¡San José María Díaz Sanjurjo,
volve, volve á túa terra, volve a esta Galicia dos meus pecados, que te
precisamos aquí, moito, moitísimo, tanto ou máis que daquela en Tung-King! Aló
vante degolar, ¡como así foi!, pero aquí, con tanto pasota, igual te deixan pasar, igual te deixan predicar, tanto
predicador que hai, maiormente nos mitins, e todos van librando, incluso do
cárcere!
Volve a esta Coruña portuaria, na
que embarcaches rumbo a Manila; desembarca aquí! Xa sei, xa, que aló, nesas
Filipinas, fixéronte Bispo, e aquí igual non pasabas de crego parroquial, como
lle pasou a estoutro gran predicador, ao crego Espiña Gamallo, que predicou no
deserto, que predicou a necesidade de que Coruña fose sede episcopal, pero…,
nin con esas! Espiña non pedía para si, pero si para esta gran cidade, para
esta cidade baleira, baleira de crentes, que ás probas me remito: Acabo de
regresar de San Pablo, de Misa Maior, e só había media igrexa; iso si, todos santos,
pois estes vellos, estes mártires, están
acudindo aos cultos, moitos e deles, con muletas, bastón, e incluso en selas de
rodas, levados, en xeral, por serventas negras, migradas de Deus sabe onde. ¿E
logo os fillos, ou os netos? –Me preguntarás. Pregunta necia, meu querido
tocaio, tocaio e parente político, xa que era sobriño da bisavoa da miña dona,
pois as xeracións seguintes…, trasnoitaron, con iso do fútbol, e despois, o da
tele, así que non lles pidas madrugas, e menos para aburrirse nunha igrexa!
¿Vaste decatando de que esta
Galicia, túa e miña, e coma ela o resto de España, deixou de ser provedora das
misións para converterse en receptora? ¿Non viches esas negriñas, esas
coidadoras, que comungan conxuntamente cos seus impedidos, cos seus protexidos?
¡Ai, Deus, -lle pedín, en vista do visto-, mándanos misioneiros, que retornen
os nosos enviados, que prediquen aquí…, que onde facelo hai, e iso sen subirse
aos púlpitos, que cabemos todos na igrexa, en todas, pois, ademais dos vellos,
dos vellos e desas negriñas, queda sitio para un Rexemento! ¿Para un? ¡Para
vinte, ou máis, que ata diría que temos sitio, sitios baleiros, asentos, para
unha división de Infantería!
-.-
De licenciados, e durante uns
cantos anos, tiñamos a obriga de pasar a Revista Anual, e dicir onde nos podían
atopar caso de ser mobilizados… ¿Por que non se lles esixe outro tanto aos Licenciados
universitarios, por que non se mobilizan, por que non se poñen ao servizo da
Patria en vez de exportalos?
Vouvos confesar un segredo, outro, que
neste caso é de Estado, que por algo o teñen de “materia reservada” pois as…,
autoridades? nin del falan: ¡O anquilosamento español! Para mellor comprobalo,
para mellor demostralo, a miña dona e máis eu vimos aguantando? o “Atrapa un
millón”. Cáenos ben o presentador, con un humor sa e imaxinativo, pero, os
concursantes? ¡Non hai mellor test para analizar a masa española!
Acoden de diversas carreiras, de
múltiples profesións, pero poucos acreditan ter pasado da infancia: nos ditos,
na lóxica, na preparación… O que mellor se lles dá son os deportes, os cómics,
e mailas artistas, proba máis que evidente de que pasan a vida tragando tele; a
deste tipo, que non a cultural. ¿Do resto? ¡En media, nin ao cinco chegan, meus
pobres!
¿España, nai
de nacións?
¡Menos mal que as fillas xa están criadas, criadas e medio educadas, pois, se
aínda nos tivesen de protectores, de educadores, miñas pobres! Queridos
paisanos, a min non me tomedes de mestre, que non o son, ¡aínda que ben quixese
selo!, pero si podo darvos un consello, á vista do visto: Despois da Escola, despois do Instituto, despois da Facultade, hai que
seguir preparándose, madurando, pois o froito da cultura é tardío; require
coidos especiais, continuos…, en tódalas profesións, absolutamente en
todas! ¡Ou iso, ou deixar de parasitar, de presumir! ¿De presumir? ¿E logo que
son eses concursantes que se presentan ás probas de cultura xeral se nin
sequera saben razoar?
¿Que en España empieza a amanecer…?
¡Me parece que iso só é, só era, naquel himno dunha Falange utópica!
-.-
A arte de
falar sen dicir nada.
¡Existe, si, de verdade, que volo digo eu, cadora máis, só que niso hai un
erro, pois, máis que arte, compre chamarlle…, artimaña! ¿É que non saben, ou
non queren dicir o que saben? Na miña experiencia, as máis das veces falan,
falamos, por falar; quere dicirse, farfallan, farfallamos.
Farfalláns sempre os houbo; na
aldea, menos, pero algún, tamén. A tal momento estoume lembrando do señor Xusto
de Gandoy que, cando non podía, ou non quería, dicir verdades, era cando máis
verídicos lle saían os pensamentos; ¡verídicos, convincentes para os seus
oíntes! Para mostra: Tiña unha vaca, a Toura, que xa lle chamaba así porque
daba menos leite que un touro. Con esta experiencia, nada máis venderlle a primeira
cría, mantida, criada máis ben con caldeadas, antes de que secase de todo tívoa
unha semana sen muxir, que así se lle puxo unha ubre de campionato. Xa na feira
de Castroverde, un comprador tentou descubrir a verdade daquela oferta:
-Xusto, ti, que es de Montecubeiro,
e por tanto verdadeiro, dime a verdade: ¿Esta vaca dá tanto leite como
aparenta?
Xusto, facendo honor ao seu nome:
-¡Mira, ho, e míraa ben, que non
sabes o que levas!
-Pero, dá leite, ou non dá leite?
-¡Mira, ho, se cho digo non o vas
crer!
E así, dicíndollo, non llo dixo, e
a vaca por boa foi comprada. ¿Comprada, ou vendida? Xusto non mentiu, nunca o
facía, pois certo é que, se lle concreta a capacidade láctea, o outro non
mercaría, e a vaca seguiría coméndolle ao Gandoy por riba do seu produto.
Do mesmo Xusto: Tiña unha neta
guapísima e boísima, pero sempre andaba co pescozo comido das pulgas. Cando lle
preguntaban ao avó a causa daquel asañamento das Siphonapteras, respondía invariablemente: -Métense con ela pola súa
docilidade, pero, como Deus a críe, ha dar que sentir! ¿Que era o que dicía, e
non dicía? Quitáballes a culpa ás pulgas, á vez que lle asignaba á rapaza un
carácter prometedor, forte, loitador. ¿Un contrasentido? ¡Non; contrario, non,
de dobre intención, si, pois á vez que disimulaba a súa miseria enxalzaba a
sensibilidade e maila valía da moza!
Outro caso notable, entre os moitos
que lembro, é o de Amaro, que andaba polas feiras cunha tenda de tecidos
barateiros, anticipándose aos chinos en medio século, nas que vociferaba: -¡Amaro
no vende; Amaro regala! ¿Que se regalaba? ¡Á súa maneira, si, pois en cada
venda regalaba un alfineteiro, dicíndolle á paisana: -¡Aquí ten o meu regalo…,
para que despois digan que Amaro non regala! Á miña avoa, que lle preguntou o
por que dos alfinetes, respondeulle: -En previsión, e non os perda, para cando
teña que remendar esta saia! El ben sabía que eran tecidos baratos, propensos
ás roturas inminentes.
Isto nas aldeas, pero, nas
capitais? Nas urbes sempre tiveron, sempre tivemos, a palleta máis solta, máis
aínda, e xa non digamos hoxe en día, que tanto sabemos mal sabido, mal oído e
mal entendido, mal dixerido, pasando dunha sinatura á seguinte en menos dunha
hora; entre a curtidade do curso e o tempo dedicado ao móbil, á tele, ao
botellón, vacacións e latares, á fin de curso chégase antes que ao San Xoán,
obrigándonos o profesor a saltar de folla en folla coa rapidez, coa soltura dun
saltón.
A comida mal mastigada non trae
máis que gases, saian pola boca ou polo ano; gases, verbas gasificadas,
inconexas, soltas, presas tan só neses falares con aceleramento cerebral
impropio da dixestión, da asimilación, do cultivo humano, dun cerebro, o noso,
que nolo fixo Deus, a Verba Divina, á súa imaxe e semellanza: daquela, como El
non ten présa, que é Eterno…, por que nós, si, que somos menos artistas, e non
digamos científicos?
Non de fronte, senón en paralelo,
están as farfalladas abreviadas, as curtas, das que non chegaría un libro para
recoller, para amosar tan só as que coñecemos a maioría dos analfabetos.
Algunhas:
De Madrid, al Cielo! Slogan creado
e fomentado, divulgado, por aqueles xerifaltes que ascenderon á fortaleza
madrileña, cortesá, desde os seus castelos periféricos. ¿Que pretendían? Que os
vasalos se sentisen atraídos pola Villa y Corte, pero sen perder a súa
condición vasalar, barateira, tal que a de desprazarse para aleitar aos seus
fillos con abandono dos propios, que lles quedaban a medio criar, encomendados
a avoa, e como xa secara, por delegación, á vaca Marela!
Barcelona es bona si la bossa
sona.- Invitación aos inmigrantes, para que acudisen a encherlles a bolsa…, a
cambio de traballar barato, de renderlles …, para que soase a deles! ¡Explícase
por si mesma!
Coruña, ciudad en la que nadie es
forastero. ¡Tamén é certa, pois, nun conglomerado de forasteiros ninguén se
pode chamar forasteiro! Vaian, por exemplo, á rúa Barcelona, e alí pregunten se
son cataláns ou lugueses; ¡pregunten, pregunten! Cando os romanos levantaron o
seu faro foi precisamente para que acudisen os seus barcos, para repoboar a que
entón era unha illa desértica, e aínda así quedou sitio, pois tras deles
viñeron os suevos, e poboaron o ensanche, establecéndose, asentándose, no actual
Suevos.
Lugo, a ben murada. Non foi Lugh,
nin os de Lugh, os que cerraron de sobre si ese bosque, que foron os mangantes...,
para que nos lles roubasen o roubado! Daquela, foi ben murada? ¡Ao contrario,
indebidamente murada, e para máis inri, pola xente do país, a golpe de látego!
Parando cos localismos, vaiamos aos
personalismos:
La calle es mía! ¡Vaia forma de
advertirlles aos pisados que non laiasen, e menos na rúa, posto que non era
deles senón do Centurión!
Spain ist
different!
Unha dobre verdade: Pois este país era dos poucos que seguían crendo,
aceptando, a doutrina Tout pour le peuple, rien par le peuple! Por outra parte, outro dobre
efecto: Que así se lles facía crer aos turistas potenciais que aquí atoparían…,
o nunca visto, nunca visto ou desaparecido, e era verdade, en tantas cousas, en
tantas antigallas demodé, que xa non
se vían noutros países! Por parte, presumindo de turismo, escondíanse as
miserias patrias, aquel torrente de divisas, salpicado de bágoas, que nos viña
da nosa emigración, dos nosos ¿turistas? forzosos! Con estes disfraces
carnavalescos, os economistas, que non son precisamente os economizadores, aforraban os seus
cálculos: ¿canto hai que importar, canto hai que gastar no país, para atender
aos turistas, co cal, do que traen, descontado o que comen, o que usan, o que
manchan, o que fornican, canto nos queda deles é pouco máis que este slogan!
Minto: tamén nos quedaban os Paradores de Turismo…, para as prima noctis dos especuladores!
Puedo prometer y prometo…
¡Inocente, meu crédulo, que esperabas che deixasen cumprir o prometido, o
merecido!
¿Chégavos? Se é así, cambio e
corto, pois, do que non, esta noite non poderedes acudir ao botellón, que
precisaredes as oito horas para ollar estes parágrafos espiñentos!
-.-
Séntate na
porta da tua casa e verás pasar o cadáver do teu inimigo. ¿Este proverbio é árabe ou chino?
Os chinos teñen pensamentos, expresións, parecidas, pero isto oínllo a un
nativo da kábila Ait Ba Amrán, así que por árabe o teño.
A nosoutros non nos deu resultado,
nin en África nin en España. ¿Sería porque os principais inimigos soen ser os
dunha idade igual ou parecida á nosa, séxase, dentro da mesma xeración? ¡Coido
que, maiormente, si! Os inimigos tardan en morrer…? Con outra pregunta: ¿Quen
vai ser tan animal, tan mal cristián que lles desexe a morte? ¡Eu, Deus
mediante, non!
Naqueles dez anos africanistas
tamén oímos dicir que, Si cabalgando
en nuestros camellos nos detenemos para ahuyentar a los perros que nos ladren
por el camino, nunca a la Meca llegaremos! ¡Isto é máis certo, máis seguro,
máis recomendable; afellas que si! ¿Ladran? ¡Es que cabalgamos, amigo Sancho!
Os pasotas, os que van de vagar, ¡de vagos!, ou nin iso, eses tales teñen menos
risco de friccións, de liortas, sexa por tras ou por diante, que hai das dúas,
e máis ben penso que abundan as traseiras, as puñaladas trapeiras, que así nolo
dita a experiencia.
¿Preitear? Esta definición seica é
dos xitanos: ¡Preitos teñas, e que os
ganes! Cando o din os xitanos, verdade debe ser, pois eles, ao longo da
nosa Historia, ben nómades foron, o que se di, cu inquedo, acolléndose aos seus
carromatos tan pronto se sentían incómodos no lugar do seu último asentamento.
Experimentando, experimentando, e
tamén facéndolle caso ao Catecismo da nosa Santa Igrexa, cheguei á conclusión
de que é un absurdo enfrontarse a un inimigo determinado, salvo que sexa
inevitable, ben por grave detrimento da nosa dignidade, ben por un alto
prexuízo económico. Máis é, que entretidos cun dos cans, os outros estana
gozando co seu aproveitamento da incidencia para lapidarnos todo ao redor; ¡iso
si, coa man escondida! Dá máis resultado a petición “… y líbranos del mal”, que
vén a ser, líbranos do inimigo malo, pois sempre se trata do propio Satán, encarnado
naqueles que outrora, acaso, tivemos por amigos.
Démonos, pois, a paz, polo menos
aos máis inmediatos, e nunca coa punta dos dedos, senón de corazón, coa man
aberta. ¿Aos inimigos? ¡Meus pobres, abonda penitencia levan consigo, pois,
tarde ou cedo, xa lles chegará, que no pecado vai a penitencia, certamente, que
tamén nolo di a experiencia!
Por outra banda, como din os
bandeantes, ¿quen é capaz de distinguir amigos de inimigos, coa de sorpresas que
se leva un nesta vida tan escura? Pero aínda temos outro consello: Auga que non
vas beber, déixaa correr! ¿Quen bebe da auga sucia téndoa limpa? ¡Iso non o fan
nin os animais! Tomemos exemplo das vacas que, segundo van pacendo van
cheirando, e ás malas herbas, ás nocivas, déixanas de lado, déixanas medrar,
que xa lles chegará o seu San Martín, por porcas! Ás malas persoas, se nolo
admiten, démoslles un bo consello, razoemos con elas, pero, se nin así se
arredan dos seus pecados, respectémoslles o seu libre albedrío, tal e como fai
Deus connosco, en xeral con tódolos pecadores. ¡Amén!
-.-
As
varas de medir.
Así foi como me ensinou meu pai a
medir as árbores, e non só ao seu fillo senón a tódolos seus alumnos,
coñecemento ben interesante daquela porque viñan os madeireiros en busca de
travesas para repoñer as vías que quedaran desfeitas, adrede, na incivil, e…,
mentían, mentían no alto pois aló arriba non era doado subir, pero eles tiñan
experiencia, e sabían calcular!
Empezaba a usarse o metro, pero a
vara, ¡as varas! seguían en vigor, maiormente para os tecidos; nas terras
comezaran a decaer, entre outras circunstancias porque…, porque eran tramposas!
A vara, esa cousa dos 3 pés, chamada yarda nos países anglosaxóns, aquí sempre
foi antagónica do ferrado: Onde o ferrado era grande, a vara revía! ¿Cuestión
de clima? ¡Non; cuestión foral!
¿Ferrado de Meira, de Montecubeiro,
de Samos…? ¡Grande; máis cós outros da bisbarra! ¿Botábanlle máis madeira?
¡Botábanlle máis cara…, porque eran frades, eran varóns, e cobraban rendas!
Para medir as terras cedidas en foro, unha vara curta, de tres pés, dos de
muller; para cobrar os froitos, ferrado grande, baril! Pero non vos
escandalicedes, que sempre foi así; ben o sabía Romanones cando dixo: "Que hagan ellos las leyes: Yo me encargaré de hacer los reglamentos". ¡Ese é o quid pro
quo: regulamentar! A lei era a lei, pero cada beneficiario beneficiábase
segundo o seu propio regulamento.
Aqueles frades…, non tiñan Biblia?
Si que a tiñan, pero…, estaba en latín! ¡Ata os Priores eran de carreira curta,
meus pobres, e os cardeais, moitos e deles, da nobreza, séxase, incultos!
Tiveron que vir os de SEPT para pasala ao galego: Mateo 7. 1-2; e Luc. 6.
37-38: -Non xulguedes para que non vos xulguen a vós. Porque co xuízo que xulguedes
hanvos xulgar a vós, e coa medida que midades hanvos medir a vós. –Non
xulguedes, e non vos xulgarán; non condenedes, e non vós condenarán; perdoade,
e hanvos perdoar. Dade, e darásevos: unha boa medida –acugulada, rebordada,
apertada- seravos botada no voso regazo, pois coa medida que midades hanvos
medir a vós.
¿Desapareceron as picardías? ¡Que
va, pois tamén sigue en vigor aquilo de que, quen fixo a lei fixo a trampa! E
incluso no noso criterio persoal, que medimos diferente segundo a quen midamos,
segundo nos veña o vento, segundo teñamos de educada a conciencia. Pero a
conciencia non ten medida, ou si? ¡A
conciencia tamén é elástica, vai e vén, segundo se terce, segundo nos conveña! Por
se acaso, non vos fiedes da conciencia allea; en canto á propia, non lle demos
creto se non a temos educada! A
conciencia ten moito de xabaril: ¡gústalle fozar en prado alleo!
-.-
Hai unha cuestión, ¡unha, non,
moitas!, nas que non acabo de poñerme de acordo comigo mesmo: ¿Por que, a veces, ou case sempre, mandan
os peores? ¿Por que se erixen en führers, en líderes, en guías, en
condutores, os lobos, e non as ovellas? ¿Poñémolos á cabeza do rabaño a
sabendas de que nos van achicar, devorar, eliminar? ¡Isto é desconcertante;
para min, si!
O cabalo da grea, cando venta
perigo, concentra ao resto do bestiario coas cabezas xuntas e as patas de
coucear para fóra; el quédase á marxe, de sentinela, de sentinela circulante,
recorrendo a periferia para defendela alí onde preciso fose; en definitiva,
exponse! ¡E témolo por animal! Os nosos líderes póñense no medio, nunha tarima
ben protexida, blindada; incluso blindada a cartos! Daquela, só con este
exemplo, cales son máis animais, os de dúas patas ou os de catro?
A virtude, ¡ou o defecto!, dos
nosos führers está en que son os máis audaces da nosa grea, tirados para
adiante se dicía en tempos, e por veces iso é bo porque hai decisións que non
admiten dilación; ¡algunhas, por veces, tal que para apagar un lume! Esa
audacia contraponse coa reflexión, coa meditación, coa ponderación, co
asesoramento crítico, meditado, contrastado, mais facer as cousas ben leva o
seu tempo, e non sempre o temos!
Para ilustrarnos montemos nun
vehículo: se aceleramos demasiado deixa de ser vehículo para converterse en
raio mortal! Daquela non vemos, non atinamos a ver as curvas, os obstáculos.
¿Que non? ¡Ah; pois algo así lle pasou ao führer máis führer dos últimos
tempos, un tal Hitler, que tanto acelerou na súa febre vingativa que o levou a
infravalorar, a desprezar, a forza dos seus contrarios. ¡Pero deulles que
facer…! ¿Deulles, ou déronlle? ¡Se o queren saber, pregúntenlles aos de
Nürnberg, aos altos, aos da alta montaña, que ese topónimo teñen, porque,
ademais da montaña, tiveron o Tribunal máis alto da Historia, o Tribunal onde
os altivos se viron abaixados das súas néboas cerebrais!
Agora que saíu a verba: Os altivos,
entre o seu ego deificado, e a nosa xenuflexión upándoos ao altar do mando,
auto canonízanse, máxime se os temos arriba por riba dos oito anos seguidos,
que xa é altura, xa! De tan arriba oen, poden oír, pero…, non queren! Nesas
aras utilizan conselleiros, asesores, xa o creo que si, pero…, como panos dos
mocos, para aliviar e tirar! ¿Isto dáse en España? ¡Mellor cá ruda, coa
diferenza de que a ruda é, ou era, abortiva, e os caciques xéranse e críanse de
marabilla, e non só eles, senón os seus fillos, e tras dos fillos, os netos…,
xeración tras xeración, polos séculos dos séculos! Neste caso, prudentemente,
non digamos, nunca, Amén!
-.-
Hai inventos rexistrados que, pese
á súa valía, non tiveron éxito, tal que un tipo de turbina eficacísima que ideou
meu primo Sergio, e non acaba de impoñerse, pero tamén os hai sen rexistro que,
non obstante, tiveron unha aplicación xeneralizada. Estoume lembrando daquel
compañeiro de Gijón, parente dos multimillonarios Fierro, que entraba nos cines
con só facer o ademán de levantar a solapa da súa americana. Funcionaba así:
Daquela, en tódalas salas de
espectáculos, era obrigatorio ter dúas butacas reservadas…, para a autoridade
competente! O meu colega era tan “competente” que con só iniciar o ademán
cadrábanselle os porteiros. ¿Descubrírono? ¡Igual si, igual non, pero nunca o
cheguei a saber. O que si cheguei a coñecer foi o uso do seu invento, divulgado
principalmente no gremio político, que entran sen pagar en todas partes, avións
incluídos.
¿Era práctico, non si? ¡E tanto,
que por iso proliferou! Na Idade Media existiu aquel dereito de pernada, aquilo
da prima noctis, e hoxe, estoutro,
pero sempre o mellor do mellor. Tamén me lembro daquela obra de Carlos
Arniches, ¡Mecachis, qué guapo soy! Só lles falta poñer nas listas electorais:
¡Non se admiten feos!
¿Que nos traerá o Ao Novo, seguirá
habendo entradas gratis, e bicos por tras das rosas, e…, a intemerata? ¡Como
isto siga dexenerando voume meter cartuxo…, para fuxir do mundo!
-.-
Francisco de Sales auto definiuse
ante Juana de Chantal con esta frase: Teño repetido, con frecuencia, que a
mellor maneira de predicarlles aos herexes é o amor, aínda que non se diga unha
soa verba en refutación das súas doutrinas. ¡Que tío; por algo te elixiron
patrón, tanto dos escritores como dos periodistas!
Se eu fose escritor tamén me
gustaría terte de patrón, pero, xa que son un “mil mañas”, que ese alcume me
encambou o poeta Manuel María, en vez de patrón teño patroa, unha Estrela de
mil raios, que a maiores é tocaia; ¡igual lle puxeron, adrede, Xosefina,
previndo que podía casarse con un Xosé, carpinteiro e/ou zoqueiro, aínda que
non chegase a santo!
Este San Francisco merece o
padroado antedito, pero sen esquecer que o Gran Escritor, o Gran Periodista, de
tódolos tempos, foi aquel Xesús de Nazaret. Só escribiu unha vez, e para iso na
area, pero foi o Gran Mestre porque
ensinou a facelo sinxelamente, con parábolas para que o entendesen ricos e
pobres, letrados e ignorantes, que aí están os Evanxeos, inspirados, ditados,
aos seus discípulos, nos que non hai ningún erro, todo verdade, verdade
transcendente, definitiva.
Escoito un agareno que me está
soprando que o seu Muhammad tamén ditaba, tamén ditou… ¡Ditou, si, pero erros,
apresos dos nestorianos, e mesturados cun código machista, acaso propio da súa
época, pero en absoluto definitivo!
A verba “amor” sempre estivo
prostituída ao longo da Historia; ¡por algo sería, non si Satanás? ¡Pero vaste
amolar porque, máis tarde ou máis cedo, escritores e periodistas acabarán
acatando ao seu Patrón, e entraremos polo carreiro do amor puro, do grande, do
verdadeiro, e daquela, pérfido Satán, acabaráseche, definitivamente, o teu
reinado, coma ti, de herexes, Patrón dos herexes, que de ser Luz pasaches a
Lucifer!
-.-
¿Hai funerais por e para? ¡Si, dos dous
tipos! Precisamente acabo de regresar de dous, ambos do segundo xénero; a cento
vinte e cinco quilómetros, no mesmo día, pero a distancia non vén ao caso,
senón a tipoloxía.
Os funerais por son de petición, de
pedirlle ao Redentor que indulte, que lle aplique a súa benevolencia á alma de
Fulano de Tal…, porque en vida foi..., o que foi! Ben diferentes os para,
porque neles tense a sensación de estar pregando a, e non por a.
¡Casos, situacións, radicalmente opostos!
Os dous, as súas almas, viaxaron
xuntas, no mesmo día; e ambos, ao meu entender, á miña apreciación, compartida
polos asistentes aos funerais respectivos, coa maleta chea de virtudes. O da
Coruña foi un ilustre avogado, pero non menos ilustre Pater familias; o da miña
parroquia, un muiñeiro honrado, unha excepción daquela regra que dicía
“Cambiarás de muiñeiro, pero de ladrón, non!”. No de bo Pater, tan excelente coma o Letrado; para min, quif, quif, se non iguais
si similares, modélicos ambos.
A diferenza externa nestes dous
casos estivo nos coches: No da capital non había, ou non se distinguían de
tantos que sempre hai aparcados no seu barrio; pero no da aldea, un enxame!
Tantos, que tiven que aparcar a un quilómetro do tanatorio. Pero, de apeados…;
ía dicir, de achegados aos altares respectivos, mais non sería exacto pois só
grazas aos altofalantes puidemos oír, escoitar, aos celebrantes; o
recollemento, nos dous casos, foi impresionante. ¿Que significa isto do
recollemento místico? ¡Moitísimo, todo: Son
silencios elocuentes que evidencian que os asistentes están/estamos
asistindo á canonización pública dun Santo! As de Roma son urbi et orbe, pero estoutras, as locais, para min non son menos
importantes: Na actitude da xente nótase que estamos honrando unha bondade, e
por tanto, unha santidade.
Nos dous espectáculos tiven a mesma
idea: ¡Deus, que diferente é isto de darlle grazas a Deus porque nos permitiu
coñecer un Santo, entre tantos pecadores que poboan este XXI, co caso de
pedirlle a Deus que se esqueza das trasnadas dos malvados! E logo que para o
Celebrante ten que ser distinto facer unha loa dos acreditadamente bos, mentres
que para os outros, no caso dos innomeables, precisará un gran esforzo para que
non se lle escape un: ¡Este maldito, que non pisaba a igrexa, e agora tennos
aquí, de xeonllos, tentando suplir as súas omisións! Este cadro évos terrible,
afellas que si!
Pola miña parte, antes de deitarme,
vou facer exame de conciencia, que non está ben falar da dos outros
esquecéndose da propia; a estes efectos direi, como tódalas noites, esperanzado
e contrito, evocando á miña xente, que así rezaba, e así me educaron: Con Deus
me deito, e con Deus quero levantarme; que a Virxe María me cubra co seu manto.
E ti, Señor, dáme penitencia en vida, e na morte salvación, que se morro esta
noite me sirva de confesión. ¡Amén!
-.-
¿Onde estades, onde vos agochades, teólogos covardes, que non acudides,
que non saídes á palestra para explicar, para demostrar, que as almas non as fabrica Deus no momento do
parto, senón que veñen desde o mesmo intre da concepción, exacta e
indiscutiblemente desde ese intre? ¡Por favor, acudide, que sodes necesarios,
imprescindibles nesta definición urxente, transcendental, e deixádevos de discusións bizantinas sobre galgos e podencos, que
en definitiva todos son canis! Xa
sei, xa o sei, que é unha cousa de sentido común, pero escasea tanto ese
sentido, e cadora, pola trazas, máis, aínda máis, pois nalgún aspecto estamos
retrocedendo ao canibalismo!
¿De onde arrinca a nosa alma, desde
cando a temos? Segundo a propia Biblia, a pouco que nos mergullemos nela, desde
o mesmísimo momento en que fomos xerados, en sucesión indefinida.
No Salmo 8 : 4-7, ben que se recoñece esta filiación: Cando vexo o ceo, feitura da túa man, a lúa e as estrelas que fixaches
alí, ¿que é o home para que o lembres, o fillo do home para que del te ocupes?
Por pouco non o fixeches coma os anxos, coroáchelo de honor e de dignidade; décheslle mando sobre as obras das túas
mans, puxéchelo todo aos seus pés! ¿Con isto, aínda non o temos claro?
¡Pois nese mando, no recibido, tamén está o de, “medrade e reproducídevos”, por
vós mesmos, sen ter que pedir permiso en cada multiplicación, así que son
poderes irrevogables; daquela, o Señor non ten que acudir en cada unha das
nosas decisións, sexan acertadas, aceptadas, ou non!
Salmo 139: 16. O meu embrión víano
os teus ollos, e escribíanse xa no teu libro os días todos que habían vir, sen
que existise aínda o primeiro. ¡Púxonos a andar, pariunos, e o resto é
cousa nosa, responsabilidade nosa, incluída a reprodución; iso si, coa súa
asistencia, maiormente se lla pedimos con fe e con devoción, con agradecemento!
Ao meu entender, e se estou errado
espero, agardo, pido, que mo demostren, Deus deulle ese sopro espiritual ao
home no intre da súa creación, e quedou establecido, asentado, indeleble,
inextinguible: Un espírito asentado nun corpo, alma e materia, e por tanto
transmisibles, ambos, simultaneamente. Algo así como, en botánica, un gromo acobado.
No intre da fecundación os responsables da mesma non lle están mandando un e-mail a Deus para que baixe crearlle,
agregarlle, un alma ao feto. A muller ten alma; o home, tamén; así que, cando
se xunta o espermatozoide co óvulo, esa substancia material xa está soportando,
comportando, aportando, un espírito. ¿Outro,
un novo? ¡Si, e non, pois non hai tal novo senón unha especie de anfigonía
anímica, un desgaxe bilateral! ¿Que é diferente a alma do fillo da dos
pais? ¡É un gaxo da deles, pero, ao
formarse o novo ser, individualízase! ¿Habería transmisión do pecado
orixinal, consecuencias diso na especie humana se non houbese transmisión, continuación,
derivación anímica? ¡Evidentemente, non! Eu participo da culpa porque
participo, veño, daquelas almas; son un gaxo, unha derivación delas, das deles.
¿Logo, non son outro? ¡Si que o son, como tamén o é a nova árbore reproducida
por un brote, ou acodo, pero a madeira vén a ser, é, da mesma clase!
¿Acaso Deus é unha especie de
Axente Catastral que recorre as vidas humanas, de inspección, de cando en vez,
coa cámara ou cun caderno, e párase a tomar nota, para dar fe dos novos seres,
das creacións ex novo? ¡Vexo que aquí levantaron un edificio, outro, así que lle vou
asignar un imposto, impoñerlle un alma pecadora, empecatada, e por ende,
pagadora, que me pague polas que me fixeron Adán e mais Eva sen o meu permiso, motu proprio!
Non reduzamos as cousas ao absurdo coa finalidade estúpida de librarnos de
responsabilidades, que a Deus non o podemos enganar, nin manexar, tal que opoñendo á súa Lei Divina una de
prazos arbitrarios, imaxinativos!
Para os libros do Rexistro Civil, a
criatura ten que romper a chorar, facerse visible, máis para Deus aí está,
desde aquel momento en que dous seres de distinto sexo, con ou sen conciencia das consecuencias, facilitaron, fixeron
posible a fertilización do campo propio, do seu propio corpo. ¡O que non
queira, o que non desexe colleita, que non semente, que traballe para a feira,
como se dicía na miña aldea; así de sinxelo! ¿Deus obriga a sementar? ¡En
absoluto, que por algo e para algo nos deu o libre albedrío, a libre disposición
de certos bens cedidos, por El creados!
¿Esa emanación, ese desdobramento
espiritual, anímico, vai do home á muller, do espermatozoide ao óvulo, ou é á
viceversa, baixa co propio óvulo? O desgaxamento, a partición, é recíproca pois
ambos participan, de ambos emana; e tampouco é preciso que se presente Deus,
tal que nunha nube, ou nun vento, para soprar, que xa o ten feito, dunha vez
para sempre, que o fixo mesmo co seu Verbo, daquela da Creación; todo o demais
prodúcese automaticamente, consecuentemente, polas propias leis naturais,
inicialmente establecidas. Ab initio xa tivemos a primeira
partenoxénese daquela que o Creador deu un segundo sopro partindo en dúas, e
saíronlle igual de grandes, ¡coma quen multiplica pans e peixes!, a alma do seu
Adán, que de aí xurdiu o símil da costela: ¡costela, non, ou si, pois da propia
costela, do propio ser, vén, veu, esa bifurcacións sexual! Despois diso viñeron
aqueles incestos inevitables, as sucesivas multiplicacións anímicas, que non
foron pecado precisamente por iso, pola súa inevitabilidade circunstancial,
transportando o pecado orixinal, tamén de forma inevitable…, porque eran a
mesma cousa, almas participadas, multiplicadas, espírito do mesmo espírito, que
nun principio non era de tendencias soberbias, pero quebraron a Lei Divina,
seica influídos polo Soberbio, por aquel soberbio da luz apagada, por aquel Lucifer
emperrado non só en apagar a luz propia, a que lle fora asignada, senón, e
tamén, a daqueles competidores do Paraíso!
Pido un
Concilio
para afondar na cuestión, que outros se fixeron con menos oportunidade, e/ou
con menos necesidade; ou é que non nos horroriza esta epidemia abortista, esta
segundo revolta de Lucifer, emperrado en que os fetos non cheguen a ver a luz,
nin sequera a solar? ¡Pois fracasará de novo, que non verán a luz do sol, pero
o que é a Luz Divina, a de Deus, si, que nin o noso Creador, nin o Fillo, noso
Redentor, saben, nin poden, nin queren, castigar a inocentes, e menos aínda por
culpa de terceiros, por comodidades e por irresponsabilidades que lles son
alleas!
-.-
Plaudite cives! O retorno das modas é inevitable, e para iso
sempre o foi, ao longo de toda a Historia. Esta era a esixencia dos actores ao
rematar a súa comedia, a súa interpretación; pois ben, vinte e tantos séculos
despois, os nosos políticos, ¡outros comediantes!, esixen o mesmo: ¡Que os
loemos, que os aplaudamos! ¿Directamente, abertamente, con esa frescura?
Direino: Tan directamente non, porque para iso teñen a súa manipulación, os
seus lacaios, en particular os mass media, por eles, en xeral, ou case,
controlados, manipulados! ¿Quen dixo que non repiten as enfermidades mal curadas?
¡A ese tal néguenlle o Nobel de Medicina!
Teatro romano de Mérida
Pois hai modas, comedias, que non merecen o meu
aplauso; esta é unha delas! Así que vai sendo hora de pitarlles aos malos
actores, que non só fan comedia senón que nin a saben facer, e non obstante,
encima de pagar a entrada, de abonar relixiosamente a nosa contribución, de
aguantalos catro anos, aplaudimos. Ante as humillacións, ante a mala
administración da obra asumida, representada, rebelémonos: Indocti discant et ament meminisse périti! ¡Que aprendan os
ignorantes e que gusten de recordar os doutos …, se é que os hai!
No ínterim…, abramos os ollos, que xa está ben
de mexar por nós, e nós dicindo que chove!
-.-
A
cruz máis lixeira de todas…, querendo levala!
Despois destas, viñeron as de diamante,
e tan felices!
Desde a máis
remota infancia, tódolos nenos soubemos que os estados de agregación da materia
son tres: sólido, líquido e gasoso; tempo adiante descubrimos que os estados do
home, e por ende da muller, son tres, poden ser tres: solteiros, casados e/o
viuvos. ¡Pois non, que tamén poden ser catro, así que paso a demostralo!
Destinado á
sucursal de Sidi Ifni, cando ningún compañeiro quixo aceptar aquela vacante
debido a unha epidemia de peste bubónica xeneralizada naquel Territorio, ¿de
soberanía?, eu, valente ou temerario, ¡de Montecubeiro!, aceptei a praza, se
ben coa conditio sine qua non, imposta, de que tería que ir solteiro, por
razóns obvias. Daquela non había vacacións “coloniais”, ¡que contrasentido,
“coloniais” chamándolle “Territorio de Soberanía”!, así que non poderíamos
casar ata dentro de dous anos… ¿E para iso emigrei, para iso me arrisquei? A
solución, despois de certo incidente co Cura da parroquia, e descuberta a nosa
picardía de casar en segredo, era…, ¡por poderes, coma quen manda comprar unha
leira!
Pensado e
feito: Un 13 de Xuño, martes por máis datos, do ano 1953…, presentouse meu pai
na capela de Rois, co mandato na man! Eu non din o “Si, quero”, persoal, pero
dicíao o papel, que vén a ser o mesmo. Tamén teño referido que, despois de
convidar aos compañeiros do Banco, funme para o hotel Suerte Loca, e…, durmín a
sesta! ¡De aburrido, durmín, dun tirón, coa conciencia tranquila, ata as dúas
da mañá, de tal sorte que, cando espertei, e baixei ao comedor, adeus cea!
Naquela situación, ata que a miña…, ¿a miña, que?,
pois aquel matrimonio era rato pero non consumato!, eu, servidor, ¿que era, cal
era o meu estado? Solteiro, xa non; casado, ¿un casado sen muller?; viúvo,
tampouco. Neste caso concreto os estados, e non por iso menos naturais, xa non
son tres senón catro, catro!
Pero todo
isto é anecdótico; o realmente importante é que a estabilidade dun matrimonio,
a base, os cimentos, están en casar con
ganas, e seguir así, por días de vida, que non hai cousa máis preciosa, nin
máis preciosa nin máis bendita, máis agradable, que levar con amor, con amor
perfecto, perdurable, o xugo matrimonial. Dígoo para que os rapaces aprendan na
miña cabeza, pois levando a lección ben
sabida non hai suspensos, non hai divorcios, nin falta que fan!
¡Hai que
predicar co exemplo, que é un mandato bíblico!
-.-
Los ángeles a porfía
grandes azotes le dan
grandes azotes le dan
(a San Jerónimo)
porque a Cicerón leía.
-¡Ira de Dios, qué sería
si leyera a Montalbán!
porque a Cicerón leía.
-¡Ira de Dios, qué sería
si leyera a Montalbán!
Francisco
Gómez de Quevedo Villegas y Santibáñez Cevallos
Ler entre
liñas sempre foi difícil, menos, se acaso, para Quevedo, que tiña ollo crítico,
pero isto de agora, isto dos audiovisuais? Tanto na vista coma no oído
atopámonos con unha percepción activa (escoitar, mirar) e con unha pasiva (oír,
ver), así que temos que comezar por esta análise, pero o caso é que, na vida
cotián, ambas actitudes mestúransenos!
Se, por poñer un exemplo, estou
abeirado, pouco me importa que chova, así que verei as inundacións aínda que
non me moleste en mirar. Daquela, se miro, se miro con atención, igual me poño
a tremer polas consecuencias que traia, ou poda traer. Mais, quen pode escoitar
a radio ou acender a tele sen prestarlle un mínimo de atención? ¡Pois con ese
mínimo xa estou sendo manipulado; para ben ou para mal, pero, manipulado! Coa
lectura é distinto porque dispoño do meu tempo para ler, para reler, para ir ao
dicionario se o preciso, para cavilar…, e incluso para aparcar o tema,
reiniciándoo ou non, segundo poda ou me apeteza!
Nos audiovisuais atopámonos, sempre
ou case sempre, medio a medio da tormenta, do torrencial: imaxes e verbas a
todo gas, así que, ou non entendemos nada ou se nos almacenan no cerebro, a
granel, sen espallar! Caso de que collésemos a onda, e a seguísemos, con esa
velocidade quen é capaz de analizar, de discernir entre a realidade e o que nos
din? ¡Non hai tempo, nin tempo nin ocasión!
Para máis inri, nas tertulias (faladoiros) acabálganse, entrecórtanse,
superpóñense, de tal xeito que a ver quen é o guapo que os entende, así que
rematamos optando por aquel que consigue espazo independente, teña ou non
razón. Sobre o mesmo tema, cen opinións! ¿E a nosa, que, pois, aínda ben non
remataron xa están con outro asunto, veña ou non ao caso?
Na escrita, con algo de caletre, e
tamén con algún antecedente informativo, podemos achegarnos á verdade, pero nos audiovisuais máis ben caemos no
cómodo, nese deixarnos levar polas parvadas dos demagogos…, porque son, ou
adoitan ser, os que máis nos afagan, os que máis se acomodan ao noso pasotismo,
á nosa inercia!
En
definitiva, que non lles damos, nin podemos dar, azoutes, por máis que nos
engaiolen.
¡Iso, precisamente iso, porque nos meten na gaiola das aparencias, pechados,
amordazados, séxase, cativos e captados, coas propias cadeas dos nosos
sentidos, infra utilizados e/ou atordados, deformados!
-.-
O peso das
lembranzas a certa idade faise abafante, insoportable para aqueles que tivemos
a desgraza de non perder a memoria cos anos. ¿Máis có da púrpura? ¡Igual, pois
de púrpura é toda vida vivida con atención e con emoción!
Fuxide, lembranzas, fuxide da miña
cabeza,
que me facedes tolear;
e logo que non teño a quen
contarllas,
de incribles que son.
Así falando, en voz alta,
cousa que só facemos os vellos e
mailos telefonistas,
un neno que escoitou os meus laios
advertiume seriamente:
Patrón, déixese de batallas,
que fazañas meirandes cás súas
vense na tele,
a todas horas.
Meu neno, -lle respondín-,
cunha diferenza,
que as miñas foron vividas,
de verdade, día a día!
Despois hai quen di que a vida é
curta…;
¡Iso será para ti,
folgazán,
se non te molestaches en
aproveitala,
pois facer moito e ben,
non cansa a ninguén!
¿Que iso non é certo?
¡Para os pasotas, non,
pois eses non levan o paso,
o paso vital,
o paso da xente que é xente,
o paso das persoas que o queren
ser!
¿Isto, soñeino? ¡Supoño que si,
pois canso non me sinto, que por algo madruguei: aínda non deron as sete e aquí
me tedes, descansando descansado, pois
non hai nada mellor para descansar que poñerse a traballar…, baleirando as
ansias, pasándoas ao papel, con tal de que non manche a ninguén, que sexa limpo
e non de estraza, pois, para trapos viles e miserentos chega e sobran os do
noso vivir, os españois, os actuais!
-.-
¡Estes lucenses…! Á vista deste
anuncio, na data do meu nacemento (na real, que no Rexistro puxéronme o 28),
nunca tan orgulloso me sentín da miña procedencia; o que lamento é que non viva
o autor porque lle daría, encantado, o meu voto: ¡Si, señor, que o noso diñeiro
non se vaia para o estranxeiro, que
demasiado se ten ido!
E, que ben o explica: “Tras el dinero emigra la independencia de
la nación”! Danme ganas de volver a nacer, pero non vai ser posible
reencarnar nun mozo dos daquela época, que iso aínda non se inventou. Claro
que, de ben pensado, un que fose mozo no 30 chamaríano para aquela guerra que
capitaneou don Hermenegildo, “por la gracia de Dios”! ¿Don Hermenegildo…? ¡Si,
outro Santiago, este do século XX, que, en vez de mata-los mouros in person, traíaos á Península..., para
que llos matasen os rojos!
Din que avanzou a nosa cultura… ¿E
non sería máis exacto dicir que o fixo a in-? ¡Aqueles si que eran patriotas,
aqueles non pensaban nos “paraísos fiscais”! Na miña aldeíña, por entón, escribían
con pizarriños, diso, de pizarra, de lousa; ah, pero o que é en Lugo, nese Lugo
das murallas, xa o facían con máquinas IBERIA, fabricadas en España e
bautizadas co nome patrio. Máis é, que en Montecubeiro cosían con alferga,
pero, de murallas a dentro, con ALFA! ¡Por algo sempre tiven o complexo de non
poder estudiar en Lugo, pero aquela beca, naquela convocatoria na que
participaron as irmás Hermida López, con don Delio Mendaña de Director, era tan
mísera…!
Mais non todo é, era, bo, naqueles
tempos, que por algo dicía meu avó que, Comparando los bienes con los males,
todos los tiempos son iguales!
-.-
Curvas paralelas
Isto que vos mostro é un
matrimonio, un matrimonio exemplar, dos ben avidos. Parece que teñen vidas
paralelas, e así é, pero só na curta distancia, pois na Eternidade…,
unificaranse! ¿Que como o sei? Como nacín paletiño, e quero morrer sen
suspensos, ou con poucos, funlle á escola a Lobachevski, onde nos explicou que
lle dixo Deus, ¡o propio Deus! As
paralelas córtanse no infinito. Entón Lobachevski, que é un preguntón,
¡como tódolos sabios!, insistiulle, repreguntou: ¿E Ti, como o sabes? A
resposta do Señor foi rotunda: ¡Porque alí mando eu; tamén alí!
Se non son intelixentes cantan
distinto, doutra maneira, cada un coa súa voz, coa propia, con personalidade
propia, pero, se o son, viven paralelos, sen por iso despersonalizarse, o que
non quere dicir que sexan idénticos, pero cando hai que tomar unha decisión,
derivar nunha dirección, cousa que acontece a cada minuto na estrada da nosa
vida, que é curvilínea; cede aquel que estaba errado; despois de razoar, iso
si! Tamén o fan as rodas dos coches, que por iso, e só por iso, seguen adiante!
Daquela da Creación seica lles dixo
Deus: Sodes unha mesma cousa, carne da mesma carne, pero, como vos impoño a
obriga de complementarvos, que o home faga de home, que sexa un home, de por
vida; e a muller que non deixe de ser muller; se se pon de tacóns que o faga
para elevarse sobre si mesma, pero nunca
para cuspirlle na calva ao home. Con iso quedou claro, debeulles quedar,
que son, que somos, complementarios, así que, cando un de nós vaia ao
matrimonio sen educación, ou escaso dela, o outro xa sabe o que ten que facer:
ensinarlle a pensar, a transixir, a complementarse. ¿Cal deles? ¡Ambos, pois a
obrigación é recíproca!
A diverxencia é aberrante,
antinatural, pois acaba en divorcio, en separación, os dous ao abismo, que, de
ter fillos, resulta máis fondo, máis…, abisal! ¿Converxencia? ¡A absoluta é
imposible, pero, no máis Alá…, Aló Adiante, Aló Arriba, segundo lle dixo o
propio Deus a Lobachevski, igualaranse as paralelas, e farano con toda
simpleza, con uniformidade, sen bigotes e sen tacón!
-.-
A “Round table” dos doce pares.
Teño un amigo, Médico xubilado,
que, para librarse da telegaita, dedícase ás manualidades; hoxe invitoume a
verlle unha mesa que fixo para toma-la sidra cos seus amigos. Na súa casa-pazo
non se me ocorreu, pero polo camiño vin matinando se non sería cousa de
encargarlle unha “Round table” para sentar nela doce pares de políticos
honrados, aos que darlles plenos poderes; iso si, revogables…, por se acaso!
Nada máis chegar, chameino por
teléfono participándolle a idea, pero levei un chasco porque…; ¡estes galegos,
que sempre teñen algo que dicir, algo que alegar, algo que opoñer! A súa
contraproposta foi esta: Que se compromete a facer esa táboa redonda, e ademais
gratis, coa condición de que eu busque, e atope, dúas ducias de políticos,
honestos e ben formados, capaces e capacitados! ¡Galego tiña que ser, e encima,
Médico!
Cando lle dixen que era demasiado
pedir, volveu a contradicirme: -Que deixe en paz o candil, pois, cando nin Diógenes,
naquela Grecia dos sabios, atopou ao home que buscaba, ¡un, un só!, atopar e
animar doce pares para que arrimen o lombo, é unha tarefa estéril!
¿Por que me diría iso? ¿Para
evitarse o compromiso de face-la mesa, ou porque, de tantos que leva
auscultado, coida que non hai un cento de homínidos
de bo corazón, de corazón nobre? ¡Igual tivo razón Fraga cando nos definiu
afirmando que: Spain ist different!
.../...
Pasa a
ESPALLANDO IDEAS
-VI-
No hay comentarios:
Publicar un comentario