sábado, 10 de enero de 2009

AUTO DE NADAL



TEATRO PARA AFECCIONADOS


AUTO DE NADAL

Xosé María Gómez Vilabella


Auto de Nadal



Fotografía tomada de El Progreso, 24-12-1997
O pé da mesma, por se nesta reprodución non sae lexible, é o seguinte:

"1968. El belén de doña Emilia: En su modesto domicilio de la calle 18 de Julio, doña Emilia instalaba cada año, por Navidad, un sencillo belén, que tenía más de rudimentario que de artístico pero que era visitado por todos los niños del barrio y de muchas otras zonas de Lugo. Ante él, aquella bondadosa anciana explicaba todos los episodios relacionados con el nacimiento de Jesús, e incluso aquellos otros que se referían al resto de su vida. Era una forma de catequesis ingenua, pero seguramente muy eficaz. En recuerdo de doña Emilia celebran todos los años una misa los belenistas de Lugo."

Pola miña parte,
débolle a dona Emilia (Emilia de Brañas, de Millares, Valeira) unha homenaxe persoal, pois no ano 1940, tendo eu dez anos, levoume meu pai á casa dela, (que el estaba poñendo escola das de "a ferrado" precisamente no Val, na súa parroquia da Braña), onde gocei por primeira vez da contemplación dun "Nacemento". Dona Emilia vivía en Millares, que aínda tardou en irse para Lugo, por certo que ben amargada a pobre, pero non resentida, porque no Seminario de Lugo non lle deixaron concluír a carreira a un fillo seu, ¡única e exclusivamente porque cantaba mal! Agora, no Ceo, seguro que os teñen de cantores, a ámbolos dous, e precisamente no Coro dos Anxos, por encima daquel bispo de Lugo... Ademais de explicarme as figuras, obsequiounos cun espléndido chocolate. Dona Emilia, este Auto de Nadal vai por ti e polo teu fillo, pedíndovos que me volvades a invitar, agora no Ceo, con outro chocolate; se tan ricos os facías naquelas miserias da posguerra, que non serán os do Ceo!
Xosé María
-.-


En Belén de Xudea

Personaxes:
A Virxe, San Xosé, o Anxo Anunciador, o Anxo Titor, o Dono do Portal, as Pastoras A e B, os Pastores C e D. Un pouco retirado, o Atusmón do lugar, tamén coñecido por Cismeiro, que será quen leve a boa/mala nova a Herodes, de paso que lle pide unha compensación, un posto na súa Garda Real. O Neno Xesús aínda non fala, pero fixa os seus olliños en todos e cada un dos falantes.

Primeiro óese un coro, que poden ou non estar visibles, ou unha gravación, tomada do Salmo 95:

Vinde, adorémolo,
axeonllémonos ante o Señor que nos creou.
El é o noso Deus
e nós somos o seu pobo,
o rabaño que guía a súa man.

Anxo Anunciador. (Abalándose ao falar para que se lle movan as ás dos seus ombros):
-Son arcanxo, e chámome Gabriel; estou aquí para deixar pública constancia de como foi a Anunciación. Mandoume Deus que fose a Nazaret onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chama Xosé... O nome da súa prometida, aquí presentes ámbolos dous, é María, sempre virxe, Virxe perpetua.

Anxo Titor:
-Veña, ho, que iso xa o dirán os Evanxeos, e temos estes pastores agardando pola Boa Nova. Relátalles como foi a túa aparición.

Anxo Anunciador:
-Díxenllo con poucas palabras, que máis non fixeron falta pois Ela, ademais de intelixente, ou precisamente por iso, é unha gran devota do noso, Único, Deus.

Anxo Titor:
-Xa que son poucas palabras..., ¡non nos fagas esperar!

Anunciador:
-Díxenlle, de parte de Deus por suposto: Alégrate, chea de graza, pois o Señor está contigo... Ela turbouse, ¡que non era para menos!, pero eu saqueina de dúbidas: Non teñas medo, María, porque atopaches graza ante Deus; e fíxate, que vas concibir no teu ventre, e darás a luz un fillo, ao que poñerás de nome Xesús... (Lucas 1, 26. 38).

Pastora A. (Intrigada, e dirixíndose aos seus compañeiros):
-¡Fabuloso! ¡Inaudito! ¡Xa me parecía que isto, este Nacemento, polos signos que vimos no ceo, tiña que ser grandioso!

Anunciador. (Que prosigue co seu relato):
-Seguidamente aclareille o resto: Será grande, e chamarase, ¡porque o é!, Fillo do Altísimo; o Señor Deus daralle o trono de David, seu pai... (Dirixíndose especialmente aos pastores) -Díxenlle isto para que me entendese pois no Antigo Testamento estaba anunciado deste xeito simbólico... (Vólvese cara ao Anxo Titor). -Máis lle dixen, para que todo quedase clariño: Reinará por sempre na casa de Xacob, e o seu reinado non terá fin...

Anxo Titor:
-¿Que che contestou María? Eu xa o sei, que teño esa obriga, pero gustaríame que o refiras pola túa boca..., ¡para que se saiba urbi et orbi!

Gabriel, o Anunciador:
-Non puxo obxección, ¡que va!, pero aquilo non era doado de entender, así que, máis que preguntarme, comentou: ¿Como pode ser iso, sendo virxe como son? Tiven que aclararlle o milagre da esperada xeración... Por certo, temos que poñernos en oración tódolos anxos do Ceo: Anxos, Arcanxos, Querubíns..., para pedirlle a Deus que lles faga entrar na cabeza aos musulmáns, pero no seu día, que xa pronto lle toca nacer ao seu Mohammed, que será un mesturador de cousas mal sabidas, e peor entendidas, así que, ao funda-la súa crenza, tirada dos nestorianos, diralles aos escribas do seu Corán que escriban, erroneamente por suposto, mesturándolles o divino co humano, que Xesús foi creado, e non xerado, así que niso, principalmente niso, vai errar o islamismo. ¡Erros daqueles nestorianos! Claro que Xesús foi xerado, e nada menos que nas entrañas dunha Virxe, dunha Inmaculada, a Virxe máis pura de tódalas virxes, por designación divina, así que, para que non volva a haber dúbidas nos séculos futuros, algún día os cristiáns redactarán o seu Credo: Et in unum Dóminum Iesum Christum, Fílium Dei unigénitum. Et ex Patre natum ante ómnia saecula. Deum de Deo, lumen de lúmine, Deum verum de Deo vero, Génitum, non factum…!  

Anxo Titor:
-Meu Arcanxo Gabriel, xa o faremos, xa, pois iso que propós é importante, pero trátase do futuro…; de presente estamos coa celebración do Nadal, do Nacemento do Fillo de Deus! Fai o favor de proseguir...

Gabriel:
-Pouco me queda. Díxenlle isto mesmo, ao pé da letra: O Espírito Santo baixará sobre ti, e o poder do Altísimo cubrirate coa súa sombra; por iso o que vai nacer de ti será santo, e chamarase, ¡porque o é!, Fillo de Deus.

Anxo Titor. (Dirixíndose aos pastores):
-¡Que bonito, verdade? ¿Tedes claro que só Deus sabe facer ben as cousas..., pero, por veces, as aparencias...! Lembrade que Deus escribe dereito, sempre, aínda que as súas liñas, dada a curtidade humana, vos parezan torcidas! Pero escoitade a parte final, a decisiva: a aceptación da Virxe, porque xa sabedes que existe unha cousa á que chamades, aquí na terra, libre albedrío. Gabriel, dínola:


Gabriel:
-Velaquí a escrava do Señor: cúmprase en min o que dixeches. ¿Que vos parece? Foi sublime, ¿non si? Daquela, ¿a que esperades para aplaudir á Sagrada Familia?

   


Leonardo da Vinci. Annunciazione.

Escena II

O Cismeiro. (Dándolle as costas ao Nacemento):
-Aquí falouse de que este neno herdará o trono de David... ¡Daquela desbancará a Herodes, quitaralle o reino! Téñollo que dicir, pois esta delación merece un premio... Voulle pedir, ¡voulle esixir!, ao Herodes, unha recompensa: ¡Que me faga sátrapa, ou polo menos, Cabo da Garda Real, pois, grazas a min, el estará ben gardado!

Segundo desaparece, óese o coro dos leais, tomado do mesmo Salmo:

Vinde, cantémoslle ao Señor,
aclamémo-la nosa rocha salvadora;
acheguémonos á súa presenza con loanza,
aclamémolo con cancións.

O Dono do Portal:
-A Herodes vaino levar o diabro cando saiba o que está pasando, precisamente no meu portal! E logo que ese "cabrito" que acaba de saír pódeme buscar a ruína...; pero como estou precavido, voulle rezar ao Neno Deus: Xesús, fillo de David, apiádate de min, Señor, que vos ofertei casa cuberta... ¡É un cortello, pero máis non tiña! Apiádate, che pido; e dos meus inimigos, entre eles Herodes, liberame Domine!

Pastor C:
-Está claro que vén para salva-lo mundo, pois o mundo está corrompido, maiormente nas cidades... Igual que nos mercan años para ofrecelos en sacrificio, este Neno sería unha boa vítima propiciatoria, pero non é cousa de advertírllelo para que teñan coidado cos seus inimigos porque, sendo Deus, e rodeado de anxos..., nunca o matarán, salvo que El mesmo se ofreza, voluntariamente, que todo pode ser dada a súa bondade infinita!


Pastores de Belén

Pastor D:
-¿Que dis, compañeiro? ¡Non murmures, que estamos en presenza do Fillo de Deus; do mesmo, en persoa!

Pastor C:
-¡Precisamente por iso, por tratarse do Fillo de Deus, do único Deus verdadeiro, lle estou rezando! O que non sei é se me oe, se me atende, pois é un neno...

Pastora B. (Que os escoita):
-De neno ten a figura corpórea, que se puxo así para que o podamos ver, ¡en forma humana!, mais, con todos estes milagres, milagre sería que non nos escoitase, pois para Deus, sexa na figura do Pai, sexa na do Fillo, é imposible que haxa secretos. Eu mesma, que lle estiven rezando en oración mental, percibín as súas olladas segundo o ía adorando... ¿Non vedes como nos mira, cos seus olliños penetrantes, todo luz, unha luz que nos traspasa? ¡Iso só o pode facer Deus, chamémoslle como lle chamemos..., sempre que o chamemos con bos pensamentos!

Pastora A:
-Estámonos esquecendo das nosas ovellas, pero estou segura de que non hai lobo que as cobice estando, como estamos, xunto do mellor pastor, do pastor das nosas almas! De todos modos, como esta xente quererá durmir, propoño que nos despidamos...

Pastora B:
-Paréceme ben, pero non debemos facelo sen mostrarlle un agradecemento, unha loanza á Sagrada Familia. A ver se vos lembrades daquela cantiga que oímos no templo de Xerusalén cando lles levamos as nosas ofrendas. Aquela que dixeron que vén do Salmo 104, e que empeza así:
Ti fas xermolar a herba para o gando,
e plantas para uso dos homes,
para que da terra saquemos pan.
¡Amén!

Escena III
Nesta só falan San Xosé e maila Virxe María.

Xosé:
-¡Ai muller, que é ben guapiño! Claro, sendo fillo de Deus...! Sorte tivemos que non sexa fillo meu, que nunca guapo fun, e agora, de vello, menos aínda!

María:
-Meu querido Xosé, milagre de Deus foi que estivese desposada contigo, que fose prometida túa, pois, ante o mundo, este non será un fillo sen pai; e ante Deus vaste cubrir de gloria pois isto de criar, isto de protexer, ao fillo da Divindade, non o faría calquera. ¡Nin o faría, nin merecería facelo!

Xosé:
-Se non fose porque esas verbas veñen de quen veñen, de ti mesma, que es a mesmísima santidade, íame ruborizar. En todo caso, a obriga non é cativa, e pídolle ao noso Deus, ao noso Señor, que me dea forzas para cumpri-lo seu encargo; o encargo de protexelo dos seus inimigos..., e traballar para manternos, ata onde me sexa posible, pois, tratándose do Fillo de Deus, o propio Satanás será capaz de tentalo, pero xa lle anticipo que leva as de perder!

María:
-Incluso terás que ensinarlle o teu oficio para que se gañe a vida honradamente, pois, de bóbilis-bóbilis, sendo perfecto, non estará disposto a iso. ¡O que non sei é se lle gustará ser carpinteiro..., que é un oficio bastante duro, duro e sacrificado!

Xosé:
-Muller, de sacrificios non fales, que sendo como é Fillo Único do único Deus, coido que non viría á terra se non estivese disposto a facer algo grande, algo bonito, bonito e útil, polas súas criaturas. Facer algo sen problemas e sen sacrificios é a apetencia dos malos, á dos folgazáns, á dos inútiles..., que non será o seu caso!

María:
-¡Bendito Xosé, que ben falas, que inspirado estás! ¡Claro, non podía ser menos sendo, como es, o protector do Neno Xesús! Que Deus nos bendiga, amén, e poñámonos a durmir, que mañá teremos que atender novas visitas..., e xa non veñan eses Magos, que me dixo un anxo que lles gustaría adora-lo Neno!

Xosé:
-Daquela, que xa lle deches o peito, descansemos nestas pallas, que as quentou a vaca co seu alento. ¡Veña, mula, recua un pouco para deixarnos sitio, pois toda a Creación está, debe estar, ao servizo de Deus, e nós, os que máis, a Deus grazas! Boas noites, meu Neno; boas noites, María, que tal as mereces pois ti es a máis santa de tódalas santas!

Cae o pano, oíndose de fondo o Salmo 127, que di:

Se o Señor non fai a casa,
en balde se esforzan os canteiros.
Se o Señor non garda a cidade,
en balde vixían as sentinelas.

Xosé María Gómez Vilabella
-.-

O Autor non terá inconveniente en permitir que se represente calquera destas obras sempre e cando se faga co seu consentimento previo, del ou dos seus herdeiros, e, por suposto, con un mínimo de dignidade escénica. Se para entón estou reunido con San Pedro, que ninguén me interrompa; nese caso, falen cos meus herdeiros, que de seguro respectarán estas instrucións.





Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: