miércoles, 6 de junio de 2012

AS VERBAS -III-

.../...

-O-

¡Ollo!


“Ojo al parche!”, que xa o dicía Millán
cando se lle rifaban os rifeños,
fartos da nosa protección,
fartos de norteños.
¿Así que primeiro botádesnos de Covadonga,
e agora levádesnos á loita
para morrer en Guitiriz
dun balazo certeiro?
¡Alí tedes un balneario ao voso dispor…!
¡Xa; e no Ceo as hurís, non si?
¡Iso!,
lles dixo Astray,
así que tede presente, amigos bérberes,
que vale máis morrer de pe que vivir de xeonllos!
¡Por iso o adoraban,
por iso,
e pola paga, tamén, que era bastante boa...,
para aqueles tempos!
-.-

-P-

Panem et circenses (de Juvenal);
pan e touros (antes da guerra civil);
pan e fútbol (na ditadura);
periódicos, radio, tele…, ¡listas pechadas!,
(na ditablanda)
¿Cambiou a xente?
¡Non; foron as técnicas,
o marketing!
“Los tiempos avanzan que es una barbaridad…”,
exclamou don Tomás Bretón
 (¡eu, non!),
pero sen dá-la cara, que o fixo por boca
de Don Hilarión,
na súa
Verbena de la Paloma.
Algo parecido sentiu
Don Gaspar Melchor de Jove y Llanos
cando saíu da escuridade e da tranquilidade
 daquel soto
do castelo mallorquino,
de Bellver,
¡para os que estaban fóra!
“La velocidad de las carrozas impide
apreciar el paisaje”.
Hoxe diríamos:
¡Somos tan “carrozas” que nin nos decatamos
de que nos están levando ao barranco!
-.-

Penas, penalidades…

Se son evitables, espelirse, prever, vacinarse a tempo…
En canto ás outras, ás inevitables,
deixalas pasar con vento fresco,
e mellor aínda se lles tocamos
 pasacalles!
-.-

Perdoar

¡Deus, que verba,
que significado máis terrible,
que se me porían os pelos de punta,
se aínda os conservase,
con só pronunciala!
Pero o caso é
que resulta inevitable,
pois así foi o trato:
et dimítte nobis débita nostra,
sicut et nos dimíttimus
debitóribus nostris!

Xa aqueles romanos,
co ladróns que eran,
recomendaban:
Pacta sunt servanda!
Daquela,
¿que nos queda?
¡Se nos estorba a contrición
fagámolo,
si,
sempre,
aínda que sexa por atrición.
¡Amén!
-.-

Políticos

Os políticos de hoxe en día
son un problema.
¿Deles, ou noso?
Bilateral,
pois,
de tan aborrecibles que se volveron,
de tanto que proliferaron,
os españois,
que por algo vimos do agro,
pois as fábricas son de onte,
de onte mesmo,
demos en botarlles herbicida,
co cal envelenamos os nosos campos,
¡os nosos, os propios!,
sendo de temer
que,
co xoio,
morran, de consuno,
os trigais!

¿Remedio?
¡Como unha parte deles son adúlteros,
daquela
crear escolas de adultos,
reformatorios,
reformas e contrarreformas,
ou metelos nun crisol...,
para que saían acrisolados!

¿Quen lles atizará, quen os educará?
¡Que o fagan os periodistas,
pois,
de Larra para acá,
pasáronse a vida dicindo que,
¡mañá!,
e levan séculos sen delatalos,
sen educalos.
¡Eles son os culpables,
os principais,
da dexeneración desta nación,
por meterse a oradores antes de aprender
a falar,
a falar con claridade!
Daquela,
onde fallaron os periodistas
tiveron que vir eses xuristas,
desertores do arado,
así que,
non están afeitos a sulfatar!

¿Será cousa de volver aos refráns?
De momento, aí van, dous,
esquecidos:
¡Cría corvos e sacaranche os ollos!
¡Cabritos hoxe, mañá cabróns!
-.-

Psiquiatría

Hoxe en día,
nesta España cosmopolita
dos nosos pecados,
non hai carreira de máis porvir
cá Psiquiatría.
¿Clientes?
¡A miles!
Clientes, si, pero, pacientes,
non,
que aí, precisamente aí,
é onde está a nosa enfermidade:
¡na impaciencia!
O século XX meteunos as présas no corpo,
ensinounos a voar,
lanzounos ao espazo sideral,
global,
a imitación dos foguetes!
¡Iso,
de homes a foguetes!
¡Puxéronnos en órbita e así nos vai!
En tempos da miña crianza,
o home,
e máis aínda a muller,
onde nacíamos, criabámonos,
e o mundo era o que xiraba,
¡o mundo!
Mentres xiraba a terra,
o globo,
nós permanecíamos na nosa
quietude.
Certo é que había emigración,
¡que a houbo desde os tempos de Abraham!,
e mili, tamén,
pero,
 salvo no paso lixeiro dos campamentos,
o resto ía shuai-shuai, de lui-même,
amodiño,
barcos incluídos.

¿Hoxe en día?
Hoxe, nada máis nacer,
póñenlles un televisor diante dos ollos…,
para que se incorporen aos dous movementos,
ás dúas convulsións terráqueas:
Rotación e translación.
¡Só faltaba isto,
que nos aceleren os protóns
do reactor cerebral!
¿Cando será o día, cando chegará o tempo
de que os Psiquiatras se metan a Curas,
e suban ao púlpito
para recomendar vacinas antiloucura,
comezando por pedirlles a estes pais
do XXI
que,
ao acender os televisores,
aproveiten para ilustrar ás criaturas,
para advertirlles
que,
se os deixan ver esa morea
de
crimes, mentiras, infidelidades, traizóns…,
é,
precisamente, unicamente,
para que aprendan a distinguir o ben do mal,
para que se decaten das loucuras
desta modernidade,
e con iso aprendan a navegar
no medio da tempestade,
sen mollarse e sen contaminarse!
¡Amén!
-.-

-Q-

A min o único Que me gusta
é
o de querer;
así que me dá grima amar cando non me queren,
cando me odian,
cando se rin de min nas propias nafres,
pero estou pecando,
¡ben o sei!,
pois o Mestre escolounos na resignación,
na arte de querer,
de amar aos inimigos, aínda que nos crucifiquen!
¡Xa, pero é tan difícil de cumprir...,
que o deixamos para despois de morrer!
-.-

-R-

Retorcidos

Retortos son os tortos,
en pretérito,
séxase,
despois de retorcidos...,
por se non o fosen abondo
de nacemento.
¿Quen os retorce?
Ante todo, eles mesmos,
pois ese tales gozan co zume
agre
da propia maldade.
Despois diso tratan de aplicarse
na escola mundanal,
que é de onde saen, onde se dan,
eses másters da maldade.
¿Daquela,
é tan difícil ser malvado,
retorcer a alma coma se fose un trapo,
para secala?
¡Exactamente iso,
para secala,
que por algo a  retorcen os malvados,
ata deixala correúda coma unha gamba!
-.-

Roubei, roubaches…?

¿Queda alguén, algún adulto,
que non teña roubado,
pouco ou moito?
Aquel exame no que copiei
pasándolle diante ao veciño/á veciña
do mesmo pupitre.
Aquela recomendación
coa que logrei o título de,
quítate ti para poñerme eu…,
aínda que son máis baixo/máis baixa cá ti.
O rapaz/a rapaza, á moza/ao mozo,
aquel/aquela que tanto me interesaba,
e que despois o deixei/a deixei
por unha nova toleada.
Aqueles afeites, aqueles vestidos, aquel luxo,
impropio ou inmerecido
cos que pasei por guapo/por guapa,
por elegante,
por personaxe distinguido,
aínda que aló por dentro
seguía sendo un pailán/unha pailana
de feos andares.

Neste exame,
calquera, e non só eu,
poderíamos chegar a infinito,
se infinita fose a nosa existencia,
que,
grazas a Deus, non o é!

-.-

-S-


¡Ser, ou non ser, que esa é a cuestión!
¡Que si, meus Hamlet e Shakespeare,
pero…,
neste mundo non hai nada que non teña os seus
peros!
Deus fíxoo perfecto, pero…,
aqueles pais…,
¿ou eran padrastos?,
pois a tal momento
dubídoo,
fose cousa deles, ou tentación de Lucifer,
o caso foi que,
por imitar ao Príncipe da Luz,
quedaron a escuras, que nin velas había,
daquela!
Do ser permanente pasouse,
tivemos que pasar,
ao estar,
que,
como o seu nome indica,
é pasaxeiro!
Daquela,
como tales pasaxeiros
 o que compre
é
estar, vivir, coas maletas feitas,
cos deberes cumpridos,
que o ataúde xa o porán os herdeiros…,
pola conta que lles ten!
-.-


Stella, cos seus avós.

A nana de STELLA

Duerme,
sueña,
linda
nena.
¡Duerme ya!


Preciosa,
cariño;
apaga
 tu brillo.
¡Ya!

Duerme,
vida,
prenda
mía.
¡Duerme ya!

Encanto,
lucero;
vuélvete
al Cielo.
¡Ya!
-.-

Sartegos


Abandonado na estrada de Piñeiro (Corgo)
¿Estorbáballes, acaso, xunto da igrexa?

¡Que ben dixo, que ben o sabía,
aquel que se queixou
do sos que se quedan os mortos!
¿Que dirá de nós,
arestora,
a ánima daquel defunto que foi inquilino,
temporal,
deste sartego
abandonado na estrada de Piñeiro…,
porque lles estorbaba no cemiterio
parroquial!
O Cura
débeo dar por resucitado,
así que pouco lle importa desbotar
o seu sartego
supoñendo que non o precisa
para resucitar!
¡Pero que sos se quedan os mortos…,
desde que os herdamos!

-.-

-T-

¡Para traballadores, nós;
recadadores, eles,
os outros!
¡Ai, Deus, que nos puxeron o mapa do revés!
¿Quen nolo puxo?
¡A saber quen foi, que igual se chamaba Sabela,
aquela castelá,
tía da súa sobriña!
¡Estívonos ben empregado, por Beltrán que si,
que niso non tivemos picardía,
imitando aos portugueses!
-.-

-U-

Universidade
Universus: ¡Todo, e todo enteiro!
¡Ai, logo, estámosche bos,
que precisaremos cen anos para adestrarnos,
e despois
outros cen para colocarnos,
para instalarnos!
Nese caso, que estudie Matusalén!
¿Que é mellor,
saber pouco pero ben sabido,
ou
moito e mal chapado?
Todo fai falta, e todo é pouco, que ben o dixo
José de Letamendi:
“El médico que sólo sabe de medicina,
ni medicina sabe”.
Téñenme aterrorizado as especializacións,
en particular
eses leguleios que só saben defender
preitos propios,
e non os intereses alleos;
logo están/estamos, os que nos damos de
economistas,
que no práctico aínda sabemos menos
có último daqueles labregos,
que ben sabían,
e ben dicían:
“O que non vende na feira, que non compre nela”
Séxase:
Exportación > Importación
-.-

-V-

Vagalumes


Cousa pequerrechiña, pero luminosa,
bioluminiscente,
así que,
alumar na noite, brillar nas tebras,
non é para ser desprezada;
vén a ser coma un vaso de auga
no deserto.
¡Máis ou menos!
Na miña infancia,
cando só vira luz eléctrica
en Lugo cidade,
aquela vez que me levaron ao médico,
¡aqueles ganglios miserentos
da posguerra!,
ben veces teño saído ao horto,
de noite,
para dúas cousas:
Unha, que non debera dicir,
para utilizar as verzas como papel hixiénico;
e a outra,
cando non había luar,
para adorar nas vagalumes,
as femias,
pois os machos pasan desapercibidos,
¡non aluman!
Miñas vagalumes do horto,
bótovos en falta cando vou á aldea,
pois agora,
que teño luz na finca,
fáltame a vosa,
aquelas chispas fluorescentes
da vosa barriguiña,
que tanto quixen, que tanto adorei,
¡coma quen pon unha vela nun altar!
Un día vou apagar os farois,
que demasiados ten a vida,
artificiais,
a ver se logro un reencontro,
por máis que,
ao non ter horto,
e por tanto, verzas,
as esperanzas dun reencontro
preséntanse baldías,
por tardías!
-.-

Ventar


Neve nas “Andoriñas”

¡Ventárona a tempo as andoriñas,
e fóronse, emigraron!
¿A onde?
¡A onde lles cómpre, ao Sur,
en busca do sol!
Nos novos dicionarios esta verba
póñena de cuarta acepción,
co importante que é
ventar,
velas vir,
fuxir a tempo:
da pobreza, da invernía, das crises en xeral!
Non as ventaron aqueles
que redactaron a Constitución,
descoñecedores do país,
pois,
de velas vir, de ventalas,
deixarían as listas abertas,
pois,
para cerradas abonda coas ventás,
desde que chega a nevarada!
-.-

Viacrucis

Meu pai dirixía tres ou catro,
¡de memoria!
Aquilo era facer ben as cousas,
sen distraerse coa lectura!
Sempre dicía que os seus personaxes
eran o Cireneo e maila Verónica,
e que el,
se pertencera ao Colexio Apostólico,
a quen faría apóstolo,
por diante de Matías,
sería á Verónica.

 
Cos seus méritos,
e aínda así,
 o máis que lle fixo o Vaticano
foi,
¡subila a un pedestal!
Eu tiro para adiante,
que a faría…, que a faría…,
patroa do mundo sacerdotal,
patroa das mulleres,
pero despois de elevadas a cardeais!
¡Que menos se lles pode facer,
pois,
 encima de parir Curas,
danlles exemplo de caridade,
que é o máximo!
-.-

¡Vidorra,
que é sinónimo de vida boa!
¿A de quen?
En galego esta verba non existe,
non ten traballo,
pois e é un termo castelán;
por iso os nosos avós ían de fouciño
por Castela adiante,
a segar!
¡Nosoutros vendiámoslles as mulas
a medio criar,
e eles poríanas a traballar
nas súas aradas!
O trigo segabámolo nós, e despois vendíano eles…
¿A quen?
¡A Tella, que o sabía estraperlar cos seus camións,
da E.T.,
que eran do Exército de Terra,
pero,
prestados á Empresa Tella)!
-.-

Vilabella

Con un “b” traído,
Importado da Tarraconense,
polos antepasados de miña nai,
así que,
en honra súa,
co “b” morrerei.
E que non se enfaden os galaicos
do “v”
pois deste país tamén herdei,
nada menos que o “G” de Gómez,
descendente que son
daqueles Gomá suevos.
En definitiva,
alemán e galaico,
que non parece un demérito.
Se non mo toman a soberbia,
entendo que foi un bo cruzamento,
xa que a el me debo!
Gálico é outra cousa,
pero iso só o herdan, só se transmite,
cando se fai o que non se debe,
con quen non se debe,
séxase,
con xente de mal vivir,
coa que non se vai convivir,
en vez de deixala en paz cos seus vicios
para que,
cando se cansen de golfar
se poñan a traballar!
-.-

-X-

¿Xerado, e non creado?

¡Así che foi, meu querido Muhammad,
pero o erro non foi teu
senón daqueles Nestorianos que te desorientaron;
tampouco me estraña, có fácil que é perderse
no deserto,
mais, para iso, de compás, está o Credo...,
se tiveses quen cho ensinase!
¿Que a ignorancia non exime do cumprimento
das Leis?
¡Iso foi cousa dos romanos,
e os teus aínda non chegaran a Bizancio!
Fuches un bo político, pero un mal teólogo.
¿Como ía crear Deus ao seu propio fillo?
¡Xerouno, que é o que fan os pais,
e para máis milagre,
nunha Virxe,
que o seguiu sendo,
e non esas hurís dos teus herdeiros,
esas do Sétimo,
que lles fixeches crer aos teus rapaces
que ese choio
lles ía durar para sempre;
pois ten  coidado,
esten alerta,
que as túas mulleres, as da terra,
¡aínda que as cristiás tamén!,
están descubrindo que o voso machismo
non lles convén,
e daquela…,
¡adeus paraíso, adeus harén!
-.-

Xulgar



Neste mundo non hai función
máis arrepiante
cá de xulgar.
“¡Que el Cielo la juzgue!”,
Leave her to heaven,
foi o título dunha boa película,
con Óscar e todo;
tan boa
que debera darnos materia abundante
e suficiente
para xulgar a dificultade
que entrañan os xulgamentos;
con iso e con todo,
non nos cansamos de xulgar,
¡tanto, que ata xulgamos a Deus,
increpándoo,
pedíndolle explicacións polas permisións
que nos resultan ingratas!
Difícil,
pero non nos cansamos de crucificar,
comezando por Deus e seguindo polo próximo,
¡ou non tan próximo!,
pois,
¿que sabemos dos outros
 cando, de feito,
nin nos coñecemos a nós?
-.-

Xuros


Mirade se entenderei de xuros,
que pasei media vida xurando,
defendendo os xuros daquel Banco
no que procurei cumprir,
e iso que non lle xurara lealdade!
Só lle fallei nunha ocasión,
e non teño receo en explicar
como foi:
Tiñamos una clienta tan peseteira
que moito me facía gozar discutindo con ela…,
porque era un bo exercicio,
unha ximnasia mental;
ata que un mal día
me dixo un subordinado insubordinándose:
-Igual pensa que está facendo unha obra de caridade,
pois voulle dicir o que lles fixo
a meus país,
daquela do estraperlo:
Prestáballes ao dez por cento,
¡mensual!,
e de fianza había que darlle as nosas cartillas
do racionamento,
para que retirase o cupo,
¡ela!,
que o vendía de estraperlo
con tal de que pasase un día,
¡só un!,
do vencemento acordado, mensual.
¡Se non nos matou de fame foi polo que nos valeu o Cura
de San Froilán,
que compartía con nós a caixa das ánimas,
a cambio de que lles rezásemos
un Paternóster cotián!
¿O trato era bo, non si?
Nunca máis quixen recibir á Fulana,
así que retirou os cartos para levarllos a Rumasa,
controlada polo Opus,
ou iso dicían,
que pagaban mellor, máis caritativos,
¡como lles cumpría!,
e logo que lles chamaban
¡impoñentes!
aos pecadores, fosen homes ou mulleres.
Eu,
en cambio,
non souben, nin quixen,
 perdoar,
nin sequera cos méritos que tiña aquela Salomé,
aquela danzante,
que cortaba as cabezas danzando…,
 ao son do estraperlo!
¿Miña pobre, exercerá de estraperlista
no inferno,
tal que retendo as cartillas da auga
bendita?
¡Deus,
por se acaso,
non me mandes ao inferno,
que non quero atoparme con ela,
miña santa querida,
despois de tanto que a defraudei,
que ata lle cortei o trato preferente,
regateándolle os xuros
a unha economista,
tan lista
que se anticipou de século!
De arrepentido que estou,
se fose hoxe,
recollería votos para facela,
dunha Caixa de Aforros,
Presidenta!
-.-

-Y-

Esta letra era dos gregos,
pero eu fun á escola dos romanos:
lei, picardías; picardías, leis…
que de aí non pasei.
¡O de pensar déixollelo aos gregos,
que así lles vai, que así están..,
peor cá nós!
-.- 
 
-Z-

Zánganos

Mirade se serán pillos os zánganos
que,
para que non lles descubrisen
a súa vaguería tradicional,
polo menos en Galicia
cambiaron de sitio no dicionario,
pasándose ao inicial,
rebautizándose
abáboros!
Pero a min non me enganan,
nin coroándose,
que ben me ensinou meu avó,
¡por algo era cuñado daquel Salmerón,
aqueles da Institución!,
que unha cousa é a raíña
e outra os abáboros fecundadores.
¿Das obreiras, que?
¡Os obreiros son doutro sindicato,
que só paran se non teñen traballo!
-.-

Zarras


¿Queda alguén que,
diante das paredes desfeitas,
dunha casa ou dunha zarra,
non se asombre daqueles esforzos,
máis que humanos,
¡sobrehumanos!,
para arrincar, transportar e paredar,
eses quilómetros de paredes
cos que pechaban os predios
aqueles entregos?
Asombra a muralla de Lugo,
feita a lategazos por milleiros de aborixes
escravos daqueles romanos,
e non pasman esas zarras,
eses cerres,
de todas e cada unha das familias labregas?
¡Que miopes somos
para as cousas individuais,
que esas si que son, sempre foron,
grandiosas, hercúleas!
Claro,
co abandono do campo,
maiormente esa invasión dos australianos,
vulgo eucaliptos,
que nin as silvas deixan medrar,
¡máis tiranos cós romanos, aínda máis!,
as paredes,
aburridas da súa soidade,
abátense,
caen, postergadas, no chan!
Fan ben, pois, para que serven,
acaso para cerrar unhas chousas sen dono,
sen agradecemento,
a tal punto que,
moitas,
nin rexistradas están,
que é o colmo do abandono!
Se algún día volven á súa reconquista…;
á sarracena, non, á australiana,
¿quen será capaz de atopar aquela leira,
aquelas paredes
construídas por seus avós?
¡Auguro unha nova desamortización,
outra…,
de “mans mortas”,
pero atéñanse ao Código:
Artigo 362:
“El que edifica, planta o siembra, de mala fe,
en terreno ajeno,
pierde lo edificado, plantado o sembrado
sin derecho a indemnización”!
¡Amén!
-.-

¡Zume,
era o que eu quixese que tivesen,
que manasen,
as miñas verbas, os meus escritos,
para deixar tras de min un regueiro
de pensamentos óptimos,
copiables!
Teño fillos, pero…,
¿dinlles un bo exemplo,
dinlles, en todo,
o mellor que tiña e podía?
Plantei árbores, pero…,
¿molesteime en seleccionalos, en abonalos,
en enxertalos,
en amparalos do corzo,
para que medrasen dereitos e sans?
Escribín libros…,
algún, pero, foron, son, exemplares;
exemplares, máis que de redacción,
de contido moral?
Señor Cura, déame a absolución,
porque se algo fixen mal, que ata sería moito,
ben arrepentido estou!



Xosé María Gómez Vilabella


No hay comentarios: