Achegádevos
a min. (Mt
11, 25-29), e (Lc 10, 21-22). “Meu Pai ensinoume tódalas cousas e ninguén
coñece ó Fillo agás o Pai, nin coñece ó Pai agás o Fillo e aquel a quen o Fillo
llo queira revelar... Achegádevos a min tódolos que estades cansos e oprimidos,
que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e
humilde de corazón, e atoparedes acougo para as vosas almas, porque o meu xugo
é levadeiro e a miña carga liviá”.
¡Pois claro que é
leve a súa carga, os seus mandatos, as nosas molestias; pesada foi a súa cruz,
o seu Calvario, voluntariamente aceptada! ¿Por que, ou por quen? ¡Ben o
sabemos: por todos nós, polos nosos pecados, que teñen de lévedo aquel do
Paraíso Terreal! Por pretender zafarnos dese par de Mandamentos, pois os dez
encérranse en dous, soamente en dous, optamos, estúpidos, por compartir con
Satanás a súa sublevación, que esa si que é pesada..., por mortal, por
definitiva!
O Pai
ensinoulle...; ¡aí o temos: as primeiras ensinanzas veñen, teñen que vir, dos
pais, pai e nai para os humano! Xesús invitounos a achegarnos a El; e con iso
tamén nos deu outro exemplo maxistral: achegarnos aos nosos pais! Se son bos,
para copiar e agradecer; e se son malos, que ensine o que máis entenda, pois,
facer paces, é outro mandamento inscrito nese que di “Amarás ao próximo coma a
ti mesmo”.
¡Que terrible
responsabilidade a daquel, ou daqueles, que nos apartan de Cristo! Pois a
recíproca é igual de terrible.
A
nai e os irmáns de Xesús. Precisións familiares. (Mt 12, 46, 50), e
(Mc 3, 31-35), e (Lc 8, 19-21). “Mentres Xesús lle estaba falando á xente, a
súa nai e mailos seus irmáns presentáronse fóra buscando o xeito de falaren con
el. Díxolle un: -Mira que a túa nai e mailos teus irmáns están aí fóra, que te
buscan para falaren contigo. El respondeu ó que llo dicía: -¿Quen é a miña nai
e quen son os meus irmáns? E, sinalando coa man os seus discípulos, dixo:
-Velaí a miña nai e mailos meus irmáns. O que cumpre a vontade do meu Pai
Celestial, ese é o meu irmán, a miña irmá e maila miña nai”.
Aclaremos: O de irmán para os hebreos tiña un sentido
moi amplo, aplicándose tamén aos parentes próximos. Irmán “de sangue” é outra cousa. Aínda hoxe dicimos “primos irmáns”.
A interpretación,
tanto daquela coma hoxe, e hoxe coma sempre, é que, por encima da familia, por
encima dos compromisos ou das devocións familiares, están as obrigas cristiás.
Nisto non hai “que dirán” que valga. Digan de nós o que digan, ante todo as
nosas obrigas relixiosas; suxeitar ao que se desmande, pero nunca deixarse
arrastrar polos endemoñados. ¡Somos do partido de Cristo, e punto!
-.-
O
motivo das parábolas, que me tivo moi intrigado ata que puiden
ler a Biblia. Véxase Mt 13, 10-17; Mc 4, 10-12; Lc 8, 9-10). “Achegándose os
discípulos dixéronlle: -¿Por que lles falas en parábolas? El respondeulles:
Porque a vós concedéusevos coñece-los misterios do Reino do Ceo, pero a eles
non ... Por iso fálolles en parábolas, porque mirando, non ven, e escoitando,
non oen nin entenden”.
¿Como lles falamos
aos nenos para que nos entendan? ¿Con verbas gráficas e sinxelas, con exemplos
do seu entorno, con agarimo, subliñando a entoación dos puntos iniciáticos...?
Pois algo así tivo que facer o Mestre co seu auditorio, falándolles en e con
semellanzas.
¡Aínda dicimos, ou
nos preguntamos, o por que Xesús veu tan tarde ao mundo xudeu! O caso é que nin
naqueles tempos, nin naquelas alturas da súa civilización, con todo canto
levaban avisado, anticipado, os profetas, nin coa de milagres que lle vían
facer ao Mestre, aquela xente seguía verde; a “cegueira xudía” non lles
permitía afondar no milagre cristiá. Un profeta, si, pero, ¿Fillo de Deus?
Xesús seguiu explicando: “¡Ditosos, en troques, os vosos ollos, porque ven; e
mailos vosos oídos, porque oen! Pois asegúrovos que moitos profetas e xustos
arelaron ve-lo que vós vedes, e non o viron; oí-lo que vos oídes, e non o
oíron”.
Insisto, e non me cansarei de repetir: ¡Que
ditosos os apóstolos, pero tamén nós, a cabalo dos séculos XX / XXI, que
entramos na relixión pola porta do Bautismo, cun historial cristiá saturado de
testemuñas, de teólogos esclarecidos, que afondaron nas verdades evanxélicas!
Tamén insisto: Temos moito que agradecer, moito e a moitos, pero, facémolo?
Por outra banda,
temos un problema de economicidade, pois o que moito recibe moito debe, e canto
máis levamos recibido máis débeda a pagar, a sopesar no exame que se nos espera
na porta de san Pedro!
-.-
¡Que
pretensión a de ser profeta na propia terra! Xesús en Nazaret.
(Mt 13, 53-58; e Mc 6, 1-6; e Lc 9,7-9). “E resulta que cando Xesús acabou de
expoñer aquelas parábolas marchou de alí, indo para a súa terra. Alí con tal
xeito lles ensinaba na sinagoga que dicían abraiados: -¿De onde lle veñen a
este esa sabedoría e eses milagres? ¿Non é o fillo do carpinteiro? ¿Non se chama
María súa nai; e seus irmáns (parentes, quere dicirse) Santiago, Xosé, Simón e
Xudas? E súas irmás (súas primas) ¿non viven connosco? Entón, ¿de onde lle vén
todo isto? Estaban realmente escandalizados por causa del. Pero Xesús díxolles:
-A un profeta só o aceptan mal na súa casa. E alí non fixo moitos milagres pola
falta de fe daquela xente”.
¡Pois, ao de hoxe,
parecido! Estoume lembrando dunha picardía...; ¡que difíciles son de esquecer
as picardías! Non foi na miña parroquia, pero si ao lado: Un rapaz ordenouse de
presbítero, pero na súa aldeíña tiñan “don” para calquera dos notables, menos
para o seu curiña. O pai, desexoso de enaltecer ao fillo, e se cadra ignorante
daquela ensinanza do Mestre, ¿que fixo? ¡Deu en chamarlle de “don” ao fillo,
para que o imitasen os veciños! Non resultou, así que o fillo pediu parroquia
nos confíns da provincia, onde si se quitaban a pucha para sauda-lo crego! Non
hai nada como predicarlles aos forasteiros, pero..., ¡témoslles medo!
A
multiplicación do pan. A sacralización do pan foi, tivo lugar,
na Santa Cea, pero este milagre Xesús xa o tiña ensaiado, experimentado,
iniciado. (Mt 14, 19-21; Mc 6,
30-44; Lc 9, 10-17; Xn 6, 1-14). “E mandando recostar a xente na herba, colleu
os cinco bolos e mailos dous peixes, ergueu a mirada ó Ceo, dixo a bendición,
partiu os bolos e déullelos ós discípulos, que á súa vez llos pasaron á xente.
E comeron todos ata se fartaren, enchendo coas sobras doce cestas. Os que
comeron eran uns cinco mil, sen contar mulleres e nenos”.
Aínda que non
fosen cinco mil, que pode ter un senso figurado, literario, de exaltación,
certo é que tamén había mulleres, mulleres cos seus nenos. Por algo nos invitou
Xesús a pedir no Pater noster “o pan de cada día”; ¡como Deus, estaba disposto
a dárnolo! Pero primeiro bendiciuno... Ben o sabía miña nai, que cando nos vía
tirar ao lixo algún codelo de pan duro, ou balorento, facíanolo recoller, ¡e
bicar!
Agora que vexo a
pinos e/ou a eucaliptos a maior parte das terras do meu condado de Chamoso (o
Flammoso dos romanos), ¡canto boto en falta aquelas sementeiras, as segas, as
mallas...! No Pater noster pedimos o pan, pero non os tixolos, nin as táboas, e
menos aínda esas queimas das que tanto gozan os pirómanos. ¿Son os pirómanos,
ou son os demos? ¡Para o caso...!
O
fermento dos fariseos e saduceos. (Mt 16, 1-12; Mc 8, 14-21). “¡Ollo
co fermento dos fariseos e dos saduceos! Entón (ao dicirlles isto) comprenderon
que non lles falara de que tivesen coidado co fermento do pan, senón da
doutrina dos fariseos e dos saduceos”.
Esta advertencia
xa nola podían facer, a miúdo, nas homilías parroquiais, pois, aínda que con
outros nomes, os fariseos e os saduceos reprodúcense coma os fentos, ¡por
esporas!, que así se explica que, con formas máis discretas, pero segue habéndoos,
a granel; ¡canto mellores terras máis fentos, máis chupópteros do seu zume!
De propósito: din
os economistas que a España do segundo decenio do XXI vai ben, que vai a
mellor; en paralelo, as estatísticas dinos que nunca tantos pobres houbo. Unha contradición,
non si? Pero o lamentable é que agora non teñamos Mestres que nos alerten deste
fermento do fariseísmo actual, dos fentos actuais!
De
cando Simón se converteu en “pedra”, en pedra angular! (Mt 16,
13-20; Mc 8, 27-30; Lc 9, 18-21). “Respondeu Simón Pedro: -Ti é-lo Mesías, o
Fillo de Deus vivo. E Xesús contestoulle: -Ditoso ti, Simón, fillo de Xonás;
porque iso non cho revelou ninguén de carne e sangue senón meu Pai que está no
Ceo. Eu asegúroche que ti es Pedro, a pedra; e sobre esta pedra vou edifica-la
miña Igrexa; e as portas do Inferno non prevalecerán en contra dela. Dareiche
as chaves do Reino do Ceo: todo o que ates na terra, ficará atado no Ceo; e
todo o que desates na terra, ficará desatado no Ceo. E mandoulles ós discípulos
que non dixen nada (de momento, se entende) de que el era o Mesías”.
(¡Por algo lle
puxen Pedro, e tamén Paulo, ao meu fillo; os galegos temos a sona de, sempre e
de sempre, buscar padriño, buscar recomendación!)
Igrexa:
Asemblea, comunidade da Nova Alianza, encamiñada a estende-lo Reino de Deus.
Máis adiante,
aquel Pedro, ¡covarde!, de asustado negou coñecer a Cristo; non pode
estrañarme, pois facémo-lo tódolos pecadores cada vez que, tamén asustados
polas peripecias da vida, chamamos á porta do avogado dos traidores; ¡xa
sabedes a quen me refiro! Despois, ao velo coa cruz ao lombo, pesaroso, chorou;
¿facémolo nós? Esta é, foi, unha lección que debemos ter ben apresa..., se
queremos que, no dies irae, nos deixe
entrar, nos deixe pasar, o propio san Pedro!
Xa
sabemos, xa entendemos, que iso das “chaves” ten un sentido
metafórico, pero moi gráfico: ¡non pode haber rabaño sen pastor, e aínda así,
cos lobos á espreita..., que Deus nos ampare! A cruz é a nosa caxata, pero,
¿utilizámola cando nos ronda o lobo das tentacións?
De presente,
¡outro motivo de agradecemento á Divina Providencia!, temos un Pedro excelente;
tan valente, que nunca negará a Cristo, aínda que lles teña medo aos cardeais,
que, por anciáns, algún igual chochea!
O
Papa Francisco cunha pomba; ou será co Espírito Santo?
A Igrexa como tal,
como institución, non ten, nin tivo, erros, non pode telos; pero os homes da
Igrexa, algúns, tiveron os seus esvaróns; non chegaron a evidenciar que
descoñecían a Cristo, mais andaron cerca diso, contradicindo a pureza da súa
doutrina. Pero houbo arrepentimentos; e predominaron os santos.
Acabo de ler, en
Galicia Digital, un artigo de Xosé María Pin Millares, que analiza obxectiva e
profundamente os vaivéns dos últimos anos na Igrexa:
“...
En Roma a involución resulta evidente. A invernía, "o longo inverno"
como dixo o Padre Rahner vai campar durante o prolongado pontificado de Juan
Pablo II dominado polo Opus, Kikos, e outros movementos ultraconservadores.
Cualificado por Ernesto Cardenal como "excelente actor e nefasto
papa". Era todo espectacular, pero acabado o espectáculo non queda nada,
soamente fume.
“Ante esta situación tan gris, tanto no relixioso como no político, hai esperanza de que isto cambie? Do cambio depende que outro mundo sexa posible. A sabedoría milenaria recolle a sentenza de que "onde hai perigo, medra a salvación". Desta vez, de Roma chéganos unha voz profética, cargada de ilusión e de esperanza. É a voz do Papa Francisco, que pide un cambio de comprensión da realidade, unha especie de promesa mesiánica como reflicte o capitel de Vézelay que representa a Moisés vertendo trigo no saco do evanxeo que sostén Paulo; hoxe, diriamos, Francisco. O gran fracaso está en que a economía e o pensamento capitalista son a actual relixión, non como metáfora, senón como definición do capitalismo, e que se presentan como algo natural e inevitable.
“Na España que encontramos alá polos anos sesenta, subsistía anacronicamente un sistema cualificado como constantiniano ou de cristiandade, fronte á "sa laicidade" recoñecida por Pío XII. ... Etc.”
O artigo é longo,
así que paro aquí. ¡Un bo analista, si señor; estas análises, no meu criterio,
son sopros do Espírito en mentes esclarecidas, que axudan a corrixir rumbos...,
cando a lancha de Pedro se torce!
Anuncio
da morte e da resurrección. (Mt 16, 21-23; Mc 8,31; 9, 1; Lc 9,
22-27). “Desde aquela empezou Xesús a aclararlles ós seus discípulos que tiña
que ir a Xerusalén, e que alí o ían facer padecer, moito, os anciáns, os sumos
sacerdotes e os letrados; que o ían executar, pero que ó terceiro día había resucitar”.
Dúas
emocións, ¡dúas! A ledicia de saber que íamos ser redimidos; e de par,
a angustia de ver ao Mestre angustiado pola nosa culpa; pola nosa, grandísima,
culpa. ¡Señor, que momentos tan transcendentes para toda a Humanidade, pasada,
presente e futura! Debíamos pagar coa nosa devoción máis acendrada, mais, como
ti mesmo recoñecerías días despois, “O espírito está disposto, pero a carne é
débil”.
De Eva para acá,
¡milleiros de anos!, agardando polo perdón, pola amnistía. ¡E que sorte a nosa,
isto de ser xerados despois de Cristo; debíamos bailar, de ledos e de
agradecidos, diante da Eucaristía, pero, que eu saiba, aquí na terra só o fan
os Seises da catedral de Sevilla!
Dúas emocións...;
inenarrables! Só as puideron narrar os evanxelistas, e para iso, despois do seu
Pentecoste! Eu confórmome con rezar, de xeonllos, por suposto: Laus tibi,
Christe!
Se eu fose Cristo,
co meu xenio, cada vez que oíse unha blasfemia, ¡despois do sacrificio redentor!,
colgaría ao traidor dunha cruz de carballo, para escarmento dos viandantes;
algo así como facían os nobres do meu Castroverde na súa Praza do Rollo!
A
transfiguración. Outra lección do Mestre, e xa son infinitas, ademais
de excelsas; ¡canto lle demos que
facer para ensinarnos, para sacarnos adiante, para ilustrarnos, para abrirnos
os ollos; verdadeiramente aquela soberbia do Paraíso Terreal moito nos
dexenerou, moito nos cegou; non me canso de meditar niso, no bo que foi Deus
apiadándose de nós, pois, pensándoo ben, non lle facíamos falta, para nada, que
xa tiña os seus anxos, os arcanxos, os querubíns...! (Mt 17, 1-13; Mc 9, 2-13;
Lc 9, 28-36). “... “Alí transfigurouse diante deles (Pedro, Santiago e Xoán); o
seu rostro resplandecía coma o sol, e os seus vestidos viraron brancos coma a
luz. ...” (¿Ademais de participarlles así a nova da súa Resurrección gloriosa
aos discípulos predilectos, non nos servirá esa escena triunfal para
anticiparnos, a todos, unha imaxe, un anticipo, unha visión de como serán as
nosas almas despois do noso purgatorio, desde que merezan imitar aos anxos?
¡Coido que si!). Volvendo ao Evanxeo: “Nisto apareceron Moisés e mais Elías
falando con El. Pedro colleu a palabra e díxolle a Xesús: -¡Señor, que ben
estamos aquí! (¡Claro, era un anticipo da gloria!). ¿Queres que faga tres
tendas, unha para ti, outra para Moisés, e outra para Elías? Aínda estaba
falando cando apareceu unha nube luminosa que os cubría; (¡O Ceo baixaba ao
ceo, comunicando coa terra!); e unha voz saíndo da nube dixo: -Este é o meu
Fillo benquerido, o meu predilecto: escoitádeo!”
¡Humanidade toda,
agora mesmo, de xeonllos, pois o Deus Pai mándanos escoita-lo Fillo, e faino
paternalmente, coma aquel pai que lle perdoo ao fillo pródigo! ¿Que máis
queredes, que máis queremos; Deus volve a abrirnos as portas do Ceo, baixa a
buscarnos, manda ao seu propio Fillo para instruírnos, para mostrarnos o
Camiño! ¡Oh, Señor, que ben se está na túa presencia!
“Cando baixaban do
monte, Xesús encargoulles: (¡Sempre recomendando prudencia, sempre
preparándonos, como bo Mestre, para o exame final!) -Non lle faledes desta
visión a ninguén, ata que o Fillo do Home resucite de entre os mortos”. ¿Quen
lles ía crer, se aínda houbo incrédulos despois de velo resucitado? ¿Cabe un
testemuño máis fidedigno có de velo resucitado, o único ser que resucitou por si mesmo! Estaban avisados; outro
favor que recibían. En Xesús todo foron favores, favores e milagres, como non
podía ser menos: ¡Era o Fillo de Deus, encarnado na súa personalidade humana!
-.-
Achegámonos á traxedia, pero, para nós, gloriosa. ¡Por
moito que nos esforcemos, nunca saberemos agradecela satisfactoriamente! ¡Meu
Xesús Cristo, non permitas que sangue de tanto valor sexa derramada inutilmente
por min!
Segundo anuncio da paixón. (Mt 17,
22-23; Mc 9, 30-32; Lc 9, 44-45). “Andando eles xuntos por Galilea, díxolles
Xesús: -Ó Fillo do Home vano entregar nas mans dos homes, que o matarán; pero
ó terceiro día resucitará. Eles ficaron moi tristes”.
Eles ficaron moi tristes... Tristes,
si, Señor, polo moito que vas sufrir; ¡o nunca visto, o indescritible! Pero
exaltados de gozo se pensamos na nosa redención. O máis lamentable é que, aínda
véndote na cruz, sigamos facéndolle o xogo ao diabro.
¿Que facemos coa nosa
mentalidade actual? Pois que, cando se aproxima a Semana Santa, saltamos de
gozo facendo planes para as nosas diversións, para as nosas excursións, para os
nosos vicios... ¡Inconscientes; a Semana Santa, nos seus festivos, pouco tempo
é para tanto que temos que reflexionar, que agradecer, que predicar co noso
exemplo de cristiáns devotos e agradecidos! (Eu tamén o fixen, iso,
aproveitarme dos festivos, e se agora non o fago igual é polos meus achaques
octoxenarios; unha cousa é predicar, e outra dar trigo!).
O máis importante no Reino do Ceo. (Mt
18, 1-5; Mc 9, 33-37; Lc 9, 46-48). ¡Boa pregunta, si señor; pero a resposta
aínda foi mellor! “Naquel momento acercáronse os discípulos a Xesús para
preguntarlle: -¿Quen é o máis importante no Reino do Ceo? El chamou por un meniño
e púxoo no medio deles; dixo: -Asegúrovolo: se non cambiades e non vos facedes
coma nenos, non entraredes no Reino do Ceo. Quen se faga pequeno coma este
cativo será o máis importante no Reino do Ceo. E quen acolla a un meniño coma
este no meu nome, acólleme a min”.
¡Quedou claro, Señor, Mestre
excelso: Primeiro quero ser perdoado; e de perdoado, vólveme á inocencia, aos
días do meu bautizo! Xa sei que é moito
pedir, pero máis milagre piden os políticos nas campañas electorais ofrecendo
ceo e terra, cunhas promesas utópicas que eles saben de antemán que non serán
cumpridas. Bromas á parte: Facerse coma nenos, recuperar a inocencia, non é
doado, pero tampouco imposible; ¿ensaiamos?
Acoller un meniño tamén é
educalo, molestarse en brindarlle exemplaridade, acollelo aos preceptos da
Igrexa..., para que acabe os seus días camiño do Ceo!
Cos meus antecedentes, cos meus
pecados, non podo aspirar a ser grande, a ser importante, no Ceo; pero si, coa
axuda de Deus, a ve-la súa Gloria..., aínda que sexa, coma no teatro, desde o
galiñeiro!
Galiñeiro (paraíso)
dun teatro.
-.-
O escándalo. ¡Buf; outro pecado, dos
grandes; e ademais, tan xeneralizado! Moito leva traballado o diabro nesta
leira; debe ser que se lle dá ben, que lle dá froito, que ten moita clientela.
(Mt 18, 6-10; Mc 9, 42-48; Lc 17, 1-2). “Pero quen escandalice a un destes
pequenos que cren en min, máis lle valería que lle colgasen unha pedra de muíño
ao pescozo, e que o largasen ó fondo do mar. ¡Ai do mundo polos seus
escándalos! É irremediable que haxa escándalos, pero, ¡ai do home que provoca
escándalos! ... ¡Coidadiño con desprezar a un destes cativos! Asegúrovos que os
seus anxos, no Ceo, están sempre contemplando o rostro do meu Pai Celestial”.
Os nenos, -din os de Sept, e con bo criterio-, son capaces de asombro e
teñen confianza. Facerse coma nenos non é infantilizarse senón recobra-la capacidade de confianza no Pai. Xesús mesmo
usaba o nome de “Abba” para falar co Pai; nome utilizado polos nenos, que o poderíamos
traducir por “Papaíño”, que indica o grado de confianza e de familiaridade que
o neno ofrece.
Catecismo da Igrexa. 2284 “El escándalo es la actitud o el comportamiento que
induce a otro a hacer el mal. El que escandaliza se convierte en tentador de su
prójimo. Atenta contra la virtud y el derecho; puede ocasionar a su hermano la
muerte espiritual. El escándalo constituye una falta grave si, por acción u
omisión, arrastra deliberadamente a otro a una falta grave”.
Escándalo é todo incidente amplamente publicitado que
inclúa acusacións de proceder incorrecto, degradación ou inmoralidade. ¿Quedou
claro? ¡Pois, daquela, coidado coa lingua, e tamén cos feitos, que máis vale
prever que curar!
Dun tempo a esta parte moi ledo debe estar o diabro polo ben que se lle dá
a súa colleita de escándalos pois, cos avances dos mass media, prensa, radio,
televisión..., calquera escándalo, sexa grande ou pequeno, expándese e
multiplícase, ata o confín da terra! Máis é, que con estes medios ata se lles
ensina aos pícaros a facelas con pouco risco, con coartadas preestablecidas;
volvo a dicir!
-.-
A ovella
perdida. (Mt 18, 12-13; Lc 15, 3-7). “A ver que vos parece? Se un
home ten cen ovellas e perde unha, ¿non deixará as outras noventa e nove no
monte, para ir en busca da descarreirada? E se a atopa, asegúrovos que se
alegrará máis con ela do que coas noventa e nove que non perdeu. Do mesmo
xeito, a vontade do Pai Celestial é que non se perda ningún destes pequenos”.
Especialmente preparados para asimilar
esta parábola coido que estamos aqueles que gardamos ovellas na nosa infancia.
¡Deus, que medo tiñamos a que viñese o lobo en busca das descarreiradas, das
separadas, que lle eran as máis alcanzables! Nesa evitación, nesa precaución,
canto sangue me foi parar ás miñas medias de lá atrochando polo medio das
toxeiras para arrexuntar o rabaño, para que non se ciscase! E non só iso, senón
que, antes de recollelas para o retorno, Deus me librase de non contalas, ¡a
ver se ían todas!
Ademais dos espiños nas pernas, a garda
das ovellas, que a das cabras é outro tema, prestábase, moito, para a
matinación, para madurar pensamentos na soidade do monte. Unha anécdota
persoal: Para cava-lo monte adoitaban recoller os toxos grandes cun ano ou dous
de antelación, que así os gromos non se opoñían á aixada; e nesas circunstancias,
ao redor de onde cavasen a herba estaba tenriña, axeitada para os pastos; o
pastor, por tanto, tranquilo. Aquel día tombeime ao sol, nun claro da touza,
canso de andar detrás das ovellas; nisto, que a poucos pasos estaba o Xosé da
Caseta dándolle á aixada, cavando as súas renques. Era a véspera do San
Bernabé, festa en Suegos. O Xosé, de costas as ovellas, nin as vía nin me vía.
De momento parou, e arrimado á aixada, ¡que nin que fose unha rapaza!, deu en
falar só: “Mañá na festa, miña Doloriñas, voume declarar; así que teño que
levar ben escollidas as verbas que me convén dicirche... Ti, e máis eu, estamos
en idade de casar; daquela, como me gustas a rabiar...” Eu escandaliceime de
tal xeito, deume tal vergoña escoitar aquelas intimidades, que non puiden máis,
e levanteime, facendo que lles berraba ás ovellas. Xosé, advertido, volveu a
levanta-la aixada, pero agora con máis brío cá nunca, seguramente que no seu
afán de ofrecerlle aquel trigo á “súa” Doloriñas de Suegos. ¡Tamén hai
escándalos bos, pero son os menos!
A corrección
fraterna. (Mt 18, 15-18; Lc 17,3). “Se teu irmán peca contra ti,
vai e repréndeo; pero ti só con el. Se non te escoita, leva contigo un ou dous,
para que por medio de dúas ou tres testemuñas quede resolto o asunto. Se non vos
fai caso, dillo á comunidade; e se tampouco lle fai caso á comunidade, sexa
para ti coma un pagán ou un recadador de impostos. Asegúrovos que o que atedes
na terra será atado no Ceo, e o que desatedes na terra será desatado no Ceo”.
¡Ai, xa, pero para corrixir preciso ser
corrixido, eu, de entrada, de primeiras!
Para ser Mestre hai que pasar pola carreira de alumno: aprender antes de poder
ensinar; ser, estar, corrixido antes de ser corrector. No séculos pasado había
correctores de imprenta para corrixir os erros dos escritores. ¡Parece unha
contradición, pero non o era! Lembremos aquilo de que, a primeira pedra que a
tire o que estea limpo, ¡e fóronse todos!
Corrixir fraternalmente é unha obriga,
por suposto, pero..., ¡co antedito, corrixir de maduro! (Maduro de madurez, non
de apelido).
As irmandades tiveron un mal principio
naquilo de Caín e Abel; despois viñeron os profetas, veu o Mestre..., pero
seguimos verdes; ¡nas familias, para canto máis nos pobos, que só son un
conglomerado de familias! Eu, servidor, que co meu fillo Pedro Paulo fomos os
iniciadores do irmandamento do noso Castroverde co de Portugal, coñezo, sei
ben, o goce da fraternidade, pero tamén, pola experiencia, que non sempre é
doada de lograr: ¡hai moito indiferente!
Para aceptar os irmandamentos hai que
pararse en que temos unha meta a lograr, que é moi sinxela de expoñer pero non
tanto de verificar. O traballo consiste en que cada persoa da Humanidade
identifique e se identifique como irmán dos demais. ¡Ollo! Non como un igual, porque
todos somos diferentes nas nosas individualidades, senón como seres humanos cos
mesmos dereitos e deberes; con todo o noso respecto, amor e comprensión. Para
iso, para obter este logro, temos que poñer o espírito común por riba das
comenencias materiais, superando diferencias. ¿Non parece difícil; ou si? ¡A
veces, por moito que nos esforcemos, non se logra con plenitude!
A tolerancia,
principio básico: Cando entendas que hai outra forma de ver as cousas, daquela
entenderás o significado da verba tolerancia.
Lema
atribuído aos beneditinos: A tolerancia é algo fermoso, pero non
podemos esquecernos de que unha certa intransixencia sempre formou parte da
saúde mental. ¡Os casos hai que estudalos con obxectividade, atentos aos
deberes primordiais!
A oración en
común. (Mt 18, 19-20). “Asegúrovos tamén que se dous de vós se poñen de acordo na
terra para pedir calquera cousa, (cousa boa, temos que entender), conseguirano
do meu Pai Celestial. Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí
no medio estou eu”.
¡Vale; unha boa recomendación, como
tódalas do Mestre, pero ben sabía El que ten que ser unha cousa moi boa, e de
interese recíproco, para conseguir que dous humanos recen polo ben común; o
noso egoísmo, que nos fai individualistas!
¿Se as vodas non tivesen banquete,
cantos irían rezar polo futuro dos contraentes? ¡Os pais, e pouco máis! Nas
necrolóxicas, ¡algún!, ata poñen, cunha cruz, o nome dos falecidos “pedindo que
os acompañemos no funeral”. Por pedir, que non quede, pero, despois, na práctica,
algún só vai firmar; e outros, ¡escándalo á parte!, por divertimento, dicindo
para así: “¡Tíñasme ganas, pero fuches diante!”. ¡É tan difícil que se entenda
Caín con Abel; pero hai que intentar o irmandamento, o mandamento! Tantas
igrexas tan preciosas que se esforzaron en construír os nosos entregos, e
agora, velas baleiras, ou case, que dolor, que pena!
Perdón das
ofensas. (Mt 18, 21-22) “Entón Pedro, achegándose, preguntoulle:
-Señor, ¿cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? ¿Ata
sete veces? Respondeulle Xesús: -Non che digo ata sete veces, senón ata setenta
e sete”. Este número é simbólico; hai que interpretalo, ¡como sempre!
¡Canto custa perdoa-las ofensas, e iso
que o prometemos reiteradamente, cada vez que recitamos o Noso Pai: ... perdoa
as nosas ofensas como tamén perdoamos nós a quen nos ten ofendido”! ¡Xa; de
palabriña, pero estar á recíproca, cústanos! Perdoou Cristo, perdoaron os
Apóstolos cando os martirizaron..., pero nós, os actuais, só lles perdoamos aos
políticos..., por comenencia, pois necesitamos dos seus servizos, e detrás
destes poden vir outros peores!
SALMO
MISERERE
Tenme piedad, oh Dios, según tu amor,
por tu inmensa ternura borra mi delito,
lávame a fondo de mi culpa,
y de mi pecado purifícame.
por tu inmensa ternura borra mi delito,
lávame a fondo de mi culpa,
y de mi pecado purifícame.
Señor, perdoácheslle ao bo ladrón na mesma cruz, e
prometícheslle recibilo no paraíso; eu, ladrón da túa graza, malversador das
túas leccións, de arrepentido, ¿verdade que tamén me perdoas? ¡Xa cho teño
dito, xa cho teño pedido: un asento no Ceo, aínda que sexa na última fila do
teu anfiteatro!
¿Que tamén teño que perdoar; iso, a conditio sine qua
non? ¡Xa o dixeches, e procuro facelo, aínda que non sempre resulta doado;
mais, coa túa graza, desta vez prometo non volverme atrás; ben sabes que os de
Montecubeiro, pecadores si, pero sempre fomos de palabra!
CAMIÑO DE XERUSALÉN
Bendí ós
nenos. (Mt 19, 13-15; Mc 10, 13-16; Lc18, 15-17). “Leváronlle entón uns nenos para
que lles impuxese as mans, e rezase por eles. Pero os discípulos rifábanlles.
Máis Xesús díxolles: -Deixade que os nenos se acheguen a min, non llelo
privedes, porque deles é o reino do Ceo”.
Os nosos
netos, no oitenta cumpreanos da avoa.
Dous pensamentos, constantes,
irreversibles, tiran, provocan, de nós os netos: ¿Como lles irá nesta vida; que
farán para gaña-la outra! Veñen ao mundo baixo a responsabilidade de seus pais,
pero tamén, por extensión, da nosa. ¡Hai que crialos, educalos, santificalos;
tarefa inxente..., pero contamos coa axuda de Deus, tal e como nos prometeu o
Mestre na súa vida pública! A fin de contas, diso se trata: ante todo ser boa persoa.
Dunha escritora contemporánea, que sabe
distinguir, Mercedes Cachaza Platas, en Galicia Digital: “-Desde que empezamos a ter “sentido”,
desde que empezamos a saber discernir entre o bo e o malo xa podemos ir
configurando a nosa vida. De feito atopámonos con criaturiñas de poucos anos
que xa se lle ve ben encamiñadas, xa apuntan boas maneiras...
Son criaturas que tiveron a sorte de ter uns pais que saben marcar as pautas axeitadas.
En canto van pasando os anos e imos madurando alcanzando maior sabedoría, xa carga sobre nós a responsabilidade de construír o noso futuro. Por iso nos atopamos cunha xuventude que loita con tódalas súas forzas por labrarse un futuro prometedor, familias xoves que saben administrar o seu tempo e os seus recursos. Nesas familias medran os seus “retoños” sans e santos que son e serán moi boas persoas”. ¡Grazas, Mercedes, pola mercé que nos fas axudándonos a entender e a encamiñar aos nenos!
Son criaturas que tiveron a sorte de ter uns pais que saben marcar as pautas axeitadas.
En canto van pasando os anos e imos madurando alcanzando maior sabedoría, xa carga sobre nós a responsabilidade de construír o noso futuro. Por iso nos atopamos cunha xuventude que loita con tódalas súas forzas por labrarse un futuro prometedor, familias xoves que saben administrar o seu tempo e os seus recursos. Nesas familias medran os seus “retoños” sans e santos que son e serán moi boas persoas”. ¡Grazas, Mercedes, pola mercé que nos fas axudándonos a entender e a encamiñar aos nenos!
Nada facermos nesta vida tan importante,
tan transcendental, tan bo /ou tan malo, como é a crianza e maila educación dos
nenos, sexan fillos, propios ou adoptivos, netos, sobriños, etcétera. Así que,
o que non poida, ou non queira, asumir semellante responsabilidade..., á
taberna, a emborracharse, pois os bébedos poden facer dano, pero sempre será
menor!
Estamos atravesando unha era, unha
etapa, de transición na educación dos rapaces. O que se di, unha crise.
Primeiro foi a desaparición das lareiras, que centralizaban as familias, e con
iso a transmisión, o apego educativo. Ao pasar das aldeas á emigración e/ou ás
cidades, esa conmoción social rompeu os moldes tradicionais, con importantes
contaminacións do vicio e do desleixamento dos novos ambientes, anónimos e
libertarios; ¡moitos camiños para escoller, e non todos recomendables! Despois
veu o traballo das mulleres fóra do fogar, encomendando os nenos a garderías de
moita friaxe e pouco control. A todo isto, demos en confundir educación con
ilustración, confiándolles ás escolas unha función na que son, ou eran, meros
ilustradores. O dito: De momento a educación familiar, básica para a moral dos
rapaces, está un pouco desequilibrada. ¿Como reparar isto? Coa axuda de Deus,
engadindo esforzos e dedicación, perfeccionando métodos, de parte a parte.
O perigo das
riquezas. (Mt 19, 23-29; Mc 10, 23-31; Lc 18, 24-309. “Entón
interveu Pedro dicindo: -Pois nós deixámolo todo, e seguímoste. ¿Que nos vai
tocar? (¡Pedro, sempre práctico, de pedra!). Xesús respondeu: -Asegúrovos que
vós, os que me seguistes, cando
chegue o mundo novo e o Fillo do Home sente no trono da súa gloria, sentaredes
en doce tronos para xulgardes ás doce tribos de Israel. (Aquí párome a pensar:
¿Doce? ¿Será que contaba con perdoarlle a Xudas, instrumento necesario para a
Paixón? ¡Arrepentimento houbo, así que..., Deus, na súa misericordia
infinita..., quen sabe!). E todo aquel que deixou casas ou irmáns, ou pai, ou
nai, ou fillos, ou leiras, por causa do meu nome, recibirá cen veces máis e
herdará a vida eterna”.
Mestre, que eu tamén deixei as
leiras...; ¡claro que foi para irme voluntario ao Batallón do Ministerio do
Exército, e así poder estudiar; pero, se en vez diso fose para Herbón, outro
galo cantaría, non si?
Que as riquezas son perigosas téñoo
claro; ¡só teño que fixarme no que lles pasa a eses políticos que esquecen os
seus deberes para..., para situar en paraísos fiscais os diñeiros mal gañados!
O Paraíso Celeste, o bo, o definitivo, está claro que se gaña con privacións, e
non con privatizacións!
Puntualicemos, para non escandalizar: O
feito de ser rico ou pobre non pasa de ser unha circunstancia allea á moral,
que iso din eses que parecen prudentes. A consecuencia é esta: Se es rico gozas
máis da vida que se es pobre; pero se
gañaches inxustamente o diñeiro, esa é outra cuestión. O feito de ter
diñeiro non foi tipificado, nin como delito nin como pecado, en ningunha lei,
sexa divina ou humana. Podes provocar a envexa, e incluso rancor, naqueles que,
na vida, tiveron menos sorte, ou menos oportunidades. Eu mesmo, que fun un
profesional da Banca, atopeime, en todas partes, con ricos de excelente
corazón, (¡pero foron os menos!). O que
si é a riqueza é un obstáculo para comprender, para asimilar, para
comprometerse co proxecto do Reino dos Ceos. ¿Queda claro, aspirantes a ricos?
Daquela, como lle dicían ao César: ¡Cave ne cadas!, que unha cousa é gaña-lo
pan coa suor da nosa fronte e outra distinta gañalo coa suor dos de enfronte!
Tamén hai que distinguir entre creadores de riqueza e parasitos da riqueza,
conceptos, dilema, que non tivo vixencia ata que veu a época industrial.
Terceiro
anuncio da paixón. (Mt 20, 17-19; Mc 10, 32-34; 18, 31-34). “Segundo ían
subindo a Xerusalén, chamou a un lado ós Doce polo camiño e díxolles: -Vede que
subimos a Xerusalén, e que alí lles van entrega-lo Fillo do Home ós sumos
sacerdotes e mais ós letrados; condenarano a morte, e entregarano ós pagáns
para que fagan riso del, o azouten e o crucifiquen; pero ó terceiro día resucitará”. Cousa, ¡cousas!, tan
extraordinarias, tan incribles, ¿como ían crelas? ¡Díxollelo tres veces, e nin
con esas!
-.-
Pasa a
QUERIDO MESTRE
-III-
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario