sábado, 23 de septiembre de 2017

XIMNASIA ANÍMICA -I-

.


XIMNASIA ANÍMICA

 

Xosé María Gómez Vilabella



Ben que nos gusta esta, a ximnasia física, que moito tempo lle dedicamos ao longo da vida, pero…, da outra, da anímica? Coa venia, vou falar dela, sequera un pouquiño.
O primeiro dos movementos faise con auga, na pía da auga bendita; esta foi a miña, aló en Montecubeiro, pero cando se fixeron elegantes cambiárona por outra máis..., máis elegante! Pero a elegancia espiritual non está na pía senón na auga, na auga ben-dita!



Aos bautizos acoden tres clases de invitados. Visibles: Parentela e amigos da familia. Invisibles: Os anxos, presididos polo da Garda, que lle dan escolta ao Espírito Santo; e pola parte de atrás, rilando os dentes, están os diabros, cabreados pola súa, enésima, derrota.
O heroe, envolto en mantillas, comeza aquí o seu batallar nesta guerra de dúas frontes, á que chamamos vida, vida corporal. Terá amigos, pero tamén inimigos; sendo o principal absurdo que se declare, que chegue a declararse, que se comporte como tal, inimigo seu, proprio, ¡desprezando as armas defensivas que lle deu o propio Redentor! ¡Nis os da albarda farían iso!
O neno bautizado é que naceu rico, ¡ademais da súa ricura persoal! Tivo a riqueza, a sorte, de nacer nunha familia crente, e por tanto, herdeira, herdeira desa fe que nos vén de Cristo, que nos fai cristiáns. Outros acadan o título por conversión, o que é máis meritorio! Ser cristián é un título, unha acreditación para esa herdanza que nos deixou Cristo; o seu notario foi San Xoán; e por notaría, o Xordán. Si, aquel Xoán, aquel que predicaba: “Convertédevos, que xa chega o Reino do Ceo” (Mc 1, 2-8; Lc 3, 1-18). Confesaban os seus pecados e el bautizábaos no Xordán.
Así nolo explican os teólogos: O bautismo de Xoán non era máis que un xeito de manifesta-lo arrepentimento, un símbolo de purificación, aos que tan afeitos estaban os xudeus. Específico de Xoán é, con todo, que era el -ou os seus discípulos- quen bautizaba (nos demais casos era o mesmo suxeito quen se mergullaba na auga). O bautismo cristián, en troques, é un xeito de comuñón de Deus co home “no Espírito Santo”, lume “purificador”, (Mt 3,2).
A foto do bautizo debíamos levala na carteira; ¡sería o noso carné de identidade, o principal de todos, pero..., aínda non está de moda!
A cuestión do nome, que tanto se soe discutir nas familias? Bautizado = Herdeiro do Ceo, do Ceo con maiúsculas, pois o outro, o ceo de minúsculas refírese ao visible, ao pequeniño, ao das estrelas. E logo que temos un anxo da garda, un garda costas! ¡Xa, pero, igual que nos poñen padriño e madriña, asemade, nunca sobra apoiarse nun santo / santa acreditados, pois no cristianismo tamén hai recomendación! ¡Iso si, desinteresadas!
¿As escolas? Para os nenos comezan co seu bautismo, no fogar; para os conversos isto é pretérito, pois comezou coa exemplaridade que lle viron a algún cristián do seu entorno, amén dun sopro divino, que nunca faltan; outra cousa será que o pagán non se decate desas chamadas.


Escola  Nacional Mixta, de Maxide, hoxe abandonada, na que me formei, ¡na que me formaron!

¿Formación / deformación? Son dúas forzas, que loitan entre si ao longo da nosa vida, e nós no medio, loitando ou cedendo, segundo os casos.
¿Inimigos? Os peores son aqueles que, dándose de amigos, e por tanto valéndose da nosa confianza, indefensos fronte ás súas argucias, nos aconsellan mal, nos informan mal; en definitiva, que nos deforman!
¿O bautismo como obsequio? ¡Non hai outro que o supere! Analicemos:
Por este Sacramento, con este sacramento, nacemos á vida espiritual entregándonos, entregando ao neófito, á Santísima Trindade. ¡Todo regalo: ofrecémoslle o neno a Deus, coa promesa de educalo relixiosamente; e á vez o Espírito Santo baixa a recibilo dun xeito paternal, que invoca aquela filiación do Xordán: “¡Este é o meu fillo ben querido, o predilecto!” (Mt. 3,17; Mc 1, 11, Lc 3, 21-22). ¿Está clara, rotunda, irrevogable, a nosa herdanza? ¡Daquela, agradezámola: A Deus, aos nosos pais, que nos levaron á Igrexa dentro da igrexa, ao sacerdote, ao monago...; en definitiva, a cantos contribuíron ao noso lavatorio anímico.


Esta é a bandeira que xurei (ano 1948, con 18 anos, no Palacio de Buenavista, daquela Ministerio del Ejército).

No Bautismo xuraron por min, definitivamente, meus padriños. Tamén houbo un capelán, por suposto, aínda que non lle chamasen así. E despois, na Confirmación, xa responsable dos meus actos, aceptei esa filiación. Así, o corpo fíxose patriota; e a alma, cristianizouse. Dous comezos, pero o definitivo, o de grado superior, definitivo, é o anímico. Dúas fidelidades: Coa Patria, simbolizada na bandeira; con Deus, na xura bautismal. ¡Aleluia! ¡Xa non son apátrida!
O Bautismo consagra á persoa humana, pona en Camiño cara a Deus! E nós sen  asombrarnos disto...; ¡toupas, máis que toupas, incapaces de vivir sobre da terra, séxase, de mirar ao Ceo! Salgamos á superficie e vexamos: O Bautizo bórranos o pecado orixinal, danos acceso aos outros sacramentos, e de paso fainos membros da Igrexa. Neniño, fuches bautizado? ¡Daquela o resto pono ti, no teu día a día!


Igrexa de Luaces, onde me confirmei / onde me confirmaron. ¡Para min, outro santuario!

Mandato imperativo: (Mt 28, 16-20; Lc 24, 36-49; Xn 20, 19-23; Feit 1, 6-8). “Por último, aparecéuselles aos Once mentres estaban á mesa, botándolles en cara a súa incredulidade e a dureza de corazón por non creren a aqueles que o viron resucitado de entre os mortos. E díxolles: Ide polo mundo enteiro, anunciando a Boa Nova a toda a creación. Quen crea e se bautice, salvarase; quen non crea, condenarase”. ¡Mandouno o Xefe, punto redondo!
¡Ollo, que os regalos levan consigo unha reciprocidade, o agradecemento e maila utilización do obsequio, pois o contrario sería un desprezo, unha falta, incluso no social! Así que a fe recibida no Bautismo debe medrar e facerse, día a día, máis forte..., ¡para dar froitos abundantes de santidade! ¡Obvio, non si? Hai que desenrolala, poñela en práctica por medio dun continuo, progresivo, coñecemento de Deus, de Cristo, da súa Igrexa e da vida da gracia. ¡A fe fainos santos, que é a carreira definitiva, a Grande, a escada que nos leva á Gloria Eterna, co noso Redentor chamándonos, abríndonos a porta coeli!


No vivir cotiá, no material, preiteamos por unha simple pertenza, polo recoñecemento dun dereito, por minúsculo que sexa, pero logo vén a herdanza bautismal, e que? ¡Cantas veces a deixamos fuxir, incluso con blasfemia, con desprezo! Para que isto non suceda, dispoñámonos a:

. Acordarnos de Deus, pois iso é rezar; ¡acordarse de Deus, pedirlle audiencia!
. Cumprir os Mandamentos, ese código divino anticipado a Moisés.
. Frecuentar os sacramentos.

En definitiva, amar a Deus sobre todas as cousas, e ao próximo, tamén, por virtude e por obriga desa irmandade divina.

¿Que recibimos no Bautismo, co Bautismo? O principal é a promesa de participar na vida eterna, salvo que abxuremos desa herdanza pasándonos á bandeira do inimigo, que ben se nos ten dito quen é, quen é e como as gasta! O corpo mátase, ou mátannolo, de mil maneiras, pero a alma é tan nosa que só a podemos matar nós, nos mesmos, poñéndoa en perigo!

Da xura da bandeira, agora que tanto se fotografía, pode quedarnos unha foto, individual ou colectiva, pero do Bautismo quédanos unha marca, unha marca indeleble, permanente…, na alma! Esa marca, esa distinción, aseméllanos nada menos que a Cristo, fainos apóstolos de Cristo; é un pasaporte que facilita o paso da fronteira vital.

¿Non é certo que desde a máis remota das idades, mesmo desde a caneta, xa sabemos que todo nace de sementes? ¡Ah, pero o que a veces ignoramos é que o terreo mellor preparado, mellor traballado, mellor abonado, é o que adoita dar froitos mellores! Daquela: ¡Ximnasia anímica..., de por vida! O mellor museo para iniciar a cultura dos nenos é mostrarlles a súa pía bautismal, explicándolles o acontecido; a continuación, o resto.
-.-



Acerca das conversións. Teño a obriga de entender algo disto: Unha, polo parentesco da miña dona con seu tío avó, San José María Díaz Sanjurjo, bispo de Manila e mártir de Tu Duc, en Tonkín; canonizado polo Papa Juán Pablo II, no ano 1988. 


  
A outra será polos meus dez anos en África, rodeado de musulmáns e de xudeus, amén da miña tradución do Corán ao galego, que non se me ocorrerá publicala, entre outras razóns porque non tería nin un só lector; iso ademais de que os musulmáns non aceptan como correctas ningunha das traducións, en calquera idioma que sexan feitas.


  
Algo que se fai pouco é o de explicar que Xesús, para nós, ¡aí están os Evanxeos!, foi xerado e non creado, pero aquel Nestorio, do que copiou Muhammad, tivo a obsesión, errónea e infundada, de que foi creado, así que a fixo boa sementando ese xoio!

Os misioneiros, concretamente en países musulmáns, teñen dúas armas excelentes, amén da inspiración divina: Explicarlles como o Concilio de Éfeso (ano 431, Teodosio II), deixou claro, definitivo, que Xesús foi xerado e non creado, que con iso moito se adiantaría agora que a cultura dos musulmáns ten altura suficiente para entrar en discernimentos. A outra, como din os franceses, vai de lui même: Os musulmáns viñeron apoiándose, moitísimo, no seu machismo, cargándose de fillos, etcétera, pero dun tempo a esta parte as súas mulleres están copiando das europeas, e van ter unha sublevación que lles esnafrará unha serie de contradicións, sociais, pero tamén científicas, que hoxe lles resultan básicas para o seu credo.
-.-
  

Adolescencia..., explosión vital!

    
Xa non oímos; non queremos oír!

Esta idade pode ser incontrolable se non a traemos ben asentada, baseada. Na espera dos bebés as familias infórmanse, planifican; pero a adolescencia preséntase paulatinamente, discretamente, e adoita collernos despistados, ollando un neno que está deixando de selo, que entrou nunha fase de rebeldía, e nós, os pais, sen decatarnos. Tamén nós o fomos, pero témolo esquecido.

Experimentar a adolescencia como unha guerra entre xeracións non axuda; nin aos pais, nin aos propios evolucionados.

O desafío principal do adolescente está en lograr unha identidade persoal coherente; é un tránsito entre unha situación de dependencia e un ensaio de temoeiros da nosa propia vida polo piago infinito das mil rutas..., aínda non descubertas!

Nesta etapa da vida os rapaces desenrolan a súa capacidade de abstracción para ir alén do presente, elaborando teorías sobre si mesmos e sobre a sociedade, o que consideran bo ou malo, xusto ou inxusto, etcétera. O dito, unha explosión vital que vai asentando e  consolidando os coñecementos recibidos e asimilados.

Para a psicopedagoga Dolores Armas, (non me cansarei de citala), os adolescentes requiren, precisan, unha familia (afectuosa e formada, por suposto), e coa familia, ou na familia, uns educadores que lles ofrezan apoios axeitados para desenrolar os factores de protección, en especial a resilencia, sendo esta, para a Dra. Armas, esa capacidade que permite manexar, tolerar, e soportar, os contratempos, para volver a recuperar, como pouco, o estado de serenidade inicial.

Na adolescencia as apetencias corporais avanzan tan apresuradas, tan aceleradas, que, ao menor descoido, abandonan a alma, déixana atrás; compre, pois, volver a vista, recoller a alma e levala de man, para que nos vaia guiando, freando, advertindo, santificando; de facelo así irá connosco, de par noso, o anxo da garda, e deixaremos quedar rezagado ao diabro pois é sabido que se leva mal co anxo da garda, así que, cando manda un deles, o outro retírase.

Aos maiores pode parecerlles que os adolescentes xa están, xa chegaron, á idade da autonomía, pero é un erro: facendo memoria é doado lembrarse de que foi nesa época cando máis nos perseguiu a molicie relixiosa e mailas tentacións.
-.-


Exercicios espirituais entre as sabas

  
¡Que mellor exercicio, cando estamos entre as sabas, que evoca-la Saba Santa, esa que conservan e veneran en Turín? ¡Aquelas mulleres, no descenso da cruz e para levalo ao sepulcro, trouxeron unhas sabas...! Seguro que eran de liño, coma as da miña crianza.

Tanto que padeceu Xesús asumindo a Redención dos nosos pecados, e nós, desagradecidos, se nos pica unha pulga xa soltamos un taco! Lembremos o ritual da Misa; o sacerdote tráenos á memoria que o Fillo de Deus, “... cando ía ser entregado á súa Paixón, voluntariamente aceptada, tomou o pan...”

Cando pensemos na Paixón de Cristo témola que venerar de catro xeitos: O mérito, a satisfacción, o sacrificio e maila redención. Santo Tomás de Aquino axúdanos a entendela con estas aclaracións: “A Paixón de Cristo, considerada en canto á súa vontade, foi causa da nosa salvación por vía de merecemento; se consideramos a carne de Cristo sufrinte, por vía de satisfacción, que nos libra do reato da pena; por vía de redención en canto que nos libra da servidume da culpa; e por vía de sacrificio en canto que nos reconcilia con Deus”.

San Agustín puntualiza: “É verdadeiro sacrificio toda obra realizada para unirnos a Deus en santa sociedade, en orde a obter aquel fin que nos fai benaventurados. Cristo ofreceuse a si mesmo, na Paixón, por nosoutros. E o feito de soportar a Paixón voluntariamente foi en grado sumo aceptado por Deus como provinte da meirande caridade. De todo isto resulta ben claro, rotundo, que a Paixón de Cristo foi un verdadeiro sacrificio”. Conclúe o propio San Agustín: “Son catro as cousas que nun sacrificio se teñen que considerar: A quen se ofrece, quen ofrece, que ofrece, e por quen se ofrece. El mesmo, único e verdadeiro Mediador, reconciliándonos con Deus por medio deste sacrificio pacífico, permanecía un con Aquel a quen llo ofrecía; facía en si mesmo a aqueles que llelo ofrecía, e era un o mesmo que o ofrecía e o que ofrecía”. O sumo da ofrenda, feito polo propio Fillo de Deus. O mínimo que podemos dicir é: ¡Deo gratias!


…/…
Pasa a
XIMNASIA ANÍMICA
-II-
Xosé María Gómez Vilabella
 

No hay comentarios: