miércoles, 28 de enero de 2009

CRÓNICA DUN ITINERARIO E DUNHA ÉPOCA -I-







Crónica dun itinerario
e dunha época 


¡De condutor a conducido!

Xosé María Gómez Vilabella




Día de Feira na Fonsagrada

Acabo de recibir o seu legado testamentar, (xa sei que o correcto é, testamentario, pero como os rapaces deron en dicir, testamentar...!), así que terei que poñerme ao ordenador pois as últimas vontades son..., ¡iso, últimas, e por tanto, definitivas, ineludibles!

Ao señor Antón, que era ben coñecido en toda a bisbarra, tanto pola súa bonhomía como polos seus contos, típicos da lareira, dun tempo a esta parte deran en chamarlle O Vello da Ponte, debido a que collera o ripio de afirmar, viñese ou non ao caso, que el era unha especie de ponte entre o século XX e mailo XXI, daquela apenas estreado. Pois agora aínda é máis “ponte”, xa que, coa ánima, traspasou a porta de San Pedro, e co corpo, a do cemiterio de San Froilán. Fiel aos seus principios, botou nunha máquina de escribir manual, e desta pasou á eléctrica, que o levou, nunha terceira fase, á compra dun PC, pero na última etapa, da súa vida e das súas aptitudes, xubilado que estaba, o ordenador, coas súas complicacións técnicas, manuais e todo iso, fíxoselle costa arriba, en vista do cal as súas..., digamos, Memorias, deixounas mecanografadas, simplemente mecanografadas, ¡que non é pouco!

Fará cousa dun mes vin a súa necrolóxica no diario El Progreso, e funlle ao enterro, onde recei, máis que por el, coidando que a súa santidade é de reválida, por min, pedíndolle que me axude a redimirme, en vida, dos meus pecados, para visitalo cunha túnica branca…, no meu día! Onte mesmo, petaron á porta desta miña / vosa casa, coa sorpresa de que me / nos visitaba a neta do propio Vello da Ponte, estudante ela, pero de non sei que, pois xa confundo os nomes e mailas materias de tantas carreiras como temos agora, maiormente desas que non levan a ningures, desas espirituais que non serven, ou pouco, para engadir valores neste mundo actual, tamén chamado, de Comercio Global.

-¿E logo, viñeches á Coruña, á praia? ¡Ti non a precisas, que es moreniña dabondo!

-Estou así porque fago sendeirismo, que me asociei cos Amigos do Patrimonio de Castroverde, e todo se nos volve revisa-lo país. ¡Calquera día atopámonos co..., ¿Doutor Livingstone, supoño?, pero, de momento, con quen me atopo é con vostede…, por delegación de meu avó, cumprindo un dos seus encargos!

-Muller, non sei se te equivocarías, de cidade e de persoa, pois, se queres unha recomendación que sexa eficaz, de presente atópanse no Camiño de Santiago, concretamente ao final do mesmo, na Xunta de Galicia!

Ela medio se riu, e iso que lle falara en serio, talmente en serio.

-Non, señor; aínda que tampouco me viña mal! Trátase de que fomos retirar o testamento de meu avó, e na súa lectura, entre unha serie de mandas e de consellos, deixounos dito que as súas "Memorias"...; espere que as quite desta carteira...; que se lle entreguen a vostede, con cesión dos dereitos de Autor inherentes!

A miña sorpresa chegou ao máximo.

-¿A min, para que, e por que? Se teño que traducírvolas ao castelán, agora que os libros galegos só se venden no rastro, tarde piaches, que o levo esquecido...

-¡Non, señor; son súas, como legado! Aquí traio o testamento, por se ten dúbidas:

"... Darédeslle estes folios ao meu amigo Xosé María..., con cesión definitiva e gratuíta dos dereitos de autor inherentes..., pedíndolle que pase isto ao seu ordenador, e que lles dea luz, se tal lle apetece, pois eu non fun capaz diso.., aínda que me tiña por unha pontella entre os dous séculos nos que participei, nos que tiven non sei se a sorte ou a desgraza de vivir. Sorte, porque os inventos avanzaron unha barbaridade; e desgraza, porque esa barbaridade foi acelerada, agresiva, para os que viñamos de moi abaixo".

-¿Que, acepta, ou refusa? –Apremou a rapaza ao verme dubitativo- Está obrigado en tanto en canto meu avó non se cansaba de dicirnos que só vostede o ten escoitado con atención, e que seguramente era o único que o entendía, acaso por unha certa afinidade de afeccións.

Foi o dilema que me formulou, no que me meteu, a neta do amigo Antón. ¡É boa verdade que nos pasamos a vida elixindo entre o si e mailo non; tódolos camiños están gallados!

Esixíndomo Antón, e pedíndomo a súa neta, que outra me quedaba máis que aceptar? ¡Encima das ocupacións que teño, acotío, que tal parece que mas endosa Xuncras, pois, cos meus anos, xa coas forzas decrecentes, traballo crecente! Isto vai en detrimento do meu botánico das "Andoriñas", pero..., que se lle vai facer! ¡Que mo coide o Vello da Ponte, desde Arriba, desde o Ceo..., mentres transcribo os seus relatos!

En vista diso póñome a teclear, xa mesmo, pois a historia, ¡as historias!, do meu "Vello" son monumentais. Refírome ao volume, pois, en canto á calidade, o xuíz da mesma sempre é, debe ser, o lector.

Empezarei a transcribir, a subir ao ordenador, o que conta de despois da Guerra, pois os folios do de antes coido que non lle interesan ao lector actual, que nin sabe que en España houbo unha guerra incivil, chamada Civil, e iso que non o foi, que foi militar, ou máis exactamente, caciquil. Isto que sigue xa é cousa, relato, do Vello da Ponte, así que, se non vos gusta, a min, plim!

Polo que levo lido, que vou pola metade, este ¿diario? do amigo Antón, non é propiamente un diario porque vai a saltos, pero si que é, ou por tal o teño, a crónica itinerante, consecutiva, dunha ruta e duns anos colmados de peripecias, tódalas que lle chamaron a atención nos seus recorridos, comezando por aquelas viaxes cotiáns Fonsagrada – Cádavo – Castroverde – Lugo, cos correspondentes retornos, etcétera, etcétera.
-.-




A fonte sacra




Estación de Autobuses,
xunto do cárcere.
¡Puxeron a mobilidade de par da inmobilidade!


"Facendo que lles axudaba en Lugo, na Administración da Liña, accederon a deixarme usar a máquina de escribir da oficina cando estivésemos de vagar; para min é unha boa comenencia, que me estaba cansando de darlle á pluma de "corona" de tanto que veño escribindo. ¡Canto falan eses malditos; mal raio me parta, que en terminando esta carta...!, como diría o Tenorio. Entendo que o fan cos nervios da viaxe, entre o que deixan atrás e mailo que pensan atopar na cidade, amén deste coche vello,



dos de antes da guerra, co gasóxeno incorporado, engadido, renxendo por culpa dos croios desta vella estrada, desde Fonsagrada a Lugo. ¡E menos mal que nola fixo, e nola enderezou, o enxeñeiro Cándido Fernández, (Montoutiño), aquel xenro de Portela Valladares, enchufado no Ministerio de Fomento; ¡outro, outro máis, así que, cantos máis enchufados, menos leguas de estrada!

Esta carrozaría seica a montaron en Chavín. ¡E ben aproveitados deben ser os tales xa que lle situaron catro asentos na dianteira, lugar ao que estes afectados de Lugo chaman "berlina"! O asento da miña esquerda, reservado para o Revisor, aínda que me quita visión lateral, outra molestia non me dá pois ao fin e ao cabo somos compañeiros na mesma empresa, pero os dous da dereita traíanme pola Vía Dolorosa ata que din na ocorrencia de escoitar o que din; oír, ver, e calar, por suposto, para seguidamente pasalo ao meu cartapacio, que así vou facendo un libro de anécdotas sen necesidade de inventar cousa algunha. A empresa tennos instruído para que reservemos estes asentos aos curas, aos gardas, e demais xente principal. Daquela, fiat voluntas túa!

Aquí, no comezo desta parte, debo poñer unha aclaración, máis ben por se algún día chego a ter fillos, e lles dá por lerme, para que entendan que estes apuntes nin son seguidos, nin forman o que se di un Diario. A explicación é esta: Só vou relatar aqueles asuntos que me chamen a atención, e para iso sempre que os oíse ben, que por veces falan tan baixiño que nin case o perciben eles mesmos, pois a estes paisanos de por aquí, debe ser de tan escarmentados que están polas consecuencias que lles tivo dicir o que sentían e pensaban, que agora non os oe nin o colo da súa camisa.

Tamén concorre que só podo reseñar con exactitude, coa mellor lembranza de detalles, os sucedidos nas viaxes da mañá, os de cara a Lugo, pois ao regreso, entre que se fai de noite a pouco de saír da capital, ¡meus pobres, que cando non os esperan coas cabalerías téñense que ir para as súas casas, desde os apeadeiros, arrimados a unha vara que adoitan tronzar cerca da estrada, e así pasa que non queda unha árbore nos arredores delas!, e que chego canso, sen máquina de escribir na Fonsagrada, pois esta de Lugo é de lujo; quero dicir, de Lugo, pero, aínda que a tivese, co candil de petróleo da fonda..., ¡todo tebras! Dos da véspera algún caso lembrarei, aínda que xa non os terei tan frescos na memoria.

Teño que confesar que igual estou sendo algo petulante querendo retrata-lo mundo soamente co que pasa, co que di esta xente do hinterland da estrada pola que transito a diario. Isto do hinterland é como lle chama o Xefe da empresa ás terras desde as que saen ao noso encontro, pois a Lugo, coma se fosen os radios dunha bicicleta, outras estradas levan, e outros coches de Liña por elas circulan. ¡Eu non podo facer máis, non podo saírme do meu mundo sen mentir! De todos modos, considero que esta estrada, tan mal estrada e tan mal feita, é unha de tantas das que levan, ¡e devolven!, á capital, e como Lugo está en Galicia, e Galicia está en España, España está, ¡ou estaba!, niso que chaman cultura occidental, o que vaia recollendo e aprendendo igual se parece ao que pasa por aí adiante, neses mundos de Deus, que por veces, pasando o que pasa, ata haberá que pensar que o diabro é o socio maligno, o traidor, nas empresas do Noso Señor.

O de hoxe pouca importancia tivo xa que, no Cádavo, en vista de que ían baleiros os de diante, e atrás logo parecían mollos de centeo, ¡se fosen ben vestidos serían de trigo!, o Revisor deixoulles pasar a dous rapaciños, neno e nena, que se ían incorporar ao Instituto de Lugo. Isto foi o que falaron:

-Pues yo te soy de una casa rica, de ahí de Librán..., ¡que por eso me estudian!

A rapaciña, que se lle notaba que ía vestida con roupa frouxa, axeitada para as medras, para cando engordase:

-Ditoso ti, que eu son filla dun mestre represaliado, que lle quitaron a escola, e agora trata na facenda miúda, para ir tirando...

O rapaz, ou por miope ou por adulador:

-Tan mal no me parece que os vaya, ya que llevas un vestido de lujo...

Ela ruborizouse, que se nota que empeza a sentirse moza, pero nun arranque de sinceridade contestoulle ao presumido, castelán falante:

-¿Este vestido….? ¡Fíxomo miña nai, que é costureira, do seu da voda! Como ves, con isto da guerra, ás veces hai que espir un santo para vesti-los outros!

O rapaz, diso da pobreza, nin entendía nin quixo entender.

-Así que te llamas Rosa…; ¡pués está claro que lo eres! ¡Guapina a más no poder! Lo que no me encaja es que hables gallego siendo hija de un maestro. ¿Lo eres, de verdad?

Isto, esta obxección, non lle gustou á rapaza, que lle contestou afirmativamente, máis cun xesto que con palabras, pero de aí para adiante quedouse muda para aquel rapazolo. ¡En vez de rompe-lo xeo, fabricárono!



Xa en Castroverde axudei a baixar unha gran cantidade de sacos que traía na baca unha familia que subira ao partir, na mesma Fonsagrada. Fíxeno para que non estivese o coche parado, pero tamén porque me chamaron a atención, tanto polo número das persoas como pola cantidade e volume dos vultos: Dous anciáns, medio derreados, con sendas caxatas; unha muller aínda nova pero tan mal vestida que xa parecía un carnaval; e con eles, dous nenos e unha nena, tan cativos e tan esmirrados que logo cabían nunha cesta.

-Perdoen a confianza, pero fáiseme que os teño visto nas feiras da Fonsagrada. E tamén me chama a atención este feixe de rocas das de fiar na lá, que traen consigo… ¿Van de casa mudada, ou que?

-Iso mesmo nos preguntou a Garda Civil cando nos achegamos á Liña. Para dicirllo en curto: Hai unha familia aí arriba, nun lugar que lle chaman Nabeda, terra de nabos, que están cobrando unha pensión de Sarxento dun fillo que lles morreu, ¡que lles mataron!, na guerra, de Cabo. Como teñen cartos, entre os vellos e maila viúva seica van poñer unha fonda, en Lugo. E nos vimos de caseiros seus, ¡un pobre, caseiro doutro pobre!, porque alí no Burón retirounos a propiedade o fillo segundo do dono, que se casa agora que volveu da guerra, establecéndose na segunda das casas da familia, así que, ¡os caseiros sobramos!

O noso fillo tamén morreu na guerra, pero de soldado, así que a nosa paga é tan só de Cabo. Aí en Nabeda o trato é coidar das cen cabezas que teñen os amos, entre ovellas e cabras. Nos viviremos dos queixos da facenda, e de facer punto, medias e xerseis coa lá das ovellas, que xa facíamos algo diso na Fonsagrada, vendendo nas feiras o punto…

-¿Aos amos, que; pagaranlles unha renda sabida, supoño?

-Nisto non acerta: O noso trato é repartir as crías, ao cuarto: A metade, dous cuartos da crianza, deixarémolos para a cría; un cuarto podémolo vender nós, e o outro para os donos.

-Sendo así…, ¡van saír ben!

-Pois os amos, tamén, que lles medrará a facenda, e con algo de sorte duplicaremos ese cento. O malo vai ser para estes nenos, que se quedan sen escola…

Nisto falou a nai:

-Se Deus me axuda non será así, que agora mesmo vou buscar pizarras e pizarriños aquí en Castroverde, e polas noites póñolles eu algo de escola, que aquí meus sogros son analfabetos, pero eu cheguei ás catro regras…

¡Iso tería, catro regras, que se debeu casar ben noviña, e despois viñéronlle, seguidos, coma as contas dun rosario; e tras do rosario, o loito! Desexeilles sorte, que a van ter, porque a xente facendeira merece tela.
-.-

Se no de onte case chorei coa pena que me dan os desequilibrios deste mundo, hoxe   confortoume saber que hai persoas caritativas, incluso nas alturas deste pais. Pero irei por partes:

Ao dobrar a esquina da rúa onde gardamos o coche, quedei aterecido, entre o frío da mañá e mailo descubrimento dos meus ollos: Mesmo diante do portalón un vulto grande, confuso, informe, irrecoñecible por culpa dese manto de néboa que tanto lle quere á Fonsagrada que ata durme con ela. A miña primeira idea, pois os pensamentos adoitan casar coas circunstancias, foi este: ¡Cómame Xuncras, que isto é cousa dos fuxidos; puxeron diante da porta ese feixe de xestas para que, ao apartalas estale a bomba! Quedei inmóbil; non sei canto, pero catro ou cinco minutos si; e despois puxen a traballar a cabeza, pois as mans podían esperar: Se retiro esa leña, a bomba, que vai ter a espoleta atada ás xestas, acabará comigo, comigo e coa porta do garaxe; despois virán os veciños, e con eles a Garda Civil, pero eu, para daquela…, confesándome con San Pedro!

Seguín meditando, sen moverme da esquina:  ¿Se aviso á Garda Civil, de antemán, mentres o fago pode vir o Revisor, coas chaves, coas del, e…, outro tanto! Para dar de voces, tan cedo, non me perdoarán que esperte á veciñanza… Despois destas vacilacións, e sen case terme de pé, que se me dobraban as pernas, funme achegando ao vulto, paseniño, paseniño… Xa de cerca, abríronseme tanto os ollos, que estiven a punto de poñerme a berrar, mais agora por outro motivo: ¡Unha muller…, morta…, pois aínda que fose unha mendiga, aí non durmiría! Daquela tiven outro tremor, outra vacilación, que nin era capaz dunha preferencia: ¡Unha bomba debaixo dun feixe de xestas, ou unha muller morta! ¿Mataríana; morrería de morte natural?

O último dos descubrimentos foi observar que, coa mesma atume dun saco mediado de cousas, tiña atada unha das súas mans: ¡Isto non pode ser: Ou é cousa de Xuncras, ou é que me volvín tolo; pero, se estou tolo, como é que veño directo ao garaxe, con intención de poñerme ao coche? ¡Por se era cousa do diabro, fíxenme de cruces, tres ou catro!

Xa ao pé daquela muller, fixeime na súa cara: De mediana idade; e logo que, morta, morta de todo, aínda non debía estar, que se vía coloradiña. Engorde, engorde, e con toda delicadeza, collinlle o pulso: ¡Latía! Tanto lle latía, que a pouco que lle toquei, espertou:

-¿Que fas aquí; quen te prendeu ao saco? ¡De lonxe, coa néboa, parecías un feixe de xestas mouras!

Foise incorporando, e fitoume tranquila, sosegada:

-¡Ai grazas a Deus que chegou, pois, cansa de esperar, entroume o sono, e por se pasaba algún ladrón atei o pulso ao mesmo saco; deste xeito xa podía durmir tranquila, cousa que fixen!

-Muller, déchesme un susto de moito nabo! ¿Ou é que non sabías a que hora sacamos o coche?

-Mire, reloxo non teño, pero voulle contar como foi a cousa: Eu son a Manuela da Bastida, e resulta que me subiu o fillo, na besta da casa, ben cedo porque nos queda parindo unha vaca, e tan que atenderlle, que outras veces tivemos que tirarlle da cría, e a miña nora, que encima está preñada, ela tamén, o que é soa non vai poder. ¡Tróuxome, e deixoume!

-Está ben, que xa me quedo tranquilo, pero, este saco…? ¡Claro, hoxe é martes, mercado en Lugo, así que algo leva para vender…! Desátese do saco, e apártese un pouco, que teño que abrir. Despois subimos isto á baca, e vostede entra, a ver se quita este frío do corpo… Eu, mentres, acenderei o gasóxeno, que me vai facer suar, coma sempre, por frío que faga!

-Non lle vou ao mercado, que en Lugo seica teño que coller uns coches que lles chaman…, que lles chaman…, xa me lembro: Os coches de Ribadeo!

-Así que vai para Ribadeo?

-Non, señor, voulle para Coruña, que alí teño unha nora, outra, que seica se puxo de acordo coa vaca…, e tamén está a parir!

-¿E vai de parteira…?

-Non, señor, que vou para coidala, que ela non ten familia; a nai xa morreu, e ao pai, que era Garda, matárono os fuxidos, no monte, pola parte de Quiroga… ¡Menos mal que daquela mandaba don Sergio…, e de acordo con dona Rosario, acolleron á filla do morto, que a teñen de criada…, na Coruña. ¡Benditos sexan, que por algo son de Santa María!

-¿Refírese a don Sergio Peñamaría de Llano, non si, pois, todo por aquí, Marías hai moitas, pero non adoitan facer favores aos criados! –Permitinme esta broma, máis ben coa intención de animar algo na Manuela, que seguía tremendo, coma unha vara verde, fose polo frío ou pola inminencia daqueles partos.

-¡Ai que listo é vostede, que pronto adiviñou! Pois mire, os favores de don Sergio foron dous: un, xa llo dixen, coller de criada, aló na Coruña, á filla do Garda morto…, cando el mandaba niso desa parte de Quiroga! Os fuxidos, sabe? E a outra, que colleu de gardián do pazo, e para coidarlle a horta, ao Daniel… Daniel é o meu fillo, que estivo na Legión, e cando o soubo don Sergio, colleuno de Asistente. Ese foi o primeiro dos favores, que despois casouno coa criada, e así…, todos felices! ¡Que boa xente lle hai neste mundo; e vostede, tamén, que me sentou aquí dentro, e xa comezo a quentarme…!

-¡Vostede quentarase, pero o que é este maldito gasóxeno…; menos mal que aquí vén o Revisor, a ver se entre os dous…!

Nesta viaxe todo se me volveu pensar que ata é bo que haxa ricos, aínda que só sexa para que nos collan de criados!
-.-




Subindo a Montouto

Onte, xa de noite, que nos pechou subindo a Montouto, como estes coches aluman menos que un verme, para facer a manobra de metelo de traseira no garaxe sempre se baixa o revisor e vaime dicindo; ao non velo, que se puxera detrás, escapóuseme aquel pensamento de todo o día:

-¡Aparta, Manuela, que teño que entrar!

Menos mal que o revisor, co ruxido do motor, non me oíu ben, e saíu por un lado, preguntándome:

-¿Que berras, a que esperas; xa che dixen que así vai ben!

Gardei o segredo, ou sexa, calei, e así non se riu de min; tiña dereito a facelo, que fai falta estar obsesionado co incidente da Manuela para soltar aquel nome…, con ela, a tal momento, na Coruña! Ceamos, cerramos, e despois cenamos, como de costume, no Alameda, onde tamén me gardo de te-la boca aberta, para non descubrir os pensamentos, pois, se chego a dicirlles o contento que estou do ben que nos tratan, igual nos soben o prezo da pensión!

Na cama, a soas, falar non falei, pero o que é matinar…! A tal momento Manuela xa estaría na Coruña do seu fillo, tirando para fóra do seu neto, do primeiro! ¡Vaia apuro: parir, á vez, a vaca e maila nora! ¡Ai que ver como se engarabitan as cousas: Se non houbese guerra, non facía falta a Legión; sen Legión, o fillo da Manuela non se libraba do cárcere, pois, segundo me contou ela en Lugo, que a acompañei a xunto dos de Ribadeo para quitar o billete coruñés, largouse para África antes de que chegasen os Gardas, avisados polo fillo dun buronés, co que se pegara por culpa dunha moza de Padrón, e a mala pata de que o da Manuela tiña no peto unha navalla das de sete estalos… ¡Matar non o matou, pero rachoulle unha perna, que precisou de cinco puntos, que llos deu a estilo veterinario o menciñeiro Berlán, coa sorte de que estaba cerca do lugar, e avisárono!

Non sei o que pasará na cabeza doutras persoas, pero na miña, cando sei de algo que se sae do corrente, dan en bailar os pensamentos; e menos mal que nunca borracho me vin, nin de viño nin dos pensamentos! O de onte trancábame o sono, que ata me cabreei comigo mesmo pois isto de conducir non se pode facer toqueneando! A ver se o escribo cunhas cantas verbas, pois din que non hai nada mellor que poñer en fila os pensamentos, unha letra tras da outra, para que esmorezan.

Ía dicindo: Se non coincidisen na Legión don Sergio e mailo fillo da Manuela, coa dobre coincidencia de que os dous eran da Fonsagrada, este, de licenciado, igual tiña que pasar a Marola, pois o casarío seica é de pouca larganza. Pero o que non se me quita da chola é: O Peñamaría é Avogado; daquela, ¿para que coño fan falta avogados na Legión, cando é que se están indo para ela precisamente aqueles que foxen dos Avogados?
-.-




Hoxe cambiou o panorama, pois, en lugar de rapaciños imberbes, eses estudantes, que son os que máis viaxan, tocoume tratar cuns gardas civís de moito bigote. Subiron na propia Fonsagrada, despois de deixarlles os cabalos aos asistentes, pero a onde ían non o souben ata que se dignaron baixar, pois esta forza pública ten tanta forza que o máximo que me atrevín a dicirlles foi, ¡Ás súas ordes!, e nin me contestaron. ¿Que non me contestaron? Á súa maneira fixérono, meténdome o tricorne nos meus ollos, que nin podía estirarme á dereita para fisga-las curvas dese lado; e logo que, coa fusila entre as pernas, ¡supoño que cargada!, cando se torcía sobre min o contiguo, nas fochas da estrada, pouco faltaba para que me entrase polo nariz o seu couceiro. ¡Se chega a verme miña nai, que sempre me prohibiu mete-los dedos nos fociños…!

Foron todo o tempo loando a sorte que tiñan de que mandase en Lugo, na súa Comandancia, o Comandante López de Haro, un tío "cojonudo"! O que non mencionaron foi se tiña fillos; xa que tan potente era, dou por sentado que si. Dixeron que un xefe tan bo non deixaba sen medallas a quen llas merecese, así que tiñan que facer méritos, que ocasión terían porque,
"... Montecubeiro aún está sin tomar, y ahí, con semejantes lobos, un golpe de fuerza tiene su mérito".

En Castroverde apeáronse, do que inferín que irían en busca deses "lobos" de Montecubeiro. Pero non sei se estarán equivocados, pois a xente desa parroquia, polo menos os que baixan a Castroverde para colle-lo noso autobús, vense mansiños e tímidos, o que se di, acolloados. Seica tiveron de quince a vinte fusilados, que xa son pezas, pois outras tantas non cobran os mellores cazadores da Fonsagrada, nin sequera cando saen ao monte de seis en seis. Con isto de que os choferes non libramos nin sequera os domingos, ¡a saber cando poderei achegarme a ese Montecubeiro para coñecer de cerca eses montes, eses cubeiros, eses homes, que moitos e moi bravos debían ser como para que lles puxesen, no seu convento, ou nos arredores, un cuarteliño da Falanxe e dos Gardas!

Por Fonsagrada adoitaba ir o menciñeiro de Berlán, pero hai tempo que non sei del; se non foi un dos fusilados, boa sorte tivo, pois sabido é que só estorbaban os mellores.

En Castroverde subiu un cura, e, claro está, o Revisor fíxoo pasar para diante, para xunto de min; o outro asento veu libre ata Lugo. Sacou un libro e púxose a ler, pero, iso si, despois de desexarme, "Buenos días nos dé Dios". Atrevinme a dicirlle: Señor Cura, tanto libro, tanto libro, ¿non lle chega co Misal? El foi amable, que se explicou, ¡agora en galego! -Trátase do Breviario..., as horas litúrxicas; e de paso, rezo; neste intre facíao precisamente por ti, para que Deus che dea pulso e acerto, pois estas curvas de Paderne parecen cousa do diabro. ¿A quen se lle ocorrería mete-la estrada por aquí abaixo; sábelo?

Quedei abraiado pois foi o primeiro dos curas que me falou na lingua do país. Ao chegar a Lugo preguntei por ese señor, que me deixou encantado, pero dixéronme que non era o Cura de Castroverde, senón o de Pena..., o de Santa María da Pena. De Pena, ou da Pena, sería, pero dá gloria falar con el. ¡Gañei no cambio, xa que subiu no sitio dos gardas!



Aquel menciñeiro, o Berlán, debía ser bo xa que mereceu un artigo precisamente no número 1 deste periódico da Fonsagrada “O Tío Pepe”, fundado polos Peñamaría. ¡Bo e sacrificado, pois mira ti que ir desde o seu Montecubeiro á Fonsagrada, por boa besta que tivese, curando animais…! Igual debera poñer, “persoas e animais”, pero, nos tempos que corren, hai veces que resulta difícil distinguilos.

En canto ao Cura teño claro que é un bo crego, pois, de non selo, xa o terían feito bispo. Agora que Franco manda máis cá Deus, ¿a cales nomean bispos? ¡Non o vou escribir, por se quedan acusóns!
-.-



Onte nada escribín, que nada pasou de particular, pero hoxe si teño materia, que volveron aqueles gardas. Subiron en Castroverde, e polo que lles entendín ían a Lugo para informar de como atoparon de calmada a parroquia de Montecubeiro, que tantos pesadelos lles leva dado. ¡Falsarios eles, que foi ao revés! Como me baixei en Castroverde para tomar unha cunca de leite, ¡de leite con leite, pois agora, desde que veu a guerra, o café con leite está prohibido, non polos médicos senón polos franquistas, que gastaron en pólvora o que tiñan, e mais o que non tiñan; seica non hai divisas para pagar importacións, nin país que de nós se fíe! Desde abaixo tiven ocasión de verlles os galóns, que un é sarxento e o outro brigada. Polo que lles escoitei desde que se sentaron cabe de min, en Montecubeiro pouco puideron ver, fóra dos montes e das corredoiras, xa que baixaron durmir ao seu posto de Castroverde. ¿Por medo, por precaución...? Sería algo de todo, pero como llelo note o xefe de Lugo, poucas medallas lles vai dar, salvo que as teña sobradas! Desta vez case non falaron, que xa virían de acordo, así que pouco terían sen remachar. Isto é o único que lles oín:

-Para no caer en contradicciones, salvo que el Comandante, o yo mismo, te preguntemos, tú, chitón!

-¿Y si nos pregunta si hemos recorrido toda la parroquia, con lo grande que es, y él, que la conoce de cuando organizó su cuartel?

-La mayor parte de ella, si, y luego que tenemos buenos informadores, que fueron hábilmente interrogados, poniéndonos al corriente de la corriente de opinión, de la que ahora prevalece. ¡Sea por convicción o por miedo, tú ya viste que en Montecubeiro no quedan zurdos, que todos comen, piensan y saludan con la mano derecha!

-Mi Brigada, lo que es comer, comerían, si tuviesen, que allí se nota mucha miseria, decadencia y retroceso, pero en lo de pensar..., yo no estaría tan seguro!

-¡Tú, no, pero yo, sí, que por algo soy tu jefe inmediato!

O outro calou; convencido ou respectuoso? ¡Non o sei!


Placa conmemorativa.
-.-

Estamos rematando setembro, xa metidos no outono, e nótaselles aos días, que van caendo, así que cadora temos que madrugar máis, e menos mal que todo por aquí abundan as velas de cera, que trobos quedan, pois iso, as abellas, son do pouco que non requisaron para levarllo ao Exército. Gas, petróleo, nin pagado de estraperlo, que talmente parece unha evaporación. ¿Deixarían o depósito aberto? O das abellas ten a súa graza, que foi o único recurso non mobilizado; ¡que burros deben ser os de por aló arriba, que requisaron as mulas e deixaron as abellas, e iso que temos un exército delas! ¡Como se nota que non son melifluos!

Hoxe, a falta de persoeiros, o Revisor asentou á miña dereita un matrimonio xa entrado en anos; nótaselles a idade máis ben en que oen mal, e falan berrando, así que os entendín correctamente, do mellor.

-¿Ai, Xosé, ti levas pensado o que imos facer? Mira que non podemos dicirlle ao fillo da casa que temos que volver a Lugo para ir ao médico, que pode entrar en sospeitas observando o rufos que estamos.

-¡Levo, muller! E se tivésemos que volver á manda, aí na Fonsagrada tamén hai notario...

-¡Haino, si; pero aquí nunca faltan coñecidos que nos vexan entrar ou saír! O meu caso non é coma o teu, que parín aos tres da mesma maneira, e polo mesmo sitio; para a miña conciencia, se tres terzos ten un herdo, un para cada quen!

-Muller, ti paríchelos, pero eu fíxenchos, pois antes que saír de ti, de min saíron. Acórdate daquilo que nos dixo o mestre Portela, a conto de non lembro que: "Yo soy yo, y mis circunstancias". Non vale o noso antollo senón as circunstancias de cada quen: O fillo da casa máis ten que recibir, que por algo traballa o lugar, e nos coida; despois está a filla, que xa levou algo de dote para casala con ese morgado dunha casa rica, así que non me dá pena, ningunha!

Interrompeuno a muller:

-Estaste esquecendo do noso Ramón, que aínda non o licenciaron desa maldita guerra, e a saber como volve, que igual vén eivado..., e xa non traia unha sífilis, que seica abundan as mulleres malas por onde os quintos pasan! ¿Que será del, cando volva, se vén inútil, ou non atopa con quen casar, pois as morgadas da súa idade xa están esculcadas?

-Se vén mal, Franco non deixa sen paga aos que ben o serviron! E logo que sempre se pode meter na Policía, que para iso vale, que sempre foi observador. Farase o que temos falado: ¡Terzo e quinto para o morgado!

-¿E se a nora non sae de xeito? ¡Cando máis lle demos ao morgado, máis morgada se fará ela, que acaba de casar e xa se ten por dona e señora?

-¡Outra vaca no millo! Outro tanto fixeches con miñas irmás, que as antepuxeches da casa…, nada máis entrar ti! Daquela, ¡ollo por ollo! E vai calando, que este coche ten máis orellas que un rabaño de ovellas!

Está visto, quédame sabido, que en público mandan os homes; alí, na nosa fileira, non había público, pois eu non contaba, e o Revisor quedaba de lado, pero tampouco estaban na alcoba, que é onde mandan elas!
-.-

Dicía meu avó e padriño algo que teño referido cen veces, pero poden ir cento e unha: “De lo oído nada creído, y de lo visto, la mitad”. ¡Neste caso, non, pois estou seguro de que é, ou foi, o dobre do oído, e incluso do visto!

-¡Oes, estafaches esa moza, esa que veu na dianteira, que lle cobraches o dobre, e ata agora nunca cobramos polas bolsas de man; explícate? –Interroguei ao Revisor, intrigado, pero tamén escandalizado.

-¡É que as trouxo nun asento, ocupando un asento…!

-¡Natural: viña baleiro!

-¡Vaite ao nabo de Lugo! Pero, xa que te pos así, despois cóntocho…, cando non teñamos xente ao redor!

Deixoume fervendo, así que volvín á carga tan pronto quedamos sos:

-¡Iso, o de antes, é unha estafa! Ou mo xustificas ou…, ou me obrigas a dicirllo ao Patrón!

-Trátase dun segredo, e como tal tes que gardalo. Foi cousa súa…, para que non sentásemos outro viaxeiro cerca das súas bolsas.

-¡Si, ho; está ben, que non hai nada mellor que mandar que se garde un secreto para que circule por todo Lugo!

-Este é perigoso: o que sei, seino por un parente meu, que tamén o é dela. Trátase da filla dunha criada que levou Portela Valladares cando veu aos votos… En Madrid coñeceu familias de caste, ás que seica quitou das checas facéndose miliciana, e agora, triunfantes os deles, está cobrando os réditos. ¡É máis bragada cás de Rozabragada!

     -¿Réditos…?

-¡É unha forma de falar! Ao parecer esa xente, á que antes axudou, proporciónalle aceite, por camións, e ela véndeo, de estraperlo… Nesas bolsas de man leva cartos e documentos comprometedores, que por iso non se separa delas.

     -Se o entendo ben, pediuche dous boletos, dous billetes…, ¡para senta-las bolsas!

-¡Exactamente!

-Pois eu tamén teño un segredo desa próxima. ¡Dixen segredo, eh!

     -Fala, pois aínda que non son unha tumba, para isto, co visto visto, si.

-Cando nos pararon os gardas aí en Castelo para comproba-la documentación dos viaxeiros, a min colleume detrás deles, e vin o papel dela, pero só puiden ler, por encima do seu ombro: “… actúa en acto de servizo, y por tanto se le expide este salvoconducto…”. Os gardas devolvéronllo a toda velocidade, pero non só iso, que xa viches que a saudaron militarmente. ¡A partir de hoxe pérdolle o medo á morte, pois as cousas desta terra xa as vin, todas!

-Todas coido que non, que ti viches ese documento, pero eu vinlle a pistola, que a leva nun dos bolsos, encima dos cartos e dos papeis! Esta seguro que trae os cartos, ¡unha millonada!, para escondelos na Fonsagrada…, e xa non sexa para mercar un lugar, e meter caseiros…, agora que é rica!

Vacilei en poñelo neste Diario, pero, se non o poño, se non reseño unha cousa tan importante, as outras, ¡de chiste!
-.-

Non é certo, ou non é exacto, iso que dixo Franco, iso que firmou de puño e letra, de que, “… cautivo y desarmado el ejército rojo…, la guerra ha terminado”. Esta guerra dareina por terminada cando deixe de ver calamidades, tal que viúvas, orfos e mutilados, dimanadas da mesma. O caso de hoxe deume o día, ¡e iso que non estou quebrado!

Levárono á Fonsagrada no carro das vacas, con adrais, e dentro uns feixes de herba para soster ao doente. Desde alí, nada máis descargalo, volveu para a casa súa nai, co vehículo, a toda présa, seguramente para que non lle vísemos as bágoas, quedándose o pai do rapaz para acompañalo na viaxe. Axudeilles ao transbordo, e sen máis preámbulo metémolo na dianteira. Despois díxenlle ao compañeiro, ao Revisor, que tamén nos axudara, por certo que sen receos:

-Así veña o Gobernador, a este rapaz e a seu pai non os quito de onde os puxemos, que o precisan máis cá  ninguén!

     El asentiu, e eu arrinquei. Na parada do Cádavo díxenlles:

-Veño observando que o mozo veu engurrado todo o tempo, e apertándose o baixo ventre… Como aquí hai un Médico, un tal Rancaño, que o teño por competente, aínda que a min nunca me asistiu pero coñézoo das súas viaxes, se lles parece que vai ter dificultades para chegar a Lugo, e aínda que teñamos o coche parado unha hora, ou máis, que tamén estaría se tivésemos outra clase de accidente, axúdolle a baixar, e achegámonos á consulta.

-¡Ai, Deus llo pague –díxome o propio enfermo-, pero eu preciso dun xastre, e aquí igual non teñen cloroformo! Daquela tire para Lugo, pero sen acelerar, que mellor será que morra polo camiño e non ter un accidente de vinte persoas!

     -¡Está ben; arrinco!

Subindo á Vacariza, como o motor non daba máis de si, e as sacudidas molestaban menos ao rapaz, el mesmo me contou:

-Aos que íamos de cavar na touza, poñíanos Aranda a cavar trincheiras, e tanto cavei que rebentei, ¡das dúas inguas! Alí chamabamos “xastres” aos cirurxiáns, porque cosían e cantaban; a anestesia escaseaba, e con algo tiñan que entreternos! O cosido debéronmo facer con fío podre pois nada máis volver á casa, ao coller a roda para rega-los prados…, ¡abríronseme as inguas!

-Así que ides a Lugo…, ¡iso, ao xastre! –Púxenme de broma, aínda que sería mellor cantarlle, para alivio das súas dores.

-Dixéronos que está agora en Lugo o doutor Zabarte, que foi precisamente o que me operou na fronte, e como se trata dun recosido, esperamos que nos cobre algo menos!

Calou, seguramente porque daquela xa baixabamos polas abas que dan a Castroverde, e eu non podía, non quería, frear demasiado, xa que ir lentos cando se podía correr retardaba a operación do recosido. De chegados a Lugo, nada máis apear aos outros viaxeiros, tiramos para onde ten a consulta ese Zabarte, que así o rapaz non tivo que esperar por un taxi, nin transbordar.

Mañá volverei ao hospital, a pé por suposto, para saber que tal lle foi coas puntadas novas. Como isto é moi triste, incómodo de redactar, se houbo melloría dareina por dita, e se non ten remedio, mentres conduzo terei tempo de rezar dous rosarios, un polo rapaciño, e outro pedíndolle á Virxe que mate a remorsos a tódolos amantes desa puta guerra.
-.-

Nesta viaxe tiven de compañeiro un colega, que por certo é dos mellores: Bonifacio Pereira, que naceu en San Román pero vive en Castroverde. Agardou pola Liña por ter o seu auto avariado, e o camión, tamén; precisaba subir a Lugo... Sempre se di, “Subir a Lugo”, pero Bonifacio, para contarme o da peza danada, dixo, “Teño que baixar a Lugo...” Hai que facerlle caso, pois este señor coñece o país, o país e maila súa paisanaxe, coma ninguén!

Cando xa tiña escoitadas as súas queixas pola indixencia en que quedou España por culpa da maldita guerra, que precisamos acudir aos chatarreiros para todo tipo de reposicións na maquinaria, precisamente ao chegar ás voltas de Paderne, ocorréuseme preguntarlle se fora certo aquilo que se contaba da súa peripecia con catro matóns...

-Si, tal cal, pero como o refiren á súa maneira, á deles, encubrindo a súa vergoña, ¡se é que a teñen!, voume confesar ao dereito, que se non es o meu cura, por bo amigo si que te teño. Aqueles días gozábana en Lugo facendo sacas, principalmente para os paredóns do cemiterio, o que non deixaba de ter a súa parte xenerosa, pois así o enterrador traballaba menos, que llos deixaban cerca da foxa! Aos de aquí, coa metade dos rapaces de Montecubeiro escondidos nas xesteiras de Caraño, ou arriba da miña casa, en San Román, escaseáballes a caza, así que, de pimplados na taberna do Escardel, decidiron ir a Lugo para gozala, para participar nunha daquelas sacas. Fóronme buscar para que os levase no meu turismo, no Ford “T”, así que eu, lembrando que mas tiñan xuradas, non lles puxen impedimento algún, pero o impedimento presentouse por aquí mesmo, nestas revoltas, que din en pedalear a golpes de acelerador, e asusteinos de mala maneira. Entón díxenlles que o auto collera aire, e que tiñan que baixarse para que eu puidese levantar o capot, cousa perigosa xa que podía saltar unha chispa do magneto, e arder de socato. Como non hai ninguén máis covarde que un matón, baixáronse e apartáronse do coche; eu, que nin me apeei, din outro acelerón, aínda coas portas abertas, e baixei a cen cara a Romeán...!



A curva de Bonifacio, en Romeán

 -Despois diso, que? -Pregunteille a Bonifacio, ardendo de curiosidade; eu, si!

-
Por suposto que ese día durmín no auto, pero ás aforas de Lugo..., non fose o diabro que pasase algún coche, ou requisasen unha das camionetas dos arredores, que daquela xa había tres choferes na contorna. Segundo souben máis adiante, unha delas requisárona, pero foi para volver a Castroverde; o que non sei é se retornaron cabreados ou avergoñados, pois desde aquela nunca comigo se meteron.

Segundo pasan os días máis me vou afirmando en que isto, estes episodios, debo darllos á máquina, pois hoxe sería perigoso referilos de viva voz, pero, cos anos..., ¿quen sabe? ¡Cos anos o máis probable é que ninguén me crea, salvo que o vexan en letra de molde!
-.-




Os rapaces que volvían da guerra, traxados.

¡Ao que chegamos, ter que levar uns forzudos na traseira do coche para que nos empuxen desde Fonsagrada ao Cádavo; do Cádavo a Castroverde, e de Castroverde a Lugo! Á volta vimos máis lixeiros…, porque estes paisanos deixan os xamóns e mailos cartos, en Lugo, invariable! Agora, con esta innovación do noso cacharro, os potentados van en berlina, e os poderosos na traseira, pero fóra, ao aire libre! Por se algún día morre este invento, xerado pola guerra, ¡este tamén!, vou deixar escrito que lle chamamos gasóxeno; hai quen di que foi un invento dos mouros, que tamén levan un aparello nas cueiras dos seus calzóns para que lles dean..., con forza! A verdade é que, para forza, para empuxar, os propios pasaxeiros, que se baixan nas costas fortes, e daquela, entre o que afrouxan e o que empurran, imos indo cara adiante; ¡a paso de burro, por suposto!

Falando de burros, vou referir o que lle pasou hoxe a un veciño da Fontaneira, precisamente por someterlle a súa egua a un burro! Non terei que explicar que as mulas son un produto estéril das eguas cando se xuntan co asnal. ¡Estalles ben empregado, por casarse con burros! Pero deixarei de lado as bromas, pois o de hoxe a pouco remata en traxedia. A ver se o digo cortiño, por máis que o episodio foi dos longos.



Florencio da Fontaneira, que oía pasar o coche,
pero non o vía.

Íamos baixando da Fontaneira, que aínda non chegáramos aos campos da Matanza, cando, ¡rooom! Saíndo dunha curva tiven que frear con toda a forza do meu zoco para non atropelar un cabaleiro apeado, e co cabaleiro a súa egua, e coa egua, a muliña. Naquel sitio semellante atropelo tería de resultado que envorcase o auto, con todos nós dentro, pois era costa abaixo. Apeouse o Revisor co leite agre, que ata lle berrei que non lle pegase ao vello causante do noso apuro, pero sobraba facelo pois é un rapaz dos de antes da guerra; quere dicirse, dos que saben resolver por medio do diálogo.

-E logo, señor, ¿non tivo mellor sitio onde pararse para botar un cigarro?

-¿Cigarro? ¡Quen o viu, pois ese Fulano nin a petaca me deixou! Quedei parado, e mesmo cravado no chan; unha, polo desgusto, e outra, pola dúbida de se volverme para a casa, ou seguir pasiño a paso ata o Cádavo, e alí pedir socorro..., se é que aínda me queda algún amigo daqueles da miña quinta!

Resumindo: O bo do señor ía tirando do ramal porque a egua resistíase a levalo nas ancas, parándose a roer carpazas, seguramente porque non estivese ben mantida; e logo que a cría quedábase atrasada, imitando á nai. Na mesma volta onde nos encontroamos aparecéraselle o Capillo, saído de tras dunha toxeira, como fai o golpe coas pitas. Son vésperas do San Froilán, e o Capillo, que non é de lonxe, ben sabía que pola estrada pasaría cantidade de xente con alforxas, cara a Lugo. Pistola en man, deulle o alto ao señor da egua. O seguinte nin fará falta escribilo: o pan e mailo compango, os zapatos de poñer en Lugo, a carteira cos cartiños, o salvoconduto...

O noso home, segundo despois nos contou o Revisor, ata cheiraba, consecuencias do medo, claro está, e logo que ese Capillo leváralle daquelas alforxas, ao feirante, o seu calzón de reposto. Preguntoulle se tiña fame, se resistiría ata o Cádavo sen comer, e como o oíse unha muller que ía no coche, fornecida cunha cesta de queixos remasados, dos da facenda miúda, escolleu un dos máis brandos e deixoullo ao asaltado, que ata se puxo de xeonllos para agradecerlle a esmola. O meu Revisor, que en caritativo non lle gana ningunha muller, ¡hai que dicilo na súa honra!, botou man da carteira das cobranzas e deixoulle non sei canto diñeiro..., "Para que non pases apuros ata que vendas ese mular, e desde que cobres, no mesmo Lugo, pásaste pola nosa Administración, e devolves estes cartos, pero sen xuros, que non chos quero...; iso aínda que eu estea de ruta, pois o meu Patrón xa saberá de que vai a cousa".

Díxenlle ao Revisor cando volvín a acender o auto: Se non tes cartos dos teus, mal te vexo cando presentes o talonario dos billetes, pois eu non te podo socorrer, que non levo encima nin sequera un peso. Respondeume que pensa pedir na Administración un anticipo da súa mesada, firmándolles unha obriga, que así non haberá conflito de intereses. ¡Sempre direi que aínda quedan samaritanos!

De alí en diante o Revisor, que non fora á guerra porque era torto dun ollo e non lles valía para disparar, pero si estivera algún ano nas segas de Castela, pois para darlle ao fouciño con distingui-lo suco da cal, chegaba, foime explicando que por aló adiante todo se fai co mular, tendo noticias de que ese Franco lles requisou as "yuntas" para utilizar o mular nas traccións da artillería, polo que era de esperar un bo mercado neste San Froilán. A guerra acabara pero a fame continuaba, que incluso medrara, así que nada había máis produtivo que ara-las terras abandonadas, folgadas, para volver aos trigais. Iso sen contar que boa parte do trigo estaba vindo para Galicia nos camións da ET, do Exército de Terra; quere dicirse, da "Empresa Tella", segundo as malas linguas; pero dicíano despois de comprar a fariña, por se chegaba a saberse!

Antes de deixárlle-la máquina, que xa está o Administrador pendente dela, vou poñer que as miserias, miserias traen, pois, de ter abundancia, e de ter paz…, sen desertores e todo iso, Capillo estaría criando mulas en vez de asaltar aos do mular, que ese señor, ou como lle chamen agora, cónstame que naceu aí na Braña, nunha casa por certo ben honrada.


A Braña (Valeira, que non baleira)
-.-
Matinando niso de que a xente volve de Lugo máis lixeira... ¡Boa a fixen cando tal pensamento me meteu o diabro no corpo, que Deus terá cousas máis importantes das que ocuparse, tanta xente contándolle a súa vida! Boa a fixen, que levo tres noites de mal durmir, e o caso é que se lle falo disto ao Revisor, co sarcástico que é, vaise rir de min!

Todo comezou o día que me deu por fixarme en que as estradas de Lugo parécense aos radios dunha roda das bicicletas, pero non poden ser do mesmo inventor pois as bicis son de onte mesmo. No taller da Ronda, onde nos revisan os autobuses, que lle preguntei ao Mestre, dixéronme que foron un invento dos alemáns, no século XIX. ¡Estes alemáns, que ata habería que chamarlles Aló máis! Pero as estradas de Lugo, para min, son cousa dos romanos, que todo se lles volvía carrexar, mellor dito, obrigar a carrexar, para este almacén das murallas, que por algo as fixeron, ¡as fixeron facer!, e compleméntanse, estradas e murallas!

Isto lévame a pensar, vindo ao presente, que hai tres clases de persoas, cregos e gardas á parte: Nas aldeas, prodúcese; os banquetes fanos os de Lugo; e a sobremesa, esa cousa dos señoritos máis señoritangos, mariscos incluídos, é cousa da Coruña! ¡Todo vai de menor a maior!

¿As cotas para non ir á Mili? ¡Pagábanse en Lugo! ¿Os preitos? ¡Gáñanse, ou máis ben pérdense, en Lugo! ¿Os Médicos? ¡Para non arrefriarse, adoitan estar dentro da muralla, abeirados! Como beben viño, a auga do Miño utilízana para as evacuacións, para os escusados, que ata os teñen na propia Praza de España! En canto á Coruña, con iso de que teñen unha Marola, os nosos emigrantes, cando volven cargados de prata, para non ter que repartir coa familia, deixábanlla ao amigo de Franco, aquel Barrié, outro Deus, pero ese, en lugar de multiplicar o pan e mailos peixes, facía medrar os cartos! Por algo dixo aquel Castelao, que de castelán non tiña nada, ou pouco, que este país, o noso, é unha terra rica de xente pobre, pero voulle emendar a plana, que vou poñer aquí: … de xente empobrecida…, os da aldea!

Ollando as caras dos viaxeiros, veño observando que cando veñen para Lugo póñena de esperanza; mesmo estartalan os ollos tan pronto chegamos a Castelo, tanto pronto albiscan as murallas; pero á volta, outro carís! ¡Á volta poucos vexo que volvan ledos, salvo os soldadiños cando libran do Servizo, ou cando tornan de…, ía dicir, de Servir ao Rei, pero a Franco non lle chaman así, por máis que se comporte como tal!

En definitiva, para pecha-lo conto, para durmir en paz: Con esta envexa que lles temos aos da Capital, ata penso que non estará lonxe o día en que volvamos co coche baleiro, mais para iso haberá que facer casas, máis aínda, por fóra das murallas, que dentro xa no caben!
-.-

¡Vaia, ho, que ben estariamos se os coches andasen con leite, ou con queixos, e non con este maldito gasóxeno! Hoxe volveu a ser día de queixos, que en Castroverde o meu Revisor viuse e desexouse para dar subido á baca unhas cestadas deles, tan mareliños coma as balugas da manteiga.




Ao lado da estrada, agardando polo coche.

-¿De onde son estas mulleres; coñécelas…, que che sorriron? –Preguntoume. -¡Seica lles levan aos de Lugo tódolos queixos deste concello!

-Doutras viaxes, e pouco máis. Son de aí arriba, de Montecubeiro, xunto da serra, dun lugar que chaman Verducedo..., porque lles vén o verde cedo! ¿Non ves o verdes que teñen os ollos, polo menos os ollos? Téñenme dito, noutras viaxes, que dúas cestadas é o rendemento que lle sacan á facenda, en cada semana. ¡Unha  véndena, e outra cómena!

-Daquela terán máis cabras e máis ovellas que o propio Xacob! –Este Revisor, que como foi Sancristán coñece a Biblia, e sempre a leva na guanteira, xunto co talonario dos billetes. Di que lla regalou non sei que Cura…, para que predique nas viaxes!

-¡Máis ou menos! O que non lembro é o nome das súas casas. Un día destes voume decidir a falarlles, a ver se consigo que me admitan de pastor..., para deixa-la Empresa e doarche tódalas reviravoltas desta maldita estrada. ¡Todas para ti…, desde que aprendas a conducir! ¡A conducir, non, a conducirte, que es un atrasado, que ata te botaron do Seminario! –Chanceeime.

-¿Xa non somos amigos...? –Máis que preguntarme, queixouse. –Botáronme porque cantaba mal, pero non fun o único, pois outro tanto fixérono co fillo da señora Emilia de Brañas, de Millares, esa de aí abaixo do Cádavo.





A señora Emilia, ensinando aos nenos.

 -¿Non sería por mullerego..., tanto que ollas para esa María Manuela de San Cibrao!

-¡Si, ho, que onde estea María Manuela, nin amigos nin amigas! Entre a súa facenda e mailas súas tetas, é capaz de criar dez fillos..., para repoñe-lo país, agora que tantos morreron na guerra!

-Fala baixo, que igual nos oe, que a sentaches aí atrás, case en berlina. De propósito, vouche dicir que nese Montecubeiro moitos deberon morrer de morte matada, máis dos que din, pois, sendo unha parroquia tan grande, poucos soben ao noso coche, e a pé a Lugo non irán, que lles cae lonxe, incluso polo travesío.

-Querido Chofer, mira para adiante, que volven as curvas, e eu teño que facelo para atrás, que lle vou chiscar o ollo á María Manuela. ¡En Lugo vouna pasear polo Parque de Rosalía, que é un bo sitio para declararse! En canto á parroquia, máis ou menos a metade dela baixa á estrada de Mosteiro, que lles cae máis á man, e collen a Liña de Trigo, que acostuma parar en cinco ou seis sitios, entre Rioxoán e mailo empalme de Ludrio, pero date por satisfeito, que se máis viñesen, máis coches tería que poñer o Patrón, e por cartos que teña, o que non ten é quen llos venda; do trinque, quero dicir.


A Liña de Trigo, diante da Quiroguesa.

-Niso do Parque..., non te poupases, que sendo de Montecubeiro..., igual che ensina a Cara de Christus..., en lugar dos queixos pectorais!

E seguimos con bromas, que xa o temos de costume. Mal lles ten que ir aos tripulantes dunha Liña no suposto de levarse mal, que son moitas horas de aguantarse, case tanto coma un matrimonio.

De Castroverde para adiante, máis leiteiras e queixeiras, dispostas a quitárlle-la fame aos de Lugo, ¡e tamén a casar con eles, se se terza! A ducias, coma os ovos na cesta, pero desde Romeán, a que non vai a pé, cun cesto na cabeza, é que tira do ramal dunha besta! O que apuntei o outro día: A aldea traballa, e Lugo manduca. ¡Manducatorum nostrum, como adoita dicir o meu Revisor!
-.-

Con isto do San Froilán levamos uns días de Coresma, e iso que estamos no outono, pois a xente quédase nas casas, se cadra esperando pola Pascua, esperando que chegue o Domingo das Mozas, que ese día haberá que poñer en ruta o coche vello, de par deste. Os que ían vender, particularmente cousas da labranza, xugos, cestas, aguilladas, loras..., xa están de volta, queixándose de que medio as regalaron pois a xente ten necesidades, coma tódolos anos, pero as cadelas, eses leóns das moedas que lles dan nome, seica se volveron para África, cos mouros, para pagarlles a súa pensión de guerra, os réditos do seu derrame sanguiño. Os do mular son os únicos que volven ledos; cruzámonos con eles a todas horas na viaxe de vida. Despois daquel escarmento baixando da Fontaneira, agora doulle ao freo vinte varas antes, nada máis
velos.



Daquela merendábase no chan

En canto aos potentes, aos privilexiados da berlina, teño a impresión de que se quedaron en Lugo, de fonda, dándolle ao pulpo, que así é como lle chamamos por aquí ao polbo das rías. Tróuxenos, pero non os vin regresar; eses non o fan a pé, e con cabalo tampouco, pois en Lugo non teñen quen llelos coide. Hai algunha fonda con cortes, tal que a Ideal, na rúa de San Pedro, que é dun tal Estevo de Luaces, pero abren de mediodía, e non os queren despois da cea.

Os potentes da Capital, eses colegas dos nosos, de bos camaradas que son…, ¡vanse de Lugo, como pouco, unha semana! Cando lle comentei ao Revisor esta sospeita, díxome:

-Xa sei que se non fose porque non vales para dar leña, estarías na Policía. E agora, dime: ¿Por que se van, sendo os amos, os patrucios da festa?

-¡Ti pareces da aldea! Os patrucios teñen a obriga, tradicionalmente, de invitar aos parentes, pero…, ¡iso sáelles máis caro que colle-lo expreso de Madrid! E se algún se queda por aquí é simplemente para que seus compadres da aldea non lles traballen o horto, o monte de Venus, da querida. Ten presente que non hai ninguén máis celoso que un mouro, e mouros son eses que teñen un fato de mulleres.

Debeume entender, e iso que llo dixen en metáfora, porque calou, cousa que só fai cando me dá a razón pola tácita, que é o seu estilo.
-.-


¿Arquivo da Fonsagrada? ¡Non; sala de espera!

Téñoo experimentado: Viaxe con anécdotas, ou con pensamentos ¿metafísicos?, á noite, nin na Fonsagrada, co tranquila que é! Se fose ao revés, se durmise en Lugo, seguro que me daba por soñar cos romanos, e sería peor!

Tárdame por ler algún libro que se ocupe das relacións entre lucenses e lugueses, pero non o dou atopado; na Balmes, esas solteironas tan filosóficas, tan filosóficas e tan amables, a cal máis, xa me recomendaron que o escriba eu, e que mo venden elas, pois opinan que reúno as dúas condicións: Coñezo Lugo e coñezo a aldea; a maiores –tamén din- que sei redactar. Que os de Lugo saben redactar pero non se abaixan ao rural; e os do rural, ¡meus pobres!, abondo fan con asomarse ás picardías dos escribáns e dos letrados. ¿Terán razón? ¡Adoitan tela, en canto con elas levo falado, pero isto de analizar as persoas segundo o seu estamento…, nin o Médico Vilabella, e iso que pasa por ser un dos máis listos de Galicia, que se atreveu a escribir un libro sobre a tuberculose, esta epidemia da posguerra, tan selectiva que só ataca aos pobres.

Os da muralla queren ser chamados “lucenses”, e alegan para iso que son, e andan, lucidos, maiormente de garabata; pola contra, os aldeáns seguimos adorando ao deus Lug, aquel que comungaba coas landras dos carballos, séxase, antes de Cristo. ¿Terán razón? Tanto se a teñen coma se non, a min ben me fan razoar, e como os pensamentos son inimigos do sono, case me durmo cando vai cantar o galo. Vou seguir escribindo, iso si, a ver se aliñando os pensamentos…, a ver se os evaporo!

Onte collín, tamén na Balmes, un libro de Historia, onde se di que os romanos construíron a muralla de Lugo… ¡Mentira cociña! Foron os lugueses os que llela construíron, quere dicirse, os de Lug, como despensa e caixa de caudais; á forza de látego, por suposto. Matinando e matinando cheguei á conclusión de que por iso se chaman, ou fan chamar, lucenses, lucidos, porque veñen dos romanos, os máis deles, e por iso se quedaron, e seguen, de murallas para dentro.

O libro di que máis tarde, en virtude dun “foedus” pactado cos romanos, viñeron os suevos, eses das vacas teixas… Como eu, de latín, nada, ¡debo proceder dos suevos, e non dos romanos!, pregunteille ao seminarista, ao ex, que algo de latín estudou, que que era iso do “foedus”. O Revisor, que se dá de listo, e ata o será, xa que desertou do arado, quedouse pensativo, pero acabou atopando a idea:

-Mira, ho, non o sei con exactitude, e os libros hai que deixalos no Seminario, para os que veñan detrás, pero iso de foedus, foedus…, sóame a fodianga! ¡Xa o teño: que os romanos foderon aos suevos, traéndoos de caseiros! ¿E onde están os caseiros? ¡Nas aldeas, nas casarías dos lucenses, que llelas alugan, sexa en cartos ou a medias! ¡Claro, son herdeiros dos romanos!

Non hai nada como ter un compañeiro culto…, e se é Revisor mellor aínda, pois eses revísano todo, incluso as verbas!
-.-



Igrexa de A Lastra, na estrada de Fonsagrada.

Hoxe subiu na Lastra un matrimonio de bo ver, aínda mozos, e preguntáronlle ao Revisor se sabía dalgún médico que entendese de mulleres... ¡De mulleres, todos, pois aos maricas fusilounos Franco! -Mire, -abríronse-, imos dicirlle a verdade: Trátase de que a miña dona, aquí presente, leva algún tempo sen a regra, e con dores de ventre; quérese consultar para saber se se lle quitou, se é embarazo, ou..., incluso un tumor, que seica os hai!

O consello do meu compañeiro foi rotundo: -Para médicos, nestes días, non vaian a Lugo, que todos predican co exemplo, ¡tranquilidade!, e vanse de permiso para vivir as feiras ao lonxe, en sitio tranquilo. Eu, de min para vostedes, baixaríame no Cádavo, que aí teñen un médico noviño pero moi bo, un tal José Antonio Rielo Valcarce. Como aquí non hai para escoller, entende de todo, e practica de todo.

Anuloulles o billete de Lugo, devolvéndolles a diferenza, cousa que non adoitan facer nas outras Liñas.

Para o sitio que deixaron libre, pasaron dous patrucios, que non debían ser aló moi ricos xa que vestían de pana. Coñecíanse, e se cadra por iso falaron pouco, que xa o terían dito. Despois de mete-lo coche, aquí na Ronda, no garaxe, díxenlle ao Revisor:

-Eses patrucios deben ter familia en Lugo, e véñenos ver co mellor que tivesen nas súas casas, que estou escandalizado do que pesan eses sacos que lles axudaches a baixar; despois buscaron un mozo de corda, deses do carriño...

-Familia téñena, pero..., no cuartel! Os sacos cheiraban que daba gloria cargar con eles. Ademais de queixos, notábase polos saíntes que levan xamóns, ¡varios! Apóstoche un ollo a que traen todo iso para os comandantes, para os recomendantes, pero son uns burros!

-¿En que, en buscar remedio para os fillos? ¡Lémbrate que estamos en Lugo, e aquí rézase moito iso do, "venga a nós"!

-Son uns burros porque aí na Porta da Estación non se libran de pagar fielato; eu, que son máis listo cá eles, deixaríalles os sacos aos consumeiros, en depósito, instruíndoos para que llelos entreguen, cando os manden buscar, aos respectivos conseguidores, vulgo, caciques!

-¿Sabes que che digo? ¡Que na terra dos cegos, o que ten un ollo é un rei! Ti librácheste do Servicio Militar por revirollo, pero iso foi un camelo, unha recomendación, outra, pois está claro que as ves do mellor, ás leguas..., polos dous!

¡Que sorte teño con este compañeiro; canto aprendo del! E mais non debe ser tan listo como se fai, que xa leva anos comigo, ao meu redor, e canto sabe da mecánica é axudarme a cambia-las rodas! Se cadra sabe algo máis, pero é tan galego que igual disimula para non verse en compromisos.
-.-

¡Que bo cargo ten este Revisor! Hoxe, Domingo das Mozas, que non houbo parada na que non subise algunha, fartouse de apalpar nelas co pretexto de que lles axudaba a entrar no asento, e tamén de pé, por entre eles, coma quen coloca sardiñas nunha lata, e menos mal que hoxe non veu a María Manuela de San Cibrao!

Primeiro os vellos fixeron a feira, e coa feira, os cartiños, por poucos que fosen; seguidamente metéronllelos na faldriqueira ás rapazas para a súa perdición, para ir a Lugo, onde acabarán perdendo a vergoña, polo menos a vergoña! Así se explica esa ansia das máis delas por casar na capital, con calquera, co primeiro que se achegue, se non queda libre un Caravel, un empregado de Banca! A este paso, con tantas mozas e poucos mozos, as nosas aldeíñas vanse parecer a ese paraíso que din os curas, onde hai cen mil virxes. Iso din, pero non teño claro que o crean, pois de Ama collen das do país, e non esperan a irse ao Ceo!

En Lugo, que me invitou un pasaxeiro que me dixo que sabía dun sitio onde recibían café de Portugal, pasado polos montes da fronteira, tiven ocasión de comprobar que é certo iso que dixo aquí o Generalísimo, que en España houbo unha guerra da que os ricos saíron máis ricos. O que silenciou, precavido, como bo galego, ¡nisto si que o foi!, é que os pobres saímos máis pobres. Para face-lo censo da riqueza de Lugo nada como afeccionarse á hostalería de luxo. ¡De luxo, en Lugo, e logo din que é unha provincia pobre...! ¿Unha provincia pobre, capaz de encherlles o bandullo a centos de parasitos? ¡Non o creo, así mo xuren! Aquí o único pobre debe ser o bispo, que seica lle deu Franco, de esmola, un Mercedes, deses do paquete, que llos mandou Hitler polo Nadal. ¡Non lle chegaría coa criada...! ¿Pero, que dixen, que estou pecando, pecando de imaxinación? ¡Tamén se peca con ela, tamén, e non só coa criada! Confiteor Deo omnipotenti... Vou ter que casarme para que non me veñan os malos pensamentos. Por estes retrovisores do coche só vexo o que está fóra... Terei que pedirlle ao Revisor que sente diante ás mellores que vaian subindo, pois estou farto dos notables, desta xente insípida da berlina.
-.-

Onte, en Lugo, fixen de Axente da Propiedade Inmobiliaria…, sen carné! E máis o Fulano non é cliente da nosa Liña, que é de Valonga, e cáelle máis axeitado coller os coches de Trigo, alí mesmo, en Rioxoán, e non subir ao Cádavo, pero o que si é dos Veigas é o vendedor dos pisos, un…, creo que lles chaman Promotores, de aló de Montecubeiro. ¡Montecubeiro é tan grande, tan grande e tan variado, que alí dáse de todo, desde flores a ortigas! Coñecín ao Cubano no Metropol, un día aí atrás, que estaba pedindo un whisky, e eu, que nunca tal oíra, e que teño a lingua bastante solta, pregunteille que era iso. Invitoume a probar desa cousa e, rompemos a falar! Desde aquela coincidimos varias veces, pero xa estaba facendo por ir pouco, que nunca me deixa pagar, e iso dábame apuro.

Comenteino co Revisor, que tamén o coñece, e díxome:

-Mereces levar unha canga no pescozo: déixalle pagar, que seica ten cen fulanas traballando para el, aló en Cuba, en dez hoteis, e cando se cansa delas, fai unha viaxe…, para traerlles cartos as sobriñas, pero elas, miñas pobres, están tan felices que ata presumen diso. ¡Polo que sei, aínda ninguén lles dixo que a mina de seu tío non é de cobre, senón de carne!

Onte, xa digo, que tiven que levarlles aos do Metropol un paquete que me encomendaran en Castroverde, alí estaba o whisqueiro! Agarroume dun brazo:

-Agarda un pouco, que hoxe téñeno Wat 66, etiqueta negra…

-Non podo; nin quero, nin debo, nin bebo, que veño sen cartos, e ti xa pagaches o outro día. -¡Alternar con un cubano deses, non é católico!

Insistiu, así que aceptei, e a continuación faloume do que menos esperaba oír:

-Ti, que ves tódolos días a Lugo, coñecerás ben a cidade…, a cidade e mailos arredores! ¿Á que non sabes dalgunha casa nova, ben feita, elegante, e con ascensor, onde vendan pisos? Ando en busca dun dobre, ou de dous que se podan comunicar, pero a maior parte das casas que fan agora son de miseria; ¡feitas por miserables, para vendérllelas aos pobres; todo miseria!

Non tiven que pensar nada, pois casualmente sabía dunha, dese promotor de Montecubeiro, que non a dá vendido precisamente por iso, porque non lle chegan cubanos!

-¡Xa que logo, paga, e imos aló!

Non estaba na obra o dono, pero como sei onde vive, ofrecinme para ilo buscar, e que o Cubano agardase no mesmo portal, que me dixo que se cansaba ao andar moito. Falei co Promotor, e díxenlle que apurase, por se cansaba de esperar aquel ricacho. Entón díxome o prezo:

-Pero ao Fulano ímoslle dicir metade máis, que, se cerramos o trato, cando eu cobre, dese exceso faremos dúas partes, unha para ti e a outra para min. ¡Xa que é un puteiro, fagámoslle unha putada!

Eu, de momento, non dixen que si nin que non, pero camiño da obra a miña conciencia deu en traballar, e de presentados, aleguei que tiña que ir de inmediato á Administración dos Veigas, así que deixei solos aos dous lobos. Non sei en que quedou a cousa, nin penso volver polo Metropol. ¡Os gaños, todos, para o Promotor, que eu quero durmir tranquilo, hoxe, mañá, e sempre!
-.-


O Revisor, que coñece medio mundo, coñéceo, pero non quixen preguntarlle quen era pois aos meus efectos chégame coa anécdota do que oín e vin. En todo caso se agora non é Alcalde das Grandas de Salime, foino; ou iso, ou Xuíz; algo así. Ao que vou:

Nada máis subir inclinouse por diante miña para dicirlle ao Revisor:

-Ese rapaz, ese da gabardina…, pásao para diante, aquí, neste asento, que teño que falarlle…

O Revisor saltou para atrás por riba do seu respaldo, como fai sempre para non molestarme, e ao momento xa tiñamos ao “da gabardina” no outro asento. Isto foi o que oín con claridade, pois o resto falárono máis baixo, e co ruxido do motor algo escapóuseme, e iso que teño as orellas tan grandes, ou máis, cás de meu pai, ¡e non precisamente de burro, modestia á parte, que se di!

-Pero, home, ¿como non te viñas comigo, co amigos que fomos daquela, na miña casa, que tamén é a túa!

-¡Che, non tanto, que daquela non comiades cos criados! ¿Agora, si?

-Esquécete diso, que eran simplemente costumes…; costumes que viñan dos vellos! Xa me dixeran que andabas por aquí, e que volves para a túa Arxentina… Pero aínda estás a tempo de cambiar de opinión…, se é que segues solteiro!

-¡Si, pola graza de Deus! 

-Daquela… Mira, ho, vou ao gran, pois á nosa idade, e ti, feito un home de mundo, que aprenderías a valora-lo tempo dispoñible… O caso é que me dixeron de ti dúas cousas, e as dúas meritorias: Que traballabas nun ultramarinos en Bos Aires, e que alí foras á escola, pola noite, recibíndote de non sei que, Mestre, ou algo así.

-¡Certo! Vexo que os da Casa Grande seguen tendo informadores…

-¡Xa sabes: Darío foi grande porque tiña sátrapas, que eran os ollos e mailas orellas do Rei! Pero non divaguemos. O caso é que tamén me dixeron que segues solteiro, e miña irmá, a máis nova, Toña, aquela que che metía chourizos no peto para que non comeses o pan só cando saías coas ovellas…; pois iso, que está feita unha monxa, unha monxa casadeira!

-¡Parabéns; déalle os meus saúdos, e dígalle que lle desexo acerto na súa elección, que non se lle ocorra irse a un convento, salvo que sexa por pura vocación!

-A elección tena feita, que me falou de ti, e coido que lle gustaría verte de novo…, se vés con boas intencións! Eu podo colocarte aí en Lugo, nun cargo deses do Goberno, e con miña irmá, tan boa cociñeira que é, podedes ser a envexa de todo Grandas.

O rapaz, aquel arxentino en vacacións, nin se parou a pensalo. Respondeulle:

-A única grandeza que me gusta é a de ter nado en Grandas, e iso é polo moito que lles debo aos grandes de Grandas: Que me espertaron cos seus desprezos, e diso tirei forzas, non para superalos pero si para igualarme con eles, así que nos lles admito máis esmolas, que non son ningún can para aproveitar o que sobre das súas mesas!

     -Baixa a voz, que esta proposta é moi persoal, persoal e moi cordial!

Nada máis oín, que deron en murmurar, pero, por algunha palabra solta, tirei a conclusión de que a dignidade do rapaz non lle permitiu aceptar “as sobras” que lle estaban ofrecendo. O caso intrigoume, así que acudín ao meu…, ao meu sátrapa, este Revisor, que non ten prezo como espía:

-¿En que quedamos: ese cacique é de Grandas, ou da Fonsagrada?

-Teñen un casarío aí no Padrón, e cando vén aos seus asuntos, deixa o cabalo, e aproveita a Liña para ir a Lugo. O Arxentino é fillo dos caseiros, e de rapaz tivérono de criado, en Grandas. O resto, por agora, é un segredo, que aínda non se lle nota á Toña, polo que me contaron, pero…, todo se me fai que lle querían encomendar ao indiano a súa honra!

-Oes, compañeiro, que en suspensivos só se lles fala aos listos! –E chisqueille un ollo para animalo a desembuchar.

-Comezan a dicir que, ao non saírlle noivo, valeuse dun casado para as súas…, non sei se dicirche necesidades ou apetencias, así que agora o irmán trata de casala a toda présa; o de irse de monxa seica é un conto..., para disimular!

-.-
¡Isto dos fillos bravos…; outro caso que me deu a noite! Cando teña ocasión, se me atrevo, voulle preguntar ao Cura da Fonsagrada de quen adoita ser a culpa, deles, ou delas!

Pero teño que pensar a forma de dicirllo, de preguntarlle, sen que se me enfade, que teño a experiencia de cando lle preguntei con quen casaran os fillos de Adán, e o Crego, todo sulfurado, respondeume:

-¿Con quen ía ser, con súas irmás!

-Pero, señor Cura, iso é incesto!

-Daquela non había outras; e Deus ordenáralles: Creced y multiplicaos. Contéstoche porque estamos a soas, que se hai outra xente, connosco, ou cerca, non te tente Xuncras...!

Se é culpa das mulleres, que utilicen o fuso; e se é dos homes, que furen nas paredes, que neste país non hai finca sen elas! Bromas á parte, o caso é serio, e non vexo que vaia a menos. Póñome no caso do de Grandas: ¿Con unha irmá nese estado, que se fai? ¡Arrimarlle unha boa dote, e ofrecela, coma quen vende unha vaca de cría! O problema, a vergoña, é delas, pero aos pobres nenos, sexan varón ou femia, espéralles gorda, que sempre os sinalarán co dedo. E niso de utilizar a ruda…; non quero nin pensalo, pois iso é matar; matar unha vida, xa que tal é desde que houbo embarazo. ¡Por algo se valoran tanto as virxes!
-.-

Se digo o pouco que falo co meu compañeiro vai resultar incrible con todo ser verdade; e non é que nos levemos mal, en absoluto, pero precisamente por iso, porque ningún dos dous quere importunar para que nos concentremos e nos afanemos no traballo que temos asignado. Algún día, se melloran as estradas, se lles levantan aos paisanos do recorrido isto de face-las grandes reparacións por “prestación personal” en vez de pagarlles aos contratistas, e se fabrican autos máis fiables, retirando esta chatarra actual, este oficio noso pode cambiar, moito e para mellor, pero ao de hoxe temos que poñer os cinco sentidos nas responsabilidades respectivas, ¡e todo é pouco!

Con toda sinceridade creo que, antes cos nosos asuntos manda no noso pensamento a profesionalidade, a responsabilidade, por cantas persoas se nos encomendan en cada unha destas viaxes tan perigosas e complexas. Hoxe precisamente o Revisor, xa antes de darnos e desexarnos os bos días, advertiume:

-Por se despois non me lembro, ou vou ocupado…: desde que cheguemos a Paderne fai o favor de baixar na máis curta posible, para ver se damos coa bufanda…

     -¿Unha bufanda, outra? ¿Non che chega coa que levas ao pescozo?

-¿Non cho dixeron…? Onte, subindo de Romeán a Paderne, un dos rapaces que viña na baca non se agachou a tempo, e daquela a póla dun castiñeiro, á vez que lle deu unha xostrada, quedóuselle coa bufanda.

-¿E non o rabuñaron os ourizos? ¿Que non? ¡Pois que se dea por satisfeito, que lle puideron quedar as meixelas coma aquela bandeira da que tanto presumían aos cataláns…, ata que don Hermenegildo llela puxo de gravata!

-Como te oian os meus, os da camisa azul…! Xa sei que o dis de broma pois ti e mais eu ben levamos falado dos perigos de viaxar aí arriba, na baca, que ata deberan ir debaixo da lona, e atados, como facemos coas maletas e cos sacos…

-Perigos, si, pero non lle vexo solución. Os viaxeiros precisan desprazarse, e case sempre o fan por necesidades imperiosas; o noso patrón puxo eses bancos, como na maioría das liñas deste país, porque non lle cabe a xente aquí abaixo; outro coche, aínda que teña parné para compralo, seguro que non atopa quen llo venda, de escasos que andan.

-Máis, máis aínda, que tamén está que os donos das fincas plantan por xunto das paredes para aproveitar o pouco terreo dispoñible; iso que chaman o minifundio galego. Se non fose polas castañas, ¿que temos para comer polo inverno arriba? E logo está a ceba, que só é posible con verzas, patacas, nabos, landras e castañas. Tan cabreado estou, que che anticipo que non contes comigo para regresar se antes non me oíron en Lugo, en Obras Públicas. ¡Terás que facer de revisor e de chofer, asemade!

-¡Si, ho, que che farán caso…!

-Voulles dicir que ordenen e manden, que é como agora se fai, que os peóns camiñeiros paren por un día de botar nas estradas o barro das cunetas, e que collan unha escada, unha bros e unha fouz, ou unha serra, para repolar as canas baixas…, salvo que prefiran ser os causantes dun enterro!

De chegados ao souto mingüei a velocidade, canto puiden, que xa o tiña que facer de todas todas por culpa da humidade e das follas, que empezaban a caer, converténdose nunha pista de patinaxe para estes pneumáticos tan velliños. ¡Coas gomas que se estragaron neses vehículos da fronte, chegaba e sobraba para recauchutar as dos autobuses de toda España, pero daquela corría présa mata-los homes...!

Da bufanda, nin rastro; alguén pasou por alí despois de nós, ¡e gustoulle! Gustáselle ou non, co frío que comeza a facer o afortunado gozou do achado. Nestes tempos de miseria atopar unha bufanda é tanto ou máis cá chegada dos Reis Magos. Algún día falarase destas miserias que nos trouxo esa maldita guerra, pero ao de hoxe nin os mendigos se atreven a queixarse.

Cando comezou o “Glorioso Movimiento”, ¡o movemento inmóbil!, ese invento que merece o premio Nóbel de Física pola súa orixinalidade, que non por outra cousa, este inseparable compañeiro de viaxe, queixoso de que a esquerda fose, segundo el, un tanto parsimoniosa na elevación do mundo obreiro, puxo as súas esperanzas nas frechas da Falanxe, baseándose máis ben nas súas conversas cun veciño que lle porfiaba que o fillo de Primo de Rivera ía levar España á prosperidade entrevista naqueles anos de seu pai, pero non ponderaron que a relativa prosperidade anterior fora unha simple e mera coincidencia coas necesidades que tivo Europa polos anos vinte, dimanadas da guerra europea. Aquilo fora o chocolate do loro, para os pobres moito aroma e pouco líquido!

Deuse o casual de que non tivemos persoeiros para entronizalos na dianteira, así que hoxe só escoitei ao Revisor. Por certo, tamén nos escoitaron en Obras Públicas, pero…, ¿farannos caso?
-.-

Veño da Balmes, que fun buscar un mazo de follas... Ben me levo aproveitado do papel que teñen aquí na Administración, e non é cousa de seguir abusando, que me expoño, ¡e con razón!, a que me dean unha patada..., que é como lles chaman aquí en Lugo aos despedimentos das empresas. Estes Veigas espléndidos son, que mo veñen demostrando, pero, como dixo o xitano, cadaquén con cadansúa. Máis é, que o outro día pregunteille ao Xefe se molestaba coa máquina de escribir, e díxome algo que non esquecerei, pero, por se o esquezo, vouno escribir: -¿Con esta máquina calmas os nervios, non si? Daquela, nós, encantados, que mellor é que os soltes nesta e non no coche, que levas a responsabilidade, acotío, de ducias de persoas..., por delegación nosa, así que, se os transportas sans e salvos, a Empresa seguirá sendo empresa, pois crebas tivemos abondas con esa maldita guerra.

Pola miña parte digo, e dígoo por escrito, a tódolos efectos: Que Deus lle-lo pague!

Na Balmes tamén tiven sorte, que me regalaron un libro, titulado “Miguel Strogoff, el Correo del Zar”. Díxome dona Concha que mo daba “gratis datis”, porque lle estorbaba, en vista de que, por ser obra dun ruso, ninguén se atrevía a compralo. Explicoume que está escrito por un francés, un tal JulesVerne, pero como o título alude a Rusia, estes franquistas –díxomo ao calado, na trastenda-, son tan brutos e tan incultos que cambian as orellas polo rabo, así que do título tiran a conclusión de que se trata dun libro ruso, séxase, comunista. Eu agradecinllo dobremente: polo libro e pola confianza.

Como non teño segredos co compañeiro, con Revisor, conteille o caso, polo que, ao meu criterio, ten de divertido, aínda que agora éntranme dúbidas se non será tráxico máis que divertido, en vista do que tamén el me contou: Que aí en Montecubeiro, nun rexistro, un dos gardas franquistas viu un libro que tiña as tapas coloradas, o que se di, roxas; colleuno, todo escandalizado, ¡que ata o faría con luvas!, e de inmediato deulle a novidade ao sarxento: -Mi Sargento, un libro rojo! ¿Que hago? A resposta seica foi típica daquela situación e daquela época: -¿Y lo preguntas? ¡Quémalo; de inmediato! Queimar queimárono, pero, coa vehemencia, nin se decataron de que estaban tirando ao lume da lareira ¡unha estampa do Sagrado Corazón de Xesús!, porque aquel libro, coas tapas coloradas, era..., o devocionario da señora da casa! ¡Vivir para ver, para ver o invisible!

O título do meu libro tamén me fixo pensar: Tantas sacas de Correos, que van e volven, de Lugo para Castroverde, Valeira e Fonsagrada, con retorno á mañá seguinte, que cantidade de segredos levarán! ¡Malditas, que polo seu peso seguro que portan máis dramas que ledicias! Aínda que antonte o Correos de aquí de Lugo deume unha boa sorpresa; non sei se boa, pero grande, si, e xa que estou falando de correspondencia, vouno teclear:

A carta chegoume de milagre, que moi listos deben ser os carteiros para interpretar certos aderezos. O sobre poñía, pon, que o gardo na miña maleta, aí na fonda: “Para entregar en Lugo, España, al chofer de los coches de la Línea de Fonsagrada”. O que tiña fácil era o refuse, o retorno, pois o remite está claro, claro e ben explicado: Mandábaa, desde La Habana, aquel puteiro dos hoteis da fornicación, aquel a quen presentei ao promotor dos pisos de lujo, por non dicir, de Lugo.

¿Que me di? ¡Pois tamén merece quedar asentado nestes papeis de miña, persoal, historia! Aprema con chufas para que me decida a emigrar, con el, que me reclamará desde o Consulado para que me dean pasaporte. Que me quere de chofer seu; el di, “... de mi carro, que es un Plymouth con motor de ocho cilindros en V, y carrocería blindada...” ¡Carajo co “carro”, que non o teremos igual en todo Lugo...; se acaso, en Coruña! Engade que me pagará en pesos, o dobre, ou máis, do que me dan aquí. Tamén explica que o chofer que ten agora é un “cinturón” non sei que, de judo, que lle fai, á vez, de chofer e de “garda espaldas”, pero que o quere retirar do volante para que funcione no outro cargo “a plena dedicación”, di. Tamén me explica que se volveu para Cuba despois de escriturar os pisos a nome das sobriñas, porque os gringos non se cansan de acudir a La Habana para “... para hacer sus necesidades”.

¿Necesidades, dos gringos? ¡Que distinta debe ser Cuba, pois aquí, na nosa terra, por necesidades enténdese acudir ao horto..., cando no se ten water! Basta que fale de necesidades para que non me decida a coller o barco: Seguirei facendo as miñas onde cadre, que tampouco teño problemas, pois, pola estrada, sempre paramos diante dunha taberna, e xa teñen servizos, con billa ou con xerra!

-.-

Pasa a
CRÓNICA DUN ITINERARIO E DUNHA ÉPOCA
-II-
Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: