Os inimigos da alma
Para o
Catecismo do P. Astete eran tres: o mundo, o demo, e maila carne; pero viñeron,
¡trouxémolos!, outros dous, así que, agora, son cinco: o mundo, o demo, a
carne, o sofá, e maila televisión. ¡Se seguimos fabricando pecados, imos de cu!
En
contraposición coa pirámide salvífica, a escala de valores do mundo, ¡nunca
sobra recordala para poñernos en garda!, é:
-Ter moito
diñeiro, e idolatralo.
-Darlle ao
corpo tódolos gustos, aínda que nos traian desgustos.
-Ir sempre a
por honores, fama e postos, así sexa cabalgando sobre a dignidade do próximo.
O diabro,
contra o que temos as armas evanxélicas, ¡pero hai que usalas! O Vade retro, satana, conséguese coa
oración, con fe, e con penitencias, pero a mellor arma son os tanques da
humildade; á Eva convenceuna, e venceuna, co perfume da soberbia.
¿A carne?
Quedou enviciada desde que perdemos as glorias do Paraíso; botámolas de menos e
antóllansenos compensacións ilícitas. ¡Hai que vixiarlle os antollos!
En canto ao
sofá, tanto nos afixemos a eles que os consideramos tronos, tronos de alteza
imperial. Sentados, que non asentados, neles, éntranos unha pereza e un afán de
mangoneo que desvían da nosa mente as obrigas incómodas.
Se por engado
nos poñen un televexo diante do sofá, en vez de rezar pecaremos coa
imaxinación, polo menos coa imaxinación, pois desde esas antenas non se cansan
de ensinarnos a pecar; fan o papel de que castigan as maldades pero fano con
tanto detalle que en vez de deostalas o que están é ensinándonos a facelas ben
feitas, séxase, sen consecuencias penais. ¿Apagar o aparello? ¡Para que, se os
programas mellores, os más pícaros, son os tardíos!
A responsabilidade do
ambiente familiar
O eco das explosións familiares, por máis que non as
entenda, prexudica ao neno, ¡moitísimo!
Aínda que non
as entenda, digo, pero éntranlle polos oídos, e veas cos seus ollos. ¡Daquela
comeza a súa deformación!
Sabemos que os
cinco sentidos son as ventás do corpo, pero adoita pasarnos desapercibido que,
sendo o corpo o asentamento e mailo sostén da alma, eses mesmos sentidos están
traballando para a alma..., desde a caneta! Daquela, por que nos sorprende que
os bebés capten canto pasa ao seu arredor, do bo e do malo, influíndo na
formación / deformación da súa alma, do seu ser, do seu todo?
O ambiente da primeira infancia é para o neno algo así
coma a cimentación dos edificios: canto máis
grande queiramos a construción, más forte, más sólida, faremos a cimentación. O
desenrolo, os coidados ao neno na primeira infancia prepáranlle o terreo, a
sementeira, para a súa vida de aprendizaxe, de autonomía e de descubrimentos.
Trátase, en definitiva, do proceso de realización do dereito de cada ser á
supervivencia, á protección, ao coidado e ao desenrolo óptimos desde a súa
concepción.
As crías
humanas están indefensas, non saen preparadas para o mundo exterior, nin o
estarán durante un período relativamente longo en proporción aos seus anos de
vida visible. Neste período básico, crucial, formativo, os nenos adquiren,
reciben, precisan recibir, asimilan, tanto as actitudes positivas como as
negativas do seu contorno, e utilízanas para o seu paulatino desenrolo ou
aprendizaxe.
Daquela, o
neno no só precisa paxelos limpos, senón, ¡outro tanto!, limpeza ética e
cordial ao seu redor. Avanzouse, moito, e seguimos, no campo da supervivencia e
da saúde infantís, pero do resto aínda se fala pouco. Segundo Walter Barker, e
con toda razón: “O desenrolo do neno na súa primeira infancia é conditio sine
qua non do futuro viable das próximas xeracións”.
Xa que logo o
desenrolo é un proceso de cambio en espiral
no que o neno
aprende a dominar niveles cada vez máis complexos de movementos, pensamentos,
sentimentos e socialización, así que non é un problema individual, senón
colectivo. Colectivamente, socialmente, o dito: que aínda estamos verdes neste
estudo, e por ende, na súa aplicación.
Segundo as últimas investigacións, (estamos comezando o XXI), o desenrolo do cerebro antes do primeiro ano é,
en realidade, moito máis rápido e más amplo do que ata agora nos tiñamos
imaxinado. Despois diso, despois desa etapa, o cerebro nunca volve a ser tan
elástico como durante a nenez en canto á receptividade e á vulnerabilidade. A
importancia das atencións positivas ao neno, co neno, nesta idade, reflíctese
visiblemente na súa evolución; o que ocorra, o que reciba, en cada etapa ou
idade do seu desenrolo repercute visiblemente na seguinte, e así sucesivamente.
Este proceso
iníciase, probablemente, polo espertar da súa conciencia, e seguidamente pasa
polo descubrimento, pola exploración, os ensaios e maila investigación, para
concluír no seu uso, ciclo que pode observarse nos simples movementos
corporais, grazas aos cales o neno entende as causas, pero tamén os efectos,
acadando despois ideas máis complexas cando logra dominar o seu organismo. Isto
non pasa só no corpo, senón, e tamén, na psique, pois, á vez que o corpo, a alma
tamén aprende, coa mesma ximnasia, a portarse, a comportarse; en definitiva, a
distinguir entre o ben e o mal.
Os
investigadores teñen demostrado que os nenos que xogan pouco, ou que son
escasamente abrazados e acariciados por seus pais, ou por persoas que deles se
ocupen, desenrolan cerebros máis
pequenos; así, unha experiencia traumática pode aumentar o risco de que máis
adiante se lles presenten problemas cognitivos, de comportamento, e tamén
emocionais.
Un entorno propicio ao descubrimento, ás novas emocións e á comunicación, mellora
indefectiblemente, de forma natural, o proceso de aprendizaxe. Este entorno
¡propicio! ten que ver coa forma de ser dos coidadores, pero tamén coas
circunstancias concorrentes pois onde hai miseria a paz e maila simpatía foxen,
abandonan os seus deberes, con ou sen pretexto. ¿Isto quere dicir que os pobres
non deben ter fillos? Non exactamente; o que debera estar prohibida é a
pobreza, ou dito cunha precisión meirande: deberan estar prohibidos os
políticos – administradores incompetentes, e tamén os pais pasotas, pois, con
organización e vontade, terras, países pobres de por si, hai poucos. Dicía meu
avó que, “Comparando os bens cos males, tódolos pobos son iguais”. Segundo a
miña experiencia de trotamundos, Sáhara incluído, exactamente iguais, non, pero
a preparación e maila laboriosidade tiran xoias das súas pedras!
1962 O meu fillo, con
medo, si, pero aprendeu a montar en camelo. Ao fondo, a igrexa de Aaiún (Sáhara
Español).
Sigamos coa lección, se vos plugue: Aprender a aprender é cousa do neno; a nosa é aprender a ensinar, oficio delicado,
particularmente na primeira infancia, na da súa sensibilización. Non fai falta,
e pode ser inoportuno, facerlle memorizar demasiado pronto; abonda con
mostrarlle cousas, comezando polo noso afecto, que lle dará seguridades,
estímulos, para poñer atención no que ve, no que oe, e tamén no que palpa.
Estímulos primarios. A maquinaria xa a traemos, así que só precisamos que nos dean corda, para
estimularnos, para quentar motores.
O pracer de darnos o peito. As nais din que non hai pracer meirande, e ademais de grande, recíproco;
por engado, que os ácidos graxos do leite materno robustécennos o cerebro. Como
ximnasia corporal tamén ten o beneficio de que nos están favorecendo a simetría
corporal.
Caricias, que tamén nos serven
para fortalecer o transplante, para decatarnos de que temos un corpo libre, en
liberdade actuante.
Imitando. Ao identificar,
imitamos os xestos e mailos sons dos nosos coidadores, decatándonos de que
viñemos ao seu mundo!
Gatear. É un querer ir alén
do que podemos; e se nos axudan nestes movementos iniciais non só nos fan facer
ximnasia física, senón, e tamén, mental..., porque nos están axudando a pensar
que somos capaces de dominar, coa mente, o corpo.
O balanceo do barrelo. Axúdanos á calma pois é unha forma de dicir, e tamén de entender, que temos
quen nos axude a calmarnos.
Chorar. ¡É o S.O.S. dos
nenos! Vén a ser o noso bastón de mando, o signo que nos fai potentes na nosa
debilidade.
Obstáculos. ¡Que nolos
retiren da habitación e que nos poñan xoguetes sinxelos pero entretidos, que
aínda non estamos para xogar coa bomba atómica!
O colo. ¿Por que nos gustará
tanto; será porque no colo dos íntimos sentímonos máis cerca do seu corazón?
A felicidade de ser criados en galego. A cadencia da nosa fala, o seu agarimo, a súa melodía, dannos un carácter
pacífico, pero, se hai berros na casa..., é que deixaron entrar ao diabro, e
con iso vai querer acompañarnos, ¡de por vida!
Observemos e graduemos. Por exemplo, os nenos entre un
ano e dous e medio de idade aínda non están listos para os signos abstractos,
como poden ser as letras e mailos números; ata aquí foron aprendendo dunha
maneira concreta e palpable, tal que descubrindo e tocando cousas, obxectos. Se
se apura aos nenos para que absorban feitos e cifras non se aumentará o seu
desexo de aprender. A aprendizaxe pola práctica e pola propia necesidade
radical de adquirir coñecementos son os factores principais para estimulalos.
-.-
Coñecerala na cociña,
vestida de cada día.
Vinte días
despois do atentado que tivemos en Safí, co coche reparado e coa muller
recosida, por vinte sitios, demos chegado a Rois, á súa casa. Meu cuñado viu o
ceo aberto coa presenza do auto:
-¿Oes? ¡Vés
moi oportuno pois mañá, que é domingo, quedei cunha rapaza de Castroverde de ir
xantar con eles, e de paso pedirlles a súa man. Se me levas, fas de padriño da
cerimonia...
¡Tíveno claro:
o rapaz quería presumir de cuñado motorizado..., nunha aldea, no ano 1957!
Recibíronos
amablemente, e sentámonos tras da cociña, que xa a tiñan bilbaína. A rapaza era
moi falangueira, pero aos potes atendeulles, mentres, unha velliña que lle
custaba terse de pé, a avoa da moza.
Falouse de
todo, de todo menos do compromiso matrimonial; tan así foi que, nada máis tomar
o café, meu cuñado díxolles:
-Diso que viñamos falar..., tedes que perdoarme, pero mellor volvo outro
día, eu só!
Pola miña
parte, asombrado e anulado, daquela nada dixen salvo unhas palabras de
agradecemento polas súas atencións, pero cando estivemos a un quilómetro daquel
lugar, apaguei o auto, tranquei o freo, e pouco me faltou para berrar:
-¡Cuñado, que fixeches? ¡Rompiches o matrimonio antes de estrealo! Para
semellante ridículo aforraches de traerme...!
-Déboche un favor...
-¿O de traerte, o de aguantarte?
-¡Máis que todo iso, pois, como viñemos os dous, e ti falas moito, eu, de
caladiño, meditei que non estaba para casar esa neta que se dedica a mostrar o
escote mentres súa avoa, ¡pobriña!, loitaba coas cazolas! ¡Esa rapaza está
verde..; para min está verde!
Ridículo
fixemos, pero unha obra de caridade, tamén, pois non é lícito arrinca-la froita
cando non está en sazón.
Escoller; e para facelo, coñecer. Pensar que eses fillos que, por lei de vida, todos desexamos ter, serán
anxos ou diabros en gran parte debido a como funcione o noso connubio. A fogaxe
da xuventude tende a confundir paixón co amor, e son cousas diferentes: a
paixón é un foguete ardente e fugaz, pero o amor é de natureza tolerante e
permanente.
A veces danse
consellos..., pero o máis atinado consiste nunha observación duradeira,
meticulosa; improvisacións, nin na música! Un matrimonio son dous, e por tanto
desiguais, sempre desiguais, pero, complementarios! Había un dito que era,
“Casamento e mortalla, do Ceo baixan!”. Coido que aínda é certo, pero cunha
matización: ¡O casamento non baixa; hai que baixalo!
En física
“casar” é a conxunción das pezas, poñelas a funcionar. ¿Está claro con este
exemplo? Primeiro esculcar; e despois, casar. Xeralmente, salvo tolemias
imprevistas, ou imprevisibles, o matrimonio que non funciona non é culpa do
matrimonio senón do noivado, da súa mala cimentación.
Nas igrexas
había proclamas solicitando as queixas de terceiros...; ¡pero as queixas deben
ser dos interesados, precisamente por non estar interesados en que a empresa
funcione! Máis que examinarse hai que espiarse, e despois diso chegar a un
acordo sobre se se queren fillos, ou non, que tamén se dá o caso. O paso
seguinte é unha proba de fertilidade, dual! ¿Que é iso de quitar billete se
aínda non decidimos a onde ir?
¿Tanta
preparación, para que? Ante todo, e sobre todo, para non caer no crime de
amargarlles a vida aos fillos porque iso
é grave, moito!
-.-
Ora et labora
O Papa Francisco na audiencia xeral do 1 de Maio do ano 2013:
“Non teñades medo
ao compromiso, ao sacrificio, e non miredes con medo o futuro. Mantede viva a
esperanza: Sempre hai unha luz no horizonte.
“Hoxe, 1 de
Maio, celebramos a San Xosé obreiro, e comezamos o mes tradicionalmente
dedicado á Virxe. Neste encontro quixera determe, con dous breves pensamentos,
nestas dúas figuras tan importantes na vida de Xesús, da Igrexa e na nosa
propia vida: O primeiro, sobre o traballo, e segundo, sobre a contemplación de
Xesús.
“No evanxeo de
San Mateo, nun dos momentos en que Xesús torna ao seu pobo, a Nazaret, e fala
na sinagoga, ponse de relevo o estupor dos seus concidadáns pola súa sabedoría,
e a pregunta que se fan é: “¿Non é este o fillo do carpinteiro?” (13,55). Xesús
entra na nosa Historia, vén en medio de nosoutros, nacendo de María por obra de
Deus, pero coa presenza de Xosé, o pai legal que o protexe e que lle ensina un
traballo. Xesús nace e vive nunha familia, na Sagrada Familia, aprendendo de
San Xosé o oficio de carpinteiro, no taller de Nazaret, compartindo con el o
traballo, a fatiga, as satisfaccións, pero tamén as dificultades de cada día.
Isto remítenos á dignidade e a importancia do traballo” .
Non podemos,
non cabe, imaxinar unha familia cristiá sen volver os ollos ao modelo de
Nazaret. Os evanxeos din pouco ao respecto, pero no que din está clara e
rotunda a exemplaridade da Sagrada Familia. ¡Mirémonos nese espello!
-.-
Factores que afectan
o desenrolo do feto
Isto afirman
os científicos, así que é de sabios crer aos sabios! Daquela, responsabilidade
conxunta; e polo que respecta ao pai da criatura, nesas circunstancias, por
amor pero tamén por hixiene mental, a súa obriga, pero tamén o seu pracer, é
subir a muller ao altar da máis alta estimación: ¡Está traballando para ti,
estache criando un fillo, un renovo, unha prolongación da túa vida, así que,
colabora!
Apelemos,
pois, ás recomendacións deses científicos. Entre outras, escollín:
Evitar as radiacións ionizantes de gran intensidade, e tamén as altas
temperaturas. Estanse estudando os efectos das radiacións ionizantes de baixa
intensidade, tales como teléfonos móbiles, microondas, etc., que tamén poden
prexudicar.
Evitar o contacto con animais, especialmente gatos e roedores, porque poden
ser transmisores de certas enfermidades que conlevan un risco durante o embarazo.
Tamén é nocivo o consumo de fígados, carnes pouco cociñadas, etc.
Evitar a exposición solar directa; a indirecta, non, que esa é positiva.
Non entregarse a deportes que esixan un esforzo físico considerable, ou
poñerse en risco de caídas, golpes ou contusións.
Coidarse, refugar actividades que esixan un esforzo físico importante, que
a obriguen a permanecer en ambientes nocivos ou que impliquen exposicións
arriscadas.
A muller embarazada debe evitar o manexo de substancias ou produtos
tóxicos, tal que o tabaco; nin deterse na proximidade deses produtos ou
substancias.
Utilizará roupas axeitadas, evitando as que impidan ou dificulten a
circulación sanguínea e os movementos do feto.
Extremar as normas xerais de hixiene persoal, dos alimentos e do entorno
que rodee á xestante, pois terá que evitar o risco de infeccións e de
intoxicacións.
Pero aínda hai
máis pois unha das razóns pola que os bebés poden ter problemas asociados ao
seu desenrolo cerebral son os cambios hormonais que se producen no corpo da
embarazada cando sufre un episodio de estrés crónico. En vista diso, se
queremos un rapaz / a fortes mentalmente, eludiremos as pelexas familiares,
pois as outras non sempre nos será posible.
Teñamos presente que a conducta dos nenos ten unha
relación directa co estado mental da nai durante o embarazo; así, se unha nai sofre de moitos cambios emocionais durante o proceso da
súa xestación é probable que o seu fillo teña problemas de conducta ao longo da
súa infancia. Terrible, non si? Pois ata se di que unha das causas do peso
baixo co que nacen algúns nenos débese, ou pode deberse, aos cambios hormonais
producidos na nai a causa dos desgustos sufridos durante o embarazo.
¿Que? ¿É, ou
non é, unha temeridade coller o camiño matrimonial sen cargar, sen equiparse,
coa equipaxe correspondente? Daquela non lle pasemos á fatalidade culpas que
son intrinsecamente nosas!
-.-
Agardando pola
chegada
Así, con cara de felicidade, ¡coa propia!
Daquela non se sabía de antemán se ía ser neno ou nena, pero a felicidade sería
idéntica..., se Deus, ou Alá, no lo traía con ben!
De ser varón,
optaríamos por encomendarllo a San Pedro e a San Paulo, dous padriños de
categoría dentro da Igrexa; se viña nena, que mellor que encomendarlla á Stella
Maris, estando, como estabamos, alén do Mare Nostrum?
No século XII
San Bernardo de Claraval escribiu: “Se xorden os ventos da tentación, se te
lanzan contra as rochas da tribulación, mira á estrela, chama por María. Se te
golpean as olas do orgullo, da ambición, da envexa, da rivalidade, mira á
estrela, chama a María. En caso de que a ira, ou a avaricia, ou o desexo carnal
asalten con violencia a fráxil embarcación da túa alma, mira á estrela, chama a
María”.
A elección do
nome, igual cá dos padriños, debe ser cousa dos pais xa que ninguén o
pronunciará con tanto cariño e con tanta tenrura. ¡Están chamados a chamalo
polo seu nome de pías, así que ridículo parece que outras persoas lles
arrebaten esta propiedade, unha propiedade por eles fundada, creada; e que non
lles veñan con nomes exóticos ou con diminutivos apropiados para paxariños,
mais que para nenos!
Na miña
infancia tiven un veciño, fascista el, que lle chamaba “Azaña” ao seu can de
palleiro; nunca lle din as grazas, pero débolle, a contrario sensu, a idea de
non dar nomes que sirvan de mofa, de rabia ou de risa. O nome, na antigüidade,
era o espello no que querían ver ao / á sucesor / a; ¡pero nisto fomos a ceacú!
Hai unha
provincia, a miña, ¡que tradicional é!, Lugo, na que aínda se ven, de cando en
vez, necrolóxicas que dan como referencia da casa do finado un alcume, non
sempre encomiástico ou ben traducido. ¡Apego que temos aos nomes herdados!
No rural, por
séculos, a reiteración dos nomes, igual cá dos apelidos, foi unha bandeira, un
signo de localización; seguramente debido á endogamia entón predominante. Non a
podemos considerar falta de imaxinación senón abundancia de afecto e de
respecto con relación aos entregos. Daquela, nas lareiras, non só se cocía o
pote do caldo!
-.-
Compartindo a
felicidade, pero tamén a responsabilidade, das crianzas.
Este neno
naceu falando. ¡Que si, pois aquí tedes unha proba documental! Na imprenta así
o creron, posto que así o estamparon. Os pais, ademais de “contentísimos”, un
tanto asustados porque a partir daquelas datas tiñan que asumir a
responsabilidade de educalo e de instruílo. Educalo para que sexa, para que
fose..., un home, e non un monicreque; instruílo..., para que aprendese a ser,
para que desenrolase a intelixencia. A nai igual se asustou algo menos pois, ao
fin e ao cabo, era Mestra titular, normalizada, ¡das da Normal de Lugo!
Nada hai tan importante como criar un fillo: mantelo,
educalo, instruílo e soportalo. ¡Estamos encamiñando
un alma de Deus cara a Deus! ¿Estámola subindo aos altares? ¡Ou apeándoa deles,
que iso depende do amor que lle botemos! A segunda parte da súa biografía
dependerá do rapaz, pero a primeira, o baseamento, é obra, mérito / ou
demérito, paternal!
Claro que, de
pais satánicos hai fillos modélicos, pero iso hai que atribuílo a un milagre, a
un milagre noxento, ao noxo de saberse embarrados, que por iso eses fillos
aspiran a un lavado da súa imaxe. O normal é o contrario: saír de boa raza cando dunha boa se procede.
A maioría dos
pais nos países occidentais enfócanse, e preocúpanse, en ensinar aos seus
fillos a desenvolverse neste mundo actual, tan competitivo. Contan, e contamos,
co apoio, co estudo e coa experiencia, de psicólogos e de psiquiatras que cren
na forte conexión entre as experiencias que se viven na nenez e o perfil
psicolóxico dos rapaces. Por iso cren, e cremos, que a crianza é sacra, unha
tarefa que require moito tempo, moita dedicación, experiencia, coñecemento dos
riscos e, sobre todo, un esforzo sostido, feito con agrado, con agrado e con
amor, sexan fillos propios ou adoptados, que cada vez se dan máis casos disto.
Non en tódalas culturas se procede de igual xeito, pero tampouco en todas o
porvir do neno ten as mesmas esixencias.
Falando de
esixencias, a miña dona sempre fixo estas recomendacións;
o que non sei é se lle veñen daquela Normal de Lugo, ou dalgunha lectura; tamén
puidera ser que as tirase do seu caletre. Con verbas dela, as súas ideas, máis
ou menos, son estas:
. Partir de
que estamos obrando por delegación divina. Cristo veu ao mundo, e, primeiro coa
súa exemplaridade persoal, e despois, na vida pública, co seu ensino,
mostrounos o camiño da misericordia e do amor fraterno; cos grandes, cos
pequenos, cos pobres e cos ricos, cos sans e cos enfermos, xa que con todos viviu
e alternou. Se tales foron as ensinanzas do noso Mestre, as nosas, como pais
católicos, xa están definidas; ¡só nos falta asumilas!
. Os nenos non
len a Biblia no seo materno, así que, con ela na man, baseados nela, tan pronto
comecen a entender hai que falarlles de Deus; de Deus, da Virxe e dos Santos,
pero poñendo un énfase especial en facerlles entender que os contos, os
divertimentos infantís, son fariña doutro saco. Isto é importantísimo pois as
falsas interpretacións poden conducir, incluso, ao ateísmo.
. Que o temor
de Deus debe ser natural e non tétrico. Natural porque natural é que Deus se
enfade se nos pasamos ao bando de Lucifer. Despois de redimirnos, ¿como nos vai
tolerar que volvamos a caer nas tentacións do maligno? E de caídos, ¡upa, arriba,
arrepentirnos e confesarnos!
. Ensinarlles
a rezar poñendo sensibilidade no que se lle di ao Señor. Sendo Deus, como
realmente é, o noso Creador, o noso Protector, o noso Redentor, que ao neno,
igual que facemos, ou debemos facer, os maiores, hai que falarlle, ¡rezar!, con
franqueza e con confianza, dicíndolle o noso respecto, a nosa adoración, as
nosas peticións. Os pais do neno poden enfadarse, con ou sen motivo, pero Deus,
nunca, así que toca falarlle con franqueza, pois, se lle pedimos cousa boa, boa
para a nosa perfección espiritual, esteamos seguros de que nunca nola negará. E
os intermediarios, a Virxe, os anxos, os santos, tamén nos atenderán.
. Por aí din
que ter fe consiste en crer o que nos vimos. Pero tratándose das cousas divinas
esa verba é incompleta porque todo está visto, todo quedou escrito nos
Evanxeos. ¡Non fai falta ver pois agora todo o temos escrito, escrito e
demostrado! ¿Que outras testemuñas dan a súa vida en defensa da verdade como
fixeron os Apóstolos de Cristo, todos, a feito? ¿Quen resucitou, por si mesmo,
de entre os mortos? ¡Tan só Xesús! Daquela, ¿para que fai falta iso da fe cega,
se todo está visto e testificado?
. Que os
rapaces vexan, desde a caneta, a nosa relixiosidade: Persignarse, rezar, misas,
festividades relixiosas, etc. Se non vén exemplaridade nos seus íntimos, ¿que
esperamos deles?
. Irlles
comparando a grandeza de Deus coas fraquezas humanas. (A min mostrábanme uns
carballos centenarios e dicíanme: Aos reloxos dáselles corda, pero a obra de
Deus é só de Deus!”).
. Que o neno
perciba a importancia que lles damos aos eventos sagrados; ¡así aprenderá a
medilos!
. Apartarnos,
e apartalos, en todo o posible de aqueles que presumen de ateos; ¡ateos non
hai, pero criados de Satán, si!
...
¡Deus, meu
Deus: Que agradecido che estou pola miopía daquela moza, da miña muller, que,
ao ser humilde e de vista curta, fixouse en min..., e a pesares da miña
mediocridade aceptoume para pai dos seus fillos!
Se de min dependese,
subíaa aos altares. Grazas, encanto; infinitas!
-.-
¿Que facemos co xoio?
Mat, 13,
39-40. “O inimigo que o sementa é Satán; a sega é á fin do mundo e os segadores
son os anxos. Así como se entrecolle o xoio e se bota no lume, así pasará na
fin do mundo”.
Iso é
potestade de Deus, pero a obriga dos pais é sementar con xeito, selecto; nenos
con mala semente, por máis que sexan boa terra, sempre estarán en perigo de
caer, de aceptar e de acatar as necidades sectarias coas que tanto goza Satán
na súa guerra perenne de anxo caído, sublevado. A sementeira multiplicouse coa
globalización, coa interferencia das razas e das culturas, co trunfo, aparente
e transitorio, deses estafadores sen conciencia que se valen do seu abano de
drogas, de avaricias, de concupiscencias..., e ata de falsa santidade, para
enganar aos débiles mentais. ¿Débiles mentais? ¡Si; uns, porque o sexan de
natureza; outros, por comenencias; e moitos, só Deus sabe cantos, porque foron
debilmente instruídos nas verdades da fe, léase Biblia!
Deus
reservouse o Xuízo, pero a deserción, iso de pasarse ao inimigo, facilitarlle a
mellor terra, dedicarlle as almas inxenuas, receptoras e acolledoras de erros,
isto é humano, noso! Tamén aquí, neste mar proceloso, temos responsabilidade
paterno-filial, ¡moitísima!, por botarnos á galerna mundanal sen ensinarnos,
previamente, a remar.
Xa non estamos
no medievo, e xa sabemos que o cocho con triquinose mata, que Xesús foi xerado
e non criado, que a Biblia católica está ben traducida, ben anosada, e catro
mil detalles máis que certifican a nosa fe. Daquela, ¿por que nos deixamos
iluminar por vagalumes tendo o sol dispoñible, ao noso dispor, nesas Escrituras
tan presentes, tan certas, tan lóxicas, sen a menor contradición, referendadas
polo propio Fillo de Deus, Deus e home á vez, que ben demostrado deixou na súa
vida terrea que El era “o Camiño, a Verdade e maila Vida”?
Ata en
Montecubeiro, aló arriba, rodeados de toxos, pero no noso convento (dominicos)
tivemos teólogos universais, tal que Fr. Manuel García y Gil, aquela lumieira
do Vaticano I. ¡Se aínda estamos verdes non será por falta de predicadores!
De todo isto,
destas débedas, fálase máis ben pouco; ¿por que; non será porque o diabro, na
súa astucia, na súa guerra, nas súas tentacións, escóndese detrás da cruz para
darnos o vinagre, tal e como fixo con Cristo aquel romano coa bebida amarga por
eles usada? Cando recemos o Noso Pai poñamos acento neste prego: “... non nos
deixes caer na tentación...”. ¡Advertíunolo o Mestre, así que estamos
advertidos: se perdemos esta guerra nunca será por falta de armas!
-.-
O apego
Teoría do apego. Bowlby (1973) define a conducta do apego como “calquera forma de conducta
que teña como resultado que unha persoa obteña ou reteña a proximidade doutro
individuo diferenciado e preferido, que se conciba como máis forte e/o máis
sabio”. O obxectivo do sistema de apego sería regular as conductas deseñadas
para establecer ou manter o contacto cunha figura de apego; desde o punto de
vista da persoa que se atopa dentro desta relación, o obxectivo do sistema sería
“sentirse segura”. A partires diso o bebé, o neno, sente a seguridade necesaria
para explorar e dominar o seu entorno; nas situacións nas que no hai ameaza, a
conducta do neno estará dedicada maiormente á exploración do seu medio externo;
cando o neno se atopa ante unha situación ameazante buscará ao seu coidador, a
quen é o provedor da súa seguridade.
Segundo o
mesmo Bowlby (1980), a busca da proximidade, da base segura e do refuxio seguro
son os tres trazos definitorios e as tres funcións dunha relación de apego.
Este autor considera que as experiencias co coidador primario teñen conexión
mediante unha serie de procesos cognitivos, dando lugar a modelos
representacionais ou modelos de funcionamento interno, que rexen a maneira na
que o individuo se percibe a si mesmo e de paso ao mundo que o rodea.
O apego e o seu impacto no desenrolo infantil.
Proporcionar un cariño axeitado e constante. Proporcionar cariño, apego en definitiva, apego constante, sostido, pero
non mecos, non ocasionará que o teu fillo / a sexa un mimado / a. A presenza
dos pais, a estes efectos, é conveniente, moi necesaria para que o neno / a se
sinta seguro / a, protexidos, tanto física como emocional. En particular os
nenos menores de 30 meses agradéceno moito, e sérvelles para potenciar os
vínculos. En presenza desta necesidade é outra necesidade buscar un equilibrio
entre a vida persoal, profesional e familiar; así lograremos unha saúde
emocional no ámbito familiar. Pero, ¡ollo coa prudencia!, que tampouco é cousa
de converterse en escravo dos fillos: tes que educalos e formalos, pero nunca
deformalos!
O desenrolo do apego. Vese influenciado por moitos factores ademais da interacción entre nai e
fillo, que é o factor principal. As características da nai, e / ou dos
coidadores, a súa personalidade, experiencias vitais, etc., influirán,
obviamente, en como traten ao neno, pero tamén o temperamento deste; se é fácil
ou difícil, se chora moito ou pouco, se ten problemas para alimentarse, se non
dorme, etc., tamén afectarán, e non só a como reaccione o neno senón que a
conducta da nai / coidadora tamén resultará condicionada por este tipo de
temperamento. Por certo: temperamento non é igual que personalidade; o
temperamento é de base biolóxica, e xa se dá ao nacer.
As fases do apego:
. Nos primeiros
dous meses a resposta social do neno é indiscriminada; acepta a todo aquel que
lle proporcione comodidade.
. Dos dous aos
sete a resposta xa é discriminada; prefire as persoas que lle son familiares
pero non protesta se lle faltan os pais.
. Dos sete aos
trinta acusa dor ante a separación, e angustia ante as persoas que lle resultan
estrañas.
. A partir dos
trinta xa se adapta mellor ante a ausencia do coidador habitual; entristécese
menos, séntese máis competente, menos necesitado.
Leccións que lles debemos, entre outros, a Ainsworth,
Blewar, Waters e Wall:
. Os nenos con
estilos de apego seguro son capaces
de usar aos seus coidadores como unha base de seguridade cando están
angustiados. Teñen coidadores que son sensibles ás súas necesidades, e por iso
teñen a confianza de que as súas figuras de apego estarán dispoñibles,
responderán e lles axudarán na adversidade. No dominio interpersoal as persoas
con apego seguro tenden a ser máis cálidas, más estables, e con relacións
íntimas satisfactorias; no dominio intrapersoal tenden a ser máis positivas,
integradas e con perspectivas coherentes de elas mesmas.
. Os de apego inseguro – evitativo exhiben un
aparente desinterese e desapego á presenza dos seus coidadores durante os
períodos de angustia. Estes teñen pouca confianza en que serán axudados,
presentan inseguridade cara aos demais, e medo á intimidade, preferindo
manterse distanciados dos outros. Ainsworth distinguiu que os nenos que
presentan apego evitativo teñen dificultades emocionais; o seu desapego é
semellante ao mostrado polos nenos que teñan experimentado separacións
dolorosas. As características do coidado materno son de refugamento, rixidez,
hostilidade e aversión do contacto. As nais de nenos con estilo
inseguro-evitativo poden ser sobrestimulantes e intrusivas.
. Os nenos con
estilos de apego inseguro – ambivalente,
responden á separación con angustia intensa e mesturan comportamentos de apego
con expresións de protesta, anoxo e resistencia. Debido á inconsistencia nas
habilidades emocionais dos seus coidadores, estes rapaciños non teñen
expectativas de confianza respecto ao acceso e á resposta deles.
-.-
Ata que non se
lles explica iso das dúas paternidades,
a física e maila espiritual, os nenos teñen dúas deidades, a nai e mailo pai.
Miña avoa, pobriña, cansa de nenos, ¡pariu nove! Meu avó, coa súa coxeira. Meu
pai, nos invernos poñendo escola, e nos veráns con toda a responsabilidade
dunha casa labrega, por curta que fose a propiedade. Así que miña nai, encima
das súas labores, tivo a de criarme! Por longa que sexa a nosa vida, nunca lles agradeceremos suficientemente
aos nosos coidadores aqueles esforzos; en vista diso temos que invocar ao Ceo,
pedirlle a Deus que llelo pague por nós. Dicir isto é unha obviedade, pero...,
igual non sobra mencionalo xa que segue habendo fillos e netos desagradecidos.
¿De verdade? ¡Iso é imposible! Debera selo, debera..., pero todo fillo que se
comporte mal está, ante todo, aldraxando, desacreditando, aos pais.
Os fillos
vimos acostumados a ser fillos, ao privilexio de ser fillos, pero chega un
momento, nada sinxelo, no que toca asumir o rol de devolver os coidados
recibidos. Para máis complicación, os vellos fanse vellos coincidindo coa
adolescencia dos netos, así que os problema duplícanse, bifúrcanse, nesta
etapa, para a xeración intermedia. Nestas circunstancias resulta conveniente
motivar aos netos para que colaboren nas tarefas extraordinarias.
Parir, grazas
aos adiantos médicos, xa é menos arriscado do que foi no último século, pero a
continuación viñeron as esixencias do XXI: ¡traballar e criar, asemade; pasar
polo parto novo, polo segundo, de ter que encomendar a terceiros as nosas
crianzas! Avanzamos, grazas a Deus, e de paso, aos nosos esforzos, pero, o
prezo? ¡Diso é mellor non falar..., para non asustar!
.../...
Pasa a
XIMNASIA ANÍMICA
-III-
Xosé María Gómez Vilabella
1 comentario:
Hola soy la nieta de luciano costa.
Nos conocimos en el hospital Ventorrillo en la coruña
Le mando un saludo.
Y mire el libro os nomes do terror que acaban de publicar
Publicar un comentario