Camiño de Xerusalén, camiño do Calvario.
Para seguir,
vou cortar uns ramallos das miñas loureiras, en loor teu; para ti, meu Señor
Xesús, que quero sumarme ao César vitorioso; cunha diferencia absoluta,
transcendental: ao César aclamábano despois das súas vitorias, pero a túa,
Señor, terémola, verémola, comprenderémola, despois da túa loita coa morte, na
túa Resurrección!
A entrada en
Xerusalén debeu ser moi sinxela, opinan os de Sept. A reflexión
cristiá deulle un carácter solemne e mesiánico, máis claro en Lc 19, 39-40,
aplicándolle tamén o texto de Zacarías. Que collese unha burra e non un cabalo
dálle a esta entrada un simbolismo de sinxeleza. Xesús vai camiño da súa
Paixón, Morte e Resurrección; e nós, por El, camiño do Paraíso perdido, camiño
da Gloria.
Xesús bota ós tendeiros fóra do templo. (Mt 21, 12-17; Mc 11, 15-19; Lc 19, 45-48;
Xn 2, 13-22). ¡E non botou aos políticos
porque lle facían falta como instrumentos executivos da súa, inmediata, Paixón,
voluntariamente aceptada!
“Entrou Xesús no templo, e botou fóra ós tendeiros e ós compradores do
templo, derrubando as mesas dos cambistas, (¡Eu libreime, nos meus días de
bancario, de cambista, porque Xesús xa estaba Arriba!), e os postos dos
vendedores de pombas. (¡Cantas veces teño ido con miña avoa ás feiras de
Mosteiro e de Castroverde, para axudarlle a levar os cestos das pitas; despois
de vendidas, o pacto, tácito, era que me comprase unhas onzas de chocolate!).
Díxolles: -Está escrito: “A miña casa
será casa de oración”; pero vós convertédela en cova de bandidos”. (Nas
feiras de Castroverde, como son en domingos alternos, despois de vende-las
pitas entrabamos na igrexa; iso, despois! Daquela, nos meus tempos, ¡que xa
cambiaron!, os bandidos eran as piteiras, que lle pagaban á madriña a metade do
que elas cobraban en Lugo!). Pero volvamos ao Evanxeo: “No templo rodeárono
cegos e coxos, e curounos. Pero os sumos sacerdotes e os letrados, vendo os
milagres que facía e os nenos que exclamaban no templo: “Hosanna ó Fillo de
David”, indignáronse; e dixéronlle: -¿Seica non óe-lo que estes nenos din?
Xesús respondeulles: Si, ¿e logo nunca lestes aquilo: “Da boca dos meniños de
peito fixeches saír unha louvanza”? E deixándoos, saíu da cidade cara a
Betania, onde pasou a noite”.
Moitas leccións temos, podemos sacar,
deste capítulo:
Eu vexo, coma nun primeiro plano, a materialización, a explotación
materialista do culto relixioso á que chegara a dexeneración do Sumo Sacerdote
dos xudeus; ¡por algo lle estorbaba Xesús! Situación intolerable para o Mesías.
Aquel sacrificio de animais, ¡vendidos especulativamente no interior do
propio templo!; aquel axio de moedas, aceptando como puras tan só as deles, as
dos xudeus; etc., etc. ¡E os crentes sen decatarse de que estaban caendo, de
que os estaban levando, a un paganismo ridículo, que ridiculizaba a
preparación, a alerta profética, que tiñan recibido.
Como lección, aí temos a referencia clara e rotunda do pecaminoso que é
facer negocio coa relixión. Tanto se enfadou Deus con iso, que Xesús foi a
única vez que declarou unha guerra física, un depurativo material.
O noso sacrificio, substituíndo e
perfeccionando aqueles do Antigo Testamento, témolo, definitivo, na consagración do pan e do
viño, convertidos no corpo e no sangue de Xesús, que, índose, quedouse
connosco, a perpetuidade, para fortalecernos, para escoitarnos, para
participarnos o seu sacrificio redentor. Instituíu a Eucaristía precisamente
como función testamentaria, como herdanza superior, sublime, na véspera da súa
inmolación.
A expulsión dos traficantes tamén dá testemuño do punible que é ante Deus a
corrupción materialista; todo tipo de corrupción, sexa na política, nos
negocios, nos medios de comunicación, sindicatos, escolas, asociacións...; ¡e
xa non digamos nos servidores da Igrexa!
Xesús provoca así, indirectamente, á máxima autoridade relixiosa dos
xudeus. Consideraba chegada a súa hora, que así llelo había anticipado aos
discípulos, e..., abre as espitas, provoca a un dos seus principais inimigos,
Caifás.
Non consta, non quedou constancia, de que nisto, de momento, tivese
oposición; ninguén deu a cara por aqueles ladróns, pero..., gardáronlla!
Satanás, se ignoraba a que lle esperaba, a súa derrota crucial, importante, en
tal ocasión estaría frotándose os cornos; ¡pouco lle ía durar o gozo!
Visitando e contemplando os templos que elevaron os nosos entregos, tanto
na nosa terra coma noutras, auténticos museos da arte e do esforzo, pero tamén
da fe e da piedade, un fica abraiado: ¡Aquilo si que era amar a Deus sobre
tódalas cousas, alén das súas miserias, con problemas de materiais, de
transportes e de elevación, de ferramentas, estadas inseguras..., o indicible,
e lograron esas marabillas..., que os subiron ao Ceo! ¿Volveremos a esa
mística? A nós, estes do XXI, non nos botou Xesús do templo, ¡botámonos nós,
nós mesmos!
A autoridade de Xesús. (Mt 21, 23-27; Mc 11, 27-33; Lc 20, 1-8).
“Entrou no templo e mentres ensinaba acercáronselle os sumos sacerdotes e mailos
senadores do pobo para preguntarlle: -¡Con que autoridade fas estas cousas?
¿Quen che deu tal autoridade? Xesús respondeulles: -Vouvos facer tamén a vós
unha pregunta; e se respondedes, dígovos eu tamén con que autoridade fago estas
cousas: O bautismo de Xoán, ¿de onde era? ¿Era cousa de Deus, ou dos homes?
Eles razoaban entre si dicindo: Se respondemos “de Deus”, preguntaranos: ¿entón
por que non crestes nel? Pero se respondemos “dos homes”, temémoslle ó pobo,
porque todos teñen a Xoán por profeta. E contestáronlle a Xesús: -Non sabemos.
Xesús replicou: -Pois eu tampouco vos vou dicir con que autoridade fago estas
cousas”.
Meu avó dicía: A preguntas necias, oídos xordos. Pero neste caso as
preguntas non eran necias senón pícaras, maliciosas. O diabro estábaos
utilizando para poñerlle unha zancada a Xesús, ¡outra vez!, pero saíulle torta.
Pola miña parte, aínda que como pecador, se non escandalizase chamaríalles,
¡cabróns!, a aqueles falsos sacerdotes. ¿Por que? ¡Sinxelamente porque cabróns,
o que se di cabróns, son os cómplices do diabro; os fillos da cabra, no meu
país, son simplemente chivos, ou cabritos!
As cabras, Capra aegagrus hircus,
mamíferos artiodáctilos, da familia Caprinae, xa foran domesticadas ao redor do
oitavo milenio a. C., pero aqueles mangantes de Xerusalén aínda non, aínda non
o foran..., e o seu ego repelía ao Mestre!
De presente, que? Reflexionemos sobre a vida exemplar, e sobre os milagres
divinos, que non humanos, de Xesús, se non queremos levar unha derrota coma a
que tiveron aqueles tentadores insolentes, que se daban de astutos para máis
agravante.
Parábola dos dous fillos. (Mt 21, 28-32). “... El respondeu: “Non
quero”, pero despois, arrepentido, foi. Foise despois onda o outro e díxolle
tamén o mesmo. El respondeu: “Vou, señor; pero non foi. -¿Quen dos dous fillos
fixo a vontade do pai? ...”
¡Vale máis arrepentirse que prometer e despois non cumprir! ¿A cal dos
fillos representarei eu?
Se as repasamos con obxectividade, decatarémonos, meu querido Mestre, de
que tódalas túas parábolas teñen en común a ledicia celestial, a misericordia,
cos arrepentidos; ¡a Deus encántalle que volvamos ao rego, que volvamos ao
Camiño do seu amor!
O arrepentido fai felices aos dous pais, ao da terra, pero máis aínda ao do
Ceo. En troques, o mansiño, ¡o hipócrita!, aparenta pero non fai, non cumpre.
¡Decepciona!
¡Que pedagoxía máis sublime, querido Mestre; e que burro son eu se non
aprendo a lección; déixame, permíteme, repasa-las túas parábolas..., para
merecer o teu aprobado!
A contribución do César. Veño de facer a Declaración da Renda e puxen a
cruz do tributo debido á Igrexa; pero observei que hai que dicírllelo aos
funcionarios, para que funcionen, para que a poñan, pois do que non, eles non
adoitan deterse en lembrarnos a parábola correspondente.
(Mt 22, 15-22; Mc 12, 13-17; Lc 20, 210-26) Boa importancia lle deron os
tres sinópticos xa que os tres lle dedicaron un bo espazo; ¡pois se daquela
este asunto tiña importancia, non che digo nada agora! A maiores, outra
picardía dos fariseos, sempre atentos as suxestións do diabro para pillar nun
renuncio ao Fillo de Deus, pero, coma sempre, perderon o seu tempo; ¡ir contra
Deus é o suicidio dos maliciosos! “Entón os fariseos fóronse reunir para veren
o xeito de pillalo nalgún dito (para eles, delito). E mandáronlle algúns dos
seus discípulos (¡dos deles!) e dos partidarios de Herodes, que lle
preguntaron: -Mestre, sabemos que es sincero, (o Mestre, si, pero eles, non),
que ensinas o verdadeiro camiño de Deus e que non andas con miramentos porque
non te deixas levar polos respectos humanos. Dinos, logo, ¿que che parece: está
permitido pagarlle o tributo ó César, ou non?. Xesús, decatándose da malicia,
contestoulles: -¿Por que me queredes comprometer, hipócritas? Mostrádeme a
moeda do tributo. Eles presentáronlle un denario. El preguntoulles: -¿De quen é
esta imaxe, e de quen fala esta inscrición? Contestáronlle: Do César. Entón
replicoulles: Pois logo dádelle ó César o que é do César, e a Deus o que é de
Deus. Ó oíren isto ficaron pasmados e, deixándoo, marcharon”. ¡Marcharon ben
amolados, e por suposto que se foron discorrendo a próxima trapela, a enésima,
que ía ser tráxica, xa que as outras lles fallaran!
“Dar al César lo que es del
César; a Dios, lo que es de Dios”. Por lo tanto, no hay que dar al César
lo que es de Dios. Al César, en consecuencia, no es lícito dar, sacrificar, la
vida de las personas. Según la enseñanza reiterada de Jesús, los pobres son de
Dios, los pequeños son sus predilectos: a ellos les pertenece el reino de Dios.
Entonces “nadie ha de abusar de ellos. No se ha de sacrificar la vida, la
dignidad o la felicidad de las personas a ningún poder. Y, sin duda, ningún
poder sacrifica hoy más vidas y causa más sufrimiento, hambre y destrucción que
esa dictadura de una economía sin rostro y sin un objetivo verdaderamente
humano que, según el papa Francisco, han logrado imponer los poderosos de la
Tierra. No podemos permanecer pasivos e indiferentes acallando la voz de
nuestra conciencia en la práctica religiosa” (Antonio José Pagola).
Acerca da resurrección. (Mt 22, 23-33; Mc 12, 18-27; Lc 20,
27-40). “... Andades descamiñados porque non comprendedes nin a Escritura nin o
poder de Deus. Cando resuciten, non casarán nin eles nin elas, porque serán
coma anxos do Ceo. E volvendo á resurrección dos mortos, ¿non tedes lido o que
vos deixou dito Deus: “Eu son o Deus de Abraham, o Deus de Isaac, o Deus de
Xacob”? Ben, pois El non é Deus de mortos, senón de vivos. E a xente, ó
escoitalo, estaba marabillada da súa doutrina”.
Señor, xa sei, xa se me explicou, que na segunda vida non haberá
casamentos, que Arriba seremos anxos, ou coma anxos, pero eu, a título privado,
quero pedirche: ¡Que Aí, nas Alturas, me teñas cerca desta que foi, que é, a
miña compañeira de fatigas, a nai dos meus fillos, esta santiña que me axudou a
perfeccionarme, ou, polo menos, a desviarme algo menos. Señor, que cho pido con
humildade, e xa que de amor vai a cousa, non poñas limitacións ao meu amor
terreal, que me fai, e me fixo, moi feliz! ¿Que tiven outras noivas? ¡Si,
Señor, certo; pero foron un ensaio, pois, como dicía meu avó: “Casamento e
mortalla, do Ceo baixan”; a que baixou, a que me mandaches, a miña Estrela, foi
Xosefina!
O principal mandamento. (Mt 22, 34-40; Mc 12, 28-34; Lc 10,
25-28). “Os fariseos, ó decatarse de que Xesús lles tapara a boca ós saduceos,
reuníronse; e un deles, que era xurista, preguntoulle para poñelo a proba:
-Mestre, ¿cal é o mandamento máis importante da Lei? El respondeulle: -“Amarás ó Señor, o teu Deus, con todo o teu
corazón, con toda a túa alma e con todo o teu entendemento”. Este é o
mandamento primeiro e máis grande. O segundo é semellante a el: “Amarás ó teu próximo como a ti mesmo”. Destes
dous mandamentos dependen a Lei enteira e mailos profetas”.
Non o di expresamente o Evanxeo de Mateo, pero aquel fariseo debeu quedar
chafado: ¿Igual que a si mesmo, pero, de verdade, e non con aparencias, como
facían eles, os fariseos? ¿Así que a sinceridade predominaba, era unha virtude,
un mandato secuencial, consecuente co primeiro? ¡Aquel Mestre era perigoso, un
antisistema; non tiña pelos na lingua! ¡Outro inimigo para as comenencias
daqueles mangantes! ¡Hai que soltar a Barrabás, permutalo polo Mestre!
¿Amar ao Señor? ¡Pois mira ti por onde isto vén a ser o contrario daquilo
que lle aconsellou Satán á nosa Eva, que lle preguntou se quería ser igual que
Deus, e ela, tan vaidosa, tan egoísta, díxolle que si, que lle gustaría ser
deusa, o que hoxe chamaríamos, unha Miss, pero non só en beleza, que xa o era,
senón, e tamén, con mando no Ceo, pois na terra xa o tiña! ¡Ese Satanás é un
zorro, un pícaro de coidado; ao menor descoido, ¡zas!, róubanos a Gloria;
claro, como el a perdeu, tíñanos envexa!
Cando eu estudaba Dereito, que non acabei porque, ao xubilarme no Banco,
ampliei o meu descanso, ¡que xa ía ben, desde gardar ovellas, facer zocas,
defender o Banco desde aquela azotea, estudiar ata os 60 anos, etc.!, dicíannos
na UNED que o principal delito era o de lesa
patria. (En sentido xurídico, implica o quebrantamento da lealdade debida
polos cidadáns á nación á que pertencen). ¡Pois aínda o hai peor: sublevarse
contra Deus!
Denuncia dos letrados e fariseos. Se Xesús volvese a poñer os pés na terra,
no senso físico, quero dicir, con quen se metería, a quen apuntaría no seu
libro dos indesexables? ¡Boa pregunta; como para contestala desde un púlpito!
(Mt 23, 1-36; Mc 12, 38-40; Lc 11, 37-52; 20, 45-47).
Este capítulo, ¡como todos, por suposto!, é tan longo e tan denso que logo
parece un libro de Socioloxía; compre lelo, enteiro, así que eu, para non
cansar ao lector, só transcribirei un anaco: “... todo o que fan é para que os
vexan: vesten aparatosamente, ancheando as filacterias e as franxas dos seus
mantos; (¡galóns, non; estrelas!); buscan os primeiros postos nos banquetes e
os primeiros asentos... (¿Nas Cortes?) ¡Non! ... nas sinagogas; que lles fagan
reverencias nos rueiros, e que os chamen “mestre”. Pero vós non vos fagades
chamar “señor mestre”, (¡eu, non, que tan só o fun daqueles de “a ferrado”,
ensinantes sen título), pois un só é o voso mestre, (¡Ti, Xesús!), e todos vós
sodes irmáns. (¡Se ti o dis..., pero eu, modestia á parte, dos chanchulleiros
non quero ser imán!). E a ninguén chamedes “pai” na terra porque un só é o voso
Pai: o Celestial. Nin tampouco vos fagades chamar “dirixentes”, porque un só é
o voso dirixente: Cristo. (¡Pola
miña parte, ben feliz de que así sexa!). O máis importante entre vós debe se-lo
voso servidor. Porque quen se enaltece será rebaixado, e quen se rebaixa será
enaltecido. (¡Señor, tomo nota, pero nisto coido aprobar pois, aínda que tiven
algún galón, o que realmente son, e fun sempre, foi, soldado; indigno, pero,
teu!). ¡Ai de vós, letrados e fariseos hipócritas, que lles pechades ós homes o
Reino do Ceo! Nin entrades vós nin deixades entrar ós que o intentan. ¡Ai de
vós... ....” (No que sigue cita unhas cantas víboras..., sucesores, herdeiros
daquela que nos tentou no Paraíso; pero eu non son, non quero ser, desa
familia!).
Señor, que non me cansarei de repetilo: canto lle temos que agradecer ao
Vaticano II por invitarnos aos segrares a ler a Biblia; có medo que se lle tiña
desde aquelas interpretacións luteranas; se eu fose Ministro de Cultura, ou de
Educación Pública, non faría Bachareis sen pasar pola Biblia!
A xustiza, a misericordia, a fidelidade...; tantos chanzos e tan necesarios
para subir á Gloria, á verdadeira, a de maiúsculas, pero o noso ego tira para
abaixo, sentímonos máis felices descendendo que ascendendo. ¿Haberá ascensor
para subir ao Ceo? ¡Si que o hai, témolo, como queda dito: os Evanxeos!
“... ¡Cobras, niñada de víboras! ¿Como ides escapar da condena do inferno?
Porque, ollade, eu mándovos profetas, sabios e letrados; a uns matarédelos e
crucificarédelos, e a outros flaxeládelos nas sinagogas, perseguíndoos de
cidade en cidade. Así recaerá sobre vós todo o sangue inocente vertido na
terra, desde o sangue de Abel, o xusto, ata o sangue de Zacarías, fillo de
Baraquías, ó que matastes entre o santuario e o altar. Asegúrovos que todos
estes crimes recaerán sobre esta xeración”.
¡Deus, cámbiame de compañía; pásame á dos galegos honrados, que son, que
somos, na inmensa maioría, mansos e humildes de corazón; iso si, despois de
catequizados polo Fillo do Trono; mandáchesnos o apropiado, o axeitado; grazas,
Señor, outra vez, que non me cansarei de darchas!
O amor significa lealdade, lealdade inquebrantable; mesturar, e peor aínda,
sobrepoñer outras adhesións, é incompatible; ¡ou se está comigo, ou contra min,
dixeches! Amar a Deus, e de paso ao próximo coma a min mesmo, non admite
alternancias. ¡Non caben desercións: no exército de Deus, ou no dos seus
inimigos; que non hai campo neutral! Pensémolo ben antes de desertar, que ben
nolo dixo o Mestre: Eu son o Camiño, a Verdade e maila Vida.
Xesús, coa verdade absoluta, irrefutable, mostrounos o Camiño; ¡mostróunolo
con Verdade! O seu Camiño é o único que leva á Vida eterna, á gloriosa; a outra
vía tamén é eterna, pero, dolorosa! Deus, bondade infinita, tamén sabe
castigar; xa tivemos unha experiencia diso, aquela do Paraíso!
-.-
A
paixón
Conspiración contra Xesús. (Mt 26,
1-5; Mc 14, 1-2; Lc 22, 1-2; Xn 11, 45-53). “Cando Xesús rematou este discurso
díxolles ós seus discípulos: -Xa sabedes que pasado mañá é a Pascua e van
entrega-lo Fillo do Home para que o crucifiquen. Entón reuníronse os sumos
sacerdotes e mailos senadores do pobo no pazo do sumo sacerdote chamado Caifás,
e ordenaron prender a Xesús á traizón e matalo. Pero dicían: “Durante a festa
non, para que non se arme un rebumbio cando hai aquí tanta xente”.
Señor, achégase a túa hora, pero tamén a nosa.
¡Xa non te aguantan máis; as verdades téñenos doentes; vense en coiros, coma
Adán e mais Eva cando os botou teu Pai do Paraíso; os pecados é o que teñen,
conducen á morte, e ti es a Vida, inimigo permanente da morte; por algo, ¡por
moito!, te quería matar. A nosa vida, porque vas a redimirnos con aquela paixón
voluntariamente aceptada, que isto hai que subliñalo!
Teu Pai, noso Pai, ofrecía, en
sacrificio, ao Fillo, que é a ofrenda máxima. Estoume lembrando que algo
parecido estivo disposto a facer Abraham co seu fillo Isaac.
Isto é o sacrificio
máximo
Aquilo de Abraham tiña moito
significado, pero non adoitamos pararnos no caso: ¡Era a fórmula sublime da
rendición das penas ante o Pai ofendido: sacrificar o Fillo porque, se grande
fora a ofensa, enorme tiña que ser a sanción! No caso de Abraham tratábase de
darnos unha lección, e por iso Deus dixo: ¡Basta; quedo satisfeito, así que
chégame co carneiro! O sacrificio de Xesús foi tan dramático, tan sublime, tan
definitivo, que non fixo falta outro: o cordeiro de Deus, para sempre, Xesús!
Neste punto eu póñome de
xeonllos, que non é para menos; e se alguén está conforme, que me imite!
Unción en Betania. (Mt 26,
6-13; Mc 14, 3-6; Xn 12, 1-8). Este capítulo vouno reflectir íntegro, pola
devoción que lle teño: Foi unha das ocasións, unha máis, na que Xesús, ¡contra
o machismo da época!, enxalzou á muller. ¡Algún día verémolas no presbiterio!
“Estando Xesús en Betania na casa de Simón o gafo, achegouse a el unha muller
con un frasco de alabastro cheo dun perfume moi caro, e untoulle a cabeza
mentres estaba recostado á mesa.
“Ó veren aquilo, os discípulos,
¡nin que fosen cardeais!, indignáronse dicindo: -Pero a que vén este estrago?
Podíase vender por moitos cartos e dárllelos ós pobres! Xesús, decatándose,
díxolles: -¿Por que molestades a esta muller? Ben está o que fixo comigo. Ós
pobres sempre os tedes convosco, pero a min non sempre me teredes. Unxindo con
este perfume o meu corpo, preparoume para a sepultura. Asegúrovos que onde
queira que se anuncie a Boa Nova, polo mundo enteiro, falarase, para honra
dela, do que acaba de facer”.
¡Que envexa che teño, rapaza,
polo teu achegamento, pola honra que lle tributaches ao Mestre; eu non teño
perfume, pero si bagoas..., polos meus pecados, obviamente; aceptaramas Xesús?
Traizón de Xudas. (Mt 26,
14-16; Mc 14, 10-11; Lc 22, 3-6). “Entón foi un dos doce, chamado Xudas
Iscariote, onda os sumos sacerdotes e díxolles: -¿Canto me dades se volo
entrego? Eles acordaron darlle trinta moedas de prata. E desde entón
andaba buscando o momento axeitado para entregárllelo”.
Señor, dóbranseme as pernas, e
póñome a tremer, só con lelo, con acordarme diso. ¡Xa fai falta ser canalla
para semellante traizón despois de oílo, despois de verlle os comportamentos,
os milagres...! ¿Trinta moedas? ¡Trinta
demos aconsellándote, soprándoche ás orellas! E con isto tramado, detrás do
Mestre, seguíndoo, incluso participando da Cea Eucarística... Pásame algo
parecido a cando me falan, a cando leo ou vexo na tele, eses crimes inexplicables...
¿Quen di que xa non quedan endemoñados? Por tolo que se estea, certos crimes
parecen imposibles, imposibles de cometer; ten que haber un sopro, unha forza
demoníaca que domine, que teña posuído ao criminal.
Pero no caso concreto de Xesús
a matinación é insoluble para as nosas luces: O Mestre, o Mesías, sabía de
antemán o que ía pasar; o Pai sometíao a unha Paixón terrible que redimise a
toda a humanidade; ¡El aceptouna voluntariamente! Mais para consumar ese crime
innomeable facía falta un acusador, un detractor..., un criminal! ¿E quen
mellor que un achegado, un seguidor, un oportunista? ¡En definitiva, alguén que
non soubese o que facía porque, de sabelo, ninguén se atrevería; salvo Satán,
por suposto! ¿Era asasino o puñal de Abraham? ¡Non; que foi simplemente un
instrumento! Daquela, pensando con mentalidade humana, ¿caberá dentro do
posible, lóxico ou non, que esta vítima perdoase ao traidor? Arrepentimento
(suicidio por arrepentimento) si que o houbo. Daquela mellor será deixar esta
pregunta para os doutores da Igrexa, aínda que, de ben pensado, non nos
interesa sabelo! ¿Quen somos nós para xulgar ao Xulgador Divino? Se Deus nos
admite na súa Gloria, ocasión teremos de ver o sitio, ¡ou o baleiro!, daquel
Xudas.
-.-
Preparación da Pascua. (Mt 26, 17-19;
Mc 14, 12-16; Lc 22, 7-13). ¡Tamén eu teño que prepararme! ¿Como?
¡Confesándome, para despois asistir á Cea do Señor, que se non vou dun branco
anxelical non me admiten! “No primeiro día dos Ázimos (o pan ácimo, sen
fermentar, era típico da sinceridade e da verdade; aquela festa foi instituída
para conmemorar a liberación de Israel da escravitude exipcia) os discípulos
fóronlle preguntar a Xesús: -¿Onde queres que che preparémo-la cea pascual? El
respondeu: -Ide á cidade, a casa de (...), e dicídelle: ”O Mestre di: O momento
está preto; vou celebra-la Pascua cos meus discípulos na túa casa”. Os
discípulos fixeron tal como Xesús lles mandara e prepararon a Pascua”.
Señor, non son digno de que entres na miña casa, pero
unha palabra túa abonda para salvarme. ¡Aquí me
tes, confesado, e por tanto curado; curado pola túa misericordia, así que, que
menos que ofrecerche a miña casa para celebrar a túa Eucaristía!
Anuncio da traizón. (Mt 26,
20-25; Mc 14, 17-21; Lc 22, 14; 21-23). “Chegado o solpor, (que para nosoutros
foi a alba, esa alba de gloria na que recibimos o corpo e mailo sangue de
Cristo), púxose á mesa cos Doce. E mentres ceaban díxolles: -Asegúrovos que un
de vós me vai entregar. (E Xudas, o infame, tan tranquilo, pois seguiu na mesa;
¡vaia cara!). Moi tristes empezaron a preguntarlle, un por un: -¿Non serei eu,
Señor? (¿Xudas, tamén?) El respondeu: Un que meteu comigo a man no prato, ese
entregarame. O Fillo do Home vaise, como está escrito del; pero, ¡ai daquel que
entrega ó Fillo do Home! Máis lle valía non nacer. Entón Xudas, (¡Vaia cara;
cadora máis dura!), o que o ía entregar, preguntoulle: -¿Non serei eu, Mestre?
Respondeulle: Ti o dixeches”. (Daquela, o traidor foise da mesa? Mateo non o
di, pero tampouco di o contrario, así que eu interpreto -libremente, por
suposto-, que foi tan cara que seguiu na mesa, facéndose o inocente, o
desentendido! Os maliciosos somos así, traizoamos ao Deus que nos fixo, ao Deus
que nos redimiu, e seguimos tan tranquilos, sorríndolle ao resto da humanidade,
gozando coas nosas traizóns, cos nosos pecados).
Repasade, que non somos alleos
ao tema: Pecar é traizoar ao noso Redentor, vendelo, aínda que sexa de balde,
sen as trinta moedas. ¿Cáenos a cara coa vergoña? ¡Que va, pois temos a
experiencia de que os pecadores, -vese nos xuízos-, declaramos en falso sen o
mínimo rubor, e encima diso queixámonos de que nos fan unha inxustiza ao
xulgarnos! Os outros, videntes ou televidentes, a todo isto dan en berrar: “A
ese, non; a Barrabás!”. ¡Que razón tivo Curros Enríquez cando opinou que o
propio Deus estaría escandalizado “do mundo que fixo”!
A Última Cea, de
Juán de Juanes.
A eucaristía. Poñámonos de xeonllos; ¡que menos!, pois chegamos, achegámonos, á
Consagración. (Mt 26, 26-29; Mc 14, 22-26; Lc 22, 15-20). “Mentres estaban a
comer, Xesús colleu pan e, dando gracias, partiuno e déullelo ós seus
discípulos, dicindo: -Tomade e comede: isto é o meu corpo. E collendo unha
copa, dando gracias, déullela dicindo: Bebede todos dela. Que isto é o meu
sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos para o perdón dos pecados. E
asegúrovos que desde agora non volverei beber este produto da viña ata o día
que o beba, noviño, convosco no Reino do meu Pai”.
¡Entrega suma, obsequio máximo: quedouse connosco! Non somos capaces de
recoñecer en toda a súa amplitude a graza especial, infinita, deste don;
saberémolo, entenderémolo mellor cando nos dean a entrada no Ceo, cando se
alume a nosa intelixencia, pois aquí aínda temos, usamos, os ollos de barro,
turbios, miopes, desde o pecado orixinal. ¡Laus
tibi, Christe!
¡Non é cuestión de explicar, senón de meditar! ¿Verdade que na igrexa, na
consagración, se estamos atentos, con recollemento e con devoción, sentímonos
transportados á Gloria? ¡O milagre da Eucaristía é de éxtase; excede a todo milagre!
Anuncio das negacións de Pedro. (Mt 26, 30-35; Mc 14, 27-31; Lc 22, 31-34;
Xn 13, 36-38). Despois de cantaren os Salmos, saíron para o Monte das
Oliveiras. Entón díxolles Xesús:-Esta noite todos ides tropezar na vosa fe por
cousa miña, conforme está escrito: “Ferirei
ó pastor e dispersaranse as ovellas do rabaño”. Pero cando resucite, irei
diante de vós a Galilea”.
“Replicoulle Pedro: -Anque todos tropecen pola túa causa, eu non
tropezarei. Respondeulle Xesús: -Pois ti ten por seguro que esta mesma noite,
antes de que cante o galo, hasme negar tres veces. Díxolle Pedro: Anque teña
que morrer contigo, endexamais te negarei. E o mesmo dixeron tódolos
discípulos”.
¡Cada vez que pequei imitei a Pedro, mais cunha diferencia: Que el aínda
non vira a Resurrección do Señor; e eu, si, que se non a vin, para o caso dá
igual: lin a testemuña dos seus discípulos! Pero aínda hai outra: Pedro, de
arrepentido, chorou; eu, pola miña parte, só teño lembranza de chorar polos
seres queridos, polos que fun perdendo ao longo da miña vida, que foron moitos,
¡moitos e moi bos, pero por eses non tiña que chorar, senón alegrarme de telos
no Ceo, que así son, e foron, os meus intermediarios, os mediadores!
Se caía o Xefe, o Mestre Todopoderoso, ¡como non ían tremer os do seu
partido! As negacións de Pedro, daquela, naquelas circunstancias, teñen lóxica;
as miñas, non!
A oración en Xetsemaní. (Mt 26, 36-46; Mc 14, 34-42; Lc 22,
39-46). “Entón chegou Xesús cos seus discípulos a unha finca chamada Xetsemaní
e díxolles: -Sentade aquí, mentres eu vou orar. E, levando consigo a Pedro e
mais ós dous fillos do Zebedeo, empezou a poñerse triste e a sentirse
fondamente angustiado. Díxolles: -Morro de tristura; quedade aquí, e vixiade
comigo. Avanzando un pouco, caeu rostro en terra, mentres rogaba: -Meu Pai, se
é posible, arreda de min este cáliz. Pero non se faga o que eu quero, senón o
que queres ti...”
Neste punto parareime a reflexionar. Este servidor, a tal momento, está
lembrando aqueles “Calvarios” que andaba meu pai na nosa igrexa de
Montecubeiro, ¡tres ou catro, de memoria! ¡Daban ganas de chorar, oíndoo, coa
súa voz grave, falando con lentitude, subliñando as verbas sacras! Abba, meu
Papaíño, ¿que función che deron no Ceo? ¡Coido que aí non tedes Calvarios, pois
iso é historia pasada: ¡xa foi a Resurrección de Cristo, xa estades na súa
Gloria!
“E volvendo onda os discípulos, atopounos durmindo. Díxolle a Pedro: -¿Non
puidestes velar comigo nin tan sequera unha hora? Estade á espreita e orade,
para que non entredes na tentación. O espírito está disposto, pero a carne é
débil. Arredándose de novo, por segunda vez púxose a orar dicindo: -Meu pai, se
non é posible librarme deste mal momento, fágase a túa vontade. Volvendo de
novo, atopounos tombados, porque lles caían os ollos co sono. Deixounos e
arredouse de novo, e púxose a orar (a falar co Pai) por terceira vez, repetindo
as mesmas palabras. Despois volveu onda os seus discípulos e díxolles: -¿Conque
aínda durmides e descansades? Pois sabede que xa chega a hora e o Fillo do Home
vai ser entregado nas mans dos pecadores. ¡Veña, erguédevos e vaiámonos, que xa
está aquí o que me vai entregar”.
O que está de garda fronte a un inimigo, ese non durme, por canso que
estea; ¡seino ben pola miña experiencia daquelas noites longuísimas nas que,
desde as azoteas, vixiabamos e defendíamos o Banco Exterior de España, daquela
da guerra de Ifni! Aos discípulos non lles entraba na cabeza que correse perigo
aquel Mestre, facedor de milagres; e por outra parte, o acontecemento no que,
sen entendelo, estaban participando, era de tal magnitude que tamén os
desbordaba: Estaban chamados a dar testemuño nada menos que da Paixón, Morte e
subseguinte Resurrección do Fillo do Home, do Home e tamén de Deus, á vez;
nunca a Historia da Humanidade rexistrara, nin rexistrará, un feito de tal
magnitude. Grazas ao sacrificio do Fillo do Home, tremendo como home pero
acatando a vontade de seu Pai, ían abrirse, para a Humanidade, as portas do
Ceo. En termos actuais, ante tanta bondade, ante tan misericordioso sacrificio,
exclamaríamos: ¡Incrible!
Detención de Xesús. (Mt 26, 47-56; Mc 14, 43-50; Lc 22, 47-53;
Xn 18, 3-12). “Aínda estaba falando cando chegou Xudas, un dos doce, acompañado
dun tropel de xente con espadas e paus, mandada polos sumos sacerdotes e polos
senadores. O traidor déralles este contrasinal: -A quen eu lle dea un bico, ese
é; prendédeo. De seguida achegouse a Xesús e díxolle: -¡Saúde, Mestre! E
bicouno. Xesús respondeulle: -Amigo, ¿para isto viñeches? Entón adiantáronse,
botáronlle a man enriba a Xesús, e prendérono. Pero un dos que estaba con
Xesús, botando man á súa espada, desenvaiñouna, e feriu ó criado do sumo
sacerdote, rabenándolle unha orella. Pero Xesús díxolle: -Volve a espada ó seu
sitio, pois tódolos que levan espada pola espada perecerán. ¿Seica pensas que
non podo acudir a meu Pai? El poñería á miña disposición, agora mesmo, máis de
doce lexións de anxos. Pero, ¿como se ían entón cumpri-las Escrituras, que din
que ten que suceder así? E naquela hora díxolle á xente: -Saístes prenderme con
paus e espadas, coma se fose un bandido. A diario estiven sentado no templo
ensinando e non me prendestes. Pero todo isto pasa para que se cumpra o que
escribiron os profetas. Entón tódolos
discípulos fuxiron, abandonándoo!”.
¡E eu con eles, que tamén te refusei, tantas veces! ¡Señor, non son
digno...; pero estou arrepentido!
-.-
Os relatos evanxélicos da Paixón son tan
fondos, tan persoais para cada un de nós, que compre lelos enteiros, cada un
para si; e con iso, meditalos a fondo. ¡Quen así o faga, se aínda non o está,
acabará convertido! Aquí, para
mellor entender e asimilar os sufrimentos, os afectos e mailos efectos da
Paixón, acudamos, tamén, e previamente, aos teólogos, que nos explicarán estes
misterios dun xeito intelixible:
Os efectos da Cruz: O principal, eliminar o pecado e todo o
que se opoñía á unión do home con Deus.
A Cruz, ademais de cancelar os pecados,
líbranos, tamén, do diabro, que dirixe ocultamente a trama do
pecado, e da morte eterna. O diabro nada pode contra quen está
unido a Cristo (Rm 8,31-39), e a morte deixa de ser separación eterna de Deus,
e queda só como porta de acceso ao destino último (1Co 15,55-56). Removidos
todos estes obstáculos, a Cruz abre para a humanidade a vía da salvación, a
posibilidade universal da gracia.
Xunto coa súa Resurrección e a súa
gloriosa Exaltación, a Cruz é causa da xustificación do home, séxase, no só da
eliminación do pecado e dos demais obstáculos, senón, e tamén, da infusión da
vida nova (a gracia de Cristo que santifica a alma). Cada sacramento é un modo
diverso de participar na Pascua de Cristo, de apropiarse da salvación que dela
provén. Concretamente o Bautismo, líbranos da morte introducida polo pecado
orixinal permitíndonos vivir a vida nova do Resucitado.
Xesús é a causa única e universal da
salvación humana: o único mediador entre Deus e os homes. Toda gracia de
salvación dada aos homes provén da súa vida, en particular, do seu misterio
pascual.
Corredimir con Cristo. A Redención obrada por Cristo na
Cruz é universal, esténdese a todo o
xénero humano. Pero é preciso que chegue a aplicarse a cada un o froito e
mailos méritos da Paixón e Morte de Cristo, principalmente por medio da fe e
dos Sacramentos.
O noso Señor Xesús Cristo é o único
mediador entre Deus e mailos homes (1Tm 2,5). Pero o Deus Pai quixo que fóramos
no só redimidos senón e tamén corredentores
(Catecismo , 618). Chámanos a tomar a Cruz e a seguilo (Mt
16,24), porque El «sufriu por nós deixándonos
exemplo para que sigamos as súas pegadas» (1P 2,21).
San Paulo escribiu:
a) «Eu estou con Cristo na Cruz, e
non son eu o que vive senón que Cristo vive en min» (Ga 2,20): para acadar a
identificación con Cristo temos que abraza-la Cruz.
b) «Completo na miña carne o que lle
falta á Paixón de Cristo, polo seu Corpo que é a Igrexa» (Col 1,24): ¡podemos,
e somos, corredentores con Cristo!
Deus non quixo librarnos das
penalidades desta vida para que, aceptándoas, nos identifiquemos con Cristo,
merezamos a vida eterna e cooperemos na tarefa de levar aos demais os froitos
da Redención. A enfermidade e maila dor, ofrecidos a Deus en unión con Cristo,
acadan un gran valor redentor, como tamén a mortificación corporal practicada
co mesmo espírito co que Cristo padeceu libre
y voluntariamente na súa Paixón: por amor, para redimirnos expiando polos
nosos pecados. Na Cruz, Xesús danos
exemplo de tódalas virtudes:
a) de caridade: «ninguén ten un amor
máis grande que aquel que dá a vida polos seus amigos» (Jn 15,13);
b) de obediencia: fíxose «obediente
ao Pai ata a morte e morte de Cruz» (Flp 2,8);
c) de humildade, de mansedume e de
paciencia: soportou os sufrimentos sen evitalos nin suavizalos, como un
cordeiro manso” (Jr 11,19);
d) de desprendemento das cosas
terreas: o Rei dos Reis, e Señor dos que dominan, aparece na Cruz nu, burlado,
chuspido, azoutado, coroado de espiñas; e todo por Amor!
O Señor tamén quixo asociar á súa
Nai, máis intimamente que a ninguén, co misterio do seu sufrimento redentor (Lc
2,35; Catecismo, 618). A Virxe ensínanos a estar xunto da Cruz do seu Fillo.
¡Tomemos boa nota de todo isto, e
volvamos aos Mandamentos..., se queremos salvarnos!
-.-
Diante do
sepulcro
A resurrección. (Mt 28, 1-10; Mc 16, 1-8; Lc 24, 1-12; Xn 20,
1-10). “Pasado o sábado, na alborada do primeiro día da semana, María Magdalena
e maila outra María foron visita-lo sepulcro. Entón produciuse un grande
terremoto, xa que o anxo do Señor, baixando do Ceo, removeu a lousa e sentouse
enriba dela. Tiña o aspecto dun relampo e o seu vestido era branco coma a neve.
Os gardas tremeron co medo, e ficando coma mortos. Mais o anxo díxolles ás
mulleres: -Non teñades medo; ben sei que buscades a Xesús o crucificado. Non
está aquí; resucitou, tal como dixera.
Vide ve-lo sitio onde estaba. E ide
axiña dicirlles ós seus discípulos: “Resucitou de entre os mortos e vai diante
de vós para Galilea: alí o veredes”. Isto é o que vos tiña que dicir. Elas
marcharon do sepulcro con toda a présa, con temor pero cheas de gozo; e
correron para llelo comunicaren ós seus discípulos. Entón Xesús saíulles ó
encontro dicindo: Alegrádevos. Elas, achegándose, abrazáronlle os pés e
axeonlláronse ante el. Xesús díxolles: -Non teñades medo: ide avisar a meus
irmáns que marchen para Galilea, que alí me verán”.
¡Meus queridos cardeais, que non son eu senón o propio Xesús quen volo
pide: Relede este pasaxe xa que tedes esquecido, ou tal parece, que o
Resucitado a quen primeiro se apareceu, a quen deu a súa mensaxe foi..., ás mulleres! El, o Mestre, que sempre
foi tan dado ás metáforas, ás parábolas, con isto non querería significar,
facerlles ver, que Eva quedaba perdoada, e con Eva, a súa descendencia? Se eu
fose teólogo, poñeríame a discutir con vosoutros; afellas que si!
A versión dos gardas. (Mt 28, 11-15). “Mentres elas ían, algúns
da garda foran á cidade para informar ós sumos sacerdotes de canto acontecera.
Eles, reuníndose cos senadores, acordaron darlles una boa presada de cartos ós
soldados, encargándolles: -Vós dicide: “Os seus discípulos fórono roubar de
noite, mentres nós durmíamos”. E, se o gobernador chega a saber algo, xa o
convenceremos nós, sacándovos do apuro. Eles colleron os cartos e fixeron como
lles mandaran. Así correu este rumor entre os xudeus ata o día de hoxe”.
¡Ata o día de hoxe! ¡Pero que grata nos resulta a mentira, a distorsión dos
feitos, e que amargas son as verdades; é o diabro, que segue traballando,
manexándonos, pero..., contra Deus, e contra os santos, sempre levará as de
perder!
Misión dos discípulos. (Mt 28, 16-20; Mc 16, 14-18; Lc 24, 36-39;
Xn 20, 19-23; Feit 1, 9-11). “Os once discípulos (doce, menos Xudas) fóronse
para Galilea ó monte onde Xesús os citara. E véndoo, axeonlláronse ante el,
anque algúns dubidaban. (Tomás, e se cadra, algún máis). Xesús, achegándose, díxolles: -Déuseme todo poder no Ceo e mais na
terra. Ide, pois, e facede discípulos meus a tódolos pobos, bautizándoos no
nome do Pai e do Fillo e do Espírito Santo; ensinándolles a gardar canto vos
mandei. Asegúrovos que eu estarei sempre convosco ata a fin do mundo”.
-.-
Meditacións
Déuseme todo poder no Ceo e mais na terra.
¡Ben demostrado o deixou,
culminando aquela serie de milagres coa propia Resurrección! Pero o máis grande
aínda foi quedarse cos pecadores, na Eucaristía, para telo cerca, asimilable,
de avogado no noso preito co diabro. Como Deus, a súa Resurrección non me causa
asombro: ¡non sería tal se non resucitase! O de irse e á vez, quedarse? ¡Iso
foi, é, dunha bondade infinita, dunha misericordia inmerecida, pois a
humanidade, os fillos de Eva, con algunha excepción, pero fomos uns malnacidos,
uns desagradecidos, xeración tras xeracións! Cando celebrou a Cea cos seus
discípulos ben sabía que o íamos negar, desobedecer, traizoar..., e non
obstante, concedeunos a fórmula máxica para facelo volver ao noso antollo, con
só facer a Consagración en memoria súa!
Meditemos na súa bondade, na súa indulxencia, na súa xenerosidade: Por nós
baixou do Ceo, ¡a un presebe! E por nós volveu ao Ceo, onde espera por nós,
¡sempre disposto a recibirnos na súa Casa!, pero deixándonos esa participación
no seu corpo e no seu sangue. ¿A nosa correspondencia? Foi humillado por
aqueles representantes da humanidade, nosos en definitiva, ¡ata a súa morte
ignominiosa, nunha cruz!
Curou enfermos, multiplicou a comida dos famentos, ensinounos a
comportarnos, a fórmula de comunicar, de pedirlle ao Pai...; un etcétera
interminable, do que o Novo Testamento é tan só un resumen, unha alerta. Con
tanto poder, amplamente demostrado, precisamente ante os ¿doutores? da Lei,
estes foron capaces de berrar, de esixir: ¡Crucifícale, crucifícale! ¿Que faría
calquera de nós ante tamaña inxustiza? Elemental: ¡Mandarlles aos raios que os
fulminasen, precisamente alí, diante dos seus amigos, diante dos seus
seguidores, os apóstolos! Sería outro milagre, pero máis milagre foi que se
deixase facer..., para redimirnos! ¿Quen de nós faría outro tanto? ¡Só o Fillo
do Home! O seu máximo abaixamento contrasta, -din os teólogos, e dino con toda
razón-, coa plenitude de gloria que recibirá o Mestre coa súa Resurrección.
Na Misa de Resurrección: “A Ascensión de Cristo Xesús xa é vitoria nosa, e
a onde se adiantou gloriosamente a nosa Cabeza esperamos chegar tamén os
membros do seu corpo”. ¡Aleluia! De aquí nace a esperanza de acadar o Ceo, e
tamén a misión que realizamos na terra, pois ben o afirma o Evanxeo cando recolle
estas verbas decisorias: “Déuseme todo poder no Ceo e na terra”.
Ide, pois, e facede discípulos meus... Con este mandato, outra promesa: ¡Que
estará connosco ata a fin do mundo! Un político diría: Estarei con vosoutros,
organizareivos e protexereivos, ata que acabe o meu mandato...” ¡Xa; pero non é
igual, porque Xesús reina desde antes, durante, e tamén post!
O seu mandato é irrevogable, sen limitacións de tempo, pero tampouco de
espazo: “... Ide e facede discípulos a tódolos pobos!”. ¡Xa, pero, como?
“Bautizándoos no nome do Pai, e do Fillo, e do Espírito Santo..., ensinándolles
a gardar todo o que vos deixo ensinado”.
Mestre, meu querido Mestre: Eu sei algo, pero pouco, de tantísimo que
deixaches ensinado; estou disposto a compartilo, pero..., fáltame elocuencia,
saber dicir as cousas! Ben sabes que os fillos de Eva andamos entre Caín e
Abel, unha de cal e outra de area, así que non somos doados de convencer, de
levarnos ao rego!
¿Que estará ata o final dos tempos? ¡Grazas, Señor, por esta, enésima,
promesa, que falta nos fará! Ben sei que a túa Ascensión non te aparta de nós,
nin impide a túa presenza na Igrexa; estoume lembrando do teu nome, un dos
teus, aquel que o di todo: Emmanuel = Deus connosco.
Ben sabemos, tamén, que intercedes por nós ante o Pai, coa forza do
Espírito Santo. ¡Que feliz me fai ser alumno dun Mestre absoluto, divino,
bondade e sabedoría, todo en infinito! Nos meus estudios ensináronme como son
as expresións matemáticas que tenden a infinito, pero ti, Señor, non tendes:
¡Es; es infinito!
Meditación del
Papa Francisco: “También ellos han escuchado las palabras del
mandato de Jesús: “Vayan, y hagan discípulos a todas las naciones”. Nuestro
compromiso de pastores es ayudarles a que arda en su corazón el deseo de ser
discípulos misioneros de Jesús. Ciertamente, muchos podrían sentirse un poco
asustados ante esta invitación, pensando que ser misioneros significa
necesariamente abandonar el país, la familia y los amigos. Dios quiere que
seamos misioneros. ¿Dónde estamos? Donde Él nos pone: en nuestra Patria, o
donde Él nos ponga.
“Ayudemos a los
jóvenes a darse cuenta de que ser discípulos misioneros es una consecuencia de
ser bautizados, es parte esencial del ser cristiano, y que el primer lugar donde se ha de evangelizar es la propia casa, el
ambiente de estudio o de trabajo, la familia y los amigos. Ayudemos a los
jóvenes. Pongámosles la oreja para escuchar sus ilusiones. Necesitan ser
escuchados. Para escuchar sus logros, para escuchar sus dificultades, hay que
estar sentados, escuchando quizás el mismo libreto, pero con música diferente,
con identidades diferentes. ¡La paciencia de escuchar! Eso se lo pido de todo
corazón. En el confesionario, en la dirección espiritual, en el acompañamiento.
Sepamos perder el tiempo con ellos. Sembrar cuesta y cansa, ¡cansa muchísimo! Y
es mucho más gratificante gozar de la cosecha… ¡Qué vivo! ¡Todos gozamos más
con la cosecha! Pero Jesús nos pide que sembremos en serio. No escatimemos
esfuerzos en la formación de los jóvenes”. (Homilía de S.S. Francisco,
27 de julio de 2013).
-.-
¿Que fixo
Santiago por nós?
Obedecendo as ordes do Mestre, presentouse
na Gallaecia... Pero antes diso, a súa biografía, que moito falar de Santiago, de tan familiar que
nos resulta, e pouco coñecemos da súa historia persoal.
Santiago, Sant-Iago, Santiago o Maior, que este é o nome que lle puxemos,
en tradición cristiá, era, foi, Santiago o de Zebedeo, fillo de Zebedeo e de
Salomé, irmán de Xoán o Apóstolo, e un dos doce que non abandonaron a Xesús. Nado
en Betsaida (Galilea), -¡ata o nome lle tiraría para virse á Gallaecia!-, xunto
con seu irmán, e con súa nai, foron dos primeiros seguidores do Mestre. Estaban
pescando no lago de Xenesaret. Segundo se desprende da Biblia, tanto Santiago,
como Xoán, e Simón Pedro, foron os discípulos con máis confianza e trato con
Xesús; así, Santiago estivo presente nos grandes milagres de Xesús, tal que a
resurrección da filla de Jairo, a súa transfiguración, e tamén a
transfiguración de Xesús e maila súa aparición, de resucitado, nas orelas do
Tiberíades. ¡Canto máis amigo, máis obrigado; lóxico!
Hai dúas teorías: Uns opinaron que subiu, por mar ou por terra, ata a
Gallaecia; e outros que desembarcou en Tarraco e que comezou predicando polo
Val do Ebro. ¡Dá igual; a súa meta estaba na actual Galicia! Do que non teño
dúbidas é de que, desilusionado pola nosa desconfianza, ía para Roma, para
embarcar na Tarraco, pasando pola Caesaraugusta, casualmente cando estaban
levantando as columnas, os piares, da que logo sería Catedral, e alí saíulle ao
Camiño a Virxe para animalo a que tivese paciencia connosco, cos galaicos,
etc., etc.
A súa tumba. Segundo a tradición, Santiago foi martirizado en Xerusalén
entre os anos 41 e 44, por orde de Herodes Agripa I, rei dos xudeus e neto de
Herodes o Grande. ¿En que, e como, o trouxeron? Iso da “lancha de pedra” eu
interprétoo como que veu nunha daquelas lanchas que levaban para Exipto as
pedras de Porriño... ¡Sexa como fose, o caso é que, agradecidos que somos,
dámoslle a veneración que lle corresponde! ¿Se non viñese Santiago á
Gallaecia, que sería de nós? ¡Non quero nin pensalo!
¿Que fago eu por Santiago? Pola actualización do seu Camiño algo teño
feito, pero iso xa o dixen noutros libros, así que agora tócame ser humilde.
Entrada ao
lugar de San Miguel do Camiño, (Castroverde), primeira pista que tiven de que
esta toponimia, aquilo dun Camiño, na Vía Romana, daquela esquecido, tiña que
ser, ¡fora!, o paso do Camiño Antigo, do Ástur, o mesmo que seguira Afonso II.
Esa cuncha
da esquerda púxose moito despois.
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario