miércoles, 14 de diciembre de 2016

QUEN SON, E COMO SON

 

 

¿QUEN SON, E COMO SON?

 

¡Quero a verdade, toda a verdade, e só a verdade,

aínda que me doa!

 

Xosé María Gómez Vilabella

 

O único certo, o único importante ou transcendente, é que son…,

¡un alma sostida, plantada, temporalmente, nun corpo!

 

¿Estamos, ou non, conformes coa nosa maneira de ver e de entender, ou en oposición ao exterior ou alleo, ao xeral, ao común dos mortais?  Apelemos á humildade pois todos somos curtos, mutilados, desde aquela caída do Edén, aínda que uns máis e outros menos.

 

Se queremos verdades absolutas, fóra dos Evanxeos poucas temos! Non somos xustos, exactos, precisos, nin co Código na man, pois, se tal fósemos, ou nos recoñecesen, ¿para que acudir en apelación ao Tribunal Supremo?

 

Meu avó e padriño, aquel filósofo das vacas, (albeitar), pero tamén da xente, cando lle referían algo inaudito, ou dificilmente comprobable, a súa reacción sempre era, “Do oído, nada crido; e do visto, a metade!”. Se chega a vivir hoxe, con un político por cada 100 habitantes, mentres que Alemaña só ten 1 por 550, íase poñer cera nas orellas..., para non oílos! Se aínda non nos coñecemos a nós mesmos, como imos opinar dos demais?

 

Os romanos, sempre copiando dos gregos, pero nalgunha cousa tamén acertaban: Ab alio species alteri quod féceris. ¡Quen faga mal, que espere outro mal! Quen minta, que mentiras agarde, pois nesta vida todo é boomerang. Aqueles romanos só dicían Acta est fabula, anunciando na súa Roma a conclusión dos espectáculos teatrais. ¡Que razón tiñan! Ao de hoxe, o dito: ¡Que só nos quedan os Evanxeos, pois, do demais, case todo é fabula.

 

Aos fenicios tíñanos por mentireiros..., ¡porque eran comerciantes! Aquí en España fenicios houbo poucos, pero xateiros, moitos; e detrás deles viñeron os políticos, que non só mandan na polis!

 

Nos libros din que o subxectivismo limita a validez da verdade ao suxeito que coñece e xulga principalmente segundo o seu entendemento, facéndoo en consideración á súa realidade específica (entorno e interacción social) entendida non como un feito “externo” senón como unha parte constitutiva do suxeito; séxase, que afirma que o coñecemento só é posible dunha maneira limitada...

 

¡Pois claro, ou íamos ser deuses! Os coñecementos de cada quen son a nosa guía, de conducta pero tamén de receptividade, de captación. Incluso necesitamos da ortografía; e como demostración, aquel caso que nos repetían nas escolas para animarnos a poñer, e a respectar, as comas: “... resultando que no, debe condenarse!”. ¡Boa a fixo o Secretario daquel Xulgado, pois, por presumir de que sabía manexar as comas, o verdugo tamén fixo das súas! De remate, o Xuíz firmou sen ler..., ¡outra lixeireza transcendental!

 

Nunca se debe estar contento, satisfeito, de nós mesmos, pois, por perfectos que sexamos, ou nos atopemos, sempre queda moito que puír dentro das nosas capacidades.

 

¿Capacidades, así, en plural? ¡Si, pois hai, temos, dúas, ou séxase, que hai dous aspectos da capacidade humana: Aspecto de capacidade de exercicio, que vén a ser a aptitude legal para ser titular de dereitos e de obrigacións; e logo está a persoal capacidade de obrar, que tamén é variable; ¡tantos que somos, e tan diferentes!

 

Dentro da capacidade de obrar:

 

-Capacidade de obrar plena ou normal, é a correspondente á persoa maior de idade non incapacitada legalmente, que pode realizar tódolos actos da vida civil, salvo os expresamente exceptuados.

 

-Capacidade de obrar limitada en virtude de certas causas, tais que a minoría de idade, a xordomudez non sabendo ler nin escribir ou expresarse doutro modo, a prodigalidade e a interdición civil, etc.; o defecto da capacidade de obrar súplese mediante a patria potestade ou a tutela.  

 

Todos valemos para algo, por defectuosos que nacésemos, pero hai que buscarnos as claves, os resortes que nos fan válidos. Unhas calidades, xunto cos defectos, descúbrenolas, e por veces tamén nolo di, o próximo, pero queda moito no interior que nos incumbe a nós mesmos descubrilo, descubrilo e puílo. Mirade se é difícil este coñecemento que está un morrendo e aprendendo! ¿Que tamén os hai que se negan a aprender, incluso dos propios erros? ¡Eses son os soberbios, pois os tales pensan que xa naceron lavados e peiteados!

 

-.-

 

Botar a lingua a pacer...

 

demostra o incómoda que está a lingua cando non esbardalla; canto máis o fai, máis saliva ten para nadar, ¡co que iso lle gusta! O corazón, a lingua e mailo cerebro, non os temos ben sincronizados; nacemos con ese defecto, ¿será por aquilo do pecado orixinal?, así que pasamos media vida na autoeducación, no autocontrol. ¡Pobre do que non teña bos pais e bos mestres, pois ese non dá saído de pobre, de pobre de espírito, e vivirá enganado, enganado e enganando, por días de vida.

 


 

O que non as vexa con certeza, que cale, que mellor é calar que mentir. Cos franceses, que de todos se pode aprender algo, do bo pero tamén do malo: En bouche close n´entre mouche! Cando non teñamos certezas ou probas, pechemos a sen óso, pois o próximo é moi doado de ferir, incluso sen decatarnos diso: ¡Alterum non laedere! ¡Non danemos aos outros, ao próximo..., aínda que non estea próximo!

 

Deus, manexando aquel barro do Edén, púxolle ollos a Adán, e con iso, á súa descendencia, pero o de mirar para dentro, o de ollarse a si mesmo, deixouno da súa liberdade, do seu libre albedrío, da súa/da nosa responsabilidade.

 

Santiago 1, 23-27: “Porque quen escoita a Palabra e non a pon en práctica é coma o home que se puxo a olla-la súa propia cara nun espello; mirouse ben nel pero, ó que deu media volta, esquecéuselle como era. En cambio, quen afonda no coñecemento da lei perfecta, a que dá a liberdade, e quen se mantén nela, non para a escoitar e a esquecer deseguida, senón para poñela por obra, ese será feliz na súa actuación. Se alguén se tiver por home relixioso sendo un badueiro que engana ó seu propio corazón, a súa relixiosidade sería baleira. A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas, e gardarse da contaminación deste mundo”. ¡Xa daquela o preocupaba a contaminación..., a social, que da outra aínda non se falaba!

 

-.-

 

 

Non damos un paso que non sexa contaminante

 

Hai dúas clases de contaminación: a ambiental e maila social. Pero non sei por cal comezar pois as dúas son importantes e nocivas.

 

A ambiental é un proceso que involucra tódolos ambientes: o aire, a auga e mailo chan. A súa alarma vén de que, coa civilización, en vez de ir a menos vai a máis: máis químicas, máis velenos! Deus nos colla confesados..., que igual nos mata!

 

De tantos personaxes emblemáticos que podíamos escoller, aínda que sen remontarnos a Prisciliano, que seica misaba debaixo dos carballos, voume limitar a San Francisco, unha das notabilidades no seu amor á natureza:

 


San Francisco, baixando a Vilabade, co lobo de par súa, na súa peregrinaxe a Compostela.

Un fragmento da súa obra máis coñecida, El Cántico a las criaturas (1225) lémbranos o sentido que tiña para el a natureza:

"Loado seas, mi Señor, con todas tus criaturas,
especialmente el señor hermano Sol,
el cual es día y por el cual nos alumbras.
Y él es bello y radiante con gran esplendor, se parece a ti.
Loado seas, mi Señor, por la hermana Luna y las Estrellas;
en el cielo las has formado luminosas, preciosas, y bellas".

A natureza, para Francisco, e o Papa actual ben que o imita, era unha vía para coñecer e achegarse a Deus. Os ecosistemas naturais e silvestres eran, para el, espazos que comunicaban as calidades transcendentes, místicas e innomeables de Deus. Tódolos animais expresaban a súa proximidade a Francisco e a todos os tiña por irmáns. Considerouse tan importante o aporte da espiritualidade de Francisco que, no ano 1979, o Papa Juan Pablo II declarouno como o santo patrón da ecoloxía. Francisco ensinou a mirar a través da natureza a revelación íntima da acción de Deus. O franciscanismo contradí calquera xuízo que afirme quen o cristianismo está desunido da natureza. O cardeal Joseph Ratzinger, (Benedicto XVI), tamén realizou referencias a San Francisco, e lembrounos o papel do presebe cristián, novidade que foi instalada por Francisco de Asís na tradición da vida da Igrexa.

En canto ao aspecto social algo se está facendo para formar profesionais con coñecementos especializados que poidan, saiban e queiran, propoñer alternativas nos produtos, eliminación de contaminantes e demais solucións oportunas e efectivas. Estes profesionais, dirixindo colectivos, teñen a responsabilidade social de liderar programas de educación ambiental, orientados a controlar, minimizar ou eliminar, ata onde sexa posible, a contaminación. ¿Os demais? ¡Os demais, aínda que só sexa por comenencia egoísta, acatar, imitar, que non debe ser tan difícil xa que tamén o fan os monos!

-.-

Unha de profesionais

Xa que é limitado o noso coñecemento, ¿por que nos metemos, por que nos brindamos, para resolver problemas para os que non estamos preparados, capacitados? Así hai cousas, resolucións, que saen ben de pura chiripa. É certo que os estudios, os coñecementos en xeral, avanzaron, moito, nos últimos anos, e aínda que sexa paradóxico, grazas, en particular, ás dúas guerras mundiais do XX. Digo isto polo casual de que unha vez, sendo neno, que tiña anemia e non sei que más, miña nai levoume a Lugo á consulta do seu parente, Dr. Luis Vilabella.

A anécdota estivo en que, segundo entramos, o noso parente estaba, ou seguiu, en conversa con outro médico, o Dr. García Zabarte, que acababan de facer una operación e estábana comentando. Lembro perfectamente que o Zabarte estaba dicindo: “Moito favor lle debemos os médicos á nosa guerra, pois sen ela, sen o que aprendín nela, esta intervención seríame inalcanzable”.

¿Dándolle as grazas a unha guerra? ¡O cativo non o esqueceu nos seus seguintes oitenta anos! Desde aquela sei, e creo, que tódalas ocasión son boas para aprender, incluso as malas!

Como seguían escribindo e non me facían caso, (agora sei que despois das intervencións redactan, elaboran, iso que chaman Informe da Intervención), avisoume a vexiga, así que saín do consultorio en busca do..., do servicio; ah, pero abrín unha porta equivocada, pois naquel cuarto o que había era un cadro enorme, impresionante,  que agora sei que se trataba dunha reprodución do famoso Lección de anatomía do Dr. Nicolaes Tulp. ¡O que me faltaba, aquela tronada na miña cabeza! Non, nunca; aínda que meus pais non fose pobres, aínda que me puidesen estudiar, de Medicina nunca, nunca, que iso é/era para semideuses!


-.-

A vocación descóbrese polo autocoñecemento e pola automotivación

Iso din os sabios, pero eu penso que a verdadeira vocación é aquela afección que non se borra nin cos anos, exerzámola ou non. (A veces vénseme á mente a lembranza de que estiven solicitado para ser franciscano en Herbón; pero tamén estou satisfeito de ser o pai de dous fillos que me teñen satisfeito, orgulloso de selo; daquela, cal era realmente a miña vocación? ¡Pois aínda teño este dilema).

Din os listos, ¡eles, que eu non o son!, que ninguén pode motivar a outra persoa, que o máis que se pode facer neste senso, por outro, é ofrecerlle circunstancias, incentivos, que lle permitan, ou axuden, a motivarse a si mesmo, por si mesmo. Daquela haberá que asentirlles que a verdadeira motivación é..., a automotivación! Dito en termos vulgares: Hai que comezar por coñecerse a un mesmo, pero..., ¡somos tan cambiantes, tan variables, ao longo da vida! Tamén ocorre que a evolución socio-económica pode mellorar aquilo que considerábamos improdutivo, co cal pode entrarnos un arrepentimento tardío.

En definitiva: Que o práctico está, consiste, en tirar por onde nos pareza un camiño axeitado á brandura dos nosos pés, e despois, día a día, estudiar e practicar, andar, pois sen andar non hai avance, e sen avance non hai satisfaccións.

Pautas para o autocoñecemento:

Autodescubrirse, que é un proceso de introspección. Ollarnos cara a dentro, pero con humildade para non enganarnos a nós mesmos, que así descubriremos o EGO, o EU, interno, o que queremos, o que soñamos, o que desexamos. Pode resultar difícil vernos a nós mesmos e aceptar o que realmente somos, pero é esencial facelo porque nos axuda a coñecer o que nos gusta; ¡a coñecelo, e por tanto, a gozalo!

Ser eu mesmo, e non outro dos coñecidos e por min envexados. Indagar quen, e como, desexo ser, para seguidamente poñerme en acción, con fruición, sen que me importe o meu entorno, nin as persoas nin o contexto. Isto axúdanos a mellorar a nosa autoestima, a idea preconcibida que tiñamos de nós mesmos, que así superaremos, remontaremos, temores e medos.

Algo moi importante: superar as críticas. O que os demais pensen de min, as etiquetas que me poña a sociedade circundante, sobre quen e como son, se obro con naturalidade e con humildade, non deben importarnos.

Aceptarnos tal e como somos agora, de presente? ¡Non, nunca; posto que temos a vocación de mellorar, ou seríamos uns catetos e uns pasotas! Tampouco cambiar a peor para darlle satisfaccións ao noso entorno, sexa público ou privado. ¡Cambiar a mellor; sempre a mellor, competir co próximo no exercicio das virtudes cristiáns!

Valoracións afectivas. Amar ao próximo como a min mesmo, si, que é un mandamento, un mandamento grato e prometedor; unha orde do Creador, pero se así ocasiono envexa..., ¡que se vaian ao carajo!

Liberación, liberdade ben entendida. Somos responsables, ante Deus, pero tamén ante nós mesmos, da nosa propia felicidade; así que non podemos esquecer que nos convén buscar a felicidade facendo o que nos guste..., con tal de que sexa honesto!

¡Que guapo é vivir cando se sabe, cando se aprende a vivir con afán, pero con moderación, imitando aos Santos de Nazaret, que non se avergoñaban de ser, para o mundo, simples carpinteiros!

-.-

¡Todo se pega, menos la hermosura!

Este dito arraigou en Madrid polos anos corenta, e dicíase viñese ou non a conto. Aló no fondo significaba o escándalo colectivo, xeral, causado pola facilidade, pola moda, de volverse fascistas a metade, ¡polo menos a metade!, dos republicanos vencidos. ¿Facíano polo medo, ou cambiaran de idea? No meu criterio puxéranse a careta franquista para librarse do cárcere, e nalgún caso, da morte, pero pouco a pouco, ou máis ben á présa, ¡en medio ano, camisa azul!

¡Que rápida, como avanza, a metamorfose humana cando hai vantaxes á vista! Os referentes identificatorios e as regras que rexen os comportamentos elabóranse a partir das demandas en cada situación, e así cambiamos, á defensiva, as valoracións e mailas modalidades; séxase, poñémonos á moda, seguindo as maiorías, por estúpida que sexa.

Daquela, o corpo humano vén a ser unha especie de esponxa que absorbe os diferentes síntomas da sociedade circundante, por absurdos que sexan? ¡Quiliquá, exactamente!

A veces é o individualismo, pero tamén estamos sometidos ás sociedades disciplinarias; nelas o individuo pasa sucesivamente dun círculo cerrado a outro máis cerrado aínda, que nos oprime e comprime, tal que a escola, o seminario, o cuartel, a empresa en xeral, o hospital, o cárcere... Estas institucións modelan, fannos dúctiles; ¡imprimen carácter! E cando saímos delas, quédanos o selo, a impregnación, o estilo..., que xeralmente é vitalicio!

¿As redes de poder? Iso de que somos libres é un conto; ¡nin en plena democracia! As redes do poder, as institucións públicas, aínda que, por veces, sen darnos conta diso, invaden e dominan o terreo privado, persoal, exercendo un control sutil mediante técnicas tan tecnificadas que nos esconden, que evitan, o convencemento de que estamos actuando libremente. ¡Nada, que cando saímos dunha ditadura entramos nunha ditabranda! ¡A convivencia, que ten esas esixen

A subxectividade de Michel Foucault: Este autor supón dúas formas de subxectividade: unha, que obriga ao individuo a depender e ser controlado por discursos, prácticas, código e normas que lle son alleas; e a outra, que se refire aos procedementos e técnicas que un se aplica a si mesmo para coñecerse e identificarse, permitíndolle transformar o seu propio modo de ser. ¡Nada, que se nos metemos a filosofar acabaremos preguntándonos: ¿Quen son eu; por que son así; que fixo de min esta sociedade na que estou inmerso?

-.-

As nogueiras do Bierzo dan máis noces e mellores no Bierzo que en Galicia!

¿A mesma árbore, unha árbore da mesma raza? ¡Pois si; e se iso pasa coas árbores, que maman polo mesmo tipo de raíces, aínda que con xugos diferentes, que non será, que non pasará, cos humanos, con tal de que habitemos a unha legua de distancia uns de outros! O ambiente da crianza, que son as  nosas raíces!

Son tan variados os zumes que imos recibindo a partires da teta materna, e xa con ela, que temos, que elaboramos, un carácter, por veces, antagónico, así que, conscientes desta realidade, teñamos a humildade de aceptarnos e de comprendernos, de convivir en paz, pois no fundamental somos idénticos: todos, homes e mulleres, brancos e mouros, fillos de Deus, herdeiros do mesmo Ceo. ¿Que estaremos xebrados? ¡Nin o espero,  nin o quero!

Esta diversidade ata fai que a humanidade sexa divertida, complementaria; todos aportamos algo, cal se fósemos un xardín botánico, sen a monotonía dunha explotación agrícola. ¿Queremos xardíns, queremos variedade, pero non nos homínidos? Daquela é que somos monótonos e aburridos.

-.-

A pandemia máis universal: A soberbia.

Soberbia é esa comunicación satánica pola que lles di o diabro aos gatos que son leóns! ¿Como foi aquilo da Eva? ¡Pois, pura soberbia: Quixo ser tanto coma Deus, e iso que estaba advertida!

¿Como se fai ese análise? Nel dan positivo aqueles que só falan de si mesmos, a todas horas, resaltando as súas chufas..., porque se cren mellores cós outros!

A persoa soberbia quere ser admirada e respectada, aínda que non o mereza, pero o diabro dille que si, e con iso éntranlle desexos de dominar. Os tales son auténticos diabros.

Lucas 18: 10, 14: “Dous homes subiron ó templo a orar; un era fariseo e o outro recadador de impostos. O fariseo, de pé, oraba para os seus adentros deste xeito: “Meu Deus, douche gracias porque non son coma os demais: ladrón, inxusto e adúltero; nin coma ese recadador. Gardo o xaxún dúas  veces por semana e pago o décimo de todo canto gaño”. O recadador, en troques, manténdose a distancia,  non se atrevía nin a levanta-los ollos ó ceo, senón que petando no peito dicía: “Meu Deus, ten compaixón de min, que son un pecador”. Asegúrovos que este baixou reconciliado con Deus para a súa casa e, en cambio, o outro non. Porque a todo o que se teña por moito rebaixarano, e a todo o que se rebaixe enaltecerano”. ¡Señor meu, e Deus meu, que ben nos coñeces, e que ben nos clasificas!

Como tódolos signos da personalidade, a soberbia pódese ter en medida máis ou menos grande. Un pode ser máis ou menos extrovertido, máis ou menos responsable; e no extremo da soberbia temos iso que chaman Trastorno Narcisista da Personalidade.

¿Que pintas, que retrato temos, ou facemos, da soberbia? Existen diferentes grados de soberbia, así que se pode ser arrogante en máis ou en menos, como calquera outro raxo da personalidade. De entrada caen ben porque adoitan suscitar, provocar, esa admiración que o maligno nos presenta como simpática, pero, coma nas tormentas, que de afeitos a elas acabamos tranquilizándonos, aínda que  botemos de falta o paraugas: a súa falta de empatía, egoísmo, rancor, desprezo... ¡Vaia, que non a queremos para nós! Esa simpatía, ou máis exactamente, esa atracción inicial, logo se ve truncada polo desexo que lles notamos de recibir os nosos afagos, as nosas loanzas, pois non hai soberbio que non lle apeteza entrar e saír baixo palio. Coma ao fariseo da parábola, aos soberbios cústalles recoñecer os seus erros; ¡nunca son deles, son nosos!

-.-

Palmeta

 


 

Unha coma esta nunca a usou meu pai, pero tíñaa colgada no cuarto da escola; coido que era para escarmentar coa simple lembranza.

 

Nada enfurecía tanto a meu pai como que lle mentisen os rapaces da súa escola; a súa reacción, o seu mentís, era dar unha puñada na súa mesa, xesto, ademán, que xa lles servía de reprimenda aos alumnos. Con iso, rectificaban, maiormente os grandiños. Non o molestaba a ignorancia, que para iso, para desasnalos, estaba o Mestre; o que o irritaba era a soberbia dos que se daban por sabidos sen selo.

 

Por aqueles tempos os castigos nas outras escolas, incluso nas de título, aínda estaban vixentes; ¡vixentes, autorizados e consentidos! Eran tan abundantes e variados como inadecuados; ¡non convencían! Na de Maxide, Nacional Mixta, aínda tivemos algunha reminiscencia, e iso profesor, don Jesús, era todo un cabaleiro, pero..., ¡ensináranlle así! Viña daquela época, centenaria, de que, “A letra, con sangre entra!”. Tipos: Memorizar ao pé da letra un paragrafo, ou incluso unha lección. Repetir a táboa, ou algunha conta ou problema. Copiar unha frase, a táboa, unha lección enteira ou unha parte do catecismo. A reiteración obrigada era a mellor receita para collerlle tirria á lección cuestionada, pero..., ¡viña así de tradición!

 

A mentira como autodefensa nace coa persoa; ¿non será unha covardía na nosa impotencia para afrontar situacións que nos molestan? Xesús, a inocencia suma, sublime, cargou coa cruz, pero estes homes do barro non somos capaces de cargar nin coas contradicións máis ínfimas.

 

A primeira gran mentira, das que rexistra a Biblia (Xénese 4: 9) “O Señor preguntoulle a Caín: -¿Onde está Abel, teu irmán? Respondeu el: Non o sei. ¿Ou son eu o garda de meu irmán?”. ¡Se a mentira fose tiña, moitos tiñosos habería!

-.-

 

 

 

Falando dos castigos na escola, tanto polos de non saber como por mentir, preguntoume un neto que como eran as clases no primeiro terzo do século XX, en ollada retrospectiva, agora que estamos noutro primeiro terzo, neste do XXI. Ao parecer pedíranlle unha redacción ao respecto. Isto é o que lle dixen:

 

A mellor representación daquel ambiente, sen prexuízo de que localice fotografías, ¡se é que as atopo, que o vexo difícil!, tela / témola, neste cadro de Julia Minguillón, “A escola de Doloriñas”. Algunhas evocacións:

 


 

No Museo de Lugo.

 


 

Un dos libros máis utilizados daquela.

 


 

Documentos á man.

Como non había máquinas de escribir nin ordenadores,

prestábaselle moita atención á caligrafía.

 

 

 


 

 

Nesta foto está o seu bisavó, e no centro, o avó,

que ambos fomos mestres “de a ferrado”,

polos anos 1945/48

 


 

Nenos dunha escola antiga. Estas fotografías están tiradas dun libro de Narciso de Gabriel, catedrático da Escola de Profesorado da Coruña, titulado, “Escolantes e escolas de ferrado”.

 


 

Neste libriño expliquei algo acerca de

como eran aquelas escolas.

 

Esta é a síntese do que lle dixen ao neno:

 

Antes da II República (antes de 1931), as escolas públicas limitábanse ás cidades e ás grandes vilas, pois nas aldeas o ensino era, xeralmente, de carácter privado, exercendo como mestres, nos invernos, as persoas máis instruídas da comarca.

 

A estas escolas, que primeiro se pagaron con ferrados de cereal, trigo ou centeo, e despois do ano 1930 en cartos, acudían máis  ben os varóns, a pretexto de que lles conviña saber algo por se tiñan que facer o Servizo Militar ou emigrar. Comezaban sobre os cinco ou seis anos, e despois, cando podían, ou tiñan ocasión, seguían indo á escola incluso despois de volver do Exército.

 

Eran no inverno, pois no resto do ano todos facían/facíamos falta para atender ás labores agro gandeiras, e aínda así ían de noite, ou en días malos, pois nos bos axudaban a linda-lo gando, partir leña, etcétera. Por suposto que ían á escola andando, sempre, e por veces desde media legua, ou máis, de distancia.

 

As clases dábanse na casa onde parase o Mestre, que sempre era na dos ricos do lugar, por ser os que dispoñían de habitacións sobrantes e axeitadas.

 

Onde había convento ou igrexa parroquial, nesta función instrutiva participaron os frades e mailos párrocos; moito. ¡Hai que agradecérllelo, que esa obriga, nun senso material, non a tiñan!

 

Cando a Guerra de España, aquí en Galicia, entre os mobilizados e mailos depurados, o Maxisterio oficial quedou reducidísimo, así que polos anos 40 a carreira máis fácil, e coa colocación asegurada, preferida polas mulleres, foi Maxisterio. Así se dotaron case todas as escolas creadas pola República, incluso inaugurándose algunha nova, promovidas por xente influínte do Réxime.

 


 

Nesta orla, con gafas, está a miña dona, ¡que daquela aínda non o era pois o noso casoiro veu despois!, Estrella Josefina Rielo Castiñeira

 

 

En Galicia débeselles, tamén en materia escolar, un gran favor aos emigrantes, particularmente aos retornados da Arxentina e de Cuba, que costearon edificios importantes, hoxe dedicados a museos e/ ou a outros centros sociais.

-.-

 

 

Rapaciño/rapaciña, ben levamos falado, ti e mais eu, duns cantos temas, pero máis quedan no tinteiro; o que agora temos de bo é que non esgotamos a tinta, nin os papiros, nin os pergameos, nin o papel, pois, no ordenador, con darlle ao dedo…, instruímonos!

 

Do que menos sabe a xente, con todo levar vinte séculos de herdanza, coido que é do Novo Testamento, do Definitivo. Xesús díxolles aos seus discípulos, aos doce, séxase, once máis un, que, con amar a Deus sobre tódalas cousas, e ao próximo coma a eles mesmos, xa se daba por satisfeito, xa daba por cumprida a Lei e mailos profetas. Iso dixo, pero era galileo, que vén a ser como galego, pero de Oriente, e por tanto, algo desconfiado, ¡de escarmentado!, así que quixo abundar en testemuñas, e deulles permiso para escribir os Evanxeos, ¡catro!, e con estes, as Epístolas, os Feitos…, e ata un Apocalipse, ese libro tan misterioso que terá que sernos explicado cando fagamos a Licenciatura Celestial. ¡Non hai, nin houbo, avó más previsor do que foi, do que é, aquel Xesús de Nazaré!

 

Entre os milleiros de advertencias, auténticos Decretos explicativos da Lei, a que sempre me impresionou, moito non, moitísimo, polo pouco que se cumpre, foi aquilo que lle mandou dicir, recordar, ao discípulo amado, Xoán, no seu capítulo 8, 32: “Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus; e coñeceréde-la verdade, e a verdade faravos libres”. ¿Impresionante, non si?

 

Andar sempre coa verdade enriba, ao lombo, neste mundo hipócrita ten os seus riscos, meu neno, pero tamén é certo que as laureadas danas aos heroes, que iso fan nos exércitos, para cánto máis no Ceo! Non o dubides, pois neste mundo non haberá paz, paz definitiva, sincera, ata que venzan eses heroes, os heroes da verdade! ¿Daquela seremos libres? ¡Iso non se pregunta, que ben o dixo o Mesías, o Mestre, “… a verdade faravos libres”! Con todo iso, dubidamos do testemuño do Mestre, do Capitán dos heroes, torturado e crucificado, de propia vontade, por dicir a verdade, por ensinar a verdade? ¡Pois que sexa anatema quen lle chame mentireiro a Xesús, pois outro tanto só se atreveu a facelo Lucifer cando o tentou!

 

Certo é que hai mentiras piadosas…, pero non sempre valen, que non sempre se acerta! ¡Antes que mentir, fuxir, pois unha retirada a tempo, segundo a lóxica militar, é unha vitoria! ¿Eran mentireiros os fariseos? ¡Máis cá iso: eran falsarios, hipócritas; unha raza de víboras, que así lles chamou o Mestre!

 

¿Quédavos clara a lección, a importancia da verdade? Daquela, a poñela en práctica, que boa falta lle fai ao mundo, e dentro do mundo, a España: facer dos feitos verdades, e non só palabras!

-.-

 

Cal foi o pródigo, o fillo, ou o xefe?

 

 


 

Castroverde, en todas partes, pero particularmente diante dos “super”

 

A miña mostraxe limitouse ao noso Castroverde e mailo seu entorno: Valeira, Castro Ribeiras do Lea, Corgo, Meira e Mosteiro de Pol: ¡As rúas, todas, a feito, saturadas de autos, e os “super” reforzados con dependentes eventuais, acotío, que logo parece que este Agosto caeu en Nadal, ou á viceversa!

 

En todas estas localidades formulei a mesma pregunta, en días sucesivos, particularmente aos propietarios das tendas de comestibles:

 

-¿Que che parece que ocorre este ano, que viñemos todos, absolutamente todos, tal que se nos lugares das nosas residencias respectivas nos acometese unha epidemia de morriña?

 

Un dos interrogados, precisamente de Meira, que son máis listos cós merlos, sen case deixarme acabar coa enquisa:

 

-¡É que volveu o fillo pródigo!

 

Dinlle a razón:

 

-¡Iso parece, pero estes de agora vimos en auto!

 

O meu interlocutor, un auténtico Séneca, que por tal o teño, pasou das chanzas ás veras:

 

-Ten a súa explicación: Mentres houbo euforia, veña cruceiros de luxo, viaxes ao estranxeiro, vacacións de hotel praieiro…, pero trouxemos a crise, auspiciados polos políticos que, amén de mal administrar vendéronos toda clase de ouropeis, co cal, duns pais sacrificados, aqueles aforradores da segunda metade do século XX, aqueles remitentes das divisas, pasamos ao xeración do paro. Co cinto apertado, ¿onde mellor que na casa dos pais, na aldeíña desprezada, esquecida? ¡Levábamos tantos anos sen compartir con vos o veraneo, que decidimos virnos unha tempada, todos, todos xuntos, que non hai mellor pracer co de comparti-la familia!

 

-¡Iso é certo…!

 

-¡Para, que non rematei, -atalloume-, pois onde din comparti-la familia eu teño que apostilar, comparti-los aforros da casa patrucial! Os fillos, que se deron á boa vida, e os políticos, eses parasitos de carreira chapada pero non dixerida, que non foron capaces de encarreira-la produción, que non distinguiron entre consumos e insumos, que só se especializaron en paraísos fiscais, tan importantes eles que importaron en lugar de exportar, entre ambos sectores, uns por activa e outros por pasiva, escangallaron o país! Agora, a do xitano: ¡Desde que a burra vai no po, xo burra xo! ¡E menos mal que eses indignados ou son uns covardes, ou aínda están pouco indignados, que por menos motivo utilizaron a guillotina aqueles da Revolución Francesas!

 

Con estas impresións abraiantes abrín o ordenador, aínda que non estou seguro do que poda dicir, pois predicadores, críticos, aínda que tardíos, están xurdindo, pero unha cousa é predicar e outra dar trigo, coa falta que fai! Mais, ¿quen sería capaz de converte-los nosos eucaliptais en trigais, e iso que estamos no mítico Flammosos, aquel dos trigais flamexantes que tanto sorprendeu aos romanos!

 

As varas de medir, incluso nas relacións familiares, nas crises, cambian; ¡tamén cambian!

-.-

 

 

 


 

 

Polos seus froitos coñecerédelos! (E tamén Lu 6, 43-44) ¿Que mellores froitos cós derivados de coidar do noso Patrimonio, do local, e por engado, estudar o do próximo, estea próximo ou non! Dos veciños tamén se aprende…, dicíase naquelas escolas antigas, nas que tan pouco material había para aprender, para estudar, para saber!

 

 


 

Aquí os tedes, aquí os temos, no MACUF da Coruña, nada menos que diante dunha escultura de Paco Pestana. ¡A onde non cheguen os de Castroverde...! Aínda así faltaban moitos, tal que o noso “Gaiteiro” titular, Pablo Castedo; e tamén, o que falta sempre non faltando nunca, José Enrique Villarino, ese home invisible que nos fai visibles, desde Madrid, desde tempo inmemorial, no magnífico blog desta Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde. ¿Que foi de Muñiz Besteiro, noso insigne, incansable, Presidente? ¡Outro invisible, pois as cámaras, aínda que tamén se poden manexar de programadas, non é igual que facelo in person!

 

O día era malo, invernío, pero esta Asociación non envellece: ¡é patrimonial, e por ende, patriarcal, dura e madura!

 

Patrimonio = Patrimonium = res patria = res familiaris = ¡O noso, lexitimamente herdado, lexitimamente adquirido, e por ende, conservado!

 

Coruña dinos moito aos de Castroverde, e non só nestas cuestións museísticas, actuais, da Arte Contemporánea. Arte, sumada con audacia, decisión, xenerosidade, tamén o foi, ¡in excelsis!, a daqueles artistas, nosos avós, que, abandonando as nosas, verdes, praderías, ata aquí viñeron, e non precisamente en cómodos buses, senón de mil maneiras, cada quen segundo puido, para embarcarse, pola Mare Tenebrarum adiante, dispostos a descubrir América, que para eles seguía inédita, sospeitada pero descoñecida, coa ilusión, co propósito, de volver ricos…, ou non volver! Aquilo tamén foi patrimonial pois a eles lles debemos, entre outros bens, a redención dos foros, que veu a ser a nosa liberación, fuxir do feudalismo para asomarnos ao modernismo actual. ¿Arte moderna? ¡Si, pero grazas aos artistas vellos, que souberon converter suor e bágoas en divisas, nesas divisas que nos levaron aos tractores actuais!

 

-.-

 

 

A HERDANZA DOS FRADES DE MONTECUBEIRO

 


  

 

Ora et labora, foi a consigna, a herdanza que recibín daqueles dominicos do convento de Montecubeiro a través, por mediación, de meu pai. ¡Deu-los bendiga! Lémbrome perfectamente que ma ensinou, que ma explicou, aquel día de defuntos no que pasamos a reitoral da parroquia, antigo convento, para encargarlle ao señor Cura, D. Benito Castro Piñeira, uns responsos polas obrigas da casa de Gómez de Bergland. Desde aquel día apropieime do lema, ou sería mellor dicir que tratei de seguilo; e como é inalterable, sen posible caducidade, aquí o deixo, para os meus fillos, e destes, para os netos.

 

Nisto mesmo estaba pensando cando me tiraron esta fotografía no meu primeiro día de traballo bancario; dixéronme que iso de retratar aos novatos era a novatada, un costume que tiña aquel Pedrola do departamento de Persoal do Banco Exterior de España, onde me sentaron…, ¿ou debera dicir, onde me asentaron? Xa pasara por unhas poucas: zoqueiro e mestre de a ferrado; despois, tres anos, desde os 18, como mecanógrafo do Consejo Supremo de Justicia Militar, oposicións…, e por último, ¡listeiro!, pasar lista e control de todo o persoal da casa, retrasos, vacacións, xustificación de ausencias, etcétera. En definitiva, o acusica da Central, no B.E.E.

 

Naquela mesa só me faltou unha cousa: un letreiro co lema dominicano; pero non foi preciso pois, o que ben se aprende, nunca se esquece, e vindo dos pais, menos aínda.

 

¡Ora et labora, bendita consigna, orde inesquecible! Iso, orde, pois como tal debemos levala na memoria cerebral, e xa que logo, pasala á memoria do ordenador, por se alguén aínda non a coñece. Así como os Mandamentos se encerran en dous, amar a Deus sobre tódalas cousas, e ao próximo por Deus, a nosa vida pública tamén debe concretarse nestoutros dous, pois, ao meu entender, nisto cabe e se concreta toda posible exemplaridade. ¡Pero que listos, e que santos, aqueles dominicos! Con tal herdanza, eu ata lles perdoaría que exercesen aquel privilexio da prima noctis, se é que o utilizaron no meu Montecubeiro, pois honra, que non deshonra, sería proceder de tales homes!

 

¡Ora et labora, compendio de virtudes, pero, lamentablemente, un tanto demodé a estas alturas do XXI, invadidos, como estamos, de contistas!

-.-

O que pasou a Marola…

 

 


 

A Marola é este illote do seo Breoganí. Golfo Ártabro, tamén chamado, de Breogán. ¿Ten algo que ver con Castroverde? ¡Si, moito! Explicareime:

 

Antes de que eu coñecese a Coruña, e por ende, a Marola, xa oíra falar dela cen veces, ou máis! ¿Onde, a quen? Practicamente a tódolos emigrantes da miña bisbarra, a tódolos retornados. Todos referían a súa aventura respectiva coa mesma frase: “O que pasa a Marola, pasa a mar toda”. Tan popular se fixo o dito, que despois aplicábase a todo aquel que entraba en convalecencia, ou saía dun perigo importante.

 

Os da nosa emigración do primeiro terzo do XX tiveron tres atrancos: Non se podía emigrar de entrados en quintas, 18 / 20 anos, que era precisamente cando se estaba en idade diso, de emigrar, amén do medo que se lle tiña á “mili”, ¡servir ao Rei, e a falta de Rei, ao Caudillo!, para África. Había que pasar un recoñecemento médico, sen o cal, nin que puideses pagalo, che daban o seguro da viaxe, que o esixía a Navieira, que era xeralmente a Mala Real inglesa. Pero como, feita a Lei feita a trampa, que vara de medir se inventaron os ingleses, para lucro deles e contento da nosa xente? ¡Pois que os transatlánticos da Mala, que neste caso era a “boa”, botaban áncoras nas inmediacións desa rocha, desa illa, onde agardaban pacientemente polos nosos rapaces, que pagaban ás lanchas de Coruña para que os levasen, de auténticos polisóns, ata a Marola. ¡Subían a bordo, e daquela…, adeus ríos, adeus fontes!

 

Non podían volver antes de non sei cantos anos, por mal que lles fose aló, xa que, de retornados, mandábanos para África, recargados de quintas!

 

¡Ai, Deus, que pecado tan grave foi iso de malgastar aquelas economías, tan suadas e tan sufridas, que acabaron en dilapidacións dos nosos políticos, dos nosos administradores! ¡A que se vai armar no Ceo, con todo ser Ceo, cando suban, se é que soben, se é que lles deixan entrar, eses mangantes, que de seguro os agardan aqueles emigrantiños, defraudados, na Marola celeste!

-.-

 

 

Xa fai falta imaxinación…

 


 

Xa fai falta imaxinación para imaxinarse ao Cardeal Gil

teologando nestas encuastras do convento de Montecubeiro.

 


 

Pois así foi, tal cal, que aquí estivo, e aquí madurou gozando da inmensidade e da grandiosidade da natureza desta parroquia, feita por Deus ad hoc para a contemplación e para  a meditación teolóxica.

 

Fr. Manuel García e Gil nacera no ano 1802 na parroquia de San Salvador de Camba, profesando como relixioso de Santo Domingo no convento de Lugo, de onde saíu nomeado vicario ecónomo de San Ciprián de Montecubeiro. Neste cargo estivo desde 1844 ata o 1846, realizando numerosas e importantes obras, especialmente educativas para os seus fregueses, que deron en chamarlle o Santo García, con admiración, agradecemento e incluso devoción. Na parroquia quedou unha cuarteta que o define: “Dios premiou tantas virtudes, / Qu´o seu premio sempr´alcanza/  Ós que traballan na viña, / E os que sudan para labrala”.

 

Esta sobresaencia acabou prexudicado á parroquia pois pronto chegou a súa sona a Lugo, onde o propuxeron para bispo de Badaxoz, e de alí, no  1859, catapultárono para arcebispo de Zaragoza. Recibiu o cardealado en 1877 e morreu con sona de santo o 28 de abril de 1881.

 

Os seus escintileos principais puxéronse de evidencia no Concilio Vaticano I, onde foi considerado como o principal teólogo do mesmo. Este concilio tomou ese nome porque se celebrou na Cidade do Vaticano. Fora convocado polo Papa Pío IX, no ano 1869, para enfrontarse ao racionalismo e ao galicanismo. Tivo catro sesións; na primeira, co Decreto de apertura; na segunda, de Profesión de Fe; a terceira concluíuse coa aprobación da Constitución Dogmática Dei Filius, e a última definindo a infalibilidade do Papa en cuestións de fe.

 

Da teoloxía en Montecubeiro pasamos ás plantacións dos eucaliptos, (eucalyptus), que, aínda que que nolos trouxo, de Australia, un frade, outro, Fr. Rosendo Salvado, o que é a teoloxía non cheiran.

-.-

 

 

Vasos comunicantes

 


Transferencias, complementariedades, interaccións, equilibrios entre campo e cidade: simbioses en definitiva! ¿Quen dá a quen? O que está claro é que o home, a Deus, só lle pode dar as grazas, pero aquí abaixo demos en deificar cidade, ¡os ídolos da Contemporánea!, e vai ser cousa de equilibrar a balanza…, se non queremos comer tixolos!

 

¿Quen pode negar que, primeiro entre a cidade e mailo campo, e despois do campo á cidade, sempre houbo, e sempre haberá, vasos comunicantes? Os aires puros van do campo, ¡para comezar, a clorofila!, mentres a cidade se comprace en devolver toxinas…, para que llas purifiquen no bosque! Pero a auga de colonia…, non é tóxica? ¡A colonia, non, os perfumes das damas coido que non, pero, as cloacas, si, tanto se verten no campo coma se o fan no mar?

 

¡A pureza, a mellor de  todas, estaba na cinsa, precisamente na cinsa, naquela cinsa das lareiras! A carón do lume, ¡ese lume que o purifica todo, de feito nas casas, e que o arruína de feito no campo, malditos pirómanos!, aqueles avós, aqueles pais…, canto non purificaban na prole! Non houbo, nin haberá, mellor escola, dentro das limitacións da época! Da lareira saíron virtuosos, pero, emigraron, e coa emigración agromáronlles as mentiras… ¿A onde? ¡Que máis dá Sodoma que Gomorra, se ámbalas dúas son, ou eran, cidades! ¿Non hai depuración nas cidades? ¡Si que a temos, pero é de mecanismo lento, pois resulta máis difícil reformar que formar! A aldea formábanos no natural, pero á cidade fórmanos no artificial, niso que chaman, de mal nome, ciencia.

 

Viñeron, xurdiron, os arquitectos,  arc = xefe; e tekton = construtor, que, de tan listos que eran, ou se crían, entroulles a soberbia, e dixéronse: Deus creou as árbores; pois nós, que tamén procedemos do Olimpo, rañaceos! O pero foi que, mentres non se inventaron as grúas, eran os desertores dos arados os que tiñan que subir as pedras; fuxiron das areas das súas agras para upar os bloques das canteiras!  Niso tamén lles ganamos aos burros, pois nunca se viu un burro que viaxase dacabalo doutro. ¡Adiantos da tecnoloxía!

 

Cando toque demoler os rañaceos, ¿a onde levaremos os seus restos, enterrarémolos nestes ocos de onde saíron as materias primas? ¡Vedes como é inevitable devolverlle ao campo o que é do campo! Agora cansáronse da vara, e miden co metro; ¡calquera día dálles por facer escavacións..., para leva-lo “metro” ás aldeas!

-.-

 

 


 

 

“Auga da fonte limpa”, que era como lles chamaban ás verdades no meu lugar de Bergland.

 

Vaia por diante o recoñecemento de que nas lareiras non todo era sinceridade ou verdade pois acomplexados sempre houbo, e haberá, en todo tempo e lugar, que nada coma os complexos para desatar a imaxinación, e con iso alardear, presumir, precisamente do que se carece. O vello aforismo: Dime de que presumes e direiche de que careces, tamén se daba cabe das lareiras, e por veces a gran escala, cando non había, ou se pensaba que non había, forma de contrastar aqueles asertos; claro que o mundo é máis cativo do que por veces pensamos!

 

Aquí e agora voume referir ao Lisardo do Pacio, que o escollo non tanto pola magnitude da súa imaxinación como polo feito de que xa morreu, e para iso sen descendencia, así que, co meu relato, non deshonro a ninguén:

 

-Ai Lisardo, Lisardo, canto te votamos en falta, todos estes anos, pois desde que marchaches ninguén volveu a tocar a gaita do fol neste lugar; ¡nin ben, nin mal! Por certo, ¿non cha quitarían aqueles do maquis, contra os que se dixo por aquí que loitaches bravamente? ¿Amansáchelos coa música?

 

-Algo diso houbo, señor Xosé, pero contaréillelo aos poucos, en varias ruadas, que a miña historia é longa, e menos mal que xa pasou!

 

Houbo aplausos e todo, que non sempre se acollía un heroe cabe da lareira, un mozo valente, e por engado, músico.

 

A narración, efectivamente, foi prolongada, que así tivemos oito ou dez días consecutivos de épica, máis que admirable vindo daquel rapaciño que sempre o tiveran por mimado: ¡Da casa do Pacio, nada menos, e encima fillo de viúva, consolo de súa nai, que se non seguía levándoo no colo era máis ben polo que medrara, un con oitenta, que naqueles anos era moita crianza de Deus!

 


 

¡Pobre Lisardo, tanto que nos doía imaxinalo naquel témpano do Puerto de la Bonaigua, cargando con unha metralladora, bombas de piña, a mochila do rancho…, tanto peso, tanto frío, e, sobre todo, tantos perigos! Só con oírlle relatar que cando conviña facer unha descuberta, ou pasarse á retagarda do maquis para comprobar os seus efectivos, os seus preparativos, volvendo polo monte aos nosos acuartelamentos para informar canto antes, naquelas montañas, despois de terse criado a 500 metros sobre o nivel do mar, confortablemente arroupado por súa nai, pois o pai volvera de Cuba todo derreado, que así se esfarelou, precisamente dous días antes de licenciarse o seu morgado, que apenas deu chegado ao seu enterro, eu poñíame a tremer: ¡Anda que se tamén me destinan, que son do mesmo lugar que este Lisardo, para ese 5º Batallón de Cazadores de Montaña, que será de min, co dado que son aos catarros, que xa salvei de milagre cando tiven aquela bronquite…?

 

-¿Lisardo, -preguntoulle un día miña avoa, doéndose de tan tráxicas peripecias-, como foi que despois te mandaron para Madrid, que dixeches que te licenciaron no Cuartel de Atocha, ou entendín mal?

 

-Si, señora, pero non lle foi cuestión de sorte, senón de méritos, pois o Coronel, que ben me coñecía, recoñecendo o meu valor, chamoume un día ao seu despacho e díxome: -Don Lisardo, pois aínda que non tes Bacharel mereces ese título, en premio aos teus servizos, voute mandar para Madrid, que así envalentoarás aqueles enchufados de Atocha contándolles as túas heroicidades. ¡Dito e feito, pois á semana seguinte xa estaba paseando polo Retiro, que ata me rifaban as mozas!

 

A avoa, insistindo:

 

-Non me estraña, rapaz, un mozo tan guapo, e valente, nese Madrid dos señoritos finos e baleiros…

 

Anos despois, xa na década seguinte, ¡o que son as coincidencias!, en certa ocasión, visitando ao daquela Comandante Luís Lombardero Forneas, coñecín á súa criada, que era de Córneas da Valeira. Serviunos o café precisamente nun intre no que aquel parente me preguntaba que tal por Montecubeiro, onde estivera pasando uns días de permiso: -¡Pois, ben; e mándanche moitos abrazos, que ben sabes o moito que che agradecen canto por min tes feito!

 

A criada, confianzuda ela:

 

-¿Así que de Montecubeiro? ¡Pois de alí tiven un rapaz…! ¿Don Luís, podo interrompelos para contarlle aquí ao seu parente o favor que lles debo aos de Montecubeiro?

 

-Muller, podes, pero non pluralices, que o teu foi singular, pois nun rabaño, en calquera, pode haber unha ovella moura.

 

A rapaza, que xa empezaba a madurar, de invitada a sentarse connosco, co Comandante e coa dona, dona Carmen, Carmen Vega Val, abriu o seu libro dos agravios:

 

Que aquel Lisardo baixou dos Perineos precisamente por unha recomendación do Lombardero, que se trataba con un Capitán daqueles Cazadores de Montaña, pois, por mediación de non souben quen, chegáronlle cartas da nai do Lisardo, que estaba hospitalizado aló no Valle de Arán, á morte, ou pouco menos, aterecido do frío. Luís, neste punto, puntualizou que, máis que do frío, o rapaz enfermara co medo, que segundo lle dixera o seu colega, era un auténtico covarde. Xa en Madrid, comezou a saír de paseo polo Retiro coa criada do Lombardero, que lle levaba acotío grandes bocadillos, a ver se así o ía quitando daquela anemia, que o roía. O rapaz propúxolle matrimonio á criada, xurándolle que ía vivir en Montecubeiro ao grande, que tiñan caseiros, e non necesitaría facer outra cousa máis que criarlle dous ou tres fillos; ¡iso, de gran señora, señora dun pazo! ¡Sempre o das varas de medir...!

 

-¡Mala centella o coma, -concluíu a rapaza-, pois tan pronto se licenciou, del, nin unha carta, sabendo como sabía que eu tivera aquí outro rapaz, ben empregado por certo, e que o deixei por facerlle caso ao Lisardo, ademais de que era guapo, da nosa terra, do noso Luguiño!

 

Remato: O irmán do Lisardo, xa antes de morrer súa nai foise para Cuba, seguindo o exemplo paterno, e aló seica lle pegaron unha sífilis que o levou ao cemiterio de Colón, na Habana. Lisardo deixoulles o casarío aos caseiros, e el, sempre tan covarde, non fixo por traballar, en nada, así que as rendas fóronlle a menos, e a saúde tampouco lle foi a máis, así que, ¡ás Areeiras, en plena mocidade, en plena solteiría!

 

A miña conclusión é que de pouco vale presumir, de pouco vale chufar, que todo se descubre, e as glorias inventadas foxen tanto ou máis cás follas secas no outono!

-.-

 

 

A CALOR DA LAREIRA,

que foi a universidade dos labregos ao longo do XX.

 

 


 

 

As lareiras eran moito, pero non o eran todo pois nelas oíase pero non se vía, a diferenza do que pasa agora con esa entremetida á que chamamos “tele”, e por veces, “telegaita”. Poño por caso, para ver un morreo de rapaces tiven que ir á escola, e mellor me fóra non velo pois ata que me casei maldito un conseguín: ¿Eran virtuosas, ou non me querían? ¡Coido que as dúas, asemade!

 

No recreo, en días fríos, cruzábamos o curral, a cen, para acudir á lareira, na cociña vella de Candal, onde a señora María Manuela, sen omisión algunha, ¡Deus llo pague, que de seguro xa lle ten pagado, tan santa que era!, non regateaba estelas para que non se lle apagase a fogueira dos rapaces. Un daqueles días, despois de quentar as mans, sentín unha necesidade, outra, así que crucei a eira para ir ao horto, alí por detrás das loureiras. ¡Que espectáculo, miña madriña: o Antonio de Maceda, un grandullón, que seguía indo á escola por xenerosidade de don Jesús, que nunca llela negou aos mozos, así estivesen licenciados do Exército, á hora do recreo escapulíase, a saber por onde e para onde, que nunca o vin quentando as mans, estaba alí no horto, pegadiño á criada da casa…, dándose un morreo, ao estilo destes que se ven agora na Tele!

 

Eu, non sei se pícaro ou discreto, agacheime detrás dos ramallos dunha loureira, cos ollos tan abertos coma os dun león; evacuei, abotoei o calzón, pero…, eles seguían! ¡Que boa cousa debía ser aquilo para que tanto tempo lle botasen, e logo que nin oían ni vían a intromisión do neno!

 

Ao día seguinte, coa mala idea de espreitar desde as ventás do colexio, díxenlle ao mestre que  non ía saír ao recreo para rematar aqueles problemas que nos puxera no encerado, que se me atravesaran. ¡Mentira; o que se lle atravesara ao traveso era a malicia de ver un novo capítulo daquela serie! Os problemas do encerado remateinos, e ían ben, pero o que foi mal era a miña espreita pois aquel día…, non acudiron ao horto! ¡Igual estaban na palleira, arrincando feo para dárllelo ás vacas! Cando volveron a entrar, os do recreo viñan coloradiños, nenos e nenas, pero en particular Antonio, o mocetón; tampouco souben se aquel día estivera na lareira, cos cativos, ou arrincando herba; se foi isto último moita deberon arrincar, para que tan colorado viñese!

 

Aquel ensaio debeu ser frutífero, que non tardaron en casar, ben namorados, supoño, a xulgar pola cantidade de fillos que criaron. ¡Teño claro que ían, que se comportaban así, con boas intencións, pero…, a min déronme un mal exemplo, aínda que sen querer, pois, o dito, tiven que chegar ao casamento para catar un bico, co que me gustaban as rapazas!

-.-

 

 

¡Téñoo experimentado: Viaxe con anécdotas, ou con pensamentos ¿metafísicos?, á noite, nin en Fonsagrada, co tranquila que é! Se fose ao revés, se durmise en Lugo, seguro que me daba por soñar cos romanos, e sería peor!

 

Tárdame por ler algún libro que se ocupe das relacións entre lucenses e lugueses, pero non o dou atopado; na Balmes, esas solteironas tan filosóficas, tan filosóficas e tan amables, a cal máis, xa me recomendaron que o escriba eu, e que mo venden elas, pois opinan que reúno as dúas condicións: Coñezo Lugo e coñezo a aldea; a maiores –tamén din- que sei redactar. Que os de Lugo saben redactar pero non se abaixan ao rural; e os do rural, ¡meus pobres!, abondo fan con asomarse ás picardías dos escribáns e dos letrados. ¿Terán razón? ¡Adoitan tela, en canto con elas levo falado, pero isto de analizar as persoas segundo o seu estamento…, nin o Médico Vilabella, e iso que pasaba por ser un dos máis listos de Galicia, que se atreveu a escribir un libro sobre a tuberculose, esta epidemia da posguerra, tan selectiva que só atacaba aos probes.

 

Os da muralla queren ser chamados “lucenses”, e alegan para iso que son, e andan, lucidos, maiormente de garabata; pola contra, os aldeáns seguimos adorando ao deus Lug, aquel que comungaba coas landras dos carballos, séxase, antes de Cristo. ¿Terán razón? Tanto se a teñen coma se non, a min ben me fan razoar, e como os pensamentos son inimigos do sono, case me durmo cando vai cantar o galo. Vou seguir escribindo, iso si, a ver se aliñando os pensamentos…, a ver se os evaporo!

 

Onte collín, tamén na Balmes, un libro de Historia, onde se di que os romanos construíron a muralla de Lugo… ¡Mentira cociña! Foron os lugueses os que llela construíron, quere dicirse, os de Lug, como despensa e caixa de caudais; a forza de látego, por suposto. Matinando e matinando chegue á conclusión de que por iso se chaman, ou fan chamar, lucenses, lucidos, porque veñen dos romanos, os máis deles, e por iso se quedaron, e seguen, de murallas para dentro.

 

O libro di que máis tarde, en virtude dun “foedus”, pactado cos romanos, viñeron os suevos, eses das vacas teixas… Como eu, de latín, pouco, ¡debo proceder dos suevos, e non dos romanos!, pregunteille ao seminarista, ao ex, que algo de latín estudou, que era iso do “foedus”. O Revisor do coche da Liña, que se dá de listo, e ata o será, xa que desertou do arado, quedouse pensativo, pero acabou atopando a idea:

 

-Mira, ho, non o sei con exactitude, e os libros hai que deixalos no Seminario, para os que veñan detrás, pero iso de foedus, foedus…, sóame a fodianga! ¡Xa o teño: que os romanos foderon aos suevos, traéndoos de caseiros! ¿E onde están os caseiros? ¡Nas aldeas, nas casarías dos lucenses, que llelas alugan, sexa en cartos ou a medias!

 

Non hai nada como ter un compañeiro culto…, e se é Revisor mellor aínda, que eses revísano todo, incluso as verbas!

-.-

 

 

Templos da Sagrada Familia. Xa sei, xa o coñezo, xa visitei ese monumento monumental de Barcelona… ¿De Barcelona? Enteiramente, non, que moitas das súas pedras foron talladas, e levadas, de Parga, así que algo, unha boa parte, nosa é, pero aquí, hoxe, meus nenos, vouvos falar doutro templo, igualmente dedicado á Sagrada Familia, que se non o está debera estalo, indefinidamente, solemnemente: As reunións familiares!

 

Despois da Misa, nada tan sacro coma o culto familiar; sacro, pero, en crise, hoxe en día; tanto, que me ten abraiado, así que vou dedicarlle este graíño de area, xa que non podo poñerlle pedras grandes, perennes, tal que esas de Parga. ¡Benditas reunións familiares…, cando non expulsamos delas a Xesús, a María e a Xosé!

 

Deben celebrarse periodicamente, para que non se arrefríe a relación parental; de non ser tódolos sábados, sábados ou domingos, que menos que unha vez ao mes! Coma nos tempos bíblicos, a mesa debe presidila o Patriarca, acompañado da Avoa, e ambos rodeados dos netos, pois os fillos ocuparán a outra cabeceira. A primeira parte do ritual debe ser acender unha vela, por uns minutos, en sinal de evocación, de chamamento, polos falecidos dos alí presentes, facéndolles notar que seguimos na súa lembranza, agradecidos polas verdades e pola doutrina que nos ensinaron. Seguidamente a Avoa, ¡que non hai avoa que non sexa santa!, bendicirá a mesa; máis ou menos así: Bendícenos, Señor, e bendí estes dons que, dados pola túa bondade, imos tomar; que o Rei da Gloria non faga partícipes da Mesa Celestial. Amén!

 

¿Que; unha familia así, é, ou non é familia? ¡Se non é sacra, vai camiño de selo!

 

Cando, por razóns de traballo, ou doutras circunstancias, que non por desafectos, a familia está escangallada, aos que dela queden quédalles a fórmula sacramental de facer o mesmo, pero, rememorándoos, pedíndolle a Deus que nos arrexunte de novo; se non pode ser na terra, no Ceo si, indefectiblemente!

-.-

 

 

 


 

¡Subir a Lugo, naqueles tempos, unha epopea!

 

Tomo prestada esta foto pois dos coches de Trigo non as teño, e logo que, aínda que un dos seus herdeiros se casou cunha prima miña, do Zapateiro de Fonteo, xa non sei onde viven  para pedírllela. Para o caso dá igual, pois aquel problema foi xeral; o que máis me importa é deixar constancia da forza que colleran as nosas mulleres, e non precisamente facendo ximnasia, ou si, pois tal era, por máis que recibise outro nome: Coa escaseza de varóns, tanto durante a guerra como na post, as mulleres de miña bisbarra igual araban que calcetaban. ¡Con iso e con todo, mirade que ten estatuas e rúas o meu Lugo, pero aínda non lle puxeron monumento ás mulleres monumentais da ¿nosa?, da nosa guerra, non, da deles, da de catro caciques temerosos de perder o mando, e co mando o machismo daquela imperante!

 

Eu coñecía á Carme do Antón Grande de Vilarín, e non só de ir á Misa a San Cibrao, que case ocupaba a porta da igrexa cando entraba ou saía, así que, de par dela, só os anxos! Chamábanlle o Grande a seu pai, pero a filla non necesitaba dun ADN para evidenciar a súa procedencia. Seica casou, pero daquela estaba en África, e ninguén me mandou a dicir con quen; ¡seguro que foi con un fillo de Hércules, pois os outros…! Tiña forza o Sidro do Campo, moitísima, de xigante, pero a súa veciña, aquela Carme…, monumental! Vilarín non é un lugar excesivamente abeirado, e ata debe favorecer as crianzas xa que tanto medran e tan fortes son. O espectáculo seguinte non o vin, pero contóunolo, precisamente sentado na banca da nosa lareira, José da Caseta, un home, un mozo, que sempre dicía verdades:

 

-Mirade que vin mulleres rexas alí na fronte, que, ao avanzar, os homes abandonaban as casarías, quedándose elas, elas e mailos nenos…

 

Interrompeuno meu avó:

 

-Pois iso…, ata sería perigoso, co mullereiros que son os mouros…

 

Non dixo máis nada, pero eu, que xa oíra falar de violacións, adiviñei a parte omitida.

 

-¡Non o sabe ben, que non había Sarxento que os frease! Pero a de hoxe témola na parroquia…

 

O avó, entremeténdose de segundas:

 

-Non fai falta que digas o nome, ou si, pois Carme soa ben!

 

-¡O de Carme é pouco, pois unha rapaza así merecía dous o tres nomes! O caso foi que estando eu trenzando xestas, aí arriba, no vedro da Poza do Barro, para facer a sebe que nos correspondeu, non sei como levantei a cabeza, que ata fixen viseira coa man, pois estaba rompendo o sol, pero algo debín oír para que me chamase a atención. ¡Vaia se me chamou: A Carme de Vilarín, que baixaba polo atallo, con unha vaca, e atopouse co camiño cerrado coa sebe do vedro! Tíñao fácil, dar a volta polo Escouredo, ou seguir o que vai á Graña. Tiven claro que quería baixar aquí a Berlán, coa vaca deshonesta. Nisto, que a pouco se me saen os ollos: Carme meteuse debaixo da vaca, por entre as patas dianteiras, e upando nela, arriba, púxolle os pezuños enriba da sebe! Á vaca, miña pobre, que lle quedaba se non era obedecela, así que se foi para adiante, de fociños, e caeu espatarrañada, pero do outro lado da sebe! Despois saltou a Carme, simplemente con apoiar a man nunha das estacas, e ¡zas!, caeu enriba da vaca!

 

Meu avó, co pícaro que era:

 

-¡Pobre vaca, que desilusión se levaría ao verse coa Carme enriba,  cando ao que viña era ao touro, aí, á Casa Grande!

 

Con isto visto e oído, xa non me sorprendín cando, na mesma banca, meses despois, se presentou o Manuel da Nogueira, que era cesteiro, levándonos unha cesta de talas:

 

A madriña:

 

-¡Ai, ho, que es ben oportuno, pois ata tiñamos poucas, e logo vén o tempo de recoller as mazás! Xa nos dirás canto é?

 

-Nada, señora, que llela traio en penitencia polos meus pecados… ¡Roubeilles un carballiño, aí adiante, no chouso, para cestos, e esta quedoume sen vender nas feiras do San Froilán, así que me dixen: Foi cousa de Deus, que me manda restituír!

 

-¿Así que vés do San Froilán? ¿Non irías coas cestas ao lombo?

 

-¡Pouco menos, pois ao lombo leveinas ata Luaces, en catro viaxes, e alí collín a Liña de Trigo, para Lugo! Por certo, voulles xurar que é verdade o que logo direi, pois como teño sona de ladrón e de mentireiro, igual non me creen!

 

Os cesteiros sempre tiveron sona de ladróns, de ladróns de árbores, e despois mentían dicindo que traían as talas de aló lonxe, da Marronda, así que oímos e calamos, esperando aquela novidade, aquela promesa:

 

-Cando empeza a Costa de Teixeiro, precisamente naquel descansiño onde está facendo unha casa o cura do harmonio, ía tan cargada a Liña que nos mandaron apear…, para empuxar; eramos todos homes, menos a Carme; ela mirou para o señor Avelino, para o chofer, e díxolle: -Estes vaidosos, que se poñan polos lados, para enderezar o coche, por se lle forzo a dirección, que por atrás, axudándolle ao gasóxeno, chego eu, de sobra!

 

Miña madriña:

 

-¿E chegou, co longa e co súpeta que é a costa de Teixeiro?

 

-¡Se a vise…! Arriba, onde comeza a baixada, parou o coche para que volvésemos a subir, e aquela, o señor Avelino, díxolle á Carme:

 

-Se nos fose porque che teño medo, que igual me estrangulas cunha aperta das túas, dábache un bico…, de agradecemento!

 

-¿Deullo? –Preguntou o padriño. E Manuel:

 

-Non, non chegaron a bicarse, que ela aceptaba, pero o señor Avelino tívolle medo!

 

¡Canto sinto que eu non chegase a coñecerlle o seu Obelix, que moi grande e moi famoso debeu ser, para atreverse a casar co Carme de Vilarín! Dunha muller así, cando a chufaban non mentían!

-.-

 

 

 

¿Somos trinitarios? Aínda que noutro plano, noutra magnitude, e salvadas, por suposto, as infinitas distancias, algo si, algo diso temos: corpo, alma, e…, conciencia! ¿Témola todos, iso, a conciencia? ¡Pois óese dicir de algún desalmado que non, que non teñen conciencia! En vista diso, analicemos:

 

Corpo é ese cacho de materia que tende ao repouso, á preguiza, e non obstante, por contraditorio que pareza, está dominado pola inercia: cánsase cando fai o ben, e séntese estimulado cando fai o mal. Tal parece que non pode coa alma, que se cansa de obedecela, de acatala, de servila.

 

A alma, que a temos albergada no corpo, recuperará aquelas potencias do Paraíso cando se vexa liberada, cando o corpo se canse de sostela. De momento, e tamén resulta enigmático, é, está, escrava do corpo. ¿Manda o corpo na alma? ¡De momento, todo parece indicar que si, que non lle queda outra escapatoria: está sendo mangoneada pola materia!

 

Pero hai, temos, outro elemento, que vén a ser un lazo, unha atume: do corpo, para coa alma; e da alma para o corpo. ¿Asunto complexo, non si? Complexo, pero certo, que aí está, e aínda que se diga “ese Tal non a ten”, ¡témola todos; todos, pero non todos a teñen, ou a temos, educada!

 

¿Educar a conciencia? ¡É algo parecido a unha árbore: Se lle poñemos esteos, medrará dereita; mais, se a pisamos, se a deitamos, se a forzamos, se tiramos dela para o chan, ¡pobriña!, vaille ser difícil o enderezo, acabará sendo rastreira, o que se di repanda!

 

Unha conciencia educada, formada, asesoraranos, ben asesorados, ao longo da vida; ¡non teremos mellor amigo! Daquela, ¿como se educa, como se forma? ¡Meu neno, como todo o demais: desde a infancia! ¿Mestres? ¡Bos pais, bos libros, bos amigos, películas decentes…; e tamén as nosas orellas, e coas orellas os ollos, orientando os sentidos corporais na dirección correcta, na do amor ao próximo, que é nada menos que un Mandamento dos de Deus, así que, con esa procedencia, non pode ser cousa mala!

 

Nesta relación, nesta comunicación, o de salvar a alma, o de purificala, o de conducila na dirección correcta, aínda que diso non nos decatemos, ou pouco, depende rotundamente da dirección que lle deamos, que lle imprimamos, á nosa conciencia: As mans son do corpo, pero o volante do noso vehículo é, chamámoslle, conciencia! ¿Verdade que é un pracer conducir calquera tipo de vehículo, desde a bici ao avión? ¡Pois non che digo nada conducir a nosa alma, en liña recta, ou coas menos curvas posibles, desde a terra ao Ceo, que é o traxecto que nos encomendou, fai disto XX séculos, o noso Redentor! ¡Xa veredes como nos aplauden os anxos, e cos anxos a nosa xente, os nosos amigos, os nosos parentes, cando nos vexan chegar, vitoriosos, á final do traxecto, do noso traxecto vital! ¡Iso vai ser gloria pura, inmarcescible!

-.-

 

 

 

Sinónimo de urbanidade seica é civilidade. ¡Calidade do que é urbano, en oposición a ruralidade, e non, como din os portugueses, “Cumprimento das regras de boa educaçao e de respeito no relacionamento entre cidadâos”, séxase, afabilidade, civilidade, cortesía..., por oposición a descortesía, indelicadeza... ¡Iso será, sería, en Portugal, terra de leite suevo, pero o que é en terra de godos…, quéroche un conto, e non precisamente de réis!

 

¡Outra verba desmandada! ¿Quen dixo que na urbe teñen, temos, máis urbanidade, máis cortesía, mellores maneiras, que na aldea? ¡Vaiche boa! Con algo de servilismo, ata últimos do século XX, si, hai que recoñecelo, en particular para aqueles señoritos dotados de don, tivesen ou non din, pero eu mesmo, en por min, descubrín o que é mala educación, descortesía, urbanidade pésima, cando cheguei á Urbe, e máis aínda na Corte grande, na de Madrid, séxase, na do Rei Hermenegildo, ano 1948, pois o que é nas nosas cortes, no país das cortes, si que había cortesía, respecto, afabilidade…, por arrobas! En Madrid, daquela, medían con outras varas...

 

Descubrino nada máis incorporarme ao Ministerio, desde que me deron a cartilla e mailo uniforme, que o podíamos sacar da compañía aqueles que pasásemos as noites fóra; iso si, coa obriga de volver vestidos de caqui. Diante de min saía un veterano, que se lle cadrou ao sarxento de garda: Con su permiso, mi Sargento, permítame salir unos minutos que voy al Limpia de la esquina para que me retiña estas botas, que las traigo así de la instrucción… O galonado accedeu, pero impoñéndolle a condición de que o quería de volta, en media hora, ¡coas botas dando a cara!

 

 

 


 

Xa na beirarrúa pareino para preguntarlle: -Perdona la molestia, compañero, pero es que acabo de ingresar, y llevo el uniforme, para ir a casa… ¿Cómo es eso de que el Sargento nos tenga que autorizar para limpiar las botas? O madrileño, ¡que o era notábaselle de lonxe!, deume unha explicación abundante:

 

-A ese Hijo de Puta le llamamos Gilda, por lo animal que es; exactamente lo contrario de esa Hilda de la película. El muy cabrón no nos deja salir si no llevamos las botas hechas un espejo, y este material de piel de cerdo, es tan cerda como la suya, que no brilla ni para Dios. En casa me las limpia la chacha, pero el problema estaba en pasar la puerta… Y tu espabílate, que traes pelo de la dehesa, y cara de fraile, así que aquí, como no te vuelvas un demonio, te van a dar por saco!

 

Literalmente, igual que o conto: Aquel Madrid, aquela xente, aquel “rancho”, cheiraba peor cá nosa corte dos ranchos; e dos falares…, dito queda! Non sigo comparando, atido ao dito de que, As comparacións son odiosas; e tamén que, Para mostra chega un botón, que naquel caso foron, eran, unhas botas de regulamento, nada menos que do Ministerio do Ejército.

-.-

 

 

 

A simbiose corpo / alma. ¿Existe? ¡Pálpase, de tan visible que é, pero, aínda así, isto pásanos desapercibido cando lle damos ao corpo o contrario do que nos pide a alma!

 

¿A miúdo? ¡Lamentablemente, si! As virtudes da alma sempre son boas para o corpo, que en definitiva é o seu transportador temporal. Pero os vicios son inimigos naturais da alma, non si? Daquela, se nos damos aos vicios, tal que ao de mentir, estamos enxurrando a alma, facémola padecer, poñémola en perigo. Ao contrario, se lle damos á alma o que lle é propio, ¡a verdade!, o que temos ordenado polo Creador, o seu soporte sentirase feliz, mellorará, incluso na enfermidade. De todo isto séguese que nunca é bo para o corpo aquilo que temos prohibido para a alma. ¿Fan falta probas? ¡Que cada quen revise as súas experiencias, e sentirá, notará, que bo corpo deixan, por exemplo, as obras de misericordia!

 

Dun autor portugués: A realidade interior é a nossa alma, que precisa de nosso corpo para interagir com a realidade externa, enquanto peregrinando no ambiente terrestre, denso. Por isso ser a janela da alma. Temos que valorizar o corpo, não de forma extravagante, mas dar a importância que merece, dada sua simbiose com a alma. Esta a essência permanente, o corpo a realidade terrestre que nos serve de roupagem para habitar a Terra.

 

¡Non andas lonxe, amigo; claro, es portugués! O malo do caso é cando un alma enferma, daniña, pecadenta, se vale dun corpo para esparexer o mal, ao igual que Lucifer cando tomou corpo na serpe para facerse oír; ¡por iso asubían as serpes, por iso: avisan do seu veleno, así que, dobre pecado facerlle caso a un asubío!

 

Cando a alma se despide, así, nun murmurio, polo baixiño, dille ao corpo, simplemente: ¡Deica logo! E cando chegue o día da resurrección plena, a alma reunirá as cinsas, por escamalladas que estean, pero, reencarnará na mesma carne? Teño para min que non será exactamente así pois a depuración da alma comportará a do corpo correspondente, que xa será glorioso, puro, transparente, etéreo! ¿Puro? ¡Si, claro, evidente, pois, do que non, a alma non aceptaría volver ás andadas, ás miserias humanas, ás corrupcións corpóreas, humanas en definitiva! Do que se segue que os corpos purgan aquí abaixo as consecuencias dos seus vicios, e as almas fano nas alturas, refugando ese corpo que as levou por mal camiño.

-.-

 

 

 

-¡Señor, sálvanos, que afogamos! Pero El díxolles: -¿Por que vos acovardades, homes de pouca fe? E poñéndose en pé increpou aos ventos e ao mar, e veu unha gran calma. (Mateo 8:25).

 

Afouteza é o que compre para navegar neste mar proceloso, no mar da vida, pero non, nunca, confiados nas nosas forzas, que son endebles, senón na fortaleza que nos dá, que nos debe dar, a fe revelada polo noso Temoeiro!

 

Viaxar sos, sen Deus e con mentiras, é a temeridade máis absurda; algo así como conducir sen carné, sen carné de cristián! As tormentas existirán, sempre, porque veñen do paraíso perdido, daquela rebeldía transmitida, pero, se poñemos no posto de mando ao noso Xefe, ao noso Redentor, non haberá Satanás que poida con nós. A vida daranos coiteladas, feridas sangrantes, dolorosas, que iso é inevitable, de perdida a gloria do paraíso, pero a fe na vitoria final daranos azos, e con eles, a ledicia, anticipada, de que, á final da loita, seremos coroados, na Gloria Definitiva, na Celeste, na Eterna, e non precisamente con un simple laurus nobilis! Montados no cabalo da fe, non hai siroco que nos tombe!

 

¿Que doen as feridas? ¡Claro que doen, é natural que doan, que tamén sufriron os mártires, pero, ao final, valeulles a pena! Sufrir con fe, coa seguridade do Premio Eterno, non é sufrir: é gozar! Se non me credes, aí están os Evanxeos, que é a mellor vara de medir, a única fiable, a máis obxectiva de todas!

 

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: