viernes, 3 de octubre de 2014

ÁLZATE SOBRE TI MESMO -I-



¡Álzate sobre ti mesmo!


Xosé María Gómez Vilabella


O altar das miñas zocas
¡Si, miñas, xa que son as últimas que fixen,
e tanto lles quero que as subín ao máis quente da miña vida!


Matematicamente, cadora sabemos menos en proporción ao saber enciclopédico que nos circunda. Son moitas, infinitas, as especialidades, así que non é doado seguir o ritmo das medias, das medianías. ¡Daquela compre acelerar a espira da nosa auto formación, do noso coñecemento, medrar sobre nosoutros mesmos! ¿Como? ¡Ante todo, con disciplina interna, que é a mellor forma de estira-las horas!

O meu  ripeiro tiña catro pés, catro patas, ¡de xesta!, pero a min, ao zoqueiro, bastábame con tres puntos de apoio: vitalidade, potencia e movemento. De paso que aixolaba, nun esforzo sostido, sostido e dirixido, asumín tres responsabilidades: aprender, innovar, evolucionar. Así, cando me cansaba de darlle á madeira, acudía aos libros: subía ao cuarto onde meu pai poñía escola nos invernos, e lía canto papel por alí se gardaba, sen importarme que fosen cousas vellas, lidas ou sabidas, pois en cada lectura sucesiva o papel, ¡que ten alma, posto que nel se retratou o escribidor!, algo me dicía, algo novo descubría ou deducía.

Detrás aqueles carros de feo, do verán anterior, que se ían consumindo pouco a pouco, pero no outono, que é a época de zoquear con miras á invernía, aínda quentaban. O frío víñame de fronte, puro Norte, aquel Norte que miraba para a casa da nena que máis me gustaba, ¿ou debo dicir, que máis me desgustaba? Ela estudaba, eu zoqueaba; ¡culturalmente, liñas diverxentes! Pero é, está, no inalcanzable, no utópico, o nivel das apetencias humanas. Ela avanzaba, ¡notas magníficas, merecidas, que lle daban! Eu tiña que avanzar, darme notas a min mesmo, erguerme, se a miña capacidade, auto cultivada, mo permitía! Daquela non sabía que os mariñeiros ordenan: ¡Avante toda!, pero eu presentía, aló dentro, que algo así me debía a min mesmo; e, como seica dixo Lenin, ¡de Lenin, por meu pai, algo sabía!, a civilización vai dous pasos adiante e un atrás. ¡Corcho: Aínda que restemos un, sempre queda outro! ¡Matemático!
-.-



Se este é o mundo que eu fixen…

  
Curros

Vendo esto, Dios dixo
contra o seu chaleque:
-Si che outra vin nunca,
que o demo me leve

¡Tanto llo deformamos que agora, acaso coma nunca, levados do demo por mal camiño, estamos obrigados á restitución, á restauración, á reposición...! Daquela, alcémonos; comezando por min mesmo, que tamén son pecador..., ademais de torpe!

Fai daquilo vinte séculos..., e aínda estamos así! Menos mal que Deus é Deus, e o Fillo Fillo, pois, do que non, igual se arrepentía do seu Calvario.

(...)
I en fin, cantas cousas
que non deben verse,
que Dios, arripiado,
i as cruces facéndose
coñecida a causa
de que o inferno medre,
meteuse na groria
decindo entre dentes.
-Si eu fixen tal mundo
que o demo me leve"

¿Deus, arrepiado? Se xa o estaba daquela, a xuízo de Curros, hoxe, que só avanzamos nas técnicas pero non nas ciencias, nas Sociais, quero dicir, igual nos manda a octava das pragas, esa, inminente, da contaminación universal. ¿Estades afumados, queredes fume? ¡Aí vos vai! O malo é se non escarmentades...

Eu, para empezar, deixei de fumar..., ¡descantiá! Pero no resto..., no resto estou tratando de alzarme sobre min mesmo. ¿Conseguireino? ¡Esperanzas teño, podo ter..., se comezo hoxe, agora mesmo, a verme no espello, no propio, para despois lavarme coas augas da autocrítica, que son as eficaces, as únicas que poden lavar ás persoas, e coas persoas, ao mundo, antes de que a Deus lle dea por escachizalo..., para melloralo!

-.-


O punto de arranque para toda evolución formativa témolo na bioloxía: absorber, dixerir, asimilar, apropiarnos dos principios que consideremos básicos, positivos, séxase, aqueles que teñen efectos multiplicativos, expansivos!

Pero o autodidacta, polo feito de selo, non dispón, non manexa textos, non recibe leccións, entre outros temas, Pedagoxía. ¡Non ten mestre: pero é o seu propio mestre! A falta de profesores constitúese en profesor de si mesmo; non lle queda outra!
-.-


Motivacións

Nunca faltan; e cando non as teñamos, convén fabricalas; fabricación caseira, por suposto. Motivación son os impulsos que moven á persoa a realizar accións transcendentes, e despois, a persistir nelas para lograr unha culminación positiva. De entrada poñemos vontade, e sostémonos nesa loita aportando interese, coma quen lle atiza ao forno; canto máis atizamos, mellor coceremos.

¿Que non temos profesores? Mellor é telos, por suposto, e se podemos seleccionalos, perfecto, pero é moito o que se pode libar per se, na florería da cultura: observacións propias, directas; oficios (case todos sobordados de técnica); libros, periódicos, radio, tele; veciños e viaxes.

A verba “motivación” deriva de motivus, ou motus, “causa do movemento”. Disto tírase que a causa que nos move a cultivarnos e a progresar, por dentro e por fóra, está en nós mesmos; nacemos con ela: ¡A perenne auto elevación do ser humano! Non é igual frear que refrearse. Unha cousa é conterse nos límites da prudencia, e outra volverse, tirar para atrás ante a máis mínima das dificultades. Aquel que se free aforrou de vir ao mundo, pois non só se fai dano a si mesmo, senón que invita a outros a deterse; poño por caso un vago que teña afección aos bares para xogar ás cartas: salvo que só faga solitarios, e aínda así, con só a súa presenza, está invitando aos presentes a folgar, e por ende, a pecar. En definitiva, que a motivación é un estado interno que activa, dirixe e mantén a conducta en gradación positiva ou negativa, segundo queiramos utilizala.

Abraham Maslow, na súa Teoría da motivación humana, propón a cuestión da xerarquía de necesidades e de factores que motivan ás persoas. A súa pirámide é:

Necesidades fisiolóxicas, ou básicas: aire, comida, bebida, refuxio, calor, sexo, sono, etcétera. Despois sitúa as de seguridade: protección, seguridade física, orde, límites, estabilidade, etcétera. Pasando ás sociais, de amor e pertenza: familia, afecto, relacións sociais, traballos en grupo, colaboracións, etcétera. Un chanzo máis arriba sitúa as necesidades de estima: autoestima, logros, sona, responsabilidade, reputación, etcétera. Culmina esta pirámide coas necesidades de auto relación: ¡crecemento persoal polifacético!

Á medida que imos satisfacendo necesidades ou apetencias veñen, propiciamos, outras, que cambian ou modifican o noso comportamento; loxicamente non se nos presentarán novas apetencias ata ter satisfeita ou encarreirada a precedente; isto actuando con criterios razoables.

Necesidades complementarias, ou non xenéricas, que poden ser destes tipos: Estéticas, variables segundo países e épocas; cognitivas, desexos de coñecer, de resolver misterios, de indagar, etc.; tamén están as que podemos chamar de auto transcendencia, que tratan de promover e de resolver causas alén de nós mesmos, en comuñón cos demais: servizos prestados a outras persoas ou grupos, interese por unha causa ou un ideal determinados, fe relixiosa, etc., etc. En definitiva, que para onde medrar, por onde actuar, temos, a esgalla; ¡todo consiste en que nolo propoñamos con vontade de saír adiante polo camiño elixido, ou que nos foi dado, trazado, polas circunstancias concorrentes en cada caso, en cada situación.

Afondando algo máis nisto das motivacións: Os factores intrínsecos delas véñennos, arrancan, da nosa forma persoal de ve-lo mundo, así que disto pouco se pode dicir, precisamente por iso, pola súa subxectividade. En canto aos extrínsecos, de feito son, poden ser, innumerables, así que compre ilos seleccionando para que non nos apuren nin torzan. A motivación extrínseca abre as portas para iniciar unha actividade, tan só as abre; que as teñamos así, abertas, dependerá da categoría que lle demos ao goce proporcionado e / ou á responsabilidade que asumamos na execución dos feitos. 
-.-



Neste, no XXI, nada urxe tanto como buscarlle un antídoto á verba, ao concepto, vórtice. Dese vórtice, libera nos domine! Vórtice = Aglomeración confusa de sucesos, de xentes ou de cousas en movemento. De metidos neste remuíño, ¿quen é capaz de pensar? E sen pensar, ¿quén é capaz de razoar, de elixir, de asimilar? Nos últimos tempos, ou máis concretamente no último século, as fontes de coñecemento brotaron, manaron, ata no deserto, pero, ¿qué pasará se non nadamos, se non dominamos a situación? ¡Afundirémonos, desintegrarémonos!

Cando todo era silencio, tal que diante do meu ripeiro, era máis cómodo pensar, profundar do sinxelo ao complexo. Por vía de exemplo: Aquelas zocas da madriña.

Observei que as arrastraba ao andar... E fixándome un pouco máis descubrín que tiñan a boca demasiado aberta, así que, ao dobra-lo pé para dar a zancada, o calcaño saíaselle. ¡Non lle quedaba outra que facer aquel movemento forzado de arrastre! Solución: carpintexarlle outras máis..., anatómicas!

Da idea ao feito, que todo é así na vida, pero primeiro hai que pensar na materia prima; ¡para todo! O bidueiro tiña que estar pinchado, e tamén medio curado; non demasiado, para que a madeira sexa relativamente fácil de cortar, de traballar. O toro do pé, nunha árbore de tamaño medio, dá para dous pares de zocas, das de home, así que as de muller hai que tiralas de máis arriba. Cálculos: Co tronzador eliminar a parte máis grosa, e iso por dous motivos, para que o corte sexa regular, perpendicular, á vez que se elimina a zona de fendas que sempre se producen ao resecarse a madeira.

O toro elixido debe medir dúas polgadas máis cás zocas para que quede marxe no esmalte; e daquela, ao ripeiro! Pero antes de darlle á aixola, hai que usa-la cabeza, ese almacén cerebral, que o precisamos ter a punto, abastecido, ata para as labores máis sinxelas.

Medidas. ¡Iso, en plural, pois o pé non é rectilíneo! O primeiro que se me ocorreu, ¡por suposto despois de pensalo, que nada bo se pode facer sen cribar as ideas no cerebro; o malo, si!, foi pedirlle á madriña que, coa media posta, asentase os pés, sucesivamente, na miña pizarra da escola, ao suave, sen torcelo nin espatarrañalo; seguidamente, co pizarrín en vertical, delimiteille o espazo ou patrón, séxase, a proxección en plano horizontal. Pero iso non era, non podía ser, o asentamento interior da zoca, xa que a anatomía baixa en curva, redondeando, con tanta irregularidade que non hai dous puntos de igual radio. Pero unha aproximación, unha idea, si. E as ideas son, están, para ser perfeccionadas. Ela, lista coma un raio, axudoume no problema:

-Meu neno, isto podemos perfeccionalo se traio un balde con barro, suave e ben amasadiño; non excesivamente mollado, para que conserve a liga. Póñoo enriba dunha táboa lisa, e asento os pés nesa masa, pois os barreiros fan algo parecido cando queren tirar copias de tallas... Cando empece a secar, retiro o pé amodo, con suavidade, para non deformar o molde..., e con iso tés á vista a anatomía da planta dos pés, aínda que hai que puntualizar un pormenor: como as zocas deben levar algo de tacón, maiormente para que  non se achanten na lama, tes que imaxinarte un ángulo non superior a unha polgada entre a planta dos pés e mailo calcaño. Se é moita a desviación, ocasionarasme un desequilibro no meu centro de gravidade, con repercusión columnar, padecemento que lles dono ás bailarinas, que para iso cobran o que cobran; ¿entendes?

O das bailarinas, non, pero o outro si, que era doado de entender, máxime cando se fan as cousas con cariño.

Feito aquel modelaxe, propúxenlle á madriña:

-Xa que tes paciencia comigo, ¿que che parece se agora amasamos outro pouco de barro, e co pé enriba dunha táboa non rigorosamente lisa, senón que forme algo de cuña para o calcañar, che copio nese barro a parte alta do pé, a empeña? Podemos facelo ao sol, para que o barro seque pronto, e así retirámolo antes de que te canses... Estarías sentada nun tallo...

A parte da empeña foi máis difícil de reproducir porque había que retirar o barro nin demasiado húmido nin demasiado endurecido, para que non quebrase. ¡Como todo, ensaios e paciencia!

Cos moldes apareados, á vista, a miña man dirixiu maxistralmente trades e legres, así que as zocas resultaron..., aceptables!

Con paciencia e ensaios é como imos levando á nosa cabeza todo aquilo que teña forma física, sexa pintura ou escultura. ¿Que é un zoqueiro máis que un escultor de pés, iso si, dentro, que non por fóra, da madeira?   

¡Cantas cousas, cantas ideas, non cimentaría eu naquel ensaio mental; o que pasa é que nunca se me ocorreu analizar os efectos daquela causa, aparentemente insignificante! Cos edificios pasa algo similar que coa mente: os baseamentos teñen que ser sólidos, firmes, pacientemente colocados.
-.-


O saber parte, arrinca, do experimentar. Pero antes de actuar, pensar.  Mais, coidado cos experimentos, pois, se son perigosos en si, xa de entrada, mellor é ignoralos. Sempre nos referiremos a experimentos controlados ou controlables.

Un ensaio, ou experimento, faise para contestar unha pregunta que nos inquieta, ou para investigar un problema do que só tiñamos un coñecemento superficial. Nacen dunha observación, de algo que nos inquieta, de algo que sentimos pero non vemos. Son preguntas para as que, aínda, non temos resposta; problemas que nos suscitan, ou que se nos ocorren a nós mesmos. En definitiva, algo que queremos dominar; se podemos ou non, o experimento nolo dirá. ¿Se fixésemos isto, aquilo, ou o de máis alá, qué pasaría? ¡E pasa o que ten que pasar nas circunstancias concorrentes! Despois virá a análise dos resultados. ¿Se modificásemos tal ou cal factor, qué; sería ou non sería outro o resultado. E así, de problema en problema, e de solución en solución, pero sempre con prudencia, por se acaso. O dito, xeneralizado, xeralmente admitido, é: ¡Os ensaios..., con gasosa!

A propósito: Sempre se dixo que o mellor mestre é a necesidade. ¿Necesito unhas zocas, e non hai moito con que pagarlle ao zoqueiro? ¿Temos a ferramenta? Pois, nestas circunstancias, con algo que lle vira facer a meu pai, lanceime, lanceime a experimentar, e non precisamente con gasosa! Ás primeiras sobráballes madeira, e por dentro parecíanse tanto ao meu pé coma un daqueles estrobos da egua.

Daquela non coñecía a Lei de Wright, que di, Para calquera operación que se repita o tempo medio necesario para a operación diminuirá nunha fracción fixa conforme se duplique o número de repeticións. Tardaría en coñecela, en estudala, pero tiña na casa a meu padriño, que non se cansaba de recomendarme: Das cousas ben feitas ninguén pregunta polo tempo que levou facelas. Efectivamente, ás primeiras boteilles dous días, entre facer, arrebolar e volver a facer, pero as segundas xa me saíron, válidas, nun día! Dicíase que os bos zoqueiros facían de tres a catro pares ao día, segundo as repenicasen! Pois eu ía camiño diso..., para o mes seguinte! A miña curva da aprendizaxe subía pouco, certamente, pero como non tiña patrón...! Ou si que o tiña, eu mesmo, de min mesmo, pero pouco esixente. Aprender a facer zocas serviume, tamén, para descubrir que, con tempo, ferramentas e paciencia, algún que outro estrago, pero tódolos oficios son aprendibles, aprehendibles!

Especialización do traballo, no traballo. Escola de experimentación por antonomasia, ano tras ano, século tras século, foi a dos nosos labregos, tanto co gando como coas colleitas, que todo o aprendían nas súas cabezas e copiando, algo, de parentes, veciños e amigos. As oficinas técnicas de asesoramento, tanto públicas como privadas, non existiron ata moi avanzado o último século. Cada labrego, cada gandeiro, en relación á súa época, un pozo de sabedoría experimental; o peor do caso aínda era que, ao non deixar escritas aquelas experiencias, pouco pasaba á xeración seguinte, que logo tiña que comezar de cero, pero peor foi desde que mandaron os fillos ao Instituto, que estes si que desertaron do arado, para colgarse, boa parte deles, das estadas.

A especialización ou división do traballo deuse escasamente no medio rural, como non lle chamemos así á Cota Láctea! No fogar, si, pois a muller traballaba máis ben de portas  a dentro, e o home, delas para fóra. En xeral, o traballo, ¡os traballos!, de Galicia foron sempre unipersoais; non houbo, non podía haber, o que na industria entendemos por “división ou especialización do traballo”. Mesmo as rogas de temporada, convocatoria plural, eran función colectiva para un traballo idéntico, compartido. No anecdótico houbo unha excepción: aquelas segas de Castela, nas que ir a por auga, e repartila, era función dos nenos, ou, de non levalos, das mulleres.

Na industria, na produción organizada, a especialización, tanto para facelo mellor como para facelo máis rendible, optimiza os resultados, aínda que coas súas limitacións pois hai un nivel a partir do cal a rutina atorda. A monotonía do traballo rutineiro, simplificado, conduce á diminución da produtividade porque esa monotonía ten efectos psíquicos e motivacións negativas; de aí que nas fábricas en cadea se recomende a alternancia periódica, segundo o tipo de manipulación e / ou de atención. A busca de novas formas de elaboración e de produción foi progresiva nos últimos anos dada a globalización competidora, industrial e mercantil, dándose un desprazamento das factorías para situalas alí onde os recursos humanos fosen máis destros e baratos.

Ferramentas. Cada ferramenta require a súa particular habilidade, e tamén o seu grado de potencia física. A baixa especialización observada nas nosas aldeas tirou pouco da ferramenta; pouca e pouco variada. Para iso, no que eu coñezo de España, despois de visitar unha serie de museos etnográficos, cheguei á conclusión de que onde máis preocupou traballar con medios idóneos para cada función foi en Cataluña. Aquí, fose pola nosa pericia no traballo, capaces de facer calquera cousa aínda que fose con medios rudimentarios, (o Cura de Prevesos fixo un santo cunha navalla), ou porque a industrialización nunca foi o noso forte, o caso é que inventamos pouco: As consecuencias pagámolas co corpo, con un esforzo admirable pero esaxerado.
-.-


 
A arte está en todas partes; arar dereito xa é arte, unha arte práctica, útil. Tódalas artes o son, iso, útiles, porque ensanchan o corazón e afirman a vontade, a vontade de ser mellores, de facer as cousas como Deus manda, séxase, o mellor posible.

O artista, aínda que sexa ateo, está imitando a Deus, precisamente ao Deus que el nega. Facer as cousas, todas, de tódolos tipos, cada día un pouco mellor tamén é medrar, facelo cara ao Ceo que é onde nos esperan as perfeccións, as perfeccións e mailos perfeccionistas. Aínda que só fose pola satisfacción que dá ve-las obras rematadas e puídas, xa merece a pena dedicarlles cantas penas requiran. ¿Penas? ¡Ningunha, pois a pena está en te-las mans no peto, sen un can, sen unha obra, baleiros os petos, pero tamén as mans!

Cando Xesús subministrou aquel viño das vodas de Caná, ademais de facer unha obra boa, misericordia pura, de paso fixo unha obra ben feita: un viño mellor có anterior. A idea das obras ben feitas é connatural co individuo, que por algo as preferimos, pero, cales, as que facemos ou as que non fan? Dicía meu padriño: “Se a vaca do veciño dá máis e mellor leite cá túa é porque a coida mellor!”. Ese é o quid; daquela, se funcionan mellor cá nós, veña, a imitalos!

Puxéronse de moda os cualificativos atrevido, contemporáneo, significativo, importante, fetén, da bute, que mola..., pero todo iso é compatible, debe selo, pode selo, coa obra ben feita; podemos darlle eses tratamentos e estar mal feita, así que, nese caso, restémoslle méritos ao artista, ao fautor. ¿Quen deforma as cousas, quen antepón a comercialización á perfección? ¡Quen vai ser, o home actual, que deu en valorar as cousas en relación co que custan, co custe de venda e non co custe de elaboración! Imos por mal camiño, que logo non haberá onde depositar tanto lixo inútil.

Certo é que o consumo tira do enxeño, e os especialistas prosperan, pero, a sociedade? A sociedade precisa chegar a un punto de saturación cacharreiril para que se deteña, a fortiori, tamén nos obxectos pracenteiros, durables, gratificantes para o espírito, deixando lugar, un pouco máis, para os asuntos espirituais que, aínda sendo os mellores, están resultando os postergados. As esculturas álzanse sobre pedras e ferros; as persoas, non!
-.-


¿Quen dixo que iso de facer zocas ten pouco de artístico? Facelas sen que manquen, para as distintas tallas, sen que xeren calos, ademais de artístico é práctico. ¿E aquelas catarreiras evitables? Onde se evita un mal, ademais de arte temos ciencia, así que, dobre función!

¿Xa ninguén se lembra de que os zoqueiros adoitaban asubiar na fase do repenico, cando se sentían satisfeitos da súa obra? ¡Sentirse satisfeitos da propia obra é un adianto da gloria celestial! Hai mil traballos que incitan a pensar, a imaxinar. Non é o ocio un bo negocio; non, señor, que xa o di a verba. O pensar dos ociosos lévanos polo camiño da molicie; conduce á desintegración do ego, ¡a pretexto de coidalo!
-.-



Penso, logo existo. Je pense, donc je suis. Descartes (Discurso do Método). A partir desta certeza, as outras. ¿Que mellor ocasión cá dun ripeiro, coas mans accionando, e a imaxinación vagando? Nos outros oficios, tanto do vello como do novo testamento, que en termos laicos é algo así como dicir, da vella aldea ou da nova cidade, adoitamos ter miróns, clientes, que agardan e apreman pola nosa obra, e por tanto, distraen; diante do ripeiro, salvo as amas de casa, que de cando en vez pasaban a recoller estelas...! Diante do ripeiro sempre facía frío, que é un bo refrixerador para as cabezas quentes, aceleradas. ¡O clímax perfecto para ben discorrer!
-.-

Isto que antecede foi unha especie, un xeito anecdótico de introdución ao tema, ao problema das reflexións positivas, evolutivas. Reflexionamos buscando camiños, solución, tanto aos problemas persoais que nos vai presentando a vida, como daqueles que nos rodean, e dos que somos, dalgún xeito, copartícipes.
-.-

Buscando camiños…

  
A vida, as idades, non son largas dabondo como para andarse con vacilacións, con escolleitas dubidosas, con iniciativas e retrocesos, así que precisamos ir definindo os pasos, as direccións que nos aconselle a nosa experiencia, amén dalgunha que outra aportación das persoas que nos queiran ben.

O fundamental, o básico, é coñecernos, coñecer as nosas aptitudes, pero tamén as nosas limitacións. ¡Que difícil, non si? Daquela, razón de máis para que lle prestemos atención ao tema das potencialidades do noso evoluir, medios dispoñibles ou en carteira, etcétera!

(Evoluir é reconhecer nossos erros. Nâo para consertá-los, mas para nâo repetí-los. Amanda Chukur).

Está ben o de recoñece-los erros, pero mellor sería evitalos. ¿Como se fai? ¡Iso é outra carreira, que vai desde a caneta ao ataúde!

Situémonos, logo, na caneta. Primeira premisa: Face-los nenos leva de 5 a 15 minutos, pero, crialos? ¡Nenos somos de por vida, así que precisamos coidadores vitalicios, comezando polos pais!

Eu nacín nunhas pallas; e non o fixeron para imitar ao Neno Xesús senón porque era costume na miña aldeíña: encima das pallas unha trapeira, e máis arriba unha saba de liño. A parteira, de xeonllos; sería para adorar ao neno... Cando quixen preguntar a causa daquel sistema, daquel ¿quirófano? xa non atopei quen mo soubese explicar; tampouco fixo falta, porque a lóxica nolo di: ¡Así estaban cabe da lareira, cerca do lume, fose inverno ou verán, e o neno, ao saír, non collía malos aires! Pasar do mundo interno ao externo ten bastante de traumático, así que era prudente tomar precaucións.

Seica non tardaron en chegar as veciñas co “cesto”: ovos, manteiga, pan trigo ad hoc se lles coincidía cocer, e da Casa Grande..., ¡unha libra de chocolate! ¡Tamén nisto evoluímos, tamén!

O neno, ¡o anxo!, comeza a mamar, e por ende, a medrar. ¡Comezan os problemas, pero tamén as proteccións, e coas proteccións as solucións!
-.-




Eu son...



¿E logo, vostede, de qué familia vén a ser? Esta enquisa oíase, moito, polas terras de Castroverde, nas presentacións, pois na miña bisbarra á casa, á familia, tiña, e dábaselle, personalidade propia. Aínda hoxe vemos algunhas reminiscencias nas necrolóxicas que poñen o alcume da casa para mellorar a identificación ou localización das exequias.


Culturalmente, aquilo era un paso, un brinco, un salto, desde o tribalismo ao individualismo desgarrado actual. Foi desaparecendo o minifundismo nas fincas grazas ás compras, permutas e / ou concentracións parcelarias, aínda que logo haberá que dicir que cada parroquia é una leira, e para iso, a monte, pero no que atinxe ás persoas tan minifundistas somos, ou nos volvemos, que xa non teño límites, non confino cos parentes: ¡Eu, eu só! ¿Isto é elevarse? A min paréceme que é minguar, rever.

Cando había máis interrelación familiar na personalidade de cada quen sumábase “a casa”, “a casa Tal”, “a familia Cal”. Hoxe en día tan prepotentes nos cremos que ata sobran os connubios: “Aquí a miña parella”. ¿Logo é “parella”, xa non son a mesma cousa, nin sequera aquilo da, “unidade de destino no universal”?  Da unión sempre saíu a forza, pero, da desunión?

E digo eu, non será que de tanto facernos os sabidos chegásemos ao convencemento, infundado por suposto, de que somos tanto, estamos tan altos, que nos endeusamos? ¡Coidado coas unidades de medida, pois para medirnos, para auto cualificarnos, non hai ningún “metro” estático, que varía segundo tempos e circunstancias!

¿Signos externos da nosa valoración? ¡Cantos se queiran, que mirade se nos consideramos importantes que xa non pedimos de favor que nos digan por onde case a rúa Tal ou o monumento Cal! Habería que inventar unha fórmula que demostrase, que explicase, que o home / muller altivos, soberbios, individualistas, realmente son máis cativos cós sinxelos, cós humildes!

Sobre isto de coñecerse (e por tanto, valorarse) a un mesmo vou citar a Alfonso Aguiló, que di: O autocoñecemento supón sempre unha labor ardua, e que, en certa forma, non acaba nunca, (porque), nunca acabaremos de coñecernos de todo: o home ten algo de  misterio, sempre hai algo del que se lle escapa, que vai alén da súa propia intelixencia. O home, cando dirixe a súa ollada cara a si mesmo, moitas veces ten que deixarse levar por suposicións. Intúe a dirección por onde debe dirixirse á meta, pero con frecuencia descoñece a realidade mesma da meta. Podemos dicir que ten de si mesmo un coñecemento progresivo. Porque tampouco sería certo falar de descoñecemento. Aquel que se esforza por coñecerse, lógrao!
-.-
 


Penso, logo existo. Je pense, donc je suis. Descartes (Discurso do Método). A partir desta certeza, as outras. ¿Que mellor ocasión cá dun ripeiro, coas mans accionando, e a imaxinación vagando? Nos outros oficios, tanto do vello como do novo testamento, que en termos laicos é algo así como dicir, da vella aldea ou da nova cidade, adoitamos ter miróns, clientes, que agardan e apreman pola nosa obra, e por tanto, distraen; diante do ripeiro, salvo as amas de casa, que de cando en vez pasaban a recoller estelas...! Diante do ripeiro sempre facía frío, que é un bo refrixerador para as cabezas quentes, aceleradas. ¡O clímax perfecto para ben discorrer!
-.-


Isto que antecede foi unha especie, un xeito anecdótico de introdución ao tema, ao problema das reflexións positivas, evolutivas. Reflexionamos buscando camiños, solución, tanto aos problemas persoais que nos vai presentando a vida, como daqueles que nos rodean, e dos que somos, dalgún xeito, copartícipes.
-.-



Os bloqueos

Non poden ignorarse nin discutirse. Tivémolos e témolos todos, ao longo das nosas vidas. De mil clases: razóns ou circunstancias familiares, económicas, sociais (medio no que nos criamos ou vivimos), e incluso, para abreviar, marcha e nivel cultural do país.

Con máis ou menos esforzo, pero non hai que ser pesimistas, pois, con un pouco de sorte, esforzo, e parentes ou amigos (¡non precisamente recomendacións, aclaro!), nos que apoiarnos, ¿quen non é, ou non foi, capaz de medrar en si mesmo, sobre si mesmo?

Cos bloqueos hai que loitar: estamos no noso castelo, na nosa fortaleza, rodeados de inimigos... ¡Daquela parabéns pois son os inimigos, máis que os amigos, os que excitan e animan á fortaleza!

¿Que mérito ten ser fillo dun rei, e criarse rodeado de aios, lacaios e institutrices? ¡Así saíron a metade dos príncipes: balugas de manteiga!

A hora de loitar é polas mañás, e a das consultas, na almofada: ¿Que tal se me deu o día; onde fallei; que me compre facer para encoraxarme? Aquel que dixo: O meu reino por un cabalo, non pensaba mal, que hai que ir de menos a máis, que as cousas miúdas poden lograr, ou facer perder, segundo as propiciemos. Por unha ferradura, tropezou aquel cabalo; caído o cabalo, caeu o guerreiro; caído o guerreiro, perdeuse a batalla. ¿A onde vou por aquí? Pretendo demostrar a importancia que teñen as ferraduras, as pequenas cousas, os detalles; os descoidos, por nimios que sexan, poden levarnos, en consecuencia, ás derrotas. ¡Coidar os detalles importa, moito; e logo que as casas non se comezan polo tellado, senón polos planos, polas previsións!
-.-


Como a reflexión require detención, para reflexionar neste, no XXI, o máis práctico igual é retirar a pila dos nosos aparellos, agora que todo vai a pilas!


As malas reflexións parécense ás malas dixestións: ¡Non se dan cocido!

Na miña terra dicimos: Amodo, ho; párate a pensar! Pero tamén é hixiénico alternar pensamentos con distraccións; acordémonos de que as roseiras teñen espiñas.

A natureza de seu é algo irreflexiva, o que en física chamamos inercia; require tempo, atención, esforzo para acender, e freada para mudar de idea.

Elvis Presley, na súa aparencia frívola e superficial, cando se poñía a reflexionar tamén sabía facelo, tamén sabía controlarse, e del quedeime con esta frase que ten o seu zume: Nunca te dobregues ao primeiro dos fracasos, nin ao primeiro dos comentarios adversos que che fagan..., porque máis que derrubarche un sono, derrúbalo ti mesmo”. ¡Ei tedes o perigo de derrotarse un mesmo, así que, calma, reflexión; canta máis tormenta, máis reflexión!

Outras consideracións alentadoras, positivas, recompiladas por aquí e por acolá, que serven asemade para reflexionar e para admitir que non só pensamos nós, os occidentais, tan fachendosos que somos da nosa cultura e do noso saber:

Albert Einstein: Cada home é o arquitecto do seu destino. Deus fíxonos perfectos e non escolle aos capacitados, senón que capacita aos escollidos. Facer ou non facer algo só depende da nosa vontade e (singularmente) da nosa perseveranza.

Charles Chaplin: Non pasei pola vida..., e ti tampouco deberas pasar, sen deixar pegadas.

Charles Darwin: Non é o máis forte nin o máis intelixente o que sobrevive, senón o máis capaz de adaptarse aos cambios.

Gabriela Mistral: O que sementa escaso, escasa terá a colleita; o que sementa con largueza, con largueza a terá. Que cada quen faga o que se propuxo no seu corazón, pois Deus ama ao que dá con ledicia. Dáme, Señor, a perseveranza das olas do mar, que fan que cada retroceso sexa un punto de apoio, de partida, para un novo avance.

J. M. Serrat: O importante non é o que che pase, senón cómo o afrontas.

Jaime Borrás: Unha mentalidade positiva axuda a triunfar. Pensa ben..., para vivir mellor!

Jorge Bucay: O amor verdadeiro non é outra cousa que o desexo inevitable de axudarlles aos outros  a ser quen son.

Lilith: A tristeza é coma unha esponxa que absorbe a auga da vida ata facela morrer.

M. C. Fernández: Non esquezas os teus principios cristiáns, que sempre te axudarán; sabes que Deus non é un sono senón unha realidade, a única verdade pola que merece a pena vivir.

M. J. Márquez: Ser (quero ser) facho acendido para os camiñantes que atope ao longo da miña vida. (¡Xenerosidade absoluta!)

Mahatma Gandhi: Debes ser (ti mesmo) o cambio que queres ver no mundo.

Og Mandino: Aquel que nunca fracasou, é que nada intentou.

Príncipe de Ligné: Avanzo cara ao inverno á forza de primaveras. (Á viceversa tamén se cumpre!).

Rose Kennedy: Deus nunca nos abandona e a súa providencia xamais permite que caia sobre nós unha proba superior ás nosas forzas. Da mesma: O destino do mundo determínano aquelas persoas que conseguen impoñer as súas ideas, sexa para mellor ou para peor.

Tagore: Merecemos a vida, dándoa!

Hai máis, pois o mundo está cheo de pensadores, pero será cousa de dixerilos (os pensamentos) en apracible dixestión.
-.-


¡Ah, si: retirar a pila dos nosos aparellos...! Cóntase que en certa ocasión, a persoa que presidía unha sesión do Congreso, en vez de atender ao que se estaba, abriu unha “tablet” e púxose a xogar con ela. ¿Estaba xogando coa tablet? ¡Non; estaba xogando co país, e ela sen decatarse! ¡Aprendamos!
-.-


De Chamalú, un indio quechúa: A meta non existe; a meta e mailo camiño son o mesmo. Non temos que correr para ir a parte algunha, só saber dar cada paso plenamente.

Analicemos un pouco, que todos son a ensinarnos, tanto que abundan os mestres! ¡O caso é que queiramos oír!

Ninguén ten meta fixa, séxase, topes; claro que están as circunstancias limitativas, ¿verdade que si, señor Ortega?, pero iso é máis ben no circundo. As metas ímolas fabricando segundo avanzamos: Son metas móbiles, desprazables. Acabo de chegar aquí, a este punto concreto, pero como vou seguir, como quero seguir, Deus mediante, non debo chamarlle meta. ¡É un punto, unha referencia, do meu camiño, do meu camiñar, do meu vivir! Segundo camiño, fabrícome, refórmome; xa non son o de onte, nin física nin moralmente. ¿Cara a onde andei? Se o fixen na dirección correcta, cara a diante; se me torcín, outra vía estarei iniciando.

¿Vou só? ¡Nunca, pois sempre levarei comigo, salvo que queira esquecelo, aquilo que aprendín do meu entorno, sumado, perfeccionado, coa miña atención, se é que a puxen, se é que a utilicei! A vida, coma a natación, require impulso, propio ou dos ventos imperantes en cada punto, en cada momento. Canto máis braceo, neste caso coa cabeza, máis adianto. Pero compre levar compás; para tomar decisións, claro. ¿Qué Norte me fixo; cara a onde quero ir? ¡Iso tamén hai que pensalo..., a tempo, pois os retornos na vida humana non existen! ¿Quen pode desandar o andado, quen pode volver a nacer?

Hai que ter presente que na nosa andadura non só nos movemos nós, o individuo pensante, o individuo actuante, senón que, tanto por influencias directas como indirectas, estamos influíndo no rumbo doutras persoas, e isto é dunha responsabilidade grandísima, non sempre visible, pero existente.   

Se ao bracear axitamos as augas, como na piscina do mundo actual estamos uns tan próximos dos outros, ese rebumbio ten efectos, propulsores ou retardadores, pero nunca neutros. O caso é que sendo real, sendo certo, pouco nos importa, pouco nos fixamos nas repercusións colaterais. En Economía fálase de danos e/ou beneficios colaterais, pero en Socioloxía a isto dáselle menos importancia, e tena, grandísima, absoluta.

Non hai espirro que non lance virus, ¡e nós sen decatarnos! Daquela, se compre a hixiene física, ¡que non será a ética!
-.-


¿Que, fixemos propósito? ¡Pois vamos coa ética, sentémola en preferencia! Nisto é no único que se pode, que se debe, ter dúas noivas: A Moral e maila Ética. Non é bigamia oportuna, permitida, senón necesaria; e o caso é que son tan guapas, as dúas, ámbalas dúas, así que, felices!

¿Guapas, ambas; e logo, cal é a morgada, como diferencialas? A Xefa, a estudosa, é a ética, porque determina non só o que é bo, per se, senón, e tamén, a dirección na que se debe actuar; vén a ser a ciencia do comportamento moral; súa irmá menor, ou compañeira, é máis curtiña, máis xenérica: concrétase nun abano de conductas de convivencia; ademais é localista, variable segundo tempos e xente.

A moral ten unha base social; conxunta e recompila unha serie de normas de conducta e de convivencia; en definitiva, un código, un codex, Máis íntima, máis interior, é a ética, que xurde da interioridade da persoa individualmente considerada, como resultado da propia reflexión, séxase, da propia, persoal, elección; non nola dan, inventámola.

Para mellor diferencialas fixémonos en que as normas da moral actúan sobre nós por efecto reflexo, mentres que a ética inflúe, dirixe, marca, a nosa conducta, pero desde a propia conciencia, desde a propia vontade. A moral lévamos de man, vennos imposta; en cambio, pola ética, chamamos nós, nós mesmos: “Vén, guapiña, sal de min, maniféstate, que quero facer tal cousa, pero co teu visto bo, consciente e sabedor de que é unha boa decisión”.

Nas normas morais, recibidas, impera o aspecto prescrito, legal, obrigatorio, imperativo, coercitivo, e incluso, nalgún caso, punitivo. As normas éticas parímolas, pero sen dor de parto porque as apreciamos, porque as desexamos, porque as queremos de corazón. ¿Que para outros, non? ¡Pois para min, si, pois así penso, e así actúo! Son froito da miña reflexión, concienciudamente practicada e querida.

Hai un par de definicións moi sinxelas pero exactas: A ética é o estudio filosófico e científico da moral; é teoría, mentres lle damos á moral un sentido práctico, xeralmente admitido. A outra di que a ética trata sobre a razón, e depende da filosofía; en fronte, ou de par, segundo os casos, está a moral, que é o comportamento no que consiste a nosa vida social.
-.-


Para conducir un vehículo suponse que hai que estar familiarizado con el, coa maquinaria, cos dispositivos peculiares de que estea dotado; non si? ¿E nós, qué; non precisamos coñecernos, sequera un pouquiño, para atinar na propia condución? ¡Équiliquá! ¡Eccolo qua! ¡Aquí está o quid da cuestión!

¿Para coñecernos, en qué espello nos miramos? As cousas, demasiado cerca, vense mal; e de lonxe, tampouco. Así que o exame de conciencia non é doado. Para comezar, hai que educar a conciencia, facela neutral, non auto enganarnos!

Dime, espelliño máxico, qué tal son; eu, si, eu; qué tal me porto, utilizo as miñas enerxías, au bout de, ou téñoas vagando? Fai o favor de dicirme se teño reservas, azos para mellorar de condición, para encarreirar as miñas vivencias! Pero este exame hai que facelo nun momento neutral, sen influencias externas, sen sometemento a circunstancias opresoras ou apremiantes, tomándose folgos, amodo, ampliando o obxectivo lentamente, gradualmente:

            ¿Como era, como me sentía e como pensaba, onte?
            ¿Que variacións vexo desde antonte, no meu carácter, nas miñas decisións?
            ¿Vou para adiante ou retrocedo?
            ¿Estou freando nas valentías para non convertelas en ousadías?
            ¿Arredo aquelas covardías que non dimanen da prudencia?
            ¿Teño xente ao meu redor, capacitada, competente, prudente, para someter as miñas dúbidas ao seu criterio, de consideralo superior ao status actual dos meus coñecementos?

Poucas máis receitas se poden dar xa que é, de seu, o propio individuo, quen é, quen debe ser, capaz de controlar ás súas reaccións, e por tanto el mesmo se ten que inventar, axenciar os reactivos que lle resulten máis eficaces. Todo iso no plano da prudencia, por suposto; nin quedarse nin lanzarse ao abismo do imprevisible.

Se me poño a cavilar, igual dou en tolear...! Que non rapaz / rapaza, pois a tolemia, salvo que che estalen os nervios, cousa anatomicamente posible, adoita vir precisamente da falta de reflexión, da introspección, de soltárlle-lo freo aos cabalos da imaxinación.

¡Cantas cousas facemos que, de meditadas cinco minutos máis, non deixarían pegadas no noso historial! O auto análise ha de ser, insisto, progresivo; algo así coma un curso de natación: comezamos co “salvavidas” para rematar lanzándonos desde o trampolín; na ponderación das nosas posibilidades algo parecido, pois, se subimos un chanzo, no seguinte tamén atoparemos medios adicionais que nos sirvan e axuden a soster o incremento do esforzo.

Ollándonos nestas introspeccións ponderamos o estado das nosas reciprocidades, que en modo algún poden ignorarse: ¿En que influímos, e tamén cando, como, e por quén somos influenciados no noso entorno? ¿Somos incomprendidos, ou é unha figuración nosa? ¿Hai algo que podamos cambiar en nós mesmos para mellorar de cualificación, no suposto de que sexan obxectivamente xustas as apreciacións do noso próximo?

Xesús, -que nos Evanxeos está-, advertiunos: “Non xulguedes e nos seredes xulgados”. Hai que entendelo ao dereito: Non xulguedes ad extra, tal que desde unha cadeira de xuíz auto nomeado; pero no de que nos xulguemos a nós mesmos ben insistiu, en moitas pasaxes, máis ou menos deste xeito: “¿Acaso pode un cego guiar a outro cego?”. Pois ben, cego, con cegueira absoluta, é aquel que non trata de verse a si mesmo, de coñecerse a si mesmo, de guiarse a si mesmo.

¿Que facer cando non gusto? Desta pregunta ninguén se libra, nin os máis ousados! Desde logo, que sempre nos fan un favor: Se teñen razón, estannos axudando a descubrir os perfís perfectibles do noso carácter; e se non a teñen, despois de analizada a situación compre elixir entre limar asperezas ou facerlles como á auga do río: deixala correr! Consolo: Que é moi humano, e por conseguinte non debe escandalizarnos, isto de ser incomprendidos, xulgados, sinalados e cuestionados pola nosa forma de ser, de proceder, e incluso de expresarnos; mais, para iso, o dito: Se cabe perfección, non demorala; e se están errados, o puído do noso proceder, da nosa exemplaridade, será o máximo, o único, que lles podamos ofrecer, pero nunca discutir cando iso só vale para perde-lo tempo, o tempo e mailas enerxías, que é o peor dos dispendios. Nestes casos traiamos á memoria aquel aforismo árabe de que, quen discute cos cans, nunca á Meca dá chegado. Se non teñen razón, non lles deixemos maniatarnos, pois acovardarnos no camiño correcto é peor que un atume de mans: átanos a liberdade de pensamento. ¡A portas pechadas, non turrar, busca-las seguintes, que o mundo é grande, moito!
-.-


Outros aforismos árabes; algo pícaros, pero hai ocasións e / ou asuntos nos que serían prudentes: Non digas todo o que sabes / Non fagas todo o que podes / Non creas todo o que oes / Non gastes todo o que tés, PORQUE Quen di todo o que sabe / Quen  fai todo o que pode / Quen cree todo o que oe / e Gasta todo o que ten, MOITAS VECES Di o que non lle convén / Fai o que non debe / Xulga o que non ve / e Gasta o que non pode.
-.-


Dispostos a saír, a subir, a romper, pero, cómo está o mundo, aí adiante, aí arriba? Se nolo preguntásemos antes de nacer, igual nos acovardábamos!

Ya hay un español que quiere
vivir, y a vivir empieza,
entre una España que muere
y otra España que bosteza.
Españolito que vienes
al mundo, te guarde Dios:
Una de las dos Españas
ha de helarte el corazón.

Antonio Machado

Pero nunca choveu que non escampase, e logo que o mundo mellorará..., se facemos por melloralo, pois o mundo é causa común, herdanza colectiva!

Dicía meu avó e padriño: “Comparando os bens cos males, tódolos tempos son iguales”. Paréceme unha visión algo pesimista para hoxe en día: Un dos peores males dos tempos pasados foron as caudillaxes tiránicas, pero, grazas en parte á liberdade de prensa heroicamente acadada, as críticas construtivas están liberando ás nacións. ¿Todas, a todas? Aínda non, pero os contaxios positivos tamén existen. Por outra parte, a outra tiranía, a do capitalismo, que non pode desaparecer pero si atenuarse pois os ricos, os excesivamente ricos, podrecen por dentro, eles mesmos, se non na primeira xeración si nas seguintes. ¡Seino eu, que fun Director de Sucursal dun Banco, e levo coñecido a miles de clientes, a miles de potentados ensoberbecidos, que é a enfermidade do capitalismo!

Como as crises do capitalismo son arrepiantes, e ata certo punto imprevisibles, tanto no tempo como nos espazos, compre advertirlles aos prudentes, ¡os imprudentes que se ateñan ás consecuencias!, que procuren certa estabilidade antes de encargar os fillos, pois, aínda que certo é que veñen con un pan debaixo do seu braciño, neste XXI ademais de pan queremos compango: ¡Vimos así de mal afeitos, da despedida do XX! As previsións tamén son herdanza dos nosos entregos, que sempre recomendaron levar os ovos á feira en dous cestos..., por se había roturas, caídas!

Previsor Pablo, cando lle dixo a Timoteo, na segunda: “Ten sabido isto: que nos días derradeiros haberá intres difíciles. A xente volverase egoísta, avariciosa, fachendosa, presumida, maldicente, mal guiada cos seus pais, sen caridade, impía, desnamorada, falsa, calumniadora, altiva, ríspida, inimiga do bo, traicioneira, temeraria, focha, máis amante do pracer que de Deus; terá aparencia de piedade, pero renegará da verdadeira forza da mesma. ¡Con xente desa non te xuntes!”. ¿É, ou non é, unha multa paucis premonitoria, que segue de actualidade?

-.-

O corsé das circunstancias


Causas alleas, imprevistas, si, pero a fatalidade non existe. Os atrancos están aí, pero non sempre, nin en todas partes. Atan, pero, afortunadamente, non adoitan ser invencibles..., botándolle coraxe á vida! A planta, segundo que planta, pode acadar bríos suficientes para sobresaír, para vencer obstáculos. Non volvamos ao fatalismo grego, non retrocedamos, que xa veu Cristo, ¡Deus!, e demostrounos que o noso libre albedrío pode levarnos a onde queiramos ir; ¡a cuestión está no querer, na forza do querer, no querer potencial, que xa o di o refrán: Querer é poder. Dio, si, pero, como todo, con acoutacións, pois, poño por caso, se pedimos a lúa, narai!

Sentar cabeza é básico, dicía meu avó. Si, sentala, aquietala, pois divagando a nosa imaxinación pode pergeñar cadros preciosos, pero, no aire! Sentar cabeza é aternos ás realidades circundantes, e nelas baseados, propoñernos accións, para despois botar ánimos para facelas, para darlles forma, como pasa coas zocas! O de fóra dános orientación para o de dentro, e a continuación, ¡cocer, matinar, sopesar e concluír! A vontade vén sendo coma o bafo da pota, que en plena cocción alza o testo. Desde logo que non é cousa de pretender imposibles, pero si de facer posible canto sexa razoablemente acadable. Sempre comezando pola relaxación, insisto, pois cocer non é queimar; medir o que temos e calcular o que nos falta para que o pucheiro resulte. A desexos grandes, obstáculos pequenos; pero a desexos extralimitados, fume, só fume. Se queremos ir a un lugar determinado, ¿que facemos? Se está lonxe, documentarémonos: mapas, medios de transporte, costos...; e de estar cerca tamén hai esixencias: desde o horario ata o calzado. Nos desprazamentos mentais tamén compre información previa: todo ten medida, todo é medible, ou, polo menos, calculable.

O pensamento é un vehículo supersónico, ultrarrápido, que nos sitúa instantaneamente onde nos apeteza, así sexa nas antípodas, pero iso é válido cando sabemos manexalo, controlalo. Hai que marcarlle a ruta, dirixilo co telemando da sensatez. ¿Que terreo quero recoñecer? ¡Pois nese punto exacto é onde debo aterrar o meu “dron” de recoñecemento! A veces rodeamos a cuestión, evolucionando, xirando, observando, calculando noutros temas, e de pronto vemos, notamos, percibimos, algo así como un punto brillante que nos chama a atención; nestes casos a nosa curiosidade faría ben en deterse, por se resulta do noso interese. ¡Cantas cousas nos levan pasado, boas e malas, simplemente por pararnos a observar, a curiosear, onde ningún antecedente tiñamos delas! Nestes rodeos, xirando en torno á cousa atractiva, ou insólita, cada quen verá algo diferente se diferentes son a súa preparación, as súas afeccións; en definitiva, as súas metas persoais. É evidente que cantas máis luces teñamos acesas no noso intelecto, canta máis vocación ou atracción teñamos, poñamos, no campo dos feitos que nos sorprendan, meirande será a nitidez do noso retrato, máis perfecta e  mais ampla a percepción obtida; tal é o caso dos inventos, que os ideou aquel que se parou a profundar en puntos ou circunstancias que a outros lles pasaban desapercibidas. ¿Quen  non ten notado que hai cousas que nos fixeron volver os ollos en determinada dirección, e para asuntos que nada lles dicían aos compañeiros da viaxe? Deste xeito todos pasamos a vida descubrindo, inventando, infinidade de cousas, pero, ou non resultaron útiles, ou non fomos capaces de poñelas en valor!

Deus fíxonos tan complicados e tan variados, tan evolutivos, que só pode controlarnos coa súa infinita sabedoría; vémolo a diario, por exemplo: un político, que hoxe é ovacionado, se vén outro que, mesmo ao día seguinte, nos explique, con ou sen fundamento, que o seu contrario ten tal ou cal defecto, se puidésemos retirariámoslle o noso voto. Isto pasa cando non facemos un balance xeneral, pois, como en todo balance, as persoas temos o noso activo, pero tamén un certo pasivo, un algo negativo. ¿Quen non? Un bo analista é aquel que comeza por ser obxectivo, por analizarse a si mesmo; ese tal descubrirá que as persoas tendemos a..., pero con tendencias graduais, transitorias ou non, pois incluso houbo santos que foron pecadores nun momento dado, nun dos seus eclipses. En definitiva, busquemos a perfección pero comezando pola propia, polas necesidades propias, polas propias esixencias.
-.-

A perfección esixible.

Non é, non pode ser de igual grado, segundo a idade, o estado, a función... Un neno / unha nena é un aprendiz de home / muller, e por tanto hai que axudarlles a selo. ¿A ser home / muller? ¡Tamén, pero primeiro, e máis urxente, será ensinarlles a ser nenos! ¿O estado? Lixeirezas que serían desculpables nun solteiro, din mal, ou incluso pésimo, de casados. ¿Escandalizar aos nenos? ¡O máis terrible, o máis punible, en boa moral! Os segrares desexamos, e temos certo dereito, a ver un distingo, unha exemplaridade positiva, nos relixiosos; gradual, pois o que sería censurable nun sacerdote, atribuído a un bispo, a un mestre da igrexa, ten que escandalizarnos, e con razón. Un servidor público non é admisible co listón baixo, e xa non digamos un Rei ou un Presidente.

Estamos falando de posibles, de posibilidades, pois as heroicidades poucas veces, pero algunha, si, son de obrigado cumprimento. Cristo, no seu Código, -Evanxeos-, non esixiu impecabilidade, pero si repudio do pecado. Imitar a Cristo, si, obrigatorio, pero na medida dos nosos posibles, que nos invitou a estar vixiantes, partindo, admitindo, que a carne é débil. Pedro negouno, e non só unha vez, ¡ben advertido que estaba!, mais, con iso e con todo, aquel arrepentimento lavou a ofensa, a desafección.

A nosa tendencia a pecar é un lastre, certamente, pero a nosa mente ten potencia suficiente, de ben empregada, para neutralizar os desvíos; e logo que o código está ben definido, nos Dez; só temos que deixarnos guiar, lembrando que homo sapiens somos, e por tanto, pensantes, reflexivos, mestres de nós mesmos. ¡O problema está en se latamos esa escola!

De todo isto dedúcese claramente, e non porque eu saiba falar claro, que igual non, que temos a capacidade de ser conscientes de nós mesmos, e por tanto, responsables do noso pasado. Temos uns poderes inmensos, e de aí esa responsabilidade: Somos capaces de planear, de transformar, de realizar grandes proxectos, cunhas repercusións enormes, de todo tipo, e nós sen decatarnos!
-.-


Os meus instrumentos, as miñas armas.


Segundo os estudosos do cerebro, o Emocional non se debe analizar Racionalmente, e, en reciprocidade, o Racional non se debe estudiar Emocionalmente. ¡Mirade se estamos ben dotados que incluso temos armas para escoller, pero hai que escoller, para cada cousa, a súa! De aí que se diga que unha persoa que sabe guiar, conducir, e manexar os seus pensamentos, é capaz de guiar, conducir e manexar a súa vida. ¡Xa; en teoría, si, pero a vida, a nosa paisaxe, as nosas vías de circulación, están cambiando constantemente, así que non sempre agardan por nós as ocasións de elixir rumbo: hai que decidirse; en tempo e forma, si, pero, sen dilacións!

Por armas que teñamos, o que non se pode é levar varias guerras á vez, así que constantemente temos que ir desbotando as ideas que nos veñan a desora, fóra de oportunidade. Nos traballos manuais, de ben sabidos, hai ocasións nas que se poden simultanear con unha sesión mental, de ideas abstractas, pero non, nunca, ao cento por cen, porque..., pode írsenos a aixola aos dedos! Non se trata de ter unha soa cousa na mente senón de darlles prioridade e atención, segundo conveña. É obvio que se tentamos concentrar a enerxía do pensamento nun só asunto, desviando, pospoñendo, distraccións e perturbacións, mellor mazaremos no ferro, mellor moldearemos aquilo que máis nos importe ou conveña. ¡Elemental, pero non sempre o facemos así, divagando, divagando...! Dicía miña tía de Pousadela, así, por cousas: “Non fixen isto, ou aquilo, porque a imaxinación fóiseme de caza”. Dicíao ben, pero non era moi exacto porque a imaxinación solta, desbocada, nin mosquitos caza!
-.-


Eu son...



¿E logo, vostede, de qué familia vén a ser? Esta enquisa oíase, moito, polas terras de Castroverde, nas presentacións, pois na miña bisbarra á casa, á familia, tiña, e dábaselle, personalidade propia. Aínda hoxe vemos algunhas reminiscencias nas necrolóxicas que poñen o alcume da casa para mellorar a identificación ou localización das exequias.



Culturalmente, aquilo era un paso, un brinco, un salto, desde o tribalismo ao individualismo desgarrado actual. Foi desaparecendo o minifundismo nas fincas grazas ás compras, permutas e / ou concentracións parcelarias, aínda que logo haberá que dicir que cada parroquia é una leira, e para iso, a monte, pero no que atinxe ás persoas tan minifundistas somos, ou nos volvemos, que xa non teño límites, non confino cos parentes: ¡Eu, eu só! ¿Isto é elevarse? A min paréceme que é minguar, rever.



Cando había máis interrelación familiar na personalidade de cada quen sumábase “a casa”, “a casa Tal”, “a familia Cal”. Hoxe en día tan prepotentes nos cremos que ata sobran os connubios: “Aquí a miña parella”. ¿Logo é “parella”, xa non son a mesma cousa, nin sequera aquilo da, “unidade de destino no universal”?  Da unión sempre saíu a forza, pero, da desunión?



E digo eu, non será que de tanto facernos os sabidos chegásemos ao convencemento, infundado por suposto, de que somos tanto, estamos tan altos, que nos endeusamos? ¡Coidado coas unidades de medida, pois para medirnos, para auto cualificarnos, non hai ningún “metro” estático, que varía segundo tempos e circunstancias!



¿Signos externos da nosa valoración? ¡Cantos se queiran, que mirade se nos consideramos importantes que xa non pedimos de favor que nos digan por onde case a rúa Tal ou o monumento Cal! Habería que inventar unha fórmula que demostrase, que explicase, que o home / muller altivos, soberbios, individualistas, realmente son máis cativos cós sinxelos, cós humildes!

Sobre isto de coñecerse (e por tanto, valorarse) a un mesmo vou citar a Alfonso Aguiló, que di: O autocoñecemento supón sempre unha labor ardua, e que, en certa forma, non acaba nunca, (porque), nunca acabaremos de coñecernos de todo: o home ten algo de  misterio, sempre hai algo del que se lle escapa, que vai alén da súa propia intelixencia. O home, cando dirixe a súa ollada cara a si mesmo, moitas veces ten que deixarse levar por suposicións. Intúe a dirección por onde debe dirixirse á meta, pero con frecuencia descoñece a realidade mesma da meta. Podemos dicir que ten de si mesmo un coñecemento progresivo. Porque tampouco sería certo falar de descoñecemento. Aquel que se esforza por coñecerse, lógrao!
-.-
En min mando eu!

Goleman. A intelixencia emocional é a capacidade de recoñecer os sentimentos propios, e tamén os dos demais, para así manexar as emocións e ter relacións máis produtivas cos que nos rodeen en cada momento. Esta intelixencia permítenos tomar conciencia das nosas emocións, e tamén comprender os sentimentos dos demais; tolerar as presións e as frustracións que soportamos no traballo; acentuar a nosa capacidade de traballar en equipo; e tamén adoptar unha actitude empática e social, que nos brindará máis e mellores posibilidades no noso desenrolo persoal.

A seguridade en nós mesmos parte, ten que partir, da propia infancia, así que nos sentiremos máis robustos mentalmente se fomos ben tratados na infancia. Nisto terán, teñen, unha gran responsabilidade tanto os pais coma os coidadores.

Nota importante: Suxírese polos entendidos que é mellor saber calar ante unha persoa ofuscada, evitando crearlle angustias. ¡Segundo os casos, digo eu!

En definitiva, que a intelixencia emocional non é unha condición innata: admite cultivo e perfeccionamento, así que, en min mando eu!
-.-


A nosa, persoal, torre de control




Teño claro que o que inventou as torres de control dos aeroportos tomou de modelo a súa propia cabeza: Rodaxe, para o despegue das ideas; aproximación, nas aterraxes. Tamén hai avións que cruzan e non aterran: son as ideas que nos pasan rozando, pero non as admitimos porque nos son alleas naquel momento, ou ben porque as consideramos inoportunas.

Para aterrar fai falta permiso; para admitir unha idea, tamén, pois as inoportunas deixámolas seguir voando, o que non quere dicir que non retornen nun momento máis propicio. Nos aeroportos esíxese unha separación, no tempo e no espazo; as ideas tampouco poden aparearse, superpoñerse, ou mal aterrarán; ¡aterrarannos! ¿As condicións climatolóxicas? ¡Segundo esteamos de ánimo así decidiremos!

Todo está ao servizo da torre, todos son a proporcionarnos información; e na torre procesamos, dixerimos, e..., decidimos, baixo a nosa responsabilidade, por suposto!

¿Idiomas, na torre? ¡Na torre, e fóra dela, pois na globalización actual pouco somos e pouco sabemos se só coñecemos á xente da casa, os pensares da casa, o modus vivendi da casa. Sen observar non podemos comparar, e sen comparar mal podemos elixir. Observar é máis que ver; observar é prestar atención, e para iso precisamos amplitude de miras, espazos abertos, circulación de ideas. Con un feixe de posibilidades á vista xa podemos concentrarnos na súa análise, no seu discernimento.
-.-

Cambiar de marcha

Se o podemos facer nun coche, que en definitiva é un invento noso, qué non poderemos facer neste motor inventado, creado, por Deus, que ten de combustible o libre albedrío?

Claro que os cambios comportan molestias, a súa adaptación é retardataria para o noso ritmo de vida, pero tamén teñen, asemade, en moitos casos, un poder de aceleración adicional. O que non se pode negar é que esixen tesón, esforzo, e nalgún caso, sufrimentos imprevistos.

¿Caixa de cambios? A nosa conducta ten innumerables marchas, así que podemos cambiar de conducta cantas veces nos propoñamos. Pero os cambios, as modificacións, hai que pensalas. Se nos vai ben nunha marcha, non forcemos o cerebro. Reiterando, sosténdonos, nunha idea, nunha marcha, quedaranos a atención mais libre para contemplar a paisaxe; en definitiva, máis constancia, máis adestramento.

A señora Efigenia das Cavozas tiña un tear, un só, e o sobriño, que era carpinteiro, fíxolle outro; despois diso dicía ela que avanzaba o dobre nos tecidos, pero non era certo: Na variación, na alternancia, hai un descanso, rómpese a monotonía, pero tamén se cumpre que, no cambio, hai que volver a quentar motores.
-.-

A meditación

Coa meditación fría, desapaixonada, diminúe a ansiedade e mellora o estado de ánimo; en definitiva, tranquilízanos. Pero a tranquilidade non vén de tranca, como antigamente se dicía; non se resolven as cousas a trancazos senón razoando; de entrada, con nós mesmos; e cando teñamos as ideas claras, daquela será o momento de pasar ao diálogo, se así o decidimos.

Para meditar hai que centrarse nun tema, nun asunto, con calma e sen présas; seguidamente dar preferencia ás ideas que nos agraden, que nos proporcionen benestar; e con iso desbotar as ideas que nos incomoden. Máis ou menos, con palabras parecidas, díxomo o noso Cobrador de Sidi Ifni, Si Hossain, cando lle preguntei cómo facía para estar sempre tan sereno, incluso manexando aquelas taleigas de cartos revoltos: pesetas, francos franceses, francos CFA, etc. “Tomo precaucións, e de tomadas, despreocúpome”.

Insisto: focalizar unha cuestión, coma un médico auscultando, que non pasa ao punto seguinte sen ter ben cualificado o que escoitou ou notou no precedente. ¡En todo, hai que aprender de todos, que non hai ninguén que non teña algunha idea boa!

Os chinos din que temos “mente mono” cando un vai de aquí para acolá, saltando de rama en rama, e teñen razón!

Hai que ter presente que este mesmo cerebro que está capacitado para aprender tamén solta, se o descoidamos; desaprende, que esquecerse é outra cousa, así que convén levalo de ramal, non darlle excesiva soltura, ao que tamén se lle chama autocontrol.
-.-


A soberbia dos ignorantes. Un pensador ateo que pensaba mellor que moitos católicos que se dan de tales, Vaclav Havel (foi Presidente de Checoslovaquia), referíndose aos esfargalladores da paz e da convivencia pacífica: “Estas non son máis que as consecuencias da actitude do home cara ao mundo, cara á natureza, cara aos outros seres humanos, cara á vida mesma. Son as consecuencias da arrogancia do home moderno, que se cre que todo o sabe, que todo o entende, así que se erixe en dono e señor da natureza e do mundo” ¡A soberbia dos ignorantes!

Está visto que canta máis ignorancia máis soberbia. ¿Xa nos esquecemos da humildade de Sócrates, que recoñecía, que afirmaba, ¡el, un saio!, que só sabía (de certo) que nada sabía? O sabio da maiéutica, que cultivaba a arte de preguntar para iluminar o entendemento coas respostas, sempre preocupado polo coñecemento e polo autodominio, á vez que pola natureza, recoñecéndose ignorante? ¡Pois si, érao, que nin o máis sabio chegaría a saber un infinitésimo de canto hai para saber, para indagar, para coñecer a fondo!

Moi agradecido lle estou a aquel vello de Gijón, un varredor a punto de xubilarse, que asistía, el tamén, ao nocturno do Instituto, que me dixo, ao verme estrañado: “¿Que, escandalizo; pois dilles de parte miña aos escandalizados que penso seguir ata que me leven para Ceares (o cemiterio), que se de rapaz fun varredor, agora, de vello, o meu interese está en axudar a varrer a ignorancia deste pais, que hai moita, case diría que infinita. Cando me xubilen e remate este Bacharelato, penso poñer escola, gratuíta, para les guajes do Coto, meus pobres, tantos que hai!”. O que sinto é ter esquecido o seu nome, así que, ao non ter seguridade, non podo citalo aquí. Cando suba preguntarei por el, que de seguro está na lista dos sabios, dos sabios santos.
-.-


Capeando o temporal: os ventos desaforados do marketing.


Elévate por ti mesmo; non que te eleven, tal que adoitan facer eses ventos desaforados da mercadotecnia, excitándoche necesidades as máis das veces imaxinativas. Falo con coñecemento de causa: ¡Un dos meus diplomas é precisamente o de “Marketing”!

¿Remedio? Botar áncora, ou achantar os pés na terra, aprender a distinguir entre antollos e necesidades; ser ti, ti mesmo, o auténtico, e non ese monicreque fabricado polas propagandas. A tal punto chegan que o seu punto crítico pode substituír o criterio máis consolidado da persoa, transformándonos noutros, noutros que, coa cabeza fría, igual non quixésemos ser.

Sempre se vendeu, é necesario vender, pero non sempre o é comprar, sexan artigos ou ideas falaces. Para o que non estea moi iniciado nisto das ventas, asombraríase se, de súpeto, descubrise a magnitude das técnicas propagandísticas, o seu avance, particularmente no último século, no XX. Descubrir América non foi nada comparado cos lavados de cerebro actuais: ¡outro mundo, pero este tan etéreo que máis que mundo é unha atmosfera que nos obnubila, que nos debilita, ata anulala, a nosa imaxe do real, do útil, do necesario, do oportuno, e uns cantos etcéteras máis.

¿É necesario vender? ¡De fabricado, si! Tanto no material como no inmaterial, que ata se vende a política dimanada dunha Constitución que deixe as portas abertas aos mellores contistas dun país! ¡Véndennos listas pechadas, nas que non se nos alcanza a ver o contido persoal, a motivación persoal dos ingredientes! O vendedor precisa vender, pero ao comprador, ao usuario, non sempre lle é útil tal ou cal mercadoría: as presións da propaganda anulan os criterios pouco maduros, pouco consolidados!
¿Receitas? Sempre as mesmas: Concentrarse, aprazando as decisións ata lograr que a nosa mente elabore un programa de mínimos, e a partires diso, se podemos, queremos! Hai necesidades e hai apetencias, que non teñen por qué coincidir. E dentro das necesidades un criterio maduro atópalles grados, gradacións.

Para o vendedor tamén é malo facer presión, tamén para el, pois tarde ou cedo acabaremos colléndolles repugnancia as cousas inoportunas, malas ou innecesarias; esa repugnancia a veces é comunicativa, compartímola con outros consumidores, así que os vendedores impositivos acaban tendo opositores, refuses, que lles malograrán o horizonte de ventas. A empresa necesita acreditarse; non hai empresa viable, con vitalidade asegurada, no tempo e no espazo, se non coida o seu prestixio, así que de pouco lle vale inflarse con ventas repudiables. O mañá sempre importa máis có presente pois as dificultades presentes, de coñecidas, témolas algo, polo menos algo, controladas, pero un futuro de catástrofes imprevistas pode ser definitivo, incontrolable. Diferenciemos entre especulación e empresa, que son conceptos distintos, xeralmente antagónicos.
-.-


¿Oír, percibir? ¡Oír, todo; escoitar, o seleccionado! Tendo opcións, atendamos a aquilo que teñamos por máis positivo. ¿Que podemos equivocarnos? Si, pero non é igual un erro voluntario, ou facilmente previsible, que outro involuntario. Cando a mente traballa, cando a poñemos a traballar, dáse un proceso asociativo, xunta pezas, antecedentes, e con iso obtemos a imaxe definitoria, a decisión. É indubidable que canta máis experiencia máis datos, máis fácil a resolución do problema, pero o cuantificable está en saber se ese prezo compensa a vantaxe actual obtida. Hai experiencias que logo non serven para nada, pero tampouco sobran, tampouco estorban. Non esquezamos que pensar é anticiparse, estar disposto a aceptación ou ao rexeitamento, segundo nos aconselle ese asesor que todos levamos aló por dentro.

A capacidade de observación é unha percepción do máis preciso e detallada posible do noso entorno. Consiste en aprender a captar, a percibir e a recoñecer tódalas mensaxes recibidas polos nosos sentidos. Nesta conciencia debemos axudar aos fillos a fixarse nos detalles de calquera entorno. É algo que xorde con naturalidade e que amplía a relación paterno – filial creando unha relación de complicidade.

Calquera situación é boa para mellorar a capacidade de concentración, e por iso debemos aproveitar tódalas situacións, tódalas ocasións, de xogar cos nenos, que é tanto como facernos, con eles, accesibles, e á vez, comprensibles.
-.-


 
¡Non podo máis!

Concentración. Para concentrarse, para meditar, para reflexionar, ¡un convento! Que volo digo eu, que de neno, cando tiña que levarlle algún recado ao Cura da Parroquia, que utilizaba de reitoral os restos do convento de San Cibrao, (fora dos dominicos), eu, naquelas encuastras, baleiras, estarteladas, gustaba de quedarme por alí, todo o posible, atusmando, imaxinándome que era un frade; se tivese unha pizarra igual redactaría algún pensamento daqueles que non me saían na escola; na escola menos que noutra parte porque a concentración require soidade, espazos amplos ou abertos.

O cansazo oponse á concentración; vai de par o relaxo físico co mental, así que, despois de soltado o recado, e de paparme as dúas onzas de chocolate que adoitaba darme a tía do señor Cura, ala, renda solta aos pensamentos! Na soidade daquelas encuastras ata me parecía estar máis cerca de Deus que na propia igrexa; na igrexa estaban con Deus, en animada conversa, que tal mo parecía polas expresións das súas imaxes, a Virxe e mailos Santos. ¡Eu era un intruso! Pero nos claustros baleiros e medio ruinosos, Deus acollíame mellor, concedíame audiencia, ou iso se me figuraba. ¡Que envexa lle collín a don Benito por vivir naquel Ceo! Así se explicaba que predicase tan ben aos domingos: inspirábase, como fixeran os frades, naquel santuario silencioso!

O cerebro tamén se fatiga, e de cansado a imaxinación tráelle, apórtalle, interferencias. Os nosos vellos fumaban cada media hora, “para que descanse a cabeza”, argumentaban, pero de feito o que estaban facendo era quentar motores, intoxicalos, darse tóxicos para que enfermasen, xuntos, á vez, a mente e mailos pulmóns.

¿Queremos produtividade, rendemento intelectual? Pois, daquela, recreos, coma no colexio, pero neste caso 5 ou 10 minutos cada media hora. Se estamos na cidade, asomarnos á ventá, para ve-lo mundo correr, mentres nós descansamos; e se nos pilla no campo, en calquera faena, pararnos para inflar o peito, e de paso escoitar os paxaros; se á vez chiframos, mellor que mellor!

En todo caso, para dar unha receita xeral, simplificada, entre outros, estes tratamentos poden valer: Busca un espazo tranquilo, e de poder ser, agradable. Tes que ter ganas de concentrarte, pois sen elas unha mosca distraerate. Cando percibas que se adurmiñan os teus pensamentos, se queres continuar esperto, esperta, espílete, pois na dorme-vela non hai creación posible. Cando a mente se desboque, non intentes freala, que perdes o tempo; ¡déixaa correr! Prémiate por manter a concentración; fai que che agrade. Cando te desanimes, olla para atrás; ¡sentirás pracer sopesando o que levas feito, que ata dirás: ¿Sería eu, sería capaz de facer isto que levo feito? Seguidamente dálle as grazas a Deus, polo que te leva axudado, que igual é máis do que mereces. Vai calculando os tempos para que teñas tempo de recorrer o camiño proposto; e pensa que a produtividade mídese polo nivel acadado, e non polo tempo empregado.
-.-


O colchón ten moita importancia na nosa vida: se é bo, levantaraste descansado, fresco para renovar a carreira da vida; e se é malo, ¡aquel de follas de millo, que tan axeitado era para poñerme a discorrer: cada revolta, seu pensamento! (Despois da guerra, morta miña tía, a viúva de Salmerón, dixéronnos os parentes de Madrid que se necesitábamos algún moble, ¡mobles foi o único que lles deixaron os franquistas, ao entrar en Madrid!, e como eu me viña queixando do meu colchón, un colchón lles pediron, só un colchón, que por certo nolo levou Bonifacio de Castroverde, no seu camión, de volta dun dos seus viaxes a Madrid, con patacas).

Durmir axuda a consolidar os coñecementos adquiridos, e aporta novas ideas. ¡Esa máquina do cerebro, que ata de durmidos traballa, amodo pero continuo, e xa non digamos cando nos proporciona pesadelos absurdos, que veñen a ser unha carena, unha limpeza a fondo!

O estrés, a tensión, tamén require hixiene se non queremos deixarnos abater, consumir. Algunhas recomendacións, a voa pluma: Para comezar, apaguemos todo iso que nos distrae a atención, causándonos fatiga máis que desafogue, ¡tantas veces!, como é o caso da tele, maldita / bendita tele, que tanto dano nos fai á vez que enche os nosos baleiros. A mesa, ¡relativamente!, ordenada; cando vexo mesas-almacén, caóticas, danme ganas de axudarlles a resolver, ¡se puidese! As tarefas planificadas coa antelación suficiente, ¡suficiente, pois, de ser excesiva, estamos creando unha congoxa innecesaria!; esmiuzalas, para facelas máis asumibles, pois aquí tamén vale aquilo de “divide e vencerás”. A alternancia de funcións, que sempre é recomendable: traballo, descanso, deporte, diversión..., e frugalidade na comida, particularmente nas ceas; non esquezamos aquel dito dos avós, e non sei se tamén dos médicos: “De abundantes ceas están as sepulturas cheas!”.                                                                                                     
-.-


¿Observamos, ensinamos a observar, procuramos aprender?

Espiar é outra cousa. Na infancia, mesmo desde a caneta, hai unha función indeclinable nos pais, que é a de afeccionar aos nenos a xira-la vista para que non lles pase desapercibido nin o movemento dunha mosca. ¿Dunha mosca? Si, tal cal. Na aldea, que hai / que había pouco movemento ao noso redor, miña nai tenlles dito aos nenos coñecidos: “Torna de ti esa mosca, pero faino cunha palmada suaviña, sen mancarte, que vaia aproveitarse das vacas, que elas teñen esterco, e ti gloria pura”.

Incitar a atención dos nenos tampouco é marealos, porque hai que facelo con animus educandi, con intención, deliberada, molestándonos en explicarlles ao detalle a función de canto apareza en escena, no noso entorno: cousas, ditos, feitos...

Na observación, como falando para dentro, xa debemos formular categorías, cualificar, definir, analizar; non deixalo para despois, para cando a mente estea ocupada noutras cousas, porque sería distraela con bailes diferentes: Cando se está na “jota”, xota veña e vaia, que despois virá a muiñeira; cada baile, cada observación, ten o seu momento, e sincronizados co suceso, mellor, que mellor nos decataremos dos tons, dos matices, das valías.

Agora queixámonos de que os fillos, os nenos en xeral, pouco, ou nada, atenden aos consellos domésticos. Revisemos: Aqueles aceleramentos do XX, aquela febre xeneralizada de ter e de posuír; aquela cartilla de aforros competidora, da irmá, do irmán, da veciña, do veciño, do amigo, da amiga; os aburrimentos dun traballo xeralmente superior á súa preparación; as alternancias sociais, etcétera, levounos a prescindir do ensino doméstico, ou case, delegándoo todo nos avós, na gardería, nos mestres..., con omisións irrecuperables que levaron ao desleixo familiar. ¡Pois ben, pois mal: Daquelas choivas veñen estes lodos!
-.-

 
De flor en flor, libando o mellor.


Como son pequeniñas fixámonos pouco nelas, e iso que son o súmmum da practicidade: Aproveitan o néctar para seguidamente transformalo nunha esencia mellor, noutra; barullan moito pero viven en paz; e logo que o mando non entorpece, e os abázcaros, en proporción, son poucos. ¡Un reino perfecto!

Na bibliografía, na floresta, oriéntanse perfecta e detidamente, que non perden o tempo no inútil; así que: orientación, libación, regurxitamento, e..., previsión de futuro, iso si, en favos pequeneiros e variados, ¡por se algunha inversión falla, pois día chegará en que lles sexan de utilidade aquelas economías, aqueles néctares seleccionados.

Non perden o tempo divagando por fóra da colmea. O que non sei é se os ingleses copiaron das abellas, ou se foi a inversa, pero o caso é que elas tamén opinan que, My home is my castle. ¡Coidan o castelo, e coidan do castelo!

De postos en realidades, hai que recoñecer que precisamos unha certa afouteza para non caer nas tentacións, en particular na da molicie. ¡Todo nolo dan por feito! Collemos unha folla de anuncios, e só hai que tirar de carteira para que nos leven á casa, desde vicios a máquinas. ¿Que nos reserva a sociedade de consumo actual? ¡Só que fabriquemos billetes, pero como esa función xa a ten o Banco Central, nós, qué? ¡O resto: pedir, ou roubar! O de pedir, de tan xeneralizado, está obsoleto, inoperante: Por non dar, nin os bos días damos! ¿Roubar? ¡Aínda que non houbese cárceres, sería tan baixo, tan repugnante para a convivencia humana! ¿Daquela, que nos queda? ¡Aprender das abellas!
-.-


O antídoto de roubar chámase ética, así que non sobra darlle un repaso: Hai roubos individuais, facilmente perseguibles, e roubos organizados, ou de gran escala, tan sutís que faría falta un Fiscal en cada casa para detectalos e punilos.

Aqueles bandidos de Sierra Morena embozábanse nas súas capas; os de agora fano de maneira máis sutil: embózanse en empresas, ou máis ben, en fórmulas empresariais, acollidas a preceptos ambivalentes. Inventouse un concepto novo, que nin a Maquiavelo se lle houbese ocorrido, tan novo que aínda non ten vocábulo propio, así que o definiremos con dúas verbas provisionais: Capital impaciente, ou, de persoas impacientes. Tamén hai quen lles chama, sociedades de comenencia ou instrumentais; en lugar de trabucos, trabucan, fan trabucar aos inocentes, aos pagáns. O esixible, o correcto, o moral, caia ou non dentro do legal, é aterse ao compromiso social que comportan os servicios ou utilidades ofertados. ¡Xa; peor, pois ata se fabrican máquinas calculadas para que, despois dun certo servizo, se inutilicen sobre si mesmas, para que o cliente se vexa obrigado a mercar outra, outra máquina, enteira, e non determinada peza de recambio ou de reposición! ¿Que iso xa se sabe, que sobre dicilo? ¡Máis ben penso o contrario: que cadora é máis oportuno, necesario, ensinar a pensar!

Hai unhas afirmacións do profesor Vicente Salas que, en vista da proliferación dos Corleone, non está de máis repetilas e divulgadas como evidencia precisamente do que cadora se cumpre menos: “O comportamento ético é sinónimo de cumprir as promesas que se fan a terceiros. Cando se repite este comportamento honesto, a persoa adquire unha reputación sobre a que se poden construír expectativas acerca de cal será o seu comportamento en situacións similares futuras”. E remacha: “Cando se ten, preservar esa reputación supón un forte incentivo para evitar unha conducta deshonesta e enganosa”. ¡Xa, xa; pero, precisamente como non, como abunda o contrario, como abundan os burros, o que se prece de cabalo que lles atenda ao freos, que se free a si mesmo, ¡a tempo!

Nestas circunstancias, pódese subir, avanzar, atados por tantas preocupacións, por tantísimas sinais de perigo? ¡Cando hai sinais, menos mal, o peor é cando nolas disimulan, cando nolas ocultan, que neses casos o esforzo terá que ser dobre: teremos que avanzar, simultaneamente, in vixiando, pero tamén in elixindo. Por aí temos os artigo 1902, e seguintes, do Código Civil, ¡mentres non os cambien, pois algún dos seus puntos pode facerlles rozaduras aos capitalistas!, que, en resumen, di que, cando se recibe algunha cousa que non se tivese dereito a percibir, e que por error (propio ou ocasionado) fose indebidamente entregada..., hai que restituír!  ¡En definitiva, vixiar para elixir, prever, pois as recuperacións, con frecuencia..., “van de caza”! 
                                                                                   -.-

De alzados, afianzarnos.


O problema de afianzar a personalidade. Din uns cantos científicos que se herda o temperamento, séxanse, certos aspectos biolóxicos do carácter, factores xenéticos que colaboran nas conductas sociais dos individuos, pero, observando unhas cantas irmandades, logo hai que pensar que seus pais tiñan un almacén deles, e que os foron repartindo, distintos en cada semente. ¿Ou será cousa de facernos o ADN?

Esgazando estas dúas verbas, carácter e temperamento, entendemos por carácter o conxunto de aspectos psicolóxicos que se moldean, ¡que se moldean!, coa educación, co traballo da vontade, amén de certos hábitos que permiten, ou posibilitan, certas reaccións do individuo fronte, nas, súas experiencias. Esgazar esgazámolas, pero o certo é que o carácter está casado co temperamento e actúan en consecuencia, sempre, ou case sempre.

Ao carácter, aínda que complexo e con interaccións, poden atribuírselle tres compoñentes básicos: a emotividade, que é a repercusión emocional do individuo fronte aos sucesos que lle afecten; a actividade, que sería a inclinación que teñamos para responder ante cada tipo de estímulos; e quédanos a resonancia, o eco ou resposta que presentemos ante esa diversidade de sucesos.

Tipos de caracteres. Se fose función miña esta clasificación, diría, escribiría, que, ¡tantos como persoas! Pero ateñámonos aos clásicos:

Apáticos. ¡Deus, o que abundan, lamentablemente! Deron en chamarlles “pasotas” verba maldita, pero que está ben dita. Predícase daqueles que viven ao caracol, encerrados en si mesmos; melancólicos, testáns y un tanto preguiceiros. Gustan da rutina e compórtanse con indiferenza, non innovando nin no que lles convén.

Nerviosos, cataventos. Tan pronto se interesan polas novidades como as aborrecen. Pouca orde e pouca disciplina. De vontade adoitan ser débiles, pero sociables e afectuosos socialmente.

Os sentimentais. Moi sensibles, e un tanto pesimistas. Gustan da soidade, e desmoralízanse, apéanse, con facilidade. Eses abatementos lévanos ao rancor, á inseguridade, á indecisión. Gústanlles as novidades en xeral, pero cústalles apreixalas.

¿Coléricos? ¡Logo había que chamarlles latinos! Son traballadores, ¡cando lles peta! Ousados e gustan de seguir improvisacións, levados dos seus impulsos. Aparentemente extravertidos, pero como se tensionan facilmente, fúxenlle ao lobo antes de velo.

Os apaixonados, que se definen por ser uns empollóns, con imaxinación e capacidade de traballo. Interésalles aprender, e son metódicos nas tarefas.

Outra categoría, ou clase, pode ser a dos caracteres amorfos: preguizosos, pouco orixinais e pouco previsores, impuntuais, e cousas así.

¡Ai, Deus, qué complicados somos, e cantos nos custa domarnos, acadarmarnos, domarnos a nós mesmos!

Agora púxose de moda someterse aos test previos, tanto para estudos como para optar a postos de traballo, que se non son dogma tómanse por tales. Din que serven para ditaminar as nosas actitudes, xunto coas aptitudes, para prever e determinar cómo actuará a persoa ante situacións académicas, e tamén no laboral. Tódolos inventos teñen algo de conto, pero nisto dos test aproxímanse bastante á personalidade de cada quen, aínda que tamén sexa de consignar que na nosa evolución, en cuestión de días ou de meses, por efectos de novas circunstancias, cambiamos de carácter, fundimos e afundimos personalidades que se daban por definitivas. Cambiar, cando é para ben, para mellorar, é de persoas, de persoas formadas, pois a formación consiste niso, precisamente niso, en ir a mellor, en atoparnos a nós mesmos, en descubrirnos diante do propio espello!

Tamén podemos considerar dous tipos xenéricos, dúas características que van connosco, que nos acompañan sempre por moito que limemos: a introversión, iso de mirarnos o embigo; e a extroversión, que consiste en ollar ao lonxe, con máis permeabilidade, ao mundo exterior; máis sociais, interesados polo que ocorre alén do noso embigo.  

Influencias do ambiente na personalidade. Están sendo moi estudadas ultimamente; púxose de moda, pero eu quédome coas apreciacións de Viviana Lemos, que explica moi ben como os factores socioculturais inciden na personalidade. Un dos principais compoñentes do seu estudio consiste en analizar como a pobreza (nunca tanta pobreza tivemos, e cada día peor, porque, ao haber, e coñecer, moitos ricos, os outros recoñecémonos como pobres, apreciación que non se tiña noutros tempos de coñecemento limitado e de adaptación ao medio), como a pobreza, di ela, inflúe negativamente na personalidade dos cativos. Ao non ter acceso á educación, á comida, e outros recursos básicos, os nenos pobres son vulnerables a ter unha personalidade negativa. Por medio de estatísticas e de cuestionarios realizados, o estudio mostra esta realidade e cómo é a personalidade dos nenos que viven en países pobres, pobres en comparación con outros que non son tanto, pois o que é ricos – ricos hai poucos, e en poucos lugares. Hoxe en día o que ten rendas non se libra de traballar, de administrar, de defendelas, así que, en definitiva, non deixa de ser un traballador, un máis.

En definitiva, que hai que fixarse nos comportamentos, e copiar dos mellores, que por esta copia non suspenden a ninguén, antes ao contrario! Non esquezamos que o home vén do barro, así que admite modelado.
                                                                        -.-



Tesón versus cabezonería

Para acender, para arrancar, decisión; e seguidamente, sen levantar o pé do acelerador, perseveranza, tesón. Non frear cando proceda facelo sería cabezonería.

Os galegos temos tan estudada e tan sabida a acepción negativa, a inflexibilidade no aceleramento, as súas consecuencias, que dispoñemos dun abano de termos con un significado análogo: aberración, cabezán, cabezonería, cabezudo, cachamoulán, cachán, cacholán, contumacia, carneirán, carneiro, cazurro, cornán, cornelán, ferreño, gurrón, obcecación, ofuscadiño, obsesión, obstinación, pertinacia, porfía, teimudo, terquedade, testalán, testán, testarudez, testudo, turrón, etc., etc. ¡Ou moito abundan os tales, ou é que moi estudiados están!

Unha persoa con tesón trata, fai os posibles, por rematar o ideado, o comezado; e se fracasa, reinicia a marcha, buscando outros camiños, outros métodos, outras receitas. Os perseverantes son singularmente optimistas, positivos, con alta estima de si mesmos, con capacidade de autocontrol. Enfróntanse, pero non a peito descuberto senón coa coiraza das precaucións axeitadas, ás dificultades sobrevidas, aos obstáculos, deixando de lago as frustracións, o aburrimento, o desánimo, as tendencias da pereza.

Nas relacións interpersoais tamén compre botar man da perseveranza, ¡con perseveranza conseguín que aquela estudante de Maxisterio lle fixese caso ao zoqueiro!, porque calquera pequeno incidente se non poñemos “tesón” en aclaralo e resolvelo nos seus inicios pode levarnos a rupturas desagradables e inconvenientes.

A perseveranza axuda pero non garante; e como nesta vida nada hai garantido máis que a morte, só os covardes se achican. ¿Que hai erros? ¡Pois aprendamos deles, e volvamos ao punto en que deixamos os acertos!

¡Ollo cos nenos, que aí si que debemos extremar as atencións! Hai que educalos na obediencia, non na tiranía, pois se o rapaz non aprende a ter límites desde a infancia, cando esperte a súa conciencia non aceptará as reflexións, converténdose nun testán obstinado. Un rapaz, igual que un adulto, ten dereito a enfadarse, a non conformar, pero hai que evitarlle que iso, esa tendencia, se transforme nun carácter ferreño.
-.-
Xosé María Gómez Vilabella

Pasa a
Álzate sobre ti mesmo
-II-

No hay comentarios: