sábado, 23 de septiembre de 2017

XIMNASIA ANÍMICA -II-

.../...



Os inimigos da alma


Para o Catecismo do P. Astete eran tres: o mundo, o demo, e maila carne; pero viñeron, ¡trouxémolos!, outros dous, así que, agora, son cinco: o mundo, o demo, a carne, o sofá, e maila televisión. ¡Se seguimos fabricando pecados, imos de cu!
En contraposición coa pirámide salvífica, a escala de valores do mundo, ¡nunca sobra recordala para poñernos en garda!, é:
-Ter moito diñeiro, e idolatralo.
-Darlle ao corpo tódolos gustos, aínda que nos traian desgustos.
-Ir sempre a por honores, fama e postos, así sexa cabalgando sobre a dignidade do próximo.
O diabro, contra o que temos as armas evanxélicas, ¡pero hai que usalas! O Vade retro, satana, conséguese coa oración, con fe, e con penitencias, pero a mellor arma son os tanques da humildade; á Eva convenceuna, e venceuna, co perfume da soberbia.
¿A carne? Quedou enviciada desde que perdemos as glorias do Paraíso; botámolas de menos e antóllansenos compensacións ilícitas. ¡Hai que vixiarlle os antollos!
En canto ao sofá, tanto nos afixemos a eles que os consideramos tronos, tronos de alteza imperial. Sentados, que non asentados, neles, éntranos unha pereza e un afán de mangoneo que desvían da nosa mente as obrigas incómodas.
Se por engado nos poñen un televexo diante do sofá, en vez de rezar pecaremos coa imaxinación, polo menos coa imaxinación, pois desde esas antenas non se cansan de ensinarnos a pecar; fan o papel de que castigan as maldades pero fano con tanto detalle que en vez de deostalas o que están é ensinándonos a facelas ben feitas, séxase, sen consecuencias penais. ¿Apagar o aparello? ¡Para que, se os programas mellores, os más pícaros, son os tardíos!

A responsabilidade do ambiente familiar


O eco das explosións familiares, por máis que non as entenda, prexudica ao neno, ¡moitísimo!

Aínda que non as entenda, digo, pero éntranlle polos oídos, e veas cos seus ollos. ¡Daquela comeza a súa deformación!
Sabemos que os cinco sentidos son as ventás do corpo, pero adoita pasarnos desapercibido que, sendo o corpo o asentamento e mailo sostén da alma, eses mesmos sentidos están traballando para a alma..., desde a caneta! Daquela, por que nos sorprende que os bebés capten canto pasa ao seu arredor, do bo e do malo, influíndo na formación / deformación da súa alma, do seu ser, do seu todo?
O ambiente da primeira infancia é para o neno algo así coma a cimentación dos edificios: canto máis grande queiramos a construción, más forte, más sólida, faremos a cimentación. O desenrolo, os coidados ao neno na primeira infancia prepáranlle o terreo, a sementeira, para a súa vida de aprendizaxe, de autonomía e de descubrimentos. Trátase, en definitiva, do proceso de realización do dereito de cada ser á supervivencia, á protección, ao coidado e ao desenrolo óptimos desde a súa concepción.
As crías humanas están indefensas, non saen preparadas para o mundo exterior, nin o estarán durante un período relativamente longo en proporción aos seus anos de vida visible. Neste período básico, crucial, formativo, os nenos adquiren, reciben, precisan recibir, asimilan, tanto as actitudes positivas como as negativas do seu contorno, e utilízanas para o seu paulatino desenrolo ou aprendizaxe.
Daquela, o neno no só precisa paxelos limpos, senón, ¡outro tanto!, limpeza ética e cordial ao seu redor. Avanzouse, moito, e seguimos, no campo da supervivencia e da saúde infantís, pero do resto aínda se fala pouco. Segundo Walter Barker, e con toda razón: “O desenrolo do neno na súa primeira infancia é conditio sine qua non do futuro viable das próximas xeracións”.
Xa que logo o desenrolo é un proceso de cambio en espiral 



no que o neno aprende a dominar niveles cada vez máis complexos de movementos, pensamentos, sentimentos e socialización, así que non é un problema individual, senón colectivo. Colectivamente, socialmente, o dito: que aínda estamos verdes neste estudo, e por ende, na súa aplicación.
Segundo as últimas investigacións, (estamos comezando o XXI), o desenrolo do cerebro antes do primeiro ano é, en realidade, moito máis rápido e más amplo do que ata agora nos tiñamos imaxinado. Despois diso, despois desa etapa, o cerebro nunca volve a ser tan elástico como durante a nenez en canto á receptividade e á vulnerabilidade. A importancia das atencións positivas ao neno, co neno, nesta idade, reflíctese visiblemente na súa evolución; o que ocorra, o que reciba, en cada etapa ou idade do seu desenrolo repercute visiblemente na seguinte, e así sucesivamente.
Este proceso iníciase, probablemente, polo espertar da súa conciencia, e seguidamente pasa polo descubrimento, pola exploración, os ensaios e maila investigación, para concluír no seu uso, ciclo que pode observarse nos simples movementos corporais, grazas aos cales o neno entende as causas, pero tamén os efectos, acadando despois ideas máis complexas cando logra dominar o seu organismo. Isto non pasa só no corpo, senón, e tamén, na psique, pois, á vez que o corpo, a alma tamén aprende, coa mesma ximnasia, a portarse, a comportarse; en definitiva, a distinguir entre o ben e o mal.
Os investigadores teñen demostrado que os nenos que xogan pouco, ou que son escasamente abrazados e acariciados por seus pais, ou por persoas que deles se ocupen, desenrolan  cerebros máis pequenos; así, unha experiencia traumática pode aumentar o risco de que máis adiante se lles presenten problemas cognitivos, de comportamento, e tamén emocionais.
Un entorno propicio ao descubrimento, ás novas emocións e á comunicación, mellora indefectiblemente, de forma natural, o proceso de aprendizaxe. Este entorno ¡propicio! ten que ver coa forma de ser dos coidadores, pero tamén coas circunstancias concorrentes pois onde hai miseria a paz e maila simpatía foxen, abandonan os seus deberes, con ou sen pretexto. ¿Isto quere dicir que os pobres non deben ter fillos? Non exactamente; o que debera estar prohibida é a pobreza, ou dito cunha precisión meirande: deberan estar prohibidos os políticos – administradores incompetentes, e tamén os pais pasotas, pois, con organización e vontade, terras, países pobres de por si, hai poucos. Dicía meu avó que, “Comparando os bens cos males, tódolos pobos son iguais”. Segundo a miña experiencia de trotamundos, Sáhara incluído, exactamente iguais, non, pero a preparación e maila laboriosidade tiran xoias das súas pedras!


1962 O meu fillo, con medo, si, pero aprendeu a montar en camelo. Ao fondo, a igrexa de Aaiún (Sáhara Español).

Sigamos coa lección, se vos plugue: Aprender a aprender é cousa do neno; a nosa é aprender a ensinar, oficio delicado, particularmente na primeira infancia, na da súa sensibilización. Non fai falta, e pode ser inoportuno, facerlle memorizar demasiado pronto; abonda con mostrarlle cousas, comezando polo noso afecto, que lle dará seguridades, estímulos, para poñer atención no que ve, no que oe, e tamén no que palpa.
Estímulos primarios. A maquinaria xa a traemos, así que só precisamos que nos dean corda, para estimularnos, para quentar motores.
O pracer de darnos o peito. As nais din que non hai pracer meirande, e ademais de grande, recíproco; por engado, que os ácidos graxos do leite materno robustécennos o cerebro. Como ximnasia corporal tamén ten o beneficio de que nos están favorecendo a simetría corporal.
Caricias, que tamén nos serven para fortalecer o transplante, para decatarnos de que temos un corpo libre, en liberdade actuante.
Imitando. Ao identificar, imitamos os xestos e mailos sons dos nosos coidadores, decatándonos de que viñemos ao seu mundo!
Gatear. É un querer ir alén do que podemos; e se nos axudan nestes movementos iniciais non só nos fan facer ximnasia física, senón, e tamén, mental..., porque nos están axudando a pensar que somos capaces de dominar, coa mente, o corpo.
O balanceo do barrelo. Axúdanos á calma pois é unha forma de dicir, e tamén de entender, que temos quen nos axude a calmarnos.
Chorar. ¡É o S.O.S. dos nenos! Vén a ser o noso bastón de mando, o signo que nos fai potentes na nosa debilidade.
Obstáculos. ¡Que nolos retiren da habitación e que nos poñan xoguetes sinxelos pero entretidos, que aínda non estamos para xogar coa bomba atómica!
O colo. ¿Por que nos gustará tanto; será porque no colo dos íntimos sentímonos máis cerca do seu corazón?
A felicidade de ser criados en galego. A cadencia da nosa fala, o seu agarimo, a súa melodía, dannos un carácter pacífico, pero, se hai berros na casa..., é que deixaron entrar ao diabro, e con iso vai querer acompañarnos, ¡de por vida!
Observemos e graduemos. Por exemplo, os nenos entre un ano e dous e medio de idade aínda non están listos para os signos abstractos, como poden ser as letras e mailos números; ata aquí foron aprendendo dunha maneira concreta e palpable, tal que descubrindo e tocando cousas, obxectos. Se se apura aos nenos para que absorban feitos e cifras non se aumentará o seu desexo de aprender. A aprendizaxe pola práctica e pola propia necesidade radical de adquirir coñecementos son os factores principais para estimulalos.
-.-


Coñecerala na cociña, vestida de cada día.



Vinte días despois do atentado que tivemos en Safí, co coche reparado e coa muller recosida, por vinte sitios, demos chegado a Rois, á súa casa. Meu cuñado viu o ceo aberto coa presenza do auto:
-¿Oes? ¡Vés moi oportuno pois mañá, que é domingo, quedei cunha rapaza de Castroverde de ir xantar con eles, e de paso pedirlles a súa man. Se me levas, fas de padriño da cerimonia...
¡Tíveno claro: o rapaz quería presumir de cuñado motorizado..., nunha aldea, no ano 1957!
Recibíronos amablemente, e sentámonos tras da cociña, que xa a tiñan bilbaína. A rapaza era moi falangueira, pero aos potes atendeulles, mentres, unha velliña que lle custaba terse de pé, a avoa da moza.
Falouse de todo, de todo menos do compromiso matrimonial; tan así foi que, nada máis tomar o café, meu cuñado díxolles:
-Diso que viñamos falar..., tedes que perdoarme, pero mellor volvo outro día, eu só!
Pola miña parte, asombrado e anulado, daquela nada dixen salvo unhas palabras de agradecemento polas súas atencións, pero cando estivemos a un quilómetro daquel lugar, apaguei o auto, tranquei o freo, e pouco me faltou para berrar:
-¡Cuñado, que fixeches? ¡Rompiches o matrimonio antes de estrealo! Para semellante ridículo aforraches de traerme...!
-Déboche un favor...
-¿O de traerte, o de aguantarte?
-¡Máis que todo iso, pois, como viñemos os dous, e ti falas moito, eu, de caladiño, meditei que non estaba para casar esa neta que se dedica a mostrar o escote mentres súa avoa, ¡pobriña!, loitaba coas cazolas! ¡Esa rapaza está verde..; para min está verde!
Ridículo fixemos, pero unha obra de caridade, tamén, pois non é lícito arrinca-la froita cando non está en sazón.
Escoller; e para facelo, coñecer. Pensar que eses fillos que, por lei de vida, todos desexamos ter, serán anxos ou diabros en gran parte debido a como funcione o noso connubio. A fogaxe da xuventude tende a confundir paixón co amor, e son cousas diferentes: a paixón é un foguete ardente e fugaz, pero o amor é de natureza tolerante e permanente.
A veces danse consellos..., pero o máis atinado consiste nunha observación duradeira, meticulosa; improvisacións, nin na música! Un matrimonio son dous, e por tanto desiguais, sempre desiguais, pero, complementarios! Había un dito que era, “Casamento e mortalla, do Ceo baixan!”. Coido que aínda é certo, pero cunha matización: ¡O casamento non baixa; hai que baixalo!
En física “casar” é a conxunción das pezas, poñelas a funcionar. ¿Está claro con este exemplo? Primeiro esculcar; e despois, casar. Xeralmente, salvo tolemias imprevistas, ou imprevisibles, o matrimonio que non funciona non é culpa do matrimonio senón do noivado, da súa mala cimentación.
Nas igrexas había proclamas solicitando as queixas de terceiros...; ¡pero as queixas deben ser dos interesados, precisamente por non estar interesados en que a empresa funcione! Máis que examinarse hai que espiarse, e despois diso chegar a un acordo sobre se se queren fillos, ou non, que tamén se dá o caso. O paso seguinte é unha proba de fertilidade, dual! ¿Que é iso de quitar billete se aínda non decidimos a onde ir?
¿Tanta preparación, para que? Ante todo, e sobre todo, para non caer no crime de amargarlles a vida aos fillos  porque iso é grave, moito!
-.-


Ora et labora


O Papa Francisco na audiencia xeral do 1 de Maio do ano 2013:
“Non teñades medo ao compromiso, ao sacrificio, e non miredes con medo o futuro. Mantede viva a esperanza: Sempre hai unha luz no horizonte.
“Hoxe, 1 de Maio, celebramos a San Xosé obreiro, e comezamos o mes tradicionalmente dedicado á Virxe. Neste encontro quixera determe, con dous breves pensamentos, nestas dúas figuras tan importantes na vida de Xesús, da Igrexa e na nosa propia vida: O primeiro, sobre o traballo, e segundo, sobre a contemplación de Xesús.
“No evanxeo de San Mateo, nun dos momentos en que Xesús torna ao seu pobo, a Nazaret, e fala na sinagoga, ponse de relevo o estupor dos seus concidadáns pola súa sabedoría, e a pregunta que se fan é: “¿Non é este o fillo do carpinteiro?” (13,55). Xesús entra na nosa Historia, vén en medio de nosoutros, nacendo de María por obra de Deus, pero coa presenza de Xosé, o pai legal que o protexe e que lle ensina un traballo. Xesús nace e vive nunha familia, na Sagrada Familia, aprendendo de San Xosé o oficio de carpinteiro, no taller de Nazaret, compartindo con el o traballo, a fatiga, as satisfaccións, pero tamén as dificultades de cada día. Isto remítenos á dignidade e a importancia do traballo” .
Non podemos, non cabe, imaxinar unha familia cristiá sen volver os ollos ao modelo de Nazaret. Os evanxeos din pouco ao respecto, pero no que din está clara e rotunda a exemplaridade da Sagrada Familia. ¡Mirémonos nese espello!
-.-


Factores que afectan o desenrolo do feto


 
Isto afirman os científicos, así que é de sabios crer aos sabios! Daquela, responsabilidade conxunta; e polo que respecta ao pai da criatura, nesas circunstancias, por amor pero tamén por hixiene mental, a súa obriga, pero tamén o seu pracer, é subir a muller ao altar da máis alta estimación: ¡Está traballando para ti, estache criando un fillo, un renovo, unha prolongación da túa vida, así que, colabora!
Apelemos, pois, ás recomendacións deses científicos. Entre outras, escollín:
Evitar as radiacións ionizantes de gran intensidade, e tamén as altas temperaturas. Estanse estudando os efectos das radiacións ionizantes de baixa intensidade, tales como teléfonos móbiles, microondas, etc., que tamén poden prexudicar.
Evitar o contacto con animais, especialmente gatos e roedores, porque poden ser transmisores de certas enfermidades que conlevan un risco durante o embarazo. Tamén é nocivo o consumo de fígados, carnes pouco cociñadas, etc.
Evitar a exposición solar directa; a indirecta, non, que esa é positiva.
Non entregarse a deportes que esixan un esforzo físico considerable, ou poñerse en risco de caídas, golpes ou contusións.
Coidarse, refugar actividades que esixan un esforzo físico importante, que a obriguen a permanecer en ambientes nocivos ou que impliquen exposicións arriscadas.
A muller embarazada debe evitar o manexo de substancias ou produtos tóxicos, tal que o tabaco; nin deterse na proximidade deses produtos ou substancias.
Utilizará roupas axeitadas, evitando as que impidan ou dificulten a circulación sanguínea e os movementos do feto.
Extremar as normas xerais de hixiene persoal, dos alimentos e do entorno que rodee á xestante, pois terá que evitar o risco de infeccións e de intoxicacións.
Pero aínda hai máis pois unha das razóns pola que os bebés poden ter problemas asociados ao seu desenrolo cerebral son os cambios hormonais que se producen no corpo da embarazada cando sufre un episodio de estrés crónico. En vista diso, se queremos un rapaz / a fortes mentalmente, eludiremos as pelexas familiares, pois as outras non sempre nos será posible.
Teñamos presente que a conducta dos nenos ten unha relación directa co estado mental da nai durante o embarazo; así, se unha nai sofre de moitos cambios emocionais durante o proceso da súa xestación é probable que o seu fillo teña problemas de conducta ao longo da súa infancia. Terrible, non si? Pois ata se di que unha das causas do peso baixo co que nacen algúns nenos débese, ou pode deberse, aos cambios hormonais producidos na nai a causa dos desgustos sufridos durante o embarazo.
¿Que? ¿É, ou non é, unha temeridade coller o camiño matrimonial sen cargar, sen equiparse, coa equipaxe correspondente? Daquela non lle pasemos á fatalidade culpas que son intrinsecamente nosas!
-.-


Agardando pola chegada


Así, con cara de felicidade, ¡coa propia! Daquela non se sabía de antemán se ía ser neno ou nena, pero a felicidade sería idéntica..., se Deus, ou Alá, no lo traía con ben!
De ser varón, optaríamos por encomendarllo a San Pedro e a San Paulo, dous padriños de categoría dentro da Igrexa; se viña nena, que mellor que encomendarlla á Stella Maris, estando, como estabamos, alén do Mare Nostrum?
No século XII San Bernardo de Claraval escribiu: “Se xorden os ventos da tentación, se te lanzan contra as rochas da tribulación, mira á estrela, chama por María. Se te golpean as olas do orgullo, da ambición, da envexa, da rivalidade, mira á estrela, chama a María. En caso de que a ira, ou a avaricia, ou o desexo carnal asalten con violencia a fráxil embarcación da túa alma, mira á estrela, chama a María”.
A elección do nome, igual cá dos padriños, debe ser cousa dos pais xa que ninguén o pronunciará con tanto cariño e con tanta tenrura. ¡Están chamados a chamalo polo seu nome de pías, así que ridículo parece que outras persoas lles arrebaten esta propiedade, unha propiedade por eles fundada, creada; e que non lles veñan con nomes exóticos ou con diminutivos apropiados para paxariños, mais que para nenos!
Na miña infancia tiven un veciño, fascista el, que lle chamaba “Azaña” ao seu can de palleiro; nunca lle din as grazas, pero débolle, a contrario sensu, a idea de non dar nomes que sirvan de mofa, de rabia ou de risa. O nome, na antigüidade, era o espello no que querían ver ao / á sucesor / a; ¡pero nisto fomos a ceacú!
Hai unha provincia, a miña, ¡que tradicional é!, Lugo, na que aínda se ven, de cando en vez, necrolóxicas que dan como referencia da casa do finado un alcume, non sempre encomiástico ou ben traducido. ¡Apego que temos aos nomes herdados!
No rural, por séculos, a reiteración dos nomes, igual cá dos apelidos, foi unha bandeira, un signo de localización; seguramente debido á endogamia entón predominante. Non a podemos considerar falta de imaxinación senón abundancia de afecto e de respecto con relación aos entregos. Daquela, nas lareiras, non só se cocía o pote do caldo!
-.-

                          
Compartindo a felicidade, pero tamén a responsabilidade, das crianzas.




Este neno naceu falando. ¡Que si, pois aquí tedes unha proba documental! Na imprenta así o creron, posto que así o estamparon. Os pais, ademais de “contentísimos”, un tanto asustados porque a partir daquelas datas tiñan que asumir a responsabilidade de educalo e de instruílo. Educalo para que sexa, para que fose..., un home, e non un monicreque; instruílo..., para que aprendese a ser, para que desenrolase a intelixencia. A nai igual se asustou algo menos pois, ao fin e ao cabo, era Mestra titular, normalizada, ¡das da Normal de Lugo!
Nada hai tan importante como criar un fillo: mantelo, educalo, instruílo e soportalo. ¡Estamos encamiñando un alma de Deus cara a Deus! ¿Estámola subindo aos altares? ¡Ou apeándoa deles, que iso depende do amor que lle botemos! A segunda parte da súa biografía dependerá do rapaz, pero a primeira, o baseamento, é obra, mérito / ou demérito, paternal!
Claro que, de pais satánicos hai fillos modélicos, pero iso hai que atribuílo a un milagre, a un milagre noxento, ao noxo de saberse embarrados, que por iso eses fillos aspiran a un lavado da súa imaxe. O normal é o contrario: saír de  boa raza cando dunha boa se procede.
A maioría dos pais nos países occidentais enfócanse, e preocúpanse, en ensinar aos seus fillos a desenvolverse neste mundo actual, tan competitivo. Contan, e contamos, co apoio, co estudo e coa experiencia, de psicólogos e de psiquiatras que cren na forte conexión entre as experiencias que se viven na nenez e o perfil psicolóxico dos rapaces. Por iso cren, e cremos, que a crianza é sacra, unha tarefa que require moito tempo, moita dedicación, experiencia, coñecemento dos riscos e, sobre todo, un esforzo sostido, feito con agrado, con agrado e con amor, sexan fillos propios ou adoptados, que cada vez se dan máis casos disto. Non en tódalas culturas se procede de igual xeito, pero tampouco en todas o porvir do neno ten as mesmas esixencias.
Falando de esixencias, a miña dona sempre fixo estas recomendacións; o que non sei é se lle veñen daquela Normal de Lugo, ou dalgunha lectura; tamén puidera ser que as tirase do seu caletre. Con verbas dela, as súas ideas, máis ou menos, son estas:
. Partir de que estamos obrando por delegación divina. Cristo veu ao mundo, e, primeiro coa súa exemplaridade persoal, e despois, na vida pública, co seu ensino, mostrounos o camiño da misericordia e do amor fraterno; cos grandes, cos pequenos, cos pobres e cos ricos, cos sans e cos enfermos, xa que con todos viviu e alternou. Se tales foron as ensinanzas do noso Mestre, as nosas, como pais católicos, xa están definidas; ¡só nos falta asumilas!
. Os nenos non len a Biblia no seo materno, así que, con ela na man, baseados nela, tan pronto comecen a entender hai que falarlles de Deus; de Deus, da Virxe e dos Santos, pero poñendo un énfase especial en facerlles entender que os contos, os divertimentos infantís, son fariña doutro saco. Isto é importantísimo pois as falsas interpretacións poden conducir, incluso, ao ateísmo.
. Que o temor de Deus debe ser natural e non tétrico. Natural porque natural é que Deus se enfade se nos pasamos ao bando de Lucifer. Despois de redimirnos, ¿como nos vai tolerar que volvamos a caer nas tentacións do maligno? E de caídos, ¡upa, arriba, arrepentirnos e confesarnos!
. Ensinarlles a rezar poñendo sensibilidade no que se lle di ao Señor. Sendo Deus, como realmente é, o noso Creador, o noso Protector, o noso Redentor, que ao neno, igual que facemos, ou debemos facer, os maiores, hai que falarlle, ¡rezar!, con franqueza e con confianza, dicíndolle o noso respecto, a nosa adoración, as nosas peticións. Os pais do neno poden enfadarse, con ou sen motivo, pero Deus, nunca, así que toca falarlle con franqueza, pois, se lle pedimos cousa boa, boa para a nosa perfección espiritual, esteamos seguros de que nunca nola negará. E os intermediarios, a Virxe, os anxos, os santos, tamén nos atenderán.
. Por aí din que ter fe consiste en crer o que nos vimos. Pero tratándose das cousas divinas esa verba é incompleta porque todo está visto, todo quedou escrito nos Evanxeos. ¡Non fai falta ver pois agora todo o temos escrito, escrito e demostrado! ¿Que outras testemuñas dan a súa vida en defensa da verdade como fixeron os Apóstolos de Cristo, todos, a feito? ¿Quen resucitou, por si mesmo, de entre os mortos? ¡Tan só Xesús! Daquela, ¿para que fai falta iso da fe cega, se todo está visto e testificado?
. Que os rapaces vexan, desde a caneta, a nosa relixiosidade: Persignarse, rezar, misas, festividades relixiosas, etc. Se non vén exemplaridade nos seus íntimos, ¿que esperamos deles?
. Irlles comparando a grandeza de Deus coas fraquezas humanas. (A min mostrábanme uns carballos centenarios e dicíanme: Aos reloxos dáselles corda, pero a obra de Deus é só de Deus!”).
. Que o neno perciba a importancia que lles damos aos eventos sagrados; ¡así aprenderá a medilos!
. Apartarnos, e apartalos, en todo o posible de aqueles que presumen de ateos; ¡ateos non hai, pero criados de Satán, si!
...
¡Deus, meu Deus: Que agradecido che estou pola miopía daquela moza, da miña muller, que, ao ser humilde e de vista curta, fixouse en min..., e a pesares da miña mediocridade aceptoume para pai dos seus fillos!



Se de min dependese, subíaa aos altares. Grazas, encanto; infinitas!
-.-            


¿Que facemos co xoio?



Mat, 13, 39-40. “O inimigo que o sementa é Satán; a sega é á fin do mundo e os segadores son os anxos. Así como se entrecolle o xoio e se bota no lume, así pasará na fin do mundo”.
Iso é potestade de Deus, pero a obriga dos pais é sementar con xeito, selecto; nenos con mala semente, por máis que sexan boa terra, sempre estarán en perigo de caer, de aceptar e de acatar as necidades sectarias coas que tanto goza Satán na súa guerra perenne de anxo caído, sublevado. A sementeira multiplicouse coa globalización, coa interferencia das razas e das culturas, co trunfo, aparente e transitorio, deses estafadores sen conciencia que se valen do seu abano de drogas, de avaricias, de concupiscencias..., e ata de falsa santidade, para enganar aos débiles mentais. ¿Débiles mentais? ¡Si; uns, porque o sexan de natureza; outros, por comenencias; e moitos, só Deus sabe cantos, porque foron debilmente instruídos nas verdades da fe, léase Biblia!
Deus reservouse o Xuízo, pero a deserción, iso de pasarse ao inimigo, facilitarlle a mellor terra, dedicarlle as almas inxenuas, receptoras e acolledoras de erros, isto é humano, noso! Tamén aquí, neste mar proceloso, temos responsabilidade paterno-filial, ¡moitísima!, por botarnos á galerna mundanal sen ensinarnos, previamente, a remar.
Xa non estamos no medievo, e xa sabemos que o cocho con triquinose mata, que Xesús foi xerado e non criado, que a Biblia católica está ben traducida, ben anosada, e catro mil detalles máis que certifican a nosa fe. Daquela, ¿por que nos deixamos iluminar por vagalumes tendo o sol dispoñible, ao noso dispor, nesas Escrituras tan presentes, tan certas, tan lóxicas, sen a menor contradición, referendadas polo propio Fillo de Deus, Deus e home á vez, que ben demostrado deixou na súa vida terrea que El era “o Camiño, a Verdade e maila Vida”?
Ata en Montecubeiro, aló arriba, rodeados de toxos, pero no noso convento (dominicos) tivemos teólogos universais, tal que Fr. Manuel García y Gil, aquela lumieira do Vaticano I. ¡Se aínda estamos verdes non será por falta de predicadores!



De todo isto, destas débedas, fálase máis ben pouco; ¿por que; non será porque o diabro, na súa astucia, na súa guerra, nas súas tentacións, escóndese detrás da cruz para darnos o vinagre, tal e como fixo con Cristo aquel romano coa bebida amarga por eles usada? Cando recemos o Noso Pai poñamos acento neste prego: “... non nos deixes caer na tentación...”. ¡Advertíunolo o Mestre, así que estamos advertidos: se perdemos esta guerra nunca será por falta de armas!
-.-


O apego



Teoría do apego. Bowlby (1973) define a conducta do apego como “calquera forma de conducta que teña como resultado que unha persoa obteña ou reteña a proximidade doutro individuo diferenciado e preferido, que se conciba como máis forte e/o máis sabio”. O obxectivo do sistema de apego sería regular as conductas deseñadas para establecer ou manter o contacto cunha figura de apego; desde o punto de vista da persoa que se atopa dentro desta relación, o obxectivo do sistema sería “sentirse segura”. A partires diso o bebé, o neno, sente a seguridade necesaria para explorar e dominar o seu entorno; nas situacións nas que no hai ameaza, a conducta do neno estará dedicada maiormente á exploración do seu medio externo; cando o neno se atopa ante unha situación ameazante buscará ao seu coidador, a quen é o provedor da súa seguridade.
Segundo o mesmo Bowlby (1980), a busca da proximidade, da base segura e do refuxio seguro son os tres trazos definitorios e as tres funcións dunha relación de apego. Este autor considera que as experiencias co coidador primario teñen conexión mediante unha serie de procesos cognitivos, dando lugar a modelos representacionais ou modelos de funcionamento interno, que rexen a maneira na que o individuo se percibe a si mesmo e de paso ao mundo que o rodea.
O apego e o seu impacto no desenrolo infantil. Proporcionar un cariño axeitado e constante. Proporcionar cariño, apego en definitiva, apego constante, sostido, pero non mecos, non ocasionará que o teu fillo / a sexa un mimado / a. A presenza dos pais, a estes efectos, é conveniente, moi necesaria para que o neno / a se sinta seguro / a, protexidos, tanto física como emocional. En particular os nenos menores de 30 meses agradéceno moito, e sérvelles para potenciar os vínculos. En presenza desta necesidade é outra necesidade buscar un equilibrio entre a vida persoal, profesional e familiar; así lograremos unha saúde emocional no ámbito familiar. Pero, ¡ollo coa prudencia!, que tampouco é cousa de converterse en escravo dos fillos: tes que educalos e formalos, pero nunca deformalos!
O desenrolo do apego. Vese influenciado por moitos factores ademais da interacción entre nai e fillo, que é o factor principal. As características da nai, e / ou dos coidadores, a súa personalidade, experiencias vitais, etc., influirán, obviamente, en como traten ao neno, pero tamén o temperamento deste; se é fácil ou difícil, se chora moito ou pouco, se ten problemas para alimentarse, se non dorme, etc., tamén afectarán, e non só a como reaccione o neno senón que a conducta da nai / coidadora tamén resultará condicionada por este tipo de temperamento. Por certo: temperamento non é igual que personalidade; o temperamento é de base biolóxica, e xa se dá ao nacer.
As fases do apego:
. Nos primeiros dous meses a resposta social do neno é indiscriminada; acepta a todo aquel que lle proporcione comodidade.
. Dos dous aos sete a resposta xa é discriminada; prefire as persoas que lle son familiares pero non protesta se lle faltan os pais.
. Dos sete aos trinta acusa dor ante a separación, e angustia ante as persoas que lle resultan estrañas.
. A partir dos trinta xa se adapta mellor ante a ausencia do coidador habitual; entristécese menos, séntese máis competente, menos necesitado.
Leccións que lles debemos, entre outros, a Ainsworth, Blewar, Waters e Wall:
. Os nenos con estilos de apego seguro son capaces de usar aos seus coidadores como unha base de seguridade cando están angustiados. Teñen coidadores que son sensibles ás súas necesidades, e por iso teñen a confianza de que as súas figuras de apego estarán dispoñibles, responderán e lles axudarán na adversidade. No dominio interpersoal as persoas con apego seguro tenden a ser máis cálidas, más estables, e con relacións íntimas satisfactorias; no dominio intrapersoal tenden a ser máis positivas, integradas e con perspectivas coherentes de elas mesmas.
. Os de apego inseguro – evitativo exhiben un aparente desinterese e desapego á presenza dos seus coidadores durante os períodos de angustia. Estes teñen pouca confianza en que serán axudados, presentan inseguridade cara aos demais, e medo á intimidade, preferindo manterse distanciados dos outros. Ainsworth distinguiu que os nenos que presentan apego evitativo teñen dificultades emocionais; o seu desapego é semellante ao mostrado polos nenos que teñan experimentado separacións dolorosas. As características do coidado materno son de refugamento, rixidez, hostilidade e aversión do contacto. As nais de nenos con estilo inseguro-evitativo poden ser sobrestimulantes e intrusivas.
. Os nenos con estilos de apego inseguro – ambivalente, responden á separación con angustia intensa e mesturan comportamentos de apego con expresións de protesta, anoxo e resistencia. Debido á inconsistencia nas habilidades emocionais dos seus coidadores, estes rapaciños non teñen expectativas de confianza respecto ao acceso e á resposta deles.
-.-



Ata que non se lles explica iso das dúas paternidades, a física e maila espiritual, os nenos teñen dúas deidades, a nai e mailo pai. Miña avoa, pobriña, cansa de nenos, ¡pariu nove! Meu avó, coa súa coxeira. Meu pai, nos invernos poñendo escola, e nos veráns con toda a responsabilidade dunha casa labrega, por curta que fose a propiedade. Así que miña nai, encima das súas labores, tivo a de criarme! Por longa que sexa a nosa vida, nunca lles agradeceremos suficientemente aos nosos coidadores aqueles esforzos; en vista diso temos que invocar ao Ceo, pedirlle a Deus que llelo pague por nós. Dicir isto é unha obviedade, pero..., igual non sobra mencionalo xa que segue habendo fillos e netos desagradecidos. ¿De verdade? ¡Iso é imposible! Debera selo, debera..., pero todo fillo que se comporte mal está, ante todo, aldraxando, desacreditando, aos pais.
Os fillos vimos acostumados a ser fillos, ao privilexio de ser fillos, pero chega un momento, nada sinxelo, no que toca asumir o rol de devolver os coidados recibidos. Para máis complicación, os vellos fanse vellos coincidindo coa adolescencia dos netos, así que os problema duplícanse, bifúrcanse, nesta etapa, para a xeración intermedia. Nestas circunstancias resulta conveniente motivar aos netos para que colaboren nas tarefas extraordinarias. 
Parir, grazas aos adiantos médicos, xa é menos arriscado do que foi no último século, pero a continuación viñeron as esixencias do XXI: ¡traballar e criar, asemade; pasar polo parto novo, polo segundo, de ter que encomendar a terceiros as nosas crianzas! Avanzamos, grazas a Deus, e de paso, aos nosos esforzos, pero, o prezo? ¡Diso é mellor non falar..., para non asustar!
.../...
Pasa a
XIMNASIA ANÍMICA
-III-
Xosé María Gómez Vilabella
 

1 comentario:

Soniamaraco dijo...

Hola soy la nieta de luciano costa.
Nos conocimos en el hospital Ventorrillo en la coruña
Le mando un saludo.
Y mire el libro os nomes do terror que acaban de publicar