jueves, 26 de junio de 2014

ENTRE LUSCO E FUSCO -I-



ENTRE LUSCO E FUSCO


Miscelánea de instantáneas

XOSÉ MARÍA GÓMEZ VILABELLA
 
  
 


Si, son do Paraíso, pero…, do meu!

Se estivese / se eu vivise na lúa se cadra vería as cousas doutra maneira, pero desde aquí abaixo non me retracto de canto levo retratado, ¡a Deus grazas! Porén houbo pensamentos e circunstancias que agora subliño polo moito que me fixeron cavilar, e coido que me serviron para aprender a coñecer este mundo…, na perspectiva e coas limitacións térreas do século XX, por suposto. Destes, así, ao chou, uns cantos retratos:

Pero tamén coido que non fará falta subirse á lúa para entrever as luces e mailas sombras coas que nos movemos aquí abaixo, nesta terra de seu mellorable. ¡Eu non son quen de mellorala, pero nada me impide criticar erros e fallos dos meus semellantes..., xa que teño as mesmas debilidades, as mesmas limitacións, así que, criticando critícome a min mesmo, á miña propia civilización, e de paso, contribúo, polo menos, ao meu melloramento, experimentando esixencias! O sol está lonxe, quédanos lonxe, pero nada nos impide optar á súa luz, á directa, á diúrna…, mentres sexa de día, mentres teñamos liberdades ópticas!

Dos utópicos dicíase na miña aldea: Non lle fagas caso, que ese sempre está na lúa! Pero eu non escarmentei, que antes ben digo: ¡Bendita sexa a utopía, e bendito aquel  Libellus, de optimo reipublicae statu, deque nova insulta Vtopiae!

Que as cousas, as melloras, aparezan como irrealizables no intre da súa formulación non quere dicir que o sigan sendo noutro momento, noutras circunstancias. ¡A iso me ateño, niso creo, pois, por cernís que sexamos, ou nos poñamos, a civilización vai; de seu, vai; segundo Lenin, dous pasos para adiante e un para atrás, así que sempre sumaremos un, un positivo!

Tamén estou con José Ingenieros (1877-1925, que aínda non se casaran meus pais!), en que, “En la utopía de ayer se incubó la realidad de hoy, así como en la utopía de mañana palpitarán nuevas realidades”.

Definitivo: ¡Non perdamos a esperanza nun mundo mellor, nun século mellor, e para logralo, tiremos do carro.., todos, pasotas incluídos!
-.-



¿Cómo ilustrar esa idea de “tirar do carro”? Á forza de pensalo cheguei á conclusión de que nada máis elocuente, máis expresivo, que unhas Vodas de Ouro, tal que as miñas, cos nosos cincuenta anos tirando do carro, do carro vital, do matrimonial!

A isto chégase no outono da vida… Daquela, ¿qué é, qué significa iso do outono? A infancia é moi guapa, pero ten algo de invernal, na que a intemperie pode arruinar todo un proceso: require calor, calor humano, calor familiar, ambiental; saúde e bos alimentos; ter a sorte de nacer nunha boa leira, abeirada, abonada, cultivada. Quéreselles aos nenos, pero non sempre nin suficiente xa que non facemos, non podemos ou non queremos facer, por eles, o axeitado á súa idade, ¡en tantos casos, e de tantas formas! En definitiva, que non deixamos que os nenos se acheguen a Deus.

Logo vén a xuventude, os verdes, que os pode murchar unha simple xeada. O ser vaise formando, e aquí comezan as tentacións, as desviacións, nas que tanta culpa teñen os ventos desaforados do entorno. ¡Ai daquel que escandalice a un rapaciño destes! Facémolo tantas veces, e de tantas maneiras, esquecéndonos da nosa responsabilidade exemplarizadora que…, que podemos estar cavando a súa fosa, de par da nosa!

As colleitas comezan no verán pero multiplícanse no outono. ¡Deus, qué goce é colectar…, se houbo sementeira, se houbo plantío! Pero tamén é traxedia contemplar os campos estériles, estériles como praias…, por causa e por culpa de que, en vez de laboralos, tombámonos neles, á bartola!

No outono da vida todo é beleza, todo pode ser beleza: As flores deixaron de cheirar, pero non se perdeu a súa aroma, que pasou aos froitos, que, ademais de olor, e de calor, teñen sabor; ¡nutren! No outono ata as follas son guapas, póñense guapas precisamente para irse, deixándonos un ambiente cordial, cálido, gratificante.
-.-

Comezando polo sorriso extemporáneo: ¿Por qué sorrimos os galegos / as galegas diante das cámaras cando un periodista / unha periodista, nos pregunta polas circunstancias de calquera tipo de desgraza, sexa propia ou da veciñanza?

Se somos, como algúns din, portadores dun segundo pensamento, dunha retranca conxénita, onde está a ironía do asunto, ou é que a nosa filosofía é tan orixinal que chega ao extremo de rirnos das propias desgrazas? Se alguén entende disto, que mo diga, pero que me diga a verdade pois a min, que presumo de coñecer a miña terra, e coa terra á xente, tanto vista por dentro, desde dentro, como valorada desde a nosa emigración, na que tamén participei, non se me alcanza semellante…, ¿estoicismo?

Pero que non se me diga que o facemos por coquetería, para saír ben na foto. Guerra dixo aquilo, aquela advertencia, de que, “El que se mueva no saldrá en la foto!”; na do seu partido, supoño, pero esta á que me refiro é doutro tipo.

¿Facémolo para evidenciar que, de tan curados que estamos dos espantos, dos sufrimentos e dos avatares, sexan da propia natureza ou da veciñanza, os nosos calos están insensibles aos ademáns, e cos ademáns aos desmadres?

Para mexeriqueiros, nós? Este complexo debémosllo, polo menos en parte, a unha galega, galega de raza pero non de feitos, aquela herdeira dos de Tras do Támara, aquela que fixo, e cumpriu, a promesa de non cambiar de camisa ata que, de tanto cheirala, os mouros lle evacuasen Granada…, así que non debe merecernos crédito, ningún! Por iso mellor non o fagamos, pois a naturalidade é o máis digno que hai: se a cousa é para rirse, riamos; e se procede chorar, fagámolo, porque non hai mellor deterxente que as bagoas para lavar as penas! Cando había carpideiras, para que se contrataban? ¡Obvio: para aforrar as nosas bagoas…, ou por se non nos saían de seu!

Demasiadas preguntas ao respecto para o meu intelecto, e iso que trato de cumprir coa vella fórmula: Seca en por ti as túas bágoas, e non te ateñas ao pano do veciño…, que pode vir infectado…, das súas!
-.-

Das panateneas aos penitenciados




Son amigo do teatro pero inimigo do teatral, fágao quen o faga, calquera que sexa o escenario. O caso é que esa actitude, xunto coa correspondente aptitude, vennos de Adán, tal que daquela cando lle dixo a Deus: “Oínte no xardín, e tiven medo. Ó verme espido, agacheime!”. Non foi por estar lonxe da parra, iso non; foi porque estaba sucio…, e montouse aquela teatrería para despistar…, nada menos que ante Deus!

Así que os ritos teatrais veñen de vello, veñen de sempre! Pero hoxe voume limitar ás procesións, que as temos de tódalas clases imaxinables. Ao meu entender, unha procesión levada como é debido ten dous froitos, dous alcances: Testemuño da nosa fe, e prédica para estimular a dos demais.




Se aquí levo a man no peto é para significar que non vou braceando, que estou ao que estou, concentrado, silente. ¡Xa, pero, a qué estou? Primeiro de nada a mostrarme agradecido polos favores recibidos, entre eles o meirande, o básico, aquilo de adoptarme como fillo, xa desde o Calvario: ¡Muller, aí tes ao teu fillo…, e nel, ao resto da humanidade! Como consecuencia, a obriga inmediata: facer apostolado, compartir cos espectadores a miña felicidade, indicarlles o camiño; ¡iso, o Camiño! 

¿Qué unha parte da parroquia se queda estática, lateral, sen incorporarse, e algún, incluso, pensando noutra cousa, sexa nas vacas ou nas mozas, ¡alá el!? O que se ve non se esquece, polo menos facilmente, así que hora chegará na que estas imaxes lle acudan á mente, lembrándolle esa maternidade, esa adopción sacrosanta. Algún día percibirá un milagre, un suceso extrasensorial, e daquela será a súa alma a que se poña en procesión, camiño da Igrexa, camiño da salvación. Algún día lembrará o “Oh, María…!”  daquela procesión, e nesa crenza, nesa fe, nesa seguranza, deitarase invocando: “Con Deus me deito, e con Deus quero levantarme; que a Virxe María me cubra co seu manto, nesta cama e sempre!”.

As procesións tamén teñen o seu aquel de penitenciais, pero tampouco é preciso saírse da normalidade, pois teatral sería ir descalzo, de xeonllos, ou encapuchado…, se con iso pretendemos predicar. Coido, teño para min, que os tales o único que realmente predican é que se senten avergoñados dos seus pecados, pero con iso non evitan os dos outros. ¿Nos lles sería mellor actuar con naturalidade, embalsamar os pés do próximo, como fixo a Magdalena co propio Xesús? O apostolado está na recta conduta, na exemplaridade. ¿Pedir perdón? ¡Si! Pero, restituíndo, e pouco se restitúe se castigamos os nosos xeonllos en lugar da bolsa, poño por caso!

¿Qué nos escondemos na máscara da capucha? ¿E non sería mellor dar a cara, que nos visen en actitude penitencial? ¡Debaixo dunha capucha incluso podemos ir bébedos, con malos pensamentos, ou atentos aos peites daquelas próximas que estean próximas! Imitar á Santa Inquisición o que a min me di é que…, que a botamos en falta, para os demais!
-.-

De grandes ceas…



De grandes ceas están as sepulturas cheas! Que si, Alfredo, pero ti non te fuches por culpa dunha cea, de ningunha cea, que ben frugal eras. ¡Frugal e valente! ¡Ai, Deus, qué certo era aquilo do Meu Cid: 
 
Mío Cid Ruy Díaz  por Burgos entróve,
van en su compañía  sesenta pendones;
salen a verlo  mujeres y varones,
burgueses y burguesas  a las ventanas se ponen,
llorando de los ojos,  ¡tan grande era su dolor!
De las sus bocas  todos decían una razón
«¡Dios, qué buen vasallo,  si tuviese buen señor!»

¡Que gran cabaleiro, ti e mailos teus compañeiros, meus admirados paracaidistas…, se daquela tivésemos (no Pardo) un  bo señor! Ti, tamén; e contigo aqueles cabaleiros lexionarios, do “follón” de Ifni, pero…, Madrid, sempre Madrid, esa racha de malos gobernantes, covardes, felóns, vende patrias, presumindo do contrario!

Celebrouse o teu funeral aquí en Coruña, na Igrexa Castrense, da rúa San Andrés, que ti ben o sabes, pois por ti rezamos, e por ti nos cadramos; ex - combatentes si, pero, ex - amigos, non, nunca! Compañeiros teus, con aquel uniforme evocador; e amigos, tamén, moitos, eu entre eles.

Terminadas as preces, e xa no atrio, apertas, moitas e sinceras; pola miña parte, de agradecemento, pois, sen vosoutros, sen os paracaidistas, nin Santiago nos ía librar daquela acometida das…, ¿fuerzas incontroladas? Eu coñecía, recordaba, especialmente, a tres deles, coma ti de altos, como castelos, castelos inexpugnables…, que inexpugnable fixestes a nosa cidade, aquel Sidi Ifni…! Pois ben:

Mentres ti, impávido paraca, sobrevoabas e recoñecías o territorio invadido, medio cento de estrelados, ¡todo un firmamento!, sobrevoaba no Casino en nubes de Whisky. Aqueles días aprendín que tamén hai gloria alén das estrelas, pois Deus é infinito, e se en España chegou a poñerse o sol, no Ceo, non!



Aos teus compañeiros, despois das preces na Igrexa Castrense, propúxenlles cear connosco antes de irse, fose na miña/súa casa ou nun restaurante. Preferiron a intimidade familiar, máis cando viron á miña dona asando castañas, ¡das miñas, da miña/vosa finca!, e un queixo do Cebreiro encima da mesa, ¡austeros, sempre austeros; paracaidistas en definitiva!, estes heroes frugais prohibíronnos ampliar o menú. A sidra trouxéraa a nosa filla dunha viaxe a Chantada.

¡Resistiron: castañas, Cebreiro, e sidra…, á cea! En vista da súa altura, tanto física como moral, a miña dona, ¡eterna periodista in pectore!, non se contivo sen preguntarlles se estaban casados, respondéndolle un deles:

-¡Aínda non!

-¡Oh; iso…?

-Ás baixas tiñamos que levalas en brazos, e as altas adoitan ser inalcanzables, fachendosas!

-Había unha solución: Que as cativas se subisen en tacón…, que sempre estivo de moda, aínda que non tanto coma hoxe, se cadra!

-Ti ben dis, pero…, ¿aguantalas, de vellas? As mulleres subidas en tacón alto, que seica o fan para vernos a calva aos homes, aínda que, tratándose de paracaidistas nin con esas, acaban, sen excepción…, pero non cho digo todo, pois…, por se non o sabes, son Médico, así que podo mandarche unha ducia de folios explicándoche as consecuencias taconís, e non só a largo prazo. Mais…, como o teu marido é un adicto á Internet, que che abra o tema e xa verás o que é bo!

Algo diso sabíamos, pero mellor non sigo, que se me van enfadar as interfeutas, e non hai nada menos diplomático que levarlle a contraria a unha muller…, que tampouco Adán o fixo, preferindo asumir as consecuencias! Só direi que me dixen: Se desde os avións interpretan así o que pasa na terra, ¿qué non sería, qué non farían, de subirse á lúa?
-.-

PROPAGANDA OU…, DESPILFARRO?


    
Conste que tirei a foto de madrugada, segundo  baixei polo periódico, pois, se agardo á tardiña, que é cando a señora da limpeza alixeira o portal, entón non se ía distinguir o “contenedor” por..., polo amontoamento do día! Un escándalo, non si? Se eu, servidor, non tivese estudada a sinatura de Publicidade e Propaganda, hoxe daríame por aprobado con só entrar, ou saír, polo meu portal! ¿O único nesta Coruña, nesta “Ciudad de Servicios”? ¡Que va! Pero ten unha cousa de bo: que canto máis papel gastemos nestas chorradas, menos eucaliptos, e por ende, máis espazos libres para volver ás hortas!

Neste portal somos 28 veciños, e querédesme crer que nunca, en anos, vin a ningún veciño levarse as propagadas de cadansúa caixa? ¿Si / non? Retiramos as facturas, iso si, en previsión de que non nos las dupliquen, que tamén ten pasado. ¿Cartas, misivas? ¡Iso era antes dos e-mails!

Nada teño en contra, nin dos empresarios nin dos seus equipos ou contratas publicitarias, pero ándame na cabeza, nestes tempos de penuria, pedirlles un aluguer pola miña caixa do correo…, xa que evidencian, acotío, que a eles lles sobra. Claro que a esperanza seica é o último que se perde, e aos tales prívaos a necesidade de vender; ¡seguro! Pois doulles un consello; gratuíto o consello, pero non a caixa do correo: ¡Que exporten, que abran mercados, fóra, pois aquí estamos fartos de importantes, séxase, de importadores…, que empezou a habelos co ouro e coa prata rapinada aos indios americanos, seguindo coas divisas dos nosos emigrantes…, tan mal empregadas!
-.-


Volvendo, e seguindo, con iso dos inventos antigos, o máis primitivo, o máis xeneralizado, debeu ser este: O Señor preguntoulle a Caín, despois de que matara ao seu irmán: -¿Onde está Abel? A resposta do asasino foi rotunda: -¡Non o sei! ¿Ou son eu o garda de meu irmán? (Xénese, 4, 8-10). Aquel innomeable acababa de inventar a falsidade, a mentira, a hipocrisía; e encima, con chulería, increpando a Deus, xurando en falso! A prole de Caín foi, ¡é!, numerosa, xa que os temos ao noso redor, en todas partes, en tódolos países, pero Deus é tan paciente que agarda, agarda, e agarda, pola confesión, polo retrato, do mentireiro.


“Caín asasina a Abel”, e encima faino
mirando para outro lado, disimulando.

Retratarse, arrepentirse, devolver a honra quitada, é dificilísimo; algo así como frear as ondas que se forman na auga ao tirar unha pedra. ¿Quén é capaz de volver eses círculos concéntricos á súa quietude inicial? ¡Pois, coas mentiras, outro tanto! Se acaso, as piadosas…, segundo os casos e segundo a súa inevitabilidade.

O mentireiro, para non ser descuberto…, quero dicir, ao momento, pois á larga sempre o é, ¡desde Caín!, precisa ter unha memoria de elefante, prever de antemán os cabos soltos que pode ir deixando. Eses cabos, coma as coartadas falsificadas dos asasinos, levan en si o xerme da desintegración, e por consecuente, cando menos se espera, rompen, fanse visibles as contradicións!

Un dos trucos máis xeneralizados é iso de afirmar que, … díxomo un paxariño, tentando facernos crer que…, ¡que llo dixeron, que non o inventa el, que non é froito do propio inventor da matraca, senón que se deduce das enquisas…! Se eu fose máis mozo, afellas que me matricularía en Ciencias Políticas…, aínda que só fose para aprender a dicir o que a xente quere oír, que non deixa de ser unha forma, un xeito de facer felices aos mediocres, aos do medio, tantos que hai…, polas trazas! ¿Será unha obra de caridade? ¡Acabo de abrir un Catecismo, dous, o do P. Astete e mailo Ripalda, e neles non está. ¿Estará no di Bernardo dei Machiavelli? ¡Pero como non sei italiano…!

Meu neno / miña nena, en cuestión de mentiras as únicas verbas ben ditas, iso, benditas, son aquelas que nos tragamos envoltas en cuspe, pois as outras, as lanzadas ao vento, de ser falsas, proliferan, e proliferan, invadindo o mundo. Deus, pola súa parte, con iso de que nos regalou a liberdade, déixanos facer, déixanos mentir; ¡ah, pero no día da ira, no dies irae, seremos nós, nós mesmos, xulgándonos a nosoutros mesmos os que diremos a verdade, pois no Ceo está prohibida a mentira: só poden entrar os limpos; limpos ou lavados, arrepentidos, confesados, coa restitución feita, pero, son tan difíciles de restituír as honras quitadas, as maceladas!



Daquela, se no Ceo está prohibida a mentira, qué facemos, qué adiantamos, aquí abaixo, cultivando esta clase de ortigas! ¡Polo menos as ortigas, de ben cocidas, son comestibles, pero as mentiras…, nin asadas nin cocidas!
-.-

Vasos comunicantes


Transferencias, complementariedades, interaccións, equilibrios entre campo e cidade: simbioses en definitiva! ¿Quen dá a quen? O que está claro é que o home, a Deus, só lle pode dar as grazas, pero aquí abaixo demos en deificar a cidade, ¡o ídolo da Contemporánea!, e vai ser cousa de equilibrar a balanza…, se non queremos comer tixolos!

¿Quen pode negar que, primeiro entre a cidade e mailo campo, e despois do campo á cidade, sempre houbo, e sempre haberá, vasos comunicantes? Os aires puros ían do campo, ¡para comezar, a clorofila!, mentres a cidade se comprace en remitir toxinas…, para que llas purifiquen no bosque! Pero a auga de colonia…, non é tóxica! ¡A colonia, non, os perfumes das damas coido que non, pero, as cloacas, si, tanto se verten no campo coma se o fan no mar?

¡A pureza, a mellor de  todas, estaba na cinsa, precisamente na cinsa, naquela cinsa das lareiras! A carón do lume, ese lume que o purifica todo, de feito nas casas, e que o arruína de feito no campo, ¡malditos pirómanos!, aqueles avós, aqueles pais, cánto non purificaban na prole! Non houbo, nin haberá, mellor escola, dentro das limitacións da época! Da lareira saíron virtuosos, pero, emigraron… ¿A onde? ¡Que máis dá Sodoma que Gomorra, se ámbalas dúas son, ou eran, cidades! ¿Non hai depuración nas cidades? ¡Si que a temos, pero é de mecanismo lento, pois resulta máis difícil reformar que formar! A aldea formábanos no natural, pero á cidade fórmanos no artificial, niso que chaman, de mal nome, ciencia.

Viñeron, xurdiron, os arquitectos,  arc = xefe; e tekton = construtor, que, de tan listos que eran, ou se crían, entroulles a soberbia, e dixéronse: Deus creou as árbores; pois nós, que tamén procedemos do Olimpo, rañaceos! O pero foi que, mentres non se inventaron as grúas, eran os desertores do arado os que tiñan que subir as pedras; fuxiran das areas das súas agras para upar nos bloques das canteiras!  Niso tamén lles ganamos aos burros, pois nunca se viu un burro que viaxase dacabalo doutro. ¡Adiantos da tecnoloxía!Cando toque demoler os rañaceos, ¿a onde levaremos os seus restos, enterrarémolos nestes ocos de onde saíron os seus materias? ¡Vedes como é inevitable devolverlle ao campo o que é do campo!


Bloques de xisto “Verde Pol”

Vaia por diante o recoñecemento de que nas lareiras non todo era sinceridade ou verdade pois cohibidos sempre houbo, e haberá, en todo tempo e lugar, que nada coma os complexos para desatar a imaxinación, e con iso alardear, presumir, precisamente do que non se ten. O vello aforismo: Dime de qué presumes e direiche de qué careces, tamén se daba cabe das lareiras, e por veces a gran escala, cando non había, ou se pensaba que non había, forma de contrastar aqueles asertos; claro que o mundo é máis cativo do que por veces pensamos.

Aquí e agora voume referir ao Lisardo do Pacio, que o escollo non tanto pola magnitude da súa imaxinación como polo feito de que xa morreu, e para iso sen descendencia, así que, co meu relato, non deshonro a ninguén:

-Ai Lisardo, Lisardo, canto te votamos en falta, todos estes anos, que desde que marchaches ninguén volveu a tocar a gaita do fol neste lugar; ¡nin ben nin mal! Por certo, ¿non cha quitarían aqueles do maquis, contra os que se dixo por aquí que loitaches bravamente? ¿Domáchelos coa música?

-Algo diso houbo, señor Xosé, pero contaréillelo aos poucos, en varias ruadas, que a miña historia élle longa, e menos mal que xa pasou!

Houbo aplausos e todo, que non sempre se acollía un heroe cabe da lareira, un mozo valente, e por engado, músico.

A narración, efectivamente, foi prolongada, que así tivemos oito ou dez días consecutivos de épica, máis que admirable vindo daquel rapaciño que sempre o tiveran por mimado: ¡Da casa do Pacio, nada menos, e encima fillo de viúva, consolo de súa nai, que se non seguía levándoo no colo era máis ben polo que medrara, un con oitenta, que naqueles anos era moita crianza de Deus!



¡Pobre Lisardo, tanto que nos doía imaxinalo naquel témpano do Puerto de la Bonaigua, cargando cunha metralladora, bombas de piña, a mochila do rancho…, tanto peso, tanto frío, e, sobre todo, tantos perigos! Só con oírlle relatar que cando conviña facer unha descuberta, ou pasarse á retagarda do maquis para comprobar os seus efectivos, os seus preparativos, volvendo polo monte aos nosos acuartelamentos para informar canto antes, naquelas montañas, despois de terse criado a 500 metros sobre o nivel do mar, confortablemente arroupado por súa nai, pois o pai volvera de Cuba derreado, que así se esfarelou, precisamente dous días antes de licenciarse o seu morgado, que apenas deu chegado ao seu enterro, eu poñíame a tremer: ¡Anda que se tamén me destinan, que son do mesmo lugar que este Lisardo, para ese 5º Batallón de Cazadores de Montaña, qué será de min, co dado que son aos catarros, que xa salvei de milagre cando tiven aquela bronquite…!

-¿Lisardo, -preguntoulle miña avoa, doéndose de tan tráxicas peripecias-, cómo foi que despois te mandaron para Madrid, que dixeches que te licenciaron no Cuartel de Atocha, ou entendín mal?

-Si, señora, pero non lle foi cuestión de sorte, senón de méritos, pois o Coronel, que ben me coñecía, recoñecendo o meu valor, chamoume un día ao seu despacho e díxome: -Don Lisardo, pois aínda que non tes Bacharel mereces ese título, en premio aos teus servizos, voute mandar para Madrid, que así envalentonarás aqueles enchufados de Atocha contándolles as túas heroicidades. ¡Dito e feito, pois á semana seguinte xa estaba eu paseando polo Retiro, que ata me rifaban as mozas!

A avoa, insistindo:

-Non me estraña, rapaz, un mozo tan guapo e valente, nese Madrid dos señoritos finos e baleiros…

Anos despois, xa na década seguinte, ¡o que son as coincidencias!, en certa ocasión, visitando ao daquela Comandante Luís Lombardero Fórneas, coñecín á súa criada, que era de Córneas da Valeira. Serviunos o café precisamente nun intre no que aquel parente me preguntaba qué tal por Montecubeiro, onde estivera pasando uns días de permiso: -¡Pois, ben; e mándanche moitos abrazos, que ben sabes o moito que che agradecen canto por min tes feito!

A criada, confianzuda ela:

-¿Así que de Montecubeiro? ¡Pois de alí tiven un rapaz…! ¿Don Luís, podo interrompelos para contarlle aquí ao seu parente o favor que lles debo aos de Montecubeiro?

-Muller, podes, pero non pluralices, que o teu foi singular, pois nun rabaño, en calquera, pode haber unha ovella moura.

A rapaza, que xa empezaba a madurar, de invitada a sentarse connosco, co Comandante e coa dona, dona Carmen, Carmen Vega Val, abriu o seu libro dos agravios:

Que aquel Lisardo baixou dos Perineos precisamente por unha recomendación do Lombardero, que se trataba con un Capitán daqueles Cazadores de Montaña, pois, por mediación de non souben quen, chegáronlle cartas da nai do Lisardo, nas que lle dicía que estaba hospitalizado no Valle de Arán, á morte, ou pouco menos, aterecido do frío. Luís, neste punto, puntualizou que, máis que do frío, o rapaz enfermara co medo, que segundo lle dixera o seu colega, era un auténtico covarde. Xa en Madrid, comezou a saír de paseo polo Retiro coa criada do Lombardero, que lle levaba acotío grandes bocadillos, a ver se así o ía quitando daquela anemia, que o roía. O rapaz propúxolle matrimonio á criada, xurándolle que ía vivir en Montecubeiro ao grande, que tiñan caseiros, e non necesitaría facer outra cousa máis que criarlle dous ou tres fillos; ¡iso, si, de gran señora, señora dun pazo!

-¡Mala centella o coma, -concluíu a rapaza-, pois tan pronto se licenciou, del, nin unha carta, sabendo como sabía que eu tivera aquí outro rapaz, ben empregado por certo, e que o deixei por facerlle caso; ademais de que era guapo, por ser da nosa terra, do noso Luguiño!

Remato: O irmán do Lisardo, xa antes de morrer súa nai foise para Cuba, seguindo o exemplo paterno, e aló seica lle pegaron unha sífilis que o levou ao cemiterio de Colón, na Habana. Lisardo, señorito el, deixoulles o casarío aos caseiros, e el, sempre tan covarde, non fixo por traballar, en nada, así que as rendas fóronlle a menos, e a saúde tampouco lle foi a máis, así que, ¡ás Areeiras, en plena mocidade, en plena solteiría! A miña conclusión, a miña lección, é que, de pouco vale presumir, de pouco vale chufar, que todo se descubre, e as glorias inventadas foxen tanto ou máis que no outono as follas secas. Por outra banda, se te pasas de humilde, písante! A receita está no Catecismo: Sufrir con paciencia as adversidades e mailas fraquezas! En definitiva: Paciencia, Benignidade e Bondade. ¡Que sinxelo; pois isto é o que queremos que usen con nós, nin máis nin menos!
-.-

¡Onte?


Lámpada de queroseno

¡Na miña crianza, todo, absolutamente todo, a leña, que incluso se utilizaban os tizóns da lareira como lanternas, a falta de petróleo! Ítem máis, a sección máis lida dos periódicos era aquela, tan eufemística, que nos informaba de que: “… habilmente interrogado, confesó…”

As cociñas, o forno de pan cocer, a máquina de mallar, as declaracións…; ¡todo a leña! ¡Malleiras e mallas, todo polo mesmo sistema! ¡Paz de Franco, que foi un culto, sacrosanto, á madeira!

Isto que vou referir téñoo tan gravado, aquí, na masa encefálica, que só a morte mo poderá borrar: Na festa de Luaces, que daquela celebrábase o domingo seguinte a cada Quince de Agosto, falouse de que mallarían, ¡coa de leña!, á semana seguinte, e para iso grazas á gran amizade que tiña meu tío Pepe cos seus tocaios Pepe de Silva e Pepe de Teixeiro, ambos de Gondel, donos daquela máquina milagrosamente resucitada, ¡resucitada por obra e graza daquelas miserias de posguerra!

De festa, fóra da Misa solemne, e daqueles pistos que elaboraba miña avoa, ex – cociñeira do Conde de Romanones, capaz de transformar un carneiro en maná celestial, nada de nada; ¡ou si, pois a mellor festa sempre é unha reunión familiar, cordial! De volta á casa paterna, e tamén xunto da lareira pois, aínda que non fixese frío, a súa luz era imprescindible para andar pola cociña, o avó, sempre previsor, censuroulles a meus pais que non contactasen persoalmente con aqueles “Pepes” para…, ¡para conseguir!, que tamén nos mallasen a nós; quero dicir, a nosa colleita, pois eles, ¡meus pobres!, esquerdosos como eran, non estaban libres de ser mallados, eles mesmos, “por las fuerzas del Orden!”! ¡Iso si, habilmente!

Ao día seguinte, coas pernas ben abertas para sosterme na albarda, un neno de nove anos, ¡arriba, dacabalo, camiño de Pousadela!, para levarlles o recado, a petición, de que influísen cos “Pepes” para que nos concedesen o grandísimo favor de mallar en Bergland, antes de que se fosen para Trasín, onde tamén agardaban por eles, case que coa meda aberta.



Meu tío faloulles aos seus amigos, e…, logrouno! Pero tiña que advertirlles en Bergland que baixasen coas vacas xunguidas, o sábado, xa que estaría a máquina en Pousadela cinco días, que era o tempo que calculaban para mallar alí, pois a da Casa Grande leváballes dous días, e para iso, madrugando, naqueles días grandísimos de Agosto. Máis era, que como se prexudicaban os de Trasín coa nosa interferencia, esixíusenos que, ao terminar coas máquinas en Bergland, baixásemos con elas, de retorno, a Trasín, coas vacas, coas nosas.

¿Parellas de vacas? ¡Catro: unha para a desgranadora, outra para a limpadora, e dúas, cabezalla e solar, para a máquina, para o motor de leña, pouco máis cativo que aquelas locomotoras do tren! Aquel convoi, pola corredoira da Veiga da Silva era impresionante, ¡a paus nas vacas, miñas pobres, que cansaban, tanto, que nos levou seis horas un recorrido, un transporte, que non chegaba aos tres quilómetros, séxase, dúas horas por quilómetro!

A primeira fornada xa a mallaran meus pais a paus, cos malles, ¡todo a paus!, pero o avó estivo acertado pois o que se di a paus era doado de mallar na xente, pero incómodo no cereal, que se resistía a soltar as espigas, fosen de centeo ou de trigo.

Coa de parados que temos hoxe en día sobraría xente para volver aos malles, pero o caso é que, de malcomidos, a forza rebe, e logo que, para volver ao cereal teríamos que talar os eucaliptos, outro traballo, e non dos cativos!

y cuando el rostro volvió
halló la respuesta, viendo
que otro sabio iba cogiendo
las hierbas que él arrojó.

Grazas, Calderón, por tan elocuente reflexión; quén sabe se, de ben administrados que estamos, non teremos que volver a vista…, á leña!
-.-

¡Nin dentro, nin fóra!



¡Xa estamos na Gloria! Levounos vinte séculos, pero, por fin, nesta España dos meus amores xa non hai pecados nin pecadores. ¿De onde tiro esta conclusión? Véxoo cos meus propios ollos…, con só contemplar os confesionarios das nosas igrexas! Como non hai enfermos, xa non vén o Médico: ¡Todos sans, todos salvos!

No franquismo era habitual ler na prensa esta referencia: Habilmente interrogado…, confesó! Agora, polo XXI arriba, non se confesa, nin nos xulgados nin na igrexa: ¡Todos inocentes! Cústame crelo, así que me inclino a pensar que tanto nos endeusamos que nin de Deus precisamos. A Deus demos en consideralo un Primus inter pares; ¡nin máis nin menos!

No franquismo só Franco entraba e saía baixo palio; hoxe en día, baixo o palio da impunidade desfila boa parte da clase política; cansámonos de ser mandados polo clero, e agora sómolo por eses nomes que saen das urnas; ¡en listas cerradas, para máis privilexio! ¿Que era o paganismo, unha manchea de deuses? ¡Pois evolucionamos, que agora “paganos” somos os contribuíntes! ¿Anarquía? ¡Non; por Deus, non, pero un só Deus, iso si; unha Trindade, e punto!

Os poderes, son revogables? ¡Eran, pois agora volven a esixilos; si, a esixilos; de catro en catro anos, e así sucesivamente, ad infinitum! ¡Claro, os nosos apoderados son infinitos, son deuses!
.../...
Pasa a
ENTRE LUSCO E FUSCO
-II-
Xosé María Gómez Vilabella

No hay comentarios: