellores especialidades dos cregos debe ser a de educadores de futuros pais; e quen di, pai, nai está dicindo, pois se algo teño en claro é que non se precisa diferenciar, que xa nos fixeches ti, Señor; diferentes por..., complementarios, só por complementarios!
E por hoxe vou calar, se non mandas outra cousa, Xefe, pois..., non sei se o fago por libre albedrío ou levado da túa man divina, pero ándame na cabeza que debo seguir en busca dese libro das verdades, ou no seu defecto, dun sabio, que me ilustre, sequera nocións, nisto do que che veño falando. En todo caso, ás túas ordes, Xefe; sempre ás túas, pero non me deixes caer na tentación, en ningunha delas, caso de que me falle este albedrío tan..., voluble!
-.-
Xefe, aínda non sei por que algúns, os
belicosos, claro, te chaman "Deus dos Exércitos", cando tan pacífico
es que incluso xeraches un Fillo ex profeso para que puxese paz na terra, para
que nos dese a paz, para que nos recomendase o pacifismo; non o sei, pero
tampouco o preciso, que me consta que só podía ocorrérselles aquilo de,
"Se vis pacem, para bellum", aos mangoneóns romanos, tan ladróns que
ata roubaban mulleres, veciñas, sabinas, para procrear e invadi-lo mundo!
Ti sabes que pasei tres anos de "sorchi" no Ministerio do Exército, e dez naquel Gran Cuartel que era entón África Occidental ¿Española?, onde fun condecorado como ex combatente, porque o fun, sen por iso deixar de ser civil. O de "civilizado", e tamén o de "civilizador", son outra cousa, outros conceptos. Disto, do Exército, si que tiven Seminario, así que non sería usurpación de funcións terme por Capelán do Glorioso Español. ¿Glorioso? A tropa, si, gloriosa, inocentemente gloriosa, pero no Alto Mando houbo de todo; sen ir máis lonxe, aquelas torpezas de Manila, Cavite, Cuba, o desastre de Annual, e un longo etcétera, que culmina na do 36. ¿Torpezas do mando, ou de quen non preveu as consecuencias dun imperialismo trasnoitado? ¡Houbo de todo!
Volvendo ao "tema", que se me escapaba: Seica é lícita a defensa, que tampouco o dubido, aínda que, por veces, non estea claro quen comezou, quen motivou a ofensa. ¿Si, ou non si?
Agora que o penso: ¡A túa arma, Señor, é microscópica, atómica! ¡Incrible, non si? Ámalo todo, por minúsculo que sexa; pulverizas os castelos máis altivos; desafiaches a quen che desfixera o templo do teu Fillo, que ti o reconstruirías..., en tres días! Non che facían falta tres, pero quixeches dar probas aos incrédulos, evidenciar que houbera morte, morte real, abatemento real, con testemuñas de todo tipo, no Santo Sepulcro, mulleres incluídas, pois, coa excepción de Eva, sempre che foron fieis e devotas! ¡Fieis e devotas, Verónicas, pero arredadas dos teus altares por culpa dun machismo egocéntrico, ou que tal mo parece!
Os teus canonazos son de amor, Señor, que xa está dito, pero nunca será demasiado; sempre o foron, pero pides, esixes, como é natural, unha certa correspondencia: ¡Axúdate a ti mesmo, -dis-, e daquela contarás coa miña axuda, co meu amor, co meu sostén na túa conquista da perfección humana; dentro dos seus límites, por suposto! Non te fixen perfecto, -engades e aclaras-, porque daquela serías Deus coma min, e ese privilexio reserveillo, naturalmente, ao meu Fillo, ao Neno de Belén, precisamente para redimi-la especie humana, para upala das súas caídas, para axudarlle a subir ao Ceo.
Eu, miope que son, tiña entendido que, caída, o que se di caída, só houbera unha, aquela do Paraíso, pero, reflexionando, reflexionando, vexo no espello da vida, no meu, pero tamén no dos demais, que somos propensos ás recaídas, ¡salvo que che pidamos que nos prestes a caiada do amor; a de Eros, non, a do Amor Verdadeiro, que esa é un andador perfecto, o único, o que vén de ti, o que seguen aconsellándonos os Cregos cando nos dan a paz; e dánnola para que a repartamos, para que a compartamos; co próximo ante todo, pero cos distantes, tamén!
Na vida hai dous camiños, dous andares: cara a diante, e a ceacú. Imos a mellor, adiantamos, ao persignarnos cada mañá coa cruz do amor, do amor dos amores! E recuamos cando deixamos o amor na cama, no sono reparador, para calzar, sen máis, os calzóns da hipocrisía, do disimulo, do veña a nós o ouro de cada día, aínda que sexa como botín de guerra. Con isto sabido, ben burro debe ser aquel que sae á rúa polo carreiro dos toxos, pois, aínda que presenten chorimas douradas, detrás delas están as espiñas; Cristo xa as levou por nós, as espiñas, na súa, santa, cabeza, así que temos libre, despexado, o camiño do xardín..., e nós sen velo!
¡Concordia (1) parvae res crescunt; discordia máximae dilabuntur! = Coa concordia medra o cativo, o miúdo, pero coa discordia arruínase, incluso, o máis grande!
(1) Agora que me lembro: Concordia, Concordia Carballedo, era miña bisavoa, natural de Vilabade. Avoíña, avoíña bis, se non estás moi ocupada, agora que os de Vilabade teñen ao Cura Manuel, ti fai o favor de axudarlles aos meus anxos a levarme da man, pois como os camiños do país están de asfalto, que é unha materia esvaradía, cadora teño máis perigo de darme unha zoupada, e ben sabes que as caídas dos vellos son atroces, perigosas; ¡igual me colle a morte sen confesar!
Avoíña, ti, que ademais de nacer en
Vilabade, e precisamente por iso, casaches cunha dote do Vicerrei Osorio, ese
Santo que non figura no Santoral, pero que o merece, ¡seguro!, polas súas
virtudes, pídelle a súa recomendación, que tamén me dote..., para ingresar na
confraría do Ceo!
-.-
Teño para min, Señor, que esta noite,
matinando os sete matinares nos meus desvelos, descubrín un secreto da Igrexa
Católica: ¡Preocúpalles / preocúpanos pouco a unidade das igrexas, das
relixións, porque teñen sabido, ou intuído, que, tan pronto se logre a
ecumenidade, un só rabaño cun só pastor, daquela, instantaneamente, acabarase o
mundo, o actual, o coñecido, e teremos o Xuízo Universal, o Xuízo Final! ¡Deus,
canto latín saben os teus pastores, máis que Rómulo e Remo xuntos!
¿Aprenderíano do Papa Franco, que non quixo tomar Madrid daquela que Yagüe e Tella chegaron á Ciudad Universitaria, e iso por dúas razóns: porque era tan medieval que cría na estratexia dos cercos, dos asedios; e tan aforrón que se asustou de ter que manter aquel millón de madrileños de entón, parasitos e centralistas? Sendo así, é hora de que se apeen do burro, de que escarmenten en cabeza allea, pois o que logrou Franco foi que España tivese outro millón, ¡pero de mortos!, cun centralismo centralizado no Pazo do Pardo, tan centrífugo que nunca outro parecido houbera. ¡É o que teñen as leccións mal apresas, mal apresas e mal dixeridas!
Coa túa axuda, Señor, Señor Xeneralísimo dos Exércitos, dos Pacíficos, que son os eficaces, ábrenos os ollos para percibir, para notar, para convencernos de que esas pseudo relixións que nos rodean, a pouco que se lles explique teórica aos seus sarxentos caerán na conta de que as súas ordes están pragadas de erros, de bobadas e de contradicións. Por exemplo, podemos comezar por dicirlles aos musulmáns que iso da prohibición do "jalufo" débese unicamente a que o seu Muhammad, fillo de Abdallah, e neto de Abd El-Muttalib, descendentes de Abraham e de Ismael, oficiando de menciñeiro tivo a ben previr aos seus amigos de que o cocho podíalles ocasionar a morte por tratarse dunha res maldita. Hoxe non hai veterinario que ignore que a triquinose está curada, superada, erradicada, pero hai que dicírllelo e demostrárllelo aos islamitas. Tamén están esoutros, entre tantísimos errantes errados que deambulan por este mundo das ignorancias e dos erros, que teñen por certo que no Ceo só entrarán setenta mil almas. ¡Paiolos, que facedes aí, atusmando, na cola dos aspirantes, se esa cota, de ser certa, xa está rebordada, descantiá, ou é que non sabedes medir nin contar? Incluso a min, servidor, que son un diletante da teoloxía, me parece doada a cuestión: ¿por que eses doutores da Santa Madre Igrexa non celebran un Concilio para tratar dunha sinatura tan importante?
-.-
De día, leo, aínda que sería máis exacto
dicir que estudo, pois todo aquilo que non me parece digno de ser estudado nin
o leo; e de noite, cando me canso de durmir, medito; engúrrome en posición
fetal, e fago por volver ao punto de partida, aló dentro da miña naiciña,
Irene, que con tanto cariño me pariu e criou, que xa o teño dito e recoñecido
mil veces; despois veu a miña presentación no mundo, ante iso que chamaban os
"homes mundanos, malos e perversos" en palabras do Astete, pero, como
xa pasou, pasou!
Sempre se dixo: ¡Quen puidese nacer de novo...! Pois eu, modestia á parte, trato de facelo tódolos días, exactamente ao amencer, que non teño espertador porque non o preciso xa que, desde aqueles tempos nos que tiña que levantarme ás sete para estar nas oficinas do Consejo Supremo de Justicia Militar ás oito, quedoume, supoño que no cerebro, un tic tac inextinguible. Esperto deste xeito, nunca se me ocorre ir á billa para lava-los ollos..., porque sería abrilos, e cos ollos abertos é imposible soñar!
¿Que soño, Señor; que, como, e de que maneira? ¡Eu sei que non che gustan as mentiras, así que, apártame delas, das ocasións de fantasear! Comecei por dicir, por repetir, "ma, ma", e despois saíume aquilo de "pa, pa". A continuación, de tanto aperta-los ollos para concentrarme nas miñas lembranzas, sáenme as bágoas, unhas gotiñas pequenas, que atribúo aos meus pecados, evocando, asemade, aquela auga de socorro da Fonte Grande de Bergland coa que me iniciaron meus avós e padriños. Daquela volvo a sentirme igualiño que cando abriron a ventá do cuarto vello e percibín unha bocallada de aire quente...; ¡claro, estabamos en Agosto! Aquel aire tróuxome recendos de trigo, do trigo da nosa meda, upada na eira á espera dos malles; o que ninguén me dixera anteriormente foi que debía gañar o pan coa suor da miña fronte, pero nunca, nunca, coa suor da fronte do de enfronte! Isto, este consello, esta advertencia, estaba no código educacional de meu pai, ¿perseguido por roxo, un home que rezaba de memoria cinco viacrucis, que aínda nunca lle vin a ningún Crego facer outro tanto, que sempre andan cos papeis na man?
Aló adiante, fóra, ladraban os cans... ¡Eran os portavoces deste mundo que agardaba por min! ¿Para...? ¡Para que ía ser, Señor, que ti ben o sabes, para crucificarme; iso si, pouco a pouco! ¡Se o fixeron co teu Fillo, que non farían comigo, un neno pobre nado nunha casa pobre dun pobre lugar! Pero, coa túa axuda, Señor, coa que me fuches proporcionando, cheguei a vello, que non todos puideron comigo, nin sequera aqueles do Istiqlal! A algún aínda lle temo, e iso que xa morreron moitos daqueles que tan mal me querían, pero queda Satanás, ese matón inmorrente, ese mata almas, que non para de buscarme os puntos débiles para collerme en renuncios, pero teño un arma indefectible, mellor que aquela pistola "Star", aquela que tantos anos levei no sobaco: ¡Et ne nos indúcas in tentatiónem... Sed libera nos a malo! É a mellor arma do teu Exército, non si, Xefe?
Con iso e con todo, ou precisamente por iso, Señor, non lle temo á morte, pois agora sei que iso de morrer é recolle-lo espírito, poñelo en posición fetal, non para volver ao seo materno senón para ser recibido así, acurrunchado, humilde, contrito, purificado, no Ceo, onde nos parirás ti mesmo, Señor, Señor da Eternidade, Deus pai/nai, nun parto de luz, de luz eterna, que iso si que será nacer, nacer na Gloria, nacer ao mundo da Gloria, para sempre e sen inimigos! ¡Amén!
-.-
O tempo tamén o
fixo o Intemporal,
e por iso só corre para os mortais.
-.-
e por iso só corre para os mortais.
-.-
"El ser humano como especie deja
bastante que desear en muchos campos...". Acabo de ler un artigo que
comeza así, dun rapaz que non parece nada torpe, pero eu, que son un vello
obxector, obxecto que non é de todo exacto:
Pantocrator da catedral de Lugo
Fíxonos á súa imaxe, así que, desastrados,
o que se di desastrados, inicialmente non o éramos; pero o que pasou, pasou, e
as consecuencias foron que nos deformamos a nós mesmos, saíndo do Paraíso para
entrar nas cavernas..., e cavernas houbese, pois, ao ir proliferando, os nenos
que non as cavernas, chegaría un momento en que nin cavernas habería, e ata se
subarrendarían, seguro! Por exemplo, aquí en Castroverde só souben de dúas, a
de detrás do castelo, coas súas estalactitas e estalagmitas, que a soterraron
con formigón para abrir ese tramo da DP 1611, e logo a tamén enterrada, só que
esta nunha silveira, do paleolítico superior, coñecida en Bolaño como a
"Cova da Valiña".
Precisamente por desexar, por desexar demasiado, por desexar o prohibido, o inalcanzable, caemos no pozo da miseria, pero iso non significa que estivésemos mal feitos; foi polo contrario, por estar demasiado ben feitos! ¿Non se di que o que máis ten, máis quere? ¡Ao ser humano pasoulle o mesmo, e tanto así que este refrán igual vén daqueles tempos do Paraíso!
En canto a desexar..., tamén eu desexei
posuír á Carmen Sevilla daquela que nos demos un bico; si, de verdade, no
comedor do Casino de Sidi Ifni; pero de aí non pasou a cousa: ¡eu estaba
casado! Aquel desexo foi imposible; foi tan só un chispazo de afecto
instantáneo, circunstancial, unha paixón romántica, platónica e fugaz!
O ser humano, como ser perfectible, xa é de seu perfecto; o que pasa é que imos engorde, tan engorde que o propio Deus, ti, Señor, cansácheste de esperar por nós, e nesa aceleración do perfeccionamento mandáchesnos ao teu Unixénito con instrucións de axudarnos a subi-la costa da vida. Para iso, o teu Fillo subiu por nós a costa do Calvario, sacrosanto servizo, sacrificio perfecto, o único medio posible que se lle ocorreu ao Todopoderoso, proba evidente de que non existía outra vía máis cá da Santa Cruz. ¡Laus tibi, Christe!
Amigo Latorre, ¿en cal campo deixamos máis que desexar? Polo que a min respecta, labraríaos todos, se tivese tempo e lugar, pero..., a miña finitude, que non dá para máis! O que me consola, a miña esperanza, é que, no meu caso, dentro das miñas forzas algo medrei, ou polo menos tentei facelo, cousa que, acollido aos méritos do meu Redentor, igual me sirve para entrar no Ceo, e despois, de estado alí, que Deus me destine de soldado raso, que máis vale iso aí Arriba que baixar de Coronel aos infernos!
-.-
Juán
de Palafox, bispo de Puebla de los Ángeles, antes de selo de Osma, e por tanto,
non tan indirectamente vinculado a Vilabade, seica lle dixo ao seu colega,
tamén vicerrei, Osorio: "O Sacerdote antes que pai, debe ser nai".
¡Si, señor; albízaras! Non sei se o copiou de Palafox, pero o certo é que o
noso Chao Rego, tamén leva moitos anos opinando igual, sen recatarse de
confesalo en público, incluso ampliando o concepto xa que di que o propio Deus,
ti, Señor, máis que Señor es Señora..., a propia, auténtica, Nai da Humanidade!
Como nai amorosa, moito debes sufrir, ¡ao xeito de Deus, claro, e non ao noso, ao dos mortais!, cada vez que se che extravía unha criatura, ou que a abortan, ou que renegan de ti. Ben o dixo o teu Fillo cando lles preguntaba aos fariseos se non era propio abandonar as outras mentres se buscaba a ovella perdida. ¡Pero está iso do libre albedrío, que nos extraviamos porque queremos, porque tira de nós o lobo...! Falando de lobos: o xefe deles era Lucifer, pero saíulle un competidor, tan falsario coma Satán; ¡ai, ho, e non din que, Os ama, Bin Laden! ¡Desde logo, hai amores que matan, que matan a traizón, polas costas, pero tamén é certo que, quen a fogo mata, a fogo morre!
Aqueles reis do século pasado entresacaban os quintos, un de cada cinco, e por veces, todos, a feito, para quitárllelos ás nais e poñelos en perigo de morte, cumprindo, as máis das veces, soberbias monárquicas. Daquela as nais sentían a tráxica frustración dos seus partos. Pero ti, Xefe dos Exércitos Pacíficos, non estás por iso das quintas, senón que nos vas chamando ás filas celestiais unha vez maduros, séxase, a calquera idade. Máis é, que teño claro que isto de que morramos a idades diferentes é porque nos tes aquí abaixo, neste purgatorio terreal, ata que nos consideras formados, maduros, arrepentidos. A proba téñoa en min mesmo, que aínda estou vivo, e por que? ¡Simplemente porque aínda non me vexo santificado, que por algo tes comigo esta espera, esta paciencia! Outra proba está nos criminais, que non coñecín ningún que morrese cando ía cometer un crime, ou de recén cometido; a máis pecados, máis penitencia, máis purgatorio terreal..., coa esperanza de velos arrepentidos, pero niso, Xefe, es demasiado magnánimo, pois non hai trazas de que os mal nacidos acaben arrepentidos!
-.-
Os últimos da dereita.
Primeira procesión coa Virxe que doamos para
Montecubeiro.
María
Auxiliadora.-
Os poderes, ¡e que poderes!, deullos o seu propio Fillo, Xesús, in artículo
mortis, irrevogables: "Muller, velaí o teu fillo". E despois
díxolle a Xoán que aceptase aquela adopción universal: "Velaí a túa
nai". "Desde tal hora o discípulo acolleuna con el"- San Xoán, 19, 26. ¡Segue a función maternal pois
Deus, polo seu Fillo, outorgoulle a María poderes e funcións de Auxiliadora
Universal!
Moi canalla e desagradecido tiña que ser eu se me dese por comportarme coma eses que se din ateos. ¡Que se din, pero non o son, pois ateos, o que se di ateos, non hai; blasfemos, si! Teño, recibín, a testemuña de miña nai, tan devota de María Auxiliadora que, seguro, seguro, é unha das secretarias da Virxe, Aló Arriba, pois aquí abaixo, despois do milagre, tamén tivo o seu calvario, cousa da que hoxe me alegro; por ela, precisamente por ela, que Deus non nega a coroa celeste a quen participou con el, aquí abaixo, levando, soportando con resignación, unha de espiñas.
27 de Novembro do ano 1943. Madrid. Hospital da Princesa. Miña nai, operada dun quiste hidatídico, no pulmón, que non lograran extirparllo plenamente na intervención cirúrxica, manténdolle a ferida medio aberta para unha nova intervención tan pronto recuperase forzas. Doída como estaba, seguiu na sala común, coas outras enfermas, a novena da "Milagrosa", e daquela, ¡oh milagre!, precisamente no día final da novena, conmemoración da aparición da Virxe a Santa Catalina Labouré, ¡o quiste soltouse, desprendeuse, de raíz e por si só, sen necesidade dunha nova intervención! Daquela fixéronlle as curas pertinentes, e púxose de pé, ao terceiro día!
Un milagre feito á nai, a calquera das nais, é unha graza de Deus para cos fillos delas. ¿Si, ou non si? ¡Aquí está a miña obriga de imitar na súa fe á nai que me pariu, e iso aínda que non houbese outros motivos, outros fundamentos, que si que os hai, que si os temos, indiscutibles, que nolos comunicou o propio Redentor!
-.-
¡Xefe, vaia propensión que temos na
especie humana a sospeitar dos inocentes! Xa pasaba en Roma, que lle creron a
Nerón que foran os cristiáns, precisamente eles, os causantes daquel incendio
salvaxe, ordenado por un salvaxe. Ocorreu este serán, precisamente aquí ao
lado, no café da esquina, cando lles dixen aos meus contertulios que me
dispensasen de seguir parolando con eles acerca das bondades dos partidos
políticos xerados nesta España dos meus pecados.
-¿Como que tes que ir falar co Xefe, agora, de xubilado...? ¡Cómate nunca o demo, que o teu é outra cousa! Cos teus anos de África, dez ou doce, corenta de Banca, os teus cursos de inglés, e logo que tanto presumes de que pasaches o Al Qurán ao galego, por inédito que o teñas..., ti es o asesor perfecto da CIA para cuestións islámicas, e máxime agora que mataron a ese Osama, a ese que vos amaba..., é lóxico que queiran coñecer a túa opinión!
Eu seguinlles a corrente, máis ben polo meu sentido do humor:
-Equivócaste un chisco, porque o meu Xefe é feminino...
-Daquela dálle saúdos á túa Pepa, pero tamén a podemos chamar dicíndolle que estás connosco, para que non pense mal de ti! –Ofreceuse aquel interlocutor.
Deixeinos intrigados; ¡estou seguro de que si! Son tan inocentes, créndose o contrario, que non me cren a min e cren aos políticos. Xefe, vou ter que dicirche, cando o faga en público, Iahveh, ou mesmo Alá, porque está visto que iso de Xefe non o asocian con Deus. ¿Ao Xefe de tódolos xefes, non lle podo chamar Xefe? Sempre te chamamos de "Ti", que é máis confianzudo; o de Xefe entendo que leva implícito un acatamento; non si?
Se chego a dicirlles que estou estudando teoloxía por libre, desde a casa, e que falo contigo, Señor, por medio dunha pantalla, utilizando os dedos, igual me toman por un Prisciliano redivivo! A propósito de Prisciliano: ¡No de ama-la Natureza seguro que nos parecemos! Se o tes no Ceo, confianza que teño niso pois aquel Bispo era preconciliar, e non tiña a obriga de seguir unhas crenzas que aínda non estaban definidas, eu gustaría de conversar con el acerca diso, precisamente diso, da túa Natureza, esta obra túa, e por tanto, santa! ¿Onde está a idolatría de entusiasmarse cunha obra de Deus, e por ende, repito, santa e perfecta?
O caso é que esta reflexión de hoxe, por culpa deses amigos politiqueiros, estame saíndo do máis profana, pero mañá, Señor, coa venia..., mañá non falaremos do Goberno! ¡Prometido!
-.-
Carpeant
tua poma nepotes.- Farto de
filmacións estúpidas, coa pantalla da tele saturada delas, sexa de día ou de
noite, incluso ou máis en horas infantís, que xa sobran nas dos adultos, aos
que un amigo do meu faladoiro deu en chamar, por adultos, adúlteros, tomeime
unhas vacacións de audiovisuais e fun á biblioteca pública polas
"Églogas" de Virxilio. Aquí che traio a colación, Xefe, unha frase
que se me gravou no máis fondo do meu cerebriño; esta do IX, 50, que acabo de
referir, e que se pode traducir, coido que con exactitude, así: “Os teus netos
aproveitarán os teus froitos”. Daquela, atido a tan sabios consellos, non só
debo traballar para min, cultivar a miña salvación, senón, e tamén, a dos meus
netos, a das futuras xeracións. ¡En definitiva, adestrarme para facer algo de apostolado!
Isto sabíao, e predicábao cos feitos, aquela guerrilleira do meu Castroverde, Enriqueta Otero, ¡e mais tíñana por "roja", por atea! Moitas veces llo oín, e sempre coas mesmas verbas: "É moito o que temos recibido; daquela a nosa obriga está en conservar este patrimonio para transmitilo, a ser posible, mellorado". Non, non só se refería ao material, senón, e máis ben, ao cultural. ¡Por algo era sobriña dun Cura! ¿Non estaría aludindo, en particular, á formación espiritual que lle tivese chegado a partires de seu tío?
Todo isto, Señor, tráeme á lembranza, e ti ben sabes que foi así, exactamente así, aquela ocasión na que freei o auto para contemplar ese real sitio que é o Real de Martín. Alí, na beira da estrada, estaba aquel plantador de eucaliptos ao que lle dixen: -Perdoe que me entremeta nos seus asuntos, pero estou matinando que é un apedro poñer eucaliptos nunha terra tan boa, digna de nogueiras ou de castaños. ¡Pénseo, que aínda está a tempo! -Señor, -me respondeu, ¡e supoño que falou así porque me viu nun auto, que se fose dacabalo chamaríame cabaleiro!-, ¿vostede quere ensinarme a educa-los netos? Se planto eucaliptos, aínda poderei gozar da súa venda; moito ou pouco, pero, algo. Se deixo outras especies, serán os netos os que o fagan, e xa teñen abondo con escarallarme a pensión, aló en Lugo, facendo que estudian!
Pedinlle desculpas, e acelerei. Hoxe, desacelerado, deume por compara-lo vello do Real con Virxilio: ¿cal terá razón, avanzamos ou retrocedemos desde Virxilio, e tamén desde a nosa Enriqueta? Señor, salvo que me indiques o contrario, teño para min que estamos caendo, nestas últimas décadas, nun egoísmo brutal. Nós recibimos o froito duns sacrificios, dunhas privacións, moitas veces dramáticas, e grazas a iso somos o que somos, e gozamos do que gozamos. ¿Que as novas xeracións son egoístas e desagradecidas? ¡Peor para eles, pero tamén hai que confiar en que a luz da verdade, a túa, Señor, os tire do cabalo, como lle pasou a Paulo cando se dirixía ao seu fastoso Damasco!
-.-
Agora
que todo por aquí non quedan analfabetos, pódese dicir; analfabetos integrais,
pois dos parciais..., así e así! A vida é unha carreira, unha carreira
singular, dunha soa sinatura: ¡Salvarse, ou catear! Os suspensos, pola túa
infinita bondade, Señor, coido, e máis ben creo, que igual non os mandas ao
inferno, que o pechaches daquela, cos cravos da cruz, pero tampouco pasarán a
ter cargos en propiedade no Ceo, nese Ceo dos precavidos, pois, do que non,
para que ías tomarte tantas molestias en precavernos?
En Asturias, polos anos sesenta, dicíase:
El que sabe, sabe, y el que no, para Ensidesa! En-si-de-s.a. traducíase entón
por, "Enchufados-si-demuestran-su alcurnia", séxase, Frechas e Pelaios.
Anónima aquela Sociedade só o era para os "rojos", ou para os que non
tiñan "ferro". Na vida algo parecido: Os humildes, estudian; e os
soberbios, os potentados, tamén asisten ás clases, pero durmidos, estomballados
no seu sofá!
Hai dúas formas, dous xeitos de estudar: con ganas, ou sexa, de contrición perfecta; e sen elas, pero estes fano por medo ao cate, quere dicirse, por atrición. O perigo destes últimos é que, como non lles entran os mandamentos, só lles dedican unha noite de insomnio, a dos exames, e para iso si, e só si, lles veñen os remorsos co aviso, co espertador, da Parca, pero cabe dubidalo.
¡A mellor das carreiras, cunha soa sinatura, cun exame único, final, e desprezámola! É boa verdade que non só son burros os Equus asinus! Se polo menos houbesen lido "El Quijote", eses "asinus" saberían que o que ri de últimas, ri mellor. ¡Só valen as sinaturas aprobadas, cacho animal!
Tampouco se precisa unha vida de insomnios pois chega con repasar pola noite a lección do día, e iso con dous propósitos: emendar o que se fixo mal, e prometer mellorar o que se fixo ben. ¿Cabe unha teoloxía máis sinxela?
A tal momento vénseme á memoria aquel programa de Lenin cando dicía que ao comunismo chégase, día a día, con dous pasos adiante e un atrás, séxase, duplicando os acertos. Non andaba descamiñado aquel teórico, pero faltoulle unha luz, a da caridade cristiá, que tamén esixe esa igualdade de fortuna, pero por amor, e nunca por temor, por imposición.
"Cave ne cadas", lles advertía aos triunfadores romanos un escravo posto diante deles para evitar que os apedrase o orgullo das súas vitorias. É máis doado caer que levantarse, pero peor é non intentalo.
A propósito: Meu pai, mestre de a ferrado, e por tanto un auténtico vocacional, adoitaba dicirlles aos alumnos que non copiaban, ou que copiaban mal o que lles poñía no encerado, "Eu non escribo no aire, así que, de interesarvos, utilizádeo". Os tempos cambiaron, e por culpa da ditosa Internet eu si que escribo no aire, sen xiz, coa punta dos dedos; daquela, pai querido, o meu servirá de algo, interesaralle a alguén?
-.-
In nómine Patris, et Fílii, et
Spíritus Sancti.
Aquí me tes, Xefe, outra vez en posición de firmes, que xa espertei, ou iso
creo, disposto a acata-las túas ordes! ¿Que me lave ben os ollos para abrilos á
luz da verdade? ¡Xa o fago, tento facelo, pois iso é precisamente o que quero,
o que pretendo, Señor! E agora, dime; dimo de forma que poda entendelo, ¿por
onde comezo; dou un paso á fronte?
Como son covarde, en materia de fe quero dicir, misións difíciles non me mandes; ora ben, coa cruz ao lombo, de Cireneo, e axudando a levada, con dignidade cristiá, o inimigo entenderá que eu son dos teus, e con este signo fareino fuxir! ¿Quedamos en que teño que ser exemplar, non si? Co débil que son non me será doado, pero esta cruz..., ¡esta cruz, en vez de quitarmas, dáme forzas, así que estou disposto a subir contigo ao Calvario, que é a mellor forma de vencer a Pilato, a tódolos Pilatos deste mundo vacilante, ecléctico, que nos pon, que nos sitúa, entre ti e Barrabás!
Para comezar, vou deixar na casa aquelas condecoracións da guerra do Ifni-Sáhara, e iso por dúas razóns: porque non quero máis belicismo, senón razoar cos musulmáns para tentar convencelos de que o noso Xesús foi xerado e non creado, que de aí arrancan as nosas principais disensións co mundo islámico; e polo demais, agora que vou calvo, agora que non me queda un pelo de parvo, despois de toma-la parva vou saír á rúa sen gorra, ¡que hai dabondo quen viva dela, con ela!, e direilles a cantos atope no meu ruar: ¡Deixádevos de pompas e de vaidades, pois nunca un home é tan alto como cando se pon de xeonllos ante Deus! ¿Faranme caso? ¡Menos mo farán se non intento evanxelizar! ¿Como se fai? O Cura Manuel sempre di que, comezando polo exemplo, comezando por ser exemplar! Agora me explico por que é, e así o teño, un Cura exemplar!
-.-
Veño da rúa e saudei con cordialidade a
tódolos coñecidos. ¡Veño satisfeito, pois incluso me contestaron e
corresponderon os inimigos! ¿Iso é apostolado? ¡A miña conciencia dime que si,
que non está mal para comezo dun apostolado segrar, de circunstancias!
-.-
Onte fun á miña aldeíña, ao meu refuxio.
¡Xa que lle puxemos "As Andoriñas" é obrigatorio, coma elas, volver
na primavera! ¡Deus, canto che teño que agradecer porque me permitises estes
retornos, que xa os daba por imposibles daquela que me saían ao camiño aqueles
corvos exclusivistas, ameazantes, exterminadores, pero como ti, Señor, nos
ensinaches a perdoar, o que é por min, perdoados quedan, definitivamente, así
que non llelo apuntes ao Debe nos teus libros de contabilidade!
A primavera é unha resurrección, a xeral. ¡Tiña que ser así como predición, e tamén como confirmación, da túa, Señor, da túa Resurrección! Iso matinei, por horas, sentado á sombra do meu, do teu, Cercis siliquastrum, ao que tamén chaman "Árbore do amor" os iniciados en botánica, tal que eu, modestia á parte. O caso é que Xudas suicidouse colgándose precisamente dunha árbore destas, o que vén a significar que dá vida aos amores, e morte aos desamores, ás traizóns.
¡Canto che agradezo, Señor, que me inspirases a plantalo! ¿Onde atoparía mellor panteón para as miñas cinsas? Din que é de galegos edificar o noso panteón ao límite das nosas posibilidades, e que ben o demostramos por onde pasamos, particularmente na Habana, e tamén en Bos Aires, onde os nosos mausoleos teñen sona de igualar, se non superan, ao Taj Mahal de Agra, na India. ¡Pois o meu tamén está, estará, nun agra, na Agra das Eiras, medio a medio da súa, da miña, carballeira! De mármore, non, que non deixa de ser unha cousa fría; de flores e de árbores, si! Cunha particularidade: que sentado debaixo do meu Cercis, costa abaixo, coincide que se pon o sol por Rois, que é precisamente onde naceu o sol da miña vida, a nai dos meus fillos. Se non tivese ese nome, acreditado e recoñecido de sempre, eu bautizaríao así: ¡A árbore dos meus amores!
Na Gloria seica é o principal goce cantarche glorias: ¡Glória in excélsis Deo...! Desde os meus seiscentos metros por sobre do mar, que xa é unha altura considerable, a ti, Altísimo Señor, Glória in excélsis Deo, et in terra pax homínibus bonae voluntátis! ¿Daquela oiranme os que pasen pola estrada de San Cibrao? Tanto se me oen coma se non, Señor, ¿sería moito pedirche que me concedas, desde as miñas cinsas, o don de predicarlles pacifismo aos circulantes de mala natureza que por alí pasen, vaian a pé ou en auto? Coido que, salvo que sexan moi burros, e se son burros non son responsables, non pecan, con só pararse en redondo a contemplar esas paisaxes, por ti creadas e conservadas, Señor, háselles abrandar o corazón, e de emocionados, téñente que adorar, máis ou menos como fixen eu, onte mesmo, por enésima vez! Non tiven á man un incensario, pero neste caso non era preciso pois xa aromatizan o ambiente as flores do meu Bergland, e máxime agora, en maio. ¡Gloria a ti, Señor, autor dunhas marabillas tan admirables que fai falta ser máis burro cós burros para non asombrarse delas, e coa mesma caer de xeonllos para agradecerchas!
-.-
Xefe, quero ser digno de ti, quero aterme
ás túas ordes, pero non o fago ás cegas senón atido á orde recollida por Mateo
no 10, 38 do seu Evanxeo: “Quen non
carga coa súa cruz para seguirme, non é digno de min”. Isto referéndao Lucas no
seu 14, 27, “O que non carga coa súa
cruz e me segue, non pode ser discípulo meu”, aínda que non facía falta
insistir pois o que di un apóstolo, calquera deles, un daqueles mártires da
verdade, divina, absoluta, referendada pola túa morte e resurrección, para todo
cristián xa é dogma de fe. ¿Daquela, Señor, como podo estar ás túas ordes, como
podo ser Cireneo, se non cargo co armamento, que neste caso esa arma, a única
que precisamos para acompañarte na vitoria, é a Cruz Redentora?
Xa sei, xa, que tamén mo dixo meu padriño,
confirmándome cos seus consellos sapienciais, que a cruz hai que vela de
fronte, doéndose das túas feridas, Señor, e non escudarse tras dela, pois…,
tras da cruz adoita esconderse o diabro, valéndose dela para mostrarnos o
reverso da moeda! Algo así coma un lobo que se disfrazase coa pel dunha ovella.
Por tanto, líbranos Señor deses hipócritas que se dan de cristiáns para
enredarnos con diabruras, para levarnos ás tebras de detrás da cruz. A
verdadeira, a cruz verdadeira, é luminosa, un faro no camiño, e por tanto, a
súa parte traseira está escura: é o dominio do anticristo!
Con estas precaucións, con estas
previsións, cómpre estar alerta neste mundo de dúas caras, pois podemos tomar
por gratificante a daqueles que veñen a nós con propostas doces pero aviesas, que diría Cervantes por boca do
tolo máis cordo da historia. ¡Coidado, pois os muíños de vento, vento son, ca
non xigantes!
-.-
Nunca foi doado distinguir a cruz da
espada, ou a espada da cruz, que ata se lle chamou cruz á empuñadura da espada,
e nestes tempos de mistificación, que non de misticismo, menos aínda. Esta
situación, esta circunstancia, entendo que é, e que foi, un dos grandes
problemas da Igrexa: “Dade ao César o que é do César”, (Mateo, 12, 13-17, e Lucas, 20, 20-26).
O edicto de Galerio foi eclipsado por
Constantino, pero non debeu ser tan malo posto que lles permitiu aos cristiáns
de entón profesar as súas conviccións e reunirse sen temor nin molestias con
tal de que conservasen o respecto ás leis e ao Goberno. A contrapartida non foi
abusiva: “Esperamos que a nosa indulxencia inducirá aos cristiáns a rogar ao
seu Deus pola nosa saúde e pola República”.
Constantino, moita cruz no seu estandarte
imperial, pero non foi explícito ata que trasladou a súa capital a Bizancio,
lonxe da antiga sede imperial, lonxe dos principais inimigos do cristianismo,
así que a súa concesión foi máis ben tardía e algo covarde. No seu Edicto de
Milán non sei se foi bondadoso ou ecléctico e comenenciudo, pois medio acendeu
unha vela a Deus e outra ao diabro: “Os que aínda estean sumidos nos seus
erros, que gocen tranquilidade coma os fieles… Que ninguén inquiete ao outro; o
que goce da luz sírvase do seu poder para iluminar aos demais, e se non o
consigue, que os deixe tranquilos”.
¡Tres séculos e medio de persecución,
aínda non extinguidas pois a cousa non debeu quedar axeitadamente atada xa que
detrás veu Juliano, o Apóstata, que non tivo dificultades para remachar nos
cravos de Cristo!
Aquela benevolencia/comenencia de
Constantino tivo un prezo, pois orixinou, ou non delimitou, a interdependencia
Igrexa – Estado. Desde entón a Igrexa deu en apoiarse no Estado, e á viceversa,
así que, co conto de que a espada estaba ao servizo da cruz, “… por nuestro
Jefe de Estado, Francisco…”, moito se tardou en cumprir aquel mandato de
Cristo, tan rotundo e tan simple que era, pois só consistía en dar a Deus o que
é de Deus, e ao César o que lle corresponde, pero nunca un palio que cubra e
disimule os seus crimes!
Que a Igrexa sempre estorbou ao poder, salvo
que se collesen do brazo, vímolo nun caso recente, sangrante: ¡outra
crucifixión! Aquel infame, falso, inxusto, sambenito que lle colgou o
franquismo ao Bispo de Calahorra, Fidel García Martínez, simplemente pola súa
defensa da “… libertad y la dignidad del hombre frente al Estado”.
Todo isto, Señor, Señor Mestre dos
Mestres, lévame á matinación de se é lícito, lícito e/ou conveniente para o
cristianismo, que o Clero utilice os seus revestimentos para facer mitins
incontestables ao pé da cruz parroquial. Como aínda non teño isto maduro,
alúmame, Señor, pois a miña cadeira, como de autodidacta que é, cambalea a
pouco que sopre o furacán das contradicións.
.../...
Pasa a
AS MIÑAS CONVERSAS
CO XEFE
-III-
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario