.../...
Falando da Sagrada Familia, ¡que grande é a familia! Por conseguinte, ¡que desgraciado aquel que non a ten , que a perdeu, ou
que lla desfixeron, que tamén ocorre!
Vulgarmente
dicimos “ter familia” referíndonos aos matrimonios que teñen descendencia. ¡Familia
témola, ou tivémola, todos, pois non coñezo a ninguén que viñese de París! Sendo
a situación básica e normal da Humanidade, ¡que pouca importancia lle damos...,
algúns, e ás veces!
Na miña infancia
cando se nos preguntaba ¿de que casa es?, ben entendíamos que se referían á
familia. Unha familia acreditada non precisaba brasón para verse, e sentirse,
honrada; ¡é algo precioso pertencer a unha boa familia! Por iso, cando algún
parente fai, ou facía, unha dellada, era, e aínda é, coma se nos caese un raio
na caluga: ¡abatíanos a cachola!
O caso é que os
nenos de boa familia non adoitan saír soberbios; a soberbia está nos brasóns
daqueles que gustan de vivir coa suor ¡dos de enfronte! Soberbia, non, pero
satisfacción moita, pois a sona das boas familias vén a ser unha sombra que nos
estimula ao longo da vida. ¡É cousa de moito agradecer, aínda que non sempre o
fagamos!
Cando alguén fai
unha dellada, os tribunais adoitan condenalo a indemnizar aos prexudicados,
pero nunca, ¡nunca, que eu saiba!, houbo unha sentenza que os condenase a
indemnizar á propia familia, que tamén resulta prexudicada, e por veces, máis
que as vítimas directas.
As familias fanse
e desfanse; teñen o seu lévedo, coma o pan na artesa, que abarca toda a
fornada. Para ben, ou para mal, segundo os casos, segundo e como son as
actuacións. ¿Que os parentes non teñen mérito, ou non tiveron culpa? ¡Claro;
pero a escuridade da xente non adoita entrar en detalles: xulgamos con présa,
con subxectividade, sen aternos ás contaminacións que esteamos provocando!
-.-
Escolas de pais / escolas de fillos. Sempre me preguntei, e preguntei, por que, na nosa civilización, que a
damos por culminada, non hai escolas, específicas, de pais. Como seguramente
hai pais máis cualificados do que son eu, non me decido a fundalas, pero si
creo que fan falta, cadora máis!
Ao pedir as
amoestacións, os párrocos adoitaban facerlles aos noivos un pequeno exame
relixioso; hoxe, nin iso. Imos ao matrimonio máis verdes cás leitugas; nalgún
caso, seica levan decidido se queren ter fillos ou non, pero, ¿o das escolas
paterno/maternais? Mira que hai especialidades, e másteres, de todo; do único
que non hai máster es de facer palleiros..., porque xa non hai palla, que todo
se trilla!
Matinando niso:
Habería que comezar por escribir os libros de texto desta materia pois, para
abrir academias, primeiro será forma-los profesores. Pregunteille á miña muller
se, nos seus días da Normal, lles falaban acerca da formación paterno/filial, e
medio se riu: -¡Ti, que escribiches un libro acerca das Mestras das saias
longas, e pregúntalo? A Normal de Lugo, e as outras seica eran polo estilo,
formaba beatas..., beatas que rabiabamos por casar, que por iso alternabamos a
Catedral co Paseo dos Cantóns!
Aínda estaba eu
meditando no tema para seguir redactando, cando vexo á miña dona cuns papeis na
man, impresos co seu ordenador:
-Para aí, que che
traio unha información preciosa...
-¿A quen
preguntaches, pois as túas colegas, que eu saiba, non fixeron ese máster!
-Foi unha profesora
moderna, que lle chaman Internet... Explicouse:
-Aló en Colombia,
que por algo os fundou Colón, aquel galego..., ¡xa teñen iso, Escuelas para
Padres y Madres, oficialmente, creadas pola Ley 1404, do ano 2010!
Fíxenme cruces; e
ela seguiu: -En Colombia colléronche a dianteira, pois eles xa viñan opinando
que os nenos non traen prospecto, e por iso, ser pai, ou nai, é a única
profesión na que primeiro se acada o título, e despois fan a carreira. (Aquí en
España, seica, iso é propio de certos políticos). Os colombianos que propuxeron
a súa Lei declararon que o seu propósito era “crear un espacio para brindarles orientación, apoyo y herramientas que les
permitieran fortalecer lazos afectivos, desarrollar pautas y adquirir
habilidades para que sus hijos crecieran sanos y felices”.
¡Que listos; como se ve que son da escola de don Cristovo!
Agora é tarde,
pois os nosos fillos xa teñen gromos, que se eu estivese en idade, daquela
quitaba billetes para Colombia, e coa miña dona aló nos íamos..., ¡á súa escola
de pais! Xa que é tarde para nós, vóullelo propoñer aos netos!
-.-
De ben nacidos é ser agradecidos. Non
teño ensaiado o que lles direi a meus pais cando os vexa, de novo, Arriba. Non
o considero necesario, pois, ¡da abundancia do corazón fala a lingua! Estou,
vou, tan agradecido deles, que me sairán as verbas xustas, as apropiadas, as máis
cordiais. Meus pais non tiveron escola de pais, pero, ¡atinaron! Atinaron
porque lle puxeron corazón á miña crianza, así que, se non saín listo, ou preparado,
agradecido si!
Con meus pais e coa avoíña.
Temos dous
compoñentes: O que nos fixeron, sumado co que fixemos nós. Daquela, ¿que
deixamos en herdanza? Dúas, dous legados: o material, e mailo inmaterial. Polo
material pagámoslle a Hacienda; polo inmaterial, ¡que é o mellor, cero! A
elección está clara, pero fan falta as dúas, as dúas herdanzas.
Para ao dicionario
da RAE hai tres tipos de herdanza: Bens, dereitos, e obrigas, transmisibles;
trazos morais, científicos, ideolóxicos, etc., que se nos foron, ou van,
pegando; e tamén os caracteres anatómicos e fisiolóxicos que nos dan, e
definen, a nosa forma corpórea. Os bens valorámolos, que incluso preiteamos por
eles, pero as calidades, con ser o de máis valía, véñennos gratis datis.
Á vez que rezo polos mártires do meu Montecubeiro,
lémbrome de meu pai, e agradézolle a Deus que contivese as pezoñas
daqueles animais, ¡menos animais cós do cuarteliño de San Cibrao, iso si!, que
durmiron con meu pai,
tres ou catro meses, na nosa pedreira da carballeira, escondéndose, el,
dos seus perseguidores.
¡Meu pobre, canto
sufriría no seu perigo de deixarlle á muller un par de fillos a medio criar; e
ela, tamén, á vez que polo home polos seus nenos! ¿Don Hermenegildo foi
Caudillo de España pola gracia de Deus, ou pola do diabro? ¡Como se riría o
diabro véndoo debaixo do Palio!
Deixar bens
materiais aos fillos é a preocupación e maila ledicia de moitos pais, pero eu
agradézolles aos meus, ¡máis, moito máis!, os traballos que pasaron para
criarnos tal e como somos: ¡cos nosos defectos, pero orgullosos polo seu
esforzo en subirnos ao poleiro! Na memoria quedan, por días de vida, todas
aquelas cousas que nos impactaron. Parentes, veciños e amigos ben me oíron nos
funerais de meu pai: “Ensináchesnos a ler, pero antes cá iso a rezar; gracias
por todo, meu querido pai!”
-.-
Tema inesgotable...
O da familia si
que o é. Nunca se dirá abondo, nunca se escribirá abondo, pois a familia é a
raiceira que sostén e que nutre á humanidade. ¡Cantos máis somos neste mundo,
máis grande e máis complexo é o concepto de vida familiar!
Fernando Savater,
no seu libro El valor de educar,
dixo: “Nacemos humanos pero eso no basta:
tenemos que llegar también a serlo”. E noutro apartado
do mesmo libro volve a queixarse:
“la educación ha perdido el norte y ha olvidado su objetivo fundamental: la
formación de la personalidad”. Amodo, don Fernando,
non se nos poña dramático, que algo de razón ten, pero estas crises, sexan na
familia ou en certos lugares, son movementos a estilo péndulo de Foucault,
¡vaivéns! No seu control, a relixión católica podía ter feito algo máis, máis e
mellor, pero..., ¡somos de carne, e por tanto, débiles! Cristo, con toda a súa
paciencia, debe estar ben enfadado de que en XX séculos de predicación sigamos
sendo tan fariseos, tan aparentes, tan..., volubles! A ver agora, que comezan a
predicar as monxas; a ver se elas son máis persuasivas cós homes!
Falando de
mulleres. Nuria Otero Martínez, unha muller moi lista, ¡adoitan selo todas, ou
case todas!, si que entende o mundo, esta cocteleira á que chamamos mundo: “El término de interculturalidad se refiere a la
interacción entre culturas, donde se concibe que ningún grupo cultural está por
encima del otro, favoreciendo en todo momento la integración y convivencia de
las partes. En las relaciones interculturales se establece una relación basada
en el respeto a la diversidad y el enriquecimiento mutuo; sin embargo no es un
proceso exento de conflictos; estos se resuelven mediante el respeto, el
diálogo y la escucha mutua. Es importante aclarar que la interculturalidad se
ocupa tanto de la interacción que ocurre entre un chino y un bolivariano, sino
además la que sucede entre un hombre y una mujer, un niño y un anciano, un rico
y un pobre, un marxista y un liberal, etc.” ¡Que si, Nuria, que a
intercomunicación comeza nos matrimonios, e cando falla a
comprensión e / ou a acomodación, veñen os divorcios!
¡Co ben que se
levaba a Sagrada Familia, e o que nos pode protexer se llo pedimos con
humildade, e nin así nos molestamos en ter nos dormitorios un cadro que a
evoque! Lembremos a congoxa que tiveron a Virxe María e mailo seu Xosé cando perderon
a Xesús volvendo de Xerusalén. Lucas 2, 44,52. “Coidando que iría na comitiva, fixeron
unha xornada de camiño; entón buscárono entre os parentes e coñecidos. Pero
como non deron con el, volveron a Xerusalén para buscalo. E resulta que, ó cabo
de tres días, atopárono no templo, sentado no medio dos doutores e dialogando
con eles (¡tiña doce anos!). Tódolos que o escoitaban estaban asombrados do seu
talento e das súas contestacións. Ó velo, ficaron moi impresionados, e a súa
nai preguntoulle: -¡Meu fillo! ¿Como te portaches así connosco? Mira que teu
pai (Xosé, pai putativo -putativus = reputado, considerado -de Xesús) e mais eu
andamos cheos de angustia en busca túa. El respondeu: -¿E logo, por que me
buscades? ¿Seica non sabiades que teño que estar na casa de meu Pai? Pero eles
non entenderon a resposta. Baixou con eles a Nazaret, e vivía baixo a súa
autoridade. A nai conservaba todas estas cousas no seu corazón. Xesús medraba
en estatura, en sabedoría e en gracia
diante de Deus e mais dos homes”. ¡Para escola da vida, aquela de Nazaret!
¿Que hai para
aprender no fogar de cada quen? ¡Máis do que cabe nunha enciclopedia, por
humildes e sinxelos que sexan os pais, os avós, os tíos..., toda a familia! O
abecedario dos valores: A tolerancia coas ideas, opinións e crenzas dos demais;
o respecto coas persoas, animais e medio ambiente; a responsabilidade cos nosos
deberes e obrigas; a facultade que permite ao ser humano tomar decisións e
actuar segundo a súa intelixencia e vontade, con esa liberdade que funciona
cando hai un equilibrio entre os dereitos respectivos; a responsabilidade e
maila honestidade nas eleccións, de cultivada a conciencia; cumprimento das
obrigas, sen trampas ou enganos; etc., etc. ¡Deus, que herdanza tan grande a
dos fillos, por pobre que sexa a súa familia!
Por citar só unha
autoridade, a daquel Jaume, que dixo: “Meu pai sempre dicía que o mellor regalo
que un proxenitor pode deixar aos seus fillos é inculcarlles principios éticos
de moral, xustiza e equidade, ademais de valores como o respecto, a honestidade,
a lealdade e maila responsabilidade”. Rapaces, anotade, pois por veces as
árbores dos antollos non nos deixan ver o bosque das virtudes!
-.-
O escangallamento familiar no XX por culpa da guerra, o SMO,
as familias numerosas e maila emigración.
A
guerra só foi boa para as mulleres, en certo sentido, que será cousa de
explicar para que se entenda ao dereito: Coa ausencia dos homes (mobilización,
fusilados, e/ou perseguidos) as mulleres ocupáronse dos dous roles: criaron os
fillos e atenderon á labranza, ás feiras e tamén aos traballos que viñan
considerándose “impropios” do seu sexo. Con iso, con esa labor enciclopédica,
acabóuselles aquilo de “coser e cantar”, asumindo categorías igualitarias; máis
aínda, porque sen abandonar as súas típicas especializáronse nas atípicas.
Porén o franquismo non llelo recoñeceu, pois abocounas á “Sección Femenina”, ademais de manterlles
a súa maioría de idade nos 23 anos (a dos homes estaba nos 21), precisar de
autorización marital ou xudicial para aceptar a súa propia herdanza, amén
doutras humillacións que xa temos esquecidas.
Ausentes
os rapaces, no mellor da mocidade, as mozas..., de faldra longa: casar con
vellos ou viúvos, ou vestir santos! Os outros aínda estaban verdes, imberbes. Volveron
da guerra máis machistas do que xa eran; uns, cansados, e os outros, viciosos;
¡parellas desaparelladas! Moitos reengancharon, ou quedáronse de gardas,
asentados nas cidades. ¡Total, un desequilibrio!
Os
que seguían no país cargáronse de fillos, así que a curva da fame e da
desintegración familiar subiu máis alta cós carballos.
Despois
da guerra, o servicio militar obrigatorio, na idade de comprender e de
devolver, cos seus dous ou tres anos de milicia tamén ocasionou un bo desgarre
nas familias.
A
emigración subseguinte foi outro roto, un descosido mal remendado polos xiros
de América; Europa aínda estaba cicatrizándose da II Mundial.
Consecuencias. ¡Ningunha boa! O
silencio nos fogares, por unha parte, que non había ganas de falar, e por outro
que tampouco conviña polo perigo de que a infancia inocente falase fóra do oído
dentro, e con iso..., máis perigos! Cando os ausentes deixaran nenos, estes
pasaron ao colo dos avós, vellos, cansados, amargados, máis en idade de recibir
que de dar.
Pros
e contra das melloras. Sen mellora, que a típica era de dous terzos, ¿que
morgado asumiría os problemas dunha casa, coa envexa que se lles tiña aos
emigrantes; aos que volvían ricos, pois dos outros só Deus sabía! Sen mellora, ¿que
seguridade tiñan aqueles vellos sen pensión, sen seguridade social, de ser
coidados e atendidos! Sen mellora do morgado, ¿que moza se decidiría a casar
para unha casa de fóra, por veces lonxe da súa, nin que pais lle darían dote se
non se lles rexistrase ás noras no prado da porta!
A
envexa entre irmáns era cousa diabólica: O segundo tíñalla ao morgado, e así
sucesivamente, pois nin o cariño nin os bens chegaban para satisfacer aos
demais; ¡nalgún caso, oito ou dez! Os invernos eran fríos, e as noites tan
largas que, aos nove meses, ¡colleita, outono!
Da
emigración xa teño falado, noutros libros; ¡e agora, de vello, non me apetece
chorar!
-.-
A complementariedade dos
veciños
A
función dos veciños, diferenciando o campo da cidade, pouco ten de común. Xeralmente
damos moita importancia á situación comercial, urbanística, rede de
comunicacións, beleza ou fealdade do emprazamento, e cousas así, pero apenas
nos detemos, e nos informamos, acerca da sociabilidade do emprazamento ao que
pretendemos trasladarnos ou situarnos, sexa vivenda fixa ou de recreo. ¡Pois a
tipoloxía dos veciños tamén conta, moito!
A
verdade é que con tanta migración campo-cidade como tivemos nas últimas
décadas, movémonos, coma o mar, por ondas. Unha anécdota curiosa foi a da rúa
Barcelona, na Herculina, que todos, ou case, eran de Lugo. ¡Uns tiran dos
outros, que sempre foi así desde os nómades!
Sentirse
a gusto coa veciñanza, comungar cos seus ideais, contribúe, moito, a facernos a
vida agradable; ¡ou viceversa!
A
cultura, ¡a xente!, móvese, viaxa, cruza
fronteiras..., dando e recibindo, así que os lugares, sexan urbanos ou rurais,
van transformándose, evolucionan, para ben ou para mal, a unha velocidade que
non sempre percibimos, pero que existe. Non só viaxan e se intercambian os
produtos, senón a xente; estamos abocados, seguramente a prazo relativamente
curto, a unha mestizaxe que, cando ollemos desde o Ceo, en cousa de dous ou
tres séculos, diremos: “¿Pero ese é o lugarciño, o barrio, no que vivín
daquela, no século XX?”. Parafraseando ao noso Curros Enríquez, tamén diremos,
aínda que só sexa en broma: “¡Se ese é o mundo no que vivín, que o demo me
leve!”. ¡E menos mal que, de pasada a fronteira do Ceo, o demo xa nin leva nin
trae!
Tanto
cambio imos ter, van a ter os vindeiros, que ata é probable que en vez de ir
tódolos días ao súper, a onde vaian sexa á horta; ¡as hortas, que no XX pasaron
a solares, se houbese forma de retirar o entullo dos rañaceos que vaian caendo,
daquela verémolas con leitugas!
No
portal da miña torre...; máis exactamente, da torre en que vivo, non hai mes
que non me atope con caras novas; ¡daquela, ou preguntarlles, ou poñe-los ollos
nos ascensores para ver a que piso suben! Na aldea axudabámonos en canto fose
preciso, pero aquí, con chamar ao 112!
-.-
Nun
tris pasamos do campo á cidade, do XX ao XXI, e tamén da correspondencia postal,
familiar, á caixa das facturas. ¿Cal
será o paso seguinte?
-.-
¡Pobre Galicia, que mala
sorte tivo!
O
caso é que todo comezou ben, daquela que nos libramos do diluvio universal;
achegouse Noé, coa barca, e vendo que a Fisterra estaba verde, relucente...,
¡apeouse, fundando Noia! Coa borracheira, os fillos ríronse del, e aí comezou o
castigo divino:
Xa
estaban os celtiñas tan felices, cos seus druídas debaixo dos carballos,
comendo castañas eles, e landras os irmáns, cando os romanos, sempre cobizosos
de come-lo trigo coa suor dos de enfronte, ¡o seu eran as leis para eles, e a
escravitude para o próximo!, ousaron pasa-lo Letes, ¡aquela Limia, ou Lima, do
esquecemento!, e con Ciro de matón, ¡ala, ao Mons Ciro, ao Medullius!, onde os
nativos, de desesperados, coas lagoas secas por culpa do verán, veña suicidarse
co zume dos teixos. Encima do agravio, e iso que se dicía que Roma non pagaba a
traidores, van os romanos e danlle de premio as terras dunha parroquia
exuberante, á que se lle daría o nome de Cirio. (Terras de Ciro).
(O
Limia, ao cruza-la fronteira actual, dá en falar co galego do Sul, con cadencia
de fado, así que lle adaptan o nome e pasan a chamarlle Lima. Este río do Hades
vai dando vida a un val frondoso de pizarras e de carballos, ¡todo verde, desde
as herbas ao viño!).
Santiago
apiadouse de nós, e tróuxonos o Evanxeo, pero, nunha visita ad limina que lle fixo a Pedro, aló en
Xerusalén, decapitárono! A Virxe, que xa o animara a volver, a continuar o seu
apostolado, desde aquel pilar da Seo de Zaragoza, daquela en construción,
animou aos seus discípulos para que o devolvesen a Galicia, de corpo presente,
e así foi, aproveitando unha lancha daquelas que ían e volvían levando pedras
de Porriño para os monumentos romanos. Está visto que nos protexe a Divindade,
pero o diabro segue envexoso.
Deus,
compadecido dos Gallaécicos, empobrecidos polas rapinas romanas, propiciou o foedus dos suevos. Os romanos esgotaran
a escravitude, utilizada, exhausta, na construción da muralla de Lugo, esa arca
pétrea onde gardaban o viño de Amandi, o trigo dos Flammossos, o ouro e maila
prata do Azúmara, ata que volvían de Tui as súas barcazas, Miño arriba. En Tui
transbordaban para aqueles quinquerremes que facían a ruta Roma-Minius.
Posición dos escravos nos quinquerremes
Os
romanos, oficialmente, déronlles aos suevos un quinto das nosas terras baldías
para que as labrasen, ¡co arado romano, claro!, decruándoas, cando xa lles chegaban
os incendios ao Lucus das murallas, pero aqueles bárbaros, ¡que non o eran
tanto como Roma pensaba!, de limpas as terras fixeron prados, e neles, outra
vez no verde, ¡vacas marelas! Un daqueles pasteiros foi o pobo da miña dona,
Rois, que lle puxeron así porque era unha xunqueira, que iso é Rois en alemán,
¡xunqueira! Alí ao lado, Suegos; máis arriba, Bergland, etc.
A
desgraza dos suevos estivo en que seus primos, os godos, tivéronlles envexa, ¡preitos
familiares!, e puxéronse a mangonear. O arrianismo dos godos deu que facer, ¡e
menos mal que Deus lles mandou a San Hermenegildo! San Hermenegildo, o Santo,
que non aquel do Ferrol, este bárbaro do século XX, pois o de agora, de santo,
nin debaixo do palio!
Morto
San Hermenegildo, aqueles godos non deron unha puntada con acerto. ¡Por algo os
canarios nos chaman “godos” aos peninsulares. Trampearon cos mouros, cos
berberiscos, e estes dixéronlles: ¡Ai, si, pois xa veredes o afiadas que temos
as gumías! Déronlles a oportunidade que viñan agardando desde os tempos de
Mahoma:
Don Rodrigo, arengando.
A batalla no río Barbate,
“de Guadalete”, ou da “laguna de La Janda”, seica pasou entre o 19 e o 26 de xullo
do año 711. Coa lagoa seca, os musulmáns, pícaros eles, -Abd el-Krim, no XX,
utilizaría a mesma estratexia-, fixeron táctica de guerrillas, e así, con menos
forzas fixeron máis forza. Á metade do combate, o xeneral Sisberto, pola ala
dereita, xunto co bispo don Oppas e mailos fillos de Witiza, uníronse a don
Julián. Si, don Julián, aquel de Florinda la Cava! Tarik illou a Teodomiro e
empurrouno para o Este. O resto das tropas musulmáns, con reforzos e desertores,
rodearon a sección de don Rodrigo. ¡Moi fantoches, e pouco precavidos! Do rei
don Rodrigo díxose que o seu cabalo trotaba só, portando o manto real
ensanguentado. Quedaron lendas contraditorias: uns creron que se puido salvar e
que fuxiu cara ao reino lusitano; outros que morreu no combate e que mandaron a
súa cabeza ao califa de Damasco para celebralo; outros máis que caeu
prisioneiro, e que acabou en Marrocos, de escravo, comendo figos chumbos.
¡Misterios da Historia!
Un suevo, don Pelaio, (Paio, Pelagius, ao que os godos engadiron unha “y”
grega”), que seica era conde do Flammosso, botouse cara ás Asturias cando apreciou
que se lle achegaban os musulmáns,
que xa chegaran a Covadonga, pero de alí non pasaran porque as súas babuchas
achantábanselles na neve dos Picos de Europa. ¡Con el ía Santiago, sempre
defensor dos galegos, e gañaron a batalla, como non podía ser menos! Esa
comenencia de que o mando estivese cerca da fronteira, para mellor defendela, sentou
un mal precedente, un precedente centralista, pois, de alí en diante, primeiro
desde Cangas de Onís, despois Ovetum, despois León, Valladolid, Toletum,
Madrid..., os reis sucesivos, que xa eran recastados de godo, sempre utilizaron
aos galegos, -obedientes nós, empobrecidos de tanto soster a chamada
Reconquista (só se reconquista o anteriormente conquistado), ¡igual que fixo
Franco no XX, outro galego, aproveitándose dos galegos, ¡de balde, pois aos
mouros, que tamén lle axudaron, prometeulles o Paraíso!, -para as loitas
castelás. ¡Ata quedaron nomes, topónimos galegos, así que, o que non está nos libros,
está nos nomes! En Estremadura, con paisanos nosos poboáronse Gallegos de
Argañán, San Felices de los Gallegos, la Bouza, etc. Polo Val de Ejas. No
Jertes (Xerte, que igual lle vén o nome dos enxertos feitos polos galegos)
temos Tornavacas, Piornal, etc. Primeiro as guerras, ¡Galeguiños, de fronte,
ar!, e coas guerras as segas. Cando a fronteira se achegou a Granada, ¡5.700
¿voluntarios? galegos ás ordes do conde de Lemos! Igual que despois Franco, os
nosos cabecillas upáronse sobre os submisos
da Suevia! Polas Alpujarras quedou un feixe de apelidos galegos: Gallego,
Gallegos, Puga, Loureiro, Funes, Carballo, Santiago, Pereira, Lemos, Dapena,
etc.; e de lugares: Bubión, Capileira, Pampaneira, Pitres, Ferreira,
Ferreirola, etc. ¡Galegos, primeiro a conquistar, e despois, a decruar!
Desagradecida a tramposa da Trastamara, ¡oriúndos de Tras do Támara!, que
sempre houbo traidores, ¡ata nas mellores familias!, fíxolle un ADN á sobriña,
alegando que era unha Beltranexa, e non só iso, senón que quixo montar ao de
Aragón falsificando unha Bula papal para casar con seu primo. ¡Que se era
montadora, que ata gravou un lema que dicía: “Tanto monta, monta tanto, Isabel
como Fernando”. ¡Menos mal que non se lle ocorreu ditar una lei de “Violencia
de género”! Pero non parou aí a traizón, pois ata lle ordenou ao seu
gobernador, “que no cejase en la castra y doma de Galicia”. E agora os godos
quérena facer santa; iso, sen ter constancia de se saíu, ou non, do Purgatorio!
Un galego, Colón, (¿fillo do bispo de Mondoñedo?), bótase pola mar adiante,
e descubre as Indias Occidentais, das que ata lle roubaron o nome dándollo a un
copión, a un subordinado, un tal Américo Vespucio. ¿E non sería ese mesmo tramposo
o que lles aconsellou aos Reis que ordenasen o regreso dos barcos, ¡sempre!,
por Sevilla, pois alí tiñan a “Torre del Oro”, ben axeitada para gardar as
rapinas? ¡Os romanos utilizaron a muralla de Lugo para o mesmo, e os godos, a
torre de Sevilla! Colón levaba a súa Pontevedra tan debaixo da lingua, que ata
foi cuspindo os nomes dela; ¡utilizou 45 topónimos galegos: Portosanto, San
Bartolo, Río Serpe, O Frade, etc.!
Non sigo, que me saltan as bágoas ante tantas desgrazas, pero noutro
capítulo igual falo das estupideces dos nosos últimos gobernantes.
-.-
Galicia, unha terra rica, de
xente pobre. Castelao.
¡Ai, meu Castelao, que me fas dubidar! ¿Que eras mellor, como debuxante, ou
como pensador? A xente é, somos, pobres, pero non só por culpa nosa senón, e
tamén, pola dos gobernantes que fomos abortando, que non parindo.
Da aixada pasamos ao Código Civil. En vez de enxeñeiros fabricamos
avogados. O paso seguinte é metelos en política: ¡O país con máis avogados e
máis políticos de todo Europa! ¿Logo, aquelas becas? ¡Si, que foron dadas aos
que se facían pobres porque tiñan a propiedade a nome dos avós, en vez de
dárllelas aos intelixentes! Os da Casa Grande tivéronlles medo aos proletarios,
e como os fillos non querían seminario, por iso do celibato obrigatorio, ¡todos
a por leis, para así someter aos súbditos rebeldes!
Un daqueles avogados, que por máis sinais era Inspector do Traballo,
pensouno, díxoo e fíxoo: “La Coruña, ciudad de servicios!”. ¡Todos servidores;
sector terciario! Viñan do campo, viñan do primario, así que o lóxico era
situalos no secundario, facilitarlles a súa realización realizando melloras,
perfeccionamentos, exportación de produtos acondicionados, pero non:
¿Servizais? ¡Daquela, aos servizos, desde limpabotas a barmans! ¿E os polígonos
industriais, eses da propaganda franquista? ¡Ah, si; convertelos en almacéns,
en almacéns de importación..., para subministrar aos importantes deste país...,
agora que as feiras xa non están de moda! A nosa Coruña, coa contaminación
dunha refinería de petróleos, ¿onde ten, onde están, esas cen fábricas que noutros
sitios elaboran os cen produtos derivados, obtidos, do petróleo? ¡Aquí, non, pois
os solares dos arredores, despois de especular con eles, fan falta para as
residencias señoriais! Daquela, comprendo; comprendo e calo!
Aló a últimos dos 70 na Facultade de Enxeñeiros Industriais de Vigo había
un profesor que suspendía ás alumnas, invariablemente, cun 4,9. ¿Por que,
Doutor; por que o fai? ¡Cretina; esta non é carreira para mulleres? E con iso,
as cretinas pasábanse a Económicas, ou a Dereito. ¡Enderezábanse! Elas, si, e o
país, este país dos importantes, ¡veña importar en vez de fabricar!
¿E logo, que se fixo cos cartos da emigración? O dito, importar; importar,
e facer torres altas nas rúas estreitas. O sobrante: Os Bancos mandárono para
Madrid, Bilbao, Barcelona... ¡Que se fodan, que agora eles son soberbios, e nós
seguimos humildes, humildiños, santiños!
-.-
Abundando nisto das
migracións campo-cidade.
Algo
xa se ten escrito, pero non moito pois temos algo así como vergoña en confesar
que vimos de muxi-las vacas, á man, en vez de acudir ao súper!
Lugo
nutriuse, a comezos do XX, máis ben de rendistas, cunhas feiras importantes na
propia cidade onde vendían os sobrantes que lles levaban aqueles caseiros, dos
seus pazos. O leite íalles en burriños, das parroquias de dúas ou tres leguas á
redonda. Como non había casa de avoengo sen un cura no seminario, estes, de
ordenados, fose en Lugo ou en Mondoñedo, íanse para as aldeas; ¡o único
retroceso que había daquela! Dos subministres alleos, ultramarinos e todo iso,
por séculos, ocupáronse os maragatos, que acudían a Lugo coma o sangue ás
feridas. Foron substituídos, paulatinamente, por aqueles emigrantes que volvían
con cartos en abundancia; os outros tornaban para as súas aldeíñas. Polos anos
40 aínda había solares desocupados da muralla para dentro.
Ribadeo
upouse exportando cara a Ferrol e maila Coruña, madeira, ferro e liño. Medio asturianos,
apegóuselles a industrialización.
Coruña
tivo un evoluír moi distinto, e iso que lle facía a competencia Betanzos.
Rodeadas, ambas, de terras feracísimas, con algo de pesca in crescendo, víronse
rodeadas dun excedente de produtos agrícolas, que deron en mandalos da Costa do
Sal para aló. A Coruña gustoulles aos señoritos, que por máis que Manuel María
os cualificase de “finos e baleiros” non o estaban tanto porque adoitaban
quedarse co diñeiro dos emigrantes retornados, que así foron medrando, da praia
ao campo e do campo á praia. A partires do Real Decreto de 1764 o porto da
Coruña abriuse ao tráfico comercial americano e á execución de certos proxectos
de colonización do Novo Mundo auspiciados pola administración borbónica, que a
catapultaron.
Vigo
acolleu unha partida de cataláns, que viñan de venderlles aos gringos aqueles
“ingenios” do azucre, e montaron unhas pesqueiras de categoría.
Ferrol,
¡a botar barcos!
Pontevedra
e Ourense dedicáronse máis ben a fabricar prole, que había moito para onde
mandala, pois América é, ¡era!, grandísima; ao quedarse sen escravos, tragaba
canto lle mandasen, que se eran galegos, cada un valía por dez negros.
A
inmigración ás pequenas vilas mariñeiras da orla costeiro-occidental foi
milagrosa: ¡baleirou media Galicia, famenta de marisco e de baños de mar!
¿O
interior, que? ¡Está de marea baixa, pero no XXI ten que haber un refluxo pois
a fame xa está chamando no portal dos rañaceos!
-.-
Avances do século XXI
¡Que
non todo van ser retrocesos! Por exemplo, no XX había espías, que se utilizaban
para controla-lo inimigo; agora temos periodistas, que serven para espia-los
amigos. ¿Aos amigos? ¡Pois, claro, xa que a oposición non se atreve a facelo,
por se lle botan en cara un, E ti máis!
Grazas
a Deus van desaparecendo os toureiros e multiplícanse os periodistas, unha raza
de valentes, que tourean de fronte. ¡Deu-los bendiga, e benvidos sexan, aínda
que veñan tarde! Aprenderon dos Fiscais, agora que non hai Fiscal que se atreva
a acusar sen unha cesta de probas. Para min, o primeiro dos periodistas de raza
foi Mariano José de Larra, que se atreveu a asomar por aquel ventano onde lle
dixeron, “Vuelva usted mañana”. Eu, analfabeto, tamén creo no periodismo como
ferramenta de control dos poderes, no seu enfoque social e humano, no seu firme
compromiso cos dereitos de todos e de todas. ¡Dixen!
¡A
imaxinación, e coa imaxinación as mulleres, ao poder! Eu subín á miña moito
antes do 68...; ¡casámonos no 53! Os homes, ademais de brutos, somos burros: As
mulleres queren aparentar mando, pero déixannos as responsabilidades; daquela,
con aloumiñalas, todos felices! Listo foi o meu paisano Manuel Cordero
axudándolle á Campoamor a darlles o voto; pero mirade se son desagradecidas
que, no noso Castroverde, aínda non lle puxeron un busto, tal que fixeron no
Congreso co Besteiro do Corgo!
Os
nenos tamén se fixeron cómplices, que non queren pasar polo seminario sen unha promesa
papal de que se poderán casar, que tamén o fixo San Pedro; un xenro ben
cariñoso por certo, que lle pediu a Xesús que lle curase a sogra. Rosalía,
filla dun crego, ben lista é ben boa saíu. ¿Queremos máis exemplos?
Un traballiño que lles encomendaría aos periodistas, xa que
tan eficaces son, é que pidan a reforma da Constitución para introducir as
listas abertas, pois iso de non poder escoller non concorda con outros adiantos
do XXI. Nas listas cerradas, pechadas, só votamos, só eliximos, ao caporal da
mesma, pois o resto dos nomes non os eliximos nós senón o propio caporal,
seleccionando ovellas mansas e humildes, dispostas a seguilo, a obedecelo. ¡E
menos mal se é bo pastor!
¿A medicina? Mal que lle pese ao Ministro de Hacienda, que
non dá xuntado para as pensións, moito é o que avanzou. Con iso, a vantaxe está
en que o Purgatorio, polo menos unha parte del, xa o temos nesta vida, cos
achaques da vellez; iso ademais de que así temos máis tempo e mellor ocasión
para arrepentirnos das nosas faltas. ¿Terán Purgatorio os médicos? ¡Aguanta-los
vellos xa non é pouco!
¿Os drones? Se fose mozo, se estivese solteiro, e se
dispuxese dun “dron”, utilizaríao para espiar, e despois elixir, moza. “¿A
miña? ¡Cando a vexa na cociña, vestida de cada día!”, dicían os avós. Eu
atinei, ¡pero á forza de molestarme en espialas por min mesmo!
-.-
¿O inimigo
da humanidade?
Teño claro que o temos na televisión. Ao actual me refiro. Con
iso de botar os mellores programas a altas horas da noite, os traballadores non
dormen o suficiente, e así andan de fatigados, de malhumorados, traballando
menos e peor. ¿Remedio? ¡Só hai un: durmirse no sofá!
Polo día o que máis abunda é a información das desgrazas; e
por se fosen poucas as nosas, as do país, transpórtannos ás antípodas. ¿Serven
para abrandarnos o corazón? ¡Oxalá!
Pero aínda hai outro, que vai na dianteira: As drogas, que
tanto medraron no XX. Teño para min que son armas de Satanás, que está furioso
polo avance do cristianismo, e agora dedícase a propiciar a fin do mundo. Debe
ser ben grande o inferno xa que lle quedan prazas dispoñibles, e ben que se
esmera en ofertalas. ¿A prezo de saldo? ¡Non, todo o contrario, pois, por
exemplo, agora que o tabaco está baixando de prezo xa que só fuman as mulleres,
as outras drogas soben; canto máis soben, máis vende Satanás e máis feliz se
atopa! ¡Ese cabrón, que ben coñece as debilidades, as contradicións humanas!
-.-
O tesouro
que lles deixo aos meus netos
Como xoia para a súa coroa celestial, a Biblia. E para goce
na terra, os meus libros de Botánica, para que coiden con esmero o plantío que
lles deixo. Como exemplo de humildade, as miñas zocas, para que vexan que vimos
dunha terra verde e húmida, sinxela, cun ripeiro por pedra de armas.
-.-
A esta
idade, ¡máis ben a todas!, compre face-la maleta.
¡Señor, grazas á túa Paixón, Morte e Resurrección, temos
asegurado o Ceo..., despois do exame na Porta de San Pedro, por suposto, así
que compre non descoida-la maleta!
A miña, ao bautizarme, encargáronlla a San Xosé, acordándose
de que foi carpinteiro. Aínda non lla paguei, así que esa débeda levo. ¡E non
só esa; tantas gratitudes que teño pendentes, pero as máis importantes, despois
desta do meu patrón, e do meu Anxo da Garda; cos meus inimigos, e para eles,
polo ben que me fixeron ensinándome a ser humilde!
¡Señor, co importante que é a carreira da vida para acadar o
título final, o definitivo, e que pouco nos desvelamos no seu estudio! Tivemos
un bo Mestre, que lles encargou a redacción dos seus apuntes aos Evanxelistas,
pero, ¡nin sabendo ler!
Véñome preguntando se haberá árbores no Ceo, que ben me
gustaría; claro que Aló terán outros nomes, así que terei que aprendelos,
¡aprendelos ademais de aprehendelos! Na maleta, que me poñan unha enciclopedia
dos da terra, ¡por se acaso!
De propósito: Aquí Abaixo, en vida, pouco caso lles facemos
ás flores; coa excepción das mulleres, claro, curmáns delas. Pero despois veñen
os funerais, e cos funerais as coroas... ¡Tarde piaches, que dixo a pita!
Se ás persoas amadas lles dicimos “¡Ti es un Ceo!”, iso quere
dicir que temos unha intuición do que é a Gloria, ¡Ceo puro! Pero, nin así, nin
con esa esperanza deixamos de terlle medo á morte. ¿Pola dor dunha agonía? ¡Eu
penso que é máis ben polo medo que lle temos ao exame...!
Por pura lóxica, no Tribunal de San Pedro non valen
disimulos; o propio Pedro está escarmentado daquelas, tres, mentiras; ¿e
váinolas tolerar a nós, a estes fariseos tan afeitos a copiar nos exames? ¡Por
se acaso, hai que levar os Mandamentos ben sabidos e ben exercidos!
Mateo 5, 17-20. Non pensedes que vin derroga-la Lei e os Profetas; non vin
para derrogar, senón para dar cumprimento. Porque vos aseguro: mentres non
pasen o ceo e maila terra non pasará nin unha letra nin un til da Lei ata que
todo se cumpra. E quen falte a un destes mandamentos máis pequeniños e así
llelo ensine a facer ós outros, será declarado o máis pequeno no Reino do Ceo.
Porque vos aseguro que se a vosa xustiza non é maior cá dos letrados e
fariseos, non entraredes no reino do Ceo.
Amarás a Deus sobre tódalas cousas.
Non dirás o nome de Deus en vano.
Santificarás as festas.
Honrarás a teu pai e á túa nai.
Non matarás.
Non cometerás actos impuros.
Non roubarás.
Non darás testemuños falsos.
Non consentirás pensamentos nin desexos
impuros.
Non cobizarás os bens alleos.
Xesús, na Última Cea. (Xoán 15, 9-12). “Como me amou o Pai, así vos amei eu: permanecede no
meu amor. Se gardáde-los meus mandamentos, permaneceredes no meu amor, como eu
gardei os mandamentos de meu Pai, e permanezo no seu amor. Díxenvos estas
cousas para que a miña alegría estea en vós, e a vosa alegría sexa plena. Este é o meu mandamento: que vos amedes
uns a outros como eu vos amei”.
¡O Código de Deus non é moi grande, pero é sublime; o malo do
caso estriba en que estamos tan afeitos a saltarnos o noso, o Civil...; é o
diabro, sempre o diabro, que nos ten envexa, e pretende torcernos, pero..., coa
axuda de Deus, venceremos nós!
-.-
Amarás a Deus sobre tódalas cousas. Pero vaiamos ao Xénese para entendelo mellor: Ao home, e co
home á muller (Adán e maila Eva), Deus, que os fixera á súa imaxe e semellanza,
deulles en usufruto a terra, tan pronto como estivo habitable. Iso para os
corpos, pois, cando a El lle parecese oportuno, subiríaos ao Ceo, a comparti-la
súa Gloria cos anxos, ¡co corpo espiritualizado! Unha especie de caseiros, que
só tiñan que pagar coa súa fidelidade; os outros mandamentos, ao ser puros,
daquela non nos facían falta.
A subida ao Ceo, ¡unha especie de retiro!, ía ser, como foi a
da Virxe María, unha asunción. Á Virxe, que a liberou Deus da herdanza do
pecado porque foi a súa escollida para xerarlle un Fillo, subírona os anxos, en
corpo e alma; séxase, co corpo espiritualizado. Dun xeito parecido ía ser a
cousa dos humanos, pero aqueles..., ¡animais!, feita a animalada da súa
soberbia, o Creador degradounos; porén, foi tan bo con eles, tan
misericordioso, que, aínda así, deixoulles o dominio dos outros animais.
¿Por que caeron? ¡Por romper, co seu libre albedrío, o seu
único Mandamento! ¡O que son os consellos dos que se fan amigos sen selo, as
consecuencias que traen! Satanás, insatisfeito con ser fillo da luz,
sublevouse; e díxose: ¡Téñolles envexa a estes terráqueos, que lles doo Deus a
luz do sol, vitalicia; vounos foder! E con iso, aquela encantadora Eva quedou
encantada cos piropos do anxo caído, e..., foille infiel, a Deus pero tamén ao
seu home! Con esta traizón ao Supremo, ben mereceron que Deus os mandase, co
propio tentador, a comparti-lo seu inferno, pero foi misericordioso con eles,
con todos nós, que se fixo o propósito de redimirnos tan pronto como fósemos
capaces de entender ao seu Fillo. ¡Dito, e feito, que aí están as Escrituras!
Tres motivos fundados, tres motivacións temos para estarlle
agradecidos a Deus, para amalo, para querelo sobre tódalas cousas: Deunos a
vida, a nosa, a propia; perdoounos a meirande das blasfemias, aquela
sublevación, que herdamos ao ser concibidos por dous pecadores...; e de
terceira, que non última pois son infinitas as súas grazas, sacrificar ao seu
propio Fillo, permitir que llo sacrificasen, feito persoa humana, para que
pagase, El, por toda a humanidade. ¡Sería outra soberbia, esta imperdoable, que
nós, os descendentes daquela Eva tan soberbia e tan inxenua, fósemos outros
desagradecidos, neste caso á Santísima Trindade!
Reflexionemos:
-Estamos rodeados de bens preciosos, que nos nutren e
satisfán, e despois, para negarllos a Deus, dicimos que os fixo a Natureza.
¿Quen é a Natureza, onde está? ¡Non está, porque non hai tal deusa! A Natureza
é unha suma infinita, e por tanto só pode ser froito, feitura, do Infinito.
-Decatámonos de que hai almas, de que a temos, precisa e
unicamente cando a perdemos, cando abandona o corpo, cando se marcha para
render contas. ¡Pobriño / a, morreu! Non, señor / a, non é certo, pois o que
morre é o corpo, este corpo que demos por eterno, que o maltratamos cargándoo
de vicios na certeza de que o aguantaba todo; ¡pois, non, que a vida non estaba
no corpo, senón na alma, e cansada de tanto barro, foise, foille render contas
ao seu Creador. O corpo quedou na terra, desfeito, ciscado, volto ao barro,
pois, no día final, Deus non nos resucitará exactamente co mesmo corpo senón
con outro parecido, pero, ¡espiritual! Séxase, purificado.
-Veña facer nenos, e despois, para negar que nolos permitiu
Deus, dicimos que viñeron..., ¡de París! ¿Pode haber un mentireiro máis
mentireiro que aquel que se engana a si mesmo?
-¿Cando nos acordamos de Santa Bárbara? ¡Cando trona! Pois de
Deus, con todo ser o Xefe de Santa Bárbara, case nunca. ¡Malnacidos!
¿Malnacidos, ou mal criados? Dicimos o primeiro, pero padecemos do segundo:
¡Fannos moita falta os bos exemplos! ¿E de quen é esa responsabilidade? ¡Máis
ben dos vellos, que temos a experiencia de que no pecado vai a penitencia pois
non hai falta, grave ou leve, que non manche a nosa alma, e por veces, por
contaminación, as do próximo!
-Din das persoas boas..., ¡que se fan querer! ¿E logo, por
que non dicimos o mesmo do Deus misericordioso, bondade sublime, infinita? ¿Non
será que aínda temos ao diabro soprándonos soberbias? ¡Cómao o demo...!
-Adoitamos poñer cruceiros para presumir de crentes, pero,
¿axeonllámonos diante do Redentor?
-¿Recoñecemos por irmáns, e con iso, coherdeiros do Ceo, ao
resto da humanidade? ¡Canto máis grande é a herdanza, meirandes son os preitos,
non si?
-.-
Non tomarás o nome de Deus en vano. A
verdade é que moito doernos das desgrazas do próximo, ofrecéndollas a Deus:
¡”Vaia por Deus, pobriño / a!” Pero é máis certo que non nos apetece
compartilas; e por veces, aínda gozamos cos seus sufrimentos. ¡Igual que fai o
diabro!
-Encántanme eses políticos que elixen prometer en vez de
xurar; ¡son uns santiños, pois non xuran en falso, sabendo que non van cumprir!
-Os votos relixiosos son terribles; precisamente por iso, por
ser voluntarios. Distínguense da xura de bandeira dos militares en que os
relixiosos son iso, o dito, voluntarios! San Pedro tamén os fixera, e despois
traizoou ao Mesías, pero arrepentiuse, e volveu ao curral, máis manso que unha
ovella; ¡así se fai, lle dixo o Mestre, e deulle de premio unha tiara!
-Xurar, prometer, só o que se ten intención de cumprir. ¡Como
fixen eu con aquel contrato de voda por poderes! (¡Outras virtudes non terei,
pero esta, si!).
-A blasfemia. Agora, os que presumen de cultos, blasfeman dun
xeito diferente, máis cómico, pero aínda non sei se será máis grave pois
aqueles da miña aldea facíano de palabra, de palabra mal soante, pero ían á
Misa, que os de agora, nin iso! Tamén están os que odian a Deus... ¡Claro, son
do bando contrario!
-Teñamos presente, con respecto a este Mandamento, que no
Antigo a relación do home con Deus estaba caracterizada polo temor, mentres que
no Novo Testamento Cristo ensinounos a amalo e a respectalo como Pai. Por iso
nos deixa atualo, cousa que eu nunca fixen co meu, co da terra, e iso que nos
queríamos ben. ¡Crieime no Antigo Testamento, séxase, antes de Vaticano II! Mateo,
6, 9: “”Vos rezade así: Noso Pai que
estás no Ceo, santificado sexa o teu nome; etc)”. ¡O seu propio Fillo díxonos
que o podíamos atuar!
-O segundo, e tamén o terceiro, teñen, comportan, unha gran
riqueza moral: ensínannos o lugar que Deus debe ocupar na nosa vida. No segundo
esíxesenos que sempre respectemos o nome de Deus, pero tamén todo aquilo que
lle está consagrado: igrexas e cemiterios, cáliz, altar, patena, copón, e
demais obxectos dedicados ao culto.
Despois de vivir tantos anos cos musulmáns, a min tamén se me
acae chamarlle Allah ao noso. ¿Que culpa teñen eles, os crentes actuais, de que
os Nestorianos os enganasen con aquilo de que Xesús foi creado, e non xerado! A
culpa é máis ben nosa, por non explicarlles a diferenza entre ser creado e ser
xerado, básica para entender correctamente ao Fillo de Deus!
-.-
Santificarás as festas. ¡Vaia se as santificamos, que non hai ateo (que se proclamen
ateos, pois ateos de verdade non hai) que non celebren, que non se aproveiten
das nosas festas, especialmente para pecar! Usan, e gozan, das deles, das
profanas, pero tamén das nosas, das relixiosas. Se alguén fala de suprimir
algunha, sempre o din, sempre o propoñen, inventándose outras, mundanas, para
non diminuír o seu calendario! ¡Pícaros!
-Levar aos nenos á Misa, pois o que é á taberna xa irán eles,
polo seu pé e da man do diabro!
-O que anda tarde, nin oe Misa nin come carne. (Aquel día no
que viñamos da Misa de cedo meu avó e mais eu, baixando a Ribón cruzámonos coa
señora María Antonia do Roxo que subía a galope: -¿Señor Xosé, chegarei a tempo
da segunda Misa? -Muller, así, correndo, non!
Díxolle meu avó coidando que se
ía marear no que lle faltaba de camiño; nisto, que oímos un ¡Zas!, e volvémola
vista: A señora tropezara cunha pedra; caeu, e rompeu unha zoca! Tivo que
volver para a súa casa, connosco, descalciña, apoiándose no seu veciño. Á Misa
non chegou..., ata o domingo seguinte, que madrugou máis, e fíxoo cunhas zocas
de estrea!).
-Do Vaticano II e da Carta “Dies Domini”: “A súa orixe
(domingo cristián) é de tradición apostólica, e enlaza co mesmo día da
resurrección de Cristo; de aquí o seu nome de “Día do Señor”. É un día dedicado
para que os bautizados se lembren da súa vocación, para que dean grazas por ter
sido salvados, e a que se empreguen na instrución relixiosa e na pregaria
cristiá, especialmente na participación da Eucaristía. O domingo é a festa
primordial do calendario cristián; por iso é un día dedicado á piedade e á
ledicia. Finalmente, o domingo, para cumprir estes obxectivos, dedicarase ao
descanso, polo que se prohibe o traballo”.
-.-
Honrarás a teu pai e á túa nai. Se honralos é quererlles, moito, moitísimo, eu cumprir con
este precepto, que xa o cumpría antes de aprende-lo Catecismo. Así é que, cando
suba, ¡se é que me deixan entrar!, a primeira visita que quero recibir na cela
á que me destinen, é a vosa, meus queridos Irene e Xosé María!
-Este mandamento é tan lóxico, tan racional, que ata os
irracionais o compren; nalgún caso, mellor cá nós. O seu correlativo, que vai
implícito no mesmo, son as obrigas dos pais cos fillos. É terrible,
incomprensible, que haxa pais desleigados, que non recoñecen ou non coidan dos
fillos; ¡terrible, incomprensible, pero existen! Só o cuco, que se saiba, pon
os ovos nos niños alleos para que lle críen as crías.
-O que quere aos pais non comete actos censurables que os
podan desacreditar, pois, de desacreditados os fillos, salpicados os pais. Moito
nos paramos en lamentarnos da contaminación atmosférica, que realmente existe, e
avanza, pero adoita pasarnos desapercibida a contaminación ética, moral, que é
terrible porque dana sen case decatarnos diso: un membro de familia, cara
arriba, cara abaixo, ou colateral, pode anular a honorabilidade, certa ou
atribuída, dos seus achegados; por algo se di que só temos de honra a que se
nos atribúe. ¡Que felicidade, Señor, nadar en augas limpas!
-.-
Non matarás. ¿Somos conscientes de que se pode matar de dúas maneiras? Un
grupo delas soe estar no código penal, pero o outro, o outro grupo, só é perceptible
polas conciencias maduras. Hai a morte física, visible, pero tamén a indirecta,
máis ou menos aprazada.
-A desgustos, ou causando complicacións letais: Os desgustos,
sabido é, acurtan a vida; ¡daquela son mortíferos! Irresponsabilidades nas
obras, nas conducións, na elaboración de alimentos..., tamén poden causar
mortes; ¡que as vexamos, ou non, é circunstancial! Latrocinios, directos ou
indirectos, tamén acurtan a vida do damnificado. ¡Outras mortes! Se nos poñemos
a buscar, pouco queda para onde mirar coa cantidade de asasinos encubertos,
serpes con garabata, que nos rodean, que nos envelenaron, século a século, en
tódolos países, en tódalas, mal chamadas, civilizacións!
-Incluso matan, ou poden acurtar a vida, as medicinas mal
receitadas ou mal aplicadas. Das drogas, comezando polo tabaco, dá igual que
nos prediquen traxedias, que a menos, polas trazas, non van. Veño observando
que as mulleres, se cadra por esa moda de igualarse cos homes, caeron en dúas
tentacións: os tacóns altos e mailo tabaco. ¡Agora que os homes fuman menos,
elas fuman máis; ¡Que Deus as ampare! A propósito, unha anécdota persoal: Onte,
saíndo do Súper, observei que una das dependentas, ¡una das máis simpáticas,
que por certo débenas escoller con un psicólogo!, estaba na porta do almacén,
toda afumada: -Rapaciña, eu contaba que me irías ao enterro, pero, polas
trazas, en vista dos teus esforzos por suicidarte, moito me temo que sexa ao
revés! ¿Que me contestou? -¡Boh, co fea que está a vida; con estes contratos a
tempo parcial...; todo é parcial! -Rapaciña, voume, que me encantaba verte, tan
fresca, tan simpática, tan guapa..., pero agora que estás camiño do abismo...,
o que me apetece é rezar por ti! Ela púxose de costas, e nin me contestou; pero
a min meteume nun compromiso pois antes só rezaba polos defuntos, e de aquí en
diante tamén terei que pedir polos vivos que queren ser defuntos.
-Nos seres humanos xéranse simultaneamente alma e corpo, -a
alma tamén se transmite, pois, se así non fose, non habería transmisión do
pecado orixinal-, que por iso estamos vivos, vivos e completos, desde o
primeiro instante. En consecuencia, ¿que son os abortos provocados? ¡Crimes;
exactamente, crimes!
Pensándoo ben, moita valentía fai falta para vivir sen medo;
iso, ou temeridade. ¡Menos mal que temos a Deus connosco, que nos vixía e nos
protexe, concedéndonos máis milagres dos que apreciamos cos nosos ollos de
barro!
-.-
No cometerás actos impuros. Deus concedeunos o Bautismo para a nosa purificación, pero
nós, coma os cochos, emporcándonos no esterco! Que teña esa paciencia con
nosoutros xa é unha demostración da súa misericordia. ¡Grazas, Señor; e de
paso, perdóanos!
Aquel caseiro de Brais, Sidro, chamáballes “Irmáns” aos
porcos. ¡Que razón tiña, pero aínda se quedaba curto, pois algún de nós nin esa
categoría de irmáns merecemos!
-.-
Non roubarás. Só hai, só houbo, un ladrón que goza das miñas simpatías:
Benjamín Franklin, que por algo lle puxeron este lema: “He stole
the thunderbolt to the sky and the scepter to the tyrants. Franklin.
O Título XIII do noso Código Penal, no seu artigo 500, amén
da doutrina xeral, ben que se esmera en puntualizar as variantes das
apropiacións indebidas, matizando o que debe entenderse por ánimo de lucro: “El ánimo de lucro, requisito integrante
del delito de robo, no es necesario que sea expresamente declarada su concurrencia en los hechos probados, pues se
presume su existencia en todo indebido apoderamiento de cosa ajena, y esa
presunción sólo desaparece ante la afirmación como probada de que fue otro y no
el ánimo de lucro, el propósito que guió al culpable a realizar los actos que
se le imputan.” (S.28-2-1947; R. 284) Análoga S. 14-4-1975
(R. 1630). ¡Moito dano fan, ao meu criterio, eses noticiarios que explicitan
como se fixeron, e como se defenderon, os roubos, as malversacións e mailos
fraudes actuais! ¿Si; por que? ¡Porque lles ensinan aos ladróns potenciais a
forma, os trucos, para ocultalos e para zafarse da Xustiza! Aquí na terra os
ladróns deféndense mentindo, pero non se decatan de que no Tribunal do Ceo o
acusador vai ser o propio pecador, e alí Deus, no seu Reino da Verdade, non nos
deixará mentir.
-.-
Non darás testemuños falsos. Cando o Señor lle pregunto a Caín: -¿Onde está Abel, teu
irmán? O tramposo respondeulle: -Non o sei. ¿Ou son eu o garda de meu irmán?
¡Aquí temos a primeira falsidade que pasou á Historia, e de Caín aprenderon
tódolos criminais pois crime é causar un dano, causalo ou encubrilo!
PECADOS CONTRA A VERDADE. Como os fabricamos de diversos
tipos, non estará de máis ter á man un catálogo deles:
Mentira. Dar información falsa, intencionalmente deformada. Isto entraña o deber
de reparar o mal causado.
Simulación. Mentira que se verifica con
feitos.
Hipocrisía. Aparentar externamente o que
non se é en realidade; utilízase para gañar a aceptación dos demais.
Adulación. Esaxerar os eloxios ao
próximo para obter algún proveito.
Lixeireza nos falares. Co
perigo conseguinte de apreciacións inexactas ou inxustas. Conleva o perigo de
caer na difamación e/ou na calumnia.
Maledicencia. Divulgar unha verdade que
prexudica a outro, sen razón obxectivamente válida.
Violentar a intimidade. Espionaxe
que entra na vida íntima das persoas.
Manipulación. Deformar a verdade con
falsidades cando hai a obriga de dicir a verdade.
Xuízo temerario. Considerar como certo unha
maldade no próximo sen motivos suficientes.
En canto ao secreto. É unha ocultación da
verdade. A reserva de algo que non se debe manifestar a quen non ten o dereito
de sabelo. A prudencia pode aconsellar non revelar unha información que pode
prexudicar ao próximo. O secreto de confesión é sagrado; similar obriga pode
darse en certas profesións que encerren perigos.
Discreción. Consiste en non revelar o
que non é necesario, ou que poda ser mal entendido. Axuda a respectar a
dignidade e maila intimidade de cada persoa.
A burla, as novatadas ¡Outro pecado que,
ademais do seu feísmo, comporta soberbia!
¡Cando
dano fai a lingua; se chega a ter ósos...!
-.-
Non consentirás pensamentos nin desexos impuros.
¡Hai que saber escoller, que non é tan difícil!
-.-
Non cobizarás os bens alleos. ¡Uf;
outro pecado, que comezou con Caín, e non vai a menos!
-.-
-.-
Oremus
Aínda
que os Mandamentos só servisen de pasaporte para entrar no Ceo, e vernos, de
novo, cos nosos entregos, eu faría por cumprilos, encantado.
Dous
desexos predominan en nós, na mente dos vellos: O porvir dos netos, pois o dos
fillos, máis ou menos xa o levamos sabido; e a entrevista familiar cos que nos
anticiparon. Tamén se nos falou, principalmente no Apocalipse, da terra nova e
dos ceos novos, pero iso, como está nas mans de Deus, non será problema; non
nos angustia. Os problemas dos netos, si, maiormente polo noso afán de velos
subir: na terra, con saúde, a unha situación económica satisfactoria; e no Ceo,
para que aproben a súa Reválida.
¿Que
herdanza deixamos? ¡Regular; só regular! É certo que se avanzou moito nas
ciencias, pero as letras son un pesadelo pois ata os políticos teñen faltas de
ortografía; isto significa que se estudia moito, pero mal estudado. Peor aínda
deixamos a moral, pois, con iso do, Laissez faire et laissez passer, que le
monde va de lui même, meu querido Vincent de Gournay, o mundo vai desnortado, ¡pura
braga, ou mellor dito, braga impura!
As
xeracións do XX, criadas na miseria, tivemos por relixión adora-lo
materialismo, e así resultou! ¡Moi torpe ou moi misericordioso terá que ser
Deus para que nos perdoe esta nova soberbia! Como torpe non é, teremos que
confiar na súa misericordia; deixarlles dito aos vindeiros que pensen algo máis
no Paraíso celestial, e menos nos paraísos fiscais.
Na azotea do Banco de España: ¡Encima do diñeiro!
-.-
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario