miércoles, 6 de junio de 2012

CRIARSE, VIVIR, É UNHA GOZADA-II-

.../...



 

As segas en Chamoso

 

Ninguén morre sen deixar herdanza. ¡E débedas, tamén; polo menos de gratitude cos que nos deron a man, cos que nos aconsellaron con prudencia, esa virtude tan escasa, incluso entre os que se dan de amigos! Non hai terra baldía, pois ata as rochas producen fungos; nin vida estéril, xa que, quen máis quen menos, algo fai, algo fixo, algo deixa. O dilema está na calidade dos feitos, dos froitos, que van desde o trigo ao orxo.

 

Ego sum = +- A +- B +- C +- …  ¡Un polinomio! Un polinomio, si, pois todo e ben non o fai ninguén; daquela, cando a resultante é positiva, dereitos ao Ceo!

 

Virxilio dixo: Félix qui potuit rérum cognóscere causas. Feliz o que puido coñecer as causas das cousas. E Sócrates, “A felicidade faina un mesmo, coa boa conduta”. Ergo, todos somos fabricantes, inventores; por tempos, ventos ou tempestades. Faltoulles unha ampliación: ¡Non só a nosa, a propia, senón, e tamén, a do próximo circundante! Co vento, respiramos, límpase a atmosfera; as tempestades convértense en riadas, erosionan as mellores terras. ¡Está claro: os goces vitais veñen da nosa conduta, da propia! Daquela, infelicidade será o contrario, non si?

 

Cada acto, cada decisión, vén a ser coma os módulos que engarzan aos átomos para formar células; e as células, á súa vez, fan os acios vivenciais. ¡Deus, a de derivadas que pode ter un simple acto dun simple mortal! Menos mal que Deus ten connosco a bondade da miopía, que só vemos a dous pasos, pois se chegásemos a ver, a contemplar, a sopesar, a transcendencia que montamos con unha malicia das nosas, das habituais, o dano, a repercusión, a interferencia que podemos causar con unha picardía, unha de dúas: ou darnos por imperdoables, ou volver correndo a dicir digo onde antes dixéramos Diego! As células malas avinagran as contiguas; as boas multiplican os goces, e cos goces, os gozantes.

 

No exame final, no da sega, cando nos dean a nota, seguro que nos deixan ver as correccións que cabían nos nosos actos, pois, de non ser así, igual nos parecerán inxustas as sentenzas. Se non fose porque Deus ten archi demostrada a súa paternidade bondadosa, ¡ira de Deus, qué sería se lésemos a Montalbán, se nos xulgase alguén da catadura de Satán!

 

Na confesión pídesenos un “propósito da emenda”… ¡Menos mal que é só un propósito, un desexo de emendar no posible, pois fixemos tantas cousas que non admiten emenda, que non teñen volta atrás! Disto hai que deducir que a precipitación no actuar é de seu perigosa: Digamos e fagamos con lentitude, a ser posible despois dunha noite de reflexión, que non hai mellor conselleiro que a almofada, que por algo é feminina!

 

Un gran non fai celeiro, pero axuda ao compañeiro. Un bo exemplo multiplica os seus efectos; ¡Deus sabe a cantos beneficia! Un mal exemplo, mutila. ¿A cantos? ¡Iso depende da gangrena circundante! ¿Daquela a vida é, ou non é, un polinomio? Sumamos e restamos, sen parar; e á final, cando nos pechen a escola, San Pedro diranos cal foi o saldo; ou San Pedro, ou nós mesmos, pois, de postos no Ceo, teremos luz, abonda, para visualizar o propio encerado, tódalas liñas do mesmo!

 

Na escola terreal temos dúas funcións, alumno e mestre, asemade. Aprendemos, pero tamén ensinamos. Se mal aprendemos, peor ensinaremos. Por iso é tan importante discernir o bo do malo, -insisto-, apropiarnos do bo e repudiar o malo.

-.-

 

Levarse ben coa Natureza tamén é unha virtude, unha virtude sumamente gozosa, pero disimulámola moito. Se é na aldea: ¡Que pouco axuda o tempo; cando será o día que teñamos o sol na porta e a auga na horta? Na cidade, sexa no ascensor, no portal, ou na beirarrúa: ¡Viches qué tempo: no verán, paraugas; e agora, no inverno, que nunca fai día de saca-lo abrigo das peles, que mo vai estragar a couza, sempre no armario!

 

Deus faría ben en mandarnos outro diluvio universal, un de corenta días e corenta noites, para amolarnos por…, desagradecidos! Claro que iso non molestaría aos que teñen iates! Os do deserto, piden auga; os do polo, sol. ¡Pois o que non estea contento co seu país, no seu país, co seu clima, no seu clima, que emigre, a ver onde atopa outro mellor! Dicían os vellos: Comparados os bens cos males, tódalas terras son iguales; ¡e qué razón tiñan, pois todas son boas desde que aprendemos a tirar delas os beneficios, os tesouros, que todas dan algo, e todas valen para algo. ¡Ata nos desertos hai preitos de propiedades pois debaixo das areas pode haber ouro, e tamén petróleo!

 

Este galego, que agora ten de profesión teclear, viviu no deserto, ¡dez anos! Cando se foi, levou un paraugas, e cando volveu, trouxo gafas de sol. ¿Para usalos? ¡Non, en lembranza! Só aborrecín os sirocos, que do demais…, ¡bendito sexa Deus! No deserto, a falta de nubes, estrelas; e na serra do Pradairo, cando non xea, neva. ¡co guapo que é retratarnos na neve, en coiros e boca abaixo!

Deus é un argalleiro, e como tal agasallounos con un millón de argalladas; temos xoguetes de todas clases, así que, non nos queixemos! ¿Qué de vez en cando róldannos as enfermidades para enturbarnos a vista, e por ende os goces? As enfermidades tamén teñen algo de bo: Se son leves, serven para facernos meditar no ben que estamos de sans, no burros que somos se non gozamos coa saúde; e se dan en mortais, isto teñen de bo: ¡que nos pasan do bo ao mellor!

-.-

 

¿Cómo recibirán aos seus abortantes os anxos abortados; poderán perdoarlles, no xuízo final, que non os deixasen gozar dunha nacenza terreal? ¡Dies irae, dies irae!

 

Mors stupebit et Natura,
cum resurget creatura,
judicanti responsura.

 

A Morte e a Natureza

asombraranse

cando resucite a criatura.

 

¡… cando resucite a criatura xerada e non parida! Eu non dubido de que Deus os porá, daquela, de Fiscais deses delitos de lesa humanidade, e será cousa terrorífica ve-los lexisladores de tal perversión convertidos, eles mesmos, en abortos, abortados polos propios abortos, lanzados ao inferno por aquelas ánimas outrora ignoradas, desprezadas! ¡Dies irae, dies irae!

 

O home, e a muller nada menos, ben coñecen o xeito, ¡os xeitos!, de evitar a procreación, pero, de efectuada, asasinar…? Quen é capaz de asasinar un ser indefenso tamén o sería cos nados, de tornarse indefensos. ¡Mátanos porque non berran, porque se van ao calado! Pero eles están vivos, deixáronos nacer, cousa que, por outra parte, téñena esquecida. De momento os abortistas están vivos, e mortos os infelices, pero xa virán as tornas, xa virán os días…, ¡irae!

 

Os que se foron están revestidos de gloria, ¡con máis poder có lexislador causante, co permisivo!, pero, de momento, non axustarán contas, porque lles dixo Deus: Tranquilos, a gozar do Ceo xa que vos negaron a terra, que Aquí Arriba o Contable son eu, e daquela axustarei as contas cando faga balance, concretamente nese día, no irae!

 

Na outra banda, na dos que nacemos coa bendición dos pais respectivos, algo podemos facer: ¡Recordarlles aos lexisladores que se están metendo nunha guerra de antemán perdida!

-.-

 

Hai nenos aos  que se lles fai o mundo cativeiro, e outros que non dan/ou non o damos abarcado, con todo estar contido nunha simple esfera. Lémbrome de cando empecei a ter memoria que meu avó, o paterno, que o tiñan polo máis intelixente do lugar, (“Listo” chamábanlle a un veciño, así que o avó sempre aclaraba que non era igual ser listo que ser intelixente, pois os “listos” son ególatras, mentres os intelixentes lle dan preferencia á salvación da alma), dicía: Este neno é un elemento de coidado, e teredes que saber crialo…, baixo perigo de que se volva un Quevedo…, que nunca se está quedo, e coa lingua, menos! Referíndose a unha nena do mesmo lugar, dicía dela: ¡Como Deu-la crie vai dar que sentir, que se lle van os ollos tras dos rapaces!

 

Nada, que fallou nas súas profecías: O “Listo” matouse a traballar, obrigando aos fillos a imitalo, cousa que lles repugnaba; tanto, que ata penso que acabaron odiándoo. Tan pronto lles morreu, optaron polos negocios especulativos, iso de aproveitarse da suor dos de enfronte, máis que da súa propia, e ámbolos dous fixéronse ricos á forza de especular co traballo dos outros.

 

A nena “que ía dar que sentir”, tanto moceou e tanto escolleu que acabou na soidade, na soidade dun convento de clausura!

 

A min, que ía para “elemento”, falloume a química cando descubrín que os elementos eran cento e pico, así que tódolos meus trunfos se centraron en pasar de zoqueiro a bancario! Libreime dos elementos químicos, pero pasei a vida entre os outros, entre os fiduciarios, máis encadeado que unha molécula!

 

O futuro dun neno non está escrito, ninguén llo pode escribir ou predicir pois incúmbelle a el mesmo facelo, xeralo; os demais só lle podemos aportar pluma e tinteiro, ¡que non é pouco! Pluma suave, instruíndo nel con suavidade, con agarimo, á vez que lle abrimos as ventás do saber para que non se lle seque a tinta, para abrandarlla con bos consellos. Hai que dicirlle: Aí tes o mundo, cos seus pros e coas súas contras; se queres ser feliz, se o queres gozar, comeza por analizar, por formar a túa conciencia, a propia, e deixa en paz a dos outros, que xa houbo unha Inquisición e os resultados á vista están. ¡Prepárate para predicar co exemplo, que é a mellor oratoria neste mundo de xordos!

-.-

 

 


Aqueles tempos da palmeta…

 

¡Agora, si! Agora, desaparecida a palmeta, relegada ao Museo da Pedagoxía, xa se pode ir á escola en paz e graza de Deus. ¡Unha gozada, outra, pero custou vinte séculos lograla! De paso, tamén se borrou dos encerados aquela consigna terrorífica de que, A letra, con sangue entra. ¡Animais! Nós; os outros, non.

 

(Para os do século XXI: Coa palmeta había que dar na man esquerda, en particular aos que escribían, para non entorpecerlles a destra; e logo que estaba prohibido pasar dos dous palmetazos, por pelma que fose o alumno; ¡menos mal!).

 

¿Vedes como é unha gozada vivir? ¡Si, claro, desde que se aprende: vinte séculos de aprendizaxe, pero, valeu a pena! Nestes vinte, as máis torpes foron as mulleres, que moito tardaron en vestirse polos pés, en acudir á Universidade, en votar nos comicios…, pero a culpa foi delas, polo ben que cociñaban! Tan pronto deixaron de facelo, ¡todos iguais, en todo!

 

A gozada está na escola mixta, ¡outro adianto do XX!, pois os rapaces aprenden a ser iguais entre si, coa única excepción do fisiolóxico, obviamente. E logo que iso ten a vantaxe de que, de paso que aprenden as letras, as letras e mailos números, aprenden a convivir, sinatura de gran importancia para cando se decidan a matrimoniar. Na mixta, os nenos fanse menos brutos, e as nenas menos melindreiras. ¡Gañamos todos!

-.-

 

Iso de que, personalidade é todo aquel / aquela que fixo un fillo, ou plantou unha árbore, ou escribiu un libro…, non me serve, por incompleto; ¡por inexacto, non, por incompleto! Acádase, e sucesivamente, afírmase, a personalidade, nos tempos presentes, coa escola, na escola, sempre e cando sexamos escolares vitalicios, entendendo por escola non un mero local senón a osmose receptivo / expresiva da que está dotado o ser civilizado.

 

O saber non ocupa lugar, dándose o casual de que o noso cerebro, calquera que sexa a forma da súa caixa, braquicéfala, dolicocéfala, ou mesocéfala, é a única despensa que conserva sen conxelar, con cabida practicamente ilimitada, pois, se algo retiramos, ou esquecemos, outra remesa entra, e cadora maior…, ata a mesmísima senectude! Quen o ten baleiro é porque quere pois provedores sobran, sexa no local da escola ou fora del; porén hai algo que non podemos, que non debemos, esquecer: ¡criba-los aprenderes, non mesturar o trigo co xoio se queremos gozar de boa fariña!

 

Vén de vello o dito de que, O saber non ocupa lugar, así que non se me atribúa o mérito de lembralo aquí. Nin ocupa lugar, nin podemos alegar falta de tempo. Co tempo que lle dedicamos a iso de mata-lo tempo, sóbranos para chegar a sabios! ¿E se non temos papeis? Se algo sobra nos tempos actuais son papeis, papeis que tiramos ao lixo sen ler; e logo que non todo consiste en ler senón, e tamén, en oír, ver…, e calar! O de calar hai que entendelo, pois neste caso refírese a que se debe calar no entanto non teñamos dixerida a información, ou o que é igual, non rebater ata despois de bater, ata despois de amasar, de amasar e de cocer, a nosa fariña, o noso saber!

 

¡Cantos coñecementos se levou consigo á cova ese home / esa muller!, tamén adoita dicirse. Tampouco é exacto, polo menos non sempre, pois o ser comunicativo, aquel que non é avaro do seu saber, pasa a vida sementando, predicando, dando trigo! Poderemos dicir que pouco ou nada estiven ao seu lado, ou lin nos seus papeis, para impregnarme dos seus saberes, pero, o dito, ninguén pasa pola vida sen deixar herdanza!

 

O neno, na escola, xa desde a escola, compite; e toda competición é estimulante, fornecedora. Pero o mestre debe encarreirar esas competicións para que non pasen de estimulantes a destrutivas, pois todos sabemos que na escola tanto se fan amigos como inimigos; os celos escolares, as envexas escolares, son o principal xerme dos falsos amigos.

-.-

 

 


 

A Escola de Doloriñas, de Julia Minguillón

 

A Julia Minguillón moito a teñen felicitado polo ben que pintaba, ¡cónstame!, pero…, ¿quen felicitou á Doloriñas polo ben que ensinaba? O ensino adoita ser desagradecido, pero aí está o seu mérito, a súa virtude, porque non ensoberbia, pasa desapercibido!

 

Satisfacción, que non soberbia por suposto, a miña, xa que fun mestre, aínda que de minúsculas, dos últimos de “a ferrado”, compatibilizando co meu oficio inicial de zoqueiro. Como mestre, primeiro en Santa María de Piñeiro, e despois en Santa Mariña de Librán, ensinei pouco pero aprendín moito: ¡Aprendín, cos alumnos, a ser alumno! E de zoqueiro, con aquelas zoquiñas que vendía na feira de Castroverde, fixen de médico, evitando catarros, que é a mellor forma de curalos. Sen probar eses dous oficios, os meus goces quedarían minguados; ¡iso che teño que agradecer, Señor, iso tamén, pois, quen non goza no pouco, o moito satúrao!

 

Por aqueles anos o Cura de Prevesos fixo un santo cunha navalla; eu, parecido: ensinei a ler sen título, e fixen zocas para os peíños das miñas veciñas; ¿caben mestrías meirandes? Señor Cura de Prevesos, eu ganeille a vostede, que pasei desapercibido! Máis é, que aínda que me tentase o diabro para presumir diso, non podo, que ninguén mo cre!

 

Máis ou menos así eran estas escoliñas, confundíndose, mesturándose, os párvulos cos mozos licenciados do servizo militar, e tamén coas rapazas casadeiras, pois con todo ser pouco o ferrado, non sempre se tiña dispoñible; o ferrado, ou o seu importe. Mais foron a pedra angular do edificio cultural: do ferrado á Normal, e desta, á Facultade, en menos dun século. ¡Non estivo mal, ou si? A pena é que se van os vellos sen deixar museos etnográficos, así que, sen pizarras de man á vista, ou ábacos – contadores de boliñas, quén vai convencer a estes rapaces do XXI de que os ordenadores veñen de seus pais e non de seus avós?

-.-

 


 

O avó, servidor, no meu primeiro día…, de traballo, non, de emprego,

no Banco Exterior de España.

 

Ora et labora, foi a consigna, a herdanza que recibín daqueles dominicos do convento de Montecubeiro a través, por mediación, dos meus entregos. ¡Deu-los bendiga! Lémbrome perfectamente que ma ensinou meu pai aquel día de defuntos no que pasamos a reitoral da parroquia, antigo convento, para encargarlle ao señor Cura, D. Benito Castro Piñeira, uns responsos polas obrigas da casa de Gómez de Bergland. Desde aquel día apropieime do lema, ou sería mellor dicir que tratei de seguilo; e como é inalterable, sen posible caducidade, aquí o deixo, para os meus fillos, e destes, para os netos.

 

Nisto mesmo estaba pensando cando me tiraron esta fotografía no meu primeiro día de traballo bancario; dixéronme que iso de retratar aos novatos era a novatada, un costume que tiña aquel Pedrola do departamento de Persoal do Banco Exterior de España, onde me sentaron…, ¿ou debera dicir, onde me asentaron? Xa pasara por unhas poucas: zoqueiro, mestre de a ferrado, na aldea; e logo, tres anos, desde os 18, como mecanógrafo no Consejo Supremo de Justicia Militar, oposicións…, e por último, ¡listeiro!, pasar lista e control de todo o persoal da casa, retrasos, vacacións, xustificación de ausencias, etcétera. En definitiva, o acusica da Casa Central.

 

Naquela mesa só me faltou unha cousa: un letreiro co lema dominicano; pero non foi preciso pois, o que ben se aprende nunca se esquece, e vindo dos pais, menos aínda.

 

¡Ora et labora, bendita consigna, orde inesquecible! Iso, orde, pois como tal debemos levala na memoria cerebral, e xa que logo, pasala á memoria do ordenador, por se alguén aínda non a coñece. Así como os Mandamentos se encerran en dous, amar a Deus sobre tódalas cousas, e ao próximo por Deus, a nosa vida pública tamén debe concretarse nestoutros dous, pois, ao meu entender, nisto cabe e se concreta toda posible exemplaridade. ¡Pero qué listos, e qué santos, aqueles dominicos! Con tal herdanza, eu ata lles perdoaría que exercesen aquel privilexio da prima noctis, se é que o utilizaron no meu Montecubeiro, pois honra, que non deshonra, sería proceder de tales homes!

 

¡Ora et labora, compendio de virtudes, pero, lamentablemente, un tanto demodé a estas alturas do XXI!

-.-

 

Volvamos aos nenos, que tódalas pedras son poucas para darlles unha boa cimentación. ¡Canto meirande desexemos a torre, máis pedras angulares precisaremos!  Ese/esa é de boa madeira…, dicimos do rapaz/da rapaza que vén de boa familia, dunha caste sen antecedentes penais (no criterio social), pero tamén hai excepcións, florecementos excepcionais, ¡afortunadamente!

 

Lábor improbus omnia vincit, que o traballo obstinado, persistente, vence tódalas dificultades, foi o que nos dixo Virxilio, un tanto optimista me temo, nas súas “Geórgicas”. Meu admirado Virxilio, se vivises hoxe en día  igual non serías tan rotundo porque as dificultades aumentaron, e máxime neste mundo contaxioso das globalizacións no que as epidemias, os contaxios, viaxan con tanta ou máis velocidade do que a luz. Por iso, precisamente por iso, o traballo educacional, a pedagoxía, e coa pedagoxía a didáctica, requiren, esixen, hoxe en día, un perfeccionamento constante e incansable. Traer fillos ao mundo, en particular ao mundo occidental, fíxose complicado, dunha responsabilidade monumental, mais para iso nos prepararon e nos preparamos, cadora cun afán e cuns medios meirandes. Se non estamos capacitados para esa misión, para esa función, metámonos a frades, que hoxe por hoxe están libres dese servizo, desa función!

 

Entre a educación e maila manutención, certo é que a tarefa é inxente, pero tamén nos aterra observar que os pobos, as civilizacións máis retrógradas, danse á proliferación sen taxa nin medida, co cal, ¡algo que adoita pasar desapercibido!, de ser invasores os civilizados, os protectores, en parte polo noso modus vivendi acomodaticio, imos caendo nunha inmigración galopante, infiltrada, que pode traer consecuencias históricas trepidantes…, se nos colle desprevidos! En particular o Sur, co seu machismo, coa utilización da muller como traballadora e como incubadora, ad infinitum, sen dó das miserias que lle agarden a unha prole incontrolada, está desenrolando unha invasión sutil e imparable, para a que só hai dous remedios, un noso, e outro deles: O noso consiste en tratalos como irmáns, en darlles bo exemplo, pero vixialos e prohibirlles as extralimitacións. Se queren xogar connosco, encantados, pero todos coas mesmas regras, ou rompemos a baralla! Nunha palabra: Non retornalos a Covadonga, que xa o fixo don Hermenexildo, e así llo pagaron! A outra depende máis ben da Providencia: Que as súas mulleres se decaten da utilización abusiva de que están sendo obxecto, e que, a imitación das occidentais, defendan os seus clítoris e dean en poñerse calzóns por riba das bragas. Isto último é bastante probable pois, a máis abuso, máis rebeldía.

 

De boa madeira… Pouca e mala é a que dan as árbores que se crían tortas, sen esteos, sen rodrigas. As árbores tortas soen acabar no lume, vulgo, cárcere, penal, pero, ¿qué lexislación se encarga de punir aos causantes, qué pais van á cadea por desatender as súas obrigas formativas? ¡Isto é un fallo; un fallo ao que, de momento, só podemos aplicar unha desaprobación, un repudio social!

-.-

 

¡Gozoso coma un neno! , dicimos os grandes, pola envexa que lles temos, aínda que, de cativos, tal goce non tivésemos; en todo caso, a culpa, daquela, non foi nosa, dos nenos, senón deles, dos grandes en tamaño, que non sempre en dignidade!

 

Se chora o neno ao nacer é polo a gustiño que estaba con súa nai, e logo que aló dentro xa oen dicir aos pesimistas que este mundo é un val de bágoas; daquela asústanse, pero pásalles pronto se son ben recibidos, ben tratados!

 

O neno goza ao ir comprobando, en si mesmo, que trae forzas e ánimos para superarse, día a día; para ir vencendo aqueles temores íntimos; para competir, comezando por facelo consigo mesmo. É certo que non se libra doadamente de malas ideas, de malas inclinacións, pero no propio madurar estará o seu gozar.

 

Falo por propia experiencia: a min, xa desde a primeira das miñas primaveras, gustáronme as flores, en particular as rosas daquelas roseiras de xunto do colmear, pero, máis aínda cás rosas, gustábanme as meixelas rosadas de cantas rapaciñas, veciñas ou non, pasaban por cerca de min, ollásenme ou non. Gustábanme dúas cousas: as meixelas, moito, pero tamén o seu andar cimbrante. ¿Sería porque ían en zocas, e por ese atractivo din en facérllelas tempo adiante? Nenos e nenas atráense, que sempre foi así, desde a caneta; coma polo opostos, non, non exactamente: ¡complementarios, que iso son, somos! Está nas leis da Natureza, pero tamén o está que os paxariños non poñan os ovos antes de face-lo niño, antes de afianzar o seu porvir; ¡aprendamos deles a conternos, que tamén chegará a nosa primavera: traballo, casoiro, fogar…!

 

Cando non está a gusto consigo mesmo, acaso por algo que desexa e non dá acadado, o neno resolve, ou pretende resolver, a situación, cunha perrencha, que ata poden ser agresivas, sendo neses intres cando máis precisa amor, un amor de titoría pero tamén de corrección para que se decate de que os gruñidos non resolven as situacións, que hai medios pacíficos para todo, aínda que se tarde en descubrilos. Estas perrenchas non anulan os goces, pois, unha vez vencidas aumentan a nosa seguridade, a seguridade de que tódolos contratempos, ou polo menos boa parte deles, son vencibles, superables. Algo así pasa coas leccións, que non se dominan coas mans senón cos cóbados.

-.-

 


 

Impresionado polas animaladas dese asasino de Toulouse, ese tal Mohamed Merah, véuseme á imaxinación este debuxo do noso paisano Regueiro no que tan ben captou os efectos dun siroco. ¡Pero máis asirocado có Merah, imposible, e iso que non se criou no Sáhara!

 

Segundo o mito, debémoslle a Epimeteo que, namorado perdidamente de Pandora, tivese a malsá curiosidade de abrirlle a caixa da súa dote…, disparándoselle os ventos! E menos mal que lles quedou dentro o único positivo, a Esperanza! Con tales asirocados cabalgando nos seus cabalos mouros logo dan ganas de esconderse en Teixeda, ou máis arriba, aínda que sexa entre os toxos…, para fuxir das traxedias inherentes! Cando dabamos ao mundo occidental por sosegado e ilustrado, de cando en vez desbócanse os cabalos da intolerancia, do fanatismo, e dan qué sentir.

 

¿Qué podemos facer? ¡Só hai un remedio, ter fillos, coa esperanza de que algún deles se librará da tolemia, e amansará nos outros, que por engado adoitan ser os máis prolíficos! Nisto, precisamente nisto, está o talón de Aquiles da vulnerabilidade europea: Cando a prosperidade deste continente, e con ela a salubridade da súa xente, propiciou unha prole desbordante, e por ende, emigrante, mandante, mangoneona, a inmediata foi poñerse a navegar, a invadir, a explotar…, pero aqueles invadidos, pouco a pouco, coa salubridade recibida, aportada, deron en multiplicarse…, mentres os invasores se desangraban en guerras interiores, intestinas. ¡De colonizadores, a colonizados, pois incluso lles perforamos os pozos petrolíferos! Rexeitados, desbotados, os europeos tornaron para a casa matriz, onde: Estiñaron as súas feridas, e volveron a prosperar; déronlles cultura e traballo ás mulleres, e estas, entre que non podían, e que tampouco querían molestias, puxéronse a trebellar, pero, ¡para a feira! De paso, a prosperidade e maila mecánica trouxeron consigo o desafecto polas manualidades;  daquela, con iso, e tamén por causa diso, abriron, abrimos, as fronteiras, pagándolles incluso a viaxe aos resentidos, aos fanáticos, que xa estaba ben de que as invasións as fixesen os bárbaros do Norte! ¡É o péndulo de Faucault, e quen non perciba estas oscilacións da Historia será que está cego, aínda que abra os ollos!

-.-

 

 

-¡Señor, sálvanos, que afogamos! Pero El díxolles: -¿Por qué vos acovardades, homes de pouca fe? E poñéndose en pé increpou aos ventos e ao mar, e veu unha gran calma.

 

Afouteza é o que compre para navegar neste mar proceloso, no mar da vida, pero non, nunca, confiados nas nosas forzas, que son endebles, senón na fortaleza que nos dá, que nos debe dar, a fe revelada polo noso Temoeiro!

 

Viaxar sós, sen Deus, é a temeridade máis absurda; algo así como conducir sen carné, sen carné de cristián! As tormentas existirán, sempre, porque veñen do paraíso perdido, daquela rebeldía transmitida, pero, se poñemos no posto de mando ao noso Xefe, ao noso Redentor, non haberá Satanás que poida con nós. A vida daranos coiteladas, feridas sangrantes, dolorosas, que iso é inevitable, pero a fe na vitoria final daranos azos, e con eles, a ledicia, anticipada, de que, á final da loita, seremos coroados, na Gloria Celeste, Eterna, e non precisamente con un simple laurus nobilis! Montados no cabalo da fe, non hai siroco que nos tombe!

 

¿Qué doen as feridas? ¡Claro que doen, é natural que doan, que tamén sufriron os mártires, pero, á final, valeulles a pena! Sufrir con fe, coa seguridade do Premio Eterno, non é sufrir: é gozar!

-.-

               

O Señor é a miña luz, a miña salvación; ¿a quén hei temer? O Señor é o meu castelo; ¿ante quen hei de tremer? (Salmo 27, 1). ¿Daquela, cales son os meus inimigos? ¡O principal deles, eu, eu mesmo, que fun bautizado, lavado, e volvín a enlodarme!

 

Xeralmente temémoslles aos hostes foráneos, e non é para menos, pero o peor dos inimigos levámolo, traémolo, acotío, con nós mesmos. Nosos pais ensináronnos, e na escola tamén, pero iso é, foi, parcial; parcial se nos falta, se nos falla, o propio adestramento. Ningún nega que a vida sexa combate, un combate cotián, pero non hai castelo que sexa inexpugnable se retirámo-la garda, a nosa garda permanente, se licenciamos ao Capitán, a Deus.

 

Non chega con construír: ¡hai que facelo con bos cimentos, con columnas axeitadas! Non é igual pintar cadros que pinta-la cara; e logo que a cara adornada con pins non reflexa a alma. ¿Non se di que a cara é o espello da alma? ¡Pobre alma, se tamén lle colgamos abelorios en lugar de virtudes! A nosa propia construción máis que de arquitectos precisa de enxeñeiros, enxeñeiros enxeñosos que a poñan a funcionar, a maquinar, a discorrer …, comezando polos propios pais! Así, cando estudamos, cando nos preparamos para a vida laboral, cómpre ter presente que tamén o estamos facendo para aprender a ser pais, a ser relevo. Nisto non caben discrepancias, desercións: Némine discrepante, ten que haber unanimidade, pois, do contrario, Ab alio species alteri quod féceris, temos que esperar dos outros, neste caso dos propios fillos, que fagan o que nosoutros fixemos neles, con eles.

-.-

 

Sete gordas, seguidas de sete fracas… Así falaban os exipcios; os economistas preferimos dicir “ciclos”. Por algo se inventaron os silos; graneiros, granarium para os romanos. Son boísimos…; o único malo é privarse dos antollos nas épocas de tolemia, de abundancia! Son bos porque ensinan moderación, moderación e previsión. Ao longo da Historia os pobos que resultaron máis traballadores, máis prósperos, con prosperidade propia, de longa duración, foron os asentados en terras pobres, tomándose Suíza como prototipo. Para antítese  chega con lembrar o dano que lle fixo á iniciativa española a existencia da Torre del Oro de Sevilla, auténtico cofre dilapidador das nosas depredacións americanas.

 

Non se trata de vivir nun tonel, como Diógenes, pero tampouco de queimar Roma, a estilo Nerón, para acadar o clímax dun pracer tan efémero como salvaxe. Na nosa prudencia cenemos lentellas, tamén chamadas “Píldoras de Negrín” por ser o manxar máis accesible naquel Madrid de 1936/9, aquelas leguminosas tan nutritivas coas que gozaba Diógenes cando o sorprendeu o sibarita Aristipo, que vivía a corpo de rei a base de adula-lo Rei. Seica lle dixo: -Se aprendeses a ser submiso ao noso Rei, non terías que comer esa porcallada de lentellas! Pero Dióxenes, o morixerado Dióxenes, rebateulle de inmediato a súa falacia: -Se houbeses aprendido, coma min, a comer lentellas, agora non terías que adular a ese que se dá de Rei!

 

Nin privacións evitables nin dispendios excitantes. O goce ben entendido está na prudencia cotián; e se as vacas da especulación están inchadas, deixalas asentarse, que xa fraquearán, xa, pois non hai primavera que non conduza a un novo inverno. Acordémonos tamén daquelas mazás do Edén, que as comeron verdes…, séxase, prohibidas!

-.-

 

Para falar de goces é bo, aínda que non imprescindible, pasar por unhas cantas penalidades, e mellor aínda se son variadas, no tempo e no espazo. Unha das máis sinxelas, das moitas que lle poden pasar a un rapaz, é perderse no monte unha noite de raios. ¡Dou fe!

 

Estivera poñéndolles escola aos nenos, ¡de seis a vinte anos, máis ou menos!, no cuarto grande (comedor) da casa de Domínguez de Catatrigo, e, para aproveitar a luz solar ao máximo, saín entre lusco e fusco, nin un minuto antes; iso si, cunha lanterna de pilas no peto. Aquel foco, á altura do ano 1947, era un luxo; confésoo! Trouxérallo a meu pai seu irmán Manuel, que se fixera electricista na Habana, pero as pilas, daquela, había que encargalas a Lugo pois en Castroverde aínda vivíamos lonxe da tecnoloxía.

 

Pechou a noite, unha noite só alumada, de cando en vez, polos lóstregos, e pechoume a min á altura da Poza do Barro, subindo á serra do Pradairo, esa que separa Montecubeiro do Val, ou á viceversa, segundo se prefira, así que naquel intre dinlle ao interruptor do foco para distinguir, xa na Camposa, o cruce de camiños, aínda que con pouca efectividade pois había, naquel punto, naquel cume da serra, unha auténtica estrela de rodeiros dos carros que subiran á serra para cargar toxos e estrumes. Naquel punto, que hoxe son pistas, confluían os camiños de Catatrigo, da Pradeda, dos Vilares, da Vacariza, de Vilabade, de Nabeda, de Teixeda, o do propio Miradoiro…, ¡amén dos que ían aos vedros, ás cavadas anuais!


 

Noite de lobos na serra do Miradoiro

 

No intre de acende-la miña lanterna, ¡miña por doazón, xenerosa por prematura, pois tampouco lle sobraba a meu pai!, nin que fose unha sinal que eu tivese convida cos lobos: ¡deron en ouvear! O primeiro deles, que o tiven por chamada masculina, soou da parte do camiño por onde eu tiña que ir; a contestación foi inmediata, e procedía do outro lado do Val, aproximadamente do monte de Rairos. Aqueles ouveos non me sorprenderon pois era Nadal; estabamos achegándonos a Xaneiro, que é o mes nupcial dos lobos, porén aqueles debían ser rapaces, uns rapaces namoradiños pois comezaban a mocear con certa antelación.

 

A todo isto quen se deu por invitado ao sarao foi o diabro, que me berrou á orella: -¡Volve para atrás, rapaciño, que a noite está de lobos, e ben que che insistiron, tanto os de Domínguez coma os do Pequeño, que te quedases a cear con eles, e que deixases a ida ao teu Bergland para o día seguinte. ¡Xa ves que a noite preséntase boa...; boa para os lobos!

 

Esta foi a tentación, non o vou negar, pero deseguida se me achegou o anxo gardián para dicirme:

 

-O teu patrón tamén tivo dificultades para atopar o Camiño de Belén, pero, como estaba escrito… (E ti, Belén de Efratah, tan pequeniña entre as familias de Xudá, de ti vai saír un que será o soberano de Israel… Miqueas, 5, 1)… como estaba escrito había que cumprir as Escrituras! Pois ti, Xosé María, fillo doutro Xosé María, e este, doutro anterior, pasando polo señor Domingo, teu bisavó, ¡unha familia santificada!, de ti agárdase unha imitación; e logo que o teu Belén chámase Bergland, ¡terras de montaña!, que soa parecido; alí espérate túa madriña, que coñece ben esta serra, e coidará que, se non chegas, é que che saíu o lobo, e pasará a noite nun tremor, rezando por ti; polo que fai ao resto da familia terante por un descastado, por un comodón, que te esqueces dos teus na noite familiar, nesa cea que, como de costume, bendiciraa teu pai, invocando a familia do voso patrocinio, aquela de Belén…

 

Obedecín ao anxo, por suposto, pero esquecinme de pedirlle que me encamiñase con dereitura. Andei e andei, coa néboa por capote, ata decatarme de que estaba subindo…, subindo ao Miradoiro, que agora sei que son 1029 m. sobre o nivel do mar! Achantei as zoquiñas, mais por pouco tempo pois, de mareado, din en xirar, aínda que só me serviu para facer de cataventos pois naquel punto tódolos ventos viraban. Os lobos cadora se oían máis lonxe, pero…? ¡Xa non eran de lobos os últimos ouveos que oín, senón, e máis ben, ladridos de can!

 

-¡Deus, estou salvado, pois, onde cans ladran, casarías hai!

 

Quitei a pucha para escoitar con máis atención, poñéndoa de antena lateral, xiratoria, para mellor orientarme, e coa mesma botei a correr en busca daqueles cans, verdadeiro faro no piago da montaña. Os toxos eran altos, entre medio e un metro, calculo, e logo que tiñan espiñas aceiradas, nada menos que as agullas da lá, pero corría presa achegarme ao casal, non fose ocorrer que o diabro, ¡o diabro ou o amo!, lles mandase calar, ou os metese dentro, tal que nunha palleira, ou nunha corte… Os camiños desapareceran, así que fun en liña directa a onde ladraban aqueles cans…, aqueles salvadores! ¡Era Teixeda, casualmente no camiño real de San Cibrao! Os cans estaban en dúas eiras, en dúas veciñanzas, e debía ser que cheiraran ao lobo, e mandábanlle apartarse do poboado; se non fose polo medo, non aos cans senón aos veciños, houbéseme achegado de boa gana aos canis lupus familiaris para darlles un bico e unha aperta, de agradecemento, pero…, o dito!      

 

Teño pasado Noites Boas inesquecibles; ¡boas, boas; e ningunha sen parentes de par miña, pero, aquela…! Aquela foi a más dramática da miña vida, que aínda conservo as cicatrices daqueles toxos nas miñas canelas; porén, a mellor de todas, unha gozada! Aquel que non viviu situacións apuradas, ou incluso dramáticas, que non presuma de que gozou: ¡Os goces saben mellor cando os preceden as bágoas!

-.-


 

O irmán de Andrés, Miguel, satisfeito,

pero tamén asombrado polos seus descubrimentos.

Daquela aínda non sabía que ía ter un irmán.

-.-

 


 

Andrés, pensativo. Igual se di:

¿Qué opinará de min meu avó?

 

A vida é un rosario de efemérides; tantas, tan intensas e tan importantes, que nin o propio interesado as daría contado, por ben que lle dea ao teclado.

 

Saltándonos os nove meses do embarazo, ¡zas!, Deus dixo, outra vez, ¡Fágase a luz!, e para nós fíxose: propia, individualizada…; coa colaboración de nosa nai, por suposto, que nunca tan gran favor lle daremos pagado! ¡Que Deus llelo pague por nós, xa que tan curtos adoitamos ser con elas!

 

Nada máis nacer comeza o “corre, vai e dille”: ¿Qué foi, neno ou nena? ¡É para saber qué tipo de regalo lle levo! Agora, con eses aparellos escrutadores que propalan con antelación o sexo da criatura, a previsión é rotunda: ¡azul, ou rosa! ¿Por que rosa…? ¡Por iso, porque son as rosas deste mundo, as mellores, que xa o dixo aquel dramaturgo: “¡Que bien huelen las mujeres!”.

 

-¿Puxésteslle a pulseira …, para que non mo confundan?

 

-Non, muller, non, que se parece a ti; e aínda que así non fose, agora tíraselles o ADN!

 

Con este aserto, con esta tranquilidade, co esforzo realizado e a conciencia satisfeita, a nai, tódalas nais, dormen o seu sono postparto, o máis feliz de cantos levan tido, e de paso soñan, ¡e acertan!, que pariron un rei / unha raíña, pois, para elas, así será, de por vida. ¡Criminal aquel que as desilusione!

 

O xinecólogo, para o recén, é un bruto, pero…, un bruto necesario, ou polo menos, conveniente. Elas, as xinecólogas, poden ser máis suaves, pero en ningún caso demasiado xa que, de seren así, igual non servirían para esta función. O neno agradécelles a súa intervención co primeiro dos seus sorrisos, pois sorrisos son aínda que aos brutáns nos parezan laios. Ninguén llelos presenta, pero tampouco é preciso: son as testemuñas do seu nacemento; testemuñas, e á vez, colaboradores, cómplices!

 

Ata-lo cordón umbilical é conveniente, pero…, por moito que os aten, que os separen, aí queda o rastro dun vínculo, unha testemuña, ¡outra!, da súa procedencia. ¡Criminal aquel desagradecido que esqueza a canal da súa nutrición, da inicial!

 

Lavatorios e todo iso, para seguidamente recibi-las primeiras visitas. ¿Son sinceros nos seus parabéns? ¡É mellor pensar que si, que o son todos/todas! Apunta, nene: ¡Non estás só na vida, pois, ademais de pais e de parentes, tes amigos, amigos que inauguran as túas efemérides, o teu libro de Visitas!

 

¿Os goces dos recén, van a máis? Eu diría que si, salvo nunha cousa: ¡Aos do XXI xa non lles poñen no berce aquelas pelicas das ovellas brancas, tan agarimosas, co ben que cheiraban…, despois de lavadas!

 

¿A cousa do nome? ¡Pois non é unha cuestión menor xa que, para ben ou para mal, co seu agrado ou sen el, non hai outro sambenito que dure toda unha vida como pasa co nome! Na antigüidade atendíase en particular ás características que se apreciaban na criatura, sen desbotar as esperanzas, as expectativas, postas nel/nela. Co cristianismo, a ambición, e coa ambición a esperanza, púxose en buscarlle recomendación ao neno, ¡un padriño/unha madriña, de santidade acreditada, que os guíen desde o Ceo, para o Ceo! No relaxo do XX veu a moda de canonizar en vida aos artistas do cine, por pecadores que fosen, e de aí xurdiu o costume de darlles o seu nome ás crianzas, por difícil que sexa de pronunciar. ¡Un desvalemento importante, pero con solución, pois, con engadir, Fulano/a de Tódolos Santos, a vítima de tales pais xa queda apadriñada, titorada!

 

Xa que vén a conto… ¡O desvalemento por excelencia é o dos fillos de moza, pois, aínda que a sociedade os vaia adoptando, e cheguen a ser felices, sempre coxearán da perna paterna! Agora que se descubriu iso do ADN, é tan difícil lexislar que o pai demostrado quede recoñecido, ipso facto, como tal, a tódolos efectos, incluso aos hereditarios? ¡A por ela, a por esa Lei, que a esixe o sentido común…, se é que algo diso queda neste mundo farisaico!

 

O lector apenas atopará nos meus “rollos” referencias subxectivas, expresas, aos meus inimigos, pero hai, houbo, un caso que, como tódolos similares, clama ao Ceo. (Inimigos de cada quen non son só aqueles que o foden directa e persoalmente, senón, e tamén, os que lle traen, ou trouxeron, problemas evidentes derivados de ofensas ou de danos infrinxidos aos seus parentes máis directos). Xa que logo, e facendo unha excepción, analizarei un caso, movido pola compaixón que sempre me mereceron os fillos de moza, tamén chamados “bravos” na miña terra, aínda que o de “bravo” máis ben lle corresponde ao macho que os xerou:

 

Criáranse porta con porta nunha aldeíña, a comezos do XX. Os nenos medraron, a rapaza fíxose atractiva, e o abázcaro da casa de enfronte, fiel aos seus instintos, fecundouna! “¡Tes que casar con ela!”, dixéronlle, aconselláronlle, pedíronlle, uns e outros, pero o abázcaro, ¡que aquel non morreu despois da fecundación como adoita pasarlles aos das colmeas!, dixo que nones; dixo exactamente, que así o lembraban aqueles conselleiros: “Se foi fácil comigo, tamén o pode ser con outro, sexa ou non coñecido!”. Coa nai do seu fillo, coa veciña crédula, del namorada, non casou, pero si o fixo, tempo adiante, con unha descoñecida, que lla plantou, diante, e por días de vida, á desbotada!

 

Aquela nai solteira, traizoada nos seus amores iniciais, veciñais, únicos, tivo o consolo de seu irmán, do morgado, meu avó por máis datos, que lle cedeu a metade da casa natal, coa metade das fincas, “… para que podas vivir con dignidade, ti e mailo teu fillo, pois, a falta de proxenitor recoñecido, terá en min, no seu tío, un segundo pai!”. Así foi, e así se cumpriu, coa transcendencia de que, por culpa directa daqueles “carotas” de enfronte, por chamarlles só así, ao suave, de ser unha casa forte pasou a ser débil, dividida, menos competitiva no mundo rural, e tódolos etcéteras do caso. ¡Iso si, eu, polo menos eu, levanteille un monumento mental a meu avó, pola súa nobreza de facer de pai daquel neno sen pai! ¿O neno foi feliz? En canto sei, si, relativamente feliz, pero dun neno sen pai non se pode crer que o sexa ao cento por cen. ¡Malditos sexan os pais que non saben, ou non queren ser, tales!

-.-

 

O primeiro dos carnés para conducir selas de rodas non se lles dá aos nenos, senón aos pais; é un carné tan especial que lles permite: ¡ao chofer, conducir pola beirarrúa; e ao neno, mirar cara arriba, cara ao ceo, aínda que chova, plásticos en medio, que semellante privilexio, nin os que viaxan en convertibles! ¿Qué opinaría o neno/a nena, se lles fose dado falar da súa primeira viaxe en “carro”? Seguro que dirían: ¡Menos mal que desde París me trouxeron noutros medios, pois este transporte, con paradas constantes para ensinarme aos amigos e aos veciños, resulta lentísimo, aínda que non aburrido!

 

Máis cerca de Belén están os nados na aldea, aínda que aldeas-aldeas xa non queden, e logo que as vacas, con portal ou sen el, tamén se ven na tele, tanto ou máis que nos prados! A propósito da tele: De momento son nefastas para o cativo pois os adultos, algún, adoitan prestarlle máis atención á pantalla que ao berce, así que ao recén, se quere chama-la atención, non lle queda outra que enfadarse, ou facer que se enfada.

 

Despois vaise afacendo, ¡que remedio lle queda!, pero naqueles primeiros días “de paseo”, cántas pestes lles botarán aos cheiros da motorización urbana! Con iso, por culpa diso, as súas narices achatadas vanse contraendo, afiando, póñense de punta, e os oídos, tamén; ¡todo por culpa desas toxinas da rúa! ¡Ah, pero cando os devolven á casa, e os pasan súas nais ás intimidades pectorais, ao ambiente pectoral, daquela un pracer de deuses, que nin Amaltea! ¿Ninguén se fixou en que os pobos salvaxes conservan as nafres infantís…, salvo que lles colguen “pins”?

 

O día da culler. Xa coñecera grandes, transcendentais, acontecementos, que os seus maiores viñan cualificando con “adiantos”, pero aquel día da culler… Oíralles dicir que a roda foi o gran invento, o meirande dos avances daquel homo sapiens das cavernas, pero nada dixeran do peor dos seus inventos: ¡a culler, aquel artefacto frío, metálico, co que profanaron uns beizos acostumados á calor e á dozura da mamila materna! Por se fose pouco, aquel xarope pegañoso e repugnante na culler, que seica era vital, por medicamentoso. Tempo adiante, o neno, e coma aquel, todos, non só acollerían con agrado a culler, senón que ampliarían o seu uso á culler raxada, raxada en pugas, tamén chamada garfo; pero un día que o levaron ao campo, de “picnic”, o xa rapaciño viu como manaba auga dunha rocha; ¡dunha rocha, e non dunha billa! Daquela, por un atavismo que conservaba aló dentro, moi dentro, xuntou as mans, imitando as culleres, ou os vasos, ou…, cousas desas, e bebeu directamente daquel líquido natural, con idéntica fruición, tal e como facía antano coa tetiña de súa nai! ¡Aquilo si que foi gozar, aquilo foi volver ao colo materno, ao paraíso terreal!

-.-

 

Da tradición, do rito, de acollerse á Misa, da presentación no Templo, pasouse á presentación na rúa:

 

-¿A quén se parece?

 

-¿A quén se vai parecer, aos que o fixeron!

 

Con tantos adulterios como Deus permite, os adultos están intrigadísimos nisto dos parecidos; e o neno sumido en dúbidas. Tiña que ser obrigatorio mostrarlle o ADN dos pais para que se críe sen esas dúbidas que lle poden enturbar a vida; ¡e menos mal se o natalicio non é seguido dun divorcio, pois, neses casos, as criaturas, de poder facelo, seguro que optaban por volver ao ovo, ao óvulo!

 

Na primeira das tendas visitadas, o neno apunta no seu caderno mental:

 

-Con isto da división do traballo, quén traballa para quén? Os meus quéixanse do prezo, e o vendedor/a mente coma Xudas afirmando que o valor é o mesmo, pero a etiqueta está rebaixada nun cento un por cen!

 

Con isto oído, matina:

 

-Eu, de grande, quero ser intermediario.

 

Así atopa, descubre, o rapaz, a súa vocación profesional primixenia. ¡Unha efeméride notable, outra!

 

Despois da tenda, á terraza dun café:

 

-¿Mamá, por qué na terraza, por qué non entramos, que estaríamos mellor dentro, máis abeirados?

 

-Si, filliño, pero non, pois dentro non podo fumar, non me deixan; e tamén ocorre que aquí fóra podo ensinar as canelas…, facendo promoción, por previsión, por se teu pai decide destituírme, substituírme!

 

Daquela o neno, se tivese lido a Biblia, pensaría para si:

 

-Aquilo dos mercadores do templo segue de actualidade, pois miña nai, asomando as canelas, insinuando a súa mercadoría, está chamando polos compradores de ofertas!

 

Estes temores, os anteditos, poucas veces se compren, grazas a Deus, pero mellor sería que non ocorresen nunca, nunca!

 

Á noitiña adoitan estar de visita, na casa, os avós, agardando para ve-lo neno:

 

-Pero, muller, agora de noite, que xa veñen frías, ¡as noites!, e ti pola rúa, con este anxo, expoñéndoo á friaxe!

 

-Píntalle ben, que así afáise a ruar…, para cando saia de botellón!

 

-Pero, muller, se aínda está de biberón!

 

-El si, pero eu, non, e encima de que o parín, vou se-la súa escrava por días de vida…?

 

Os avós calan, sempre o fan; ¿qué outra lles queda se esa categoría só ten un código de deberes, pois os dereitos son paternais, e cadora máis! ¿Cadora máis, ou menos? ¡Mellor será non discutir, e bica-lo neno, encomendándollo a Deus, que é o único capaz de endereza-lo mundo, se o ten a ben!

 

De noite, o neno/a nena, adoitan mexarse por si, e non precisamente de risa:

 

-¿Xa o volviches a facer, picarón/picaroa? ¡Vou ter que coserche a billa!

 

 O neno/a nena:

 

-Se eu teño incontinencia nos ouriños, ti tela na lingua, que me recriminas isto de obrar con naturalidade…, cando de naturalidade, no meu entorno, pouca, que ata usades preservativos en lugar de continencias!

 

¡Vivir, criarse, é unha gozada, aínda que só sexa polo divertidas que son as contradicións deste mundo!

-.-

 

No decorrer dos días da súa crianza poucas cousas o fan máis feliz que iso de colaborar na montaxe, na colocación das figuras do Nadal. Aínda que viva cen anos, é imposible que se lle esquezan aquelas figuras, aquelas luces, aquela bendición da mesa. Que alén das ventás chovese ou nevase, iso tíñao sen coidado; o que lle importa, o que lle importou, foi o goce dunha familia ben avida. ¿Pensarán eses matrimonios que gozan coas liortas, que mentres eles se divirten desa maneira diabólica os seus rapaces arden nas penas do inferno, do inferno familiar? Por mal que se entendan, qué menos que unha tregua polo Nadal! Mentres eles rifan, os nenos non gozan, e por conseguinte, non viven!

 

O dobre xogo de poñerlles Nadal e Reis desoriéntaos; un pouco, non, un moito. Porén, aínda que sexamos republicanos, adoremos a eses “majos”, sequera sexa para agradecerlles aquel ouro, aquel incenso e aquela mirra que levaron tan xenerosa e oportunamente ao Portal de Belén. Ben se decatou diso aquel almirante, aquel lacaio da pesca salmoeira, cando o seu admirado Hermenexildo lle mandou pasearse co Canarias e demais acompañantes pola rada de Agadir, en Reis do ano 1958, para facerlles aos nativos unha ameaza, un simulacro de bombardeo: ¿Y ese Caudillo será capaz de ordenarme disparar sobre los camellos…!

 

Os camelos sempre veñen, sexa de Oriente ou de Occidente, deixen ou non. Refírome aos cuadrúpedes, a eses ruminantes artiodáctilos, tan pacíficos e tan austeros, pero ao neno convenlle saber que, con igual nome pero distinta catadura, hai outros tipos: as persoas camelantes, aparentemente sinceras e afables; e logo están os fungos do narcotráfico, que reciben igual nome e iso que non teñen xiba; ¡a xiba, a corcova, a chepa, téñena, póñenllela, aos seus caravaneiros, tal e tanto que en lugar de facerse homes tórnanse insectos! ¿Qué é un toxicómano? ¡Un morto en vida! Daquela, como viven mortos, meus pobres, non viven, non gozan, pois o que dan por goce é simplemente unha antesala do inferno!

-.-

 

 


 

O neno, (Pedro Paulo, en Ifni), parece dicirlle:

Tranquila, baila comigo confiada, que estou armado...,

para defenderte!

Pero ela:

¡Non sei se fiarme de ti!

 

Isto na infancia, pero logo chegará a mocidade, e daquela cómpre compra-la lupa para auto examinarse, e de paso examinalo/a, pois gran parte das desavinzas futuras son evitables cando se vai ao matrimonio con un coñecemento recíproco, profundo; de efectuado este, as sorpresas serán mínimas, e para iso, en nimiedades.

 

Para cando o neno/a nena comezan a relacionarse xa foron vacinados de dez enfermidades, ou máis; das corpóreas, se entende, pero, das mentais…? ¡Pois logo lles chegará a idade dos contaxios, da malas compañías! Daquela hai que ensinarlles, hai que inicialos na arte, ¡que tamén é arte, ademais de ciencia!, de coñece-la xente, que non é o mesmo que coñecer xente! Porén, á vez, asemade, hai que axudarlles a mirar cara a dentro, alén do espello: qué tendencias ou propensións asoman, qué instintos lles afloran, qué trucos son máis efectivos para que se lles desenrole iso do autocontrol…! ¡Nesta vida todo é aprendible, e por ende, ensinable!

 

Concretamente no que se refire á conduta agresiva na infancia, un dos seus problemas, en relación cos hábitos de crianza seguidos polos pais: rexeitamentos, falta de apoio e de afecto, uso de castigos para controlarlles a conduta, supervisión permanente, comunicación, etcétera, non estaría de máis que estes pais do XXI, ¡que aínda están a tempo disto!, sen menoscabo, por suposto, das súas revistas sociais e deportivas, lesen tamén aos nosos psicólogos e pedagogos, que temos moitos e bos, aínda que, en xeral, son pouco lidos, entre outros non menores, Roa, Del Barrio, Tur, Mestre, etcétera, que ben se molestaron en explicar que un estilo educativo excesivamente autoritario, ou polo contrario, excesivamente permisivo, favorecen a aparición de condutas agresivas nos rapaces, este mal endémico, tan de actualidade. ¡Que eu lembre, só unha vez se me escapou un sopapo, máis polos meus nervios que polos seus defectos, e iso non se me esqueceu, nunca; ben arrepentido que estou, confeso!

 

¡Que doados de facer son os nenos, -repito- e que difíciles de criar, de ben criar e de ben educar! Sempre direi que aqueles que non estean dispostos a afanarse coa prole, a darlles, con paciencia, o mellor dos seus saberes e dos seus faceres, que fagan votos de castidade; ¡que os fagan, e que os cumpran! Ao matrimonio hai que levar sabido, entre gaña-los cartos suficientes para unha convivencia digna, ¡saber gañalos e saber administralos, ámbolos dous, ámbalas dúas cousas!, ter unha idea , polo menos conciencia diso, de que esa prole que lles espera requirirá un alto nivel de apoio, e unha flexibilidade que lles inspire confianza aos educandos. Se queren deformar aos fillos en lugar de formalos, as receitas son do máis doado: violencias familiares, alcohol, tabaco e demais drogas depresións, desavinzas, divorcios, monoparentalidade, etcétera. Camiños para escoller, sobran; o que non sobra é o sentidiño da orientación para saber escoller; como se di agora, ¡a folla da ruta!

-.-

 

 

Os rañaceos. Esta pretensión materialista vennos de lonxe, polo menos desde aquela torre babélica: Arriba, sempre arriba, usando, e tamén abusando, das leis físicas. Xa de nenos compracémonos en achegarnos ás paredes, de cando en vez, para comprobar o desenrolo, a evolución, da nosa osamenta, que nas rapazas impleméntase con eses tacóns rañaceos, desequilibradores da columna, envexosas da estatura, física, dos seus complementarios. ¡Iso, da física!

 

Pero temos outro tipo de construción, de máis entidade, que é a construción moral. O neno traballa nela simplemente asimilando o seu entorno: Se é positivo, os seus  materiais, a súa construción, tamén o será; ¡indefectiblemente!

 

¡Deus, qué pracer nese intre do exame de conciencia que precede, ou debe preceder, á somnolencia, cando repasamos as magnitudes do noso proceder cotián! ¿Qué fixemos; en qué circunstancias o fixemos? Se fomos a mellor, aínda que non o fagamos é para dar un salto na cama: ¡upa, que imos ben, ascendín desde onte! De haber algo defectuoso no noso proceder, tamén é satisfactorio recoñecelo, pois, sen recoñecer as faltas, mal se pode rectificar, mellorar. Hai ocasións, supostos, nos que ata é satisfactorio un pequeno tropezo, porque nos servirá, pode servirnos, para mellorar de técnica, para levantarnos ao día seguinte coa decisión de amañar canto teña amaño, con novos bríos, con decisión reforzada. Nos dous casos é, debe ser, motivo para darlle as grazas ao noso anxo: se foi que caemos, tamén, pois as advertencias sempre son de agradecer!

 

Nas competicións deportivas, súase; pero nas individuais máis aínda: ¡súase por dentro! ¡Pero é tan grato ganarnos a nosoutros mesmos, comprobar que imos ben, que subimos, que melloramos na nosa forma de ser! En todo caso estes praceres debémosllelos á vida, que nos permite vivila en constante afán de superación, de auto superación, que é o súmmum dos praceres íntimos!

-.-

 

¿Somos trinitarios? Aínda que noutro plano, noutra magnitude, e salvadas, por suposto, as infinitas distancias, algo si, algo diso temos: corpo, alma, e…, conciencia! ¿Témola todos, iso, a conciencia? ¡Pois óese dicir de algún desalmado que non, que non teñen conciencia! En vista diso, analicemos:

 

Corpo é ese cacho de materia que tende ao repouso, á preguiza, e non obstante, por contraditorio que pareza, está dominado pola inercia: cánsase cando fai o ben, e séntese estimulado cando fai o mal. Tal parece que non pode coa alma, que se cansa de obedecela, de acatala, de servila.

 

A alma, que a temos albergada no corpo, recuperará aquelas potencias do Paraíso cando se vexa liberada, cando o corpo se canse de sostela. De momento, e tamén resulta enigmático, é, está, escrava do corpo. ¿Manda o corpo na alma? ¡De momento, todo parece indicar que si, que non lle queda outra escapatoria: está sendo mangoneada pola materia!

 

Pero hai, temos, outro elemento, que vén a ser un lazo, unha atume: do corpo, para coa alma; e da alma para o corpo. ¿Asunto complexo, non si? Complexo, pero certo, que aí está, e aínda que se diga “ese Tal non a ten”, ¡témola todos; todos, pero non todos a teñen, ou a temos, educada!

 

¿Educar a conciencia? ¡É algo parecido a unha árbore: Se lle poñemos esteos, medrará dereita; mais, se a pisamos, se a deitamos, se a forzamos, se tiramos dela para o chan, ¡pobriña!, vaille ser difícil o enderezo, acabará sendo rastreira, o que se di unha repanda!

 

Unha conciencia educada, formada, asesoraranos, ben asesorados, ao longo da vida; ¡non teremos mellor amigo! Daquela, ¿cómo se educa, cómo se forma? ¡Meu neno, como todo o demais: desde a infancia! ¿Mestres? ¡Bos pais, bos libros, bos amigos, películas decentes…; e tamén as nosas orellas, e coas orellas os ollos, orientando os sentidos corporais na dirección correcta, na do amor ao próximo, que é nada menos que un Mandamento dos de Deus, así que, con esa procedencia, non pode ser cousa mala!

 

Nesta relación, nesta comunicación, o de salvar a alma, o de purificala, o de conducila na dirección correcta, aínda que diso non nos decatemos, ou pouco, depende rotundamente da dirección que lle deamos, que lle imprimamos, á nosa conciencia: As mans son do corpo, pero o volante do noso vehículo é, chamámoslle, conciencia! ¿Verdade que é un pracer conducir calquera tipo de vehículo, desde a bici ao avión? ¡Pois non che digo nada conducir a nosa alma, en liña recta, ou coas menos curvas posibles, desde a terra ao Ceo, que é o traxecto que nos encomendou, fai disto XX séculos, o noso Redentor! ¡Xa veredes cómo nos aplauden os anxos, e cos anxos a nosa xente, os nosos amigos, os nosos parentes, cando nos vexan chegar, vitoriosos, á final do traxecto, do noso traxecto vital! ¡Iso vai ser gloria pura, inmarcescible!

-.-

 

De alzados, afianzarnos.

 


 

O problema de afianzar a personalidade. Din uns cantos científicos que se herda o temperamento, séxanse, certos aspectos biolóxicos do carácter, factores xenéticos que colaboran nas conductas sociais dos individuos, pero, observando unhas cantas irmandades, logo hai que pensar que seus pais tiñan un almacén deles, e que os foron repartindo, distintos en cada semente. ¿Ou será cousa de facernos o ADN?

 

Esgazando estas dúas verbas, carácter de temperamento, entendemos por carácter o conxunto de aspectos psicolóxicos que se moldean, ¡que se moldean!, coa educación, co traballo da vontade, amén de certos hábitos que permiten, ou posibilitan, certas reaccións do individuo fronte, nas, súas experiencias. Esgazar esgazámolas, pero o certo é que o carácter está casado co temperamento e actúan en consecuencia, sempre, ou case sempre.

 

Ao carácter, aínda que complexo e con interaccións, poden atribuírselle tres compoñentes básicos: a emotividade, que é a repercusión emocional do individuo fronte aos sucesos que lle afecten; a actividade, que sería a inclinación que teñamos para responder ante cada tipo de estímulos; e quédanos a resonancia, o eco ou resposta que presentemos ante esa diversidade de sucesos.

 

Tipos de caracteres. Se fose unción miña esta clasificación, diría, escribiría, que, ¡tantos como persoas! Pero ateñámonos aos clásicos:

 

Apáticos. ¡Deus, o que abundan, lamentablemente! Deron en chamarlles “pasotas” verba maldita, pero que está ben dita. Predícase daqueles que viven ao caracol, encerrados en si mesmos; melancólicos, testáns y un tanto preguiceiros. Gustan da rutina e compórtanse con indiferenza, non innovando nin no que lles convén.

 

Nerviosos, cataventos. Tan pronto se interesan polas novidades como as aborrecen. Pouca orde e pouca disciplina. De vontade adoitan ser débiles, pero sociables e afectuosos socialmente.

 

Os sentimentais. Moi sensibles, e un tanto pesimistas. Gustan da soidade, e desmoralízanse, apéanse, con facilidade. Eses abatementos lévanos ao rancor, á inseguridade, á indecisión. Gústanlles as novidades en xeral, pero cústalles apreixalas.

 

¿Coléricos? ¡Logo había que chamarlles latinos! Son traballadores, ¡cando lles peta! Ousados e gustan se seguir improvisacións, levados dos seus impulsos. Aparentemente extravertidos, pero como se tensionan facilmente, foxen do lobo antes de velo.

 

Os apaixonados, que se definen por ser uns empollóns, con imaxinación e capacidade de traballo. Interésalles aprender, e son metódicos nas tarefas.

 

Outra categoría, ou clase, pode ser a dos caracteres amorfos: preguizosos, pouco orixinais e pouco previsores, impuntuais, e cousas así.

 

¡Ai, Deus, que complicados somos, e cantos nos custa domarnos, acadarmarnos, domarnos a nós mesmos!

 

Agora púxose de moda someterse aos test previos, tanto para estudos como para optar a postos de traballo, que se non son dogma tómanse por tales. Din que serven para ditaminar as nosas actitudes, xunto coas aptitudes, para prever e determinar cómo actuará a persoa ante situacións académicas, e tamén no laboral. Tódolos inventos teñen algo de conto, pero nisto dos test aproxímanse bastante á personalidade de cada quen, aínda que tamén sexa de consignar que a nosa evolución, en cuestión de días ou de meses, por efectos de novas circunstancias, cambiamos de carácter, fundimos e afundimos personalidades que se daban por definitivas. Cambiar, cando é para ben, para mellorar, é de persoas, de persoas formadas, pois a formación consiste niso, precisamente niso, en ir a mellor, en atoparnos a nós mesmos, en descubrirnos diante do propio espello!

 

Tamén podemos considerar dous tipos xenéricos, dúas características que van connosco, que nos acompañan sempre por moito que limemos: a introversión, iso de mirarnos o embigo; e a extroversión, que consiste en ollar ao lonxe, con máis permeabilidade ao mundo exterior; máis sociais, interesados polo que ocorre alén do noso embigo. 

 

Influencias do ambiente na personalidade. Están sendo moi estudadas ultimamente; púxose de moda, pero eu quédome coas apreciacións de Viviana Lemos, que explica moi ben como os factores socioculturais inciden na personalidade. Un dos principais compoñentes do seu estudio consiste en analizar como a pobreza (nunca tanta pobreza tivemos, e cada día peor, porque, ao haber, e coñecer, moitos ricos, os outros recoñecémonos como pobres, apreciación que non se tiña noutros tempos de coñecemento limitado e de adaptación ao medio), como a pobreza, di ela, inflúe negativamente na personalidade dos cativos. Ao non ter acceso á educación, á comida, e outros recursos básicos, os nenos pobres son vulnerables a ter unha personalidade negativa. Por medio de estatísticas e de cuestionarios realizados, o estudio mostra a realidade e cómo é a personalidade dos nenos que viven en países pobres, pobres en comparación con outros que non son tanto, pois o que é ricos – ricos hai poucos, e en poucos lugares. Hoxe en día o que ten rendas non se libra de traballar, de administrar, de defendelas, así que, en definitiva, non deixa de ser un traballador, un máis.

 

En definitiva, que hai que fixarse nos comportamentos, e copiar dos mellores, que por esta copia non suspenden a ninguén, antes ao contrario! Non esquezamos que o home vén do barro, así que admite modelación, modelado e moderado!

-.-

 

Decisión, afouteza, si; temeridades, non, nunca! As temeridades non son para gozalas, senón para sufrilas. Máis é, que as nosas temeridades adoitan converterse en traxedias, ou polo menos en molestias para o próximo que trate de sacarnos delas.

 

 


Alén da prudencia non hai goce: ¡hai bágoas! Por desgraza, vémolo a cotío, que para iso sobran os mass media, que chega con observar á xente do noso entorno, cómo viven, e cómo abusan do seu vivir!

 

¡Que fácil, e qué frecuente, esquecerse de que a nosa vida non é propia: administrámola con poderes absolutos, iso si, pero, ante todo, por delegación do Creador; secundariamente en comandita co noso próximo, e incluso co non tan próximo, pois hai consecuencias que afectan a medio mundo, a quen menos se espera que alcancen! ¡Cánta xente se leva posto en perigo por culpa nosa; cántos levan sufrido, moito ou pouco, pero algo si, por decisións que tivemos como propias, como persoais! Pouco hai que sexa absolutamente persoal nesta conexión, nesta inter relación humana, convivencial.

 

¡Do meu corpo fago o que me dá a gana; e no demais, tamén! Amodo rapaz / rapaza, pois os teus actos son radiactivos, emiten radiacións, repercusións, consecuencias dun alcance non sempre coñecido, non sempre controlado, pero reais! As accións boas, bos efectos causan; ¡ah, pero, as malas? ¡As malas adoitan ter efectos aínda máis efectivos, no tempo, pero tamén no espazo. Aquel dito, aquel feito, aquela decisión do ser máis insignificante, qué lonxe poden chegar! ¡Si, si; parádevos a meditalo, que non esaxero; nada, en absoluto; simplemente, reflexiono; e miro, ollo ao meu redor!

 

Isto que digo é para asusta-lo neno? ¡Non, en absoluto: trátase dunha vacina para a peor das enfermidades: a de crernos deuses, e por tanto, infalibles e inviolables! Non hai goce lícito se comporta sufrimento alleo; ¡en absoluto; non; nunca!

-.-

 

 


 

Andrés, con seus avós.

 

 


Andrés, cando comezou a ir ao colexio

dos Dominicos.

 


Que a vida é unha gozada, un sacramento, sempre que nos deixen vivila en paz, non ofrece a menor dúbida, que por algo non queremos perdela, de afeitos que estamos a vivir! Toda un puro exame: examináronnos os pais, os parentes, os veciños, os médicos, os profesores, o próximo, os amigos, os inimigos…, e vainos dar medo o Exame Final? ¡Por se acaso non deixemos de portarnos algo mellor, que sempre será preferible, e non que nos deixen para Setembro, vulgo Purgatorio!

 

Xosé María Gómez Vilabella

-.-

 

¿Cómo evoluciona un neno; por exemplo, Andrés?

 

 


 

 

Curso 2011-2012

 

-oOo-

 


No hay comentarios: