lunes, 27 de mayo de 2013

A SUBXECTIVIDADE DAS VARAS DE MEDIR -II-

A SUBXECTIVIDADE DAS VARAS DE MEDIR -II-

 

 

Problemas das medicións: O Xamoneiro de Maxide.

 

Veulle, víñanos, dos romanos:

 

 

Desprazando a “pesa”, o “contrapeso”, de marca en marca, íase axustando o valor da mercadoría colgada. Enxeñoso, non si? ¡Aqueles romanos, o que inventaban para que a nosa prata, a prata e mailo ouro aquí roubados, lles chegasen íntegros a Roma, sen que os transportistas puidesen alixeirar a carga embarcada na súa Gallaecia!

 

Tempo adiante, os nosos, os do país, idearon o truco de truca-las pesas, pois así, coas mesmas marcas, o peso era meirande, ou menor, segundo fose a vontade do artista. Pero atalloulles o Ministerio de Fomento, ¡que para iso estaba, para fomentar ideas legais!, ordenando que as romanas tiñan que pasar polo “Fiel Contraste de Pesas y Medidas”, un señor honrado que se honraba gravándolles un cuño especial, indeleble, ¡nin coa lima!, que acreditaba a súa comprobación “in veritas”. Pero neste país dos enxeñeiros houbo, tivemos, un enxeñeiro de máis inventiva cós xuristas de Fomento: Aquel Xamoneiro de Maxide!

 

Coa egua ben albardada, e nela a súa romana, aos ombros un gardapó todo engraxado, ¡xamoneiro que era!, non retornaba coa carga ata te-la egua ben cargada..., da súa prezada carga! ¿Prezada carga? ¡E logo, non eran os xamóns a prata que se utilizaba daquela para conseguir cousas, entre elas, o favor dos caciques! Pola contra, nas casas da bisbarra, onde tiñan instrumentos de “pesas y medidas”, agardaban pola visita do Xamoneiro cos xamóns recordados e pesados, que así sabían de antemán o que ían cobrar; pero, de non ter romana, o que tiñan era a confianza de que o señor Mingos viñese pronto, antes de que a carne se secase demasiado, e con iso cortase, recortase, e..., pesase..., á súa maneira!

 

O polo oposto dos ladróns son os xenerosos, que por tal era tido o señor Hilario de Suegos. Vendo que o Mingos chegaba cansado, invitouno a cear, e coa cea unha xerra de viño do Ribeiro. A Mingos entroulle o sono, así que aceptou unha cama das do sobrado. Deixándoo na soidade dos seus ronquidos, Hilario volveu á cociña, suponse que para darlles a cea aos porcos, ¡aos outros!, pero nisto viu, colgado dun torno, o gardapó do Mingos, así que, de primeiras, colleu a prenda para subirlla ao dormitorio. ¡Diantres; este gardapó pesa máis dun lado que do outro; teño que ter coidado, que se son moedas igual se saen, e se perden! Pero non, non eran moedas senón un pirlo pesadísimo! Decidiuse a poñerllo xunto da romana, coidando que aquel era o seu sitio, pero, ¡ouh sorpresa!, xunto da romana xa había outro, outro pirlo! Hilario comparou e comprobou que..., co pirlo do gardapó facían falta máis quilos de xamón para que collese a súa verticalidade a agulla daquela romana!

 

Hilario, co amigo que era da verdade, tomou unha decisión: ¡Coller o pirlo falso e levalo ás calandreiras onde nace o río Lea, que así, desaparecido o contrabando, desaparecerían os roubos no peso dos xamóns que estivesen sen cortar!

 

Mingos espertou ao día seguinte, e atopou aos pés da cama aquel gardapó seu, ¡lixeiriño de todo! Calou e marchouse, ¡volveu para a súa casa! Desde aquel día o señor Mingos, temeroso de que o Hilario se fose da lingua, parou, deixou de mercar xamóns, e concentrouse na súa taberna, coa única picardía de engadirlle ao viño auga da fonte da Graña, ¡na boa intención de que non se lle mareasen os clientes, e se fosen sen pagar!

 

Hilario, pola súa parte, gardou aquel secreto ata que a señora Emilia quedou viúva, pois daquela, como o seu Mingos xa pasara polo tribunal do Ceo, aqueles pecados non podían prexudicalo.

 

Nisto temos outro caso elocuente do que son as varas de medir: ¡Que distintas as do señor Hilario con respecto ás do Mingos de Maxide!

-.-

As trangalladas do ferrado

 

¡Cambiarás de muiñeiro, pero de ladrón, non! Isto tiña moitas aplicacións, e non só referidas ás grandes aceas. Nesta Galicia paradisíaca non había aldeíña que non tivese, máis ou menos cerca, o seu “muíño de herdeiros”, pero viña o verán, e con el a secura, así que había que aparellar a besta para levar a fornada ás aceas dos grandes caudais, ¡onde, loxicamente, cobraban maquía! Que a cobrasen era xusto, pero a medida dela non tanto, que así se fixeron ricas as casas propietarias das mesmas. Non vou citar ningunha das da miña bisbarra, pois aínda viven os netos daquelas familias, e algún deles hoxe está convertido en cacique da primeira magnitude. ¡As fortunas, que de algo veñen, ademais da sorte!

 

 

Acea de Mosteiro, hoxe convertida en museo. ¡Unha feliz idea!

 

Modius ferratus”, séxase, medidas ferradas, en ferro ou con ferro, pois a madeira prestábase ás trampas, que así se dicía, tamén, polas persoas honradas, “Ese é de boa madeira”. O ferrado ferrábase por riba..., ¡para que non se puidese rebaixar! Pero xa nacían rebaixados, segundo quen, onde, e para quen; tratándose de foros, así fosen conventuais, en vez de rebaixar dábanlles unha cabida meirande, ¡unha propina!

 

Aquel ferrado tanto servía para medir superficies, ¿que cacho de leira poderemos sementar cunha medida destas?, como para pagar/ou cobrar en cereais un foro, unha renda..., ¡ou incluso unha escola, por cada alumno e mes na invernía, pois no resto do ano os rapaces..., a traballar, ou emigrar, ou a mili! Meu pai, si, nos seus primeiros anos, pois da guerra para acó, tanto el coma seu fillo, este servidor, xa cobramos en pesetiñas, de curso forzoso, e tamén se dicía que, legal!

 

A copropiedade nos foros: Dominio directo, os dereitos do perceptor da renda; dominio útil, ¿para o que a pagaba?  

 

No ano 1849 a raíña Sabela, aquela que lle valían todos, pero non así as medidas, sancionou una Ley de Pesas y Medidas, que estableceu en España o Sistema Métrico Decimal, de orixe francés. Pero o ferrado seguiu, aínda que con equivalencias notables..., segundo as tragadeiras de cada zona; así:

 

No Corgo, un ferrado dos deles equivalía a 436 m2; tanto en Pol como en Castroverde, (que tiñan acollido o ferrado do convento de San Cibrao do Montecubeiro), 496 m2; A Fonsagrada, onde o taxaban por 507 m2; en Castro do Rei non se conformaban por menos de 629 m2; e a Valeira (que daquela non era Baleira), no se conformaba por menos dos 714 m2. ¿Estas medidas eran subxectivas, ou non?

 

O ferrado, en todas partes, tiñas dúas fillas, dúas metades, que eran “as tegas”.

-.-

 

Algo que se perdeu, afortunadamente: a endogamia.

 

¡Agora mídense as distancias, pero na miña crianza aínda funcionaba a endogamia, que era o aproveitamento da distancia familiar curta..., ¡en xeral para facer concentracións parcelarias familiares! As fincas xuntábanse, e os preitos amortecíanse pois tiñamos lexisladas as incompatibilidades testificais, amén dos problemas xenéticos pois os fillos ou saían listos coma raios ou enfermizos e torpes. Isto non fai falta comentalo pois chega con olla-la Historia das monarquías, que poucas se salvaron deste envilecemento, ata o punto de que chegaron a falsificar bulas papais para rexistrar aqueles casoiros malditos.

-.-

 

¿Marketing?

 

Si, teño un diploma, desde o ano 1974; ¡aínda vivía Franco, que foi o meirande especialista diso que tivo España, ou foi España a que tivo, a que creou, creu, e sostivo, a Franco?

 

¿Comportamento dos mercados e necesidades, ou por mellor dicir, apetencias dos consumidores?

 

O marketing é unha pandemia global que empezou a tecnificarse, a estudarse, no século pasado, no XX, con estas caras:

 

Planificar producións, que se supón, ou se espera, serán aceptadas cos ollos pechos en amplos sectores dunha localidade, ou dun país; ¡en todo o mundo sería moito pedir, variados, e variables, que somos!

 

Fixar prezos, que se calcule serán admisibles dada a eficacia do produto, pero tamén a capacidade adquisitiva do sector perseguido, da conquista programada. ¡Si, perseguido!

 

Promover e distribuír produtos e servizos, etc.

 

¡Ah, e tamén contrastar a eficacia de certo tipo de anuncios, segundo como, cando, de que forma e en que medios os fagamos ou encarguemos!

 

Despois da carreira de Medicina, ¡tanto medo que lle temo á morte e tan pouco a ser envelenados, non hai outra de tanto porvir! O mercado si que ten receitas, e cadora máis pois a xente está aprendendo a medir as consecuencias das súas eleccións, así como as limitacións dos nosos ingresos. Por apetecer apeteceríanos mercar a lúa, para as nosas lúas de mel, que seica a venden uns galegos, agora que perdemos América, pero o euro está moi alto, por riba do número de parados.

 

Co limitados, ¡pobres e prudentes!, que eran os nosos avós, se vivisen hoxe este marketing non tería mercado, sobraba!

-.-

 

Escoller, medir, rapaz / rapaza.

 

Sempre foi difícil a escolla, que por algo trunfaban os esculcadores; ¡tanto pantalón de baeta colorada que lles teñen regalado!

 

 

Pero ao de hoxe, co que a xente sabe das técnicas empregadas na oferta e na demanda, escoller con acerto logo ten máis de lotería que de tino. Nin as caras son exactas pois tanto avanzou a cirurxía facial que agora todo son máscaras, máscara sobre máscara.

 

Meu avó, que é tanto como dicir o meu referente, repito, instruíame: Se queres muller escollida, búscaa de día, vestida de diario, e traballando na cociña. Hoxe sería, ¡manexando o seu ordenador, traballando co mando a distancia!

 

Cando os rapaces / as rapazas lle tiñan medo a Deus, no colo levaban /levábamos, unha cruz, ou polo menos unha medalla, que tamén nos servía, ¡tamén!, de talismán contra eses tentadores do inferno. Hoxe non compran ouro, e nin sequera prata, pois son tan económicos que se conforman con un tatuado permanente dos cornos de Satanás; e aínda así atrévense a saír na tele! Agora que non temos esterco, que todo é purín, están as tatuaxes; pero non serven para abonar as hortas, así que as leitugas veñen en bolsas cerradas e conxeladas, do Lucus, ou aínda de máis abaixo, do Sur de África!

 

Canto necesitan os nosos netos das nosas oracións, pois eles, agora, en vez do clásico ¡Amén!, berran, ata enrouquecer, ¡Gol! Xa sei que teñen o seu anxo da Garda, pero moito temo que nin falan con el, afeitos como están a conseguir as cousas 0nline!

-.-

O movemento ondulatorio, expansivo, das difamacións.

 

 

La calumnia

 

Puede una gota de lodo

sobre un diamante caer;

puede también de este modo

su fulgor obscurecer;

pero aunque el diamante todo

se encuentre de fango lleno,

el valor que lo hace bueno

no perderá ni un instante,

y ha de ser siempre diamante

por más que lo manche el cieno.

 

Rubén Darío

 

Calumnia, que algo queda. Calumnia-ae, acusación ou imputación grave e falsa contra alguén. Esta..., ¿pandemia?, ben que a analizou o político e escritor español Ángel Ossorio, no seu libro “Cartas a una señora sobre temas de Derecho Político” (1932). Dicía, coa profunda amargura acumulada ao largo dos seus anos de actividade pública, que, “para salirnos con la nuestra no vacilamos en destrozar al contradictor la honra, y los sentimientos, y el alma. Sin haber visitado ningún pueblo salvaje, aseguro a usted que he tratado verdaderas bandas de antropófagos en las redacciones de los periódicos y en el salón de las conferencias”.

 

O tema é vello, pero florece tódolos anos, ou máis exactamente, tódolos días, pois non hai día no que algún desalmado non tire unha pedra na piscina dos honrados...; para deshonralos, por suposto, aproveitándose da conmoción social así provocada. ¡Ai, Deus, que pecado máis terrible, inconmensurable, pois de tirada a pedra non hai quen pare as ondas!

 

A onda así provocada provoca á súa vez un transporte de enerxía, sen que exista transporte material, pero si de consecuencias. ¿Consecuencias? ¡Non admiten medición: son, o dito, inconmensurables! Pódense confesarse, que por algo hai que empezar as varreduras, pero, os resarcimentos? ¡Imposibles! O que tamén teñen as calumnias é un efecto tipo “boomerang”, pois ao calumniador, tarde ou cedo, algún trancazo, algunha consecuencia, volve, pero..., ¡como din no Exército, canóns sen retroceso! O retroceso propio das difamacións non evita o impacto da metralla lanzada.

-.-

Manga ancha

 

 

                                                                                                                                                                                                                                                                                                                                        

Tamén nolo advertiu Xesús; ¡de nada que importe á nosa salvación nos deixou sen alertar! (Xoán 8: 3, 11). “Os escribas e fariseos trouxéronlle unha muller sorprendida en adulterio; puxérona no medio e preguntáronlle: Mestre, a esta muller collérona en flagrante adulterio. Moisés, na Lei, mandounos apedrexar a esta xente. ¿Ti que dis? Preguntábanllo á mala fe para teren así de que o acusar. Pero Xesús, abaixado, escribía co dedo na terra. Como lle seguían preguntando, ergueuse e díxolles: -Quen de entre vós non teña pecado, que lle tire a primeira pedra. E, abaixándose outra vez, escribía na terra. Pero eles, ó que o escoitaron, foron liscando un a un, comezando polos vellos. Quedou el só coa muller, que seguía no medio. Ergueuse entón e preguntoulle: -Muller, ¿onde van? ¿Ninguén te condenou? Ela respondeulle: Ninguén, Señor. Díxolle Xesús: Tampouco eu te condeno: vaite, e desde agora non peques máis”.

 

Moito ou pouco, grave ou leve, non é doado face-la travesía terreal sen esbozar algún tipo de calumnia; ¡pídenolo o corpo, a envexa corporal! ¿E iso, por que? ¡Simplemente porque a nosa vara de medir non é recíproca, e logo que nola manexa a soberbia, sempre a soberbia, que ten o brazo longo e a manga ancha!

 

Din os especialistas en definicións que “ter a manga ancha” é ter, dar, aceptar, desexar para nós, a parte ancha da manga, ¡que nos traten con excesiva benevolencia! Seica o facían así os dominicos, no confesionario, co seu hábito de mangas anchas, tolerantes, acariciadoras, (¡igual o facían así, igual era, máis ben, coas mulleres!). Acordaríanse de Cristo, de cando lle dixo á pecadora: “Vaite, pero desde agora non peques máis; nin peques nin incites a pecar!”. Isto dicíano no meu Montecubeiro dos nosos dominicos; ¡claro, pasábanse de bos, que por iso os botou Mendizábal amortizándolles os foros!

 

Na práctica queremos, e facemos por, que os demais teñan a manga ancha connosco, pero a recíproca medímola doutro xeito, con outra métrica, ¡fariseos que somos, que seguimos sendo!

-.-

 

O problema das alturas

 

As persoas que están, ou se senten, arriba, teñen dous problemas: un, o de sentirse superiores con respecto aos que están, ou quedan, abaixo, debaixo; o outro problema que lles entra é o do seu medo a baixar, a decaer, a retroceder.

 

Nunca me vin tan baixo coma aquela vez que, no ano 1953, subín ao Douglas DC-3, Madrid-Villa Cisneros, pois ao pasar polo Estreito colleu tal medo, ¿o avión, eu, ou ambos?, que demos en tremer co choque, co enfrontamento, das correntes aéreas dos dous mares, ámbolos dous enérxicos, de malas, así que igual subíamos que baixabamos: ¡Ai Deus, que desta vez vou parar ao purgatorio, e xa non sexa ao inferno, pola miña soberbia de querer voar coma os anxos, subido a un avión, cando case todos se internan en África cruzando Marrocos nos buses da empresa Bernal! Pero o vento, ¿sería polo que recei?, tranquilizouse un pouco, suai-suai, así que pousamos, aos poucos, ámbolos dous, a dous paso das rompentes marítimas de Sidi Ifni, alí mesmo diante dun letreiro que poñía “Iberia”, co mesmo tipo de letras que aquel que deixáramos en Madrid, na praza de Neptuno. Desde que me vin en terra volvín a medrar; sentinme outro, máis grande, moito máis, así que volvín aos brazos da soberbia, da fachenda: ¡Aquí estou; e xa son Oficial de 1ª do Banco Exterior de España!

 

 

¡Grazas, Douglas, DC-3, pois co teu descenso déboche un ascenso!

-.-

 

Deus é o “Fiel Contraste” da nosa conciencia

¡Non temos outro! Pero, a todo isto, que é a conciencia, a nosa, a de cada un? O primeiro que se me ocorre: Conciencia é un tribunal interno, que igual se durme como esperta; non ten, non usa, puñetas, pero ao menor descoido, se o deixamos libre, sen defensas, fainos a puñeta, que nos traizoa..., e véndenos ao diabro!

A conciencia dos cristiáns, este motor vital, ten o seu aporte de enerxía, ¡canta precisemos!, nas Sagradas Escrituras:

Romanos 13: 5, 10: “... compre obedecer non só por medo ó castigo, senón por deber de conciencia. Por iso mesmo pagáde-los tributos, pois son funcionarios de Deus, decote dedicados a este oficio. Dádelle a cada un o que lle é debido: tributo, imposto, respecto ou honor, segundo o caso. A ninguén lle debades nada, fóra de amarvos uns aos outros, porque o que ama ó próximo ten cumprida a Lei. Porque o “non adulterarás, non matarás, non roubarás, non cobizarás”, e tódolos outros mandamentos, resúmense nestas palabras: “Amarás ó teu próximo como a ti mesmo”. Quen ama ó seu próximo non lle fai mal. Verdadeiramente, o amor é o pleno cumprimento da Lei”.

Timoteo 6: 3, 10: “Se alguén ensina outra cousa e non segue as boas palabras -as do noso Señor Xesús Cristo, a doutrina conforme á verdadeira piedade-, faise un soberbio; non entende nada, senón que se aparta con controversias e discusións baleiras, das que nacen envexas, rifas, palabras inxuriosas e malas sospeitas, discusións parvas de homes con mente corrompida, carentes de verdade, que teñen a verdadeira piedade coma unha fonte de ganancia. Certamente a verdadeira piedade, cando un se conforma co que ten, é a mellor fonte de ganancia. Porque nada trouxemos ó mundo e nada podemos levar del. Contentémonos  con ter para comer e para vestir. Os que se queren facer ricos (inxustamente) caen en tentacións e trapelas, e en moitas cobizas, todas perigosas, que botan aos homes a perder, e á ruína. A raíz de tódolos males é a avaricia: algúns, dominados por ela, afastáronse da fe e embarulláronse a si mesmos en moitas dores”.

Etc., etc., que nos queda moito no tinteiro, se o queremos aproveitar. Por se acaso, non sobra volver ao depósito do combustible, ¡do combustible inconsumible..., ao Evanxeo, que por ser certo é inesgotable!

-.-

 

Conciencia boa:

Feitos 23: 1, 3: “Paulo, entón, ollando para o Sanedrín, dixo: -Irmáns, ata hoxe en todo me comportei con boa conciencia diante de Deus. Pero o xefe dos sacerdotes, Ananías, mandou ós que o custodiaban que lle batesen na boca. Entón Paulo díxolle: -Hache pegar Deus a ti, parede encalada! ¿Sentas para xulgarme conforme á lei e mandas que me peguen violando a lei?”. ¡Así, algo así, é como obran as malas conciencias: o ancho para min e o estreito para ti, eh Ananías?

1 Timoteo 1, 5, 7: “A finalidade desta instrución (as que lle daba Paulo a Timoteo) é o amor, que sae dun corazón puro, dunha conciencia boa e dunha fe sincera. Algúns deles, trabucándose, extraviáronse en lerias; pretenden ser doutores na Lei e non entenden nin o que din nin o que tan rotundamente afirman”. ¡Así é na practica: que os máis errados adoitan ser os que máis levantan a voz..., para mentir, para que triunfen as súas mentiras!

Conciencia limpa:

1 Timoteo 3:8, 9: “Da mesma maneira, que os “diáconos” sexan serios, sen retranca, nin moi amigos do viño nin dos negocios sucios, conservando o misterio da fe nunha conciencia limpa”.

Sen ofensas diante de Deus:

Feitos 24: 16: “Por iso me esforzo, sempre, en ter unha conciencia sen lixo diante de Deus e (tamén) diante dos homes”.

Tamén a hai, tamén podemos tela, mala, deforme, deformada:

Hebreos 10: 19, 24: “Pois logo, irmáns, xa que temos entrada libre no santuario, debido ó sangue de Xesús, un vieiro novo e vivente que El nos abriu a través da cortina, isto é, a través da súa carne, e, xa que temos un gran sacerdote á fronte da casa de Deus, manteñámonos con criterios sans na súa presencia con plenitude de fe. Xa que estamos limpos por dentro de toda consciencia de pecado, e xa que estamos lavados por fóra con auga limpa, manteñámo-la esperanza indefectible que profesamos, pois quen prometeu é fiel. E considerémonos uns ós outros de xeito que nos sirvamos de estímulo para o amor e para as boas obras”. ¡Deus, que pouca atención adoitamos profesarlle, prestarlle, ao noso deber, outro, outro deber de conciencia, de estimular a expansión, o arraigo do cristianismo, baseados na exemplaridade da nosa conciencia!

A sabedoría cristiá:

1 Corintios 1: 14, 15: “O home “animal” non acolle o que é propio do Espírito de Deus, pois parécelle unha parvada; nin o pode coñecer, porque disto só se pode xulgar espiritualmente. Pola contra, o home “espiritual” xulga de todo, mentres que a el non o xulga ninguén. Por   que “¿quen coñeceu o pensamento do Señor como para poñerse a darlle leccións?”. Pero nós témolo espírito de Cristo”. ¿Está claro, ou aínda non? A sabedoría plena, o acerto, témolo nos Evanxeos; o resto son ¿experimentos? do home “animal”. ¿E aínda así non estamos contentos, nin contentos nin agradecidos?

-.-

 

¡Mecachis, que guapo soy!

Se por “guapo” se tiña Carlos Arniches, eu tamén o fun, pero, ¡en pretérito! (A guapa da familia foi miña prima Mercedes Cora -Mercedes Josefina Carrodeguas Gómez-, artista e actriz, avogada, jefe de Prisiones, etc.). Xa que falei do seu portento: Dela aprendín a ser humilde, ou iso creo, que é outra carreira.

 

 

Lin nun artigo de Josep Pernau que “Pablo de Tarso tuvo que caerse del caballo y darse un coscorrón para descubrir que no le iba la persecución de cristianos, sino que lo suyo era predicar la doctrina que había perseguido”. ¡Que lamentable é ter que caerse do noso cabalo, do cabalo do noso orgullo, para descubrir cal é a nosa medida! Ía dicir “o noso destino”, pero eu no destino non creo: a semente é, foi, dos pais, pero o presente, o de cada día, ímolo fabricando nós; e se nos mollamos cando chove, agora que hai paraugas, agora que temos una certa culturiña, ¡que tivemos de Mestre ao propio Fillo de Deus!, todo consiste en poñerse, en utilizar, a capucha da prudencia.

 

Daquela titulación teatral de don Carlos os estudantes... (Eu tamén o son, ¡vitalicio!; xa que non puiden facer carreira na idade propicia, despois aceptei este purgatorio, ¿ou foi gloria?) Algúns estudantes, ía dicir, tiraron esta definición sarcástica para certa proba que se lles esixía con respecto ao seu proxecto docente e investigador:

 

“a) Historial académico docente donde se muestren las actividades docentes universitarias debidamente justificadas y, en su caso, con informe de valoración de dicha actividad.

b) Historial académico investigador que contenga las actividades de investigación y publicaciones científicas acreditadas documentalmente.

c)  Otros méritos, entre los que se debe considerar la gestión universitaria”.

 

¡Nada, que os obrigaban a mirarse no espello! Así é a vida, ¡C´est la vie!, que din os franceses, unhas veces por confesión forzosa, e outras voluntaria, lavémonos ou non, o de mirarse no espello é moi antigo; o primeiro dos espellos xa foron as pozas de augas tranquilas, pero anterior foi o caso do Adán e da súa Eva, que se ollaron por primeira vez con ollos pecadentos, ¡e descubriron         que se tornaran feos, así que botaron man da primeira roupa que atoparon, que seica foron unhas follas da súa parra. ¡Pobriños!

 

En canto á alma, ao espírito, non hai mellor parra para tapar, ¡para borrar!, as nosas miserias que un arrepentimento inmediato seguido dunha indemnización e dunha confesión sinceras e rotundas. Con iso, unha vez cumprida a penitencia, despois si que procede exclamar: ¡Mecachis, que guapo son agora, despois deste enésimo bautizo! (¿Que é a confesión máis que un novo, enésimo, bautizo? ¡Pois logo).

-.-

 

 

As xefaturas comportan axustes máis ríxidos

 

A humildade da bolboreta e a soberbia da aguia

Todas, as que sexan, e do que sexan; con esixencias meirandes na proporción en que suba o seu relevo social, a nosa mangancha ten que rever. O deber da exemplaridade, aínda que non o teñamos regulado nas leis do país, si que está, por pura lóxica, nos códigos éticos.

Cos ascensos tamén ascende a nosa responsabilidade moral; máis nos temos que esixir para menos escandalizar. “Mandará o Fillo do Home os seus anxos, e quitarán do seu Reino tódolos escándalos e a tódolos que fagan o mal, e botaranos no forno do lume, onde será o pranto e o renxer dos dentes. Entón, os xustos resplandecerán coma o sol no Reino de seu Pai. Quen teña oídos que escoite. (Mateo 13: 41, 43). ¿Escoitamos? ¡Oír, oímos, pero escoitar é algo distinto!

O escándalo non é peccata minuta pois o propio Mateo tráenos, apórtanos, outra referencia ben elocuente no seu 18: 6, 7. E con el, Marcos (9: 42, 48). E Lucas tamén, no seu 17: 1, 3.

O escándalo é gradual: medra a súa repercusión social segundo foi medrando socialmente o escandalizador. ¡As alturas, que sempre deron vertixe!

-.-

 

Funcións específicas da conciencia.

Acusador privado. (¡Coidado con perde-la confianza en Deus!). 1 Xoán 3: 20, 24): “Porque aínda que o noso corazón nos acuse, Deus é meirande có noso corazón e coñece todo. Meus amigos, se o corazón non nos acusa, temos confianza para achegarnos a Deus e El dáno-lo que lle pidamos, porque cumprimos cos seus mandamentos e facémo-lo que a El lle agrada. Isto é o que El manda: que creamos no seu Fillo Xesús Cristo, e que nos queiramos ben uns ós outros, como El nos mandou. O que cumpre cos mandamentos de Deus está en comuñón con Deus, e Deus en comuñón con el: coñecemos que Deus está en comuñón connosco polo Espírito que nos deu”.

Sérvenos de testemuño. Romanos 2: 14, 16: “Cando os pagáns, con non teren Lei, practican naturalmente  o que manda a Lei, entón aínda faltándolle-la Lei eles son Lei para si mesmos. E así amosan que levan escrito nos seus corazóns o efecto da Lei; failles de testemuña a súa propia conciencia, e de acusadores ou defensores os seus razoamentos. Así será no día en que por medio de Xesús Cristo xulgue Deus as cousas escondidas dos homes conforme ó Evanxeo que eu predico”.

Axúdanos a obrar correctamente. (Se a temos ben domesticada, por suposto!). Romanos 13: 5: “Así, compre obedecer non só por medo ó castigo, senón por deber de conciencia”.

A conciencia recta, escrupulosa, fonte de satisfaccións. 2 Corintios 1: 12: “O noso orgullo é o testemuño da nosa conciencia, de termos trasladado a todo o mundo-e xa non digamos a vós-, coa santidade e transparencia de Deus, non con sabedoría humana senón por gracia de Deus”.

Deus ensínanos e guíanos a través dela. (Sempre; se a temos puída, educada, por suposto!). Salmos 10, 11: “Ti non abandonarás á morte a miña vida, nin deixarás que o teu amigo vexa a corrupción. Mostrarasme o camiño da vida: a túa presencia éncheme de alegría; a túa dereita, de gozo eterno”.

-.-

 

Limitacións da conciencia

¡Hai que limpala! Hebreos 9: 14: “... moito máis o sangue de Cristo (que movido polo Espírito que animou toda a súa vida, se ofreceu a si mesmo a Deus, como vítima sen mancha) limpará a nosa conciencia das obras da morte, para así servirmos ó Deus vivo”.

Revisala e mantela, coidala. 1 Timoteo 1: 18, 19: “Vouche facer unha gran encomenda, meu fillo Timoteo, conforme ás mensaxes inspiradas que se refiren a ti, para que apoiado nelas sosteñas un bo combate, armado de fe e de boa conciencia. Algúns rexeitárona e naufragaron na fe”.

Ás veces hai que suxeitarse a outros. 1 Corintios 10: 33: “Así tamén eu procuro agradar a todos en todo, non buscando a miña comenencia, senón a da maioría, para que se salven!

Pode ser débil e caer na impureza. 1 Corintios 6: 19, 20: “¿Ou non sabedes que o voso corpo é templo do Espírito Santo que está en vós, porque o recibistes de Deus e que polo tanto non sodes donos de vos? Porque, en verdade, compróusevos a bo prezo. Glorificade, por tanto, a Deus co voso corpo”.

Erros e fallos. Proverbios 16: 3: “Ofréndalle ó Señor os teus feitos, para que os teus proxectos saian ben”.

Cando a conciencia se corrompe: ¡as medras falsas, equivocadas! Timoteo 6: 17, 19: “Ós ricos deste mundo mándalles que non sexan altivos, nin poñan a esperanza na riqueza incerta, senón en Deus, que nos dá para gozar tódalas cousas con gran abundancia. Que fagan o ben, facéndose ricos en boas obras, xenerosos en dar e dadivosos cos demais. Así atesourarán para si un estupendo capital para o porvir e acadarán a verdadeira vida”.

Cando se volve insensible. Efesios 4: 17, 19: “Dígovos, por tanto, e recoméndovos en nome do Señor que non vivades máis coma os pagáns, coa mente baleira, coa intelixencia entebrecida, alleos á vida de Deus, pola ignorancia que hai neles, debido á cegueira do seu corazón. Os tales volvéronse insensibles, entregáronse ó vicio ata practicaren insaciablemente toda clase de inmoralidades”.

-.-

 

De interese para os alumnos. ¡Que nesta vida sómolo todos, en tódalas razas e en tódolos niveis sociais!

A forma de instruír a nosa conciencia para o ben témola, atopámola, está, na palabra de Deus, sexa, nos Evanxeos.

Noutros libros pode haber reflexos, pero só reflexos.

2 Corintios 1: 12: “O noso orgullo é o testemuño da nosa conciencia, de termos tratado a todo o mundo -e non digamos a vós-, coa santidade e transparencia de Deus, non con sabedoría humana senón por gracia de Deus”.

Hebreos 9: 27, 28: (O cumprimento das promesas). “O mesmo que o destino de todo home é morrer unha vez só e, despois xa da morte, vén o xuízo, así tamén Cristo, unha vez que se ofrendou para quita-los pecados, volverá a aparecerlles por segunda vez, xa sen ter que ver co pecado, para salvar ós que o están agardando con ansia”. ¡Eu tamén, Señor, por suposto, con toda a miña ansia, así que teño que afinar na miña conciencia para non caer en demérito!

-.-

 

Algo máis sobre as medicións da conciencia, pois o tema é infinito, e merece toda a nosa atención.

 

Unha definición mecanicista (1) do que é a conciencia pode ser esta: Conciencia é a intercomunicación (inalámbrica, por suposto) entre a alma e, no corpo, o noso cerebro.

(1)O mecanicismo é a doutrina segundo a cal toda realidade natural ten unha estrutura comparable a dunha máquina, de modo que pode explicarse desta maneira baseándose en modelos de máquinas. Como concepción filosófica reducionista, o mecanicismo sostén que toda realidade debe ser entendida segundo os modelos proporcionados pola mecánica, e interpretada sobre a base das nocións de materia e de movemento.

De tantas, e tan complexas, definicións, que se levan dado, quedémonos coas máis simples, e aínda así estaremos verdes nas cousas que teñen máis de espirituais que de materiais. Pescudando, e resumindo, entre diversos autores:

Isto da conciencia pódese explicar como o entendemento, o coñecemento, que un ser vivo ten de si mesmo (da súa propia existencia) e da súa capacidade para actuar sobre o seu entorno. É o que sentimos ao poñernos en contacto coa nosa realidade, e está nutrida polo nosos sistema de crenzas adquirido na cultura que nos tocou vivir. ¡Uf; témola tan cerca que mesmo a podemos palpar, utilizar, medir con ela, pero as definicións, coma as medicións, teñen moito de subxectivas, así que non nos metamos en camisas de once varas pois hai, déronse, tantas definicións como pensadores, ¿ou pseudopensadores?, levamos tido!

Unha desas definicións, pero das obxectivas, pode ser: A conciencia é un estado mental só accesible polo propio suxeito, que nos permite analizar como nos percibimos a nós mesmos como seres autónomos, interactuando cos estímulos externos que nos rodeen , e iso ao traveso dos nosos sentidos, para despois poder reflexionar e interpretar eses estímulos relacionándoos coa nosa memoria, para así construír a súa/nosa realidade.

A conciencia é garante dun proceso continuo de información e de adaptación entre o noso ego subxectivo, o noso sistema nervioso e mailo noso entorno perceptivo.

Hai quen diferencia entre conciencia sensorial ou primaria (que se di habitual no mundo animal), e a conciencia de nivel superior ou metacognición (iso de ser conscientes da nosa propia conciencia), que se cre única na raza humana.

¡Coidado con eses científicos, que tanto afondan que nos van afogar coas súas elucubracións! O máis importante: A conciencia admite purificación, bondade, santidade, e con facer iso estamos salvados!

-.-

 

 

O perigo dos malos consellos

Pero tamén os temos bos, sexan dados ou recibidos; ¡é cuestión de aprender a medilos! O mellor de todos xa o temos recibido, que llo debemos ao Papa Francisco, que nos dixo, que nos recomendou, nun dos seus predicados: As benaventuranzas son o carné de identidade do cristián! ¡Pois ese é o noso partido, o partido da verdade, o infalible!

Dar consellos era o propio, o mellor obsequio daqueles avós da miña xeración, mais agora, atordados polas prédicas dos televexos, o que prefiren os nosos nenos é que lles falemos do fútbol, e para iso saben eles máis cá nós, así que os consellos fixéronse inversos, que ata nos discuten cando foi “falta” e cando non.

Don Hilarión, na súa célebre zarzuela “La verbena de la Paloma”, xa dixo, xa opinou, que, “Los tiempos cambian que es una barbaridad”. Era visible, xa era apreciable, daquela, esta vertixe socio-económica dos tempos modernos; ¡que non será hoxe, entrados, e centrados, ou melloro dito, descentrados, como estamos na globalización socio-cultural deste século, do XXI! Así que, nada mais problemático cos consellos pois o que vale hoxe mañá estará demudado, desfasado, obsoleto, ou demodé.

Esta evolución dos consellos tampouco empezou con don Hilarión, que igual xa tiña lido a Sófocles, aquel grego que pensou, e dixo: “Quen non teña sufrido o que eu levo sufrido, que non me dea consellos”. Daquela había que sufrir en cabeza propia para ter experiencia, pero hoxe a chamada “experiencia” predícannola nos televexos, cada quen á súa maneira. ¡Como para fiarse dos consellos: primeiro, meditemos, e despois midamos, PERO coa nosa vara de medir, coa propia, pois, se nos equivocamos, así non teremos a quen culpar, a quen anoxar.

Meditemos nisto: Hoxe en día é difícil dar consellos, e por tanto, tamén, acatalos, porque son, vivimos, tempos de grandes dificultades, de avatares imprevisibles, así que a experiencia que dan, ¡que daban!, os sufrimentos é extremadamente persoal. Seica a empatía é un exercicio importante para poder dar un bo consello, pero nunca se poderá atender, nin entender, de todo, polas cambiantes circunstanciais.

-.-

 

Praia versus montaña

Farto do ordenador funme / fómonos para as nosas” Andoriñas”; e fartos das “fabes” enlatadas, collín o auto para ir á feira de Meira..., ¡a por polvo á feira! Alí non sei se era feira ou se estaban celebrando o xuízo final, pois resucitaran tódolos mortos da bisbarra, e nin había onde aparca-los autos. En vista diso quixen ir máis adiante, tal que subir ao Ceo. ¿Onde está o Ceo en Meira? ¡Onde vai ser se non é no pedregal, na morena da Irimia, que por algo nace alí o noso Miño, ¡o Meu!

 

 

Mais no Pedregal tamén había xente; ¡non sae na foto, pero estaba; e tiñan aires, falas, roupa, ao estilo portugués:

 

-Díganme, se fan o favor; ¿por un casual, vostedes non serán galegos do Sul, séxase, portugueses? ¡Quédolles obrigado se mo din!

 

¡Claro que mo dixeron, pero en portugués! Que eran, e que volverán para aló, de contado, pois o feito de que Deus nos puxese a cada un no seu sitio non quere dicir que nos teña prohibido envexar a paisaxe dos veciños, así estean, ou sexan, na distancia dos 315 km., nesta cunca dos 12.486 Km2

 

 

En medidas de lonxitude e de superficie teñen o mesmo sistema métrico cá nós, pero, no demais? Mirade se miden distinto que, cando en España mercabamos autos de luxo eles compraban furgonetas, que así servíanlles tanto para o turismo como para levar as súas mercadorías á feira! ¡Ai Deus, que distintos somos, e que distanciados nos puxeches, pero, de cando en vez, apetécenos arrexuntarnos, e facémolo de tal xeito que case nos pisamos uns aos outros; menos mal que o Ceo é infinitamente máis grande cá terra!

-.-

Coñecémonos?

 

Cando nos cruzamos con alguén que nos resulte coñecido, esta é a nosa interrogante, e non sempre acertamos pois as fisionomías, engurras, envoltura (traxe), etc., poden desorientarnos, e máxime a certa idade, pero hai, temos, algo máis difícil cá iso: ¡Coñecernos a nós mesmos mirándonos no espello das nosas vidas!

 

 

Xa cando ía á escola de Maxide tiña esta curiosidade, e preguntábame a miúdo: ¿En que me parezo a estes compañeiros, serei mellor ou peor cá eles, que podo facer para pasarlles diante nas tarefas escolares? Preguntábame, si, pero non daba atopado unha resposta satisfactoria porque, á forza de comparar cousas, aptitudes e actitudes, en todos eles atopaba calidades e defectos que coincidían cos meus.

 

Nunha ocasión díxonos o Mestre que había un dicionario pequerrecho, chamado “de bolsillo”, que se pedía nas librerías polo nome de ITER. Deuse o casual que por aqueles días casouse un primo de meu pai, e díxome: ¿Que che apetece que che traia da Coruña? (Na súa viaxe de vodas). Ensíname os teus zapatos para verlles o número, que así traémosche uns novos, deses que fan en Monforte..., para que os estrees por Reis! Pero en vez de mostrarlle os zapatos tiven a ocorrencia, ¿boa?, ¿mala?, de darlle un papeliño co nome do dicionario, e díxenlle: Estou aprendendo a facer zocas, así que, para cando non me sirvan os zapatos xa terei zocas, que incluso as vernizarei para levalas á Misa e ás feiras. Do que ando mal é do castelán, que o puxeron de moda os fascistas, pero díxome don Jesús que con este libro..., nin que nacese en Valladolid!

 

¡Boa a fixen, pois Daniel e maila súa María Manuela trouxéronme aquel ITER, e din en papalo con tantas ganas que nin que as verbas fosen onzas de chocolate! ¿O problema? ¡Vén agora, veu enseguida! Maldito libro, pois, cando o Mestre preguntaba algo que fose cultural eu levantaba a man, anticipándome aos compañeiros. Tan inoportuna foi aquela sabenza, aquela culturiña “de dicionario”, que os colegas deron en celarse, en collerme rabia, e como o Mestre, nunha ocasión, me chamou “Veleta”, porque xiraba continuamente, dunha idea á outra, aqueles envexosos..., etc.

 

O caso foi que memoricei o ITER, pero tamén aprendín algo que, tempo adiante, ¡ouh casualidade!, me diría, xa en Madrid, o profesor Gallego, no Centro de Estudios Mercantiles y Económicos (cunha beca da Acción Católica): “Lo más práctico es ser soberbio con los inferiores, y humilde con los superiores”. O consello non era católico, pero coincidía con aquela experiencia do colexio de Maxide, que era bo, daquela e sempre, ter por superiores aos inferiores, ¡se queremos paz convivencial!

-.-

 

Seica dixo Sócrates -iso din pois este sabio era tan sabio que non deixou nada escrito, ¡por se o censuraban, supoño!, que, “Coñecerse a un mesmo é a orixe, e coa orixe o colmo, da sabedoría”. ¡Xa; como se iso fose tan doado! Levo noventa anos ao lombo e cada día que pasa paréceme un novo amencer, que nazo de novo, que renazo, que son outro, pois teño tantas cousas sen facer que nin sei por onde comezar. Algo así coma a barba, que me afeito e volvo a tela. ¿É que cada día son outro? ¡Pois teño os mesmos papeis, co mesmo nome, pero evoluciono sen parar, así que son outro, cambiante, mutable, que xa non me gustan os feitos daqueles políticos polos que votei onte.

 

Teño a impresión de que non son eu só nisto de cambiar pois cando vou á finca, agora que o fago de tarde en tarde, e alzo os ollos, os mesmos da visita anterior, na miña carballeira, atopo, figúraseme, que tamén medraron os meus carballos; ¡xa son outros!

 

 

No meu curiosear polos libros, ¡tantos que teño agora pois aínda me dura aquela febre que me entrou co ITER!, atopei autores que lle atribúen vantaxes ao autocoñecemento. Coinciden, case tódolos pensadores que me axudaron a pensar, nestas definicións:

 

Que temos, e se o temos é que o usamos, autocontrol cando o nivel que teñamos de nós mesmos, do propio coñecemento, nos motive e axude a repudiar os actos malos, cultivando os bos. Algo así como unha perspicacia que nos leva a coñecer cales valores, e que metas, son as que activan a nosa forza de vontade.

 

O pracer da vitalidade. Por vellos (con “v”) que sexamos, mirar, ollar, cara a dentro axúdanos a sentirnos vivos, vivos e coleando, séxase, dándolle á lingua, para que os demais nos teñan como presentes, como presentados, encordiantes; ¡séxase, con dereito a voto!

 

Para tomar decisións. Aínda que só sexa por prudencia, é bo coñecerse ben, coñecer a nosa capacidade de reacción ante a variedade de circunstancias coas que nos topamos no noso deambular cotián, habitual. Se non coñezo a miña enfermidade, aínda que has haxa, como vou elixir a medicación correcta? Cada problema ten a súa solución; ou varias, pero unha delas será a óptima para nós, familia incluída, segundo as miñas circunstancias. ¡Ai, Deus, canta intelixencia nos deches, pero moita precisamos para refugar as tentacións, así que, volvamos ao Noso Pai, clamando axuda!

 

A felicidade. Pensándoo ben, o que máis nos apetece, aquí na terra, é casar coa Felicidade, con maiúsculas, e a continuación, salvarnos, nela e con ela, sen divorcios! ¿Como se logra iso, como se formula a súa petición de man? Se folgamos, se non traballamos no cultivo da conciencia, o máis probable será que os nosos erros nos leven ao inferno da soidade, comezando a nosa afiliación aquí abaixo, xa na terra.

 

Resistencia ás presións, ás tentacións. O mellor escudo tamén é unha boa conciencia; ¡que irresponsabilidade a de guerrear sen armas pacíficas, séxase, sen virtudes!

 

Tolerancia e comprensión. A vida témola, recibímola, para convivir, así que non nos queda outra cá de ser comprensivos e tolerantes. Toleirantes é outra cousa, outro concepto. O ideal sería ser mestre, imitadores do Mestre, pero o caso é que escasean as Normais; ou non, pois a mellor Universidade está, é, son, os Evanxeos.

 

¡Dixen! Mellor dito: Dixéronmo outros, pois eu non pasei de ser un mestre dos de minúsculas, dos “de a ferrado”; iso si, dos últimos, daqueles que desapareceron no século XX!

 

-.-

 

 

Ninguén nos seus cabales...

 

desexa a morte; ¿será porque lle tememos ao xuízo, e queremos seguir sufrindo cruces, purgatorio, en vida, para levar un bo currículo de méritos? Se fósemos santos-santos o lóxico sería ter présa por subir ao Ceo, aínda que só fose para convivir eternamente cos seres queridos que se nos anticiparon. En todo caso o dador da vida é Deus, soamente Deus, así que somos meros usufrutuarios dela; ¡só Deus, que nola deu, nola pode quitar!

 

Na miña parroquia, Montecubeiro, e noutras sería parecido, aos suicidas, xunto cos abortos, enterrábanos no “Zarro Novo”, un monte distante da igrexa, pero desde o que se vía o campanario, por consideralos restos indignos.

 

 

Así nos evocou o debuxante Augusto Trillo, gardando as vacas no Zarro Novo, e de paso rezando polos ausentes.

 

Algo suicidas sómolo en tódalas idades, pero máis dos quince aos trinta, verdes aínda, que nos poñemos en perigo encantados, ¡precisamente cando máis e mellor nos ri a vida! Un deles, eu, no ano 1953, que pedín traslado á sucursal de Sidi Ifni, ¡para que me ascendesen!, en plena pandemia de peste bubónica. Outros quixeron facerse famosos subindo ao Everest, e cousas, temeridades, desas, que poñen os pelos de punta cando os vemos na tele.

 

¿Os deportes temerarios, que son máis que apostas polo suicidio, e aínda así danse como trunfos?

 

Terrible drama, sucesos incribles, para os que tampouco hai vacina; ou máis exactamente, a vacina está nos Evanxeos, pero as peripecias fisiolóxicas e psíquicas aínda están verdes, insuficientemente estudadas. Para a OMS: “Las experiencias relacionadas con conflictos, desastres, violencia, abusos, pérdidas y sensación de aislamiento están estrechamente ligadas a conductas suicidas. Las tasas de suicidio también son elevadas entre los grupos vulnerables objeto de discriminación, por ejemplo, los refugiados y migrantes; las comunidades indígenas; las personas lesbianas, homosexuales, bisexuales, transexuales, intersexuales; y los reclusos".

 

Segundo a mesma OMS: “Los métodos de suicidio más utilizados son el ahorcamiento, la intoxicación voluntaria por plaguicidas y las armas de fuego; y las intervenciones que han resultado ser más eficaces en la reducción de los suicidios son la restricción del acceso a los medios de suicidio; la sensibilización de los medios de comunicación para que informen sobre los suicidios de forma responsable; la puesta en marcha entre los jóvenes de programas de aptitudes para la vida que les permitan hacer frente a las dificultades cotidianas; y la detección temprana, gestión y seguimiento de las personas en riesgo de suicidio. La intervención con mayor potencial inmediato para reducir el número de suicidios es la restricción del acceso a los plaguicidas que se utilizan para la intoxicación voluntaria. La elevada toxicidad de muchos plaguicidas significa que muchos intentos de suicidio con frecuencia desembocan en la muerte, especialmente cuando no existen antídotos o no hay servicios médicos cerca».

 

Señor meu e Deus meu: Quítanos a vida antes que permitir que nola quitemos nós. ¡Amén!

 

¿Cal debe ser a nosa actitude de producirse o suicidio dunha persoa amada ou coñecida? Meditemos un pouco: A psicoloxía e maila psiquiatría indican que o suicidio vén a ser, procede, está ocasionado, por unha mente débil, que nun momento dado non é capaz de reaccionar ante unha fonda conmoción emocional, ou desequilibrios químicos relacionados cun estado profundo de depresión e de temor. ¡Enfermidade, pois, que nos obnubila o cerebro! Así considerado, nestas circunstancias só nos queda estar atentos ás debilidades do corpo, que se non son visible para o interesado, a familia e mailos amigos algo poden captar, e por tanto precaver, coidar e axudar na recuperación daquel próximo que vexamos en perigo de tomar iniciativas contraproducentes. Para o auxilio que non podamos, ou non saibamos prestar, sempre nos quedará a axuda de especialistas no tratamento da dor experimentada. ¡Pero a tempo, pois as vacinas post-mortem, os responsos, valen para alma pero nunca para o corpo!

 

Veño de ler un artigo que xulgo moi interesante, elocuente, do Dr. Antonio Cruz, (¿Que podermos decir como cristianos acerca del suicidio?), así que ofrezo aos meus lectores un anaco do mesmo:

 

Lo primero que conviene señalar es que Jesús no se quita la vida, sino que la pone de forma libre y generosa en manos del Padre por amor a los hombres. Él no quería morir en la cruz. En el huerto de Getsemaní oró amargamente diciendo: Padre mío, si es posible, pase de mí esta copa; pero no sea como yo quiero, sino como tú (Mt. 26:39). Es verdad que su sacrificio fue necesario para redimir a la humanidad, pero Jesús no se suicidó. Lo mataron las autoridades romanas en combinación con las judías. Los demás mártires que ha tenido la fe cristiana desde el primer siglo de nuestra era no fueron tampoco suicidas que atentaron contra sus vidas por motivos religiosos. Otros fueron quienes les quitaron la vida. El verdadero mártir de la fe no se suicida, sino que es víctima inocente de un homicidio. La vida humana es un valor fundamental de la persona pero no es el valor supremo. Según el Evangelio, hay que estar dispuesto a dar la vida por los demás o por el reino de Dios, como hizo el Señor Jesús, cuando sea menester hacerlo. Esto no es suicidarse sino simplemente ser coherente con la propia fe. Cuando un valor absoluto, como la Iglesia o la extensión del reino, está en peligro, ofrecer la vida es algo que dignifica al cristiano y no tiene absolutamente nada que ver con la eutanasia o el suicidio”.

-.-

 

 

As temeridades no deporte

 

¡Eu renego delas, así que cantidade de veces estou tentado de apagar a tele…, para no ver o seu final, por se é mortal!

 

¿Haberá nelas algo de soberbia; será que os tales tamén queren igualar a Deus? Non preciso citar aventuras, nin poñer fotos, pois son, e fanas, para xeral coñecemento. De paso, pídolle perdón a Deus polas miñas.

-.-

 

 

Só unha síntese:

 

Coido que sobran demostracións de que aquí abaixo, ademais do actual Sistema Métrico Decimal, temos outros sistemas, todos eles subxectivos, para medir segundo nos convén; ¡ou máis exactamente, segundo nos apetece! En vista diso a miña esperanza póñoa en que Deus me mida, me pese, na súa báscula da misericordia, que esa si que ten Fiel Contraste, ¡o propio Deus!

 

Xosé María Gómez Vilabella

 

-oOo-

No hay comentarios: