lunes, 27 de mayo de 2013

EU, PREDICADOR -I-


Eu, predicador?



Confeso
que vou morrer sen chegar a crego.

Xosé María Gómez Vilabella

    

Meu Herbón: Chamáchesme, pero...,
daquela non me deixaron, e agora estou casado!


¡Co feliz que iso me faría! ¡Ah, pero, e se non o facía ben? ¡Por se acaso, comezarei o meu ensaio, o noviciado posposto, en min mesmo, predicándome, auto formándome, e despois diso..., confesándome!

¡Deus, que bo corpo debe deixar un sermón ben sentido, ben formulado; coa falta que hai deles! Mais, ¿como se empeza?

Iso téñoo claro: Con agradecemento aos nosos mestres polas leccións recibidas; ¡se eu fose boa terra, a de froitos que estaría producindo a tal momento, coa de anos que teño enriba, coa de leccións maxistrais recibidas, que non dadas! Moito me temo que esa sexa a recriminación dos meus mestres cando se acheguen a recibirme na última estación, no último curso: ¿Que fixeches con aqueles talentos, tan cultivados que chos deixamos? Só me quedará engurrarme, aceptar a reprimenda, pois, para corrixirme, será tarde!

A verdade, toda a verdade, e nada máis que a verdade, é que algo fixen: escribín un libro, tiven un fillo, ¡dous!, plantei centos de árbores..., e dediquei algún tempo a matinar, pero..., ¡non foi abondo, que levo un balance frouxo, case de creba! Ollando para atrás, desde as cavernas algo se fixo, pero non todo foi bo, exemplar, que aí está a Historia, preñada de guerras, e iso que non todas se inscribiron, que tamén as houbo con censura, como aquela do noso Ifni...!

Cando hai un enterro, os invitados, xeralmente, non se cansan de chufar no defunto / a, e igual pasa cando os periodistas indagan na veciñanza dun criminal: Nunca dano me fixo; non parecía mala persoa... ¿Fano por caridade? ¡Coido que si, pero traizoan aquilo de Vox populi, vox Dei! A voz do pobo tamén é pecadora, e por ende, ignora, silencia, as maldades, paralelas, do próximo.

¡Cantas horas baleiras ten unha vida, por curta que sexa! Se reflexionásemos algo máis nas horas estériles, cando non pecadentas, o cristianismo abarcaría o terráqueo, por completo, e daquela aprenderíamos, duns e doutros, a imitar a Cristo, a converternos a Cristo. ¿Para que? ¡Para ascender, de homes a anxos, pois niso consiste a carreira da vida!

¿Ascender? ¿De homes a anxos? ¡Pois claro; para que é a vida senón para iso, para subir, para ascender..., despois de redimidos, por suposto!

¡Deus, que marabilla, e que pouco matinamos niso! Pois a cousa é doada de entender. Cando vemos un neno no barrelo, cando o arrolamos, estamos agradecendo, reproducindo, o que fixeron con nós: ¡estamos en presenza dun anxo, doutro! E logo, se nacemos anxos, unha vez bautizados, ¿por que retrocedemos? ¡Ese maldito Satanás, que nos ten envexa, e non se cansa de empurrarnos para o seu exército, cara ao forno do seu inferno! (A menciña está no Noso Pai, de ben rezado: “... non nos deixes caer na tentación...” Daquela a receita déunola o propio Mestre, Xesús; só nos falta usala con devoción!).




¿De ben rezado? A propósito: Teñamos coidado coas expresións de significado amplo, agora que somos, ou nos fixemos, tan racionalistas, que tanto nos gusta afina-las expresións. Comecemos por distinguir entre ceo e Ceo: o de minúsculas é o que vemos, este no que nos movemos; pero o mundo celestial, o anxélico, o espiritual, ese onde Deus nos ten reservado un asento..., ¡se nos portamos ben, por suposto!, ese é o de maiúsculas, invisible desde a terra; o telescopio para velo e para entendelo témolo na Biblia!

“Mais líbranos do mal”. O Mestre, Xesús, ao darnos esta receita divina, milagrosa, de compromiso, pero tamén de petición humilde, respectuosa, o que nos mandou é, foi, pedir para todos, en plural, e non só para e por o orante. Por “mal” queremos referirnos a canto nos sexa prexudicial, do corpo, pero tamén, ou máis ben, da alma. Aquí temos un problema de tradución pois a verba “mais” para os galegos é un “pero”, así que ten un matiz contraditorio, condicional. Eu, na miña modestia, na modestia dos meus entenderes, veño tomándome a liberdade de substituír ese “pero” polo aditivo “e”: “... e líbranos do mal”. Amén.

Sigamos coas mostras: “Gloria a Dios en el Cielo, y en la tierra paz a los hombres que ama el Señor”. En Lucas: 2: 14: “¡Gloria a Deus no Ceo e na terra paz ós homes que gozan do seu amor!”. ¡Ollo coas limitacións! Deus non dá a súa paz a “certos” homes, senón á humanidade en xeral, pecadores ou non, que se o son, que se o somos, aínda poden/podemos arrepentirnos. ´´Ámanos a todos, e por conseguinte deséxanos, e dános, a paz, para, e, a todos! ¿Non sería máis exacto, ou máis atinado que dixésemos algo así como: “Teñen paz os que aman ao Señor”.

A esperanza. ¡Non confundila con seguridade! Esperar = Ter esperanza de conseguir o que se desexa. Como cristiáns, a nosa esperanza é, realmente, unha seguranza. Se falamos dunha simple esperanza é que somos máis ateos cós ateos; ¡coa de explicacións que nos deu Xesús, os seus milagres, a súa resurrección..., e aínda así non pasamos da esperanza á seguridade, á seguridade máis absoluta? A esperanza é válida referente a min mesmo; a confianza, ¡simple confianza!, en que as miñas debilidades conclúan con un propósito firme de emenda; pero as promesas do Fillo do Home, Segunda Persoa da Santísima Trindade, son indiscutibles, ¡teñen que conducirnos á seguridade de que Deus é misericordioso, e por tanto, indulxente! ¿Gratis? ¡Non; gratis, non, pois, xa que nos deu libre albedrío, pídenos, esíxenos, o noso voto, a nosa adhesión inquebrantable, e de quebrada, de rota, unha restauración!

A esperanza, ¡a seguranza!, encamíñanos cara a Deus: Xoán 14: 2-4. “Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, ¿teríavos dito que vos ía amañar un lugar? E cando vaia e vos amañe un lugar, volverei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vos tamén. E a onde eu vou, vós ben sabéde-lo camiño”. Claro que o sabemos, que ben claro e ben rotundo nolo explicou; todo consiste en non esquecelo.

Teño diante unha “Folla Parroquial”, desta igrexa de San Paulo, que é todo un Catecismo:

El fundamento de la esperanza cristiana: La gran promesa que Jesús nos hace es la vida Eterna, que es la meta definitiva hacia la que debe aspirar con esperanza el ser humano. (Volvo ao meu: con seguridade!)”.

“Nuestra esperanza (sigo lendo: seguridade) se fundamenta en las promesas que Dios ha hecho y que Él puede y quiere cumplir dada su omnipotencia, su infinita misericordia y su fidelidad”.

 “La esperanza cristiana (A miña teima: seguranza) implica una referencia al futuro. Los bienes esperados aun no los poseemos en su plenitud, vamos camino hacia ellos; pero sin olvidar que en esta etapa transitoria podemos perderlos si el pecado predomina en nuestras vidas”. (A todo isto outra obxección: Non é cuestión de predominio, non é cuestión de balanza, senón de remisión: Con pecados non se entra no Ceo; hai que levalos extinguidos, perdoados, indultados!).

Propio también de la esperanza cristiana es saber que los bienes futuros están inicialmente presentes aquí. Sí, Dios ya inició nuestra salvación aquí en la tierra por medio de los sacramentos que Cristo ha encomendado a su Iglesia. Lo cual ya es motivo de mucha alegría. De Dios debemos fiarnos siempre, concretamente de su promesa de salvación universal; pero sin olvidar que en la obra de nuestra salvación somos nosotros, como  seres libres, los que podemos fallar, cayendo en la tentación y pecando. La única gran esperanza (Nisto si, aquí vale o termo) es la misericordia infinita del Señor”.

Xa llo dicía Don Quijote ao seu Sancho: “... me parece que el traducir de una lengua a otra, como no sea de las reinas de las lenguas, griega y latina, es como quien mira los tapices flamencos por el revés, pues aunque se ven las figuras, están llenas de hilos que las escurecen y no se ven con la lisura y tez de la haz...Daquela, para traducir, sempre, lupa en man, digo, na mente!

Predicar... Dar trigo... ¡Por suposto que si, que non hai mellor sementeira cós exemplos positivos; aquilo do gran de mostaza... Pero somos tan miopes, que non distinguimos nin as árbores do Paraíso. ¡Maldita serpe, aquela que nos empurrou á sima! Na terra adoramos a tiranía, ¡é un caso de afinidades!, e torcémoslle a cara a Deus, ¡ao Deus da bondade! Mais, para que isto cambie, teño que comezar por min, por min mesmo; o que se di, volver a nacer, rexenerarme.

Tanta mecánica inventada, toda clase de tentacións, e aínda non fomos capaces de idear o espello retrovisor das almas, coa falta que nos fai! Os teólogos pasan a vida tentando coñecer os misterios celestes, ¡outros astrónomos!, pero, as menciñas para a nosa debilidade? Profundemos en nós mesmos pois os misterios trinitarios non corren présa; verémolos no seu día, no do transo; máis importa varrer a casa que espiar a do veciño. ¿Que como é o Xefe? ¡Boísimo; tanto, que se tal non fose, que Xefe lle aguantaría a un subordinado as nosas, abundantes e graves, insubordinacións, cotiáns, reiteradas? ¿Que Xefe non lle pon algunha condición ao empregado; para que a empresa funcione, obviamente! Co de Arriba só temos o Decálogo, un decálogo de amor, e aínda así, queixámonos!
-.-

A obriga do apostolado segrar. Existe, de sempre, pero está especialmente recomendada desde o Vaticano II; daquela, xa que existe, eu, servidor, como tal segrar, aínda que non chegue a crego aquí na terra, que no Ceo igual si, ¡tan comprensivo que é Deus!, esta obriga atáñeme; así que, rapaciño, por vello que sexas, veña, ao Catecismo, ao moderno, pois o do P. Astete quedou para os cativos!

Para comezar coa lección, querido novizo, atende: O apostolado segrar reclama, require, algo máis que voluntarismo e boas intencións; require unha seria formación, non só ao traveso dos procesos interiores que conducen ao desenrolo da fe, da esperanza e da caridade, senón, e tamén, por medio do coñecemento sistematizado das verdades da fe, da doutrina social da Igrexa e das disciplinas humanas, sobre todo das relacionadas co desenrolo da sociedade e da cultura do noso tempo. ¿Quedas informado? ¡Daquela, a funcionar!
-.-

Unha proba da falta que fai unha xente que tamén se ocupe das cousas relixiosas, á par que da súa profesión: Este sartego, esquecido nunha cuneta, ¿non sería oportuno que alguén o levase para o cemiterio parroquial? (Este artigo publiqueino no “Foro” da Asociación de Amigos do Patrimonio, de Castroverde).

Qué solos se quedan los muertos!


Baixeime do coche para retrátalo; ao morto, non, ao sartego! Que isto pase no meu Condado, no condado de Flammoso, dóeme. Daquela acordeime do Cura do lugar, pero tamén de Gustavo Adolfo Bécquer: 

¿Vuelve el polvo al polvo?
¿Vuela el alma al cielo?
¿Todo es vil materia,
podredumbre y cieno?
¡No sé; pero hay algo
que explicar no puedo,
que al par nos infunde
repugnancia y duelo,
al dejar tan tristes,
tan solos, los muertos!

Bécquer

A tal momento daba o sol na cabeceira do sartego…; ¡sería a súa ánima, alumándome para que a foto saíse nítida, expresiva? Mais non, porque a alma deste rapaz / ou rapaza, seguramente teña emigrado, acaso daquela que o Crucificado resucitou, e fixo resucitar aos que o precederon, ¡que este sartego é moi antigo!, pois, en caso contrario, non creo que o Cura da parroquia fose tan…, inmisericorde como para apartar da Igrexa, das dúas, da de maiúsculas, pero tamén da de minúsculas, este relicario. Claro que igual é santo, santo e sabio, que por iso se dixo: -¡Este é un sepulcro baleiro, e compre deixar sitio para outros, para os veciños que aínda estean purgando! En todo caso, ¿quen son eu, un lego, para opinar das cousas sacras?

Xosé María Gómez Vilabella
-.-
   
Os detalles nimios. Non hai tal, pois na vida humana nada ocorre, nada facemos, por insignificante que sexa, ou nos pareza, que non teña algunha transcendencia, persoal ou social, positiva ou negativa. Só estamos en actitude neutra cando durmimos, e para iso tampouco, pois hai situacións nas que teríamos a obriga de estar espertos, de actuar, de reaccionar.

Se falla un dos músicos, a orquestra desafina, perde categoría. ¿Que é o mundo máis que unha orquestra; iso si, infinita? E cada ser, un frautista! ¿En que se diferencia o Ceo da terra? No Ceo, daquela que desafinou Lucifer, apagárono, apagáronlle a luz ao Príncipe dela, e con el aos seus secuaces. Co home, Deus foi, ¡é!, máis tolerante. ¿Cambiou de opinión? ¡Como nos dera menos, menos esixe! Os anxos bos, os submisos, seguen de anxos precisamente por iso, porque non desafinan no coro celestial. Co doado de entender que é isto, ¿por que nos desentendemos da fe, da fidelidade ao Xefe, ao Director da Orquestra? ¡Meditemos! Téñome por, e son, un ninguén; ¡pero non aos efectos convivenciais! Se me porto mal, estorbo; por nimias que sexan as miñas faltas, manchan, enturban a harmonía, desentoan. ¿Que farei para lavarme? ¡Resarcíndolle á Humanidade o que lle levo quitado, pois, acendendo as luces do próximo, acéndese a nosa, a propia! Ben pensado, sendo un ninguén, que poderes tan grandes me deu Deus! ¡Son capaz de transformar o mundo, o meu! ¿Para ben ou para mal? ¡As dúas, amigo Sancho; as dúas!

¿Termómetro? ¡Obra de tal toda conciencia cultivada, escrupulosa! Esa satisfacción que nos queda cando obramos o ben é o que dá a temperatura da alma. Pola contra está o mal dá friaxe, pero hai que ter a conciencia, o termómetro, a punto para notalo, para distinguilo. Un puntiño de reflexión e xa temos a análise feita: ¿Deus, estarei obrando ben; por favor, dimo; faime este favor, outro, outro máis! Se llo pedimos con ganas sempre responde; pero hai que pedirllo de corazón, con ganas de imitar a Cristo, que andou de home polo mundo, aquí abaixo, unha trintena, ¡que xa son anos!, sen que se lle coñeza unha mínima maldade. ¡Foi o único Santo, o único perfecto, o único imitable! Pero outro coma El non virá porque..., porque xa non é posible; só volverá, in person, ao final dos tempos!
-.-

A catequese das lareiras. ¡Fuxiu, perdémola, escapouse..., pertence á xeración dos avós!


Bendicindo a mesa

Aquilo de bendicir a mesa, o rosario, a catequese familiar, os consellos, os comentarios éticos..., todo iso quedou atrás! ¿Substituído por...? Acaso polas tablets, ¡se facemos un bo uso delas! Os pais teñen menos fillos pero máis ocupacións; e os avós, con iso de que os médicos lles van alargando a vida, adoitan estar achacosos de mil achaques, e por ende xa perderon a paciencia que se precisa para ilustrar nos netos. ¿As garderías? ¡Vaiche boa; que abondo fan con evitar que os rapaciños choren pola ausencia dos seus maiores, dos seus proxenitores!

En definitiva, que hai que incorporar novos sistemas catequéticos, tal que estas ¿leccións? do Internet!
-.-

¡Que pouco se pensa na necesidade de pensar! Por exemplo, cando xeramos un neno, decatámonos de que haberá que educalo, ámbolos dous? Pero tamén é bo que así ocorra, pois, senso contrario, acabaríase o mundo; a cegueira, a inconsciencia, fan de combustible no motor da vida. ¡Pero hai que ter coidado con elas, saber frear e saber acelerar! Un matrimonio parécese a un carro de bois; costa abaixo non fai falta afalarlles: dispáranse! O malo é cando envorcan o carro... Non se pensa para face-los fillos, pero tampouco, ou pouco, para emparella-los bois. ¡Porén, todo está nos pensamentos, que por algo vimos da Palabra!



Cogito, ergo sum. Je pense, donc je suis. I think, therefore I am. ¿Son porque penso, ou penso porque son? ¡Ámbalas dúas! A miña existencia permíteme pensar, e con iso voume formando, evolucionando; tamén deformando, tamén, pero ese risco admite seguro: a auto corrección sostida, subscrita. ¡Por min mesmo, así que mirade se son importante, que incluso son capaz de salvar a miña alma...! ¿Como? ¡Moi fácil: imitando a Cristo, obedecendo aos seus mandatos! 

¿Entón, para quen traballo? ¡Para min; no global, no xeral, para min! Daquela, a que espero para puírme, para perfeccionar esa labor, esa, propia, construción! ¿Materiais? ¡Dánolos a vida, acotío; chega con mirar e analizar para despois, se nos convén, copiar!

¿O próximo pensa por min? Por min, ás veces, si, pero nunca, ou case nunca, para min, para o meu ben, que máis ben o fan para o deles. ¡Esta é unha reciprocidade maldita! Para o malo sempre temos comparsas; ofrécense! Para o bo temos que buscalas. ¡Hai que inverter ese xiro: Axudar a desface-los entortos; non poñerlles fungueiros ás rodas! Empurrar no carro da vida; e máis aínda cando as cousas van costa arriba. Un bo amigo parécese ao sangue, que acode ás feridas sen chamalo.

¿Sei distinguir os consellos; sei dalos? Mira que non se poden resolver os problemas sen ter tódolos datos, así que, por veces, cando nos faltan os esenciais, mellor calamos, que así non defraudamos; nin torcemos nin desviamos. ¡Que gran responsabilidade pensar polo próximo na distancia, sen os seus datos! Para todo hai que ser, estar, competente, maduro; e mentres non se madura, prudencia, discreción. Ese pote que temos na cabeza serve para coce-las ideas; ¡ollo: para cocelas, non para improvisalas! Crúas, as leitugas; cocido, o cocido. Ben que lle prestamos atención ao culinario, pero, ao intelectual? O caso é que non hai cristián que non presuma de intelixente, pero algo nos falla posto e suposto que tan pouco apostolado facemos. Aquela parábola do sementador require un repaso, unha segunda lectura: Hai que sementar en bo sitio, pero tamén en sazón, con boa semente!

Temos unha verba, das que usamos habitualmente, moi sobada e pouco profundada: ¡motivar! Gústanos a simpatía allea, pero descoidamos a nosa; e sen simpatía non hai proximidade; sen proximidade non hai motivación; sen motivación non hai, non cabe, exemplaridade: ¡pasamos desapercibidos! Por iso, para predicar non chega con ser elocuente; precísase simpatía, caer ben. ¡A por elas, a por rosas, esquecéndonos das espiñas! O olor da santidade pásalle diante ao das flores! ¡Aínda que non houbese Ceo, que si, que o hai, vale a pena fuxir do esterco!

¿Fuxir do esterco? ¡E logo; que é o mundo máis que unha foxa de dexeccións, de defecacións? Con todo o malo que fomos producindo ferméntase un materialismo expansivo que non o damos neutralizado. Pero, cos nosos defectos, e a pesar deles, tamén temos a virtude de rexenerarnos; ¡se queremos, podemos! O esterco entérrase cunha simple arada... ¡Esa é a receita; arar, arar dereito; fondo e dereito! ¿Que precisaríamos un bo aparello, un arado de fondo? ¡Xa o temos: na Biblia! O Mestre deixounos ilustrados, pero hai que lelo, lelo con ganas de entendelo, e de lido, cumprilo! Os evanxeos son un vivo retrato, un retrato para ver de fronte, para levar connosco; na carteira tamén, pero mellor no corazón. Como rella temos a eucaristía, que nos abre o suco, pero non vale quedarse no fondo da igrexa: ¡Facede isto na miña memoria! Ollo ao imperativo: ¡facede! Facer é participar, e non só asistir. Cando os Ministros ministraban de costas ao pobo, entendíamos que non ía connosco; ¿e agora, que celebran de fronte? Cando non hai atención, cando non hai participación, expoñémonos a que o propio Xesús nos bote do templo, como fixo con aqueles tratantes de Xerusalén. ¡Dies irae...!
-.-

Feitos dos apóstolos. Vida dos primeiros cristiáns. 2: 41-47. “Os que recibiron a súa palabra (a de Pedro) foron bautizados: e ese mesmo día xuntáronselles arredor de tres mil almas. Eran perseverantes en escoita-la ensinanza dos apóstolos, na comuñón de vida, no rito de partiren o pan, e nas oracións. Apoderouse de todos o respecto, pois os apóstolos facían moitas marabillas e sinais. Tódolos crentes vivían unidos e tiñan todo en común: vendían os seus bens e propiedades, e repartíanos entre eles, conforme as necesidades de cada un. Todos a unha asistían diariamente ó templo, partían o pan nas casas, comendo con alegría e sinxeleza de corazón; louvaban a Deus, e eran ben vistos por todo o pobo. Cada día o Señor aumentaba o número dos salvos e xuntábaos ó grupo”.

¡Ai, Deus, que tempos aqueles: un convento de monxas, perfecto; fagamos algo por imitalos, sequera algo!
-.-

¿Por que citas a Biblia se predicar é cousa de Curas? Un repaso aos Feitos dos Apóstolos ponnos ao tanto de como aquelas comunidades, ¡todos, a feito, mulleres incluídas!, participaban nos cultos, pero tamén nas decisións: todos predicaban e se animaban entre si, decidindo por consenso. Precisamente porque escasean os tonsurados, agora somos máis necesarios os segrares, os seculares. Pero, hai laicos na Igrexa? Leigos, si, pero laicos, non; predicar é participar, compartir; precisamente canto máis escaseen os profesionais máis necesidade temos destas colaboracións! Algún non pode..., se está casado! Tamén Pedro tivo sogra, circunstancia que esqueceu a clerecía dos últimos séculos; e mais téñeno na Biblia!

Certo historiador opinou que, “O pobo foise convertendo en rabaño, e os pastores non o foron senón que se pareceron moito máis aos príncipes, e incluso fórono de feito, vestiron como tales, e viviron en pazos, como correspondía a quen retiña o poder de Deus”. ¿Si; foi así? ¡Que disparate, que cousa máis incrible! Pero eu coñezo unha excepción, un tal Francisco... ¿Deixaranlle seguir de exemplo? ¡Imitar a Cristo é perigoso; perigoso para o corpo, pero sublime para o espírito!

Igrexa = Pobo de Deus. Daquela sómolo todos, e xa que somos Igrexa, a predicar tocan. Faino calquera, un simple papagaio, pois só é preciso ler, ler correctamente, sen sacar de contexto os Evanxeos. Paulo tamén foi Apóstolo, e mais non era testemuña presencial, dos da primeira elección. Os apóstolos non foron eternos na terra; alguén tiña que sucedelos, continualos; e así sucesivamente na sucesión dos séculos. ¡Daquela, eu tamén; eu tamén aprendín, e por ende, debo transmitir, ou é que non hai mestres sen título? (¿Mestres sen título? ¡Eu tamén o fun, dous anos, un en Santa María de Piñeiro, e ao seguinte en Catatrigo; unha Mestra titular, na Valeira, denuncioume, pero eu seguín, e non volvín porque firmei para o Exército coa finalidade de estudiar en Madrid, algo, o que puidese!). Ademais dun honor, facelo é unha obriga; os talentos non se enterran: compre poñelos a medrar! A única diferenza está en que eu non podo perdoar os pecados, ¡non teño esa delegación!, pero si podo perdoar a quen me ofenda...; ¡Máis é: preciso facelo para acollerme á lei da reciprocidade! ¡Sine qua non!

“Eu son o Bo Pastor: coñezo as miñas e as miñas coñécenme a min. Igual que o Pai me coñece a min eu coñezo ao Pai. E dou a miña vida polas ovellas. Teño ademais outras ovellas que non son deste curro: tamén a esas as teño que guiar, e escoitarán a miña voz e farase un único rabaño e un único pastor!”. ¡A por elas, Señor, polas outras, que aí está o meu labor, a miña delegación, axudarche a convencelas, traelas ao teu curro, pois as que son xa están e a min cómpreme achegar as incrédulas, as extraviadas, as ignaras..., facéndome eco da túa voz, compartindo con elas a doutrina que teño recibida! ¿Ou serei tan egoísta que me acolla ao curro dos iniciados sen comunicar cos ignorantes e cos extraviados? Ti, Señor, ben sabes que na miña infancia gardei ovellas, ¡por anos!, e cabritos, tamén, así que algo aprendín: falarlles cando había perigo dos lobos, que así as feras non se atrevían! ¡Iso, falarlles; comunicar o que aprendín, pois, pouco ou moito, algo teño a obriga de saber!

Con esta intención vouche pregar que me permitas esconder os meus pecados, as negruras das miñas faltas..., para que os alumnos só vexan en min o imitable, para que lles apeteza copiar!

¿Que pasaría se cada cristián actuase de crego, de colaborador? ¡Cos que somos, o universo enteiro sería campo de misión, de conversión!
-.-

Contrición versus atrición. Señor, elévame, álzame da atrición á contrición pois predicar polo medo non é predicar. Ensíname para que poda ensinar. Faime ver con claridade o rescate do pecado para que me resulte odioso o pánico, pero sentido, profundo, voluntario, o amor. ¡Que grandeza, e á vez que responsabilidade, predicar con convicción, sentir o que se di e dicir o que se sente! Larga é a carreira dos cregos, pero aínda tiña que ser máis considerando o difícil que é predicar; ¡máis que dar trigo! ¿Dar trigo? ¡Iso, iso é o que fai o predicador: dar trigo, darlles mantenza aos espíritos! ¡Daquela vouche para largo no meu seminario particular, así que non podo descoidarme para dar sabido algo, só algo, nesta última fase do meu vivir! O primeiro curso téñoo claro: elevarme da atrición pasando á contrición; pasar do temor ás consecuencias da maldade ao goce da bondade. ¡Obedecer por medo pouco mérito ten!

A verdade non se funda na autoridade senón ao revés. Así, para ser autoridade en materia de relixión, hai que partir da verdade, expandir a verdade; ser, e que nos vexan, verdadeiros, pero iso é tan difícil nas fraquezas, coas fraquezas, humanas! Estou admirado de que Xesús explicase con parábolas perfectamente axeitadas á verdade que nos quería transmitir: o seu público era curto, pescadores e demais xente do común, sinxelos, ¡coma min, que son un labrego, especializado só en zocas!, así que era marabilloso o seu sistema, pero era seu, único, tanto, que os teólogos, subidos á cátedra, non trataron de imitalo, coa falta que nos facía repoñelo! Na miña experiencia, os cregos máis elocuentes son, foron, aqueles que nos falaron en linguaxe coloquial; ¡grazas, a eles, pero en especial a Deus por soprarlles esa claridade expositiva, coloquial, atraente! ¿Que ninguén llelo di? ¡Eu, si, de agradecido e de admirado que estou deles!

Sospeito que se len pouco os Feitos dos Apóstolos sendo que aí temos o espello no que mirarnos, o exemplo a seguir: sacudirnos as adherencias mundanas e volver á sinxeleza e a fraternidade orixinal, inicial, do cristianismo.
-.-

“... seredes as miñas testemuñas... ata os confíns da terra!” ¡Pois eu estou neses confíns, na Finis Terrae de daquela, así que me toca recibir, e conservar, a tea, o facho do cristianismo! ¿Xesús veu ao mundo só para os apóstolos? ¡Que disparate! Prometeu estar connosco ata a fin dos tempos, así que, a herdar tocan!

Espírito e misión universal...; herdanza para todos! O que non se pode facer son trampas no inventario: Hai que recoller a herdanza nos seus valores prístinos, orixinais, apostólicos; nin quitar nin poñer, como fixeron, ¡como mal fixeron!, tantos sectarios falsificadores ao longo da Historia. ¡Directos ao Evanxeo, e se algo non temos claro tampouco nos pasemos, que xa Deus dará a última lección..., cando o teña a ben, cando oportuno sexa para os seus altísimos designios; nós, de momento, co sabido temos abondo..., se nos molestamos en cumprilo, por suposto!

Grazas, Lucas, que ao parecer fuches o Secretario daqueles episodios iniciais, subseguintes, por darnos estas novas continuistas, da primeira, fulminante, expansión: presenza do Espírito, universalismo, gozo e simpatía polos pagáns, tan necesitados que estabamos da formación e da información evanxélica. Os xudeus, remisos, que xa o advertira o Mestre, ¡Ninguén é profeta na súa terra!, pero os pagáns coa boca aberta, coma pitiños sedentos dese bautismo no Espírito, desa predición sobre o Espírito, asistida do propio Espírito; aquel refugamento absurdo dos xudeus ante aquelas curacións multitudinarias, auténtico testemuño da verdade impartida, transmitida, pero..., nin así!

“... e seréde-las miñas testemuñas en Xerusalén, en toda a Xudea e Samaría, ata os confíns da terra!”. O dito: Aquí estou, Señor, outro Teófilo, aprendendo a falar, a falar de Ti, Señor, xa que esta graza me concediches! Pero, xa que non teño seminario, nin oportunidade de ir, ¡co de Herbón pechado!, ábreme os ollos para o meu auto didactismo, coa Biblia na man, con esa enciclopedia universal. ¡Sei ler; sei ler e teño oído aos teus doutores: que máis preciso para converterme en alumno?

“Volveron para Xerusalén..., e todos eles dedicábanse conxuntamente á oración, coas mulleres, ¡coas mulleres, que iso de refugalas na Igrexa veu despois!, e mais María a nai de Xesús e cos seus irmáns”, hoxe chamados primos, ou íntimos. ¡En definitiva, os mellores, os primeiros; na artesa, o fermento!

Elixiron a Matías...; e a min, tamén; en potencia, pois estaba lonxe, no tempo, pero tamén no espazo, así que desta herdanza só eu sería capaz de desposuírme, de auto desposuírme! ¡Non o queira Deus! ¡Vade retro, Satana!

Señor, xa que me admites, admite a miña penitencia, para ser digno de participar no teu Pentecostes, que así o Espírito quitarame da linga as verbas impropias, inexactas ou necias, ¡pois para estender a verdade teño que ser verdadeiro, e como iso é o que quero ser, Señor, unha chispiña diso, sequera unha chispiña, algo que recorde aquelas linguas de fogo!

Galegos, escoitade: (Pedro dixo: Israelitas, escoitade): “Fálovos de Xesús de Nazaret, home acreditado por Deus ante vós por milagres, marabillas e sinais que Deus fixo por el entre vós (¡entre nós, tamén entre nós!), como vós mesmos sabedes; a este, entregado conforme ao plan establecido e á previsión de Deus, matástelo (¡matámolo, entre todos, tódolos pecadores posto que por todos, e por culpa de todos, morreu!) crucificándoo por man de impíos. (Claro, o que eu dixen, impíos, eu tamén, un deles, pero estou arrepentido!). Deus resucitouno, librándoo das dores da morte (despois de telas, El mesmo, horribles, ignominiosas, incalculables!), pois non era posible que ficase baixo o seu dominio...! ¡Resucitou en por si, definitivamente, e non coma Lázaro, que o foi temporalmente!

¡Que ben falaches, Pedro; benditas verdades, que en ti foron ben ditas; iso, ben ditas, ademais de benditas! ¡Canto cambiaches desde aquela noite da negación! Pídello ao Señor, coa túa influencia, ¡son galego así que creo nas recomendacións!, que faga comigo algo parecido; con só que sexa parecido, eu feliz, feliz e agradecido!

Vou seguir lendo as túas verbas, pois teño que aprender; de ti, pero tamén dos teus compañeiros no apostolado:

“David, que era profeta, sabía que Deus lle asegurara con xuramento (quere dicir, con verdade, que é como sempre fala Deus, pero di “xuramento” para que lle demos a súa importancia), que un descendente do seu sangue (fillo de María, que ese é o vínculo humano) había sentar no seu trono; en visión profética falou da resurrección do Mesías, que nin quedou abandonado entre os mortos nin a súa carne viu a corrupción. A este Xesús resucitouno Deus, cousa da que todos nós somos testemuñas. E agora, engrandecido pola dereita de Deus e recibido do Pai o prometido Espírito Santo, espallouno, que é o que vos vedes e sentides. Porque David non subiu ao Ceo, e porén, di: “Díxolle o Señor ao meu Señor: senta á miña dereita, ata que poña os teus inimigos como estrado para os teus pés”. Saiba, logo, con certeza, toda a casa de Israel que Deus fixo Señor e Mesías a este Xesús a quen vós crucificastes”.

¡Estouno vendo sen velo: Amigo Pedro, deixaches apampado ao pobo asasino, ao pobo deicida; e a min, con eles! Daquela, ¡Gloria in excelsis Deo!




“Saiba, logo, con certeza toda a casa de Israel que Deus fixo Señor e Mesías a ese Xesús a quen vós crucificastes”. Ao oír isto, aqueles oíntes de Pedro quedaron impresionados e preguntáronlles, a Pedro e aos outros apóstolos, que debían facer. Eu tamén lle pregunto, desde aquí, diante da pantalla deste ordenador onde quero ordenar unha doutrina purísima, exacta, correcta, transmisible ao meu lector, se é que teño algún! Pois ben, a contestación de Pedro foi esta, exactamente esta:

“Arrepentídevos e cambiade, que cada un de vós se faga bautizar co nome de Xesús para o perdón dos seus pecados, e recibiréde-lo don do Espírito Santo. Porque a promesa é para vós e mais para os vosos fillos e para tódolos que están lonxe, tantos como queira chamar o Señor noso Deus”. ¡Nunca a Humanidade recibira unha cousa tan grande a cambio de tan pouco, simplemente un  anaco de fe, que nin así habería que chamarlle porque crer despois daqueles milagres é tan elemental, tan rotundo, tan indiscutible, que nin fe se precisa!

¡Estou incluído na Promesa; estou bautizado; que me resta? ¡Réstame ser agradecido, corresponder, compartir co próximo tantas bondades recibidas! Deus, de ben mirado, a pouco que reflexionemos, é abraiante o feito de gozar da verdade salvadora e non facer algo, ¡moito!, para compartir o banquete celestial, a Boa Nova da Redención! Pero se ata gozamos compartindo cos veciños calquera, nimia, ledicia que nos aporte a sorte persoal de cada quen, e imos calar, esconder, os milagres do noso Salvador? ¡Non hai egoísmo meirande que ese de non compartir, de negar, de opoñernos a difusión do Cristianismo!

Despois de oídas as verbas de Pedro, Papa inicial e universal, comprendedes que teño, que temos, a obriga de ser Predicadores, todos e cada un de nós? ¿Si? ¡Daquela voume preparar..., ata onde me sexa posible!
-.-

Se imos por mal camiño hai que desandalo, buscar a frecha que apunte á meta, ¿non si? Nas vacilacións do cristianismo o mellor indicativo está, é, escoita-las testemuñas máis directas, aquelas que deron a súa vida pola verdade en tódalas ocasións en que foron invitados a mentir, a desviarse. Viron e palparon as feridas do Resucitado, viron e palparon a Deus encarnado na Segunda Persoa, y por engado, foron asistidos polo Espírito Santo, polo Espírito Supremo. ¿Cabe, pode existir compás máis exacto, máis perfecto, máis visible, máis directo? ¡Daquela o noso Norte está nos Apóstolos, nas súas orientacións, a Deus grazas!

Espreitémolos un pouco, que para algo temos os seus escritos: “Os que recibiron a súa palabra foron bautizados: e ese mesmo día xuntáronselles arredor de tres mil almas...” ¡Tres mil; non hai político que consiga outro tanto nun só mitin, e sen altofalantes, proba máis que evidente de que daquela estaban á vista probas concluíntes, actuais, indubidables!

“Eran perseverantes en escoita-la ensinanza dos apóstolos, na comuñón de vida, no rito de partiren o pan, e tamén nas oracións”. ¿Que; pálpase, ou non? ¡Que cabreo debeu coller Satanás, así que, desde aqueles días púxose a desviar nos crentes; tiña a experiencia do doado que lle fora coa Avoa, e como as mazás do mal tamén son infinitas, veña ofrecernos das podres, outra vez; iso si, envoltiñas en papel de falacias!

“Apoderouse de todos o respecto, pois os apóstolos facían moitas marabillas e sinais”. ¿Faríanas, poderían facelas, de non obrar por delegación, con fe no seu Mestre? ¡Ben que o percibiu o pobo, ben, que así os acataron, días despois de estar dispostos a crucificalos, un por un; se os predicadores actuais fosen, fósemos, igual, ou parecidos, tamén nos asistiría o Espírito, e seguiría habendo milagres! Milagres, si, milagres hainos, que xa é milagre que Deus ature tanta malicia como vimos sementando, nos altos e nos baixos, nos crentes e nos infieis. ¡Deus, que présa, que falta fai, reiniciar o Camiño, volver á fonte limpa, para predicar coa debida exemplaridade! Ten habido Concilios, moitos e moi necesarios, pero, de presente, facíanos falta un, especial, sobre a humildade, pois dese pé coxeamos todos, a feito, case habería que dicir, sen excepcións, ou poucas! ¡Francisco, e poucos más! Con iso de que nos foi revelada a verdade, xa nos temos por verdadeiros: ¡Soberbia!

“Tódolos crentes vivían unidos e tiñan todo en común: vendían os seus bens e propiedades, e repartíanos entre eles, conforme ás necesidades de cada un”. ¡Aquilo si que era comunismo; o que coñecemos nós é pura demagoxia, demagoxia de ateos! En física din que, a toda acción segue unha reacción; daquela, en materia de relixión, no seu estado actual, moitas accións, das exemplares, se precisan para facer visible, notoria, unha reacción apreciable. Xa temos Capitán: Francisco, así que, que nos pasa? ¡Estamos tan ancorados na materia que non hai forma de levar áncoras! A ver se pouquiño a pouco...

“Todos a unha asistían diariamente ao templo, partían o pan nas casas, comendo con alegría e sinxeleza de corazón; louvaban a Deus, e eran ben vistos por todo o pobo. Cada día o Señor aumentaba o número dos salvos e xuntábaos ao grupo”.  Así está escrito porque así foi; o que non está escrito en parte algunha é que hoxe en día non teñamos un grupiño de crentes, salvo monxas ou frades, que estean dispostos a seguir aquelas regras de conducta. Claro que os tempos son distintos, e as esixencias familiares e de traballo tamén son outras, pero..., unha pequena imitación? Está claro que Xesús sementou ben, e os apóstolos cumpriron, pero, mesmo a continuación, veu unha glaciación! Direi o de antes: o inimigo non descansa; e agora engado: sempre se nos dixo que o inferno queima, pero empezo a sospeitar, con estes antecedentes, que en vez de queimar conxela, xa en vida!

Por aqueles tempos as orxías romanas estaban no seu apoxeo, o polo oposto do cristianismo, así que están motivadas aquelas persecucións: sentíanse avergoñados, estorbábanlles os espectadores!

Louvaban a Deus, acotío? Asistían diariamente ao templo, e iso que non todos o terían cerca? Hoxe tamén o facemos os vellos, maiormente os vellos; os novos, non, meus pobres, pero están desculpados porque o domingo séntense cansos: ¡é que as noites de botellón son esgotadoras, pero son un ritual..., obrigatorio!

Lendo e relendo estes relatos, fai falta ser duro de corazón para non amolentar, para non envexar aqueles tempos iniciáticos do cristianismo. Síntoo por mi e polos meus comparsas, pero, se me apuran, máis aínda polos infieis, que aínda quedan, pois con esta exemplaridade negativa do cristianismo levamos para séculos na universalización relixiosa. Lembremos que Xesús, explicando a parábola do xoio (Mateo 13,41), ben que nos dixo: “Mandará o Fillo do Home os seus anxos, e quitarán do seu Reino tódolos escándalos e a tódolos que fan o mal; e botaranos no forno do lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes. Entón, os xustos resplandecerán coma o sol no Reino de seu Pai. Quen teña oídos que escoite”. ¿Teño oídos? ¡A ver; pois si; un par deles, e por engado, con audífonos; daquela só me queda escoitar, e despois diso, aterme ás consecuencias!
-.-


O tolleito. ¿E quen non está tolleito de algo? “Pedro, -e o mesmo fixo Xoán-, reparou nel e díxolle: Mira ben para nós. El (o tolleito) ollaba para eles esperando recibir algunha cousa. Entón Pedro díxolle: Non teño prata nin ouro, pero douche o que teño: en nome de Xesús Cristo de Nazaret, érguete e anda”.

¡Érguete e anda! ¡Que falta temos diso, Señor, de erguernos da prostración do pecado, e andar, andar polo camiño recto, correcto, polo dos Mandamentos! Non foi un milagre, que foron dous, xa que o tolleito pasou a erguerse tamén do espírito, por pouco agradecido que fose.

“Colleuno pola man dereita e levantouno. No instante, afirmáronselle os pés e os nocellos; dun brinco púxose en pé e camiñaba. Entrou con eles no templo, andando, choutando e louvando a Deus. Todo o pobo o viu camiñar louvando a Deus, e, recoñecendo que era o mesmo que se sentaba na porta Fermosa pedindo esmola, ficaron pasmados e desconcertados polo que lle acontecera. Como el non deixaba a Pedro nin a Xoán, toda a xente, fóra de si, correu tras eles ao pórtico chamado de Salomón”.

Aqueles milagres foron visibles, de “campaña electoral”, diría eu, pero hoxe tamén os hai, tamén os temos: ¡Non hai día no que Deus non nos aparte dalgún perigo, pero, tolleitos da fe como estamos, e desagradecidos que somos, cústanos ergue-lo corazón ao Ceo en acción de gracias! ¿Que xa non hai milagres? E logo, non é milagre cruza-las rúas cando e por onde non se debe sen máis que algún atropelo esporádico? ¡Eu téñoo por milagre, por unha miríade de milagres!
-.-




Pedro fálalle á xente: “Israelitas, ¿por que vos admirades disto? ¿Por que mirades así para nós, como se fixésemos camiñar a este home polo noso propio poder ou santidade? O Deus de Abraham, de Isaac e de Xacobo, o Deus dos nosos pais, glorificou ao seu servo Xesús, a quen vós entregastes e negastes diante de Pilato, cando este estaba decidido a deixalo en liberdade. Pero vós rexeitastes o Santo e o Xusto; pedistes que indultasen a un asasino, mentres que matastes ao dono da vida, a quen Deus resucitou de entre os mortos; disto nós somos testemuñas. Pola fe no seu nome, ese mesmo nome fortaleceu a este que vedes e coñecedes: esa fe que obra por el, restableceuno completamente diante de vós”.

Hai que lelo dúas veces; cantas fagan falta para impregnarse da transcendencia que tivo a ignorancia e maila malicia daqueles paisanos de Xesús, deicidas en definitiva. O propio Pilato que, como romano, tiña que ser leal ao seu lema xurídico: In dubido pro reo! Dubidou, si, pero acabou torcéndose en favor dos malvados. Con este feito, ademais de deicida, desacreditou o ius romano.
¡Pilato, Prefecto, que non perfecto, é que non leras a Ulpiano? ¡Pois tiñas a obriga de facelo! “Ulpiano, Digesto 1,1,1, pr.-1: O Dereito é a técnica do bo e do xusto. En razón do cal pódeselles chamar aos xuristas, xunto cos médicos e cos sacerdotes; en efecto, renden culto á xustiza e profesan o saber do bo e do xusto, separando o xusto do inxusto, discernindo o lícito do ilícito, anhelando facer bos aos homes, non só polo temor dos castigos, senón, e tamén, polo estímulo dos premios, dedicados, se non erro, a unha verdadeira e non simulada filosofía”. ¿Perdoaríavos Deus, a ti e a Xudas? Ti lavaches as mans, e Xudas desesperouse, que para min é unha proba do seu arrepentimento; así, como Xesús é infinitamente misericordioso, igual se limitou con vosoutros a un simple, aínda que grave, purgatorio. Na cruz, sometido a esa morte atroz, ben que lle propuxo ao Pai: Pai, perdóalles, que non saben o que fan! (Lucas 23,34). ¿Non sabían o que facían, ou non querían sabelo? ¡Por se acaso, concedámoslles o beneficio da dúbida, e como, in dúbido..., pois iso!
-.-

“Xa sei, irmáns, –proseguiu Pedro-, que obrastes por ignorancia, como tamén as vosas autoridades; pero Deus cumpriu así o que anunciara por boca dos profetas: Que o seu Cristo padecería. Arrepentídevos, logo, e convertédevos, para que se borren os vosos pecados, a fin de que veñan os tempos do refrixerio”.

¿Como podemos esperar perdón sen arrepentimento? ¡Díxosenos cen veces no Evanxeo, e Pedro ben o sabía, en primeira persoa! Aínda o esiximos nas desavinzas persoais, humanas, canto máis nas nosas ofensas á Divindade. Parémonos un pouco, reflexionemos, que este tema non é peccata minuta na historia da salvación: 

Arrepentimento é o pesar que sentimos por algo que fixemos mal feito, algo que dixemos, algo mal dito, pero tamén, ¡tamén!, por algo que deixamos de facer. En definitiva, un cambio, ¡rotundo!, de opinión. 

As omisións teñen a agravante de que, xeralmente, están auto xustificadas polo noso egoísmo: ¡Primeiro eu, eu e os meus antollos, as miñas comodidades, e ao próximo que o parta un raio! Nas malas accións, nalgunhas, podemos ter a atenuante de pretender facer un ben aínda que sexa ao prezo dun mal; poden ter algo de confusión, de erro apreciativo, pero as omisións non se desprenden dese malicioso, ¡Non mo mereces!, cando precisamente a bondade está en facer ben a quen non nolo merece. As correspondencias, pois, non deixan de ser reciprocidades interesadas.
-.-

Concluíu Pedro: “Deus, resucitando ao seu servo, mándavolo primeiro a vós para que vos bendiga, se vos arredades cada un das vosas ruindades”. ¡Mira que fácil: Arrédome das miñas ruindades e Deus bendíceme! Teño a mesma sorte que os oíntes de Pedro: Aqueles oírono durante un tempo, nunha ou en varias ocasións, pero eu gánolles porque podo lelo, e relelo, e volver a lelo; en certo modo, gánolles, pero toda vantaxe ten, en reciprocidade, unha esixencia meirande: ¡Non podo esquecer as advertencias, e se o fago, debo repasar a lección!

¿Que son de natureza débil? ¡Sono precisamente por culpa da herdanza pecaminosa, pero veu Xesús, fíxose home, e ensinounos, con toda paciencia, a vivir en gracia, a vivir a vida, correcta e gratamente! Máis é, que nos abriu as portas da vida definitiva, da salvífica, da inmorrente, de paz e de gloria. ¿Como podemos dubidar de quen dixo (a Felipe), e o demostrou cos feitos: “Tanto tempo que levo con vosoutros, ¿e non chegaches a coñecerme, Felipe? Quen me ve a min está vendo ao Pai”. ¡Santísima Trindade, misterio aberto, presentación absoluta!

Sabendo como sabemos, pois ben instruídos estamos, reiterada, clara e insistentemente, que a morte é unha bifurcación de camiños, a vía da luz e maila das tebras, ¿como se explica que non levemos a bagaxe axeitada para circular pola boa, pola lumínica? Ben pensado, ¡que teimudos somos, preferindo a noite ao día!

Cando estamos seguros de obter algo bo, satisfactorio, a reacción inmediata é sorrir, tanto por dentro como por fóra; isto no pouco, pero, no moito? No máis grande, no máis importante, como é todo o que ten que ver coa relixión, e por ende coa salvación, non somos tan explícitos: Cantamos na igrexa, pero xa o tiñamos que facer cando imos camiño dela..., aínda que só sexa para exhibirlles entusiasmo aos que van con e por rutina, pero máis aínda aos que nin por rutina o fan! ¡Que se lle vai facer: somos uns apóstolos con pouco entusiasmo, e iso nin é xusto nin é bo! Para os gregos “entusiasmo” significaba, quería dicir, “Ter un deus dentro de si”. Nós témolo, ben coñecido por certo, e levámolo connosco a todas partes, pero..., disimulamos o noso cristianismo! ¡Mal feito; pésimo, ao extremo de que preferimos levar unha tatuaxe a un crucifixo!
-.-

Pedro e Xoán diante das autoridades xudías. “Cando lle estaban falando ao pobo, chegaron cabo deles os sacerdotes, o xefe da garda do templo e mailos saduceos, incomodados porque ensinaban ao pobo e anunciaban a resurrección dos mortos verificada en Xesús. Botaron man deles e metéronos na prisión ata o outro día, porque xa era tarde. Non obstante, moitos dos que sentiron a palabra, creron; só o número dos homes subiu a uns cinco mil”. 

¡Os homes, que daquela as mulleres e mailos nenos non contaban para a estatística! ¡Miúda revolución; sen vela, estouna vendo! E os caciques, coma sempre ao longo da Historia, co seu instrumento de defensa, de defensa dos seus abusos: o cárcere! ¡Molestan tanto as verdades! Pero non parou aí a cousa:

“Ao outro día xuntáronse en Xerusalén os xefes dos xudeus, os senadores e os mestres da Lei, así como o gran sacerdote Anás, e Caifás, Xoán (o outro), Alexandro, e tódolos que eran da familia pontifical. Trouxeron aos apóstolos diante deles e preguntáronlles: -¿Con que poder, ou en nome de quen fixestes isto? Entón Pedro, cheo do Espírito Santo, díxolles: -Xefes do pobo e senadores, xa que nos demandades polo favor feito a un enfermo e sobre o xeito como se curou, sabede todos vós, e sáibao o pobo de Israel que é no nome de Xesús Cristo de Nazaret, a quen vós crucificastes e Deus resucitou de entre os mortos: por El está este home en pé e san diante de vós. El é a pedra que refugastes, vós, os construtores, que se converteu en pedra esquinal. En ningún outro hai salvación, porque non hai ningún outro nome baixo do ceo, dado aos homes, no que nos poidamos salvar”.

“Quedaron admirados ao veren a ousadía, (¡a verdade!), con que falaban Pedro e Xoán (o discípulo amado), comprendendo que eran os que estiveran con Xesús. E vendo onda eles o home que quedara curado, non podían contradicilos en nada. Mandáronos saír para fóra do consello e conferenciaron entre si, dicindo: “Que imos facer con estes homes? Todo Xerusalén sabe que fixeron un milagre clarísimo, e non o podemos negar. Pero, para que non corra máis entre a xente, ameacémolos, e que en adiante non falen a ninguén máis nese nome”.

¡Xa; criaturas, taparlle a boca a Deus; no seu nome aos seus discípulos amados, apostólicos? O martirio víase vivir, pero, co martirio, a Gloria conseguinte!

“Chamáronos e prohibíronlles que baixo ningún pretexto falasen nin ensinasen no nome de Xesús. Pero Pedro e Xoán respondéronlles: -Xulgade por vós mesmos se está ben diante de Deus obedecervos a vós antes cá a El, porque non podemos deixar de falar do que temos visto e sentido. –Por iso, logo de os ameazaren novamente, deixáronos ir, non vendo a maneira de castigalos por causa do pobo, xa que todo o mundo glorificaba a Deus polo que sucedera, pois tiña máis de corenta anos o home milagrosamente curado”.

O sobrenatural só o pode facer Deus, ou un mandado seu; non son poderes delegables; cernís aqueles lobos do Sanedrín, reincidentes, pero, aínda así, non puideron controlar as palabras apostólicas: Pedro e Xoán eran mensaxeiros, humanos pero tamén divinos pola asistencia do Espírito Santo; viñan de Deus, de parte súa; eran os seus mandados, apóstolos en definitiva, anxos fronte aos diabros daquel tribunal empecadado!

“Unha vez libres, foron onda os seus e contáronlles todo canto lles dixeran os xefes dos sacerdotes e os anciáns. Cando tal sentiron, todos á vez elevaron a voz cara a Deus e dixeron: Señor, ti é-lo Deus que fixéche-lo ceo, a terra, o mar, e canto neles hai. Ti dixeches, polo Espírito Santo, por boca do noso pai David, o teu servo: ¿Por que se levantan as nacións e os pobos cavilan parvadas? Aviñéronse os reis da terra e os xefes aliáronse contra o Señor e contra o seu Cristo! Porque a verdade é que nesta cidade se xuntaron contra o teu servo Xesús, a quen ti unxiches, Herodes e Poncio Pilato, cos pagáns e co pobo de Israel, para faceren o que a túa man e a túa sabedoría tiñan disposto que sucedese. E agora, Señor, olla para as súas ameazas e concédelles aos teus servidores proclamar con toda ousadía a túa palabra. Estende a túa man para que se fagan curacións, sinais e prodixios polo nome do teu santo Servo Xesús. –Cando remataron de rezar, abalou (moveuse) o sitio onde estaban reunidos; todos quedaron cheos do Espírito Santo e anunciaban afoutos a palabra de Deus”.

¡Esta si que foi multiplicación; polo estilo daquela dos pans e dos peixes! Eu vivín outro abalamento, pero o meu, o terremoto de Agadir, sobrevoándoo nun avión de Iberia, en comparanza pouco me conmoveu pois, se pecador era, pecador seguín; se cadra algo menos, iso si, pois as conmocións físicas son boísimas para as conciencias!

Téñome preguntado, a título de malsá curiosidade, por que Deus elixiría aos israelitas para a encarnación do seu Fillo, pero igual teño a receita: ¡Era máis milagre abrandar as pedras que facelo cos israelitas, testáns eles, de carácter, a feito, pois incluso os propios discípulos, os elixidos, foron tardíos e negados! En consecuencia, máis milagre, máis mérito, o daquelas conversións; e así, mellor a lección que nos deron!

De presente, co voluble que é a xente, que nos deixamos imantar por un simple acto propagandístico, sexa político ou dunha marca comercial, como se explica a nosa resistencia ante as verdades evanxélicas, autenticadas, referendadas con tantos milagres, escritos e feitos, con un Cristo que sae do sepulcro coma quen se dá un paseo, baixa aos infernos, resucita, libera millóns de ánimas confinadas no Seo de Abraham, e de volta móstrase a Tomás coas feridas abertas, etcétera, etcétera? O sentido común talmente parece indicarnos que o maligno non só lle soprou a Eva senón que o temos ao redor noso, mañá por noite, xeración tras xeración, emperrado en..., (aquí ía dicir una palabra fea que viña moito ao caso, pero, precisamente como é fea, non lle vou dar ese gusto a Satanás!).

-.-


Precisamente por ser remisos á graza, maiormente por iso, máis estamos obrigados á prédica, máis mérito teremos se a facemos con fe, con decisión; máis alto nola valorará Deus..., despois de perdoados, claro!

Temos que partir de algo no que están conformes tódolos teólogos: Deus concede, e preserva, en tódolos humanos un principio inmanente de bondade, a nosa filiación divina. Daquela préstase a equívocos a tradución que se nos fai do Gloria xa que dicimos, “Gloria a Deus no Ceo, e na terra paz aos homes que ama o Señor”. ¿Aos que ama, soamente aos que ama? ¡Pero se nos ama a todos, sen excepción, que demostrado o deixou Cristo Xesús; outra cousa será que algún de nós lle sexa infiel!

Claro que os amados xa teñen paz na terra, gloria participada, anticipada, pero, de principio, todos somos amados, criados a imaxe e semellanza de Deus, por Deus, así que, ¡amados todos, pois é lóxico de seu que o Creador non ía crear algo que lle resultase odioso, e  nin sequera indiferente! Non é Deus o que deixa de amarnos, somos nós, co pecado, os que deixamos de amalo, os que nos retiramos, os que nos poñemos de costas á graza!

Caer da graza, caer en desgraza. O que un crente, “nado de novo”, puidera perder ao caer da graza non é a súa salvación, senón a seguridade da mesma, a súa liberdade en Cristo, e tódolos demais privilexios que se derivan da nosa posición cristiá. Que o Señor nos garde diso, facéndonos meditar máis e máis nos seus sufrimentos, ¡mea culpa!, e tamén na súa graza inefable.

Así que, “Ollo ao parche”, como dicía Millán Astray, co seu único ollo dispoñible, referíndose ás instrucións do tambor rexemental: ¡Non perdamos as directrices cristiás, que ben doadas, ben dadas e ben doadas, son! Daquela, por que nos vai estrañar a xustiza de Deus, a equidade de Deus, sendo, como é, o único Xuíz absolutamente, infaliblemente, xusto!
-.-

  
Volvendo á fonte limpa: ¿como vivían a vida as primeiras comunidades?  Importaranos sabelo xa que tan recente e tan abundante tiñan a impregnación do Espírito Santo. (¡É para envexalas!).
“A comunidade dos crentes tiña un só corazón e unha soa alma, e ninguén consideraba como seu o que posuía, senón que tódalas cousas eran comúns”. ¡Isto enténdoo ben..., porque o vimos exercendo a miña dona e mais eu! “Os apóstolos, con gran poder, daban testemuño da resurrección do Señor Xesús, e todos eles eran ben considerados. Non había entre eles ningún necesitado porque tódolos que tiñan bens ou casas vendíanos, levaban os cartos e depositábanos aos pés dos apóstolos, que repartían a cada quen segundo precisaba”.

Este pasaxe hai que mandárllelo aos ministros de Hacienda, para que o teñan diante segundo van xurando o cargo: ¡Reparto equitativo! ¿Volveremos ás andadas, algún día...? ¡Depende moito do que prediquemos, do como e do cando! Por de pronto temos un Papa, Francisco, do que San Pedro estará orgulloso de telo por sucesor, vinte séculos despois. ¡Se a cabeza razoa, os pés, aínda que sexa amodo, séguena!
-.-

“Pola man dos apóstolos facíanse moitos sinais e prodixios entre o pobo. E todos se xuntaban de común acordo no pórtico de Salomón; dos outros ninguén ousaba xuntarse con eles, aínda que o pobo os tiña en gran estima. A cantidade dos que crían no señor, homes e mulleres, medraba máis e máis. A tal punto que quitaban para as rúas os enfermos en camas e padiolas, para que cando pasase Pedro, polo menos a súa sombra cubrise algún deles. Viña moita xente das vilas veciñas de Xerusalén e traía enfermos e atormentados por espíritos impuros, e todos quedaban curados”.

Este réxime, chamémoslle, “de comunidade aberta”, hoxe non sería posible dada a complexidade das nosas ocupacións, e das nosas residencias, traslados mecanizados, etcétera, pero foi eficacísimo e necesario para a divulgación e afianzamento doutrinal iniciais. ¡Providencial, máis ben! Os conventos foron a sucesión conveniente e natural, pero hoxe tamén teñen dificultades de subsistencia, apenas neutralizada polas súas actividades: ensino, costura, pastelería...

Lin nalgunha parte, pero non darei nomes porque vou traducir e igual non o fago correctamente:
A comunidade e a calidade da convivencia.- “A fidelidade evanxélica e a calidade de vida ou o grado de satisfacción persoal dependen da calidade da convivencia. Tódolos malestares e insatisfaccións entre os membros da vida relixiosa teñen que ver cos problemas da convivencia, humanamente sa e evanxelicamente fraterna; tamén dependen do nivel de satisfacción dos seus membros. O éxito fundamental da vida das persoas consiste no éxito no amor e na comunicación persoal, no recoñecemento mutuo da dignidade das persoas, en tomar en conta, e ser tomado, na prestación mutua de apoios solidarios e no intercambio de experiencias. O fracaso meirande é a sensación de non amar a ninguén nin ser amado por ninguén; é a sensación de soidade absoluta!”. ¿Válevos? ¡A min, si!

-.-


“Entón o gran sacerdote e tódolos seus, que formaban a seita dos saduceos, enchéronse de envexa; botaron man dos apóstolos e metéronos na prisión pública. Mais de noite, o anxo do Señor abriu as portas da prisión, fíxoos saír e díxolles: -Ide, presentádevos no templo, e faládelle ao pobo todo o que se refire a esa Vida. Sentindo isto, entraron no templo ao amencer e ensinaban... Nisto chegou un que lles dixo (ao Sanedrín): Os homes que encarcerastes están no templo ensinando ao pobo... Pedro e os apóstolos responderon: -Cómpre obedecer a Deus antes cós homes. O Deus dos nosos pais resucitou a Xesús, a quen vós matastes colgándoo dun madeiro; pois a este enxalzouno Deus coa súa dereita, facéndoo Xefe e Salvador, a fin de outorgarlle a Israel a conversión e o perdón dos pecados. E nós somos testemuñas desas cousas, e tamén o Espírito Santo, que Deus dá aos que o obedecen... Gamaliel díxolles: -Desentendédevos deses homes, deixádeos estar, que, se esta empresa ou esta obra é cousa de homes, desfarase por si mesma; pero, se é de Deus, non a poderedes desfacer. ¡Non vaia ser, mesmo, que vos encontredes loitando contra Deus!”.

¿Desfíxose por si mesma, soa? ¡Non, e van vinte séculos! Daquela témolo claro: ¡aqueles saduceos estaban loitando contra Deus!
-.-





Comezan os martirios pola fe. O protomártir Santo Estevo. “... Ao sentiren isto adoecían e renxían os dentes contra Estevo. Pero el, cheo do Espírito Santo e cos ollos cravados no ceo, viu a gloria de Deus e a Xesús de pé á dereita de Deus, e dixo: -Ollade, vexo o Ceo aberto e o Fillo do home, de pé, á dereita de Deus. Entón pegaron a berrar, taparon os oídos, e todos á xunta arremeteron contra el; quitárono fóra da cidade e comezaron a apedralo. As testemuñas deixaron os seus vestidos aos pés dun mozo chamado Saulo. Lapidaban a Estevo, que invocaba así: ¡Señor Xesús, recibe o meu espírito! E posto de xeonllos, berrou con voz forte: ¡Señor, non lles teñas en conta este pecado! Dito isto, adormeceu para sempre”. ¡Máis ben espertou, pero, no Ceo!

Adormecer para sempre, non, que nos quedou, por escrito, a súa voz, incitándonos a perdoar, a perdoar e a pedir perdón, para aqueles que non nos comprenden e maltratan, tanto que abundan! Xesús oíno, ¡vaia se o oíu!, que ben que lle aplicou a Saulo, futuro San Paulo, o seu perdón.

Persecución da Igrexa, Saulo entre os perseguidores.- “Saulo aprobaba a súa morte. (¡De momento, que aínda lle faltaba caer do cabalo!). Aquel día levantouse unha gran persecución contra a Igrexa de Xerusalén, e todos, agás os apóstolos, dispersáronse polas terras de Xudea e da Samaría. Uns homes piadosos enterraron a Estevo e fixeron por el un gran pranto. En canto a Saulo, maltrataba a Igrexa: entraba polas casas, arrastraba homes e mulleres e mandábaos á cadea”.

¡Ai Saulo, Saulo, que grande foi o teu arrepentimento para pasar de martirizador a mártir! ¡Que exemplo, e que esperanza temos en ti, na túa conversión!
-.-


Conversión de Saulo. Saulo, respirando aínda ameazas e morte contra os discípulos do Señor, presentouse ao Sumo Sacerdote e pediulle cartas para as Sinagogas de Damasco, co fin de que, se encontraba algúns que fosen deste novo camiño, tanto homes como mulleres, os puidese levar presos a Xerusalén. De camiño, cerca xa de Damasco, aconteceu que, de súpeto, unha luz do ceo o envolveu co seu fulgor. Caeu no chan e sentiu unha voz que lle dicía: -Xaúl, Xaúl, ¿por que me persegues? El preguntou: ¿Quen es ti, Señor? Contestoulle: -Eu son Xesús a quen ti persegues. Pero érguete, entra na cidade, e xa se che dirá o que tes que facer. Os compañeiros de viaxe quedaron parados, estantíos: sentían a voz, mais non vían a ninguén. Saulo (Xaúl, en hebreo, Paulos, en grego) ergueuse do chan, pero, malia ter os ollos abertos, non vía nadiña. Levárono pola man e introducírono en Damasco. Alí botou tres días sen ver, sen comer e sen beber. Había en Damasco un discípulo, chamado Ananías, e o Señor díxolle nunha visión: -¡Ananías! El respondeu: Aquí estou, Señor. O Señor volveulle a falar: -Vai á rúa dereita, e procura falar na casa de Xudas a un home chamado Saulo de Tarso, que está orando. (En visión, viu Saulo a un home chamado Ananías entrar e impoñerlle as mans para que recobrase a vista). Ananías respondeu: -Señor, teño oído falar moito dese home e do mal que lle ten feito aos teus santos en Xerusalén. E aquí ten poderes dos xefes dos sacerdotes, para prender a tódolos que invocan o teu nome. Pero o Señor díxolle: -Vai, que ese home é un instrumento escollido por min para leva-lo meu nome diante dos pagáns, dos seus reis e mais dos israelitas. ¡Heille mostrar o que ten que sufrir polo meu nome! Entón Ananías, poñéndose en camiño, entrou na casa, e impoñéndolle as mans, díxolle: -Irmán Saulo, quen me manda é o Señor Xesús, que se che apareceu cando viñas polo camiño, para que recóbre-la vista e te enchas do Espírito Santo. No intre, repeláronlle dos ollos como unhas escamas e recuperou a vista; ergueuse e bautizouse. Despois comeu, e volvéronlle as forzas”.
....

Aquí puntos suspensivos, moitos, un bo anaco, pois a conversión de San Paulo dá para pensar o importante que é caer do cabalo, do cabalo do orgullo, da soberbia, da maldade, para obedecer a Deus, que de mil maneiras, acotío, nos está indicando o camiño da conversión, da penitencia salvífica.
-.-

Saulo en Damasco. “Pasou algúns días cos discípulos de Damasco, e axiña comezou a predicar a Xesús nas sinagogas, proclamando que era o Fillo de Deus. Tódolos que o sentían ficaban pasmados e dicían: Pero, ¿non é este o que en Xerusalén fixo estragos entre os que invocan ese nome, e viñera aquí para os levar presos diante dos sumos sacerdotes? Pero Saulo, con máis ánimos, confundía aos xudeus de Damasco, demostrándolles que Xesús era o Mesías. Logo de bastantes días, os xudeus ordenaron de matalo, mais Saulo chegou a sabe-lo que andaban argallando. Día e noite vixiaban as portas da cidade, para darlle morte. Pero algúns dos seus discípulos collérono de noite e descolgárono pola muralla metido nun cesto”.

¿Nun cesto? ¡Grande sería a cesta, pero máis grande era a labor que tiña pendente, tanto que fixo despois, coa asistencia do Espírito Santo, obviamente! Nunha cesta tamén se salvara o neno Moisés...

O que moito aprecio e valoro en Paulo é a súa capacidade de agradecemento ao Señor: De perseguidor a predicador; moita e moi ousada foi a súa labor, moito lle debe a Igrexa..., e eu tamén!

-.-



Tíñanlle medo...; os antecedentes sempre son difíciles de borrar, de superar! “Chegados a Xerusalén, procuraba xuntarse cos discípulos; pero todos lle tiñan medo, non crendo que fose discípulo de verdade. Pero Bernabé colleuno consigo e levouno onda os apóstolos. Saulo contoulles que vira ao Señor no camiño, que lle falara e que en Damasco predicara publicamente no nome de Xesús. Conviviu con eles en Xerusalén, predicando con ousadía no nome do Señor. Falaba e discutía tamén cos helenistas, pero estes queríano matar. Ao sabelo, os irmáns levárono para Cesarea e fixérono seguir a Tarso”...

Non hai mellor lección para os pecadores arrepentidos que a biografía de Saulo: ¡Un esforzo marabilloso e sostido para recuperar, e á vez para evitarlle ao próximo que caese en erros parecidos! ¡Grazas, Paulo, que por algo puxen ao meu fillo baixo a túa titoría, conxuntamente coa de San Pedro!
-.-

A Igrexa medra en toda Palestina. “Daquela, a igrexa tiña paz en toda a Xudea, Galilea e mais Samaría. Crecía coma un edificio, progresaba na fidelidade ao Señor e coa asistencia do Espírito Santo ía aumentando en número”.

Esta información énchenos o peito xa que nos leva a pensar nesa ledicia do Ceo, onde só haberá xente fiel ao Señor; ora ben, e dito sexa con algo de picardía: ¡Moi grande ten que ser, o Ceo, o inimaxinable, para caber todos, e nese caso, como faremos para localizar aos parentes e aos amigos? ¡Claro que, ao ser espíritos, non nos estorbaremos uns aos outros! ¡Deus, que estado máis perfecto ese de gozar do teu Reino; se non lle tivésemos medo á morte, estaríamos desexando a túa chamada!

¿Medo á morte; por que? ¡Á morte non, que ninguén sufre polo feito de culminar unha carreira, de pasar a mellor vida, pero...? O pero está en que non é propiamente a morte o enigma, senón o exame subseguinte: o auto exame!

¿Quen se pon de viaxe sen revisar primeiro o auto: rodas, combustible, freos, botiquín...? En cambio, o gran vehículo, a alma, ese espírito destinado á eternidade, témolo no garaxe do corpo sen apenas revisións: ¡A I.T.V., amigos, o exame de conciencia, a confesión, o resarcimento –reparación- de danos causados...! Copiemos de Paulo, que envaiñou a espada, pasando de perseguidor a perseguido, de pecador a penitente, de infiel a fiel! Pauliño, querido Paulo, tírame do cabalo; faime ese favor!
-.-


Pedro visita as igrexas. “Pedro, que as visitaba todas, baixou a visita-los santos que vivían en Lida. Encontrou alí un tal Eneas, que xacía paralítico nun catre desde había oito anos. Díxolle Pedro: -¡Eneas, Xesús Cristo vaite curar! Érguete e fai ti mesmo o teu leito. E no intre púxose en pé. Tódolos habitantes de Lida e de Sarón vírono e convertéronse ao Señor”.

¿Non hei de converterme coñecendo a comunicación, a inmediatez, que temos en Xesús Cristo tódolos seus crentes? Pero os cregos xa non fan milagres... ¡Se conservasen a fe absoluta, rotunda, de Pedro, seguro que os seguían facendo, pero hoxe, que todos somos apóstolos, ou debemos selo, os milagres están en nós, en nós mesmos, en todos e cada un de nós, conseguindo repoñernos despois de tantas caídas que nos paralizan o espírito!

Os cristiáns, baseados no poder da nosa relixión, caemos no pecado do orgullo, ¡maiormente nese!, e subidos a ese cabalo, por séculos, atropelamos ao próximo, maiormente aos xudeus (non conversos) e aos musulmáns (desviacións nestorianas), en vez de atraelos co milagre da nosa humildade fraterna. ¡Ese é o milagre que esperan de nós: humildade fraterna, que aí, precisamente aí, está o noso fracaso, a súa decepción, a súa conversión malograda! ¡Niso temos, arrastramos, un pecado colectivo gravísimo!

As igrexas de occidente, ¡a miña!, temos a obriga, inescusable, de superar os nosos esquemas de dominio e de poder, rexeitando os modelos do capitalismo que se uniron a elas. Só a creación de auténticas comunidades mesiánicas, ao servizo da reconciliación universal, pode ser fermento de concordia e de humanización sobre a terra; daquela temos que expresar, impartir, demostrar, a todo o mundo, o senso auténtico da nosa fe.
-.-
  
Pedro vólvelle a vida a Tabita. ¡Aos apóstolos custoulles entender a Xesús, pero o Espírito Santo abriulles a mente de tal xeito que de homes pasaron a anxos, xa en vida! “Había en Iope unha discípula, de nome Tabita (Gacela), chea de boas obras e de caridades. Por aqueles días enfermou e morreu. Despois de a lavaren, puxérona no cuarto de arriba. Como Lida está cerca de Iope, sentindo dici-los discípulos que Pedro estaba alí, mandáronlle dous homes con este recado: “Non tardes en achegarte aquí”. Pedro foi con eles. Cando chegou levárono á sala de arriba onde se lle presentaron chorando tódalas viúvas, amosándolle as túnicas e os mantos que facía Gacela cando estaba con elas. Pedro, entón, mandou saí-la xente toda, púxose de xeonllos e orou; despois volveuse ao cadáver e dixo: -¡Tabita, érguete! Ela abriu os ollos e, ao ver a Pedro, incorporouse. Pedro colleuna pola man, levantouna e chamando aos santos e ás viúvas presentóullela viva. Isto sóubose en toda a cidade de Iope e moitos creron no Señor. Pedro ficou bastantes días e Iope, na casa dun curtidor chamado Simón”.

¡Oh, Deus, meu Señor Xesús Cristo, que irmandamento tan grande fixeches cos homes, en particular cos teus discípulos; pero non é isto o que me asombra xa que a misericordia é propia de Deus, senón que o pobo escollido para a túa encarnación fose, en xeral, tan rebelde á graza, vinte séculos resistíndose! O caso é que a raza xudia ten sona de intelixente, particularmente para as ciencias, pero así ocorre que non hai nada como ser médico dos corpos para ser inimigo dos espíritos: fréaos a materia, o material! ¡Mágoa, en definitiva!
.../...

Pasa a
EU, PREDICADOR
-II-
Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: