Deterxeo da alma
Recibe a vestidura branca,
e lévaa inmaculada ante o Tribunal de Deus,
para que consigas a vida eterna.
Así sexa.
Xosé María Gómez Vilabella
¿Valen tódalas augas? Se están limpas, si; o que non se pode é lavar coas sucias, con feitos malfeitos, malvados, salvo que se queira enxurrar a alma! ¿Quen o dixo? ¡Dio o sentido común, a pouco que reflexionemos!
¡Que negocio tan grande é a salvación, e que pouca atención lle prestamos! Para comezar: ¿Por que se está esquecendo aquilo da “auga de socorro”? A min, segundo mo teñen referido, ¡grazas, padriño; grazas, madriña!, véndome algo chuchado, fixéronmo nada máis nacer, e “con intención de bautizarte, bautízote (nome), no nome do Pai, e do Fillo, e do Espírito Santo”. (Amén, aquí, nisto, non se di, pois “amén” significa, encerra, presupón, dúbidas)Despois subíronme á igrexa parroquial, para confirmar este Sacramento. ¡Grazas, a ti tamén, señor Cura!
Haxa ou non haxa Limbo, e digan o que digan os teólogos, iso da “auga de socorro” non é mal costume, é unha previsión, así que non está de máis. É un acto pío, e por tanto, agradable e agradecible. ¡Todo o que sexa lavar, todo o que sexa deterxer, nunca sobra!
Pasamos a vida lavando o corpo, quitándolle, incluso, a veces esaxeradamente, esa suor protectora da pel, que a substituímos por cremas raras, tanto, que algunha ata pode ser nociva, pero, da limpeza da alma, que? ¡Claro, a sucidade do corpo vese nos espellos, e a alma levámola dentro, recóndita no almario de cada quen! Preocúpanos, moito, o que dirán dos veciños, pero, o que dirá Deus do mal que lle tratamos o espírito filial, adxudicado, confiado, compartido, usufrutuado, diso, que?
Mirade se ten importancia o Bautismo que o propio Xesús, Fillo de Deus, e por tanto, Deus, ese Deus trinitario que nos creou, que nos rexe, que nos goberna, ordenoulle a Xoán que o chapuzase coa auga do Xordán, predicándonos co propio exemplo. Os outros tamén poden salvarse, tamén son da familia de Deus, pero o Bautismo é un título gratificante, o que se di unha recomendación que predispón ao aprobado. ¡Non pensedes mal, pois esta recomendación é das lícitas; non vai en detrimento dos colegas senón en beneficio xeral, poñéndonos como exemplares; outro tema é que, de bautizados, fagamos mal uso desa titulación!
Mateo 3, 6.- Explicacións da Biblia, de Sept: “O bautismo de Xoán non era máis ca un xeito externo de manifesta-lo arrepentimento, un símbolo de purificación, ós que tan afeitos estaban os xudeus. Específico de Xoán é, con todo, que era el –ou os seus discípulos- quen bautizaba (nos demais casos era o mesmo suxeito quen se mergullaba na auga). O bautismo cristián, en troques, é unha filiación divina, o retorno do “fillo pródigo”, un xeito de comuñón de Deus co home “no Espírito Santo”, lume “purificador” (Mt 3, 2)
Marcos 1, 10-11.- De seguida, mentres saía da auga, viu (viu Xoán) abrirse o Ceo e baixar sobre El, como unha pomba, o Espírito Santo. Unha voz deixouse oír desde o Ceo: Ti é-lo meu Fillo ben querido, o meu predilecto.
Lucas, por se fosen poucos os testemuños anteditos, en 4, 1-13: Entón Xesús, cheo de Espírito Santo, volveu do Xordán…”
¡E nós, da pía! Saímos da pía tan lavadiños que, se houbese espellos das almas, os que nos visen quedarían tan cegos, ou máis, que se ollasen para o sol, para o noso astro planetario. Máis ou menos, iso somos: astros, astros coa luz recibida, coa bautismal. O malo, sobra dicilo, é que…, que a podemos eclipsar! Por esta circunstancia, por este motivo, corre tanta presa a confesión, o arrepentimento, a reparación do dano causado, para volver ao estado de graza, para volver ao reino da Luz!
¡Hai que volver á conmemoración da data bautismal! Celebramos os aniversarios de calquera contratempo, sexa propio ou alleo, pero, a entrega do noso título de Cristián, a do bautizo? Só atopo unha definición: ¡Desagradecidos!
Unha precaución: Non lle fagamos caso á nosa conciencia, pois, de non tela educada pode saír mentireira, cómoda e mentireira, e iso só ten un remedio: Ir á escola bíblica, atenderlles aos libros sagrados, en especial aos Evanxeos; prestarlles atención, pois neles están as receitas, ¡todas, infalibles, xa que veñen do propio Mestre, do propio Fillo de Deus, coa memoria avivada naquel Santo día de Pentecostes! ¡Tanto tempo que lles botamos, que lles dedicamos, aos mass media, e tan pouco aos Evanxeos, sendo que esas fontes son as que teñen auga purificadora, santificante!
Pentecostés. (De El Greco)
-.-
DE CORRECTIONE RUSTICORUM
Xa non temos no noso Bolannio ao ben querido Sâo Martinho, (Martinus Bracarensis), (autor do catecismo que forxou ao pobo galego), pois, despois de predicarnos, tornou para Portugal, así que tentarei corrixirme eu mesmo, a min mesmo, apelando á miña vocación de autodidacta:
-I-
¿Sei as cousas necesarias para salvarme = para cumprir os meus deberes? É unha soa pregunta, pero, terrible! Se non cumpro cos meus deberes será unha pretensión absurda iso de confiar na miña auto salvación, non si?
De ben mirado, só hai un mandamento: Amar a Deus sobre tódalas cousas, e ao próximo coma a min mesmo. ¡Xa, un só mandamento, pero os mandamentos, coma as leis, teñen regulamentos, que aquí serían as regulacións da conduta!
Nacín sucio, pero, laváronme, bautizáronme; e despois, que? O resto é cousa, responsabilidade inicial, dos pais e dos padriños…; nos comezos, si, pero non tarda en vir a miña, co uso / ou co desuso, da razón! ¿Cando se comeza a ter razón? Algúns, lamentablemente, non a conseguen ata despois de purificados no Purgatorio, que xa é lamentable, xa!
Para entrar no tema… (Martinho, agora temos “tema” para rato, pois este vocábulo está de moda, e non só nos rústicos, tal que eu). Ensínannos algo de todo, ¡de todo o que lles parece ben aos nosos titores, ximnasia incluída, pero…, ximnasia mental? Aquí, agora, neste exercicio, como non poñamos algo da nosa parte…, turulú!
Razoar non sempre é cómodo, pero darlle patadas a un balón, como fan no fútbol, tampouco, e por iso hai goles, premios, primas… A principal das diferenzas está, ao meu curto entender, en que os razoamentos son autopagables; os premios diso están en nós, en nós mesmos, que para isto somos competidores de nós mesmos! ¿Complicado, non si? ¡Que va; pensándoo ben, non, en absoluto!
Cando eu estudaba o pouco que estudei
Escola de Maxide no seu estado actual; pero aínda se conserva o seu escudo no alto das escaleiras, encima da porta.
ensináronme que non hai nada como ollar as leccións para o día seguinte mesmo ao deitarse, que así, mentres durme o resto do corpo, a noso cerebro, o noso ordenador, dedícase a ordenalas, e á mañá seguinte…, zas, lección entendida, e de paso, apresa! Tamén se me dixo que non é igual aprender que entender: ambas son verbos da segunda, da segunda terminación, pero os significados difiren, moitísimo. Aprender é suxeitar; algo así como levar unha vaca da corda, e diso sei moito, que non se me esqueceu! O de entender chega máis aló, vai ao fondo do cerebro, precisamente onde está o trono da alma. Algúns din que o amor está no corazón; iso de ter un bo corazón. ¡Xa, mais cando o cerebro se cansa de razoar, a bomba pode seguir bombeando, pero, descontrolada! Cando o meu cerebro me ordena odiar, o corazón sublévase, non entra por esas. Disto sigo, séguese, que: aínda que o corazón me incline a odiar, se controlo as potencias da alma, se lle boto cerebro á vida, sempre serei capaz de trocar en caridades os malos latexos.
Ben, pois aquí teño o borrador da primeira lección nesta escola privada, miña, enteiramente miña, aínda que, se alguén quere copiar, se coidan que lles vale a pena, por min, encantado! Pasen, escoiten, que vai de balde: a miña escola, á que eu asistín, esta da foto, xa non era daquelas de a ferrado; tornárase gratuíta, ou máis exactamente, non, porque, en definitiva, trátase dunha débeda que teño co meu próximo, que moito me leva ensinado, por máis que eu, eu mesmo, pouco aproveitase, pois aí están as miñas accións, moitas e delas mellorables, que así o confeso, e así o confesarei cando me confese.
-.-
¿Dubidei en serio dalgunha verdade das da fe? ¿Cheguei a negalas? ¡Non só se negan coa blasfemia, senón, e tamén, co pasotismo, esa pandemia do mundo actual, tan namorados que estamos do palpable, e tan ignaros do espiritual!
Que dubidamos, que esquecemos, é evidente pois de non padecer esta amnesia mellor iría o mundo, as relacións humanas, e algo nos esforzariamos por facer efectiva esa paz que prometemos na igrexa; ¡claro que a veces facémolo na punta dos dedos, sen sequera cortesía! Cremos cos pés xuntiños as mil e unha trola que nos contan os tendeiros e mailos políticos, case todos divulgadores, sen reparar nin sequera na verba que os define: iso, di - vulgadores, que din para o vulgo, para todos e cada un dos vulgares! Daquela non esiximos demostracións, comprobacións, evidencias, estean en presenza ou ausentes, no noso hemisferio ou no outro, pero vén Cristo, que morre por nós, nunha paixón, nunha cruz, ¡voluntariamente aceptada!, e, nin caso, coma quen nos conta un conto de fantasmas! Aquel non mentía, pois..., resucitou, resucitou e mostrouse; glorioso mostrouse, e aquelas testemuñas deron fe diso, fidedigna, algún incluso a referendou aceptando o seu martirio testifical.
Esas dúas verbas, cada vez que as oímos, se fósemos un chisco sensibles, tiñan que estremecernos: ¡Voluntariamente aceptada!
Xesús, cos meus pecados ao lombo.
¿Sabemos dalgún caso similar? ¡Foi único, en toda a historia da humanidade! Eu mesmo, que teño a experiencia persoal dunha guerra, na que certamente houbo heroes, ¿as súas heroicidades foron voluntaria e autenticamente aceptadas? ¡Algúns avanzaban porque detrás viña o Sarxento coa tralla, e outros facíano porque confiaban na súa baraka, na súa sorte, aínda que tamén os houbo ignorantes, incapaces de valorar os perigos concorrentes! A xenerosidade de Cristo, Fillo de Deus, e por tanto, Deus coma seu Pai, é incomparable, absoluta, e case diría que inexplicable se non fose porque se explica desde a infinitude do seu amor polas criaturas da súa propia Creación! ¿Fíxoo para emendar erros desa mesma Creación? ¡Non houbo erros, ningún, senón, se acaso, un exceso de amor, de xenerosidade ao concedernos un libre albedrío, do que fixeron mal uso aqueles proxenitores dos que somos ramificación, carne da súa carne e alma da súa alma, compartida, multiplicada, ao xerarnos!
Se nos conta un conto un amigo calquera, que o teñamos por persoa de fiar, ben que lle cremos, por inverosímil que sexa, non si? Pois, neste caso, non foi un senón moitos, comezando polos Evanxelistas, e tan certo era, tanta verdade dicían, que, a pesar de ofrecerlles indulto se se retractaban daqueles asertos, optaron por imitar ao Mestre, acabando no martirio. ¡Mellores testemuñas, -repito-, nunca, e para iso desde que o mundo é mundo! A esa heroicidade só se chega cando se está en posesión da verdade máis absoluta, que é igual a dicir, confirmados polo Espírito Santo, que para iso tiveron o seu Pentecoste!
-.-
¿Púxena en perigo (a fe) con lecturas irrelixiosas ou inmorais, con conversacións irreverentes, con dúbidas non rexeitadas de inmediato? ¡Uf, que difícil é andar polo mundo, acotío, sexa no campo ou na cidade, sen tropezar con estes croios, pero o importante é levar un calzado bo…, para pisalos con enerxía!
Destas pedras, destes croios, as lecturas irrelixiosas igual son as máis raras pois estamos nunha tempada, nunha friaxe relixiosa anódina, eslamiada, un deserto graciar, no que a cuestión relixiosa deixou de ser tal, así que nin nos molestamos en contemplar a paisaxe; ¡nunha palabra, que non nos estorba! Karl Marx, índose, deixou de dicir que a relixión é, ¡era!, o opio dos pobos, e os seus seguidores, tamén. ¡Como xa nos importa un beldro, nin nos molestamos en falar mal dela!
O de Marx non foi ben entendido; acabou deformado: O que realmente quixo dicir, na miña opinión, foi que a resignación, dimanada da relixión, tradúcese en conformismo, co cal o vulgo segue aguantando as vulgaridades, e coas vulgaridades as atrocidades do lobo humano. Se cadra algo diso houbo, e menos mal se a resignación freou certas revolucións que, por cruentas, igual acababan coa especie humana.
Por outra banda, as lecturas irrelixiosas teñen de vacina infalible a cultura, pois está claro que o lector cultivado, maduro, instruído, non abre tanto a súa boca de pasmón como para comungar con rodas de muíño. As trolas excesivamente grandes son coma as grandes montañas, que non perdemos o tempo en escalalas, salvo algún que outro suicida.
Conversacións sucias, lecturas inmorais? ¡Evidencian que, ao desprezar o espiritual, da carne non saímos, non pasamos! Isto é noso, non nos vén de herdanza, pois sabido é que aquel Adán e maila súa Eva utilizaron as follas da súa parra, pero hoxe, nin en público nin en privado! A nosa parra témola na Biblia, fundamentalmente na Biblia, pois, canto máis bibliófilos nos fagamos menos graza nos farán as chocalladas. ¡Probade, e veredes!
-.-
¿Profesei o indiferentismo relixioso? ¿Indiferentismo? ¡Chamarlle así é un eufemismo pois, quen máis quen menos, mentres crucificaban a Cristo, escondeuse, escondémonos, apóstolos incluídos, e menos mal que cantou o galo!
¿Terá a culpa o hedonismo? ¡De ser así, para que me vou confesar; que se confese ese señor, ese hedo…, ese…, ese cirenáico, ese epicuro, ou como diabros se chamase! Onde estará, arestora, aquel Aristipo, aquel sibarita de Cirene, que tanto lle gustaban os praceres? ¡O máis probable é que estea no Sétimo, e como eu non quero ir a ese senón ao outro…, como non falemos por teléfono…, se é que Aló Arriba deixan pasar as hertzianas pola fronteira entre o Ceo dos austeros e mailo dos golfos, pois eu quero ir ao austero…, xa que austero fun na terra, a Deus grazas!
¿Onde se está mellor, na bañeira ou na igrexa? Na bañeira lávase o corpo, pero na igrexa, a alma! Unha cousa non exclúe a outra, pois os dous lavados fan falta. Conclusión: Só os porcos se bañan no xurro, só os porcos comen no xurro; aínda así a súa carne non é mala, pero…, non teñen alma! Daquela, se non queremos imitalos, lavémonos con outras augas, e comamos do outro pan, do eucarístico, que ese si que mantén o espírito, de aquí á Eternidade!
Nos cuarteis cantabamos: Quinto levanta, tira de la manta, que viene el Sargento con la tralla!
Indo para o Ministerio, de quinto.
Coa tralla vai vir San Pedro, o día menos pensado, se nos quedamos na cama, e castigaranos por imitalo na súa covardía, pero non nas bágoas do seu arrepentimento! Tamén era dos cuarteis iso de: ¡Centinela, alerta! E había que contestar, so perigo de calabozo: ¡Alerta está! Nós, particularmente os cristiáns, que temos xurada a bandeira de Cristo, ao pé da súa cruz estamos alerta, como bos sentinelas de nós mesmos? ¡Pobre do que se durma, que de seguro acabará nese calabozo ao que chamamos Purgatorio, e non será sen motivo!
-.-
¿Recoñezo lealmente á Igrexa os seus dereitos en liberdade de maxisterio, goberno dos seus súbditos, nomeamento das súas autoridades, privilexios adquiridos, dereito a ensinar, por si, pero tamén polas sociedades que ten aprobadas, etcétera? Isto soa a preconciliar, pero non de todo, pois a Igrexa, como toda Asociación, ten os seus dereitos, e tamén deberes, por suposto, lícitos e irrenunciables, así que, onde damos liberdade a todo tipo de sociedade lícita, lícita e legal, a da Igrexa non pode ser menos, obviamente!
O mesmo Xesús instruíunos para que deamos ao César o que é do César, e a Deus o que é de Deus. Nos Evanxeos está claro, claro e rotundo, non si? A Creación é de Deus, por máis que lla queiran arrebatar algúns científicos de vía estreita; pois a Igrexa tamén, coa máis absoluta propiedade xa que é a quinta esencia desa Creación!
Os denarios teñen a cara do César, é certo, pero tamén o é que se acuñan para pagar servizos, para que os traballadores vivan precisamente de prestar os seus servizos, que por algo e para algo entregan tempo e saúde, esforzos en definitiva; e logo están os templos, os desprazamentos, etcétera, así que compre sustentar o espiritual enriba do material, cousa que non lle estrañará ao César posto e suposto que tamén participa deses beneficios.
O último Concilio tomou conciencia dos problemas da Igrexa, e respondeu a eles con valentía. Falou da Igrexa ante todo como pobo de Deus; recuperou a condición dos Bispos, herdeiros dos Apóstolos, e non meros funcionarios do Papado; falou da colexialidade; e do diálogo coas relixións e co mundo en xeral; impulsou a lectura obxectiva e científica das Escrituras; ata revisou a liturxia, popularizándoa! Con iso, todo o mundo cristiá recoñeceu nese Concilio o Vento do Espírito, o Vento de Deus, e puxo nel moitas esperanzas. O que nos compre aos desta xeración, é…, ¡non retroceder na doutrina correcta!
-.-
¿Desesperei da miña salvación? ¡Desesperar, desesperar…, non é razoable conscientes de que Deus é, para nós, para as súas criaturas, un sol de Amor, pero…? ¡O pero é que non teño / non temos, dereito a que nolo dea absolutamente de balde: algo espera de nós, que por algo, e para algo, nos fixo persoas e non penedos!
¿Sálvanse os suicidas? ¡Na miña parroquia, ata o XX, enterrábanos nun cemiterio retirado, á parte…!
Con meu padriño, rezando no cemiterio do Zarro Novo, onde antigamente se enterraban os suicidas e mailos abortos.
Se o facían de desesperados, por medo a non salvarse, os suicidas levábana cadrada, pois así menos se salvarían, acurtando oportunidades. O propio Xudas, entendo que se aforcou máis ben de arrepentido, así que algo levou de positivo: esa vergoña, esa dor, ese arrepentimento. Pensándoo ben, non hai desesperación que conduza ao suicidio, tal e como agora o entendemos: Os suicidas, meus pobres, son, eran, sempre foron, enfermos, enfermos mentais, enfermos de gravidade, e por tanto, irresponsables ante Deus dos seus actos; por ende, ante a Historia.
A salvación témola asegurada, e para iso con un requisito moi simple: querer, querer salvarnos! De vello vén o dito de que, Poder é querer. Pois non, que non sempre se cumpre; no material, quero dicir; no espiritual, si, sempre! A solicitude desta graza formúloa así: Señor, dáme luces nas tebras desta vida para non perderme no Camiño, para reunirme contigo, e de paso, cos teus santos, para ir ao Ceo con pouco purgatorio, co menos posible. Amén. ¡Máis barato, nin a auga do mar!
-.-
¿Descoideime, presumindo que Deus non me abandona? ¡Deus e bo, sumamente bo, bo e paciente, pero tamén é xusto, que precisamente por iso reparte segundo os méritos! Aquilo dos malos estudantes de que, chegado maio, xa subirá meu pai con un xamón para cada profesor, seica pasaba en tempos, ¡en tempos mundanos!, pero o Mestre dos Mestres só admite, como regalo, a boa conduta do alumno.
Con tormenta, ¿quen se arrisca en saír á rúa sen capa ou paraugas, sexa propio ou prestado? Porén, nos remuíños mundanos, tanto se vén o vento de Sodoma como de Gomorra, nós, ao pairo! ¿Temos amarras? ¡Todo ao redor, que nolas brindan, desde a nosa botadura: padriños, pais, os parentes, os amigos, os bos profesores, os sacerdotes…! Pero nós, ¡avante toda, para presumir de valentes, de ateos incluso, desafiando a ese Deus no que, á vez, confiamos, que xa é o colmo do cinismo!
¡Xa me confesarei…, para cando me traian o viático, que mentres, viva a xolda! Burros, animais, ignorantes, que nos emperramos en ignorar que é máis alegre, máis vivible, máis levable, a vida espiritual cá de crápula. Esa paz interior que comportan as boas obras, iso de portarse ben, non ten prezo: ¡é doce, grata, marabillosa; en certo modo, anticípasenos o Ceo, porque xa notamos, aló dentro, no interior, no almario de cada quen, que algo superior, absolutamente divino, nos está agradecendo o esforzo, por cativo que sexa, que fose. Moita ignorancia é non saber calibrar, sopesar, pois a virtude é infinitamente máis fácil có vicio; ¡claro que o burro leva a carga e non a sinte! ¿Ou non é burro aquel que carga co saco das malicias, e iso a pesares de coñecer, de que lle teñan dito, dito e demostrado, que as virtudes, en vez de molestias, proporcionan alas, alas capaces de facernos voar por riba das tormentas mundanais? ¡Pois, por veces, nin así: daquela é que nos poñemos a albarda, a nós mesmos, en por nós!
-.-
¿Tardei moito en confesarme despois de ter pecado gravemente? Pero, rapaz / rapaza, iso é normal, usual, nesta España dos nosos pecados; aquí só se confesan os Curas, e para iso fano discretamente, uns cos outros, que non é fácil nin frecuente velos de xeonllos, na parte de fóra, nin na dos homes nin na das mulleres!
Confésase o Papa, e ti, non?
De cando en vez os xuíces chaman a capítulo, e que? ¡Ou non sabemos, ou non lembramos, ou levamos avogado! Se cambiasen a liturxia, tal que permitindo levar avogado á confesión, daquela…, daquela igual si, pero poucos, algún que outro fariseo, para que os teñan por bos!
A cousa é tan seria que ata será pecado tomala a broma; un pecado máis, outro! A nosa soberbia esixe que nos pida perdón o ofendido; ¡que si, que o vemos a diario na vida cotián! Esquecémonos do Noso Pai: “... así como tamén perdoamos nós...” No tocante á nosa conduta non hai un que non sexa protestante; mais cando algún ladrón rouba, cando algún mentireiro minte, en vez de cominalo ao arrepentimento, á devolución, sexan bens ou fama, antes o aclamamos. ¿Que non; que si? Isto vese acotío: Os farsantes sempre reciben aplausos, parabéns, e incluso admiración. ¿Por que? ¡Obvio: admiramos nos outros aquelas maldades, aqueles logros, que nós mesmos quixésemos acadar; son os nosos mestres!
¡Ai, Deus, que igual tivo razón Curros Enríquez cando te viu, cando dixo que te vira, asomado entre nubes, para exclamar, arrepiado: Se este é o mundo que Eu fixen, que o demo me leve! O conto ten, tivo, o seu grafismo: ¡Xa non é o teu, que cho botamos a perder, colectivamente! Nestas circunstancias, Señor, máis cá nunca preciso da túa Luz: Axúdame a camiñar, axúdame a aborrecer o pecado, á vez que, igual que fas Ti, me compadezo dos pecadores, meus irmáns, imitadores entre imitadores! Non me deixes caer na tentación, e de caído, auxíliame; que non me dea vergoña a confesión, xa que tampouco a tiven para delinquir!
-.-
¿Queixeime de Deus, ou murmurado da súa Providencia? Coa Providencia hai que ter coidado pois o noso egoísmo tende a supoñer que Deus está obrigado a levarnos da man, mañá por noite; si que nos leva, pero…, se nos deixamos levar! Concedeunos o libre albedrío, así que algo, ¡algo, non, moito!, depende de nós mesmos. ¿Queremos liberdade, e á vez que nos leven da man? ¿Non será unha contradición; non será moito pedir?
Hai determinismo en moitos actos, como raiceiras que nos atan a un pasado, ou tamén a certas circunstancias concorrentes, pero nada nos impide cumprir os Mandamentos da Lei de Deus; ¡nada, en absoluto! Que en ocasións, dada a nosa persoal idiosincrasia, pódenos resultar difícil, ou incluso extremadamente difícil cumprilos, tamén é certo, pero imposible, nunca!
O que vai desaparecendo, aínda que non sei se é porque mellora a fe, e mingua a incultura, é a blasfemia, ¡a Deus grazas! É unha gran satisfacción que así ocorra, pero tamén cabe sospeitar que agora blasfemamos con verbas máis sutís, indirectas; tal ocorre cando maldicimos da nosa sorte, ou lamentamos non poder alcanzar a gloria coas propias mans: suspensos, desagradecementos, cambadelas, enfermidades, accidentes…; cousas así.
Tamén pateamos cando se nos vai un ser querido, maiormente cando se nos vai a destempo, circunstancias, casos, que poñen a proba a nosa fe, queixosos desas présas do Señor da Vida. Pretendemos que os fillos enterren aos pais, e a nós os netos… ¡Pois, non, non señor, que tan aló non chegamos, que igual pode ser que Deus nos deixe máis tempo aos peores…, dándonos a graza de purgar as nosas faltas…, en vida! Conformémonos, de momento, co que sabemos, ou máis exactamente, co que podemos chegar a saber, pois nin na terra se lles contan certos segredos aos inferiores, e iso que os nosos xefes non pasan diso, de xerarcas minúsculos, infinitesimais!
-.-
¿Falei sen a debida reverencia das cousas santas, dos sacramentos, da Igrexa, ou dos seus ministros? ¿E quen non? Claro que nisto, en tempos non tan remotos, algunha atenuante había, aínda que só fose polo xeito maxestático de presentarnos as cousas: Aquelas voces tronantes desde o púlpito, que só lles faltaba ter nas mans os raios de Xúpiter. O crego no altar, de costas aos fieis, coma un xeneral encabezando o mando das tropas. (Coma un xeneral non, pois estes, os actuais, ben que se quedaban detrás, na retagarda, e de ter un blindado, no blindado!). Aquel Nós, tan utilizado para presentarse naqueles tons imperiosos e imperiais. Aquela Inquisición, que tanto invitaba ao fariseísmo… Etcétera, etcétera.
¡Que diferente se vén as cousas con un Francisco, con un segundo Francisco, que se proclama Servidor antes que Papa! Pois ben, esa exemplaridade, esa sinxeleza, ten que ser, debe ser, transmitida por nós, por todos nós, polos da “n” minúscula, que é o mellor xeito de darlle a Deus o que é de Deus, con humildade, con reverencia…; en definitiva, con exemplaridade, que é o mellor apostolado!
O Papa Francisco sinalando que,
“quien chismorrea es un terrorista dentro de la propia comunidad”
Xa non se contan contos dos cregos, ou poucos, e iso é, ¡de verdade!, porque xa non os merecen, xa non merecen as nosas críticas: ¡abaixándose ao pobo, agora si que os temos, si que os vemos, no púlpito, no púlpito da exemplaridade! ¿Xa non pecan? ¡Coido que si, e menos o farían se lles deixasen ser normais, pero a Xerarquía quéreos con tiara! Tanto os quere con tiara que incluso os encobre cando saen defectuosos, ignorando, querendo ignorar, que o propio Xesús botou do templo, a lategazos, aqueles chaláns que se aproveitaban da inmunidade templaria! ¡Hai que xebrar, señores cardinais: as ovellas coas ovellas, e as cabras coas cabras, pois os seus tratamentos son, deben ser, diferentes!
En todo isto hai un enésimo Mandamento, o da Exemplaridade: Se queremos ter seguidores, se anhelamos que se respecten as nosas crenzas, as nosas liturxias, en definitiva o noso culto, comecemos por dar exemplo, pois con iso os demais dirán de nós algo así como se dicía dos primeiros cristiáns: ¡Mirade como se queren! Darán importancia ás nosas cousas, aos nosos Santos Misterios, se facemos visible a nosa adoración, e con ela, a nosa cordialidade. ¡Ai daquel que escandalice…! ¿Xa o temos esquecido? ¡Daquela, como fan os suspensos: repasar, volver en Setembro!
-.-
¿Procurei adquirir instrución relixiosa, tal que con lecturas, asistindo a predicacións, conferencias, etcétera? Esta obriga é das de ida e volta, pois non só temos a de instruírnos senón, e tamén, a de facer apostolado, transmisión, expansión, divulgación… ¿Quen dixo que xa non estamos en terra de misión? ¡Sempre o estaremos, pois o inimigo non durme: compite! ¡Vaia se compite! Quen o dubide que escoite, que escoite os seus bramidos na trincheira frontal, nas tebras do pecado. ¡Ide predicar o Evanxeo…! Orde rotunda do Xefe, non si? ¡Non debera ser necesario que nolo ordenase, pois, xa que nos interesa participar na comuñón dos Santos, que: de gorróns, ou aportando algo, por pouco que sexa? Aquel que non sementa, ou que o fai mal, esparexe o xoio…
Lembrémonos de Paulo, un alumno a distancia, ¡pero apóstolo, tamén apóstolo, ben preclaro por certo!, que, na segunda aos Corintios, 9:6, advertíunolo: “Quen sementa con mesquindade, con mesquindade recolle; e quen sementa con xenerosidade, con xenerosidade recolle”. Dos froitos obtidos, unha parte é de consumo, naturalmente, pero a outra, a máis selecta, temos que dedicarlla á sementeira. ¿Si, ou non? ¡Se isto fai o labrego, ese arador da terra, outro tanto os aradores do Ceo, os servidores da Casa Grande! ¡Iso, da Grande, da verdadeiramente Grande!
De presente, con vinte séculos de escola, a mellor proba de que pouca sementeira levamos feito, pouca ou mal feita, é que medio mundo aínda non oíu falar de Cristo. Debía caérsenos a cara coa vergoña co noso pasotismo: Sementamos pouco, pouco e mal, e encima diso, divididos, cristiáns diverxentes, seitas, herexías…! ¡Señor, arrexúntanos, pois así, escangallados, o inimigo teno fácil, lamentablemente!
-.-
¿Abandonei a oración, e tamén o recurso a Deus nas tribulacións e/ou nas tentacións? ¡Sería tanto como conducir un coche sen freos; e, que sensato o faría? Pois andar pola vida de costas ao noso Redentor, algo parecido!
No meu catecismo díxoseme que hai dous tipos ou formas de rezar, a mental e maila oral. ¡Pois quedábanse curtos, que así tardei en decatarme de que se subdividen: A oración de pedir (abundante), e maila de agradecer (rara avis)!
Primeiro débesenos ensinar a agradecer: Unha, porque Deus deunos, antes, antes de que necesitásemos pedir cousa algunha, unha infinidade de grazas; neste caso, comecemos polo agradecemento ao Deus que nos fixo, e á nai que nos pariu, tamén, pois asasinas coa ruda hainas desde que a probaron aquelas fillas da señora Eva. En canto ao pedir, cuns pais que sexan pais, por pobres que sexan, nos primeiros anos pouca demanda necesitamos.
Xesús invitounos a pedir: Pedide, e recibiredes… Consta en tódolos evanxeos, pero a min encántame, en Mateo 6, 5-15, aquela recomendación de que, “… cando vos poñades a rezar non sexades lareteiros coma os pagáns, que botan de conta que os van escoitar polo moito falar…! ¿Que significa isto? ¡Se non o entendo mal, e coido que non, Deus, con só quedarnos quediños, entregados, abstraídos no importante, como bos servidores, El aténdenos; enténdenos e aténdenos! Do que non estou tan seguro é de que eu, eu mesmo, o veña facendo así, pois, aínda que cerre os ollos, a imaxinación vai por libre, distráeme; vai por libre se non a freo, se non a reconduzo.
O de agradecer non o dixo tan claro Xesús, nin claro nin rotundo; por que sería? ¡Obvio: porque os agradecementos solicitados carecen de mérito! Se fago un favor, e de inmediato requiro ao beneficiado para que me dea as grazas, escangallo o agradecemento! Pois ben, se isto pasa entre vermes, que non será nas alturas celestiais? ¡Por canto recibín, Señor, e iso a pesares de non merecelo, ou escasamente, eu, Deo gratias, que foi moito, máis do merecido, máis do que pedín, pois nisto, pese a miña curtidade, pese ao meu egoísmo, non teño dúbidas!
-.-
¿Recei, meditei, fixen lectura espiritual, practiquei visitas ao Santísimo, segundo as miñas posibilidades, segundo as miñas oportunidades, para afianzar e para intensificar a vida cristiá? ¡Uf, nisto…; se me toman declaración Aí Arriba, mal me vexo…, porque tiven moito a que atender, moito para onde mirar, comezando polas nenas guapas, tantas que sempre houbo ao meu redor, desde aquela escola mixta...: os seus ollos, que daquela ninguén levaba gafas, para min, que me gusta a beleza, ¿e a quen, non?, era algo así como rascar un misto nun pedernal, lume ao canto! Aínda que a beleza mundana non pode ser mala se a ollamos con bos ollos, con ollos agradecidos a Deus por rodearnos dela, o perigo está en materializar excesivamente, ou anticipadamente, ou exclusivamente, eses atractivos.
Atractivos e tentacións son cousas diferentes, aínda que por veces veñen en restras; o importante, nisto tamén, é saber distinguir, dar a Deus o que é de Deus; agradecerlle que nos rodease dun mundo tan variado, tan vario e tan guapo, e á vez pedirlle que nos ensine a distinguir a beleza pura da impura, pois a impura, para tentarnos, tamén se presenta ante o noso iris como desexable, fortemente atractiva. ¡Aí entra a meditación: Señor, con tantas eleccións como nos aporta a vida, acotío, móstrame a correcta! Xa sei que as roseiras teñen espiñas, xa sei que os cans ladran nos camiños, pero non permitas que me entreteña, que me ensarille no fútil, no secundario, porque quero chegar á Meca, á Túa, á verdadeira, á do Ceo, sen tardanza nin demérito, ou co menos posible!
¿Oportunidades? Unha vida, por curta que sexa, ten moitas encrucilladas, milleiros delas, e por veces a elección, nin de día é doada, canto máis de noite, pois as noites son malas conselleiras: Deus asignoullas a Lucifer, precisamente ao que fora “Príncipe da Luz”, en castigo pola súa soberbia, pola súa traizón. ¡Que pouco reparamos nisto: Durmamos de noite, recuperando forzas para cando Deus nos envíe a súa alba, que xa o ten de costume; recuperemos esas forzas para seguir orando e laborando, que son as funcións máis nobres do ser humano; espertemos cedo, que é un bo costume: ter os ollos abertos desde a mañanciña para así gozar deste novo día, dunha nova oportunidade salvífica. ¡E de sucios, lavémonos, de corpo e de alma, pois as dúas limpezas son gratas, gratas e necesarias; non me cansarei de dicilo, de dicirmo a min mesmo!
-.-
¿Fixen cousas supersticiosas, dándolles crédito? ¿Quen non, quen tira a primeira pedra? ¡Casei en trece e martes…: que máis superstición se quere? Levarlle a contraria a unha cousa, enfrontarse a ela, é tanto como aceptala, é darlle importancia; acordarme de que foi un trece de tal mes, vale, pero encima diso fixar a lembranza de que era martes é pararse na coincidencia, darlle, recoñecerlle existencia a unha crenza absurda.
O século XX xa se distanciou do XIX, e neste, no XXI, os deuses cativos foron eclipsados polo máis potente, polo diñeiro, sendo o máis invisible de todos, xa que está pasando á forma electrónica, incluso para pagos menores, tal que o pan de cada día! Das antigas habíaas de tantos tipos que mellor as poño por orde alfabética para non atribuírlles categoría predominante: adiviñación, astroloxía, cartomancia, curandeirismo, espiritismo, feng-shui, maxia, quiromancia, tarot, xeomancia…; e ao rabo destas, as súas técnicas: o destino, o poder invisible dos astros, os ritos máxicos…, para concluír na Santa Compaña!
Se me apuran, no que aínda creo é no curandeirismo dos médicos, que poucos hai que non se endeusen polo feito de que ¡algunha! das súas menciñas cura. ¿Curarían tamén se nos aplicasen placebos? ¡Nalgún caso, coido que si! Teñen tanto poder, que nin van aos tribunais cando erran: ¡Se morreu é…, porque estaba de Deus! ¿De Deus, ou deles? ¿Vedes como aínda non logrei desfacerme deste pecado, da miña, irredenta, credulidade nestes deusiños terráqueos, nestes matasáns, e encima diso, estoulles agradecido!
-.-
¿Calei pecados na confesión, recibín sacramentos indignamente, deixei de cumprir mandamentos da Igrexa…? ¡Adoitamos ser esixentes có próximo, incluso en cuestións de mero protocolo, pero pouco nas nosas relacións co Supremo; daquela…, a emendarse tocan!
Ben que nos esmeramos cando falamos cos amigos, ou para un público determinado, esforzándonos por dicirlles aquilo que regale os seus ouvidos, o que máis lles convenza, ou o que máis nos conveña a nós, a nós mesmos; poren, cando se trata de convencer a Deus de que estamos arrepentidos, arrepiados das nosas faltas, canto nos custa acomodarnos á confesión! Pois neste caso o engano facémolo a nós mesmos, a nosoutros: ao Cura ben lle importa que confesemos ben ou mal, pois el sempre está disposto a perdoarnos de parte do Gran Confesor; pero, a Deus? Xesús, a segunda persoa da Santísima Trindade, deixouno clarísimo, tal que en Xoán 20, 23: A quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos!
Por amplos, por irrevogables que sexan uns poderes, o apoderado non pode, non debe, firmar sen ler, sen saber o que firma; esas facultades, delegadas, transmisibles no seo da Igrexa, tamén teñen, aínda que só sexa por lóxica, unhas limitacións: ¡O que me escondes non entra no trato! Outra cousa é o esquecemento involuntario, pero, dun xeito parecido a como facemos para ir á tenda, que de primeiras botámoslle unha ollada á carteira; antes da confesión, antes de “mercar” a graza, repasemos, comprobemos a nosa solvencia. ¡Cando hai ganas de facer ben as cousas, verdade que saen melloradas? ¡Pois iso!
O exame non é sinxelo, pois de primeiras temos que examinar a propia conciencia, que pode estar viciada, deformada. Unha mala conciencia, coma un Médico sen carreira, pouco poden examinar; con un mal coche pouco se pode circular. Díxosenos: “Exame de conciencia”, pero non estaría de máis subdividir a lección: Primeiro examinar se a nosa é fiel, para seguidamente poñela a traballar! Formar conciencias rectas, puídas, é, ante todo, unha obriga paterna, familiar, pero como todo na terrea tende a enferruxarse, non chega con iso, non chega coa feitura do ferreiro: ¡hai que lixar, repasar, puír, e non de tarde en tarde, pois á larga todo é máis difícil de limpar!
-.-
¿Lin, vin, libros, periódicos, revistas malas, películas de dous rombos, etcétera? ¡É que…, ou diso, ou nada, ou pouco, tal e como vai o destape; o único que non se destapa é a metade da picaresca actual, que deixa atrás, ¡pero moi atrás!, aquelas aventuras de Rinconete y Cortadillo, Lazarillo, Mortadelo e Filemón…! Como non hai censura, temos que auto censurarnos, e iso non é doado; ¡difícil pero necesario! Teño, debo, lembrarme da muller de Lot…, e iso que aquela Sodoma, comparada coa de hoxe, un xardín da infancia!
Das nosas desviacións podemos ir tornando, pero, das dos fillos, ou das dos fillos dos fillos? ¡Que arriscado é procrear, pero é un mandato divino iso de crear fillos para o Ceo; remar nun mal proceloso sempre é difícil!
Comezando polos anuncios dos periódicos… ¿E quen lles di que prescindan deses ingresos adicionais? ¡Nin os bispos se atreven! Non é doado saír limpo bañándose en merda; non, non é doado, pero hai que intentalo! ¿Como? Mergullándose na Biblia, noso libro de cabeceira; na fonte limpa; na única limpa que nos queda! Facede a proba, por sosa que sexa, por sosa que nos resulte, que tamén é sosa a sosa, (NaOH), e mais serve para lavar, por sucia que teñamos a camisa! E o que non convén, non se lee; ¡déixase para os fillos de Satanás!
-.-
¿Contribuín á difusión da mala prensa, cos meus escritos, subscricións, propaganda, etcétera? ¡Cos meus, coas miñas achegas culturais, voluntariamente, adrede, non, coido que non, pero nisto a autocrítica adoita ser pouco fiable, así que preguntarei, do meu próximo ao máis próximo, ao que teña por máis fiable, por máis ortodoxo, no senso católico deste termo!
Se cambiásemos de chaqueta, máis ou menos como facemos en asuntos do noso, mísero, interese, se en lugar de difundir miasmas difundísemos o Credo, arestora, que mundo tan perfecto teríamos! ¿Do noso interese? ¿Que interese meirande que o de sementar as sementes que nos trouxo, coa súa encarnación, vida, paixón, resurrección…, o Gran Sementador? Aquí abaixo, nesta terra sucia, cando alguén é fillo de pais notables, ben que se fachenda diso; porén, tratándose de fillos do Gran Pai, do Pai Deus, do Santo dos Santos, ata disimulamos a nosa filiación, a nosa redención. ¿Onde se viu cousa tal? ¿Que onde se viu: en nós mesmos, acotío, que ata renegamos do Pai, do auténtico, do Grande, e por ende, da nosa irmandade en Cristo, con Cristo!
Á Beltraneja deixárona sen reino, e iso que daquela non se coñecía o ADN, alegando, supoñendo, simplemente supoñendo, que seu pai, aquel fecundador…, aquel…, podía ser un tal Beltrán de la Cueva! A documentación da nai evidénciase no seu parto; a do pai carnal…, a saber, pois non tódalas mulleres son santas, e incluso poden ser violadas, pero, no caso concreto do Pai Celestial, do Espiritual…? ¡Nin morrendo por nós, en morte de cruz, voluntariamente aceptada, que non me canso de repetilo; nin así, nin así, nin así…! ¡Ai Deus, que desagradecidos saímos; saímos, non, fixémonos, e todo iso por darlle preferencia ao pai falso, a Lucifer!
Este tipo de pecados ten a agravante de que é transcendente pois non se limita ao que fagamos en nós, con nós mesmos, senón que xera iso que chamamos difusión; por poñer un exemplo: Se vemos unha película obscena, estamos contribuíndo á súa difusión, á súa venda, a que sigan facéndoas, cadora máis abundantes e máis perniciosas. ¿Reparamos nisto? ¡Fagámolo, polo menos na sala de espera do confesionario!
-.-
-II-
¿Blasfemei? ¡Non é tan doado este exame pois hai diversos tipos de blasfemia, moitas formas de facelo!
O blasfemo lapidado
(Segundo o Levítico)
Para vacinarnos dela, bo será coñecela, pois o que é entendela, iso, nunca, imposible, por absurda e por salvaxe que é! Non fai falta que nos apedren, porque blasfemando xa nos tiramos pedras, nós mesmos, a nós mesmo; pedras mortais, auténticos boomerangs!
Pode ser: Directa, se ten a intención de deshonrar a Deus. ¿Deshonrar a Deus? ¡Cabe pretensión, animalada meirande? ¡Nin aos animais se lles ocorre! Indirecta, se carece desa intención formal, externa.
Herética, cando é un insulto a Deus que envolve unha declaración contraria á fe. ¡Outra cabra no millo! Imprecatoria, se envolve, se comporta, unha maldición contra Deus. ¡Vaia, un orneo, con perdón dos burros, pois nin a eles se lles ocorre! Contumaz: orneos elevados á enésima potencia. ¡Canto se debe rir Satanás cando nolos escoita; seguro que non ten pracer meirande, nin nos seus aquelarres!
Aqueles dicires malditos que se oían en tempos, e non só aos carreteiros, é algo terrible do que nos fomos rexenerando pouco a pouco, pero, ¡ollo, pois aprécianse xermolos, rebentos, tan finos, tan discretos, á vez que igual de velenosos, ou máis, que nos esixen conservar a garda para non caer nestas tentacións modernas tan…, tan sutís, e por tanto, igual de luciferinas!
-.-
¿Dixen palabras groseiras, torpes, ou con segunda intención? ¿Palabras grosas…? ¡O antedito: foron a menos, que agora afiámolas algo máis, e por ende, máis cortan, e non precisamente polo san! ¡Ui, isto das verbas: dobre fío. Deus nos libre deses santiños tan ben falados, tan lambidos, que mesmo arrouban, e por tras…, coitelo! Nunca tanto especialista houbo en cuestións verbais, que constitúen o fariseísmo deste século, do XXI. Daquela Xesús chamoulles “Sepulcros branqueados…” ¿Hoxe? ¡Hoxe tamén fai falta ser algo deus para captar certos fariseísmos!
Nunha ocasión, sendo eu Apoderado, na que me equivoquei talentando a un cliente, díxome aquel Director: ¡Non serás bo bancario ata que aprendas a catalogar aos clientes! Se vivise hoxe, el, que era moi listo, ou se daba diso, igual me dicía: Non serás bo cristián ata que aprendas a distinguir miñaxoias, eses miñaxoias que se fan pasar por santos e levan o diabro no corpo! ¿No corpo? ¡Si, no corpo, pero tamén na alma! Un cristián falso cerca de nós é unha contaminación terrible…, precisamente por ser sutil! O daquel frade mal frade: Fai o que predico, e esquécete do que me ves facer!
En definitiva, que non pode haber bo músico se non aprende a afinar o instrumento…, e eu non quero ser disonante, séxase, escandalizador!
-.-
¿Xurei en falso, ou con dúbidas? ¿Prometo, aínda que saiba que non podo facelo? ¡Promesas, promesas, promesas…! Poden ser, podémolas facer de tódolos grados, pero esa, tan solemne, a matrimonial; esa, que?
Para non prometer en falso non hai mellor vacina que pensalo primeiro, pois non hai home, nin muller tampouco, capaz de enganar se foron estudados primeiro, a ciencia e a conciencia! Coa lección sabida evitamos ter que copiar…, ter que copiar dos divorciados, que non hai peor suspenso có dun matrimonio desfeito! ¿De haber fillos…? Os fillos son a confirmación do contrato, así que, de rompelo, rompémoslles a vida, pois diso en diante…, meus pobres, que se pode dicir que non estea dito!
Cando o contrato ten categoría de sacramento, as desavinzas soben de grado, claman ao Ceo! Certo é, tamén, que non se fabrica moble que non admita un repaso no seu lixado, pero iso, de ser preciso, hai que facelo con suavidade: lixar, si, discutir, si, pero, a continuación, e tamén con suavidade, vernizar de novo. ¡O matrimonio tamén require esmero; é a cousa, a obra, máis monumental e artística de cantas podamos facer!
Sexa no matrimonio, contrato principal, vital, ou nos outros, por secundarios que sexan, moito lle debo a insistencia de meu avó en advertirme que, “A palabra dos de Montecubeiro sempre valeu tanto coma unha escritura; e de firmada, apeitar coas consecuencias!”. Grazas, avó. ¿Que sería de min se non chego a terte, sen a túa escola?
As verdades a medias son iso…, medias! E as medias só serven para quentar algo os pés, pero hai que reforzalas con un bo calzado, e non hai nada mellor que calzar, tanto o corpo como a alma, con bos consellos; iso si, a tempo! Outra das sentenzas de meu avó, que xa se me esquecía, era aquela de que, “Verdades a medias, mentiras enteiras!”. ¡Pero, avó, como é que fuches Mestre de a Ferrado, cando merecías cobrar en Fanegas?
-.-
¿Reparei os danos causados ao próximo, consecuencia das promesas incumpridas? Teño que repasar a nosa Constitución, pois ata me parece que isto non se preveu; ou foi que si, que si que foi previsto, pre – visto, e por iso se deixou aberta esta cancela, arteiros que somos!
Se na Carta Magna tal lasitude houbo, que non será nos códigos persoais de cada quen! Toda suma depende da magnitude dos sumandos, así que, cando predominan os negativos, negativo será o resultado! ¡Meu Deus, nisto tamén é cousa de botarse as mans á cabeza, así que, neste punto, vounos poñer suspensivos, para meditar longo e tendido, que boa falta nos fai!
…
¿Que; como anda o pecado? ¡Verde coma as oucas, así que…, como non lle botemos herbicida, da boa, da reflexiva, mal imos, mal acabaremos! ¡Vaia por Deus!
-.-
¿Reparación, rectificación, emenda? ¡Uf, que difícil se presenta, sempre, o resarcimento! O caso é que hai Seguros para case todo, para case todo con tal de que sexan medibles, calculables, os danos persoais…? ¡Para os particulares, para os íntimos, apaga e ímonos, que está sen inventar esa calculadora; aínda; e polas trazas, vai para largo!
-.-
-III-
¿Deixei de asistir á Misa, ou a unha parte importante dela, coa agravante de que era día de precepto? Téñome preguntado cal será o principal inimigo da Misa, e atopei respostas do máis variado, pero todas rematan na cama: preguiza e cansazo! Cansazo do traballo cotián, profesional, de cada quen. Cansazo dos que non o teñen, e buscan cansarse doutro xeito, aínda que só sexa para non desesperar. Somnolencia televisiva, pois alguén, sexa deste mundo ou do outro, está emperrado en apartar á xente do altar mostrándonos eses ídolos da media noite, tan…, tentadores! As ceas de fin de semana, que tanto teñen de aquelarres neste século, no XXI. E máis, e máis, pero non menos esa despreocupación que temos pola salvación dos fillos, que, de afeitos a entregárllelos aos seus profesores, pouco nos importa o seu Gran Exame, o da súa salvación. ¡Sigamos, sigamos por aí, e a ver que nos din Aló Arriba o día que abandonemos a cama; mellor dito, o día que nola permuten por un ataúde!
A Misa, ademais dos inconvenientes anteditos, ten esa fórmula impositiva de ter que darnos a paz. ¿Darlle a paz a ese próximo que, á saída, nin se despedirá de min con un simple Deica logo? ¡Anda, que lle dean! En España, na Guerra, e tamén despois dela, cando era obrigatorio ir á Misa, ou te apuntaban na lista dos desafectos, non había iso de darse a paz; ¡aquilo si que era liberdade, e mais non o parecía! Agora…, á forza, que cho manda o propio Oficiante!
Naqueles tempos preguntáronlle a un bispo o motivo de que don Hermenegildo entrase e saíse baixo palio, cando o palio se tiña por un acatamento á Eucaristía, á Santa Hostia, e o bispo, que era máis ocorrente que San Vicente, seica respondeu: ¡É que Franco é…, a rehostia! En definitiva, cal das paces era mellor paz, aquela, ou esta? Eu respondería, ao galego, con outra pregunta: ¿Que era máis hipócrita, aquilo ou isto?
Tamén teño matinado na causa de que escatimen enerxía eléctrica nos altofalantes, maiormente nas igrexas grandes, pois, máis aló do sancristán, un rabaño de xordos! Aínda que, de ben mirado, igual non lles falta razón nesa economía, pois, para que, se a metade chegan/chegamos durmidos ao templo, durmidos de corpo, pero tamén de espírito!
¡Ai Santa Misa, que pouco te reverenciamos, e iso que es a nosa Reválida semanal!
-.-
¿Na igrexa, nos cultos, particularmente na Misa, estiven de papón, distraído? ¡Como non ía estar, particularmente na miña verdura, na miña mocidade, coa de rapazas escondidas debaixo daqueles velos, daqueles velos e daquelas saias incitadoras! ¡Canto máis escondían, máis excitaban aos mozos con vocación investigadora, tal que eu!
Non nacín en Riello (León), pero si nas beiras do Azúmara, tendo en común co seu “Don Juán”, que, “Pa misa diba un galán – caminito de la iglesia – no diba por ir a misa – ni pa estar atento en ella – que diba por ver las damas – las que van guapas y frescas…” ¿Guapas e frescas? ¡Todas, a feito! Daquela, daquela que nos criabamos tan separados, tan distintos, por máis que houbese algunha que outra escola mixta, onde realmente tiñamos que estar separados, a cal e canto, era na Misa…, para concentrarnos, os uns, e se acaso, tamén as outras!
Bromas á parte, como aínda quedamos moitos dos que aprendemos a oír Misa, ¡que non a escoitala!, en latín, cando veu o Concilio estabamos sendo pais, e por tanto, en idade de ensinar, de leccionar, de dar exemplo, así que igual temos algunha desculpa polo mal que, de seguro, fixemos. Entón, razón de máis para recuperar terreo, para predicarlles aos rapaces que a Santa Misa é un banquete, un banquete ao que hai que ir de gala posto que nela, con ela, reproducimos a Santa Cea. ¡É o milagre máis rotundo: Evocado polo Celebrante, baixa Cristo, fálanos, departe e comparte con nós, nada menos que o seu corpo e o seu sangue!
Neste intre, coa pantalla do ordenador diante, se eu mesmo tivese fe abonda, estaría vendo o Cenáculo, á vez que o Gólgota, e quedaríame quedo, sen pestanexar, inmensamente feliz de que Deus, ¡nada menos que Deus!, me estivese lendo, lendo e comprendendo! ¡Señor, guía os meus dedos para que tecleen correctamente, para que esta oración resulte entendible, construtiva, para todos aqueles que queiran acompañarme neste intre de adoración, de adoración e de arrepentimento por tantas ocasións nas que pasarías ao meu lado, e eu, que nin te saudei, máis atento ás tentacións mundanas que a estes anticipos do Ceo!
-.-
¿Impedín que oíse Misa alguén que dependese de min, ou non fixen porque a oian outros? Considero que, máis grave que non oíla, é impedir, ou disuadir, ou distraer; e iso faise de mil maneiras, incluso, a veces, sen decatarnos. ¿Que opinarían de nós se fósemos pola rúa adiante arrincando paraugas nun día de tormenta? ¿Verdade que non se nos ocorre, e que, de facelo, tomaríannos por loucos?
A Misa é un paraugas, o máis grande de todos, así que en vez de retiralo a nosa obriga é facilitalo, compartilo. Hai mil maneiras de facelo, tendo esa vontade, esa caridade. E como son tantas non fará falta enumeralas pois todos vemos, e temos, esas oportunidades para co noso próximo. Non nos encerremos na comodidade de pensar, de opinar, que apóstolos so son os cregos, só eles. ¡Ai daquel que escandalizare…!
Certo é que hai funcións, ocupacións, ineludibles, inaprazables, pero non o é menos que hai Misas vespertinas, radiadas, televisadas…, e ata os enfermos poden gozar delas, directa ou indirectamente! Dígovolo eu, que fun acólito, e quedábame a igrexa a unha hora de camiño, costa arriba para máis sacrificio! ¡Só estou arrepentido das que non fun, das que perdín, e se cadra, decatándome ou sen decatarme, igual fun obstáculo, ou pretexto, para que outros as perdesen. Por iso, agora, en resarcimento, procuro oír dúas nos domingos: unha pola radio, ou na tele, e outra na parroquia. ¿Váleche este trato, Señor? ¡Ben me gustaría que si, que mo aceptases!
-.-
¿Santifiquei o día do Señor participando noutros actos de piedade? Do Señor son tódolos días, así que non farei, non debo facer, restricións, propias máis ben do calendario, das calendas tradicionais. E logo que acender unha vela a Deus e outra ao diabro é propio da dobrez humana; mira que ben nolo dixo o Mestre: Non se pode servir a dous señores…
Motivos de piedade témolos diariamente, pero…, hai outros que son máis divertidos, tal que ver, ¡ver, e pagar por ver!, como uns rapaces que ganan máis cós Ministros lle dan patadas a unha pelota. Menos mal que esas pelotas son cativeiras, e que teñen os pés igualmente cativeiros, pois, de telos grandes dabondo, de subidos ao seu espazo imaxinario igual lle daban de patadas ao globo terráqueo, coa mesma furia, ou meirande aínda. Para que a cousa teña máis mérito, eses torneos ata se celebran con frecuencia a altas horas da noite; despois diso, cea, alcohol, tráfico… A esas horas na miña aldeíña rezábase o rosario, no que nunca faltaba unha invocación, un prego polos defuntos, fosen da familia, do lugar, da parroquia…; pero iso tornouse en arcaísmo pois agora, como todos somos boíños, quen vai ao Purgatorio? A xente deu en dicir que xa o temos en vida… ¡Certo é, pero igual é curto o de aquí, dada a carga que adoitamos gardar, levar, nas alforxas da ánima!
Igual que o cortés non quita o valente, e como hai tempo para todo, os laicos, coa única excepción da consagración, estamos chamados a participar nos cultos, e cos cultos, nas obras de misericordia…, ¡que son catorce, así que hai campo para todo, para todo e para todos, sobra no que especializarse! ¿Tantas? Máis aínda, pois iso das catorce, sete materiais e outras sete espirituais, é un catálogo, unha serie das catalogadas como principais, pero, segundo en que circunstancias, pode haber, e de feito hai, temos, outros motivos para o ben obrar, para participar, para axudar, corporal ou espiritualmente; tantos hai, que farían a lista interminable.
Ao longo dunha vida, por curta que sexa, moito levamos recibido do próximo, tanto no material como no espiritual, así que o exame de conciencia, mínimo, ten que ser, debe ser: ¿Cal é o meu Balance? De resultar negativo, veña, apresúrate, apresurémonos, que ninguén coñece o tempo que lle queda para esa rexeneración, para ese resarcimento, para ese apostolado. E cando chegue o intre de render contas, que; pedimos prórroga para amañar os desfalcos, tal que fundando sociedades interpostas, amigos ou parentes, testaferros aos que botarlles a culpa? ¡Aínda non sei de ninguén a quen lle desen permiso para saír do ataúde a pedir indulxencias!
-.-
¿Traballei, ou fixen traballar, en festivos, sen causa xustificada? ¡Iso, sen causa xustificada, que tamén as temos, tanto no campo como na cidade!
O caso é que para as guerras deste mundo, sexan lícitas ou non, defensivas ou ofensivas, ben que nos adestramos, mais para a importante, para as loitas satánicas, nin aos domingos, con todo ser a mellor ocasión para facelo!
¿Ten, ou non ten, a nosa alma un inimigo importante, que nos vixía de continuo, sempre disposto a facernos perder a batalla da salvación? ¡Ata se atreveu a tentar a Xesús, nun deserto parecido a este, así que non fará con nós, brandengues e acomodaticios que somos! Para as guerras, para as acometidas dos humanos, dos inimigos humanos, sempre fixeron falta armas, desde pedras a pistolas, porén, nas da alma, témolo fácil, fácil e suave, que nos chega con rezar, “… non nos deixes caer na tentación, e líbranos do mal!”. ¡Temos un gardacostas perfecto, Deus, e con Deus os seus anxos, e cos anxos, os santos, coa particularidade de que as tentacións non son malas, pois serven para alertarnos da nosa fraqueza, á vez que para demostrarnos o que xa está escrito: Adorarás ao Señor, ao teu Deus, e só a El darás culto!”. O diabro non ten nada que facer cando nos pilla armados, armados coa fe e coa oración, así que, se non vencemos será por estúpidos, con estupidez cultivada!
-.-
¿Fixen abstinencias, xaxúns, e demais privacións penitenciais? ¡Fixen, fixen, pero non sempre por motivos relixiosos senón circunstanciais, mundanos; máis ben por imprevisións acomodaticias!
As miñas tiveron moito que ver con aquel fillo pródigo, a imitación súa, que me parei na chicharra en vez de copiar da formiga. Dixen: ¡Deus proverá! É certo que prové, desde os lirios ás aves, pero na Natureza todos procuran facer o que deben, o que lles está encomendado, menos, se acaso, o ser predilecto, nós/eu, que abusamos da prodigalidade do Creador…, ata que, de esfameados, volvemos á Casa do Pai, e menos mal que non se cansa de abrirnos!
Recoñezo que non sempre me lembro de dedicarlle a Deus algún que outro dos sufrimentos que levo arrostrados, e debera facelo, sempre, sen excepción, para que me sexan rexistrados, tidos en conta, como purgatorio anticipado das miñas faltas. ¡Pero que boas, e que doadas son as relacións comerciais con Deus, que mellor provedor, á vez que cliente, imposible: Está conforme con todo, aguanta todo, espera indefinidamente polos resarcimentos, polas remesas, condona débitos…, pero, como todo ten, ou debe ter, un límite, chega un momento en que se cansa dos abusos, e chámanos a capítulo! Daquela hai, teremos que, sen escusa nin pretexto, renderlle contas, facer balance, e no caso de resultar negativo, obviamente ten que mandarnos para o almacén das purificacións! Dixen mal: non ten que mandarnos, que iremos nós, nós mesmos, por…, por suspensión de pagos!
Tanto estudar Comercio, tanto estudar Economía, e seguimos sen saber, sen saber e sen querer, negociar con Deus!
-.-
¿Negociar con Deus? Pasamos a vida obsesionados en / e por, negocios terreos, entregados con frenesí aos regateos do mercado convivencial, esquecéndonos de que o Gran Almacén, o único capaz de satisfacernos plenamente, xa nesta vida, e non digamos na outra, na Definitiva, é ese Gran Provedor das Grazas Celestiais, o Altísimo, aquel que botou do templo de Xerusalén, a lategazos, aos mercanchifles daqueles tempos. Aquel Deus é o mesmo de hoxe, o de Sempre, o Eterno, así que, ollo cos tratos mundanais, exclusivistas, pois Aló Arriba, no seu Reino Definitivo…, a saber que látego ten, a saber como trata aos materialistas!
Greco. Expulsión dos mercadores.
San Paulo acláranos que non só se debe honrar a Casa de Deus, cando nos di: Non sabedes que vosoutros tamén sodes Templo de Deus, e que o Espírito de Deus habita, mora, en vosoutros? Quen destrúa o templo de Deus, será destruído por Deus, porque o Templo de Deus é Santo, e vosoutros sodes ese Templo!
En consecuencia: Respecto e veneración á casa de Deus, en primeiro lugar, pero tamén que, quen maltrata a unha persoa, ou a humilla, calumnia ou despreza, quen quita a vida a un ser humano, sexa adulto ou que aínda estea no ventre de súa nai, quen lle rouba a inocencia a un neno, aquel que viola ou de calquera xeito ou maneira atenta contra outro ser humano, comete un verdadeiro sacrilexio porque somos templos vivos do Espírito Santo. Recordemos, aquí e agora, de hoxe para sempre, que o único momento de violencia de Xesús foi, fíxoo, cando viu que non se honraba o seu templo; que aqueles negocios non eran lícitos, e relixiosos menos aínda, de puro paganismo. ¡Daquela, cada persoa que se cruza no noso camiño, nós incluídos, é/somos templos vivos!
¡Señor meu e Deus meu, que nos meus tratos, nas miñas apetencias, esteas Ti presente, sempre, sen falta, axudándome a poñer o espiritual por riba do material! ¡Amén!
-.-
Pasa a
DETERXEO DA ALMA
-II-
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario