jueves, 6 de junio de 2013

DETERXEO DA ALMA -II-

.../...

-IV-

 

¡Vaia que é amplo o cuarto mandamento: Fillos, criados ou subordinados, pais, cónxuxes, superiores…! Será cousa de examinarnos / de examinarme con detemento, pois a proba, o test, é de auténtica reválida! Pero non hai exame difícil de ben preparados os temas…

 


 

¿O X? ¡Iso, o X! Só hai un xe importante: a magnitude, a velocidade coa que subimos esta hipotenusa, esta costa vital, da terra ao Ceo!

 

O cateto da base… ¿Por que lles chamamos “catetos” aos pailáns se precisamente o cateto “b” é a base, a idade, da nosa existencia? Á altura á que daremos chegado tamén se lle pode chamar “cateto a”; ¡iso, altura! De todo isto dedúcese que a xeometría tamén vale para entender o “X”, non si?

 

Partimos de cero: cero de idade, non, que xa levabamos uns nove meses, só que abeirados…, e non sempre, por desgraza! Cero de idade e cero de altura. Seguidamente, co bautizo, comeza a costa, costa arriba; pero o bautizado sóbea con andador, que é moi importante; o que non quere dicir que os outros sexan malditos, pero…, fáltalles ese apoio! De aquí en diante, pouco a pouco, convertémonos en bimotores, coma os avións: un, o do arranque, depende de parentes, de amigos, de veciños, de compañeiros de clase…; segundo e como sexan de exemplares, segundo e como se porten connosco. Pouco a pouco rompe a roncar o noso, o propio, o autopropulsado, séxase, o da nosa responsabilidade persoal.

 

Só é rectilíneo o xe dos Santos, e para iso non o de todos, pois tamén son / foron de carne, así que non me estrañaría que algún deles tivese os seus vaciles, que ata o propio San Pedro decaeu, pero despois chorou, chorou os sete chorarase. Axudoulle o galo, recordándolle aquela fraqueza. ¡Benditos sexan, galos ou pitas, aqueles que nos axudan a lembrar, pois mal podemos aderezar a rota, a subida, se non temos sinais nas beiras do noso deambular! O xe común, o vulgar, preséntase coma unha recta pero non o é: ten dentes de serra, definidos por altibaixos, caídas e alzamentos, pecados e penitencias. Aos homes podemos ocultarlles estas imperfeccións, pero o que é a Deus, que olla desde Arriba…! Deus, ¡que ben nolo dixo nos Evanxeos!, dá máis valor ás bágoas da Madalena que aos seus pecados; ¡e menos mal que é así; menos mal!

 

A idade, o cateto “b”, non aumenta os méritos per se pois cantas máis oportunidades teñamos, de canta máis idade gocemos, máis obrigados estaremos a elevarnos, a perfeccionarnos. Incluso hai quen opina que Deus alza primeiro aos mellores, dándolles aos pecadores, con esas prórrogas vitais, máis e mellores ocasións de arrepentirse e de perfeccionarse. Polas trazas, igual é certo!

 

A todo isto, ollo coas caídas, en particular cando escandalizamos, infamamos, ou prexudicamos ao próximo, pois nestes casos cabe o propósito da emenda, pero, a cousa do resarcimento…? ¡Aí está o grave, que non sempre é posible! O ladrón pode devolver o importe, o material, pero o desgusto que se levou o roubado…, iso non ten remedio!

 

Un consello que dou, e me dou: Diante dunha escaleira, que é o máis parecido a unha hipotenusa xeométrica, é bo parar no descanso, ollar para arriba, e dicir, ou pensar: Esta é a miña vida, esta é a miña subida, pero se a desando, de costas á entrada, a caída pode ser gravísima. ¡Anxo gardián, tira de min, sostenme, e máxime agora que sei que os retrocesos na escaleira da vida poden ser irreparables!

-.-

 

 

¿Desobedecín a meus pais, ou aos meus superiores, en cousas de importancia?

 


 

Coa Avoa; do Avó, lamentablemente, non teño fotos; fotos, non, pero, lembranzas, infinitas!

 

¡Tamén é virtude desobedecer, aprender a desobedecer, cando os mandatos son incorrectos ou impropios, que nisto hai ocasións en que a inversa é tanto ou máis propia cá directa!

 

¡Que terrible responsabilidade a de mandar cando non se sabe, ou non se quere, mandar con autoridade e con propiedade! O de “autoridade” non sempre foi ben traducido pois non está clara a fronteira entre autoridade e autoritarismo. O bicho humano, coas reminiscencias do pecado, tende a enroscarse, a subirse á arbore, como fixo aquela serpe do Paraíso que, sendo de natureza rastreira, subiuse á arbore prohibida.

 

Non adoitamos pararnos nestes matices, e son elocuentes per se. Segundo os sexos, tradicionalmente, hai dúas maneiras de impoñerse: Os homes adoitamos facelo poñendo cara de poucos amigos; e as mulleres, ¡algunha, que non todas!, ordenan con un simple sorriso; iso si, pícaro!

 

A Igrexa, desde aquel pacto de Constantino, fíxose algo mandona, esquecéndose de que as moscas cázanse mellor con mel que con fel; ¡tardou vinte séculos en recoñecelo, en rectificar esta desviación, e menos mal que, polas trazas, está volvendo á humildade! Tamén lles pasou aos Médicos, en xeral, que, endeusados pola súa arte, que non sempre ciencia, curativa, sanativa, viñeron padecendo unha certa desviación cara ao ateísmo: ¡Xesús curaba, eles tamén! O que lles pasou por alto é que o Fillo de Deus curaba, asemade, corpos e espíritos. “¡Vaite en paz: os teus pecados sonche perdoados!” ¡Dunha tacada, as dúas lacras!

 

En Grecia tiñan a teima de escoller os mellores para darlles o mando, pero iso é moi difícil, aínda hoxe que non quedan analfabetos, ou poucos!

 

Cando someteron a Galileo a un retracto da súa demostración de que a terra xiraba, non se privou de darlle unha solemne patada, con un rotundo: “¡Eppur si muove!”. ¡Copiemos! É digno e xusto obedecer; incluso inevitable mentres non somos capaces de alegar, de expoñer razóns ben meditadas, ben fundadas; pero tamén temos o deber de aprender a mandar, a mandar con verdade, sen ira, sen presunción, sempre coa rectitude de que quede o ben común, o xeral, por riba do egoísmo humano, esa cegueira dos ollos da alma, pois tamén a alma ten, e padece, enfermidades, por máis que os Médicos, algún deles, queira ignoralo!

-.-

 

 

¿Socorrín a meus pais nas súas necesidades? ¡Nisto temos un mandamento reversible, segundo tempos e circunstancias: O habitual, o normal en tempos normais, tradicionais, era que, a partires de certa idade, a culler pasaba das mans dos proxenitores ás dos fillos, mais, de presente, nestas turbulencias do século XXI, os pais seguen cos fillos no colo, e xa non sexa per saecula saeculorum, pois, polas trazas...!

 

Este mandamento, e coma este os outros, nin debera ser necesario gravalo naquelas pedras de Moisés, por ser leis naturais, innatas, connaturais co ser humano…, se humano fose, que o foi, aínda que pouco durou, pouco aguantou naquel estado! ¡Xénese dixit! ¡Maldita soberbia, e maldito o seu inventor! (¡Tíñao ensaiado, que xa capitaneara no Ceo aos anxos rebeldes!)

 

Estes días di a prensa que algúns pais, ou máis ben, moitos, están deixando a comodidade das Residencias da Terceira para compartir cos fillos as súas pensionciñas, e todos no mesmo cubil, cal se tornásemos aos tempos cavernícolas. ¿Vedes canta razón tiña Xosé cando lle aconsellou ao Faraón que, no tempo das vacas gordas ensilase trigo para cando viñesen as fracas? Os nosos vellos, os de onte, moito dicían que, O que garda sempre ten! Pois tampouco, que nin así, porque aquel Lucifer, que segue dando guerra, tornou en insolventes certos depositarios… ¡Non os tornou, que xa naceron así, tamén por obra e graza do antedito, ese tal Lucifer, que se lle debe facer cativo o seu inferno e tenta agrandalo apropiándose dos nosos pazos, destes pazos con ascensor, destas torres que tanto lembran a de Babel! Iso, a de Babel, pois tamén agora se falan linguas distintas, particularmente no alto mando, que é o máis baixo, o máis vil que viron os séculos, estes do, ¿desenrolo?

-.-

 

¿Contristeinos notablemente coa miña conduta? ¿Eu? ¡Se cadra, si, e Deus sabe cantas veces pois non hai cousa máis sufrida, máis calada, que uns pais que se comporten como tales! Pero seguramente que non só fun eu, así que, mal de moitos, consolo de bobos!

 

Calquera outro ofendido poría os berros no Ceo, e iría correndo á Comisaría ou ao Xulgado por ofensas, danos e prexuízos infinitesimais comparados co lesivos que somos para os nosos proxenitores, aínda que diso non nos decatemos, unha boa parte dos descendentes. Estes pecados, estas faltas, vense mellor desde a ventá de enfronte, pois a dos pais, para as taras dos fillos, adoita ser hermética, ou case.

 

¿Tan grave é a cousa? Moito me temo que si, pois, polas trazas, xa pasou de epidemia a pandemia; fíxose universal! Segundo foron dándonos liberdade, independencia económica, nesa mesma gradación fómonos escorrendo das obrigas filiais. ¿Por que os nosos vellos tiñan, recibían, tan bo trato, real ou aparente, dos seus morgados; será cousa de volver ás morgadías? ¡Ah; preguntémoslles aos notarios, que xa nos dirán, de entrada, que os testamentos eran, e seguen sendo, revogables! Daquela tamén é igual de certo que os país, aqueles pais, con poucos medicamentos e ningunha asistencia social, a única venda que usaban era a da boca…, para non desacougar aos fillos, por se cambiaban mellora por liberdade!

 

¡Por algo a Ley de Enjuiciamiento Civil (art. 660.1), desbota aos parentes, e dun modo máis rotundo aos pais! Por algo, non, por moito, pois, que pai non chufa a un fillo, por indigno que sexa? Para que un pai fale mal dun fillo ten que haber un dilema: que o fillo non sexa del senón de Xudas, ou que certo Xudas o teña envelenado, falsamente, ladinamente, contra o fillo inocente.

 

En definitiva, que á hora de confesarme / de confesarnos, temos que pararnos moito neste precepto paterno-filial, filial-paterno, porque pode haber, podemos ter, moita palla na albarda, sen decatarnos diso!

-.-

 

 

¿Cheguei a proferir palabras inxuriosas, ameazas, maltrato, desexos graves ou inxustos? ¡Ai, Deus, canto temos que repasar, nisto, uns e outros, tal e como andan os ambientes familiares con estas modas, con estas desviacións independentistas, pois canto máis se necesitan as colaboracións xenerosas, fraternas, máis nos desviamos, máis nos enfrontamos, máis buscamos a soidade, sen decatarnos de que a soidade é o abismo da alma!

 

Dicía un veciño meu, que exercía de carpinteiro pero canto máis o lembro mais penso que realmente o seu era a filosofía, que, Non hai mellor vida cá dun só…, levándose ben! Realmente estaba dicíndonos o contrario do que aparentaba, pois, ¿quen se leva ben consigo mesmo? ¡Tan só os santos, buscando a perfección, buscando o mellor para si, para a súa alma! O que se leva consigo mesmo tamén o fai cós demais, co próximo, sexa próximo ou remoto.

 

Non hai concepto peor interpretado có do egoísmo, que o temos por un superlativo cando se trata realmente dun diminutivo, o máis cativo de todos. O egoísmo é, simplemente, unha miraxe no deserto da vida, de certas vidas, que nos leva a crer que non precisamos dos demais…, precisamente cando máis os necesitamos! A soidade non é perfección; a perfección está en ser, en ser e tamén en estar, ¡cos outros!; en compartir, en dar á vez que recibimos, pois así medramos, todos; e así somos; ¡somos algo!

 

Collémoslles rabia a eses que temos por egoístas, por insolidarios, cando sería máis sensato ter dó deles, apiadarse deles, e, de ser posible, axudarlles a saír da súa indixencia. Aquel que se leva mal cos seus, con quen realmente se leva a matar é consigo mesmo: estase suicidando, sen decatarse diso, para máis desgraza!

-.-

 

 

¿Exercitei a submisión, o respecto e maila laboriosidade propios da miña condición filial? A submisión é evolutiva, pois, segundo imos evolucionando, formándonos, o propio é que os pais descendan, e os fillos ascendan, ao diálogo, no diálogo, co diálogo.

 

A submisión excesiva, tardía, leva feito moito dano ao minorar o ritmo formativo da personalidade dos rapaces, pero a precoz independencia destes tamén trouxo notables desequilibrios familiares. ¡Todo a tempo, ao seu tempo, e todo con moderación!

 

A educación dos fillos é unha sinatura dificilísima, e por engado, autodidáctica, da que nos van dando a nota os propios educandos, exactamente ao contrario das outras, sexan voluntarias ou obrigatorias. Os pais, presentes ou futuros, poden recibir consellos, advertencias, recomendacións, pero na práctica de pouco vale todo iso xa que cada fillo é distinto doutro, e por engado, cambiantes, a diario. Aquí o diagnóstico ten que ser cotián, e as menciñas, o tratamento, puntuais, atinados…, e a tempo!

 

¡Que pouco recoñecemos os fillos aqueles esforzos dos nosos proxenitores, dos nosos educadores, para levarnos da man, e non só na infancia! Iso si, estamos prontos para censurarlles os erros, cativos ou grandes, que tivesen connosco, na nosa formación persoal. Tamén se nos fai difícil distinguir entre os seus erros e maila nosa receptividade, que non sempre o alumno pon da súa parte o que a el compete: ¡ou non asimila, ou tarda en facelo por…, por chulería, pero tamén pode ser por desidia!

 

Isto hai que lelo, hai que interpretalo, con módica prudencia, pois do contrario podemos tirar a conclusión de que, en vista do arriscado, mellor nos será non ter fillos, non caer nesa tentación. Todo o contrario, que non hai traballo que sexa mellor premiado: ¡Esforzarse na educación dos fillos sempre nos será premiado, sexa nesta vida ou na outra, xa que é lei de vida facelo así; pola contra, castigados seremos, pois no pecado sempre vai a penitencia, os fillos desagradecidos, en particular porque é dificilísimo, improbable, pasar de malos fillos a bos pais, aínda que tamén está a reacción contraria, que tamén é posible…, sempre que fagamos propósito de emenda!

-.-

 

 

¿Voume orientando, responsabilizando, con respecto ao meu porvir, e pídolle a Deus que me ilumine para acertar na elección de estado? O problema é serio, pero tampouco para acovardarse, pois, coa axuda de Deus, e algo de reflexión da nosa parte, se non damos co mellor camiño, co dos atallos, cerca andaremos, pois a vida admite unha diversificación de vías, non é un trazado de raíles ferroviarios!

 

Niso de pedirlle a Deus…; non, nisto fallamos pouco, pois cando nos acordamos do Divino xeralmente é para…, ¿para pedir? Máis ben para reclamar, que nos parece merecelo todo, por importante, ou por nocivo, que sexa. Distinta frecuencia lle dedicamos ao agradecer…; ¡é máis pesado, require máis humildade!

 

¿Estado…? Para o relixioso si que lle damos importancia á familia: ¡por aí non, que quero ter fillos, habida conta de que, a quen Deus non lle dá fillos o diabro aparéxalle sobriños! Iso, de entrada, que despois tamén é frecuente esquecer este desexo; non é tan imperioso coma daquela, naquelas dúbidas iniciais! ¿Casarse? ¡Uih, iso está demodé, cadora máis!

 

Unha cousa é elixir, do que sexa, no que sexa, e outra moi diferente tirarse á piscina sen saber nadar. Se en todo precisamos, se en todo necesitamos poñer os cinco sentidos, ¡e mellor sería se tivésemos dez!, nunca sobra pedir axuda ao Todopoderoso lembrándonos daquela oferta mesiánica: ¡Pedide, e recibiredes! Na práctica cotiá fáiseme que antes pedimos favores aos parentes, e tamén aos amigos, que ao Todopoderoso. ¿Por que? Realmente non o sei, pero coido que confiamos máis na xente, a pesares dos nosos, sucesivos e frecuentes, desenganos, que na Providencia, na bondade de Deus. ¿Será porque temos conciencia de que, sendo por natureza desagradecidos, igual está farto de nós? ¡Pode ser, pero a realidade é que a Divindade ten tanta paciencia que nos aplica unha misericordia distinta da nosa, todo amor, todo bondade! ¿Gratuitamente? ¡Non, iso non, pois, como Deus que é, ten tódolos dereitos ao noso agradecemento! ¡Non esquezamos que é moi importante, para nós, precisamente para nós, en beneficio noso, estarlle agradecidos!

-.-

 

 

¿Cumprín os testamentos, as vontades, dos meus antecesores, dos meus protectores? Se non lle agradecemos a Deus, que llo debemos todo, como imos descender a recoñecer os favores minúsculos dos nosos doantes?

 

Se nos deixan dito que non lles poñamos flores, flores lles poñemos; que non se reciba “duelo” e ben que nos encanta que choren por el / por ela, pero, do resto? ¡No resto, no importante, tamén adoitamos levarlles a contraria: El muerto al hoyo, y el vivo al bollo!, dicíase en Castela, con todo ser godos, ou presumir diso!

 

Aínda nos custa cumprir os contratos inter vivos, que por algo o tiveron que poñer, que recordar, os romanos, nos seus iuris: Pacta sunt servanda!, canto máis con respecto aos idos, aos ausentes. Porén, quen de nós non desexa ser obedecido post mortem? Isto de querer mandar despois de morto é o colmo do egoísmo, pero tamén o é do desagradecemento pasar por alto os desexos dos nosos predecesores.

 

Hai algo…, ¡algo, non, moito!, de sacro na reverencia aos idos, aos ausentes. Nesta Galicia dos meus pecados, que tantas migracións, emi- e inmi-, leva soportado, entendemos, temos a obriga, ben fundada, experimentada, de render sacras evocacións aos ausentes, e cos ausentes, ás terras de procedencia, que tamén son, ou deberan ser, sacras, para nós, para tódolos descendentes daquela xentiña tan sacrificada. Entre outros, para aquí viñeron os suevos e mailos bretóns; e de aquí saímos a…, ¡digamos, a colonizar!, comezando por Colón, máis galegos, o dobre ou o triplo dos que se agarraron ás morgadías. En definitiva, que somos o que somos, e somos como somos, grazas as penalidades daqueles entregos. ¿Merecen o noso esquecemento? ¡Merecerémolo nós se caemos neste pecado, pois tamén é pecado, tamén é esquecemento, sumo, grave, imperdoable, esquecerse dos inesquecibles!

-.-

 

 

Como empregado, ou como profesional, cumprín coas miñas obrigas, abusei da confianza dos meus clientes, ou da dos meus superiores?

 


 

Tén os ollos tapados…; non se decata! ¡Ah, pero Deus, si, e faino por si mesmo, directa e persoalmente, sen xendarmería! Boa sorte temos os limpos de que a Xustiza sexa cega, pois, do  contrario, quen daría pagado os impostos necesarios para manter tanto preso? En canto aos sucios é unha desgraza, pois, se nos pillasen, daquela teríamos hotel gratis, por tempo indefinido!

 

Na posguerra moito traballou a xente, fose no campo ou na cidade; se eran todos, non o sei, pois só resultaban visibles os traballadores, fosen do campo ou dos oficios, pois os outros, como non os visen os seus criados…! ¿Facíano por virtude, ou por necesidade? Recordando, recordando…, inclínome a pensar, a xulgar, que, polas dúas cousas!

 

Meu avó dicía, O que queira criado fiel, que se serva el! Lembrando iso, teño que avirme a pensar que a infidelidade laboral vén de vello, tan vella coma os nosos vellos, ou máis! Fidelidade, que non escravitude, por suposto. Eu, que moito levo obedecido, e que algo mandei, iso tamén, non teño fácil a análise deste Mandamento: Nesta España dos meus pecados, fomos a mellor, fomos a peor? Ante a dúbida, déixolles ás xeracións vindeiras esta análise, de paso que as compadezo, pois, polas trazas, meus pobres, como non lle quiten esa venda á Xustiza…!

-.-

 

 

¿Souben facerme respectar; de todos…? ¡Ai, si, ho, de todos, e, con que dereito, se nin a min mesmo me teño respecto! O que comeza por respectarse a si mesmo non se mete na lama; é que nin se pon en perigo de pecar! Para alternar coa xente que é xente, para esixir que o sexan con nós, hai que comezar por selo nós, nós mesmos; ¿entendido?

 

Tampouco é cousa de deixarse levar por un respecto esaxerado, ou mesmo improcedente; que ese, o improcedente, non nos faga renunciar ás verdades. Algo así xa nolo indicou o propio Xesús, en Mateo, 10, 32-33: Todo o que volva por min diante dos homes tamén eu hei volver por el diante de meu Pai celestial. Pero quen me negue diante dos homes, eu negareino a el diante de meu Pai celestial. ¿Védelo? ¡As verdades por riba das presións, dos sometementos, así nos leven ao martirio! Por veces non é doado, que ata San Pedro se acovardou, pero…, arrepentiuse, e non volveu a caer en debilidades, en respectos humanos mal entendidos!

 

Non son o único que opina que, antes de actuar, é xusto recoller e sopesar a opinión doutros, pero…, tan só para axudarnos a buscar a verdade, a xustiza, o correcto! Opino, si, pero, con fundamento? En definitiva, que para facerse respectar hai que ser respectable, digno de respecto, e tan só o son aqueles que tratan de ser exemplares per se!

 

O respecto humano, que tamén o podemos traducir por, Que dirán?, vén a ser un exceso de preocupación polo xuízo dos demais sobre nós mesmos, con respecto ás nosas decisións; en definitiva, ás nosas opcións. Supón unha inseguridade, sempre derivada dunha mala formación, dunha mala preparación. O remedio é…, madurar!

 

O santo Cura de Ars ben que o advertía: ¿Sabedes cal é a primeira tentación que o diabro lles presenta ás persoas que comezaron a servir mellor a Deus? É o respecto humano, así que, maldito sexa…, por desvialas, por arrefriarlles os ánimos!

 

O que vou escribir a continuación non é idea miña, pero si compartida. Plaxieino da Asociación Espiritual Mundial Brahma Kumaris, pois, noutros mundos,  noutras culturas, noutras relixións, tamén hai ciencia, ciencia e prudencia, que todos somos fillos de Deus, aínda que, momentaneamente, separados. Din eles que, Xeralmente baseamos o noso respecto en identificarnos cos aspectos superficiais da nosa existencia: o noso aspecto físico, o xénero, o éxito profesional, a nosa intelixencia, o noso status social, nacionalidade, raza, etcétera, pero con esta identificación superficial nunca conseguiremos un sentimento estable de auto respecto porque as opinións das persoas cambian. Se nos aman hoxe, mañá poden rexeitarnos. ¿Cal é a consecuencia de depender da súa opinión? Acabaremos flutuando todo o tempo, sentíndonos positivos cando digan cousas boas, e abatidos cando esbardallen. Para manternos estables no noso auto-respecto necesitamos nutrir un entendemento máis profundo da nosa identidade espiritual, pois na base disto está a comprensión de que son un alma, de que teño un alma, corpo e alma, e así podo acceder a esas riquezas que están no noso interior, que florecerán así como a flor medra, que procede da semente, pero tamén á viceversa”. Todos podemos aprender de todos, pero, calibrando, aprendendo a diferenciar nas mazás do Paraíso, que non todas son comestibles!


 

-.-

 

 

 

¿Teño algún perigo para a miña alma, para a miña salvación, no sitio ou nas circunstancias nas que sirvo ou nas que vivo? Amigo Ortega, como era aquilo teu, aquela afirmación túa, demostrada, de que eu son eu pero…, engadido ás miñas circunstancias, somerxido nelas? Para Ortega vivir é tratar co mundo, nel situados; dirixirnos ao mundo, actuar nel, ocuparnos del; ou sexa, que a realidade circundante forma a outra parte da miña persoa, e por tanto, da miña personalidade; ¡desdóbranos, fainos dobres; fainos outros, distintos do que seríamos noutras circunstancias! Non parece doado de entender, e ata debe ser porque non somos capaces de imaxinarnos como seríamos de criados, de metidos noutro ambiente. Por exemplo, como sería eu, eu mesmo, de non ter nacido labrego, de non terme criado naquela época, de non ter unha familia fondamente cristiá? Como non sempre se poden elixir as circunstancias, vacinémonos das infeccións, das contaminacións circundantes…, ata onde nos sexa posible, por suposto, que adoita ser moito, moito e sempre bo, positivo!

 

Tamén está a película daquel neno criado entre lobos que acabou ouveando coma eles… Para analizar as circunstancias, o seu imperio, a súa influencia, temos, podemos, invocar un bo…, ¡un bo, non, un mal dicionario delas! Pero esta análise require un estudo, unha formación persoal progresiva, sen decaementos, ou cos menos posibles.

 

Sempre hai que partir das limitacións mentais, da curtidade da nosa intelixencia, así que sería un luxo desaproveitar as nosas facultades de análise; para iso comecemos pola fonte limpa, pola doutrina cristiá, que tanto nos axudará a distinguir o ben do mal, o lícito do ilícito, á vez que nos dará forzas para seguir buscando camiños, saídas do trollo circunstancial no que nos atopemos, sexa buscado ou atopado. Se os carreteiros xuran, que non farán os fillos deles? Pero os fillos dos carreteiros poden axudar á Misa, por poñer un exemplo, así que, pouco a pouco, ¡ou de présa!, poden seguir cos carros, nos carros, sen por iso ensuciar a súa lingua, que tamén lles vale para dar grazas a Deus por axudarlles a saír, se non da circunstancia si das desviacións que comporte.

 

¡Todo é cousa de lavarse, e de lavados, manterse limpos, pois, igual que utilizamos as luvas para protexer as mans na sucidade ambiente, temos a oración para manter limpa a alma!

-.-

 

 

¿Din mal exemplo aos meus fillos, ou aos do próximo; escandaliceinos, de palabra ou con obras? Hai alguén que estea limpo para tirar a primeira das pedras? Mandamento difícil, pero…, Mandamento, dos de maiúsculas, xa que o dano, nisto, é transmisible, expansible! ¡Ai daquel que escandalice a un destes cativos que cren en min, máis lle valería que lle colgasen unha pedra de muíño ao pescozo, e que o largasen ao fondo do mar! ¡Ai do mundo polos seus escándalos! (Mateo 18, 6-7).

 

¿Que, estamos advertidos, seriamente advertidos? ¡Pois, nin con esas! É tan pesado este Mandamento que aquí o único Cireneo que nos vale é o propio Crucificado, pero non hai problema, que tamén nos ten dito, Pedide e recibiredes…; a quen peta, abriráselle! (O mesmo Mateo, en 7, 7, 8, etcétera). Con este padriño, criar, educar fillos, deixa de ser un lastre para converterse na gloria mesma. ¿E, o que non os ten? ¡Témolos todos, sexan propios ou alleos, pois quen dá bo exemplo, educando está; pai é, e mestre, tamén, nunha soa persoa, categoría apostólica! O mesmo Deus, que consinte a carga, dá o alivio, e tras deste, o premio!

 

A certos persoeiros a Historia vén chamándolles, Pais da Patria; pero só se citan determinadas figuras, sobresaíntes a ollos do mundo, a criterio da súa xeración, ou das seguintes; porén, hai outros, igual ou máis de importantes, igual ou incluso máis virtuosos, pero que non saen nos libros: son aqueles que se esforzaron por instruír e dar exemplo no seu entorno. ¡Tan importantes son estes últimos que os ten apuntados San Pedro no seu libro do máis Alto Protocolo, séxase, na lista dos que entrarán, dos que entran, no Ceo, pola porta Grande, pola dos Altos Honores! E nós, desde aquí abaixo, aledámonos diso, pois nesa patricia do Ceo todos temos padriño; temos mestres, protectores, que non é concibible que quen nos abriu os ollos aquí abaixo cerre os seus cando necesitemos da súa intervención, da súa presentación, tanto na vida cotián como no Exame Final!

 

Nesta seguridade, e con este afán de exemplaridade, pídoche, Señor, directamente, e tamén apelando aos teus delegados, que me abras os ollos da conciencia para facerme imitable, para non caer en escándalos de mala pedagoxía! ¡Amén!

-.-

 

 


 Neste Mandamento, por se fose pouco, tamén entra a vida matrimonial. ¡Ai, Deus, que nisto tódalas luces son poucas, pois o matrimonio actual navega nun piago difícil, entre o Ceo e mailo Inferno, o como Ti non fagas de temoneiro, afundímonos!

 

Non sei se estarei acertado, pero vou dicir o que penso: San Pedro tivo sogra, así que, antes de ser apóstolo, foi esposo; ¡iso levaba de vantaxe, sabía da vida algo máis cós solteiros! ¿Tería iso en conta o Mestre, ao darlle a Primacía? ¡Igual si! Porén, os seus sucesores, os actuais, como non os ilumine o Espírito Santo, o que é de propia experiencia, en asuntos matrimoniais…, cero! ¡Coa falta que fan os asesores matrimoniais…!

 

Cando había esculcadores, ademais do criterio dos rapaces, dos rapaces pero tamén das rapazas, estaba o daqueles padriños, o daqueles casamenteiros, e salvo que o fixesen por un mero interese económico, a cousa ía pensada, dobremente pensada. Despois diso celebrábanse os esponsais, incluso con tornavodas! Hoxe, á parte de que dous do mesmo sexo non casan, que iso nin os cas o fan, a falta de palleiro métense no auto, e…, saen dicindo que fixeron o amor! ¡Estúpidos: o amor non se fai, que baixa do Ceo; esoutro é unha simple paixón, unha paixón semellante a aquelas das paradas animais, que tamén desapareceron substituídas pola inseminación artificial!

 

Para vodas, as de Caná! ¡Presidiunas, en persoa, directamente, o Fillo de Deus! Pois así deben ser todas, que por algo, e para algo, convidou aos concorrentes con aquela auga convertida en viño; tan solemne foi aquilo, que, tempo adiante, abundando nas súas grazas, pasou do viño ao seu propio sangue, quedándose así con nós, en unión perfecta, hipostática, indisoluble, per saecula saeculorum, amén!

-.-

 

O matrimonio só ten un inimigo, pero dunha magnitude tal que a súa explosión deixa atrás as atómicas, e xa non digamos esa cousiña da mellor dinamita: ¡O egoísmo! Daquela, non hai receitas? ¡Cantas se queira, pero falta a vontade de usalas!

 

Para comezar: Imos ao matrimonio SEN EGOÍSMO, pois, se algo diso levásemos, estudaríamos mellor á candidata/ao candidato, para non levarnos despois un chasco, como, por desgraza, sucede tan a miúdo. Non é que vaiamos sen egoísmo, é que o levamos encuberto por outras emocións aínda máis mouras que nolo encobren. O egoísmo vennos do Paraíso: Aquela mazá, esa tan guapa…, para min! Ao casarnos, ese egoísmo destápasenos, que ata sería bo que a noiva non se apresure tanto en levantar o veo, pero…, ardemos coa febre de bicala, e ela, de ser bicada! A partires diso, xa sen galas, mostrámonos en coiros, tal e como somos: ¡Aquí mando eu! O malo do caso é que esta ocorrencia non distingue sexos: ¡Mandóns, ambos!

 

Deus, que guapo vai ser o mundo desde que nos quitemos as caretas; ¡hai que volver ás proclamas, para así ter tempo e ocasión de mirarnos no espello! A promesa é sinxela: Como xa a coñezo ben / como o coñezo ben, vou ser capaz de axudarlle a perfeccionarse coa simple receita dos razoamentos? Ante a dúbida, dimisión; dimisión previa, que outras / outros hai, e de non conxeniar, para que molestarse en casar? ¡Que pase o seguinte / a seguinte…, que para iso non hai cotas, sobran ofertas! ¿Que non atopamos da nosa medida? ¡Daquela, celibatos, que tampouco é un mal estado…, e a roñar con nós mesmos, que así non causamos prexuízos!

-.-

 

 

Agora que me decato, falando de egoísmos: ¡Neste Mandamento, e nestes egoísmos, tamén entra o abuso de autoridade, séxase, a influencia, o mangoneo, o dominio dunhas persoas con respecto a outras! Mandar, por veces, é necesario, que ata o fan os cabalos da grea, pero, sabemos facelo, sabemos diferenciar entre abuso e mando?

 


¡Oh, la, la, que dirían os franceses! Para mandar chega con ser español / española, mais, para mandar con prudencia e con acerto teríamos que volver ao berce, imitando aquel de Belén!

 

Cando remataron todo o ordenado pola Lei do Señor, volveron para Galilea, á vila de Nazaret. O neno ía medrando lanzal, forte e intelixente; e a graza de Deus estaba con el! (Lucas, 2, 39-40). Coas naturais distancias, por suposto, pero sempre intentando imitar ao Inimitable, ao Mestre, os “mandos” comezan a formarse no barrelo pois o neno non para de captar mensaxes, aínda que diso non nos decatemos. Se aprecia soberbia, soberbio será; cando se lle rendan demasiado, tal que pola servidume doméstica, imperioso sairá. Iso que demos en chamar “complexos”, moitos e deles do berce saen. En definitiva, cando se cría rodeado de amor, de amor e de prudencia, pouco a pouco irá inmunizándose contra a soberbia, ese mal tan endémico e tan grave que case sempre arranca da mesmísima crianza.

 

Non hai peor tirano que o acomplexado, e non fai falta que o afirmen os Psicólogos, que o vemos cadora, en todo tempo e lugar, destacándose eses matóns dos que non se librou a Historia de ningún pobo, que os entenderemos con tal de que nos expliquen a súa crianza.

 

Para mandar hai que ser exemplar, en todo, comezando pola moral. O problema meirande está en que nas Escolas de Mandos aínda non se dá Ética. ¿Por que? ¡Porque nelas mandan, forman, os mandos deste século, séxase, os Deformes, Deformes ou Deformados, que son maioría!

-.-

 

-V-

 

Quinto: Non matar! ¡Mátase de mil maneiras, e aínda que diso non morra a vítima, ben que lle podemos amargar a vida! Matar ilusións, matar é; matar oportunidades, matar é; sementar odios, matar é; prexudicarlle a un a saúde, matar é. ¡E xa non digamos iso de mandar inocentes ao Ceo, nos abortos provocados, simplemente porque nos estorbaban..., para seguir pecando!

 

Non hai país civilizado que non teña o seu Código Penal, pero nel só están os delitos visibles, os demostrados, cando o volume grande, de iguais, ou peores, están almacenados, gardados, no almario de cada quen; ¡si, no almario, nese moble íntimo, interior, segredo, onde gardamos as almas, unhas almas que son tanto máis grandes canto máis pequeno, canto máis humilde, é o seu posesor! ¡Parece un paradoxo, pero non, non o é!

 

¿A primeira das mortes foi aquela de Caín, que se cargou ao seu propio irmán, non si? Non exactamente, pois daquela xa se suicidaran seus pais, ¡de morte voluntaria! Non os matou Lucifer, que se auto inmolaron eles, eles mesmos. Lucifer o único que fixo, astuto que é, foi proporcionarlles o veleno; ¡pois así ocorre na vida actual, que uns proporcionan o veleno, e os outros aceptámolo! ¿Pero Adán, e tamén Eva, seguiron vivos? ¡Vivir en pecado non é vivir; vivir en pecado é renunciar á vida, á vida eterna, á boa, á definitiva; e menos mal que se apiadou de nós o Crucificado, que aceptou morrer por nós, ¡si, si, por nós!, para evitarnos esoutra morte, a definitiva!

 

¿Daquela, que compre facer? Imitar ao ladrón, ao ladrón arrepentido, que lle pediu: Xesús, lémbrate de min cando volvas como rei! ¡Na cruz, e máis seguía perdoando, que lle dixo: Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso! ¡Aí é nada: devolveuno ao paraíso, de inmediato, aquel mesmo día, que nin purgatorio lle mandou, pero iso foi porque o viu con fe, arrepentido e con fe! ¿Quedan / quedamos ladróns daqueles? ¡Igual si, das dúas clases: soberbios ou humildes, a granel, pero lembremos que Xesús só salvo ao humilde, ao que se confesou con El!

-.-

 

 

Para confesarse do Quinto hai que repasar estes sacos, como pouco, ¡un camión deles!, que todos poden levar contrabando, e daquela, na Aduana do Ceo…, que?

 

.¿Teño inimizade, odio, rancor, contra alguén?

.¿Neguei o saúdo ou a reconciliación cando se me pedía, sen causa razoable ou por demasiado tempo?

.¿Conténtome con dicir que perdoo, sen dar mostras efectivas de perdón?

.¿Deixei de prestar socorro nalgunha necesidade do meu próximo?

.¿Desexei en serio algún mal grave?

.¿Aledeime dos que lle sobreviñeron a alguén?

.¿Deixeime levar pola envexa?

.¿Desprecei ao próximo?

.¿Tratei a alguén con altivez, con orgullo?

.¿Maltratei, ferín, matei…?

.¿Ensinei a pecar, ou inducín a outros a facelo?

.¿Como ando niso da reparación dos prexuízos?

.¿Descoidei notablemente a miña saúde, habida conta de que este corpo non é meu, senón prestado, que llo debo a Deus, e teño a obriga de coidarllo?

.¿Aconsellei o encubrimento dunha deshonra, abortos, etcétera?

.¿Embriagueime, drogueime?

.¿Desexeime a morte, a min mesmo?

E máis, e máis, pois a casuística deste tipo de pecados non é para un exame breve, nin breve nin apresurado: ¡Aquí, nisto, quen máis quen menos, temos moito onde varrer!

-.-

 

 

A Lei do Talión foi unha animalada, outra, outra máis, daquel home caído, que tiña máis de animal que de sapiens! ¿Ollo por ollo, e dente por dente…? Esa animalada, cos animais, só servía para xustificalos, para demostrarlles que os outros eran tan brutos, tan salvaxes coma o propio autor das animaladas previas, precisamente as que se trataba de punir.

 

Tampouco o cárcere está resultando eficaz, pero, polo menos, temporalmente, illa as ovellas das cabras, desas cabras que seguen sendo tales, ou pouco menos, por Psicólogos que as traten. ¿Que os Psicólogos son os predicadores dos díscolos? ¡Meus pobres; que Deus lles axude, amén, que boa falta lles fará!

 

Teño para min que non hai Talión coma a vacina educativa. ¡O que veño dicindo: educar desde o berce! Se estou no certo, os Psicólogos tiñan que empeñarse en dar cursos prematrimoniais, e habíase notar para as xeracións seguintes. ¡Máis barato que pagar gardas, e xuíces, e carcereiros, que é un dos capítulos importante nos Presupostos dun país, e encima diso, pouco eficaces! Non por eles, non pola súa labor, senón pola contaminación ambiente, pola multiplicación das miasmas.

 

Estamos vendo que saen do cárcere máis resentidos que nunca, agresivos, impenitentes; e logo que aló dentro contaminan aos que entraron con pecados leves. ¡Cantos crimes se idearon aló dentro, nesa convivencia satánica! Se eu fose Médico, íame dedicar ao estudo dos detectores da verdade; para distinguir culpables de inocentes, si, pero tamén para facilitar o indulto dos que realmente se purifiquen nesas celas de castigo. Así non daríamos credenciais gratuítas, séxase, licencias para matar, para mata-las convivencias pacíficas!

-.-

 

 

 

¿Por que nos custa tanto ser boas persoas, e tan pouco aparentalo? O cine ceou ao teatro? Tamén poderíamos preguntarnos isto. Teatrais xa somos, acotío, desde o orto ao ocaso, así que mal nos poden caer ben as comedias, porque diso estamos fartos.

 

Para lograr un traballo, canto esforzo, canta preparación, cadora máis neste país e nestes tempos extremadamente competitivos, poren, para merecer o Ceo, que pouco facemos! A culpa é dese Deus tan benévolo, que nolas pasa todas, que segue queréndonos aínda que nos poñamos de costas? Isto é certo, pero non o é menos que El tamén examina, e non sabemos cando, como, nin onde nos chamará a exame, que nos fará un, un só, pero, de cultura xeral!

 

Xa é burremia, xa, prepararnos tanto, para o que dura catro días mal contados, e tan pouco para a vida eterna; vén a ser algo así como administrar nas moedas miúdas e tirar os billetes pola ventá, para que os leve o vento, e chova por eles, que así non serven, non dan utilidade, nin para nosoutros nin para o próximo. Nosoutros, o próximo… O próximo e nosoutros, de ben mirado somos unha mesma cousa, unha soa cousa: Damos, e recibimos! Damos exemplo, bos ou malos, e de paso, tamén os recibimos, así, entreverados. Somos coma unha gota de auga no mar, que non seríamos mar se non estivésemos rodeados das outras, pero a nosa miopía condúcenos á soidade: Se non vemos, se non queremos ver o que nos rodea, que somos? ¡Pois iso, unha gota chamada a desecarse!

 

Nas aparencias, gozamos; sempre, acotío, que ata durmimos con esa careta. ¿É unha defensa, unha autodefensa? A veces, pero só a veces, as circunstancias obrígannos a gardar certos disimulos, pero só están, só estarían, relativamente xustificados como autodefensa…, cando non teñamos outras armas! En todo caso as caretas son carnavalescas, e ao día seguinte, fóra, a toma-la cinsa, a cinsa coresmal!

-.-

 

 

Eu son, debo ser, para ser…, nosoutros, pois, do contrario, non son; insisto en que non existo! Rodeado de bos e de malos, por suposto, que así tamén son eu, cunhas partículas de bondade, pero tamén con algo, ¡ou moito!, de maldade. Nesta inmersión, que me compre facer?

 

Agora que sei ler, agora que me deixan ler a Biblia, pois ata o Vaticano II non se nos considerou capaces de lela e de entendela correctamente, ¡medo aos protestantes, por suposto, co cal, nesa ignorancia, sen querer pero os nosos doutores estábannos desviando do Credo!, un bo principio, en particular para examinarnos do quinto, coido que pode ser un repaso a Mateo, 5, 43-48, e a continuación a Lucas, 6, 27-28 e 32-36. Comezando por Mateo:

 

“Tedes oído que se vos dixo, Amarás ao teu próximo e aborrecerás ao teu inimigo. Pero eu dígovos: amade aos vosos inimigos, e pregade polos que vos perseguen. Así seredes fillos de voso Pai que está no Ceo, que fai saí-lo seu sol sobre malos e bos, e chover sobre xustos e inxustos. Porque, se amades aos que vos aman, ¿que recompensa ides ter? ¿Non fan o mesmo os recadadores de impostos? E se saudades soamente a vosos irmáns, ¿que facedes de mais? ¿Non fan outro tanto os pagáns? Daquela sede bos sen exclusivismos, como o voso Pai Celestial é totalmente bo”.

 

Dispensádeme de transcribir a Lucas, precisamente en beneficio voso, que igual vos convén cambiar de lecturas, e lelo na propia Biblia, ao completo, para desintoxicarvos desas revistas do corazón…, que tratan de todo menos do corazón, pois, se o tivesen os / as entrevistados / as, menos escándalos protagonizarían. Como dicimos os galegos, non si? Vou substituír a Lucas pola miña veciña, Enriqueta Otero, ¡comunista do bo comunismo, quere dicirse, do ben común, pois o outro…, puntos suspensivos!, da que non me canso de repetir aquela afirmación súa tan…, católica: “É moito o herdado, o apreso, o recibido, así que temos a obriga de conservalo e de melloralo, para transmitilo así, mellorado!”. Isto é o que me digo a min mesmo: ¡Rapaz, pásalle ao teu próximo algo diso tan bo que levas recibido, e faino comezando polos inimigos, que igual o precisan máis cós amigos! ¡Señor, que me sirva de penitencia; por tódolos mandamentos, pero, neste caso, en especial, polas de omisión, polas que puiden facer e non fixen! Refírome ás boas, claro está, que das malas, que Deus me perdoe, pois eu, o que é a min mesmo, non me perdoo…, nin o farei mentres Deus me conserve os tóteles!

-.-

 

 

Despois de examinados, e coa promesa firme…; como aquilo que dixo o outro, podendo prometer, prometo…; pois eu tamén podo, quero, e fágoo! Así que agora, de xeonllos, escoitarei ao Celebrante, con recollemento, para que se cumpra en min a súa bendición: Benedicat vos omnipotens Deus, Pater, et Filius, et Spiritus Sanctus. Amén!

 

Prometer é doado, pero o de cumprir non tanto, así que mellor nos será non expoñernos ás consecuencias do pecado; concretamente nisto de matar, nin mata-lo tempo, que para folgar xa teremos ocasión Aló Arriba, no Eterno Descanso, que só o logran, só o merecen, os que soben cansos, cansos de orar e de laborar, que son dúas funcións complementarias, de obrigado cumprimento Aquí Abaixo.

-.-

 

 

-VI-

 

O sexto axuga co nono, así que será cousa de meditalos conxuntamente: Pensamentos, palabras, obras nefastas…

 

Para comezar: ¿Sabemos pensar? Nisto ninguén se libra de ser autodidacta, pois a reflexión é persoal, e por tanto, intransferible.

 

Como temos dúas orellas, é corrente que nos saia por unha delas o que nos entrou pola outra; tanto o bo coma o malo! A intelixencia está en reter o bo, expulsando o malo, ¡coma quen tose!, máis para iso a nosa intelixencia precisa dun cribo, dun baruto, ao que vimos chamando, desde que o sapiens rompeu a pensar, reflexión; con un erre, con ese erre de “repetir”, de repetir aló dentro, de cocer as ideas, pois, de crúas, poden indixestarnos, que non só se coce co estómago, pois o cerebro ten una función parecida, dixerir, asimilar, quedarse co bo e expulsar os restos, os sobrantes, a parte nociva das ideas.

 

Mais para todo isto, para mellor funcionar, de cando en vez hai que quedarse a soas con un mesmo, que tamén se fai en beneficio dos demais; é un xeito de colaborar, xa que, coas nosas reflexións, con estas maduracións, sairemos ao exterior revestidos de eficacia e de verdade; ¡tornarémonos útiles, exemplares, ou, polo menos, tendendo a!

-.-

 

 

Por consideralo antolóxico, do mellor e do máis actual que se leva escrito sobre o tema, vou traducir estas reflexións do Padre Jordi Rivero, que exerce actualmente en Miami, Florida, USA.:

 

A luxuria é o desexo desordenado polo pracer sexual. Os desexos e mailos actos son desordenados cando non se conforman ao propósito divino, que é proporcionar o amor mutuo entre os esposos e favorecer a procreación. É un pecado contra o Sexto Mandamento, e un dos 7 capitais. É unha ofensa contra a virtude da castidade. Pero, ¿como vencer a luxuria?

 

Deus bendiciu ao home e á muller dotándoos con atracción mutua. Mentres ambos viven baixo o amor de Deus, os seus corazóns buscan o amor divino, que está ordenado a darse, buscando ante todo o ben do outro. O pracer en si, por tanto, é algo bo, pero moi inferior. En comuñón con Deus ámase verdadeiramente, e respéctase á outra persoa como fillo ou filla de Deus; non se ten, non se cultiva, como mero obxecto de pracer!

 

No orde de Deus pódese recoñecer a necesidade da castidade para que o amor sexa protexido. Entón é necesario coñecer e obedecer o sentido que Deus lle deu á sexualidade. Pero o pecado desordenou esa atracción entre home e muller de tal xeito que o desexo carnal tende a separarse do propósito divino, e así domina a mente, e tamén o corazón, o sentimento.

 

A luxuria medra canto máis nos buscamos a nós mesmos, ¡egoísmo!, esquecéndonos de Deus. Desta maneira, o inferior, o desexo carnal, domina no superior, domina nese corazón que foi creado para amar. Consecuencia: Cando non refusamos con dilixencia esas tentacións da luxuria, caemos presos, inexorablemente, dos propios desexos, destas desviacións, que terminan por dominarnos, por envilecernos.

 

A luxuria véncese cando gardamos, cando tratamos de gardar, a mente pura, séxase apartándonos, privándonos, de miradas, revistas, lugares de tentación, espectáculos, etcétera, tan abundantes actualmente, e que tanto incitan á luxuria, ao desenfreo. Se nos tomamos en serio a nosa vida en Cristo poderemos comprender os danos que ocasiona a luxuria”. (Tal que fillos ignorados, e por tanto desprotexidos. Tiven un primo que era “fillo bravo”, así que sei algo, desde a infancia, de como son as consecuencias desas irresponsabilidades).

...

 

Se alguén me le, pídolle, polo seu ben, que me relea, que se pare un anaco nestas consideracións; non me estará escoitando a min, senón ao teólogo precitado, Jordi Rivero. E como el non o sabe, que anda lonxe, lonxe e moi alto, as grazas dóuvolas eu, desde aquí, desde este capitulo do meu blog, que, como o seu título indica, só pretende ser un deterxente das almas, comezando pola miña, obviamente!

-.-

 

 

 

¿Pecados contra a castidade? ¡Castos, castos, se cadra os curas, os curas e mailas monxas…, por agora, que logo se cansarán, logo empezarán a aburrirse de ser os únicos, poucos e diferentes! O século XXI aínda está empezando, e Roma sempre tarda en decidirse..., pero, cando o faga, se, “Roma locuta, causa finita”.

 

Catecismo. 2336: Xesús restaurou a creación na pureza das súas orixes. No Sermón da Montaña interprétase dunha maneira rigorosa o plan de Deus: “Tedes oído que se dixo: “non cometerás adulterio”. Pois eu dígovos: Todo o que mira a unha muller desexándoa, xa cometeu adulterio con ela no seu corazón” (Mt 5, 27-28). O home non debe separar o que Deus uniu (cf. Mt 19, 6).  A Tradición da Igrexa sempre entendeu o sexto Mandamento como referido á globalidade da sexualidade humana. ¡Así de rotundo, e así de claro!

 

 


 

 

De portas para dentro da Igrexa, si, pero, por fóra, fóra dela, neste mundo mundial, herdeiros de Sodoma e de Gomorra? ¡Como a alguén se lle ocorra entrar nunha tenda, así sexa un hiper, pedindo un cinto da castidade, que se prepare, que non tardarán en poñerlle unha camisa de forza os do manicomio máis próximo! ¿Queres un cinto? ¡Aquí tes o máis completo, esta camisa…!

 

2350: Os noivos están chamados a vivir a castidade na continencia. Nesta proba, nesta disciplina, teñen que ver un descubrimento do mutuo respecto, unha aprendizaxe da fidelidade e da esperanza de recibirse, un e mailo outro, de Deus. Reservarán para o seu tempo de matrimonio as manifestacións de tenrura específicas do amor conxugal. Deben axudarse mutuamente a sosterse e a medrar niso da castidade.

 ...

 

No podo engadir nada máis, nin unha faragulla, pois co dito todo está bendito, ben dito! En todo caso, un Amén forte, sentido, con ese acento que poñemos cando queremos conseguir algo moi grande, moi nobre, moi importante.

-.-

 

 

Huic ergo parce Deus; Pie Iesu Dómine. Dona eis réquiem. Amen. Perdóame, ¡oh Deus! ¡Oh piadoso Xesús, concédelles o descanso eterno! ¡Amén! 

 

Despois de feitas as miñas reflexións, e xa sen agardar ao Décimo, coido que non podo demorar unha expresión de agradecemento para os que me precederon en subir ao tren da Eternidade. Tanto amigos como inimigos, pois a todos, sen excepción, debo algo, e se cadra aínda máis aos inimigos pois sen eles, como ía distinguir aos amigos, como ía facer para lograr a miña superación cotián?

 

A miña oración, se a logro agradecida, se lle pido e lle agradezo a Deus que ma reciba, que ma acepte, será ambivalente, terá dous efectos: Se aquel, ou aqueles, polos que a aplique xa están sas e salvos, purgados, admitidos na presenza do Altísimo, seguro que non a desperdician, que lla ofrecen a Deus, de parte miña, en súplica de perdón, de perdón e de protección…, para defenderme das tentacións! Se a necesitan, por eles; se xa non, por min, para min, pois, de agradecidos, algo me darán a cambio; ¡estou seguro, pois non hai, non pode haber, santos desagradecidos!

-.-

 

 

-VII-

 

Do sétimo e do décimo podemos examinarnos simultaneamente, nun acto conxunto, dada a súa intersección: Roubos, dilapidacións, prexuízos a terceiros...

 

 


A película é do XX pero a tendencia é máis antiga: Vén de Caín, que matou a seu irmán para apropiarse do seu gando e dos seus cultivos. ¡Máis ou menos! Daquela, ao xeneralizarse, deixou de ser pecado? ¡Máis grave cá nunca, pois agora róubase / roubamos coas luvas postas, máis sofisticadamente, incluso por Internet!

 

Non é propio apropiarse de bens de propios! Non, pero dos comúns, tampouco, por máis que estea de moda! A propósito de moda: Se eu fose confesor, ¡xa o fose de min mesmo!, na porta do meu confesionario, imitando a Lutero naquilo das teses que cravou na porta da igrexa do Pazo de Wittenberg, cravaría estas advertencias:

 

Pecador que aquí te examinas, comigo, cando chegues ao sétimo, entre o sétimo e mailo décimo, non te esquezas de darlles un repaso a estas miudezas:

 

¿Roubei algunha cantidade notable?

¿Cooperei con outros nalgún roubo?

¿Había algunha circunstancia que o agravase, p. e., tratarse dun obxecto sacro, na igrexa, etc.?

¿Reteño algunha cousa allea, roubada ou adquirida con falso título? ¿Cando, e como, penso restituír?

¿Prexudiquei notablemente con enganos, falsificacións, trampas ou coaccións, etc., nos contratos?

¿Procureime ganancias desproporcionadas con escusas que non xustifican en min o que me parece mal noutros?

¿Fixen, ocasionei, danos, doutras maneiras, máis ou menos disimuladas, e por iso non fun sancionado, non fun penado polas leis vixentes?

¿Aproveiteime da necesidade allea, explotándoa con contratos usurarios, onerosos?

¿Reparei o mal causado?

¿Contribúo, segundo as miñas posibilidades, ao remedio da sociedade, empregando o meu capital en forma que proporcione axudas a terceiros necesitados delas?

¿Gastei máis do que me permite a miña fortuna en ocios e / ou divertimentos, e iso aínda que, sinaladamente, fosen sanctus?

¿Botei man, para as miñas tolemias, para os meus vicios, de bens familiares?

¿Vivín, ou estou vivindo, con un luxo impropio dos tempos, provocativo, escandaloso para o pobre?

¿Son, polo contrario, avaro, e non dou o conveniente para os gastos da familia?

¿Din a tempo, en tempo e forma, os xornais acordados, reportados?

¿Fago as esmolas que me permite a miña situación?

¿Paguei en tempo e forma as miñas débedas, e procuro manterme en situación de poder facelo?

...

 

¡Ai Deus, que con isto, se isto fago, se isto proclamo, vanme excomungar, tal e como lle fixeron a Lutero por culpa das súas protestas, pero Ti ben sabes que precisamos, moito, vacinarnos desta pandemia actual! Dáme forzas, Señor, para gañar, para merecer, o meu pan de cada día coa suor da miña fronte, e que non se me pase por ela gañalo coa do de enfronte! ¡Cada un coa súa, Deus mediante, non si? ¡Igual, igualiño, que se fai coa muller de cada quen!

-.-

 

 

Octavo, outro dos gordos, dos actuais! ¡A ver neste, a ver quen me tira a primeira das pedras! …

 

Estou agardando, inutilmente, porque está visto que nisto tampouco son excepción!

 

Tamén terei que facer unha lista dos que se me ocorren, dos que me acorde, pois, son tantos, neste rabaño, que a ver quen é capaz de xebrar as ovellas das cabras. As cabras teñen cornos, ben visibles, que niso imitan ao diabro, así que comezarei por elas:

 

¿Dixen mentiras?

¿Reparei o dano, ¡os danos!, causados?

¿Murmurei, espallei rumores ou sospeitas, xulgando temerariamente?

¿Descubrín defectos notables doutros?

¿Calumniei, achacándolles o que non era verdade?

¿Retracteime da calumnia reparando o dano material e/ou espiritual do que fun causa?

¿Formei xuízos temerarios contra o próximo; comuniqueillos a outros?

¿Revelei segredos importantes, descubríndoos sen necesidade ni causa xusta?

¿Indaguei segredos alleos en cartas, escritos, conversacións…?

¿Fixen uso do que sabía baixo segredo sen ter dereito ou obriga de facelo?

¿Reparei, reparei, reparei…, tanto que teño que reparar?

...

¡Ai, Deus, que me ferve a cabeza de tantas faltas! ¿Faltas? ¡Non, que non teño dereito a minimizar: pecados, son pecados graves, importantes, que me estaban pasando desapercibidos, así que, meu Deus, meu Señor, concédeme unha espera para exercitarme nuns exercicios reparadores, previos a unha confesión xeral, pois tanta roña non é lavable…, nin co mellor deterxente! Como quero saír, subir, limpo, aseado, definitivamente aseado, concédeme uns días de meditación…, para cambiar de carreira, pois esta, a do pecado, renego dela!

-.-

 

Exercicios

 

 


 

Os frades, pero tamén os cregos e mailas monxas, adoitan facer os exercicios espirituais en recintos cerrados, tapiados ao mundanal ruxido. Eu, cando quero, ou podo, retirarme, opto pola miña carballeira: avanzo polo carreiro adiante, deixando de lado as herbas secas, que me fan pensar no reseca que terei a alma cando boto moito tempo sen regala, sen lavala, sen exercitala. De chegado ao Cercis siliquastrum, que se pon morado no outono, ¡no outono da miña vida!, fágome á idea de que estou na Coresma, ¡na miña!, así que dou catro pasos máis, ata abeirarme na sombra dos carballos.

 

Arriba están as pegas, esas sempre, tanto as carnizás coma as rebordás, pero tamén silva algún que outro paporroibo. As pegas téñoas por máis satánicas, pero os trinos do paporroibo fanme invocar os anxos, ese coro de anxos que rende honores aos bos, sexa porque o sexan, sexa porque daquela saiamos do purgatorio. ¿Que me falta para entrar en oración? Só unha cousa: Ollar por entre os ramallos para ver o azul da cúpula: Deus está en todas partes, pero, como é Altísimo, sempre o supoñemos no máis alto, no Ceo do ceo!

 


 

Señor, agora que estou só, que ninguén me distrae, quero confesarme, pido que me escoites, que o fagas con paciencia porque traio un cargamento de faltas, e tardarei polo menos unha hora en recoñecelas, en expoñelas. Xa sei que ti as coñeces, de antemán, pero dáse o caso de que deixaches apoderados: Aqueles a quen lles perdoedes, serán perdoados…! Señor, para pecar non tiven vergoña, pero si a teño para achegarme ao confesionario; ¡dáme azos para facelo, na primeira ocasión posible, mañá mesmo, que tamén se confesan os Papas, e máis son Vicarios teus! Azos para confesarme, por suposto, que é mandato divino, pero tamén os preciso neste intre para prepararme a conciencia, en conciencia.

 

A tal momento síntome nun altar, no altar da túa Natureza, debaixo destas árbores por ti creadas, que tan ben fan o seu papel de tronos do Altísimo, teu, filtrándome a túa luz. ¡Agora, neste caso e neste sitio, dáme luces, Señor, para ver con claridade o camiño do arrepentimento, para que poda deterxer a miña alma con esta meditación, con esta reflexión, con estes exercicios que Tu podes converter en espirituais, tanta falta que teño deles!

 

O que teño é que ter coidado coas cobras…, xa que isto se parece ao Paraíso! Pero que non se lle ocorra ao diabro tentarme, que desta vez…, desta renego del, que non estou disposto a caer noutra, que de aquí, desta Montaña, deste Bergland de Montecubeiro, Deus mediante, conto con saír limpo, que é igual a dicir, arrepentido!

 

¡Señor, que ben se está aquí! ¿Facemos tres tendas…?, che preguntaron aqueles discípulos, pero a miña carballeira, esta, este Paraíso, agora que me reconciliei contigo, agora que teño propósito, firme, de emenda, ou sexa, que vou confesarme, xa é, de por si, unha tenda, unha tenda arbórea, unha auténtica catedral, con estes carballos facendo de columnas. Daquela, onde está, onde teño o sagrario? ¡Ah, que non me decatara diso: o Sagrario, ti, Señor, está na miña cabeza xa que, ao traveso destas follas verdes, acabo de renacer: coa túa luz, Señor, coa túa, que ma mandaches neses raios de sol que están chegando á miña cabeza; iso si, atenuados por culpa dos ramallos, dos ramallos dos meus pecados! Mañá será outra cousa, mañá será outro día…, cando volva de confesarme! A tal momento óllasme con ollos de perdón, pero, despois de confesado, ollarasme con compracencia, que daquela xa merecerei que me teñas por fillo, un fillo pródigo, iso si, pero que regresa, que volve á casa de Deus! ¡Amén!

 

Xosé María Gómez Vilabella

 

-oOo-

 


O Papa, que seguramente o precisa menos, dános exemplo.

 

-oOo-

 


 

Apéndice

 

Oh Cruz de Cristo: La impresionante oración que el Papa escribió y rezó en el Vía Crucis del año 2016


 

ROMA, 25 Mar. 2016. Al concluir el Vía Crucis que presidió este Viernes Santo alrededor del Coliseo Romano acompañado de miles de fieles, el Papa Francisco rezó una oración que escribió especialmente para esta ocasión titulada “Oh Cruz de Cristo”.

 

A continuación el texto completo de la plegaria del Santo Padre:

 

Oh Cruz de Cristo, símbolo del amor divino y de la injusticia humana, icono del supremo sacrificio por amor y del extremo egoísmo por necedad, instrumento de muerte y vía de resurrección, signo de la obediencia y emblema de la traición, patíbulo de la persecución y estandarte de la victoria.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo alzada en nuestras hermanas y hermanos asesinados, quemados vivos, degollados y decapitados por las bárbaras espadas y el silencio infame.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los rostros de los niños, de las mujeres y de las personas extenuadas y amedrentadas que huyen de las guerras y de la violencia, y que con frecuencia sólo encuentran la muerte y a tantos Pilatos que se lavan las manos.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los doctores de la letra y no del espíritu, de la muerte y no de la vida, que en vez de enseñar la misericordia y la vida, amenazan con el castigo y la muerte y condenan al justo.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los ministros infieles que, en vez de despojarse de sus propias ambiciones, despojan incluso a los inocentes de su propia dignidad.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los corazones endurecidos de los que juzgan cómodamente a los demás, corazones dispuestos a condenarlos incluso a la lapidación, sin fijarse nunca en sus propios pecados y culpas.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los fundamentalismos y en el terrorismo de los seguidores de cierta religión que profanan el nombre de Dios y lo utilizan para justificar su inaudita violencia.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los que quieren quitarte de los lugares públicos y excluirte de la vida pública, en el nombre de un cierto paganismo laicista o incluso en el nombre de la igualdad que tú mismo nos has enseñado.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los poderosos y en los vendedores de armas que alimentan los hornos de la guerra con la sangre inocente de los hermanos.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los traidores que por treinta denarios entregan a la muerte a cualquier persona.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los ladrones y en los corruptos que en vez de salvaguardar el bien común y la ética se venden en el miserable mercado de la inmoralidad.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los necios que construyen depósitos para conservar tesoros que perecen, dejando que Lázaro muera de hambre a sus puertas.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los destructores de nuestra «casa común» que con egoísmo arruinan el futuro de las generaciones futuras.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los ancianos abandonados por sus propios familiares, en los discapacitados, en los niños desnutridos y descartados por nuestra sociedad egoísta e hipócrita.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en nuestro mediterráneo y en el Mar Egeo convertidos en un insaciable cementerio, imagen de nuestra conciencia insensible y anestesiada.

 

Oh Cruz de Cristo, imagen del amor sin límite y vía de la Resurrección, aún hoy te seguimos viendo en las personas buenas y justas que hacen el bien sin buscar el aplauso o la admiración de los demás.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los ministros fieles y humildes que alumbran la oscuridad de nuestra vida, como candelas que se consumen gratuitamente para iluminar la vida de los últimos.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en el rostro de las religiosas y consagrados –los buenos samaritanos– que lo dejan todo para vendar, en el silencio evangélico, las llagas de la pobreza y de la injusticia.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los misericordiosos que encuentran en la misericordia la expresión más alta de la justicia y de la fe.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en las personas sencillas que viven con gozo su fe en las cosas ordinarias y en el fiel cumplimiento de los mandamientos.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los arrepentidos que, desde la profundidad de la miseria de sus pecados, saben gritar: Señor acuérdate de mí cuando estés en tu reino.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los beatos y en los santos que saben atravesar la oscuridad de la noche de la fe sin perder la confianza en ti y sin pretender entender tu silencio misterioso.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en las familias que viven con fidelidad y fecundidad su vocación matrimonial.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los voluntarios que socorren generosamente a los necesitados y maltratados.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los perseguidos por su fe que con su sufrimiento siguen dando testimonio auténtico de Jesús y del Evangelio.

 

Oh Cruz de Cristo, aún hoy te seguimos viendo en los soñadores que viven con un corazón de niños y trabajan cada día para hacer que el mundo sea un lugar mejor, más humano y más justo.

En ti, Cruz Santa, vemos a Dios que ama hasta el extremo, y vemos el odio que domina y ciega el corazón y la mente de los que prefieren las tinieblas a la luz.

 

Oh Cruz de Cristo, Arca de Noé que salvó a la humanidad del diluvio del pecado, líbranos del mal y del maligno. Oh Trono de David y sello de la Alianza divina y eterna, despiértanos de las seducciones de la vanidad. Oh grito de amor, suscita en nosotros el deseo de Dios, del bien y de la luz.

 

Oh Cruz de Cristo, enséñanos que el alba del sol es más fuerte que la oscuridad de la noche. Oh Cruz de Cristo, enséñanos que la aparente victoria del mal se desvanece ante la tumba vacía y frente a la certeza de la Resurrección y del amor de Dios, que nada lo podrá derrotar u oscurecer o debilitar. Amén.

 



A escaleira do Ceo ten a súa cruz

 

En resume, que o bo comezo está na humildade.

Desde aquí comézase a subir...

 

¡Laus tibi Christi!

 

Xosé María Gómez Vilabella

-.-

 

 



No hay comentarios: