viernes, 3 de octubre de 2014

ÁLZATE SOBRE TI MESMO -II-

.../...





¿Que dons conferiu Deus ao home? ¡Vontade (e coa vontade, bondade), intelixencia e memoria! ¿E logo, o mal? ¡O mal é de fabricación caseira; fabricouno o home, home/muller, rebelándose, non importa como, contra o Dador do ben! Déralles demasiado, e con esas, nesa liberdade, montaron no cabalo indómito da soberbia, así que, Deus, chamounos a capítulo, retirándolles aquel exceso de gratuidade, e díxolles isto, ou algo parecido: “A partires de agora, como se empezásedes de cero. E non só iso, pois, como nos vosos gametos tamén tedes alma, que o corpo, todo o corpo, é o seu soporte, este pecado acompañará á carne!”. Os detalles coñecerémolos Arriba; aquí abaixo toca RECONSTRUÍRNOS, EVOLUÍR, CUMPRIR O CASTIGO, AQUEL CASTIGO CONSTRUCTIVO. Deus, Xuíz perfecto, díxonos: ¡Desfixestes a miña obra, pois agora tócavos, xeración tras xeración, colaborar na súa restauración! Así o estamos facendo, coa axuda de Deus, e certo esforzo da nosa parte, por suposto! ¿Entendido? ¡Síntoo, pero non volo sei explicar mellor!

Desde o Paraíso ás cavernas, e destas aos jets, pero aínda queda traballo, a saber para cantas xeracións, as que o Creador nos teña asignadas! Polo que a nós toca, desde xa, mans á obra!


VONTADE

Do verbo volo, velle, (querer, desexar), así que podemos expresalo como a intentio, a intención, ou o desexo de facer algo, sexa positivo ou negativo, pois o neutro non é vontade senón..., ¡digámolo cunha verba actual: ¡Pasotismo! Gozamos de vontade porque se nos deu libre albedrío, facultade de escoller, ¡que aí estivo a gravidade, o mal uso, naquel asuntiño do pecado orixinal! A vontade non ten motor propio: utiliza de poleas o esforzo, a coraxe, e maila determinación.

Aquí en Galicia temos un dicionario que se recreou, que gozou desta verba, dándolle a importancia que ten, que é moita: 1.Potencia ou facultade da alma, que move a facer ou non facer unha cousa. 2.Acto co que a susodita potencia admite ou rexeita algo. 3.Intención, resolución de facer unha cousa. 4.Libre albedrío. 5.Gana ou desexo de facer unha cousa. 6.Disposición ou mandato de alguén. 7.Amor, benevolencia, afecto. Boa vontade: 1.Intención de facer cousas boas. 2.Intención de facer ben unha cousa. Mala vontade, (¡que tamén existe!): Malquerenza, antipatía. Á vontade: 1.Segundo o libre albedrío. 2.Segundo a conveniencia, ¡ou comenencia!, do momento. O malo dos dicionarios é que os bos son demasiado grandes; eu tiven a sorte, de rapaz, de memorizar, aproveitando que andaba coas vacas, un ITER de peto, ¡e iso porque mo levaron da Coruña uns parentes! (¡O que é a vida: Foi a primeira nova que tiven da existencia da Coruña!).

Friedrich Nietzsche inventou, ou describiu, que vén a ser o mesmo, este concepto filosófico: A vontade de poder. Segundo el, trátase do principio básico da realidade a partir do cal se desenrolan os seres vivos. Afirma que a motivación do ser humano basease na consecución dos desexos, na demostración da forza e no alcance do lugar que considera lle corresponde no mundo, todo isto como demostracións da vontade de poder. Tamén supón un proceso de expansión da enerxía creativa que se correspondería coa forza interna primordial da natureza. ¡Un rollo, pero ten / tiña razón!

A vontade como iniciativa anticipada, tamén chamada vontade anticipada: Son os desexos da persoa expresados pola mesma, en pleno uso das súas facultades mentais por suposto, sobre o coido do seu corpo e da súa vida, nun posible futuro. A vontade anticipada dunha persoa é unha expresión libre, e por tanto, depende da forma de ser de cada quen; dentro do permisible, claro.

Prima carnal da vontade é a voluntariedade, séxase, esa característica do que é voluntario, que tamén se pode definir como a particularidade de quen se comporta conforme aos seus propios desexos e vontade; xurde da vontade de quen actúa por impulso, ou sexa, con espontaneidade, por capricho, teima, ou veleidade.

A forza da vontade, ou a vontade dá forza. Limitacións. O noso cerebro adoita ser algo inmobilista, algo preguiceiro, e cústalle tirar da vontade, preferindo, en xeral, conserva-los hábitos, canto máis cómodos mellor, pero aí está a intelixencia, para facerlle contrapeso, para esporear nel. Sería bo que existise un mecanismo porcentual que nos indicase qué partes, ou qué proporcións, cumprimos dos nosos propósitos; ¡axudaríanos moito na nosa programación persoal, no enfoque dos nosos plans, na busca de estímulos, fosen internos ou externos!

Somos libres; daquela, ¿quén nos priva de auto estimularnos, qué receitas nos irían ben?   

As persoas moi caseiras non son as mellores persoas, pois o que nin para si mesmo fai ben, dubidoso é que o faga para o próximo, segundo é lei divina. É boa persoa, un bo veciño; non se mete con ninguén! Pero non chega con non meterse, ¡hai que ser útiles, devolverlle á sociedade algo do moito que dela recibimos, incluso cando non saímos da casa, pois sen eses servizos recibidos, directa ou indirectamente, non seríamos nada, nin existiriamos! A mente sen vontade anúlase na acción.

A forza da vontade anda un pouco relaxada nestas comodidades / miserias do XXI; en varios aspectos, pero apréciase, tal que nestes exemplos que poñen os educadores: dar caprichos aos nenos para evitar que choren ou que nos molesten coas súas insistencias, que para insistir, ¡xa o sabemos!, os nenos, particularmente os de Casa Grande; compracer esixencias de maiores, tal que para evitarnos discusións; etc., etc. Psicoloxicamente é nocivo todo déficit da vontade, así que compre facer os posibles para revalorizala. Afírmase que o cultivo insistente, e intelixente, da forza de vontade equivale a inverter en educación e en felicidade; vaia, que é un bo negocio cultivar este horto!

Pero estamos, andamos, a voltas coa cultura do inmediato, do perentorio, da froita verde, ¡para que se conserve na cámara!, e así nos vai. Claro que botarlle vontade á vida require, consume, esforzo, sacrificio, aguante, disciplina, pero, ¿que hai de bo que non requira isto mesmo para madurar: esforzos, disciplinas, sacrificios?

Esa forza da vontade, segundo explica Marta Romo na súa obra “Entrena tu cerebro”: “As consecuencias (de non cultivala axeitadamente) son  graves para o cerebro porque a forza de vontade opera como un músculo: fortalécese coa práctica, fatígase co uso excesivo, pero tamén se atrofia co desuso”. ¡Evidente!

Na infancia todo é ensaio, así que mal futuro nos espera se neses anos, -a familia, as circunstancias, o que sexa-, non temperan de nós, pois de adultos pediremos, esixiremos, a lúa, e Deus nos aparte dela, polo menos ata que lle poñan atmosfera!
-.-




Xa fai falta ser prosmeiro para seguir con este tema, pero..., a súa importancia esíxeo! O que queira divertirse..., ao cine; ao de antes, claro, sen tiros nin fantasmas!

O fracaso da vontade, un dos problemas centrais da condición humana. Seica o dixo Michael Inzlicht, e está ben dito, bendito, pero tampouco facía falta ser profesor de Toronto para decatarse diso, que na miña aldea o Pepe do Pacio, un tolleito tido por louco a maiores, nunha ocasión na que pasaba por diante da súa casa Evaristo de Candal, tirando dun carneiro que llo obrigaran a levar os falanxistas do cuarteliño de San Cibrao, díxolle ao cumpridor: -Faille caso ao carneiro, e devólveo á súa corte; bótalle vontade, e se eses falangistas queren carneiro, que se maten entre eles, e que deixen ás outras razas en paz!”. Falando en serio, (aínda que máis có Tolo do Pacio, imposible): Sexa cal sexa o dominio do noso comportamento, os mecanismos da nosa forza de vontade melloran considerablemente cando a nosa motivación é autónoma e independente, en lugar de presionados ou controlados externamente.

Outra observación importante: Cando a motivación subxacente aos esforzos é autónoma, auto impulsada, en lugar de controlada externamente, resulta máis probable o logro das metas propostas. Autónoma, si, pero desenrolada nun entorno social propicio, que lle serva de acicate. O entorno social propicio é a salsa, o ambiente estimulante; sabémolo ben aqueles que estivemos rodeados de persoas exemplares, así que o noso mérito, de ter algún, é menor có dos peor abeirados.

Acender motores: Pensar, poñerse a pensar, é espertar a unha idea, para seguidamente nutrila con aqueles dos nosos coñecementos almacenados na memoria que lle sexan afíns, que garden algunha relación co problema traído á mente, que nos pode vir da propia imaxinación ou de circunstancias suxestivas. Para acelerar este motor, para darlle potencia, primeiro hai que decidirse, aceptar ou apagar, borrar, esquecer. Seguidamente apartar, parar, o baile imaxinativo, para centrarnos na peza elixida, na que tire de nós con máis forza nese intre. De metidos en danza, sacar puntos, ¡como na muiñeira! Inspeccionar datos, relacionalos, tecer e tecer, no ben entendido de que non se pode urdir máis do que se poda tramar, séxase, engadir valores, ramificacións, pero cando teñamos formado o tronco da árbore. Mais para lograr o antedito hai que observar, que non chega con ver; hai que apropiarse do visto, do apreso, do retido. As raíces da árbore están aló abaixo, pásannos desapercibidas, pero grazas á súa asimilación a árbore existe, medra e florece. A utilidade pode tardar en vir, ou nin iso, pero sen raíces non hai árbore; así de sinxelo!

Ollo coas rutinas, que son boas para afirmar, pero despois de iniciados; son algo así como pasar con frecuencia por unha estrada archisabida, archicoñecida, que non vemos medrar as árbores, pero se tardamos en volver, e se o facemos con atención, notaremos os efectos estacionais.
-.-




Lucio Anneo Séneca. Non nos atrevemos a moitas cousas porque son difíciles, pero son difíciles porque non nos atrevemos a facelas.

Virxilio (nas Geórgicas). O traballo obstinado vence toda dificultade.

A forza de vontade, a fe e maila afouteza (seguridade en nós mesmos) son, xeralmente, a clave do éxito, salvo condicións adversas insalvables. Fai máis o que quere que o que pode, é un dito dos vellos, pero hai que cribalo, pasalo pola peneira: O que fai unha cousa, aquel que a logra, é porque podía facela, segundo se demostrou a si mesmo facéndoa, lográndoa. Distinto é que temese poñer á proba as súas potencialidades.

Na vida humana sempre hai dificultades, igual que sempre temos inimigos, á vista ou encubertos, pero cando conveña, afrontalos; con prudencia, si, pero, ¡ao ataque! As adversidades, as dificultades, véncense coa lanza da vontade, coa perseverancia, con fe e con propósito de vitoria. Hai dificultades, hai inimigos, pero só se retiran en presenza da nosa animosidade. ¡A metade do triunfo está en poñerlle mans á obra! Isto non o dixo ningún pensador acreditado: é simple experiencia deste servidor, deste aventureiro. Mais, para poñerse, hai que estar familiarizado coas ferramentas básicas, usuais; isto tamén é meu, pero, neste caso, do zoqueiro.

Tamén hai vontade “de marcha atrás”, iso que algúns chaman “espírito da contradición”, que só é admisible nos adolescentes, na súa etapa de afirmación da personalidade. Basta que se lles diga unha cousa para que fagan a contraria; época, situación, difícil para os educadores de pouco tacto.
-.-




Irse descubrindo, irse coñecendo. Tamén para iso fai falta botarlle vontade, ganas de coñecer o noso rendemento, a potencialidade do noso cerebro, para darlle uns cantos aceleróns, que nunca veñen mal.

Einstein e Edison, tan modestiños na súa infancia que incluso foron considerados dous miñaxoias, tiraron forzas da súa fraqueza para terminar por riba da súa xeración. ¡Quixeron, e puideron!

Andadores: Non deixarse abater polo derrotismo nos fracasos iniciais, que xeralmente son simples indicadores de dirección errónea, que hai que ir por outro camiño. Fronte a derrotismo, optimismo. Gratitude a cantos nos auxilian, e para demostrárllela, trunfar. Xenerosidade, comezando por un mesmo, non regatearnos esforzos, ¡que son nosos, da nosa libre administración! De logrado algo, compartilo, que tamén outros o fixeron con nós. Perdón a cantos nos dean cambadela, pois é aos inimigos aos que máis agradecidos debemos estar..., polo que nos motivan! Curiosidade, pero non por tras da porta, preguntando abertamente; ¡preguntando vaise a Roma! Esperanza, para vencer os decaementos. Fe, considerando que Deus creou a materia prima, e despois invitou ao home a utilizala, a transformala en utilidades. Entusiasmo por arrobas, pois os decaementos tiran de nós cara á terra, ao chan. Humildade, sempre; ¡que se somos uns pobretóns, que se algo temos, algo logramos, foi / é con materiais cedidos, comezando polo Creador da materia prima! E a todo isto, serenidade, non perder a cabeza nos fracasos, non avergoñarnos, nin sequera ante nós mesmos; e nos éxitos non afumarnos; o afumamento é a evaporación dos éxitos, o meirande dos ridículos!

Edison seica lles dicía aos que o importunaban: “Os que dicides que isto é imposible deberiades calar, e non molestar nin interromper aos que tratamos de facer ese mesmo imposible. Xa falaremos despois!”.

Hai citas exemplarizantes, a montón, pero entresacarei unha que me encanta. É de Helen Keller, que afirmaba: “Podemos facer canto desexamos se o intentamos o suficiente”. ¡Xa, pero o caso é ter fe abonda, que se eu a tivese tamén andaría, camiñaría, sobre aquelas olas do mar de Galilea!

¿De onde nos vén esa forza interior? Ante todo dos xenes, por suposto, pois sen algo de raza, os milagres son más difíciles, pero tamén das espolas da necesidade. ¿Que países evolucionaron máis ao longo da Historia? Aqueles de terras pobres e climas desapracibles! Non vou citar, que non fai falta, que todos o sabemos e coñecemos, sequera sexa por datos ou referencias. Cando a terra é boa, cando o clima axuda, Adán séntese, de novo, no Paraíso, adurmíñase. Tamén é bo madrugar, pois as sabas son boas para pensar, pero estorban para facer, e sen acción non hai función!
-.-




Hai que aprender a convivir cos problemas, o que non significa renunciar á súa resolución; estudialos a fondo e ao redor, procurando non esquecer datos, ¡ningún!, para que a súa solución, a súa resolución, sexa humanamente correcta.

Os datos, os feitos circunstanciais, poden ser mal interpretados, e por conseguinte dar solucións viciadas. O estudio dos datos sempre require a máxima atención e obxectividade. A mente, ante os problemas, enérvase con facilidade, así que é perigoso caer en falsas interpretacións. Acordémonos do xurisconsulto romano: In dubio, pro reo! Mellor é pecar de inxenuos que de temerarios.

Por outra parte, os resultados non sempre son froito directo e/ou único dos nosos comportamentos, das nosas accións, así que non é bo apuntarse tantos dubidosos, nin dar casos por resoltos con unha mera, superficial, apreciación. As evaporacións sempre son posibles: ¡dependen do crisol!

Proverbio chino: As almas grandes teñen vontades, ademais de bondades; as débiles só desexos.
                                                                              -.-




Cando quebra a vontade, cando nos entregamos á desesperación. Desesperarse é o súmmum da covardía, un auténtico crime porque convertemos en vítimas inocentes aos nosos achegados. Nunca falei máis en serio do que estou facendo agora. ¡Que me digan dun problema resolto por medio da desesperación!

A desesperación é cansazo na espera, e por tanto unha falta de fe. Deus, que atende ás aves do ceo e ás flores da terra, ¡promesa súa!, despois das probas daranos as oportunidades. Aquel que se fai dano a si mesmo que mire ao redor: ¿Que caso coñeceu no que unha desesperación non prexudicase gravemente á familia, aos achegados, ademais de a si mesmo?

Non hai outra receita: Confiar en Deus, e poñerlles boa vontade aos problemas. A vida é así, a cruz é así, e hai que pensar que nunca choveu que non escampase!
-.-



A bondade esgrevia, dura e pura.

Fai ben, e non mires a quen. Esta é a bondade esgrevia, a outra é condicionada, esponxosa, receptora; iso que incorporaron os romanos ao seu Codex: Do ut des, dou..., para que me deas! A bondade esgrevia non espera reciprocidade no persoal, que sempre sería mesquiña; ¡espéraa de Deus, que é o único que devolve cento por un! Daquela, unha boa inversión, ¿non si?

De postos a analizar, comecemos por separar o físico do espiritual. No físico hai cousas malas por non estar en sazón (tal que as froitas), por non ser congruentes co noso sistema dixestivo, por ocasionarnos un mal, ou unhas molestias, ao velas, ao collelas, ao utilizalas, etcétera. No campo, no aspecto, espiritual, temos aqueles actos do ser humano que xa son bos en si, que causan benestar, séxase para nós ou para o próximo.

Preguntas elementais, básicas: ¿O obxecto, a cousa que fixen, ou me fixeron, está, é, conforme coa lei obxectiva, non coa subxectiva pois esta última está ideada polo suxeito, e pode ser errónea, ou estar equivocada na súa aplicación! ¿Encadra o feito na lei divina, natural, evanxélica?

A moral, o que é moral, é unha cousa íntima, interior, que radica, que parte, da conciencia, afianzándose na vontade. ¡É o retrato do home interior!

Xesús: “O que sae da boca procede do corazón (dos sentimentos, ou sexa, da conciencia e da vontade), e iso fai impuro ao home porque do corazón proveñen os malos pensamentos, os homicidios, os adulterios, a fornicación, os roubos, os falsos testemuños e mailas blasfemias. Isto é o que contamina ao home”.

Juan Pablo II, na súa mensaxe de paz do ano 1984: “É o home quen mata, e non a súa man, nin os seus mísiles”. Quixo dicir, e dixo, veu en dicir, que a guerra nace no corazón dos homes. (¡Homes e mulleres, que nisto das picardías non valen cortesías!).

Fixémonos nos “Non” do Decálogo: “Non desexarás...”, e “Non cobizarás...” Refírense clara e rotundamente a unha actitude interior. A maldade críase na mente; o corpo tan só a realiza, faina efectiva, faina realidade. Ora ben, as cousas malas, por boa que sexa a intención, o animus, co que se fagan, non deixan de causar males. ¿Como se distinguen? Simplemente con un simple cálculo mental das consecuencias, que está ao alcance de todo aquel que chegase ao “uso de razón”, por acémilas que sexan, que sexamos.

A bondade, como a maldade, nacen da nosa liberdade; por tanto son hábitos, son méritos, ou deméritos, propios; onde non hai liberdade de elección non se pode imputar culpa. Por iso, mediante a nosa actuación libre, expresámonos, representámonos, a nós mesmos, realizámonos, fotografámonos; se a vontade é boa, se a nosa conducta é moralmente boa, estarémonos realizando, medrando, perfeccionando, pois a bondade xera bondades.

Acolléndonos á fe da Igrexa, temos unha infinidade de citas nas Sagradas Escrituras que nos sinalan o bo Camiño. Só hai que ir ao índice da Biblia.

Tamén de Juan Pablo II: “É necesario subliñar a relación fundamental entre o acto realizado e a persoa que o realiza. As nosas obras sempre expresan o qué somos, cómo somos, así que, con elas, facémonos a nós mesmos: sabios ou ignorantes, xustos ou inxustos, prudentes ou imprudentes, luxuriosos ou castos”.

Obras son amores, e non boas razóns; razón sen obras, puro teatro. É imposible, ou absurdo, ser bo, obrar ben, se o facemos con egoísmo, tal que por un “qué dirán”. Isto tamén é farsa, “farso” e farsa, comedia!
-.-
                                                                              

 
Pasemos á intelixencia
O corazón dálle a man, debe darlla, á intelixencia.

Intelixencia. Facultade de coñecer, de entender e de formar ideas. Capacidade de aprender e de utilizar o que se aprendeu para adaptarse a novas situacións, e así resolver problemas.

A intelixencia é o horto das nosas verduras, das nosas vitaminas: Dánolo Deus, e cada quen cultiva o seu, en por si. Os hortos hai que telos cerca da casa, na mellor das terras: ¡O noso cerebro! Igual que non pode haber horto sen sachos, un para cada función, e tampouco sen sementes, as intelixencias logo se embuten, póñense a monte, silveira pura; pura, non, impura. Nada orna tanto a casa como unha boa horta, unha intelixencia sa; ¡o dito, a mellor das fincas!

Coidados do horto. O traballo mental tamén cansa; vivir de “man branca” tamén é traballar. Pero non é cousa de facer pouco, senón de facelo por parcelas: unhas, a repouso, para que se meteorice a terra; outras a pebideiro; e as restantes, ¡a producir, intensivamente! A intelixencia tamén é agradecida do abono, do sono reparador, ¡meteorización! O sono mata a gana, dicimos os pobres; isto no material, pero no intelectivo despois do sono actívase o apetito: recuperamos e melloramos as nosas habilidades cognitivas, a memoria, a axilidade de pensamento, etcétera.

Os almorzos fortes, cedo, estilo inglés, son bos para as forzas intelectivas; seica dan velocidade nas respostas, e concentración para manexar o sacho na horta! Variando de comidas non se precisan pílulas para acelerar; non, para auto regular; o cerebro. O talento, todo iso da psique, non se torna xenial a base de químicas contraditorias, que activan un aspecto fisiolóxico e retardan ou atrofian outros. Comida natural, prudente e variada, pousada, que actúa como unha orquestra ben dixerida, ben dirixida. Co equilibrio da dieta, a compás, tamén actúan, de estimulantes, o humor (¡o bo humor, por suposto!), e mailo sono, así como a contención do estrés, tan típico destes tempos nos que uns traballan demasiado mentres os outros..., de caza!
-.-




Sementando no horto. O espertar dos nenos. Dun xeito parecido a como os brotes rompen a terra, así o neno vai saíndo, vai superando, a caneta; pero antes de saír, ao comezar a ver e a ser visto, xa recibe e procesa mensaxes, primeiro de súa nai, e de inmediato de cantos lle atusman ao barrelo.


Neste XXI, con iso de que as nais traballan, ¡ou queren facelo!, coido que están máis compartidas as crianzas do que o foron cando a maior parte da poboación nos estivemos criando nas nosas aldeíñas; daquela o pai acariciaba pouco no neno, que era función monopolizada; ¡así non nos rascaban con aquelas barbas que só afeitaban de semana en semana, e máis ben aos domingos! Iso se perderon, eles, pois é gloria pura ir observando, día a día, a evolución das criaturas; tanto, que ata se pode facer un calendario moi aproximado do seu desenrolo intelectual: Como ao cuarto / quinto mes xa se incorporan  no barrelo, e agora, nos carriños de levalos á rúa, mellor aínda, que están que nin Colón na ponte do seu Santa María, outeando o horizonte, tratando de descubrir as súas “indias”. Pouco a pouco, pero dun xeito apreciable para os coidadores, nótaselles que descobren o seu corpo; non piden “pis” falando, pero si dan a entender que o fixeron movéndose con inquietude; nótaselles que diferencian as cousas, con unha gran sensibilidade para as gratas, e un repudio para as outras. Aí polo sexto / sétimo xa se lles nota como lles agroma a memoria, que ben se lembran das persoas e das cousas.

O neno é unha esponxa absorbente, que non desbota ningún tipo de información dentro do que el poda captar, no seu medio. E tamén aprende a cultivar a picardía, ¡humano, en definitiva!, que por algo a goza lanzando os obxectos..., para que os recollan os presentes!

Dá mil signos da súa aceptación ou repudio, pero un dos máis visibles é a súa seriedade con descoñecidos en presenza, e tamén o seu retirar a cabeza e asirse fortemente da nai cando outra persoa fai ademán de collelo; enseguida distingue entre fríos e afectuosos; ¡sabe quen lle é familiar, sexa ou non da familia!

Formas de aprendizaxe: Por repetición, por ensaio e por error; cando fracasa en algo, logo desiste de repetilo: ¡aínda lle falta a vontade! A curiosidade tamén se lle nota pronto, así que vai nela un baremo da súa intelixencia. Hai mil formas de estimulalos, pero non fai falta enuncialas pois a persoa maior algo observadora xa observa de seu qué causas lle producen os mellores efectos. A intelixencia do coidador / a nunca é desprezable, pero máis categoría hai que darlle ao afecto, pois onde hai cariño sincero e profundo coidar atinadamente dun neno vennos do Ceo; ¡para isto si que hai ciencia infusa!
-.-




Intelixencia. Distinción. Analizando os factores da intelixencia decatámonos de que hai dous tipos: a fluída e maila cristalizada. A fluída fai referencia ao grado de flexibilidade do pensamento e á capacidade da persoa para razoar de forma abstracta. A outra, a cristalizada, fai referencia ao grado no que se produciu unha acumulación de coñecementos e de habilidades durante o transcurso da vida. A fluída está influída, fomentada, polo entorno e polas experiencias da aprendizaxe nun grado superior ao da intelixencia cristalizada. Esa primeira forma da intelixencia é, presenta, un reflexo importante do compoñente xenético da intelixencia.

Vontade e intelixencia son facultades e capacidades do ser humano. A vontade dunha persoa, segundo queda exposto, consistente nos seus desexos e intencións, non sempre se corresponde co que indica a intelixencia en concreto, séxase, a chamada intelixencia racional ou práctica. En ocasións a vontade non responde a razoamentos lóxicos, obedecendo máis ben a crenzas persoais, intereses, emocións e sentimentos. Por iso cabe identificar a mente dunha persoa coa intelixencia e co pensamento, mentres que o corazón, o que entendemos por corazón, asociase aos desexos, ás apetencias. Este distingo non é óbice para que estas capacidades se desenrolen no cerebro humano relacionadas entre si.

A chamada intelixencia emocional traballa o análise e maila xestión das emocións a través do coñecemento. ¡Qué complicados somos, e qué pouco nos paramos ante o espello interior!
-.-


Algunhas matizacións.


Entre a terra e mailo Ceo.
O meu fillo Pedro Paulo.

Hai que facer convivir, hai que adaptar ao ser humano en harmonía co seu entorno social e natural para convertelo nun suxeito máis seguro, produtivo e feliz.

Normas que se dan en Pedagoxía:

Hai que comezar pola adaptación horaria, suai suai, pouco a pouco, pois cada neno precisa o seu tempo para o cambio de hábitos que supón ese salto casa - escola ou gardería.

Deixarlle levar ao neno algunha argallada coa que estea familiarizado, que así segue sentíndose na propia casa.

Ao despedir o neno que non nos note dramatismo algún, tal que choros ou caras de adeus; os nenos teñen que considerar a escola-gardería como un recreo dentro das súas actividades habituais e caseiras.

É bo comezar con xogos, para que o rapaz non sinta, ou pouco, a diferencia ambiental casa-escola.

De serlles posible, levar os nenos e recollelos debe ser cousa dos pais, ou de persoas coas que estea familiarizado, para que non se sinta forzosamente transportado a outro mundo.

É básico, imprescindible, manter contacto persoal cos educadores, e mellor en presenza do neno, para que vexa que existe unha ponte cordial entre ambas situacións.

As actividades de clase deben ser lentas pero progresivas, seguindo o nivel de adaptación e de comprensión que se observe no educando.

Se come no colexio-gardería, dietas equilibradas, axeitadas, tipo doméstico.

Nada de darlle présa en saír; mellor é levantalo cedo e que faga as súas necesidades e apetencias con tempo para que a ida sexa un paseo relaxante.

Etcétera, etcétera, que estamos afianzando a personalidade do rapaz, e toda precaución e  moderación son necesarias, polo seu ben, que en definitiva é o noso.
-.-




Algo máis sobre a intelixencia, algúns retoques. É unha expresión do desenrolo intelectual, e comeza no propio nacemento, producíndose unha interacción coa nai, para seguidamente, paulatinamente, ampliarse o binomio nai-bebé, pasando á interación cos adultos e coetáneos. As interaccións do entorno familiar teñen unha marcada espontaneidade, para seguidamente irse formando a intelixencia emocional, que se desenrola algo lábil e inestable, pero progresiva. A convivencia, singularmente se é afectiva, vainos facendo sociables e seguros.

O sistema cultural axeitado, a estrutura social na que nos criamos, co desenrolo propio da crianza, unido a unha educación un tanto esmerada, propician o desenrolo da personalidade, así como unha configuración psicolóxica equilibrada. Unha boa comunicación emocional nos primeiros anos, así como ese ambiente positivo socio-afectivo ao longo da infancia proporcionan un desenrolo emocional que permite canalizar e socializar as emocións de xeito tal que nos aseguren unha calidade de vida para o devir.

O desenrolo integral e gradual da infancia comprende e asimila, forma, os estilos cognitivos e afectivos: as emocións, os sentimentos, a acción...

A intelixencia emocional tamén se pode definir como a capacidade de coñecernos, ¡de recoñecernos!, a nosoutros mesmos, para controlar as nosas emocións, e para relacionarnos cos demais establecendo empatías.
-.-



Axudámoslles aos nenos a medrar por fóra, comidas axeitadas, exercicios físicos, etc., pero, por dentro? Coido que algo menos, e iso que algo tamén se pode facer, moito. ¿Que non o fixeron con nós? Dado o nivel cultural daqueles tempos igual fixeron, en proporción, máis do que se fai agora, tan de moda que está dalos a criar! De presente temos a atención tan espallada, tan abanicada, que, en xeral, abarcamos moito pero apertamos pouco, e menos aínda de portas para dentro.

Asombrámonos cando os mass media citan algún caso xenial, parecéndonos que iso son fenómenos espontáneos da Natureza, cando a realidade estaría en preguntarse se non terían uns pais entregados que, día a día, lle foron axudando á Natura. Non é que sexa recomendable forzar o desenrolo infantil, pero, axudarlle, si; forza-los nenos, non, nunca, pero axudarlles, tal que nos seus deberes escolares; no ben entendido de que axudar non é facer, pois iso sería nefasto, contraproducente: ¡Axudarlles a ser, e para ser hai que pensar, facerlles pensar!

O cerebro, que seica comeza a funcionar xa no útero, chegará a ter atrofias, pero tamén require e admite estímulos ata a fin dos nosos días. No sentido fisiolóxico, pensemos que xa vén operando desde antes de ver a luz, así que, ¡ollo cos descoidos maternos: desnutrición, alcohol, tabaco e demais drogas, exposición a radiacións; ollo cos aparellos culinarios que produzan ondas, e demais inimigos que, por selo da nai tamén o son da criatura!

Lin no British Medical Journal que os nenos que nacen máis robustos xa veñen con tendencias óptimas, que se evidencian nos primeiros test de intelixencia, comprensión de lecturas e atención ás matemáticas. Non será unha regra xeral, pero si que terá a súa importancia, pola lóxica do desenrolo cerebral.

¿Por qué vai aumentando, co avance da civilización, o CI (coeficiente de intelixencia)? Vivir en ambientes ricos en información enriquece as crianzas. ¡Falta lles fará co que, en múltiples aspectos, a “civilización” nos complica a vida!

Responsabilidade materno / paterna non é encher a tope, nin forzar cabidas, pero si asistir, con ganas e con continuidade. A aceleración sobrecarga as mentes infantís causándolles estrés crónico, depresión, e incluso repugnancia. ¡Non é doado acertar co ritmo correcto, pero hai que botarlle observación e sentido común! Estímulos axeitados, asimilables, témolos en toques e en verbas de cariño e de alento, en eloxios que non ensoberbien, así como en xogos participados, particularmente o xadrez, música, deportes, conversas participadas, compartidas, narrativa, etc., etc., que os etcéteras saen espontáneos nun bo compañeirismo paterno-filial. Xogando a estes xogos facemos home ao neno, sen que por iso deixe de ser neno!
-.-



Emocións. Se tivese que definir a vida humana, ¡cousa que ninguén me propuxo ata o de hoxe, que mo preguntou un dos netos, por certo ben dotado de aptitudes musicais, cousa na que non se me parece, en absoluto!, repetiría o que lle dixen a el: “A vida, meu neno, é unha sinfonía ininterrompida de emocións alternantes; só nola interrompe o sono, así que non convén durmir demasiado!”. Non me pareceu satisfeito porque se levou o dedo á sen, en ademán de parafuso, así que lle seguían a broma: “Voucho dicir doutra maneira: a vida é un vals, e aquel que non a sabe bailar, un tonto!”. Riuse outra vez, e eu satisfeito, porque lle caín en gracia, que tamén se di que máis vale caer en gracia que ser gracioso.

Xa na remota infancia adquirimos, sentimos, unha gama de emocións básicas, que se van facendo máis complexas grazas á linguaxe, á forza de usar símbolos, signos e significados. Cada individuo experimenta as súas emocións dun xeito propio, particular, persoal, que depende, moito, das experiencias tidas anteriormente, así como da aprendizaxe, do carácter, e de cada situación concreta.

Nos libros especializados adoitan clasificar as emocións básicas nas seguintes categorías: O medo, que é a anticipación que sentimos, que experimentamos, dunha ameaza ou perigo, real ou imaxinado, que nos produce ansiedade, incerteza e inseguridade; invítanos e incítanos a buscar amparo e / ou protección. Sorpresa, que é unha emoción fugaz, transitoria; as súas características son o sobresalto (palpitacións), asombro e desconcerto. Ante unha sorpresa tratamos de coñecer, instintiva e rapidamente, a súa causa; daquela cambiamos de rumbo, orientándonos fronte á nova situación. Aversión, producida por desgustos ou noxos, que nos arredan do obxecto que nola produce, montando en cólera, anoxo, resentimento, furia e / ou irritabilidade; refusamos o que temos diante, escachizándoo se nos é posible. Alegría, que é ese estado de ánimo, esa sensación de benestar e de seguridade que nos producen as diversións, a euforia, as situacións gratas e gratificantes. Por último, da tristeza...; da tristeza o mellor é non nomeala; como se di vulgarmente, é de mal gusto nomear a bicha, e se vén, antes de que se achegue darlle as costas..., ou fuxir!

Cerrarei estas reflexións con unha pequena alusión á Intelixencia emocional: É a capacidade de interactuar co mundo dunha forma receptiva e axeitada. Características que concorren na persoa emocionalmente intelixente: Ante todo sabe dar, pero tamén agradecer, demostrándoo; ten empatía, ou sexa, que entende os sentimentos daqueles que a rodeen; é capaz de recoñecer, e por tanto de controlar, os seus sentimentos, que os expresará, que os manifestará, con naturalidade e con oportunidade, tanto os positivos coma os negativos. En paralelo, terase autoestima, pero non soberbia nin egolatría. De motivado, mostrará interese polas cousas compartidas. En definitiva, que se non asume, como pouco, todo isto, terá cabeza, si, pero..., para o pelo!
-.-


Complementando a escola rural


Das miserias de onte mesmo

á



XERACIÓN PEDESTAL

¡Milagroso, realmente milagroso que aquela xeración da nosa posguerra fose capaz de elevar á seguinte ao pedestal no que a coñecemos! A cóbados non foi, pero coas mans e coa cabeza, si!

De pobres a señoritos, e de señoritos a pobres, que sempre foi así, pero hai que facer algo para que o ritmo socio-económico se sosteña sen eses altibaixos tan..., atroces! ¿Cómo así? ¡Solidificando os pedestais!

O XX comezou, para España, con un século de atrasos: Guerras de sucesións e de independencias, analfabetismo xeneralizado; pero alzouse sobre as propias ruínas, que aí temos a xeración do 98 para testemuñalo. O primeiro dos seus terzos foi de auténtica adolescencia: ¡íamos para mozos! No segundo castráronnos; así que mal podíamos xerar avances, e menos aínda que fosen robustos, pero con iso e con todo, o esforzo foi brutal, ¡izámonos sobre da cinsa! En canto ao terceiro, fartos de fabelas, todo se nos volveu construír, edificar torres..., para abrir bares, con notable descoido do sector secundario, que aí estivo o gran fallo dos nosos gobernantes.

Repasemos un pouquiño, polo miúdo: Un pobo non é nin máis nin menos que un polinomio monstruoso, duns cantos millóns de incógnitas. Se os valores individuais son baixos en relación co nivel das nacións veciñas, o polinomio, aínda que grande, é débil; débil pero gobernable, manexable, pode gobernalo un zopenco con tal de que sexa, asemade, canalla e brutísimo. Pero iso non é democracia. Para que funcione a democracia o pobo ten que ser, en formación, adulto, aínda que tamén ocorre que, circunstancialmente, pode estar obnubilado por unha desgraza de tipo xeral, como foi o caso da Alemaña avergoñada pola súa derrota na Primeira Mundial, que así se deixou levar por un salvapatrias desequilibrado, Hitler.

A individuos robustos, goberno robusto, porque non se deixan avasalar. Isto é outra razón, fortísima, para elevarnos sobre nosoutros mesmos, o mais posible, pois se medramos en sensatez e cultura, a suma, a nación, resultará ingobernable para os xabarís da quenda, e retiraranse de seu, a pouco que fagamos para abalalos.

¡Elevarnos sobre nós mesmos, avanzar, darnos a valer, e co valer, a respectar, que iso é facer Patria, facer polinomio, futuro para os nosos fillos!

Claro que non é o mesmo predicar que dar trigo, pero o trigo só o colleita aquel que sementa, de propia man; o trigo doutros poderá ser renda, pero nunca terá o mesmo sabor, ese goce de velo medrar, esa recolleita gozosa.

A susodita Xeración do 98 chorou polas derrotas, pero máis que lamentarse o que lles cumpría facer, xa que eran lumieiras, era alentar resurreccións, pero nunca polas vías imperialistas senón polas do esforzo individual, sostido; dicirlle ao país que aquelas perdas debían compensarse con unha tecnificación interior sostida e progresiva: Imperar nos mercados, que era a mellor forma de quitarse aquel loito fantasmagórico. ¿Acabárase aquela prata coa que se mercaban as sabas e mailos tapices de Holanda? ¡Pois aprender, e seguidamente, fabricar!

A España que seguiu ao 98 era fundamentalmente agrícola, por non dicir, exclusivamente. De agricultura iniciática, básica, elemental. Os mellores cerebros, os máis instruídos, desertores, desertores do arado: gobernadores ou emigrantes. ¿Quen quedaba no pais? ¡Catro fidalgos, catro morgados, que se consideraron herdeiros da Torre del Oro, pero sen ouro! ¿Técnicos? Abundaban os kamasutras, eses si, pero o país non podía soportar tanta prole, salvo que emigrase, que emigrase e que remesase; á falta de tributos dos indios, letras, pesos!

Os pobos cultos son indomables, repudian a tiranía, e iso sabíano ben aqueles caciques da nosa Gallaecia, da do XX. Os interesados, non, eses non, porque eses aínda non abriran os ollos da cultura; os caciques, algo máis ilustrados, si, eles si, ¡que tiveran institutrices!, así que ben atrancos, directa e indirectamente pero sempre con astucia, nos levan posto para abaixar os teitos sobre das nosas cabezas. Comezámolo a ver , a recoñecer, a levantar a cabeza, xa avanzado o XX, grazas maiormente a esa liberdade de prensa que tanto nos custou acadar. ¿Que non, que esta é unha visión retrospectiva, pesimista? ¿E logo a qué se debeu que escaseasen tanto as nosas escoliñas, e desde que as houbo, mal pagados os mestres e mal atendidas as escolas, a metade delas particulares, de temporada, e as outras atendidas por substitutas, ás que o vulgo chamaba polo baixiño “prostitutas” porque se ofrecían, porque vendían os seus servizos, por catro cadelas, mentres os poucos mestres titulares desempeñaban canonxías urbanas, choios, enchufes, carguiños...

A depuración que seguiu ao 36, absoluta, rotunda, inmotivada na súa práctica totalidade, si estivo motivada no pánico que lles entrou aos caciques ao ver que a República estaba revolucionando o país co seu desenrolo, coa súa expansión educativa. Revolución era aquela dos Mestres, pois a que veu despois, a armada, máis merece o cualificativo de “contrarrevolución”, ou, “Movemento contra revolucionario”.
-.-



Aprender para despois emprender; non aprender para despois emigrar. Nestas convulsións socio –culturais da Contemporánea española merece especial atención a nosa rexión, e non só por ser a nosa, natal, senón, e tamén, polas súas aportacións ao resto do país.

Galicia, un reino vello, ¡o suevo en España foi o primeiro dos reinos de Europa!, un reino matriz, ao longo da Historia foi un criadeiro de conquistadores – poboadores. Comezou abastecendo a rexión ástur – leonesa, para seguida e sucesivamente nutrir os avances Norte- Sur da Reconquista, ata o punto de que unha boa parte de Granada, que aí está, de testemuña, a súa toponimia actual, foi reconstruída polos galaicos. Aquí dábannolo todo por feito, nos niveis da época, así que, deste panal saían, estiveron saíndo, os enxames, e tamén algún que outro rei, algunha que outra raíña; algúns ata se levaron consigo os nomes, tal que aqueles de Tras do Tambre, Trastamara.

Galicia, nesta función repoboadora, non só mandou homes senón ferramentas, que aínda son de onte aquelas cuadrillas de segadores, con fouciños made in Riotorto. Pero a capacidade de absorción castelá, a súa secura, enguliunos ao punto de que neste país só quedaron os parias e mailos crequenas. Pois ben, daqueles crequenas vimos os actuais, que fixemos / que fixeron o milagre da resurrección galega do século XX, despois de mortos, ou case, nos catro anteriores, séxase desde Colón.

O XX foi o da explosión galega: ¡un auténtico terremoto! Entramos no século ao servizo de Madrid, principalmente de Madrid, onde non se dicía pero existía unha apetencia arraigada dos nosos produtos, desde o vacún ás amas de cría, así que cumpría ternos humildes e humillados, co embigo daqueles trens que subían cargados e tornaban baleiros, ou case. A maiores, como andabamos escasos de cartos para pagar as Cotas, ou Seguros, utilizaban aos nosos rapaces de carne de canón para aquel desafogue africanista, que buscaba nos areais magrebís o desquite das vergoñas americanas. Concretamente no desastre de Annual, ano 1921, dos 15.000, entre mortos e desaparecidos, ¡que tamén estaban mortos, obviamente!, a súa maior parte foron galeguiños, recrutados a fortiori.

Sobre dos anos 20, con mellores ferramentas no campo, algo de abonos minerais, menos mortaldade infantil, escolas de a ferrado, e as correntes migratorias, este país foi espertando: ¡Era o noso terremoto socio-económico! Pero veu o eclipse do 36, e todo se volveu, todo se converteu, en subministres para o Exército de Franco: ¡seis quintas, asemade! Requisa de víveres; cese da emigración, e por conseguinte, das súas remesas. Para máis inri, as mulleres rozando toxos e carrexando estrumes, retirando o esterco; arando; criando nos fillos... ¡E qué ben os criaron: cantas máis penalidades, mellor crianza, oh paradoxo!  

Erixíronse innumerables monumentos aos “caídos”, pero a ninguén se lle ocorreu facérllelos aos que sostiveron, aos que soportaron, aquela retagarda atroz, miserenta, desesperada; de viúvas de vivos, as de máis sorte.

-.-

A posguerra, que ata habería que chamarlle “a segunda guerra”, ou tamén, “a guerra da fronte xeneral” posto que seguiu habendo mortes e miserias, en toda España, en toda á vez, deixounos paisaxes dese tipo, nas cidades; e nas aldeas, as huchas baleiras!



Esta é a nosa herdanza.
Arriba España,
¡agora, si, que nos toca resucitala!

A xeración dos 30 / 40 esa si que se ergueu sobre si mesma: ¡Non partiron de cero, senón de baixo cero! Convén non esquecelo..., por se nos sirve de referente nesta crise socio-económica do XXI! Para erixir este monumento que preconizo para a nai dos 30/40 recollamos de Carmen Martín Gaite, (unha boa testemuña, coetánea dos feitos pois naceu en 1925, e foise, despedindo o século, no mesmo 2000), que expón que: “... a condición xeral da muller española nesta época é de mística pasividade e submisión á que estaba sometida pola propaganda do franquismo. O novo réxime, que se sabía vencedor da guerra civil e ao mesmo tempo cada vez más illado internacionalmente, condena aos seus cidadáns, especialmente á muller, ao forzado orgullo de sentirse español e nada máis. A propia irmá do ideólogo falangista José Antonio Primo de Rivera, Pilar Primo de Rivera, sentenciaba que “a las mujeres les falta desde luego el talento creador, reservado por Dios para inteligencias varoniles; nosotras no podemos hacer nada más que interpretar mejor o peor lo que los hombres han hecho” .

Segue a Gaite: “A sociedade española dos corenta estaba retrasada (¿Retrasada? ¡Nas cavernas!), fronte a outros países máis avanzados. Todo está relacionado co réxime de Franco: “Franco era un militar ambicioso, decidido e sen escrúpulos de conciencia…Enterrar el pasado recente y exaltar el pasado remoto fue una de más inquebrantables consigna de la España de Franco”.

Pouco se pode engadir, salvo a lembranza persoal daquelas crianzas coas zocas achantadas na lama dos camiños, camiño da escola, ¡cando e onde a había! As casas ricas pagaban mestres particulares, que xa non cobrabamos “en ferrados”, pero si nunhas pesetiñas que non tódolos pais podían pagar. Deste pozo das miserias xeneralizadas saíu ese geyser portentoso que levantou as familias ata poñelas en situación de entrar no Mercado Común, que xa é un fito vindo de onde viñamos, e tan mal gobernados, por engado!
-.-



¿Que misterio houbo para que, naquelas circunstancias diverxentes, se lograse unha converxencia familiar que hoxe nos admira, e que case, ou sen case, consideramos irrepetible? Os problemas fan concentrarse, meditar, e desa meditación, desa reflexión, saíu a convivencia exemplar daquela xeración; nin máis nin menos!

Os rapaces fixeron / fixemos milagres, pero as rapazas, o dobre. Algún dos fitos que superaron elas: Aquel deus que entraba nas igrexas baixo palio, levándolle a contraria ao Deus do Xénese que proclamou que non era bo que o home estivese só, creándolle unha compañeira, que non serva, tirou de BOE, xa en maio do 39, para proclamar, para ditar, que a coeducación era un sistema pedagóxico “contrario a los principios del Glorioso Movimiento Nacional”, pero levouna cadrada pois coas poucas escolas que había, e encima a depuración xeneralizada dos Mestres, non tivo máis remedio que respectar as escolas mixtas entón existentes. Ten a súa explicación: non quería que os nenos se efeminasen, como lle pasou a el criándose coa inimiga de seu pai!

A camaradería, paulatinamente si, pero triunfou, e as rapazas demostraron que eran capaces de ler, de escribir e de contar, ademais de cociñar, fiar, coser e bordar, así que tivémolas que aprobar cum laude!

Entre 1940 e 1946, calcúlase que en España morreron de inanición unhas 40.000 persoas. ¡Arriba España!

Nas cidades desenrolouse, ¡non podía ser menos!, unha prostitución furtiva exercida por mozas  desamparadas e serventes despedidas. Ás nenas das mellores familias, ¡a esas, si!, acostumábanse a xogar con monecas para que se afixesen a coidar e adornar a súa futura familia. ¡Desequilibrios por todas partes!

O pantalón feminino non chegou a establecerse en España ata mediados dos sesenta. A propósito, unha anécdota: Naqueles días de maio do 1957, cando estivemos tres semanas en Safí, antigo Marrocos Francés, para que cicatrizasen as feridas da miña dona, e á vez reparar o De Soto 20 HP, vítimas daquel atentado co que nos obsequiaron os do Istiqlal, vendo que as francesas os levaban, e a súa utilidade para ocular as vendas das feridas, comprou dous ou tres pantalóns discretiños. Con nos foi ata Lugo, no auto reparado, o P. Gonzalo García Gómez, franciscano, de Ribadavia. De chegados a Laxosa, díxome a muller: -Para nese bar, que teño que pasar ao servicio para poñerme de faldra. O P. Gonzalo: -¿Para qué, se cos pantalóns aínda vas máis tapada? Fíxolle caso, pero..., o escándalo foi en Lugo, que todos se volvían para ollala, homes e mulleres, que nin que visen unha fantasma!

Lembrábase a Gaite de que, “Manterse (aparentar) moza era distraer a atención de calquera cuestión espiñosa, aínda que iso significase seguir de costas á política e á historia. Era precisamente o que quería o goberno de Franco. ... con esta educación que recibía a muller, á hora de que o home levase á rapaza ante o altar, ela sabía pouco do matrimonio. Teoricamente o noivado significaba unha etapa de matrimonio, pero ninguén lles dicía nada ás rapazas; todo se resolvía con ditos como, “Xa aprenderás, filla”. ¡Vaia se aprenderon: por auto didactismo, ao que lle prestaron unha atención excelsa, que así resultaron esposas perfectas e nais sublimes! Fixeron milagres, insisto: construíron torres incomparables coas que despois fixeron, en ladrillo, os seus fillos. Ínclita xeraçao, que diría Camoens.

No ínterim, os homes, qué? Menos cás mulleres, iso é obvio, pero tamén se esforzaron, tamén se elevaron a onde ninguén podía calcular, prever, vindo, saíndo, de tan abaixo.

Se isto se logrou, en ambos sexos, naquel caos post bélico, hoxe, cos medios herdados, estamos obrigados a duplicar o milagre!
-.-


As importacións e mailas importancias


Escena da película

The Importance of Being Earnest, de Oscar Wilde, adaptado en España como, A importancia de chamarse Ernesto. Pero eu prefiro chamarlle, A importancia de ser serio, ou tamén, A importancia de ser eu mesmo.

Pasamos a vida importando, recibindo dos demais, ideas e coñecementos; en definitiva, para acabar sendo nós mesmos; e se non somos iguais a nós mesmos, mal asunto! A nosa singularidade é o que nos fai ser persoa; e se acabamos de persoas imitables, mellor que mellor. Parece un trabalinguas pero é a plenitude do ser. ¡Ser eu, ser o mellor posible; non o máis rico, pero tampouco o máis pobre; o máis rico en bondade e sensatez; o menos pobre en coñecementos, que esa si que é pobreza, a ignorancia supina!

Importar máis coñecementos e menos mercadorías sería unha boa política; exportar mercadorías e importar ciencia; pensamentos tamén, que nunca sobran, se somos capaces de depuralos, máis para iso compre auto depurarnos, formarnos, desenrolar un sentido crítico. Vivimos no mundo, e o mundo é unha arañeira, onde uns atrapan e outros son / somos atrapados.

Pero importa importar do orixinal, en base ao noso coñecemento de varios idiomas, cousa que se nos dá de marabilla aos galegos..., se o cultivásemos! Os mesmos prospectos dos equipamentos fabricados noutros países traen unhas traducións nefastas. O ideal é ler as publicacións estranxeiras, en particular as científicas, na propia lingua de orixe, encargándolle o anosamento ao noso cerebro; isto é o ideal.

O consumo de coñecementos require base, coñecementos previos, ad hoc, así que nisto xa lle sacamos rendementos á nosa, persoal, preparación. Importar trigo, boa mercadoría, pois para palla temos, de sobra, nas nosas eiras. Importar seriedade, e con seriedade, pois para futilidades é estúpido gastar divisas. Tampouco fe cega na “vaca do veciño”, pero si analizala, comparala, e se resulta mellor cá nosa facerlle sitio na nosa “cuadra” cerebral. Trátase, en definitiva, de facer un consumo produtivo de coñecementos externos, para despois producir, reacomodar, e / ou mellorar os nosos, os internos, pasándoos polo cribo das propias investigacións. Isto referido a países, pero, de persoa a persoa, ídem de lenzo!

As importacións ideolóxicas requiren unha criba especial pois o que resulta práctico, eficaz, admisible, nun país, dada a idiosincrasia doutro pode serlles / sernos nefasto.

Co advento do capitalismo pasamos á globalización, e así, de paso, neste paso, deuse a incorporación da ciencia ao proceso produtivo da sociedade, converténdose a ciencia en tecnoloxía. Esa tendencia, na actualidade, xa é irreversible, suscitando novas complexidades no desenrolo da humanidade.

Ese fulgurante desenrolo mundial que se iniciou a mediados do XIX revolucionou, ou máis exactamente, fixo evolucionar, a industria, esixíndolle á xuventude un progresivo esforzo formativo para encaixar, operar, funcionar, con utilidade persoal nesa espira dos adiantos. Noutras verbas, ¡que houbo que dicirlle adeus ao arado romano!
-.-


A importancia e maila importación do inmediato

Pode ocorrer que as árbores non nos deixen ver o bosque, os nosos iguais, os inmediatos. Parámonos en nós mesmos, sen decatarnos de que estamos absorbendo cantidade de fluxos culturais do noso arredor, e por iso, por ser arredores, pásannos desapercibidos. Aí temos, por exemplo, o televisor, que nos transporta ao mundo circundante, pero ese non é o noso próximo, o próximo inmediato; máis cerca está a familia, os veciños, os amigos..., por veces máis difíciles de entender cós alleos, pero sempre máis influentes.  


Voda de meus pais. O mestre e maila alumna,
e aínda así leváronse ben.
Irene, xa mociña, foille á escola a meu pai, en Luaces, e...,
namoráronse!

Para cousas complicadas, e non obstante, imprescindibles, a familia, pois, segundo sexa, segundo resulte, igual te fai como te desfai. Izarse nunha boa familia, ademais dun éxito é un pracer, o único duradeiro, por días de vida, pero máis éxito é perfeccionala, ou contribuír a perfeccionala. Xa é esforzo alzarse un mesmo en condicións favorables, sen encima educar aos que te están educando. ¡Pero hai que facelo, ou, polo menos, intentalo!

Ademais dos hábitos contaminantes, para ben ou para mal, están os abusos de confianza, que entorpecen a labor exemplarizante. ¿Discutir en familia? ¡Nunca; razoar, facer entrar en razón, sempre!

Esta interacción, tanto a positiva como a negativa, actúa en tódalas direccións, a tódolos niveis: de pais a fillos, de fillos a pais, entre irmáns e demais parentes. Actualmente é un dos temas máis difíciles de tratar, pola complexidade e particularidades do vivir moderno, pero, sendo vital para o individuo, algunha atención temos que prestarlle. Non admite receitas xenéricas porque non se dan dous casos idénticos, pero algo si se pode experimentar nesta enfermidade colectiva.

Para achegarnos ao tema, “Coidado co can, que morde”, teremos que diferenciar estas interaccións clasificándoas como de aproximación (afecto, apego, intimidade, fusión, mutuo e seudomutuo), e de distanciamento (emocións negativas, rexeitamentos, relacións conflitivas en xeral). Cada membro (da familia) está intimamente relacionado cos outros, así que a conducta de cada quen algo inflúe na dos demais, per se.

O traballo da muller, de portas para dentro das casas, era / é monótono, aburrido, pouco rendible no económico, e pouco agradecido, por engado, pero, ¡tan útil, tan necesario! A ¿liberación? da muller, a súa realización, viña pedíndoa a súa historia de semi escravitude, mais, como tódolos extremos, ten a súa parte negativa, maiormente con respecto ás crianzas; claro que están os avós, ¡cando os hai, cando viven cerca, cando llelo permiten os achaques propios da súa idade!, pero hai aspectos educacionais de seu indelegables. Inventáronse as garderías, hai permisos especiais, excedencias, etc, pero só son paliativos do problema.

Nas circunstancias presentes conservar, preservar, os vínculos familiares, logo é un milagre, así que, para logralo, os compoñentes, os interesados no problema, teñen que extremar o seu perfeccionamento particular, o de cada un. ¡Tamén nisto, e para isto, fai falta medrar, elevarse! As familias van evolucionando, e non sempre para mellor, así que compre adaptarse, esforzarse, multiplicarse; en definitiva, reestruturarse no propio ser para que se adapte e perfeccione o estar, o que se entende vulgarmente como, “arrimar o lombo”.

Tamén se di que non hai rabaño, que non hai familia, sen a súa ovella moura. Cando isto se dá, o esmero pacificador, aglutinador, perfeccionista, ten que esmerarse, dito así, en redundancia. Unha ovella “moura”, no seno dun fogar, é coma a espoleta dunha bomba: ¡coidado co seu manexo!
-.-



A complexidade dos conflitos dispárase cando coinciden no tempo varios tipos de incidentes, así que un non sabe a cal aterse, a qué dar preferencia, por onde comezar na busca e proposta de solucións. Nos conflitos familiares caben diagnoses, pero case nunca tratamentos externos, por iso, porque cada caso é distinto, e as solucións dependerán do carácter e das circunstancias do conxunto de afectados. É como gobernar unha nave sen estar nela, sen coñecer os seus resortes; os telemandos son para cousas sinxelas, e máis ben mecánicas.

Estas crises poden tipificarse como segue, ou parecido: As máis complicadas adoitan ser as estruturais: xente con toxicómanos ou persoas folgazanas e / ou violentas, que son resistentes aos consellos e ás represións; incorporacións á familia, noras, xenros, de careta habitual, que de pronto, ao sentirse acollidos, destápanse, proporcionando sorpresas desagradables. Danse casos nos que só un milagre, ou unha rotura, co nefastas e indesexables que son en si, pode aliviar, que nunca resolver, a situación. Non hai medicina que non teña contraindicacións, e nestes incidentes súmase, incorpórase, a vergoña e mailo descrédito familiar subseguintes, que os pode levar, incluso, á ruína económica.

Hainas externas, desgrazas inesperadas que nos veñen de fóra, sen buscalas, tal que a morte imprevista dun membro temoeiro, un accidente sen cobertura axeitada, o paro actual, etc. A cousa agrávase cando se lle achacan culpas a un membro da familia, crucificándoo inxustamente.

Crise de atención, cando concorren ou se presentan desvalimentos e / ou dependencias. Mal para o desvalido, e problemas para quen estea chamado a axudar, e non poida.

En cada etapa vital veñen cambios que desequilibran a familia máis estable: Un neno que chega a destempo ou con malformacións, unha xubilación anticipada e non querida, complicacións cos empregos e / ou cos casamentos dos fillos, etc., etc. Para isto nunca se está suficientemente precavido, por desgraza, aínda que tamén hai cambios en si satisfactorios pero que desequilibran o status familiar, as rutinas familiares ou aqueles equilibrios que sustentaban o vivir e / ou o convivir normal e tradicional, desarraigando costumes bos e moderados.

 Téñase en conta que os conflitos son menos problemáticos cando se conta con cireneos, con persoas externas que queren e poden intervir no noso socorro, sexa moral ou materialmente. Peores son os pecados secretos, internos, eses que ocultamos polo vergoñento da situación, xa que, se ninguén os coñece, ninguén propón ou aporta solucións, por máis que existan e sexan posibles e / ou accesibles.
-.-

Cómo superar as crises?

Por aí hai quen di que, enfermidades e crises superadas, forzas ganadas. ¡A vacina primeiro, por se acaso!

Tamén se di, e isto paréceme máis certo, que, non hai ben que non se acabe, nin mal que cen anos dure. ¡E se os dura, para nós, non, que xa non quedan Matusaléns! Optimismo, unha visión positiva das cousas, iso si é recomendable; tirar forzas das fraquezas é o gran remedio das situacións adversas; buscar apoios, sen vergoña nin qué dirán, pois, cando cansan as pernas son inevitables as muletas, os adminículos de apoio.

É importantísimo que os nenos se crían alleos, o máis posible, dos conflitos; poden suscitárselles depresións crónicas, comportamentos antisociais, e demais problemas psicolóxicos. Unha infancia triste é unha morte en vida, anticipada, como foi, poño por caso, a da nosa guerra incivil; esa xeración nunca se recupera totalmente, por moito que lle cambien as cousas. Pensemos nos nenos orfos, ou fillos de pais en desavinza ou divorciados, casos tan frecuentes por desgraza, que iso daranos forzas para prever, para evitar no posible, enfermidades e malos quereres. Polo ben dos fillos, ¡sábeo quen os ten!, nunca sobran previsións e aguantes.

O amigo, que non hai mellor terapia cá deles, estará pronto a mediar nos conflitos, nas desgrazas. A mellor definición de cantas se din, ou eu coñezo, do que é un amigo, é esta: Un bo amigo é coma o sangue, que acode á ferida sen que o chamen. ¡O importante que é importar boas amizades, e se son de cerca, mellor; persoas ás que lles importemos, fariseos excluídos! Sempre se dixo, tamén, que, a falta de pan, boas son tortas; a falta de irmáns, amigos!

De portas para dentro, comunicabilidade; e non deixar pasar unha mentres sexan faltas pequenas, corrixibles, pois, desde que medran, as faltas, coma as silvas, ¡non hai diabro que as desince!
-.-


De alzados, asentados?


A Mestra guerrilleira, Enriqueta Otero Blanco,
na porta de Alcalá.

¡Mentres o corpo aguante, non! Débolle a Enriqueta, mutilada da guerra das “guerrillas” outra das leccións inesquecibles: “Moito é o que temos recibido dos nosos entregos; a nosa obriga, agora, é conservalo, amplialo e, transmitilo!”. ¡Enriqueta, polas túas muletas, no que de min dependa, xúrocho...!

Cada evolución, cada paso, debe afianzarnos para dar o seguinte. ¿Ata cando? ¡Mentres o corpo aguante! Enriqueta, miña pobre, con feridas e con outros achaques tirou forzas de fraqueza para crear o seu “Carriño”, institución súa, privada, onde ensinaba aos nenos pobres. Tíñana por rebelde; eu téñoa no meu altar, no altar dos bos e xenerosos!

Conservalo, amplialo, transmitido... ¡Este si que é un testamento glorioso, excelso, digno de figurar nas portas da muralla de Lugo, que son máis antigas cá madrileña de Alcalá!
-.-



¿Conservar o patrimonio, a cultura? Non facelo debera considerarse como Crime de lesa Patria, sen admitir atenuantes!

Somos o que somos, estamos onde estamos grazas a unha civilización milenaria edificada pedra a pedra, con unha secuencia de traballo e de traballos que hoxe non somos capaces nin case de comprender, pola súa inxencia nun mundo que por non ter, nin ferramentas tiña.

Ademais dos bens materiais, herdamos, transmitíronos, iso que agora chamamos Cidadanía, aínda que mal chamado pois a educación non é privilexio da Cidade: a cidade herdouna, igual có campo, ou máis ben, do campo! Vén a ser o desenrolo das persoas libres e íntegras ao través da consolidación da súa autoestima, da dignidade persoal, da liberdade e da responsabilidade, da formación sostida con criterio propio, respectuosos, participativos e solidarios; que coñecemos os nosos dereitos, e asumimos os nosos deberes; así desenrolamos actos cívicos que nos permiten exercer a cidadanía de forma eficaz e responsable.
 
Para que viñese a cegoña primeiro foi construír

Pois para ser pai primeiro hai que aprender a ser fillo, e só son fillos aqueles que respectan aos pais: a súa cultura, tradicións, sistemas de traballo... Se todo fose fácil de conseguir non tardaríamos milenios en chegar ao nivel actual. En Castroverde temos a Asociación “Amigos do Patrimonio”, que para min é un lema sublime: ¡amigos!, e por engado, ¡do Patrimonio!

Patrimonio: Do latín patrimonium. Facenda herdada. Bens propios. Aquilo que constitúe herdanza común dunha colectividade. Iso último é o que peor se entende, o que menos se valora, sendo tan noso coma os outros bens.

¿Sen “patrimonio” qué somos? ¡Nin sequera parias, pois eses indios de terceira algo tiñan de seu, algo herdaran! Todo o que nos rodea é un museo, o museo da herdanza cultural. Pode pasarnos desapercibido, pero está aí; alédanos a vida, facemos uso, directa ou indirectamente, pois ata respiramos o aire purificado nos carballos da chousa do veciño. Por todo iso o concepto “patrimonial” ten moito de sacro, ¡teno todo! E aínda sendo de terceiros, algo nos beneficiamos das cousas que nos rodean. ¿Que tiñan nas cavernas? Pois pensémolo para así poder calcular a distancia recorrida.

Patrimonio cultural, da nación, da humanidade...; ¡noso, en definitiva! O patrimonio, por encerrar bens e dereitos, tamén comporta obrigas, ¡máis das que adoitamos asumir!  Este concepto de patrimonio cultural é subxectivo; non depende dos obxectos ou bens senón dos valores que a sociedade lles vai atribuíndo en cada momento da historia. En vista diso, as lexislacións, sexan do país posuidor ou internacionais, van determinando as catalogacións dos bens que se xulga convinte protexer e conservar para a posterioridade. De aí a conceptuación, ou cualificación, de, valores culturais.
-.-


Querida Enriqueta, vimos falando do herdado, así que agora pasemos ao conservado, á conservación: ¿Quen tira a casa pola ventá? ¡Ui, tantos; da humanidade, a metade! Por iso coido que non sobra lembrar, para nenos e menos nenos, que, a Convención sobre a Protección do Patrimonio Mundial Cultural e Natural foi adoptada pola Conferencia Xeral da Organización da Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e maila Cultura (Unesco) o 16 de novembro do 1972, ¡aínda foi onte, pero somos tan propicios ao esquecemento! O seu obxectivo é, ¡era!, promover a identificación, protección e preservación do patrimonio cultural e natural de todo o mundo, considerado especialmente valioso para a humanidade. Mais non parou aí a cousa, pois, como complemento dese tratado, a Unesco aprobou, o 17 de outubro do 2003, a chamada Convención para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, que definiu precisamente o que se entende por Patrimonio Cultural Inmaterial: Os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos, e nalgún caso os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. Este patrimonio cultural inmaterial, que se transmite de xeración en xeración, é recreado constantemente polas comunidades e polos grupos en función do seu entorno, da súa interacción coa natureza e da súa historia, infundíndolles un sentimento de identidade e de continuidade e contribuíndo así a promover o respecto á diversidade cultural e á creatividade humana.

Non precisa comentario; ¿verdade que non? ¡Pois a colaborar, xa que somos coherdeiros, e por tanto, copartícipes!
-.-


¿Amplialo, ampliar o Patrimonio? ¡Todos o facemos, ou, polo menos, o noso, o persoal, pero, no comunal..., quéroche un conto, e non precisamente de Reis! Nesta ampliación todos temos parte, todos temos responsabilidade. Os franceses din que o mundo vai de lui-même, pero non é verdade; esta expresión utilizouna por primeira vez, seica, (Laissez faire, laissez passer, le monde va de lui même) Jean-Claude Marie Vicent de Gournay, un fisiócrata do século XVIII, referíndose, censurando, o intervencionismo do goberno na economía de Francia. Non; o dono da terra é Deus, e non nos cobra por ela, pero ténnola aforada por días de vida; este foro implica agradecemento, pero tamén actividade; ¡non lle gusta que a teñamos improdutiva! ¿Onde se di? ¡Nos evanxeos transpírase!

Ama ao próximo coma a ti mesmo... ¿Ai, si; logo, tanto que me gusta gozar das cousas, por qué llas vou deteriorar ao próximo, facerlle o que me desgustaría no meu, no persoal!

Vexetar é propio das árbores, non das persoas; e non vale alegar ignorancia ou incompetencia pois todos, uns máis e outros menos, estamos en condicións de facer algo, ¡moito!, que contribúa a mellora-lo mundo, a facelo máis..., habitable!
-.-


A transmisión non se refire unicamente aos bens materiais, pois dos outros, dos éticos, tamén facemos dación, implícita: todos deixamos recordos, bos, malos ou regulares; e non é dación graciosa pois, polo recibido, algún rédito debemos pagar. Eses “valores engadidos” poderán sernos, ou non, apreciados, pero o Xefe ben os coñece. ¡O Xefe é o único que paga cento por un, e mais non vai á creba, poderoso que é!

-.-


Somos o que fomos.



“Somos lo que hemos sido y nos ha traído hasta el presente. Pero también somos fábricas de olvido”. É unha frase do libro “Valses de la memoria”, de José María Quiroga Pla, morto no exilio. Era xenro de Miguel de Unamuno, e pai do doutor Miguel Quiroga de Unamuno, gran amigo meu, tamén falecido.


“Somos lo que somos porque fuimos lo que fuimos”. De Arturo Pérez Reverte.


A satisfacción de ser o que se é, moito ou pouco pero proporcionado á vontade posta, con resolución nos decaementos; iso de mirar para atrás contemplando os obstáculos vencidos, é a mellor das coroas, ¡porque nola poñemos nós mesmos, inmarcescible, sen adulacións nin favoritismos.


Don Miguel de Unamuno, sempre tan sinxelo e tan natural, naquela ocasión en que o Alfonso XII o condecorou, por todo agradecemento díxolle: “Gracias, Majestad, por esta condecoración que tan merecido la tenía”. O Rei, pasmado, asombrado daquela frescura, canto se lle ocorreu dicir foi: “¡Hombre...; nadie me dijo, nunca, nada parecido; como es eso...?”. Unamuno, tranquilo coma un toureiro: “Señor, es que los demás no son sinceros”.



¡Que importa se o mundo nos nega honores téndoos merecido! O importante dos honores non é recibilos, senón telos, telos merecido. Telos, si, pero obtidos con honradez. ¿Como? Erguéndonos, alzándonos, avanzando polas trochas da vida na conquista e na perfección do propio ser. ¡Ser, por ter sabido estar! Ser nós, únicos e iguais; únicos, de mérito propio; e iguais có próximo, que só se é igual cando nos mostramos ao seu nivel, con sinxeleza, sen sobresementos. Con Deus cando máis grandes somos é precisamente de xeonllos ante o Altísimo; así, salvadas as distancias, medramos cando lle podemos dar a man ao próximo sen altiveces nin rancores.



Iso das “fábricas do olvido” tamén pode levarse, aplicarse, ao esquecemento daqueles traballos que nos deu a sementeira: ¡Sementamos, e no resto, o que Deus queira!
 
-oOo-



  
¡Xa que espertamos, alcémonos! ¿É que estamos en guerra? ¡Si, pero con nós, con nós mesmos, coa nosa preguiza histórica! Primeiro de nada, revista de armas: ¿Quen somos, de onde vimos, onde estamos, a onde queremos chegar, pois, sen metas distantes non hai competición!

Ao de qué somos: Fidalgos, fillos d´algo, desde logo que non, que iso é un arcaísmo, así que, démolo por superado. ¡Somos o que queiramos ser, con axuda de Deus, se tamén nolo permiten as circunstancias! ¿Resucitamos a Ortega y Gasset…, para que nos axude a europeizarnos? Chéganos co seu análise básico: Eu son eu, eu e maila miña circunstancia! Grazas, don José, que xa o tiñamos esquecido. Somos unha xeración que aspira ao título de Self-made, que o inventaron os ingleses, pero como tanto nos levan roubado, eles, os seus piratas incluídos, con aplicarlles a Lei do Talión…!

Como queremos ser máis, máis do que somos, mellor do que somos, apliquémonos o auto análise: Trouxéronos ao mundo, criáronos…, agora tócanos a nós, a nós mesmos, perfeccionarnos! Non debe ser doado, xa que poucos o fan, poucos o fixeron, polo menos ao longo dos dous últimos séculos, que máis ben parece que estamos nunha degradación social, sociolóxica…; ¡pero vosoutros, si; estes da Xeración do XXI, si!

¿Por onde empezamos? ¡Pola aplicación escolar, pois é unha vergoña que, con tantos medios postos ao noso alcance, pais, avós, profesores, Estado…, e logo que esta xeración pode ir ás clases de continuo, que non teñen que garda-lo gando, cabras, ovellas, vacas, cochos…, teñamos o fracaso escolar que temos! ¡A tódolos niveis, pois abonda con ollar os concursos da Televisión para decatarnos de que, se pouco sabemos, menos razoamos! ¡Saber non é só memoria, que se precisa, senón, e tamén, ou máis ben, asimilar; para asimilar cómpre deglutir, rumiar, afondar no por qué das cousas!

¿Quén é o principal interesado nisto, na propia elaboración, no Self-made referido? Por egoísmo, nós, nós mesmos; por agradecemento a aqueles que nos axudan, os de hoxe, pero tamén aos predecesores da nosa cultura; por apostolado, polo deber social de abrirlles camiño aos nosos sucesores!

¿Como facelo? ¡Sóbrannos medios, bibliotecas incluídas, que, con todo ser poucas, están medio desertas, a maior parte do día! Lembremos a filosofía grega: Oito horas para traballar, outro tanto para o lecer, e o resto, cama! ¡Xa; pero tamén dicían aqueles sabios da antigüidade que sen ocio non hai filosofía, pois o contrario é: negocio! Co tempo que lle dedicamos actualmente ao ocio, se nos parásemos a pensar, o parnaso quedaríanos curto: todos sabios, todos artistas, todos eficientes, un auténtico Renacemento; este, si!

Todo isto compórtao o ser, pero, onde queda o estar? ¡Ah, si, iso das miñas circunstancias, que cómpre telo presente, conxugalo en todos os seus tempos! A anticultura está maiormente en estudar Historia a estilo papagaio: datas, nomes, casamentos, sucesións, guerras, fosen civís ou internacionais… ¡Todo iso é palla, palla da de encher as albardas! O que cómpre, o realmente interesante, é analizar as cousas polas súas causas, e de paso sopesar a transcendencia e maila permanencia das consecuencias de tales causas. Non hai causa inocua, por cativa que sexa, por intranscendente que nos pareza, pois todas serven para acender o lume, ou é que non se acende o lume con un simple fósforo? Analizar, e de analizado poñer os antídotos posibles, aínda posibles, para deter o curso das epidemias. ¡Si, das epidemias, pois epidemia é, gravísima epidemia, aqueles vicios, aquelas fantasías, aquelas desviacións dos malos gobernantes, tantos que tivemos, así que vai sendo hora de coñecelos, de tratalos como é debido!

¡Compañeiro, camarada Self-made, cave ne cadas, como lle clamaban ao César; ten coidado, no caias, nos decaias, e nos momentos de decaemento, tira forzas da túa fraqueza, que non hai fraqueza, debilidade, que non admita un reconstituínte! E de paso, paz na terra, tanta como desexo para min mesmo, para min e para os meus! Por separado podemos desanimarnos, desintegrarnos; unidos, xuntos, nun feixe de sentido común,  venceremos, subiremos, uparémonos!
-.-
 

De alzados, afianzarnos.

 

O problema de afianzar a personalidade. Din uns cantos científicos que se herda o temperamento, séxanse, certos aspectos biolóxicos do carácter, factores xenéticos que colaboran nas conductas sociais dos individuos, pero, observando unhas cantas irmandades, logo hai que pensar que seus pais tiñan un almacén deles, e que os foron repartindo, distintos en cada semente. ¿Ou será cousa de facernos o ADN?

 

Esgazando estas dúas verbas, carácter de temperamento, entendemos por carácter o conxunto de aspectos psicolóxicos que se moldean, ¡que se moldean!, coa educación, co traballo da vontade, amén de certos hábitos que permiten, ou posibilitan, certas reaccións do individuo fronte, nas, súas experiencias. Esgazar esgazámolas, pero o certo é que o carácter está casado co temperamento e actúan en consecuencia, sempre, ou case sempre.

 

Ao carácter, aínda que complexo e con interaccións, poden atribuírselle tres compoñentes básicos: a emotividade, que é a repercusión emocional do individuo fronte aos sucesos que lle afecten; a actividade, que sería a inclinación que teñamos para responder ante cada tipo de estímulos; e quédanos a resonancia, o eco ou resposta que presentemos ante esa diversidade de sucesos.

 

Tipos de caracteres. Se fose unción miña esta clasificación, diría, escribiría, que, ¡tantos como persoas! Pero ateñámonos aos clásicos:

 

Apáticos. ¡Deus, o que abundan, lamentablemente! Deron en chamarlles “pasotas” verba maldita, pero que está ben dita. Predícase daqueles que viven ao caracol, encerrados en si mesmos; melancólicos, testáns y un tanto preguiceiros. Gustan da rutina e compórtanse con indiferenza, non innovando nin no que lles convén.

 

Nerviosos, cataventos. Tan pronto se interesan polas novidades como as aborrecen. Pouca orde e pouca disciplina. De vontade adoitan ser débiles, pero sociables e afectuosos socialmente.

 

Os sentimentais. Moi sensibles, e un tanto pesimistas. Gustan da soidade, e desmoralízanse, apéanse, con facilidade. Eses abatementos lévanos ao rancor, á inseguridade, á indecisión. Gústanlles as novidades en xeral, pero cústalles apreixalas.

 

¿Coléricos? ¡Logo había que chamarlles latinos! Son traballadores, ¡cando lles peta! Ousados e gustan se seguir improvisacións, levados dos seus impulsos. Aparentemente extravertidos, pero como se tensionan facilmente, fúxenlle ao lobo antes de velo.

 

Os apaixonados, que se definen por ser uns empollóns, con imaxinación e capacidade de traballo. Interésalles aprender, e son metódicos nas tarefas.

 

Outra categoría, ou clase, pode ser a dos caracteres amorfos: preguizosos, pouco orixinais e pouco previsores, impuntuais, e cousas así.

 

¡Ai, Deus, qué complicados somos, e cantos nos custa domarnos, acadarmarnos, domarnos a nós mesmos!

 

Agora púxose de moda someterse aos test previos, tanto para estudos como para optar a postos de traballo, que se non son dogma tómanse por tales. Din que serven para ditaminar as nosas actitudes, xunto coas aptitudes, para prever e determinar cómo actuará a persoa ante situacións académicas, e tamén no laboral. Tódolos inventos teñen algo de conto, pero nisto dos test aproxímanse bastante á personalidade de cada quen, aínda que tamén sexa de consignar que a nosa evolución, en cuestión de días ou de meses, por efectos de novas circunstancias, cambiamos de carácter, fundimos e afundimos personalidades que se daban por definitivas. Cambiar, cando é para ben, para mellorar, é de persoas, de persoas formadas, pois a formación consiste niso, precisamente niso, en ir a mellor, en atoparnos a nós mesmos, en descubrirnos diante do propio espello!

 

Tamén podemos considerar dous tipos xenéricos, dúas características que van connosco, que nos acompañan sempre por moito que limemos: a introversión, iso de mirarnos o embigo; e a extroversión, que consiste en ollar ao lonxe, con máis permeabilidade ao mundo exterior; máis sociais, interesados polo que ocorre alén do noso embigo. 

 

Influencias do ambiente na personalidade. Están sendo moi estudadas ultimamente; púxose de moda, pero eu quédome coas apreciacións de Viviana Lemos, que explica moi ben como os factores socioculturais inciden na personalidade. Un dos principais compoñentes do seu estudio consiste en analizar como a pobreza (nunca tanta pobreza tivemos, e cada día peor, porque, ao haber, e coñecer, moitos ricos, os outros recoñecémonos como pobres, apreciación que non se tiña noutros tempos de coñecemento limitado e de adaptación ao medio), como a pobreza, di ela, inflúe negativamente na personalidade dos cativos. Ao non ter acceso á educación, á comida, e outros recursos básicos, os nenos pobres son vulnerables a ter unha personalidade negativa. Por medio de estatísticas e de cuestionarios realizados, o estudio mostra a realidade e cómo é a personalidade dos nenos que viven en países pobres, pobres en comparación con outros que non son tanto, pois o que é ricos – ricos hai poucos, e en poucos lugares. Hoxe en día o que ten rendas non se libra de traballar, de administrar, de defendelas, así que, en definitiva, non deixa de ser un traballador, un máis.

 

En definitiva, que hai que fixarse nos comportamentos, e copiar dos mellores, que por esta copia non suspenden a ninguén, antes ao contrario! Non esquezamos que o home vén do barro, así que admite modelación!



-oOo-

Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: