lunes, 27 de mayo de 2013

XXXV ROMAXE, EN CASTROVERDE

 

XXXV ROMAXE EN CASTROVERDE

 

 


Pedregal de Irimia

onde se celebrou a primeira das Romaxes.

  

Xosé María Gómez Vilabella

 

A relixiosidade no condado de Chamoso 

 


Saíndo da igrexa



Ao pasar por diante do freixo de Reigosa 

Primeira procesión en Montecubeiro coa imaxe da Virxe Milagrosa,

o 23-5-1962

Ora et labora foi o lema monástico dos frades dominicos, pero no noso condado é evidente que esta vocación vennos de atrás, se cadra da propia Cova da Valiña. Non sería aventurado opinar que comezaron os druídas dos nosos castros, tantos que temos, os castros, e druídas igual queda algún, aínda que medio esquecidos uns e outros.

A nosa particular idiosincrasia tamén ten algo, ¡ou moito!, de priscilianista, pois adoramos a natureza, o verde, que así os entregos bautizaron o noso castro, o principal, o central, a cabeceira do que logo sería Condado de Flammoso. Pero xa fóramos discípulos do apóstolo Santiago, ou de onde veñen os padroados de Santiago de Castroverde, da Meda, de Miranda, de Adai…, anteriores ao século IX, e por tanto anteriores ao Camiño, anteriores ao Afonso II?

Nesta vocación, ¡seguimos facendo camiño! Seguimos, estamos, preparándonos para un gran evento, cal é, cal será, a XXXV Romaxe de Crentes Galegos.

Isto non precisa retórica para a súa evidencia, para a súa demostración, pois chega e basta con deternos ante os pórticos das igrexas deste condado, comezando, se acaso, por Soutomerille. Por riquezas que atesourase a Igrexa, século a século, ¿sería posible levantar os monumentos que aínda conservamos, cruceiros, petos de ánimas, capelas, igrexas, conventos …, a cal máis traballado, sen unha fe arraigada e transcendente nas sucesivas xeracións do noso país? É un orgullo e unha satisfacción inmensa vir de onde vimos, ser de onde somos, e seguir exemplarizando coas nosas celebracións. ¡Miúdo patrimonio o da nosa herdanza!

Xosé María Gómez Vilabella

(1)   Saíu no núm. 857 da Revista IRIMIA

-.-

 

Seguimos facendo Camiño

 



Seguimos, seguimos e sigamos, facendo Camiño,  a imitación do Miño, noso modelo exemplar, que por algo, alguén, tivo a feliz idea de comezar, coma o Miño, da Irimia no seu Pedregal. ¡XXXV, trinta e cinco anos, trinta e cinco pasos, trinta e cinco pegadas, pero aínda virán máis! Daquela, coma o Miño, somos criaturas a medio criar. ¡Sigamos, pois, que é moito o que nos queda por andar, moito o que temos que ensinar, o que temos sen regar! A sega faraa Deus!


¿Que nos ladran os cans no Camiño? ¡Razón de máis para seguir, para abri-la verea…, se á nosa Meca, á nosa meta, queremos chegar! Camiñante, non hai camiño: ¡Faise ao andar! Daquela, andemos, andemos con soltura e con decisión, que niso temos a quen imitar, e imitando, imitarannos, como fixeron aqueles doce…, doce menos un, pois os traidores nunca faltan!


¡Xa; e desde que chegue o Miño á fronteira de Portugal? Para comezar, non hai fronteiras, que todo é dos fillos de Adán; de chegados á final, as augas seguirán vivas, máis salgadas aínda; de chegados á mar o noso camiño seguirá vivo, marcando estelas, trazando rutas…, para quen nos queira imitar!


As nosas vidas son os ríos… ¡Que si, Xurxo Manrique, que xa o sabíamos, pero fixeches ben lembrándonolo, pois, por veces, detémonos outeando horizontes de grandezas, de riquezas, de apropiacións indebidas…! ¡Espellismos, bastos espellismos, miserias humanas, miopía…, tendo aló adiante, á fronte, no sitio das trinta moedas o tesouro inmarcescible da gloria eterna, testada co sangue de Cristo nada menos!


Ide e predicade o Evanxeo… ¡Non te pases, rapaz/rapaza, que iso incúmbelles aos apóstolos! ¿E ti, que es senón un apóstolo, o enésimo, un seguidor, un beneficiado da Boa Nova, pero tan egoísta que nin transmites o recibido; sequera ben nolo dixo a nosa Enriqueta, e iso que a tiñan por descrida: “Moito recibimos, así que temos a obriga de deixalo en herdanza, pero, mellorado, que tamén o fixeron os nosos predecesores!”. O Mestre dixo que El era o Camiño, a Verdade, e maila Vida; daquela, con esa guía, ¿que facemos aquí abaixo, parados, atendéndolles a eses cans que nos ladran? E xa que o Miño, noso padriño, vai parar ao mar, escoitemos ao capitán da nao, que a tal momento estanos ordenando desde a ponte vital: ¡Avante toda!


Xosé María Gómez Vilabella

 

-.-

 

A Veiga do Olmo, un bo lugar para renacer


 ¡Un bo lugar para renacer, tanto en cristián coma en galego, non si señores teólogos?


“Mandou Deus que a terra xermolase herba verde, plantas coa súa semente e árbores que desen froitos, cada unha coa súa semente conforme á súa especie. E así foi. A terra xermolou herba verde, plantas coa súa semente, árbores que daban froito, cada unha coa súa semente. E viu Deus que estaba ben. E así completouse o terceiro día”. (Xénesis 1, 11-13). Despois veu o pecado, e tras do pecado o diluvio, etc., etc., ¡pero o Castrum do Vallis Viridis salvouse, e os de Castroverde replantamos un olmo, un ulmus minor, deses que requiren un chan fresco e fondo, para mostrarlle ao Creador dúas cousas: o agradecidos que lle estamos pola súa Creación, e tamén polo feito cordial de salvarnos do diluvio universal, que así, nosoutros, por tan singular privilexio, seguimos tendo en herdo un cacho inalterable e inalterado daquel Paraíso Universal. ¡Deo grátias!

 

O lema da XIX Romaxe (no Rosario, Vilar de Donas, A Ulloa), foi: “Polo camiño verde”. Nisto estamos, que polo Camiño Verde seguimos, aquí chamado “Primitivo”, porque o é, porque arranca de tempos remotos. E no de verde, xa o comprobarán por si mesmos os asistentes á Romaxe do próximo setembro. ¿É, ou non é, Castroverde?


Iso nos propoñemos: ¡Renacer! ¡Volver a nacer! Volvernos nenos…, ¡pero co sabido, sabido! Daquela será cousa de bautizarnos de novo, outra vez, que auga temos, e cotra para lavar…, algunha! “Deixade que os nenos se acheguen a min; non llelo privedes, porque dos que son coma eles é o Reino de Deus. Asegúrovos que aquel que non reciba coma un neno o Reino de Deus non entrará nel” (Lucas, 18, 15-17). Xa que nos puxemos de camiño aló arriba, no Pedregal de Irimia, sigamos, baixemos, acollámonos ao Primitivo, á Igrexa Primitiva, sinxela, fervorosa, valente, disposta ao martirio se preciso fose. Dixo o propio Xesús: “Dádelle ao César o que é do César”. Daquela o boato, as presuncións, as vaidades, son do César, ¡e hai tantas e tan mal adxudicadas! Por iso, algúns, queremos renacer, tornar ao bo camiño.

 

Xosé María Gómez Vilabella

 

-.-

 

¡Do Pedregal á Veiga do Olmo todo é Miño, todo é noso!

 

O pecado está neses eucaliptos do fondo, que por algo lles dan as costas esas beatas da fotografía. A virtude está nas rochas da morena do glaciar, do glaciar de Irimia, nacemento do Miño, nacemento das nosas Romaxes. Estas son as pedras grandes, aquelas coas que non puideron as meigas da Serra de Meira cando as tiveron que utilizar para defenderse dos cistercienses, que seica as querían pasar pola pedra..., iso, antes de pasalas polo altar! Un problema: ¡as meigas querían casar, e os frades, cos seus votos, cos seus hábitos..., o eterno dilema da carne!

 

Aló van TRINTA E CATRO ROMAXES, que se di pronto! Para o ano próximo a XXXV, e  tócanos esta honra aos de Castroverde: ¡a ver como nos portamos!

 

Por estas romaxes desfilou a honra e maila prez da nosa Gallaecia: sabios e santos, teólogos e discípulos, mozos e vellos..., que honraron a Deus coa sinxeleza e coa verdade, dous atributos escasos, pero non nestas celebracións, e por ende, na nosa terra! ¡Qui te de paradísi fonte manáre fecit, et in quátuor flumínibus totam terram rigáre praecépit!

Para comezar, eu xa recollín unha pedra desas da Serra de Meira para levala comigo á Veiga do Olmo e presentala nese día, como ofrenda. ¿Que por que e para que? ¡Moi sinxelo: Para facerlle un exvoto ao río Chamoso, ao Flammoso, que é ese fillo do Miño ao que debemos que o noso Castro sexa o máis Verde de toda a cunca! Con isto heille pedir que conserve verde o meu país, pero só o país, sen prexuízo de que madure, cal trigo flamexante, aquel que o precise, se é que quedan almas verdes!

 

Xosé María Gómez Vilabella

 

-.-

RELEXIÓNS CORESMAIS


Sete gordas, seguidas de sete fracas… Así falaban os exipcios; os economistas preferimos dicir “ciclos”. Por algo se inventaron os silos; graneiros, granarium para os romanos. Son boísimos…; o único malo é privarse dos antollos nas épocas de tolemia, de abundancia! Son bos porque ensinan moderación, moderación e previsión. Ao longo da Historia os pobos que resultaron máis traballadores, máis prósperos, con prosperidade propia, de longa duración, foron os asentados en terras pobres, tomándose Suíza como prototipo. Para antítese chega con lembrar o dano que lle fixo á iniciativa española a existencia da Torre del Oro de Sevilla, auténtico cofre dilapidador das nosas depredacións americanas.

 
Non se trata de vivir nun tonel, como Diógenes, pero tampouco de queimar Roma, a estilo Nerón, para acadar o clímax dun pracer tan efémero como salvaxe. Na nosa prudencia cenemos lentellas, tamén chamadas “Píldoras de Negrín” por ser o manxar máis accesible naquel Madrid de 1936/9, aquelas leguminosas tan nutritivas coas que gozaba Diógenes cando o sorprendeu o sibarita Aristipo, que vivía a corpo de rei a base de adula-lo Rei. Seica lle dixo: -Se aprendeses a ser submiso ao noso Rei, non terías que comer esa porcallada de lentellas! Pero Dióxenes, o morixerado Dióxenes, rebateulle de inmediato a súa falacia: -Se houbeses aprendido, coma min, a comer lentellas, agora non terías que adular a ese que se dá de Rei!


Nin privacións evitables nin dispendios excitantes. O goce ben entendido está na prudencia cotián; e se as vacas da especulación están inchadas, deixalas asentarse, que xa fraquearán, xa, pois non hai primavera que non conduza a un novo inverno. Acordémonos tamén daquelas mazás do Edén, que as comeron cando aínda estaban verdes…

                                            Xosé María Gómez Vilabella

-.-

 

PARA SEGAR HAI QUE SEMENTAR

 

 


As segas en Chamoso

 

Ninguén morre sen deixar herdanza. ¡E débedas, tamén; polo menos de gratitude cos que nos deron a man, cos que nos aconsellaron con prudencia, esa virtude tan escasa, incluso entre os que se dan de amigos! Non hai terra baldía, pois ata as rochas producen fungos; nin vida estéril, pois, quen máis quen menos, algo fai, algo fixo, algo deixa. O dilema está na calidade dos feitos, dos froitos, que van desde o trigo ao orxo.

 

Ego sum = +- A +- B +- C +- …  ¡Un polinomio! Un polinomio, si, pois todo e ben non o fai ninguén; daquela, cando a resultante é positiva, dereitos ao Ceo!

 

Virxilio dixo: Félix qui potuit rérum cognóscere causas. Feliz o que puido coñecer as causas das cousas. E Sócrates, “A felicidade faina un mesmo, coa boa conduta”. Ergo, todos somos fabricantes, inventores; por tempos, ventos ou tempestades. Faltoulles unha ampliación: ¡Non só a nosa, a propia, senón, e tamén, a do próximo circundante! Co vento, respiramos, límpase a atmosfera; as tempestades convértense en riadas, erosionan as mellores terras. ¡Está claro: os goces vitais veñen da nosa conduta, da propia! Daquela, infelicidade será o contrario, non si?

 

Cada acto, cada decisión, vén a ser coma os módulos que engarzan aos átomos para formar células; e as células, á súa vez, fan os acios vivenciais. ¡Deus, a de derivadas que pode ter un simple acto dun simple mortal! Menos mal que Deus ten connosco a bondade da miopía, que só vemos a dous pasos, pois se chegásemos a ver, a contemplar, a sopesar, a que montamos cunha malicia das nosas, das habituais, o dano, a repercusión, a interferencia que podemos causar cunha picardía, unha de dúas: ou darnos por imperdoables, ou volver correndo a dicir digo onde antes dixéramos Diego! As células malas avinagran as contiguas; as boas multiplican os goces, e cos goces, os gozantes.

 

No exame final, no da sega, cando nos dean a nota, seguro que nos deixan ver as correccións que cabían nos nosos actos, pois de non ser así igual nos parecerán inxustas as sentenzas. Se non fose porque Deus ten archidemostrada a súa paternidade bondadosa, ¡ira de Deus, que sería se lésemos a Montalbán, se nos xulgase alguén da catadura de Satán!

 

Na confesión pídesenos un “propósito da emenda”… ¡Menos mal que é só un propósito, un desexo de emendar no posible, pois fixemos tantas cousas que non admiten emenda, que non teñen volta atrás! Disto hai que deducir que a precipitación no actuar é de seu perigosa: Digamos e fagamos con lentitude, a ser posible despois dunha noite de reflexión, que non hai mellor conselleiro que a almofada, que por algo é feminina!

 

Xosé María Gómez Vilabella

-.-

 

PERO, DE PRIMEIRAS, CAVAR.

 



A única equipaxe coa que vimos a este mundo é precisamente a bolsa dos talentos, as potencias da alma. Primeiro abrimos os ollos, ¡déronnos á luz!, e aos poucos comezamos a gatear; ¡pésanos demasiado a cabeza, e desprázasenos o centro da nosa gravidade! Pero tan pronto conseguimos tomar posesión da terra, botamos a andar, a camiñar: Cos pés no chan, dominándoo, e os ollos erguidos ao Ceo, obedientes, atentos ás ordes do noso Creador. ¡Os talentos comezan a funcionar!

 

Ser galego é unha carreira; nacer en Galicia, un privilexio. Por se fose pouco, ata soa parecido a Galilea! ¿Isto debe ser, pode ser, un motivo de orgullo? ¡En absoluto! De satisfacción, si; e como quen máis recibe máis obrigado está, ¡tomemos nota! Sabíano ben aquelas lumieiras que acenderon o facho das romaxes no noso Sinaí, morena glaciar, Irimia Alta, fonte das augas limpas, orixe e causa principal deste verdor galaico, que por algo e para algo nos puxeron no fisterrae do mundo antigo; e tamén por algo, acaso por acatamento do mandato divino de predicar ata os confíns, nos elixiu como alumnos aquel Iago, aquel Fillo do Trono. Trinta e cinco estacións leva a nosa Vía, trinta e cinco cruces en sitios elixidos, singulares, privilexiados; ¡non está mal, nada mal: trinta e cinco sucos…, a trigo, a trigo sacramental!

 

Nisto, como en tantas cousas, temos que evocar á nosa, rotunda, Enriqueta: “Se moito recibimos, moito estamos obrigados a conservar, a mellorar, a transmitir!”. ¡Este si que é un relevo xeracional, outro!

 

Recibimos a tea encantados, e precisamente para setembro, época na que a “mies”, con todo ser moita, ¡a espiritual, que non a outra!, está recollida, cribada, soleada. Daquela cómpre prepararnos para a seguinte sementeira. ¿Teremos talento/s suficiente/s para esta propaganda fide? A “mies” é moita, e os operarios seguen sendo poucos… ¡Xa o sabemos, pero a estas alturas do cristianismo, co fardelo do gran á man, a camisa fóra, como é tradicional en toda sementeira, e a Biblia na cabeza, pero dentro, non de sombreiro, non hai alumno que non poda facer de mestre…, se quere selo!

 

É moito o recibido das irimianzas precedentes, ¡é obrigado recoñecelo e agradecelo!, así que, por verdes que esteamos, non hai pola que non sirva de báculo; e logo que estamos afeitos a camiñar… O que non sabemos é se o Camiño Primitivo, o inicial, se fixo polo propio Santiago, ou séculos despois polo Afonso II, ¡outro Pedro, Casto si, pero tamén tivo sogra!, cando devolveu a visita. Eu, modestamente, pois é só unha dedución lóxica, entendo que Santiago pasou catro veces aquí por Castroverde: a primeira, para predicarlles aos ástures, aqueles galaicos do Este; e despois cando, farto de que os galegos lle dixen algo así como, “Mire, don Iago, xa o pensarei…, e tamén o teño que consultar coa miña dona!”, se puxo en camiño do porto tarraconense. ¡Menos mal, menos mal, que lle cortou a impaciencia, desde aquel piar de Zaragoza, a propia Virxe María, que seguramente lle dixo: “¡Segues sendo un fillo do trono…! Volve para atrás e ten paciencia, pois os galegos sonche así de asentados, e por ende, reflexivos, pero iso é unha calidade. Debes ter, coma eles, a virtude do trasacordo… Volve, e sementa a palabra de Deus, pois a boa terra boa xente dá!”. En definitiva, que Santiago volveu a pasar por Castroverde, e nós, de agradecidos, seguimos, coma el, facendo Camiño!

 

Xosé María Gómez Vilabella

-.-

 

¿Quen dixo que a vida é unha competición?

 

¿Quen dixo que a vida é unha competición? ¡Si, e non, pero dito así, a secas, é unha contradición! Aquí abaixo afixémonos a competir fronte a…, cando o importante é competir en…, en nós mesmos! Si, ho, si, en nós mesmos, comigo mesmo, e non cabe vacilar, que nolo explicou o propio Xesús; iso si, con parábolas, como fai o bo Mestre, que vai tirando dos alumnos á súa altura pouco a pouco, con exemplos, con frases sinxelas…, para que o podan, para que o podamos, entender!

 

Tédelo, témolo, en Mateo, 25, 14-30, e tamén en Lucas, 19, 11-27. “Ó cabo de moito tempo chegou o Señor daqueles criados, pedíndolles contas. Chegou o que recibira cinco talentos e presentoulle outros cinco dicindo: Señor, cinco talentos me entregaches, velaquí outros cinco que gañei. Entón díxolle o Señor: Ben, criado fiel e cumpridor, xa que fuches fiel no pouco, poñereite á fronte do moito: pasa a gozar, ¡a gozar!, da festa do teu Señor”. ¿Que; aínda non está claro?

 

Para os xudeus, como pobo avanzado da antigüidade, xa pasaran os tempos cambiarios do “pecus”, do pago en especie, e estaban no dos talentos, ¡no dos talentos moeda! Pero aínda nos chegaran aos “tests”, os tests intelectuais, así que, daquela, moito non entenderon, que se algo máis entendesen entenderían que aquelas ensinanzas eran propias dun mestre, ¡do Mestre do mestres!, e por tanto Verbo, palabra divina. Por iso o mataron, por iso tamén: polo seu complexo de alumnos envexosos e torpes; ¡mataron ao mensaxeiro da Boa Nova! ¿Criminais? ¡Sen dúbida, pero tamén, burros, autodidactas da propia burremia, enterradores dos propios talentos! Pero Xesús non falou só, e tan só, para os seus coetáneos: ¡Xesús falou, explicou, máis ben para os apóstolos, para os seus divulgadores, para os seus misioneiros! Daquela, para todos nós, presentes e futuros, ¿ou é que non somos, ou debemos ser, apóstolos, sucesores, retransmisores, daqueles, primeiros, alumnos do Gran Mestre?

 

A todo isto, Deus ampare aos superdotados, ricos ou pobres, pois, se máis recibiron, máis contas terán que render, máis alto o listón, máis difícil o exame. Pero non nos ateñamos ás fotos do próximo, sexan guapos ou feos, ricos ou pobres, listos ou torpes, porque o único que nos importa é mirarnos no propio espello: ¿Que, medramos, imos perfeccionándonos, como nos vai a nosa intra competencia, esa loita que temos en nós mesmos, con nós mesmos; ese dilema entre vexetar ou razoar? ¡Se nos houbese creado Deus para vexetais, daquela teríamos raíces, e tronco, e ramas, e follas…, pero temos alma, un alma perfectible, que ten a obriga de restaurarse a si mesma, lavándose, día a día, as propias culpas, a parte herdada pero tamén a incrementada!

 

¿É, ou non é, unha gozada, coñecer que somos capaces, por concesión divina, de auto rexeneración, de auto purificación? ¡Xa, pero, de pasotas que somos, en lugar de facer Camiño, de mostrar o Camiño, preferimos pasear en auto, e de apearnos, facémolo para competir co próximo e non con nos mesmos! Abafounos o Mestre con ensinanzas, ¡demasiadas para alumnos vagos!, e ata se nos esqueceu, ou pasou desapercibida, aquela promesa enaltecedora: “Todo o que volva por min diante dos homes tamén eu hei volver por el diante de meu Pai celestial. Pero quen me negue diante dos homes, eu negareino a el diante de meu Pai celestial”. ¡Non foi promesa de político, senón divina, e aínda así afiliámonos ao pelotón dos torpes! O bo desta carreira, o bo desta competición Terra-Ceo, é que temos o diploma, o premio, asegurado, e aínda así fraqueamos, dubidamos? ¡A única carreira, a única competición, á que podemos dedicarnos en corpo e alma sen menoscabo das outras! ¿Non se di que, estudar e traballar, asemade, ten o seu mérito? ¡Si, é certo, pero máis mérito, máis mérito e máis proveito ten, estudar, traballar e, de paso…, salvarse!

Xosé María Gómez Vilabella

-.-

 

Romaxe XXX. Da Comunidade Base Coia. Vigo.

Uns cantos miles de persoas reunímonos na Veiga do Olmo (Castroverde – Lugo) para celebrar a XXXV Romaxe de Crentes Galegos. Da nosa comunidade do Cristo da Victoria estivemos presentes alí un bo grupo de romeiros que como sempre fomos en bus e en coches particulares.

Tras un bocadiño de pan con chourizo, como agasallo de benvida, e unha busqueda dun lugar axeitado para deixar as nosas cousas e situarnos no xantar, acudimos á carpa para celebrar a fe. A celebración xirou en torno ao lema do Romaxe (“Seguimos facendo camiño”) e como sempre foi animado polo conxunto “A Quenlla”…Era o terceiro romaxe dedicado ao “camiño de Santiago”. O primeiro foi no Camiño Portugués (Monte do Viso-Lobeira-Ourense); o segundo no “Camiño Francés” (Vilar de Donas- Lugo); o terceiro no “Camiño Primitivo”, o camiño de Oviedo a Santiago.

Tras unha primeira parte dedicada a afondar no lugar que nos acollia, chegou a segunda dedicada a facer presente ao camiñante Xesús que nos acompaña e alimenta no camiño. Manolo Regal, que nos regalou o seu precioso libro sobre Xesús (“Xesús, aquel home de aldea”) foi o encargado de representar no medio de nós ó Xesús camiñante, que compartiu connosco o pan que traia na súa mochila e nos invitou a todos a compartir tamén os nosos pans. Non faltou o baile da rumboia nin os cantos do pai noso e do magníficat irimego.

A terceira parte titulábase “a lenda do reino do amor”. Foi unha escenificación dun conto feita por un grupo de teatro na que os protagonistas eran camiñantes en busca do Amor… Verdadeiro obxectivo dos camiñantes de todos os tempos. Ao final entoamos o credo galego como un acto de fe e unha homenaxe a Bernardo, o seu creador, que hai algúns meses nos deixou para ir á casa de Deus, Corazón do Ceo e da Terra. Rematamos co “berro seco” e coa entrega do ramo ós organizadores da próxima romaxe que será na Magdalena (Carballiño – Ourense) o 14 de Setembro de 2013.

Despois dunha comida compartida na preciosa carballeira da Veiga, gozamos dunha representación teatral e dun concerto a cargo dun grupo musical local (“Zuncurrundullo”). A oración final no lugar onde pasamos o dia intentou reflectir o vivido durante a xornada. Un ano mais chegamos cansados pero contentos de ter compartido a fe e a vida con tantas comunidades cristianas da nos aterra galega.

-.-

 

En Irimia

 



É cousa de abri-lo paraugas? Xosé María Gómez Vilabella Que mellor sitio que Castroverde para abri-lo paraugas o próximo 8 de Setembro! O escultor reflectiunos así, xuntos nunha aperta cordial, e co paraugas aberto. ¡Non están parados: están facendo Camiño, seguen facéndoo, e precisamente nun punto reflexivo do Primitivo, do de sempre, ou é que non é de sempre aquel mandato divino de, Amádevos como eu vos amo? O problema está na memoria, que é, que adoita ser, falible. Mais para iso son providenciais as crises, invitándonos á reflexión, a volve-la vista atrás, a lembrarnos do parentesco terreal, e de paso, da nosa filiación divina. Daquela, se somos irmáns, por que nos odiamos, para que nos roubamos, por que nos difamamos, reciprocamente? Se non chovese, igual pasaríamos de largo, oufanos, ignorándonos; pero as tormentas, é o bo que teñen!, dannos ocasión para estes intres fraternos, para reciprocidades, para estes abrazos, para unha certa colaboración. A ver se se cumpre o día 8! Nesas apertas pidámonos perdón, pois moito hai de que! E de paso fagamos unha fronte común para desenmascarar aos ladrón, aos abusóns, a eses que nos dan a paz mentres nos meten man á carteira coa outra. Ai aquelas irmandades dos primeiros cristiáns, que compartían a auga, o pan, e maila sal, todo canto tiñan! Na Veiga do Olmo haberá merendas, e compartiremos os filetes, pero, abriremos a porta do corazón para dicirlle ao próximo que pase, que entre, que con nós estarán na propia casa? Oxalá! Tamén será unha boa ocasión para levar con nós aos nenos, e cos nenos os rapaces, ¡botellón en familia! Despois queixámonos desta xeración … Hai que levala da man, en particular aos mellores sitios, nas mellores ocasións…, A ver, logo, cantos nenos acollemos ao paraugas de Castroverde, na xa próxima, inminente, XXXV Romaxe! Ide preparando, de paso, a merenda, pois o sitio, para comela, para compartila, é mesmamente celestial, paradisíaco!

 

-.-

 

Xosé María Gómez Vilabella 

 

6 DE SEPTIEMBRE DE 2012

Programa

XXXV Romaxe de Crentes Galegos

Veiga do Olmo, de Castroverde, será o escenario onde o próximo 8 de setembro terá lugar a XXXV Romaxe de Crentes Galegos.

Desde 1978, a asociación Irimia organiza anualmente esta romaría co obxectivo de vincular de xeito festivo a fe cristiá e a cultura galega, e que cada ano reúne entre 4.000 e 6.000 persoas procedentes de diferentes puntos da xeografía galega, segundo a propia organización.

O programa desta edición constará de tres partes, tal e como anunciou onte o presidente da asociación, Lois Ferradás.

1ª UNHA PEQUENA HISTORIA DE CASTROVERDE.

2ª UN RELATO.

3ª ESCENIFICACIÓN DUNHA LENDA DA TERRA CHÁ.

Presentará o vindeiro programa: 

(11:00h) Recibimento dos asistentes con unha pequena degustación. Actuación da Banda Musical "ZUCURRUNDULLO".

(12:00h) Acto de Celebración: Actuación do Grupo Musical "A QUENLLA".

(14:00h) Xantar.

(16:30h) Actuación de novo, da banda local "ZUCURRUNDULLO".

(18:00h) Recorrido dos asistentes dende a Veiga do Olmo ata o Castelo (alí celebrarase unha pequena oración). Regreso á Veiga do Olmo e despedida.

Espérase bo tempo para a edición deste ano, cunha máxima de 30º, e cunha mínima de 13º, polo cal un día idóneo para tal evento.

-oOo-

No hay comentarios: