lunes, 27 de mayo de 2013

EU, PREDICADOR -II-

.../...


Tanto lemos que nos traslemos porque non lemos onde están as verdades salvíficas: na Biblia! ¡Canto se esforzou Xesús, o Mestre dos Mestres, na nosa escolarización, e que pouco llo agradecemos! Non só escolou en por si senón que nos deixou uns apóstolos maxistrais, e pouco máis os coñecemos que de velos en imaxes!


Bautismo de Cornelio

A igrexa avanza polo mundo dos xentís. “Había en Cesarea un home chamado Cornelio, capitán da compañía chamada italiana. Era piadoso e seguidor da relixión xudía, así como tódolos da súa casa. Dáballe moitas esmolas ao pobo e decote oraba a Deus. A iso das tres da tarde tivo unha visión e viu claramente o anxo do Señor entrar cabo del e dicirlle: -¡Cornelio! Cheo de medo, e mirando fixo para el, respondeu: -¿Que é, Señor? O anxo respondeulle: As túas oracións e as túas esmolas subiron diante de Deus e tenas presentes; manda, logo, uns homes a Iope e manda chamar por un certo Simón, tamén chamado Pedro. Está parando en cas dun tal Simón, curtidor, que ten a casa á beira do mar. Cando marchou o anxo, chamou a dous criados e un soldado piadoso dos que lle eran máis fieis, contoulles todo e mandounos a Iope”.

As impurezas da lei antiga: “Para o outro día, indo eles de camiño e xa cerca da cidade, subiu Pedro á azotea a orar. Era polo mediodía, e sentindo fame quixo tomar algo. Mentres llo preparaban, tivo unha éxtase: viu o ceo aberto e como un gran lenzo, que, pendurado polas catro puntas, baixaba cara á terra. Había nel toda clase de cuadrúpedos e reptís da terra e de tódolos paxaros do ceo. Unha voz díxolle: -¡Érguete, Pedro, mata e come! Mais Pedro respondeu: De ningunha maneira, Señor, porque nunca comín cousa impura ou profana. De novo, por segunda vez, faloulle unha voz: -O que Deus purificou non o chames ti profano. Isto sucedeu por tres veces, e, de súpeto, aquel obxecto volveuse para o ceo. Estaba Pedro moi sorprendido cavilando que quería dicir aquela visión que tivera, cando os homes mandados por Cornelio, ao acertaren coa casa de Simón, presentáronse na porta e, dando un berro, preguntaron se paraba alí Simón, o chamado Pedro.

“Estando Pedro matinando na visión, díxolle o Espírito: -Hai aí uns homes que te buscan; baixa e vaite con eles sen escrúpulos, porque os mandei eu. Pedro baixou ao encontro deles e díxolles: -Son eu o que buscades, ¿que é o que vos trae? Eles responderon: O capitán Cornelio, home cabal e adepto ao xudaísmo, moi estimado por toda a nación xudía, recibiu aviso dun santo anxo para que te mandase chamar á súa casa e que te escoitase. Entón Pedro fíxoos entrar e deulles pousada. Para o outro día levantouse e marchou con eles, acompañado por algúns irmáns de Iope, e chegou a Cesarea ao outro día. Cornelio, que xuntara os seus parentes e amigos máis íntimos, xa os estaba agardando”.

“Cando Pedro ía entrar, foi Cornelio á porta e botándoselle aos pés, prostrouse. Pero Pedro levantouno, dicíndolle: -Érguete, que eu tamén son un home. E, falando con el, entrou. Encontrou moita xente xunta e díxolles: -Vos sabedes que non se lle permite a un xudeu ter trato cun estranxeiro ou entrar na súa casa; pero Deus ensinoume que non se debe chamar profano ou impuro a home ningún. Por iso, ao me chamardes, vin sen reparos. E pregúntovos, logo: ¿por que me mandastes chamar?”.

Abolicións: De preceptos tradicionais innecesarios ou absurdos; e tamén a incomunicación racial: Deus non tiña, non quería, fillos privilexiados. A evanxelización adentrábase, avanzaba, no mundo pagán, externo ao xudaísmo. Era o propio Deus quen chamaba, quen abría as portas, coma sempre no máis sinxelo dos estilos.

“Respondeulle Cornelio: -Hai catro días, ás tres da tarde, estaba rezando na miña casa, cando se presentou un home con vestiduras brancas que relucían e dixo: “Cornelio, a túa oración escoitouse, e as túas esmolas recórdanse diante de Deus; manda, logo, uns homes a Iope, e manda buscar un tal Simón, tamén chamado Pedro, que para en cas Simón o curtidor, a rentes do mar”. Mandeiche recado de contado e tiveches a amabilidade de vir. Agora, todos nós estamos na presenza de Deus para oírmos todo o que o Señor che mandou”.

“Tomou entón Pedro a palabra e dixo: -Abofé, vexo que Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta ao que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa. El mandóulle-la súa palabra aos fillos de Israel, anunciándolle-la boa nova da paz por Xesús Cristo: este é o Señor de todos. Vós sabéde-lo que pasou en toda a Xudea, comezando desde Galilea, despois do bautismo que Xoán predicou: como Deus unxiu con Espírito Santo e con poder a Xesús de Nazaret, que pasou facendo o ben e curando a tódolos que estaban asoballados por Satán; pois Deus estaba con el. E nós somos testemuñas de todo o que fixo no país dos xudeus e mais en Xerusalén. Matárono, colgándoo dun madeiro. A este resucitouno Deus ao terceiro día e concedeulle que se deixase ver, non de todo o pobo, senón das testemuñas escollidas de antemán por Deus: nós, que comemos e bebemos con el, logo de que resucitou de entre os mortos. E mandounos que predicásemos ao pobo e atestemos que El é quen foi constituído por Deus xuíz de vivos e de mortos. El é de quen tódolos profetas dan este testemuño: tódolos que crean nel recibirán polo seu nome o perdón dos pecados”.

“Aínda Pedro estaba dicindo estas cousas cando o Espírito Santo veu sobre tódolos que escoitaban a palabra. Tódolos crentes da circuncisión, que viñeron con Pedro, ficaron cheos de asombro, ao veren que o don do Espírito Santo tamén se espallaba sobre os pagáns, pois sentíanos falar en linguas e louvar a Deus. Entón Pedro dixo: -¿Pode alguén negarlle a auga do bautismo aos que recibiron o Espírito Santo o mesmo cá nós? E mandou que os bautizasen no nome de Xesús Cristo. Entón pedíronlle que quedase con eles algúns días”.

¡Eu tamén, Señor; tamén quero quedarme, definitivamente, cos apóstolos, cos predicadores de Xesús Cristo, unirme a eles, sincronizar, recibir asistencia do Espírito Santo para que as miñas verbas sexan ortodoxas, certas e fieis!
-.-
   
Importantísimo, transcendental. ¡Deus é universal, creador e redentor único; todos somos do seu curro, un só rabaño con un só pastor;  daquela, a súa Igrexa, que menos que ser única, única e xeral! Ao home, home / muller, atordado coas tebras mentais do pecado orixinal, escurecéusenos a mente, pero algo quedou no fondo dela, unha esencia, un núcleo, que nos leva á consciencia de que hai Deus, un Ser Supremo. Incluso no politeísmo perciben que algún, un Único, manda e controla no Goberno Universal. ¿Os ateos, que? ¡Sempre direi que non os hai: poñámolos en dificultades, que daquela clamarán polo Deus que os fixo; viralles, e verán, unha luz que lles indique a saída do seu túnel, por escuro que sexa!

A Igrexa de Xerusalén vence as súas reservas e acepta aos pagáns conversos. “Os apóstolos e os irmáns (afíns, parentes, amigos, etc.), de xudeus, sentiron dicir que tamén os pagáns recibiran (¡e aceptaban!) a palabra de Deus. Cando Pedro subiu a Xerusalén, os da circuncisión (os da primeira colleita) botábanlle en cara: -¡Ti fuches á casa de incircuncisos e comiches con eles! (¡Os morgados exclusivistas!) Entón Pedro explicóullello punto por punto:

“-Estaba eu na cidade de Iope, orando, cando tiven en éxtase unha visión: era un obxecto talmente como un gran lenzo, que baixaba do ceo pendurado polas catro puntas e chegou onda min. Mirando para el e observando con atención, vin os cuadrúpedes da terra, as feras, os réptiles e os paxaros do ceo; e sentín unha voz que me dicía: “Érguete, Pedro, mata e come”. Pero eu dixen: De ningunha maneira, Señor, porque nunca levei á boca nada profano ou impuro”. Por segunda vez sentín a voz do ceo: “O que Deus purificou, non o chames ti profano”. Isto pasou tres veces, e despois retirouse todo para o ceo.

“E, fixádevos, nisto preséntanse na casa onde estabamos, tres homes, que mandaran desde Cesarea en busca miña. Díxome entón o Espírito que fose con eles sen reparos. Viñeron tamén comigo estes seis irmáns, e entramos na casa do home, que nos contou como vira ao anxo presentárselle na súa casa e dicir: Manda alguén a Iope a por Simón, chamado Pedro; el hache dicir palabras polas que te salvarás ti e tódolos da túa casa. Cando comezaba eu a falar, veu o Espírito Santo sobre eles, talmente como veu sobre nós ao comezo. Lembrei entón as palabras do Señor, cando dicía: Xoán bautizou con auga, pero vos bautizarédesvos co Espírito Santo. E pois, se Deus lles concedeu o mesmo don cá nós, por creren no Señor Xesús Cristo, ¿quen era eu para opoñerme a Deus?”

“Ao sentiren isto, acougaron e glorificaron a Deus, comentando: “¡De xeito que Deus tamén concedeu aos pagáns o arrepentimento, para acadaren a vida (a vida eterna)!”.

¡Deus, eu, tan pagán, ou máis, cá Cornelio, incircunciso e todo iso, a Ti clamo, que do Santo Espírito tamén fun bautizado, arrepentido que estou, ábreme o entendemento para predicar atinadamente, un pouco, enésimo apóstolo que me prace ser, que teño a obriga de ser, para axudar a bautiza-los Cornelios que aínda quedan neste mundo! ¡A min ilustráronme; debo corresponder ilustrando!

A primeira das prédicas é, ten que ser, a da nosa exemplaridade, que non me cansarei de afirmalo e de sostelo. Só véndonos exemplares, os pagáns, os díscolos, os ignorantes de Xesús, tarde ou cedo sentirán o atractivo das nosas crenzas, que ben se dixo que a fe sen obras é unha fe morta. ¡A semente é para sementala! ¡A fe é para compartila cos irmáns, tantos que temos, de mil etnias, pero todos fillos do mesmo Pai! Se Deus nos beneficiou con un coñecemento máis pleno, máis directo, iso comporta a obriga de compartilo; ou somos caracois?

A propósito: Un dos problemas matrimoniais, actuais, para os cristiáns é a súa multiplicación, tema do que pouco se fala pero aí está, na maioría das familias. Os bens son escasos, os tempos limitados, a muller traballa fóra da casa..., se o consigue! Entón, ter máis fillos dos que se poden educar e manter é unha forma máis da agresividade humana: ¡Con tal de satisfacer as nosas apetencias non nos privamos de prexudica-lo próximo, que neste caso sería o máis próximo do próximo, a prole!

¿Remedio? ¡A continencia periódica, Ogino-Knaus, a ver se de unha vez por todas esquecemos esas píldoras asasinas!

¿Que temos enfronte? ¡Esa proliferación, poño por caso, a dos musulmáns, cunhas mulleres que non se rebelan, así que vai para largo que admitan as nosas prédicas!
-.-
   
Antioquía, primeira Igrexa de pagáns conversos. Unión coa Igrexa de Xerusalén. “Os que se dispersaron fuxindo da persecución orixinada por causa de Estevo, chegaron ata Fenicia, Chipre e Antioquía, sen predicaren a ninguén a palabra, agás aos xudeus. Con todo, houbo algúns de entre eles, homes de Chipre e de Cirene, que chegados a Antioquía comezaron a falar tamén cos gregos, anunciándolle-la boa nova do Señor Xesús. A man do Señor estaba con eles e moitos creron e convertéronse ao señor”.

“Chegaron estas novas aos oídos da Igrexa de Xerusalén, e mandaron a Antioquía a Bernabé. Cando chegou e viu a gracia de Deus, encheuse de alegría e animaba a todos a conservarse unidos ao Señor co corazón firme, pois era un home bo, cheo de Espírito Santo e de fe. E foi moita a xente que se uniu ao Señor”.

“Daquela, Bernabé foi a Tarso en busca de Saulo e, cando o atopou, levouno para Antioquía. Durante un ano enteiro estiveron xuntos naquela Igrexa, adoutrinando a moita xente. Foi en Antioquía onde por primeira vez aos discípulos lles chamaron “cristiáns”. Antioquía, daquela con medio millón de habitantes, fora capital do antigo imperio sirio, e era a sé do gobernador romano. ¡Seguían establecendo vencellos de comuñón e de unidade; construían ben construído, porque os levaba de man o Espírito!”.

“Por aqueles días baixaron a Antioquía uns profetas de Xerusalén. Un deles, chamado Agabo, ergueuse e, movido polo Espírito, anunciou que ía haber unha gran fame por toda a terra (foi a que houbo no tempo de Claudio). Os discípulos ordenaron de mandar un auxilio aos irmáns de Xudea, cadaquén conforme aos seus posibles. E así o fixeron mandándollelo aos seus responsables pola man de Bernabé e de Saulo”.

Comezaban ben, comezaban poñendo en práctica as obras de Caridade; o lamentable é que os cristiáns fósemos convertendo a fraternidade en individualidade, endeusados que estamos! Ao expandirse o cristianismo, Antioquía foi unha das sedes dos catro patriarcados orixinais, xunto con Xerusalén, Alexandría e Roma.
-.-

Herodes persegue a Igrexa. Martirio de Santiago. Prisión e liberación de Pedro. “Por ese tempo o rei Herodes botou man dalgúns membros da Igrexa, para os maltratar”. ¡Vaia, outro Herodes! “Mandou matar con espada a Santiago, irmán de Xoán, e, vendo que iso lles agradaba aos xudeus, mandou tamén prender a Pedro. Era a semana de Pascua. Prendeuno, logo, e meteuno na cadea, gardándoo con catro piquetes de catro soldados cada un. Quería presentalo diante do pobo despois da Pascua. Mentres Pedro estaba retido no cárcere, a Igrexa rezaba intensamente a Deus por el”.

Noso señor Santiago, que ben estabas con nós, cos galegos, pero tiveches que ir ao Concilio aquel...; non volviches de vivo, pero si de morto, que é moi alto honor para nós terte aquí, e máxime, de Patrón!

“A noite antes de que Herodes o presentara diante do pobo, estaba Pedro durmindo entre dous soldados, ligado con dúas cadeas, e unhas sentinelas facían a garda diante da porta da prisión. De súpeto, presentouse o anxo do Señor, e unha luz resplandeceu na cela, tocándolle no costado, espertou a Pedro e díxolle: -¡Érguete correndo! E caéronlle as cadeas das mans. Entón díxolle o anxo: -Pon o cinto e calza as sandalias. E así o fixo. Despois díxolle: -Bota o manto por riba e sígueme”.

“Pedro saíu e seguiuno, sen se dar conta que era realidade o que se facía por medio do anxo, pois coidaba que era unha visión. Atravesaron a primeira garda e logo a segunda, e chegaron á porta de ferro que daba á cidade e abriuse. Ao saíren á rúa, logo o deixou o anxo”.

“Entón Pedro, volvendo en si, dixo: -Agora realmente vexo que o Señor mandou o seu anxo, para librarme das mans de Herodes e de todo o que esperaba o pobo xudeu. E xa con todo o acordo, dirixiuse á casa de María, a nai do Xoán, chamado Marcos, onde había moita xente reunida rezando. Petou na porta da entrada e unha criada, chamada Rode, foi ver quen era. Recoñeceu a voz de Pedro e deulle tal alegría que, se había de abri-lo portal, correu a avisar que Pedro estaba á porta. “¡Estás tola!”, dixéronlle. Mais ela aseguraba que era certo. Os outros dicían: “Será o seu anxo”.

“Pedro seguía petando. Entón abriron, e ao velo, ficaron pasmados. Acenoulles coa man para que calasen e contoulles como o Señor o librara da prisión e díxolles: Mandádelle recado a Santiago (o outro Santiago) e aos irmáns. E liscou de alí para outro sitio. Ao abri-lo día armouse un bo rebumbio entre os soldados, preguntándose que sería de Pedro. Cando Herodes mandou por el e non o encontraron, interrogou aos gardas e mandounos executar. Despois baixou de Xudea a Cesarea (Pedro) e quedou alí”.

¡Pobres soldadiños, mártires daquel infausto deber; estaba visto que chamándose Herodes...!
-.-

Morte de Herodes. ¿Que, levoute o demo? “Herodes estaba aborrecido cos de Tiro e Sidón. Estes presentáronselle en comisión e, logo de gañaren para a causa deles a un tal Blasto, xefe da casa do rei, solicitaron a paz, pois o seu país dependía economicamente do territorio do Rei. No día sinalado, Herodes, revestido co manto real e sentado na tribuna, dirixiulles un discurso. O pobo berraba: “¡É a voz dun deus, non a dun home!” E no intre, (¡adeus deus!), feriuno o anxo do Señor por non  ter dado gloria a Deus. Morreu comesto dos vermes”. ¡Máis que vermes, coido que serían diabros pois os vermes terían noxo da súa carne!

Flavio Josefo escribiu no seu relato, que coincide co bíblico: “Cando Herodes Agripa levaba tres anos gobernando en Xudea..., preparou una exposición en honor de César... Ao día seguinte, á saída do sol, púxose unha túnica toda de prata e camiñou para o teatro. Entón a prata rutilou con todo o seu resplandor, causando unha especie de temor e de tremor naqueles que estaban vendo o espectáculo. De inmediato a multitude chamou desde varios lugar, con palabras que en verdade non eran para o seu ben, tratándoo como deus e berrándolle: “No pasado honrámoste como home, pero agora honrámoste con unha natureza superior á de calquera mortal”. O rei (chulo el, maldito el) non reprendeu nin se mostrou en desacordo cos afagos da multitude... Sentiu unha aguda dor abdominal, comezando con un violento ataque...” (Eran os diabros, entrándolle na barriga!).

Bernabé e Saulo volven para Antioquía. “A palabra de Deus medraba e multiplicábase. Bernabé e Saulo (Pablo), cumprida a súa misión en Xerusalén, volvéronse levando con eles a Xoán, de sobrenome Marcos”.
-.-

Se nos Evanxeos temos o bautismo dos cristiáns, nos Feitos dos Apóstolos está a súa confirmación, a insistencia do Espírito en abrirnos os ollos, en manternos espertos e receptivos. Os Apóstolos, co seu martirio, firmaron o seu testemuño de fe, directamente recibida de Xesús Cristo; tiveron debilidades iniciais pero o Espírito actuou como tal, dándolles as chaves da Gloria, e Pedro en particular, cumprindo co seu designio, oficiou de pedra firme, angular, da Igrexa!
-.-

Primeira viaxe de Paulo. O Espírito e a Igrexa de Antioquía mandan a Bernabé e a Paulo á primeira viaxe misioneira. “Había na Igrexa de Antioquía profetas e mestres: Bernabé, Simeón chamado Nixer, Lucio de Cirene, Menahén (compañeiro de infancia do tetrarca Herodes), e Saulo. Estando nunha reunión litúrxica con xaxún, dixo o Espírito Santo: -Apartade a Bernabé e a Saulo para a obra á que os teño chamados. Entón, logo de xaxuaren e de oraren, impuxéronlle-las mans e despedíronos”.

Impoñe-las mans ten aquí un senso de bendición, de despedida; a expresión dun desexo de éxito. Os signos nunca sobran cando son un expoñente, unha afirmación, dos bos desexos. Por algo a miña dona me dá un bico cando ve que espertei!
-.-

En Chipre. O meigo e a conversión do procónsul. “Por tanto, mandados polo Espírito Santo, baixaron a Seleucia e desde alí embarcaron para Chipre. Chegados a Salamina, comezaron a anuncia-la palabra de Deus nas sinagogas dos xudeus, levando a Xoán de axudante”.

Lóxico: En cada lugar, se había xudeus, comezaban a predicación nas sinagogas; pois nós, cada un na súa familia, en particular polos fillos, pois a educación das criaturas é indelegable; compartible, participativa, si, pero sen excluír a nosa intervención máis entusiástica. O que vai nos xenes hai que completalo, complementalo, coa instrución persoal, íntima, afectuosa. ¡É un capítulo polo que se nos pedirán contas, estreitas, na porta do Ceo! Se non queremos, e non procuramos, o mellor para os nosos fillos, como podemos aspirar á herdanza do noso Pai celestial?

“Despois de atravesaren toda a illa ata Pafos atoparon alí un xudeu, meigo e falso profeta, chamado Barxesús, que estaba co procónsul Serxio Paulo, home prudente. Este mandou chamar a Bernabé e Saulo, arelando escoita-la palabra de Deus. Pero Elimas, o meigo (que así se traduce o seu nome), opúxoselles, procurando arredar da fe ao procónsul. Entón Saulo, tamén chamado Paulo, cheo do Espírito Santo, fixando nel os seus ollos, exclamou: -Estás cheo de andrómenas e de ruindade, fillo do demo, inimigo de todo o bo; ¿non deixarás de torce-los camiños rectos do Señor? Pois agora vai vir sobre ti a man do Señor; ficarás cego, e non vera-la luz do sol por algún tempo. No intre caeron enriba del a escuridade e as tebras e, tentando ao arredor, buscaba quen o guiase pola man. Entón o procónsul, vendo o sucedido, abrazou a fe, impresionado pola doutrina do Señor. Paulo e os seus compañeiros embarcaron en Pafos, e dirixíronse a Perxe de Panfilia. Pero Xoán deixounos e deu volta para Xerusalén”.

¡Coa de andrómenos que temos hoxe, moita falta nos facía outro Paulo que non só lles tapase os ollos senón, e tamén, a lingua; non temos ese poder, pero si temos o de facelos calar deixando de prestarlles atención, predicando verdades que desacrediten as súas falacias! ¡Sen violencia pero fagámolo; non sexamos covardes!
-.-

A predicación de Paulo aos xudeus en Antioquía de Pisidia. “Eles, desde Perxe, seguiron a Antioquía de Pisidia. Un día de sábado entraron na sinagoga e sentáronse. Despois da lectura da Lei e dos Profetas, os xefes da sinagoga mandáronlles dicir: -Irmáns, se tedes algunha palabra par animar ao pobo, falade. Paulo entón, levantándose, acenoulles coa man e dixo: -Israelitas e os que seguides ao noso Deus, escoitade: O Deus deste pobo de Israel escolleu a nosos pais e engrandeceu este pobo durante o seu exilio na terra de Egipto; despois tirounos de alí coa forza do seu brazo. Durante corenta anos soportounos no deserto, e, despois de destruír sete nacións na terra de Canaán, deulles en posesión a súa terra: isto durou uns catrocentos cincuenta anos. Despois diso deulles xuíces ata o profeta Samuel; logo pediron un rei e Deus deulles durante corenta anos a Xaúl, fillo de Quix, da tribo de Benxamín; despois que o refugou, deulles por rei a David de quen testemuñou dicindo: “Atopei a David, fillo de Iexé, home conforme ao meu corazón, que fará en todo a miña vontade”. A súa descendencia é da que Deus, segundo a promesa, mandou un Salvador para Israel: Xesús. Antes da súa chegada, Xoán tiña proclamado a todo o pobo de Israel un bautismo de conversión, e cando estaba rematando o seu camiño, dicía: “Non son eu quen vós pensades, pero mirade, vén despois de min un de quen non son digno nin de desatarlle o calzado dos pés”.

“Irmáns, descendentes de Abraham e os que seguides ao noso Deus; é a nós a quen se nos manda esta mensaxe de salvación. É certo que os veciños de Xerusalén e os seus gobernantes descoñeceron a Xesús e, condenándoo, cumpriron as palabras dos profetas, que se len tódolos sábados. Aínda que non atoparon nel nada que merecese a morte, pedíronlle a Pilato que o mandase matar. E, cando cumpriron todo o que acerca del estaba  escrito, baixárono do madeiro e puxérono nun nicho. Pero Deus resucitouno de entre os mortos, e durante moitos días apareceuse aos que subiran con El de Galilea para Xerusalén, que son agora as súas testemuñas diante do pobo”.

“E nós anunciámosvos a boa nova de que a promesa feita aos nosos pais a cumpriu en nós, os seus descendentes, resucitando a Xesús, conforme estaba escrito no salmo segundo: “Ti é-lo meu Fillo: eu enxendreite hoxe”.

“Que o resucitou de entre os mortos, para non voltar nunca máis á morte, díxoo así: “Heivos concede-los beneficios asegurados a David”. Por iso di noutra pasaxe: “Non permitirás que o teu Santo experimente a corrupción”. Ora ben, David, logo de cumprir no seu tempo o plan de Deus, morreu, xuntouse cos seus pais e experimentou a corrupción, mentres que aquel que Deus resucitou non coñeceu corrupción ningunha”.

“Sabede, logo, irmáns, que por medio del se vos anuncia o perdón dos pecados, e que de todo aquilo do que vós non vos puidestes xustificar mediante a Lei de Moisés, pode, mediante El, xustificarse todo o que cre. Moito coidadiño de que non vos pase o que din os profetas: “Mirade, os escépticos, para que vos pasmedes e caledes, vou facer nos vosos días tal obra, que, se vola contan, non a credes!”.

“Ao saíren, pedíanlles que para o outro sábado lles seguisen falando do mesmo asunto. Cando se desfixo a asemblea, moitos xudeus e prosélitos practicantes seguiron a Paulo e Bernabé, que, falando con eles, os animaban a perseverar na gracia de Deus”.

¿Para que vou predicar se, con ler os Feitos, con trasladalos, está todo dito, perfectamente explicado? ¡O que me queda é pedirvos a súa lectura, unha lectura pousada e meditada! De paso, un rezo, o hábito de facelo. ¿Como? Non me preguntedes a min senón a un teólogo experto, tal que ao crego de San Roque (Lugo) José Pena Mouriz, que vos ensinará doutoralmente: “Hemos de distinguir entre rezar y orar. Rezar es un intercambio de palabras con Dios. Orar es un intercambio de dos interioridades: Dios y nosotros. Jesús quiere tener un encuentro contigo a solas. Los apóstoles pedían a Jesús dos cosas: auméntanos la fe y enséñanos a orar. Jesús les enseñó a orar: (Mateo 6,6). No se ora bien porque no se enseña bien; falta pedagogía. Como en todo, hay un diagnóstico y un tratamiento. Rezar es fácil: lo que le decimos a Dios cuando rezamos ya lo sabe Dios desde que es Dios. (¡Desde siempre!). Pero falta algo más importante: escuchar a Dios”.
-.-
   
Paulo e Bernabé deixan aos xudeus, e diríxense aos pagáns de Antioquía. Problemas. “Para o outro sábado xuntouse case toda a cidade para escoita-la palabra de Deus, pero os xudeus enchéronse de envexa, ao veren tanta xente, e opoñíanse con insultos ao que Paulo dicía. Entón Paulo e Bernabé dixeron ousadamente: -Tiñamos que anunciárvo-la palabra de Deus primeiro a vós, pero, visto que a refugades e non vos considerades dignos da vida eterna, volvémonos cara aos pagáns, pois así nolo mandou o Señor: “Púxente como luz das nacións, para levárlle-la salvación ata os confíns da terra”.

“Os pagáns, sentindo isto, enchíanse de alegría, louvando a mensaxe do Señor; e creron tódolos que estaban destinados á vida eterna. Deste xeito a palabra de Deus espallábase por toda a bisbarra”.

“Pero os xudeus encirraron ás señoras de alta categoría que eran devotas e aos principais da cidade e promoveron unha persecución contra Paulo e Bernabé, expulsándoos do seu territorio. Estes, sacudindo contra eles o po dos seus pés, marcharon para Iconio, mentres os discípulos ficaban cheos de alegría e do Espírito Santo”.

Pasa hoxe en día, que os que tiñan que estar agradecidos adoitan ser os máis desagradecidos. ¡Que se lle vai facer, cruces dos bos, que por algo e para algo o son; unha delas, pasar por malos! “¡Cést la vie!”.
-.-

¿Por que, de que vén, ou a que vén, este desencontro secular entre o vello xudaísmo e o cristianismo? ¡Boa pregunta, con vinte séculos ao lombo! Xesús fixo unha declaración de moita importancia, na que fixou a súa actitude doutrinal fronte ao xudaísmo: Proclamou que non veu abolir nin a Lei nin aos Profetas. Polo contrario, veu a encher, a cumprir e a perfeccionar. Cumprir a Lei coas obras e levar a interpretación á perfección. Así de sinxelo e así de rotundo, así que, amigos fariseos, deixádevos de tiquis miquis interpretativos, acomodaticios ás vosas rutinas desviadas, miopes e imperfectas. Xesús Cristo non veu, nin se propuxo, destruír a Lei, pero tampouco consagrala como algo que non se poda tocar na súa función de mera, de simple escaleira. Veu a darlle claridade interpretativa, espiritualidade e rotundidade, co seu ensino, gradualmente superior e definitivo; upou a humanidade a un nivel que, anteriormente, non era discernible nin asimilable. A cerrazón xudía, tamén secular, esa egolatría de considerarse infalibles nas súas interpretacións mecanicistas, cerrounos á defensiva, unha defensiva agresiva ante a Boa Nova espiritual e revolucionaria.
-.-

Evanxelizan en Iconio. Perseguidos polos xudeus, teñen que marchar. “En Iconio sucedeu o mesmo: entraron xuntos na sinagoga dos xudeus e falaron de tal xeito que creron moitos xudeus e gregos; pero os xudeus que non creron, enlizaron e puxeron a mal aos pagáns contra os irmáns. Con todo botaron alí bastante tempo, e falaban con ousadía, pois confiaban no Señor que testemuñaba a mensaxe da súa gracia realizando por medio deles sinais e prodixios”.

“Entón dividiuse a xente da cidade en bandos: uns estaban polo xudeus e outros polos apóstolos. Pero visto que se organizou unha manifestación de pagáns e xudeus, cos seus xefes á fronte, para os maltrataren e apedraren, eles, que se decataron, fóronse refuxiando un pouco na cidade de Licaonia, outro pouco na de Listra, na de Derbe e nos arredores; e alí anunciaban a boa nova”.

¡Pobres xudeus, tirando pedras ao seu propio tellado, perseguindo aos propios ilustradores; pero mellor será terlles pena que odialos!
-.-
  

Con palabras e obras evanxelizan en Listra e Derbe. Seguen os problemas cos xudeus. “Xacía en Listra, tolleito dos pés, un home que era coxo de nacemento que nunca puidera andar. Estaba escoitando a Paulo, que falaba. Paulo, mirando para el e vendo que tiña fe para se curar, díxolle en voz alta: -¡Érguete, e tente dereito sobre os teus pés! El deu un brinco e botou a andar. A xente, ao ver o que fixera Paulo, berraba en idioma licaonio: “Os deuses baixaron a nós en forma humana”. E chamaban Zeus a Bernabé e a Paulo Hermes, porque era o que lles falaba”.

“Entón o sacerdote do templo de Zeus, que estaba á entrada da cidade, levando ás portas touros e grilandas, de acordo coa xente, pretendía ofrecerlles un sacrificio. Os apóstolos Paulo e Bernabé, en canto se decataron racharon os seus vestidos e correron cara á xente, berrando: -¿Que facedes? Nós non somos máis cá homes coma vós, e o que vos predicamos é que deixedes eses falsos ídolos e vos convertades ao Deus vivo que fixo o ceo, a terra, o mar e todo o que hai neles. Nas xeracións pasadas permitiu a tódalas nacións seguiren os seus propios camiños; pero nin por iso deixou de dar testemuño de si coa súa regalía, dándovos desde o ceo chuvias e estacións frutíferas, enchendo de mantenza e de alegría os vosos corazóns”.

“E con todas estas palabras, traballo lles custou impedir que lles ofrecesen un sacrificio. Pero chegaron de Antioquía e de Iconio uns xudeus que convenceron á xente. Apedraron a Paulo e arrastrárono fóra da cidade, coidando que estaba morto. Mais, cando o rodearon os discípulos, ergueuse e entrou na cidade. Para o outro día marchou con Bernabé cara a Derbe”.

“Logo de anunciaren a boa nova naquela cidade e de faceren bastantes discípulos, volveron para Listra, Iconio e Antioquía, enfortecendo o espírito dos discípulos e animándoos a perseveraren na fe, porque –dicíanlles- temos que pasar por moitos traballos para entrarmos no Reino de Deus. E despois de designarlles presbíteros en cada Igrexa, oraban, xaxuaban e encomendábanos ao Señor en que creran”.

O apostolado ten fatigas e incomprensións, que sempre as tivo, pero na meta está o Reino de Deus, compensación óptima e definitiva pola que suspiramos menos do que nos importa, aterecidos polo frío da incredulidade e da indolencia.
-.-
  
Regresan a Antioquía de Siria. “Atravesando Pisidia, chegaron a Panfilia e, logo de anunciaren a palabra en Perxe, baixaron cara a Atalía. De alí embarcaron para Antioquía, desde onde foran confiados á gracia de Deus para a misión que viñan de cumprir. Chegando, reuniron á Igrexa e contaron todo canto Deus fixera con eles e como lles abrira aos pagáns a porta da fe. Botaron alí moito tempo cos discípulos”.

A fe en Xesús e a lei de Moisés. O problema preséntase en Antioquía.  “Algúns que baixaron desde Xudea ensinaban aos irmáns: Se non vos circuncidades conforme á tradición de Moisés, non vos podedes salvar. Como se orixinou un desacordo e unha disputa non pequena de Paulo e Bernabé contra eles, acordaron que Paulo, Bernabé e algúns outros subisen a Xerusalén a trata-la cuestión cos apóstolos e os responsables. (Responsables = presbíteros). Así que a igrexa déulle-lo preciso para a viaxe e eles atravesaron Fenicia e Samaría relatando como se convertían os pagáns e alegrando así a tódolos irmáns”.
-.-



O concilio de Xerusalén resolve a cuestión da Lei. “Ao chegaren a Xerusalén recibiunos a Igrexa, os apóstolos e os responsables e eles contaron todo o que Deus levaba feito con eles. Pero erguéronse algúns da seita dos fariseos, que creran, e dicían: -Cómpre circuncidalos e mandarlles cumprir a lei de Moisés. Entón os apóstolos e os responsables xuntáronse para examinaren a cuestión. E, despois de moito discutiren, ergueuse Pedro e díxolles:

“-Irmáns, ben sabedes que desde os primeiros días me escolleu Deus de entre vós, para que os pagáns oísen pola miña boca a palabra da boa nova e cresen. E Deus, que coñece os corazóns, testemuñou en favor deles, dándolle-lo Espírito Santo coma a nós. Non fixo ningunha discriminación entre eles e nós, pois purificou o seu corazón pola fe. ¿Por que, logo, tentades a Deus, querendo cangar no pescozo dos discípulos un xugo que nin nosos pais nin nós fomos quen a aturar? Non; nós cremos que nos salvamos pola gracia do Señor Xesús e que eles se salvan igualiño cá nós”.

“Toda a asemblea ficou en silencio e escoitaban como Bernabé e Paulo contaban tódolos sinais e prodixios realizados por Deus entre os pagáns por medio deles”.

“Cando calaron, falou Santiago dicindo: -Simón contou como desde o principio Deus procurou entre os pagáns un pobo para si, e con isto cadran as palabras dos profetas, conforme está escrito: “Logo disto hei volver e reconstruirei a tenda caída de David, reedificarei as súas ruínas e poñereina en pé, para que o resto dos homes busquen ao Señor, así como tódalas nacións que xa invocan o meu nome: dio o Señor, que deu a coñecer estas cousas desde tempos antigos”

“Por iso coido que non se debe importunar aos que de entre os pagáns se converten a Deus; chega con prescribirlles que se absteñan das contaminacións dos ídolos, das unións deshonestas, das carnes afogadas e do sangue; pois Moisés ten desde tempos antigos predicadores en cada cidade e tódolos sábados o lemos nas sinagogas”.

O sangue, para os xudeus, considerábase algo así como fonte de vida, e por iso tíñana prohibida como alimento en reses afogadas, non sacrificadas. Ritos que respondían ao nivel cultural da época; algo así ocorre coa prohibición do cocho para os musulmáns, que deriva de que en tempos de Muhammad era incurable a triquinose.
-.-

Resolución do Concilio. “Entón os apóstolos e os responsables de acordo con toda a Igrexa, decidiron elixir algúns de entre eles e mandalos a Antioquía, xunto con Paulo e Bernabé; Xudas, chamado Barsabás, e Silas, homes que destacaban entre os irmáns. E por medio deles mandaron esta carta:

“Os irmáns apóstolos e responsables saúdan aos irmáns de orixe pagá, que están en Antioquía, Siria e Cilicia. Somos sabedores de que algúns, saídos de aquí e a quen non demos mandato ningún, andan por aí desacougándovos coas súas palabras; decidimos escoller uns delegados e mandárvolos, xunto cos nosos benqueridos Bernabé e Saulo, que teñen dedicada a súa vida á causa do noso Señor Xesús Cristo; mandámosvos, logo, a Xudas e Silas, que vos dirán de palabra as mesmas cousas. Porque decidimos, o Espírito Santo e mais nós, non impoñervos máis cargas cás precisas: absterse de carnes ofrecidas aos ídolos, do sangue, de animais afogados e da unión deshonesta; faredes ben en gardarvos destas cousas. Saúde”.

“Déronlle-lo encargo e baixaron a Antioquía, onde reuniron á xente e entregaron a carta; ao que a leron, alegráronse con aquel consolo. Xudas e Silas, que eran profetas, con moitas palabras animaban e fortalecían a fe dos irmáns. Ao cabo dun tempo, os irmáns déronlle-la paz de despedida, pois volvían onda quen os mandaran. Paulo e Bernabé quedaron en Antioquía, ensinando e predicando con moitos outros a palabra do Señor”.

Pasar do Mestre aos apóstolos moito salto foi, e grazas a asistencia permanente do Espírito Santo. ¡Revolución absoluta, plena, que moito esforzo tivo que requirir aquel transo, aquel salto do pagán ao cristián, aquela adecuación normativa! Pero Xesús, aínda que xa invisible, seguía presente, sostendo neles, nos seus apóstolos!
-.-
 
Expansión da Igrexa polo mundo grego.
Segunda viaxe de Paulo.




Separación de Paulo e Bernabé. Segunda viaxe misioneira. “De alí a uns días, díxolle Paulo a Bernabé: -Volvamos visita-los irmáns en tódalas cidades nas que anunciamos a palabra do Señor, para ver como lles vai. Bernabé quería levar tamén a Xoán, o chamado Marcos, pero Paulo coidaba que non debían levalo porque se separara deles na Panfilia e non participara no traballo. Alporizáronse a tal punto, que se apartaron un do outro: Bernabé colleu a Marcos con el, e embarcaron para Chipre; Paulo, pola súa banda, escolleu a Silas e, encomendado polos irmáns á gracia do Señor, marchou atravesando Siria e Cilicia e animando as comunidades”.

Paulo, ademais de apóstolo da segunda xeración, un auténtico inspector – protector. Tiña razón: a semente non se pode abandonar, e as obras hai que perfeccionalas!
-.-

Timoteo únese á misión de Paulo. “Chegou tamén a Derbe e Listra. Había alí un discípulo, chamado Timoteo, fillo dunha xudía crente e de pai grego, do que falaban ben os irmáns de Listra e de Iconio. Paulo quixo que fose con el e circuncidouno por mor dos xudeus daquela bisbarra, pois todos sabían que o pai era grego”.

“Polas cidades que pasaban transmitíanlle-las decisións tomadas polos apóstolos e responsables en Xerusalén, para que as cumprisen. Deste xeito as igrexas quedaban confirmadas na fe e medraban en número cada día. Impedidos polo Espírito Santo de predica-la mensaxe en Asia, atravesaron Frixia e a rexión de Galacia; chegados a Misia, tentaron de entrar en Bitinia; pero o Espírito de Xesús non llelo permitiu; así que, atravesando Misia, baixaron a Tróade. Durante a noite, Paulo tivo unha visión: estaba alí de pé un macedonio, suplicándolle: “¡Pasa a Macedonia e axúdanos!”. Logo desa visión procuramos partir de contado para Macedonia, sabedores de que Deus nos chamaba para anunciárlle-la boa nova”.

Está claro que o Espírito Santo, os ía levando de man naqueles días tan decisivos da expansión cristiá; ¡facían o que entraba nos plans de Deus, ben efectivo por certo a xulgar polas conversións logradas no seu amplo recorrido! Para definilos, non hai verba mellor, máis exacta, que a de taumaturgos, ¡por obra e gracia do Espírito Santo!

-.-

Conversión de Lidia. “Embarcamos en Tróade, dereitos a Samotracia; para o outro día a Neápolis, e de alí a Filipos, que era das principais cidades da rexión de Macedonia. Alí aínda botamos uns días”.

“O día de sábado saímos fóra da porta cara á beira dun río, onde supoñíamos que había un lugar de oración; sentámonos, e comezamos a falar coas mulleres que se xuntaban alá. Unha delas, que se chamaba Lidia, tratante en púrpura, da cidade de Tiatira, que seguía o xudaísmo, púxose a escoitar, e o Señor abriulle o corazón, para que fixese caso do que dicía Paulo. Despois de bautizarse cos seus, rogábanos así: “Se me tedes por unha fiel do Señor, vide parar na miña casa”. E obrigounos.
-.-

Prisión de Paulo e Silas. (Filipos de Macedonia foi a primeira cidade de Europa que recibiu a mensaxe cristiá do Evanxeo, polos servos de Deus, Paulo e Silas). “Un día pasounos que, indo nós cara ao sitio da oración, atopamos unha escrava que tiña espírito de adiviña e dáballes moitos cartos aos seus amos coas súas adiviñacións. Seguíanos a Paulo e a nós, berrando: “Estes homes son servos do Deus Altísimo, que vos anuncian o camiño da salvación”. Levaba así moitos días. Entón Paulo, xa farto, volveuse e díxolle ao espírito: “Ordénoche no nome de Xesús Cristo que saias desa muller”. E no mesmo intre saíu”.

“Vendo os amos que se lles ía a esperanza do negocio, botaron man de Paulo e Silas e arrastráronos á praza pública á presenza dos xuíces. Presentáronos ás autoridades, dicindo: “Estes homes andan perturbando a nosa cidade; son xudeus e predican uns costumes que, como romanos, non podemos admitir nin practicar”.

“A xente arrepúxose en contra deles, e os pretores, despois de facer que os espisen, mandáronos azoutar con vergallos. Cando xa lles deran moitos vergallazos, metéronos na prisión, ordenándolle ao carcereiro que os gardase con moito tino. El, ao recibir tal orde meteunos na cela de castigo e prendéulle-los pés co cepo”.
-.-

Conversión do carcereiro. Liberación e partida. “Pola media noite, Paulo e Silas oraban, cantando louvanzas a Deus. Os outros presos escoitaban. De súpeto veu un terremoto tan grande que se abalaron os alicerces da prisión; de golpe abríronse as portas, todas, e desprendéronse as cadeas de todos eles. Cando acordou o carcereiro e viu abertas as portas da prisión quitou a espada para matarse, coidando que os presos xa fuxiran; pero Paulo berroulle: -Non te manques, que estamos todos aquí. El pediu unha luz, entrou dentro e, tremendo, botouse aos pés de Paulo e de Silas, levounos para fóra e díxolles: -Señores, ¿que teño que facer para salvarme? Respondéronlle: -Cre no Señor Xesús e salvaraste ti e mailos da túa casa. E anunciáronlle a palabra do Señor, a el e mais a tódolos da súa casa. Naquela mesma hora da noite levounos consigo, lavóulle-las feridas e seguidamente bautizouse, el e tódolos seus. Despois fíxoos subir á súa casa, preparóulle-la mesa, e celebraron unha festa por crer en Deus con tódolos da súa casa”.

“Ao ser día, os pretores mandaron os alguacís para dicirlle ao carcereiro: “Ceiba a eses homes”. Entón o carcereiro transmitiu a Paulo a mensaxe: -Os pretores mandan dicir que vos poña en liberdade; saíde, logo, e marchade en paz. Pero Paulo replicoulles: -Ou sexa, que primeiro nos azoutan á vista de todo o mundo, despois métennos no cárcere sen xuízo, a nós, que somos cidadáns romanos, ¿e agora quérennos botar ás agachadas? Pois non. Que nos veñan ceibar eles en persoa”.

“Os alguacís fóronlles dá-lo recado aos pretores, que colleron medo ao sentiren dicir que eran cidadáns romanos. Fóronlles pedir desculpas e, acompañándoos para fóra, pedíronlles que se marchasen da cidade. Ao saíren do cárcere, foron á casa de Lidia; viron os irmáns, animáronos e marcharon”.
-.-

CARTA A UN MISIONERO, escrita por Wilfredo C. Román, e traducida ao galego por Xosé María Gómez Vilabella,  para poñer en evidencia as emocións e mailos sacrificios de ser apóstolo. Calquera que sexa, ou fose, o credo deste Autor, considero que esta reflexión é valida para tódolos cristiáns:

Querido irmán: Chegouche o tempo para saír, e son moitas as cousas para facer ou dicir. Agora a túa mente está un pouco confusa pensando na roupa que tes que gardar, as direccións que anotar, as persoas que se despiden, o nerviosismo da viaxe; todo isto contribúe a que sexa un tanto difícil manterse imperturbable. Se cadra desexarías estar mellor preparado, coñecer máis o Evanxeo, saber falar con maior seguridade; pero en todo iso o máis importante é ter o desexo de servir a Deus e de compartir as boas novas cos escollidos.

Tan só nuns días máis coñecerás a obra máis fermosa que poda existir sobre da terra; podemos obter un título universitario; podemos ser recoñecidos polo mundo, conseguir coñecementos científicos, lograr benestar; hai moitas cousas moi variadas nas que podemos estar activos; pero nada diso supera ás experiencias gañadas no campo misional, e estas son privativas de todo aquel que teña sido misioneiro. Non podemos estar completos, sentirnos completos, se non somos misioneiros, e esta é unha responsabilidade de cada sacerdote da Igrexa.

Unha misión é algo especial. Sentirás o gozo de ver bautizarse a quen ti ensinaches, gozo ao escoitalos rezar por primeira vez, gozo ao mostrarlles o Camiño da salvación e velos progresar na Igrexa. Sentirás seguridade ao testificar que Deus vive, e saber positivamente que El escoita as nosas oracións. Sentirás o gozo de compartir as túas horas con alguén que te apoia plenamente, a quen chegarás a amar sinceramente aínda que non lle teñas visto antes e tal vez nunca o volvas a ver nesta terra: “teu compañeiro”.

Sentirás tristeza cando che cerren unha porta, cando alguén non queira saber máis, cando refuguen a túa mensaxe. Pero por tristes que sexan estas cousas, e por prezadas outras, nada será comparable a ese tempo que vivirás sen preocupacións, só compartindo as verdades eternas cos teus semellantes.

Nunca na túa vida terás igual privilexio, e despois dese tempo nada será igual: saberás con certeza profunda o valor da oración, con certeira convicción que Deus e Xesús viven, e daquela nada poderá cambiar a túa nova vida.

Esta empresa é a máis marabillosa e valiosa que existe; a ela pódense aplicar os pensamentos de “Un sono imposible”: “... seguir tras dunha estrela sen importar o lonxe que estea, nin canto sacrificio custe conseguila...; pelexar con un inimigo invisible, e aínda que non o vexamos saber que se pode vencer...; e á fin de todo, aínda que o noso corpo estea chagado, as nosas forzas teñan rematado e nos quede o último alento, estaremos seguros de conseguir o que era imposible”.

O que nosoutros colleitamos é para o noso galardón, e o que deixamos de facer tamén o será para a nosa conta. Podemos empezar a segar en calquera lugar, e ao sementar preparamos a colleita. A nosa misión é un tempo de proba, é unha vida curta, á semellanza da nosa vida sobre a terra; hai quen é neglixente durante este tempo, e serao o resto da súa vida; hai quen aprende a traballar e nunca se lle esquecerá. Apréndese a tomar decisións e esa capacidade durará toda a vida. Aprenderás a humildade ao rezar e escoitar ao Espírito; cada cousa que fagas na túa misión reflexarase no teu futuro. Será unha época inesquecible, e cando pasen os anos recordarás con cariño aqueles días nos que non che importaron a chuvia nin o barro; non che importou o frío do inverno nin a calor do verán, senón que golpeabas as portas buscando aos elixidos; e ao caer a noite, cos pés cansados, os zapatos sucios, a roupa empapada en suor, e coa cara e as mans aterecidas de frío, axeonllaraste ante Deus e agradecerás o novo contacto ou a charla que deches pola tarde; entón durmirás tranquilo sabendo que alguén vela o teu descanso.

¿E os que se quedan na casa? Ímonos, e alí haberá unha sela baleira, unha cama sen ocupar, un silencio dos nosos pasos e da nosa voz; non haberá por algún tempo outro domingo no que vaiamos todos xuntos á igrexa, nin outra noite de fogar coa familia completa; pero as nosas cartas contándolles o que facemos e o felices que somos testificando que o Evanxeo está de novo na terra, substituirán en parte a nosa ausencia. E non esquezas que eles esperan as túas cartas, alegres cos teus logros.

¿Acaso podes estar triste se traballas na obra do Señor? Agora formas parte dun pacífico pero forte exército, disperso sobre a terra co propósito de levar a cada persoa o coñecemento de Cristo. ¿Non é isto marabilloso? ¿Non vale a pena calquera sacrificio?

Fuches chamado a “...dar boas novas aos pobres..., a sandar aos quebrados de corazón; a pregoar liberdade aos cativos...” (Lucas 4:18). A túa testemuña dará flores onde ninguén puido sementar; deixará semente que outros colleitarán, e todo será para a gloria de Deus e para a túa propia salvación. O Señor sabe que tes talentos especiais; úsaos en ben da Súa Obra, que El te bendicirá con unha coroa de luz e de gloria. Pero non esquezas dobrar os teus xeonllos, e con puro corazón envórcalle os teus pensamentos e os teus sentimentos ao Señor; en calquera sitio que esteas El estará ao teu lado; nunca te abandonará se es fiel aos Seus mandamentos”.
-o-   

Volvamos a eses FEITOS tan ben feitos, tan edificantes; no punto que os deixamos; 17.1

En Tesalónica. Problemas cos xudeus. (¡Sempre, ou case sempre, cos seus, cos deles!). “Atravesando por Anfípolis e Apolonia, chegaron a Tesalónica, onde había unha sinagoga de xudeus. Como de costume, Paulo foi para onda eles e durante tres sábados discutiron. Apoiándose nas escrituras, explicáballes que o Mesías tiña que sufrir e resucitar de entre os mortos, e que ese Mesías “é Xesús a quen eu vos anuncio”. Algún deles convencéronse e uníronse a Paulo e Silas, así como moitos gregos seguidores do xudaísmo e bastantes mulleres de categoría”.

“Non obstante, os xudeus, cheos de envexa, xuntando algúns pillabáns dos peoriños, armaron un rebumbio na cidade, e presentáronse en casa de Iasón en busca deles, para levalos diante do pobo. Como non os encontraron, arrastraron a Iasón e algúns dos irmáns diante das autoridades locais, berrando. –“Eses, que andan revolucionando o mundo enteiro, tamén viñeron aquí, e Iasón recibiunos na súa casa. Todos van contra os decretos do emperador, dicindo que é rei un tal Xesús. Con isto desconcertaron ao pobo e ás autoridades locais que tal oían. Pero, despois de recibiren unha fianza de Iasón e dos demais, soltáronos”.
-.-

En Berea. Boa acollida. “E axiña, de noite, os irmáns fixeron marchar a Paulo e a Silas cara a Berea. Ao chegaren, dirixíronse á sinagoga dos xudeus. Estes eran máis nobres cós de Tesalónica e recibiron a palabra con todo interese, investigando tódolos días as Escrituras, para veren se aquilo era así. Moitos deles creron e tamén bastantes señoras gregas das máis distinguidas, así como os homes.

“Cando os xudeus de Tesalónica souberon que tamén en Berea anunciara Paulo a palabra de Deus, foron alí enlizar e axita-la xente. Entón os irmáns, sen tardar, mandaron a Paulo cara ao mar. Silas e Timoteo ficaron alí”.
-.-

Pablo en Atenas. “Os que conducían a Paulo levárono a Atenas e volveron coa encomenda de que Silas e Timoteo fosen con todo o apuro onda el. Mentres Paulo agardaba por eles en Atenas, consumíase por dentro, vendo que a cidade estaba chea de ídolos. Comezou, logo, a discutir na sinagoga cos xudeus e cos seguidores do xudaísmo, e na praza tódolos días cos que aparecían por alí. Algúns filósofos epicúreos e estoicos conversaban con el; uns dicían: “-Que quererá dicir este lingoreteiro? E outros: -Parece ser un predicador de deuses estranxeiros. (É que anunciaba a Xesús e a súa resurrección). Entón levárono con eles ao Areópago, dicíndolle:

“-Podemos saber que é esa nova doutrina que ensinas? Porque ti dis cousas que nos sorprenden e queremos saber de que se trata.

(Os atenienses e os estranxeiros que vivían alí pasaban o tempo contando ou escoitando a última novidade).

-.-


Discurso de Paulo no Areópago. “Entón Paulo, de pé no medio do Areópago, dixo: -Atenienses, vexo en todo que sodes moi relixiosos, pois andando por aí e mirando para os vosos monumentos de culto, incluso atopei un altar con esta inscrición: “Ao deus descoñecido”. Ben, pois o que venerades sen o coñecer, é o que eu vos anuncio: O Deus que fixo o mundo e todo o que nel hai; o Señor do ceo e mais da terra non habita en santuarios feitos pola man dos homes, nin o serven mans humanas, como se precisase de cousa ningunha El, que a todos dá vida e alento. Dun só home quitou a raza humana, para que habitasen toda a terra, e estableceu os lindeiros dos seus tempos e mais dos seus territorios, para que o buscasen a El e o encontrasen, aínda que fose atoutiñando. En realidade non está lonxe de cada un de nós, posto que nel vivimos, nos movemos e existimos, como algúns dos vosos poetas dixeron: “porque somos incluso da súa caste”. Así que, sendo da liñaxe de Deus, non debemos pensar que a divindade sexa semellante ao ouro, á prata ou á pedra, traballados pola maña e pola imaxinación do home. Ora ben, pasando por alto os tempos da ignorancia, agora manda Deus aos homes que todos en todas partes se arrepintan. Porque estableceu un día no que ha xulga-lo mundo con xustiza por medio do home que El determinou, dándonos a todos a garantía disto, resucitándoo de entre os mortos”.

“Ao sentiren falar da “resurrección de mortos”, uns burlábanse e outros dicíanlle: -Ben, home, ben. Diso xa te escoitaremos noutra ocasión. Con estas, Paulo marchou do medio deles. Mesmo así, xuntáronselle algúns homes e creron, entre eles Dionisio Areopaxita, unha muller chamada Dámaris, e outros”.
-.-
 
Paulo en Corinto. Problemas (¡outra vez!) cos xudeus. “Despois disto Paulo deixou Atenas e foise para Corinto. Alí atopou un xudeu chamado Áquila, natural do Ponto, que acababa de chegar de Italia con Priscila, a súa muller, por cousa dun edicto de Claudio, que mandaba que tódolos xudeus marchasen de Roma. Xuntouse con eles, e como eran do mesmo oficio, quedou a traballar na casa del”. (Eran tecedores de lonas).

“Cada sábado discutía na sinagoga, tratando de convencer a xudeus e a gregos. Cando Silas e Timoteo chegaron de Macedonia, Paulo dedicouse de cheo á palabra, atestando perante os xudeus que Xesús é o Mesías. Pero como eles se lle repoñían xurando, díxolles, sacudindo a roupa: -Que o voso sangue veña sobre a vosa cabeza; eu non teño culpa. De agora en diante voume aos pagáns”. (O de sacudirse a roupa era un xesto simbólico que indicaba repulsa).

“E marchando de alí, foi á casa dun tal Ticio Xusto, seguidor do xudaísmo, que vivía a carón da sinagoga. Crispo, o xefe da sinagoga, creu no Señor con toda a súa familia, e moitos corintios que escoitaban a Paulo abrazaron a fe e bautizáronse”.

“Unha noite, en visión, díxolle o Señor a Paulo: Non reces, sigue falando e non cales; que eu estou contigo e ninguén arremeterá contra ti, que teño un pobo numeroso nesta cidade. Entón botou alí ano e medio, ensinándolles a palabra de Deus”.

... Sigue falando e non cales...! ¡Ai, Deus, que xa o entendín; aquela recomendación non só ía por Pablo senón que era expresión, expresión divina, de que os predicadores, e predicadores somos todos e cada un dos cristiáns, estamos aquí para expandir a túa palabra! Sigue falando e non cales, vello Xosé María, que aínda queda moito sen dicir, moitos pagáns aos que evanxelizar!

“Sendo Galión procónsul de Acaia, os xudeus, todos á xunta, foron contra Paulo e levárono diante do tribunal, dicindo: -Este home anda a convencer na xente para que dean culto a Deus dun xeito contrario á Lei. Aínda Paulo non abrira a boca e Galión díxolles aos xudeus: -Se se tratase dalgunha inxustiza ou delito grave, sería de razón atendervos con paciencia; pero como é cuestión de palabras, de nomes e da vosa Lei, amañádevos vós. Eu non quero ser xuíz desas cousas. E mandounos saír do tribunal. Entón botaron man de Sóstenes, o xefe da sinagoga, e déronlle unha malleira diante do tribunal, pero Galión non quixo saber nada”.
-.-

Regreso a Antioquía por Éfeso. “Paulo aínda botou alí ben días. Despois despediuse dos irmáns e embarcou para Siria en compañía de Priscila e de Áquila. En Céncreas rapou a cabeza, porque se ofrecera. Chegaron a Éfeso e alí separáronse. Entrou na sinagoga e discutía cos xudeus; pedíronlle que ficase máis tempo, pero el non quixo, e despediuse dicindo: -Hei volver onda vós, se Deus quere. E marchou de Éfeso. Logo de desembarcar en Cesarea, subiu a saudar á igrexa e baixou a Antioquía”.
-.-



Terceira viaxe de Paulo

“Pasado algún tempo, marchou a percorrer sucesivamente o país gálata e a Frixia, fortalecendo a tódolos discípulos. Predicación de Apolo en Éfeso e Corinto. Chegou a Éfeso un xudeu chamado Apolo, natural de Alexandría, que falaba moi ben e dominaba as Escrituras. Instruírase no Camiño do Señor e con espírito afouto predicaba e ensinaba con exactitude no tocante a Xesús, aínda que só coñecía o bautismo de Xoán”.

“Púxose a falar na sinagoga. Priscila e Áquila, que o sentiran, levárono consigo e expuxéronlle con máis precisión o Camiño de Deus. Como el quería ir para Acaia, os irmáns animárono e escribíronlles aos discípulos para que o acollesen. De chegado, foilles de gran axuda aos que pola gracia abrazaran a fe, pois con forza refutaba en público aos xudeus, demostrando polas Escrituras que Xesús era o Mesías”.

Paulo volve a Éfeso, onde bota dous anos evanxelizando. “En tanto Apolo estaba en Corinto, Paulo, logo de atravesa-lo interior do país, chegou a Éfeso. Encontrou alí algúns discípulos, e preguntoulles: -¿Recibíste-lo Espírito Santo cando abrazáste-la fe? Eles respondéronlle: -Nin sequera sentimos dicir que haxa un Espírito Santo. Díxolles: -E logo, ¿que bautismo recibistes? Eles responderon: O bautismo de Xoán. Entón díxolles Paulo: -Xoán bautizaba con un bautismo de conversión, dicíndolle ao pobo que cresen no que viña despois del, é dicir, en Xesús. Despois de sentiren isto, bautizáronse no nome do Señor Xesús; e logo que Paulo lles impuxo as mans, veu sobre eles o Espírito Santo e comezaron a falar en linguas estrañas e a profetizar. En total eran doce homes”.

¡Ben o fixeran, ben, pois conservaban aquelas  nocións iniciáticas recibidas por seus pais ou por seus avós directamente de Xoán Bautista! A labor de Pablo é asombrosa, admirable, marabillosa e milagrosa, e tamén implica unha gran resistencia física, con tantas viaxes, e tantas penalidades, ao lombo.

“Foi Paulo para a sinagoga e durante tres meses falou abertamente, discutindo e convencendo no tocante ao reino de Deus. Pero, como algúns estaban endurecidos e non crían e falaban mal do Camiño diante da xente, arredouse deles. Tomando á parte aos discípulos, falaba cada día na escola dun tal Tirano. Isto durou dous anos, de xeito que sentiron a palabra do Señor tódolos habitantes de Asia, xudeus e gregos”.

“Deus facía milagres extraordinarios polas mans de Paulo; a tal punto que poñéndolles aos enfermos os panos da man ou pezas del que tocaran o corpo, desaparecían deles as enfermidades, e marchaban os malos espíritos”.

“Tamén algúns xudeus, exorcistas ambulantes, probaron a invoca-lo nome do señor Xesús sobre os que tiñan os espíritos malos, dicindo: “Esconxúrovos polo Xesús que Paulo predica”. (Os que isto facían eran sete fillos dun certo Escevas, sumo sacerdote xudeu). Pero o mal espírito respondeulles: “Coñezo a Xesús e sei quen é Paulo, ¿pero vós quen sodes?”. E o que estaba posuído polo espírito malo botouse a eles dun brinco e fixo deles un pandeiro, de tal xeito que tiveron que fuxir da casa aquela en coiro e cheos de feridas”.

“Isto soubérono tódolos que vivían en Éfeso, xudeus e gregos. Todos tomaron moito respecto e recoñecían a grandeza do nome do Señor Xesús. Moitos dos que creran foron confesar e declara-las súas meiguerías e moitos dos que foran meigos levaban os libros e queimábanos diante de todos. Calcularon que valerían unhas cincuenta mil moedas de prata. Deste xeito medraba e fortalecíase a palabra de Deus”.

“Despois destes feitos, Paulo decidiu ir a Xerusalén, pasando por Macedonia e Acaia, declarando: “-Despois de estar alí, teño que visitar tamén Roma”. Entón mandou a Macedonia dous dos seus axudantes, Timoteo e Erasto, mentres el pasaba algún tempo aínda en Asia”.
-.-

O Evanxeo choca cos intereses da industria pagá. “Daquela armouse un gran balbordo por causa do Camiño. O caso foi así:




Un prateiro chamado Demetrio, que fabricaba reproducións en prata do santuario da deusa Artemisa e que proporcionaban aos artesáns non pouca ganancia, reuniunos con outros da mesma arte e díxolles: -Compañeiros, ben sabedes que a nosa prosperidade depende desta industria; pero estades vendo e sentindo que non só en Éfeso senón tamén en case toda Asia, ese Paulo convenceu a bastante xente, dicíndolles que non son deuses os que se fan coas mans. Isto pon en perigo non só o creto da nosa industria, senón incluso do mesmo templo da gran deusa Artemisa, acabando por desprestixiar a aquela que veneran Asia e o mundo enteiro”.

“Ao sentiren isto, alporizáronse e deron en berrar: -¡Viva a Artemisa dos efesios! Armouse unha algueirada por toda a cidade; a xente botouse en masa cara ao teatro, arrastrando consigo aos macedonios Gaio e mais Aristarco, compañeiros de viaxe de Paulo”.

“Paulo quería presentarse naquela manifestación pero os discípulos non o deixaron, e incluso algúns das autoridades que eran amigos del, mandáronlle aviso de que non aparecese polo teatro. Cadaquén berraba polo seu lado, pois a asemblea estaba revolta e a maioría nin sabía por que se xuntaran. Entón saíu de entre a xente Alexandro, animado polos xudeus, que, acenando coa man, pediu a palabra para darlle explicacións á xente. Pero cando se decataron de que era xudeu, estiveron berrando todos á xunta, case dúas horas: “¡Viva a Artemisa dos efesios!”.

“Entón o secretario calmou á xente e dixo: -Efesios, ¿quen non sabe que a cidade de Éfeso é a garda do templo da grande Artemisa e da súa imaxe baixada do ceo? Sendo isto indiscutible, convén que teñades calma e non fagáde-las cousas ás toas, porque trouxestes a uns homes que non son sacrílegos nin blasfemadores da nosa deusa. Polo tanto, se Demetrio e os artesáns que van con el teñen queixa de alguén, xa hai audiencias e procónsules; que preiteen. E, se queredes algunha outra cousa, xa se resolverá na asemblea regulamentaria. Mesmo nos arriscamos a que nos acusen de insurrección polo que pasou hoxe, pois non hai motivo ningún que xustifique semellante rebumbio. E dicindo isto, disolveu a asemblea”.
-.-
   
Comeza o regreso de Paulo a Siria, pasando antes por Macedonia. “Cando pasou o boureo, Paulo mandou chamar polos discípulos, animounos, despediuse deles e marchou cara a Macedonia. Despois de percorrer aquela bisbarra, animándoos moito, chegou a Grecia, onde botou tres meses. Cando estaba para embarcar cara a Siria, como os xudeus lle argallaran unha emboscada, resolveu volver por Macedonia. Levaba de compañeiros a Sópatro, fillo de Pirro, natural de Berea, aos tesalonicenses Aristarco e Segundo, Gaio de Derbe, Timoteo e os asiáticos Tíquico e Trófimo. Eses adiantáronse e esperaron polos outros en Tróade. Pola nosa banda, embarcamos en Filipos despois das festas da Pascua, e logo de cinco días fomos dar con eles en Tróade, quedando alí sete días”.

Asombra a actividade divulgativa, misional, de Paulo, non si? ¡E eu, coas mans no peto, gardando o segredo do meu Xesús, da miña regalía apostólica, e con tanto incrédulo aos que predicar! ¡Comodón! ¡Polo menos iso, pasota, comodón!
-.-

En Tróade. Episodio do rapaz accidentado. “O domingo estabamos reunidos para parti-lo pan. (Celebración da Eucaristía). Paulo, que ía marchar para o outro día, comezou a falar con eles e prolongou a prédica ata a media noite. (¡Incansable!). Había moitas lámpadas no cuarto alto, onde estabamos reunidos”.

“A un rapaz, chamado Eutiquio, que estaba sentado na ventá, foille pegando o sono mentres Paulo alongaba a súa plática; e así que adormeceu de vez, caeu en baixo desde o terceiro piso e recollérono morto. Paulo baixou, botouse sobre el e, apertándoo dixo: “-Non vos asustedes, que aínda alenta”. Subiu, partiu o pan e comeuno e, despois de conversar aínda ben tempo, ata o amencer, marchou. Entón levaron o rapaz, ¡vivo!, e tiveron un gran consolo”.

“Pola nosa banda, adiantámonos a embarcar rumbo a Asos, onde tiñamos que recoller a Paulo, pois el dispuxera face-la viaxe por terra. Cando nos atrapou en Asos, recollémolo a bordo, e chegamos a Mitilene; de alí fixémonos á vela, e ao outro día chegamos fronte a Quios. Para o outro día navegamos a Samos, e para o outro chegamos a Mileto”.
-.-
  
Despedida dos presbíteros de Éfeso en Mileto. “Paulo tiña decidido pasar por Éfeso de largo, para non perder tempo en Asia. Apuraba por ver de estar en Xerusalén o día de Pentecostés. Desde Mileto, mandou chamar polos responsables da igrexa de Éfeso (presbíteros). Cando chegaron cabo del, díxolles:”

“-Ben sabedes como me portei convosco desde o primeiro día que cheguei a Asia, servindo ao Señor con toda humildade no medio das bágoas e probas que me viñeron das maquinacións dos xudeus; non tiven reparo en instruírvos e predicarvos, publicamente e polas casas, todo o que vos fose de proveito, insistindo solemnemente a xudeus e gregos que se convertesen a Deus pola fe no noso Señor Xesús”.

“E agora vouvos a Xerusalén, obrigado polo Espírito, sen sabe-lo que me espera; só sei que o Espírito Santo me avisa de cidade en cidade que me agardan cadeas e tribulacións. Pero non estimo en nada a miña vida, con tal de que poida remata-la miña carreira e o servicio que me encomendou o Señor Xesús: dar testemuño da boa nova da graza de Deus”.

“Sei que ninguén de vós, entre os que pasei predicando o Reino, me volverá ver. Por iso, asegúrovos hoxe que non me sinto responsable da perdición de ninguén, porque non me gardei de anunciarvos todo o plan de Deus. Coidade de vós e de todo o rabaño do que o Espírito Santo vos constituíu inspectores (bispos), para pastoreardes a igrexa que Deus comprou co sangue do seu propio Fillo”.

“Xa sei que despois da miña marcha hanse meter entre vós lobos carniceiros, que non terán mágoa do rabaño. E incluso de entre vós mesmos sairán homes que ensinarán cousas perversas, para arrastraren aos discípulos tras eles. Por iso, vixiade, lembrándovos que, por tres anos, día e noite, non parei de vos aconsellar con bágoas a cada un de vós”.

“Eu déixovos nas mans de Deus e da súa palabra de gracia. El ten poder para construír e dárvo-la herdanza entre tódolos santificados. Non cobicei de ninguén prata, ouro nin roupa: ben sabedes todos que para as miñas necesidades e as dos meus compañeiros gañaron abondo estas miñas mans. En todo vos mostrei que é, traballando así, como cómpre valerlles aos necesitados, recordando as palabras do Señor Xesús, que dixo: “É máis felicidade dar que recibir”.

“En dicindo isto, axeonllouse con todos eles, e rezou. Todos choraron moito e, dábanlle apertas e bicos a Paulo, aflixidos, sobre todo porque lles dixera que non o ían ver máis. E foron con el ata o barco”.

¿Que; inimitable, non si? ¡Pois animémonos a imitalo, que virtudes para iso ten, así que pidámoslle que as comparta connosco, que nos ensine a imitalo, a seguilo, a tomalo de prototipo evanxélico! Paulo pasou de ofensor a modelo...; eu tamén, tamén quero imitalo, en canto me sexa dado e posible, que son curto, pero Paulo tampouco era alto, ata que medrou ante Xesús, por obra e graza de Xesús, que quixo demostrarnos en Saulo que se pode pasar do pecado á santidade, pero..., arrepentidos, sinceramente arrepentidos, iso si, con auténtico propósito de emenda!
-.-  

A viaxe a Xerusalén. “Despois de separarnos deles, embarcamos e fomos dereitos cara a Cos; ao día seguinte a Rodas e de alí a Pátara. Encontramos un barco que ía face-la travesía a Fenicia, embarcamos nel e seguímo-la viaxe. Chegando a dexergar Chipre, que deixamos á esquerda, navegamos para Siria e chegamos a Tiro, pois alí tiña que descarga-lo barco”.

“Atopámo-los discípulos e paramos alí sete días. Eles, movidos polo Espírito, dicíanlle a Paulo que non subise a Xerusalén. Pasados aqueles días, partimos. Todos, xunto coas mulleres e mailos fillos, acompañáronos ata as aforas da cidade e, postos de xeonllos na praia, rezamos. Despois de despedirnos uns dos outros, nosoutros embarcamos e eles volveron para as súas casas”.

“Nós, rematando a travesía, fomos de Tiro a Tolemaida, saudámo-los irmáns e quedamos un día con eles. Marchamos para o outro día. Chegamos a Cesarea e, entrando na casa do evanxelista Felipe, un dos Sete, pousamos con el. Felipe tiña catro fillas virxes, que falaban inspiradas. Botamos alí bastantes días e baixou de Xudea un profeta, chamado Agabo, que nos veu ver e, tomando o cinto de Paulo, atouse de pés e mans dicindo: -Isto di o Espírito Santo: Así atarán os xudeus en Xerusalén ao dono deste cinto e entregarano nas mans dos pagáns”.

“Ao sentirmos isto, nós e os do lugar insistiámoslle a Paulo que non subise a Xerusalén. Daquela respondeu Paulo: -¿A que vén tanto pranto? ¿Seica me queredes desmoralizar? Eu estou disposto non só a deixarme atar, senón tamén a morrer en Xerusalén polo nome do Señor Xesús. E, como non se deixaba convencer, desistimos, dicindo: “Que se faga a vontade do Señor”.
-.-




Pablo preso en Xerusalén. “Pasados aqueles días, e feitos os preparativos, subimos a Xerusalén. Viñeron connosco algúns discípulos de Cesarea, e leváronnos a pousar á casa dun certo Nasón, chipriota, discípulo desde o comezo. Chegados a Xerusalén, os irmáns recibíronos”.

Visita a Santiago. “Para o outro día, foi Paulo connosco cabo de Santiago, e estaban presentes tódolos responsables. Logo de os saudar, contoulles unha por unha as cousas que Deus fixera entre os pagáns polo seu ministerio. Ao sentilo, glorificaron a Deus pero dixéronlle:

“Xa ves, irmán, os milleiros de xudeus que abrazaron a fe; e todos son celosos defensores da Lei; pero de ti sentiron dicir que ensinas a tódolos xudeus que están entre os pagáns a apartarse de Moisés, dicindo que non circunciden os seus fillos nin sigan as tradicións. ¿Que imos facer agora? Todos saberán que chegaches. Fai logo o que che dicimos: hai aquí catro homes que están ofrecidos: lévaos canda ti, purifícate con eles e paga por eles para que rapen a cabeza e que todos saiban que non hai nada do que se di, senón que ti mesmo es un practicante da Lei. No que toca aos pagáns que abrazaron a fe, mandámoslles por escrito a nosa decisión: que se garden das carnes sacrificadas aos ídolos, do sangue, das carnes sen desangrar e das unións deshonestas. Entón Paulo, para o outro día, levou consigo aqueles catro homes, purificouse xunto con eles e entrou no templo para avisar cando acababan os días da purificación e cando tocaba presenta-la ofrenda por cada un deles”.

Non tratándose dunha cuestión de principio, senón dun requisito ou ritual, Paulo faise “xudeu entre os xudeus”. 
-.-
   
Motín contra Paulo e detención. “Cando estaban para cumprirse os sete días, os xudeus da Asia, que o viran no templo, encirraron a todo o persoal e botáronlle as mans berrando: -¡Israelitas, axudádenos! Este é o home que por tódolos sitios anda ensinando a todos en contra do pobo, da Lei e deste lugar; e para máis meteu a uns gregos no templo, profanando este lugar santo”.

“(Vírano antes pola cidade co efesio Trófimo e coidaban que Paulo o metera no templo). O boureo correuse por toda a cidade, e apareceu xente por todas partes. Agarraron a Paulo, arrastrárono fóra do templo e pecharon as portas.

“Estaban para o mataren, cando lle chegou a noticia ao xefe da guarnición militar de que toda Xerusalén estaba en revolta. De contado colleu soldados e oficiais e baixou correndo cara a eles. Estes, ao velos, deixaron de mallar en Paulo. Cando chegou, o tribuno colleuno, mandouno prender con dúas cadeas e preguntoulles quen era e o que fixera. Pero de entre a xente cada un berraba súa cousa. Non podendo saber nada seguro, debido ao balbordo, mandouno levar para o cuartel. Ao chegaren ás escadas, era tal a violencia da xente, que o tiveron que levar en peso os soldados, pois a xente seguía a berrar: “Que morra!”.

Pobre Pablo, ¿ou sería máis exacto dicir, glorioso Pablo, pois, canto máis sufría por predicar a Xesús, por estende-la Boa Nova, máis méritos almacenaba Aló Arriba, no Libro dos seus Feitos, que xa os recollería, e gozaría, no seu día!

“Cando o ían meter no cuartel, díxolle Paulo ao tribuno: -¿Podo falarche unhas palabras? El preguntoulle: -¿Sabes grego? Entón, ¿ti non é-lo exipcio que hai pouco sublevou e levou ao deserto catro mil guerrilleiros? Respondeulle Paulo: -Eu son un xudeu de Tarso, cidadán dunha coñecida cidade de Cilicia. Rógoche que me permitas fallarlle á xente. Deulle permiso, e Paulo, de pé nas escadas, acenou coa man pedíndolle silencio á xente. Fíxose un gran silencio e díxolles isto en lingua hebrea:

Discurso de Paulo aos xudeus de Xerusalén. “Irmáns e pais, escoitade agora a miña defensa diante de vós. (Ao sentilo falarlles en hebreo, aínda gardaron máis silencio). Paulo continuou: -Eu son xudeu, nado en Tarso de Cilicia, pero criado nesta cidade, instruído aos pés de Gamaliel en todo o rigor da Lei dos nosos pais, acérrimo defensor de Deus, coma vós agora.

“Eu perseguín á morte este Camiño, prendendo e metendo na cadea a homes e mulleres, tal como o poden atestar o Xefe dos sacerdotes e todo o Senado. De parte deles recibín cartas para os irmáns de Damasco e púxenme en camiño para traer presos a Xerusalén aos de alí, para castigalos. Pero sucedeu que cando ía de camiño, cerca de Damasco e polo mediodía, unha gran luz do ceo lostregou arredor de min. Caín ao chan e sentín unha voz que me dicía: “Xaúl, Xaúl, ¿por que me persegues? Eu respondín: ¿Quen es, Señor? E díxome: “Eu son Xesús de Nazaret, a quen ti persegues”. Os que ían comigo tamén viron a luz, pero non sentiron a voz do que me falaba”.

¡A voz era para Paulo, a súa conversión, o seu mandato apostólico, o seu encontro coa chamada de Xesús! Chamadas así, máis ou menos explícitas, témolas todos ao longo da nosa vida, pero..., facémoslles caso? ¡De aquí en diante eu si, si quero, meu Deus; ábreme os ollos, quítame da miña cegueira mundana, e pásame ao rol dos teus amigos!

“Entón dixen: -¿Que debo facer, Señor? E o Señor díxome: “Érguete, vai a Damasco, e alí diráseche todo o que se che pide que fagas”. E como non vía cousa por culpa da fogaxe daquela luz, cheguei a Damasco pola man dos meus compañeiros. Entón un tal Ananías, home devoto conforme á Lei, apreciado por tódolos xudeus de alí, veume ver e, ao chegar onda min, díxome: -“Saulo, irmán, recobra a vista”, e naquel mesmo intre puiden velo. E díxome: O Deus dos nosos pais destinoute para que coñecése-la súa vontade, para vére-lo Xusto e sentíre-la voz da súa boca; porque lle has ser testemuña diante de tódolos homes do que viches e sentiches. E agora, ¿a que agardar? Érguete, recibe o bautismo e lávate dos teus pecados, invocando o seu nome”.

“Xa de volta a Xerusalén, aconteceume que un día, rezando no templo, tiven unha éxtase, e vino a El, que me dicía: “Sae axiña de Xerusalén, porque non recibirán o teu testemuño acerca de min”. Eu dixen: Señor, eles ben saben que eu andaba polas sinagogas a prender e azoutar nos que crían en Ti, e que cando foi derramado o sangue de Estevo, a túa testemuña, eu tamén estaba alí, dándoo por ben feito e gardando os mantos dos que o mataban. Pero El contestoume: “Vai, que te hei de mandar lonxe, aos pagáns”.
-.-

Paulo no cuartel romano. “Fórono escoitando ata chegar a estas palabras, pero entón deron en berrar: -¡Quita da terra a ese, que non merece vivir! E como berraban, abaneaban os mantos e botaban po ao aire, o tribuno mandou que metesen a Paulo no cuartel e ordenou que o interrogasen a vergallazos para dar sabido por que berraban así contra el. Cando xa estaba ben atado polas correas, díxolle Paulo ao centurión que estaba alí: -E vós, ¿podedes azoutar a un cidadán romano que non foi condenado? Ao sentir isto, o centurión foille avisar ao tribuno: -¿Que vas facer? Ese home disque é romano. Foi entón o tribuno e díxolle: -Dime unha cousa: ¿es romano ti? El respondeulle: -Son. Engadiu o tribuno: -A min esa cidadanía custoume moitos cartos. Paulo replicoulle: -Pois eu nacín con ela. En seguida marcharon os que o ían interrogar e o tribuno, ao saber que era romano, colleu medo porque o tivo encadeado”.
-.-

Paulo comparece diante das autoridades xudías. “Para o outro día, querendo saber con certeza de que o acusaban os xudeus, desatouno, mandou reunir aos xefes dos Sacerdotes e todo o Sanedrín e, levando a Paulo, presentóullelo. Paulo entón, ollando para o Sanedrín, dixo: -Irmáns, ata hoxe en todo me comportei con boa conciencia diante de Deus. Pero o xefe dos sacerdotes Ananías, mandou aos que o custodiaban que lle batesen na boca. Entón Paulo díxolle: -¡Hache pegar Deus a ti; parede encalada! ¿Sentas para xulgarme conforme a lei e mandas que me peguen violando a lei? Os que o custodiaban dixéronlle: -¿Insultas ao Sumo Sacerdote de Deus? Paulo respondeu: -Irmáns, non sabía que fose Sumo Sacerdote. Si, a Escritura di: “Non dirás mal do xefe do teu pobo”. Sabendo Paulo que unha parte deles eran saduceos e outra fariseos, berrou en medio do Sanedrín: -Irmáns, eu son fariseo, fillo de fariseos, e quero dicir que é por causa da nosa esperanza na resurrección dos mortos, polo que se me xulga”.

“Cando dixo isto, armouse unha disputa entre os fariseos e os saduceos e dividiuse a asemblea, porque os saduceos non admiten nin resurrección nin anxos nin espíritos, mentres que os fariseos cren nestas tres cousas. Fíxose un gran rebumbio; erguéronse algúns escribas do partido dos fariseos e dicían afoutos: -Non atopamos nada malo neste home: ¿e se é certo que lle falou un espírito ou un anxo? A liorta ía a maiores e o tribuno, temendo que esnaquizasen a Paulo, ordenou á tropa que baixase a quitalo do medio deles para levalo ao cuartel. Á noite seguinte aparecéuselle o Señor e díxolle: -Ánimo, que así como deches testemuño de min en Xerusalén, cómpre tamén que o deas en Roma”.
-.-

Conspiración dos xudeus para mataren a Paulo. “Ao raiar o día, os xudeus fixeron unha conspiración, (¡outra!), conxuráronse a non comer nin beber ata mataren a Paulo. Eran máis de corenta os conxurados e fóronse presentar aos xefes dos sacerdotes e aos senadores para dicirlles:

“-Xuramos, baixo pena de maldición, non probar nada ata que matemos a Paulo. Vós, logo de acordo co Sanedrín, pedídelle ao tribuno que volo traia diante de vós, como para examinardes máis a fondo o seu caso; pola nosa banda, estamos dispostos a matalo antes de que chegue”.

¿Matar ao voso fillo preclaro, matar a quen vos recorda as verdades, a quen vos está abrindo os ollos para a vosa salvación? ¡Aquela febre só se explica imaxinándonos a que terían tódolos diabros do inferno, xuntos, en aquelarre, que non sabemos cantos pero deben ser moitos e moi convincentes para confundir e convencer simultaneamente a corenta xudeus!

“Pero o fillo da irmá de Paulo soubo da trapela e foi, e entrou no cuartel, e contoullo a Paulo. Este chamou ao centurión e díxolle: -Acompaña a este rapaz cabo do tribuno, pois ten algo que comunicarlle. O centurión romano tomouno e levouno ao tribuno e díxolle: -O preso Paulo chamoume para pedirme que che trouxese este mozo, que ten que falarche unha palabra. O tribuno colleuno pola man, levouno á parte e preguntoulle: -¿Que tes para dicirme? E díxolle: -Os xudeus concordaron en pedirche que mañá baixes a Paulo diante do Sanedrín, coa escusa de examinaren o caso con mais información. Ti non te fíes; máis de corenta homes deles prepáranlle unha celada e comprometéronse baixo xuramento a non comeren cousa nin beberen ata que o maten; e xa están dispostos, agardando polo teu consentimento. O tribuno, entón, despediu ao rapaz, recomendándolle que non dixese que o avisara”.
-.-
   
Paulo procesado en Cesarea

Proceso ante Fiz. “Despois mandou chamar a dous dos centurións e díxolles: -Tende preparados para iren a Cesarea douscentos soldados, setenta homes de a cabalo e douscentos auxiliares, a partir das nove da noite; que haxa tamén cabalos para montar a Paulo e levalo san e salvo ao gobernador Fiz. E escribiu unha carta nestes termos:

“Claudio Lisias ao moi excelente gobernador Fiz, ¡saúde! A este home collérono os xudeus e íano matar, cando aparecín eu coa tropa e libereino ao saber que era romano. Querendo saber de que o acusaban, fíxeno baixar diante do Sanedrín. Resulta que as acusacións eran por cuestión da Lei deles, sen ningún cargo que merecese a morte ou a cadea. Avisado de que preparan unha conxura para matalo, remésocho sen agardar máis, e notifico aos seus acusadores que presenten no teu tribunal o que teñan contra el”.

“Os soldados, tal como se lles ordenara, colleron a Paulo e levárono de noite a Antípatris. Para o outro día, deixando que os de a cabalo fosen con el, volveron ao cuartel. Chegados os cabaleiros a Cesarea, entregáronlle a carta ao gobernador e presentáronlle tamén a Paulo. Lida a carta, o gobernador preguntou de que provincia era, e cando soubo que de Cilicia, díxolle: -Escoitarei cando veñan os teus acusadores. E mandou que o gardasen no pazo de Herodes”.

¡De prisión en prisión, e todo por favorecer aos seus propios inimigos, aos inimigos de Xesús! O de Paulo foi un martirio continuo, levado coa paciencia dun Santo; ¡claro, érao; un santo arrepentido, un santo elixido! ¡San Paulo bendito, pide por min, que son fráxil; comparado contigo, unha verza!

“Cinco días despois baixou o xefe dos sacerdotes Ananías con algúns senadores e un tal Tértulo, avogado, e presentaron queixa ao gobernador contra Paulo. Citado Paulo, Tértulo comezou a acusación nestes termos: “A gran paz que gozamos gracias a ti e ás reformas que este país debe á túa providencia, recoñecémola en todo e en todas partes, excelentísimo Fiz, con suma gratitude. Pero, para non incomodarte demasiado, pídoche que nos escoites brevemente coa túa benevolencia. Nós descubrimos que este home é unha peste: fomenta enlizos entre tódolos xudeus que hai polo mundo enteiro e é cabeza do partido dos Nazarenos. Incluso intentou profana-lo templo; entón nós prendémolo. Interrogándoo ti mesmo, poderás coñecer por el todas estas cousas de que o acusamos”. “Os xudeus apoiárono, asegurando que as cousas eran así”.

Paulo deféndese. “O Gobernador acenoulle para que falase e entón Paulo respondeu: “-Como sei que hai moitos anos es xuíz desa nación, vou facer confiadamente a miña defensa. Ti mesmo podes comprobar que non hai máis de doce días subín a Xerusalén para adorar, e que nin no Templo, nin nas sinagogas nin pola cidade, ninguén me viu discutindo con ninguén nin revolvendo na xente. Eles non poden proba-las cousas de que agora me acusan. Non obstante confésoche o seguinte: é seguindo o Camiño, que eles chaman partido, como adoro ao Deus dos nosos pais, crendo todo o que está escrito na Lei e nos profetas, tendo en Deus a esperanza que estes mesmos teñen: que haberá resurrección de xustos e inxustos. Por iso, esfórzome sempre en ter unha conciencia sen lixo diante de Deus e diante dos homes. Despois de moitos anos, vin traer esmolas aos da miña nación e ofrendas. Uns xudeus de Asia acháronme no templo, xa purificado, sen xuntanza nin algueirada: eles son os que tiñan que presentarse diante do teu tribunal e acusarme, se tiñan algo contra min. E, se non, que digan estes que crime descubriron cando comparecín diante do Sanedrín, como non sexa aquel berro que botei no medio deles: “É por causa da resurrección dos mortos, que se me xulga hoxe diante de vós”.
-.-

Aprazamento do xuízo. Paulo segue preso dous anos máis. “Entón Fiz, que coñecía bastante ben as cousas referentes ao Camiño, aprazóulle-la causa, dicindo: -Cando baixe o tribuno Lisias, decidirei o voso asunto. E ordenou ao centurión que o gardase, pero con consideración e sen privalo da asistencia dos seus. Algúns días despois chegou Fiz coa súa muller Drusila, que era xudía. Mandou chamar a Paulo e escoitouno acerca de fe en Cristo. Pero, como Paulo falaba da xustiza, do dominio de si e do Xuízo futuro, Fiz arrepiado dixo: -Polo de agora vaite; cando teña máis tempo mandareite chamar. Contaba que tamén Paulo lle dese cartos; por iso mandábao chamar adoito e conversaba con el. Despois de dous anos, recibiu Fiz como sucesor a Porcio Festo. E querendo congraciarse cos xudeus, deixou preso a Paulo”.

Co novo gobernador romano novo xuízo. Paulo apela ao emperador. “Aos tres días da súa chegada á provincia, subiu Festo de Cesarea a Xerusalén. Os Sumos Sacerdotes e os principais dos xudeus presentáronse ante el acusando a Paulo e pedíanlle de favor, (¡Mal nacidos!: de favor....!), con mala idea, que o fixese ir para Xerusalén, con mentes de prepararen eles unha trapela para o mataren no camiño. Pero Festo respondeu que Paulo estaba preso en Cesarea e que el mesmo marcharía axiña. E dixo:

“-Que os principais de entre vós veñan comigo e, se hai algún delito nese home, que o acusen. Logo de botar entre eles non máis de oito ou dez días, baixou a Cesarea, e para o outro día sentou no tribunal e mandou traer a Paulo. Cando chegou, rodeárono os xudeus que baixaran de Xerusalén, presentando contra el moitas e graves acusacións, que non eran capaces de probar. Paulo, pola súa banda, defendíase dicindo: -Non faltei en nada nin contra a Lei dos xudeus, nin contra o Templo, nin contra o César. Entón Festo, querendo poñerse a ben cos xudeus, respondeulle a Paulo: -¿Queres subir a Xerusalén e que te xulguen alí sobre todo isto na miña presencia? Pero Paulo respondeu:

“-Estou diante do tribunal do César e é aquí onde se me debe xulgar. Non lles fixen mal ningún aos xudeus, como ti mesmo sabes ben. Se son culpable e cometín algunha cousa que mereza a morte, non me nego a morrer; pero, se non hai fundamento en ningunha das cousas de que me acusan, ninguén ten o dereito de entregarme a eles. ¡Apelo ao César! Entón Festo, logo de consulta-los seus conselleiros, respondeu: -¡Xa que apelas ao César, irás ao César!
-.-  

O gobernador fálalle de Paulo ao rei Agripa. “Pasados algúns días, o rei Agripa e Berenice chegaron a Cesarea, a saudar a Festo. Como botaron alí días, Festo informou ao rei do caso de Paulo, dicíndolle: -Hai aquí un home que Fiz deixou preso, a quen acusaron os sumos sacerdotes e os senadores dos xudeus, estando eu en Xerusalén e pediron a súa condena. Respondinlles que non é costume romano entregar un home sen enfrontalo cos seus acusadores e dándolle a posibilidade de defenderse da acusación. Viñeron comigo ata aquí e, sen demorarme nada, sentei para o outro día no tribunal e mandei trae-lo home. Os acusadores compareceron, pero non presentaron ningunha acusación dos delitos, como eu sospeitaba; só tiñan en contra del unhas cuestións acerca da súa relixión e dun certo Xesús defunto, de quen Paulo afirma que vive. Sen saber que dicir nestas cuestións, pregunteille se quería ir a Xerusalén para xulgalo alí; pero Paulo apelou, pedindo que o seu caso fose reservado ao xuízo do emperador e mandei que o gardasen ata mandarllo ao César. Entón Agripa díxolle a Festo: -Gustaríame a min tamén escoitar a ese home. Respondeulle: Mañá sentiralo”.
-.-
   
Paulo diante de Agripa. “Ao día seguinte, viñeron Agripa e Berenice con grande pompa, e entraron na sala da audiencia, rodeados dos tribunos e dos principais da cidade. A unha orde de Festo, levaron a Paulo. Festo dixo: -Rei Agripa e tódolos que estades aquí presentes connosco: ese é o home contra quen tódolos xudeus viñeron onda min, tanto en Xerusalén como aquí, berrando que non debería vivir mais. Eu recoñecín que non fixera nada que mereza a morte; pero, como el apelou ao Emperador, decidín mandarllo. O caso é que non sei que lle hei de escribir en concreto do seu caso ao Emperador. Por iso mandeino traer á vosa presencia, sobre todo á túa, rei Agripa, para que, feito o interrogatorio, teña algunha cousa que escribir, pois paréceme que non ten xeito mandar un preso sen indica-los cargos que hai contra el.
-.-
  
Discurso de Paulo defendéndose diante do rei Agripa. “Agripa díxolle a Paulo: -Tes consentimento para falares na túa defensa. Entón Paulo, estendendo a man, principiou a súa defensa:

“-Considérome feliz, rei Agripa, de poderme defender diante de ti de todo o que me acusan os xudeus, maiormente por seres coñecedor de tódolos costumes e controversias que hai entre os xudeus. Por iso pídoche que me escoites con paciencia”.

“A miña vida a partir da mocidade, que a pasei desde o comezo entre o meu, propio, pobo, en Xerusalén, sábena tódolos xudeus. Eles coñécenme desde hai moito tempo e, se quixesen, poderían atestar que vivín como fariseo, o partido máis rigoroso da nosa relixión”.

“Curiosamente é pola esperanza na promesa feita por Deus aos nosos pais polo que me atopo aquí en xuízo; promesa que as doce tribos esperan acadar servindo decote a Deus, noite e día. ¡Por esa esperanza, maxestade, acúsanme os xudeus! ¿Por que coidades incrible que Deus resucite aos mortos?”

“En canto a min, crinme obrigado a combater con tódolos medios contra o nome de Xesús de Nazaret. Iso foi o que fixen en Xerusalén: co poder que me deran os Sumos Sacerdotes, eu mesmo metín no cárcere moitos santos e, cando os mataban, dábao por ben feito. Moitas veces, polas sinagogas, con torturas, obrigábaos a blasfemar e, cheo de carraxe contra eles, perseguíaos mesmo nas cidades de fóra”.

“Foi así que, indo a Damasco con poder e permiso dos Sumos Sacerdotes, a mediodía, maxestade, vin no camiño unha luz baixada do ceo e máis brillante có sol, que resplandecía arredor de min e dos meus compañeiros de viaxe”.

 



“Todos caemos ao chan e sentín unha voz que me dicía en lingua hebrea: “Xaúl, Xaúl, ¿por que me persegues? Non gañas nada con dar couces contra o aguillón”.

¡Resistencia inútil a dos malos, a dos blasfemos, pois Deus é Deus: é Eterno, é Omnipotente..., ademais de pacífico, que por iso nos dá segundas oportunidades, pero abusar da súa misericordia e da súa tolerancia non conduce a nada bo, teñámolo por seguro! Señor, para min, unha chispiña daquela luz que, cegándolle os ollos do corpo a Paulo abriulle os da intelixencia, os espirituais, os da alma!

Sigue Paulo: “Eu preguntei: “¿Quen es, Señor? E o Señor respondeu: “Eu son Xesús, a quen ti persegues. Pero érguete e ponte dereito, pois aparecinme a ti para poñerte como servidor e testemuña do que de min viches e do que che amosarei, librándote do pobo e dos pagáns aos que te mando, para que lles ábra-los ollos a fin de que volvan das tebras á luz, e do poder de Satanás a Deus e, pola fe en min, reciban o perdón dos pecados e mais unha parte da herdanza entre os santos”.

¡Paulo, Paulo, aviva a miña fe, e tírame do meu cabalo do orgullo, que che son resistente á gracia; quero crer coa túa rotundidade, pero o meu cabalo é afeccionado ás tebras, e lévame por abismos perigosos! Máis é, que máis pido pola túa intercesión: que tamén se apeen os que van comigo..., se é que, coma min, veñen cabalgando nas tebras da infidelidade relixiosa!

“E non desobedecín, rei Agripa, á visión celestial. Ao contrario, primeiro aos de Damasco, despois aos de Xerusalén, e en toda a rexión da Xudea, e por fin aos pagáns, prediqueilles que se arrepintan... (¡Predicoulles que se arrepentisen!)... e que se convertan a Deus, e que vivan como corresponde á conversión. Por este motivo prendéronme os xudeus no Templo e tentaron de matarme. Pero coa axuda de Deus mantéñome ata hoxe dando testemuño a pequenos e grandes, sen saírme do que predixeron Moisés e mailos profetas: Que o Mesías tiña que padecer e que, resucitado o primeiro de entre os mortos, anunciaríalle-la luz ao noso pobo e aos pagáns”.

“Estando neste punto da súa defensa, exclamou Festo: -¡Estás tolo, Paulo; tanto saber revirouche o xuízo! Pero Paulo díxolle: -Non estou tolo, excelentísimo Festo; as miñas palabras son verdadeiras e asisadas. O rei sabe moito destas cousas e por iso fálolle francamente, pois non creo que as ignore, dado que non ocorreron nun recanto. ¿Cres nos profetas, rei Agripa? Ben sei que cres”.

¡Claro que non ocorreron nun recanto, pois na Terra Santa escritos se formularon, daquela; históricos, certos, firmados co sangue dos apóstolos, que os puidemos ler e traducir promulgados por aqueles evanxelistas que tiveron de corrector, de memorizador, ao propio Espírito Santo! ¡Pobres ateos, pobres incultos, os que fan mal uso da cultura recibida! Por iso Deus será máis benevolente cos homes das cavernas, saídos, expulsados, do Paraíso; ¡a quen menos se lle dá, menos se lle esixe, en boa xustiza, e a de Deus é perfecta!

“Agripa respondeulle a Paulo: -¡A pouco máis convéncesme para facerme cristián! E Paulo dixo: -Deus queira que, en moito ou en pouco, non só ti senón tódolos que hoxe me escoitan se fixesen coma min; fóra estas cadeas, claro”.

“O rei, o gobernador, Berenice e os que estaban sentados con eles erguéronse. Ao retirarse comentaban: -Este home  non cometeu cousa que sexa merecente nin de morte nin de cadeas. E Agripa díxolle a Festo: -Este home xa podía estar ceibo, se non apelase ao César!
-.-
    
Levan a Paulo preso a Roma




Camiño de Roma. “Cando se decidiu que embarcásemos para Italia, confiaron a Paulo e outros presos a un centurión chamado Xulio, da cohorte Augusta. Embarcamos nunha nave de Adramitio, que estaba a punto de partir para as costas de Asia e saímos para o mar, levando connosco a Aristarco, macedonio de Tesalónica”.

“Para o outro día chegamos a Sidón; e Xulio, tratando a Paulo con humanidade, permitiulle visita-los seus amigos e recibir atencións por parte deles”.

“Desde alí saímos para o mar e navegamos ao abeiro de Chipre, porque os ventos eran contrarios; despois, atravesando os mares de Cilicia e da Panfilia, chegamos a Mira de Licia. Alí, o centurión atopou unha nave alexandrina, que se dirixía a Italia, e fíxonos subir a bordo. Durante moitos días navegamos lentamente, e con traballos chegamos fronte a Cnido; como o vento non nos era favorable, navegamos bolinando, (Bolina é a corda coa que se tira da relinga de barlovento da vela cara a proa ou sotavento, para que cando se ciña o vento, este entre na vela sen facela flamexar), ao amparo de Creta por Salmona; logo de costeala con traballos, chegamos a un sitio chamado Bos-Portos, cerca da cidade de Lasea”.

“Pasando bastante tempo e correndo perigo a navegación, pois xa pasara o tempo do xaxún, (últimos de setembro a primeiros de outono; as viaxes marítimas suspendíanse do 11 de novembro ao 10 de marzo), Paulo avisounos: -Amigos, paréceme que imos ter navegación perigosa e con mal para a carga e tamén para as nosas vidas. Pero o centurión fiábase máis do piloto e do patrón do barco que das palabras de Paulo; e, como o porto non era axeitado para invernar, a maioría foi de parecer de largar de alí e ver de chegar a Fenice, porto de Creta volto cara ao suroeste e o noroeste. E levantándose un ventiño livián do sur, coidaron poder realiza-lo seu proxecto. Levantaron a áncora e comezaron a costear Creta, sempre cerca de terra”.
-.-

Tempestade e naufraxio. “Aos poucos, por iso, levantouse da illa unha ventorrada chamada euraquilón e arrastrou o barco; como non podíamos facerlle fronte ao vento, deixámonos levar por el. Avanzando protexidos por unha pequena illa chamada Cauda, conseguimos con moitos traballos apoderarnos do bote; izado a bordo, botaron man de recursos de emerxencia, cinguindo a nave con cables; por medo de bater contra os baixos de Sirte, arriaron velas e deixáronse ir á deriva. Como o temporal nos abalaba con furia, ao outro día alixeiraron a carga; e ao terceiro guindaron ao mar os aparellos coas súas propias mans. Por moitos días non vimos sol nin estrelas e, como a tempestade non amainaba, íamos perdendo a esperanza de salvarnos”.

“Levabamos moito tempo sen comer, cando Paulo, de pé no medio deles, díxolles: -Amigos, se me fixésedes caso, non saiamos daquela de Creta e aforrabamos agora este perigo e esta perda. Pero agora pídovos que teñades azos, que ningún de vós vai padecer; só se perderá o barco; esta noite presentóuseme un anxo do Deus a quen pertenzo e a quen sirvo, dicindo: “Non temas, Paulo, tes que presentarte diante do César e Deus concedeuche a vida de tódolos que navegan contigo”. Polo tanto, ¡ánimo!, que eu confío en Deus que sucederá como se me dixo. Temos que ir dar nalgunha illa”.

“Á décimo cuarta noite de andarmos á deriva polo Adriático (daquela chamábaselle así ao mar entre Creta e Sicilia), no medio da noite, ventaron os mariñeiros que había terra cerca. Botaron a sonda e eran vinte brazas; pouco despois botárona de novo e xa eran quince. Por medo de ir bater contra algún cons, botaron catro áncoras por popa esperando con ansia pola chegada do día. Os mariñeiros, co pretexto de iren bota-las áncoras de proa, arriaron o bote ao mar, querendo fuxir da nave. Entón díxolles Paulo ao centurión e aos soldados: -Se eses homes non fican no barco, vós non vos poderedes salvar. Daquela os soldados cortaron as amarras do bote e deixárono caer”.

“Paulo, conforme ía abrindo o día, ía animando a todos para que tomasen alimento, dicíndolles: -Con hoxe son catorce días que estades á expectativa, en xaxún, sen pasar bocado. Recoméndovos que vos alimentedes: iso axudará á vosa salvación, pois ninguén de vós perderá un pelo da cabeza. Dito isto, tomou pan, deu gracias a Deus diante de todos, e partíndoo comezou a comer. Animáronse todos e tamén eles tomaban alimento. Entre todos éramos no barco duascentas setenta e seis almas. Logo de se fartaren, alixeiraron o barco, botando o trigo ao mar”.

“Cando se fixo día, non recoñeceron a terra. Só vían unha enseada cunha praia e decidiron varar alí a nave, se é que podían. Soltaron as áncoras, que abandonaron no mar, e afrouxaron as amarras dos peltres que facían de temón; logo, izaron a vela de popa e puxeron proa á praia. Pero, indo bater nun baixo con mar por ámbolos lados, encallaron o barco; a proa, ben chantada, non se movía, pero a popa foise desconxuntando coa forza das ondas”.





“Os soldados tomaron a decisión de mata-los presos, para que non fuxise ningún a nado. Pero o centurión, querendo salvar a Paulo, impedíullelo e mandou que os que sabían nadar chegasen a terra, botándose á auga os primeiros; e despois os restantes, uns en táboas e outros en restos do barco. Deste xeito, chegaron todos sans e salvos á terra”.

Paulo cos navegantes na illa de Malta. “Xa a salvo en terra, soubemos que a illa se chamaba Malta. Os nativos tratáronos cunha humanidade pouco corrente: acenderon un lume e acolléronnos a todos, pois chovía e ía frío”.

“Paulo xuntara algúns guizos de leña secos e ao botalos no lume, unha víbora que fuxía da calor enroscóuselle na man. Cando os indíxenas viron o animal pendurado na man dicían entre eles: “Seguro que este home é un asasino: despois de salvarse do mar, a xustiza divina non o deixa vivir”. Pero el botou ao animal no lume e non sufriu mal ningún. Eles esperaban velo inchar ou caer morto de súpeto, pero logo de moito agardar, vendo que non lle pasaba nada novo, cambiaron de parecer e xa dicían que tiña que ser un deus”.

“Nas proximidades de alí (por aquela parte) tiña unha propiedade o gobernador da illa, que se chamaba Publio, quen nos recibiu e nos hospedou amablemente durante tres días. Certou que o pai de Publio estaba encamado con febre e disentería. Paulo foino ver, rezou, impúxolle as mans e curou. A consecuencia disto, comezaron a vir tamén os outros enfermos que había na illa e quedaban curados. Eles, pola súa banda, enchéronnos de atencións e, cando decidimos partir, déronnos de todo”.
-.-

Proseguen a viaxe a Roma. “Tres meses despois embarcamos nun barco de Alexandría, que invernara na illa e que levaba a divisa dos Dióscuros. Atracamos en Siracusa, onde botamos tres días. Desde alí, costeando, chegamos a Rexio. Para o outro día levantouse o vento do sur e en dous días chegamos a Putéoli, onde atopamos irmáns que nos convidaron a pasar sete días con eles. E así chegamos a Roma. Os irmáns de alí, así que souberon de nós, viñéronnos recibir ata Foro Apio e Tres Tabernas. Paulo, ao velos, deu gracias a Deus e animouse”.

Paulo entrevístase cos xudeus de Roma. “Cando entramos en Roma, a Paulo autorizárono a ter domicilio particular cun soldado que o vixiaba. Tres días despois, convocou aos principais dos xudeus. Cando se reuniron díxolles:

“-Irmáns, sen ter feito nada contra o pobo nin contra os costumes paternos, entregáronme preso aos romanos en Xerusalén. Estes, logo de interrogarme, queríanme ceibar, porque non había nada en min que merecese a morte. Pero como os xudeus se opuñan, vinme obrigado a apelar ao César, sen pretender acusar en nada ao meu pobo. Por este motivo pedín vervos e falarvos, pois é pola esperanza de Israel que levo esta cadea. Eles dixéronlle:

“-Non recibimos de Xudea ningunha carta sobre ti e ningún dos teus irmáns que chegou nos falou mal de ti. Pero si que nos gustaría sentir pola túa boca o que pensas, pois o que sabemos é que esa seita encontra oposición en todas partes”.

¡Oposición en todas partes? Así era, e sigue sendo, porque..., gozámonos nas cousas malas e refugamos as boas; preferimos as mentiras ás verdades, a soberbia á humildade! ¡Deus, cantos Paulos se precisan para que a conversión deste mundo sexa total, global! ¿Que podería dicir eu, que podería facer este predicador das silveiras para axudarlles, sequera un pouco, aos pauliños?

“Citáronse para un día e viñérono ver á súa casa bastantes máis. El comezou a súa exposición e daba testemuño do Reino de Deus, tentando convencelos de quen era Xesús, partindo da Lei de Moisés e dos profetas, desde a mañá á noite. Uns deixáronse convencer polo que dicía, pero outros non crían. Estando en desacordo uns cos outros, comezaban a separarse cando Paulo engadiu esta palabra final:

“-Con razón díxolle-lo Espírito Santo a vosos pais, por medio do profeta Isaías:

Vai e dille a ese pobo:
Escoitar escoitaredes, pero non comprenderedes;
ollar ollaredes, pero non veredes;
porque está endurecido o corazón deste pobo;
fixéronse duros de oído
e pecharon os ollos:
non fose que visen cos ollos,
sentisen cos oídos,
entendesen coa intelixencia
e se convertesen, para que eu os cure.

“Sabede, logo, que esta salvación de Deus ofrécese aos pagáns, e eles si que escoitarán”. Cando dixo isto marcharon os xudeus discutindo acaloradamente entre eles”.
-.-

Actividade de Paulo en Roma. “Paulo botou dous anos enteiros nunha casa alugada e recibía a tódolos que o viñan visitar, predicando o reino de Deus e ensinando o que se refire ao Señor Xesús Cristo, con audacia e sen impedimento ningún”.
-oOo-

Nota final: En Roma, durante aqueles dous anos, que hoxe chamaríamos de “arresto domiciliario”, Paulo escribiu unha serie de Epístolas, que sería prolixo comentar aquí. Aparentemente este final dos Feitos é algo xoto: Non conta o final do proceso nin dá máis novas do Apóstolo; algún teólogos opinan que os “Feitos” non foron concibidos como unha biografía de Paulo senón como un relato da difusión do evanxeo desde Xerusalén “aos confíns da terra”. Con todo, coido que a súa lectura é edificante, e con esa intención transcribino. ¡Gracias, Paulo, e acepta esta pequena dedicación, que a fago especialmente para o meu fillo, que se honra co nome de dous homes de pro evanxélicos, esforzados divulgadores do cristianismo: Pedro e Paulo!

Fiel, Paulo, á súa fe, absolutamente, dun modo exemplar, cumpridor ata a heroicidade das instrucións do propio Xesús Cristo, foi decapitado por sentenza imperial ao redor do ano 67, no contexto da persecución de Nerón. O suposto lugar da súa sepultura está ocupado desde o século IV pola basílica de San Pablo extramuros, unha das sete igrexas de peregrinación de Roma.

Humildemente,
Xosé María Gómez Vilabella


Epístolas paulinas:
Aos romanos, I aos corintios, II aos corintios, aos gálatas, aos efesios, aos filipenses, aos colosenses, I aos tesalonicenses, II aos tesalonicenses, I a Timoteo, II a Timoteo, a Tito, e a Filemón.
As epístolas paulinas foron aceptadas unanimemente por tódalas igrexas e son para o cristianismo, xa desde os seus primeiros tempos, unha fonte ineludible de pensamento e de espiritualidade. Cando eu as teña ben apresas, volverei a predicar sobre Paulo, ese Grande, Grandísimo, da nosa Igrexa..., por máis que Xaúl significase, en grego, pequeno!



(Fragmento do papiro 46)
II epístola aos corintios.

Xosé María Gómez Vilabella


No hay comentarios: