NON SÓ SE FAI CAMIÑO ANDANDO
Servidor, na escalinata de Vilabade,
recibindo ao Rei Afonsus II.
Xosé María Gómez Vilabella
Primeiro no
local da Espalladoira, e despois neste do Grupo Escolar.
Antecedentes das miñas aportacións:
Camiño Vello, por algúns chamado, ultimamente, “Camiño Primitivo”, pero non hai tal pois nesa ruta, ao camiño
que ía do Lucus Augusti ao Lucus Asturum, o carreiro inicial, seguiu,
conservouno, unha vía romana, que a empedraron...; ¿eles? ¡Non; aquelas vías
traballábanas, empedrábanas, os nativos, pois a especialidade dos romanos era,
como fixeron coa muralla de Lugo, mandar e darlle ao látego! ¡A inscrición dos
miliarios esa si que era, foi, romana!
Rememorando
aqueles escravos
Sabido é, por pura lóxica, que os desprazamentos curtos facíanse polos
carreiros, e que os romanos, para carrexar as súas recadacións empedraron
aqueles carreiros dos nativos; para non extraviarse, ata rotularon as súas vías
con miliarios. ¿Por onde ían os carreiros? Obviamente por onde fose máis
transitable, con fontes e con altitudes suaves, vencibles; de haber ríos, cruzábanos
por onde fosen vadeables polas cabalgaduras.
No marítimo o normal era o cabotaxe, ¡de cabo a cabo, abeirándose nas
radas!
O “Vello” recorreuno Afonso II cando foi de Ovetum ao Campus Stellae, pasando polo Castrum do Vallis Viridis
(Castroverde). Xa lle resultaba coñecido pois de cativo estivera acollido no
mosteiro de Samos. Este Camiño, o Vello, como Camiño de Santiago, é dous
séculos anterior ao “Francés”; cando veu Afonso II a Compostela no puido vir
polo interior, polo que despois se chamaría “Francés”, porque na parte de León
aínda estaban, aínda atacaban, aínda asaltaban, os mouros.
O Catastro del Marqués de la Ensenada (en el reino de Galicia), que se
completou no ano 1.760, dá como confín dalgunhas fincas ou termos, “el Camino
Viejo”.
En Melide aínda temos, como evocación desta ruta, a Rúa Camiño Vello de
Santiago.
-.-
O auténtico, o verdadeiro Camiño Primitivo, é o inicial, o marítimo, o
que rachou o propio Santiago, primeiro en vida, e despois, tamén, de morto, cunha
estación de terra firme, inevitable, ¡as Baleares! Saíuse do mar na Ría de
Arousa, e internouse en terra firme, loxicamente, seguindo o río Ulla.
O noso catequista, aquel Jacobus, San Jacob, aquí chamado Tiago, co apócope
de “Santo” diante, tan merecido que o ten, pois, ademais de apóstolo, foi
mártir, un dos primeiros, estando na Gallaecia volveu a Xerusalén, onde foi
condenado a morte e decapitado por orde do Rei de Xudea, Herodes Agripa I
(Feitos 12:2). Por este dato pódese datar a súa morte entre os anos 41 e 44.
Segundo o Códex Calixtinus, os discípulos recolleron os seus restos
e, por Jaffa, embarcaron con eles rumbo á Gallaecia evanxelizada polo Boanerges
(Fillo do trono). En tan longo traxecto, ¿onde subministraron e descansaron?
¡Onde sempre o facían os navíos do Mediterráneo, nas illas Baleares! Daquela, xa
en Galicia, os barquiños de entón chegaban, podían chegar, a Iria.
¿Unha lancha de pedra? ¿Non estará mal traducido, non quererían dicir que
era daquelas “da pedra”, das de levar a pedra galega, en particular os mármores
de Porriño? A reina Lupa vivía entón no seu castro, no Lupario, e quedounos a
tradición de que naquela ocasión foi cando a bautizaron os cristiáns.
-.-
Ano 1987. O 28 de Novembro, (anunciada no periódico El
Progreso do día anterior), din unha conferencia en Castroverde, convocada pola
“Espalladoira”, baixo o lema “As corridas do galo e mailos tribunais da Pascua
na bisbarra de Castroverde”. No coloquio suscitouse o tema da importancia
medieval de Castroverde, particularmente como feira comarcal e nó de
comunicacións. Afonso III firmou no seu castelo importantes documentos
encabezados co nome do lugar: In Castrum de Vallis Viridis. (Castro do
Val Verde; o topónimo aínda se conserva nunhas fincas, a Agra de Valverde, que
a temos, que está, entre Bolaño e o Castroverde actual). O de xunta-las verbas
Castro + Verde é do século XIX. O municipio homónimo de Portugal segue sen esta
contracción).
Naquela ocasión, -na que moito me preguntaron algúns dos oíntes, entre eles
varios universitarios que despois, tempo adiante, se afeccionarían ao tema do
Camiño-, expuxen as evidencias de que a
Vía Romana, a do Lucus Augusti, que pasaba polo campamento de Romeán (próximo a
Lugo) e que remataba na Gigia (Gijón), foi utilizada en fitos históricos tan
importantes e transcendentes como a vida do Rei Silo cando loitou contra os
nobres desta parte da Gallaecia sublevados, ou máis exactamente, desconformes
coa designación, familiar e localista, do Silo, que accedeu ao trono en ¿méritos?
ao seu casamento con Adosinda, filla do Rei Afonso I. Contenda do Campo da
Matanza, no Cádavo (Cádavo = toxo, toxos, queimados, ¿por cal dos
contendentes?), que foi seguida da persecución dos fuxidos, rematada na Fonte
de Matahomes (Montecubeiro), da que mana o rego dos Ósos (que non dos osos),
polos alí conservados e atopados. ¡Montecubeiro, terra montesía, pero tamén heroica!
A fonte de
Matahomes está un pouco máis abaixo deste cruceiro indicativo.
Que aos poucos, xa reinando Afonso II, de sobrenome "Casto", pero
casar casou, cando o informaron do milagre do Campo das Estrelas, no ano 813, este
Rei utilizou, obviamente, a mesma vía para achegarse aos seus dominios
occidentais. Daquela non era cousa de face-lo ángulo Ovetum-León-Santiago
porque alén do Pajares aínda se daban as razzias dos musulmáns; terras
estremeiras, arraianas, cunha fronteira mal definida. Foilles inevitable
utiliza-lo Camiño Real, o Vello, a Vía romana, pois pola costa, ademais
de ser terreo trollento, (daquela non había pontes, ou eran ris e perigosas),
dadas as veigas e mailo ancho dos ríos; nin castañais, nin caza de monte para
os abastos da comitiva. Era, pois,
forzado e lóxico acudir ao Campus Stellae, comprobar in situ, tirarlle a súa
aplicación política, ofrendar unha igrexiña, etc., acolléndose ás novas
milagreiras das que mandara recado o bispo Teodomiro á Corte ovetense.
Que o arraigo da devoción a Santiago intensificou o tránsito de cabaleiros
por esta vía interior, xa trillada, sen grandes ríos nin trollos, dotada
ademais de caza abundante e de poboamentos acolledores, que daría lugar,
incluso, ás actualizacións da toponimia, como foi o caso do inmediato San
Miguel do Camiño, a fonte do Peregrino, tamén chamada "do Romeiro",
en Vilabade, etcétera. Este Camiño, o noso, o Vello, séxase, desde
Oviedo-Tineo-Grandas-Fonsagrada-Cádavo-Castroverde-LUGO-San Román da Retorta-Melide-Santiago,
perdurou por séculos, maiormente para comunicación das Asturias, da de Oviedo
pero tamén da de Santillana. Coas estradas dotadas de coches de liña por todo o
Norte peninsular, e ao Sur co Camiño Francés, co Novo, de máis hinterland,
apagouse a utilización do noso, do Vello, e por ende o seu esquecemento,
por case todo o século XX.
O arranque en Oviedo deste Camiño, do de entón, quedou inesquecible no dito
ástur de que, “Quien va a Santiago y no al Salvador, (catedral de Oviedo), visita
al criado y no al Señor”, que seica procede dun poema francés. Así era de
precepto baixar previamente á Cámara Santa, para seguidamente, como ofrenda
penitencial, visitar ao criado do Señor, séxase, ao noso Predicador, ao noso
Evanxelizador. Tamén subliñei a importancia histórica da toponimia deste
recorrido, deixando referencias tan elocuentes como O Padrón, A Parada Vella, e
maila Nova; o Hospital de Montouto, a Cruz da Vacariza, a lenda de que o lobo
de San Francisco o acompañou desde o alto da Serra ata Vilabade, ¡para
defendelo dos outros lobos!, e que Francisco á volta de Santiago quixo
conmemorar aquel feito fundando o seu convento, etcétera.
San
Francisco, co lobo da Vacariza, cando veu a Santiago. Á volta, despois de
fundar o convento de Santiago, fundou o noso, o de Vilabade.
María Dolores Amor Rodríguez, daquela Directora do
Club de Jubilados de Coruña (Caixa Galicia), bebendo en Vilabade, na Fonte do
Peregrino. Leváraa eu á Vacariza para mostrarlle o territorio por onde pasaba o
entón esquecido Camiño Vello de Santiago.
Naquel, longo, coloquio aludín á monumentalidade conservada, tal que o
Hospital de Montouto, a Fonte do Peregrino, o hospital do Castro Verde, que á
virxe do Castelo, hoxe na igrexa da vila, se lle chamase, “Virxe do Camiño”, a
toponimia da parroquia “San Miguel do Camiño”, etc., etc.
Foi unha xornada da que me sinto satisfeito xa que por aquel entón nin
sequera os asturianos publicaran cousa algunha coñecida, recente, divulgada,
sobre a posible recuperación, ou rememoración, do vello Camiño Vello. A
fuer de sincero, teño que manifestar, tamén, o meu pasmo de que os asistentes,
entre eles os universitarios, puxesen cara de asombro, e xa non fose de incredulidade,
ante uns datos e unhas constatacións que a algún pareceulle mitificación,
segundo despois se me dixo. ¡Cantas cousas importantes arrincan, ou poden
arrincar, dun simple parladoiro!
-.-
-.-
ANO 1992
A Deputación de Lugo auspiciou unhas xornadas de estudio, con participación
de asturianos, a efectos de recrea-lo Camiño do Norte, ou da Costa, con omisión
da preexistencia do Camiño noso, do Vello, do de Castroverde. (¡Eu sei,
pero non o direi, o motivo desta desviación temática, xeográfica, en relación
coa Deputación de entón!)
Asistín á reunión-clausura, que se celebrou en Xiá, Friol, molestándome a omisión que veño de sinalar, así como a desviación que se facía levando a ruta antiga por Vilalba e por Friol, coma se Lugo na Idade Media non fose o núcleo central, inevitable e ineludible para os reis de Asturias, ben preocupados por certo, naqueles tempos, de sinalarlle á mitra lucense todo o poderío da corte ovetense. Certo é que algún dos participantes aludiu á Vía interior, á Central, Fonsagrada-Castroverde-Lugo-Melide, pero con un carácter máis ben secundario, de esguello, sen comprometerse nin afondar no seu estudio. Cos mellores desexos de suscitar e/ou provocar un afondamento neste tema, nada máis chegar á Coruña elaborei un artigo algo revoltoso que mandei a El Progreso, onde saíu publicado. É o seguinte:
A culpa deste artigo, desta matinación, tena dona María Josefa Sanz
Fuentes, catedrática ovetense que nos deu na Fortaleza de San Paio de Narla
unha brillante disertación sobre os Camiños de Santiago, pero deixoume amolado,
ou máis exactamente, desilusionado, co que me respondeu á miña enquisa por
bibliografía asturiana que trate da Vía romana Lucus-Gigia. Eu, na miña
admiración polos ástures, coidaba que irían diante nosa nesas exploracións, e
polo visto aínda non; vese que a súa Deputación en cuestión de Vías non lle
pasa diante á nosa. ¡Non é doado, certamente! Dona María Josefa díxome que en
Asturias dan por sabido que aquela ruta ía polo seu Montefurado (Pola de
Allande), e pouco máis sobre iso. Dende aquí prégolle que suscite este tema no
seu universitario Ovetum pois, postos a recorrer, e a resucitar, camiños, en
Galicia tampouco faltarán estudosos que se ocupen da nosa parte daquela Gran
Vía ancestral.
As vías romanas todos sabemos que foron gaveleiros reticulares, e nunca
mellor dito, para recolle-las gabelas do entorno, (que os romanos ían a por
todas, fosen rapazas ou milites, ouro, prata, ou mesmo o mel das nosas
abellas), á vez que ponteaban a seguridade viaria e comunicativa nos vértices
campamentais, tal que Romeán para os de Lugo, e Lugo de Llanera, xunta a
Oviedo, para a Legio VI Vitrix, pacificadora dos alzados. O Anónimo de Rávena
(IV, 45) fálanos, entre outras, da que unía o Lucus Augusti co Lucus Asturum. A
rede loxística estaba ben trenzada e as atumes primordiais da rexión
controlábanas coa Legio X Gemina, desta parte; a Legio VII en León; e por aí
adiante.
Pois ben, queridos curmáns das Asturias, xa que somos primos, no bo sentido
por suposto, coido que vai sendo hora de matinar no Camiño habitual daquelas
visitas que se intercambiaron os nosos devanceiros, que antes de vir a Santiago
polo perdón dos seus pecados, os parentes de Cangas de Onís xa tiñan os nosos
camiños ben trillados por outros motivos. Aí temos, sen ir máis lonxe, ao rei
Silo, que montou en cólera cando os nobres galegos (os desta parte do país) lle
negaron a submisión, e coa insubmisión, os tributos. Sen apearse da cólera
montou no seu cabalo, seguramente un asturcón, e coas súas mesnadas chegou ata
Monte Cuperio (Monte Cubeiro), reclamando aquilo que consideraba patrimonio, ou
sexa, da súa herdanza galaica. ¿Por onde veu? ¡Loxicamente por onde esperaba
atopa-lo que buscaba!
Antes de Machado xa se facían os camiños andando, pero en prosa, e andábase, por suposto, por onde o terreo era máis practicable, que por aquí xa estaban feitos, desde aqueles avós comúns, os celtas, pois os romanos o único que lles puxeron foi algo de empedrado, (nalgún sitio húmido), ¡para que non lles chegase a lama das corredoiras ata as bracas, señoritos eles!
¿Que a onde quero ir? ¡Pouquiña cousa; tan só de Gigia ao Lucus Augusti, e viceversa! Eu, sobre do mapa, e tamén pisando o terreo, ¡tanto que levo pisado por esa zona!, téñoo ben claro, por evidente; porén, en historia hai que pasar da apreciación subxectiva á obxectiva, á demostración documental, -tratándose de romanización, en pedra, gravada, tallada, ou polo menos mamposta-, así que por iso pregunto, e pido, aos sabios por suposto, entre eles a dona María Josefa, que nos descubran, que nos mostren, aquela Vía, pois tamén teño por certo que o día que a teñamos redescuberta entenderemos mellor o fenómeno cultural do Camiño/Camiños (vellos, antigos) de Santiago.
Coido que é bo ter presente, e que servirá para interpretar moitas cousas, que ao Lucus Augusti dos romanos seguiu o Lugo suevo, esplendoroso facho que cruzaba lóstregos de cultura coa Braga, Aquas Flaviae (Chaves) en medio.
¡Sempre houbo motivos para viaxar a Lugo, ou por Lugo, incluso antes daquela fascinación co Campo das Estrelas!
Tempo adiante, -que a saber de onde procedía, de onde partiu realmente, o don Paio (Pelayo para os asturianos), pois ata don Atilano Rico, o Capelán das cen singraduras, o actual “Mailoc” de Bretoña, o reclama como posible bretón-, os galegos seguimos abrindo camiños cara Asturias, per loca marítima (Norte), ou per loca montañesa (Central), segundo cadrou, que sempre nos tirou esa parentela, unhas veces para ir reforza-la man de obra nas súas minas, e bos dinamiteiros que lles mandamos, e outras coa dinamita polos aires, tal que o Tenente Coronel Teijeiro cos seus mariscos, no Trinta e seis. Pero agora falemos de pacífica relación, que máis nos cómpre ao presente.
Por favor, que quede claro que non quito nin poño Camiño/Camiños, pero o que si avogo é por un estudio interprovincial da Vía romana que vinculou por séculos o noso Lucus (na Gallaecia), coa Gigia (Gijón, integrado, -con sete lexións, que todas fixeron falta e todas esas llas destinaron aos ástures-, de Coaña para alá, na tarraconense). ¿Non é estraño que Roma quixese poñe-la fronteira provincial no castro de Coaña? ¿Sería por iso de que divide e vencerás, xebrando curmáns?
Tódolos camiños levaban/traían a Santiago, no medievo, por suposto; pero uns máis e outros menos, segundo os tempos. Por iso sería unha interesante curiosidade histórica, un baseamento, coñecer por onde andaron aqueles antepasados, aqueles que chegaron un día a saber, a redescubri-la existencia, de Santiago, pois de tanto mirar ao Sur, atusmándolles aos mouros da meseta, os ástures esquecéranse da ruta do sol, e incluso do camiño das estrelas, ¡de Compostela, nada menos!
¿Todo isto a que vén, en definitiva? ¡Non por trafulca, repito, pero coido que é filosófico coñece-las cousas polas súas causas, e a causa de que teñamos certas discusións ruteiras poderíase clarexar, -entendo-, se alguén nos estuda a fondo a Gran Vía Gigia-Lucus Asturum-Romeán-Lucus Augusti! Estamos, ou mellor dito, están, estudando moi a fondo o medievo, pero quédanos en medio esa lagoa básica, desde o Silo para atrás. ¿Quen a estudará primeiro, os asturianos ou os lugueses?
Xosé María Gómez
Vilabella
-.-
Camiño de Uviéu ao Campus Stellae, pasando polo Castrum de Vallis Viridis.
Absorbido, daquela, na Coruña, pola miñas ocupacións e responsabilidades
profesionais, amén dos meus estudios na UNED, tardei en asomar por Castroverde,
ata que un bo día recibín unha chamada do Presidente da Asociación Cultural Espalladoira,
D. Manuel Varela Gorgoso, Sacerdote e Avogado, anunciándome que habería unha reunión para
tratar da ¿resurrección? do noso Camiño. A ela acudín, encantado, e tan así que
incluso levei un proxecto de Asociación, que transcribo seguidamente, do que me
pediu, e lle din, unha copia, ao entusiasta Pardo de Vera.
Naquela reunión díxose que había maioría en chamarlle “Camiño Primitivo”, e
non “Camiño Vello”, como fora a miña proposta, e así quedou, que sempre me sumo
ás maiorías, teñan ou non razón.
O meu "proxecto" foi / é deste
tenor:
SPATHARIOS DE AFONSO II
CARTA FUNDACIONAL
DA
ORDE
SPATHARIOS DE AFONSO II,
membros activos da
Asociación do Camiño Vello.
REUNIDOS nesta moi antiga, nobre e leal Vila do Castrum Vallis Viridis, no Catro de Decembro do A.D.G. Mil e Novecentos e Noventa e Dous, nos locais da Asociación "Espalladoira", sitos nesta histórica Praza do Rollo, aquí, á beira deste castro verde no que aínda afloran as laxes da Vía LVCVS AVGVSTI - GIGIA, despois de encomendarnos á Nosa Señora do Castelo, tamén coñecida como Virxe do Camiño, entoado o Dei Verbum da Liébana, e protexidos polo noso Miles Christi, Sanct Iacobi,
CONSIDERANDO E RECOÑECÉNDONOS mutuamente que xa temos veladas as armas, de antigo, como Cabaleiros que somos, e que por Tal nos temos,
VIMOS EN CREA-LA ORDEN TURÍSTICA
dos
SPATHARIOS DE AFONSO II,
baixo os seguintes
PRINCIPIOS
I DECLARÁMONOS devotos do Camiño
Vello de Santiago, do inicial, e como tales daremos protección, acomodo e
debida información a tódolos peregrinos de calquera relixión, credo político ou
nacionalidade que nos honren co seu paso pola nosa Calzada.
II O noso TÍTULO será o de SPATHARIO/A DE EL REI AFONSO II.
III O noso URRO, ¡Santiago, abre as
Españas!, en rotunda oposición contra todo tipo de intolerancias e/ou
xenofobias.
IV Os RÓTULOS do noso CAMIÑO dirán, ¡A SANTIAGO, POLA RUTA VERDE!,
establecéndose a diferenciación xeográfico-ambiental coa RUTA AZUL, eucalíptica
e costeira; e tamén coa RUTA OCRE, que é a castelá-leonesa. Este indicativo é
unha abreviación do noso lema completo, que será: A Santiago, protexidos polos
Spatharios de El Rei Afonso II, que se dan e che dan a man para que non te
perdas no verde dos seus campos verdes.
V En cada miliario os nosos rótulos
rezarán: AFONSO II REX PEREGRINOU POR ESTA VÍA FACENDO DA SÚA CALZADA UNHA RUTA
XACOBEA.
VI DIVISAS. Unisex. Un pin en forma de broche coas cruces de Santiago e da Vitoria (a de Asturias, tamén chamada dos Anxos), en aspa, anoadas con cinta de azur, debaixo dunha vieira. Os brazaletes serán de cor verde-herba, co emblema antedito.
VII OBRIGAS. Tanto os Cabaleiros como as Donas Spatharias darán cumprida
asistencia aos peregrinos, directa ou indirectamente. O seu comportamento terá
que ser exemplar, da ética máis esixente, particularmente instrutivo con
respecto aos INFANTES SPATHARIOS, que serán os Aspirantes á Orde minores de
idade. Reuniranse en Capítulo para elixir/reelixir COMENDADOR/A na semana
seguinte ao peche da Porta Santa, en cada Ano Xacobeo.
VIII HONORES. Serán soterrados coa asistencia dun grupo de Spatharios, e nas súas honras o Comendador, ou o Cabaleiro/Dona que o represente, dirá a pertinente Oración Fúnebre. Os seus nomes conservaranse no LIBRO DOS FEITOS HONROSOS.
IX Se esta Orde se extendese por
ASTURIAS, como é o noso propósito, daquela utilizarase a lingua castelá nos
actos colectivos mixtos.
X Os Rexistros Oficiais e demais
burocracia da ORDEN DOS SPATHARIOS DE EL REI AFONSO II serán cousa e cometido
da ASOCIACIÓN nai, ou sexa, da ASOCIACIÓN DO CAMIÑO DO APÓSTOLO, que velará
polo desenrolo e pola permanencia desta rama executivo representativa.
Etcétera, etcétera.
-.-
Ano 1993
No curso
1992/1993 o Colexio de Castroverde, entón dirixido polo preclaro Mestre, D.
Eduardo Carreira González, prestoulle moita atención á “resurrección” do Camiño
de Santiago, pateando tramos do mesmo, e incluso dedicándolle o número 17 da
súa revista “Sementeira”, para a que me pediu unha achega. Mandeille a seguinte,
“Romance de Don Gil de Sotrondio”, que xa o publicara no número 6 da revista “Club
de Jubilados”, da Caixa de Galicia. Ao Carreira fíxolle tanta graza que incluso
llo ensinou ao señor Vázquez Portomeñe, daquela Conselleiro e vello amigo seu,
e este seica lle preguntou: “Onde atoparía Vilabella ese pergameo?”. Carreira
non o desenganou, dicíndolle simplemente que o ignoraba.
Ese número
de “Sementeira”, ademais duns debuxos magníficos cos que ¿ilustraron? o meu
¿romance?, que por certo finalizárono cun, “Agradecemos a D. Xosé María Gómez
Vilabella, gran escribidor da nosa bisbarra, a súa –como se pode comprobar-
xenial colaboración”. (¡Perdón pola inmodestia de reproducir esta loa!),
documentárono con recortes e fotografías de prensa; entre eles, esta de El
Progreso. Outra de La Voz de Galicia, do mesmo día, 11-2-1993, con este pé:
"Escolares de Castroverde peregrinaron por el Camino Astur
Galaico..." Nestoutra poñen: "La marcha está encabezada por varios
escolares ataviados con las prendas típicas de los peregrinos.- El director del
colegio considera que este Camino está olvidado..."
-.-
O "meu"
romance:
O Camiño entre a Valeira e Castroverde
+
-Valeume o San Salvador
e tamén a Virxe María;
valeume o Señor Sant Iago,
inimigo da mourería.
e tamén a Virxe María;
valeume o Señor Sant Iago,
inimigo da mourería.
Ansí fablou Rei Afonsus,
que Secundus El reinaría,
Casto de nome e de feitos,
cando volveu da súa correría:
Os mouros aló quedaron,
exsangües, ¡e sen feridas!
Morreron de medo e do frío,
mortos de morte morrida.
Tras deles ía un cabalo
polo Pajares arriba,
e cabaleiro Sant Iago
sen estrobos se sostiña.
...
Gozoso da súa vitoria
e sen mouros na serranía,
El Rei Afonsus Secundus
platicou desta guisa:
-A vós, don Gil de Sotrondio,
cabaleiro de gran valía,
encoméndovo-los votos
que ao Campus Stellae eu faría.
Iredes coa miña Corte,
tres ducias, en cabalerías;
iredes por bo Camiño,
pola romana de Gigia.
Egeria do Berducedo,
vosa amada compañía,
coidará das dez doncelas
que votaron solteiría;
e aló, na Compostela,
gran convento lles daría,
para que poñan luz acesa
ao Sant Iago e á Santa María.
Para face-los trinta e seis,
vinte e catro cabaleiros,
rexos, fortes e varudos,
todos eles espadeiros.
O tesouro sarraceno,
desde hoxe santiagueiro,
levaralo nas acémilas,
nestes sacos fareleiros,
que ansí disimularedes
cos bergantes camiñeiros.
Ordeno e mándovos, don Gil,
poñervos decote ao ruteiro,
¡non sexa que o Magnus Carlo
faga vía polo Cebreiro!
...
Ficieron unha parada
en Berducedo, no muíño,
e nestas, o irmán de Egeria
aprestouse a seguilos.
Unha legua non levarían
cando unha das virxes
de selo cansou,
e daquela o Berducedo
namorouse dela, ¡e casou!
en Berducedo, no muíño,
e nestas, o irmán de Egeria
aprestouse a seguilos.
Unha legua non levarían
cando unha das virxes
de selo cansou,
e daquela o Berducedo
namorouse dela, ¡e casou!
Polas Grandas de Salime
outra virxe esmoreceu.
¿Cal é a vosa inquietude?
¡Señora, ese pastor..., é meu!
Con oito daquelas mozas
á Fonsagrada chegaron,
mais, como é terra frida,
¡outras dúas namoraron!
¿Que lles podemos dicir,
ou que podemos facer?
¡Déunolas o Rei Casto,
e castas eran, as dez!
Meu Gil, Señor de Sotrondio,
e meu amo e señor tamén,
¡eu podo responder por min,
ca non polas virxes dez!
Ao pasar polo Castro Verde,
que eran as festas de Sant Iago,
para evita-lo perigo
metéronas, núas, en sacos,
¡dicíndolles aos castrexos
que eran xabarís cazados!
O malo foi que aquel Conde
quixo cobra-la portaxe,
¡e quedouse con dúas virxes,
ás que deu Pena e Bolaño!
Doéronse daquel percance
por San Miguel do Camiño:
¡Con tan pouca cera virxe
non se fai un lampadiño!
En Lugo convidáronos
alí no pazo do Bispo.
¡Gran cousa foi o convite,
moitas lebres e bo pisto!
Cando espertaron da cea,
e lles volveu o sentido,
dúas daquelas virxes fóranse
cos frades, cara ao Miño.
Seica fundaron dúas aceas:
Unha, a do Rei Chiquito;
e outra, que lle din da Olga,
¡Olga, a de frei Benito!
Saíron de Lugo tristeiros,
fracasados na misión,
e chegados á Retorta
invocaron ao San Ramón,
cando que era San Román
o patrón da poboación.
Con tal trema de remorsos,
tanto medo e confusión,
tanta cegueira na escolta
e malograda a Fundación,
acordaron casa-las dúas,
¡e que ficiesen criazón!
...
Desta guisa fablou don Gil
cando á Compostela chegou:
Dez virxes me deu Afonsus,
e traelas ata aquí mandou.
Iso cumprir non puidemos,
tal e como El sinalou;
iso cumprir non soubemos,
ca ninguén de pecar librou!
Esas virxes, de desvirgadas,
quedáronse polo Camiño,
pero, co tempo, cos anos,
Patrón, terás peregrinos;
tera-la ruta poboada de afillados,
¡e ti de Padriño!
...
cando á Compostela chegou:
Dez virxes me deu Afonsus,
e traelas ata aquí mandou.
Iso cumprir non puidemos,
tal e como El sinalou;
iso cumprir non soubemos,
ca ninguén de pecar librou!
Esas virxes, de desvirgadas,
quedáronse polo Camiño,
pero, co tempo, cos anos,
Patrón, terás peregrinos;
tera-la ruta poboada de afillados,
¡e ti de Padriño!
...
Cando El Rei Afonsus soubo
do bo servizo que foi feito,
aledóuselle o corazón,
ca non lle cabía no peito.
Deulle as grazas ao Patrón
e loouno deste xeito:
do bo servizo que foi feito,
aledóuselle o corazón,
ca non lle cabía no peito.
Deulle as grazas ao Patrón
e loouno deste xeito:
-Señor Sanct Iago,
¡que milagre!,
con dez virxes fermosotas
repoboáche-lo Camiño,
¡desde Ovetum ás Retortas!
Señor Sanct Iago,
¡que milagre!,
ti, co teu cabalo brioso,
e os mozos facendo das súas
¡xa temos Camiño glorioso!
Señor Sanct Iago,
¡que milagre!,
pasarlle diante ao Carlo Magno,
pois el, e mais ten francesiñas,
¡inza menos que un Rei Casto!
...
Aquí remata a historia
do Cabaleiro Sotrondio,
¡que perdeu dez asturianas,
sendo de Afonsus Mordomo!
Seu Rei seica lle perdoou,
mais no Ceo custoulle entrar,
¡que o esperaban as Dez Mil,
dispostas a se vingar!
do Cabaleiro Sotrondio,
¡que perdeu dez asturianas,
sendo de Afonsus Mordomo!
Seu Rei seica lle perdoou,
mais no Ceo custoulle entrar,
¡que o esperaban as Dez Mil,
dispostas a se vingar!
Xosé María Gómez
Vilabella
-.-
A PRIMEIRA
PEREGRINACIÓN
polo Camiño
resucitado.
(Organizouna o entón Director do Colexio P. de
Castroverde, D. Eduardo Carreira González)
Publicada na Revista
“Sementeira” do seu Colexio.
Actos en
Castroverde
(Foron
recollidos nun vídeo que filmou un rapaz da Casa de Eirexe, de Pena,
do que
sinto non lembrar o seu nome).
20 xuño
1993
De
EL PROGRESO, martes, 22 de
xuño do 1993. Pax. “m”, a toda plana, coa fotografía da portada deste libro.
CASTROVERDE
X. G. Juanes
“Centos de persoas iniciaron en A Vacariza unha peregrinaxe polo camiño
primitivo no concello de Castroverde...
Os actos empezaron en A Vacariza, paraxe natural no que foi escenificado o
encontro do Rei Afonso II o Casto e don Martín de Bolaño, mordomo de don Lope,
señor feudal de Castroverde.
Ámbolos dous, que viñan a cabalo, dirixíronse posteriormente a Vilabade. Na
praza medieval, diante da igrexa, don Lope, encarnado polo escritor Xosé María
Gómez Vilabella, deu a benvida ó rei.
...”
-.-
Preparei e redactei a "Presentación" do evento (lembranza da vida
de El Rei Afonsus II). Don Martín de Bolaño, mordomo de don Lope, señor feudal
de Castroverde, deulle a “Benvida” ao Rei das Asturias, na Vacariza. Eu
caractericei ao Señor de Castroverde, na escalinata de Vilabade, na Misa do
Peregrino, etcétera. Despois tivemos unha comida ¿medieval? no Campo da Feira
de Castroverde, seguida dun recorrido a partir da Vila.
Introdución á presentación de El Rei Afonsus II das Asturias no Alto da Vacariza, confines de Castroverde coa Valeira (oficialmente, Baleira). Diante deste cruceiro, dixen:
Benqueridos amigos e dignísimas autoridades. Que non haxa ningunha presente
é igual, que temos o mesmo respecto por elas, tanto de cerca como de lonxe,
pois sen autoridades non hai país nin historia; en calquera dos casos, somos o
pobo, e no pobo reside a soberanía, que iso di a nosa Constitución,
precisamente no paragrafo 2º do seu artigo 1º.
Coido que sobra comentar este acto, non só preñado de simbolismo, senón, e
tamén, de realidades, pero os organizadores dixéronme que vos dea, que nos
demos, os "bos días", e aquí estou, feito un Pedro Madruga, pois vin
dende Coruña para participar nesta Xuntanza.
Aquí, neste paso da Vacariza, que vén de vacatio e non de vacas,
tantas cousas pasaron que non habería abonda longa metraxe para visionalas. Da
man dos historiadores é doado remontarnos ao celtismo, que por aquí, mesmo por
onde estamos, camiño natural onde os haxa, camiñaron e camiñaron aqueles celtas
que desde o Briteiros de Portugal, ¡polo menos desde Briteiros!, intercambiaban
cultura e tradicións cos seus parentes do castro de Coaña, nese casarío de
Xarrius, aló adiante, arriba da Navia de Luarca. Desde aquí mesmo onde estamos
a tal momento, chegaban ao Navia, ao río, e pola súa marxe esquerda baixaban
ata os confíns das terras ástures. Non é que non houbese celtiñas máis aló,
máis contra o Oriente, que si os había, pero a súa concentración poboacional,
como é sabido, estaba desta parte, da nosa.
Chegaron aqueles romanos do saco, ¡do saco ao lombo dos escravos!, que
viñeron para loitar cos púnicos, pola parte do Levante, pero tanto se
levantaron que, de postos no terreo ibérico, dixéronse: -"Oes, e se nos
désemos unha volta pola Gallaecia, que por alí hai riquezas, o demo delas, e
como temos tantos parasitos en Roma..., pois que non estaría nada de mal
levarlles, nestes sacos, canto de bo, canto reluza, ouro incluído, do que teñen
estes fisterráns!". Dito e feito, pero custoulles caro pois por aquí
estaban, entre outros, eses da Meda, os do Medullius, que preferiron morrer
envelenados co zume dos teixos antes que rendérselles. Tanto medo lles colleron
aquelas lexións romanas aos nativos desta terra que se pecharon na casa, no castrum
lucense, arrodeando o seu campamento con esa muralla que custou milleiros
de vidas, ¡vidas de escravos, por suposto!, para darlle remate. ¿Non vos
fixades no propensa que é a caerse esa muralla de Lugo? Iso débese ás pedras
que asentaron en falso aqueles escravos, pois, de non ser así, cos bos
canteiros que de sempre tivemos neste país..., ¡esa obra ía para un millón de
anos, e sen precisar reparacións!
Despois viñeron os suevos, no 409. Estendéronse todo por aquí, por esta
terra de pastos, que xa sabedes que aquela era xente pacífica, por máis que
lles chamasen "bárbaros". Tiveron a sorte de que eses do Club de Roma
non lles puxeron Cota Láctea..., ¡así que se dedicaron a criar marelas, ademais
dos cabalos!
Cando, un pouco despois, polo 712/714, se achegaron a Lugo aqueles mouros das
cimitarras, moitos dos nosos fuxiron, bispos incluídos. ¿Para onde, para onde
fuxiron? Está claro: ¡Fóronse pola Vía Romana adiante, que pasaba exactamente
por onde estamos pisando! A Historia afirmou, -escrita despois, moito despois,
precisamente por aqueles aos que conviña proclamarse sucesores legais do trono
visigótico-, que don Pelayo era descendente daqueles Reis visigodos de Toledo,
cando que non, pois parece máis certo, e desde logo máis realista, pensar que o
tal Paio, ou Pelaxio, ou Pelayo, -como se lle queira chamar-, era realmente o
noso Conde, o de Flammoso, con castelo ou fortaleza no Verde Castro, condado de
igual nome que ese río das searas flamexantes, dos trigos e dos centeos, que de
aí lles vén o nome ás terras de Chamoso.
Vindo máis ao presente, atopámonos coas liortas dos nobres galegos que non
quixeron acepta-las levas, nin as levas nin as gabelas, comezando pola súa
designación unilateral (dos cortesáns de Cangas de Onís-Oviedo) do Rei Silo.
Esa é outra proba de que por aquí non se admitía esa (suposta) morgadía pois a
casa matriz da Reconquista éramos nós, os desta parte do país.
Aí adiante, alén do Cádavo, nese Campo da Matanza, quedaron aqueles
cadáveres, tan mouros e tan esturruxados que por "mouros" os apuntou
a tradición, e así o estivo crendo esta xente da Valeira, da terra dos vales,
¡que non é oca nin baleira! O feito, a pouca estratexia militar que se saiba,
parece estar claro: Os do país, os de por acó, queimaron esas toxeiras do
Cádavo, que de aí lle vén o nome, cádavo, para poñérllelo difícil aos ástures.
Pelexando e pelexando, ataque e retirada, a última resistencia dos nosos foi aí
no Monte Cubeiro, daquela Cuperio, de sempre país de resistencias: aló
na Fonte de Matahomes, e tamén no Rego dos Ósos, (Cepomundín), onde por fin
venceu Silo, que así afianzou, sobre nós, a coroa ovetense.
Aínda estaban frescos aqueles ósos da nosa xente cando a El Rei Afonso II
lle deu por honra-lo Santiago, no Campus Stellae, e de paso facerse cunha nova
bandeira: Na vangarda, para insuflar ánimos aos combatentes e na retagarda para
ter controlados aos galegos, de paso, que daquela non eramos tan mansiños coma
hoxe, que ningún caudillo se aventura en loitas de vangarda sen atenazar
primeiro a súa retagarda. Estes feitos son históricos, á marxe da súa piedade
relixiosa, da de don Afonso, que non lla nego, pois por algo e para algo fora
educado no mosteiro de Samos.
Púxose aquel home, o II, o Casto, de Camiño, polo Camiño Santo, facendo a
primeira peregrinación das da Historia Occidental, a máis antiga destas
características, das terrestres, que se saiba. Así que aló por Oviedo, Uviéu
dicían daquela, mandou carga-las acémilas con todo o preciso para unha viaxe
tan longa, e púxose a face-lo planing, que diríamos agora. ¿Por onde...?
Descartemos as feas: Por León, nadiña, que no oitocentos e pouco aínda estaban
os mouros do outro lado dos Pallares (Pajares), máis ou menos cerca, pero sempre
atusmando, ¡a velas vir! ¡Que máis quixeran aqueles morangos zarrapastrosos,
nómades atávicos, que intercepta-la comitiva real cargada de tesouros para
financia-la nova igrexiña do Campus Stellae! ¿Daquela, pola costa? ¡De ben
mirado, e de ben pensado, non, pois entre outros obstáculos había que pasa-lo
Nalón, o Navia, o Eo..., coas cabalgaduras, nas veigas respectivas, sitio
tremoso, e daquela sen pontes nin pontellos! ¿Subir de par destes ríos, pola
súa dereita? ¡Descartado: peor sitio, ademais duns rodeos absurdos!
Como a viaxe había que facela directamente a Lugo, a Lugo e por Lugo, que
era onde estaba, consolidada, a gran urbe histórica, fortificada, ¡digna dun
Rei!, a cousa era indiscutible: ¡Había que seguir a vía antiga, trillada, ben
coñecida; esta que pasaba por aquí mesmo, por debaixo dos nosos pés, vinculando
o Lucus Augusti co Lugo de Llanera e coa Gigia campamental! No caso de El Rei
Afonsus II, á viceversa!
Con estas lembranzas cheguei á seguinte reflexión: todos recordamos,
daqueles tempos da escola, que os pobos que esquecen a súa historia están
obrigados a revivila, a refacela. ¿Está claro? Todo por aquí fomos caendo no
esquecemento desta Historia, da propia, da nosa, da desta bisbarra, así que
agora, ás portas do XXI, xuntámonos nesta peregrinación para repasa-lo noso
Camiño, esta parte da nosa Historia. ¿Pero, como se fan os camiños? Ben sabedes
que: ¡Camiñando, ou falando deles!
Non podo terminar esta salutatio, este reencontro, sen facerme,
aínda que inmerecidamente, portavoz de todos vosoutros, e pedirvos unha
aclamación para aqueles, persoas e asociacións, que fan posible esta
resurrección do Camiño Vello. Uns máis e outros menos, pero incluso os que nada
fixeron, con só que estean receptivos desta recreación ruteira, ¡algo fan!, iso
á parte e ademais de goza-la paisaxe. Por eles, por todos, polos ausente e
polos presentes, un ufido, ben forte; tan forte coma aqueles dos antepasados
que loitaron nestes cumes en contra do impositor, do Rei Silo. Agora temos que
loitar contra os que esquecen, ou queren que esquezamos, a nosa Historia...,
¡para traelos ao rego, para traelos ao Camiño, ao máis importante de todos, o Vello,
o Primeiro, o Inicial!
¡Veña, ufemos; forte! ¡Todos!
Xosé María
-.-
Despois da miña introdución, no mesmo Alto da Vacariza:
O Mordomo do Señor do Castro Verde agardaba polo Rei Don Afonso II, quen
fora avisado polo Bispo de Iria Flavia, Teodomiro, da milagrosa localización do
sarcófago, do enterramento, do apóstolo Santiago. Viña El Rei co seu séquito, e
en cada lugar reclamaba a pleitesía dos señoríos recorridos.
PARLAMENTOS
...
Mordomo do señor do Castro Verde, que se adianta aos confíns do señorío, na
Vacariza, por ordes do seu Amo: -¿Sodes
vos, Señor, o noso Rei, que don Afonso lle chaman, e Segundo reina, dende
Santillana á Fisterra?
Afonso.- Voso Rei son, quen queira que vos sexades. E xa que por tal me
recoñecedes, dicirvos hei que estou de paso, refacendo este Camiño Santo, que
vou agradecerlle ao Señor Santiago que me contivese aqueles mouros do
diabro..., ¡aló no Pajares! Daquela mandei facer, no propio Campus Stellae,
unha basílica pétrea, para honra-lo noso Patrón, e vou inaugurala, en persoa,
coa miña escolta real, se é que a teñen rematada pois referencias teño de que
nesa Compostela son dados ás festas, pero o que é de traballo..., ¡ansí, ansí!
Por certo, que aínda non vos presentastes. ¿Non seredes un deses spaithons,
que en suevo quere dicir, asexador, ou espreitador, desa Xunta Autonómica que
por aquí vos inventastes, montando unha especie de Administración Única para
afastarvos do noso real centralismo, que por ser, é de raíz visigoda?
Mordomo.- Meu Rei e Señor, non sexa Vuesa Mercé mal pensado, que eu ansí
llo prego. Chámanme Don Martín, o de Bolaño, e Mordomo son de Don Lope, que é
Señor neste Castro do Val Verde. Estou aquí de parte do Conde Lope, xa nomeado,
que del son vasalo e servidor, para darlle a benvida a Vuesa Mercé El Rei
Asturiano; e de paso, para escoltalo ao castelo, que o esperan alí, con gran
festa e moito boato, cos xabarís, a tal hora, asándose no espeto. Por outra
banda, desa Xunta xunteira da que fala Vuesa Mercé certo é que a ficieron, e
arrexuntados andan, de pazo en mosteiro, e de mosteiro en pazo, pero aquí, no
Verde Castro, cotas do leite á parte, dela non esperamos milagres, que se
pobres éramos antes de tela, moi ricos, o que se di ricos, aínda non nos
ficieron, e iso que houbo promesas..., ¡abondas, un cento!
Afonso II.- Daquela, Mordomo fiel, poñámonos en Camiño, pois de Camiño
vimos e Camiño faremos, ¡se lle plugue ao meu Salvador e á súa Sancta Nai, Nosa
Señora do Camiño!
Mordomo.- Señor, tanto Camiño, tanto Camiño..., ¡isto vai parecer unha Vía
Láctea, onde todo son vacas e vaqueiros! Camiño xa temos..., desde que esta
Calzada aqueles romanos ficieron. Agora, vésperas do XXI, o que precisamos son
industrias, industrias e non promesas; industrias limpas, e moitas, a ser
posible, pois os mozos desta parte do país saberán traballar nelas, que cultura
xa teñen..., ¡para iso e para máis!
Afonso II.- ¿Ansí que houbo promesas..., incumpridas? ¿Por parte da Xunta,
ou do Goberno Central?
Mordomo.- ¡A barullo, Señor, que desde a Idade da Pedra pouco a mellor
fomos..., contos á parte!
Afonso II.- Pois eu, que para algo son El Rei, pódovos prometer e prometo
que xa vos recomendarei, aló en Santiago, cando faga Cortes cos Xunteiros, para
que vos concedan mercés, ¡cantas queirades! ¿Non sabes que me ensinou un duque
a prometer? Éche visigodo, que aló por Ávila naceu, recastado de coruñés, para
máis prosapia; un tal Suárez, que se del non oístes xa oiredes..., ¡no XX!
Mordomo.- Señor, non sei como será iso das promesas, iso das mercés, pois
"Mercedes" chámase miña nai, e da súa querenza, ou da súa crenza, que
certo diso non estou, dos seus amores co meu señor don Lope, ¿sabe que sacou?
Afonso II.- ¡Non, non o sei, que son Rei, pero, adiviño..., non!
Mordomo.- Daquela, direillo: ¡sacoume a min, que ilexítimo me pariu, aí en
Bolaño, e ademais diso, con moita dor de parto, e con vergoña ante a veciñanza!
Cando fun mociño, Mordomo me fixo don Lope... ¡Só iso, Mordomo, pois como fillo
seu ignórame! Desde que tal paternidade sei, sempre me digo: ¡Ten ollo, Martín,
e coidado cos Señores, que ás veces converten a mercé en..., en preñez!
Afonso II.- Descoida, Martín, fillo natural de don Lope, que desta vez tes
a palabra dun Rei, e prométoche, polos teus servizos, que te vou facer, deste
Real Sitio da Vacariza, Conde, que así competirás en señorío con teu pai, co
Conde Lope!
Mordomo.- Sendo así, deste xeito..., ¡mercé real é a súa, e aquí me ten,
disposto a todo! Mais, por se acaso, e se tal non lle importa, póñamo por
escrito, de Real Cédula, co selo real, que para min as promesas dos
gobernantes..., por moito que teñan de mercés..., empezan a valer algo...,
¡desde que saen nos pergameos! ¿Enténdenos, entende aos galegos?
Afonso II.- ¿Queres unha sinatura..., co selo real? ¡Pois, o que é por
sinaturas que non quede, pois neste país das rúbricas e das leis, tanto abundan
que xa ninguén sabe a cal aterse!
El Rei, a continuación, diríxese aos vasalos que arrodean o seu séquito:
Afonso II.- Queridos súbditos, baixemos a ese Val Verde do Castro, antes de
que arrefríen eses xabarís que teñen no espeto..., pois os comicios aledan nos
vasalos, que sempre foi así, xa do tempo dos romanos, aquilo do pan e mailo
circo, panem et circenses, pois, de
ben mirado..., ¡aquí en Galicia son doados de contentar!.
Bota a andar a comitiva en dirección a Vilabade.
Acto II
Fonte do Peregrino.
(Baixando a Vilabade)
Abaixo, en Vilabade, na praciña rectangular, entre a igrexa e mailo pazo
dos Osorios, co castelo do Castro do Val Verde ao fondo. Don Lope (servidor)
sae da igrexa, e detense no medio da escalinata ao ver que chega El Rei rodeado
do seu séquito. Don Lope compórtase con cortesía pero distante, altivo;
lémbrese que aínda estaban frescas, recentes, as liortas do Rei don Silo coa
nobreza galaica, aquelas batallas do Campo da Matanza, da Fonte de Matahomes,
etcétera. (Ver a fotografía da portada; á dereita, xunto da parede do pazo,
está a miña dona, Xosefina; o resto do público, detrás do fotógrafo).
Don Lope.- ¡Meu Señor Don Afonso..., que das Asturies sodes Rei!
Afonso II.- ¡E do Castro Verde, tamén, que ti es Conde meu, e por ende,
vasalo!
Don Lope.- (Visiblemente nervioso, alterado; cústalle moderarse,
controlarse). Iso ía engadir, que por vasalo me teño, Señor Don Afonso,
pero..., ¡lembrádevos de que por aquí, precisamente nas terras do meu condado,
a Don Silo fixémoslle morder o po..., porque pretendía abusar de nós! Mais,
despois diso, despois de poñelo ao noso raseiro, despois de aplacarlle aqueles
fumes..., aquí mesmo, cabe do meu castelo, rendémoslle vasalaxe, eu e mailos
meus colegas, por..., ¡por iso, para que houbese paz! Os galegos, Señor, quero
dicir, os desta parte do país, xa que galego tamén sodes vós, barafustamos
moito, pero deseguida nos quedamos mansiños, suevos que somos, sosegados que
non subxugados, tal e como aquí me vedes..., ¡sempre que non haxa abusos do
poder!
Afonso II.- (Condescendente e diplomático). Acepto e renovo en min
aquela vasalaxe que lle fixestes a Don Silo..., quen, como ben dis, pasounas
moradas aí arriba, nese Campo da Matanza, rematando aquelas fazañas nese Monte
Cupeiro, onde, duns e doutros, encheron de ósos un rego! En todo caso, vindo ao
presente, ben que vos estou honrando coa miña Real Visita, inaugurando, de paso
que paso, este Real Camiño de Santiago, herdado dos romanos, para que podades
ir aló, comodamente, sequera sexa para botar instancias..., ¡cando os tempos da
vosa Real Autonomía sexan chegados!
Don Lope.- (Facendo espaventos). ¡Vos, Señor, El Rei, con estas
chanzas! ¿Instancias á Xunta? ¡Pero, Don Afonso, se nolas devolven, todas!
Sempre din que se lles esgotou o Presuposto..., ¡e que o próximo está sen
formalizar!
Afonso II.- (Paternalista). Meu Don Lope, Señor deste Castro tan
Verde, tan bo vasalo meu..., ¡para conseguir cousas hai que empezar polo
Intermediario, polo Conseguidor, polo Señor Sancti Iacobvs! ¡Ata parece mentira
vindo de vós, un home tan cabal! Ten presente e sabido, meu Conde, que os
Xunteiros sonche..., ¡a feito!, querubíns frauteiros, aló arriba, de par de
Deus. ¡Só se chega a eles upándose na sela do cabalo de Santiago! ¿Entendeislo,
Don Lope?
Don Lope.- (Xa flexible). -¡Será iso, Señor, será, pois para
entende-la Xunta fai falta ser Rei..., como pouco! Mais, xa que é hora de
xantar, se vos prace platicaremos polo miúdo..., ¡despois da Misa de Gloria, que
nos espera o meu Capelán, Don Manuel! Seguidamente, para abrir boca, aí nese
Campo da Feira, ¡que teño o castelo en obras, cun cento de choias choiando!,
daremos conta duns cantos xabarís, coellos, perdices, arceas, patas traseiras
de porco..., ¡e outros manxares de por aquí, dignos dun Rei!
Afonso II.- (Amigable). Daquela fagamos esa enchente protocolaria,
¡segundo é costume nestes actos! Despois da Misa, naturalmente, e sen outra
demora, pois quero proseguir Camiño, de contado..., ¡para leva-los votos a
Santiago!
Don Lope.- Diso dos votos...; coido, Señor, que estás nun erro, pois as
Eleccións Xerais xa pasaron, ¡sen pena nin gloria, pero, pasaron! E para as
outras, para as Autonómicas..., ¡aínda non foron convocadas!
Afonso II.- Refírome, Don Lope, aos votos do Señor Iacobvs, ¿ou non
lembrades que o Fillo do Trono, aquel Boanerges, é agora Xunteiro Maior dese
Campus Stellae?
Don Lope.- ¡Xa o sei, meu Señor Don Afonso, xa o sei, pero é que a estas
horas teño tanta fame que nin vexo o Camiño, este, o Verdadeiro, o Vello, de
Sempre e para Sempre!
Afonso II.- De momento, comamos e gocemos deste ágape medieval que me tes
preparado, en paz e concordia..., ¡como corresponde á nosa caste, co moito que
ten de común!
Don Lope.- (Timidamente, cautelosamente, ao galego). ¿Señor,
deixaremos aos criados, por esta vez, dada a solemnidade, e sen que serva de
precedente..., que coman con nós, igualiño cá nós? ¡É para telos contentos,
para que voten ao dereito..., cando volvas por aquí, cando veñas aos votos!
Afonso II.- (Posto en autoridade, concesivo pero esixente). ¡Sendo
por unha vez, e sen que sirva de precedente..., que coman! Despois diso que se
poñan a cavar na decrúa destes vedros..., que xa recollerei os quintos á
volta..., ¡pois para vivir dos votos chega cos de Santiago! ¿Non vos parece,
Don Lope?
Don Lope.- (Doéndose dos servos). Meu Señor, esta xente precisa
comer do quente, pois os montes desta parte do país son recios, difíciles de
decruar...
Afonso II.- (Un tanto avinagrado). ¡Estes galegos do Poñente..., como
son, e como se aproveitan dos votos! Sexa, pois; por esta vez que coman eses
criados, pero despois da nosa pernada..., ¡do que sobre!
Don Lope.- (Que entendeu mal, confundindo pernil con pernada). Diso
da pernada... ¡Señor, o que mande Vuesa Mercé, pero eu tíñavos por casto...,
tal e como pregoa a vosa sona!
Afonso II.- (Ferido na súa honra con aquel equívoco). ¡Casto son,
que por Casto pasarei á Historia! Quixen referirme..., ¡á pernada do porco, do
xabaril! ¿Ou non é certo que os xamóns sempre foron axeitados para o almorzo
dos caciques, dos conseguidores? ¡Pois logo! E con isto dito, meu Conde, non se
fale máis, que para a Gran Historia queda inaugurado este Camiño, mesmo por
sobre da Calzada Romana. Así foi e así é, que así o estamos pisando e nomeando,
coa finalidade de que non se confunda cos demais que podan chegar a ser feitos
nos séculos vindeiros.
(Diríxese ao cronista, ao amanuense). Meu escribán, toma nota, e que sexa en boa caligrafía, letra gótica, latín
e galego, para incorporalo ás Crónicas do meu Reinado. Apunta que inaugurei,
tal día coma hoxe, in person, esta Vía Real. ¡Pola graza de Deus e pola
miña palabra..., que é a palabra dun Rex Gallaeciae!
Apéanse os cabaleiros e soben pola escaleira, ¡pero detrás de don Lope!,
entrando na igrexa de Vilabade. No pórtico esperábaos o Párroco, Don Manuel
Varela Gorgoso, que se pon á cabeza da Comitiva Real. As lecturas da Misa e
mailas ofrendas fainas don Lope, (eu mesmo, servidor).
Xosé María Gómez Vilabella
-.-
Pasa a
NON SÓ SE FAI CAMIÑO ANDANDO
-II-
Xosé María Gómez Vilabella
No hay comentarios:
Publicar un comentario