domingo, 29 de diciembre de 2013

AS MIÑAS CONVERSAS CO XEFE -I-



AS MIÑAS CONVERSAS CO XEFE





Pórtico da igrexa conventual de Montecubeiro.
(Non se fixo, restaurouse, o ano 1787)

Xosé María Gómez Vilabella






Dedicado ao meu Cura,
Manuel,
que para min, aínda que só sexa para min,
é tan Bispo coma o Bispo de Roma.
A cambio, pídolle que perdoe os meus desvaríos.

-.-

Introíbo ad altáre Dei!

Tal día coma hoxe, un 12 de Outubro, o noso paisano Cristovo de Colón deu chegado ás Américas, navegando tras do sol, que lle foi marcando o rumbo; e alí espallou nomes e ideas, parándose nas cousas miúdas de tal xeito que omitiu nomear as grandezas; deténdose no contido pero esquecéndose do continente, que ata o seu nome lle trabucaron; e por engado, tivo que ocultar raza e orixe para non acabar nas reixas da propia Raíña Católica! Eu, máis ambicioso, quero achegarme, quero descubrir, ao propio Creador dos Continentes, e como o teño por amigo dos amigos, nesta confianza vouno atuar:

Señor, dime o mesmo que lle dixeches a Tomé: "Trae o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe". Sempre quixen crer, pero tamén estiven ausente, en certas ocasións, e logo que os que me predicaron, os que me falaron de Ti, algúns, tiñan as súas fraquezas, así que, entre as miñas e mailas deles, levo oitenta anos de tentación, de desviacións. ¡Señor, non me deixes caer nelas, e dálle instrucións ao meu Anxo da Garda para que me leve da man, para que me sirva de caiada, para que me abra os ollos e me poña con algo de dignidade diante do meu Redentor!

Señor, xa sabes que fun, e me honro de ser, autodidacta, que me vin e me desexei para dar estudado algo das cousas, das sinaturas, deste mundo que chamamos cultural, intelectual, pero a estas alturas da vida, cansado e retirado das aulas e dos exames, quero prepararme para o final, para o que me fagas ti, Señor, pero non me atrevo a facelo só, que sería un autodidactismo excesivo para un autodidacta, para un intelecto curto e cansado; por iso che pido a asistencia dun titor permanente, dos de cadro, ¿e quen mellor có meu Anxo da Garda? Nunca me gustou presentarme a exames sen prepara-la sinatura, así que, nesta reválida, neste final da carreira vital, menos aínda!

Naquela ocasión en que me abriron as portas os teus franciscanos de Herbón, fíxollelas cerrar meu pai habida conta de que me tiña e me quería de morgado, e logo que, "por agora, nin os curas nin os frades se poden casar, pero tampouco é mal sacerdocio a vida dun casado, se é, e se comporta, con exemplaridade". Pois, como grazas a ti, Señor, sigo casado, e así non me admiten en ningún Seminario, permíteme face-lo meu noviciado na propia casa, xunto, de par, da miña santa esposa. ¡Santa, ademais de valente, unha auténtica heroína!


Ti, que o sabes todo, ben coñeces que levo conversado con moita xente, de moitas razas e procedencias, de distintas crenzas, sobre temas variados, pero contigo, ¡precisamente contigo!, estou en débeda. ¿Será por aquilo de que as árbores non deixan ve-lo bosque? Atido aos xefes deste mundo, a Ti, ao Grande, ao Supremo, Creador e Xuíz definitivo, tívente marxinado, e quero audiencia, pídocha de xeonllos, humildemente arrepentido, tanto das accións como das omisións. Daquela ábreme as portas do teu confesionario, que che vou presentar a miña confesión xeral, a grande, a definitiva!





¡Isto chámase dar exemplo!

Ante todo, xa sei, pero esquecémolo a miúdo, que un cristián debe ser exemplar: de palabra, de obra, e tamén por escrito. ¿Por escrito? Recoñezo que levo gastada moita tinta, pero..., exemplar, pedagóxico? ¡Diso, pouco! Nesta prórroga vital que me estás concedendo, Señor, ¡levo tres cuartos de século ao lombo desde o meu uso de razón!, pídoche o favor, a graza, a maior honra e gloria túa, aínda que ben sei que non precisas da miña, que me abras o entendemento para saber explicarme, para facerme entender, para cumprir a miña cota parte de apostolado á que estou obrigado como católico practicante. ¡Iso, practicante, para que o meu próximo vexa en min unha práctica, un acatamento aceptable, imitable!

Como sempre comecei as casas polo tellado, pola présa, ¡que naceu comigo!, que ata fun mestre de escola, acaso o penúltimo daqueles de "a ferrado", sen ter pisado unha Normal, neste noviciado tamén irei á liturxia final, elixindo padriños antes da tonsura. Téñoo fácil, pois os de pías, precisamente aqueles que me lavaron na pía bautismal de Montecubeiro, aí Arriba están, e coido que será suficiente con evocalos: ¡Meus queridos avós, que tanto me quixestes, e tanto me protexestes, conto con vosoutros para volver á pía, pero esta vez á da confirmación, á definitiva! Non quero un sobresaliente, que seguramente non o merezo, pero un aprobado, si!

¿Que podo aportar? Repasando no meu currículo, a carreira da que máis me prezo é a da Filosofía vulgar, sedimentaria, na que estiven matriculado desde o meu "uso de razón", quere dicirse, desde os seis anos, que aínda non os tiña cando estalou a Guerra de España, así que, de carreira curta, nada!

Con esta bagaxe, e como os autodidactas non teñen, non temos, quen nos impoña un Plan de Estudos, comezarei polo Xénese, que non é pouca fatiga, pouca disciplina! Señor, aínda recoñecendo que non é doado de traducir o que nos di, o que nos dixo aquela xente doutra época e doutra cultura, ben sei que a súa linguaxe hai que tomala nun senso metafórico porque descansa nas limitacións dos lectores daquela época, e por tanto haberá que ter indulxencia e comprensión con aqueles avós; eu, pola miña parte, e se non mo tomas a mal, vouche censurar a túa bondade, pois, pasándote un pelín, levantáchesnos o pano antes tempo, antes de que os autores e mailos lectores entendesen / entendésemos o papel respectivo. Comprendo, iso si, que o fixeches para atenuar aquela malicia, aquela ignorancia, transferidas, imbuídas, polo propio Lucifer, aquel rebelde, aquel a quen ti mesmo, Señor, na túa bondade infinita, fixeras Príncipe da Luz; ese mal bicho, envexoso de nós, dos humanos, dos paradisíacos, emperrouse en cegarnos, en taparnos a luz do entendemento!

Así pasou que un mal día, un tal Darwin, dándose de sabio, atreveuse a poñer en solfa nada menos que o propio Xénese. ¡Seguro que nisto tamén andou Lucifer, aquel Lucifer apagado, cargando as tintas, poñendo negro sobre branco! O Xénese está escrito, soprado, coido eu, para unha xente e para unha época na infancia da Humanidade, e bo milagre foi que o escribisen, xa daquela, neses termos, pois sería tanto como encargarlle, agora, a un neno de primaria que redacte nada máis e nada menos que unha Constitución.

Señor, o real, o certo, o auténtico, é que, de tanto quererlle ao teu barro, anticipácheste aos tempos, e nós, en correspondencia ingrata, ¡outros luciferinos!, ademais de torpes e de primitivos, resistentes á graza, comportámonos máis ou menos coma o xato cando sae do cortello, que arremete, comezando por atacar a quen lle viña dando o penso cotián, o maná do presebe!

Outro efecto, que non defecto, da túa excesiva bondade, foi darlle excesivas atribucións ao Príncipe da Luz, ao malvado Lucifer. Mira que cho di un bancario, que fixen ese doutorado ao que nunca chegou Niccolò dei Machiavelli, nin con toda a súa picardía didáctica. Os xerifaltes da Banca se son listos promoven e achegan aos incompetentes..., para que non lles fagan sombra! Os torpes fan o contrario: promoven aos listos para así gozar e aproveitarse das ideas alleas! ¿Que che parece, meu Señor da Sabedoría? Pero ti, no caso concreto do teu anxo rebelde, pasácheste tres lugares, que lle deches un cargo, alto e brillante, a un envexoso, nada máis e nada menos que ao teu principal inimigo. ¡Xa fai falta ser bo, ser Deus, para darlle poderes ao propio Satán! Só con saber isto de ti, da túa sublime e incomprensible bondade, mereces o tratamento de Altísimo!

Para non desviarme nas miñas lecturas formativas, nas miñas interpretacións, vou comezar escribindo un cartel, que o colgarei aquí mesmo, no despacho, ao alcance dos meus ollos, consignando aquela advertencia maxistral do maxistral Doutor da Igrexa, Agostiño de Hipona:



Deus non quere dicirnos como é o Ceo,
senón como chegar a el;
non intentou ensinarnos cosmoloxía,
nin ciencias naturais,
senón o Camiño da Salvación.


Agostiño era un sabio, que nisto concordan, incluso, os seus inimigos, pero esta consigna foi un sopro do propio Deus.

Algo parecido opinaron os redactores, os tradutores, da nosa Biblia en galego, esa de Sept, cando afirmaron que:

A inspiración bíblica vén sendo un influxo tal do
Espírito Santo
nas facultades dalgúns homes
que permite afirmar que Deus sexa "autor" dun libro humano,
e que o home sexa "autor" dun libro divino.
Así fala Deus cos homes,
na linguaxe deles.

Por tanto, un libro atido ás capacidades relativas de cada tempo e de cada época. ¿Non si?
-.-

¡Vaia trollo no que estou metido: Por unha banda, como católico debo facer apostolado, e por outra, volvo a estar de mestre sen título, sen pasar pola Normal dos católicos, vulgo, Seminario! En todo caso, se meto a pata a culpa será da propia Igrexa porque, ao non admitir casados, terei que asumi-los riscos dunha formación autodidáctica. O P. Astete xa dicía aquilo de, "Doctores tiene la Santa Madre Iglesia que os lo sabrán responder". ¡Si, si, doutores, pero están en Roma, tan velliños e tan xordos que desde aló non me oen!

Das primeiras leccións bíblicas o que moito me chama foi aquilo da Eva... ¡Aí o redactor pasouse de metafórico pois é imposible que Deus, o Autor do Xardín, o Creador do Edén, lles prohibise as mazás, precisamente as mazás! ¿Non serían as peras? Cabe a posibilidade de que esa Eva, barro do barro, se namorase, infiel, do Anxo Caído..., co feo que debía ser Adán! ¡Claro, un adán! Teño entendido, entendido e sabido, que o Xénese non é un libro de ciencia, nin de ciencia nin de historia; é de reflexión, é anuncio, e todo iso á luz da fe, á luz do Creador e non á do seu ministro; unha reflexión de como son as cousas, unha idea de como comezaron, de cal é o seu sino, a súa condición, o seu destino, que non é pouco!
-.-





Se me fose dado subir ao púlpito vello do meu Montecubeiro, que lles diría aos meus veciños, que sería oportuno dicirlles? ¡Xa o teño! Comezaría recordando aquel compañeiro da escola de Maxide ao que chamei cando ía para San Cibrao, á Misa do Catecismo: -Se te vistes pronto, agardo por ti; pero non tardes, que ben di meu padriño que para a Misa e para o muíño, non agardes polo veciño. –Pero teño que ir ás castañas... -As castañas esperan por ti, e pódelas apañar á volta. -Mira, ho, a ti que che aproveite o Catecismo, e a min as castañas, que lle preguntei ao Sarxento da casa das Figueiras, e díxome que no Exército non preguntan a doutrina, así que non a precisarei cando me chamen ás quintas. Coas castañas estarei forte, forte que forte, e daquela faranme Cabo..., e xa non me fagan Cabo de Gastadores! -Pois a min, co fraco que estou, que se me apalpan os ganglios, prefiro mante-la alma antes co corpo..., pois Aló Arriba, arriba de San Cibrao, arriba da nosa igrexa, igual me fan profesor dos analfabetos. Daquela, ata a volta, e coidado cos ourizos!

Aquel pragmático, Cabo non foi pero a rico chegou; eu, naquel Consejo Supremo de Justicia Militar, de mecanógrafo non pasei, e a rico tampouco cheguei, así que, Señor do Ceo e mais da Terra, como a túa riqueza é inconmensurable, incomparable coa dos homes, pídoche que, a falta de castañas, me deas hostias, pero das boas, das consagradas, desas que nos mostran o camiño da vida eterna, que é a máis grande das riquezas, unha riqueza que non ma poden roubar os homes mundanos, por malos e perversos que sexan!

Tamén lles direi  aos meus veciños, a maiores, que do único que non estou arrepentido é de facerlles caso aos nosos antepasados, tan relixiosos eles, sempre e de sempre, que ata se erguían de noite, por cansos que se deitasen, para chegar a tempo á Novena das Ánimas, afanosos por contribuír xenerosamente, na comuñón dos santos, á súa redención, á súa liberación. Con iso e con todo, no 1937 fusilaron en Montecubeiro uns cantos veciños, acusándoos inxustamente de roxos, pero como non hai mal que por ben non veña, aí os tedes, que vaia favor que lles fixeron, pois agora están Arriba, no máis alto, no palco dos mártires; mentres, coido que aqueles fusileiros estarán aló abaixo, como pouco nas caldeiras de Pedro Botero, que seica é o atizador dos infernos!



-.-





¡Ai meu cardeal Gil, Manuel García y Gil, natural de San Salvador de Camba, e frade dominico, que exerciches de Ecónomo nesta parroquia do Monte Cubeiro, e despois diso, chegada a exclaustración, fuches profesor e vicerreitor do seminario lucense, para ascender a arcebispo de Zaragoza, logo cardeal; todo isto desde o ano 1802. Meu admirado Mestre de Teólogos, (destacou  como tal no Concilio Vaticano I), eu daría a metade do que me quede de vida por terte de profesor, pero como iso é imposible, pídoche que me sopres desde Arriba! Para mellor apremarte a que o fagas, vouche lembrar aquel laudatorio, aquela dedicatoria, que circulaba por esta parroquia, que o puiden ler de cativo na escola de meu pai, e que agora repito e proclamo para que non se esqueza:

Deus premioulle tantas virtudes,
qu´o seu premio sempr´alcanza
ós que traballan na viña,
e ós que súan para labrala!

Amigo Gil, por esta relación, nesta vinculación parroquial, pídoche a túa asistencia; en particular suplícoche que formes parte do meu Comité de Recepción, dese que recibe ás ánimas que chegan ao Ceo con ganas de aprobar, con ganas de entrar, pero, no entrementres, fai que chova por min, copiosamente, con forza, para que poda viaxar sen cotra, sen o petate dos meus pecados, con eles disoltos, lavados.

Mestre Gil, conservo e cultivo unha gran admiración polo noso Patrón, San Ciprián, co que teño en común o noso paso por África; en séculos distintos pero o Continente é o mesmo; mais agora preséntaseme un dilema: que tamén sexas Patrón, co-patrón que se di, pois a parroquia é grande, e a igrexa non é cativa, así que temos altares, altares e traballo, para volos dous!
-.-

Querido Mestre, querido Xefe, debémoslle a Xoán, que o lembrou no seu Evanxeo, o teu recado de humildade, aquilo do lavatorio dos pés, (13, 1-20), requisito sine qua non para merecer a participación no teu apostolado. Nisto da humildade estou algo frouxo porque o feito de adquirilo todo, ou case todo, por esforzo e por iniciativa propia, fixo que se me subise o papo, acaso moito, demasiado. Como lección notable, a tal momento só podo presentar un caso: aquel lavatorio que lle fixemos, entre varios veciños, ao Tolo do Pacio, Pepe do Pacio, para acomodalo decentemente naquel ataúde de amieiro, made in Mosteiro. Temo que foi pouco meritorio pois a verdade é que me repugnou, moitísimo. A partires diso só lavei os meus, e non con excesiva frecuencia. Agora, de presente, aínda que quixese facer este acto de humildade, teño a dificultade dos cadrís, que se negan a obedecerme.
-.-

De postos a meditar, a repasar, cómpre rescatar a parte boa do meu currículo para perfeccionala e para ampliala en canto me sexa posible, renegando, de paso, dos malos pasos, aqueles que me levaban ao trollo barrento. Nesta vida o dilema está claro; claro, si, pero fácil, non: ¡Non solta-la caiada, e mirar para adiante, elixindo os carreiros, por difíciles, por estreitos, que sexan, pois á larga sempre serán menos lamacentos cás corredoiras!

Aló atrás, mesmo desde que fun capaz de manexar unha xostra, ocupáronme da facenda miúda, cabras e ovellas. Isto, Señor, ensina moito, pois apréndese a distinguir entre cabronadas (das cabras), e mansedumes (das ovellas). O que tardei en saber, en entender, foi aquilo de que os primeiros apóstolos foron os pastores de Belén: ¡Adoraron a Xesús e proclamaron a súa gloria, visible e brillante no seu rostro anxelical, radiante, por máis que tivese de trono un presebe! ¿Por que o Neno Deus escollería aos pastores como periodistas da súa Epifanía? ¡Está claro: na súa humildade exemplarizante optou por recibi-los pastores antes cós Reis, por Magos e por Majos que fosen!

A contrapartida foi, supóñoo, pois a ciencia certa non o sei, nin atopei onde se diga, que é propio dos apóstolos, dos anunciantes, acabar no martirio, para selar co propio sangue o seu mensaxe, como lles pasou aos Grandes, aos Once, aínda que igual debera dicir Doce pois non teño dúbidas de que Xudas, Xudas o traidor, martirizouse a si mesmo cos propios remorsos, tan terribles que lle fixeron tolear, entregándose ao primeiro Cercis Siliquastrum que atopou no seu calvario da desesperación. ¿O temeroso, o vingativo Herodes, ía aguantarse sen perseguir, sen acosar, aos anunciantes da Boa Nova? Os Reis de Oriente, sabios ou alquimistas, pero menos apóstolos, menos inocentes cós pastores, eclipsáronse retornando "por outros camiños", que así está escrito, pero a min entroume a preocupación polos pastores, indefensos eles, que por iso sospeito, coido que con lóxica e fundamento, que aquel matón dos nenos non se conformou con pouco; seguro que lles deu lategazos para que lle sinalasen ao Neno Rei: -¿Cal é; cómo é; roibo ou moreno; onde o vistes; para onde o levaron...?

Se daquela, cando fun pastor nos montes de Bergland houbese nado, tal que en San Cibrao, por exemplo na corte do Cuco, que tamén tiña unha vaca e unha mula, a vaca para o leite e a mula para traer os abarrotes da súa taberna, outro Neno Xesús…, outro, non, o mesmo, xa que é unixénito, pero dalgún xeito renacido, eu, servidor, despois de adoralo, aos poucos caería nas mans deses blasfemos que se dan de ateos, e non tardarían en interrogarme para o subseguinte fusilamento. ¡Quen é capaz de ciscarse en Deus tamén o é de matar un home, sexa con armas ou con desgustos! Neste caso, nesta hipótese, ¡que pena que a Historia non se repetise comigo, aínda que só fose para acabar de mártir! Un parente da miña dona, José María Díaz Sanjurjo, que era primo de seu avó José Rielo Sanjurjo, para chegar a mártir tivo que ir predicarlle ao tirano Tu Duc, pasando pola Universidade de Manila, co lonxe que estaba iso! ¿A onde tería que ir, eu, para predicar; acaso a Marte, para que me concedesen unha palma desas, desas que lles poñen aos mártires?
-.-







Señor, agora que falo do meu pastoreo: ¡Aquela cruz do Zarro Novo...! Aquela si que foi a miña cruz, de por vida, que moito levo matinado no seu significado, na súa razón de ser e de estar. Era de madeira, se cadra tan rústica coma a do Calvario, e púxoa meu avó, antes de nacer eu. Hoxe está..., ¡enterrada, tan enterrada coma os que debaixo dela xacían! Esas palas da Concentración Parcelaria..., ¡que malditas sexan!

En certo modo débolles estar agradecido, pois, coa súa desaparición, as xeracións vindeiras ignorarán a maior ignominia dos anais do meu Montecubeiro. ¿Non se di que, morto o can, acabouse a rabia? ¡Pero non é exacto, nin definitivo, pois, para min, e para os que saiban o que eu sei, ese é, sempre será, un punto sucio, achaiado pero sucio! ¿Porque eran fetos, porque morreron sen augas bautismais...? E os outros, por suicidas, por atentar contra Deus, autor da vida?

¡Señor, que engorde se nos vai a burremia, o fariseísmo! En canto aos fetos, ¿non tiñan alma? ¡Claro que a tiñan, desde o instante da súa concepción, e tan pura que ti, Señor, chamáchelos á Gloria antes de que a manchasen coas inmundicias deste mundo pecadento! A túa Redención foi universal, non si? Daquela non hai abortos que sexan indignos de compartir o campo santo parroquial! En canto aos suicidas, ti, Señor, sabes, mellor cós médicos, que ninguén se suicida salvo en presenza dun ataque de loucura. Se polas circunstancias que fosen tolearon, podémolos considerar responsables dos seus actos? Os asasinos son responsables porque saben o dano que fan; os suicidas, non, nunca!

Neste punto choramos, meu avó e mais eu, o que non é ningún feo xa que tamén o fixo, tamén chorou Xesús ante o cadáver do seu amigo Lázaro. Meu avó, lembrándose da soidade de dous fillos seus, que os enterrou de propia man, coa propia aixada, naquel lugar maldito. ¡Non llos admitiron en San Cibrao, costume inveterada, e iso que os dominicos sempre se tiveron por bos teólogos, que moitos o foron, tal que o Cardeal Gil, antes nomeado! Eu chorei con el por dous motivos: por velo chorar desesperadamente, e tamén pola perda daqueles dous tíos-avós, que, sendo fillos de quen eran, a imitación del serían, chegarían a ser, dous tíos simpáticos, estupendos. ¿Verdade que os tes contigo, Señor, a todos, Aí Arriba, cos xustos e cos elixidos? Daquela confío en que mos presente meu padriño, nada máis subir. ¡Deica logo, amigos e veciños do Zarro Novo!
-.-

Hoxe en día temos unha estrada que bordea o Zarro, pero pasamos a cen, unhas veces en auto e outras en tractor; ¡a motor, sempre! Alí abaixo, mirando ao Norte, está Fonsentes, onde tantas veces bebín, e alindei as vacas, e vin un gato montés, e levantei centos de perdices que comungaban con centeo, caladiñas, recollidas, dándoche grazas coas as, Señor, por aquela abundancia tan esperada, ¡e tan regateada coa xente do país! Pero estou disposto a cambiarlle de nome, aos efectos, aínda que só sexa para min. Voulle chamar, A Fonte dos Ausentes..., se é que unha gota de humidade me permite localizar o sitio dela, soterrada que a deixaron! Señor, es un egoísta; como todo señor, claro, pois, de criados, e de ben educados, lévalos contigo ás searas do Ceo, deixando a parroquia pouco menos que deserta, ademais de seca! ¿Seca, co que chove? Da subterránea, si, que xa sabes que viñeron aquelas palas da Concentración, e arrasárono todo ¡Isto de agora é un deserto, que nin que estivesen aquí Sodoma e Gomorra, que non estaban. Eses, ¿Técnicos?, eran tan técnicos que achaiaron o monte desde que deixou de haber xente; achaiárono agora que non facía falta, e de paso derrubaron as cruces, e botáronlles entullo ás fontes, e mataron os nomes, substituíndoos por numéricos, uns nomes sen historia, que os enuncian como, Polígono tal...! As pas, achaiaron; e os veciños, coas permutas obrigatorias, árbore que non venderon, árbore que soterraron, ou permitiron soterrar, nas súas corredoiras; consecuencia diso, en vez dunha multiplicación do pan e das troitas, o que resultou foi unha invasión de bidueiros, tan xeneralizada que calquera día perdémo-lo nome: ¡Desaparecidos os Cubeiros..., Monte dos Bidueiros!

¡Señor, tocoume convivir cunha xeración de enterradores mecanizados! O teu Fillo botou do templo, a lategazos, aos mercadores, pero ao de hoxe debe estar moi ocupado con tantos pecadores que aínda quedan no mundo, que lle pasou desapercibida a desfeita de Montecubeiro. Aquilo da desaparición do Paraíso Terreal, ¿non sería obra de Satán, ensaiando nunha Concentración Parcelaria? ¡Visto o visto...!

Non sei se é porque coñezo pouco aos de agora, pero todo se me fai que estamos dexenerando; en número, por suposto, pero, en calidade...? En calidade igual si, tamén! ¡Que xente máis completa che deu esta parroquia; tanto, que me gustaría imitalos! Isto lévame a outro pensamento: xa que tiven, e tivemos, bos exemplos, ¿non estaremos sendo uns desagradecidos cos nosos entregos? Pouco oio falar deles, tantos que tivemos, a igrexa chea, co grande que é! A igrexa chea, e don Benito, esixente el, veña darlle á súa campaíña para que entrasen todos, así fose a cóbados; para que nin se saudasen no atrio, desentendéndose do crego por culpa do cansos que chegaban, e do tempo que levaban ser verse, dúas ou tres leguas de estrema a estrema da parroquia, a pé!

Estou tentado a lembrarche, Señor, os nomes daqueles que destacaban, lugar por lugar, aqueles que máis chamaban a miña atención de aprendiz de veciño, pero..., os outros, os miúdos, os que pasaban desapercibidos, aqueles igual son os meirandes no teu Reino! ¿Teralos todos xuntos, homes e mulleres, torpes e sabios? O párroco, don Benito ben se preocupaba de que as mulleres se axeonllasen naquelas selas baixiñas da dereita, que así quedábanlle á esquerda cando se volvía para o seu Dominus vobiscum; e os homes, xa que os de Montecubeiro tiñan sona de esquerdosos, nos bancos do outro lado, que así resultábanlle de dereitas. ¡Tiña a súa lóxica! O que non a tiña era aquilo de esixirlles velo ou manto ás rapazas, ¡co guapas que eran! Iso debera ser privilexio das feas, para que pasasen desapercibidas, pero nin así, pois os fillos bravos que ía bautizando don Benito xeralmente eran froito das feas; ¡as outras, as guapas, casaban pola Igrexa, elixidas polos morgados! Tamén levo matinado niso, o que me conduce á suposición de que os rapaces fornicaban coas feas, de noite, e de noite tódolos gatos son pardos, pero despois, ao chegar o día, aburríanse delas.

¡Que tempos aqueles, que liturxia tan atrasada, e o Vaticano II que non daba chegado! Don Benito, ex pater do Exército, ou mellor dito, de ex, nada, que moito fixo por militarizar esta parroquia, tíñanos atentos aos seus latíns, pouco menos que firmes, e encima, só se volvía de cando en vez, supoño que para verificar a nosa disciplina; e xa non digamos á hora do Catecismo, que nolo facía aprender con puntos e comas, cousa que daquela de pouco me serviu pois eu falaba en galego, e á metade das cousas non lles collín o significado. Coido que fixo a súa conversión ao castelán no Exército do Galego, no de Franco, pois en canto ao seu lugar de nacemento, Lourixe, que eu teño ido por alí, maiormente á louseira, todos me falaron na lingua do país, en galego! Señor, que cargo lle deches ao meu preceptor, a don Benito? Supoño que o ascenderías a Capitán das milicias celestiais, pois de Sarxento xa estivo aquí abaixo, na miña parroquia. Tenche un fondo bo, afellas que si, que ti ben o sabes, mellor cá ninguén, e develutríase por arrinca-lo pecado, pero naceu a destempo; coido que estaría máis cómodo se vivise no século de Torquemada! Con iso e con todo, eu, se me fose dado escoller, ben o quixese de Preceptor neste Seminario caseiro ao que estou apuntado. ¡Era a perfección suma, pretendía selo, aínda que fose con pedagoxía atrasada, iracunda, pouco menos que a lategazos!
-.-

Xefe, se me cadro ante ti, co independente que son, é porque che vexo as estrelas, tantas, que aínda ninguén as deu contado, todas criadas, feitas, por ti, por ti mesmo, que xa é o colmo da omnipotencia; o demais, faragullas! Pero, por se isto fose pouco, aí temos a Paixón, Morte e Resurrección do teu Unixénito, Xesús! Eu non o vin, que van dous milenios diso, pero deixárono escrito uns apóstolos que deron a vida por esa verdade, por semellante testemuña, cousa que ninguén faría por unha mentira; nin o máis mentireiro dos homes! Daquela o seu testemuño é certo, indiscutible; ¿por que haberá ateos, que é igual a dicir soberbios?

¿Soberbios? ¡Si, soberbia, ese pecado maiúsculo..., xeratriz de tódolos demais! Ben instruído diso fun, na miña casa, na miña familia, así que non terei perdón de Deus se o esquezo: A soberbia (altivez, inmodestia, presunción, orgullo, altivez, arrogancia, vaidade, fachenda, impertinencia, xactancia, endeusamento, suficiencia, fatuidade, pedantería, aires, fumes, ínfulas, e demais parentela) implica a satisfacción excesiva pola propia contemplación, desprezando aos demais. Ben mo teñen explicado, así que teño a obriga de pasarlles os consellos aos fillos, e dos fillos aos netos: O soberbio séntese gustoso no seu trono artificial pensando que é mellor e máis importante có seu próximo; por iso nos comportamos de maneira arrogante, aínda que nos resulte visible o refuse que xeremos.

¡Ai, Deus, que obriga me vén de todo iso: a obriga de transmiti-las verdades, a verdade suma, a única importante! Daquela non podo, nin podo nin quero, faltarlle ao meu Xefe, ao Xefe das infinitas estrelas, ao Coronel dos coroneis, ao Rei dos reis, pero, ¿atrevereime a declarar, por máis que teña, e deba, contribuír a que a Igrexa sexa, definitiva e totalmente, mundialmente, Católica? Tamén Xesús, no Horto das Oliveiras, tremeu: "¡Meu Pai, se é posible, arreda de min este cáliz. Pero non se faga o que eu quero, senón o que queres ti!". Despois díxolles aos durmiñóns: "¿Non puidestes velar comigo...? Estade á espreita e orade para que non entredes na tentación. O espírito está disposto, pero a carne é débil". ¡A miña si que o é, moito, pero, por encima do meu sono, das miñas somnolencias, está a túa vontade, Señor, a Túa, a maiúscula!

Eu recibín o obsequio infinito do Evanxeo cando hai tantos que aínda non o coñecen, nin de oídas! Daquela, Señor, dáme luces, acende as túas estrelas, alúmame o camiño, dime por onde se vai ao Ceo, e móstrame con quen teño que falar disto, a quen podo doarlle isto, compartir este don da fe, pois é tan grande, tan absoluto, que chega para todos! Xa sei xa, aínda que por veces o esqueza, que debo comezar por min mesmo, pois mal cristián é aquel que non trata de imitar a Cristo. ¿De que vou predicar, quen me vai crer, se non respaldo as miñas verbas con feitos consecuentes?

Cristo pasou, pero só en certo modo, que ben nos deixou o seu corpo e mailo sangue..., eucarísticos! Como lle dixo á Samaritana, El mesmo, aí temos a fonte da auga viva; e de aí mesmo, precisamente da eucaristía, é de onde se tiran as forzas evanxélicas, pero, Señor, eu non son digno..., mais unha palabra túa abondará para sandarme! Perdóame de antemán para que poda comungar dignamente, que a continuación comezo a clamar: ¡Cristo, a nosa Pascua, resucitou, e daquela a nosa fe é certa, evidente, demostrada, baseada, pois incluso Tomé, o incrédulo Tomé, foi testemuña diso!

Xa que cómpre sementar, teño os meus antecedentes, pois levo sementado todo tipo de sementes, desde centeo a trigo, así que só me falta facelo coa palabra, verbalmente; para iso, hoxe, que é domingo, aquí me tes, coa Biblia na man, aprendendo a facelo. Este libro, o Libro Santo, é denso, certamente, pero tampouco me pides que o memorice, e logo que, ler estes sopros do Espírito Santo, resúltame divertido en tanto en canto é un anticipo da Felicidade, do Gozo Eterno! ¡Amén!

¡Para comezar, dádeme a paz, que tamén o fago eu, inimigos incluídos! Outra cousa: Cando chegue a Presbítero voulles propoñer a eses Cardeais da Liturxia que o rito de darse a paz sexa inicial á Misa; inicial e non final, coidando que leva máis xeito comeza-la celebración en son de paz, pois non ten sentido ofrendar en guerra, consagrar en guerra ao Señor da Paz!
-.-





Cos franciscanos de Safí,
nosos samaritanos,
curándonos daquel atentado do Istiqlal.

Xefe, coa venia, permíteme dicirche, pero apágame o ordenador se me paso, se por un exceso de imaxinación me boto fóra da doutrina prudente, pois prefiro quedar mudo antes que desviarme do camiño correcto, dese que leva ao Ceo; permíteme dicirche, digo, que, con isto do Seminario Autodidáctico, deume por facer introspeccións para compararme cos seminaristas auténticos, cos internos, con eses que xa non son "codeleiros" porque, como son menos, no pote tocan a máis!

¿Por que entran tan poucos, Señor, tan poucos segadores, precisamente agora, con estes modernismos, con estas desviacións, con tanto sucedáneo, con tantos ídolos do sexo e das drogas; palla caída, tirada polo chan? ¡Algún dos que entran incluso se van, foxen pola porta falsa, pola do Bacharelato! ¡Iso non vale, iso é trampa, como dicía aquel Xuíz de Pol! ¿Fano para buscar traballo, para buscar rapazas, ou ambas cousas, asemade?

O que é traballo, traballo e traballos, aos curas de hoxe en día non lles faltan. ¿Que xa non teñen cabalos, nin cabalos nin sancristán que llelos coide de balde? ¡O cabalo, agora, non lles serviría, con seis ou sete parroquias de media, toda unha comarca! O que precisan é un helicóptero, e despois encomendarllo a un sancristán que deixe o cirio e atenda ás hélices! ¿Non voan os anxos? ¡Pois os cregos, outro tanto! En canto ás rapazas, qué máis quixesen que captar un Cura..., coas Licencias de Roma, claro!

Se eu, de rapaz, chegase a Cura, unha vez adestrado, séxase, de confirmada a miña vocación, o primeiro que ía facer sería pedir esas Licencias a Roma..., para casar cunha monxa! Non pode haber mellor apostolado: dous relixiosos educando familia; escandalizando, non; exemplarizando, si! Se un Cura, namorado dunha simple freguesa, foi capaz de xerar aquela Rosalía de Castro, qué non lograrían Cura e Monxa, conxuntados, nun feixe!

Xefe, perdoa, pero teño a tentación de loar ao frade Lutero naquilo de predicar contra o uso e mailo abuso de estraperlar Bulas. ¡Soamente niso, eh, Señor, non me interpretes mal! Isto lévame a lembranza daquel pai dun seminarista, -nunca se me esqueceu, e vai aló medio século-, que, a partir do mesmo día da ordenación sacerdotal do seu fillo deu en chamarlle de "Don" diante dos veciños, ¡e o fillo consentíallo!

Ao meu entender, unha Igrexa necesitada de ouropeis está predicando febleza na súa doutrina, e por tanto, mal feito, contraproducente! A Gloria do Resucitado, do teu Unixénito, dálle abonda dignidade a quen a predica sen necesidade de subirse ás fantasías, por máis que algunha delas se disfrace de rito en honor á grandeza do Señor, do Xefe representado. A Deus, segundo o meu caletre, hónrase de xeonllos, con ritos de humildade, e non con loureiros cesáreos, herdados daquel paganismo prepotente.
-.-

Volvendo aos "Codeleiros": Daquela había dous tipos de carreira, a curta e maila longa, que viña a ser a dos codeleiros e maila dos fidalgos. Despois veu a, digamos, normal, con doce anos ata "cantar" Misa, que en menos non se daba feito. Aquilo si que era chapar latín, que así saían os cregos, tan pícaros que incluso sabían latín: ¡Canto máis latín, máis arriba, máis cerca do Ceo, do deles, e máis lonxe dos labregos!




Señor, dixen "cantar", e non podo retiralo porque me estou lembrando do fillo da señora Emilia de Brañas, de Millares (Valeira), aquela precursora dos "Nacementos", que o expulsaron do Seminario de Lugo pouco menos que a patadas: "¡Fóra de aquí, langrán, e non volvas ata que aprendas a cantar, pois unha cousa é cantar Misa e outra canta-las corenta!". ¿Que culpa tería o rapaz por iso de nacer duro de oído, duro do oído e brando da alma? Señor, ti, para cantar Gloria xa tes os anxos, e aquí abaixo, daquela coma agora, tanto como cantores gregorianos precísanse corazóns sinxelos, e limpos, aínda que teñan a gorxa rouca! Menos mal que cambiaron os tempos, pois agora incluso os "roucos" chegan ao cardealado!

Outro caso, vivo retrato daquela Igrexa elitista que saía a recibi-los matóns..., ¡baixo palio!, foi o de meu primo Manuel, que o expulsaron ao segundo ano simplemente porque o Cura de Luaces informou, descubriu, que aquel cativo era fillo de..., ¡dun roxo! Don Hermenegildo, aquel caudillo que imperaba máis que un Augusto e un Constantino xuntos, que ata fabricaba moedas "Por la gracia de Dios", íase enfadar se chega a saber que na ¿súa? Galicia os Cregos admitían no Seminario aos fillos dos roxos; outra cousa sería se fosen fillos de P., ¡con tal de que iso non fose público e notorio! Naquel Seminario, e coido que os outros funcionarían polo estilo, moito latín e pouca Biblia, pois non chegaran nin ao 22, 15-22, de Mateo, onde o noso Xesús dixo: "... Dádelle ao César o que é do César, e a Deus o que é de Deus". Xefe, dito sexa con toda modestia, ¿non che parece que vou bastante adiantado na miña formación, con todo ser autodidacta, pois xa cheguei ao primeiro dos evanxeos, precisamente este de San Mateo? ¡Daquela axúdame a seguir, déixame chegar ao sprint, e non como lle pasou a meu primo!

Aquí abaixo, nesta terra dos rastreiros, temos o dito de que tódolos toxos teñen raíces... Eses abusos, ou torpezas, que para o caso dá igual, ¿serían as raiceiras, algunha delas, deste anoxamento actual dos seminaristas? Nese caso pídoche humildemente que levantes o teu castigo, que nos mandes unha dose de amnesia para esquecer, para que podrezan esas raiceiras! Señor, ti, que lle ordenaches ao paralítico, "¡Surge et ambula!", ¡Levántate e anda!, quítanos desta parálise, canto antes, e ponnos a andar, para que podamos, de novo, predicar, coa falta que fai! E polo que a min respecta, xa que non teño púlpito, pídoche tinta, tinta indeleble, séxase, desa do Evanxeo.
.../...
Pasa a
AS MIÑAS CONVERSAS CO XEFE
-II-
Xosé María Gómez Vilabella


No hay comentarios: