SE AS PEDRAS FALASEN
As raíces do noso político Manuel Cordero Pérez
Xosé María Gómez
Vilabella
Manuel Cordero Pérez,
un home de prol de Castroverde.
Restos da casa natal de Cordero, en Riomol, agora
incorporados ás edificacións doutro veciño.
Isto, estas fotos da portada, foi unha ventá, -hoxe incrustada, internada,
nas edificacións dun veciño-, da casa onde naceu, e se criou, en Riomol, o noso
ilustre paisano D. Manuel Cordero (ou Cordeiro) Pérez. ¡Don, hoxe, que daquela
seguro que eses veciños lle dixesen, cariñosa e simplemente, "Manoliño"!
Non sei, nin llo preguntei ao dono da casa actual, se esta conservación a
fixo por devoción a Cordero, á súa lembranza, ou simplemente por pura economía
de obras e de material; en todo caso, foi un acerto, un acerto digno de mención
e de aplauso.
¡Aí o teñen, aí o temos: un auténtico santuario! Aínda que igual lle
causamos molestias ao señor, pois, en particular as mulleres, se son
agradecidas de canto fixo por elas Manuel Cordero reclamando que se inserise o
sufraxio universal naquelas Constituíntes do ano 1931, o máis probable, o máis
xusto, será que comecen a levarlle ramos de flores ao seu titor, para poñerllos
nesa ventá desde a que tantas veces vería, ou presentiría, o futuro lexislador
castroverdense unha fugaz alba de gloria do noso país. Fugaz, xa que ese
dereito tan natural foi suprimido, aos poucos, por D. Hermenegildo, aquel
ditador ferrolán que tanto nos aferrollou, e non se reactivou o voto feminino
ata a Constitución actual.
Para que ninguén poda entrar en discusión ou en dúbidas acerca do berce do
noso home de prol, que non nos pase coma co señor Besteiro do Corgo, (Julián
Besteiro Fernández), ¡que non hai, nin houbo, tantos como para confundilos ou esquecelos!,
tomeime a molestia, ¡grata molestia!, de mete-lo nariz en dous santuarios
fidedignos: O Rexistro Civil de Castroverde e mailos Arquivos do bispado de
Lugo. Non foi doado, pero, ¡aquí están! Empezarei polo de Castroverde onde
tiven a dificultade, a desorientación, de que eu partía da data de nacemento
que aporta a Gran Enciclopedia Galega, que o dá como: "...Político e
dirixente sindical socialista que naceu en Castroverde (Lugo) no ano
1881..."
Como a caligrafía non está aló moi lexible que digamos, coido que será
cousa de mecanografalo:
Á marxe: "Núm. 2729 Manuel Antonio Cordeiro y Pérez". Texto:
"ACTA DE NACIMIENTO. (O folio é 189 v).- En la villa de Castroverde,
distrito de este nombre, a las nueve de la mañana (¡polo sol!), del día veinte de Agosto de mil ochocientos ochenta
y cinco, ante D. José María Fernández de la Vega, Juez Municipal, y D. José
Fórneas Cartea, Secretario, compareció Francisco Cordeiro Teigeiro, natural de
Riomol, término municipal de Castroverde, provincia de Lugo, casado, labrador,
domiciliado en la parroquia de su naturaleza, casa nº 957, según lo hace
constar con la cédula personal que exhibe y vuelve a recoger, expedida a su
favor con el número mil doscientos, presentado con objeto de que se le inscriba
en el Registro Civil un niño, y al efecto, como padre del mismo, declaró: que
dicho niño nació en la casa del declarante el día diez y nueve del corriente
mes, a las cuatro de la tarde.- Que es hijo legítimo de Francisco Cordeiro
Teigeiro, natural del Riomol, término municipal de Castroverde, provincia de
Lugo, de veinte y siete años de edad, profesión labrador, y domiciliado en la
parroquia de su naturaleza, y Dª Francisca Pérez, natural de Barreiros, término
municipal de Castroverde, provincia de Lugo, de veinte y siete años de edad,
dedicada a las labores de su sexo, y domiciliada en el de su marido; que es
nieto por línea paterna de Manuel Cordeiro, natural y domiciliado en el
referido Riomol, casado en segundas nupcias y labrador, y de María Teigeiro,
natural del mencionado Riomol, difunta; y por línea materna de Antonio Pérez
Veiga, natural y domiciliado en el precitado Barreiros, casado, y labrador, y
de Manuela González Ferreiro, natural de Pumarega, en este término, casada,
labradora, y domiciliada en el de su marido. Y que al expresado niño se le
había puesto el nombre de Manuel Antonio.- Todo lo cual presenciaron como
testigos D. Domingo y Pedro Seijas, naturales y domiciliados en el pueblo de
Arcos, en este término municipal, casa número mil quinientos treinta y tres,
cuarto imnumerado, mayores de edad, aquel casado y este viudo, y labradores,
según sus cédulas personales.- Leída íntegramente este ACTA, e invitadas las
personas que deben suscribirla a que la leyeran por si mismas, si así lo creían
conveniente, se estampó en ella el sello del Juzgado Municipal, y firmaron el
Señor Juez, el declarante, y los testigos, y de todo ello, como Secretario,
certifico: (Conclúe coas sinaturas dos arriba citados)".
O outro alicerce, a outra columna deste monumento histórico, é a seguinte
reprodución da Partida de Nacemento obrante nos arquivos do bispado de Lugo.
Vexamos:
Á marxe: Riomol. Manuel Antº. hijo de
Francº Cordeiro - Falleció en Buenos Aires.- (¡Alguén, outra letra, tivo a amabilidade de consignar neste documento este
dato adicional!)".- No texto: "En veinte de
Agosto de mil ochocientos ochenta y cinco, el infrascrito cura párroco de San
Pedro de Riomol y unidas, bauticé solemnemente en la parroquia de Riomol un
niño que nació a las cuatro de la tarde del diez y nueve que rije, hijo legítimo
de Francisco Cordeiro y Teijeiro y de Francisca Pérez, labradores, vecinos de
San Pedro de Riomol, y naturales él de la referida parroquia, y ella de San
Cosme de Barreiros. Abuelos paternos Manuel Cordeiro y María Teijeiro, difunta,
vecinos que el es y ella fue del repetido Riomol; maternos Antonio Pérez y
Manuela González, vecinos de San Cosme de Barreiros; púsele nombre Manuel
Antonio, fueron padrinos el abuelo paterno y su mujer Antonia Pérez. Y para que
conste lo firmo fecha ut supra.- Firma: Bernardo Fuentes González".
¡Ben consignado, e con boa caligrafía! Este cura non era dos de carreira
curta, ¡seguro! O neno empezou pobre, pero ben apadriñado, que ás probas me
remito.
As pedras non falan, pero lembran, fannos lembrar. Os papeis, en cambio, dino todo. O malo é que de Cordeiro (ou Cordero,
que era como se poñía desde que se amadrileñou), quedounos pouco, así que, o
que temos cómpre gardalo, polo menos ata que as autoridades competentes caian
na conta de que este home de prol, este paisano noso, merece..., ¡como pouco,
poñe-la súa filiación en letras de bronce!
Xosé María Gómez Vilabella
-.-
Manuel
Cordero Pérez
Na Gran
Enciclopedia Galega, tomo 11, edición de 1984, páxinas 146 a 148, pode
lerse, “… CORDERO PÉREZ, Manuel. Político e dirixente sindical socialista que
naceu en Castroverde (Lugo) no ano 1881…”
Ver texto íntegro, escanado, no anexo da presente reseña.
E nos do Bispado de Lugo a súa Partida de Bautismo,
que é a seguinte:
na que consta, en nota marxinal, o seu falecemento en
Buenos Aires.
-.-
Vidas paralelas:
Manuel Cordero Pérez e Jordi Solé Tura
Os estremeños tócanse,
foi o título dunha famosa obra de teatro, unha comedia musical de Pedro Muñoz
Seca, levada ao cine por Alfonso Paso. Pero hoxe, aquí, vou falar de algo máis
serio, moito máis, ¡de dous extremos coincidentes! Un, galego, do finisterrae
hispano; e o outro, catalán, do Mare Nostrum. De punta a punta, pero con
grandes coincidencias, que non deben pasarnos desapercibidas; así que, hoxe,
Día da Constitución, tómome a liberdade de ufar un: ¡Vivan por sempre, (na nosa
lembranza, obviamente), os Constitucionalistas, os fautores das Constitucións!
Mal estaríamos sen constitucionalistas, pois, por mal que as fagan, peor estaríamos nunha anarquía, ou nunha ditadura. Unha constitución, toda constitución, como toda obra humana, e máxime estas, nadas, sempre, dunha tirapuxa entre mentalidades e actitudes coexistentes, é, pode ser, debe ser, mellorable. O que non poden ser é esquecidas, nin elas nin os seus autores.
Daquela, ¿por qué esquecemos, maiormente as mulleres, que aínda non lin a primeira que dedicase un agradecemento por escrito ao noso Manuel Cordero Pérez, codefensor con Clara Campoamor, nas Constituíntes de 1931, e á contra dos temores do seu propio partido, que a muller tivese voto, un voto igualitario cos homes? Os cataláns berraban aquilo de, ¡Esperta, ferro!, pero aquí non sobraría un, ¡Esperta, Castroverde!
Ambos, o catalán e mailo galego, empezaron de panadeiros; ambos foron parte activa, decisiva, en sendas constitucións. ¿Caben dúas vidas con máis paralaxe? A diferenza vai estar, está, en que os paisanos de Solé Tura, calquera que sexa a súa ideoloxía, están honrando a memoria do seu..., ¿e nós? ¡No comment, que dixo o inglés!
Xosé María Gómez Vilabella
-.-
Unha
débeda histórica.
Abro unha subscrición, con un
euro, como aporte simbólico,
inicial,
para erixir unha placa, ou
un monumento,
en Castroverde,
ao noso insigne paisano
MANUEL
CORDERO PÉREZ
E fágoo non só en
honor do homenaxeado, senón, e tamén, da muller galega, obxecto directo daquela
intervención súa, tan oportuna, tan positiva, como xusta e precisa:
Hay
una tierra -¡que bella es!-, Galicia, en donde la mujer rinde a la familia y a
la sociedad más esfuerzo que el hombre. Éste, sugestionado por la leyenda del
bienestar de América, unas veces, impulsado por la necesidad siempre, vino
emigrando, dejando a la mujer al frente de la hacienda y de la familia. Y
cumplía su cometido con tal heroísmo, que bien merece nuestra admiración.
(Estas verbas,
emocionadas e emocionantes, de Manuel Cordero Pérez, con ocasión da súa defensa
do voto feminino nas Cortes Constituíntes da Segunda República, foron
recollidas por Alberto Vilanova Rodríguez na súa biografía do noso paisano,
–nado en Castroverde no 1.885-, e atópanse no tomo XI da Gran Enciclopedia
Galega. ISBN 84-87804-13-6
Hoxe, achegándonos
ao Día da Muller, que cae no 8 de marzo próximo, a reflexión máis íntima ten
que levarnos, débenos levar, a min polo menos, ás débedas contraídas coa muller
en xeral, pero dun xeito máis persoal e directo ás da miña/nosa bisbarra, das
que..., ¡das que sempre tiven complexo, polo listas e polo traballadoras que
son, que sempre foron!
¡Que razón tiña
Manuel Cordero Pérez, e iso que non viviu a nosa Guerra no seu berce, no seu
Castroverde, que lle cadrou estar do outro lado! Cos homes chamados a filas,
como en tempos de Cordero o foran á emigración, casadas e solteiras agarráronse
ao temón...; ¡non do barco, senón do arado, que é máis duro, máis forte, menos
manexable! E sen deixar de leva-los ovos, os queixos e maila manteiga á feira,
coa outra man tiraron da corda do xato, e/ou da vaca, da niñada dos porquiños,
da pata do carneiro marón... ¡O malo do caso foi que viñeron as requisas, as
taxas, así que, máis que vender, tiveron que regalar!
Por falta de
paxelos para mercar, ¡todas elas costureiras!, esganifaron sacos, e fixeron
calzóns, ou batas, para a súa prole. Tiraron de tesoiras e raparon as ovellas;
fixéronse con liñaza, e volveron ós teares; axugaron as vacas, e botáronse ao
monte..., ¡precisamente ao monte onde se escondía algún daqueles homes, daqueles
fuxidos!, dándolle á fouz ca súa débil musculatura, para arramplar un carro de
toxos; e tras dos toxos, apeitar co saco para o muíño; e amasar, e roxar, e
face-la bola..., ¡para que non lles faltase un codeliño de pan saboroso aos
seus fillos!
Se choraban, que o
farían, iso foi a soas, pois os nenos, na súa enteireza e no seu exemplo, nunca
tal lles vimos. ¿Amazonas? ¡Non tal, que as nosas andaban a pé, polas
corredoiras; e para ir á feira, e á Misa, que non as fosen tomar por roxas!
Case sempre co feixe na cabeza, que cando non era un feixe era a sella, aquela
dos aros dourados...!
A Guerra,
oficialmente, durou tres anos, pero as quintas tardaron en licenciarse, un,
dous, tres..., ¡segundo os casos! Cando volveron os homes, ¡os que volveron,
que algún fórase aos luceiros, e outros metéronse a Gardas!, viñan derreados,
amargados ou malferidos; con outro adestramento... Pero a muller non decaeu: Os
nenos íanlle a escola, e cando non abría a Oficial, a do Estado, ben se
preocuparon de buscar mestres daqueles do “ferrado”, que xa non cobraban en
ferrados, pero si que lles cabía/que nos cabía nun ferrado a pouca ciencia que
acadáramos. Os Curas das parroquias, ¡con tal de que a familia non tivese tacha
de roxa!, facilitaron o ingreso de moitos rapaces nun dos Seminarios, Lugo ou
Mondoñedo. O resto, en toda casa de certos posibles, ao Instituto, ou á Escola
de Comercio. En canto ás nenas, con tanta escola desatendida, fose por
depuración ou por mobilización do Mestre, a Escola Normal abriulles a porta
grande..., ¡e saíron dez mestras por cada mestre!
Se Cordero merece
unha placa, cousa que afirmo con toda a miña alma, as Mestras do rural,
particularmente aquelas da posguerra, merecen..., ¡o Ceo! Mais, como o teñen
ben merecido, xeralmente aceptado, esas non precisan do EURO para a súa placa
conmemorativa, que lles darán, que lles daremos, a Gloria, de todo corazón,
ofrendándolles espiritualmente este recoñecemento, esta evocación, esta
admiración.
Se non é unha
figura retórica aquilo de que Eva..., tal e cal, a muller, todas en xeral, ao
longo da Historia, ben se levan redimido, ben levan estudado e traballado,
particularmente nesta bisbarra onde contamos, hoxe en día, con mulleres que nos
igualan, e que incluso nos superan, en moitos casos, nas máis diversas actividades
e disciplinas. Fixérono, lográrono, dun xeito meritorio, individual, esforzado,
dignísimo! ¡Por algo lles chamamos “donas”, por algo! O problema, de aquí en
diante, pode ser que, de subidas aos altares, ¿que mozo se atreverá a casar con
esas deusas que tanto se parecen ás Musas, a Ceres, a Cibeles, a Diana, a
Minerva, a Venus...? ¡Igual é cousa de ir pensando que Deus é Mater, e
non Pater, como sempre se nos dixo!
Manuel Cordero Pérez.
Nado
en Castroverde, Lugo, en 1885. Bos Aires (Arxentina) 1941.Panadeiro. Dirixente
da Federación de Artes Brancas da Unión Xeral de Traballadores. Deputado
socialista por Madrid en 1931. Membro da Comisión Executiva da UXT desde 1914 a
1932. Membro da Comisión Executiva do PSOE desde 1931 a 1939. Autor do libro
Los socialistas y la revolución. 1932. E mil cousas máis!
Xosé María Gómez
Vilabella
-.-
Cordero, un home de prol arquivado,
definitivamente arquivado?
Polos seus
veciños, si; polas súas favorecidas, si, tamén; pero alguén queda que o
relembra, polo menos nas ocasións propicias. Advertíunolo o
propio Cristo cando afirmou aquilo de que ninguén é profeta na súa terra!
Casualmente na semana pasada (este artigo publicouse en Galicia Dixital en
Marzo do 2011), comendo no "Pereira" co Cura de Riomol, e tamén co
Profesor Serafín Tellado López, de Romeán, falando de violencia de xénero
recordamos ao noso Manuel Cordero Pérez, o mellor defensor que tivo a muller en
España; aquel Deputado que, apoiando a Clara Campoamor nas Constituíntes da
República, ¡fai agora oitenta anos!, logrou / lograron que a muller deixase de
ser criada pasando a ser señora, ¡a ser "compañeira" e non "serva"!
Detrás veu Franco, que as relegou á Sección Feminina, pero iso é outro cantar,
un subcantar do Cara al Sol. Poño aos dous de testemuñas de que comentei con
eles, escandalizado, que aínda non houbese unha placa conmemorativa no exterior
desa casa de Riomol cando tanto se proliferan, ab hoc et ab hac, incluso
pola simple inauguración dun camiño ou dunha pista de mala morte.
Máis agradecidos son outros, que
onte mesmo, (9-3-2011), botaron na TVE 1, a película "Clara Campoamor. La
mujer olvidada", na que o guionista, o director, etcétera, ben se coidaron
de presentar ao noso veciño, ao antigo panadeiro, Manuel Cordero, en tres ou
catro tomas de primeiro plano, subliñando, recalcando, que se Clara Campoamor
logrou sacar adiante a súa proposta de voto feminino foi grazas a Cordero, á
súa nobreza, nun ambiente de dúbidas e de traizóns.
¿Que máis podo engadir eu, servidor, que tantos anos levo insistindo no
noso desagradecemento, no noso esquecemento, particularmente no das propias
mulleres, no das propias beneficiadas? ¡En vez desa placa, desa lauda, a
Cordero, igual habería que poñérllela a elas, particularmente ás de
Castroverde, para botarlles en cara a súa deslealdade!
Xosé María
Gómez Vilabella
-.-
ANEXOS
Escanados
da Gran Enciclopedia Galega.
Xosé María Gómez Vilabella
-oOo-
No hay comentarios:
Publicar un comentario