jueves, 26 de junio de 2014

DEO GRATIAS -II-

.../...



Ti, aprendiz de seminarista, que fuches bancario media vida, non podes ignorar que toda auditoría comeza, debe comezar, pola análise inventarial da empresa auditada. En consecuencia, pon a túa alma na báscula: ¿Qué tes, propiamente, teu? Témome que pouca cousa pois no teu Activo hai múltiples procedencias, dacións importantes: da túa familia, dos veciños, dos mestres, do Cura da parroquia…, pois de todos recibiches, maiormente na túa crianza! E, qué lles devolviches, que levas aportado ao teu próximo? ¡Por moito que fose non te durmas nos loureiros, que sempre pode ser máis, así que non demores as obrigas: Paga, paga con xenerosidade, que só serán anticipos pois Deus, o Gran Solvente, ten anunciado, prometido, que dará o cento por un a tódolos seus administradores, con tal de que sexan bos e xenerosos.

Traballamos, dando, compartindo, axudando, para o mellor dos patróns, para o único que, recibindo un, paga cen, de grande que é a súa xenerosidade. Máis para dar hai que ter, así que, no único que debemos ser avariciosos é en atesourar coñecementos, laboriosidade, colaboración apostólica, e de paso, ir comunicando, compartindo; en definitiva, exemplarizando!

¿Teoloxía tamén? ¡Tamén Teoloxía, pois, por ser, por tratarse, do estudio de Deus, dos ditos e dos feitos de Deus, mellor ciencia, ciencia máis rendible, non hai. E as outras ciencias? María non exclúe a Marta, que se complementan, e servían ambas. –Señor, non che importa que a miña irmá me deixe a min o traballo? Dille que me bote unha man. Pero o Señor respondeulle: -Marta, Marta, preocúpaste e desacóugaste con tantas cousas (asemade), pero soamente unha é necesaria. María escolleu a mellor parte, e esa nunca se lle vai quitar!”. Que unha cousa sexa a mellor non implica, nin significa, que as outras resulten omitibles, en absoluto; o Mestre estaba sinalando importancias, como ben o entenderon os beneditinos, e tras deles os dominicos, profesando, cultivando, aquel dito insuperable, perfecto: ¡Ora et labora!

No capítulo 48 da Regra de San Benito lemos: “A ociosidade é inimiga da alma. Os irmáns deberíamos participar, nuns momentos concretos, no traballo manual, e noutros, tamén concretos, na lectura da palabra de Deus”. Se os frades da miña parroquia, Dominicos de Montecubeiro, cumprían esta Regra, por pura lóxica non lles quedaba tempo para dedicarse ás “ius primae noctis” das súas freguesas, así que, iso de que vimos dos frades, igual non é certo).
-.-

De tomada a decisión, comecemos pola primeira lección. ¿De onde, ou de quen, a tomarei? Pois…, mira ti por onde vouna tomar de alguén que non veu sendo especialmente considerado na Historia da Igrexa, e iso que, se Pedro foi a primeira pedra, Xoán, aquel fillo de Isabel e de Zacarías, parentes de María, foi, fixo de, escavador dos cimentos da cristiandade! Como dicían os romanos, Prior in tempore, potior in iure! ¡Pois iso!

Apelamos a Estevo como protomártir, pero, protosacerdote, o primeiro deles, antecesor dos apóstolos? ¡Xoán Bautista, obviamente! En España chamariámoslle, Introdutor de Embaixadores. Tantas primacías lles concedeu Deus aos seus parentes, que xa fixo neles, con eles, o primeiro dos milagres do Novo Testamento: Daquela que Zacarías, o mudo, escribiu: -Xoán é o nome do meniño! E coa mesma, rompeu a falar, así que, ¡xa predicou o pai do Bautista, xa deu un testemuño sementando a boa nova!

O Espírito Santo, moito antes de Pentecostes, actuou naquela familia, soprándolle a Zacarías a primeira das bendicións: -Bendito sexa o Señor, Deus de Israel, porque veu visitar e redimi-lo seu pobo, suscitando para nós unha forza de salvación, etcétera, etcétera, un largo predicote no que profetizou do seu fillo recén nado: -E a ti, meu neniño, profeta do Altísimo, porque irás por diante do Señor preparando os seus camiños…” ¡Preparou os camiños, efectivamente; abriu os camiños…; daquela foi o Enxeñeiro dos Sacerdotes, un auténtico Sumo Sacerdote!

O neno medrou, en tódalas tallas e non só na física, pois no ano quince do reinado de Tiberio César xa daba mitins anunciando ao Gran Gobernador: -Preparade os camiños do Señor, reparade os seus vieiros. Toda barranqueira se cubrirá, todo monte e outeiro se rebaixará; os camiños tortos hanse endereitar, e os fragosos hanse achanzar, porque todos verán a salvación de Deus!

¡Isto é falar, isto é sementar, e sen subirse a ningún púlpito, simplemente desde as súas sandalias, humildemente!

¿Humilde, Xoán? ¡Máis cá ninguén, un auténtico Francisco! Cando o exaltaban, ben que se humillaba, pero coas verdades por diante: -Eu bautízovos con auga, pero está a chegar o que é máis forte cá min, e a quen eu (seu primo, segundo a carne) non son digno de desatarlle os amallós do calzado. El havos bautizar con Espírito Santo e con lume. Porque trae a forcada na man para limpa-la súa eira, e recoller na hucha o seu trigo; (de paso) queimará a palla nun lume que non se apaga!


¿Cómo non ía acabar mártir un home, un sacerdote, un misioneiro tan odioso, co que se odian as verdades neste campo luciferino, daquela coma hoxe, en todo tempo e lugar? Pero o sacerdote, o divulgador, que non estea disposto para un eventual martirio, que cambie de oficio…, a tempo!
-.-

Vindo da Biblia, topei polo camiño ao Papa Francisco, quen, nunha Misa que celebrou na Casa Santa Marta, actualizoume ao esquecido Xoán Bautista cunha análise maxistral. ¡Multa paucis, que tal son as súas verbas, os seus conceptos, impregnados de sinxeleza, que é a única forma de entender as cousas ao dereito, con sentido práctico, e non certas disquisicións teolóxicas que máis ben conducen a deixar os temas por…, por indixestos!

Recordounos o Pontífice, esa Gran Ponte da Igrexa, ese feitor, que non fautor, de Pontes, cómo e con qué xenerosidade, con qué humildade nos predicou Xoán o seu bautismo de conversión, preparando, dando, pero sen recoller para si, sen medrarse co cargo, coa función, con absoluta xenerosidade. O Bautista chegaba ao corazón da xente, puntualizou Francisco; ¡é a onde hai que chegar, pois facelo á cabeza é máis difícil, coa cantidade de acéfalos que ten esta humanidade, tan esfarelada desde a Gran Caída! Nunca tivo a tentación de crerse importante –opina o Papa- como o demostra a resposta que deu aos doutores que lle preguntaban se era (el) o Mesías: “Son voz, tan só voz, a voz dun que clama no deserto. Son soamente voz, pero vin para preparar o camiño do Señor”. Da súa parte non quedou, pero aqueles doutores, de ácemilas non pasaban, e xa tivesen boas intencións!

Un cristián non se anuncia a si mesmo, anuncia a outro, prepara o camiño do outro, o Camiño do Señor. Xoán sabía discernir, infundírallo o Espírito, obviamente; discernía a verdade distinguíndoa do que parecía ser verdade: foi o home do discernimento, un exemplo a seguir, absolutamente en todo! ¡Este Papa, Francisco, sabe traducir; este si que entende a Voz: fai milagres desde abaixo, desde a nosa altura, sen subirse á Xestatoria!

Non teño seminario, pero teño a Biblia, e ademais un Papa que sabe entendela; son os duros de corazón os que non entenden ao Papa, ou, mellor dito, aqueles que non queren entendelo…, por comenencias materiais, ignorando que non as poden levar no ataúde, que llelas refusan na alfándega de San Pedro! Estes tales tamén se cren doutores, pero son acémilas, herdeiros daqueles cos que discutía o Bautista!
-.-

A miña Marta tamén está na cociña. E non se queixa. Unha Mestra que renunciou a exercer a súa carreira para darnos dedicación absoluta ao marido e aos fillos merece tanto ou máis cás outras a Orde de Alfonso el Sabio. Non é máis cómoda a cociña cá escola, iso non, pero é igual de gratificante, ou xa non o sexa máis educar nos propios fillos que nos alleos. ¿Qué así non cobrou? ¡Pero estoulle pagando os atrasos co meu público agradecemento! ¿Qué non todas son Mestras…, e teñen que confiarlles os fillos ás tituladas? ¡Tamén é certo, pero hai que ir ao, Fin único con diversidade de funcións! ¿Cal é o fin único, exclusivo, universal? ¡Cal vai ser, que este mundo funcione polos vieiros correctos, sen extravios, sen dilapidar enerxías!

¿Sería posible unha María misando, e unha Marta criándolles os fillos aos Curas? O Mesías non veu ata que o mundo, polo menos unha parte del, tivo a madurez suficiente para que o entendésemos, así fose con parábolas. ¿Quen nos di que noutro estadio da civilización non se xeneralizan as funcións, tal que para acelerar a cristianización mundial, total?

De presente, o Cura célibe non ten doado entender ás Martas; e estas, desde as súas labores, tampouco lles sobra de comprender ás Marías. Deus é ilimitado, así que máis nos pedirá a medida que nos vaiamos capacitando, de tal xeito que, cando nos vexa maduros, no seguinte chanzo, virá segar: ¡Acabarase esta función, e pasaremos á seguinte! O malo do caso será que, se iso tarda, Deus terá que poñer a Sala do Xuízo Final na estratosfera, pois o que é no Val de Josafat para daquela non caberán nin tan sequera os mártires, os predilectos, os de platea!

A propósito das Martas: Nestes tempos, nos nosos, estase vendo como a muller musulmá retrocedeu ao estado larvario; de postos no 2000, séxase, no seu 1422, o machismo alarmouse ao ver o aceleramento das súas mulleres, o seu contaxio, a súa fulminante conversión en bolboretas de libre voo, e…, cortoulles as alas! Que tomen exemplo as mulleres do cristianismo, pois, de non asegurarse nos seus avances, nin Martas nin Marías, que as devolveremos aos haréns, por…, simplemente polas leis do machismo, este machismo herdado de Adán, e iso que el tamén comeu, tamén foi cómplice na caída infernal! Dito con verbas actuais: ¡Participou na compra das preferentes…, falsas!
-.-

Hoxe levanteime con sede espiritual, con sede de infinitudes pacíficas, farto de escoitar miserias e picardías humanas, das radiadas, desas coas que bombardean as nosas orellas nos insomnios, así que, nin me afeitei; autobús, e ao faro de Hércules! Era cedo, e alí, antes de que os turistas se baixen dos transatlánticos, pódese matinar a pleno pulmón. As cidades son odiosas, cos seus cheiros e cos seus ruxidos; ¡convértente nunha peza dos mecanismos que lles son propios: deixas de ser ti, esfarélanche a personalidade!

Sentado no paredón da torre xa puiden cravar os ollos no mar sen as lagañas dos fumes urbanos. Isto é como cravalos no infinito; aquí albíscase a presenza de Deus, a súa magnitude inacabable. O mar termina en redondo? ¡Iso parece, pero, non, que esa roda faina a liña óptica do noso horizonte; o mar non acaba nunca: haino alén do que nos alcanza a vista! O home só logra arar o mar, pero con sucos tan ínfimos que se volven a cerrar, ao momento.

Pasou unha gaivota… Se frease na miña cabeza tomaríaa polo Espírito Santo, pero non, que non chega a tanto; é simplemente unha criatura, unha de tantas, coma min errante; acaso tamén pensante, pero como os animais non falan, pouco sabemos deles.

Estiven observando as olas: van e veñen? Non, de ben miradas, non, non volven, e se o fan é por debaixo, ás escondidas, iso que chamamos resaca. A terra tira delas, pero desde que a acadan, esfarélanse. Manrique dixo que as nosas vidas son ríos que baixan ao mar, pero eu engado, que non corrixo, que tamén o son as olas, estas ondaxes que pretenden dominar a terra, e cando lles parece que a teñen apreixada, esfarélanse nela!

Aí arriba están as nubes, que sempre hai algunha, máis ou menos visible, por máis que claree o día. Teñen un parecido coas olas porque igualmente van e veñen, e igualmente son fráxiles. Pero aínda así transportan, traen e levan vida, vitalidade para os seres corpóreos. Non me canso de miralas; ¡pero qué guapas son, tan cambiantes, tal lixeiras, pero sempre belas, belas de mil maneiras! Iso de chamarlles cirros, cúmulos, estratos, cirroestratos, cirrocúmulos, estratocúmulos, nimboestratos, cumulonimbus, altoestratos, alto cúmulos…, e aínda non sei se hai más, é só unha limitación para facernos entender cando as mencionamos.

¡Despois disto, disto e do demais que desde aquí non vexo, veñen os meus conxéneres dicindo que a materia é simplemente o produto dun explosión que non entenden, pero que si denominan: iso do big bang!

¡Que gran favor nos fixo Deus facéndonos perecedoiros no material! A materia pesa, cansa, chega a aburrir; e menos mal que os espíritos tamén se cansan dos fragores da vida, e pugnan por incorporarse aos outros, aos da vida eterna, aos da perfecta, no espazo sideral, infinito, onde teñen, e gozan, dun sol perpetuo, inextinguible, sen erupcións, ao que vimos chamando Deus!

Deus creou o mundo, pero, a Deus? Tranquilos, deixádevos de impaciencias, porque o propio Deus nolo dirá cando gocemos da súa presenza, pois, de momento, o único que nos permite, o único que nos concede, e xa non é pouco, aquí abaixo, son estes goces anticipados, este aperitivo ao que vimos chamando Natureza!
-.-


¡Desagradecidos! Si, desagradecidos, e precisamente os do meu lugar, diante da igrexa, dándolle as costas á chuvia! Mais a culpa non é deles senón do artista, que non os puxo de cara.

Levo dito cen veces que non hai nada como vivir no Sáhara, aínda que só sexa unha tempada, para aprender a valorar a auga; ¡quen non a valore, que non presuma de coñecer Galicia, pois, Galicia sen auga, deserto sería, outro!

As nubes de onte agradecéronme os piropos, pois hoxe amenceu..., coas goteiras a tope! Volvín á casa polo paraugas…

-¿Non oíras chover?

-Muller, canto oín esta noite foi música celestial…, pois do Ceo viña, do de maiúsculas!

-¡Pero íaste sen paraugas…!

-Volvín despois de bautizado, despois de mollado, que veño pingando…

-Neste caso, sóbrache o paraugas!

-Muller, si, e non, que o levo para outra función: para utilizalo como altar da chuvia! Eu non fago coma aquel escultor, que puxo aos nenos de costas, ensinándolles a ser desagradecidos. Ti ben sabes, e máxime desde a nosa peregrinación por África, Sidi Ifni, Aaiún…, que eu adoro a auga, que nada ten de ídolo posto que sae das mans do propio Deus…, dun xeito parecido a como lles mandou o maná, cando Moisés! Debaixo do paraugas móstrolle respecto…, mirando ao Ceo! ¡Deo gratias, Señor, de parte miña, e do resto de Galicia, tamén, en particular de parte das nosas hortas, das poucas que quedan!

A consorte argumentou:

-O malo do caso é que tamén se benefician os eucaliptos, eses chupóns...!

-Muller, iso proba a bondade de Deus, pois nesta vida tanto favorece aos bos coma aos malos, que reserva a súa xustiza…, para despois do segundo parto, para cando sexa a nosa saída camiño da eternidade!

Nisto abrín a Biblia polo Salmo 65 (64). 10-11, no que o salmista agradece:

Ti coidas e réga-la terra,
arriquécela de mil maneiras:
os ríos de Deus van cheos de auga.
Para da-lo trigo prepára-la terra:
réga-los sucos, achánza-los terróns,
fala amolecer coas chuvias
e bendíce-las súas sementes.

¡Deo gratias!


Á volta, coa lección apresa, ben repasada, imprimina. ¡Aquí a tedes, aquí vola deixo, por se alguén quere aprender a amar isto que Deus nos vén regalando, particularmente aos da Gallaecia Hispana!
-.-

A simbiose corpo / alma. ¿Existe? ¡Pálpase, de tan visible que é, pero, aínda así, isto pásanos desapercibido cando lle damos ao corpo o contrario do que nos pide a alma!

¿A miúdo? ¡Lamentablemente, si! As virtudes da alma son boas para o corpo, que en definitiva é o seu transportador temporal. Os vicios son inimigos naturais da alma, non si? Daquela, se nos damos ao vicio estamos enxurrando a alma, facémola padecer, poñémola en perigo. Ao contrario, se lle damos á alma o que lle é propio, o que temos ordenado polo Creador, o seu soporte sentirase feliz, mellorará, incluso na enfermidade. De todo isto séguese que nunca é bo para o corpo aquilo que temos prohibido para a alma. ¿Fan falta probas? ¡Que cada quen revise as súas experiencias, e sentirá, notará, qué bo corpo deixan, por exemplo, as obras de misericordia!

Dun autor portugués: A realidade interior é a nossa alma, que precisa de nosso corpo para interagir com a realidade externa, enquanto peregrinando no ambiente terrestre, denso. Por isso ser a janela da alma. Temos que valorizar o corpo, não de forma extravagante, mas dar a importância que merece, dada sua simbiose com a alma. Esta a essência permanente, o corpo a realidade terrestre que nos serve de roupagem para habitar a Terra.

¡Non andas lonxe, amigo; claro, es portugués! O malo do caso é cando un alma enferma, daniña, pecadenta, se val dun corpo para esparexer o mal, ao igual que Lucifer cando tomou corpo na serpe para facerse oír; ¡por iso asubían as serpes, por iso: avisan do seu veleno, así que, dobre pecado facerlle caso a un asubío!

Cando a alma se despide, así, nun murmurio, polo baixiño, dille ao corpo, simplemente: ¡Deica logo! E cando chegue o día da resurrección plena, a alma reunirá as cinsas, por escamalladas que estean, pero, reencarnará na mesma carne? Teño para min que non será exactamente así pois a depuración da alma comportará a do corpo correspondente, que xa será glorioso, puro, transparente, etéreo! ¿Puro? ¡Si, claro, evidente, pois, do que non, a alma non aceptará volver ás andadas, ás miserias humanas, ás corrupcións corpóreas, humanas en definitiva! Do que se sigue que os corpos purgan aquí abaixo as consecuencias dos seus vicios, e as almas fano nas alturas, refugando ese corpo que as levou por mal camiño.
-.-

Máxima, sublime, excelsa función a sacerdotal.  ¿Caben poderes máis plenipotenciarios que os de chamar a Cristo, pedirlle que baixe, que volva, que repita connosco a súa Santa Cea? ¡Ai Manuel, Manuel, qué nome tan axeitado che puxeron, Immanu´el “Deus connosco”, e tanto, que non so o baixas, non só o invitas para ti, senón, e tamén, para os teus fregueses!


Ti, que o tes máis cerca, dálle as grazas por min, e de paso, á Virxe, e a San Xosé, que te acompañan, e non só desde o altar!

¡Dei gratias!


Eu, desde o fondo da igrexa, que é onde nos situamos os pecadores, os laicos, tamén participei da túa celebración; non lle podo chamar “concelebración”, pero andamos cerca, pois, desde que logres o milagre, desde que baixe o teu invitado, de arrepentido achegareime ao altar do Señor, eu tamén, xa que tes o hábito de invitarnos a todos; iso, desde o fondo da igrexa!

Daquela, invítanos, tamén, xa que compartimos mesa e manteis, a cantar contigo o Glória in excélsis Deo!


Grazas, Señor, e a ti tamén, querido Manuel, que compartes connosco o máis excelso dos milagres: O da Consagración!
-oOo-

Xa que nunca chegarei a celebrar, ¿qué menos que aprender a tocar a Sanctus, e de paso, a sacar os Santos!

Agradézolle, é de agradecer, moito, a Frei Antonio Alcalde esta definición: Que o Sanctus é a liturxia da terra integrada na liturxia do Ceo. Así, cada celebración participa na liturxia eterna da Xerusalén celeste. No canto do Sanctus da máis humilde das misas das nosas parroquias está toda a gloria do Ceo. ¡Un unísono, nada menos! Pero, ¿decatámonos da importancia, e da solemnidade, deste acatamento de Deus? ¡Moito será pouco! ¿Cremos na comuñón dos Santos? ¡Sendo así, está todo explicado!

Pero os Santos non se poden levar, non se deben sacar coas mans no peto…, a menos que isto nos sirva para unha concentración meirande, para non bracear nin xesticular como é moda facer en certas procesións, particularmente nas de Semana Santa, que debían ser, e non son, as máis recatadas do ano litúrxico.

¿É procesión taparse a cara, ou desgarrarse con saetas? No meu código litúrxico, non. Para min, as capuchas teñen un aquel de disfrace, de ocultamento. Na Idade Media disfrazábanse, ocultaban a cara, os verdugos; acaso sen querer, pero estámolo reproducindo, e nós non somos verdugos da Paixón, ou, polo menos, non queremos selo; ¡eu, non! Para min, os Pasos da Paixón teñen dúas finalidades radicais: Rememorar o que padeceu por nós, polas nosas culpas, o noso Redentor, cargando con elas, incrustadas na crueldade daquel madeiro; e tamén que estamos dispostos a facer de Cireneos, axudándolle coas nosas penitencias, cargando, participando, do madeiro respectivo. Que somos causantes, si, moito: miña culpa, miña gravísima culpa, pero, de presente, tamén, agradecidos; arrepentidos e agradecidos. Como complemento, a cara descuberta, mostrándolle ao próximo que somos da familia de Cristo, Apóstolos de Cristo, seguidores seus, incondicionais, sempre dispostos a mostrarlle ao próximo que tamén vai por eles, que o estamos facendo por eles…, nunha auténtica e real Comuñón dos Santos, de tódolos Santos…, posto que a esa categoría aspiramos, e como tales queremos portarnos, desde xa! Só se disimula cando de algo nos avergoñamos, non si?
-.-

Lonxe da vista, do corazón tamén! Esa é a razón de ser da iconografía, tanto da dogmática como das devocións, pois necesitamos de ambas para sosternos na fe, dada a nosa propensión acomodaticia, ou pasota, como agora se di. ¡En todo, pois, na nosa rebeldía, sexa innata ou adquirida, ata nos saltamos as sinais de tráfico por elocuentes e visibles que as teñamos!

Busquemos a Deus, para pedirlle reconciliación, para abxurar da nosa rebeldía. En 2 Corintios, 5 -17, 18: “Quen estea en Cristo é unha criatura nova: o que era vello, pasou. ¿Vedes? Hai unha realidade nova. E todo isto provén de Deus que nos reconciliou consigo por medio de Cristo e nos encomendou o servicio da reconciliación”.

A todo isto, imaxes, para abri-lo ollos. Imaxes non como talismán, non como fetiches, senón como evocación, e coa invocación a impetración; coa impetración o agradecemento. A nosa tendencia a acordarnos de Santa Bárbara cando trona, e só cando trona, é secular, tanto como acordarse dos padriños nas datas propicias para os regalos, para os de recibir!

¿Quen non leva na carteira imaxes, retratos, da noiva, do noivo, ou dos fillos? Dos pais coido que algo menos pois o noso pragmatismo dinos que podemos contar con eles, sempre, ou case sempre, incluso antes de pedirlles un vaso de auga. ¿Pásanos igual, ou parecido, con Deus e cos Santos? ¡Algo diso hai, que o damos todo por merecido: un endeusamento crónico, herdado: somos fillos de Deus, daquela que apoquine, así sexa para vicios, e do que non, cabrearémonos, por Pai que sexa!

Tratándose, por exemplo, do fútbol, quén se presenta no campo sen sequera unha bufanda do equipo reverenciado? ¡É que dar patadas, patadas ben pagadas, pagadas en ouro, resúltanos máis gratificante que acordarnos de Deus ou dos Santos, e logo que o partidismo deportivo non nos avergoña, pero á pertenza ao cristianismo tal vez si! ¡Non temos perdón de Deus; realmente témolo, pero, merecémolo?
-.-

Falando de imaxes: A que me crispa, e sempre o fixo, é a do noso Santiago Matamouros. Primeiro, porque o Iago antes mataría a certos cristiáns dado que foron ben evanxelizados, e non obstante compórtanse como pagáns; ¡malditos desagradecidos! E segundo que, por moi Fillo do Trono que fose, quen se deixou cortar o garneato en fe do seu apostolado, antes se deixaba matar, el mesmo, como ofrenda, como testemuño.


Outra incongruencia, outro erro, foi aquel de situar, na igrexa de Castroverde, ao Iago, de costas á Virxe do Pilar, sendo, como é, público e notorio, que o noso Santiago, de impacientado coa flegma galaica, por aquelas respostas de:

-Mire qué lle digo, todo iso que nos predica, o dese Gran Señor, seríao aló, na terra dos xudeus, pero o que é aquí en Galicia non se chega a Gran Cacique repartindo pans e peixes senón ao contrario, recadando!

-Teño que consultalo coa almofada… (Ao que lles respondía Santiago: -Pero se vostede está viúvo, que lle morreu a muller, de parto…, descantiá!) –Por iso, señor, por iso o consulto, todo, coa almofada, coa dela!

-Señor Iago, gústame esa doutrina, pero…, ¡teño un pero! ¿Cómo se lle vai pedir xaxún coresmal a unha xente que o ten, que o temos, anual?

Tan pronto parou de chover, así que sería entre Xullo e Agosto, Iago aparellou o branco, e daquela…, tira millas, camiño de Tarraco, para ir a Roma, e confesarse co Papa Pedro, para que lle perdoase as súas neglixencias, se é que as houbo, e de paso, que o trasladase de Misión! No camiño, nese sitio que chamaban daquela Caesare Augusta, precisamente cando buscaba un vao para cruzar o Ebro, decatouse de que alí ían máis adiantados, que xa estaban labrando pedras para erixirlle á Virxe un gran templo. Tamén sería porque ía canso, e non só por admiración das columnas, o caso foi que se apeou, e…, daquela escarramáronselle os ollos: María, nada menos que María, a nai do Señor, no alto da columna máis grande, brillando máis có faro de Alexandría!

-Santiaguiño, por unha vez na túa vida deixa de parecerte ao trono, e ten paciencia cos nosos galegos, que se che fan pouco caso é simplemente porque escarmentaron cos romanos, que ata lles montaron un Dereito para facerlles crer que o seu dominio, e co dominio as súas rapinas, eran de xustiza…, a cambio diso, do seu Iuris! Volve a montar, e desfai os feitos, desanda o Camiño, ¡o teu Camiño!, que aínda che queda moito sen facer pois o Concilio tardará, e tes tempo para todo…    

¿Un Santiago que así obedeceu aquel mandato da Señora, ía ser tan impaciente como para poñerse a matar mouros, por moi nestorianos que fosen? ¡Ca, non foi así, pero aos Reis da Reconquista convíñalles dopar as súas mesnadas, aínda que só fose porque os do outro lado tamén o estaban, e nada menos que coa promesa de que os seus heroes serían recibidos polas sete virxes do Sétimo, tan especiais que non precisaban dun cirurxián para volver a selo, ou para aparentar selo! Cousas, picaresca dos Cides, que tardan en irse, en apagarse, en esquecerse!
-.-

Eu, que estiven en África, o único Santiago que vin por alí foi o franciscano Santiago Uberuaga, ¡outro santo!


Servidor, de traxe branco, sentado no chan,
e detrás de min o P. Santiago e Frei José.

Aquel Santiago non só non mataba mouros senón que os atraía coa súa bondade; ¡ata os nenos lle bicaban o cordón! Nunca discutiu con eles se Xesús foi xerado e non creado; o seu nestorianismo estaba moi enraizado, pero a bondade, a sinxeleza, a santidade dos seus feitos, predicaba mellor có mellor dos teólogos. Algo aprenderíamos del, ¡todos!, pero nunca a imitalo plenamente.
-.-

¿Que pasou na Fonte do Peregrino?

Contoumo meu avó e padriño, asegurándome que esta historia lle viña de súa nai, Concordia, Concordia Carballedo, da casa de Marzo de Vilabade, antigamente chamada de “Marte”, onde sempre houbo “Concordias” comezando por aquela que bautizou, nesta fonte, o propio Santiago...

Farei un esforzo de memoria pois van aló tantos anos que igual se me escapa algún detalle:

Santiago, o noso apóstolo, volvía da Caesare Augusta, onde tivera aquela aparición da Virxe María, nun pilar de Zaragoza, que lle fixera desandar o camiño, renunciando a embarcarse naqueles trirremes de Tarraco... A Virxe, ¡que por algo era a nai de Xesús, Fillo de Deus!, coñecía ben aos galegos, e sabía que, despois daquelas resistencias heroicas fronte aos romanos, quedaran algo desconfiados, ¡moito!, pero, de convencidos, a súa palabra era / sería unha escritura. ¡Cumpría apealos do seu paganismo!

Despois de cruzar a Vaccariza (que era onde, na vía romana que ía á Pons Naviae, os romanos vacaban, descansaban, cambiando de monturas, etcétera), e baixando para o Castrum de Vallis Viridis (actual Santiago de Castroverde), o cabalo, branco, de Santiago tivo sede, e parouse nesa fonte, que desde entón vén chamándose “Do Peregrino”. Alí, casualmente, ¡ou providencialmente!, estaba bebendo, a tal momento, unha filla do centurión Marte, que Roma, ao retiralo do servizo activo, déralle aquelas terras, aquelas abas da Serra do Pradairo, que, tempo adiante, serían coñecidas como “A chousa do Escribán”.

-Filla do Centurión serás, máis, así roiba, está claro que túa nai era, ou é, celta, de pura raza. Pois eu, que me vou presentar, sonche Santiaguiño, un dos discípulos do Mestre, que traio a orde divina de predicarlles a boa nova aos galegos.

-Xa teño oído falar dos cristiáns, -contestoulle a rapaza-, pero aínda deben ser escasos pois todo por aquí seguimos cos deuses romanos. Tal é o caso de meu pai, que, como bo guerreiro, todos lle chaman Marte, coma ao propio deus da guerra!

-Miña xoia: ¿Ti, pagán, e con esa cariña de santa, pois, como a cara é o espello da alma, a dozura dos teus falares, a xogo co teu cute...? Dese paganismo voute librar, que te bautizarei coa auga desta fonte; non é moita, pero abonda para salvarte! En canto ao nome, como vés dunha unión pacífica romano-celta, que ben me di o Espírito, o Espírito Santo, ¿sabes?, que no teu caso, tratándose de romanos, excepcionalmente, non houbo violación, vouche poñer un nome axeitado, tal que..., ¡Concordia!

Así foi como comezou a xeración das Concordias na casa de Marte. O Centurión tamén se deixou convencer, así que o propio Santiago levouno á fonte, pasándolle o nome de Marte a Marzo.

Santiago quedouse un tempo nese lugar, familiarizándose con aquela xente, que comezaron a chamarlle “O Abade”, (de Abba, padre, en arameo), e de aí tirouse o topónimo de Vilabade! Tiveron a Santiago por “pai” xa que da súa doutrina xurdiu todo un pobo, catequizado, evanxelizado.
-.-

Na súa estancia en Vilabade, segundo referencias herdadas das avoas Concordia, Santiago tivo tranquilidade e oportunidade para redactar a súa “Carta”, que propiamente non foi tal senón unha serie delas, que as refundiron os seus tradutores.

Aquela carta / ou cartas, chegou / chegaron ao meu coñecemento editada / s na Biblia de Sept, así que dela tiro o que segue:

Saúdo. Santiago, o servidor de Deus e do Señor Xesús Cristo, saúda ás doce tribos que (¡coma el!) están na emigración.

As tentacións. Cando vos vexades envoltos en diferentes tentacións, meus irmáns, tédevos por moi ditosos, porque xa sabedes que aquilo que somete á proba a vosa fe xera paciencia. Pero compre que a paciencia vaia acompañada de boas obras, de xeito que sexades perfectos e completos sen fallardes en cousa ningunha.

Se algún de vós está necesitado de sabedoría, que lla pida a Deus, que llela dá a todos abundantemente e sen roñar; e a ese tal tamén lla ha dar. Pero cómpre que pida con fe e sen dubidar para nada, que quen dubida é coma as ondas do mar, que o vento abala e leva de aquí para acolá. Un home así non pense recibir cousa ningunha do Señor: é un indeciso e un inconstante en tódolos seus camiños. (Ben o sabía Santiago, coa experiencia do seu retorno desde Zaragoza!).

Que o irmán de condición humilde se glorie da súa dignidade; e o rico, da súa humillación, porque pasará coma a flor da herba: soérguese o sol coa súa fogaxe e queima a herba, cáelle a flor e pérdese a súa fermosa aparencia; pois así mesmíño murchará o rico nas súas empresas.

Benia o home que resiste na tentación, porque, como a supere, recibirá o premio da vida, que Deus prometeu ós que o aman. Que ninguén diga ó se ver tentado: “Deus é quen me tenta”, porque nin o mal tenta a Deus nin Deus tenta a ninguén. A cadaquén téntao a súa cobiza cando o arrastra e engaiola: despois a cobiza concibe e pare o pecado; e o pecado, en consumándose, xera morte. Non vos trabuquedes, irmáns queridiños. Todo bo regalo e toda dádiva perfecta vén de arriba, do Pai dos luceiros en quen nin hai cambios nin tempos de sombras. Pola súa vontade tróuxonos á vida coa palabra da verdade, para que fósemos como as primicias das súas criaturas.

Escoita-la palabra e cumprila. Xa o sabedes, meus irmáns benqueridos: que todo home sexa espelido para escoitar, calmo para falar e calmo tamén para o asaño, (asañar = enfurecer) porque o asaño do home non leva á conducta que Deus pide.

Polo tanto, rexeitado calquera lixume ou resto de ruindade, acollede docilmente a Palabra enxertada en vós, que pode salva-las vosas vidas. Sede cumpridores da Palabra e non vos contentedes con escoitala xustificándovos con razóns enganosas. Porque quen escoita a Palabra e non a pon en práctica é coma o home que se puxo a olla-la súa propia cara nun espello; mirouse ben nel pero, ó que deu media volta, esquecéuselle como era. En cambio, quen afonda no coñecemento da lei perfecta, a que dá a liberdade, e quen se mantén nela, non para a escoitar e a esquecer deseguida, senón para a poñer por obra, ese será feliz na súa actuación.

Se alguén se tiver por home relixioso sendo un badueiro que engana ó seu propio corazón, a súa relixiosidade sería baleira. A relixión limpa e sen lixo ningún ós ollos de Deus Pai é esta: mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas e gardarse da contaminación deste mundo.

Distingos nas comunidades. Meus irmáns, a fe que temos no noso Señor Xesús Cristo, o glorioso, non cadra ben con certos distingos entre persoas. Entra na vosa asemblea –é un supoñer- un home cun anel de ouro, vestido con moita galanura, e entra tamén un pobre vestido con farrapos; se vos fixades no que vai ben vestido, e lle dicides: “Ti acomódate ben aquí”, e ó pobre, “Ti quédate de pé aí”, ou, “Senta no chan ós meus pés”, ¿non estades facendo distincións entre vós mesmos, converténdovos en xuíces de criterios inicuos?

Escoitádeme ben, meus irmáns queridiños: ¿seica non escolleu Deus os pobres deste mundo para seren ricos na fe e herdeiros do Reino que Deus prometeu ós que o aman? Vós, en troques, abafáste-lo pobre. ¿Seica non son os ricos os que vos asoballan e os que vos levan a xuízo? ¿Non son eles tamén os que aldraxan o fermoso nome que se invocou sobre vós? Facedes moi ben se, con todo, cumprides á perfección a lei rexia da Escritura que di: “Amarás ó teu próximo como a ti mesmo”. Pero se andades con favoritismos, pecades, e a lei havos acusar de transgresores. Porque quen garda toda a lei, aínda que só quebrante un mandado, ten que responder de todos, pois o que dixo: “Non fagas adulterio”, tamén dixo: “Non mates”.

E, se non adulteras pero matas, xa non compres coa lei. Falade e facede as cousas como acae a quen a lei da liberdade vai xulgar, pois terá un xuízo sen misericordia o que non foi misericordioso; a misericordia está por riba do xuízo.

(Santiago tenta demostra-la necesidade de que a fe teña unha tradución realista no vivir cotián).

A fe móstrase nos feitos. Irmáns benqueridos, ¿que proveito lle trae a un dicir que ten fe, se non ten feitos? ¿Acaso o poderá salvar esa fe? Se un irmán, ou unha irmá, andan espidos e necesitados do pan de cada día, e vai un de vós e dilles: “Ídevos en paz, quentádevos e fartádevos”, pero non lles dá aquilo que lle compre ó seu corpo, ¿que proveito levan? Pois o mesmiño pasa coa fe: se non ten feitos, leva a morte no seu cerne.

Pode dicir alguén: “Ti te-la fe, eu teño os feitos”. Móstrame a túa fe sen feitos, que eu polos feitos heiche de mostra-la miña fe.

¿Ti cres que só hai un Deus? –Fas ben, pero iso tamén o cren os demos e mais tremen.

¿Queres entender dunha vez, parvo, que a fe sen feitos está morta? Os feitos xustificaron ó noso pai Abraham cando ofreceu o seu fillo Isaac enriba do altar, ¿non si? ¿Fíxaste como a fe colabora cos seus feitos e como polos feitos a fe chegou á súa madurez? Así se cumpriu a Escritura que di: “Abraham tivo fe en Deus e iso valeulle de xustificación”, de xeito que mesmo se lle chamou amigo de Deus. Xa vos decatades de como son os feitos os que xustifican o home e non só a fe. O mesmo podemos dicir da prostituta Rahab: ¿seica non a xustificaron os feitos, cando recibiu os mensaxeiros e os encamiñou logo por outros carreiros? O mesmo que un corpo sen alento está morto, así tamén a fe sen feitos morta está.

A verdadeira sabedoría. Meus irmáns, que non haxa moitos de vós a poñerse de mestres; xa sabedes que ós mestres os han xulgar con maior severidade, porque todos pecamos moitas veces. Sa hai alguén que non falte no falar, ese é un home perfecto, que pode refrear o seu corpo enteiro. Ollade: ós cabalos poñémoslles un freo na boca para que nos obedezan e así controlámo-lo seu corpo. E o mesmo os barcos: con seren tan grandes e iren empurrados por ventos tan fortes, gobérnanse cun temón pequeno cara a onde o temoeiro os quere levar.

Pois outro tanto pasa coa lingua: ser é un membro ben pequerrecho, pero pode gabarse de grandes cousas. Aí o tedes: ¡cunha fogueiriña cantas fragas poden arder! (¡Xa Santiago nos precaveu contra os incendiarios!) E a lingua é un lume, un mundo de ruindade. A lingua é unha parte dos nosos membros que contamina o corpo enteiro e, por estar inflamada polo inferno, fai arder ela tamén, pola súa banda, toda a nosa vida desde os comezos.

Calquera caste de bestas ou paxaros ou cóbregas ou peixes pode domeala o home e, de feito, doméaa; a lingua, en troques, ninguén a dá domeado: é un mal sen acougo, cheo de solimán de morte. Con ela bendicimos a Deus, o noso Pai; e con el maldicimos ós homes, creados semellantes a Deus. Dos mesmos beizos saen a bendición e maila maldición. E isto, irmáns, non debía ser así. ¿É que hai fonte que polo mesmo picho bote auga doce e auga amarga? Meus irmáns, ¿é que pode dar olivas a figueira ou figos a videira? E tampouco unha fontela salgada pode dar auga doce.

¿Quen de vós ten bo xuízo e experiencia? Pois quen o teña que manifeste coa súa boa conducta as obras feitas con xuizosa mansedume. Pero, se téde-lo corazón cheo de celos acedos e de liortas, deixádevos de fachendas e non andedes mentindo contra a verdade; esta sabedoría non vén de arriba senón que é da terra, animal, endiañada. Pois onde hai celos e liortas,  tamén se dá o descontento e toda caste de ruindades. Pola contra, a sabedoría que vén do Ceo é primeiramente pura e despois pacífica, sinxela, acolledora, chea de misericordia e de boa froitos, imparcial, sen finximento. O froito da xustiza seméntana coa paz os que van facendo a paz.

As cobizas fan as divisións. ¿De onde veñen esas guerras e liortas que se dan entre vós? ¿Non será das vosas cobizas, que loitan no voso interior? Degoirades e non tedes; enrabechádesvos e andades cheos de envexa e non logrades cousa; combatédesvos e facédesvo-la guerra e non conseguides porque non o pedides, e se pedides, non recibides, porque pedides só co devezo de satisfacérde-las vosas cobizas.

¡Desleigados! ¿Seica non sabedes que a amizade con este mundo é inimiga de Deus? E así quen quere ser amigo deste mundo faise inimigo de Deus. ¿Ou é que coidades que a Escritura di sen razón aquilo de que “o Espírito que puxo en nós ten arelas fortes”? Pero meirande é a gracia que nel concede. E por iso di: “Deus arrepónselles ós soberbios, pero ós humildes dálle-la súa gracia”.

Sédelle, logo, ben mandados a Deus; facédelle fronte a Satán e arredará de vós. Achegádevos a Deus e El achegarase a vós. Lavade as mans, pecadentos; limpade os corazóns, homes falsos. Apalpade as vosas miserias, poñede o loito e chorade; que o voso riso se converta en pranto; e a vosa alegría en tristura. Abaixádevos no acatamento do Señor, que El vos ha soerguer. Non andedes falando mal uns dos outros, irmáns. Quen fala mal de seu irmán ou xulga a seu irmán, fala mal da Lei e xulga a Lei; e, se xúlga-la Lei, xa non es cumpridor da Lei, senón o seu xuíz. Só un é lexislador e xuíz: o que pode salvar e perder. Pero, ¿quen es ti para xulgares ó próximo?

(Falar mal do próximo, xulgalo, supón exercer un papel xudicial que só pertence ó lexislador e xuíz por antonomasia; supón, entón, atribuírse un poder sobre a mesma Lei, que só Deus ten).

¡Pobres dos comerciantes e dos ricos! Reparade agora no que dicides: “Hoxe ou mañá imos ir para esta ou aquela cidade, botaremos alí o ano, negociaremos e teremos beneficio”. Pero ¡se non sabéde-lo que vai ser de vós mañá! Porque, ¿que é a vosa vida? Unha fumaradiña que aparece e desaparece no mesmo intre. En vez diso debiades dicir: “Se Deus quere e chegamos alá, imos facer isto ou aquilo”. Pero vexo que vós sodes uns farfalláns e semellante fachenda é mala. O que coñece o ben que ten que facer e non o fai, comete pecado.

E vós, os ricos, chorade e berrade polas desgracias que van vir enriba de vós. A vosa riqueza está podre; a vosa roupa chea de couza; o voso ouro e a vosa prata, enferruxados; e a mesma ferruxe será testemuño en contra vosa e, coma se for lume, comerá as vosas carnes. ¡Estades atesourando na fin dos tempos! ¡Atención! O xornal que non lles pagastes ós obreiros que vos fixeron a seitura está clamando e o seu berro chega ós oídos do Señor dos exércitos. Vivistes na terra cheos de fartura e cebáste-los vosos corazóns nos praceres para o día da matanza. Condenáste-lo xusto e matástelo sen que el vos fixese fronte.

Saber agardar. Tede, logo, paciencia, irmáns, deica a volta do Señor. Reparade en como labrego coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra agarda con paciencia as augas temperás e as serodias. Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará. Non vos queixedes, irmáns, uns dos outros, para que non vos sentencien; mirade que o xuíz está xa á porta. No sufrimento e na paciencia, irmáns, seguide o exemplo dos profetas que falaron no nome do Señor. Mirade que agora nós chamámoslles benaventurados ós que aturaron todo. Tedes oído falar de paciencia de Xob e xa véde-la fin que lle concedeu o Señor, porque o Señor é compasivo e misericordioso.

Sobre todo, irmáns, non xuredes: nin polo Ceo nin pola terra, nin por cousa  ningunha; que o voso si sexa si e que o voso non sexa non, para que non vos sometan a xuízo.

A oración. ¿Anda magoado algún de vós? Que rece. ¿Séntese alegre? Que cante salmos. ¿Algún de vós ten unha doenza? Faga traer ós anciáns da comunidade, para que recen por el, unxíndoo con aceite no nome do Señor. E a oración feita na fe salvará ó enfermo; o Señor fará que se erga e, se tiver pecados, perdoaránselle. Así que confesádevos mutuamente os vosos pecados e rezade uns polos outros para que teñades saúde. Moito pode a oración teimosa do xusto. Elías era un home coma  calquera de nós; pediu afervoadamente que non chovese e non choveu nada en tres anos e medio; volveu a pedir e o Ceo mandou auga e a terra deu os seus froitos.

Meus irmáns, se algún de vós se arreda da verdade e outro o trae ó bo camiño, tede seguro que quen fai que un pecador volva dos seus camiños trabucados, salvará a súa alma da morte e soterrará unha chea de pecados”.
-.-

¡Ai Santiago, Santiaguiño, que bo código nos deixaches! Eu, ademais de cristián, como galego, apúntome contigo a darlle as grazas a Deus pola túa doutrina, que se malograría se daquela, en Zaragoza, non obedeceses á nosa Santa Nai, que se é Patroa de España, de España enteira, dos galegos nada menos!

-oOo-

A Misa dos mudos. Se está alto o micro, parece unha feira; se non funciona, ou está baixo, parece un enterro. Ademais disto, está a particular fonía de cada local. En vista diso, de que nunca chove a gusto de todos, posto que eu misarei por libre, vouno facer debaixo dos meus carballos; coa venia, e coa túa tamén, San Prisciliano, bispo e mártir!


Coma min, van vellos, vellos e chepudos; coma min gozan da luz do teu sol, Señor; eles tamén, tamén cren en Deus, no Deus que os, que nós, criou! ¡Daquela ninguén poderá dicir que non temos algo, moito, en común!

Os fentos que os rodean transpórtannos a épocas remotas, así que estamos inmersos nunha eternidade; ao redor deles están os seus fillos, e cos fillos os netos. ¡Tal cal! Con estas analoxías, verdade, Señor, que aceptas as nosas preces, en común, comezando polas mostras do noso agradecemento? Vimos da nada, e fomos criados, formamos parte do teu Paraíso, pero o inicial perdémolo con aquel pecado de soberbia, así, que, Señor meu e Deus meu, grazas por esta recuperación edénica, anticipándonos o Ceo. Se este é así, cómo non será o teu, o de Arriba, o Definitivo! Ardo en desexos de gozalo, pero…, o pero está en que aínda me queda moito sen facer, e algún traballo sen pasar, sequera sexa en cumprimento diso que che prego tódalas noites: “… Señor, dáme penitencia en vida, e na morte salvación, que se morro esta noite me sirva de confesión. Amén”.

Xa que non son, nin serei, ordenado, para min non existen, nin existirán, os canons canónicos, nin sequera os litúrxicos, así que che podo rezar, Señor, tal e como me saia do peito; iso si, con todo amor, con respecto e con veneración!

Daquela, Introibo ad altare Dei…

¡Xa estou, xa cheguei, xa me acerquei, coa particularidade de que, como me tiveches no deserto, corenta días non, dez anos, agora comprendo mellor, admiro máis e mellor, esta regalía da miña carballeira! Non permitas, señor, que a corten os meus herdeiros, para que sigan rezando nela, agradecéndoche estes verdes, que neste caso non son de esperanza senón de seguridade, de seguridade na nosa, común, crenza, tan demostrada na Santa Biblia, de que o Credo é a chave, a contrasinal, que lle deches a San Pedro para que nos deixe pasar, cando Ti dispoñas, pola Porta Grande, pola de Acceso Directo, pois a do Dies irae xa che veño pedindo que ma evites; o dito, Señor, dáme a penitencia en vida, canta queiras, operacións incluídas, pero, na morte, salvación!
-.-

¿Queda ben misado, ao estilo segrar, ao meu? ¡Daquela, de agradecido, Señor, aí che vai o meu enésimo, Deo gratias, pero, por favor, que che pido un enésimo favor, outro, o principal: Cando me vexas disposto, maduro, e coa penitencia cumprida, mándame o Santo Espírito…, para que me guíe polo bo Camiño, polo da vosa Gloria Trinitaria!



De momento son, sego sendo, Xosé María Gómez Vilabella,
pois o de
Prisciliano de Montecubeiro vouno deixar aquí abaixo…,
por se estabamos errados!

-oOo-

Grazas, tamén, ao meu Cura,
Manuel,
que mo puxo Deus de
Intermediario.


-oOo-

OUTROS MILAGRES,
¡E VAN INFINITOS!




Señor, aquí estou cos ollos cerrados,
porque me cegaba tanta felicidade!

Esta imaxe da Milagrosa (igrexa de Montecubeiro) doámola nós cando a Virxe nos concedeu unha filla, Stella Maris, para facer parella co fillo, Pedro Paulo.
El naceu en Ifni, e ela en Lugo.

Xa é un milagre nacer...

polo que ten de concesión divina; e a partires diso imos de milagre en milagre. Contra esa concesión está, opera, a contracepción: ¡Deus, que pouco se pensa na criminalidade abortiva! Se non queres fillos, evítaos, pero non mates os xerados; estarás utilizando, de novo, a froita da árbore prohibida; ou é que non nos chegou co pecado orixinal?

Aqueles vellos, naquela soberbia inspirada por Lucifer quixeron ser deuses, igualar ao Deus Creador. Todo o que tiñan era gracial, incluído o seu libre albedrío; cunha prohibición, ¡unha soa!: Non abusar, non facer mal uso, fosen peras ou mazás, que iso, no Xénese, é un símbolo, unha metáfora inintelixible para os descendentes daqueles proxenitores.

¡Eu non fun...! ¡Fuches, si, pois a túa alma é un retallo conxugado dos teus proxenitores! Daquela, os fetos teñen alma, alma herdada, recibida, incorporada nos gametos? ¡Se o dubidas é que pouco caletre tes, pouco sabes pensar! E logo, por qué os teólogos non abundan no tema? ¡A culpa é nosa, dos profanos, pois, ao ser tan burros, animais diría eu, basta que nolo dixesen, que nolo lembrasen, para levarlles a contraria: en definitiva, vimos de Adán e da Eva, así que deles herdamos o espírito da contradición; iso tamén!

Daquela, cargarnos de fillos? Foi así, era así, mentres a ciencia non nos ensinou a evitalos por medios lícitos; agora, de presente, trátase de conxugar ciencia con prudencia. E para iso, todo dentro do matrimonio, como é natural: ¡Coidado con facerlle caso a Lucifer, pois chegou e sobrou con aquilo da nosa Eva!

Bautizo de Stella Maris,
a filla que lle pedimos á Milagrosa.

Primeira procesión en Montecubeiro
coa imaxe da nosa Virxe.

Xosé María Gómez Vilabella



No hay comentarios: