domingo, 26 de enero de 2014

QUE SE SENTE AO CUMPRIR OS 80?



QUE SE SENTE AO CUMPRIR OS 80?


Meus queridos pais, José María e Irene,
precisamente o día da súa voda,
causa da miña existencia.

Xosé María Gómez Vilabella

 
Coa miña dona, o día que cumprín os 80.
-.-

¿Que se sente ao cumprir os oitenta?

No meu caso, setenta do pasado e dez do actual. ¡Ante todo, e por encima de todo, un fracaso colosal, e por ende, uns remorsos atroces! Como nos bautizaron en latín, así comezarei… Confíteor Deo omnipoténti…, quia peccávi nimis… Para mal empezar, comezamos cunha Ditabranda, que así lle chamaban, pero, anda, que se chega a ser dura…! A verdade é que o Ditador tamén o tivo difícil coas repercusións daquel crack de Bolsa do ano 1929, e por engado, as revoltas sociais duns traballadores que estaban fartos de que os mantivesen coas migallas caídas da mesa do amo…

Comezamos a andar co sol dunha república que naceu polos cerros de Úbeda, ¡catro ilustres, corenta ilusos, catrocentos señoritos temerosos por quedarse sen o cabalo do seu orgullo, fatuo, herdado, e…, ¡catro millóns de españois que clamaban: Panem nostrum quotidiánum da nobis hódie!

Chegou a idade de mandarnos á escola, e daquela puxéronos Cara al sol. ¡Cara ao sol estivemos corenta anos, que así quedamos, cegos, incapaces de distinguir, incluso entre o bo e o malo! Pero no último cuarto do XX xurdiron catro listiños que se daban de profesores, ofrecéndose para unha sobremesa democrática, ¡Nada de pan para todos: pasteis! ¡Si, si, pasteis; pastelería a deles, que se afixeron á rica torta, mesturando a orzamentaria coa extra! E nós, o pobo raso, de novo polo chan, tan de xeonllos que xa nos saíron “beatas” neles; apañando as rafas, de paso que solicitamos, e nos conformamos, con, Panen e circenses!

Daquela, nós, os raseiriños, non temos culpa, non pecamos! ¡Claro que pecamos, principalmente de omisión! Sequera ben se nos propuxo, a golpe de altofalante: "¡Habla, pueblo!”. Pero calamos; tanto, que apenas houbo voces esixentes que pedisen listas abertas…, ¡para escoller os mellores, que haber hainos, como se observa nas directivas de certas empresas!

¡Eis aquí o noso pecado, tan moral, e tan mortal, que incluso nos meteu nunha crise de identidade da que está resultando penosísimo saír! Daquela, ¡ai Deus, que fixemos! Irmán, o pecado non estivo en facer, senón, en omitir! ¿Como así?

Ab initio, os nosos maiores, que non foron capaces de encarreirar unha república, evitándolles aos apeados a ocasión do seu desquite; ¡e púidose facer, simplemente lexislando con pulso e con puga, apagando, de paso, lumes e fumes!

A continuación permitimos que volvesen a Covadonga os magrebís, e que apease do seu cabalo branco ao noso Iacóbi nada máis e nada menos que un tal Mizián, ou Missiano, que quere dicir, “O Bon”, Capitán Xeneral da 8ª Rexión. ¡Oito séculos de reconquista frustrada! ¿É, ou non é, retroceso histórico?

Nisto, as cartillas de racionamento, a cousa máis irracional do mundo. E nós, como daquela non se podía emigrar, que ningún país civilizado nos abría as fronteiras, en vez de sachar na horta metémonos a Gardas, para cubrirlle as costas, para gardarllas, ao galego menos galego da nosa Historia!

É verdade que tan pronto se puido…, ¡fuximos! ¿Para que? ¡Para remesar divisas, reconstituíntes que reconstituísen a nosa Dita-dura, e encima diso, saíron publicadas polo IEME como “Turismo”! Lóxico: a emigración era necesaria pero vergoñosa, vergonzante; e o turismo, un indicador de que o Paraíso Perdido estaba en España, no país do sol e das alpargatas!

A todo isto, boas persoas que somos, polo menos aló no fondo, afanámonos cos fillos, dándolles, non do que tiñamos, senón do que hipotecamos. Foi unha boa obra, pero con outra omisión: ¡Que para facelos felices, escondémoslles as nosas miserias, que así saíron de chulos e desagradecidos, polo menos algún! ¡Ah, pero detrás do pecado, correlativa, sempre vén a penitencia: Agora estase vendo que eses fillos son do máis tirano cos deles. ¡O péndulo de Faucault, que é inexorable!

¡Señor, Señor, fomos traballadores, iso é certo, pero algo manirrotos, tamén! E por engado, crédulos: Para ternos felices dixéronos que España ía ben…, pero calaron, ignoraron, taparon, a súa torpeza directiva, que inexorablemente nos tiña que arrombar ao fondo desta Crise socio económica actual!

A esperanza que nos queda é pedirlle ao Sumo Facedor, cando chegue a hora do noso transo, que teña a ben designarnos Anxos da Garda das novas xeracións, sequera sexa para transmitirlles algo de prudencia, baseados na nosa, ¿terrible?, ¿frustrante?, experiencia. ¡Amén!

(Texto publicado en El Progreso, páx. 65, do "Jueves, 9 de septiembre de 2010")

Xosé María Gómez Vilabella

¿26 ou 28?
A verdade é que nacín o día26 (26.08.1930), pero como meu pai tiña que mallar, non foi a Castroverde, para poñerme no Rexistro, ata o día 28, así que, oficialmente, son do 28.

¿Que pasou no mundo ese ano, que sexa digno de mención? (¡Ademais do meu nacemento, por suposto!)

-Descubriuse o planeta anano Plutón (considerado planeta), polo estadounidense C. W. Tombaugh.
-O tamén estadounidense R. J. Trumpler identificou e mediu a absorción da luz das estrelas pola materia interestelar.
-Outro estadounidense, R. J. Van de Graaff inventou o acelerador electrostático de partículas.
-Na Arxentina dáse o primeiro golpe de Estado da era constitucional sendo derrocado o presidente Hipólito Yrigoyen, marcando o inicio da Década Infame.
-Organizouse en Montevideo o primeiro Mundial de Fútbol, que foi ganado precisamente pola selección anfitriona 4-2 ante Arxentina.
-.-

 

El Progreso do día 26


Emocióname este anuncio. ¡Isto é patriotismo: “Evite que su dinero vaya al Extranjero”! Si, señor, ademais de publicidade, patriotismo!


A todo isto, aínda non dixen que se sente.

A Deus gracias, moi feliz pola familia que Deus me deu, fillos, netos... E pola saúde, tamén, pois, a trancas e a barrancas, como é o normal, fun chegando a estas alturas: ¡pasei do XX, que xa non é pouco!

De ben pensado, moi torpes somos os humanos; ¡co Ceo que esperamos, e non obstante cústanos desarraigarnos deste Val das Bágoas! (¿Non será que lle temos medo ao Xuízo?)

Modestia á parte que se di, fun rematando as etapas vitais: Plantei árbores, teño fillos, escribín uns cantos libros... De propósito, pídolles desculpas aos lectores pola miña prosa, pero..., ¡a poesía non me sae!

Teño un amigo de idade paralela que adoita dicirme, cando me ve: ¿Que, seguimos funcionando? Un día ampliou: “Estou feliz porque me funciona a mente, ¡ou iso din!, así que estou en condicións de olvidar e de perdoar; e logo que aínda non me volvín un amargado, un cascarrabias, un resentido ou un cínico, como vexo que lles pasa a uns cantos da nosa idade. Antes de caer nesas miserias, pídolle a Deus que me traslade de residencia!”.

¿Mandarse mudar? É un dito moi canario, en especial daqueles que se lles facían pequenas as illas e procuraban voar..., así fose para o Sáhara! A mudanza para o Ceo tamén é desexable, maiormente antes de que veñan os achaques, pero iso é función, potencia do Creador, así que, mentres, o dito: ¡funcionar!

Cando estou solo teño a impresión de que se me acabaron as ideas, ¡xubilado, que non xubiloso!, pero este puñeteiro ordenador tira dos meus dedos, así que, de cando en vez, solto algunha emanación; no sei se acertadas, pero..., sáenme dos dedos! ¿Tiña que ser da cabeza? Nese caso, cando empece a divagar, avisádeme..., ¡para corta-la comunicación!

Din que aos vellos nos entra a soidade... Confeso que non é o meu caso: A familia, e tamén eses catro amigos que me quedan, seguen animando en min, así que, entre eles e mailo ordenador, aquí me tedes, ¡tan feliz!

O que me gustaría é poder facer algo, algo útil, para mellorar o mundo circundante...; para mellorar, non, que son pouca cousa para iso, pero colaborar un pouco, si, pois, con esta moda de radiar, de imprimir e de televisar crimes e desgrazas, moi impotente se sente un de non poder axudarlles aos temoeiros, curas, frades e monxas, para endereza-los rumbos. ¡Farei o que si podo, que é rezar, pedir, e non só para min!
-.-

   

Os retrovisores da vida


Os retrovisores da vida teñen os mesmos defectos que os retrovisores da vía: ¡teñen ángulos mortos, zonas, aspectos, que nos pasan desapercibidos! Nos da vida, a maiores, témolos inconvenientes da nosa miopía intelectual, sumada á nosa subxectividade.

Coas limitacións susoditas, pero temos tres, ¡tres retrovisores! O da propia existencia, ese “eu, e mailas miñas circunstancias”. O do medio ambiente circundante, que abarca os nosos colaterais. E de terceiro o da Historia universal. En canto a este último  nunca se me esqueceron dúas leccións maxistrais daquel profesor que tivemos en Madrid, polos anos 40/50, no Centro de Estudios Mercantiles y Económico, (calle de la Bola, 8), señor Perrino. Ensinaba que, Historia es la sucesión de los sucesos sucedidos sucesivamente a través de los siglos. Pero que a Historia había que lela entre liñas, porque ninguén se molestaba en explicar a causalidade dos sucesos. Perrino fora taquígrafo nas Cortes da República, así que vira e oíra moito máis do que daquela saía nos periódicos. ¡Ter vos mestres, despois da familia, é algo impagable!

O que a este servidor lle puidese pasar, en todo caso é asunto da miña biografía íntima, así que pouco terá que plaxiar, pouca utilidade de tipo xeral.

Máis importancia ten o que foi pasando no meu arredor, así que, nesta análise, parareime uns minutos. ¡Uns minutos para reflectir oitenta anos, pouca molestia é!

No 30 mandaba Berenguer. ¡Era a dictablanda, tan branda, tan desapercibida para min que daquela só atendía ao biberón, amén dalgún balbúceo: pa-pa, ma-ma...! Polo que despois lin, e souben, daquela estabamos na agonía da Restauración borbónica, do reinado de Alfonso XIII. Naquel período houbo dous gobernos, o do Xeneral Dámaso Berenguer, formado en xaneiro do 30, ¡que estaba eu recén xerado!, e ao seguinte, un almirante fíxose cargo da nao gubernamental, Juan Bautista Aznar. Seica lle chamaron “dictablanda” porque nin continuou coa ditadura anterior, nin restableceu a Constitución de 1876, nin convocou eleccións para Cortes Constituíntes, nin..., ¡nin salvou a España de que os republicanos se acollesen ao temón das eleccións municipais do 31!

Mentres, en Montecubeiro, a principal das preocupacións era que lles tocase para África aos nosos rapaces. ¡Niso tamén fun o último, pero, vinte anos despois!
-.-


¿Que lle debemos na miña bisbarra á crise do 29?

Por paradoxal que pareza, moitísimo! Por causa directa daquel crac, dos nosos emigrantes os más capacitados perderon en América os seus “choios”, e volveron ás raíces, con xenerosidade e con ideas brillantes, ¡apresas, copiadas, alén do Atlántico! Entre outras leccións e experiencias, fundaron cooperativas, tales que a Unión de Labradores de Montecubeiro, a Sociedade de Mosteiro, etc. Fixeron bo ese dito de que, Non hai mal que por ven non veña!



De Galipedia:
“A Unión de Labradores de Montecubeiro foi unha sociedade de carácter republicano e anticaciquil, con fins recreativos, culturais e cívicos, fundada na Segunda República en Montecubeiro (Castroverde).
“Pretendían mellorar a agricultura, o desenvolvemento social e representar os intereses dos labregos. En xuño do ano 1931 aprobouse o seu regulamento. Posteriormente no mes de xullo de 1931 constituíuse a sociedade e elixiuse a primeira directiva inscribíndose no acto trinta e cinco socios da parroquia de Montecubeiro e arredores. Colaboraban con outras asociacións republicanas da rodeada. O 20 de outubro de 1935  asistiron á inauguración da biblioteca escolar na aldea de San Bernabel, promovida por Argimiro Rico Trabada (a nai era de Montecubeiro). Segundo unha acta de decembro do ano 1935 había 219 socios. No mes de febreiro de 1936 patrocinaron un mitin organizado pola Coalición Republicana no campo da feira de Castroverde facendo a presentación dos oradores o señor Sarille de Montecubeiro (Bonifacio). No ano 1936 e 1937 a Unión de Labradores sufriu a represión. Varios socios e familiares foron detidos, expedientados ou asasinados”.
Engado: A biblioteca da Unión foi das primeiras “circulantes”, que tivo Galicia, e para iso, no medio rural. Outra das súas innovacións foron as representacións teatrais por afeccionados; eu asistín a unha delas, ¡con cinco anos!, pero lémbrome perfectamente de que tiñan a bandeira tricolor izada no corredor, e de que a nosa prima, Asunción Gómez Ameiide falou naquel teatro ao pé dunha lareira. ¡Gracias, emigrantes, polo que espertastes nos morgados, neles e nos seus fillos!
-.-


Pero no resto de España aquel esborrallamento de Wall Street tamén é digno de mención, ¡de mención e de estudio, de escarmento!

¡Nin un solo valor se librou da debacle! Ocorreu o 24 do outubro, xoves, que de aí vén iso dos “xoves negros”. Pero tamén se di que, “en martes, e trece, ni te cases nin te embarques; eu, ¡nós!, embarcámonos, ¡por poderes, a tres mil quilómetros!, e aquí nos tedes, dándolle grazas a Deus, pois tan mal non nos foi!

Os libros da Historia din, ¡e non só entre liñas!, que foi o comezo da peor crise económica do mundo occidental. O parqué de Nova York non recuperou os niveis anteriores á crise ata o ano 1954. ¡Quebraron incluso os bancos do xardín, pois houbo mortes repentinas, suicidios incluídos!

Daquela a globalización aínda estaba en mantillas, pero os seus efectos, como deixo dito, a nós repercutiunos, maiormente nos negocios e/ou empregos dos nosos emigrantes asentados en América. Polo que respecta a España, ademais diso, ocorría, e concorría, que éramos un país agrario, cunha industrialización incipiente. Os 20 foron vos para España, en particular pola nacente exportación: os países europeos quedaran anémicos da Primeira das mundiais, e con iso aproveitamos para enchérlle-la boca.

O primeiro dos efectos, o más visible, foi a depreciación da peseta, que en vez de subir, baixou, pasando dun cambio de 5,85 pesetas por dólar, no ano 1928, a 7,25 en decembro do 29. Pero non parou aí a cousa pois no ano 1932, ¡eu ía para arriba e a peseta para abaixo!, caeu ata 12,42 por cada dólar, ¡por cada dolor!

As nosas ¿autoridades? non acertaban nos remendos, ¡de tantos rotos que se nos viñeron enriba! Daquela os parados nin soñaban con ningún tipo de subsidio; a inmediata era..., ¡pedir polas portas! O Goberno, nos seus ensaios, ata aprobou unha lei de Términos Municipales, que prohibía a contratación de traballadores doutros lugares habendo desempregados no municipio propio. A partir do 35, precisamente cando a situación económica comezaba a mellorar, os caciques perderon a paciencia, e, alentados polos militares que estaban acomplexados das derrotas que viñan arrastrando (primeiro en América, e despois en África), botaron man do fusil..., ¡para recuperar as alturas!

Da guerra de España, que? Tanto se leva falado dela, que xa me rela o tema. Chégame con lembrar aquelas cartillas do racionamento...


que me crispaban. Teño imborrables aquelas escenas da calle Prim, que, a últimos dos 40, cando saíamos de recoller o pan no Batallón de Infantería do Ministerio do Ejército, unhas mulleriñas con cara de esfameadas propoñíannos que lles vendésemos o “chusco”. O que non lembro era a como nolo pagaban.

Despois de tanta guerra, e de tanto escribir ao ditado, nesta Europa dos meus pecados ¿asentouse a democracia? ¡Iso din nos mass media, pero eu teño as miñas dúbidas; polas trazas, aínda queda dedocracia, que é algo que me molesta moito, moitísimo!
-.-


Se me preguntan Arriba, que?

Se me preguntan, no meu Exame, no meu Xuízo, no Definitivo, pola miña responsabilidade nestas oito décadas terreais, que penso dicir? ¡Pois, a verdade: que non vou satisfeito do que deixo atrás; que progresamos no material, no científico, pero algo menos no ético; que nos fixemos un tanto egoístas, egocéntricos, coa ambición de abarcar moito aínda que fose a cambio de apertar pouco!

Na miña crianza, polo menos na miña aldeíña, tiñan o prurito de face-las cousas ben feitas, o mellor posible cos medios entón dispoñibles. Preferían poucas, pero boas. A palabra dun home, de cada home, daquela, era unha escritura. Hoxe en día, nin dos políticos se pode un fiar. Todo o mundo se cre competente; e aínda que non sabían do Credo a metade, non se cohiben de rexer o mundo. En canto ás verbas das mulleres, soaban a gloria: agarimosas, lentas, melodiosas; ¡namorarse delas, de todas e de cada unha, sen excepción, era un pracer, un encanto; parecíanse máis, moito máis, á Virxe María que á Avoa Grande, aquela Eva das mazás! Por certo, ¿estará no Ceo, perdoaríalle Deus? ¡Teño que preguntalo!

¿Quen tivo a culpa deste retroceso? ¡Todos e cada un, pois, tanto ambicionamos que nos pasamos! Eu mesmo, se tivese que volver a comezar, repasaría mellor as leccións, para afondar nelas; e antes de dar por terminadas as zocas, meteríalles unhas formas anatómicas..., para que non lles saísen calos ás rapazas! Tempo adiante, en vez de traballar nun Banco, que veñen a ser covas de Alí Babá, meteríame a frade; ¡o peor da decisión sería ter que facelo antes tempo, antes de que os cardeais se decidan polo matrimonio, pois para iso teñen que repasar a Biblia, lembrarse de que San Pedro, o primeiro dos Papas..., tivo sogra! En canto ao de escribir...; ¡púxose de moda facelo sen apenas documentarse, e así andamos de trolas!
-.-

Xosé María Gómez Vilabella



No hay comentarios: