lunes, 27 de enero de 2014

CONFERENCIAS -II-

.../...

Na Vacariza (Camiño Primitivo)



 O 20 de xuño do ano 1993,
diante desta Cruz da Vacariza,
esperando a chegada de “Afonso II”.

Benqueridos amigos e dignísimas autoridades. Que non haxa ningunha presente é igual, que temos o mesmo respecto por elas, tanto de cerca como de lonxe, pois sen autoridades non hai país nin historia; en calquera dos casos, somos o pobo, e no pobo reside a soberanía, que iso di a constitución, precisamente no paragrafo 2º do artigo 1º.

Coido que sobra comentar este acto, non só preñado de simbolismo, senón, e tamén, de realidades, pero os organizadores dixéronme que vos dea, que nos demos, os "bos días", e aquí estou, feito un Pedro Madruga, pois vin desde Coruña para participar nesta Xuntanza.

Aquí, neste paso da Vacariza, que vén de vacatio e non de vacas, tantas cousas pasaron que non habería longa metraxe suficiente para visionalas. Da man dos historiadores é doado remontarnos ao celtismo, que por aquí, mesmo por onde estamos, camiño natural onde os haxa, camiñaron e camiñaron aqueles celtas que desde o Briteiros de Portugal, ¡polo menos desde Briteiros!, intercambiaban cultura e tradicións cos seus parentes do castro de Coaña, nese casarío de Xarrius, aló adiante, arriba de Navia de Luarca. Desde aquí mesmo onde estamos a tal momento, chegaban ao Navia, ao río, e pola súa marxe esquerda baixaban ata os confíns das terras ástures. Non é que non houbese celtiñas máis aló, máis contra o Oriente, que si os había, pero a súa concentración poboacional, como é sabido, estaba desta parte, da nosa.

Chegaron aqueles romanos do saco, ¡do saco ao lombo dos escravos!, que viñeran para loitar cos púnicos, pola parte do Levante, pero tanto se levantaron que, de postos no terreo ibérico, dixéronse: -"Oes, e se nos désemos unha volta pola Gallaecia, que alí hai riquezas, o demo delas, e como temos tantos parasitos en Roma..., pois non estaría nada mal levarlles, nestes sacos, canto de bo, canto reluza, ouro incluído, do que teñen estes fisterráns!". Dito e feito, pero custoulles caro que por aquí estaban, entre outros, eses da Meda, os do Medullius, que preferiron morrer envelenados co zume dos teixos antes que rendérselles. Tanto medo lles colleron aquelas lexións romanas aos nativos desta terra que se pecharon na casa, no castrum lucense, arrodeando o seu campamento con esa muralla que custou milleiros de vidas, ¡vidas de escravos, por suposto!, para darlle remate. ¿Non vos fixades no propensa que é a caerse esa muralla de Lugo? Iso débese ás pedras que asentaron en falso aqueles escravos, pois de non ser así, cos bos canteiros que de sempre tivemos neste país..., ¡esa obra ía para un millón de anos, sen precisar reparacións!

Despois viñeron os suevos, no 409. Estendéronse todo por aquí, por esta terra de pastos, que xa sabedes que aquela era xente pacífica, por máis que lles chamasen "bárbaros". Tiveron a sorte de que eses do Club de Roma non lles puxeron Cota Láctea..., ¡así que se dedicaron a criar marelas, ademais dos cabalos!

Cando, un pouco despois, polo 712/714, se achegaron a Lugo os mouros coas cimitarras, moitos dos nosos fuxiron, bispos incluídos. ¿Para onde, para onde fuxiron? Está claro: ¡Fóronse pola Vía Romana adiante, que pasaba exactamente por onde estamos pisando! A Historia afirmou, -escrita despois, moito despois, precisamente por aqueles aos que conviña proclamarse sucesores legais do trono visigótico-, que don Pelayo era descendente daqueles Reis visigodos de Toledo, cando que non, pois parece máis certo, e desde logo máis realista, pensar que o tal Paio, ou Pelaxio, ou Pelayo, -como se lle queira chamar-, era realmente o noso Conde, o de Flammoso, con castelo ou fortaleza no Verde Castro, condado de igual nome que ese río das searas flamexantes, dos trigos e dos centeos, que de aí lles vén o nome ás terras de Chamoso.

Vindo máis ao presente, atopámonos coas liortas dos nobres galegos que non quixeron acepta-las levas, nin as levas nin as gabelas, comezando pola súa designación unilateral (dos cortesáns de Cangas de Onís-Oviedo) do Rei Silo. Esa é outra proba de que por aquí non se admitía esa (suposta) morgadía pois a casa matriz da Reconquista éramos nós, os desta parte do país.

Aí adiante, alén do Cádavo, nese Campo da Matanza, quedaron aqueles cadáveres, tan mouros e tan esturruxados que por "mouros" os apuntou a tradición, e así o estivo crendo esta xente da Valeira, da terra dos vales, ¡que non é oca nin baleira! O feito, á pouca estratexia militar que se saiba, parece estar claro: Os do país, os de por acó, queimaron esas toxeiras do Cádavo, que de aí lle vén o nome, cádavo, “toxo queimado”, para poñérllelo difícil aos ástures. Pelexando e pelexando, ataque e retirada, a última resistencia dos nosos foi aí no Monte Cubeiro, daquela Cuperio, de sempre país de resistencias: aló na Fonte de Matahomes, e tamén no Rego dos Ósos, (Cepomundín), onde por fin venceu Silo, que así afianzou, sobre nós, a coroa ovetense.

Aínda estaban frescos aqueles ósos da nosa xente cando a El Rei Afonso II lle deu por honra-lo Santiago, no Campus Stellae, e de paso facerse cunha nova bandeira: Na vangarda, para insuflar ánimos aos combatentes e na retagarda para ter controlados aos galegos, de paso, que daquela non eramos tan mansiños coma hoxe, que ningún caudillo se aventura en loitas de vangarda sen atenazar primeiro a súa retagarda. Estes feitos son históricos, á marxe da súa piedade relixiosa, da de don Afonso, que non lla nego.

Púxose aquel home, o II, o Casto, (casto, si; casado, tamén), de Camiño, polo Camiño Santo, facendo a primeira peregrinación das da Historia Occidental, a máis primitiva destas características, que se saiba. Así que aló por Oviedo, Uviéu dicían daquela, mandou carga-las acémilas con todo o preciso para unha viaxe tan longa, e púxose a face-lo planing, que diríamos agora. ¿Por onde...? Descartemos as feas: Por León, nadiña, que no oitocentos e pouco aínda estaban os mouros do outro lado dos Pallares (Pajares), máis ou menos cerca, pero sempre atusmando, ¡a velas vir! ¡Que máis quixeran aqueles morangos zarrapastrosos, nómades atávicos, que intercepta-la comitiva real que ía cargada de tesouros para financia-la nova igrexiña do Campus Stellae! ¿Daquela, pola costa? ¡De ben mirado, e de ben pensado, non, pois entre outros obstáculos había que pasa-lo Nalón, o Navia, o Eo..., coas cabalgaduras, nas veigas respectivas, sitio tremoso, daquela sen pontes nin pontellos! ¿Subir de par destes ríos, pola súa dereita? ¡Descartado: peor sitio, ademais duns rodeos absurdos!

Como a viaxe había que facela directamente a Lugo, a Lugo e por Lugo, que era onde estaba, consolidada, a gran urbe histórica, fortificada, ¡digna dun Rei!, a cousa era indiscutible: ¡Había que seguir a vía antiga, trillada, ben coñecida; esta que pasaba por aquí mesmo, por debaixo dos nosos pés, vinculando o Lucus Augusti co Lugo de Llanera e coa Gigia campamental! No caso de El Rei Afonsus II, á viceversa!

Con estas lembranzas cheguei á seguinte reflexión: todos recordamos, daqueles tempos da escola, que os pobos que esquecen a súa historia están obrigados a revivila, a refacela. ¿Está claro? Todo por aquí fomos caendo no esquecemento desa Historia, da propia, da nosa, a desta bisbarra, e agora, ás portas do XXI, xuntámonos nesta peregrinación para repasa-lo noso Camiño, esta parte da nosa Historia. ¿E, cómo se fan os camiños? Ben sabedes que só hai un xeito: ¡Camiñando!

Non pode terminar sen facerme, aínda que inmerecidamente, portavoz de todos vosoutros, e pedirvos unha aclamación para aqueles, persoas e asociacións, que fixeron posible esta resurrección do Camiño Primitivo. Uns máis e outros menos, pero incluso os que nada fixeron ata hoxe, con só que estivesen receptivos desta recreación ruteira, ¡algo fan!, iso á parte e ademais de goza-la paisaxe. Por eles, por todos, polos ausente e polos presentes, un ufido, ben forte; tan forte coma aqueles dos antepasados que loitaron nestes cumes en contra do rei impositor, do Rei Silo. Agora temos que loitar contra os que esquecen, ou queren que esquezamos, a nosa Historia..., ¡para traelos ao rego, para traelos ao Camiño, ao máis importante de todos, o Prístino, o Primitivo!

¡Veña, ufemos; forte! ¡Todos!
-.-

No C.P.I. de Castroverde.

Apuntes – guión para as charlas que din no C. P. I.,
sendo Director D. Eduardo Carreira González.

  
1.- Nós, os de antes da Guerra. Historia dun esforzo e dunha austeridade.

Nas miñas correrías, mundo adiante, en tantas conversas de todo tipo cos labregos de varios países, con industriais, comerciantes e intelectuais de varias extraccións e de múltiples formacións disciplinares, sempre tiven un punto de referencia, de contraste, no que moito levo matinado: ¿Que sería este Fulano, qué sería e cómo pensaría se houbese ido a unha escola daquelas de a ferrado, na miña bisbarra, e tivese calos nas mans de sachar couceiros ou de cavar nos vedros, dende neno, ou se aprendese cultura e mundoloxía nas feiras da bisbarra, tales que Mosteiro, Castroverde ou Meira? ¡Si, si; de verdade, tal e como volo conto!

Os meus tempos de África, rodeado dunha cultura en recuperación, a dos bérberes, tamén me serviron para contraste destas matinacións. Pois ben, dunhas e doutras cheguei á conclusión de que nesta bisbarra, na nosa, fixéronse milagres ao longo deste século XX, e iso a pesar do mal gobernados e mal dirixidos que fomos. Por poñer un exemplo atemperado a esta terra, que foi tan célebre polos seus canteiros: o ritmo dunha construción, pedra a pedra, é incomparable se nola poñen a pé de obra ou se temos que ir arrincala á canteira, empezando por descubrila. O galego do rural, nestes anos, non só partiu dunha gran miseria circundante, inxente e abraiante, que a temos medio esquecida, afortunadamente, senón que foi polas pedras a Cuba, Arxentina, Venezuela, Brasil, Francia, Suíza, Alemaña, e corenta sitios máis, nos que non sempre nos recibiron ben, nos que tivemos que competir con xente de mellor preparación; nalgún caso, concretamente na éxida europea dos anos sesenta / setenta, incluso tivemos que  romper a falar, coma se dun empurrón nos devolvesen ao berce.

Por iso, cando estes rapaces de hoxe en día se afunden e se inmobilizan nesta crise económica, pero tamén ideolóxica, finisecular, tan inxusta e tan desmoralizante, sen deixar de darme pena case teño aló dentro, no fondo do subconsciente, o malicioso desexo de que a gocen, de que lles aproveite, pois tódolos vellos sabemos que os mellores aceiros das nosas ferrerías lográbanse coas augas ben osixenadas, xeadas, dos nosos ríos, maiormente dos que baixaban da Ferradura. Dito doutro xeito: os que valen crécense, robustécense, nas dificultades. Por paradoxal que pareza, é unha lei natural!

Se non é moito o que fixemos nestes anos de vida activa, medido en termos económicos estritos, si que o é en valores sociolóxicos. Por iso coido que é digno e xusto reivindicar para nós mesmos, para a nosa xeración, unha folla de honra na historia da civilización española, e da galega en particular. Por certo que xa somos menos, que os mellores fóronse, -os mellores sempre van diante-, pero aínda estamos rufiños e dispostos a case todo o que faga falta neste país que se mostra cansiño; canso de sementar, sobre todo, pois as trazas son máis ben de que hai xente aburrida, moitos, que non saben esperar pola colleita, que se desesperan nas dificultades. Para eses quixera falar, e comigo coido que a inmensa maioría de todos vosoutros, aquela xente sufrida, afeita a cavar na bouza, a entolar, a sementar, a segar, a mallar, a moer...; ¡cantas fases, cantas esperanzas e cantos esforzos aqueles, dende a rotura ata o intre de saca-lo pan do forno!

Aludín ao aburrimento, e coido que este tema merece unha paréntese, tanto para nós coma para estes rapaces do relevo. O aburrimento só ten de contraveleno unha menciña: darlles corda ás ideas. E isto vale para tódalas idades. As ideas hai que elaboralas, removelas sen descanso; e unha vez obtidas, cribalas; iso si, sempre, deixando e desenrolando tan só as que sexan mellores para o espírito, pois o que é bo para o espírito non é malo para o corpo. ¿Que a vida nos pecha esa porta, xa entre aberta, que tiñamos diante? ¡Daquela fagámoslle buratos ao muro! Isto témolo experimentado pois nós, estes da Terceira Idade, por ter, ata tivemos unha guerra na infancia, que non cabe outro muro, nin outra crise, máis contundentes do que foi aquela incivil do 36, e con iso e con todo, estamos aquí, relativamente vitoriosos: ¡de nós mesmos, que non da guerra, pois aquela perdérona todos, dun xeito ou doutro, os de dereitas e mais os de esquerdas, que todos necesitaban de todos para seguir adiante co rexurdimento experimentado, lanzado, naqueles anos trinta!

Pola miña parte, nesta charla caseira, quixera propoñervos que fagamos balance destes dous terzos de século que levamos ao lombo, máis ben por se deducimos do discurso algúns ánimos para esta xuventude tan desnortada que nos fai o relevo, e que teñen ante si a tarefa inxente de entrar dereitos no XXI para darlle outro relevo ao facho da vida.

Agora, que imos cara ao milenio, pode ser ocasión axeitada para facer un balance sucinto, case diría un testamento, inventariando o que recibimos naqueles anos Vinte e Trinta, o que fixeron por nós os nosos entregos, o que fixemos para nós mesmos, o que fixemos polos demais, o que deixamos mal feito, o que deixamos sen facer e mailo que enxergamos que terán que facer nas seguintes xeracións. Esta tarefa, así planeada, é máis longa que un día sen pan, pero coido que non será tempo perdido con tal de que teñamos a valentía de confesarnos en voz alta, para que os seguintes aprendan maiormente a lección dos nosos erros, pois aprender en cabeza allea é a mellor economía que pode facer a humanidade, toda, enteira.

Tamén hai outra cousa positiva nestas reflexións, públicas e colectivas: Que ao ser cribadas pola discusión chegaremos a concluír verdades experimentadas, testemuñadas, que ditas por un só de nós igual resultaban fantasiosas ou pouco cribles para os netos de cada quen, Pero irei concretando, pois o tema é longo, excesivo para unha sesión.

Fagamos unha síntese histórica partindo da España que atopamos, concretamente no rural, que é o noso punto, o noso medio, de partida, polo menos de moitos dos aquí presentes:

¿Que país tiñan nosos pais daquela que acordaron casar? De entrada, foron á igrexa polo seu pé, pero levados, moitos e deles, da man dos esculcadores, dos axustadores da dote, dos compadres casamenteiros. Eran unha especie de “brokers”, e non vos riades que ben sabedes que así foi, que ou ben por pura amizade ou polo afán de servir ao amigo, arranxaban nos casoiros pescudando e facilitando amaños: Aquela é de xeito; en tal casa danlle tantos miles de reás; sei de boa tinta que fan morgada á Manuela; naquela casa pensaron en ti...; e cousas desas. Teño para min que o concerto non foi, non era, tan malo pois facíase, xeralmente, a conciencia, e con esa esculca veu, mantívose, a endogamia, que era aquela comodidade de casar no mesmo rueiro, maiormente para rexuntar, para recompoñer, as leiras, orixinándose, iso si, algunhas incompatibilidades ou minoracións raciais das que un biólogo falaría días enteiros.

Todos recordamos, ou aínda coñecemos, lugares onde non podían ser testemuñas de preitos civís porque tódolos veciños eran parentes entre si. Dirán os rapaces: ¿E logo, daquela, iso do frechazo...? Sempre o houbo, que iso é un aviso da sensibilidade de cada quen, pero un pouquiño de comenencia, tamén; daquela había moitísima xenerosidade, pois o amor facíase con amor, con vontade de namoramento, de cultiva-lo namoramento, sen ese “Do ut des”, dou para que me deas, que veu despois, co materialismo recente. Daquela buscábanse os bens, que iso é lei de vida, pois os talentos non son para deitalos, pero tamén a honra da familia, a beleza da rapaza, e tódolos atributos positivos posibles.

Superadas, polo menos parcialmente, aquelas epidemias do século XIX, a principios deste noso deron en medrar as familias do rural, coma os fentos na bouza. Poñámonos no seu caso: Pouco máis método anticonceptivo se coñecía que o de poñer a almofada no medio, e con iso era máis incómodo durmir naqueles xergóns de folla de millo, cando non de lá abelourada. Coa hixiene, coas vacinas, e coa aparición do médico rural, a mortaldade infantil retrocedeu considerablemente. Pero tampouco podemos omitir, en aras da verdade, que moitos pais, na súa mentalidade tribal, consideraban signo de riqueza rodearse dunha prole capaz de decruar a bouza, de garda-las ovellas, etcétera. Un para o seminario, outro para América, aquel que ía morrer nas guerras de África... ¡En definitiva, que por menos de media ducia non lles tiña interese o casoiro!

Deténdonos nas guerras de África, practicamente ininterrompidas desde Pelaio: O primeiro cuarto deste século nutríanse de soldado galegos nunha porcentaxe alta; os de aquí non tiñan para paga-la cota, nin o seguro, e logo que eran mansiños, séxase, apropiados para as penalidades do Rif; había moitos... ¡Total, que case habería que falar dun exército galego con mandos foráneos! Coa perda de Cuba, o embarque substitutivo foi África. Por aló, alén do Atlántico, moitos se quedaron, aliviando o noso censo: uns, mortos, e outros de braceiros nos ingenios, con taberniña ou dedicados aos abarrotes. De Filipinas tardou en volver o señor Manuel de Piñeiro (Manuel Rielo Otero), veciño noso, porque se quedaran refuxiados, parapetados, naquela igrexa de Baler, agardando pola terminación da guerra..., ¡once meses, desde que rematara, e eles, os sitiados, sen enterarse!


Os soldadiños que se quedaron por aló, os vivos, superadas as febres e apetentes da prata, deron en reclamar aos seus irmáns, veciños e amigos, que así progresou a emigración galega ata os anos trinta. Cuba, baixo a férula imperialista, empresarial, dos Estados Unidos, coas industrias dos “ingenios” compradas aos cataláns, algo mecanizadas e remozadas polos americanos, coa escravitude abolida, ¡a negroide, pois da outra, da solapada, quedara abonda!, cunhas saídas extraordinarias, mundiais, para os seus produtos, absorbeu galegos en cantidades enormes, aínda mal estudiadas. Tamén se foi xente da nosa bisbarra para Arxentina e outros puntos de América, pero menos e máis tarde.

Situémonos nos Vinte. España tivo daquela, ao permanecer neutral, unha ocasión óptima para industrializarse, e non só para competir con Europa senón, incluso, para avantaxala e para subministrarlle, pois quedaran eses veciños medio desfeitos da primeira das guerras, pero aquí non puidemos nin fomos capaces de aproveita-la conxuntura, maiormente porque tivemos uns políticos de moita literatura e pouca ciencia.

Os que fostes a Cataluña teriades ocasión de verlles aqueles museos, mesmo os rurais, onde locen os utensilios e maila maquinaria que xa tiñan a principios de século; tiveron ao seu favor os dólares que trouxeran de Cuba, precedendo aos galegos; a súa veciñanza con Francia, proximidade comercial dos países mediterráneos, con culturas e técnicas punteiras, etcétera. En Cataluña, sobre todo, avanzaron os ferreiros, seguidos de vascos e de asturianos, mentres nós seguíamos tendo ao zoqueiro por caporal da artesanía. Con isto non vou en contra dos zoqueiros, que tamén o fun eu, eu mesmo, pero é unha forma de face-la comparanza.

Naqueles Vinte non logramos saír do autoconsumo, pero si deron, nosos pais, un estirón considerable, que merece ponderárllelo: Chegoulles algún diñeiro de América, os abonos minerais melloraron os trigos, Madrid e Barcelona deron en consumir carne de Galicia, as nosas tecelás competiron, tanto na lá como no liño; ¡pero o gran fito dos Vinte foi que as mulleres aprenderon a ler, todas, a feito! Entre os soldadiños retornados de Cuba, os de África, os arxentinos..., esa abundancia de periódicos que xurdiu entón, as coplas dos cegos, os tribunais do galo, a redacción das obrigas, as permutas, as vendas con pacto de retro, e mil cousas máis, estimularon a necesidade, e por ende a apetencia, da lectura; correlativamente, a da escritura; saber firmar, que era un distingo social considerable, así que, partindo da nunca ben agradecida xenerosidade dos curas e dos frades, que daquela compartiron os seus saberes co pobo; incluso percibindo, conscientes, de que se lles ían insubordinar tan pronto como chegasen a un certo nivel de cultura, xurdiu unha pléiade de mestres, daqueles de “a ferrado”, tantos e tan bos, tan decisivos para a nosa xeración, que debían ter un monumento en cada Vila, polo menos iso.

Xa sabemos que hoxe non hai, nin pode haber, receitas económicas puras pois todos somos, un pouco ou un moito, peóns, marionetas, das multinacionais, que nos colonizan de mil maneiras, pero segue a ser inmutable que non podemos acadar unha industrialización de costas ao sector primario, no que temos o noso capital, leiras, cortes, etcétera, a nosa experiencia e mailas nosas relacións sociais. Incrementando a produción agrícola elévase o nivel de vida e estabilízase este xeito de gaña-la vida pois a saturación de emprego nas cidades ben se ve que está levando á indixencia de moitas familias que portan un drama cotián ao lombo. Sen autosuficiencia alimenticia, e cunha industrialización tan raquítica, tan pouco exportadora, non hai divisas que lle cheguen ao país nin posibilidade real de atempera-la inflación de costes. A dependencia crecente dos mercados exteriores é o fío dun coitelo polo que só poden camiñar os países exportadores.

A cousa é ben sinxela, e parece mentira que os nosos dirixentes non a capisquen: Para grandes proxectos fan falta grandes capitais, que como adoitan vir do estranxeiro pendulean á menor alteración da peseta. Con eses capitais poñen en acción proxectos industriais de envergadura, tipo SEAT, que requiren unha tecnoloxía dependente. E logo que precisan unha man de obra especializada, que con frecuencia tamén a traen do estranxeiro, polo menos os altos mandos. ¿Que poñemos, qué aportamos os do país? ¡Traballo, moito traballo, moito e inseguro, tirando a caro porque o custe dos víveres tamén o é xa que moitos artigos veñen de fóra. ¿Que queda no país? ¡As barreduras, as migaxas!

A emigración a Europa: Francia, Suíza, Alemaña, Inglaterra, Holanda, etcétera, comezou sobre o ano 60.

Entre 1900 e 1970 saíron de Galicia para América 1.187.000 persoas, mentres que ao total do Estado fóronse 3.497.000. Resulta que neses 70 anos a nosa sangría foi do 34 % dese total.

Por Europa arriba fóronse, entre 1962 e 1970, 141.067 persoas; a outras rexións do Estado, no mesmo período, 72.523 persoas. Con estras cifras temos que a emigración total de Galicia nos primeiros 70 anos deste século foi de cerca de millón e medio de persoas, isto baixo control estatístico. O dereito a vivir no propio país foille negado a unha porcentaxe altísima da nosa poboación.

Detraccións aínda vixentes na nosa nacenza:

Os foros, fosen en favor do propietario do dominio directo, ou do intermediario (subforo).

Dos rateos e laudemios xa non lembro ningún. Rateo era paga-los gastos dos apeos; os laudemios eran o dereito do propietario do directo sobre toda transacción, e chegaron a ser ata do 40 %; algo así coma os dereitos do dono nos traspasos mercantís.

Os censos. O préstamo (merca-la vaca, comprar unha terra, unha pasaxe para América, un enterro, etcétera) adoitaban asegurarse mediante a hipoteca dunha leira, fixándose un cobro en especie ata a cancelación da débeda, en tantos ferrados de trigo, centeo, millo, etcétera. Aqueles eran os censos frumentarios, tamén chamado rendas en saco.

Pensións e cargas perpetuas. Pensións para pagar misas, cabodanos, etcétera, ás que se sometía unha finca.

Gando de cabana. Xeralmente coas crías a medias.

Diezmos, ou décimos. Non me lembro deles, pero si sei de certas fincas que os tiveron, por exemplo, os montes da Capela de Luaces, que llos pagaban ao bispado de Lugo.

Unha das causas máis frecuentes de recurso aos prestamistas era o pago das contribucións. A estes efectos había un problema específico que consistía na flutuación do prezo do gran, con un mercado dominado polos grandes rendeiros.   

Os empréstitos usurarios chegaron ao 30 % a primeiros deste século.

Os miúdos, dos que abundaron as cidades galegas, consistían nun pago a interese mensual deixando en fianza a cartilla do Racionamento.

Hai un estudio de Pilar López Rodríguez sobre as redencións das terras en Lugo no 1873, como consecuencia da Lei de 1873, que practicamente non afectou ao campesiñado lugués simplemente porque non tiñan cartos para acudir ás redencións.

A burguesía galega non puido ou non quixo montar unha infraestrutura industrial en todo o século XIX, exceptuando o sector da salgadura, controlado por capitais cataláns, retornados de Cuba.

O acceso do campesiñado á propiedade da terra. Dúas épocas: Ata ao 1926, con unha forte resistencia á venda, sen mercado. E a partires da Lei de Redención Foral de 1926 de Primo de Rivera, que en xeral pagouse con cartos da emigración.

A chegada do tren a Lugo deunos un respiro pola saída considerable de carnes ante o consumo crecente, por esta orde: Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Zaragoza...

Produción cárnica en Lugo, segundo estatísticas do ano 1918: En bovino, 359.000 reses; 93.000 en ovino; 40.000 de caprino; 429.000 de porcino. En 1929: 519.000 de vacún; 332.000 de ovino; 143.000 de caprino; 492.000 de porcino.

Con respecto ao total do Estado, baixamos, nestes 11 anos: en bovino, do 33,9 ao 33,5; máis que duplicamos en ovino e caprino; descendendo en porcino.

Diversificación da situación dos labregos: Caseteiros, que desta bisbarra abundaban en Luaces.

El Eco de Galicia, de Lugo, en 1873 dedicou varios artigos a defende-la idea de “Galicia para los gallegos”.

O caso da madeira é vergoñento: De Galicia saían anualmente 175.000 toneladas de madeira con destino ás minas de Cardiff, a prezos que oscilaban entre 40 e 45 pesetas por tonelada. A situación alterouse en virtude de R.O. de 5 de agosto de 1920, impoñendo unha taxa de 20 pesetas por toneladas exportada co fin de que os madeireiros a vendesen para as minas de Asturias; en consecuencia, os asturianos baixaron a tonelada a 15 pesetas.
-.-

2.- O único valor co futuro asegurado: Engadirlles valor ás cousas.

Partindo da nosa emigración e da base cultural coa que entramos no século presente: ¿Que se fixo, que se puido facer? Circunstancias concomitantes. ¿Onde estamos hoxe? ¿Cal é o noso futuro, previsible, en presencia da UE (Unión Europea) e do GATT (Ronda Uruguai – libre comercio mundial? As tensións duais na actual crise: Engadir valores que teñan aceptación de mercado reducindo costes nos procesos produtivos; engadirlles atractivo ás cousas, dentro dun código deontolóxico, por suposto; e todo iso en feroz competencia. ¿Como se presenta o século XXI? Proxección da nosa Galicia, tanto no rural coma no urbano. Previsións de orde cultural e socio-económicas.

Rapaces, os comentarios que vou facer versan sobre un tema moi importante e moi serio, así que o imos tomar en serio e tentar de desenrolalo con paciencia, interrompéndome a cada palabra ou a cada concepto que vos resulte escuro ou descoñecido.

Para te-las ideas claras, para entender os conceptos que vou manexar, fixádevos nesta definición: Valor engadido é o valor que unha unidade económica, individual ou colectiva, engade á produción dun ben ou servizo por medio da aplicación, da dedicación, dun traballo, sexa directamente, con meros esforzos persoais, ou, se o caso o require, ensumindo capitais. Tedes que ter claro que ensumir é distinto de consumir; por exemplo, se compramos pensos para mante-lo gando, iso será un ensumo, un ensumo positivo sempre e cando o incremento do produto que se obteña resulte de maior valor, sempre que obteñamos unha recuperación normalmente superior ao custe dos ensumos aplicados nese proceso produtivo.

Tamén compre lembrar que, produtividade é a relación, ou ratio, por cociente, entre o valor dunha produción e o custe dos medios de produción que interveñan nela. Para aumentar resultados, como sabedes, ou incrementamos o N (numerador) ou diminuímos o D (denominador), que neste caso refírese aos custes do proceso. Así,

N / D  menor que  N + i / D; N / D menor que N / n-i´; sendo “i” un engadido, e “i´” unha minoración dos insumos.

Agora direivos algo que tamén sabedes de sobra, pero que igualmente vén ao caso: A economía moderna caracterízase pola especialización e pola división do traballo, -cada un fai un cacho do proceso produtivo-, que así elévase a produtividade, pero,  e subliño este pero, á costa de acentuar a interdependencia. Iso da interdependencia, da evolución da interdependencia, saír dunha economía individualista, precapitalista, egocéntrica, autárquica e protexida, é unha sinatura que se nos atragoou aos galegos, que aí temos gran parte de moitos males, de moitas contradicións.

Xa sabedes, tamén, de antemán, que CRISE, esa verba que tanto se usa, na acepción que aquí nos importa significa “Mutación grave no desenvolvemento de calquera proceso físico ou histórico”. Pois ben, das crises derivan as convalecencias, e pouco a pouco vólvese ao vigor, a recupera-las forzas, pero, iso si, con tratamentos axeitados. Primeiro xurde a enfermidade que non se soubo ou non se puido evitar; despois os entendidos fan as receitas, que nunca adoita ser gratas ao padal, e tras de todo iso, outra vez á escola, a producir! Nesta crise socio-económica na que, tanto os valores morais coma os materiais, voan tocados da ala, sodes vosoutros, estas promesas da Xeración do Milenio, os que teredes que aprender dos nosos erros e dos nosos pasotismos para reface-lo mundo, para remonta-lo voo, para darlle outro empuxón á Historia.

Estamos aquí, en Castroverde, na nosa bisbarra natal, que pode parecervos pouca cousa, pero, coma en tódolos lugares civilizados, nós tivemos un pretérito conformador moi importante, unhas raiceiras nutrientes, pero tamén un presente circunstancial no que, pouco ou moito, algo interaccionamos todos e cada un de nós. Á vez, se cadra fixándonos pouco niso, estamos conformando un futuro que nolo darán case que enmarcado, pero con iso e con todo, algunhas das cores do arco socio-económico dependerán da nosa arte, da nosa mestría en combina-lo cromatismo que saibamos seleccionar.

Hai un proverbio escocés, que vén ao caso, e que, traducido, di así:

Moitas cousas pequenas
en moitos lugares pequenos
feitas por moita xente pequena
poden transforma-lo mundo.
                                                          
Pois ben, imos falar da nosa cativeza: Neste intre somos a resultante de axusta-los puntos, a laboriosidade e maila sorte, que circundaron o berce de cada quen, trazado coa nosa vida, coas circunstancias, próximas ou non tanto, do noso camiñar, do noso rompe-las augas para enfrontarnos ao mundo circundante, nunha liña que non é, nin pode ser, recta, senón ondulada, pero, iso si, con unha tendencia definida, da que algún control se ten, ou adoita terse, a pouco que usemos da nosa preparación cultural básica e da nosa intelixencia natural.

Estes rapaces están, estades, estudiando, ou estudiaredes, algo de física, e tamén algo de química, así que vou usar deses coñecementos, desa ferramenta, para non irme ás elucubracións, ás deducións, ou ás inferencias, da ciencia económica, que está pragada de conceptos abstrusos, expresados maiormente en inglés xa que foron os americanos, principalmente aqueles estudosos do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts os que afondaron nesta rama do saber pragmático; entendo que sería prematuro abusar de tecnicismos, maiormente para esta charla tan coloquial e iniciática.

Apoiados nesas ciencias, -iso si, mesturándoas un pouquiño-, podemos expresar que a cultura non é un gas expansivo de seu que tenda a abarcar uniformemente todo o espazo dispoñible; a cultura, coma a luz, onde atopa obstáculos, reflíctese, pero ilumina por onde pasa, ou mellor dito, por onde a deixan pasar. Por outra banda, e sen saírnos destas lei elementais, tamén sabemos que a potencia e maila resistencia entran en relación de equilibrio con respecto ao punto de apoio en función dos seus respectivos momentos; iso de que, potencia polo seu brazo é igual a resistencia polo seu respectivo.

Isto lévanos a entender, coido que claramente, que onde hai resistencia precisaremos aplicar, tamén, relativamente, ou moita potencia ou moita paciencia. ¿Nunca oístes dicir que o que non ten cabeza é o que máis repatea? Logo, neste caso, canta máis cabeza poñamos nas decisións, nos proxectos, menos pés e menos brazos nos custará efectua-los desprazamentos, as tarefas, da vida cotiá. Pois ben, deste símil, desde aquí mesmo, fagamos punto de apoio na historia cultural desta bisbarra:

Dáse o caso de que a bondade destes vales tirou dos sucesivos poboamentos desde a máis remota antigüidade, pero non me paro en consideracións minuciosas, meramente historicistas, que iso podemos deixalo para outra ocasión. Baste con lembrar que na Alta Idade Medida estivo por aquí o Rei Alfonso VIII, e precisamente neste Castrum do Vallis Viridi (Castro do Val Verde) fixo corte, ou sexa, que se detivo algún tempo, probablemente moito pois aquí, con esta paisaxe e cos seus alimentos, sempre se estivo a gusto; daquela firmou documentos de gran transcendencia, que por aí andan nos arquivos históricos. Esta circunstancia, anecdótica pero significativa, evidencia de seu que a nosa bisbarra, incluso na Idade Media, tivo un releve socio-cultural importante.

Boas terras, e, sucesivamente, boas comunicacións, a Vía Romana de Gigia, o Camiño inicial, Primitivo, de Santiago, a proximidade a Lugo, etcétera, cousas todas elas positivas para un desenrolo sostido; pero tampouco podemos esquecer que onde é doado vivir, á larga resulta nefasto porque nos vence a preguiza; de durmidos, entramos noutra lei física        , na da inercia, que ben sabedes iso de que, Os corpos que se moven uniformemente tratan de mante-lo seu movemento; e por contra, os corpos en repouso resístense a ser postos en movemento. Por iso son tan daniñas as somnolencias, as inercias culturais, pois cando se adurmiña un pobo, unha masa poboacional, daquela non hai revolucionario que sexa capaz de poñelo en movemento efectivo.

Por paradoxal que pareza, aqueles navíos cargadiños de prata que lle viñeron a España nos primeiros séculos despois do Descubrimento acabaron pagando guerras, mercenarios e mercancías, en particular dos Países Baixos, de tal forma que eles aprenderon, por exemplo, a facer bos panos, e nós, entre as compras e mailos vicios, quedámonos atrás, en pouco tempo. É o que ten a prosperidade mal adquirida, mal entendida e peor dirixida.

Falando do Descubrimento, e a título de curiosidade histórica: Xa saberedes que o primeiro dos emigrantes americanos desta bisbarra foi Pedro Muñiz de Carvajal, solteiro e natural de San Ciprián de Montecubeiro, que se marchou, no ano 1560, de criado, ao servizo do Licenciado Briviesca de Muñatones. Deste pioneiro sábese, hai constancia diso, en Sevilla, no Arquivo de Indias. Era fillo de Antonio López e de Ana Muñiz de Carbajal. Tomou os apelidos da nai polo seu abolengo xa que os Carvajal ou Carbajal (Carballeira, castelanizado) tíñanse por descendentes dun cabaleiro chamado Pelaio, que era fillo, ou neto, do Rei D. Bermudo II de León. Por aquí ese apelido foi desaparecendo; ou o galeguizaron.

Aquí tivemos a comodidade de venderlles, moito e bo, aos de Lugo, ao traveso da historia. Iso aparentemente era unha vantaxe, pero só durou mentres lles foi difícil acudir a outros mercados, a outros abastecedores; mais coa chegada do tren a Lugo e coa xeneralización do transporte por estrada, descendemos nós, os da bisbarra inmediata, contigua, pasando a ser un provedor máis, co que perdemos aquel movemento estimulante. Por contra, esas mesmas comunicacións metéronnos unha serie de ofertas mercantís que nos eran interesantes, e incluso necesarias, pero que cos nosos ratios de baixa produtividade non estabamos, daquela, en condicións de adquirir, así que a forza resultante foi unha fuxida de capitais, sumándose ás nosas calderillas, transferidas, aquelas remesas dos primeiros emigrantes, maiormente desde que nos fomos liberando dos aforamentos.

Por certo, falando do tren, que non é moi sabido, ou máis ben témolo esquecido, que a gran oportunidade desta bisbarra de Castroverde pasounos pola porta no ano 1852, fai século e medio, pois cando xa estaba aprobado e delineado o trazado dunha vía que baixaría a Ribadeo partindo de Monforte, que ía pasar, que así estaba aprobada polo Rei, polo Corgo, aquí por Castroverde, abas da Ferradura, Caraño, etcétera, daquela reuníronse en Lugo as chamadas “forzas vivas”, esas que a veces fan coma o can do hortelán, que nin comen nin deixan comer, e acordaron mandarlle un escrito ao Goberno da Súa Maxestade no que lle propoñían, estúpida e inoportunamente, adia-lo ferrocarril “para cuando el país esté cruzado y cubierto de una vez de otras comunicaciones preliminares; y cuando llegada la hora de la ferrada (sic) se medite bien y procure que pase por el Centro gallego”. Tiña tan pouco sentido ese alegato que tal parece que lle chamaban “Centro Gallego” á muralla de Lugo! Así que aqueles envexosos, eses capitalinos, quedáronse sen o diñeiro asignado; ¡sen diñeiro e sen tren! Está claro que o querían para eles, para eles ou para ninguén, e non tiveron a paciencia, nin a paciencia nin a vista, de que para Lugo, de chegada a vía ao Corgo, doado era facer, conseguir, un empalme. Tempo adiante chegoulles o tren aos de Lugo, si, ¡pero ao revés, desde Coruña!, co conseguinte empalme a Monforte.

Auga pasada...! Pero está clarísimo que, naqueles tempos nos que Madrid, Barcelona, etcétera, empezaban a despegar e a consumir, para esta bisbarra sería, reportaría, un beneficio incalculable, de relación coa costa e de exportación-importación en ámbolos dous sentidos. Insisto no de que chegou a estar delineada pois en Montecubeiro coñecín vellos, da época de meus avós, que coñecían e lembraban exactamente o trazado inicial da vía proxectada. Cando a II República volveuse a formular aquel proxecto, e incluso se escribiu algo ao respecto.

Como imos vendo, a proximidade de Lugo, e quen di de Lugo, de calquera centro que sexa excesiva e egoistamente polarizante, tivo e ten os seus efectos negativos. Entre outras interaccións duais: Facilitounos una case que inmediata receptividade ás sinais socioeconómicas exteriores, pero tamén succionou recursos e oportunidades que, contrario sensu, arraigaron nas bisbarras illadas, poño por caso, a gran evolución da Vila de Fonsagrada, nun contexto bastante inferior. Aquí sóubose antes doutros porvires, pero tamén antes se foron aqueles emigrantiños, mesmo no peor intre de Cuba, daquela a últimos do XIX que, recén abolida a escravitude no Caribe, pasaron os nosos segadores a corta-la cana e mil outros traballos de especial penosidade, precisamente na época belicosa, naquela en que as illas entraran en decadencia conflitiva.

Esta proximidade, concorrendo o substrato cultural fértil, feito, maduro, noso, ao longo dos séculos fíxonos aceptar con precocidade o potencial modernista que nos veu de Lugo, ou ao traveso de Lugo, sen resistencia apreciable, que aquí a distancia, o brazo de panca, seguindo co símil da física, funcionou en sentido inverso, producindo un efecto multiplicador positivo, pero...! O pero estivo precisamente niso: que os maduros, os economicamente fortes, os cultos e mailos inquedos, íanse de aquí, a toda velocidade. Se vos fixades na configuración humana desta capital da nosa bisbarra, aínda hoxe se percibe que houbo un desprazamento de xente das parroquias circundantes, unha forza, un efecto centrípeto, de embude, para establecerse na vila de Castroverde, ao sopé do Castro do Val Verde, ocupando ocos, oficios, negocios, e incluso casas, por substitución daqueles vilegos que se foron para Lugo, Madrid, Coruña, etcétera. Todo isto é, foi, supuxo, unha fuga de recursos humanos, ademais dunha descapitalización considerable. Cando se ausentan os máis ricos ou os máis cultos dun lugar, iso minora, empobrece, a tódolos demais; de moitas maneiras e por varios conceptos, segundo se estudia en Socioloxía.

Agora, de presente, a tirada, a atracción de Lugo-capital aínda pervive xa que temos cantidades de xente que labora aquí e durme en Lugo; por ende, gasta en Lugo, déixalles alí os gastos máis importantes; pero entra no posible, no lóxico, que, coa estrada mellorada, convertidos en arrabalde capitaliño, os atractivos desta vila cheguen a xerar desprazamentos contrarios, séxase persoas que cheguen a preferir Castroverde como dormitorio polos prezos das vivendas, atractivo dos lugares, relacións familiares, etcétera, sen prexuízo de que sigan, e podan seguir, vinculados no laboral á capitalidade da provincia.

Para evidencia do pouco que fomos capaces de engadir aos produtos naturais, á riqueza natural, desta bisbarra nos últimos anos, abonda con deterse nas estatísticas de poboación, pois ninguén se estira, por gusto, das súas raiceiras; ninguén, ou poucos, se ausentan do seu entorno familiar salvo para mellorar considerablemente de oportunidades básicas, vitais. Así, en 1950, o número de habitantes era de 8.122 persoas, descendo seguida e sucesivamente: 8.054, no 1960; 5.256 no 70; 4.548 no 80.

No 1990 había aquí, de feito, 1.959 homes e 1.838 mulleres; de dereito eran 2.019 homes e 1.926 mulleres. Isto da caída en picado da poboación rural só lles gusta aos teóricos que viven na capital e queren ter nela servidores baratos; ou aos labregos envexosos que esperan a que o seu lugar quede deserto para mercar baratas as leiras dos veciños. Están errados con esta miraxe, uns e outros: As cidades están deixando de ser acolledoras e humanas; e os terratenentes que nos sexan capaces de atende-las propiedades tamén acabarán abandonándoas ou vendéndollelas ás multinacionais do século XXI por catro perras, e se lles dan colocación in situ aos seus fillos xa será de milagre pois virá man de obra barata procedente de países con dificultades ou mal administrados. Só hai unha saída razoable, que está na man dos políticos con influencia ou mando económico: incrementar as vilas de cabeceira creando nelas infraestrutura axeitada para xerar unha industria auxiliar e complementaria, transformadora en definitiva, que xere novos recursos e proporcione empregos de certa tecnificación.

Mirémonos un pouco no espello das nosas circunstancias: Un colectivo que ten materia prima abondosa, que tal é o noso entorno; que se liberou do foros xa antes da Guerra; que recibiu cantidades de diñeiro inxentes, das dúas emigracións, da americana e seguidamente da europea, amén dos propios ingresos nos que incluirei o fluxo das pensións; unha bisbarra que goza dunha culturización ancestral, de sobresaínte releve, e que non foi capaz de manter in situ un poboamento polo menos sostido, creando postos de traballo na mesma proporción en que a agricultura deixou de precisalos pola súa mecanización e/ou especialización, fainos pensar, a fuer de sinceros, que temos algo de couza nalgunha parte; que nos fallaron os de fóra, os organizadores das estruturas e dos sistemas produtivos, pero tamén algo, bastante, os de dentro, que ben pode ser que descorrésemos menos do necesario en cada conxuntura histórica.

A todo isto pódeseme alegar, con exemplos recentes: “Mira as iniciativas de Fulano de Tal, e arruinouse”. Iniciativas por suposto, que iso é básico, imprescindible para vence-las inercias seculares, pero tamén concorre que as iniciativas sen a preparación suficiente para cada empresa levan en si mesmas, ademais, froito de perdición se non van acompañadas de vontade e de esforzo proporcionado. Unha iniciativa sen base formativa é tanto como mercar un ordenador para poñelo na espeteira, de adorno; ou comprar libros gordos para que adornen as vitrinas do salón; ou mercar un periódico sen intención de lelo, de lelo e de comprendelo, se falta fixese, con un dicionario ao alcance da man. Isto non ten nada de broma pois eu mesmo confeso que lle debo boa parte do meu lanzamento cultural, máis ben autodidáctico, a un dicionario ITER, de peto, que adoitaba levalo comigo polos cómaros, alindando nas vacas. A verdade, modestia á parte, é que cheguei a sabelo enteiriño, coma o catecismo Astete, letra por letra e palabra por palabra. Dicía Ortega y Gasset aquilo tan sabido, pero pouco admitido, de que, “Eu son eu, e maila miña circunstancia”. As circunstancias externas pouco se fomentaron nesta bisbarra, e nas circundantes polo estilo, ao longo de todo un século saturado de avances científicos, e así non vale. Xa se di de Deus: “Axúdame a axudareite”, máis polo que respecta ao Estado tamén é sabido que funciona coma outro deus: Axúdalles aos que máis producen..., porque esa é a forma de mellorar a recadación impositiva!

Volvendo ao noso, ao local: A proximidade de Lugo foi boa nalgún aspecto, pero nefasta noutros. É un problema de polarización, de arrastre da produción. Sempre foi así: Os romanos tiñan esta Vía de Castroverde para ir e volver das Asturias, así que tamén lles servía para recadar tributos, ¡para baleirarnos as huchas! Os seus silos estaban seguros, aí en Lugo, de murallas a dentro. Os mouros foron os que menos se levaron, ¡se é que algo levaron! Se algún estivo por aquí foi de razzias, que de seguida se marcharon, incapaces de resisti-las xeadas do Azúmara, do Tordea, do Chamoso...

Tempo adiante, daquela cando o rei Silo lles quixo aperta-los foros, as contribucións, facendo honor ao seu nome, “ensilando” os nosos produtos, aos nobres de Lugo, por aquí ben se batallou con eles, contra deles, (Campo da Matanza, arriba do Cádavo; Fonte de Matahomes e Rego dos Ósos, en Montecubeiro), así que isto tamén evidencia que cando non recadaban desde Roma, para Roma, facíano, fixérono, desde Córdoba, ou desde Ovetun, León, Valladolid, Toledo, Madrid...; de todas partes, sucesivamente, pois todos eles nos tiveron por ricos baseándose na calidade, na calidade e na sona, deste Chamoso, deste Flammosus.

De postos a facer balance, ata diría que, ao longo da Historia, ninguén nos tratou mellor que a Igrexa, pois, se non perdoaron décimos e primicias, ou foros, ou beixamáns, tamén lles debemos unha cultura que, sen eles, sen os frades e mailo clero secular, todo por aquí estaría a monte, xente incluída.

¿Onde fallamos, no pretérito, sendo tan rica a nosa terra e tan cultos os entregos desta bisbarra? Rapaces, fallamos en ser algo conformistas, en conformarnos co que íamos recibindo, cando o pragmático é discorrer, engadir valores, completa-los procesos, asociarse para as actividades produtivas, pero a priori, 
que é lamentable que desconfiemos do veciño toda unha vida e despois que nos vistamos de loito para irlle ao enterro, poño por caso. Que en saiba, aquí, ultimamente, só houbo unha Cooperativa, a de Furís, e para iso morreu do moza solteira.

Centrándonos no pragmatismo: Algún destes rapaces estudiará Económicas, ou Empresariais, que vén a ser a aplicación pragmática e inmediata dos principios económicos. Iso como especialización, ou, se o preferimos, como alta especialización, pero xa vos aviso que nesas Facultades non ides descubrir nada novo, se acaso ampliar, iso si, posto que nunha empresa, nunha verdadeira empresa, de cerra categoría económica, xa nacestes e vos criastes. ¿Que é unha explotación agropecuaria senón unha empresiña, acaso cativeira en patrimonio, pero complexa en produción, na que cada día se aprenden e se practican novas técnicas, sen dar chegado nunca ao final desa carreira?

Cando vos poñades a estudiar as grandes teorías, eses conceptos fascinantes, neses librotes do programa, e tamén cando ampliedes estudios, masters e todo iso, decatarédesvos de que todos están saturados de americanismos, de termos anglos, como dixen antes, pero en definitiva só veñen a explicar, aínda que con unha análise máis fonda e xeneralizada, o mesmo que sabedes, iso que tedes, que ten, de iniciación, calquera dos nosos labregos. Con un libro diante, sexa de Galbraith, de Henderson, de Lancaster, de Lipsey, Samuelson, Schneider, etcétera, entre os autores anglos; ou de Arnaiz, Castañeda, Gámir, Martínez Cortiñas (ese do pazo de Cellán), Tamames, etcétera, de calquera, que só cito unha gana de autores para que ponderedes a cantidade de libros que vos tocará estudiar e/ou consultar, daquela ídesvos decatar, insisto, -como me pasou a min, así que falo  por experiencia propia-, de que iso, todo iso, tiñámolo, e témolo nas nosas aldeíñas; en pequena escala, pero igualiño.                               ,          
Xa sabedes iso que se conta dun emigrante que invitou ao seu Xefe a visitar Montecubeiro, e cando chegaron á Cruz das Louseiras desviouno por arriba de Cobula para mostrarlle a paisaxe: -¿Non dicían vostedes, Mein Herr, que os galegos non temos fábricas? ¡Aí as ten, diante dos seus ollos, e ben que fumean! O alemán tivo que admitilo, pero como son tan preguntóns, -que sen preguntar pouco se aprende-, díxolle ao seu empregado e amigo: -¡Ai, ho, é certo que fumean, que miúda contaminación! ¿Que se funde nelas, tanta cheminea, e todas á vez? O noso paisano, daquela, viuse apurado, pois con esa enquisa non contaba: -¿Que lle parece que se vai fundir, o caldo do almorzo, que xa me cheira desde aquí! Bromas á parte, agora, co monocultivo da vaca e dos eucaliptos, abarcamos menos, pero cando a agricultura era agricultura, por aquel entón non había laboratorio experimental nin fábrica tan complexa coma a nosa labranza.

Todo isto lévanos a concluír que, aínda que sexa a escala reducida, elemental, non merecer ser, ou chamarse, empresario, aquel que non trate de administrar os bens escasos, tanto no campo como na cidade, no entendido de que administrar é algo máis, moito máis, do que a mera conservación. O mantemento sen máis produce desgastes, erosións, así que non hai nin sequera estabilidade de valor se non engadimos valores, valores positivos, neutralizadores, ás minoracións, ás forzas destrutivas, mesmo coma quen repinta unha ventá para protexe-la madeira. Aprobar un novo curso tamén equivale a engadir, conservando, mellorando, o que se tiña, o que se sabía do anterior.

Nas aldeas de Lugo temos un exemplo clarísimo dos efectos negativos que comporta esconde-los talentos: Como sabedes, todo por aquí tivo moita aplicación o artigo 823 do Código Civil, que é o que permite as melloras. Hoxe é uns institución que está caendo en desuso, inoperante, dada esta moda ou teoría do fillo único. Pois ben, en parte porque a lei non permitía, nin permite, pasar dos dous terzos, ou sexa, de aplicación ao morgado do terzo de libre disposición, ademais do de mellora, foi costume xeneralizada, en moitas casas, conserva-las pesetiñas nunha lata, aló no faio, ou enriba das trabes, ou en contas ou libretas bancarias inamovibles, para con iso, con esas pesetiñas, cumprir de futuro estes obxectivos:

1.      Que os de Facenda non lles puidesen aplicar o Imposto de Sucesiones, cousa que tamén se frustrou desde que as leis responsabilizan aos Bancos se dan diñeiro aos herdeiros sen acreditar a correspondente liquidación sucesoria.

2.      A intencionalidade de facilitarlle ao morgado un incremento hereditario á marxe do Código.

3.      Aínda no suposto de que non se tratase de escamotear eses cartos, propiciábaselle ao morgado un dispoñible para face-las apartacións sen compartir as leiras.

Non vou entrar en cuestións de orde moral, que isto é da incumbencia persoal de cada quen, pero si analizarei as consecuencias económicas, a erosión, desas economías mal enfocadas. Ben sabedes que en países de vicios especulativos, tal que España, non é posible, ou resulta improbable, o proceso económico sen unha certa taxa de inflación. Non trouxen estatísticas para non facer máis árida esta charla, pero ben sabedes que cada ano que pasa as cousas, maiormente as de comprar, soben de prezo. Trátase de incrementos, de subas vexetativas, constantes, aínda que as estatísticas as dean como referidas ao 31 de decembro de cada ano. Isto quere dicir que se un ano as subas correspondentes, ou medias, foron dun 5 por cen, ao seguinte xa non subirán as cousas en pesetas constantes senón sobre das 105 anteriores, acumuladas. Pois ben, ou mellor dito, pois mal, esta observación tan elemental pasoulles desapercibida a moitos dos nosos entregos. Deuse un caso especialmente elocuente, nunha familia de por aquí que non vou descubrir aínda que tome o caso como indicativo: Herdaron un fortunón dun tío establecido en Madrid, pero unha rama desa familia díxose: Dun tío vén, e para os nosos fillos será, así que imos depositar no Banco para cando casen... Os rapaces casaron, anos despois, pero os réditos bancarios percibidos, acumulados, sempre estiveron por debaixo da inflación real, así que aquela seguranza, aquela previsión, erosionoulles a metade do seu poder adquisitivo. A xente ten rubor de contalas, pero casos destes, ou parecidos, todos sabemos dalgún.

Se os cartos, sexan de herdanzas ou de economías propias, en definitiva, de privacións, pois aforrar só consiste en adia-los consumos, houbesen estado en movemento, engadindo, xerando valor, parindo novas crías, novos billetes, as fortunas así acumuladas beneficiarían a todos, incluso aos propios morgados, seguramente máis do que obtiveron cos escamoteos de seus pais. Invertendo, cómo, en qué? Para isto non hai receitas xeneralizadas, á parte de que é elemental e particular pois cada quen, se se molesta en pensalo, comprende en cada momento o que mellor pode facer coas súas economías, coas plusvalías que vaia xerando en cada momento, en cada conxuntura da súa vida.

Tede claro que non hai fórmulas para facerse ricos; se vos venden un libro que se anuncia así, daquela teredes que preguntarvos por qué o propio autor non as puxo en práctica en lugar de mostrar as receitas. Non hai economista que faga multiplicar os cartos; e se o fai coa multicopista, que xa pasou aquí en Lugo, o tal delincuente acabará caendo. A única receita válida é a que dá título a esta charla: Engadirlles valor aos valores. Se estudiamos moito, estudiar máis; se traballamos moito, traballar máis; pero, sobre todo, traballar mellor, con máis reflexión, con mellores técnicas; se fabricamos algo, facelo mellor aínda, para competir cos de igual gremio; se falamos ben, facelo mellor..., para que nos entendan clariño! Se, por exemplo, temos unha nogueira que cansou de dar noces, e sabemos algo de carpintería, despois de plantar outra, polo menos outra, de ben curada a vella tanto podemos facer cancelas como mobles, simples táboas lisas ou cabeceiras talladas. O caso é engadir algo, perfeccionar algo, mellorar tódalas cousas ao noso alcance, con vontade e con intelixencia. A tartaruga, por paseniño que camiñe, sempre pasará diante das estatuas.

Agora quixera referirme a Cataluña, por vía de estímulo, pois é con exemplos prácticos como mellor se aprenden as cousas. Isto é o que din os vosos mestres, que xa llelo teño oído. O ano pasado estiven alí quince días e dediqueinos especialmente a estudia-la súa evolución, particularmente a agrícola, que estaba eu intrigado polo despegue desa xente que foi capaz de uparse sobre unha campiña máis ben pobre, e por engado, curta en propiedades.

É doado pero inxusto terlles envexa a eses cataláns que levan anos facendo de locomotora do desenrolo español. Tamén teñen os seus defectos, vicios incluídos, pero dáse neles, dun xeito estimulante, a virtude da laboriosidade, do aproveitamento e do asociacionismo; a tal grado que para nós o quixésemos.

Desenrolouse nas propias masías, xeralmente coa colaboración dos irmáns, que dese xeito evitábanse os desgarros da emigración. Xa no século XIX, tiñan un artesanado de moito pulo, tanto e de tal perfección que me teño pasado días enteiros nos museos etnográficos, do rural, comparando, admirando aquela perfección das súas ferramentas, e doéndome, ¿por qué negalo?, coa lembranza, coa evocación, de canto se puido facer aquí, no noso, na era preindustrial, naqueles tempos nos que empezaron a chegar as letras, os cartos, dos nosos emigrantiños. Os cataláns fixeron, de forxa, a puro martelo, unhas ferramentas tan perfectas e tan variadas que, cando non tiñan letreiro, incluso tiven que preguntar para qué serviron, de tan sofisticadas e descoñecidas que me resultaban.

Un tipo, ou varios, de ferramentas para tódolos usos e traballos, que xa se ten, de primeira vista, con esa contemplación, unha idea do ben feitos e cómodos que lles resultarían, con aqueles medios, tódalas tarefas do rural. ¡E eu lembrándome nesas ocasións deses mangos tan mal feitos, nin case cepillados, que usabamos nas nosas aldeíñas! Se os cataláns chegan a ter unha terra da feracidade desta nosa, daquela converteríana, retrocederíamos, ao paraíso terreal. En particular uns teares e un instrumental, tanto da lá como do liño, tan perfectos que así acabaron eles, en poucas décadas, case que monopolizando as fiaturas e mailos tecidos de toda España.

 ¿Que era, que foi iso, en definitiva? Foi, o dito, engadir valores; engadirlles valor aos bens escasos, aos de interese económico! Que conste, insisto, que as terras de Cataluña, o chan cultivable, é bastante reducido e mediocre, pero sácaselle utilidade polo estilo de como fan os xudeus, con paciencia e moita arte, que así máis precisan, e por ende máis desexan, eses labregos, uparse nelas, nesas posibilidades escasas, engadíndolle valor, prestándolles atención, a tal punto e con tal intensidade que en catro xeracións pasaron de payeses a grandes empresarios.             

Alguén pode dicirme que Cataluña tivo e ten dúas circunstancias propicias: Que está pegada a unha Francia florecente, e por iso aprenderon moito dos veciños; e logo que, como país mediterráneo, ten cerca moitos compradores. Indo por partes: A proximidade con Francia tiña de malo que era unha tentación comprarlles as cousas despois de feitas, de elaboradas, como fixemos nós nas tendas de Lugo, pero non foi así, que se dixeron, comprémoslles útiles, máquinas, pero non produtos ou manufacturas, que diso algún día pasaremos a venderlles.

En Galicia tiñámolo mercado americano, particularmente a nosa colonia, que nos compraría con absoluta preferencia, con morriñosa preferencia, infinidade de produtos e de manufacturas se llelas presentásemos con calidade e en cantidade; menos víveres, que diso sempre sobrou en América, particularmente na Arxentina, houbesen comprado cantidades inxentes, pero canto soubemos exportar foron catro sabas e catro lapis feitos no Ferrol.

Volvendo á comparación cós cataláns: eles tamén tiveron a súa etapa prolífica e migratoria; pero fóronse antes, nas mellores épocas. Con iso de irse a tempo tamén retornaron con oportunidade. Por exemplo, cando a independencia cubana, os cataláns vendéronlles aos americanos os seus ingenios do azucre, e con aquel diñeiro, retornados ao seu país, reforzaron o artesanado e capitalizaron as súas fabriquiñas, quitándoas do minifundio artesanal. Máis é, que as conserveiras galegas, en particular as de Vigo, tamén se xeraron e robusteceron en mans catalás, precisamente con aquel diñeiro dos ingenios azucreiros. Nós, en paralelo, se ben algo despois, estabamos recibindo, a principios deste século XX, para toda Galicia, uns 50 millóns de pesetas; das de entón, que era unha fortuna incrible, tanto, que estudosos da talla de Alfredo Vicenti, confirmado ese cálculo polo reitor Villares, estiman que con aquelas remesas, en tres anos, tódolos foros redimidos! Aquí os cartos fóronse..., nin se sabe por onde, e os foros non se deron redimido, ao completo, ata despois da Guerra do 36. Tempo adiante, e sen escarmentar nesa evaporación das divisas, o que mellor fixemos foi poñer bares, en Lugo e na Coruña, algún deles, que me consta, abastecidos cos chourizos da morralla que llelos vendía o Lavandeira de Suegos.

Non me gusta ter que dicir todo isto, recoñecer que fomos bastante traballadores, e incluso economizadores, pero desorganizados. Desorganizados en nós, e mal dirixidos asemade. Porén, as verdades curan; e as mentiras, os parabéns, anestesian.

Tamén debemos ter claro que se está engadindo valor cando eliminamos minoracións ou inmobilizacións improdutivas. O mesmo exemplo de antes: un capitaliño na trabe, ou unha conta indefinida, medio esquecida, rendendo por debaixo das cotas de inflación, habendo como houbo tanta actividade produtiva en todo o que vai de século! Poño por caso, se nos entendemos ben co veciño e compramos o tractor a medias, non cabe dúbida de que con esa minoración do inmobilizado estaremos case que duplicando os nosos rendementos pois a amortización pasa a ser do 50 por cen. Se permutamos dúas fincas para achegalas ás casas respectivas, aínda que perdamos superficie ou calidade no cambio, estaremos engadíndolles valor ás apezadas, ou polo menos, daremos comodidades á nosa explotación, pois o tempo perdido polos camiño non vai por Deus nin polas ánimas.

Se eu fose capaz de ter boas ideas, e a vosoutros vos servisen de estímulo no voso discorrer, este tempo que pasamos aquí, nesta ocasión, tampouco sería perdido senón revalorizado. En definitiva, que postos a matinar, aínda queda no mundo moitísimo traballo sen facer; o caso é que nos sintamos con ganas e con forzas para facelo.

Falando do que está sen facer, sen facer ou mal feito: Con unha ollada para atrás, aínda parece que foi onte cando os estudios de primaria chegaban para levar atinadamente unha explotación familiar agrícola, pero hoxe imponse un reciclado constante, polo menos para poder entender os mass media que nos van informando de novas técnicas, acordos, informes e decisións de política económica que inciden no presente, e por ende, no futuro, das nosas actividades. Poño por caso, ¿quen ten lido, lido e comprendido, ese ditame do ano 1993 da Comisión da C.E., que se titula, en castelán, “El futuro del mundo rural”?

Se imos ao médico, daquela impórtanos moitísimo que nos diga o nome científico da enfermidade, aínda que maldito se nos sirva para nada; porén, estamos afectadísimos pola PAC (Política de Acción Agraria), e pasamos dese tema, tan vital, tan importante. Pois ben, dáse o casual de que nese mesmo documento tamén hai orientacións para a formación, para a escolarización, do mundo rural, insistíndose en que non hai, non pode haber, desenrolo sen formación, sendo un dos problemas centrais, que afecta á formación das novas xeracións, e por conseguinte, á renovación do tecido social. As orientacións que se dan no fragmento seguinte, que volo vou traducir, non teñen desperdicio:

“A importancia do ensino e da formación profesional, como algo previo e complementario a todo desenrolo rural é un feito amplamente recoñecido. Agora ben, as zonas rurais enfróntanse a miúdo con graves dificultades no que respecta ao seu tecido educativo: non existe unha infraestrutura educativa e formativa e os esquemas de formación hoxe existentes están, con algunhas excepcións, dirixidos preferentemente ás poboacións urbanas e industriais”.

Se isto lles convén sabelo e consideralo aos máis adiantados desta Europa comunitaria, digo eu que aquí en Galicia, neste pelotón dos torpes, dos rezagados, dos atrasados, co mal que levamos o paso, non sobra.

Nunha agricultura tradicional, rutineira, a maior ou menor cualificación profesional apenas estaba ligada aos estudios realizados. Nun informe elaborado no ano 86 polo Instituto Universitario de Estudios e Desenvolvemento, chegouse, chegaron, á conclusión de que un 83 por cen dos empresarios agrarios de Galicia (Grandes explotacións, Presidentes de cooperativas, etcétera), non efectuara ningún tipo de estudios, contra un 66 por cen no resto de España. Hoxe, nunha agricultura encadrada nos circuítos de mercado, cos acordos de Libre Circulación e os prezos oscilando segundo oferta e demanda, sen aduanas nin subvencións directas ou apreciables, máis ben enfrontándose a limitacións tipo Cotas, cuestións tales como a transmisión do progreso técnico ou a capitalización da empresa agraria resolveranse para mellor, ou para peor, en función da formación básica e profesional recibida polos empresarios deste sector, calquera que sexa a magnitude da súa explotación, que se acaso as cativeiras teñen máis necesidades de boa administración.

¿Que lle queda ao inculto? Está claro: culturizarse, reciclarse, actualizarse, que para iso nunca é tarde; cursos, lecturas especializadas, INGABAD, etcétera. Eu mesmo, se de algo presumo é de que cada vez me apetece máis estudiar, e todo me sirve, todo me gusta, tanto as letras coma as ciencias. Non mo tomedes a xactancia, que se o digo é tan só por se vale como estímulo, tanto aos pais coma aos fillos. En definitiva, que miremos a onde miremos, tanto na orde moral coma no material, perfeccionar valores é unha obriga irrenunciable, un imperio categórico; pero tamén unha necesidade nutritiva, cada vez máis ineludible.

En esencia, máis leña ao lume da dilixencia, da cultura; máis engadidos; pero todo isto píllanos con algo de inercia, así que non hai tempo de vagar para acondicionarnos. Descoidos históricos tivémolos, tal que coas técnicas da gandería, que copiamos desde que xa era tarde, desde que eses veciños de Francia, dos Países Baixos, etcétera, tiñan patentadas cen fórmulas de queixo, e desde que tiñan experimentado coas razas, coa sanidade, cos nutrimentos baratos e axeitados; practicamente desde que eles tiñan o futuro convertido en presente.

Seguindo con exemplos: Pasamos á Universidade, masivamente, cando xa estaban a punto de saturación gran parte das profesións liberais. Optaron, moitos, por Maxisterio, polas Escolas de Profesorado, practicamente cando xa era previsible un estancamento pola minoración da natalidade rexistrada nos últimos anos, sen trazas de evolución.

Non estou opinando que non se vaia á Universidade, senón todo o contrario, pero que se vaia conscientemente, conscientes da clase de estudio que se lle acae a cada rapaz, e tamén posibilidades e / ou saídas previsibles para cada carreira, sen deixar de ponderar se pais e fillos están dispostos a aportar o esforzo preciso. En síntese: Aptitudes, actitudes e recursos. As aptitudes e mailos recursos sempre fixeron falta, en especial para meterse nas carreiras longas, pero, de presente, e o futuro non vai ser máis livián, sen unha actitude decidida e tesoneira mellor lles será irse á Formación Profesional, que seguindo as directivas da UE tende a ampliarse en moitas ramas aínda non implantadas en España. Téñase en conta que coa masificación actual o difícil non é facer unha carreira determinada senón a oposición que veña detrás; os masters que se están esixindo, a feito, incluso nas empresas medianamente interesantes. Case se pode dicir que ao graduado facultativo vaise chegando, pero iso, hoxe, é condición necesaria pero en absoluto suficiente; chega para pouco se non se lle engade outro valor, o dun currículo impresionante, xeralmente con estudios e linguas ampliados no estranxeiro. Non quero decepcionar a ninguén senón todo o contrario, aconsellar amoreo de forzas pois o camiño das colocacións non ten trazas de acurtarse.

No campo das iniciativas sinxelas, das que tanto temos abusado, aí están os bares, maiormente nas cidades, que entraron en declive, e moitos non sobreviven nin sequera coas comecartos.

Isto non só pasa na nosa bisbarra, que toda España é un rabaño de ovellas, todas, asemade, saltando ao horto pola mesma portela:

Os Bancos, que se teñen polas empresas máis postas ao día, abriron nas últimas décadas milleiros de Axencias; precisamente nos anos da introdución da informática, dos teleprocesos, do diñeiro de plástico, etcétera. Así que tiveron que vir as fusións e mailo peche das oficinas marxinais, que eran case que tódalas de apertura recente. Falando de Bancos: Moito se lles leva censurado que recollan aquí os cartos e os presten fóra de Galicia. Algo diso é inevitable, que incluso o foi por razón de coeficientes obrigatorios, pero tamén é evidente que o noso empresariado non presenta iniciativas nin solvencia dignas dun apoio considerable. Como é sabido, o diñeiro corre tras do diñeiro.

Os bingos están dando as últimas boqueadas, e iso que nas épocas de crise é cando máis adoece a xente por conseguir cartos fortuítos.      

O Estado deu fondos a granel, en cantidades incribles, para construír pesqueiros desde que xa están mundialmente admitidas as limitacións das 200 millas náuticas. Agora están subvencionando o despezamento daqueles barcos feitos á présa.

Estamos planificando unha repoboación forestal aloucada, sen calcula-las demandas futuras de madeiras nobres, das que tan deficitario está o mundo, e non só Europa, precisa e inevitablemente para posibilitar, cos eucaliptos, o auxe das papeleiras; ¡agora que as repelen por Europa arriba!

E paro con isto, que todos coñecedes exemplos dos nosos gregarismos e das nosas inoportunidades, que claman ao Ceo.

Rapaces, hai que andar a tempo; e iso tamén vale con respecto aos vosos estudios, que pagaredes carísimas as vosas preguizas, se é que as tedes! Hai que tomar exemplo ca sentinela dun cuartel, para ve-lo inimigo a tempo. Precisamente aquí en Castroverde tivemos o caso daquel rapaciño de Bolaño, aquel que morreu en Sidi Ifni, no 1957, que o puxeron de garda fronte a fronte dunhas árbores axeitadas para que non distinguise as xilabas dos mouros. Disparou tarde, iso foi todo; despois dos do Istiqlal, precisamente cando xa tiña unha raxada daqueles morangos roéndolle nas súas tripas!

Levamos pertencendo ao Mercado Común, hoxe Unión Europea (UE), por certo que en transo de expansión ao incorporarse eses catro países, tan prósperos e desenrolados, que veñen a aumentarnos o esforzo asimilativo, desde o ano 1985, coma quen di, unha década de esponsais, e aínda queda xente neste país que ignora, ou queren ignorar, ou non falan diso para manter aos veciños na máis supina das ignorancias, esa feroz competencia, este matrimonio de conveniencia que estamos aturando. Neste casoiro non e probable unha separación, nin é probable nin sería boa, así que só nos queda o que veño repetindo nesta charla tan monótona, unidireccional, case que pedagoxicamente obsesiva: botarlle valor á cousa, incrementar valores, demostrarlle ao mundo que somos capaces, neste mercado das Rexións, de levar o paso nesta danza económica, neste remuíño, competitivo, de produtos e de produtores.

Noutra ocasión que estiven por aquí falei, con certa preocupación por certo, do Tratado da Unión Europea, firmado en Maastricht, como sabedes, o 7 de febreiro do 92, que inclúe a Unión Política e maila Unión Económica e Monetaria, esa cousa do ECU, etcétera. Ese tratado parte dunha realidade caracterizada polas diversidades e polos desequilibrios, establecendo, como vía para logra-la Unión, unha converxencia de moitos indicadores económicos dos países que o subscribiron. É un proceso esixente, de converxencia, digo, para desenrolar por etapas, séxase, un calendario. Como data provisional para o comezo da etapa final estableceuse o ano 1996, ou, en todo caso, o 11 de xaneiro do 99. Aquilo das dúas velocidades.

Eu, a título persoal, coido que en vez de converxer, polo menos algunhas Rexións, con esta crise socio-económica o que estamos é desviándonos, diverxendo. O que máis importa lembrar, ter presente, é que estamos camiño dunha meta, polo menos teórica, con unhas datas inminentes. A música de fondo que nos acompaña, coa que nos amansan, xa a oístes: Trátase, aos nosos efectos, dunha marcha acelerada, de paso lixeiro, coma na lexión, desta competitividade desbordante do sistema agrario e das actividades que se enmarcan no mesmo; e todo iso como única vía, como única posibilidade de desenrolo, de converxencia co contorno de referencia, de selección das actividades e de desenrolar no económico o sector predominante nesta bisbarra, séxase, o agrario.

Precisamente acaba de celebrarse unha importante reunión en Portugal, en Lisboa, baixo o lema, ¿Que Europa após-Maastricht? Concorreron a ese forum varios políticos, algún sindicalista e diversos estudosos de aquí de Galicia, do propio Portugal, e tamén de Cataluña, Euskadi e Asturias. As deducións que se tiraron deses debates non son precisamente optimistas para as Rexións sub, pero eu, na miña modesta opinión, con unha experiencia pragmática, dígovos que, como a montaña non se abaixa a Mahoma, nunca se abaixa, daquela terá que ser Mahoma o que suba á montaña. Dito sen metáforas, con un exemplo caseiro: Se o Profesor é esixente, tanto mellor, que así máis se esforzarán os bos alumnos. ¿Que iso de Maastricht nolas pon difíciles? ¡Pois daquela a superarse, engadir esforzos, estimulalos, todo o posible, para que as novas circunstancias nos collan preparados, polo menos no que atinxa á preparación da cada quen!

Non quero enfarragarvos con estatísticas, pero como vén ao caso, e téñoas recentes, direivos que en Galicia os grandes sectores, por orde do valor engadido que xeran, están sendo: Os Servicios, que aportan un 53,5 %; a industria, que acada un 29 %; en Agricultura e Pesca, conxuntamente, só damos un 9 %; de colista vai a Construción, ¡e para iso mal feita!, que proporciona un 8,50 % do total.

A todo isto, ¿con qué recursos humanos se conta aquí en Castroverde para sacar adiante, para optimizar este Municipio? Pois, a verdade, é que sodes poucos; pero, iso si, de pura cerna: Menores de 14/15 anos, uns 500; de 15 a 64, ou sexa, en plena produción, pouco máis de 2.000 Queda case un milleiro de pensionistas para completa-lo cadro poboacional. Aquí habería que pararse a reflexionar nos efectos retardadores que ocasionará, previsiblemente, a baixa paulatina destes pensionistas, pero diso sabedes un montón, que os tedes na familia.

A última novidade importante que afecta á agricultura española é o Proxecto de Lei Reguladora das Organizacións Interprofesionais Agroalimentarias, que ten por finalidade, polo menos teórica, que despois xa se verá, o hipotético incremento das rendas agrícolas nun 10 % o concilia-los intereses dos operadores económicos (produtores, transformadores, comercializadores e industrias) dun xeito parecido a como funcionan esas Institucións noutros países da UE, para así mellorar, ou tentar de facelo, a calidade e maila competitividade tanto para o mercado interno como para o exterior. Esta normativa legal, se sae ben, abarcará desde a semente ata o alimento final, incluíndo a normalización, a clasificación e mailo envasado. Ben está que se organicen as cousas deste anárquico país, pero non nos fagamos ilusións excesivas para Galicia, salvo que evolucionemos bastante, en moitos aspectos, porque estas Institucións sempre favorecen ao que collen máis arriba, máis preparado.

O paso primeiro para reciclarse, unha persoa, un pobo, é, sempre, recoñecer humildemente, con sinceridade, que se está débil, e a partires diso adestrarse, poñer a punto as propias forzas. Tan só aos paxaros recén saídos do ovo lles levan a bicada á boca. Non se pode esperar que os fondos da Comunidade nos leven, nos traian, esa bicada ao noso niño, que está visto que as políticas comunitarias, por exemplo o FEDER, e mailo FEOGA, en definitiva o que logran é estimular a competitividade das áreas agrícolas fortes; pola contra, as Rexións adurmiñadas, como pasa coa nosa, nas que as condicións naturais, illamento de transportes, circuítos comerciais, e todo iso, están, estamos, nunha certa hibernación, das terras e das mentes, todo á vez, o acceso aos mercados é difícil, así que seguiremos sendo, se non evolucionamos ás carreiras, a toda présa, auténticos monicreques no teatro das multinacionais, que nos invaden de produtos tentadores á vez que se levan, case sen transformación, sen valor engadido, o mellor dos nosos produtos naturais, e para iso, a prezo de saldo.

As nosas explotacións aínda teñen un grado de modernización, de modernización e de diversificación, deficientes, con unha produtividade per cápita baixísima. Por todo iso, temos que recoñecelo, o potencial de competitividade no sistema produtivo, na roga da que formamos parte, é débil, terriblemente débil, porque partimos dunha situación anquilosada, é certo, pero tamén porque aínda estamos espertando ás furias competitivas dos tempos que nos tocou vivir.

A propósito disto último, se me permitides unha anécdota que coido serve de comparación: Os mellores zapatos desta última temporada que se venderon na Coruña, os mellores en canto á relación calidade / prezo, seica foi unha partida deles importados de Italia. Pois ben, iso fíxome lembrar que en Monforte chegou a haber uns trinta talleres de calzado, maiormente botas de media caña, que as facían estupendas, interminables, pero eses artesáns non foron capaces de xuntarse, de mecanizarse, de industrializarse, de aventurarse nas técnicas de márketing, e hoxe xa nin sei se queda algún daqueles artistas. ¿Non é de pena que neste país das reses abondosas, dos matadoiros industriais, non sexamos capaces de curti-las peles e de vendelas seguidamente, convertidas en zapatos, bolsos, cintos, tapicerías, etcétera, con un valor engadido considerable? En Mallorca, pola parte de Inca, que, como sabedes, é coñecida máis ben por ir en vangarda da moda zapateril, estiven recentemente nas casas de varios labregos que dedican o tempo libre das outras actividades a facer zapatos para as fábricas da localidade, coas máquinas na propia casa, baixo modelos e instrucións da gran industria. O caso foi que lle pedín a un antigo compañeiro do Banco, que reside alí, que me dese unha tarxeta súa para que amigos seus me mostrasen esas industrias caseiras, complementarias, pero el foi tan amable que me acompañou persoalmente. Xa sei, xa, que na nosa bisbarra vai quedando pouca xente, pero aínda así é bo darse unha voltiña de estudios, que se poden mesturar co turismo, polo mundo adiante; quedaremos asombrados dos milagres que fan noutros sitios, e aínda así sóbralles tempo para xoga-la partida. Aí mesmo en Portugal, unha das actividades máis cultivadas no rural, como ocupacións complementarias, é a talla de mobles de madeiras nobres.

As vilas tipo Castroverde, cabeceira de bisbarras ricas, aínda teñen moitas posibilidades inéditas, de economía mixta, que lles permitirán simultanear produción fabril e / ou de alta artesanía, co rendemento das explotacións herdadas, ¡se vos espelides, por suposto!, pero o que é nas capitais, hoxe en día, se se tira unha peseta ao aire hai cen que a paran antes de caer ao chan. E menos mal que a crise pillou ás familias con importantes reservas, polo menos tácitas, pisos pagados, ou case, mobiliario recente, electrodomésticos, auto, etcétera, que de non darse estas reservas, estas previsións, dos pais e dos avós, daquela estaríamos outra vez en guerra civil, ou case.

Para rematar, suxírovos que ollemos algo ao redor, pois ata aquí todo isto parece un exame de conciencia, rabiosamente individualista. A disciplina pendente, ou polo menos en repaso, dos nosos dirixentes, estriba en acadar un desenrolo global equilibrado que reduza os excesivos contrastes aínda hoxe existentes entre as cidades e mailas aldeas, entre a costa e mailo interior, á parte da crise, por suposto, que esperamos sexa relativamente transitoria, por máis que en ese país teña poucas trazas de recuperación. Nisto consiste, en definitiva, a optimización das avantaxes que presenta esta bisbarra, que aínda está virxe en infinidade de iniciativas, posibles e desexables. Por ter, aínda temos sen analiza-las leiras, case todas, así que nin sequera sabemos para qué serven, ademais de dar herbas e silvas. Optimizar é un termo que ten moito de utopía, pero non é escuro, en absoluto, xa que reflicte un concepto que nos serviu de eixo para esta conversa: optimizar é, simplemente, insisto e repito, engadirlles valor ás cousas que o admiten e que o merecen.

Esta optimización económica será validamente interesante, humana, se a facemos á medida do home, ou sexa, no marco dunha dignidade cultural, definida, obviamente, basicamente, pola calidade dos produtos e pola valoración do medio ambiente, como soportes irrenunciables que son dunha mellor calidade de vida. Coido que sobra subliñar aquí, pero, por se acaso, que iso da calidade de vida non equivale a folgar, e menos aínda a pecha-los ollos do entendemento racional caendo na irracionalidade, por exemplo, nas drogas, que iso son meras anestesias, brutais anestesias, do sentido común, eliminando con elas precisamente o que máis escasea, que por algo se di que o sentido común é o menos común dos sentidos.

Os políticos teñen a responsabilidade, colectiva, oficial, de orienta-los esforzos para deixar aos galegos que han vir tras nosa, unha terra mellorada, onde un proceso cualitativo de desenrolo nos permita integrarnos nunha Europa nova, con unha dignidade meirande de pobo. Aos páter familias, aos cidadáns individualmente, cómprenos transmitir un patrimonio natural e cultural, sempre mellorable, por suposto, engadindo valores, e perdoádeme a reiteración, para que os nosos fillos, de ser posible, encomecen a súa andaina un pouco máis arriba do que nos foi dado a nós, aos das últimas xeracións.

Tamén teríamos que falar algo máis da UE e do famoso Tratado de Libre Comercio, pero como sairá no coloquio, non digo de antemán datos, comentarios ou cifras que vos resulten superfluos.

En definitiva, rapaces, que aí tedes un reto, digno e importante: supera-los arcaísmos, as inercias, introducindo panca, potencia; ou sexa, innovación; pero que sexan innovacións axeitadas e ben programadas, escarmentando precisamente nos nosos erros, nos da xeración precedente, e fuxindo das modas, dos espellismos, do que vos digan con mala intención, que ás veces precísase moito criterio para discernir entre o ben e o mal, entre as modas e mailas innovacións atinadas e prudentes.

Sorte e adiante, que é moita a tarefa que vos espera. Nós, os da miña xeración, recorremos un longo camiño xa que empezamos case que na prehistoria das técnicas, dándolle ao pizarrín, para acaba-lo século tecleando nos ordenadores compatibles, de eneísima xeración. Vosoutros colledes o noso relevo nesta era bítica, informática, con crise pero tamén tecnificados, que xa é algo, así que, a ver a onde chegades coa tea olímpica!
-.-



3.- Castroverde, despensa ubérrima.

Se quixese ser cru e realista, tería que empezar afirmando que a historia de Castroverde foi un continuo de depredacións e de saqueos, cousa, afirmación, que ten a súa parte boa, pois, de onde moito se saca é que moito había, e algo sempre pode quedar. Mais prefiro ser moderado e recoñecer, subliñar, que entregos tivemos que algo trouxeron, e algo puxeron da súa parte. O resultado desta suma alxébrica somos nós, os titulares, ou máis ben os usufrutuarios do Castroverde actual.

Desde aqueles tempos da Cova da Valiña van séculos, pasaron civilizacións, así que, como dicía Enriqueta, se moito herdamos, moito debemos perfeccionar para transmitírllelo ás xeracións sucesivas. Compre, pois, analizar e sopesar esas xeracións, esas aportacións, así sexa como simple resume:

Para empezar, aqueles castrexos ben se apegaron ao noso terrón, que ben a gusto se debían sentir nel cando tantas fortalezas muraron: ¡máis castros que parroquias, que outros tantos non teñen os concellos circundantes! E non só iso, pois preferiron morrer heroicamente no Medullius (Mons Ciro), antes que someterse ao xugo romano. Esta riqueza natural: minerais, cereais, hortícolas, pastos, árbores, froitas e flores, foi a súa perdición, pois a sona da mesma tirou para aquí, asentou nela, ás lexións romanas.

Para colle-la historia de lonxe pouco nos custa darlle ao voante e situarnos en Viseu, que ademais do seu interese histórico é outro castro, outro máis; non é verde coma o noso, pero si que ten que ver có noso a pouco que afondemos na orixe dos acontecementos. Cada vez que fun a Viseu, e van varias, nada máis axustar a pençao, e lava-los meus ollos do po da estrada, despois de coller o xornal do día, a primeira decisión sempre foi sentarme na beira do monumento de Viriato e ollar cara ao Norte en espera de que algún espírito daqueles heroes me falase, me inspirase, acerca do paso atropelado das lexións romanas, co seu gladius á man e unha lancea en rustre. ¿De onde viñan, e para onde ían, daquela, polo ano 139 a. de C.? Obviamente da Emérita Augusta, dispostos, unha vez consumada a traizón de Audax, Ditalcón e Minuro, a seguir ocupando, rapinando e fundando, que para iso se detiñan de cando en vez, co camiño aberto e cos lusitanos sometidos. ¿Que lles cumpría, cales eran as súas ordes, a súa consigna? De momento, unhas millas máis arriba, noutro solar paradisíaco ben provisto de auga, preferentemente térmicas, fundar Bracara, ¡outra cidade augusta!

Pero os callaicoes, os temibles gallaécicos, estaban cerca, pois naquela mesopotamia dos ríos Este e Cávado, ¡xa levaban bragas! Bragas longas, bracae, ou sexa, calçoes. Íanse achegando ao Norte, e co frío, máis abrigo, pero ten máis fortaleza, máis bravura, máis temor para aqueles miles que viñan de terra quente, e por tanto, de natureza, de carácter indolente.

Esta obsesión, miña, pola estratexia dos exércitos coido que vos será comprensible se evoco os meus tres anos de mecanógrafo no Consejo Supremo de Justicia Militar, e dez de bancario nos campamentos magrebís, pois máis que provincias iso eran aqueles territorios da África Occidental. Isto fai dun civil catro veces máis militar que os tres anos dos cadetes de Zaragoza.

Aqueles romanos non subiron desde Mérida, desde a súa Emérita, porque tivesen un coñecemento sabido da riqueza das nosas terras, pero si o barruntaban; e logo que tampouco era un segredo que os fenicios, seus rivais durante tantos anos, transportaban grandes riquezas do noso finisterrrae, estaño, ouro..., e incluso granito rosado! En principio, como sabemos, que ben demostrado está, a súa pugna foron as guerras púnicas, ¡tres!, aquilo de vingarse dos cartaxineses quitándolles ata a última das súas colonias, de paso que lle sementaban de sal o seu propio corazón, Cartago.

O romanos aprenderan dos púnicos que non hai inimigo distante, que todos son capaces de traspoñer os perineos, ¡así sexa en elefantes! Coa caída de Cartago tiveron cereais a esgalla, pero xa sabían, ou intuían, que a península Ibérica ía ser o seu granarium definitivo, as súas grañas, o celeiro futuro, ¡e iso que aínda non descubriran as espigas flamexantes do noso Flammoso! Con esta mentalidade e con estas apetencias, sen descoidar o Magreb africano, a súa Tingitana, aquela Volubilis tan murada, ás beiras doutro Miño, doutro Lukus, deron en circunda-la Península, aventurándose polas chairas lusitanas, que era o mellor camiño, case que único sen ter que vadear grandes ríos, para acadar aquel Finis terrae das Casitérides do estaño.

Pero volvamos a Braga, esa irmá xemelga, e por iso, rival, do noso Lucus Augusti. Nela tampouco puideron descansar aqueles miles: Unha, porque a romanización, máis ou menos como fixemos os españois en América, traía consigo o imperio da mestizaxe, que é a esencia dos imperios; e outra, porque desde Roma estaríanos acucando para que subisen, frenéticos, ata a despensa dos callaicoes, tanto para atenazalos como para romanizalos.

¿Que ruta seguiría, eu, se estivese ao mando daquelas cohortes? Tería dúas opcións: Dereito ao Norte, en busca daquelas termas, seguro que entón xa coñecidas, de Caldas do Gerês, polas que era doado acadar o Val do Limia. A outra posibilidade era un desvío ao Leste, bastante improbable dadas as súas urxencias, polos vellos camiños que levan ao actual Chaves; tempo habería para iso, para ocuparse dos flancos, unha vez consolidados os asentamentos, pois Aquas Flavias, Chaves, podía esperar, que aínda non chegara a hora dos Flavios!

Caldas do Gerês centraba as terras do Bouro, que é igual que dicir, as Terras do Bo Ouro, pero como non lles chegara co Douro, de feitas as preceptivas, novas, remesas, que seguramente foron  encargadas a lexionarios probos e eméritos, aprestáronse a saír daquela serra, daqueles penedos da Serra da Peneda, así que algún patriota, algún nativo atoparían que os puxese en camiño, que os levase á Portela, que de aí lle quedou o nome:¡Portela do Homem! ¡Que máis querían os Xuresáns que darlles paso libre, empurralos alén da súa cuncha! Teño para min que lles dixo da nova fronteira aquel lusitano: “Por aí adiante, todo direito; ¡e non pregunten a ninguén!”

Unha pequena puntualización: Iso do actual Gerês vén da raíz céltica juris, tal que os Jura franceses e suízos, ou o Jurés español.

Baixados ás beiras do Lima (Limia), naquela encrucillada tomáronse un respiro e deron en fabricar miliarios, ¡por ducias, que alí os temos, aínda hoxe!



¿Seguir para adiante, internarse no país das xeadas e dos callaicoes, co ben que se estaba alí, e mellor aínda nas termas deixadas, río Caldo incluído? ¡Nin que o mandase o propio Iulius! Na súa resistencia pacífica, ou non tanto, aqueles miles inventaron o seu conto do Letes, Río do Olvido, do Esquecemento..., ¡porque non querían esquecer, abandonar, canto de bo deixaban atrás! Letes tamén se lles dicía aos soldados, fosen bárbaros ou romanos, encargados de defender un limes. ¿Que era, pois, o Lima, ou Limia, naquelas circunstancias, senón un límite infranqueable? O seu Centurión, Décimo Junio Bruto, non tivo máis remedio que vadear o Río do Esquecemento, e desde a orela dereita chamar polo seu nome aos seus lugartenentes, para demostrarlles que aquela astuta argucia non lles servía de pretexto na súa covardía.

Máis termas en Aquas Querquennis, Bande, e de alí, noutra xeira, ás termas de Ourense. ¡Outra vez ouro, outra vez caldas! A esta ruta máis que darlle unha cifra logo habería que chamarlle ruta dos baños romanos.

Co Miño non se atreveron pois seguiron pola súa marxe esquerda; vadeando o Sil nos Peares, iso si. ¿Que lles quedaba agora? ¡Nada máis nin nada menos que seguir a Polar. Que xa estaban cerca as desembocaduras dos ríos Neira e Azúmara! Eu apostaría, cunha simple análise estratéxica sobre o terreo, que á altura do Páramo dividíronse: uns, pola dereita, cara ao Flammoso, que lles prometía aquel trigo, complementario do cartaxinés; e o groso das cohortes polas ribeiras do Miño arriba, que se ben eran abondosas en xeadas, tiñan uns prados manteigosos. En Lugo bañáronse de novo, ¡outras caldas!, pero..., ¡xa volverían, pois o ouro, segundo os seus espías, estaba máis arriba: había que chegar á Chaira, enfiar o río Azúmara, o auténtico río do Ouro!

Aquí foi a brava, pois os nosos castrexos acocharon o ouro e mailas mozas nos seus fortíns, nos seus castros. ¡Deus, qué crueis deberon ser aquelas conquistas: Os castros, que tantas pedras houbo que arrastrar para muralos; aquelas mozas, que tanto deran que criar; e mailo ouro, que tanto lles dera que facer para xuntalo, area por area! Pero o malo dos castrexos foi, era e é, que aos celtas custáballes moito, máis aínda, asociarse para formar grandes empresas, grandes continxentes ofensivo-defensivos; e por parte, aqueles romanos, con tanta abundancia comestible como producían as terras desta bisbarra, non tiñan présa, permitíndose o luxo daqueles cercos ríxidos, escudo con escudo, e de subidos, subidos plenamente: ¡veña fornicar, mestizar!

¡Terras auríferas do Azúmara, en particular as do actual Arcos de Frades, onde aínda se producen, de cando en vez, denuncias mineiras; as Grobas de Ínsua, xa en Montecubeiro, mesmo ao sopé do Mons Ciro; castros da Ribeira do Lea, Duarría, Azúmara, Bazar, Outeiro, o do actual Castro do Rei, Viladonga, Andión, Rois, Trasín, a Graña (¡outro granarium!), Maxide, Castelo...! Demasiada riqueza, demasiada tentación, como para que a defensa non acabase no tráxico holocausto Medulliense, con Ciro de matón insaciable!

Alguén clamou pola unión castrexa, pero foi tardía xa que só uns poucos puideron escapar dos cercos, recolle-lo seu gando, e uparse no monte medulliense, cabe das súas lagoas...

-.-

FESTA DA FILLOA EN MOSTEIRO (POL)
da
Asociación de Xubilados e Pensionistas.


Estreáronse en Mosteiro (Pol),
nos locais do
Colexio Público de Educación Xeral Básica,
as miñas obras:

Para mozas de prol..., ¡as de Pol!
Entremés
e
¡Se eu mandase, ai daquela...!
Comedia

Presentación

Abriu os actos  daquel 1º de Abril do ano 1995 o Presidente da precitada Asociación, don Xavier Castro González, que fixo a miña presentación pedíndome que lles comentase a importancia cultural das representacións teatrais que íamos celebrar seguidamente. En consecuencia, estas foron as miñas verbas:

Dignas Autoridades (estaban presentes os Sres. Alcaldes de Castro do Rei e de Pol, coas esposas respectivas, así como algún Concelleiro de cadanseu Municipio), queridos amigos, xubilados, ou aínda non:
           
Esta celebración tiñámola que ter feito o sábado último, que así coincidiría co Día Mundial do Teatro, pero estas cousas non se fan soas, que levan o seu tempo, tempo e esforzo; tanto, que incluso para hoxe, por culpa dunhas influenzas que se meteron connosco, témo-la representación un tanto crúa, así que vos pedimos, de antemán, un disimulo para os nosos fallos.
           
Este Xavier, este polifacético que sempre está en todo, encargoume que vos explique a trama desta comedia satírica, a filosofía do seu argumento, pero coido que estaredes máis calados e máis atentos ás súas peripecias se vos colle por sorpresa; o que si farei, xa que estamos nun Colexio, e toda idade é boa para repasa-las leccións, serán algúns comentarios sobre estas manifestacións culturais, ás que chamamos, xenericamente, Teatro. Dixen culturais pero quedeime curto porque a verdade é que o fenómeno teatral non só é un produto da cultura dos pobos máis avanzados senón, e máis ben, unha función natural do ser. Levamos, en nós mesmos, unha mestura imperativa de necesidades íntimas que adoitamos nomear, ou cualificar, como substancias relixiosas, potencias contra o mal, ansias de adiviñación, intuicións, disposicións especiais para o xogo e para o amor, etcétera, capaces, todas elas, por si mesmas, de crear formas máxicas, e incluso místicas, en cada momento da nosa existencia.
           
Nesta cultura, na Occidental, hai que remontarse a Grecia para estudiar a evolución das formas teatrais; pero o teatro en Grecia non xurdiu, nin se perfeccionou, sen unha saiba abondosa, previa, de amplos antecedentes. Antes dos clásicos xa tivemos un mundo máxico, o mundo creativo do actor: O "mago", ou "bruxo", ou "meigo", como queiramos chamarlle, que foi unha mestura de individuo representante, e á vez representativo, do poder oculto, que pretendía dominar certas formas exteriores utilizando toda clase de trucos e de transformacións, osamentas, plumas, peles, carautas, etcétera, para deixar impresionado, absorto, ao espectador. Ampliados estes conceptos aos costumes colectivos, e mimando as expresións características, foise conxuntando, definindo, un universo interpretativo de tódolos sentimentos que lle son dables ao ser humano.

Nesta evolución da cultura, do culto á mente, á psykhe, é onde Grecia, aqueles lacazáns do Peloponeso, que precisamente por iso, por lacazáns e por preguiceiros, resultaron ser tan bos filósofos, cumpriron na Historia da Humanidade unha misión de salto, de etapa, xa que, determinando as especulacións do espírito, á forza de discorrer, e de discutir, deron os contornos precisos á función teatral.
           
Un dos primeiros pasos foi a traxedia, que é a forma máis substantiva do teatro, conformada no seu culto a Dionisos. Este deus representaba para os gregos toda a forza da embriaguez, a borracheira dos sentidos, o entusiasmo da mente, a morte e maila resurrección; en definitiva, o paroxismo das forzas anímicas, vitais.
           
Pouco a pouco, a traxedia orlouse, perfeccionouse, coa introdución dos coros e das danzas, que niso está o momento grávido deste parto tan complexo, múltiple, que foi o desenrolo teatral, establecéndose as gradacións fundamentais de, traxedia, drama e comedia.
           
Os romanos, rebelándose contra as doutrinas dos seus preceptores, dos gregos, que sempre houbo conflitos xeracionais, desde que o mundo é mundo, fixéronse esta pregunta:  ¿Non será mellor rirse que chorar? Daquela optaron por desdramatizar as traxedias, e con iso afloraron as comedias, sátira e risa, conxuntando, totus revolutus, xa que non hai ningún tipo de comedia que non teña por elemento medular unha, ou cen, traxedias, pois incluso os nosos autos sacramentais, tan asépticos de seu, teñen de cerne as traxedias do pecador e mailo drama supremo do Calvario redentor.
           
Vindo ao presente, nestes tempos tan convulsos, de escuridade política e de crises económicas, coa xuventude enrabechada e apática por tantas decepcións, cos propios esforzos da nosa xeración case malogrados, mil traxedias en definitiva, cómpre, cos romanos, aquilo tan sensato de, Albo lapillo notare diem, que significa, É bo, é boa cousa, marcar un día, sequera un, cunha pedra branca. Pois iso, precisamente iso, é o que fan estes artistas, estes amigos nosos, tan cargados de sabedoría que optaron por cachondearse das propias xaquecas, sublevándose, incluso, contra estes médicos de Mosteiro, que lles andan receitando xaropes cando teñen eles, todos eles, o elixir da longa vida, en si mesmos, no seu humor, nas xoldas deste Club, desta Asociación, e nos risos das súas bromas e dos seus parlamentos.

Aquí os tedes, dispostos a divertirvos á vez que se divirten eles, eles mesmos, coa súa interpretación dun entremés, Para mozas de prol..., as de Pol!, e seguidamente, a comedia satírica, ¡Se eu mandase, ai daquela...! Para botalos a andar, aos actores me refiro, fagámoslles coma aquela Muiñeira de Mosteiro ás pedras da súa acea do Pacio, ¡que lles aplaudía cando escaseaba a auga do Azúmara!

¡Tres urros por estes Mozos da Terceira Mocidade, que reverdecen tódalas primaveras, esta tamén, mesmo, mesmo, coma eses carballos do Campo da Feira!
           
¡Hurra! ¡Hurra! ¡Hurra!
-.-

Tivo lugar no mesmo Colexio, en Mosteiro,
o 15 de Xullo de 1995

Festa da Terceira Idade

Este é o elenco que representou estas obras,
cos que tamén estamos a apuntadora e mailo autor.



Programa destes actos:
1º.-      Falaron os Delegados e mailo Alcalde de Pol.
2º.-      Entrega de trofeos da competición deportiva previa.
            Agasallos aos maiores.
3º.-      Intervén o Presidente da Asociación de Pol, Xavier Castro González.
4º.-      Servidor, Gómez Vilabella, falei sobre, A transcendencia do relevo xeracional.
5º.-      Representouse, por segunda vez, o xoguete cómico,
            Para mozas de prol..., as de Pol!
6º.-      Seguidamente, a comedia
            ¡Se eu mandase, ai daquela...!
7º.-      Concerto da orquestra local Leña Verde.
-o-

Nesta segunda representación:

A transcendencia do relevo xeracional

Señor Alcalde, señores Concelleiros, benfeitores deste Club de Xubilados, amigos:  Xa que vai a cousa de homenaxe aos maiores, aos que, nos nosos tempos, naqueles da nosa mocidade, se nomeaban, nomeabamos, co respecto máis acentuado, maiores, ou máis exactamente, segundo o propio Catecismo, maiores en idade, dignidade e goberno, permitídeme unhas sinxelas evocacións para que sirvan de soarego á temática desta representación que imos ter seguidamente, na súa primeira reposición.

Vou empezar con plumas alleas, prestadas, utilizando un adaxio do refraneiro castelán que estimo atinado, e incluso suxestivo, para esta ocasión. Este refrán, ben antigo por certo, di: “Pai vello e manga rota, non é deshonra”.

Iso da manga, da manga rota, non require outros comentarios xa que os folgazáns, todos, conservan a roupa impecable; ¡non precisan remontes! Pero estoutro, esta alegoría do pai, dos pais, dos vellos en xeral, ten a súa filosofía, o seu aquel:

Un pai, un vello, e quen di un pai, implicitamente di unha nai, ámbolos dous, nunca deshonran, nunca deshonramos, que se en algo desvarían, desvariamos, ou se en algo nos torcemos ou disparatamos, pode ser por culpa desa canle, dese rego sanguíneo, dese rego cerebral, que seica se atoa cos anos.

Por iso, máis que dos presentes, que sería unha certa egolatría, quérovos falar dos ausentes, dos devanceiros, dos nosos vellos, daqueles que nos criaron, que nos educaron, que nos aconsellaron. Quero evocalos, aquí e agora, xunto con vosoutros, coas autoridades aquí presentes oficiando de fedatarios, para transmitirlles, para ofrendarlles, nesta especie de reflexión colectiva, a todos eles, á súa memoria, á súa lembranza, esta homenaxe que nos fan, hoxe, persoal e directamente, a nós, a nós mesmos, recibíndonos, case que en triunfo, neste ágape fraternal de Mosteiro, aceptándonos tal e como somos, precisamente por vellos, cos anos enriba, que é do único, ou do que máis, podemos presumir, neste xúbilo, tan honroso e tan xubiloso, dos relevados, dos cedentes do facho, dos dadores da correspondente testemuña xeracional.

A vida é unha carreira de obstáculos, unha ximnasia permanente, para competir, para mantérmonos en forma; unha loita esforzada, unha proba de relevos:

Recibimos o fachuzo no mesmo colo de cadansúa nai. Todo seguido, preséntase o pai, de consún, para comparti-la crianza: primeiro, en brazos; e seguidamente, da man; ¡sempre da man! Tras diso vén a escola, o ensino, os consellos, a carteira sempre aberta para subvir as necesidades de cada intre; ¡toda unha vida cedendo, transmitindo, paternalmente, maternalmente, neste relevo xeracional, amoroso e permanente, indefectible, que así é a Historia, unha sucesión de crianzas abríndose paso, transitoria, transitivamente, amparados nos precedentes, e amparando aos novos, aos seguintes!

Nesta panorámica, nesta transcendencia do relevo xeracional, estes actos, transmisores, culturais, nosos, teñen algo de facho; ou por mellor dicir, queremos que o teñan. ¡Gustaríanos que proporcionasen un certo estímulo ás xeracións do relevo! Dalgún xeito, máis ou menos explicitamente, estámoslles dicindo aos rapaces, ás xeracións sucesivas:

¿Vedes? ¡Pois si; é certo que aínda somos capaces de facer algunha cousa, incluso divertidas, a pesares de que alguén, por aí adiante, xa nos dese de baixa por obsoletos, por carrozas!

A nosa historia, a historia dos presentes, en tanto en canto é un factor estimulante, podería tabularse, ou concretarse, así, nunha apertada síntese:

Criámonos nas miserias dunha guerra estúpida, espuria, aquela do 1936 ao 1939; tan estúpida e tan espuria que a todos lles deu vergoña, e ninguén se molestou en explicárnola, ¡simplemente porque non tiña, non tivo, non ten, unha explicación lóxica! Uns, porque querían tirar das espiñas dos seus erros reiterados, fatos e ridículos, aquelas derrotas pretéritas, ou non tanto; outros, porque se lles ía das mans o xabón dos seus vasalos. Unha plebe que estaba aprendendo a ler, e coidaba que xa sabía rexerse, competir, de propia cabeza, cando o real é que, uns e outros estaban verdes, empezando polos teóricos da democracia, e precisaban un acomodo, unha autocrítica; en definitiva, unha purga, ¡pero lenta, paciente, e non precisamente de rícino!, para limparse do indebidamente usurpado, papado, uns; e do indixerible, do indigno, os outros! Quixemos correr, pero tronzámo-las pernas, e custounos unha convalecencia…, ¡de corenta anos!

Partimos, procedemos, todos, ou case todos, dunhas escolas miserentas, invernías, descontinuas, aquelas da palmeta e da pizarra de lousa; mais, con iso e con todo, ou se cadra precisamente por iso, porque nos vacinou aquela austeridade extremada, espartana, de pan e touciño, ¡e pan houbese!, fortalecidos, temperados, nunha serie de privacións, vigorizados naqueles acatamentos respectuosos, curtidos naquelas carencias nas que tan só sobraban as molleiras, fomos capaces de chegar ao que chegamos, ao que chegastes, ao que evolucionamos, uns e outros.

Pois ben, neste relevo actual, con estes antecedentes, a nosa consigna, na entrega deste facho aos mozos, á descendencia, coido que debe ser, que pode ser, un prego, unha invitación, para que avancen, eles, todos eles, un pasiño máis; obviamente para que nos adianten, canto poidan, canto queiran, xa que os elevamos, en parte co noso esforzo, ao andar seguinte, catro escaleiras; máis ou menos, catro zancos por riba de nós, así que é xusto, e desexable, que nos superen, que leven adiante o seu propio facho, pero co honor debido, iso si, ata o relevo seguinte, ¡que tamén o terán, salvo que se apague o sol!

Ningunha xeración se pode salvar de render contas á seguinte. ¡É unha lei de vida, unha das principais!

Certo é, tamén, que tivemos os nosos erros; caídas absurdas, retrocesos, catro desalentos, ¡ou máis!, pero con iso e con todo esta xeración, a nosa, nada e criada nas miserias ás que aludín, fixo, fixemos, certas valentías, que ben nos decataremos diso a pouco que lembremos, a pouco que comparemos, se ponderamos o noso balance con respecto ao noso nivel, ao noso punto de partida.

¿Quen se lembra, hoxe en día, de que a tal momento, na nosa infancia, e precisamente por estas datas, mes da Sega, moitos andabamos nos terróns, queimando nas tolas, enzoufados de cinsa, que non hai praia no mundo que poña a un tan moreno, por non dicir, negro?

¿Quen sopesa, quen valora, aqueles esforzos: aquelas sachas sucesivas, interminables; as decrúas, as cavas...? ¿Os nabais correúdos; a gadaña, as segas e mailas mallas poeirentas; aquel puxar, de verdadeiros titáns, para arrinca-lo esterco dunhas cortes fondas e cheirentas, atafegantes; os carretos polas corredoiras lamacentas, case permanentes, mañá por noite? ¿As leñas, as estrumes...; as aradas suorentas, cos cadullos ata o mesmísimo marco para aproveita-las terras? ¿Arrinca-la pedra, cunha simple peta, para as nosas casiñas e para os nosos alpendres? Faenas, todas, todas elas, monótonas, aburridas, conversando coas vacas, tan só coas vacas: ¡Ei, marela, non pérda-lo rego!

Todo iso fixemos, que de aí vimos, e a partires diso, dese esforzo, evolucionamos, sen outros luxos máis co de botarlle pan ao caldo, ¡e pan houbese! Pero, se en algo avanzamos, se en algo triunfamos, non foi só coa forza física, senón, e maiormente, cos azos recibidos dos nosos entregos, coa forza do seu razoamento estoico e laborioso, exemplar, corrector, alentador. Por ende, estes méritos que aquí se celebran hai que compartilos, en equidade, en xusta correspondencia, con aqueles patrucios, cos nosos devanceiros, cos nosos entregos; así que, como se trata de talentos prestados, mellorables, transcendentes, aquí nos teñen os vindeiros, tódolos rapaces desta bisbarra, nesta Asociación senlleira, dispostos a seguir co noso facho, coa nosa responsabilidade transmisora, instrutora.

¡Xubilados do corpo, si; pero da mente, non! Por iso coidamos te-la obriga de servir de estímulo transmisor, transcendente, sen decaementos, ata que nos chegue a hora do tránsito, ata que nos incorporemos, nós tamén, que é lei de vida, ao paraíso do eterno descanso, que daquela, nese feliz reencontro, dirémoslles aos nosos, aos que nos precederon, aos que nos esperan, ao pai, á nai, aos avós, aos veciños, aos mestres, aos amigos…, coa satisfacción do deber cumprido:

¡Aquí estamos, farturentos de loita e de traballo, pero, nesas chairas verdes, fermosas, inesquecibles...; nesas leiras mesopotámicas, entre ríos, da fértil Galiza, nós aramos ao dereito; todos nós, e foinos factible porque seguimos as vosas regras, os vosos consellos, tal cal! Daquela, para virnos, fixemos, deixamos feito, un testamento público, aberto, estimulante, parecido ao voso xa que legamos os vosos afáns, os vosos consellos, á xeración seguinte, cedéndolles con iso o facho dunha laboriosidade sostida e inveterada!

Para constatar que nada perdemos do recibido, que nada se nos foi das mans, que nada se nos esqueceu de canto nos ensinaron aqueles maiores, aqueles devanceiros, tan ledos e tan sufridos, todos, todos eles, drogados do traballo, tan só do traballo, ¡meus pobres, que ata se foron para ao alén sen o goce dun modesto retiro!, pídovos, nesta íntima evocación, un aturuxo, un ufo, un urro, ben forte, para que o aprendan, para que o repitan, os nosos rapaces.

Veña, ufemos, ¡todos!, tal e como fixemos, tal e como se facía, naquelas xuntanzas, naquelas ruadas, naqueles divertimentos, da nosa mocidade.

Nada máis , que o resto é teatro, pero, iso si, un teatro real, tan real coma a vida mesma. Agradecido pola vosa atención.

-.-

Presentación do libro
As feiras de Castroverde no século XX


Dignas Autoridades, señoras, señores, estimados amigos:

Entendo que falar das feiras é un tópico, así que incluso pode ser aburrido porque é tratar de algo cotián, de algo inherente á propia civilización, a tódalas civilizacións, habidas e por haber. Entendo que as feiras arrancan do Paraíso Terreal, ¡se é que o houbo! ¿Por que Eva lle deu aquela mazá, que seica estaba prohibida, ao seu home? ¿Non sería un coqueteo, unha escena de puro márketing; en definitiva, un troco, o primeiro deles, o primeiro dos intercambios? ¡Douche esta mazá se me dás unha aperta, se me dás un bico, se me fas un fillo..., ao que chamaremos Caín! O tal Caín, pola súa parte, foi o primeiro dos especuladores: Ofrecíalle a Deus o peor das súas colleitas, na súa soberbia de morgado, e tíñalle envexa ao irmán, ao Abel, porque o segundo, en vez de trocarlle as primicias dos seus rabaños por unas cantas espigas de trigo, ¡sacrificaba aquelas reses ao Señor! Pero non parou aí a cousa, pois detrás de Caín, detrás daqueles labregos, un fillo de Caín, que se chamaba Henoc, segundo a Biblia, meteuse a Construtor, que así empezou iso de venderlles aquelas chozas de pallabarro, de adobes, aos pastores, aos descendentes de Abel, propiciándolles unhas concentracións multitudinarias, tipo Torre de Babel.

A ciencia do troco recollérona, explicárona, elocuentemente, os romanos, tan pragmáticos eles, con só tres palabriñas, e para iso curtas, pero significativas: Do ut des! ¡Douche para que me deas!

Como vemos, isto da división do traballo, isto da complementariedade, por moito que teorizase o economista Henry Fayol sobre organización racional e científica, tempos mortos, camiños críticos, optimización de esforzos, minimización dos insumos, coordinación de funcións, e demais técnicas e perfeccionismos do mundo económico, é tan só unha formulación para estudiantes, pois, todo iso, absolutamente todo, xa se vén facendo desde as orixes da humanidade. Con máis ou con menos acerto, con máis ou con menos picardía, con moita ou pouca efectividade, pero a produción, os trocos, as feiras, a oferta e maila demanda, traémolos nos xenes, desde as mesmas orixes da civilización.

Daquela cómpre deducir que non será tanta vulgaridade falar das feiras xa que, facéndoo, do que realmente estaremos tratando é da propia Historia da Civilización. Por certo, ¿que tiveron de común, todas elas, tódalas civilizacións, e máis concretamente as antigas; para nós, as orientais? ¡Pois, o transporte, as caravanas! Os nosos avós aínda coñeceron aquelas recuas dos maragatos...; e apelidos típicos da Maragatería, por Castroverde quedan uns cantos. Hoxe podemos mercar a distancia, sen presenza física e sen diñeiro físico, mesmo por Internet. Conectados, contactados, entre as redes electrónicas e mailas empresas de transporte, mándannos, recibimos, de todo, ¡a domicilio! ¡De todo, e de tódolos Continentes!

Con estes adiantos, en presenza desta revolución galopante, tanto no industrial coma no mercantil, haberá que engadir un novo capítulo ao Tema das Idades Históricas: Á Media poderemos seguir chamándolle así, pero a Moderna deixou de ser tal, e iso de “Contemporánea” hai que trasladalo ao século XXI, ao presente. O século XX, no que temos que situar o cumio das feiras clásicas, xa é pretérito, ¡pasou á Historia! Trátase dun onte, próximo no tempo, pero afastado en canto á evolución económica, á presente, á do noso mundo cultural, actual.

Neste campo dos relevos, nesta transmisión do facho olímpico, o castelo de Castroverde segue sendo un símbolo, o máis concreto que temos, e por ende, o máis significativo, pero a súa torre da homenaxe quedouse niso, ¡nunha homenaxe aos nosos devanceiros! Hoxe en día tiranizan outras torres; en certo modo, outro feudalismo: ¡As torres de transmisión por ondas! A susodita Internet, a telefonía sen fíos, etcétera. Ordes, consignas, acatamentos e supeditamentos autenticamente mercantís, que nos pasa unha xente, uns axentes, descoñecidos, invisibles, pero que teñen imperio pois actúan en función de ordeno e mando xa que dirixen, informan, forman ou deforman, as nosas vidas, as nosas apetencias, o noso traballo; ¡en definitiva, o noso futuro! A súa auctoritas é real, aínda que invisible; actúan case que por suxestión telepática, pero resulta, en moitos casos, en múltiples situacións, dunha forza indiscutible, meirande cá que nunca tiveron o feudalismo e maila Igrexa xuntos.
 
Volvendo ao pretérito, e concretándonos á bisbarra de Castroverde, a vitalidade destas terras quedou reforzada, fomentada, con aquela Vía romana que unía o Lucus Augusti coa Gigia ástur, devida no século IX en Camiño de Santiago. A primeira etapa, como sabemos, apoiábase no Campamento de Romeán, pasando polo Castrum de Vallis Viridis, hoxe Castroverde, para subir despois á Vacariza, que non “vaquería” por suposto, onde “vacaban”, onde repousaban, aqueles milites, e con toda seguridade permutaban os cabalos, soltando os seus naqueles pasteiros e levándose os que lles tivesen preparados, os de refresco.

Cando os suevos estableceron aquela división territorial dos 11 condados, o noso, o de Castroverde, colleu, ou xa tiña, o nome da zona: Campo de Flammosos, polas ondas do cereal; e de aí, o río, de igual nome, que se vai formando con tódolos regatos da parte de Bolaño, daquel Bolannio, que foi probablemente o Castroverde primitivo, xa que a Bolaño pertencen as terras de Valverde, séxase, o Vallis Viridis. O que hoxe nomeamos Castroverde Vello, ao sopé do castelo, non é máis que un burgo iniciado, habitado, polos serventes, polos servos da propia fortaleza.

Esta situación dunhas terras singularmente produtivas, tronzadas polo Camiño Primitivo, e por tanto acollidas á protección reguenga do mesmo, ademais da xurisdición feudal, obviamente xeraron, tiveron que xerar, un trasfego enorme, que nos levou ás importantísimas feiras por nós coñecidas.
 
Non sei se vos decepcionará o que vou dicir seguidamente, aquí e agora, pois este libriño que me honro en presentarvos está titulado en pretérito pero a súa intencionalidade vai en futuro. ¡Si, si, en futuro! Trátase dunha xanela aberta ao pasado para que albisquemos pola mesma a claridade deste amencer do século XXI. Parece un paradigma, pero coido que é unha realidade. Quixen lembra-la feira vella para mostrarlles aos rapaces algo que sabemos os vellos, tan ben ou mellor cá eles: Que non só no universo material, senón, e tamén, no cultural, nada se perde, nada esvaece: ¡simplemente, transfórmase!

As feiras pasaron, están pasando, subindo que non caendo, do plural ao singular. ¡Así de sinxelo, e así de complexo! Empezaron con aqueles trocos do home primitivo, e desde que houbo camiños, tal que pasou en Castroverde coa Vía romana, á que hoxe chamamos Camiño Primitivo de Santiago, por iso, porque o é, fíxose posible transporta-los produtos ata onde houbese unha concentración humana que os precisase, ou apetecese, tal que un castro, e tras dos castros, as villae romanas, os castelos, os burgos, etcétera. Por suposto que nesta evolución, para pasar do troco, da permuta, á compra - venda, xurdiu a moeda, e tras da moeda, sucesivamente, para facilitar a translación, o transporte cómodo e seguro dos contravalores: inventouse a letra de cambio, o cheque, a obriga de pago, a tarxeta electrónica..., ¡e mailo que veña tras de nós, se é que algo queda por inventar!

Para abreviar, que este tema, con todo ser singular, abarca un mundo, o noso, o universal: ¡Que das feiras en plural, das comarcais, pasamos, estamos pasando, á feira individual, singular, persoal, que é tanto como dicir, á feira global, ou globalizante! Todos, dun xeito ou doutro, estamos en plena produción, directa ou indirecta, desde a caneta ao ataúde; pero tamén en pleno consumo. ¡Daquela, a vida é unha feira, convertémola nunha feira, nun tráfico, nun intercambio, nunha interdependencia global, conxunta, e todo iso con un ritmo de progresión xeométrica! Se nos paramos en puntualizacións, a feira actual xa comeza antes do natalicio: aparatos de observación, médicos, medicinas, etcétera, para continuar con iso mesmo, amén das neneiras, das garderías infantís, e por aí adiante.

Para darnos unha idea do que consumimos, dicíndoo en expresión vulgar, abonda con darse unha volta polas vilas e cidades, á noitiña, e dete-los ollos nesas reas de containers que tanto nos estorba para aparca-los autos. Asegúrovos que diso estou impresionado, pois a materia prima, obviamente, é limitada, e o día que rematemos coa explotación do terceiro mundo, cando baleiremos a produción deses países subdesenvolvidos, ¿que nos levaremos á boca, con que nos abrigaremos, de que serán as camas, prescindiremos do papel...? ¡Ese será, ese pode ser, o remate das feiras! A única saída, e non a prazo longo, estará na reciclaxe e na moderación consumista, ademais da agricultura e da inventiva, por suposto, salvo que emigremos para un planeta habitable, ¡se é que os hai!

Aínda están recentes aquelas utopías de certos teóricos que daban por periclitado o sector primario, propoñendo un transvase urxente ao sector dos servizos. A profecía saíulles bastante ben grazas a esa piratería que se está facendo coa materia prima deses países aos que chamamos Terceiro Mundo, pero, ¿e mañá...? ¡Mañá será preciso volver ao rego, aos cultivos ecolóxicos, igual que se volveu ao millo, desenganados desa prestidixitación da química irresponsable!

Antes aludín ao Camiño de Santiago como Vía de Cultura e de Prosperidade. ¿Pero sabedes onde me teño lembrado del, onde profundei na súa transcendencia? Foi polos anos Sesenta, nada máis e nada menos que no Aaiún, vendo e conversando con aqueles tuaregs das caravanas, que baixaban ata o Congo e retornaban por Mauritania, uns; e outros collían cara ao nordés, chegando a Alxer e a Tunicia. De volta viñan cargados de billetes, mesturados no fondo dun saco, que daban un bo traballo para clasificalos, para aplicarlles o contravalor, e remitirllos ao que entón se chamaba Instituto Español de Moneda Extranjera. ¡Iso, exactamente iso, era/foi, o Camiño de Santiago, que así comezou o Mercado Común Europeo: Uns, cara a Roma, e outros, cara a Santiago! Cargadiños de mercancía e de moedas, levando e traendo, deténdose nas feiras, e moi especialmente na de Castroverde, que tan á man lles caía. ¡Claro que tamén rezaban, algúns, pero do que ninguén se libraba era da feira, das feiras, traer e levar, falar, intercambiar, e por suposto, cazar, cazar e asar, que iso contribuíu, moito, ao auxe do Primitivo, que casualmente tronza o país por terras de gran riqueza cinexética, particularidade que non podemos esquecer para entender aqueles desprazamentos a tan longa distancia!

¿Que podemos ver, que temos que ver, por esta xanela aberta ao pretérito? Partindo de que o presente non existe, e menos coa velocidade vivencial deste intre que estamos vivindo, no que pasan as cousas tal que unha paisaxe vista desde un tren AVE, repito que só nos queda mirar ao futuro. E só hai un xeito de facelo: ¡preparándonos para o relevo do facho, de xeración en xeración! Preparación individual, por suposto, pois toda capacitación será pouca dada a competencia estudantil que teñen, e que lles espera, aos nosos fillos, e aos fillos dos fillos, así sucesivamente, que isto tamén vai en progresión xeométrica! Pero, referíndonos a unha zona concreta, a unha bisbarra do noso entorno, como poda ser o caso de Castroverde, hai, haberá, que especializarse en algo no que por certo estamos atrasados: ¡o cooperativismo, a asociación, a concentración de capitais...! Tanto para producir como para vender. ¡Este é o gran reto se non queremos perder o tren da prosperidade!

Con isto dito, se este libriño non leva aos rapaces a este raciocinio, a esta mentalización, daquela é que perdín o tempo, sexa porque non me souben expresar, sexa porque non me saiban ler, ou entender! Xa quedou anticuado aquel dito de que falamos da feira segundo e como nos foi nela; no sucesivo será máis certo, máis actual, falar da feira ¡segundo e como actuemos nela!

¡Pois iso, e nada máis por hoxe: preparémonos e actuemos, que o futuro xa está aquí, e non se presenta doado, nin dado nin doado! Tampouco o foi aquel pretérito, pero temos que agradecérllelo aos nosos devanceiros xa que, daqueles traballos seus, daqueles esforzos, daquela xenerosidade, chegamos ao que chegamos.

Pero aínda me queda unha importante evocación, de tipo patrimonial, se me permitides expresala coas propias verbas dunha paisana nosa, a Mestra Enriqueta Otero, que deixou dito: ¡Moito é o que temos recibido..., así que moito estamos obrigados a conservar, a perfeccionar, e a transmitir!

Grazas, moitas grazas, a vosoutros, pero tamén aos nosos vellos, aos nosos devanceiros, a todos aqueles que fixeron posibles as feiras, en particular a nosa, a de Castroverde.



Lugo, 15 de Marzo do ano 2007

-.-

PREGÓN
na
II Feira de Artesanía e Produtos Gastronómicos de
Castroverde.
26 de Agosto do ano 2007

O ligue nas feiras





Ilustrísimos Sres., e demais  autoridades, amigas e amigos:  ¿Que vos pode dicir este avó, este patriarca; que podo lembrar das feiras tradicionais do noso Castroverde, agora que todo é feira, do norte ao sur, e do leste ao poñente; agora que no hai rural, que desapareceron aquelas limitacións do rural?

¡Pero algo queda, si señores: Quedou a descendencia, a consecuencia, daquelas feiras, daquelas reunións periódicas, tan anheladas e tan necesarias, metade lúdicas, folclóricas e festeiras, e a outra metade económicas!

Empecemos por diferenciar a feira da mañá, a propiamente mercantil, a do gando, a do artesanado, da feira da tarde, que era a festiva, a da mocidade. Retornados os vellos, viñan, achegábanse á feira, os mozos, a segunda xeración, a da futura substitución. ¡Achegábanse, dixen! ¡E tanto que se achegaban, que se tal non fixesen, Castroverde, sen aqueles xuntoiros, acabaría deserto; non existiría!

As parroquias, coa súa Misa dominical, servían para confesarse pero non para pecar, salvo que fose por omisión. E despois da Misa, por moitos anos, o preceptivo foi cantar o Cara al sol, brazo en alto, así como pregoar os bandos do todopoderoso Sr. Alcalde. Recollíase o correo, ¡e para a casiña, atizarlle ao caldo, e pensa-lo gando, para te-la tarde libre por se viñan os mozos axudarlles ás rapazas do lugar a levanta-la sella, pois os outros levantes quedaban para despois de lidas as amoestacións!

Os domingos de feira eran outra cousa: coñecíase á xente de fóra da parroquia, había presentacións, dábanse referencias, interviñan os chufóns… ¡Ai aqueles chufóns, aqueles esculcadores, canto ben facían, canto unían; pero ás veces tamén desunían, tronzando, desviando, amores infantís...! ¡Total, por uns calzóns interiores, daqueles de baeta colorada! Iso si, de perneira longa, e cunha abertura suficiente para cirichar ao lonxe por tras destes carballos do Campo.



O chufón presentaba e refería; despois, se a esculca preaba, discutíase a dote, no seu momento, pois ademais da súa contía era preciso convencer ao patrucio receptor do xenro, ou da nora, de que aqueles cartos, aqueles reás, ademais da cómoda, ou da hucha, cheíñas de roupas da cama, da tea, tiñan que ser recoñecidos na horta de xunto da casa, ou no prado da fouciña, que era a forma leguleia de rebordar os terzos do mellorado.

Feitas as presentacións, viña o paseo por entre as reas destes pendellos, pois, mentres os tendeiros recollían, os rapaces conversaban, parrafeaban:

-¿É certo que non tes palabra doutro rapaz? ¡Mira que se a tes, deixámolo para outro día, que eu son pacífico, e non me gustaría partirlle a cara ao teu mozo!

-Hoxe non a teño, pero se che intereso vaime dicindo as túas intencións, pois aos meus anos non estou para perde-lo tempo, ¡e menos cun descoñecido!

-¿Descoñecido? ¡Non, muller, que ben coñeces a categoría do home que che deu as miñas referencias!
           
-Daquela, por que che intereso?
           
-¡Muller, quen sementa en mala terra, malos fillos lle esperan!

-O meu receo é que din que o que lonxe vai casar, tacha leva ou a vai buscar…

-Pois eu o que vexo en ti é unha muller sa e ben feita, que mellores non has temos na miña parroquia… E xa que todo empeza ao dereito, ¿podo collerte de ganchete?
           
¡Así, máis ou menos así, comezaban os ligues e remataban as feiras, as mercantís. Pero aínda queda algo por facer, algo que dicir: ¡Aquela litrona coa que se celebraban os encontros…! Iso da litrona vén de vello: Agrupados os rapaces por vínculos de amizade ou parroquiais, era preceptivo achegarse á rosquilleira: Os mozos ocupábanse do viño escumoso, do cava, da champaña, imitación que se lograba engadíndolle a cada neto de tintorro unha botelliña de gasosa, que en ocasións, para que a mona fose máis redonda, completábase cunhas copas de “Anís del Mono”, amén da consabida augardente do país.

Nas festas parroquiais as oportunidades eran escasas, maiormente porque as clausuraba a Garda Civil mesmo ao solpor. Pero, ¿o retorno das feiras? A camiñada era longa, e daba para todo. Algún que outro rapaz chegara a ter un foco, unha lanterna de pilas, que non sempre conviña acender.
           
-Muller, é que estas pilas duran tan pouco…!

-¡Pois víñanos ben nesta corredoira tan lameira!

-¡Por iso non te preocupes, que nos pasamos ao atallo, ao carreiro!

Atallar sempre daba resultado pois permitía algún que outro desvío; ¡caritativo, iso si! A mirada lánguida da moza, e os brazos forzudos do rapaz facían o resto, así que ela, ¡miña xoia!, de agradecida e de perdidos nestes montes do traxecto, ¡que menos que darse un bico, e tras do bico unha aperta, así fose no monte de Venus!

Dos bicos pasábase ao namoro…, ¡e daqueles namoros da feira viñan os fillos bravos, que por algo brotaran, naceran, do monte! Se o rapaz era de lei, e tiña o servizo militar cumprido, a inmediata era acudir ao cura para encargarlle as amoestacións; previa petición de man, por suposto. ¡Pedíase a man desde que o importante xa estaba dado, entregado! Pero tamén podía ocorrer aquilo de que,

Unha noite na eira do trigo
unha moza choraba
polos desdéns que lle fixo
aquel ingrato galán.

¿Que a festa non remataba en voda? Tampouco era unha desgraza, que desas había moitas; e logo que as irmás descarreiradas resultaban xeitosas e aproveitables para gardarlle ao morgado a facenda miúda!

Xa sei que todo isto é simplemente un esbozo, catro raias, pois a pintura do último século no noso rural está en branco: os que a viviron, non sabían redactar; e os que sabían redactar, fixérono desde a cidade, convertidos ao castelán, ou esquecida a súa infancia. Por tanto, a súa óptica é irreal, ou superficial, ou afectada, así que o mundo rural, en particular o dos nosos avós, e incluso o dos nosos pais, quedou esquecido, sen pena nin gloria, cando non falseado.

¿Que podemos salvar deste patrimonio? ¡Lamentablemente, pouco, e iso que habería moito que dicir, moito que analizar, moito de que falar! Se os rapaces quixesen escoitar aos vellos, non sería difícil organizar parladoiros, tal que semanais, para que os novos preguntasen e os vellos respondesen. Aqueles contos da lareira xa non son posibles, entre outras circunstancias, porque non quedan lareiras; pero os parladoiros, si. Algo leva feito a nosa telegaita cos seus programas de investigación rural, pero iso de preparar aos vellos, e poñerlles gravata para que saian maquillados en pantalla, guapos e sorrindo, incluso cando relatan traxedias, iso é artificioso, ¡non é verídico!

Eu empezaría preguntándolles aos rapaces: ¿Interésavos coñecer a realidade, os divertimentos, pero tamén as traxedias, do noso antonte? ¿Sabedes de certo de onde vides? Aquel que ignora as súas raizames que non presuma de culto, que non diga que é de Castroverde. ¡De Castroverde é todo aquel que, cando se mira nun espello, recoñece e acepta a herdanza recibida, a saiba do seu sangue, saturado de clorofila!

Os pendellos, e cos pendellos a feira nova, xa están oficialmente inaugurados, reactivados; o que falta agora é restaurar as tradicións. Collámonos, pois, de ganchete, e iniciemos un paseo por esta rea dos tendeiros, que con iso renderemos un tributo de admiración e de agradecemento aos nosos proxenitores. Pero conste que non é unha figura retórica, pois, se o señor Alcalde nolo permite, tan pronto como eu remate con este rollo, precedidos polo noso meritísimo Zuncurrundullo, que recolleron e honran o mellor zume deste Castro Verde, imos dar unhas voltas, arriba e abaixo, collidos de ganchete, digo, novos e vellos, polo mesmo recinto, sagrado recinto, onde se namoraron os nosos devanceiros, sen os cales, ¿que seríamos hoxe? ¡Nada! ¡Un baleiro, un deserto, un inculto!

¡Viva e reviva Castroverde, berce de tantas familias hoxe esparexidas polos cinco Continentes! ¡Viva a mocidade, continuadora e conservadora deste gran Patrimonio, tanto económico como cultural!

-.-

Presentación do meu libro,
CASTROVERDE na historia e no presente.



Ilustres señores, amigos e veciños: Entendo que non se vai á presentación dunha obra para informarse do que di o autor nela pois para iso podémola ler; o que compre é a información que nos dea da mesma, o por que a fixo, o por que nos fai perder, ou aproveitar, o tempo en le-lo seu contido.

Pois ben, o contido xa está no título: Castroverde, na historia e no presente.

Da nosa Historia, entre o que se perdeu por non gardar documentación, século a século, ou por gardala demasiado ben, en certas casas, que interpretaron que todo aquilo era seu, de propiedade privada, do que teño experiencia, e logo a desaparición das lareiras, onde os avós transmitían feitos e lendas, ou incluso, recentemente, aqueles motivos que deron lugar a que a Asociación Española de Archiveros, Bibliotecarios, Museólogos e Documentalistas concedese, por primeira vez, o seu premio “Atila” a certo responsable desde país, non é moito o que puiden recoller ou rescatar; con todo, aquí deixo o que me parece unha abundante bibliografía para que alguén poda seguir profundando e ampliando.

En definitiva, o que fixen, o que quixen facer, foi, cos pés na nosa terra, e coa camisa de fóra, que é como se facía para sementar, con unha idea mítica de non cultivar reservas, ¡sementar inquietudes!

¿Castroverde no presente? ¡Ah, iso é o importante, ou polo menos, o urxente!

¿O importante, sendo, como é, que o presente non existe? ¡Certo, non existe; non existe se non o fabricamos, nós, nós mesmos! O presente é a disolución sucesiva, ininterrompida, dun pasado, dun patrimonio, tanto no económico como no cultural, que tende a desaparecer, e por tanto, como cousa fugaz, compre utilizalo, moldealo e perfeccionalo, para conservalo, para que se manteña, para que mellore, pois iso, e só iso, é o futuro:¡unha construción feita en presente, día a día, cos materiais do pasado!

Neste Centro, concretamente en Marzo e Abril do ano 1994, sendo director o inesquecible Carreira, de quen por certo pouco oio que se mencione en público, e iso a pesar de que alentou unha gran xeración de estudantes, din unhas charlas que, en certo modo, foron proféticas: O único valor co futuro asegurado, engadir valor ás cousas, titulei. E digo profético porque esta crise xeral que temos enriba arranca en gran medida da pouca previsión que se tivo, e non só en Galicia, nisto de engadir valores, obnubilados pola cega cobiza da especulación fácil. En definitiva, esa présa por pasar directa e inmediatamente do sector primario ao terciario, séxase, ao dos servizos.

Tiven un profesor en Madrid, no Centro de Estudios Mercantiles y Económicos, señor Perrino, do que aprendín a que me parece unha definición perfecta da Historia: Historia es la narración de los sucesos sucedidos sucesivamente en la sucesión de los siglos. Pero unha cousa é narrar sucesos e outra facelos. No carácter pragmático dos tempos que nos toca vivir, o importante é face-los feitos, prevelos, e, ata onde nos sexa posible, encarreiralos por bo camiño. ¡En definitiva, fabricar historia, exportar historia, engadir valores, ou o que é igual prestarlle máis atención ao sector secundario! Teñamos presente que a panca que move a Historia é, fundamentalmente, a economía, iso de sacarlles proveito aos recursos, de sempre e sempre escasos. Claro que pode haber economía ben e mal entendida, que de aí partiron tódalas loitas, empezando por aquela de Caín contra Abel.

Unha lección que sempre predicaron os nosos entregos foi a de que, Antes que amaña-la casa do veciño, comeza pola túa. ¡Ben que amañaron, ben que traballaron, ben que loitaron, e iso que enfronte, ou arriba, tiñan inimigos poderosos: primeiro, aqueles explotadores romanos; e seguidamente, o feudalismo, os foros, os trabucos, os prestamistas, aqueles da usura e das vacas postas en cabana!

Aquí tivemos, a favor, dous factores inconmensurables: O básico, que é a produtividade, a feracidade, destas terras; e logo estivo o animus operandi, inquebrantable, da nosa xente. ¡Puideron incluso co castelo, que non se precisaron Irmandiños para que fose abatido o seu poder succionador, chupóptero!

Vindo aos tempos recentes, o noso fallo garrafal foi o mal uso que se fixo, que nos fixeron, das remesas dos emigrantes. Isto si que foi grave, pero non se pode explicar en poucas palabras, así que tentarei dar só un mero esbozo da cuestión.

Primeiro, da emigración americana, e recentemente, da europea. Certo é que tiñamos necesidades atrasadas, perentorias, pero algo sobrou, algo sobraba, que foi mal invertido, ou máis exactamente, mal dirixido. Desde o Banco no que traballei, desgarrábame ver como os diñeiros de Galicia, entre eles, claro está, os de Castroverde, se ían para centros de alta industrialización alleos; e nosoutros, no ínterim, atidos á mesquiñanza duns réditos. Nin os de abaixo fomos capaces de aglutinar vontades, nin os de arriba nos apadriñaron.

Aínda non atopei un sociólogo que me soubese explicar o por que os galegos nos unimos, nos compenetramos e comprendemos, no estranxeiro, centros galegos, sociedades recreativas, cooperativas, negocios en participación..., e aquí non fomos capaces de entendernos nin co veciño da porta, tal que para a utilización en común de aparellos de alto custe, que fican parados, enferruxados, a maior parte do ano. Agora temos certos controis da Unión Europea que malogran algunhas iniciativas, pero o campo da economía é infinito para quen busque iniciativas, solucións, descubrimentos lícitos. O que foi, e segue sendo indispensable, é a concentración de esforzos e vontades; o meu vello lema: ¡Engadirlles valor ás cousas! Valerse dos nosos recursos, empuxalos, promovelos, e darlles saída, pero..., mellorados! Moito queixarse dos intermediarios, pero, ¿que facemos, ou que fixemos, para constituírnos, nós, nós mesmos, en intermediarios, en presentadores da propia mercancía, atraendo ao consumidor aos propios almacéns ou depósitos?

Eu non son quen, nin é o momento, de dar receitas para tanta casuística, pero si temos que admitir que, por poñer un exemplo, mentres os portugueses, nosos veciños e parentes, mercaban furgonetas, que igual lles servían para levar á feira os porcos, ou as manufacturas que facían nas propias casas, principalmente ebanistería á man, como para ir de mozas, todo por aquí, e non só nesta bisbarra de Castroverde, pirrabámonos polos turismos de segunda. Sempre se dixo que a vaca do veciño dá máis leite cá miña, emperrándonos en mercarlla cando o aconsellable quizais fose coidar da miña, da nosa.

Alguén estarame tomando por derrotista, e nada máis lonxe da miña intención: O que ben quixer é servir de estímulo, ata onde sexa capaz, máxime nestes tempos de crise nos que compre reflexionar, ollar en derredor noso, intercambiar información, á vez que, recoñecendo os nosos erros, buscar saídas neste labirinto da globalización mundial. Ou como agora se di, ir a un desenrolo harmónico e sostible. O pasado está feito, e nunca faltará un curioso que o poña por escrito; o que se precisa son impulsores, estimuladores, pois, o que sabe adoita calar, e incluso medra cos seus segredos, coas propias experiencias, co seu pragmatismo egoísta, individualista.

Non se me pode negar, pois á vista está, que moito falar e moito escribir sobre a crise, pero, quen vos dixo, ou onde vistes escrito, receitas útiles para saír desta parálise, tanto da xeral como da particular? Eu non podo, non sei, que son un simple veciño, outro afectado, pero si sei, e si podo, encarecervos que dediquedes algún tempo a buscar solucións que se sosteñan por si mesmas, con independencia de normas e de conxunturas, pois iso significa esa verba tan manida, o de sostible. E de paso, con precaucións e cautelas por suposto, buscade a unión, o cooperativismo efectivo, engrandecedor, xa que a unión fai a forza, principio inmutable. ¡Aprendamos das formigas, da súa laboriosidade e da súa organización grupal, comunal, que as temos dinte dos ollos, acotío!

Este é o futuro que lle desexo á Historia de Castroverde: ¡que se proxecte na reflexión, na capacitación e na unión, que así, se non chegamos lonxe, polo menos farémolo con dignidade, na dignidade!

Grazas a todos, e por todo,
-.-

Conferencia no mesmo CPI de Castroverde,
pero en Marzo 2010

Pasado, presente e futuro de Castroverde

Xa que a cousa vai de Historia, comezarei con un refrán periclitado, historicamente periclitado: aquel de que non se poden empezar as casas polo tellado. Pero se algún día foi certo, hoxe, non. En arquitectura, por exemplo, mal se pode planificar unha casa, un edificio, sen coñecer de antemán as alturas que queremos ou nos permiten darlle, para seguidamente obrar en consecuencia. Nos deportes de competición, tamén cómpre coñecer de antemán a meta, o fin proposto. E xa non digamos en economía, onde pouco podemos lograr se non temos claro o cume proposto; cuestión á parte será o estudo dos medios e das circunstancias concorrentes, que estean ao noso dispor ou séxamos capaces de acadar e de formalizar.

Na actualidade, e nunca falarei de presente no senso clásico xa que iso, historicamente, non existe, pois tan pronto como pronunciemos unha verba esta quedará incorporada ao pasado, instantaneamente, con tódalas súas consecuencias, nesta actualidade que estamos vivindo, cunha crise socio económica tal da que só se pode saír collendo folgos, acumulando enerxías, reestruturando, para enfrontarnos á xeira seguinte, unha meta que están albiscando os nosos administradores é a de ir á refundición, por fusión, de tódolos concellos que se vexan en apuros económicos para soste-la súa burocracia operativa; ou iso, ou revisa-las funcións das Deputacións. Este problema aféctanos dun xeito grave aos galegos dada a nosa multiplicidade, o noso minifundismo poboacional, agravado polas inevitables e imparables caídas do censo na maioría dos concellos.

Isto é unha hipótese de traballo, ou se o preferides, unha intuición, pero non miña xa que o veñen meditando, e incluso dicindo, a media voz, políticos de tódalas ideoloxías. Se lembramos que o noso Castroverde foi a cabeceira dun daqueles once condados suevos, concretamente o das terras de Chamoso, Flammoso para os romanos, nada tería de particular que algún destes rapaces se vexa algún día elixido Alcalde, xa que non Conde, dunha nova xurisdición. Lembremos que este concello non sempre tivo as mesmas parroquias, que as foi agregando e disgregando no século XIX por sucesivas disposicións; unha das últimas incorporadas foi o couto de Montecubeiro, que non resistiu a súa independencia despois da desamortización. E se alguén pensa que invento cousas, aos arquivos me remito, pois aínda que se eliminaron, moitos, neste Castroverde dos individualismos, algún queda, os suficientes para esta demostración.

Veña o que veña, é imprescindible ollar para atrás, olla-lo noso pasado, aínda que só sexa para ponderar os medios de que dispuxemos no século XX, onte mesmo, así como a utilización que deles se fixo, para situarnos, para adestrarnos, para non incorrer en novas molicies, en novas imprevisións, en novos desacertos.

Non é este o sitio nin o tempo para poñernos con estudos económicos minuciosos, pero si para tentar imbuír ánimos e azos, pois todo fará falta xa que a panorámica que vos deixamos aos rapaces non é precisamente un camiño de rosas. Certo é que fixemos moito, pero máis se puido cos medios ao noso alcance se houbésemos tido uns quilates de sentido cooperativista, se nos axudásemos recíproca e mancomunada a construír, se fósemos tan bos veciños no obrar, no vivir comunitario, como o vimos sendo, por poñer un exemplo, para acudir aos enterros.

Castroverde, a nosa bisbarra, tivo, e segue tendo, aínda que con outras circunstancias, un potencial económico superior á media da Galicia rural. Para comezar temos o dobre de superficie cultivable que a media dos concellos de Galicia. ¿Daquela, onde fallamos? Neste potencial hai que meter, tamén, o noso look turístico, que é singular. Permitídeme mencionar a José Ramón Ónega, que na Voz de Galicia do pasado 13 de xaneiro, nunha referencia que fixo do meu último libro, CASTROVERDE na historia e no presente, afirmou rotundamente que somos, “el pueblo de más hermoso nombre del mundo”. Non o digo eu, que o dixo o Director da Casa de Galicia en Madrid, repito. Pola miña parte engadiría que non só de nome, senón de terras, de paisaxe.

As terras boas, obviamente, foron as primeiras ocupadas, poboadas, e nós temos, por se quedase xente con autoodio, unha boa demostración nesa cova do paleolítico superior, aquí en Bolaño, en pleno Val Verde. De seguido están os castros, e tras deles, a ocupación romana, o noso trigo flamexante, flammoso, os topónimos suevos, os eremitas, as igrexas monumentais, os conventos, unha fortaleza inxente… Todo isto tiña por base a nosa produción, a riqueza e maila beleza do noso chan!

Os nosos entregos víronse derreados de foros e demais gavelas; ata onte mesmo, pois as últimas rendas forais redimíronse despois da guerra civil, e puidemos con todo! ¿Que os entregos terminaron de levantar cabeza cos cartos da emigración americana? ¡Si, é certo! Pero non o é menos que tardarían algo máis, pero sen aquelas divisas da emigración tamén se houbesen upado, e iso por dous motivos concorrentes: pola produción das terras, asemade coa produtividade e mailo esforzo da nosa xente.

Aínda que non se conservasen outras fontes históricas, aí están, aí temos, esas igrexas, os pazos, e as mesmas casas de labranza, en xeral de excelente fábrica, que falan elocuentemente do poderío económico e laborioso desta bisbarra, asentado, como digo, na bondade da terra e na labor da xente. Daquela teño que volver atrás: ¿onde fallamos?

En mil cousas e por mil causas, errores e sometementos que cómpre refusar, allear:

 Os señoríos, que foron impepinables: séculos de tiranía, de vasalaxe ante as armas dos poderosos. Pero cando veu a desamortización, catro burgueses e catro galos dos do país fixéronse con aquelas rendas. Os cregos ameazaron, incluso, coa excomuñón, a quen acudise ás poxas, que máis ben foron clandestinas. ¿Quen acudiu? En moitos casos, os propios irmáns daqueles predicadores, os morgados, seguramente avisados e apoiados de mil maneiras polos propios anatematizantes.

Foise saíndo de todo iso, pero entronizamos a clase caciquil, a dos conseguidores, don Fulano de Tal e compañía: usureiros e abusóns, aos que se lles traballaba de balde porque poñían vacas de cabana, mediaban no Imposto dos Consumos, ou simplemente mandaban, abusando de quen viña afeito a poñérselles de xeonllos, a eles e á súa familia. Co franquismo volveu o medo; o medo ás camisas azuis, que por algo levaban pistola á vista; ¡iso ademais da deles, se é que a tiñan, que nunca matón houbo que non fose un covarde, un dexenerado!

¡Por fin, volveu a democracia! Pero tan desafeitos nos colleu, que nin tiñamos azos para saber escoller; nin para escoller, nin despois diso, para esixir e controlar. O único consolo é que, coma nós, pasoulles a moitas bisbarras, pero cada quen colleita segundo sementa.

De América veu moito diñeiro para esta zona, como poden testemuñar os vellos de cada lugar, e daquela serviu, ante todo, para devolve-las pasaxes, e despois para casa-las irmás, e para estuda-los sobriños, que non había becas. Poucos reclamaron o seu herdo, e a algún incluso se lle negou, así que todo foron incrementos patrimoniais. Con ser todo isto importante, aqueles retornados aportaron ideas, un concepto novo da cultura e do asociacionismo. Por poñer un só exemplo, a sociedade agraria e maila biblioteca circulante de Montecubeiro, ¡no primeiro quinquenio dos anos 30!, que foi un milagre, se ben malogrado por causas alleas. Por certo, que vai sendo hora de honrar esa memoria, da que pouco se leva dito, e escrito menos aínda. ¡Cómpre poñer unha placa conmemorativa en San Cibrao, na casa da Unión, tamén chamada “A Casa de Córneas”!

A emigración europea foi diametralmente oposta; nesta participaron incluso os morgados, moitos deles deixando os nenos ao cargo dos avós. Do seu diñeiro unha parte empregouse en cuadras e maquinaria, pero moito na Bolsa e na especulación inmobiliaria. Aquí si que houbo fallos, pero a principal responsabilidade hai que atribuírllela aos mandos políticos, que non se preocuparon de fomentar un cooperativismo agrícola efectivo, reducido en número de socios, axeitado, nin un sector secundario que asentase na propia bisbarra aos remesantes das divisas. Máis é, que os Bancos tiñan, tivemos, a consigna confidencial, verbal, de darlles entrada ás remesas, estatisticamente, como turismo, na falaz pretensión de fomentalo, de atribuírlle un engrandecemento de signo imperialista, e iso incluso na Transición.

Hai que subliñar, entre outras graves omisións dos nosos dirixentes, que as autoridades non se molestaron en explicar á xente do rural que saíu unha Ley de Concentración Parcelaria Privada, concretamente a núm. 14 do 28 de Decembro do ano 1992, que era, e que segue sendo, un choio para os lugares e para as casarías que a merecesen, incomparable coa oficial, pois aí temos de exemplo negativo a de Montecubeiro, que vai por vinte anos e aínda non deron as escrituras, (1) ademais doutros atrancos e imperfeccións. Se tivésemos nestes últimos anos o espírito asociativo daqueles retornados de América, habería, entre outras imperfeccións eliminadas, menos maquinaria agrícola infrautilizada, que é igual a dicir, recursos ociosos. ¿Que hoxe en día abundan as Asociacións: só en Lugo capital unhas 350? ¡Si, pero no plano económico, non; no empresarial, non; no rendible, no sostible, non!

Aquí pode haber alguén que me oíse dicir naquelas charlas que din neste Colexio, na época do Director Carreira, para estimular aos rapaces de entón, para inicialos un pouco nos principios da Economía e do Dereito, que o único valor co futuro asegurado era engadirlles valor ás cousas. Ese foi o gran fallo das últimas décadas: ¡Que pasamos, colectivamente, do sector primario ao terciario, séxase, ao dos servizos, levados por esa febre especuladora, que non especulativa!

Por suposto que, individualmente, pouco se pode facer para cambia-las cousas nesta fervenza da globalización, do todo vale; pero si podemos, e debemos, concienciarnos, máxime nesta crise xeral que nos invita á reflexión, pois cómpre axeitar os nosos medios, os nosos coñecementos, cara a sistemas de seu máis pragmáticos, volvendo, como pouco, a aquela cooperación veciñal que tan de manifesto se poñía na construción das casas e nos traballos de temporada desta zona, que niso si que fomos singulares.

Queixámonos, e con razón, dos intermediarios, dos oportunistas solapados, pero tampouco se vén facendo gran cousa para facelos evitables, e iso que non sería difícil perfeccionar, conservar, presentar, e poñer en xeito e forma os nosos produtos, sexan naturais ou elaborados, presentándollos ao consumidor en bandexa, cerca do seu fogar, por dicilo dun xeito gráfico. Castroverde, tan próximo da gran urbe provincial, logo está, podería estar, dela, tan accesible coma un almacén da súa periferia industrial.

Todo isto, este propósito da emenda, esta mentalización, esta planificación, non se fai nin á présa nin con medios de carácter individual, mais será inevitable poñerse, polo menos, nese estado de ánimo para enfronta-la competencia que nos agarda. Hoxe en día temos unha base cultural aceptable, pero afixémonos á boa vida, e desde as nosas alturas pode pasarnos desapercibido que estamos sendo invadidos por un aluvión de inmigrantes que tampouco son torpes, e que se contentan con menos. ¡Por se tiñamos pouca competencia na casa, volven os mouros, e cos mouros, os outros; de momento, a pé, pero non tardarán en desaloxarnos dos empregos a pouco que nos durmamos nos loureiros!

Isto dos recursos ociosos hai que entendelo ao dereito, quere dicirse, non meter tódolos ovos nun cesto, pois é axiomático que unha estrutura moi especializada e moi específica é tamén unha estrutura ríxida, pouco adaptable á evolución conxuntural que se vaia presentando. Xa sabemos que os monocultivos, as explotacións moi especializadas, resultan máis cómodas, e incluso, por veces, máis rendibles, pero os seus riscos nesta globalización do mercado son grandes, e por veces, definitivos. Neste aspecto, a nosa edafoloxía é un tesouro, que nos permite distintos enfoques, a medio e a longo prazo; ora ben, no campo tampouco se pode andar con golpes de temón, ora a babor, ora a estribor, o que nos levaría á inevitabilidade dunha programación diversificada en exceso, séxase, excesivamente elástica.

Falando de edafoloxía: Pénsese que, entre outros factores, ese pasotismo mundial con respecto ao cambio climático, á imparable desertización, en Castroverde, pola composición da terra, microclima, etcétera, constitúenos nunha reserva produtiva, resistente, variada e de alto rendemento. Daquela estamos subidos nun carro de ouro, pero o quid estará en sabelo conducir, en sabernos conducir! Neste aspecto deteñámonos un pouco para traer ao presente unhas cantas experiencias do pasado; son infinitas as que poderiamos citar:

A firma individual máis poderosa de Galicia actualmente é, como sabedes, a cadea Zara. Pois ben, comezou fabricando en serie o que as nosas costureiras non se aviñan a facer: mantelos e batas, que eu coñecinos así; algo demandable e que requiría pouca materia prima, pero había que engadirlle o valor de facelo en serie: ¡aí estivo o seu acerto!

Polos anos 70 comezamos a devecer polos turismos de segunda man; simultaneamente, no veciño Portugal, que sempre o tivemos por atrasado, mercaban furgonetas, que lles servían para todo, maiormente para poñer en mercado os produtos por eles elaborados en días intempestivos, particularmente ebanistería tallada artesanal, á que pronto incorporaron máquinas alemás, con programas informáticos.

Pero o caso máis notable, de sona mundial, foi Suíza, que se especializou en elaborar produtos e vender paisaxes nada mellor cós nosos, coa mínima materia prima, pero cunha presentación e cunha efectividade atractiva, excelente. Nisto tamén hai que recoñecer que os países pobres, como lles ocorre por veces ás casas, son os que máis tiran, porque a necesidade fai de esporas.

Hoxe mesmo, Marrocos, que só ten de terra boa e ben regada a comarca do Lucus, ¡o outro Lugo!, estanos vendendo froitas e produtos de horta. ¿Que é máis doado, plantar leitugas, tal que nun invernadoiro, e distribuílas, ou ir por elas a Marrocos?

En definitiva, hai que deixar atrás a economía minifundista e xuntar forzas, discorrer e cooperar, á vez que se lles esixe aos de arriba que melloren, que actualicen, os plans educativos, formativos, pois o rural precisa documentarse algo máis en normativas da Unión Europea, en nocións de economía e de dereito, en transformación das materias primas, e un longo etcétera. Sexamos conscientes de que materia prima a secas, o que se di a secas, con isto da globalización apórtana, e barata, os países do Terceiro Mundo, que así están eles de paupérrimos, mentres os adiantados se enriquecen coa súa presentación e acondicionamento. Tamén hai que mentalizarse en que periclitou aquilo de que facer un mal Bacharelato xa daba o tratamento de “don”, e con ese título, ¡veña dar ordes para que traballasen os outros, fosen veciños ou non! De presente, e cadora máis, o estudo, a formación continuada e sostible, os Máster, teñen que ser o noso pan de cada día, o noso afán indemorable, que se ti non o fas, farao o veciño da porta. Acabáronse as especulacións crúas, o éxito dos lanzados, pois está ben as claras que comezan os tempos dos constantes, dos preparados, dos mellor preparados, en preparación ininterrompida, sen altibaixos.

Rematarei, como tantas veces levo feito, cunha evocación da nosa Enriqueta Otero, ¡e iso que a tiñan por chalada! “É moito o que herdamos; daquela a nosa obriga está en perfeccionalo e transmitilo”. Fagámoslle caso, aínda que sexa a título póstumo.

Con isto, moi agradecido, a todos, pola vosa paciencia.

(1)   Déronas uns meses despois de celebrada esta charla.

-.-

En Ourense
 
Presentación do libro de F. Antolín Hernández Salguero,
“Boualam de Ifni”,
o 19-11-2011

Tengo el honor de presentarles una..., voy a decir, enciclopedia, pues el calificativo de novela sería una contradictio in terminus. ¡Transmutó mis creencias, pues, antes de leer esta obra, servidor no creía en la transmigración de los espíritus; ahora, si! Este autor, este Antolín, no hubiese sido capaz de matizar esta creación, por imaginación, por información, y por capacidad de análisis que tenga, si no se tratase de un ser reencarnado: ¡Su antecesor vivió en Ifni! No sabría opinar si fue cristiano o musulmán, pero sí que vivió allí, vivió sus anécdotas y sus gestas; y lo hizo en unos años en que Antolín aún andaba por el París de los niños!

Percibo un resentimiento, un: ¡Si yo estuviese allí, y con mando en plaza, cuántas cosas serían distintas, cuantos errores hubiese aquilatado, eliminado! Esa percepción me hace suponer, casi diría intuir, que Antolín fue una de las víctimas de aquel error de cotas del Canarias…, y así está de resentido! No tienen mérito las ironías de quienes henos vivido, personalmente, sobre el terreno, y en sus momentos cruciales, la novela de Ifni, aquella gran novela histórica, por no decir histriónica, pero si lo hay en quien fue capaz de ver, y eso a posteriori, a través de las cortinas de la censura. Esta obra la tecleó Antolín, por supuesto, pero su ordenador fue, es, metempsicótico; ¡y me daréis la razón desde las primeras páginas!

Julio Verne, por citar un caso notable, fue capaz de describirnos los piélagos de los siete mares sin salirse de su bañera; Hernández Salguero analizó el caso Ifni sin necesidad de cruzar el estrecho, ni de ponerse un tarbuch por montera. ¡Os lo afirma, y firma, este servidor, actuando a los efectos como testigo presencial! Otra tanta imaginación no tuvo Cervantes pues en definitiva don Alonso Quijano era un espécimen representativo de su país y de su época; por tanto, coetáneo suyo. He aquí el mérito, la capacidad de analizar la Historia en sus causas, y no simplemente contar lo que nos mandaron decir aquellos que mandaban cuando los hechos ocurrieron. Eso era lo que escribían los Cronistas, y ahí está la monotonía, el aburrimiento, de tantos libros: simplemente fechas, nombres y hechos de armas. Alguien dijo que, Historia es la narración de los sucesos sucedidos sucesivamente e la sucesión de los siglos. Pues no, que eso también lo pueden hacer los loros: Historiar es analizar, analizar en verdad y sin piedad, descarnadamente, a estilo cirujano, para eliminar, para desviar las deformaciones, las tendencias. También se nos dice que los pueblos que olvidad sus errores históricos están condenados a repetirlos. ¿Pero qué olvido cabe cuando ni siquiera se llegó a conocerlos?

No se piense, con estos prolegómenos, que se trata de un libro insulso, tanto como un análisis de laboratorio. ¡En absoluto! Hay verismo, inteligencia, percepción y penetración, pero también imaginación. Mucha, y de la buena; harmoniosa y grata, tanto que escasea hoy en día, en esta época en la que el lector alza la cabeza a cada página de ciertas obras para preguntarse: ¿Este autor, esta autora, a donde me lleva; sabe lo que quiere, o lo que dice, o dice lo primero que se le viene a la péñola; no estará agitando una coctelera de palabras inconexas, y de pensamientos inmaturos? “¡Dios, qué buen vasallo si hobiese buen señor!”. ¡Dios, qué buen Autor, dirán tus lectores cuando lleguen a conocerte!

Pues, eso, que para conocerte estamos aquí, nada menos que en Ourense, en la tierra del oro, un país áureo, y no sólo en metal, sino, y también, en literatura. ¿Será cosa de proclamar a nuestro Antolín hijo adoptivo? Antolín, suerte que tienes de que estemos en el siglo XXI pues si hubieses publicado este libro hace medio siglo, tu estancia no sería en este salón, sino en los de Pereiro de Aguiar. ¡Cadena perpetua …, por hablar de los moros, y para que no abrieses las ventanas del saber y de la verdad colonial!

Si de algo podemos presumir los viejos es de nuestra experiencia, o lo que es igual, de los posos de nuestras vivencias; pues bien, la experiencia de mis tres cuartos de siglo devorando libros es la división básica de nuestras lecturas, que hay dos clases de libros, dos clases de lectura: las de matar el tiempo y las de aprovechar el tiempo. Para matar el tiempo vale todo; para aprovecharlo, no. ¡Hay tanto, y tan poco útil, útil sin por eso dejar de ser ameno! ¡Ahí está la maestría de ciertos autores, de los que son, a la vez, literatos y pedagogos!

Centrándonos en el presente libro: Es una narración que ata, que prende, que te lleva a donde quiere, y sin presión alguna, sugestionados por el buen decir. De paso, enseña y hace meditar al lector en lo que es capaz el ser humano más allá de la cultura que tenga asimilada, cuando se ve en disyuntivas vitales. Cumple el viejo aforismo pedagógico de enseñar deleitando. El léxico es castrense, de lo más cuartelero, y por ende, verídico. Lo que antes dije: ¡Antolín estaba allí, en su ser anterior, y sonaron en sus oídos los “paqueos” del frente ifneño, un frente sin frente, atípico, de emboscadas!

¿Que no se puede aprender hoy en día reviviendo el sin sentido de aquellos combates? Sí, ante todo, a amar la paz; y a optar por una convivencia de nivel diplomático. ¿Os parece poco? Aquello de los latinos de que, “Si vis pacem, para bellum”, quedó en ridículo, y de paso, obsoleto, en la tragicomedia de Ifni. En el fondo no queríamos la paz, ni la paz ni la convivencia, que es lo mismo, sino el retorno al Imperio, ¡y por el Imperio hacia Dios! Por eso no estabamos preparados para aquella guerra, para aquel ataque dorsal. ¿Es preparación, es previsión, además de miopía económica, no dotar de puerto a una…, llamémosle colonia, plaza de soberanía, o provincia costera? ¡Y para más inri, apelar al derecho, a la invocación, a la reivindicación, de una pesquería, la histórica de Santa Cruz de la Mar Pequeña! La “Pequeña” estaba en Agadir, pero esto no alcanzó a verlo ni siquiera el isleño León y Castillo.

Mandar no es fácil, y el mandante que ni siquiera es previsor, más que mandante es un mangante, un visionario, un soñador de espejismos. Caídas las colonias, surgió la Generación reflexiva del 98; pero no todos reflexionaron, no todos eran intelectuales, ¡intelectuales e inteligentes!, pues así nos llevaron, en julio del año 1921, al desastre de Annual; y a otros posteriores, también. ¡Qué difícil debe ser la vía diplomática cuando tan pocos genios se dedicaron a ella! Fácil o difícil, siempre fue, y seguirá siendo, necesaria, imprescindible para erradicar, eso, de raíz, los grandes conflictos, y máxime en estos tiempos de globalización, cuando, y donde, todos somos competidores, rivales, vecinos o parientes, próximos o lejanos.

Tan ignominioso fue que Fernando VII le abriese a Napoleón las puertas de España, como que don Hermenegildo le pidiese a Hitler las llaves del Marruecos francés. Pero no paró ahí la cosa, pues detrás de eso vino el acogimiento en las medersas de aquellos “guatanes”, y García Valiño ofertando Ministerios en la Hípica de Tetuán, de paso que ridiculizaba la “interdependencia” ofrecida por Francia; con un largo etcétera que no viene al caso, pero que bien nos lo hizo pagar De Gaulle encubriendo, poco después, a los “guatanes” vascos. ¡Una por otra no es pecado, según el viejo dicho! Lo que sí es pecado es no reflexionar sobre las grandezas utópicas, sobre ellas y sus consecuencias, cual hizo nuestro Antolín, un maestro que analiza, que enseña deleitando, según demostrado queda.

En síntesis, y para no subir demasiado el telón, pues esta obra más que comentada merece ser leída, ya que se explica por si misma: Este Hernández Salguero, con un segundo apellido que invoca los Salix, más que un analgésico, más que un ácido acetilsalicílico, lo que nos provoca es un agradable quebradero de cabeza al rememorar lo pecaminoso que es y las consecuencias que trae no dar a las cosas, y con las cosas a las gentes, el trato adecuado y merecido. Como decimos aquí en Galicia, tiene tranca y retranca. Tan meticuloso, que incluso recoge aquellas lluvias torrenciales del invierno del 57, alternando con fuertes sirocos; tan torrenciales que arrastraron por la cuenca del asif Ifni unos cajones con pistolas del campamento del Batallón Simancas, ubicado en la propia vaguada, y al día siguiente, ¡otro patetismo!, los soldados tuvieron que buscar aquellas pistolas removiendo el fango.

¡Hay tantas cosas inéditas, inéditas y ridículas, a la vez que heroicas, del asedio de Ifni que Antolín, con lo animoso, con lo meticuloso y con lo ocurrente que es, con lo que de ello sabe, seguro que nos deleitará con una ampliación de esta novela histórica, con otra publicación de igual éxito! Mientras tanto, no puedo, ni quiero, ni debo concluir esta somera presentación sin agradecerle que nos haya honrado con esta primicia divulgativa de su obra, especialmente dedicada a los combatientes de Ifni, a la que, por disimulo político, tanto se escatimaron los lauros, los homenajes debidos y merecidos, entre los que se cuentan miles de gallegos, principalmente del Grupo de Tiradores, cuyo capellán, y sólo por referirles una anécdota que me parece ilustrativa de aquellas carencias, imprevisiones y penalidades, el lucense Pedro Sánchez Pumariño, que se hizo famoso en vanguardia, siempre en vanguardia, como un soldado más, cargando con su macuto de botellas de ginebra, que las fue utilizando caritativamente como anestesia en aquellas curas de caballo del frente, tantas que hubo. Gracias, etc.



-.-

Itinerarios e decisións


No adro de San Cibrao

Coa Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, da que teño a honra de ser Socio de Honra, o día 7 de Setembro do 2013, díxenlles:

Queridos amigos, aquí estamos, feliz e gratamente, neste adro, no miolo dun Couto, concretamente no Monte dos Cupeiros, das cubas, e por engado no berce onde se criaron centos de emigrantes a Cuba, que xa é paradoxo; o de Montecubeiro, evidénciase con só recrear a vista nestas curvas tan frondosas e atractivas que nos rodean, pois topónimo máis axeitado non cabe imaxinalo. Con iso e con todo, para min, e espero non ser o único en así catalogalo, estamos nun monte sacro, sacrosanto, polo cúmulo de feitos heroicos dos que foi escenario, ara ou altar de sacrificios.

Comezando polas mámoas de Eiladrán, ou Hiladrán, que das dúas maneiras se lle veu chamando, profanadas pola fame, pola fame de terras para facer decrúas, cavadas e pastos, pasamos aos recintos castrexos, hoxe comunidades de veciños, evacuados en dirección ao Medullius, que logo sería coñecido como Mons Ciro, monte de Ciro, aquel Centurión avasalador, que non só ocasionou a inmolación heroica dos nativos, dos alí refuxiados, o seu envelenamento con zume de taxus, cando se lles esgotaron os víveres, ou as lagoas, senón que, na súa rapina invasora abriu a ruta do Val do Azúmara, do que espoliaron, segundo Plinio, ¡nun ano!, sete mil libras de ouro. Fai cousa de tres ou catro anos aínda se rexistrou unha denuncia mineira para Arcos de Frades, aí abaixo. Nesta parroquia, na nosa, quedounos esta lembranza, entre outras, nas “grobas”, ou “lavadoiros” de Ínsua.

Despois viñeron os eremitorios, entre eles o da Valga do Santo Estevo, subindo de Veiga a Maxide, con ese topónimo sacro tan elocuente, e co seu rego de auga bendita, excelente; bendita para min, pero non o foi para as palas da Concentración Parcelaria, tan expertas en soterrar pretéritos ilustres.

O ouro levárono, pero deixáronos o ferro, en particular o dese monte da Ferreira, beneficiado nos fornos do Escouredo, aí abaixo, coa potencia calorífica das uces e dos carballos deste Couto. Eu mesmo tiven nas mans, repetidas veces, grandes a abundantes escouras, que emerxían nas aradas dese lugar.

Tras, ou cos eremitorios, ¡Monte Sacro, ademais de Cubeiro!, erixíronse as capelas: Santiago de Foxos; Santo Adrao; as Catro Cruces da Cernada; Santa Petronila...; culminando co convento dos beneditinos, que pasou despois aos dominicos. As súas advocacións confirman a súa antigüidade pois todas teñen, tiveron, invocacións propias, típicas, dos primeiros séculos do cristianismo en Galicia.

Non hai forma de investigar se andou por aquí Prisciliano, pero sabida é a súa predilección polas carballeiras, herdada dos druídas, nada me estrañaría que lle debamos tanto ou pouco menos que ao propio Santiago.

A xente desta parte do país, que sempre foi de carácter, -sabido é canto inflúe na personalidade o ambiente do berce-, non admitiu aquel chanchullo familiar da designación do Rei Silo, así que a Gallaecia Occidental negoulle acatamento, e por ende, tributos, expoñéndose ás represalias; outro martirio, outro holocausto, que se inicio no Cádavo, nese monte de Matanza; queimado o monte, que diso vén o topónimo “Cádavo”, os perseguidos retrocederon para este monte sacro, para o monte dos cubos, das espesuras, culminándose o holocausto aí arriba, en Cepomundín, na Fonte de Matahomes, que dá lugar ao sacrosanto cemiterio do Rego dos Ósos, que non dos osos.

Tras dos eremitorios, os frades; de Beneditinos a Dominicos, e con eles as decrúas, os foros, pero tamén a cultura, que non debeu ser pouca pois aquel Muñiz de Carvajal se fose un pailán non daría chegado a Sevilla nin o levaría consigo, no seu equipo, o licenciado Briviesca de Muñatones, destinado ao Goberno do Perú, no ano 1560.

Montecubeiro, un facho cultural nas tebras da época. Sobran testemuñas diso, pero só citarei dous ou tres feitos: O noso frade, Manuel García y Gil, aquel teólogo de sona, que comezou aquí de mestre dos seus foreiros, para chegar á eminencia cardealicia no ano 1877. A pléiade de mestres de a ferrado, ilustres fillos dos ilustrados polos nosos frades, que irradiaron cultura, nos séculos XIX e XX, por toda a contorna, a distancias incribles pois chegaron ata Muxa, ao Corgo, Valeira, Pol, etcétera. A guerra “incivil”, que fundamentalmente foi unha alarma, un pánico que lle entrou ao caciquismo cando se decataron de que estaban desaparecendo os analfabetos, colleunos neste Couto, ¡con unha biblioteca circulante, e con unha Unión de Agricultores e Gandeiros! Quince mortos dos 65 que foron acusados e perseguidos son unha cifra elocuente, que non precisa comentarios.



Culminada por entón a fase das letras, Montecubeiro estaba pasando á das ciencias, aos saberes científicos, á racionalidade paulatina do traballo. Non coñecían a Pert pero si os accesos ao “camiño crítico”, á arte de engadir valores. Os frades ilustraran aos nosos emigrantes, e estes triunfaban en América, de onde volveron maduros e cos coñecementos incrementados; con cartos, e tamén coa xenerosidade de estimular aos seus irmáns, pero tamén aos veciños.

 ¿Como sería hoxe Montecubeiro sen aquela guerra estúpida? ¡Téñoo claro: unha industria agroalimentaria popular, con subministres a domicilio, pedidos por Internet, ademais dun artesanado mecanizado de artigos elaborados con madeiras nobres! Unha terra feraz e unha xente instruída, avanzada, tiña que conducir a avances espectaculares.

Por aquel entón meu pai non paraba de facer escrituras de permutas de fincas, co cal uníanse, reuníanse, as de verdadeiro interese, e acudíase a empedrar os camiños por prestación persoal non regateada. De seguir aquela Unión cando viñeron, cando viñesen, as Leis da Concentración Parcelaria Montecubeiro acolleríase á concentración privada, con vías e obras de financiamento público, que son as boas e non esta frustración que nos durou quince anos.

Como o pasado é pasado, e por tanto irreversible, o que nos ten que servir é de lección para reconducir o porvir en consonancia coas esixencias desta fase de globalización que lle toca vivir á xeración do século XXI.

Para enderezar rumbos, o primeiro é mentalizarse que, sen desprezar as letras, compre utilizala para avanzar nas ciencias, en particular no estudio das posibilidades de cada zona, fuxindo dos cultivos que deixen de ser rendibles por excesos competitivos. Nos meus tempos de directivo de Banca sempre me preocuparon as empresas inmobilistas, rutineiras, acollidas a sectores saturados, por altos que fosen os seus ratios de solvencia monetaria.

Montecubeiro tivo unha boa oportunidade coa louseira da Mouriña, naqueles anos de febre construtiva, pero foi unha sorte para a ecoloxía que non se pasase da fase de adquisición das participacións. Outra ocasión perdida foi a época de fabricación de mobiliario e demais útiles de madeiras nobres, que estivemos importando de Portugal, con tantas árbores de calidade que había na parroquia antes da Concentración e que acabaron mal vendidas e mal aproveitadas, cando non soterradas, por falta de iniciativas, pero iso tamén pasou á Historia, e tardará en volver un renacemento dadas as nosas ignorancias e pasividades en arboricultura.

Eu mesmo lle tiven postos os ollos ao embotellamento da Fonte das Augas mineiro - medicinais, na Ferradura, e boa decepción me levei cando descubrín que unha pista da Concentración Parcelaria entullara a fonte principal. Aquelas augas ferruxinosas terían hoxe un gran mercado. Está visto que o bo, ou nolo rouban ou o estragamos.

Os avances en técnicas de conservación de produtos agrícolas, tales como a liofilización das castañas, están en auxe, con un mercado insatisfeito, particularmente atendendo pedidos domiciliarios por Internet, que son as feiras modernas, e por tanto a mellor forma de prescindir de intermediarios monopolistas, pero, de presente, non cabe dar receitas concretas porque a crise actual fará pensar moito, así que tomaranse decisións, derivacións, socioeconómicas imprevisibles, inesperadas, pero, en todo caso, o abano de posibilidades deste Montecubeiro é grande..., se nos molestamos en abrilo!

As novas xeracións teñen moito que aprender, pero tamén de quén e de qué facelo, así que só me cabe desexarlles ánimos. “Cave ne cadas” que dicían os romanos, que non decaian!

Lembrando os vellos camiños é como mellor se dexergan os novos, as novas oportunidades, así que, avante toda, abramos, axudemos a abrir, novas oportunidades.

-.-

Martes, 10-2-2015
Presentación en Lugo do libro de Antonio Reigosa Carreiras,
GALICIA ENCANTADA. O PAÍS DAS MIL E UNHA FANTASÍAS



Traio aquí apuntado que, “Non é necesario ter pasado por selectas escolas nin universidades para saber que, en principio, a literatura foi oral, (maiormente á calor da lareira, engadiría eu), e por iso, máis próxima, máis persoal, que o foi despois de Gutemberg”. Esta idea elemental é de Jeroni Salom. Noutras cousas podo estar en desacordo con este xudeu, alcalde de Binissalem, pero deulle, (e doulle), a importancia correcta, con medidas históricas, á literatura oral.

A nosa Galicia en concreto fixo cátedra, case diría que absoluta, das súas lareiras, nas súas lareiras, e iso por unha cuestión castrexa e climática. Non é igual quentarse as mans nun círculo castrexo que nas tendas indias, xudias ou indias, poño por caso. Fose o patriarca, ou o druída, escoitábano todos, todos sen excepción, homes e mulleres, cativos e maiores, así que a súa verba, o seu relato, os seus consellos ou advertencias, prendían asemade en toda a audiencia. Ao baixarnos dos castros, montamos a lareira da Casa Grande de cada lugar, e nela continuaron as tradicións e mais as translacións xeracionais. Nada se perdeu, nada pereceu, porque a Casa Grande substituíu, por séculos, as funcións castrexas, incrementándoas coas sucesivas experiencias e coñecementos. Nas lareiras falábase, pero tamén se rexía; eran as Cortes do lugar xa que nelas, ao seu carón, organizábanse os traballos, as axudas veciñais. Non tiñan campá coma os conventos, nin a precisaban, pois chegaba con que alguén propuxese unha reunión, e alí ían tódolos veciños, de contado.

¿Fantasiábase nas lareiras? A imaxinación, cultivada a veces en defecto doutra potencia, nunca nos faltou en Galicia, que así elaboramos mitos e crenzas iguais, e se me apuran superiores, aos argumentos da mellor literatura universal. En paralelo co imaxinario local tamén houbo, tamén se deu, a crónica dos licenciados, ¡dos licenciados das quintas!, que relataron como xestas heroicas, ultimamente das guerras de Filipinas, de Cuba e de Marrocos, o que no fondo, ¡meus pobres!, acaso non pasara de ser un pánico atroz e xeneralizado.

Hoxe, se nos queda un ápice de agradecemento e de admiración por aqueles avós, non tan vellos, que aínda son de onte, rescatando en todo o posible aquel caudal de ciencia básica, estamos facendo Patria, Patria de maiúsculas, que iso si que é agradecer o noso herdo cultural, como vén de demostralo aquí o amigo Reigosa Carreiras.

-.-

En Lugo, 2015: 37 SICA (Semana Internacional Cine de Autor).





Mercedes Cora


Presentación no Concello de Lugo

As Musas (nove) fillas de Zeus e de Mnemosine


Dignas autoridades, distinguido público: Coa venia, voume permitir unhas evocacións da época da nosa crianza, da de miña curmá Mercedes, da miña propia e, en xeral, daquela xeración que espertou, que abriu os ollos no baleiro, despois das tebras da nosa Guerra Incivil. Un espertar cultural, e por ende, tamén, do cine.
Naquela orfandade, naquela miseria, tanto material como moral, pero máis moral, aínda máis que material, ¡horror vacui!, Cara ao sol posto, eclipsado, ¡por máis que o invocásemos a miúdo!, tivemos a sorte de que acudiu no noso auxilio todo o Parnaso, tal que fai o sangue coas feridas. Viñeron a nós, en masa, ¡persoa a persoa!, auxiliando, esforzando naqueles rapaciños: Clío, Talía, Erato, Euterpe, Polimnia, Calíope, Terpsícore, Urania e Melpóneme, ¡todo o Estado Maior do Parnaso, que acudiron para restaurar en nós, na Xeración Fénix, as ruínas causadas polo Estado Maior dos Exércitos enfrontados! ¡Grazas, queridas musas, que aquí me axeonllo, neste Olimpo de Lugo, asumindo a representación daqueles beneficiados, e aquí vos ofrezo este loureiro laudatorio, este laurus nobilis, criado neste país tan parnasiano coma o que máis, Roma en medio, concretamente na horta de túa nai, miña tía Ermitas!
As crises, como as guerras, o único que teñen de bo é que espertan dos letargos, fan xurdir das cinsas, ¿non si, miña querida e admirada Mercedes?, tal que auténticos Fénix, brotes de nova, e máis vigorosa, potencia. ¡Producen espertares espléndidos, cos ollos ben abertos, cadora máis grandes, dispostos a ollar, a fabricar  novas visións, porvires revisados, amplos horizontes.
No trinta e nove, daquela que don Hermenexildo firmou en Burgos o seu “...cautivo y desarmado el Ejército Rojo...”, ti con once anos, eu con nove, e o que sería pai da túa filla camiño do exilio, os tres comezamos outra guerra, outra batalla: A de asumir un futuro escuro, penoso, pero alentador porque levábamos dentro o xerme do Fénix, ese alzarnos das cinsas, para recrea-lo mundo, para construír outro máis perfecto, máis equilibrado, e incluso máis ameno, que na túa persoa, miña querida Mercedes, con catro compañeiros daquel Instituto e daquela Facultade de Dereito, da man de Talía, avizorastes o Centro de Estudios Dramáticos desde o que dariades fondo e forma á sétima arte, da que tan precisada estaba España, para que realmente volvese a rir a Primavera, que, por suposto, non chegaba con poñerse Cara ao Sol.
Con estas verbas que tomo en préstamo de Luís Vaz de Camöens, dígovos, exáltovos, Xeración Fénix das Artes e das Letras Hispanas, contemporáneos ilustres de Mercedes Cora: “Alta xeraçao, ínclitos infantes”, hurra, loor e gloria per saecula saeculorum! Amén.
-.-

Os espectáculos, flores da alma
Lugo, 27-9-2015 (Clausura)

Os espectáculos idéanse, suscítanse, sempre e de sempre, nun rexurdimento natural, concentrado, da bondade humana, educativa, no seu carácter anxelical, no que del conservamos.


Tódolos espectáculos naceron, xurdiron, iniciáronse, con mentalidade e con vontade educativa, formativa; a súa vertente especulativa, materialista, é, foi, posterior, pero sempre se conservou algo dos seus valores prístinos, de nacencia e de ocorrencia.

Está é a idea que quixen expresar o outro día na Deputación, naqueles actos da 37 SICA, pero non era tema apto para improvisar, así que a miña espontaneidade seguro que saíu inmatura.

Naquela traxedia do Paraíso a catástrofe non foi total, pois algo de anxo, un certo poder rexenerativo nos quedou; iso si, por obra e graza do Misericordioso, acreditándose de Tal.

A medida que espertábamos do noso trancazo, a mentalidade humana foi ideando situacións rexenerativas, desde chanzas individuais a traxicomedias compartibles e compartidas. Así, paso a paso, chegouse ao cine, que non é máis que un teatro filmado; un teatro complexo, con escenarios ad hoc, que dan máis realismo á ficción.

Vén isto a conto, ou á explicación, de que o Montecubeiro do século XX tivese aquel sopro, aquel aire parnasiano ao que quixen referirme, aínda que me saíu lacónico. Un convento de dominicos, con moitas rendas e poucos catecúmenos (¡e xa non andase por medio a prima noctis!), pode facer, e de feito fixo, milagres espectaculares, maiormente no espiritual: ¡As almas espertan, aceleran o seu proceso, en progresión máis que en proporción ao seu cultivo! Certo é que os frades actuaron maiormente no XIX, pero a colleita frutificou, recolleuse, no XX. Daquela foi a concentración das almas; a das terras veu despois.

¡Miúda película a daquel Montecubeiro do XX se tivésemos recompilado o material argumental: Curiel ¡don Manuel!, cualificaríaa de estimulante! Sucintamente, para abreviar:

-As cantigas dos Reis, que de tantas que había, que se transmitían, nunca oín repeticións no mesmo ano.

-As coplas – crónicas locais. ¡Coñecín, e conservo, una de cen pés!

-Os contos da lareira, que daban para tres meses, e aínda sobraban, tendo que interrompelos cando se anunciaba a primavera coas flores “da merenda”.

-As troulas das ruadas e dos fiandongos, que ata había un estilo propio, local, de parrafear, máis poético que prosaico.

-As danzas dos seus trinta muíños.

-As “Corridas” do Galo, ¡meu pobre, con un “tribunal” que lles atribuía toda clase de desaforos, incluso cacicadas, anticipándose á Prensa!

-A “Queima” (pirotécnica) da Pascua, unha “Eva” rediviva, corruptora da xuventude.

-Para ir parando, que non finalmente, aquelas obras de teatro, que as representou a xuventude local na casa de “Córneas”, no ano 1935, dirixidas e organizadas polo Mestre, logo fusilado, ¿por corruptor de menores?, Arximiro Rico.

¿Ten algo de particular que procedese daquel ambiente a filla de Ermitas de Gómez de Berlán, Mercedes Cora no teatro e no cine? Seguro que houbo máis, pero como non foron universitarias, quedándose co persoal “s.l.” no seu currículo vital... En todo caso eu síntome moi honrado coa súa parentela, e non só por min mesmo senón polo que a súa evocación poda servir de estímulo para que a parroquia, ¡tódalas parroquias!, se concentren no espiritual e non só nos eucaliptais.




Gómez Vilabella, Xosé María

No hay comentarios: