sábado, 23 de septiembre de 2017

XIMNASIA ANÍMICA -IV-

.../...


Da resilencia, que; en que quedamos?



¡Vaia, ho, tamén temos que resolver problemas, con ou sen matemáticas; nin que a vida fose unha carreira de obstáculos!
Nos libros, ¡nos de agora!, explican que “resilencia” é a capacidade dos seres humanos para adaptarse positivamente ás situacións adversas, etc. Pois, con tantas que hai, cadora máis xa que imos descubrindo, e desafiando, novos retos, fantasmas que nos eran descoñecidos, perigos que nos pasaban inadvertidos, doutorarse en “Resilencia” debe ser unha carreira vital, ¡desde o berce ao cadaleito! Os especialistas deron en falar disto a últimos do XX, así que moi felices debemos ser os anteriores xa que non nos preocuparon as calamidades..., pero o caso é que sempre as houbo!
Voume deter nunha psicóloga, Emmy Werner, que, no 1995, retratou a resilencia con estas tres pinceladas: un bo desenrolo, a pesares do alto risco social; mantemento das competencias pese ao estrés continuo; e recuperación despois do trauma.
Aí en Lugo temos unha psicopedagoga experta no tema, Dolores Armas, ¡que é de armas tomar polo que sabe, pero tamén polo ben que o sabe explicar!
-.-
       

Dor polos pecados

  
Á dor perfecta, desde o Concilio de Trento, chámanlle, chamámoslle, atrición; pero se a perfeccionamos xa merecerá o nome de contrición.
 A atrición nace da consideración da fealdade do pecado e / ou do temor que nos entre da condenación eterna e demais penas das que nos fagamos, ¡fixemos!, merecentes. Eu diría, diríame a min mesmo, que a atrición é un trasacordo, pois, se nos viñesen a tempo eses temores, daquela sería unha boa vacina para non delinquir, para non pecar. A atrición ten de bo que, xa que non vacina, si que nos leva ao veterinario, ¡ao confesor das nosas animaladas!, e nesa “farmacia” dannos a penitencia; ¡iso si, con confesión de boca, penitencia, e satisfacción de obra!
¿Quen nos di que aquilo foi pecado? Esa labor incúmbelle á conciencia, pero só funciona se temos feita a ximnasia anímica, se temos a terra, ¡a alma!, abonada, nutrida.
Daquel Concilio de Trento: “Entre os actos do penitente, a contrición aparece (¡debe aparecer!) no primeiro lugar. É unha dor da alma cunha detestación do pecado cometido, coa resolución (¡firme, decidida, sen reservas mentais!) de non volver a pecar”.
Cando a contrición brota, xorde, do amor a Deus, do amor de Deus, sobre tódalas cousas, esta contrición chámase, porque o é, contrición de caridade. É perfecta, si, pero tamén inclúe a obriga de acudir á confesión sacramental.
Por se lle serve ao lector / a de catequese, voulle confesar que a miña dona e mais eu, antes de acollernos ás sabas, tódalas noites, de consún, pregamos así: “ Con Deus me deito, e con Deus quero levantarme. Que a Virxe María me cubra co seu manto, nesta cama e sempre. E Ti, Señor, dáme penitencia en vida, e na morte salvación, que se morro esta noite me sirva de confesión. Amén”. A continuación as tres Ave Marías da nosa Virxe Milagrosa, da aparición da Virxe a Santa Catalina Labouré: “Oh María, sen pecado


Imaxe doada por nós á parroquia de Montecubeiro cando naceu o noso fillo Pedro Paulo.

concibida, rogade por nós, que recorremos a vós”. ¡Amén!
-.-
        

A porta do xuízo


Pedes in terra ad sidera visus. Os pés na terra, pero a mirada no Ceo. ¡Estamos na terra para ganar o Ceo! Xa; pero en vista de que hai exame, será cousa de ir preparados! ¿Como? ¡Con ximnasia anímica..., para fortalecernos, que non hai outra: sóbese, éntrase, coa forza que dá a oración!
Filipenses, 3, 20-21: “A nosa patria está no Ceo, de onde nós agardamos ao salvador, Xesús Cristo, o Señor. El ha transforma-lo noso pobre corpo, reproducindo en nós a gloria do seu propio corpo con ese poder que lle permite someter incluso o mesmo universo”.
¿E nas outras relixións? Os nosos privilexios non exclúen nin eliminan que, obrando de boa fe, tamén se salven. Cristo morreu por todos; resucitou para todos. Porén, nós, co bautizo, levamos pasaporte, un pasaporte especial, pero, o que máis recibiu máis ten que agradecer, e por ende, máis obrigado está, estaremos, ante o noso, común, Redentor. ¡Dixen; pero non fun eu, pois isto é de sentido común!
¿Que lle dixo Xesús ao ladrón arrepentido? (Lucas 23, 42-43) “Asegúroche que hoxe estarás comigo no paraíso”. ¡Aí temos outra confirmación da promesa: Pecador, pero arrepentido, Ceo prometido! Do que se deduce, en boa lóxica, que sen arrepentimento non hai pasaporte.
¿E para os que non coñeceron a Cristo, para os que non se documentaron coa Biblia? Naquel transo, “Meu Pai, perdóaos que eles non saben o que fan”. (Lucas 23, 34). Xesús, que, como Deus, é a perfección da xustiza, non quere castigo para os ignorantes; ao revés do que facemos os humanos, que ben, que mal, dicimos, “Ignorantia legis neminem excusat”. ¡De tan imperfectos que somos, mellor dito, que nos fixemos ao sublevarnos, a nosa soberbia lévanos a esixir nos demais unha perfección da que nós, agora, carecemos! ¡Outro pecado!
-.-


¿Contar ovellas?


Ensinoumo miña madriña como remedio para os insomnios que me producían as lombrigas cando bailaban na miña barriga. ¡Miña pobre, que outra cousa non podía facerme..., ata que houbo farmacia, e polvos nela!
Hoxe, que os problemas son outros, para os insomnios nada mellor que repasa-lo Iter (Camiño), coa de verbas tan preciosas que temos! Así, por poñer un exemplo:


Amor. Coñecemos, sabemos, que Deus é amor; con isto, que mellor caxata para a nosa peregrinación vital?


Como no silencio da alcoba tamén se pode cantar, comecemos cantando, para nós, para dentro do noso corazón; e se o aprendemos en castelán tamén vale, que Deus é o Deus das verbas, comezando polo arameo de Xesús:
Cantemos al amor de los amores, cantemos al Señor, Dios está aquí, ¡venid adoradores, adoremos a Cristo Redentor!
¡Gloria a Cristo Jesús, cielos y tierra, bendecid al Señor; honor y gloria a Ti, rey de la gloria, amor por siempre a Ti Dios del Amor!
Unamos nuestra voz a los cantares del Coro Celestial, Dios está aquí, al Dios de los Altares alabemos con gozo angelical.
Na primeira das cartas de San Xoán (4, 19-21): “Nós somos capaces de amar porque El nos amou primeiro. Se un di: “Eu amo a Deus”, pero odia a seu irmán, é un mentireiro. Porque quen non ama a seu irmán a quen está vendo, non pode amar a Deus, a quen nunca viu. Este é xustamente o mandamento que temos recibido del: que quen ama a Deus, ame tamén ao seu irmán”.
Irmán, irmáns todos, eu quero querervos, pero non só depende de min xa que, se non me aceptades, se fuxides dos meus brazos abertos, ¿que outra me queda máis que querervos en silencio, na distancia física, que non na anímica?
Amor versus paixón. A paixón é cega; o amor, ao contrario, fainos pensar as cousas. A paixón é voadora, vai e vén; mentres, o amor arraiga. A paixón, coma as tentacións do demo, preséntase de súpeto, por veces sen buscala, pero o amor ten a súa incubación, seguida de consolidación.
¿Prezo do amor? ¡O amor só se paga con amor!
-.-




Buçaco (Portugal)

Beleza. Sempre fun un namorado dela; despois da miña dona, o bosque de Buçaco! Polas ganas, quixera ser poeta, que eses saben falar da beleza..., en poesía, que é o máximo para os humanos. Direino: Quixen ser poeta, intenteino, pero frustroume esta vocación aquel poeta, aquel si, (Francisco Leal Ínsua), cando, en El Progreso, na rúa do ídem, lle mostrei aquel manuscrito dos meus ¿poemas?, dos que fora facendo día tras día, á vez que contemplaba a miña paisaxe e gardaba as vacas. Sempre levaba comigo unha pizarra, e á volta pasábaos ao papel. Aquel poeta acreditado, con ou sen razón, díxome, textualmente, en castelán: “Quémalos, porque..., los primeros no son publicables”. ¿Fíxome un favor, obrou de boa fe? En todo caso, rancor non lle gardo, pero decepción si porque hoxe en día ben que me gustaría verme naquel retrato, repasar aquelas estrofas, analizar o meu desenrolo..., se é que o tiven!
A beleza ten unha particularidade, que sendo de natureza obxectiva sempre se presenta en formas subxectivas, e menos mal que é así..., para vencer a fealdade xenérica; non é que exista na natureza a fealdade xenérica, pero fabricámola os homes, maiormente os que vivimos nas cidades!
Os ingleses, que adoitan ser individualistas, ben o din: “It well known that taste cannot be argued over”. (É ben sabido que o gusto non pode discutirse). Certamente hai uns canons da beleza, pero só rexen para os inventos dos homes pois os de Deus son perfectos, todos, a feito..., particularmente as mulleres, nas que se dá a contrapartida de que as que temos por feas adoitan ser as máis simpáticas. ¿Probas diso? Hai tantos estilos como pintores, pero aínda non naceu o pintor que imite as belezas naturais do universo.
Nos pensamentos tamén hai beleza, por suposto, e nas verbas xa non digamos; o ser humano, como tal, está ben feito, pero, se non se me toma a blasfemia, eu apuntaría que houbo unha pequena omisión, ¿ou sería que antes do pecado éramos distintos? O fallo que vexo sería que, ao igual que as feces, os malos pensamentos, os pensamentos maliciosos e feos, tamén debían cheirar, que así quedarían sos, deixaríannos sos, aos pecadores, evitándose os outros unha serie de contaminacións. As rosas, ademais de guapas, cheiran ben, ¿non si? ¡Pois iso!
.../...
Pasa a
XIMNASIA ANÍMICA
-V-
Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: